ARTIGOS/PRENSA II

Neste apartado pódense ver os artigos publicados no seu  momento como apéndice ás entradas xerais do blog. En primeiro lugar as achegas máis recentes.

> Requiem por Soutomerille
> Novo castro en Outeiro de Rei
> Turismo, patrimonio e cultura
> Un círculo lítico en Lugo
> Outra agresión a unha mámoa en Friol
> Agresión ao castro de Trasmonte (Friol)
> Certame de investigación do Concello de Friol
> A pedra que dominaba o tempo
> Un dolmen con gravados en Friol
> Novas mámoas en Begonte e Outeiro de Rei
> A misteriosa cabeza de Pedrouzos-Ribón (Friol)
> Ao César o que é do César 
> Novas mámoas en Outeiro de Rei
> Petroglifos entre O Corgo e Castroverde
> Agresión a un BIC e novas mámoas en Outeiro de Rei
> Atentado a unhas mámoas en Ferrol
> Gravados inéditos no Incio
> O Alto do San Cibrao (A Bola): 7.000 anos de historia
> Nova desfeita no parque empresarial de Friol
> Novas sobre a torre de Caldaloba
> Novas agresións a mámoas en Friol
> Agresión a unha mámoa en Oza-Cesuras
> O dolmen de Vilalvite, en Friol, xa foi descuberto no ano 1992
> Agresión a unha mámoa en Friol
> A Pena das Verrugas (Friol)
> Mámoa inédita en Negueira de Muñiz
> Agresión aos petroglifos do Pé da Mula
> O campamento romano da Cortiña dos Mouros
> Petroglifos inéditos en Pontedeume
> A figura de Martul 
> Agresión a unhas novas mámoas en Ferrol
> O Marco da Gándara (Sober)
> Novo castro no Incio
> Mámoa, petroglifos e castro inéditos en Monforte
> Mámoas abandonadas en Miño
> Os primeiros petroglifos da Fonsagrada
> SOS pola ara de Eiras (San Amaro)
> Mámoa e petroglifos inéditos en Outeiro de Rei 
> Agresión a mámoas en Oza-Cesuras e Ferrol
> Petroglifos inéditos en Lugo
> Petroglifo do Paseo Fluvial (Friol)
> Castro sen catalogar no Corgo 
> Curiosidades na igrexa de Moreda (Monforte)
> Unha estrutura circular en A Brea (Bascuas-Lugo)
> Ruínas arruinadas en Cospeito
> Petroglifos inéditos en Lugo
> O petroglifo trampolín do Agro do Pepe (O Incio)
> Monforte: Mouras, corvos, santos e tesouros
> Unha torre medieval camuflada

REQUIEM POR SOUTOMERILLE
 
Quen  transita polo tramo do Camiño Primitivo a Santiago que discorre por Soutomerille, no concello de Castroverde, axiña se decata da súa apracible fermosura. Aparcamos o coche xunto a moderna e insulsa igrexa parroquial e emprendemos a andaina. Despois de pasar xunto unhas casas adentrámonos no camiño que, seguramente, xa percorrían os habitantes do castro da Croa hai uns 2.000 anos, erixido a pouco máis de 500 metros de distancia. Na primeira bifurcación de camiños tomamos o da dereita, o que leva ao castro, para achegarnos ao antigo e solitario cemiterio, a derradeira morada dunhas ánimas que conviven cos míticos mouros que nas inmediacións, asegúrase, aínda conservan os seus "asentos" esculpidos nas rochas graníticas.

 

Desandamos uns poucos metros e retomamos o sombrizo e silencioso camiño dos peregrinos. Á nosa esquerda vemos unha casa arruinada que, din os papeis, goza da máxima protección legal (que cousas!). É a coñecida como Torre de Arriba. Pouco se sabe sobre ela. Foi reedificada no ano 1590. A encanastrada torre é a parte máis antiga que se conserva. Tiña cárcere, os seus señores, de soga e coitelo, levantáronna a carón do camiño para, sen dúbida, fornecer os seus petos cos abusivos trabucos que cobraban aos camiñantes, autóctonos e foráneos. 

 

Un pouco máis adiante, a man dereita, facéndose oco entre o pétreo muro que o abeira, atopámonos co colosal Castiñeiro da Corredoira que leva saudando aos camiñantes dende hai máis de 350 anos.

 

Continuamos baixando pola suave pendente da corredoira, despois dunha aberta curva, elevada sobre un pequeno altorelo a man esquerda, albiscamos a igrexa de San Salvador, a denominada como Igrexa Vella. No ano 1122, o templo aparece citado como monasterium de Sauto Maireli; Sauto Meyril no 1222; Souto Meyrile no 1286; Souto Merelle no 1293; e Souto Meirilli e Souto Meyrilli no 1309. Houbo eiquí un cenobio? Se foi así acollería un reducido número de relixiosos, quizais se tratara dun mosteiro familiar de tradición visigótica (o nome de Soutomerille pode derivar dun posesor visigótico que atendía por Mirellus), antes de que xurdiran as grandes fundacións cluniacenses e cistercienses. Como aclara o etimólogo don Nicandro Ares Vázquez, convén ter en conta que na Idade Media utilizábase ás veces monasterium como se fose eclesia.

 

Na igrexa, abandonada na actualidade e en precario estado de conservación, queda como testemuña da súa orixe prerrománica a fiestra do testeiro leste da ábsida, con aberturas alongadas rematadas en ferradura. Sobre ela vese a seguinte inscrición: "QVAN SIT ANTIQVA/ECLESIA LAPIS IN/FERIOR TESTATVR".

 

O templo foi reedificado no ano 1619, época á que corresponde a fachada principal, renacentista, con frontón recto e tímpado con escudo. Sobre a porta unha inscrición que di: "REEDIFICATVM + ANNO 1609/PER DOMINOS LICENCIATOS ALFONSVM/ET PETRVM LOPEZ PALLIN, FRATRES". 

 

Consta dunha nave rectangular abovedada en pedra, con arco triunfal de medio punto e retábulo policromado en pedra. No pavimento atopáronse tres inscricións en pedra de lousa de época visigoda. Consérvanse dúas lápidas sepulcrais do século XVII, brasonadas con escudos, unha pertencente a don Andrés López Pallín. No ano 2015 denunciaron o roubo da campá do século XVII. 

 

Ao seu carón está a arruinada Casa-torre de Abaixo que funcionou como reitoral.

 

A asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde leva denunciando hai anos o penoso estado de conservación en que se atopan estes monumentos que abeiran o Camiño Primitivo, reclamando a súa valorización que, sen dúbida, acrecentaría o atractivo deste fermoso tramo.

Para rematar, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de enviar un escrito ao Concello de Castroverde, por iso do rigor histórico, para que modifique o panel que informa sobre a Igrexa Vella. Di, textualmente, que a fiestra da parte traseira é "de tempos anteriores á chegada dos romanos". Un chisco esaxerados! 

 
NOVO CASTRO EN OUTEIRO DE REI



TURISMO, PATRIMONIO E CULTURA (artigo de Miguel Anxo Fernán Vello)


UN CÍRCULO LÍTICO EN LUGO


 
OUTRA AGRESIÓN A UNHA MÁMOA EN FRIOL

AGRESIÓN AO CASTRO DE TRASMONTE (FRIOL)
CERTAME DE INVESTIGACIÓN DO CONCELLO DE FRIOL

O xurado do "II premio de investigación histórica, cultural e etnográfica" do Concello de Friol vén de facer público os traballos ganadores nesta edición do ano 2018. O compañeiro Brais Rodríguez Romero máis eu tivemos a honra de recibir o primeiro premio cun traballo sobre as mámoas e os petroglifos do municipio, uns bens patrimoniais practicamente descoñecidos pola maioría da xente. Nel achegamos preto de 250 mámoas e unha trintena de gravuras rupestres, moitas inéditas. Co traballo tamén pretendemos facerlle unha pequena homenaxe a Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela, os primeiros que investigaron de forma exhaustiva o patrimonio prehistórico deste concello, ardua investigación que aínda está por recoñecer por parte das administración públicas. Ao longo das súas páxinas facemos unha descrición dos xacementos, analizamos o seu estado de conservación (de regular a malo) e achegamos un bo número de lendas e tradicións a eles asociados. O segundo premio recaeu en Ana Fariñas cun traballo sobre a prehistoria de Friol. Vaian dende eiquí os nosos parabéns. A presentación pública dos traballos celebrouse o sábado, 9 de xuño, no Centro Socio-Cultural de Friol.



A PEDRA QUE DOMINABA O TEMPO
UN DOLMEN CON GRAVADOS EN FRIOL

NOVAS MÁMOAS EN BEGONTE E OUTEIRO DE REI
 
A MISTERIOSA CABEZA DE PEDROUZOS-RIBÓN (FRIOL)
AO CÉSAR O QUE É DO CÉSAR

O día 27 de febreiro de 2018, Brais Rodríguez Romero máis eu achegámonos ao lugar onde se atopa unha mámoa que, inexplicablemente, non está inventariada nin por Patrimonio nin polo Concello de Friol. Digo o de inexplicable porque este enorme túmulo, duns 25 metros de diámetro e case 3 de altura, foi documentado hai case trinta anos por Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela, e publicado posteriormente na revista Croa da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga no ano 1996. Atópase na parroquia de Anxeriz, nunha penichaira situada a algo máis de 500 metros de altitude.

 

Bautizada polos seus descubridores como Medorra da Pola, ten un gran cráter de violación, producido hai uns sesenta ou setenta anos cando os veciños da aldea escavaron a mámoa para extraer as pedras da cámara megalítica para usar noutras construcións e, a un tempo, para ver se atopaban posibles "tesouros". Ao parecer, un dos esteos do dolmen tiña pinturas de cor vermella. Nas inmediacións da mámoa, que posteriormente foi atravesada por unha pa escavadora, aínda se ve un gran chanto partido que pertenceu á cámara. Sobre o túmulo vense gran cantidade das pequenas pedras que formaban parte da coiraza que o recubría. 

 

No mes de outubro de 2017, os medios de comunicación fixéronse eco da descuberta dun enterramento do Neolítico na parroquia de Vilalvite, tamén en Friol, coa cámara megalítica case completa e que Patrimonio axiña se apresurou a visitar e catalogar. Ao velo decidimos saír ao paso da noticia, aclarando que xa fora descuberto e tamén publicado por Juan Núñez e Laura Rodríguez no ano 1992.

 

Lamentamos que o laborioso traballo destes investigadores nos concellos de Friol e Outeiro de Rei, que realizaron entre finais dos anos oitenta e principios dos noventa, quedara relegado ao esquecemento e non se lle recoñeza.

No concello de Friol coñécese a existencia de 270 mámoas distribuídas por 30 parroquias, se ben unhas 100 foron destruídas.

Xa llo comunicamos a Patrimonio para que proceda á súa catalogación. 

O día 3 de abril de 2018, despois da visita dos técnicos, comunicáronnos que xa foi incluído no inventario de bens patrimoniais da Xunta de Galicia.
NOVAS MÁMOAS EN OUTEIRO DE REI

 
 

PETROGLIFOS ENTRE O CORGO E CASTROVERDE

 



AGRESIÓN A UN BIC E NOVAS MÁMOAS EN OUTEIRO DE REI



ATENTADO A UNHAS MÁMOAS EN FERROL

GRAVADOS INÉDITOS NO INCIO

O ALTO DO SAN CIBRAO (A BOLA): 7.000 ANOS DE HISTORIA

Vémonos de pascuas en ramos, ou mellor dito, de Nadal en Nadal. De aí, cando todos durmen os excesos da Noiteboa, Xose, Rafa máis eu quedamos, insultantemente cedo, no bar "San Pedro", na rúa Celso Emilio Ferreiro, para despexar a testa co mellor café de Ourense. A noite anterior deseñamos o plan a seguir que, coma sempre, incumprimos nun noventa e cinco por cento. Xose, por estar farto do seu monótono horario como ensinante; Rafa, porque sempre foi así, laiándose, iso si, de que teña que exercer a súa profesión de arqueólogo fóra dun país onde case todo está por facer; e eu, porque me aburre a rixidez. En definitiva, os planos que o día anterior confeccionamos para Xunqueira de Ambía e Paderne trocámolos, nun segundo, polo da Bola e ata o que nos dera tempo ata a hora de xantar.

A primeira parada foi na igrexa mosteiral de San Munio de Veiga. Por sorte atopámola aberta. A visita foi rápida, xusto para sacarlle unha foto á ara romana que se custodia, dende non hai moitos anos, no interior, a que tiña subida no blog, de 2014, apenas se lle adiviñaba a epígrafe.  Empotrada na casa reitoral, foi descuberta por Manuel Blanco Guerra. Está adicada por Ligarius Sabinus a Xúpiter. Lese: "I(ovi) O(ptimo) M(aximo)/LIGARIUS/SABINUS/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)".

 

Demos media volta e dirixímonos cara a parroquia de Pardavedra para encarar o Alto de San Cibrao. A última visita fora no ano 2004. Lembramos a impenetrable néboa que nos recibiu aquel xélido día. Non sei se nos viu alguén mentres subiamos, pero se foi así de seguro que se persignou unhas cantas veces ao ver aos encarapuchados da Santa Compaña na procura dalgún infeliz para engordar a lúgubre comitiva. Pero destas acompañounos a climatoloxía, mañá fría si, pero sen choiva nin néboa, así que encaramos o camiño de terra que nos levaba ata o cume, a 914 metros de altitude. 

Atacamos os últimos metros ata o cume de San Cibrao que actúa como divisorio entre os concellos de Allariz, A Bola, A Merca e Rairiz de Veiga.    

Os primeiros trazos da presenza humana neste monte achégannolo as cinco mámoas (unha atópase a uns 50 metros do conxunto), todas violadas, que hai na elevada chaira, dúas coa cámara megalítica con oito esteos cada unha pero sen tampa cobertoira; apareceron restos cerámicos, puntas de frecha e microlitos. A simple vista, nada cambiara, ata os antiestéticos e enferruxados ferros que suxeitan unhas pranchas coa lenda "dolmen" continuaban alí. Nas inmediacións hai dúas grandes pedras fincadas nas que algúns queren ver os chantos dunha anta ou, incluso, uns menhires prehistóricos. Nin os uns nin os outros, as pedras foron cortadas e chantadas en tempos recentes, cando se acondicionou o lugar para a romaría que se celebra a finais do mes de agosto. Tamén se ergueron unhas grandes cruces de nulo valor artístico.

 
 

Percorremos a pouca distancia que hai ata a ermida. No Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII cítase a capela ao delimitar a parroquia de Seoane (Allariz), e o marco que aínda se ve ao seu carón ao marcar os límites da parroquia de Corvillón (A Merca): "subiendo al lugar de Forxás hasta dar con la piedra fita". En efecto, detrás da ermida hai unha pedra fincada con tres cruces gravadas, dúas en cadansúa cara e a terceira na parte alta. Trátase dunha pedrafita contemporánea da necrópole megalítica logo reutilizada como marco? En dúas das caras a pedra foi desbastada, e non na prehistoria, o que non quita que noutro momento cumprira unha función distinta. 

 
 
 

Pero volvamos á capela. Hai quen leva a súa fundación ao século VIII, se ben o vestixio máis antigo é un ventanal xeminado empotrado nun muro que non vai máis alá do X, século en que, disque, San Rosendo mandou edificala. Despois sufriu varias reformas, a última importante no XVIII.  Aquí practicábse o ritual para curar a tangaraño (diaño maligno que ataca os nenos deixándoos raquíticos ou deformes). Curábase pasando as criaturas debaixo do altar por tres veces mentres se recitaba unha letanía. Dependendo da xente coa que se fale, a orixe deste rito varía substancialmente pero, invariablemente, os primeiros en practicalo foron os da súa parroquia.

 

A poucos metros do edificio hai un cemiterio. Cóntase que neste pequeno camposanto repousan os fundadores da ermida, un deles o dun tal San Cibrao tal como reza a inscrición que gravaron sobre un monolito pétreo no ano 1988. Pero, que San Cibrao? O santoral católico fala de dous persoeiros con este nome: San Cibrao de Cartago, morto no século III, e San Cibrao de Antioquía, o mago, finado no século IV. A este último apónselle a autoría do coñecido como Libro de San Cibrán ou O Ciprianillo, libro de ensalmos, rituais e esconxuros para curar determinados males e, sobre todo, para atopar os tesouros agochados polos mouros, entre outros sitios, en mámoas e castros. Pero está claro que este San Cibrao, que morou neste monte bautizado co seu nome, non pode ser o mesmo xa que, tal como indicamos máis arriba, fundou a ermida no século VIII; e, ademais, ningún dos santos citados estivo, que saiba, por Galicia.

 

Falando do santo de eiquí, non elevado aos altares oficialmente, en Corvillón (A Merca), unha das parroquias que lindan no citado marco, un home contounos que antes da construción da capela o bo Cibrán xa vivía neste monte, na capilla do santo. Onde quedaba?, preguntamos, dando por sentado que desaparecera. "No dolmen", e no outro o seu compañeiro", foi a sucinta resposta. Lembreime da "Capela do Vieiro", en Friol, mais coñecido como dolmen da Moruxosa, onde, segundo a tradición, acolleu un eremita.

Rematamos a visita diante da fachada principal da ermida. Unhas inscricións modernas que hai sobre a porta fan que para a maioría pase desapercibida unha pedra máis pequena situada á esquerda. Trátase dunha epígrafe de época romana que foi reutilizada na reconstrución. Desgastada e regravada, a interpretación non resulta doada. Rivas Quintas, no 1999, leu:    ".../FLAV(ius) UBAICI/BOVITA/L(ucius) FLAVIUS AG/EI N".

 

Deixamos o monte de San Cibrao. Dende abaixo, unhas antenas de telefonía é o único que destaca no cume. Quizais, dentro duns centos de anos, os visitantes se pregunten que relación tiñan aquelas agullas metálicas coas mámoas, os petroglifos, a inscrición romana, o marco e a ermida. Vai ti a saber! 

De volta para Ourense, na Manchica, desviámonos cara outro San Cibrán, pero das Viñas, para ver se destas continuaba a acompañarnos a sorte e a igrexa románica do Santo Cristo estaba aberta. Pois non, coma en anos anteriores permanecía pechada. Pero si, estabamos de sorte: unha muller asomou pola porta da súa casa. Ao preguntarlle cando abría a igrexa respondeunos que só pola semana. Mágoa. "Pero, se queren vela, eu teño a chave". Deixe que lle dea un abrazo (pensei). Por fin podía ver e quitarlle a foto ao miliario reaproveitado como pé do altar. Descuberto no ano 1972 no interior do templo, reza: "M(arc)O AUR(elio)/CARINO/NOB(ilissimo)/CAE(ari)", "Dedicado a Marco Aurelio Carino, nobilísimo César".


NOVA DESFEITA NO PARQUE EMPRESARIAL DE FRIOL

A principios do mes de setembro de 2017, os colectivos Patrimonio dos Ancares e ADEGA presentamos denuncia ante Patrimonio e o SEPRONA pola agresión con maquinaria pesada dunha mámoa da necrópole megalítica denominada Monte da Gándara-Monte das Tenzas, onde está o parque empresarial de Friol, catalogada coa clave GA27020050. 

O día 8 do mesmo mes, nunha nova visita ao sitio, atopámonos con outra desfeita recente. Trátase da mámoa catalogada coa clave GA27020049, situada a carón de onde se prevé construír unha pista. Neste caso non é que o enterramento fose alterado como o anterior, simplemente fixérono desaparecer, xa non queda absolutamente nada, só un cacho de terra perfectamente aplanado. Mesmo cremos que puidera contar con cámara funeraria formada por varios esteos de pedra. Segundo a ficha confeccionada cando a súa catalogación pola Xunta de Galicia, este túmulo tiña unhas medidas de 30 metros de diámetro e 0,40 de altura. Agora monte raso. 

No Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) figura unha modificación puntual para a nova localización do parque empresarial (publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia de Lugo no ano 2004) onde se aprecia claramente nos planos do propio Concello que na zona hai catro túmulos catalogados, entre eles o alterado gravemente e o desaparecido.

Está máis que claro que aquí non cabe alegar descoñecemento, si premeditación, quen ordenou facer desaparecer a mámoa era consciente do que había.    

Lamentablemente, xa nada se pode facer por estes importantísimos bens patrimoniais, pero a Administración debe actuar de forma inmediata e con contundencia, e así llo requirimos, contra o responsable ou os responsables dos atentados e, de ser o caso, de quen os permitiron. Con independencia das responsabilidades penais que puideran derivarse, a Xunta de Galicia, despois de comprobar os danos, debe aplicar o procedemento sancionador previsto na vixente Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, considerando isto como unha falta moi grave que conlevaría unha sanción que vai dende 150.001 a 1.000.000 de euros.

O mércores día 13 enterámonos de que a Consellería de Cultura abrirá dilixencias para esclarecer os feitos que "inclúen valoracións dos informes existentes, facer informes propios e contrastar os feitos". Ademais terase en conta as alegacións dos interesados para, con todos os datos, "valorar as circunstancias que concorran para ben abrir un proceso sancionador ou ben dalo por pechado". No mes de decembro a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural abriu un expediente de sanción. No mes de xullo de 2o18 comunicáronnos que os responsables foran sacionados. Debido á Lei de Protección de Datos, e ao non ser parte afectada, non nos dixeron nin o nome dos autores nin o importe da sanción, pero supoñemos, tal como marca a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia que considerarían a destrución da mámoa como grave, impoñéndolle unha multa que vai dende os 6.001 a 150.000 euros.

 
NOVAS SOBRE A TORRE DE CALDALOBA

O día 12 de agosto de 2016 diriximos uns escritos ao Concello de Cospeito e aos grupos municipais con representación no mesmo (PP, BNG e PSOE) alertando da deterioración e do estado total de abandono en que se atopa a torre de Caldaloba e o seu entorno. Ante a falla de resposta, o 26 de maio de 2017 solicitamos unha entrevista co alcalde para tentar buscar unha solución para salvar emblemática fortaleza e a súa posta en valor. O 30 de agosto Óscar Rego Felpeto, en representación de numerosos veciños do concello, máis eu mantivemos a devecida entrevista co alcalde.

 

A arruinada torre presenta, no seu conxunto, numerosos derrubes e gretas, ademais de estar invadida pola maleza. O camiño de acceso resulta practicamente intransitable pola falla de mantemento, con silveiras, toxos, ortigas, etc. que nin siquera permiten un mínimo achegamento. Resulta incomprensible que o monumento máis emblemático do concello (figura no seu escudo), declarado Monumento Nacional por decreto do 22 de abril de 1949 e Ben de Interese Cultural no 1994, se atope en tales condicións. Dentro do réxime xeral de protección do patrimonio histórico, as torres, castelos e pedras heráldicas obstentan o maior grao de protección (decreto do Ministerio de Educación Nacional de 1949, Lei do Patrimonio Histórico Español de 1985, e Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 2016).

 

No seu artigo 3, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia di que as entidades que integran a Administración local, en relación aos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen a obriga de protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural, debendo adoptar, en casos de emerxencia, como este, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que viren a súa integridade ameazados, debendo comunicarlle á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran. No artigo 32 refire que as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e evitar a súa perda, destrución ou deterioración. Ao tratarse dunha propiedade privada, o artigo 37 obriga aos titulares a comunicarlle á consellería competente calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

Para salvagardar os restos da torre, propuxémoslle ao alcalde que o Concello se faga con ela, ben sexa por medio da compra, cesión ou doazón. Mentres tanto urxímoslle a necesidade de acometer uns elementais traballos de consolidación, limpeza da contorna e sinalización. A pesares da cativa restauración de finais do pasado século XX, a torre mostra un estado máis que deplorable e a ruína e o abandono apoderáronse do lugar. 

Dixémoslle ao alcalde que, aínda que non se trata da fortaleza máis espectacular de Galicia, si é unha das máis emblemáticas xa que foi o derradeiro baluarte da resistencia da nobreza galega en contra dos intereses e pretensións centralizadoras dos Reis Católicos. Entre os seus muros resistiron Constanza de Castro, filla do decapitado mariscal Pardo de Cela, e o seu marido Fernán Ares que se enfrontaron ao ataques do gobernador Diego López de Haro, enviado polo rei para poñer orde en terras galegas. 

Para salvagardar os restos da torre, propuxémoslle ao alcalde que o Concello se faga con ela, ben por medio da compra, cesión ou doazón. 

Mentres tanto falámoslle da necesidade de acometer uns elementais traballos de consolidación, limpeza da contorna e sinalización. A pesares da consolidación que se realizou a finais do pasado século XX, a ruína e o abandono apoderáronse do lugar.

 

Despois de máis de unha hora de conversa en que analizamos a situación deste importantísimo ben patrimonial, o alcalde comprometeuse ao seguinte: 1. De forma inmediata limpar a maleza que invade o camiño que vai cara a torre e sinalización do acceso. 2. Solicitar permiso a Patrimonio en Lugo para limpar a maleza que invade a torre e outros elementos defensivos (foxos e parapeitos). 3. Dirixirse á Dirección Xeral do Patrimonio en Santiago para tratar sobre a consolidación da torre. 4. Iniciar as conversas cos actuais propietarios da fortaleza para que pase a titularidade do Concello, ben sexa por unha cesión a longo prazo ou unha doazón.

Tamén lle propuxemos poñer en valor a necrópole megalítica do período Neolítico da Millarada formada por 32 mámoas e onde levan aparecido machados, aixolas, trapecios de sílex e outras pezas que formaban parte do enxoval funerario dos enterramentos. Gran parte deste material custódiase no Museo Provincial de Lugo. Este tema da necrópole e outros tratarémolo en próximas reunións. 

Para rematar, dicir que saímos esperanzados da reunión co alcalde que en todo momento se mostrou sensible e disposto a axilizar as xestións para a limpeza, sinalización e consolidación da torre, ademais de poñer todos os medios para que pase ao Concello. Tamén quedamos en facer de forma conxunta un seguimento dos traballos, mesmo nos invitou a acompañalo nas reunións que manteña con outras administracións e cos propietarios da torre.
NOVAS AGRESIÓNS A MÁMOAS EN FRIOL
AGRESIÓN A UNHA MÁMOA EN OZA-CESURAS


O DOLMEN DE VILALVITE, EN FRIOL, XA FOI DESCUBERTO NO ANO 1992

O pasado día 9 de outubro de 2017 enterámonos polos medios de comunicación de que persoal de incendios de Medio Rural descubriran un dolmen nos montes de Vilalvite, en Friol, uns dos enterramentos do Neolítico, segundo os arqueólogos da Xunta de Galicia, mellor conservados da provincia de Lugo. Antes de continuar queremos aclarar que con esta achega non pretendemos, nin de lonxe, restarlle mérito aos traballadores de Medio Rural nin aos arqueólogos da Xunta, pola contra, grazas a eles cabe a posibilidade de que se realicen unha serie de actuacións para poñelo en valor, evitando, como acontece coa maior parte dos enterramentos megalíticos do concello de Friol, que se atopen nun estado lamentable de conservación ou, como denunciamos recentemente nunhas mámoas do parque empresarial, se destrúan. Mais, dito isto, tamén queremos que se coñeza quen foron os seus descubridores. 

O mesmo día que saíu a noticia, chamoume o compañeiro Brais Rodríguez Romero para comunicarme a boa nova, mais axiña engadiu que ese dolmen non lle era descoñecido. Foi entón cando nos puxemos máns á obra para tentar saír de dúbidas. Se ben é certo que coñecemos a maioría dos enterramentos do concello, tamén o é que este nunca o visitaramos, pero soar soábanos. De que? Foi a raíz dunhas fotos feitas recentemente por integrantes da asociación A Castronela, de Friol, cando saltou a lebre. 

No ano 1992, Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela fixeron un traballo titulado “Prospección e inventario de túmulos megalíticos do concello de Friol (Lugo). 1ª parte. Zona oriental”, que logo extractaron no ano 1996 en Croa número 6 (o boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga) baixo o título “Prospeccións no concello de Friol (I): mámoas e folclore arqueolóxico”. Desas xa escribiron que este dolmen era un dos máis interesantes do concello de Friol, situado no monte de Santa Marta e coñecido como Medorna da Zanca, o Zancón ou Forno dos Mouros. 

Ao ver as fotos da asociación A Castronela e dos autores citados, as dúbidas esvaéronse, comprobando que se trata do mesmo enterramento. A única diferencia está en que cando o visitaron F. Núñez Jato e Laura Rodríguez a tampa aínda pousaba sobre os esteos (agora atópase desprazada), e que o sitio, que na actualidade está plantado de pinos, daquelas estaba inzado de maleza. 

Nunha ficha confeccionada pola Xunta de Galicia no ano 1997 á que tivemos acceso (clave de identificación GA27020REF13) di que non se puido localizar, facendo constar, iso si, que se trataba dunha referencia de Núñez Jato e Rodríguez Varela. É posible que os técnicos que naquel momento se achegaron ata o lugar non deran con el pola mesta matogueira e porque as coordenadas dos autores estaban lixeiramente erradas. 

E ata eiquí a nosa pequena achega, cuxa única intencionalidade é a de recoñecer o labor de Juan F. Núñez  e Laura Rodríguez hai xa 25 anos. 

A continuación achegamos as fotos da asociación A Castronela feitas recentemente, e as de Núñez Jato e Rodríguez Varela de hai 25 anos.

AGRESIÓN A UNHA MÁMOA EN FRIOL


A PENA DAS VERRUGAS  

Preto da aldea de Romá, na parroquia de Vilafiz, atópase a coñecida como PENA DAS VERRUGAS. Trátase dunha rocha situada xunto o rego de Guimarei á que se accede por medio de tres escalóns realizados artificialmente sobre a pena. Na parte alta, horizontal, ten dous buratos de forma circular. Un ten unhas medidas de 20 centímetros de diámetro e 39 de profundidade, e o outro 29 centímetros de diámetro e 38 de profundidade. Segundo a tradición, un permanece con auga e o outro baleiro, mudando dun burato ao outro cada ano. Ao parecer a auga alí depositada posúe propiedades medicinais que curan as verrugas. A persoa debe meter a man na pía que naquel momento teña auga e lavar a verruga ao tempo que se recita o seguinte ensalmo: "Verruguiñas traio, verruguinas vendo. Déixoas eiquí, e voume correndo". Para que produza o efecto desexado, acostúmase a deixar algunha moeda na pía. Para rematar o ritual, deberase marchar do lugar sen volver a cabeza cara atrás.

 

Solicitamos a Patrimonio da Xunta de Galicia que a Pena Castrela sexa incluída no cátalogo de bens culturais como xacemento arqueolóxico, e a Pena das Verrugas como sitio de valor cultural tal como recolle a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia publicada no mes de maio de 2016.


MÁMOA INÉDITA EN NEGUEIRA DE MUÑIZ

AGRESIÓN AOS PETROGLIFOS DO PÉ DA MULA

Os petroglifos do Pé da Mula sitúanse nos montes do Costal, parroquia de Sabaxáns (Mondariz). Trátase dunha das superficies graníticas con arte rupestre máis importantes de Galicia, ocupando unha superficie de 200 metros cadrados onde se poden ver zoomorfos, círculos concéntricos,  unha posible esvástica, coviñas, cruces e outros motivos, salientando no conxunto dous labirintos, un deles de 1,70 metros de diámetro o que o convirte, ata o momento, no máis grande de Galicia de todos os que están documentados.

Lamentablemente, a pesares de gozar da máxima protección legal (BIC), o día 15 de abril de 2017, cando me acheguei ata o sitio, comprobei que os milenarios petroglifos sufriron unha brutal agresión. Recentemente, uns desaprensivos resaltaron os erosionados motivos, non xa con xiz (que tampouco se pode facer) senón cunha pedra, ocasionándolles serios danos.

 

Durante máis de dez anos, os gravados sufriron bastante desgaste xa que sobre as pedras pasaba maquinaria agrícola e gando dunha granxa colindante que ao menos ata o 2012 carecía de licencia.

Nese mesmo ano procedeuse ao seu cercado para protexer as gravuras pero a día de hoxe a cerca atópase comida pola maleza o que fai difícil o acceso ao interior.  Sobre o panel, mesturado coas gravuras, tamén se insculpiron inscricións modernas.

 

A única sinalización existente é de hai varios anos, e non foi nin o Concello nin a Xunta de Galicia quen a colocou senón a asociación cultural Nova Xesta tal como figura nos paneis.

 

O día 17 presentei no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia senllos escritos, un dirixido ao Servizo do Patrimonio Cultural en Pontevedra e outro ao Concello de Mondariz para comunicarlle as agresións e poñan en valor as gravuras.

Historia de Galicia

La Voz de Galicia
 
Televisión de Galicia

Faro de Vigo


ACONDICIONAMENTO E SINALIZACIÓN DOS PETROGLIFOS

No mes de decembro de 2018, a Consellería de Cultura e Turismo comezou os traballos de acondicionamento e sinalización do conxunto.

PETROGLIFOS INÉDITOS EN PONTEDEUME

A FIGURA DE MARTUL

Na parte baixa da fachada sur-oeste da casa reitoral de Martul situada nas inmediacións da igrexa de orixe románica de San Pedro, no concello de Outeiro de Rei, hai unha pedra de granito de 48 por 40 centímetos que foi reaproveitada para tapar unha ventá. Nesta pedra foi gravada en baixorrelevo a imaxe dunha figura humana, de 40 por 20 centímetros, con trazos ben definidos e profundos que debuxan o corpo, brazos, pernas e cabeza, apreciándose tamén a boca e os ollos. A única e breve referencia a esta singular peza débese ao sacerdote e director do Museo Diocesano de Lugo D. Jesús Guerra Mosquera, publicada no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo no ano 1976. Di Guerra Mosquera que podería tratarse dunha divindade, quizais unha versión céltica da deusa da fecundidade, tal como semellan indicalo os seus trazos marcadamente femininos e a posición das súas mans sobre o ventre. 

Descoñécese cando foi trasladada para a reitoral, pero segundo nos contaron uns veciños sempre se dixo que a atoparan nunha mámoa do cordal de Acevedo, montes que se localizan na mesma parroquia. Si formara parte dunha mámoa, a súa antigüidade habería que situala no Neolítico, o que resulta bastante improbable. A figura, en efecto, semella a representación dunha divindade feminina espida, quizais relacionada coas Matres Gallaiciae célticas, as deusas nais, unha das formas do principio feminino da natureza e baixo cuxa protección se colocaban os nosos antepasados, deidades que eran avogosas da fertilidade e da prosperidade con virtudes sandadoras, vencelladas en moitos casos aos mananciais mineiro-medicinais. Esta peza de Martul rondará os 2.000 anos de antigüidade. A pedra parece que foi cortada nalgún momento, advertíndose unhas marcas que ben puideron pertencer a outro debuxo. 

Trátase dunha representación pouco común, non só na provincia de Lugo, senón no resto de Galicia, polo que nos chamou poderosamente a atención que estea sen catalogar. Xa no seu momento o señor Guerra Mosquera lamentaba que esta peza arqueolóxica non merecera máis atención por parte dos organismos competentes para poñela a bon recaudo, exposta a ser destruída e a desaparecer para sempre. 

No Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo presentamos un escrito para que se proceda á súa catalogación, instándoos a que se poñan en contacto co Bispado de Lugo, propietario da casa reitoral, para que asegure a protección do baixorrelevo e que sexa trasladado ao Museo Catedralicio ou, no caso de non facelo, que sexa a propia Xunta de Galicia quen traslade a figura para o Museo Provincial.
AGRESIÓN A UNHAS NOVAS MÁMOAS EN FERROL

O MARCO DA GÁNDARA (SOBER)

 

NOVO CASTRO NO INCIO

 

O día 24 de febreiro de 2016, dende o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo comunicáronme que, despois da visita dos técnicos, o castro foi catalogado coa clave de identificación GA27024078.
MÁMOA, PETROGLIFOS E CASTRO INÉDITOS EN MONFORTE

MÁMOAS ABANDONADAS EN MIÑO



OS PRIMEIROS PETROGLIFOS DA FONSAGRADA 

 
SOS POLA ARA DE EIRAS (SAN AMARO)
 
MÁMOA E PETROGLIFOS INÉDITOS EN OUTEIRO DE REI
 
 
 

O día 3 de agosto de 2017 saíu publicado no DOG unha Resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en que procederon a incluír estes petroglifos no Rexistro de Bens de Interese Cultural.

AGRESIÓN A MÁMOAS EN OZA-CESURAS E FERROL
PETROGLIFOS INÉDITOS EN LUGO 


PETROGLIFO DO PASEO FLUVIAL (FRIOL)

No ano 2013, o veciño de Friol, Diego Viñas Santos, cando paseaba o seu can, sentouse nunha pena granítica que hai a carón do paseo fluvial de Friol, próxima ao río Narla e á piscina municipal. Foi entón cando, casualmente, reparou no que semellaban uns gravados na pedra. Sacoulle unha foto e envioulla ao Concello e a Patrimonio para que se interesaran polo achado, pero non volveu a ter noticias. Días atrás, José Antonio Paz Ben, tamén de Friol, mandoume a foto que daquelas lle enviara Diego. O pasado luns, 25 de xullo de 2016, Brais Rodríguez Romero máis eu quedamos con José Antonio e achegámonos ata o sitio.

Trátase dunha pena lixeiramente inclinada e case rente ao chan, cunhas medidas aproximadas de 5 x 5 metros. A metade foi cortada. Obsérvase que é máis grande pero atópase tapada. Debido á forte erosión das insculturas, situadas na parte máis alta e lisa, non resultou doado dar con elas. Despois de limpar a pedra superficialmente localizamos as seguintes gravuras:

Combinación de catro círculos concéntricos con coviña central. O círculo maior ou exterior ten unhas medidas de 32 centímetros de diámetro. É o mellor conservado.

Combinación de tres círculos concéntricos con coviña central. O círculo exterior ten unhas medidas de 30 centímetros de diámetro.

Combinación de dous círculos concéntricos con coviña central. O círculo exterior ten unhas medidas de 22 centímetros de diámetro.

A poucos metros hai outra pena granítica de 3 x 1,70 metros con oito cazoletas cuxo diámetro oscila entre 7 e 20 centímetros. Algunhas semellan naturais.
 
 

Canto ao significado, como acontece coa meirande parte dos petroglifos galegos, é un tema moi complexo e na maior parte dos casos indescifrables, mesmo para as formas máis básicas da arte rupestre, interpretándose como símbolos solares, espazos simbólicos ou por motivacións relixiosas, entre outras. Xunto coas coviñas, son os máis característicos da arte rupestre galega. Pola súa semellanza con conxuntos doutras zonas da costa atlántica europea, téñense formulado hipóteses de relacións entre Galicia e outros países atlánticos durante o Megalitismo e a Idade do Bronce. Os círculos concéntricos poden ir sós ou formando parte doutros conxuntos, e hainos con coviña central, como é o caso, e sen ela.

 

Despois de comprobar que non estaban catalogados, púxenno en coñecemento do Concello de Friol e do Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Como sinala a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, aprobada o pasado mes de maio, as gravuras rupestres gozan da máxima protección legal e teñen a consideración de BIC (Ben de Interese Cultural) polo que as administracións públicas teñen a obriga de protexelas e divulgalas.

CASTRO SEN CATALOGAR NO CORGO


CURIOSIDADES NA IGREXA DE MOREDA (MONFORTE)

O sábado, 27 de agosto de 2016, na nosa teima por atopar algún petroglifo no concello de Monforte de Lemos, achegámonos ata O Regueiro, unha pequena aldea da parroquia de Moreda, lugar elixido na Baixa Idade Media para erguer unha igrexa posta baixo o padroado do Salvador. Ao seu carón discorre o Camiño de Inverno cara Santiago de Compostela, se ben, como nos contou un veciño, o tramo entre A Lagoa e a igrexa apenas se utiliza na actualidade debido a que, cando chegan as choivas, o camiño que comunica os dous lugares está moi enlamado, optando os peregrinos por continuar pola estrada cara Pacios.

  
 

Frei Martín Sarmiento, na súa viaxe a Galicia do ano 1745, cita aquí un priorado que ao parecer pertenceu á encomenda dos monxes do Hospital de San Xoán de Xerusalén que entre os séculos XVI e XVII habitaron no castelo de Torrenovaes que no século XII se levantou nas terras de Quiroga.

Do templo románico pouco queda, só unha portada no lateral dereito, marcas de canteiro e algunha que outra pedra incompleta con indescifrables motivos que aínda se poden ver en varias pedras da primitiva fábrica. Entre as pezas reutilizadas está unha cruz de Malta situada por riba da porta principal.
 
 
  
 

Aínda que só como conxectura, baixo o lintel da portada románica vese gravada unha flor de lis. O símbolo da orde de Santiago, creada no século XII, é a Cruz de Santiago e tres das súas puntas están rematadas coa representación desta flor. Foi tamén a igrexa propiedade dos santiaguistas?

 

Á dereita da igrexa hai unha fonte moderna de fundición. Para que bote auga hai que presionar co pé un aparello que se atopa rente o chan. A calor (arredor de 35º) animounos a refrescarnos na, de seguro, fresquísima auga. Fugaz ilusión, do bico da fonte non saíu nin unha mísera pinga. 

 Foi aquí cando reparamos nunha pedra medio soterrada que hai ao pé da fonteseca. Máis ca pedra en si, o que nos chamou a atención foi o material. Mármore? Coa axuda da paleta e do cepillo limpamos toda a superficie, e si, en efecto, era mármore. Pero había algo máis. Sobre a prancha rectangular de 1,80 por 0,70 metros había gravado un escudo bastante esvaído. No primeiro cuarto vimos o que semellaba un cáliz; no segundo cinco barras (o que en heráldica chaman estacas); no terceiro outras cinco barras máis; e no último un animal rampante, posiblemente un león. Buscamos algunha epígrafe debaixo da pedra armeira pero estaba máis lisa ca palma da man. Tratábase, sen dúbida, dunha lápida cuxa inscrición fora borrada ou, simplemente, non chegara a facerse por calquera motivo. Pero que pintaba alí? A resposta déunola un matrimonio da aldea. A lápida estaba no interior do templo, pero hai uns vinte e cinco ou trinta anos, cando se realizaron unhas obras no edificio, levantáronna e trasladáronna para o lugar onde a podemos ver hoxe en día. Así, sen máis.

 

Pero, quen era a familia propietaria do escudo? Os Balboa, os Quiroga? En Lama de Franco, na mesma parroquia, está a casa-torre de Moreda. A fortaleza orixinal, que lle dá nome, foi destruída polos Irmandiños, dela só queda a torre na fachada oeste. Orixinariamente contaba cunha pedra armeira que foi levada para a Casa da Lama, en Novelle. Dise que no interior da igrexa había un sepulcro pertencente aos señores da Torre de Moreda. Formaba esta lápida parte do sepulcro. 

A ambos os lados da porta principal da igrexa do Salvador de Moreda hai uns bancos de pedra practicamente iguais. Cada un está formado por unha prancha granítica ben traballada apoiada sobre dúas pedras de boa feitura que lle serven de apoio. Por non perder o costume centrámonos neles. Na parte á vista do primeiro non observanos nada chamativo, pero ao apaxar as mans por debaixo da pedra notamos algo. O tacto non nos enganara, na parte biselada vimos unha pequena inscrición formada por dúas palabras (cada palabra separada por tres puntos aliñados verticalmente). Da inscrición, moi deteriorada, polo de agora só puidemos interpretar, dunha forma máis ou menos fiable, a última palabra: DEO. Comprobamos que o resto da superficie inferior fora totalmente repicada.

 

O Camiño de Inverno aproveitou varios tramos dunha vía sencundaria romana que partía de Dactonium, a capital do pobo prerromano dos Lemavos, e cuxa ubicación non está clara, aínda que todo apunta a que ocuparía o monte de San Vicente do Pino, onde na Baixa Idade Media se ergueu o mosteiro bieito e o castelo dos poderosos condes de Lemos. Esta pequena introdución ben a conto para falar doutro elemento do segundo banco que, como dixemos máis arriba, é practicamente idéntico ao primeiro. Aquí non descubrimos ningunha inscrición pero si nos chamou a atención un dos pés en que apoiaba a prancha utilizada para sentarse (para nós a peza máis significativa, quizais por ser a máis desexada). Ao contrario dos outros, que son de forma rectangular e tosca, este presenta, de fronte, unha sección redonda, duns 30 centímetros de diámetro. O anaco dunha columna destinada a suxeitar algunha estrutura? Puidera ser, pero desbotámolo cando observamos que outra parte tiña sección cadrada e que, ao contrario da parte cilíndrica, fora traballada de forma bastante tosca, tal como acontecía cos miliarios romanos en que a parte á vista traballábanna mellor que a parte destinada a ser soterrada. Non percibimos ningunha inscrición (agás que figure na parte apoiada no chan), pero a característica anepígrafa atopámola en moitos miliarios galegos que non forzosamente tiñan que ser gravados cunha inscrición, as letras tamén se podían pintar, borrándose a pintura co paso do tempo.
 
 

Na comarca da Terra de Lemos só teño noticia dun posible miliario que estaba xunto unha capela próxima ao castro de Castillón, en Pantón. O miliario máis próximo á comarca é un que na actualidade se atopa tirado xunto a casa de don Luciano Tourón, en Lamaigrexa, parroquia de Farbán (Sarria), a carón da estrada a Monforte, que segundo Rodríguez Colmenero confirmaría a existencia que o Itinerario de Barro anuncia entre Lucus e Dactonium.

As persoas coas que falamos descoñecían a procedencia das pedras dos bancos. 


UNHA ESTRUTURA CIRCULAR EN A BREA (BASCUAS-LUGO)

O pasado 23 de xullo de 2016 colguei no facebook un artigo deste meu blogue titulado Unha torre medieval camuflada onde falo dunha torre que se levantaba no lugar da Eirexe, na parroquia de Bascuas (Lugo). Ao pouco, Elixio Vieites envioume a imaxe do relevo dun círculo situado na Brea, unha aldea da mesma parroquia, a un quilómetro de distancia en liña recta da citada fortaleza. Entre un sitio e outro só se interpón unha polémica canteira. Contesteille a Elixio que cando me fora posible iría ver de que se trataba.¡

 

O 30 de xullo, ao regreso de Meira (por certo, con néboa e chuviscando), Pilar máis eu achegámonos ata A Brea. As indicacións de Elixio eran precisas así que non tardamos en dar co sitio, situado nas inmediacións da aldea. Ao non dar cun carreiro que nos levara directamente ata onde se debía de atopar o círculo, salvamos un muro de pedra que dá a un pastizal. Pilar sinaloume unha mámoa que apareceu ante nós. Sería ese túmulo o que se vía na imaxe enviada por Elixio? Desbotámolo axiña xa que o círculo era moito máis grande, e ademais a morfoloxía non se correspondía cun enterramento megalítico. Medimos a mámoa: 17 metros de diámetro e 1,5 de altura. De seguro que era máis alta pero notábase que perdera parte da masa tumular debido, seguramente, aos labores agrícolas.

 

Despois da mámoa só se vía unha carballeira. Adentrámonos nela. Apenas tivemos que buscar, o sitio, bastante limpo de maleza, permitiunos ver o que agochaba. En efecto, alí estaba o círculo: un lugar totalmente chan arrodeado en todo o seu perímetro por un parapeito (como eses que vemos nos castros) feito con terra e pequenas pedras, cunha altura máxima dun metro e mínima duns trinta centímetros. Polo interior do recinto observamos abundantes pedras, algunhas de boa factura. O diámetro do círculo aproxímase aos 50 metros.

Esta estrutura atópase á mesma altura que os montes circundantes polo que nos fixo pensar nun castro agrícola ou de chaira pero, claro está, non son máis que conxecturas.

 

Á volta puidemos falar cun veciño da Brea que coñecía ben o sitio. Si, na aldea sempre lles chamara a atención aquel círculo obra, aseguraban, dos propios mouros, os mesmos que construíran a medorra próxima. O seu pai, de 95 anos, lembraba que o parapeito tiña case a mesma altura en toda a contorna, pero debido aos traballos agrícolas e o aproveitamento da madeira para leña fora rebaixándose. Aparecera algún tipo de material, instrumento, etc.? Resposta negativa, o único que se sacara dalí foran as pedras cortadas para a construción de muros de peche das fincas.

 

Mais isto non rematara. Ao día seguinte, despois de colgalo no blogue, o sempre informadísimo Brais Rodríguez Romero díxome que o círculo estaba catalogado, feito que tanto Elixio coma eu descoñeciamos. Busquei no PXOM do Concello de Lugo e, efectivamente, alí estaba recollido. Lin: "Recinto de forma case circular defendido por un pequeno parapeito duns 8 metros de ancho (semi-aplanado) e unha altura que oscila entre 1 e 1,5 metros. Atopábase moi deformado por causas dos labores agrícolas. Non se coñecen evidencias ou noticias de ningún tipo de achádego no lugar, nin tampouco existe a evidencia dun topónimo alusivo á posible existencia dun castro ou similar. Non obstante, cando menos chama a atención a súa disposición, lembrando outros xacementos de similares características".

Aínda que a descrición do PXOM non coincide exactamente coa información obtida por nós, tratábase da mesma estrutura.

Un día máis tarde, Elixio achegoume outra ligazón ao PXOM onde fala da mámoa citada máis arriba: "Posible túmulo funerario de forma elíptica situado a uns 30 metros ao NL do asentamento GA159 (é dicir, o círculo), co cal tamén podería estar relacionado. As súas dimensións son de 20 metros no eixo L-O e 18,40 metros no eixo N-S, cunha altura de 1,6 metros".

Se fora así, é dicir, que o círculo estivera asociado ao túmulo, teriamos que desbotar a existencia do castro e tentar buscar algún paralelismo con outros xacementos similares. Con cales? Só se me ocorre a hipótese dun lugar ritual, de que esteamos diante dunha especie de círculo cerimonial, pero que no canto de pedras fincadas tipo Prado das Chantas (O Valadouro) ou do Monte Lobeira (Vilanova de Arousa), os seus construtores utilizaran terra e pequenas pedras. Nalgúns campos de mámoas galegos téñense documentado pequenos círculos interpretados como "pozos" onde logo irían os enterramentos pero que non chegaron a rematarse como é o caso, que eu coñeza, do Galiñeiro (Aranga), Alto da Arma (Castro Caldelas), Pena dos Mouros (Cervantes) e Seixos Brancos (Viveiro). No caso do Alto da Arma, o círculo, co interior totalmente aplanado e unha "coroa" terreira ao redor, ten unhas medidas duns 25 metros de diámetro, e no círculo do Galiñeiro, duns 20 metros de diámetro, as características son semellantes. 

RUÍNAS ARRUINADAS EN COSPEITO

O día 11 de agosto de 2016 achegámonos ata a parroquia do Pino, en Cospeito. O panorama que nos atopamos en dous dos seus principais monumentos non merece outro cualificativo que o de desolador.

A TORRE DE CALDALOBA 

Propiedade privada. De época baixomedieval (Hervés dátaa no séculoXIII, e Vázquez Seijas no XIV). Nalgúns documentos tamén aparece citada como de Vilaxoán. Levántase no Coto do Mato, un outeiro situado a 467 metros de altitude. Destruída polos Irmandiños, foi reconstruída por Fernán Ares, xenro do decapitado Pardo de Cela, quen, xunto coa súa muller e filla do mariscal, Constanza de Castro, rexeitaron os ataques das tropas dos Reis Católicos ata que tiveron que renderse ao podrecer a auga do alxibe. Os reis, despois da conquista, puxéronna á venta para sufragar os gastos do asedio. No ano 1646 aparece como propietario o conde de Fuensaldaña e vizconde de Altamira, Álvaro Pérez de Viveiro. No ano 1755 foi vendida a Gabriel María Montenegro, do pazo de Caldaloba, situado a uns poucos centos de metros (conta a lenda que un túnel comunicaba a torre e o pazo). Para construír o castelo escolleron o emprazamento dun primitivo castro da Idade do Ferro, aproveitando os foxos que o defendían. Consérvase unha arruinada torre de 25 metros de altura, de planta cadrada, con 10 metros de lado e muros de máis de 2,5 metros de espesor, construída en pizarra e cadeirado de granito nas esquinas. Tiña catro andares (planta baixa e tres niveis máis), rematada por unha bóveda de canón da que só se conservan os arranques dos arcos rematados en ménsulas. Durante séculos sufriu varios asedios. Na parte inferior aínda se aprecian os impactos dos bolaños (pedras de forma redonda) lanzados con catapultas ou con primitivos canóns.

 

O abandono da torre prodúcese no século XVII, con referencias documentais sobre a venta de escombros procedentes da mesma. A presenza de vexetación e a exposición á choiva contribuiu á súa deterioración. A parte superior da torre desapareceu por completo e o resto está cortado por grandes gretas verticais. Máis da metade do terzo superior desapareceu (muros posterior e laterais), incluídas as xambas e arcos da porta e ventá principáis (crese que roubadas para a utilización noutras construcións). A fábrica, no seu conxunto, presenta numerosos derrubes e gretas. A parte superior estaba coroada por ameas. Hai uns 30 anos colocouse un andamio arrodeando a torre para retirar as pedras en peor estado pero non se acometeu ningunha obra de consolidación. Dise que o andamio estivo alí durante nove meses, a 1.000.000 das antigas pesestas por mes.

 

A pesares de que a torre foi declarada Monumento Nacional por decreto de 22 de abril de 1949, o seu estado é de completa ruína. Para que se manteña en pé urxiría asegurar a fábrica para evitar o desprendemento das grandes pedras (algunha de 500 quilos) que están a piques de caer e repoñelas nas zonas máis degradadas.

 

Aínda que é o monumento emblemático do concello de Cospeito (unha das torres do seu escudo representa a de Caldaloba), o seu estado de conservación é de completa ruína e está totalmente invadida pola maleza, facéndoa case invisible ao ollo humano. É tanta a matogueira que a arrodea que resulta imposible achegarse ata os muros. E non falemos do acceso para chegar ata ela. O camiño resulta practicamente intransitable. E quen desexe subir ata o altorelo onde está emprazada ten que mentalizarse para sufrir os ataques dos toxos, silvas e ortigas que actúan como unha impenetrable muralla vexetal, quizais para impedir que os visitantes observen aquela ruína arruinada. Se se quere ver arodeándoa polo foxo perimetral, o visitante terá que conformarse con distinguir só o 25% da torre xa que o resto está comido pola maleza.  

 

Dentro do réxime xeral de protección do Patrimonio Histórico, as torres, castelos e pedras heráldicas obstentan o maior grao de protección (decreto do Ministerio de Educación Nacional de 1949, Lei do Patrimonio Histórico Español de 1985 e Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 2016). A lei galega di que os Concellos teñen a obriga de protexer, defender, realzar e dar a coñecer o valor cultural dos bens que se ubiquen dentro do seu termo municipal, correspondéndolles en caso de urxencia, como é este de Caldaloba, adoptar as medidas cautelares necesarias para salvagardar os que se visen ameazados. E os propietarios, posuidores e demais titulares de bens integrantes do noso patrimonio teñen a obriga de conservalos, coidalos e protexelos para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, estrución ou deterioración. O incumprimento destas obrigas conlevará unha multa, e mesmo a expropiación.

En Galicia, as fortalezas arruinadas superan, con moito ás conservadas. Na nosa terra "adórnanse" castelos con alpendres de bloques mentres que outros, din, non teñen dono, sen que as administracións responsables de velar para que se cumpra a lei fagan nada por evitalo.

Serve para algo que un monumento goce da máxima protección legal? Teñen algunha responsabilidade os Concellos e particulares por non protexer o patrimonio tasl como os obriga a lei? Á vista do que hai as respostas non precisan de moita análise: non e non. Como se adoita dicir: papel mollado. Está máis que comprobado que non todas as leis se teñen que cumprir. Hai leis de primeira, de segunda e as que están adorno.

A PONTE DO PORTO 

Atópase tamén na parroquia do Pino. É do século XVII pero de posible orixe romana. Catalogada pola Xunta de Galicia no ano 1991.

 

Ata principios do actual século XXI aínda era utilizada polos veciños como paso para salvar o río Támoga. Foi nos primeiros anos deste século cando o Concello solicitou un obradoiro de emprego subvencionado pola Xunta de Galicia para limpala e consolidala. E aí comezou a desfeita. Os alumnos do obradoiro (que non tiveron culpa) limparon a maleza e arrincaron as pequenas árbores que medraban entre as pedras. Quedar quedou limpa, pero resulta que ao responsable das obras "esquecéuselle" asegurar as pedras polo que na primeira enchenta dese inverno un dos arcos de medio punto veuse abaixo, e do que quedou en pé comezaron a desprenderse as pedras. Todo isto foi a parar ao leito do río o que ocasionou que a auga se fora estancando. E todo isto foi feito sen control arqueolóxico. Para tentar subsanar a desfeita, varios anos despois a asociación de veciños, logo de sortear non sei cantos atrancos, conseguiu permiso para retirar as pedras que atascaban o río e que apilaron nun lugar próximo, traballo inútil porque as pedras continúan a caer e, debido á conxestión producida polos derrubes, fai que aquelas augas sexan totalmente insalubres tal como reza un cartel que colocaron ao efecto. No entorno da ponte acondicionouse hai anos un terreo como área recreativa que ninguén visita, non só porque está inzada pola maleza, senón porque as augas non son aptas nin para bañarse nin para pescar.

 

En definitiva, na actualidade o único que se ve da outrora fermosa ponte é como caen as pedras, uns aramios adosados que ninguén sabe para que serven e a plataforma por onde transitaba a xente cuberta cunha capa de formigón.

 

O día 12 de agosto de 2016 presentamos uns escritos dirixidos ao Concello e aos grupos municipais con presenza no mesmo para que se tomen as medidas urxentes para evitar a desaparición, tanto da torre de Caldaloba como da Ponte do Porto, e tamén no Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para que obrigue ao Concello e aos propietarios da torre a preservalos, e no caso de que pasen se lles aplique o réxime sancionador que estipula a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.


PETROGLIFOS INÉDITOS EN LUGO 

O PETROGLIFO TRAMPOLÍN DO AGRO DO PEPE (O INCIO) 

 


MONFORTE: MOURAS, CORVOS, SANTOS E TESOUROS

O sábado, 2 de xullo de 2016, volvemos a Monforte (a última visita produciuse hai quince días). Pola mañá achegámonos ata o Castelo Pequeno, nome que recibe un altorelo que se ergue na parte baixa e chá do Val de Lemos. Nos terzos nor-oeste e sur-leste presenta dúas pequenas elevacións que se erguen sobre dous cavorcos de pouca altura. Pola súa localización (controla o acceso leste a Monforte) e o seu carácter amesetado pode tratarse dun castro ou dunha vixía de adscrición romana ou medieval. En superficie apareceron anacos cerámicos de época medieval. O motivo que nos levou ata o Castelo Pequeno foi o de comprobar, alertados por un veciño, se nos últimos tempos se realizaron movementos de terra que puideron afectar ao xa moi alterado asentamento.

 

Despois de xantar encamiñámonos ata O Freixo, unha aldea case abandonada (só vive un veciño de forma permanente) situada na parroquia de Ribas Altas, á beira do río Cabe. A elección non foi casual, débese á nosa teima por documentar o primeiro petroglifo do municipio, pretensión, despois de varios intentos, que non conseguimos materializar. Pero, nin moito menos, nos damos por rendidos. Nesta ocasión o noso obxectivo foron varios afloramentos rochosos situados entre os castros do Cornado e da Parte que se atopan a unha distancia, en liña recta, de 1,5 quilómetros aproximadamente. A nosa busca, unha vez máis, resultou infrutuosa.

Pero o noso cometido non rematou aí, os nomes das penas que pisaramos chamáronnos demasidado a atención para dar por finalizada a xornada. Así que, baixo un sol que torraba os miolos, puxémonos a buscar información entre os veciños da zona. A verdade é que non quedamos defraudados. 

Velaquí o que nos contaron.

A PENA DAS MOURAS 
Atópanse por riba dun antigo camiño que comunicaba as parroquias de Ribas Altas e A Parte.
Ademais de para outros cometidos utilizábase (algúns veciños aínda o usan) para asistir á concorrida romaría que o día 21 de setembro se celebra na honra do San Mateo. Sobre algunhas rochas do chan aínda se poden ver as rodeiras que os carros gravaron ao longo dos séculos. O nome do afloramento débese a que alí vivían unhas fermosas mouras que custodiaban un tesouro fabuloso. Baixo dunha das penas hai un pequeno acubillo onde se gorecían os nenos cando ían co gando.

 

O PENEDO DO SAN ROQUE

Situado no mesmo cordal montañoso, a uns 750 metros en liña recta da Pena das Mouras. Leva o nome porque alí houbo unha capela posta baixo o padroado deste santo. Ao parecer, a principios dos anos sesenta do pasado século XX aínda quedaban algúns restos, hoxe en día desaparecidos. Cóntase que o motivo que levou aos veciños a erguer a ermida foi porque no lugar apareceu unha imaxe deste santo. Para darlle o acubillo que se merecía ao protector contra a peste e outro tipo de andazos, leváronno para a igrexa da Parte, mais uns corvos, por indicación do propio santo, volvían a repoñer a talla no sitio onde aparecera. Foi entón cando a xente se decatou de que o San Roque desexaba vivir no penedo.

 

A PENA DOS CORVOS 

Está a uns 1.250 metros do Penedo do San Roque, na outra marxe do río Cabe e ao pé do castro do Cornado. Trátase dunhas penas duns vinte metros de alto, cunhas fendas onde se di que vivían os corvos que devolvían a imaxe do San Roque ao lugar onde aparecera
Se imos á etimoloxía, na súa orixe latina Roque significa "Como unha rocha", mais a forma medieval rochus quizais sexa unha latinización da forma xermánica bruc/brokc, "choia, corvo", ou rôque, "aturuxo de guerra". Curioso.

 

A PENA DO OURO 

Atópase a uns 150 metros da Pena dos Corvos. Trátase dunha gran pena con forma cúbica que semella foi modelada por man humana. Asegúrase que no seu interior agocha un tesouro. Se non foi destruída é porque sábese que quen ousen fendela sufrirán a ira das mouras que vixían dende o outro lado do Cabe. 

 

OS CASTROS DO CORNADO E DA PARTE 

Dise que un túnel comunica os dous asentamentos. Cóntase que dunha antiga canteira que hai preto do castro da Parte sacaron as pedras que serviron para construír os Escolapios. Unha persoa asegurounos que viu pedras que estaban pintadas.

 

UNHA TORRE MEDIEVAL CAMUFLADA

Poucos escoitaramos falar dunha torre medieval na parroquia de Bascuas, no concello de Lugo. As escasas referencias que había sobre ela situábanna preto do lugar da Eirexe. As informacións levábanna para o lugar onde se ergue a coñecida como Casa da Torre, xusto enfronte da igrexa parroquial. Pero se alí estivo, non quedaban restos, ao menos á vista. Incluso había quen negaba a súa existencia, asegurando que se trataba dunha confusión coa aldea de Bascuas, na parroquia de Montecubeiro (Castroverde), onde está documentada unha torre medieval que pertenceu aos Díaz de Neira.

A principios do mes de xullo de 2016 achegámonos ata o lugar, tomando como referencia unha escritura dos anos vinte do pasado século que falaba do lugar de A Torre. Pouco tivemos que buscar, uns veciños lembraban o sitio onde se erguía, cando cativos adoitaban xogar xunto os seus muros. Ata alí nos levaron

Só vimos un pequeno montiño cuberto de maleza, mais ao achegarnos e remexer un pouco na terra demos con parte do lenzo dun muro que os nosos guías axiña recoñeceron. Contáronnos que lembraban perfectamente as catro paredes da construción, asegurándonos que nas inmediacións, hai moitos anos, apareceran restos de sillares e tellas. Nos vimos pedras de boa feitura e anacos de ladrillos e tellas esparexidos polo lugar. 

Segundo as nosas estimacións (moi provisionais), a torre era de planta cadrada, duns oito metros de lado e estaría adicada á vixiancia, quizais do Camiño Primitivo de Santiago que pasa ao seu carón. 

Pouco despois, outra persoa contounos que os propietarios, aos poucos, foron tapando con terra o que quedaba da torre para borrar os restos. Polo de agora só podemos imaxinarnos o porqué.

O estado en que se atopa xa o puxemos en coñecemento do Servizo do Patrimonio Cultural e do Concello de Lugo. Lembremos que ao tratarse dunha fortaleza goza, segundo a lei, da máxima protección legal polo que os propietarios teñen a obriga de preservar os restos, non podendo alteralos.