Achego algúns castros citados na documentación medieval máis antiga. Os máis antigos que atopei son os o de Chavaga e o da Rodela da Figueira, os dous en Monforte de Lemos. Hainos que aparecen na documentación pero polo de agora non conseguín situalos xeograficamente. Coma sempre, se alguén ten máis información, agradécese a achega. (Foto do castro e igrexa de Chavaga).
CASTRO DE CHAVAGA (Monforte de Lemos): Citado no Concilio de Lugo do ano 569 (Era DCVII): “... quintus comitatus Paramunsis... de alia parte levat se in Salvatur, venit ad Castrum de Zavaga”.
CASTRO DA RODELA DE FIGUEIRA (Monforte de Lemos): Un documento do ano 572 fai alusión a un castro de Fiolleda citándoo como “Fenoli castrum”.
CUNCA DO CASTRO (Portomarín): Citado nun documento do ano 572 como límite do condado de Pallares como castrum “Nesperariae”.
DOUS CASTROS DE RIBADEO NO DIPLOMA DO REI SILO: No documento, do ano 775, lese: "… cum omnem exitu et regresu suo, castros duos quum omne prestacione suam…". Achegado polo investigador Alberto Paraje que me di que é probable que se refira aos castros de Carcovas, na parroquia de Ove, e Pumarega, na parroquia de Cubelas, concello de Ribadeo.
CASTRO DE XANROZO (Betanzos): Citado no ano 911 ao delimitar o couto do mosteiros de Cis como “castrum Ieroncio”.
CASTRO DE LITORIA (Esgos): Aparece nun privilexio de Ordoño II do ano 921; di que o mosteiro de Ribas de Sil sitúase “subtus Castello Litoria”, e ao demarcar o couto sinala “deinde per illa vereda maiore que discurrit de Astorica ad castrum Litorie”. No ano 923: "in monte Baron inter Bubale et Caldelas, super Castro Litorie, in loco predicto Felgarius". A arqueóloga Nieves Amado Rolán achégame que no Tombo de Celanova, ano 976, lese: "...in villa quam vocitant Tredones que est subtus castro Litorie".
CASTRO DE PRAVIO (Cambre): Nun documento do ano 932 cítase “archam de castro de Prauio”, nunha doazón ao mosteiro de Pravio.
CASTROMAO (Celanova): Citado como Castro Malo nun documento do Tombo de Celanova do 935: "De Uillar qui est subtus Castro Malo".
CASTRO DE AMBOADE (Pantón): Citado como “Evolati” no século VIII, e “Deuvoari” no XI.
CASTRO HONORI (Celanova ou Cortegada): Citado no Tombo de Celanova do século X, no inventario das propiedades adquiridas polo frade Hermenexildo e as súas irmás. Polo de agora non o teño localizado.
CASTRO PELOSINO: Sobre o castro edificouse un castelo en época medieval, citado en documentos dos anos 956, 960, 961, 997, 1003, 1011 e 1076. No documento do ano 960, a arqueóloga Nieves Amado Rolán achégame a cita: "... in villa que dicunt Rabanal territorio Arnogie subtus castro Pelosino". No do ano 1003: "... et est ipsa terra territorio Ravanale, super castro Pelosino, inuertente ad aquas quas nuncupant Arnogia". Referirase ao castro da Rodela, entre Rabal (Celanova) e Faramontaos (A Merca)?
CASTRO DE SAMBREIXO OU CRO DO CASTRO RIBEIRO (Láncara): No Tombo de Samos do ano 982 cítase o “castro de sancto Vereximo”.
CASTRO DE BERREDO (A Bola): No ano 999 está documentado o “Castellum Berreti”. Sobre o castro construíuse un castelo.
CASTRO DE RAMIL (Triacastela): No ano 1002, no Tombo de Samos, cítase o castro Ramir.
CASTRO DA ERMIDA DO SAN MARCO (Sarria): Un documento do ano 1009 fala da doazón da ermida "cun suo castro", se ben, que eu saiba, non apareceron restos, e a configuración do terreo, moi modificado, non axuda a localizalo.
CASTRO DA RODELIÑA (Cartelle): Aínda que catalogado coma un castro, creo que se trata dun círculo sobre o que logo se edificou unha torre medieval. Citado como “Vimeira” no ano 1025, e como “Peraria” no 1027.
CASTELO DE RIBEIRA (Xinzo de Limia): Por información achegada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán, no Tombo de Celanova (ano 1043) lese: "... territorio iam dicta Limia, subtus castro et eclesia sancti Georgii".
CASTRO DA RETORTA (Guntín de Pallares): No ano 1089, a condesa Elvira doa á igrexa de Lugo as posesións que tiña “in illo castro antiquo quod est inter Sancta Cruce et Sancto Romano”.
CASTRO DE ESPOSENDE (Ribadavia): Citado como Castro da Penitencia nunha doazón ao mosteiro de San Clodio de Leiro do ano 1096.
CASTRO DE CASTROVITE OU SANTA MARIÑA (A Estrada): No ano 1115 aparece citado como “Castro Biti”.
CASTRO CARIBIO (Cabanas): Cítase nun documento do ano 1135, onde o rei Afonso VII pon couto e defensa á igrexa de San Xoán de Caaveiro.
COMARCAS DO EUME E FERROL: Do ano 1135 é un documento en que o rei Afonso VII pon couto e defensa da igrexa de San Xoán de Caaveiro, citándose, entre outros sitios, Castro de Rairyz, Castro Malo e Castro Mouro, que polo de agora non atopei.
CASTRO MALO (Tomiño?): Nun documento do ano 1138, o rei Afonso VII, nunha confirmación dos términos do mosteiro de Barrantes, cítase tamén un "Castro Malo".
CASTRO PODAMIUM (Guitiriz): Descoñezo a que castro fai referencia. Citado en documentos do mosteiro de Monfero nos anos 1147, 1172, 1195 e 1215. Di que se atopa entre o porto de Verea e a mámoa de Corvite: "Quod villare iacet in terminis de villa de Ovoriz, inter porturn de Verea mamoan de Corviti, prope castrum Podamium et montem Ordinum".
CASTRO DA MEDORRA (Xunqueira de Ambía): Citado nun documento do ano 1150 do mosteiro de Xunqueira de Ambía: "...ad castrum de Medorra...”.
CASTRO DA CHAIRA (Xunqueira de Ambía): Mencionado no documento anterior do ano 1150.
CASTRO DE AMOEXA (Antas de Ulla): Nun documento do 1160 cítase como “Castro de Monegia”, e no 1165 como “Castro de Amonegia”.
CASTRO DA CROA (Ferrol): Citado no ano 1173 no Tombo II do mosteiro de Sobrado dos Monxes.
CASTRO DE UNTIA (Betanzos): Citado no traslado da vila de Betanzos ao castro de Untia sancionado por Afonso IX.
CASTRO DE DUREIXA (Monfero): Citado na documentación do mosteiro de Santa María de Monfero como "Doreixa" nos anos 1205, 1206 e 1212. Tíñao sen localizar, pero si o arqueólogo Eloi Saavedra, que me di, en efecto, que está nas Dureixas, tamén en Monfero, que non debemos confundir con Dureixa, no mesmo concello.
CASTRO DE XOVE (Guitiriz): Citado nun documento do mosteiro de Monfero do ano 1267 como “Jove”.
CASTRO DA MAN DA MOURA (entre os concellos de Carballeda, Melón e Ribadavia): Citado no Tombo do mosteiro de Melón no século XIII.
CASTRO DE BARONCELLI (Monterrei): Do século XIII son varios os documentos sobre a orde de destrución da poboación que na Idade Media se asentaba no lugar que ocupara o castro de Baroncelli, onde logo se levantou o castelo de Monterrei. No 1225 o papa Honorio III notifica ao mosteiro de Celanova a súa conformidade coa destrución da poboación do “castrum quod vocatur Berin” en terras de Baroncelli. Pero a arqueóloga Nieves Amado Rolán dime que Baroncelli aparece moito antes, no ano 950, no Tombo de Celanova doc. nº 95: "...et de ipsa archa in directo ad castrum Baroncelli...".
