* Mámoas galegas na documentación medieval máis antiga

Achego algunhas mámoas e dolmens citados na documentación medieval máis antiga. As máis antigas que atopei, do ano 911, son unhas archam (dolmen) situadas nos concellos de Abegondo e Oza-Cesuras. Hainas que aparecen na documentación pero polo de agora non conseguín situalas xeograficamente. Coma sempre, se alguén ten máis información, agradécese a achega. (Foto do ano 1926 de dúas mámoas na Serra da Moá feita por Vicente Risco).

 

ABEGONDO E OZA-CESURAS: Nunha escritura do ano 911 outorgada pola infanta Paterna a favor do abade Sabarigo de San Martiño Pinario, doa o mosteiro de Cis e as igrexas de Cuíña, Salto, Mandaio, Cullergondo e Vivente; ao delimitar as terras cita "per archam qui estat inter Vimaranes et Tugurion. Per archam inter Carraes et Cularagundo". A segunda archam (arca ou dolmen estaba entre Carraes -Oza-Cesuras- e Cullergondo -Abegondo. Da primeira falta por identificar Vimaranes e Tugurion.

BETANZOS: Nunha escritura do ano 911 do mosteiro de San Martiño Pinario, a infanta Paterna doa ao abade Sabarigo o cenobio de Cis e varias igrexas onde, ao delimitar as terras, se cita unha "mamula qui est inter Ferrarios e Genrozo". Descoñezo onde podería estar Ferrarios; claro está "Genrozo", na actualidade Xanrozo na parroquia de Requián. Polo de agora non se documenta ningunha mámoa no concello de Betanzos.

CAMBRE: Nunha doazón ao mosteiro de Pravio do ano 932, feita por Gutier e Aloito, cítase "archam de castro de Prauio e mamolan de Storrentada"; A Estorrentada é unha aldea da parroquia de Cambre. E "Castrum inter Armentar et Extorrentada et per anta inter Armentarem et Cella", na delimitación da xurisdición de Cambre concedida en 1141 por Afonso VII.

MÁMOAS DO MONTE AGUDO E UNHA ARCA: Nun preito polos límites das “villas de Sauto et de Leginoso” do 6 de outubro do ano 940 lese: “Et sic per agere terra invenimus duas mamulas ad radice de monte Acuto qui diviserunt inter Parata et rio Malello, et sic cessavimus ad arca qui dividet inter Parata et Aliarici”. Descoñezo onde poderían atoparse as mámoas e a arca.

MONTERREI: Albarellos e Vilaza aparecen citados en dous documentos do ano 950, na desputa por unhas lindes entre o bispo Rosendo e a condesa Trudile. Faise mención a grandes rochas, muros de terra, archae, marcos, petrae fictae e penas con gravuras.

LAZA-MONTERREI: A arqueóloga Nieves Amado Rolán achegoume que aparece citada na documentación do mosteiro de Celanova do ano 950, que define como construída "usque in vertice montis quod vocitant Meta, ubi repperimus arca opere miro constructa". Neste documento de apeo distingue varios tipos de arcas: arca lapidea, arca pedraria e arca terraria. Tamén fala de "burgarios scubtos", dúas columnas existentes que son miliarios, unha pedrafita e un castro que é o Castro de Baronceli. Aínda se conserva, trátase dunha mámoa duns 20 metros de diámetro, parcialmente destruída por unha pista forestal. 

CELANOVA OU VEREA: Na documentación do mosteiro de Celanova do 4 de febreiro do ano 986 lese: “… de terminos de Castro Malo et inde carrale de vereda usque in mamola de Poleiares, et inde rego in prono qui discurrit ad Cegio…”. Achégame Xosé Benito Reza que identificou esta mámoa hai anos; atópase entre Amoroce (Celanova) e Cexo (Verea).

CENLLE: Mámoa da Eira dos Mouros: A uns 470 metros está un marco-pedrafita con dúas espirais e varias coviñas gravadas. Mámoa e pedrafita son citadas nun documento do século X, nunha doazón ao mosteiro de Antealtares.

TERRA DE MONTES: Nun documento do 15 de setembro de 1065, na demarcación dos términos de Folgoso e Ventoso, pertencentes ao mosteiro do San Lourenzo de Carboeiro, cítanse “archas” no término de Cerdedo e Cabanca; “archas inter Morgati e Felgoso”; “archas de Monte Parato”; “mamolam terrenam de Castrilu”; “archam de supra Sautello”; “mamoas de Foranas de Vilar”; “Archam de Aziveros”.

O BAIXO MIÑO: Nun documento do ano 1095 , que establece o couto xurisdicional de Tui, cítase “mamulam inter Superatam et Antam” e “archam de petra ficta”.

MAMONA IN SUPER CELA: Citada nun documento do 31 de marzo do ano 1096, nunha doazón de Pelaio Aloitez ao mosteiro de Celanova e seu abade Pedro unha “heridate in Monte Longo determinata per Portella de Ruviales…”. Descoñezo onde podería atoparse.

MONTEDERRAMO: Mámoa do Coto: Na Colección documental do Mosteiro de Montederramo, editada polo filólogo da USC Ramón Lourenzo, localízase un documento de 1134 polo que Alfonso VII dá e confirma ao abade Sancho os coutos do mosteiro, delimitado no texto do seguinte xeito: “cautos nominatos et sunt ipsi cauti per Petroso, et deinde per Portum de Penna de Xeca et deinde quomodo uadit per medium de Lombo ad mamoa de Coto et postea sicut uadit in directum de Penedo de Sengo et uadit ad penedum de sub Castro Uentoso”. (Información achegada por Miguel Ángel González Gómez).

MÁMOAS DE CABALLO SICCO E DE ELSENDE: Citadas nun documento do mosteiro do mosteiro de Toxosoutos do 5 de decembro de 1135 en que Afonso VII couta o mosteiro e todas as súas propiedades: “… et per illas mamulas de Caballo Sicco et per alias mamulas de Elsende…”. Volven a citarse no ano 1232. Descoñezo onde poderían atoparse estas mámoas, pero Elsende pode referirse a Lesende, no concello de Lousame.

MONFERO: Parroquia de Vilachá: Unha mámoa cítase na documentación do mosteiro de Santa María de Monfero nos anos 1135 (Scalariis de Villaplana), 1258, 1261 (Esqueveyras de Vilacháa) e 1300. No ano 1962 foron destruídas varias mámoas nos lugares das Ucheiras, A Chousa e Lago.

IRIXOA: Mámoa de Porriños: Citada na documentación do mosteiro de Santa María de Monfero nos anos 1135 (mamoam de Porrinos) e 1261.

Parroquia de Mántaras: Seis necróples formadas por 29 mámoas. Unha das necrópoles atópase nas inmediacións da ermida románica de San Cosme, no monte de San Antón. Nun privilexio dado por Afonso VII acoutando o couto xurisdicional do mosteiro de Monfero no ano 1135 lese: "... por cima de Santaya de Viña, dealli en dereito a las Mamoas de Montes de Jural y Seixas d´Aural..." que pode facer referencia á necrópole de Oural.

COMARCAS DO EUME E FERROL: Do ano 1135 é un documento do rei Afonso VII onde se pon couto e defensa da igrexa de San Xoán de Caaveiro, onde se cita a “mamola de Forcon”.

MÁMOA GRANDE BOVE MUORTO: Citada na documentación do mosteiro de Toxosoutos do 5 de abril de 1137, na refundación do mosteiro de Arzón (Negreira): “… mamulam grandem de Bove Muorto de super Pineyrolo, et per ciman de fenali de Lama Maiore et per ipsam aquam que vadit impronum de Eza Minori…”. Descoñezo onde se situaría esta mámoa.

GUITIRIZ: Mámoa de Corvite: En varios documentos do mosteiro de Monfero dos anos 1147, 1174, 1177, 1178, 1195, 1207, 1210, 1215, 1237, 1241, 1245, 1247, 1280 e 1281 figura como protagonista unha mámoa en Corvite, na parroquia de O Buriz. Nun do 1207 (cítase como "mamua de Curviti"), Menendus Froile, de Gulfín, concello de Vilarmaior, doa ao mosteiro de Monfero todo o que posúe entre o regato do Casal de Parga ata a mámoa de Corvite. Noutro do 1280, Petrus e Johan Fernández tamén doan todas as herdades que posúen dende a mámoa de Corvite ao mosteiro. Desaparecida ao preparar os terreos para pasto.

XUNQUEIRA DE AMBÍA: A Medorra de Bustelo cítase no ano 1172 no mosteiro de Ribas de Sil ao sinalar os lindeiros do seu couto de San Román de Sobradelo.

NARÓN: A Arca de Vespasante menciónase no Tombo II do mosteiro de Sobrado dos Monxes no ano 1173, delimitando unha doazón de terras, e no Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII. Só se conserva o túmulo, os esteos que formaban a cámara megalítica foron roubados.

GUITIRIZ: A Arca de Tascais cítase nun documento do mosteiro de San María de Monfero no ano 1177 ao demarcar os términos do Buriz (Guitiriz) e Labrada (Abadín).

AMES: Topónimo: Lugar de A Mámoa na parroquia de Tapia. Citado nun documento do mosteiro de Toxosoutos do 28 de outubro de 1213.

MONFERO: A Mámoa de Moncoso cítase en documentos do mosteiro de Monfero nos anos 1235, 1237 e 1280. No do ano 1235 (citada como "Moncosso"), Marina Ovequiz pignora co mosteiro a herdade situada entre Suevos e a mámoa de Moncoso por 50 sólidos.

BOIRO: Gomes Loureço, veciño de Santa Baia de Boiro, outorga testamento no ano 1457. Cítase unha mámoa situada na Agra de Brión (Brión é unha aldea de Boiro).

SAN CIBRÁN DAS VIÑAS: Por escritura do 10 de xuño de 1297, Xoán Vázquez, de Pazos de San Clodio, véndelles a Lourenzo Domínguez e á súa muller, María Iáñez, a metade de dúas leiras por 40 maravedises, “in rivulo qui fluitur de Modorra”.

MURAS: A mámoa de Bustelo cítase na documentación do mosteiro de Monfero nos anos 1300 e 1349 como "Bostello".

SAN CIBRÁN DAS VIÑAS: No testamento do mercador Roi Pérez, outorgado o 15 de maio de 1370, lese: “Item a viña das Modorras”.

CHANTADA: A mámoa de Merlán ou A Súa Mama cítase nun documento do 11 de xaneiro de 1469 en que o mosteiro de San Salvador de Asma afora a Johan Monteiro e a súa dona Elvira o lugar da Mámoa, en Merlan. No ano 2025 localicei a mámoa que estaba sen catalogar e que comuniquei a Patrimonio da Xunta de Galicia.

Máis información nas entradas dedicadas ás mámoas