Se dividimos Galicia en catro partes, norte-sur/este-oeste, chama a atención a diferenza canto á aparición de torques documentados. Aínda que son varios os concellos que reclaman ser o centro xeográfico de Galicia (o quilómetro cero), caso de Chantada ou Lalín, cálculos recentes sitúano na comarca da Ulloa, no concello de Antas de Ulla. Sen entrar en temas que descoñezo, é por eiquí, entón, por onde fago a partición, se ben colocar ese “centro” un pouco máis arriba ou abaixo, ou máis á dereita ou á esquerda non variarían os datos. Tamén achego os torques que se atopan fóra de Galicia e outros dos que existe constancia pero desapareceron. Non inclúo preto dunha quincena onde, ademais da imprecisión das fontes, polo de agora se descoñece o concello, a comarca ou mesmo a provincia exacta de orixe (relacionados despois do mapa). En cada comarca indico o número de torques (completos ou incompletos), e coa letra “f” onde apareceron pequenos fragmentos. E coma sempre, se se observa algún erro ou se quere ampliar a información, agradezo a achega. Toda a información nas entradas dedicadas aos castros.
TORQUES QUE NON INCLÚO NO MAPA PORQUE SE DESCOÑECE A PROCEDENCIA
PROVINCIA DA CORUÑA
Torques de Bardaos (Tordoia): No castro da Croa de Bardaos apareceu un primeiro torques de ouro que foi fundido ao pouco de seren atopado. Outro máis, tamén de ouro, apareceu preto do anterior no ano 1997; custódiase no Museo Provincial de Lugo. Do que se conserva no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, de ouro e incompleto, parece que foi atopado pola mesma persoa cando a realización de labores agrícolas na croa do castro. Pero a mediados do século XX saíron á luz outros dous que poderían ser uns que se conservan no Ashmolean Museum de Oxford, adquiridos polo museo no ano 1975, un deles (tamén con remates piriformes como os anteriores) ao coleccionista británico Herbert James Powell Bomford. Non se indica a procedencia exacta, só que foron atopados nun castro de Spain.
Torques de Ouro: Só se sabe que procede da provincia. Foi adquirido no ano 1887 a un tal señor Pérez polo Museo Arqueolóxico Nacional.
Torques: De bronce e ouro. Descoñécese a procedencia. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.
PROVINCIA DE LUGO
Torques de ouro: Só se sabe que procede da provincia. No Museo Arqueolóxico Nacional gárdase un dende o ano 1891, mercado a T. Rico y Jimeno.
Torques de ouro procedente de Galicia en Badajoz: O arqueólogo galego Antonio Blanco Freijeiro, en Joyas antiguas de la colección Calzadilla (1957), achega un torques de ouro atopado en Galicia. Foi adquirido a Apolinar Sánchez Villalba, un anticuario que se estableceu en Madrid a mediados do século XX, que dixo que procedía da provincia de Lugo. Fernando Calzadilla reuniu na súa casa de Badajoz unha ampla colección de antigüidades.
Fragmentos de torques: No Museo Provincial de Lugo gárdanse seis fragmentos de torques de ouro de procedencia descoñecida.
PROVINCIA DE OURENSE
Torques: Dous torques que foron adquiridos polo British Museum de Londres nunha subasta no ano 1960 da galería Sotheby´s. Na ficha do museo di que no catálogo de Sotheby´s, nunha carta do expediente, o arqueólogo catalán Luis Pericot suxire que poderían proceder da provincia de Ourense. Mário Cardoso, na Revista Guimarães, número 75 (1965), di que ao menos un podería proceder, pola súa tipoloxía, de Codeçais (Chaves).
Torques: No Museo de Pontevedra atópase un torques de ouro procedente, ao parecer, da provincia de Ourense. Na cartela di que é coñecido como torques de “Arteaga” ou da “Diputación”. Nada máis. O da “Diputación” ignoro de onde vén, pero si está claro “Arteaga”. Manuel Sánchez Arteaga (Chaián-Trazo, 1827-Ourense, 1891) foi un cura e historiador. Chegou a Ourense no ano 1858, da man do recén elexido bispo Ávila y Lamas. Foi coengo da catedral, e no 1884 é nomeado académico da Real Academia da Historia e tamén membro da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense. Volvendo ao torques, descoñécese a súa procedencia exacta. A primeira referencia que atopo é na Revista da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (30-9-1885). Manuel Murguía cítao en Galicia (1888), Villaamil y Castro no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense (1906), Florentino Cuevillas en A Edade do Ferro na Galiza (1924) e nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos (1932); Bouza Brey dedícalle un artigo, Dos torques áureos Arteaga y Pontevedra (este último é outro torques, denominado “Castromil”, do que tamén se descoñece a procedencia, que se atopa no mesmo museo).
PROVINCIA DE PONTEVEDRA
Torques: No Museo de Pontevedra atópase un torques de ouro procedente, ao parecer, da provincia de Pontevedra. Na cartela di que é coñecido como torques de “Castromil”. Bouza Brey dedícalle un artigo, Dos torques áureos “Arteaga” y “Pontevedra” (o de “Arteaga” procede da provincia de Ourense). Descoñécese a procedencia, se quera aproximada.
