* Inscricións galaico-romanas desaparecidas e en propiedades particulares

ARAS, ESTELAS E PLACAS GALAICO-ROMANAS DOCUMENTADAS QUE NA ACTUALIDADE DESCOÑÉCESE O SEU PARADOIRO. TAMÉN ACHEGO AS QUE SE ATOPAN EN MANS PRIVADAS (inclúo as reutilizadas ou gardadas en espazos relixiosos ou que se atopan gardadas ou reutilizadas como material construtivo noutras edificacións). NON ACHEGO OS CENTOS DE PEZAS QUE SE ATOPAN EN MUSEOS (ver as entradas dedicadas á romanización). Seguro que hai moitas máis, pero eu ao menos non dispoño de máis información. Moitas das pezas que están en mans particulares, e tamén públicas (algún Concello) atópanse máis ou menos protexidas (as que se conservan no interior de casas ou de edificios relixiosos, e non sempre), pero un bo número atópanse á intemperie o que lles está a ocasionar unha deterioración irreversible (sexa pola meteoroloxía ou por outras causas), e non falo só das que están reutilizadas como material construtivo, senón doutras que están exentas. TOTAL DESAPARECIDAS: 89 (20 na provincia da Coruña, 11 na de Lugo, 48 na de Ourense, e 10 na de Pontevedra). SITUADAS EN LUGARES RELACIONADOS COA IGREXA (igrexas, capelas, reitorais, cruceiros): 101 (21 na provincia de Pontevedra, 18 na de Lugo, 53 na de Ourense, e 9 na de Pontevedra). EN PROPIEDADE PARTICULARES: 66 (15 na provincia da Coruña, 7 na de Lugo, 35 na de Ourense, e 9 na de Pontevedra). Tres inscricións atópanse en museos fóra de Galicia. 

 



 

PROVINCIA DA CORUÑA

Abegondo: En mans particulares. Ara de Vilacoba. Localizada por Alfredo Erias no ano 1978 xunto a capela do San Paio. No ano 1983 foi trasladada para o Museo das Mariñas de Betanzos, pero ao ano seguinte foi retirada polo marqués de Loureda, dono da ermida.

Aranga: Reutilizada na ermida do Salvador de Pereira, formando parte do chan. Ara. Localizada por Juan Sobrino Ceballos no ano 2004.

Arteixo: Desaparecida. Ara no Pazo. Foi descrita polo beneditino P. Sobreyra y Salgado (1746-1805). No ano 1790 atopábase reutilizada nun edificio de O Pazo. Perdeuse entre 1914 e 1915.

Arteixo: Desaparecida. Lápida citada por Monteagudo da que nada se sabe.

Arzúa: Desaparecida. Epígrafe de Boente. Citada en Galicia Diplomática do 24 de novembro de 1889. Di que apareceu no castro de Boente, se ben, que eu saiba, non existe ningún castro. Quizais se refira ao castro de San Paio, situado a un quilómetro en liña recta do de Boente, pero xa na parroquia de Figueiroa.

A Baña: En mans particulares. Ara. Atopada no 1979 na paraxe dos Castros, na finca coñecida como O Cruceiro.

Brión: Reutilizada na igrexa de Santa María de Cornanda. Estela a Xúpiter. Localizada polo Colectivo A Rula no ano 2021.

Cabana de Bergantiños: Desaparecida. Inscrición en Canduas. Aparece citada na Historia de Galicia (1888) de Murguía onde fai alusión a autores anteriores.

Cambre: Desaparecida. Inscrición de Santa María do Temple. Dá noticia dela Cornide Saavedra no ano 1789, que di se atopaba xunto un cruceiro. No ano 1945, o director do Museo Diocesano de Santiago de Compostela publicara que se gardaba nesa institución, se ben ningún investigador foi quen de localizala.

Coirós: Reutilizada na Botilla ou Casa do Santo, xunto a igrexa da Espenuca. Estela.

Coirós: Reutilizada na Botilla. Ara. foi retirada e na actualidade atópase no interior da igrexa da Espenuca.

Coristanco: En mans particulares. Ara de Nogueira. Descuberta cara o 1910 polo presbítero de Razo, Benigno Cortés García, que deu conta do achádego no Boletín da Real Academia Galega (1912). Posto en contacto co colectivo SOS Patrimonio Cultural Galego, comentáronme que a derradeira propietaria do coto de Nogueira cedeu uns bens á Igrexa, e que esta vendeu ao mellor postor as ruínas da capela de San Roque, entre cuxas pedras estaba a ara.

A Coruña: Desaparecida. Inscrición. Ceán Bermúdez (1832) fala dun cipo cunha inscrición na capela do altar de San Miguel na igrexa de Santiago da Coruña que cita a Licinio e Galieno. Descoñécese de onde tomou o dato, quizais de anacos de miliarios ou de inscricións honoríficas. Na igrexa consérvanse dous pedestais honoríficos. Tamén había tres aras que na actualidade atópanse no Museo do Castelo de San Antón.

Curtis: Reutilizada nunha casa da Penencia. Estela. Citada nunha carta do sacerdote Benigno Cortés García a Ricardo Blanco Cicerón, datada o 31 de xullo de 1909.

Fisterra: En mans particulares. Estela á Nai dos Deuses. Atopada no cemiterio da igrexa do Sardiñeiro no ano 1959.

Laxe: Reutilizada na igrexa de Serantes. Ara. Os primeiros que a publicaron foron Del Castillo e D´Ors.

Lousame: Reutilizada na reitoral de Lesende. Ara a Navia. Localizada no ano 2006 Iago Urgorri Serantes.

Mazaricos: Nun alpendre da igrexa e reitoral de Antes. Estela aos Deuses Manes. O cura párroco e o mestre Lois Trigo Martínez, do colexio de Antes, comunicáronlla a Acuña Castroviejo e Casal García quen a publicaron en Brigantium no ano 1981 (La estela funeraria de Antes, A Coruña).

Muxía: En mans particulares. Ara de Bardullas. Apareceu no ano 2018 ao desmontar un antigo muíño preto da parroquia.

Negreira: Desaparecida. Fragmento de estela aos Deuses Manes citada por José Cornide que antes de 1789 viuna empotrada no corredor do Pazo de Cotón. Na Real Academia da Historia consérvase un debuxo feito por Cornide.

Negreira: Desaparecida. Fragmento cunha inscrición. No século XIX atopábase en Vilachán.

Oleiros: Fragmento de ara a Xúpiter na igrexa de Dexo. Foi localizada no ano 1991 cando as obras de restauración da igrexa.

Padrón: Na igrexa de Santiago de Padrón. Ara a Neptuno. Por Jerome Münzer sábese que no ano 1494 xa estaba na igrexa, debaixo do altar maior, no mesmo sitio onde no 1572 a viu Ambrosio de Morales. Foi alterada no século XVI engadíndolle unha cruz e mudando o nome da divindade romana por "patrono".

Padrón: Na igrexa parroquial de Iria. Estela aos Deuses Manes. Foi descuberta no ano 1979 reutilizada como tampa dun sartego antropoide medieval.

Padrón: Desaparecida. Inscrición atopada no ano 1868 no Campo das Longras, non moi lonxe da colexiata de Iria. Consérvase un gravado de López Ferreiro.

Padrón: Desaparecida. Inscrición citada nos séculos XVI e XVII. Algúns manuscritos sitúana "Ad XIII lapidem ab aede divi Iacobi in Gallecia" (Sanudo), "ibi intra Oppidum" (Ocampo) e "in oppido Padron" (Strada).

Padrón: Desaparecida. Epígrafe da que se ten noticia dende principios do século XVII, que Castellá Ferrer, que a viu e describiu, situou xunto o castro da Rocha, "cerca de Padrón".

Ponteceso: Na igrexa de Cores. Ara aos Genio Castelli. Localizada no ano 1984.

Ponteceso: Na igrexa de Cores. Ara a Xúpiter. Localizada no ano 1984.

As Pontes de García Rodríguez: Xunto o Concello das Pontes. Ara aos Deuses Deabus. Atopada no ano 1973 polo cura don Enrique Rivera Rouco na ermida de Santa Baia de Portorroibo (hoxe en día desaparecida polo avance da mina).

As Pontes de García Rodríguez: Na igrexa de Somede. Ara aos Lares Viais. Da inscrición, apoiada antes do seu traslado no ano 2005 para o interior da igrexa parroquial de Somede nun muro do cemiterio, dicíase que se trataba dunha "lápida antiga".

Porto do Son: Lápida na igrexa de Queiruga. Localizada no ano 1750 na praia de Seira e que actuou como taboleiro do altar da igrexa de Queiruga ata o ano 1822 en que, por non estar consagrada, foi mandada retirar polo arcebispo Vélez. Foi exposta na Exposición Rexional Galega de 1909.

Rianxo: Reutilizada nunha casa de Rianxo. Descuberta polo arqueólogo Víctor Barbeito Pose, empotrada na esquina dunha casa da Praza Rafael Dieste no ano 2019.

Ribeira: Desaparecida. Ara de Bretal. Foi descuberta por Ciprián Fernández antes de 1754, ano que, segundo Frei Martín Sarmiento, atopábase na porta da casa do pai do descubridor, de nome Andrés, "haciendo de batidero a la derecha como se entra". Consérvase un debuxo realizado por Sarmiento. No século XIX xa estaba desaparecida.

Ribeira: Nun muro do adro da igrexa de Oleiros. Dúas inscricións moi erosionadas.

Rois: Reutilizada na igrexa de Herbogo. Ara.

Rois: Reutilizada na igrexa de Herbogo. Inscrición.

Rois: En mans particulares? Inscrición a Xúpiter atopada en Herbogo. No ano 1957, Ángel del Castillo, que vira unha foto, preguntoulle ao seu descubridor, Benito Sebe Lorenzo, onde fora parar a ara. Este díxolle que a regalara ao médico de Fisterra, Francisco Esmoriz Recamán, polo que pode que fora levada para esta localidade. No Arquivo do Museo Arqueolóxico de San Antón da Coruña consérvase a correspondencia entre ambos onde se inclúe un debuxo realizado polo seu descubridor.

Santa Comba: En mans particulares. Estela de Vilamaior. Atopada ao derrubar unha casa no ano 1980. Estivo nunha casa particular de Augapesada, concello de Ames, e na actualidade atópase nunha casa particular de Quintáns, tamén en Ames.

Santiago de Compostela: Desaparecida. Inscrición. Perdéuselle a pista no século XVI. Aínda que K. Peutinger sitúaa na igrexa de Santiago na localidade de Moura, distrito de Beja, en Portugal, Florián de Ocampo di que procede de Santiago de Compostela. Bourdelot, na xúa viaxe de 1581, di claramente que a viu en Compostela. Existen copias antigas que non coinciden no cognome ou filiación do dedicante.

Santiago de Compostela: Desaparecida. Inscrición. Recollida a comezos do século XVI en F. de Ocampo, e del na edición de J. Strada de 1575.

Santiago de Compostela: Desaparecida. Inscrición. Só se ten noticia polo eclesiástico italiano Luigi Antonio Muratori (1672-1750), no seu Novus thesaurus veterum inscriptionum. Citaba a etnia dos Grovios.

Santiago de Compostela: Desaparecida. Ara ao Sol. Conservábase no ano 1902 nos fondos da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago onde a viu Leite de Vasconcellos e a situou Balsa de la Vega no 1909. Nese ano figurou nos obxectos mostrados na “Exposición Regional Gallega”.

Santiago de Compostela: Atopada no subsolo da catedral de Santiago cando as escavacións arqueolóxicas dirixidas por Chamoso Lamas nos anos 1955-56. Ara. Consérvase no emprazamento orixinal.

Sobrado: Desaparecida. Ara descuberta por Caamaño Gesto no ano 1992 nas escavacións do campamento da Cidadela. A peza só se coñece polas memorias da escavación e as fotos de Caamaño que foron entregadas na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Sobrado: Desaparecida. Fragmento de estela atopado no ano 1981, segundo Caamaño ao suroeste do campamento da Cidadela.

Sobrado: En mans particulares. Estela. Fragmento da parte superior dunha estela atopada no ano 2002 no lugar de Ponte Lagoa, preto do regato Pequeno, non moi lonxe do campamento da Cidadela.

Tordoia: Reutilizadas na igrexa de Santa María de Castenda. Dúas insricións ou unha frgamentada. Localizadas no ano 2017 na parte baixa da igrexa de Santa María durante a execución do proxecto de prospección arqueolóxica para o Documento Ambiental da parroquia de Castenda, dirixida por Pablo Vázquez Liz.

Trazo: Desaparecidas. Dúas estelas que apareceron nnun labradío coñecido como A Eirexiña, na parroquia de Vilouchada. Só se conservan uns debuxos feito por Luis Monteagudo no ano 1947.

Zas: En mans particulares. Ara a Coso. Descuberta arredor do ano 1954, servía como asento, co texto cara abaixo, xunto a estrada que atravesa Brandomil.

Zas: Desaparecida. No 1939 estaba reutilizada na casa reitoral de Brandomil que ao ser destruída trasladouse para a igrexa. Segundo Suárez Otero (1999), a peza exhibiuse no Pazo de Fonseca no marco das exposicións do Xacobeo. Consérvase un debuxo e dúas fotos na Fundación Luis Monteagudo.

Zas: En mans particulares. Ara a Fortuna en Brandomil. Atopada no ano 1955, reutilizada como material de construción nunha casa.

Zas: Reutilizada como pé dunha pía de auga bendita no adro da igrexa de Brandomil.

Zas: Nos almacéns do Centro Socio-Cultural de Zas. Ara anepígrafa descuberta no ano 2007 na paraxe de Traspeso durante as escavacións dirixidas por J. L Naveiro.

Zas: Atópase nos almacéns do Centro Socio-Cultural de Zas. Posible fragmento dunha ara descuberta no ano 2007 no adro da igrexa de Brandomil. Conserva a decoración de dous arcos.

 

 

PROVINCIA DE LUGO

Antas de Ulla: Dúas aras na igrexa de Amoexa, unha empotrada nun muro e outra reaproveitada como pía de auga bendita.

Begonte: Fragmento de ara na igrexa de Virís.

Carballedo: Na igrexa parroquial de Santa María de Temes atópanse varias pezas (aras e gravados nos muros).

Cervantes: En mans particulares. Ara dedicada por un soldado da Legio X Gemina. Foi descuberta antes do ano 1959, "A kilómetro y medio de distancia de San Román de Cervantes…”.

Chantada: Desaparecida. Ara aos Lares Viais. Atopada no ano 1941 polo párroco José de Castro López, facía as funcións de pía de auga bendita na igrexa de Belesar (fotografada por Vázquez Seijas) ata que foi mercada por un descoñecido anticuario de Barcelona.

Chantada: Ara emportada nun muro de peche dunha casa da Eirexa, parroquia de Líncora.

Guitiriz: Desaparecidas. Ara e estela procedentes de Mariz das que só se conservan uns debuxos sen data nin autor. Nas anotacións pon que a ara procede de "Mariz, Santa Eulalia, en tierra de Parga, parroquia de la Encomienda de Puertomarín de San Juan". No debuxo do fragmento da estela di: "parte de otra sepultura en la misma parroquia..., semejante a la que hay en el atrio".

Guitiriz: Desaparecida. Estela. Descrita por Amor Meilán que di que se atopaba no adro da igrexa parroquial do Buriz. Consérvase un debuxo de Mato Vizoso feito antes do ano 1909. O arqueólogo Manuel Anxo López-Felpeto, que me enviou o debuxo, comentoume que leva perdida dende hai moitos anos, dime que preguntou pero non hai quen a lembre.

Guitiriz: En mans particulares. Ara aos Lares Viais. Atopada no ano 1969 por Carlos García Martínez na parte superior do muro dunha finca situada na chamada Casa de Froilán, no barrio da Torre.

Guitiriz: Atopada na sacristía da igrexa do Buriz no mes de outubro de 1971. Dende o ano 2001 atópase no adro da igrexa. Ara aos Lares Viais.

Guitiriz: Na igrexa de Santo Estevo de Parga. Formaba parte do pavimento da igrexa, debaixo do arco triunfal, na actualidade consérvase xunto a porta de entrada á sancristía.

Guitiriz: Reutilizada no lintel da capela de Nosa Señora de Bascuas, na porta que comunica a nave coa sancristía. Estela.

Láncara: Na sancristía da igrexa de Río. Estela. Anteriormente formaba parte do muro exterior. Estivo exposta na exposión de Galicia no Tempo.

Láncara: Na igrexa de Río. Placa funeraria en mármore gris situada nun muro exterior da igrexa.

Lugo: Desaparecida. Ara atopada no ano 1843 en Ponteagos, parroquia de Piúgos, na marxe dereita do río Miño.

Lugo: Desaparecida. Epígrafe en memoria dun soldado da Legio X Gemina atopado en Piúgos. Citada por Barros Sibelo.

Lugo: Desaparecida. Lápida. Di Amor Meilán que foi descuberta no ano 1772 entre as ruínas dunha parte do lenzo da muralla. Ao parecer, o derradeiro lugar onde se viu foi nun edificio (hoxe en día en ruinas, coñecido como Castelo ou Convento de San Román) situado en Conturiz, na parroquia de Santo André de Castro; cando veu para eiquí, o texto xa estaba practicamente perdido.

Lugo: Na igrexa de Esperante. Inscrición. Inscrición. Atopada no ano 2025 durante o repicado do interior do muro norte da nave principal da igrexa, adaptada como material de construción.

Mondoñedo: Fragmento dunha inscrición que actúa como soporte dunha cornixa da fonte antiga de Mondoñedo.

Monforte de Lemos: Desaparecida. Só se conserva o debuxo dunha ara que aparece nun manuscrito do ano 1650 baixo o título “Breve hepittome de la familia y casas de los Lopez de Lemos pobladores desta tierra de Lemos”.

Monforte de Lemos: En mans particulares. Ara do convento de San Antonio. En tempos estivo na Casa da Bastida, en Mañente (Pantón), actuando como pía de auga bendita da capela dende onde foi trasladada para Monforte.

Monforte de Lemos: Ara reutilizada como material de construción na igrexa de Moreda que localicei hai uns anos.

Palas de Rei: Na reitoral da igrexa de Curbián. Ara a Bandua. Foi descuberta no ano 1952 polo sacerdote e escritor nado en Sarria Francisco Vázquez Saco. No 2023 comuniqueille ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia o lamentable estado en que se atopaba. Meses despois foi trasladada para o Museo da Catedral.

Palas de Rei: Na igrexa de San Xusto da Repostería. Ara. Reutilizada como pía de auga bendita.

Pantón: Desaparecida. Unha inscrición documéntase no ano 1610 na igrexa de San Vicenzo de Castillón, perdéndoselle a pista a finais do século XVIII, cando o párroco, Gabriel Antonio Lago (falecido no 1802), a saca do templo onde permanecía debido a unha desputa entre el e os propietarios da lápida que pagaban unha renda de tres ferrados anuais polo mantemento da súa sepultura situada ao pé da lápida.

O Saviñao: Desaparecida. Ara atopada preto da ponte romana que salvaba os Cóvados de Belesar que só se coñece por referencias literarias.

O Saviñao: En mans particulares. Ara de Vilariño. A casa de turismo rural de Torre de Vilariño ten no seu xardín un fragmento de cornixa dunha obra anterior, labrada sobre unha ara romana de granito en mal estado de conservación. Foi dada a coñecer por Francisco Hervés no ano 2001.

O Saviñao: En mans paritculares. Inscrición a Xúpiter en Corveixe.

Sober: Reutilizada na igrexa de Liñarán. Ara. Na actualidade forma parte da basa dunha columna, quizais tamén de orixe romana, situada no peche de bloques de cemento do adro.

O Vicedo: Posible ara reutilizada como material de construción na igrexa de Suegos.

Vilalba: Desaparecida? Ara na igrexa de Alba?


PROVINCIA DE OURENSE

Allariz: Desaparecida. Inscrición en Armea. Viuna o P. Sarmiento nunha casa de Armea no ano 1755 xunto a ventá dunha casa.

Allariz: Soporte anepígrafo na basílica da Asunción.

Allariz: Na capela de Nanín. Ara a Tutela. Apareceu no ano 1970 no antigo altar que estaba situado no muro da cabeceira. Contáronme que tamén había un cilindro de pedra que desapareceu do sitio aos poucos días. Nun principio trasladárona xunto a entrada da capela, logo foi colocada diante do novo altar.

Allariz: Na igrexa do San Mamede de Urrós. Ara. Descuberta no ano 1974 no altar da igrexa. Dentro do loculus atopouse un relicario de madeira coa copia, atribuída ao século XVII, dun pergameo da consagración da igrexa polo bispo Martiño de Tours no 1147.

Allariz: Epígrafe reutilizado nunha casa de Armea.

Allariz: Fragmento inferior dunha estela atopada no ano 1999, empotrada horizontalmente nunha casa da rúa que sae da capela do Outeiro da Laxe.

Amoeiro: Desaparecida. Ara ás Ninfas. Apareceu no ano 1973 na paraxe denominada As Lameiras, propiedade de Serafín Garrido xunto a estrada de Cambedo á Ponte dos Frades (Bóveda de Amoeiro). Nos anos noventa do século XX atopábase na propiedade de don Serafín. Só se conserva unha foto de Rivas Fernández feita no ano 1973.

Amoeiro: Ara aos Lares Viais reutilizada como pía de auga bendita na capela do San Xiao de Fontefría.

A Arnoia: Desaparecida? Referencia dunha ara anepígrafa de granito proporcionada no ano 1965 por Xaquín Lorenzo Fernández e Bouza Brey. Din que se atopaba na capela do San Amaro, e logo reutilizada como peto de ánimas nun muro preto do adro. Eu non a localicei.

Baltar: Desaparecida. Ara a Navia atopada nos “Montes de Baltar”.

Baltar: En mans particulares. Ara en Barrio, parroquia de Vilamaior da Boullosa. Atopouse no ano 1981 sostendo a galería de madeira dunha casa particular. En posición invertida.

Baltar: Na capela da Asunción. Dúas aras a Reve.

Baltar: Ara dubidosa na capela do San Bieito do Bouzo.

Baltar: Ara reutilizada no Barrio, na parroquia de Vilamaior da Boullosa. Atopouse no ano 1981 sostendo a galería de madeira.

Bande: Desaparecida. Inscrición. Sábese que xa existía no ano 1610, data da edición de Castella Ferrer. Ao parecer procedía do castro de Rubiás.

Bande: Desaparecida. Inscrición. Segundo Mauro Castellá Ferrer (1610) "adonde esta la Yglesia de Cadones estava el castillo Meydunio, porque a veinte pasos della se halló un sepulcro tendido en tierra…". Cítase tamén na revista Album Literario de Ourense do 15 de setembro de 1889. Polo que se desprende do Album Literario, nese ano aínda estaba na igrexa de Cadós.

Bande: Desaparecidas. Inscricións. Vistas por Fr. Martín Sarmiento na súa visita a San Xoán de Baños o 29 de outubro de 1755.

Bande: Desaparecida. Inscrición. Viuna Fr. Martín Sarmiento na súa visita ao Baños de Bande o 29 de outubro de 1755.

Bande: Desaparecida. Inscrición a Diana transmitida nun manuscrito do século XVIII (con debuxo de Fr. Martín Sarmiento) conservado no arquivo da abadía de San Domingos de Silos (Burgos). Apareceu no altar da igrexa de Santa Comba de Bande.

Bande: Fragmento dun bloque granítico reutilizado na capela de San Miguel de Vilameá de Arriba.

Bande: Fragmento dunha ara na capela de Santa Mariña de Lueda, atopada no ano 1988.

Bande: Fragmeno dunha ara empotrada nun muro da capela das Maus.

Bande: Na capela do San Trocado de Santa Comba, unha ara anepígrafe e outra a Xúpiter.

Bande: Inscrición descuberta no ano 2000 nun muro da capela do San Trocado.

Baños de Molgas: Ara na igrexa de Santa Eufemia de Ambía. No ano 1968 publicouna Xaquín Lorenzo Fernández, coa colaboración de D´Ors e Bouza Brey .

Baños de Molgas: Inscrición aos Deuses Manes na igrexa de Presqueira, atopada a principios dos anos oitenta do século XX.

Barbadás: Desaparecida. Ara. Só se podía ver a parte superior. Estaba formando parte da parede exterior da vella capela de San Xoán, en Santa Euxea (aínda se conservan algunhas pedras comidas pola maleza). Dise que desapareceu baixo a cabeceira do noiro da autovía das Rías Baixas, pero no mes de novembro de 2021 dous veciños contáronme que esa información era falsa, en realidade levánrona.

O Barco de Valdeorras: En mans particulares. Ara adicada por un centurión da Legio VII Claudia. Apareceu ao facer unhas obras na fábrica de mel, Av. de Santiago Melo, do Barco. Na actualidade atópase no xardín dunha casa da Pobra onde a identificou Ferrer Sierra.

O Barco de Valdeorras: Ara a Libero Patri na igrexa de Millarouso e Santurxo. Apareceu no altar maior a finais do século XIX. O P. Sobreyra Salgado (1746-1805), natural de Beade, comunicoulla á Real Academia da Historia de Madrid por información facilitada por Fr. Plácido Diéguez.

Os Blancos: Desaparecida. Ara de Vilar de Covelas. Fragmento de ara anepígrafa doada ao Museo Arqueolóxico de Ourense por Elixio Rivas no ano 1995. Só se conserva unha foto.

A Bola: Ara na igrexa de San Munio de Veiga, empotrada na reitoral de San Munio, foi atopada por Manuel Blanco Guerra o 5 de agosto de 1972. Na actualidade está no interior da igrexa.

A Bola: Placa de granito fino moi desgastada na fachada principal da ermida do San Cibrán, en Pardavedra.

O Bolo: Prancha de arenisca moi deteriorada empotrada no muro exterior dunha casa abandonada en Chao do Castro de Abaixo. Debeu formar parte dunha epígrafe maior. Lese: "COROPOLLA", quizais un antropónimo.

Calvos de Randín: Ara reutilizada como pé dunha pía de auga bendita da igrexa de Santa Mariña de Rioseco.

Cartelle: Ara reutilizada na igrexa de Couxil.

Castrelo do Val: Ara atopada o 5 de xullo do ano 1977 cando as obras de reparación da capela da aldea de Vilar, parroquia de Servoi. Despois serviu de pé de altar coas letras cara a nave.

Castro Caldelas: No Museo de los Caminos de Astorga. Inscrición a Navia. Deuna a coñecer Cornide por referencias de Frei Pablo Rodríguez no 1787.Sábese que estaba "en la casa del abad de Camba", despois foi trasladada para a igrexa de San Xoán, baixo o antigo altar. Despois foi tapada, crendose entón que desaparecera tal como recolle o Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense 2 do ano 1898. Redescubríuse a principios do século XX ao facer unhas obras, pero nalgún momento esfumouse, reaparecendo no soto do Museo de Astorga (no 1963 estaba alí depositada), localizada por García y Bellido. Na actualidade atópase no Museo de los Caminos de Astorga.

Castro Caldelas: Ara anepígrafa na capela de San Pedro (San Pedro do Burgo), xunto a porta de entrada, utilizada como pía bautismal.

Celanova: Ara en Vilanova dos Infantes, empotrada horizontalmente na fachada dunha casa da praza maior, propiedade de Ramón García Fandiño, dada a coñecer no ano 1976 por Milagros Cavada Nieto.

Celanova: Inscrición reutilizada na casa reitoral de Santa María de Castromao, empotrada en posición invertida.

Cenlle: Ara na igrexa de Santiago de Trasariz dedicada a Xúpiter. Utilizada primeiro como pía de auga bendita na igrexa parroquial, e logo como pé de altar. Na parede da reitoral que dá ao cemiterio hai outra ilexible.

Cenlle: Ara na capela de Santa Lucía de Erbededo onde só se le a fórmula final.

Cortegada: Desaparecida. Ara de Meréns. Na antiga igrexa parroquial, situada xunto o cemiterio, había unha ara que actuaba como soporte da pía bautismal. Foi publicada por Fermín Bouza Brey en Cuadernos de Estudios Gallegos, 1944-1945, no Tomo I, Ara romana de Meréns (Cortegada de Miño, Orense). Cando fun ata Meréns, o día 21 de agosto de 2022, o párroco, o sacristán e un veciño dixéronme que ao construír a nova igrexa nos anos cincuenta do pasado século XX, ara e pía foron soterradas baixo o chan onde se atopa a actual pía bautismal.

Cortegada: Ara que actúa como base dun cruceiro situado diante da igrexa parroquial. Identificada no século XVIII polo P. Sobreyra y Salgado.

Cualedro: Ara a Laraucus, situada xunto a porta de acceso á ermida da Pedrosa (A Xironda).

A Gudiña: En mans particulares. Ara de Niger. Segundo Rodríguez Colmenero, a estela apareceu no Tameirón, descuberta pola señora Clementa Ribela. Na actualidade atópase na Mezquita, na adega dos Ribelas.

A Gudiña: Na igrexa do Tameirón hai unha pía bautismal do século X que ten como pé unha posible ara romana anepígrafa.

Laza: En mans particulares. Ara a Bandua. Foi atopada nunha finca preto da ponte. No ano 1949 estaba, segundo Taboada, nunha casa de Vilaza (Monterrei), do avogado Benito Blanco-Rajoy; alí continuaba no 1973 (Rodríguez Colmenero). A arqueóloga Nieves Amado Rolán confirmoue que a última vez que a viu estaba en Vilaza, nunha finca de Blanco Rajoy.

Lobios: Desaparecida. Inscrición aos Deuses Manes. Incluída no volume terceiro de Muratori (1739), ubicándoa "In Sancti Salvatoris vico in Gallaecia", é dicir, nun lugar chamado San Salvador, polo que se atribúe a San Salvador de Torno.

Lobios: Desaparecida. Inscrición. Segundo Jerónimo Contador de Argote (1738), durante as obras de "huma Torre, ou Crasto... junto a Via Militar do Gerés" apareceu un fragmento de inscrición en pedra.

Lobios: Ara descuberta no 2001 ao facer unha obras de cimentación para o balneario de Riocaldo. Conserva o foculus. Apenas se distngue a epígrafe. Atópase no Concello de Lobios.

Lobios: Ara ás Ninfas, atopada no ano 2001 no entorno do balneario actual de Riocaldo. Depositada no Concello de Lobios.

Maceda: No interior do templo de Asadur, empotrado tras do retábulo da igrexa de Santa María, durante unhas obras, apareceu un pedestal de granito antes do ano 1973. A instancias do párroco de Tioira, Camilo Parente, foi colocado "haciendo pie al sagrario".

Maceda: Ara reaproveitada na espadana da capela de San Pedro.

Maceda: Lápida reutilizada no muro exterior do adro da igrexa de Santa Baia do Castro de Escuadro. A primeira noticia data do ano 1904, nunha carta que Marcelo Macías escribiu ao P. Fita, que se conserva no Archivo Histórico da Compañía de Jesús en Alcalá de Henares. Antes de ser trasladada para esta ubicación atopábase dentro da mesa do altar maior.

Melón: En mans particulares. Inscrición a Xúpiter. Descuberta durante a remodelación dunha vivenda.

A Merca: Desaparecida. Suposta inscrición en San Xoán de Montes. Só existe unha referencia recollida polo polémico xesuíta Jerónimo Román de La Higuera (1538-1611) na súa Historia eclesiástica de España. De la Higuera é famoso por falsificar e desfigurar textos antigos. Posiblemente falsa e inexistente esta dedicatoria a Mercurio.

Monterrei: Desaparecida. Ara a Cibeles ou Xuno. Foi atopada na igrexa de Albarellos polo abade de Covelas, Pedro González de Ulloa, no ano 1755, tomándoa dun pedestal ou basa de estatua que estaba colocada no adro da igrexa.

Monterrei: En mans particulares. Ara a Xúpiter. Descuberta nos arredores de Vilaza.

Monterrei: Desaparecida. Ara no castelo de Monterrei. No Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense 2 do ano 1898 dise que en Ábedes apareceu unha lápida no ano 1580 que se conservaba no patio do castelo de Monterrei, ignorándose hoxe en día o seu paradoiro.

Monterrei: Dúas aras na igrexa de Mixós.

Monterrei: Estela aos Deuses Manes na capela da Santa Cruz de Vilaza. Dada a coñecer por Bruno Rúa e José Ramón Feijóo no ano 2013.

Oímbra: Ara na capela do San Roque de Espiño. Estaba fóra ata que arranxaron a ermida. Actuou como pía de auga bendita.

Oímbra: Ara a Xúpiter en Espiño. En mans particulares. A principios do mes de abril de 2017, as asociacións Monterrei, Cultura e Territorio e Alto Támega deron a coñecer a descuberta desta ara fragmentada. Atópase nunha casa de Espiño.

Ourense: Desaparecida. Inscrición. Segundo noticia recollida por Emil Hübner, o anticuario Antonio Delgado comunicoulle que "en la provincia y distrito de Orense" se descubria unha inscricón.

Paderne de Allariz: Ara a Tutela na igrexa de Coucieiro. Descuberta en 1978 por M. Menor Currás, J. González Paz e J. F. Romero no patio da reitoral.

Padrenda: En mans particulares. Ara a Xúpiter. Atopada por don Xosé Álvarez, dono do eido da Fonteiriña, no mes de maio de 1927.

Padrenda: Ara na igrexa de Santa María do Condado, reutilizada como pía de auga bendita. Se ben xa se sabía dela a principios do século XX, Bouza Brey, acompañado do seu irmán político, visitouna o 2 de outubro de 1942, publicándoa no número 25/26 do Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo no 1948, El ara de Santa María del Condado (Orense) y otra del Museo de Lugo.

Pereiro de Aguiar: Desaparecida. Inscrición a Torolo. Citada por Jerónimo Román de la Higuera na súa Historia eclesiástica de España (1570-1611); o informante de la Higuera foi Pedro González de Acevedo (1534-1609), bispo de Ourense, polo que a noticia tería certa credibilidade xa que de la Higuera é famoso por falsificar e desfigurar textos antigos.

Pereiro de Aguiar: Inscrición Desaparecida? O citado xesuíta e historiador Jerónimo Román de la Higuera fala dunha "hermita de S. Juan" en cuxa parede había empotrada unha inscrición de dubidosa existencia.

Pereiro de Aguiar: Ara a Reve Anabaraego reutilizada nunha casa de Pedraio. Localiceina no mes de marzo de 2025. Despois de comunicarlla a Patrimonio, xa foi catalogada.

Petín: Lápida de mármore adicada por Lucio Pompeio Reburro Fabro. Segundo relato de Marcelo Macías (1929), preto da ponte da Cigarrosa (Petín). No ano 1680 levárona para a igrexa parroquial do Santo Estevo da Rúa onde a colocaron no altar maior e, anos despois, no muro da casa onde se pode ver hoxe en día.

A Pobra de Trives: Desaparecida. Ara a Navia Sesmaca. A ara figura recollida por Hübner na edición do CIL II (1869). Os bocetos consérvanse na Real Academia da Historia de Madrid.

A Pobra de Trives: En mans particulares. Descuberta no ano 1901 nunha casa propiedade de don Darío Rodríguez; estaba en posición invertida, actuando de basa dunha columna de madeira que sostiña unhas escaleiras dun alpendre; utilizouse como pedra de afiar fouces.

A Pobra de Trives: En mans particulares? Inscrición en mármore. No primeiro volume do Novus thesaurus veterum inscriptionum de Ludovico Antonio Muratori (1739-1742)) di que procedía de Asturias, feito desmentido no 1898 por Arturo Vázquez Núñez quen asegurou que a viu na casa da marquesa de Trives.

A Pobra de Trives: Desaparecida. Inscrición aos Deuses Manes. Só coñecida pola tradición literaria. O italiano Muratori (1740) dá conta desta inscrición como atopada "in oppido del Quiero in Gallaecia" que non se corresponde co nome de ningunha entidade de poboación de Galicia, pero Hübner cre que procede da Ponte Navea.

A Pobra de Trives: Desaparecida. No ano 1903, Fidel Fita dá conta dunha inscrición enviada por Vázquez Núñez á Real Academia da Historia. Di que estaba en Santa María de Trives, colocada nunha casa propiedade de Darío Rodríguez, servindo de basa a un puntal de madeira dunha escaleira exterior.

A Pobra de Trives: Desaparecida? Ara aos Lares Viais procedente do Trives Vello. Descuberta no ano 1901 nunha casa propiedade de don Darío Rodríguez; utilizouse como pedra de afiar fouces. Segundo Taboada, en 1976 estaba en Trives onde a atopou Luis Carballo quen, por medio de José González Paz, llo comunicou a Taboada Chivite. Caamaño (2009) di que foi levada a Ourense e depositada na casa de Luis Carballo. Crese que na actualidade atópase nunha propiedade privada en Vigo.

Porqueira: Estela en Madrid, descuberta no ano 1936 na paraxe denominada do Outeiro, en O Rial, parroquia de San Salvador de Sabucedo. Foi adquirida polo Museo Arqueolóxico Nacional.

Rairiz de Veiga: Desaparecida. O Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense do ano 1899 fala dunha epígrafe citada por Barros Sibelo atopada xunto Rairiz de Veiga, pasado o regueiro do Vilar.

Rairiz de Veiga: Desaparecidas. Tres inscricións dos que só existe referencia recollida polo polémico xesuíta Jerónimo Román de La Higuera (1538-1611), famoso por falsificar e desfigurar textos antigos". Posiblemente inexistentes.

Rariz de Veiga: Desaparecida. O Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense do ano 1899 fala dunha epígrafe citada por Barros Sibelo atopada xunto Rairiz de Veiga, pasado o regueiro do Vilar.

Rairiz de Veiga: Ara a Bandua na igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga que actuou como pía de auga bendita.

Ramirás: Desaparecida. A única referencia desta epígrafe proporcionaa o P. Sobreyra Salgado que a viu nunha nota do abade do mosteiro de Santo André de Penosiños. O apunte atópase na Real Academia da Historia, nunha carta asinada por Manuel Álvarez Torres no ano 1793.

Ribadavia: Desaparecida. En El Correo Gallego do 7 de agosto de 1956, Juan Carlos Villacorta fala dunha "ara celta" situada nun monte non moi lonxe da taberna "O Rapacito". Só atopei isto.

Riós: Estela na igrexa de Riós. Atopada no ano 1984 ao realizar unhas obras na casa reitoral, actuaba como lintel dunha porta interior, cara a galería.

Riós: Inscrición descuberta no ano 1999 no altar maior da igrexa de San Miguel de Progo, durante a restauración do retablo.

Rubiá: Desaparecida. Ara a Reve sobre a que existe controversia canto á súa orixe. No primeiro volume do Novus thesaurus veterum inscriptionum de Ludovico Antonio Muratori (1739) di que se atopaba "in vico Ruanes in Gallaecia" e do que tivo coñecemento grazas a unha comunicación do xesuita P. Andrés; esta información pasou logo a Juan Francisco Masdeu que a publicou na Historia crítica de España y de la cultura española (1783). Logo recolleuse, a partir do século XIX, na bibliografía galega. Moralejo (2002) lévaa para Castro Caldelas. Dise que foi para o museo de Astorga, desaparecendo despois.

San Amaro: En mans particulares. Ara de Eiras. Atopouse formando parte dunha mesa de pedra situada no xardín da Casa Grande de Eiras, propiedade que foi de Avelino Tizón.

San Cibrán das Viñas: Desaparecida. Hai anos atopei no desaparecido xornal El Pueblo Gallego do 17 de maio de 1972 a noticia da aparición dunha ara dedicada a Xúpiter, descuberta polo concelleiro de Ourense Manuel Blanco Guerra. A noticia di que apareceu preto da ponte de Noalla, concello de San Cibrán das Viñas, non moi lonxe do Cumial, e que fora reutilizada “como una piedra más en una pared”, sen aclarar onde.

San Cristovo de Cea: Desaparecidas. Dúas inscricións que, dise, apareceron no ano 1707 no castro de Covas, descuberta por Manuel Maneiro, e que fora examinada polo monxe de Oseira Fr. Anxel Zurita, que a copiou e trasladou para a crónica do seu mosteiro. Dubídase da súa existencia.

Sandiás: Ara anepígrafa xunto o muro dunha casa, suxeita con cemento.

Sarreaus: En mans particulares. Aras de Lodoselo. Unha foi atopada nos anos corenta do pasado século XX polo técnico de actividades mineiras señor Barros xunto a boca dunha mina de estaño ou de wolframio. Colocada xunto a súa casa, despois foi mercada por don Rudesindo Blanco. A segunda tamén se atopa en mans privadas.

Sarreaus: Desaparecida. Inscrición a Xúpiter. No Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense do ano 1898 fálase dunha inscrción na parede dunha casa de Nocelo da Pena comunicada por D. Jesús Palacios.

Sarreaus: Ara na capela do San Nicolás. Foi descuberta no ano 1983 durante unhas obras de remodelación da capela.

Taboadela: En mans particulares. Ara no Toucedo. Na actualidade actúa como marco dunha finca.

Taboadela: Ara aos Lares Viais atopada no ano 1967. Actuaba como poste dun parral. Estivo no interior do Concello, na actualidade atópase fóra, xunto a entrada.

Toén: Desaparecida. Ara ás Ninfas. Segundo Barros Sibelo (1875), foi atopada por Temes Araújo, un seu irmán e o coengo Santiago Arias no ano 1606 entre as pedras que obstruían unha fonte.

Toén: Desaparecida. Blázquez, en La religión celta en Hispania, tamén mencióna unha epígrafe aparecida en Alongos e que identifica cun deus das montañas.

Toén: Ara na capela do San Fiz de Puga. Localizada en xuño de 2023 por Ana Lorenzo, da Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén.

Trasmiras: En mans particulares. Ara de Trasmiras. Na porta dun patio da rúa principal de Trasmiras.

Trasmiras: Descuberta antes de 1997 nun muro do adro da igrexa parroquial de Abavides; despois estivo fóra xunto o templo. Gardada na reitoral.

Trasmiras: Ara situada na porta dun patio da rúa principal de Trasmiras.

Verea: En mans particulares. Ara de Portela. Descuberta no ano 2000 no altar da igrexa de Santa Baia de Portela. Atópase nun domicilio particular de Verea.

Verea: Ara na ermida do San Mamede de Portela. Foi catalogada no ano 2024 en base ás miñas referencias.

Verín: Desaparecida? Ara a Xúpiter. Apareceu nun muro do adro da igrexa de Santa María de Tamagos, foi recollida polo párroco de Tamaguelos. A única foto que se conserva é de Rodríguez Colmenero.

Verín: Desaparecida. Inscrición. Só coñecida por unha imprecisa información de Gil González Dávila de 1596. Di que o texto estaba gravado en "un torillo de bronce" que apareceu cara o 1580 "... en el lugar de Avedes del Condado de Monterrey, haziendo una fortificación , debaxo de tierra". Continúa que a columna foi trasladada para o castelo e que a figuriña coa inscrición tíñaa "el Conde en su recámara".

Verín: Desaparecida. Inscrición. Inscrición no catillus dun muíño de man. A primeira noticia é de Taboada Chivite en 1947. Di que estba en mans de dona Carmen Granjel, de Verín, quen lle comunicou que aparecera nas proximidades da capela de San Gregorio. No 1987 estaba nos almacéns de Manuel Rodríguez, "antiquário de Pazos".

Verín: En mans particulares. Dada por desaparecida nos anos setenta do pasado século cando se desmontou a capela da Misericordia. Bruno Rúa localizouna detrás dunha casa. Serviu de mesa do taboleiro do altar da capela do convento da Misericordia. Ao ser derrubada a ermida, a peza foi vendida a un particular de nome, segundo Taboada Chivite, Francisco Rodríguez. Atópase no xardín dunha vivenda privada na rúa da Mercede de Verín.

Verín: Fragmento dunha ara na rúa da Soutilla, en Vilamaior do Val, descuberta no ano 1971 empotrada entre a xanela e o primeiro andar dunha casa.

Verín: Na igrexa de San Pedro de Quizás hai unha ara empotrada na parede norte do templo dedicada a Xúpiter Óptimo Máximo.

Verín: A mal chamada “Ara de Perbes” procede da parroquia de Tamaguelos. Dise de Perbes porque ata o ano 2022, en que foi trasladada para o Museo das Mariñas de Betanzos, grazas ás xestións da Fundación Monteagudo e do Concello de Betanzos, estivo na casa que Manuel Fraga Iribarne tivo en Perbes (Miño).

Verín: Ara en Feces. En tempos estivo cuberta de pintura. Atópase xunto a igrexa de Feces de Cima en posición invertida.

Viana do Bolo: Desaparecida. Prancha de bronce. Atopada no primeiro terzo do século XVIII "en la villa del Bollo en Galicia... en una torre vieja...". Na Real Academia da Historia de Madrid consérvanse dúas transcricións da prancha, unha do veciño Joseph Quiroga Ponce de León (comunicouna á academia no 1748), o seu descubridor, e outra de Martín de Ulloa. Pola documentación que se conserva, Ponce de León enviou a prancha a Madrid, co compromiso de devolución, paraque fora examinada na academia que a puxo a disposición de Martín de Ulloa y de la Torre-Guiral (1719-1782), experto en inscricións antigas, quen a describiu e fixo un debuxo. Logo a prancha debeu ser devolta ao seu propietario pois non existe contancia de reclamacións.

Vilamarín: Ara como soporte do altar na igrexa parroquial de León.

Vilar de Barrio: Desaparecida. Segundo Rivas Quintas (1985), Conde-Valvís escavou no lugar que ocupara a Ermida do Santo, case no límite cos concellos de Montederramo e Maceda, e alí atopou unha "lápida visigótica" que foi retirada pola familia Parada Justel, dona da paraxe. Nunca se volveu saber máis desta peza.

Vilamarín: Ara na capela do San Pedro de Reádegos que soporta o taboleiro dun altar lateral.

Vilar de Santos: Ara a Xúpiter situada xunto a porta de acceso á capela do San Xoán en Laioso. Di Taboada Chivite que foi atopada ao retirar a mesa do altar.

Vilardevós: En mans particulares. Estela. Descuberta e conservada nunha casa do barrio da Fonte da Cal, en Santa Cruz de Terroso.

Vilardevós: Desaparecida. Estela aos Deuses Manes. No 1913, Marcelo Macías publicou unha lápida aparecida na parede dunha cociña de Florderrei Vello un ano antes, foi doada á Comisión de Monumentos de Ourense por D. Manuel Pérez, Rexistrador da Propiedade de Verín. Foi destruída no ano 1927 cando o incendio no Instituto de Ensino Medio de Ourense que albergaba o museo.

Vilardevós: Ara a Reve descuberta polo párroco Baltasar González e Antonio Rodríguez Colmenero en 1972. Fai de pedra do altar da capela do San Roque de Florderrei Vello. Cando a fotografiei no 2014, as letras estaban pintadas de cor negra e os laterais cubertos de cemento.

Xinzo de Limia: Desaparecida. Ara de Roufonia. Foi vista polo P. Sarmiento no ano 1755 "en Sª Mª de Ribera, en la portada, esquina de la pared de la iglesia del priorato". Debeu desaparecer cando as obras de reedificación no ano 1770.

Xinzo de Limia: En mans particulares. Inscrición en Manga de Abaixo. Citada polo P. Sarmiento que a viu no priorado do Mosteiro de Ribeira, hoxe casa reitoral, "devajo de la ventana del quarto del prior, se halla encaxada en la pared". Logo foi levada ao lugar de Manga de Abaixo por Antonio Blanco para a súa casa.

Xinzo de Limia: Desaparecidas. Aras en Ganade. Tres aras permaneceron moitos anos na dianteira da casa, na partes alta do pobo no barrio de Outeiro.

Xinzo de Limia: Inscrición. Atópase na parede da casa dunha vivenda da Manga de Abaixo. Citada polo P. Sarmiento que a viu no priorado do Mosteiro de Ribeira, hoxe casa reitoral, "devajo de la ventana del quarto del prior, se halla encaxada en la pared". Logo foi levada ao lugar de Manga de Abaixo por Antonio Blanco que a empregou na parte exterior da casa.

Xinzo de Limia: Ara a Demorana situada na esquina dunha rúa próxima á igrexa de Xinzo de Limia.

Xinzo de Limia: Ara situada na parte baixa do muro da Casa da Cabaneira ou Castelo de Ganade. Dada a coñecer por Vázquez Núñez no 1906.

Xinzo de Limia: No mesmo sitio ca anterior consérvase outra ara a Xúpiter que foi descuberta por Juan Carlos Rivas Fernández.

Xinzo de Limia: Ara a Xúpiter situada xunto un muro da igrexa de San Pedro de Laroá, trasladada ao lugar no século XX dende as inmediacións dunha casa onde se atopaba medio enterrada.

Xinzo de Limia: Ara a Xúpiter situada no interior da igrexa de San Xoán de Seoane de Oleiros.

Xinzo de Limia: Ara no patio da reitoral de Ganade.

Xunqueira de Ambía: Ara reutilizada na fachada da capela do Santo Antón e Santa Rita da Siota.

Xunqueira de Espadanedo: Desaparecida? Hai anos apareceu unha epígrafe baixo a pía de auga bendita na igrexa e Santa María de Xunqueira. A información proporcionáranlla a Nieto Muñiz.

 

 

PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Caldas de Reis: Desaparecida? Ara a Mercurio. Atopábase nunha casa de Caldas de Reis.

Caldas de Reis: Desaparecida. Ara a Edovius. Atopada no ano 1798 nos cimentos da arqueta de auga termal do balneario Dávila; desaparecida, só queda unha réplica na fachada do balneario, a súa pista perdeuse no ano 1909, despois de mostrarse na Exposición Rexional de Santiago; consérvase un debuxo realizado por D. Pedro de Silva no ano 1804.

Caldas de Reis: Desaparecida. Estela. Atopábase sobre a parede dun curral en Santa María de Caldas cuxo texto foi recollido polo P. Sobreira y Salgado.

Caldas de Reis: Ara de San Martiño, en Arcos da Condesa. Localizada por Miguel González García cando as obras de reconstrución dun muro de peche da vivenda. Apareceu fragmentada. Despois do aviso a Patrimonio, foi visitada polos seus arqueólogos que xa confeccionaron a ficha correspondente.

Campo Lameiro: Dedicatoria a Xúpiter na igrexa de Moimenta. Publicada por Juan Manuel Abascal Palazón e Héitor Picallo en Ficheiro Epigráfico, suplemento de Conimbriga 175, no ano 2018. Empotrada no tramo final da escaleira de subida ao coro da igrexa. Só é visible unha parte.

Campo Lameiro: Estela que estivo na capela de Couso, logo trasladada para a igrexa parroquial. Publicada por Juan Manuel Abascal Palazón e Héitor Picallo en Ficheiro Epigráfico, suplemento de Conimbriga 175, no ano 2018.

Catoira: Fragmento votivo descuberto nas escavacións do ano 1989 nas Torres do Oeste.

Cuntis: Empotrada nun muro da planta baixa dunha casa de Trasponte que ata non hai moito foi utilizada para gardar o gando. Sobre a superficie escrita apoia un tabique de ladrillo que oculta parte do monumento. A cabeceira e o zócolo foron cortados para adaptar a peza como sillar de construción. Publicada no Ficheiro Epigráfico, suplemento de Conimbriga, 245: Setandianiegis, una nueva divinidad plural en Santa María de los Baños (Cuntis, Pontevedra. Hispania Citerior) (Abascal, Búa, Picallo, 2023).

Cuntis: Ara atopada pola Asociación Amigos dos Castros no ano 2001 nas proximidades das fontes medicinais. En mal estado de conservación, foi descrita por Héitor e Martiño Picallo Fuentes.

Cuntis: Ara atopada na Vila do Baño. Apenas se distinguen algunhas letras. Atópase na Biblioteca de Cuntis.

A Estrada: Desaparecida? Localizada por Bouza Brey no ano 1942 no exterior da igrexa de Santa Baia de Matalobos, formando parte da ábsida, recebada na actualidade.

A Estrada: Ara aos Deuses Manes reutilizada na igrexa de Rubín.

A Estrada: Fragmento dunha ara reutilizada na igrexa de Rubín.

A Estrada: Estela aos Deuses Manes reutilizada na igrexa de Rubín.

A Estrada: Inscrición a Diana. Localizada polo colectivo A Rula na Quenlla dos Carballos (San Xurxo de Vea), nun promontorio rochoso na marxe esquerda do río Ulla, próxima a varios petroglifos.

Lalín: Ara en Alemparte. Dada a coñecer en marzo de 2023 polos investigadores Pablo Sanmartín, do Colectivo A Rula e Daniel González Alén, cronista de Lalín. Reutilizada como pousadoiro nun cruceiro situado nas inmediacións da igrexa parroquial.

Meis: En mans particulares. Ara de Santo Tomé de Nogueira. Atopada no ano 1976 polo cura párroco de Santo Tomé Manuel García Piñeiro que fixo entrega a Maximino Nogueira Paz, párroco de San Vicente de Nogueira, quen a trasladou para a finca da casa reitoral, utilizándoa como soporte dunha mesa do xardín.

Poio: Desaparecida. Estela. Frei Martín Sarmiento, a mediados do século XVIII, fixo o debuxo dunha epígrafe, da que nada se volveu a saber, que viu en Vilanova "a cien pasos" de San Xoán de Poio. Segundo Sarmiento, un labrego levouna para a súa casa, utilizándoa para afiar coitelos.

Pontecesures: Desaparecida. Ara aos Lares Viais en Requeixo. Atopada no ano 1918 cando a demolición da capela de San Xián de Requeixo; ata o ano 1931 exhibíase nas ruínas de San Domingos de Pontevedra; só se conserva unha foto do Museo de Pontevedra.

Pontevedra: Ara que actúa como pé do altar da capela do San Paio de Campañó.

Pontevedra: Ara no convento de Santa Clara. Localizada por Antonio Costa. Na segunda década dos anos setenta, cando o investigador comezou a colaborar co Museo de Pontevedra, falou coa superiora do convento para acceder ao recinto e estudala de preto, o que non se lle permitiu por ser de clausura.

Rodeiro: En mans particulares. Estela aos Deuses Manes. Atopada no ano 1929 ou 1930 cando realizaban labores agrícolas nunha finca próxima a Rodeiro, foi levada para unha casa onde permanece na actualidade. Consérvase unha foto de Luis Monteagudo que quixo vela de novo pero non lle foi posible.

O Rosal: Desaparecida. Restos dun texto gravado en xisto que actuou como tampa dunha sepultura. Foi atopada no ano 1953 no lugar coñecido como Adro Vello. Aparece unha referencia na Gran Enciclopedia Gallega (1974). Unha ilustración da inscrición foi publicada en La vía romana "per loca marítima" por el Bajo Miño y Costa Atlántica (J. M. del Tamuje, 1975).

Tui: En mans particulares. Inscrición. Apareceu ao derrubar a Casa do Concello anexa á igrexa parroquial de Pexegueiro.

Tui: Bloque de granito con inscrición recortado por arriba e polo lado esquerdo, reutilizado en posición horizontal nunha das paredes do piso inferior dunha vivenda en ruínas, próxima á igrexa de Rebordáns.

Valga: Ara a Mercurio na capela dos Martores.

Vilaboa: Desaparecida. Ara a Xúpiter. No ano 1986 ou 1987, Antonio Costa localizou na parroquia de Figueirido, próximo ao castro de Loureiro, unha das poucas aras dedicadas á Xúpiter na provincia de Pontevedra. Cando regresou co seu coche para levala para o museo, desaparecera.

Vilagarcía de Arousa: Desaparecida. Ara de Trabanca. O CSIC, da man do profesor e investigador Carlos Santos Fernández na revista Cuadernos de Estudios Gallegos (2016), achega cartas e debuxos inéditos que poden servir como fonte para o estudo indirecto da lápida de Trabancas, desaparecida hai máis dun século. A peza foi atopada entre o 1885 e o 1890 na parroquia de Arealonga, perdéndoselle o rastro arredor do ano 1909. Os documentos foron asinados entre 1909 e 1917 por Juan Fernández Gil e Casal, cronista de Vilagarcía, que proporcionan o texto íntegro, as características do soporte e as circunstancias do achado da ara de Trabanca da Torre. A existencia desta ara fora posta en dúbida por varios investigadores.

Vilagarcía de Arousa: Desaparecida. Inscrición de Arealonga. Segundo os editores da Carta Arqueolóxica de Pontevedra xa estaba desaparecida no ano 1953.

onosopatrimonio.blogspot.com

Xabier Moure