Achego algúns castros citados na
documentación medieval máis antiga. O máis antigo que atopei é o de Chavaga, en Monforte de
Lemos. Hainos que aparecen na documentación pero polo de agora non
conseguín situalos xeograficamente. Coma sempre, se alguén ten máis
información, agradécese a achega. (Foto do castro e igrexa de
Chavaga).
CASTRO
DE CHAVAGA (Monforte de Lemos): Citado no Concilio de Lugo do ano 569
(Era DCVII): “... quintus comitatus Paramunsis... de alia parte
levat se in Salvatur, venit ad Castrum de Zavaga”.
CASTRO
DA RODELA DE FIGUEIRA (Monforte de Lemos): Un documento do ano 572
fai alusión a un castro de Fiolleda citándoo como “Fenoli
castrum”.
CUNCA
DO CASTRO (Portomarín): Citado nun documento do ano 572 como límite
do condado de Pallares como castrum “Nesperariae”.
CASTRO
DE LARDEIROS (Monterroso):
Cítase no ano 572 como Lardarius castrum.
DOUS
CASTROS DE RIBADEO NO DIPLOMA DO REI SILO: No documento, do ano 775,
lese: "… cum omnem exitu et regresu suo, castros duos quum
omne prestacione suam…". Achegado polo investigador Alberto
Paraje que me di que é probable que se refira aos castros de
Carcovas, na parroquia de Ove, e Pumarega, na parroquia de Cubelas,
concello de Ribadeo.
A LIMIA (Bande): Na documentación do mosteiro de Celanova do ano 905 di que as igrexas de San Martiño e San Xoán atópanse "iuxta aquas calidas ripa Limie prope aulam sancte Columbe virginis sub crepidine montium Castro Vemes", é dicir que estas igrexa atópanse á beira do río Miño, preto do santuario de Santa Comba.
SAN
CLODIO DE AGUIAR
(Outeiro
de Rei):
No ano 897 menciónase eiquí o "castellum
Aquilare",
e no 998 o "castrum
Aquilare".
SAN
CLODIO DE AGUIAR
(Outeiro
de Rei):
No ano 897 menciónase eiquí o "castellum
Aquilare",
e no 998 o "castrum
Aquilare".
CASTRO
DE XANROZO (Betanzos): Citado no ano 911 ao delimitar o couto do
mosteiros de Cis como “castrum Ieroncio”.
CASTRO
DE LITORIA (Esgos): Aparece nun privilexio de Ordoño II do ano 921;
di que o mosteiro de Ribas de Sil sitúase “subtus Castello
Litoria”, e ao demarcar o couto sinala “deinde per illa vereda
maiore que discurrit de Astorica ad castrum Litorie”. No ano 923:
"in monte Baron inter Bubale et Caldelas, super Castro Litorie,
in loco predicto Felgarius". A arqueóloga Nieves Amado Rolán
achégame que no Tombo de Celanova, ano 976, lese: "...in villa
quam vocitant Tredones que est subtus castro Litorie".
CASTRO
DE PRAVIO (Cambre): Nun documento do ano 932 cítase “archam de
castro de Prauio”, nunha doazón ao mosteiro de Pravio.
CASTROMAO
(Celanova): Citado como Castro Malo nun documento do Tombo de
Celanova do 935: "De Uillar qui est subtus Castro Malo".
CASTRO
DE AMBOADE (Pantón): Citado como “Evolati” no século VIII, e
“Deuvoari” no XI.
CASTRO
HONORI (Celanova ou Cortegada): Citado no Tombo de Celanova do século
X, no inventario das propiedades adquiridas polo frade Hermenexildo e
as súas irmás. Polo de agora non o teño localizado.
CASTRO
PELOSINO: Sobre o castro edificouse un castelo en época medieval,
citado en documentos dos anos 956, 960, 961, 997, 1003, 1011 e 1076.
No documento do ano 960, a arqueóloga Nieves Amado Rolán achégame
a cita: "... in villa que dicunt Rabanal territorio Arnogie
subtus castro Pelosino". No do ano 1003: "... et est ipsa
terra territorio Ravanale, super castro Pelosino, inuertente ad aquas
quas nuncupant Arnogia". Referirase ao castro da Rodela, entre
Rabal (Celanova) e Faramontaos (A Merca)?
CASTRO
DE SAMBREIXO OU CRO DO CASTRO RIBEIRO
(Láncara):
No Tombo de Samos do ano 982 cítase
o
“castro
de sancto Vereximo”.
CASTRO
DE BERREDO (A Bola): No ano 999 está documentado o “Castellum
Berreti”. Sobre o castro construíuse un castelo.
CASTRO
DE RAMIL
(Triacastela):
No ano 1002, no Tombo de Samos, cítase o
castro
Ramir.
CASTRO
DA ERMIDA DO SAN MARCO (Sarria): Un documento do ano 1009 fala da
doazón da ermida "cun suo castro", se ben, que eu saiba,
non apareceron restos, e a configuración do terreo, moi modificado,
non axuda a localizalo.
CASTRO
DA RODELIÑA (Cartelle): Aínda que catalogado coma un castro, creo
que se trata dun círculo sobre o que logo se edificou unha torre
medieval. Citado como “Vimeira” no ano 1025, e como “Peraria”
no 1027.
CASTRO
DE FORMIGUEIROS
(Samos):
A primeira mención do castro data do ano 1031, nunha doazón, como
“castro
de Formigarios”;
en doazóns e preitos do século XI aparece como “Castrum
de Formicarios”.
CASTELO
DE RIBEIRA (Xinzo de Limia): Por información achegada pola
arqueóloga Nieves Amado Rolán, no Tombo de Celanova (ano 1043)
lese: "... territorio iam dicta Limia, subtus castro et eclesia
sancti Georgii".
CASTRO DE SAN MIGUEL DE CASTRO (A Estrada): Citado na documentación do mosteiro de Toxosoutos no ano 1150 c0mo "Castro Bertamiri".
CASTRO
DA RETORTA (Guntín de Pallares): No ano 1089, a condesa Elvira doa á
igrexa de Lugo as posesións que tiña “in illo castro antiquo quod
est inter Sancta Cruce et Sancto Romano”.
CASTRO CONELLOSO: Na documentación do mosteiro de Celanova do ano 1093, Alvaroni
Rekesendiz dóalle, polo remedio da súa alma, ó mosteiro de
Celanova e ó abade Pedro a súa herdade en Causo, citándose un "Castro Conelloso". Polo de agora descoñezo a cal se refire.
CASTRO
DE ESPOSENDE (Ribadavia): Citado como Castro da Penitencia nunha
doazón ao mosteiro de San Clodio de Leiro do ano 1096.
CASTRO DE CELME (Rairiz de Veiga): Na documentación do mosteiro de Celanova do ano 1108, nunha carta enviada por Vimara Marquiz ao abade pedro, cítase este castro onde se levantou un castelo na Idade Media: "Hec
hereditas littore Limie fundata subtus castro Celme…".
CASTRO
DE CASTROVITE OU DE SANTA MARIÑA (A Estrada): No ano 1115 aparece
citado como “Castro Biti”.
CASTRO VENTOSO (Maceda): Citado nun documento do mosteiro de Montederramo do ano 1134: "... penedum sub Castro Ventoso". Achegado por Miguel Ángel González Gómez que me di que o documento, aínda que se considera falso, o castro existe.
CASTRO
CARIBIO (Cabanas): Cítase nun documento do ano 1135, onde o rei
Afonso VII pon couto e defensa á igrexa de San Xoán de Caaveiro.
COMARCAS
DO EUME E FERROL: Do ano 1135 é un documento en que o rei Afonso VII
pon couto e defensa da igrexa de San Xoán de Caaveiro, citándose,
entre outros sitios, Castro de Rairyz, Castro Malo e Castro Mouro,
que polo de agora non atopei.
CASTRO
MALO (Tomiño?): Nun documento do ano 1138, o rei Afonso VII, nunha
confirmación dos términos do mosteiro de Barrantes, cítase tamén
un "Castro Malo".
CASTRO VETERE (Muros): Citado nun documento do Tombo de Celanova como "Castro Vetere". Referirase ao castro de Ventín?
CASTRO
DE NEGRELLE
(Aranga):
Citado
como “Negril” na
era 1178 (ano 1140). Volve
citarse no ano 1159.
CASTRO PODAMIUM (Guitiriz): Descoñezo a
que castro fai referencia. Citado en documentos do mosteiro de
Monfero nos anos 1147, 1172, 1195 e 1215. Di que se atopa entre o
porto de Verea e a mámoa de Corvite: "Quod villare iacet in
terminis de villa de Ovoriz, inter porturn de Verea mamoan de Corviti,
prope castrum Podamium et montem Ordinum".
CASTRO
DA MEDORRA (Xunqueira de Ambía): Citado nun documento do ano 1150 do
mosteiro de Xunqueira de Ambía: "...ad castrum de Medorra...”.
CASTRO
DA CHAIRA (Xunqueira de Ambía): Mencionado no documento anterior do
ano 1150.
CASTRO
DE AMOEXA (Antas de Ulla): Nun documento do 1160 cítase como “Castro
de Monegia”, e no 1165 como “Castro de Amonegia”.
CASTRO
DA CROA (Ferrol): Citado no ano 1173 no Tombo II do mosteiro de
Sobrado dos Monxes.
CASTRO
DE UNTIA (Betanzos): Citado no traslado da vila de Betanzos ao castro
de Untia sancionado por Afonso IX.
CASTRO
DE DUREIXA (Monfero): Citado na documentación do mosteiro de Santa
María de Monfero como "Doreixa" nos anos 1205, 1206 e
1212. Tíñao sen localizar, pero si o arqueólogo Eloi Saavedra, que
me di, en efecto, que está nas Dureixas, tamén en Monfero, que non
debemos confundir con Dureixa, no mesmo concello.
CASTRO DE XOVE (Guitiriz): Citado nun documento do mosteiro de Monfero do
ano 1267 como “Jove”.
CASTRO
DA MAN DA MOURA (entre os concellos de Carballeda, Melón e
Ribadavia): Citado no Tombo do mosteiro de Melón no século XIII.
CASTRO
DE BARONCELLI (Monterrei): Do século XIII son varios os documentos
sobre a orde de destrución da poboación que na Idade Media se
asentaba no lugar que ocupara o castro de Baroncelli, onde logo se
levantou o castelo de Monterrei. No 1225 o papa Honorio III notifica
ao mosteiro de Celanova a súa conformidade coa destrución da
poboación do “castrum quod vocatur Berin” en terras de
Baroncelli. Pero a arqueóloga Nieves Amado Rolán dime que
Baroncelli aparece moito antes, no ano 950, no Tombo de Celanova doc.
nº 95: "...et de ipsa archa in directo ad castrum
Baroncelli...".
CASTRO DE SANTO ANDRÉ (Sarria): Citado como "Castro de Sant Andre" nun documento do ano 1304.
CASTRO DE NEIRA (O Páramo): Citado na venda dun terreo no ano 1307.
CASTRO ALFONSÍN (Lugo): Citado no ano 1438 como "Castro Alfonsyn".
CASTRO DE BÓVEDA (Lugo): Citado como "Castro de Bobeda" no ano 1478.
CASTRO DE BELESAR (O Incio): Citado nun foro do ano 1487 como "Castro de Velesar".
Máis información nas entradas dedicadas aos castros.