Castro de Amarante: No ano 2002, durante os traballos de reparación nunha finca, atopouse un pondus. O propietario informou ao párroco e director do Museo Parroquial de Monterroso (onde se atopa), don Carlos Méndez, quen logo o puxo en coñecemento de Javier Gómez Vila quen o publicou en Lucensia (2003): Un pondus romano atopado no castro de Amarante. Lese: XXV e II, que suman XXVII. O peso da peza é de 8.980 gramos o que corespondería casi exactamente coas 27 libras indicadas no epígrafe. No Museo Provincial de Lugo consérvanse dous exemplares, tamén de cuarcita, como o de Castro de Amarante, un foi exhumado no xácigo romano de Castillón (Pantón) por Vázquez Saco, e o outro xunto a muralla de Lugo.
BEGONTE
Ara de San Martiño de Pacios: Atópase nun lado da epístola da vella igrexa de San Martiño: "NIGRINIAN(V)/S AN(norum) X (sexaginta)/(...) H(ic) S(itus) E(st)", "Nigrimianus morto á idade de 60 anos?". Estudada por Arias Vilas.
Inscricións: Na mesma igrexa de San Martiño hai outras dúas inscricións: unha medieval e outra de dubidosa adscrición cronolóxica, quizais romana, co epígrafe "CRAC".
Ara de Virís: Adicada aos Lares Viais. Trátase dun fragmento atopado xunto o muro do cemiterio no ano 1980 polo párroco don Lino Pérez. Trasladada para a igrexa, estivo durante moito tempo xunto a pía de auga bendita que hai á entrada, na actualidade está na sancristía, gardada nun armario: "L(aribus) VIAL(ibus)".
Restos calzada no lugar da Zanca e miliario na igrexa parroquial (Illán).
Hipocausto (Xacemento arqueolóxico do Castrelo): Atopado no ao 2004 nas proximidades do que ía ser a estrada de acceso ao porto. Saíron á luz varios muros e estancias. Despois da súa descuberta os restos continúan sen protección. No ano 2013, o Colectivo O Buril, Mariña Patrimonio, ADEGA e Cultura do País presentaron unha denuncia ante Patrimonio polo lamentable estado do xacemento. Os hipocaustos eran uns sistemas de calefacción empregados para quentar os balnearios e as mansións. No exterior dun edificio construíase un forno e os gases quentes producidos na combustión eran conducidos por canalizacións situadas baixo o chan ata o centro do edificio.
CARBALLEDO
Ara: No interior da igrexa de Temes hai o soporte dunha ara sobre a que se modelou un modillón en época medieval polo que se perdeu o campo epigráfico, se ben se conserva parte da tripla moldura orixinal nos laterais da parte superior e da basa. Estuda por Caamaño Gesto, vese: "(...) O (...)".
Ara aos Lares Viais: Descuberta no ano 1978 polo párroco D. Segundo Capón Linares ao repicar o cal que cubría as paredes interiores da igrexa de Temes. Conserva a parte superior adornada con tres foculus aliñados. Sábese a quen está adicada, mais non o dedicante: "LARIBVS/VIALIBV/S A(?)", "Aos Lares Viais. A(?)").
Capiteis: Formando parte dos muros da igrexa de Temes están á vista tres capiteis para coroar dúas piastras. Outro para unha columna facía de soporte dunha pía de auga bendita. Unha das piastras foi retocada para adaptala no muro sur do presbiterio, a outra fai agora de mesa do altar, apoiada sobre dous dos capiteis mellor conservados. Todos pertencentes ao estilo tardo imperial.
Gravura: Nun dos muros interiores da igrexa vese gravada unha figura en forma de espiña de peixe, tamén reaproveitada, da que non atopamos referencias nos traballos publicados.
Inscrición de Temes: Gravada nunha prancha granítica, tabella con moldura funicular, na parte alta e interior do muro norte do presbiterio. Apareceu no ano 1974 ao desencalar os muros da igrexa. Delgado Gómez dátaa no século IV: "FIDES SPES CARITAS", ("Fe, Esperanza, Caridade"). Da mesma época parece ser unha pomba esculturada noutra pedra, tamén granítica, situada no lateral da nave.
Tampa de sartego: Tampa dun sártego (que non apareceu) atopada no ano 1974 na igrexa de Santa María de Temes. Trátase dunha praca monolítica de mármore branca, incrustada por riba do arco triunfal, datada entre o 320 e o 330 d. C., considerada a testemuña cristiá máis antiga de Galiza. Hai quen sostén que esta peza marmórea foi prefabricada nun taller romano, procedente das canteiras pantélicas de Atenas, e traída dende o veciño porto de Polumbario aproveitando unha vía navegable do Miño (navegable, segundo Schlunk, ata os Peares), ou quizais polo Sil dende a Meseta Norte. No centro leva unha praca lisa ou taboíña destinada a recibir unha inscrición que hoxe non existe e quizais nunca existiu. Á dereita daquela represéntase a escea da Adoración dos Magos, xunto o grupo de Adán e Eva, e á esquerda, a historia do profeta Xonás. No primeiro rexistro a Virxe co Neno no colo e con túnica e palio, tocados co característico gorro puntiagudo frixio e seguidos dos respectivos camelos. No segundo rexistro presenta como centro un tronco de árbore flanqueado por Adán e Eva que tende a mán cara á árbore na que está a serpe. Quizais sexa unha das tampas de sártego máis completas da Península. Ofrece por primeira vez en Hispania o tema de Adán e Eva no Paraíso, e un relato do ciclo de Xonás.
As pezas citadas levan a pensar que en Temes houbo un monumento paleocristián importante, talvez un mausoleu ou capela funeraria dalgún cristián, poderoso e culto dos que aparecen no entorno do val medio do Sil (Crismón de Quiroga), vencellados a vilas e castros tardíos. O propio esporón na ladeira onde se atopa a igrexa debeu de ser un castro reconvertido logo en pequena vila, cunha privilexiada situación sobre a encrucillada de camiños e ríos. En Temes existe a tradición da existencia dun militar romano chamado Marcelo, xa cristián, que sería a orixe da familia dos Temes.
CASTRO DE REI
Castro romanizado de Viladonga, séculos II-V d. C.
Castro de Duarría: Atopáronse uns áureos de época xulio-claudia (s. I d. C.).
Inscrición: Cerámica con grafito: "NANTIVS". Apareceu no castro de Viladonga. Atópase no Museo do castro.
CHANTADA
Ara aos Lares Viais de Belesar: Atopada no ano 1941 polo párroco José de Castro López, facía as funcións de pía de auga bendita na igrexa de Belesar (fotografada por Vázquez Seijas) ata que foi mercada por un descoñecido anticuario de Barcelona. Desaparecida. Adicada aos Lares Viais : ("LARI/BUS/VIAL(ibus)"). Lambrino (1964), baseándose no tipo de dedicatoria, sitúaa cronoloxicamente nos últimos anos do s. II ou principios do s. III.
Ara (Adá): No Museo Diocesano Catedralicio de Lugo hai unha ara anepígrafa. En granito, séculos I-III d. C.
Estela de Andemil (Vilaúxe): La Voz de Galicia, na súa edición de Lemos do día 5 de decembro de 2014, informa do achado dunha peza que formaba parte do peche dunha leira. A peza de granito, incompleta, amosa o que semella unha figura humana realizada de forma tosca onde se aprecia un rostro debaixo do cal aparece insculpida unha cruz latina. Debido ao seu deterioro, non é posible saber se posuía algún tipo de inscrición. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña custódiase unha estela atopada en Tines (Vimianzo) de época tardorromana cuxos trazos son moi semellantes a esta de Andemil. A de Tines, cunha inscrición, está considerada como unha das primeiras mostras epigráficas cristiás de Galicia, se ben quen isto defenden, segundo a miña opinión, non teñen en conta o sártego e a inscrición da igrexa de Temes, en Carballedo. O día 14, o mesmo xornal informou de que a peza vai a ser catalogada por Patrimonio. Tamén recolle a opinión do arqueólogo de Patrimonio Gonzalo Meijide quen di que os debuxos poden ser mostras da arte popular da etapa final do Imperio Romano, época na que se simplificaron as formas tradicionais da escultura clásica. O arqueologo Iván Álvarez Merayo di que a estela mesmo podería ter unha relación cos relevos castrexos. De todos os xeitos haberá que esperar a un estudo máis pormenorizado da peza para poder encadrala cronolóxica e culturalmente.
Lápida romana en Camporramiro?: No mes de xaneiro de 202o, o fotógrafo de La Voz de Galicia Roi Fernández descubriu unha peza que actúa como lintel na porta dunha vella construción situada xunto a igrexa de Camporramiro. Segundo un arqueólogo de Patrimonio do Servizo de Xestión Cultural en Lugo, podería tratarse dunha lápida sepulcral de época romana, se ben aclara que hai que estudala detidamente. Aprécianse unha representación esquemática dunha cara humana, unhas mans talladas con máis detalle e outra gravura que semella unha peza de vestir. En todo caso, máis ca unha lápida sería unha estela.
Moeda: Denario de Tiberio.
Vila de Quintá (Quintá de A Grade): Aquae Quntina foi unha encrucillada de camiños, do que ía de Lugo cara Braga polo campamento de Aquis Querquernis, e que dende aquí partía cara Montefurado polos cóbados de Belesar. Descuberta no ano 1991 cando a construción dunhas novas canalizacións. Apareceron restos cerámicos e de vidro, terra sigillata, fragamentos de ánforas, lucernas e estruturas habitacionais, unha cunha lareira, e unha canle de condución de augas, ademais da ara citada máis arriba. A cronoloxía da vila hai que situala nos séculos III-IV d. C.
Restos calzada en Belesar (Tarrío-San Fiz de Asma).
O CORGO
Ara de Adai
(Pedrafita): A museóloga Carolina Casal Chico achega un interesante artigo no nº 5 de
Corga (2014), A ara votiva de Adai e a promesa a Mercurio, onde
presenta unha análise da peza no seu contorno que abre unha nova vía de
interpretación a partir do rexistro cristianizado da zona. Di a
investigadora que do achado pouco máis se sabe que o recollido no
inventario do museo, cuxa procedencia, casual, foi nas proximidades da
ermida das Virtudes nunha data anterior ao mes de abril de 1924, cando o
cura don Generoso Barreiro a deposita na entidade. Aínda que a peza se
adscribe á parroquia de Adai, a ermida atópase dentro do lugar de
Pedrafita. "MAXV/MVS S/SECVND/I
[F(ilius)] VOT(um) S(olvit) MER(curio) ME(rito)". Séculos I-III d. C. Depositada no Museo
Diocesán de Lugo.
Miliarios de Arxemil: Trátase de tres miliarios atopados no ano 1976. Un, adicado a Adriano, é o fragmento que se atopaba na igrexa de Arxemil, reutilizado como pía bautismal e cunha inscrición moderna na que se le "ano de 1601", rematada por unha cruz; pertence á Vía XIX; na actualidade está no Museo Provincial de Lugo. O segundo, tamén no Museo de Lugo, interprétase: "(ifici) MAX(imo) TRIB(unicia) POT (estate)", ("Ao emperador César Traxano Adriano, fillo do divino Traxano, neto do divino Nerva. Augusto. Pontífice Máixmo, investido na potestade tribunicia"). O terceiro, anepígrafo, está custodiado no Museo Provincial de Lugo e foi localizado cara o ano 1976 no lugar de Perliños.
Miliarios de Castrillón: Un, anepígrafo, está situado no adro da capela de San Bernabé, sobre a croa dun castro; reutilizado como pé de altar no exterior, pintáronlle unha cruz de Santiago en cor vermella. A carón da porta da ermida hai unha pía de granito que semella a reutilización dunha ara ou dun miliario. No interior da igrexa hai unha pía bautismal que se apoia no que pode ser un miliario.
Miliario de Franqueán: Localizado no ano 2001, fincado diante da igrexa parroquial como parte dun muro en posición invertida: "IMP(erator) C(aesar)/MARCO/AVRELIO/CARO/AVG(usto)/INV(icto)/M(ilia) P(assum)", ("Dedicado a César emperador Marco Aurelio Caro, augusto invicto... a? millas". No Museo Provincial de Lugo.
Necrópole en Franqueán: Xunto a igrexa parroquial. Necrópole de inhumación formada por sepulcros construídos con laxas de pedra fincadas no chan, con base horizontal de tégulas.
Restos calzada (Pedrafita): A capela das Virtudes asenta sobre a calzada romana, con restos a un lado e o outro do campo da festa. Descubertos por José Manuel Pol.
Tramos da Vía XIX en Arxemil, Adai, capela das Virtudes, Campelo, Chavín e Rubial.
Campamento romano da Pena Parda: Un importante continxente de tropas romanas penetrou en Galicia a través das montañas que separan A Fonsagrada de Santa Eulalia de Oscos. Así parece evidencialo os restos dun campamento temporal no terreo coñecido como A Pena Parda. A finais do ano 2015, o arqueólogo asturiano Andrés Menéndez descubriu, por medio das fotos aéreas e o LIDAR o peche, a defensa a través dun suco, con formas que tendían a crear liñas rectas coas esquinas arredondadas. A principios do mes de outubro de 2017, os investigadores comezaron os traballos para determinar o estado de conservación do sitio arqueolóxico, determinar as datas de ocupación e así poder establecer de como foi a invasión romana no noroeste peninsular. O estudo completo publicarase na revista Gallaecia, do Departamento de Historia da USC, na que se integra Manuel Costa, tamén do grupo Romanarmy. A finais dos anos noventa do pasado século coñecíanse 11 campamentos deste tipo no noroeste, hoxe son máis de 60 os localizados. José Manuel Costa sinala que estes achádegos están a mudar o xeito de entender como foi a invasión romana en Galicia. Estase a demostrar como o avance progresivo dos romanos fíxose co apoio deste tipo de campamentos temporais (castra aestiva). O da Pena Parda, a 865 metros de altitude, é un dos máis grandes descubertos ata o momento, dunhas dez hectáreas, moi similar ao de Santa Marta de Sarria onde se chegou a instalar todo un exército. No oriente da provincia de Lugo localizáronse hai poucos anos o da Recacha e o da Granda das Xarras entre Ibias (Asturias), Candín (León) e Navia de Suarna (Lugo), e o da Cortiña dos Mouros ou Campo do Circo, no límite entre Cervantes e Balboa (León).
Tesouriño de Monteseiro: No ano 1956, con motivo dos traballos de repoboación forestal no lugar coñecido como A Pena das Olas, en Monteseiro, Oliva Díaz, de 14 anos, atopou nun pequeno recipiente de cobre ou barro 108 moedas de prata (denarios) que foron depositados no Museo Provincial de Lugo despois de mercarllo ao pai de Oliva, Germán Díaz Álvarez, por 875 pesetas. Sete das moedas son republicanas, o resto imperiais, comprendidas entre os reinados de Tiberio e Traxano. Salientan 16 de Vespasiano, 20 de Tito e 50 de Traxano.
Minas auríferas do Chao de Cabeiro (Camín dos Mouros-Vilabol) e Pedras Amontoadas (Monteseiro).

Calzada: Restos en Trasmonte e Guldriz.
Mansión: Mansio Marcie no Itinerario de Antonino, Ponte Nartiae no Anónimo de Rávena, e Ponte Nartiae na II Tábula de Astorga que algúns autores sitúan no actual Marzán, se ben non faltan quen a leven para as ourelas do río Narla, en Friol, pola aparición dun miliario. En Friol tamén adoita situarse a mansión Caranico (Itinerario de Antonino) ou Carantium (no Anónimo de Rávena), se ben Monteagudo trasládaa a Aranga por perda da súa C.
Miliario de Friol: Século III d. C. A primeira foto que coñecemos débese a Juan Núñez Jato antes do ano 1995, estba en posición invertida. Logo foi estudado por Rodríguez Casal no ano 1995. O 6 de marzo de 1996 foi trasladado para o Museo Provincial de Lugo. Do ano 217 d. C., atopábase no Monte Lodoso, xunto a Vía XIX. Servía como lindeiro entre as parroquias de Friol, Guldriz e Santalla de Devesa. Fáltalle parte do texto: "[---] [CAES]ARI . MARCO/[---] . PIO . FELICI . AVG(usto)/[---] [MAXIM]O TRIB(unicia) . POTEST(ate)/[---] [PATR]AE PRO[---]/[------]/[------]/PRI N CIPI . I[---]/ALVCO AV[G](usti)/M(ilia) P(assuum) XI[---]", ("Dedicado ao César emperador Marco Aurelio Antonio, pío feliz augusto, pontífice máximo, con potestade tribunicia, pai da patria, procónsul, fortísimo e felicísimo, príncipe indulxentísimo. A Lugo 11 millas"". Hai unha réplica na praza de Friol.
Moedas e pezas de ouro que Cavada Nieto di que foron atopadas na mámoa dos Castelos.
Pena Armada: Na actualidade é coñecido o Parque eólico que hai no concello. Quizais faga alusión a un posto de vixiancia e control do exército romano.
GUITIRIZ
Ara e estela en Mariz: Téñoas como desaparecidas. Nun debuxo sen data nin autor, lese: "D M S/---/FRONTO/NIS.../M.../V.../SE...S", interpretado: "D (is) M(anibus) S(acrum)/[---] FRONTO/NIS/[F(ilio?)]/M.../V(alerius?)/SE[verus]S"; consagrada aos deuses Manes por Severus; na anotación pon que procede de "Mariz, Santa Eulalia, en tierra de Parga, parroquia de la Encomienda de Puertomarín de San Juan". No debuxo do fragmento da estela di: "parte de otra sepultura en la misma parroquia..., semejante a la que hay en el atrio".
Ara á deusa Coventina: Atopada no ano 1918 (Nicandro Ares di que no 1910) na Ruxida dos Corveiros ou Curveiros, preto do balneario de Guitiriz: "COHVE/TENE/E R(esponso?) N(umidis?)", ("A Cohvetena, agradecendo a resposta da divindade"). Hai autores que sitúan o achado na parroquia de Miraz (Friol). Monteagudo propón que puído estar dedicada por un soldado que formou parte dunha vexillatio enviada o ano 119 a Gran Bretaña, onde, xunto unha fonte de Procolitia do vallum Adriani se veneraba a unha deidade semellante, cuxo nome tiña múltiples variantes. O investigador rumano Scarlat Lambrino sostén que Convetena non é divindade importada senón galaica. No Museo Provincial de Lugo.
Lápida (Guitiriz): Estaba no muro dunha casa de Guitiriz e antes xunto unha fonte próxima, foi enviada para a Academia da Historia polo cura Pedro Sánchez de Ulloa cara o ano 1759; así o conta Manuel Murguía na súa Historia de Galicia. Entre os anos 1714 e 1790 publicouna Xosé Cornide: "DI(is) I(nferis) M(anibus)/A(ulus?) PARRAQ(uius)/AVITVS M/AECIANVS/ANNORV(m) (hedera)/LXV (sexaginta quinque) H(ic) S(itus) E(st)", ("Aos deuses Manes, Aulus? Avitius Maecianus, fillo de Parraquus, morto á idade de 65 anos, xace aquí"). O xentilicio sería a forma primitiva que posteriormente daría o nome de Parga. No Museo Provincial de Lugo.
Lápida en Cuíña (Mariz): Atopada no ano 1972 nunha finca do lugar de Cuíña ao arar a terra cun tractor que a partiu en dous anacos. Estudada por Nicandro Ares Vázquez. Consiste nuns baixorelevos situados por riba dunha inscrición. Na parte superior central estaba o que puido ser o disco solar ou a lúa cos cornos cara arriba. Debaixo hai uns discos constituídos por tres círculos concéntricos cada un. Debaixo destes unha fileira transversal de tres arquiños, soportados pola cartela que contén a fórmula ritual de consagradación aos Deuses Manes: "D(iis) M(anibus) S(acrum)/[PL] ACIDI/[VS] PATER/NVS AN/NORVM (...?) XVII", ("Consagrado aos deuses Manes. Placidius Paternus morto á idade de 17 anos"). No Museo Provincial de Lugo.
Ara a Navia (San Martiño de Monte da Meda): Século II-III d. C. Atopada no ano 1930 por Ramón Castro López no muro dunha finca de Antonio Pérez, da Casa do Corgo, quen a recolleu na coroa do castro do Picato. Na parte superior do frontis ten gravado un crecente luar cos cornos cara arriba en forma de cunca. Segundo Ares Vázquez, lese: "NAVI(a)E/L(ibens?) EX VO(to)/A(ram?) P(ublius) FLA(vius) F(aciendum) S(sacrum) C(uravit)", ("Publius (ou Publicius) fixo (este monumento) cumprindo de bo grado o voto que fixera a Navia, por unha promesa"); Segundo IRPL: "NAVI(a)E/L(ibens) EX VO(to)/A(nimo) P(ublius)/F(lavius)/F(aciendum) S(acrum) C(uravit)", ("Consagrado a Navia, Publius ou Publicius Flavius fixo (este monumento) cumprindo de bo grado o voto que fixera por unha promesa"). No Museo Provincial de Lugo.
Ara a Navia Arconunieca (San Mamede de Lousada): Atopada no ano 1930 preto do castro de San Mamede de Lousada por Ramón Castro López. Século II-III d. C., adicada a Navia Arconunieca por Sulpicius Maximus: "NAVIAE/ARCON/VNIECA/E SVLP(icius)/MAX(imus)/EX VO/TO", ("A Navia Arconunieca, Sulpicius Maximus por unha promesa"). Custodiada no Museo de Lugo.
Castro romanizado de Picato (Monte de Meda): Atopáronse pezas cerámicas e unha ara que cito máis arriba.
Miliario de Entrambasaugas: 211-217 d. C. Descuberto no ano 1942 (ou no 1936 segundo outras fontes) polo médico Pardo Valiña, tumbado á beira dunha pontella xunto a igrexa parroquial, hoxe en día no Museo Provincial de Lugo. Descoñécese a que emperador podería corresponder, barallándose as posibilidade de a Caro, Carino ou Numeriano: "M(arco) AVRELIO/CARO?/CARINO?/NVMERIAN? O".
Miliario de San Romao da Retorta: No Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense de xaneiro-febreiro de 1912, aparece un artigo titulado Nuevo miliario romano, escrito polo sacerdote e historiador Marcelo Macías (1843-1941). Escribe que apareceu cerca de Rábade, nunha finca de Victoriano Sánchez Latas (no 1925 foi presidente da Deputación Provincial de Lugo), quen logo llo regalou a Julián de Diego y Alcolea (1859-1927), daquelas bispo de Astorga (anos despois foi arcebispo de Santiago). O miliario foi levado (como outras pezas procedentes de Galicia) para o coñecido como “Museo epigráfico y lapidario” (hoxe “Museo de los Caminos”), inaugurado no 1913, situado nun edificio do Bispado de Astorga, exposto, tal como se ve nunha foto do ano 1920, máis ou menos no lugar que ocupa na actualidade. Quen visite o “Museo de los Caminos” de Astorga, axiña se decata de que o impoñente miliario, de máis de 2,5 metros de alto, semella presidir a exposición. Ao seu pé hai unha cartela onde se transcribe o texto epigráfico do século I d. C. dedicado ao emperador Calígula: “C. CAESAR DIVI / AVG. PRONEPOS / AVGVSTVS PONT. / MAX. TRIB. POT. III / COS. III P. P.”, ("Caio César Augusto, bizneto do divino Augusto. Pontífice Máximo, investido tres veces da potestade tribunicia. Cónsul por terceira vez. Pai da Patria"). Na cartela tamén se indica a procedencia: “Rábade. Lugo”. É precisamente na procedencia do miliario onde está o erro, aclarado polo propio Marcelo Macías no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense de maio-xuño de 1912, onde recolle que Sánchez Latas lle comunica que non apareceu en Rábade, senón en San Romao da Retorta, no concello de Guntín de Pallares. No artigo O Camiño Primitivo de Santiago: Ruta astur-galaica do interior, publicado en Lucensia (1993) polo historiador Ricardo G. Polín e o sacerdote e lingüísta Nicando Ares Vázquez, achégase que nos anos oitenta do século XIX o miliario foi trasladado de sitio polo propietario do terreo, reutilizándoo como columna dun pendello no curral da Casa de Perucho. Alí viuno José Trucharte, coengo da Catedral de Lugo entre 1880 e 1886, que foi o que deu aviso ao avogado Victoriano Sánchez Latas, futuro presidente da Deputación. Polo tanto, a cartela que figura no “Museo de los Caminos de Astorga” non é correcta, ben porque non teñen constancia da corrección realizada no 1912 por Marcelo Macías, ou porque a errada procedencia tamén figuraba nalgún traballo publicado posteriormente como, por exemplo, no famoso Vías romanas de Galicia (1960), de Estefanía Álvarez. Polo tanto, é necesario que a cartela que figura ao pé do miliario debe ser correcta xa que polo “Museo de los Caminos de Astorga” pasan miles de persoas ao ano que lle fan fotos ás pezas e logo divulgan unha información que non é real (poden verse moitos exemplos na Internet que, como se sabe, toda información espállase como a pólvora). Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares xa lle enviamos ao museo un correo, coa documentación que o acredita, para que o corrixan. En San Román da Retorta hai unha reprodución.
Estela de Río: Formaba parte do muro exterior da igrexa de Río. Estivo exposta na exposión de Galicia no Tempo. Na actualidade atópase encastradada nun muro da pequena sancristía. Trátase dunha estela de granito incompleta que representa no interior dun cadro moldurado a dous persoeiros, ao da esquerda fáltalle gran parte, e o da dereita, co rostro moi borroso e sen un anaco da cabeza, viste unha toga e sosteñen sobre os xeonllos unha especie de cartela onde está escrito un texto en gran parte perdido e de interpretación dubidosa: ".../FELICEM/PARENTEM/.../IVL ET/... FILIO". Semella que están sentados nunha especie de banco. A pesares de estar incompleta e o deficiente estado de conservación, é posible poñelas en relación con outras estelas funerarias contemporáneas, como a de Vilar de Sarria ou o relevo de Adai. Os personaxes pertencerían a unha elite culta e poderosa como nolo amosan a presenza das togas e a cartela coa inscrición. Datada entre os séculos III-IV d. C.
Campamento do Monte da Chá (A Chá de Santa Marta): De forma rectangular cos esquinais arredondados, foi identificado grazas ao emprego da fotografía aérea histórica que amosan que o sitio foi sometido a un constante deterioro dende mediados do século XX. Na actualidade resulta moi difícil identificar sobre o terreo os restos das defensas que estarían integradas por un foxo exterior e por un terraplén que na actualidade conserva uns 70 cm de anchura por 20 de alto. O sitio está moi afectado polas roturacións do terreo para plantacións forestais coa utilización de maquinaria pesada. Unha estrada e unha liña de alta tensión atravesan parte do xacemento, e un camiño forestal aproveitou a cara interna do parapeito como caixa. Nos anos 30 do pasado século construíuse na Chá un aeródromo militar. Información extraída de patrimoniogalego.net.
Outros xacementos: A Croa (Carracedo); Monte Tandeira (Cedrón); A Ermida (A Lama); A Poza Grande (Vilarello).
A Armada (Lagos): Preto do Camiño Real e dunha variante da vía XIX. Quizais faga alusión a un posto de vixiancia e control do exército romano.
LOURENZÁ
Miliario: Na igrexa parroquial de San Adrao, do século XVI e construída sobre un primitivo mosteiro, a pía de auga bendita é un miliario romano dun metro de altura.
LUGO
Segundo algunhas hipóteses, Lugo debe o nome a unha divindade de filiación céltica, pode que asimilada ao Mercurio romano, que é Lug que encaixa co nome de Lucus que significa bosque sagrado.
Acueduto: As obras na rúa de San Marcos, fronte á Deputación Provincial, deixaron ao descuberto parte do acueducto romano. Cando a construción do hospital de Isabel II no século XIX (edificio que hoxe en día acolle a Deputación) estragouse parte do acueducto.
Ara do século III d. C. adicada por Saturninus, un liberto imperial, a Xúpiter, aos Numina, a Xuno, a Venus, a África, a Frugifer, a Augusta Emérita e aos Laribus Gallaeciar(um) atopada na muralla no ano 1973, preto da porta de San Pedro.
Ara de Coraelia Rufina: Descuberta no ano 1941 por Vázquez Seijas no muro que sostiña a escaleira do soto dunha casa situada na rúa Bispo Aguirre. De granito: "CORAELIA/RVFINA/EX VISV/LIBENS/MERITO". No Museo de Lugo.
Ara aos deuses Lugobos: Apareceu na rúa Montevideo. Século II-III d. C. Adicada por Valeriano Clemente: "LVC(ouis) GVD/[--]OV[---]/CLE(mens)/ V S L".
Ara aos deuses Manes: No ano 1888, Villa-Amil y Castro envía á Academia da Historia unha carta, con debuxo incluído, sobre a aparición desta ara. En memoria de Publilia Florina morta aos oito anos: "D M S/PVBLIA/FLORINA/AN VIII/H S E".
Ara aos deuses Manes: Adicada por Xullo Rufino, funcionario romano nacido en Astorga, morto en Lugo aos 27 anos.
Ara aos deuses Manes: Traducida, di: "Aos Deuses Manes. Marco Aurelio a Festina Licima Celina, de 30 anos, esposa queridísima. Que a terra che sexa leve".
Ara aos deuses Manes: Atopada na Praza de Santo Domingo no ano 1936. Traducida, di: "Aos Deuses Manes. O pai puxo este título aos seus moi fieis fillos, asasinados o 30 de marzo: Paterno, de 26 anos, e Materno? de ... anos. Aquí xacen. Que a terra lle sexa leve".
Ara aos deuses Manes: Aparecida no ano 1879 ao derruar un sector da antiga muralla: "D(iis)/M(anibus)/Phitltates/ornatricis/c.../co...o/domo August(is)/Taurinis/conservi eius".
Aras e estela aos deuses Manes: No Museo Provincial de Lugo consérvanse 11 aras e unha estela a estas divindades.
Ara a Laho Paraliomego: Foi atopada por Manuel Magadán nos cimentos dunha casa que estaba a construír na rúa Bispo Aguirre. Magadán mandoulle unha carta ao P. Fita pedíndolle consello para enviala ao Museo de Madrid por non existir "Museo alguno en esta ciudad". Publicado polo P. Fidel Fita nun Boletín da Real Academia da Historia no 1910 Adicada por Caelius Rufinus: "LAHO PAR/ALIOMEGO/CAELIVS RVFINVS EX VOTO". Século II d. C. No Museo Provincial de Lugo.
Ara a Lucobo Arousaego: Apareceu na rúa Montevideo. Século II-III d. C. Adicada por Rufina ou Rutilia Antiana: "LVCOBO AROVSAE(ego?)/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito) RV[tilia]/ANTIANA. No Museo Provincial de Lugo.
Ara a Regoni: Atopada na rúa Nova. Século II d. C.: "RE/GONI M S". Blázquez identifícao con Marte do que Regoni sería un apelativo. Para Vasconcelos, o M precedente sería a fórmula votiva merito. E para Arias Vilas, Le Roux e Tranoy sería o inicio do nome do dedicante.
Ara a Reo Paramaeco Aidi: Atopada ao construír o asilo de anciáns no barrio de San Roque. Foi estudada por Vázquez Saco, Álvaro D´Ors e Nicandro Ares. Século III-IV d. C.: "REO/PARA/MAEC(o)/AIDI(us) PO/THINVS/ET PRVD(ens)/F V S L M". A ara leva por riba tres focus redondos dispostos en triángulo rectángulo que, segundo Ares Vázquez, estarían en relación co triple nome da divindade ou con algunha tríade. No Museo de Lugo.
Ara a Tutela: Adicada por Silonio.
Ara a Tutela: Adicada por Lucio Antonio Avito.
Ara a Poemana: Século II d. C. Apareceu na muralla de Lugo.
Ara a Verore: Fragmento de ara aparecida na rúa Nova. S. II d. C.: "VERORE/RVFVS/ME(rito) EX/VISV". No Museo de Lugo.
Ara a Verore: Apareceu na rúa Nova. Século II d. C.: "VERORE/PA PRIMI/EX V(oto)". Hai quen le Veroce. Albertos di que non é un "c", senón un "r" moi tosco. No Museo de Lugo.
Ara a Virrore: Apareceu na rúa Nova. Século II d. C. Adicada por Aitanus Paternus: "VIRRORE/VILAEGO/AITANIVS/PATERNVS/ V S L M". No Museo Provincial de Lugo.
Ara a Xúpiter: Atopada na rúa Clérigos: "IOM/CONSERVATOR M AVR/SEVERVS/VOTUM/S L M".
Ara a Xúpiter: No ano 1888, Villa-Amil y Castro envía á Academia da Historia unha carta, con debuxo incluído, sobre aparición desta ara. Adicada por Flavio Flavus, atopada na muralla: "IOVI/OP MA/X FLA/FLAVVS/EX VO/TO".
Ara a Xúpiter: Adicada por Sulpicius Clemens: "S V L P/CLEMENS IVE/IOVI OM/V S L M".
Ara de Penarrubia: Atopada a principios dos anos setenta ao pé da muralla exterior do castro de Penarrubia, descuberta por don José Darriba Varela quen a doou ao Museo Provincial no ano 1983. De difícil lectura, está adicada a Navia en cumprimento dun voto: "NAVIA(e)/[---]A M(arcus?)/FLA(vius) E/X VOT/O".
Ara en Piúgos: Atopada no ano 1843 en Ponteagos, na marxe dereita do río Miño. Desaparecida, segundo Ares Vázquez dicía: "BALAESI/NA (hedera) RVFI/F(ilia) (hedera) SEVERA/CAMP(?) (hedera) AN(n)O(rum)/XXII (viginti duorum) H(ic) S(ita) E(st)", ("Balaesina Severa, filla de Rufus, campi(?) morta á idade de 22 anos, aquí xace").
Termas: Ao pé da cidade romana de Lucus Augusti localizábase o balneario romano de Lugo. Polas súas proximidades pasaba a vía XIX que unía Lucus con Bracara e Asturica. É un dos balnearios máis representativos da Península xa que conserva varias das salas orixinarias, adicadas a tratamento e lugares de culto. O moderno edificio, que continúa en funcionamento, levantouse sobre as termas. Consérvanse dúas salas abovedadas con nichos onde, posiblemente, se colocarían representacións de divindades ou exvotos relacionados coas virtudes curativas das súas augas. Están construídas con lousa e perpiaños de granito. O acceso a elas é cun chan de cemento hidráulico, opus signinum, quizais recuberto con mármore. A sala contigua é semellante ás anteriores, por no século XVI foi transformada en capela que tiña un pequeno altar e unha representación pictórica do Calvario de Cristo. Aínda existen muros romanos para conter as augas do río Miño nas enchentas, e suponse a existencia dunha sala, quizais o sudatorium ou laconium, representada no plano de Giraldo. As primeiras intervencións arqueolóxicas foron no ano 1984, pero as de máis trascendencia comezaron no 1998 da man de Gonzalo Meijide Cameselle e Francisco Hervés Reigoso. As escavacións do ano 1999 sacaron á luz espazos de grande interese, como un espazo porticado, a palestra, ou a piscina onde apareceron unhas aras expostas (documentaron 14, delas 6 dedicadas ás Ninfas, o que plantexa a existencia dun espazo relixioso). Os arqueólogos Hervés e Meijide estiman que as termas romanas ocuparían unha superficie de 2.500 m2 organizados de forma paralela ao río Miño e serían utilizadas entre os séculos I e IV d. C. Nos primeiros meses do ano 2014, durante unhas escavacións, descubriuse unha piscina cuxos restos foron localizados dentro e fóra do edificio, que conserva vestixios dunhas escaleiras lonxitudinais e que, segundo Hervés, foi reutilizada en varias ocasións. No ano 1495, o monxe Künig de Bach, nas escasas referencias que fai a Galicia durante a súa peregrinaxe a Compostela, cita as termas (fala duns baños xunto a ponte de Lucos); no 1550 cítaas o Licenciado Molina para rexeitar o complexo termal na obra de Plinio; e no século XVII Pallares y Gayoso, autor de Argos Divina, é o primeiro en describilas con certo detalle. No ano 1812 o enxeñeiro militar Pedro Giraldo fixo un plano do balneario que distingue as construcións de época romana. E no 1816 o médico Sanxurxo e Mosquera describe o complexo termal antes da gran remodelación acontecida no ano 1847 (conversión da casa de baños en hotel-balneario) o que supuxo a destrución de moitas estruturas romanas, se ben é certo que permitiu integrar outras no moderno edificio (o balneario aínda utiliza dúas das captacións de auga romanas).
Aras ás Ninfas nas Termas: 1: "NYMPHIS/M(arcus) VLP(ius) LON/GIANVS". 2: "NYMPHIS/L(ucius) VAL[erius) M(aximus?]". 3: "NYMPHIS/[---] E V [---]". "NYM(phis) SAC(crum)/---". 4: Dúas coa inscrición "NYM(phis)". 5: "NYMPHIS L(ucius) VAL(erius) M(aximus?)". (Fonte: Hervés Reigoso e Meijide Cameselle).
Calzada romana: Restos no Centro Comercial Pazo da Maza.
Castro da Agra dos Castros: Mal chamado da Piringalla. Situado na zona máis alta da ladeira delimitada polos ríos Miño e Rato. Descuberto a raíz das obras de abastecemento de auga da cidade de Lugo. Documéntanse varias etapas de ocupación, a máis antiga da fase final da Idade do Ferro, con foxos, parapeitos e elementos habitacionais. As etapas seguintes son xa de época romana coa aparición de tégulas, un denario de Tiberio, vidros, fichas de xogos, unha lucerna, muíños circulares e obxectos de bronce e ferro.
Castro de Orbazai: Apareceu material de época romana como unha pequena cunca de cerámica bruñida negra.
O Castrillón (Adai): Trátase dun pequeno recinto circular arrodeado por un foxo e unha muralla terreira situado nunha ladeira. Algúns investigadores falan dun castro, outros dun posto militar romano vencellado ás vías de comunicación, pero últimamente cobra forza o dun espazo anterior vencellado a determinados rituais.
Centro Arqueolóxico San Roque: Xunto a capela do San Roque, integrado polos restos dun cemiterio romano, un estanque e un forno cerámico tardío. Consérvanse tumbas pertencentes a unha gran necrópole que se mantivo activa ao longo de cinco séculos, documentando a presenza dos ritos funerarios de incineración e inhumación. Ao lado da necrópole e da vía de acceso, construíuse en torno ao se´culo I d. C. un gran estanque de auga en opus caementicium (formigón romano) que estaría en relación co propio culto funerario. A presenza dun forno dedicado á fabricación de material cerámico testemuña o uso industrial ao que se dedicou esta zona nos finais do século V d. C.
Domus e Mitreo: Descubertos no ano 2000 por mor das obras no edificio do Vicerreitorado. Este descubrimento supón un avance no coñecemento da cultura relixiosa do Imperio Romano entre os séculos I e IV d. C. Trátase do templo a Mitra máis occidental do Imperio, culto implantado en Lucus Augusti polo centurión Gaio Victorio Victorino segundo figura na ara atopada na Praza de Pío XII e cuxo texto, traducido do latín, di: "Ao nunca conquistado deus Mitra, Gaius Victorius Victorino, centurión da Lexión VII Gemina Antoniana, pío, feliz, devoto e leal, con moito gusto erixiu (esta) ara en honra do posto de control militar de Lucus (Augusti) e dos dous libertos Victorius Secundus e Victorius Victor". Tamén se atoparon restos de calzada, fibelas, moedas, cerámica, etc.
Estatua: A principios de 2020, a raíz dunha obra na Rúa da Xesta, apareceu unha estatua sen cabeza vestida coa roupaxe dun togado. Ao parecer é do século I d. C.
Estela bifronte de Adai: Datada entre os seculos IV-V d. C. Trátase dun bloque paralepipédico esculpido polas dúas caras. No anverso aparecen dúas figuras humanas sentadas, unha masculina e a outra feminina. No reverso dúas esceas superpostas, a superior cun oso fronte a unha figura humana que se bota cara atrás e leva na man esquerda o que semella ser un tridente. Na parte inferior unha ave rapaz parada fronte a outras dúas máis pequenas, quizais pombas. Este relevo funerario é un exemplo de peza que reúne elementos de carácter culto cunha representación formal de raíces indíxenas.
Estela funeraria de Crecente (San Pedro de Mera): No Museo Provincial de Lugo. Datada a mediados do século I d. C. De granito, foi atopada no ano 1995 por Manuel Carreira González nun camiño ao abrir unha gabia para unha condución de auga. Mide 2,81 de alto e 0,71 de ancho. Na parte superior vese un magnífico retrato dunha familia galaica formada por catro persoas: un home, dúas mulleres e un neno que visten túnicas longas; as mulleres e o neno adórnanse cun colar de contas e pulseira; o neno, ademais, sostén nas mans unha pelota e un aro: "APANA AMBO/LLI F(ilia) CELTICA/SVPERTAM(arica)/MIOBRI/AN(norum) XXV H(ic) S(itus) E(st)/APANVS FR(ater) F(aciendum) C(uravit)", ("Apana, filla de Ambolo, dos célticos supertamáricos do castro de Miobri, morta á idade de 25 anos, eiquí xace. O seu irmán, Apanus, foi o promotor desta dedicatoria"). Ata o presente só se coñecen cinco inscricións en que os personaxes aparecen identificados como Celtici Supertamarci, esta de Crecente e as outras de Astorga e Ardiñuela (León).
Estrutura funeraria: No vello cárcere.
Foro romano: A mediados do ano 2014 deuse a coñecer o descubrimento fortuíto do que en tempos romanos foi o foro da cidade ao realizar unhas obras de ampliación dentro do Concello. Os restos datan do século I a. C. Javier Chao, responsable das escavacións, asegurou que o que atoparon é a basílica do foro, engadindo que o muro do actual Concello está apoiado sobre a cimentación romana.
Fornos cerámicos: Na Rúa Nova.
Inscrición: Nos cimentos da porta da Rúa Nova, intramuros, formando parte do borde superior; apareceu no ano 1998 cando as obras de canalización: "FVNDAM(enta)". Posible alusión á inauguración dunha obra.
Lápida da Praza de San Domingos: Atopada no ano 1936, durante as obras do mercado de abastos na Praza de San Domingos. Está partida en dous anacos, carece de moldura e na parte superior remata en forma angular. Datada no século II d. C. Vázquez Seijas e Álvaro D´Ors leron: "DMS/DMS/PATER FILIS PO/SVIT TITVLVM/PIENTIS SIMIS/DVOBVS QVI/(in)TERFECTI SV((n)T III KAL APR/(p)ATERNO/ANNOR XXVI/(...)", ("Aos deuses Manes (dos dous). O pai puxo (este) título aos (seus) fieies fillos, asasinados ambos o 30 de marzo: Paterno, de 26 anos, e Materno? de... anos. Aquí xacen. Leve a terra para vos sexa"). No Museo Provincial de Lugo.
Lápida desaparecida: Arias Vilas fala en Gallaecia da desaparición dunha lápida aparecida na muralla romana de Lugo e da que non se conserva ningún debuxo. Trátase dunha ara onde se podía ler: "AVG/PATERNI/QVI ET/CONSTANTI/VV SS", ("A Caelestis Augusta, os Paterni, tamén chamados Constantii cumpriron os votos"). Ao parecer, o derradeiro lugar onde se viu foi nun edificio (hoxe en día en ruinas, coñecido como Castelo ou Convento de San Román) situado en Conturiz, na parroquia de Santo André de Castro. Ao parecer, cando veu para aquí, o texto estaba practicamente perdido.
Lápida funeraria: Encadrada nunha moldura baquetonada, con borde exterior sen decoración. Moi desgastada.
Máscaras de terracota, as únicas atopadas no Noroeste e moi raras no resto da Península, datadas na segunda metade do século I d. C.
Mercurio en bronce: Foi atopado no ano 1840 ao derrubarse parte da muralla. Segundo unha carta enviada no ano 1895 por Bartolomé Teijeiro a Pedro de Madrazo y Cuntz, representaba a Hércules. Depositado no Museo do Castelo de San Antón da Coruña.
Mosaicos de Batitales e da rúa Armanyá con temas mariños e mitolóxicos.
Miliario de Bacurín: Nicandro Ares, ao falar do castro de Bacurín, di que no lugar de Herreal localizou un marco cilíndrico de granito fincado na terra, da que sobresae un metro, tendo na base superior un pequeno baleiro como se se tratase dun focus votivo, barallando a hipótese de que se tratase dunha pedrafita ou dun miliario.
Miliarios de Coeo: Localizado por Eduardo Ramil a principios dos anos sesenta do pasado século XX. Estaba na cimentación dunha obra, e o propietario púxoo diante da casa, xunto a porta, utilizándoo como maceta. Outro miliario forma parte do peche dunha finca.
Miliario de Esperante: Fragmento dun miliario, posiblemente anepígrafe (as fotogrametrías non alumaron ningunha letra), na igrexa parroquial de Santalla de Esperante, parcialmente pintado de branco, reutilizado como pía de auga bendita, quizais bautismal. Dado a coñecer por Javier Gómez Vila a principios do século XXI. No arco de acceso á ábsida da mesma igrexa hai dúas columnas de mármore, posiblemente de época tardorromana. En Esperante, na superficie cóncava dun catillus dun muíño, lese: "B(ene) O(pus) FECI FIN(inis)", ("Traballei ben. Acabouse"). Ao parecer, na mesma aldea había outro miliario que actuaba como marco da porta dunha casa en ruínas pero ninguén soubo darme razón del.
Miliario (Santalla de Bóveda): Anepígrafo, situado no vestíbulo que dá acceso ao refuxio do garda do monumento de Santalla de Bóveda.
Miliario de Vilaestévez (San Xoán do Alto): Anepígrafe. Localizado casualmente por un veciño de Lugo no ano 2014 quen o puxo en coñecemento do Concello e da Xunta de Galicia. No mes de marzo de 2016, o mesmo veciño avisou ao Concello de que o fito caera, solicitándose entón permiso de Patrimonio para repoñelo na súa posición orixinal. Mais no mes de maio, cando os operarios municipais acudiron ao lugar comprobaron que o miliario, de case dous metros, desaparecera. Segundo noticia aparecida na prensa o día 30 de xullo, misteriosamente, o miliario volveu aparecer no mesmo sitio.
Moedas (Orbazai): Moedas de cobre.
Muralla de Lugo: É o principal expoñente dos sistemas defensivos urbanos de Galicia. Ergueuse entre os anos 265 e 310 d. C. como consecuencia da crise e inestabilidade política. No seu estado actual, a muralla ten 2177 metros de perímetro, con planta de tendencia rectangular e esquinas arredondadas, dispón de 85 cubos que estiveron coroados por torres. A súa anchura rolda entre os tres e cinco metros, e as alturas van dende os seis aos dez metros.
Piscina: Na Praza de Santa María, descuberta no ano 1960 pero que foi tapada para protexela; redescuberta no ano 2004, será no ano 2010 cando se inicien os traballos de restauracion.
Praca funeraria de dous príncipes galegos do castello "CIRCINE", Vecius e Vecco, do século I d. C., atopada na muralla.
Santalla de Bóveda: Con piscina e frescos no interior, esculturas figurativas nos muros exteriores, foi interpretado como lugar de baños, ninfeo, templo adicado a Prisciliano e santuario da deusa Cibeles. Existen dúas fases principais, a primeira tardorromana (séculos III e IV d. C.), e outra dos séculos VIII a XI. As distintas interpretacións falan dun edificio para fins curativos, un ninfeo (lugar de culto ás ninfas), enterramento pagán, etc. Mesmo hai quen conxectura de que aquí está o corpo decapitado do heresiarca e mártir galego Prisciliano. Na parte baixa da igrexa está a cripta dividida en tres naves das que só se conservan os seus arrinques laterais. A parte central está ocupada por un estanque rectangular. O pórtico, de ladrillo, conforma o arco de ferradura máis antigo da Península Ibérica. Na portada vense figuras humanas danzando e aves. Ao fondo da nave situábase unha pequena ábsida que daba acceso a unha planta superior á que se accedía a través dunha escaleira. Os murais do interior, feitos de estuco, e a bóveda de medio canón están decorados con pinturas de aves en cores vermella, verde, azul e negra. Nos arrinques dos arcos aparecen representados cráteras con ramos e flores. A principios do século XX, unhas obras de servizos na aldea de Bóveda puxeron ao descuberto os restos dunha calzada romana, aínda que escasamente conservada de apenas 70 centímetros de longo por 3,25 metros de ancho e que debeu formar parte dunha vía secundaria entre Lugo e o campamento de Cidadela, en Sobrado dos Monxes, e que logo tería continuación ata Brigantium. Segundo a tradición, Bóveda está unida por un túnel e unha canle de auga co castro de Corvazal situado a medio quilómetro de distancia.
Inscrición en Santalla de Bóveda: Descuberta entre a piscina e a ábsida do monumnto tardo romano ao drenar o chan; No Museo Provincial de Lugo; en mármore, que Ares Vázquez leu: "(PV)ER SIT CVI FLEBILIS (ALIQVID NE) TRISTE mIN(ETVR.../...)/? (ir)CIPES MERSIT CVI FLEBILIS (morous?) ? (di) SSOLV(i)T TRISTE MIN(isterium)/ ? COMI(tia) LE MORE LIPPO(rum) ?", ("Que neno sería aquel a quen unha cousa deplorable non amanecese tristemente...? Un sátiro afundiu ao que unha chorosa enfermidade ao estilo dos pitarrosos disolveu o triste ministerio comicial"). No ano 1926 descubriuse unha inscrición en granito, custodiada hoxe en día no Museo de Lugo, interpretada: "PRO/SA(lute...?)", ("Pola saúde...?").
Moedas (Lugo): Segundo Cavada Nieto, no 1923 apareceron pequenos bronces, sobre todo de Galieno, tamén de Licinio, Claudio II, Quintilo, Tétrico pai, Diocleciano, Maximiano e Constantino Cloro. Nos anos 1928 e 1929, áureos de Marco Aurelio, Septimio Severo, Vespasiano, Faustina e Domiciano. No 1935 pequenos bronces, todos do século IV. No 1941, 24 denarios do Imperio, de Augusto, dous de Tiberio, un de Nerón, un de Vespasiano, seis de Domiciano, dous de Galba e dous de Othón. No 1972, moedas tipo caetra e tres pequenos bronces do século IV, un as de Turiano e bronce de Vespasiano. Ademais dos anteriores, apareceron áureos de Traxano, Adriano, Marco Aurelio, tremis de Valentiniano II, sólido de Arcado, as de Augusto, pequeno bronce de Constantino II, mediano bronce de Adriano, bronces de Constantino.
Taboleiro de xogos: Atopado no balneario romano.
Templo no Círculo das Artes: Do século IV d. C. Localizado no ano 2005 no Círculo das Artes.
Xacemento do Agro da Ponte (Barrio da Ponte): A investigación foi dirixida polo arqueólogo Enrique González no ano 1992, identificando seis partes de muros que delimitan outras tantas estancias, que semellan pertencer a unha mesma casa romana. Consérvanse restos do pavimento. Preto desta finca, no ano 1843, foron localizados en Pontegaos, tamén no barrio da Ponte, un enterramento de época romana; foi localizada unha estela funeraria de cuxo paradoiro non se ten noticia na actualidade. Os investigadores cren que os restos atopados no Agro da Ponte corresponden a un edificio suburbano, seguramente relacionado coa vía XIX.
Xacemento no solar do Vicerreitorado con restos de calzada, fibelas, moedas e cerámica.
Vidro: Na rúa Clérigos localizouse unha zona relacionada coa fabricación de vidro datada na época baixoimperial. Están documentados uns oleiros de nome Rufino, Capito e Quinto, este último con produtos asinados atopados en Astorga.
A primeira fase das obras para converter o antigo cárcere de Lugo nun centro cultural, os arqueólogos localizaron restos de pavimentos de época romana. Xa a mediados dos anos oitenta do pasado século, cando as obras dun aparcamento próximo, saíu á luz unha necrópole. Segundo noticias de primeiros de xuño de 2013, apareceu unha estrutura funeraria que os arqueólogos sitúan no Alto Imperio e que está relacionada con algún tipo de enterramento ou ritual funerario. Trátase dun columbario, nome que recibe pola semellanza cos pombais.
Tumbas: A raíz dunha obra na Rúa da Xesta saíu á luz unha necrópole romana con cinco tumbas, preto da Porta Nova, datada entre os séculos III-IV d. C. Ademais desta, na cidade están documentados outros cemiterios preto da Porta de San Pedro, que inclúe a zona de San Roque e a Praza da Constitución xunto a Vía XIX. Tumbas da Praza de Ferrol. Carril das Estantigas e tamén na zona de San Roque de época Altoimperial (séculos I-II d. C.). A da Praza de Ferrol, con 66 tumbas, escavouse nos anos oitenta do século XX cando a construción dun aparcadoiro, onde tamén apareceron tres fornos alfareiros e os restos dun acueduto. Segundo Enrique González, teñen referencias de posibles necrópoles no Recatelo e no Carme.
AO FINAL das fotos do concello de Lugo, artigo sobre a Tabula Lougeiorum.
Castro da Croa de Zoñán: Apareceu unha moeda de bronce que semella un dupondio de Claudio, con inscrición tanto no anverso coma no reverso, busto de perfil mirando cara a esquerda coa lenda: "TI CLAVD[...] SAR AVGIMP).../", e no reverso Ceres mirando cara a esquerda coa lenda: "CERES AVGVSTA SC".
Epígrafe na Fonte antiga de Mondoñedo: Hai un fragmento dunha inscrición de época romana que actúa como soporte dunha cornixa que pon "CIVI.../FECIT". Foi descuberta cando a limpeza dos liques que cubrían a pedra.
Restos explotación mineira (Supena-Argomoso).
Fondevila: Documentouse a existencia dun asentamento romano bastante importante, atopáronse gran cantidade de tégulas, colos de ánforas e ladrillos utilizados para a construción da pilae dun hipocausto.
Moedas: de Constantino I a Constancio II.
Mansión: Marcie no Itinerario de Antonino, Ponte Nartiae no Anónimo de Rávena, e Ponte Nartiae na II Tábula de Astorga que algúns autores sitúan no actual Marzán, se ben non faltan quen a leven para as ourelas do río Narla, en Friol, pola aparición dun miliario.
Atopámola nas inmediacións da Pena de Murias, na parroquia de Rao, concello de Navia de Suarna, un gran afloramento de cuarcita situado a media ladeira da Serra do Brañal, a 1.125 metros de altitude, asociado a unha explotación mineira de época romana que se levanta na marxe dereita do río de Murias, a carón do camiño que vai cara a Braña do Pandozarco e do Porto de Ancares.
A singularidade desta inscrición estriba en que está gravada sobre unha pedra non traballada previamente. A maioría das epígrafes de época romana gravábanse sobre as coñecidas como aras, pedras consagradas á unha divindade que ten unha forma aproximada de paralelepípedo rectangular. Que nós saibamos, en Galicia, gravadas en pedras sen traballar, o número de exemplares de época romana limitábase, ata o presente, a tres exemplares na provincia de Ourense: unha inscrición en Nogueira de Ramuín onde se le "Sicenata Pacata", outra nos cóvados do Larouco xunto o río Bibei, e outra máis no castro de San Cibrán de Las, en San Amaro; nestas últimas tamén figura o nome de IOVIS e IOVI respectivamente. Por outra parte, nas aras as inscricións facíanse para pedir ou agradecer algo á divindade (aras votivas) ou para lembrar a unha persoa falecida (aras funerarias). Pero eiquí o nome da deidade aparece só, o mesmo que no castro de San Cibrán de Las.
O profesor Marco García Quintela aclara que Xúpiter é o deus dos ceos, dos trebóns, o equivalente a Zeus, polo tanto é normal que sexa a montaña a canle de comunicación con el, encubrindo, en moitos casos, divindades anteriores. O culto romano a Xúpiter estendeuse polo territorio a partir do século II d. C., pero neste caso hai unha salvedade, non é o mesmo atopoar unha inscrición nunha ara en aldeas romanizadas do fondo dos vales que neste tipo de espazos remotos, nos que hai un contexto especial. A inscrición IOVI, ademais da citada de San Cibrán de Las, ten paralelismo con outras inscricións dedicadas a deuses indíxenas do noroeste e mesmo estatuas. A García Quintela lémbralle directamente ás epígrafes DIVI de Campo Lameiro. Trátase de dúas inscricións sobre pendos que miran o val e que foron publicadas polo propio profesor e Manuel Santos Estévez no ano 1998. As inscrición amosan unha palabra, DIVI, "Aos deuses", que como noutras ubicadas no norte de Portugal están escritas en horizontal, para ser lidas dende arriba, como se fosen ofrecidas directamente para que as leran os deuses. Continúa Marco García Quintela que pon de manifesto o seu carácter especial xa no seu tempo, nunha época que a escrita era excepcional en Galicia, e ela mesma podía ter un carácter sagrado. Eiquí obsérvase tamén este factor: a ofrenda a Xúpiter podería ser a escrita do seu propio nome.
A presenza romana nesta zona de Navia de Suarna debeu de ser moi importante. A uns 2,5 quilómetros atópase o campamento temporal de época romana da Recacha. Hai uns anos uns veciños de Murias amosáronnos varios muíños circulares, tamén romanos, que atoparon en dúas leiras ao arar a terra situadas a uns 800 metros da inscrición. E non moi lonxe da Pena de Murias (a uns 600 metros en liña recta) tamén está o afloramento rochoso coñecido como a Pena dos Garabatos, clara referencia a algún tipo de gravados que, aínda que polo de agora non demos localizado, as informacións orais que recollemos falan de símbolos e letras insculpidos. Cómpre lembrar que só nos concellos de Navia de Suarna e Cervantes documéntanse máis de 120 explotacións mineiras de época romana, a maioría destinadas á extracción de ouro, máis da metade situadas nas inmediacións da Vía Romana XIX.
Restos calzada (Miñotos).
Ara de Vicinte: Atopada no ano 2012 no lugar de Bustelo, utilizada como calzo nun valo que pechaba unha leira; foi descuberta polo propietario Manuel Miranda que, a través do seu fillo Bieito Miranda, estudante de Historia da Arte, entregouna para o seu estudo. Trátase dunha peza de boa factura onde se le: "DEA/NA/VE", clara alusión á deusa Navia onde non figura adicante. No Museo do Castro de Viladonga.
Acevedo (Aspai): Apareceron tégulas, ímbrices, cerámica común e terra sigillata.
Graphum (Guillar): Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1948), fala dun graphum de bronce descuberto por un labrego ao arar a terra no castro de Tourón. O graphum ou estilo, dunha soa peza, mide 15,5 cm. Utilizábase para escribir en taboíñas enceradas ou de barro. Dábaselles a denominación xenérica de graphium. Atópase no Museo de Lugo.
Tégulas en Santa María de Cela.
Castelo de Picato (San Lourenzo de Aguiar).
Castro de Tourón (Guillar): Atopáronse ladrillos e fragmentos cerámicos de época romana. No ano 1933, ao arar unha finca, produciuse un afundimento do terreo, aparecendo vestixios dunha construción e canles que poderían corresponder a tuberías para saír o fume duns fornos de coccións.
Villae (Vilela).
No lugar de Peneiro apareceron tégulas, ímbrices, cerámica común, cravos e dúas tumbas de inhumación con basamento de tégula datadas entre os séculos IV e VI.
Augas termais (Augas Santas).
Villae de Castillón: Atopáronse columnas, cerámica, pezas metálicas, mosaicos, un complexo termal, aras, etc. Todos os datos apuntan a que foi unha mansión viaria dunha vía secundaria que unía Montefurado con Folgoso do Courel coa vía Lucus-Bracara por Ourense. Algúns investigadores relaciónanno con Dactonio, a capital dos Lemavos, citado por Hidacio e nas Táboas de Barro de Astorga. As primeias noticias datan do século XVI co achado dunha praca funeraria na igrexa de San Vicente. Escribe Castellá Ferrer no 1610: "Cerca de esta Yglesia adonde se halló este marmol estavan unos Castillos antiquísimos, algunos dizen eran tres, otros cinco, de los tres parecen las ruynas, e por esto llaman a este lugar Los Castillones". E Ceán Bermúdez (1832): "San Vicente de los Castellones (...), construida sobre las ruínas de otro edificio romano que pertenecía a la región de los lemavoros". Dado a coñecer nos anos vinte polo cura de Vilar de Ortelle Ramón Castro López quen achega importantes informacións, identificando, primeiro, o castro de Castillón, preto do asentamento romano. Foi no ano 1912 cando descubriu unha necrópole ao ampliar o cemiterio de Santiago; e cando se facía un burato para plantar unha árbore fronte a igrexa de San Vicente descubriu unha sepultura cunha cabeza de pedra granítica no interior. Foi escavado por Chamoso Lamas e Alonso del Real nos anos trinta, e por Felipe Arias nos anos oitenta. Datado entre o século I e V d. C., as necrópoles que saíron á luz son posteriores. Trátase de dúas necrópoles, unha próxima á igrexa de Santiago e outra á de San Vicente que foron reutilizadas a comezos da Alta Idade Media, séculos VI e VII. Ata o presente nunca houbo acordo canto á interpretación do xacemento, considerándoo como castro, vila ou mansión viaria, ou unha mestura de todos, se ben o máis verosímil é interpretalo como vila, que non resulta contraditorio coa opción dun pequeno aglomerado romano viario (F. Pérez Losada, 2002). A pesares de ser un dos sitios arqueolóxicos de época romana atópase nun estado total de abandono.
Epígrafes de Castillón: Unha inscrición documéntase no século XVII (ano 1610) na igrexa de San Vicenzo de Castillón, perdéndoselle a pista a finais do século XVIII, cando o párroco, Gabriel Antonio Lago (falecido no 1802), a saca do templo onde permanecía debido a unha desputa entre el e os propietarios da lápida que pagaban unha renda de tres ferrados anuais polo mantemento da súa sepultura situada ao pé da lápida. Perdida. Transcrita por Castellá Ferrer: "D(is) M(anibus) S(acrum)/VALERIAE FLORINAE AN(norum) XXIII/POMPEIVS/LVPVLVS/VXORI PI/ENTISSIMAE","Consagrado aos deuses manes, Valeria Florina morta á idade de 23 anos. Pompeio Lúpulo (fixo este monumento) para a súa muller piadosamente". Na casa dos propietarios do xacemento, unha inscrición sobre granito di: "CIAD", ademais dunha anepígrafe atopada no ano 1982 preto do primeiro hipocausto, que presenta unha cara preparada para o que ía ser o campo epigráfico. No mesmo ano apareceu outra epígrafe coa lenda: "(...) ENT(i?)A DVROTA (...)/(...) I ET FAMILIAE (...)", que aparentemente semella o nome dunha muller (Entia Durota?) que tamén puidera ser unha divindade. A mediados dos anos cincoenta do pasado século XX apareceu unha epígrafe, custodiada no Museo Provincial de Lugo, que di: "C. AMO", quizais identificado co nome indíxena Camo ou Camalus.
Ara aos Lares Viais (Castillón): Atopada no ano 1958: "LARIB(us)/VIA(libus)/IVLIV(s)/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", ("Aos Lares Viais, Iulius cumpriu de bo grado o voto que fixera"). Decorada con tres foculus aliñados.
Ara aos Lares Viais (Castillón): No ano 1974, preto da igrexa de San Vicenzo apareceu unha ara, que se conserva no Museo Provincial de Lugo: "LAREBVS/VIALIBVS/CL(audius) GAVCE/ASCRIER/VS VERENN(i filius)", ("Aos Lares Viais, Claudius Gauce Ascrierus, fillo de Verenus"); esta ara leva na parte superior un fóculus. Ares Vázquez non desbota unha orixe xermana do adicante relacionado, no canto de Claudius, con Clotius ou Cloutius. Repárese na variante gráfica, Larebus Vialebus por Laribus Vialibus.
Inscrición: No Museo Provincial de Lugo consérvase unha inscrición que en principio leuse "DIVV"; mais Nicandro Ares di que si se xira 180 grados poderíase ler "CAMO", considerando que sería a lectura máis razoable, e forzando a hipotética existencia doutras letras podía levar a CAMALO.
Prancha metálica de Castillón: No Museo de Lugo consérvase unha praca metálica que no ano 1990 formou parte da exposición Bronces Romanos de España celebrada en Madrid. Os traballos de restauración, conservación e montaxe da peza previos foron levados a cabo por Carmelo Fernández Ibáñez e Fernando Carrera. Trátase de seis fragmentos dunha lámina ou cinta ancha que semellan corresponder con algún tipo de aplique, quizais a cubrición metálica dun cinto, se ben o máis probable é que se corresponda co forro decorado dalgún tipo de arca ou cofre. Para a súa decoración empregouse a técnica do troquelado en frío. Entre os gravados destacan tres bustos, un feminino e os outros masculinos, créndose que se pode tratar de divindades.
Estela de Severus (Atán): Figura humana mutilada pola cabeza; debaixo das mans represéntanse dous caldeiros.
Estela: No ano 2001 deuse a coñecer unha estela que estaba agochada na casa dun veciño e que lle foi mercada pola Xunta de Galicia.
Estelas discoideas (Castillón): Chamoso Lamas e Alonso del Real atoparon unhas estelas discoideas nunhas tumbas da necrópole gravadas con cruces. A aparición destes símbolos cristiáns nunha necrópole cuxas tumbas eran de época romana abría un novo campo de coñecemento na arqueoloxía do NO peninsular xa que non se atoparon outros elementos posteriores á romanización.
Pezas varias en Castillón: Estaban na casa do señor López Suárez quen llas amosou a Chamoso Lamas, reutilizadas para rematar o exterior dun forno (basas, fustes, muíños de man, unha cornixa decorada...).
Miliario: No castro de Castillón, fronte a capela, atópase un miliario anepígrafo.
Ponderais (Castillón): Consérvanse no Museo Provincial de Lugo. O peso dos dous ponderais, feitos en cuarcita, coinciden co valor da libra romana. Nun lese: "XXX/IIII(triginta quattuor librae)/S?" ("Trinta e catro libras?"); No outro: "XXXX (quadraginta librae)" ("Corenta libras").
Relevo de Atán: Datado no século I d. C., atopado no ano 1990. Trátase dunha estela bifronte (esculpida polos dous lados) con representacións de figuras humanas sentadas vestidas con toga e homes con escudos montados en cabalos; na parte inferior están labradas as figuras dun xabaril e doutro animal semellante a unha lebre. Perdeuse o corpo superior e inferior que é onde iría a inscrición.
Moeda de César en Castillón, acuñada en Zaragoza no ano 3 da nosa era.
Dactonium: Citado nas Táboas de Astorga, por Ptolomeo (s. II d. C.) e por Hidacio (s. V d. C.). Ptolomeo di que é a única cidade existente no territorio dos Lemavos. Aínda que non existen dúbidas canto á súa ubicación na Terra de Lemos e que Dactonio foi capital da civitas Lemavorum, si as hai no tocante á localización do asentamento. Se ben é certo que non falta quen o sitúe en Castillón, a tradición lévao para o monte de San Vicente do Pino, en Monforte, citado en documentos medievais como castrum Actonium ou Luctonium, onde logo se ergueron o mosteiro bieito e o castelo dos Lemos, lugar estratéxico que domina o val de Lemos, cunha configuración topográfica inmellorable para construír un gran castro que logo sería romanizado. Os distintos investigadores sempre lle apuxeron o atranco para desbotar a ubicación de Dactonium neste monte á falla de vestixios castrexos ou romanos, teoría que cómpre reconsiderar pola descuberta no 2007 dun asentamento galaico-romano, traballos que, incomprensiblemente, están parados dende hai anos.
Restos cerámicos e tégulas na Torre do Castro (Espasantes).
Explotacións mineiras: As Alvarizas e A Fragua (Abrence); O Foxazo (Barxa de Lor); Os Broncelos e A Mina (A Veneira de Roques-Ferreiros), A Boca (Liñares).
QUIROGA
O Crismón de Quiroga: Ao final das fotos, pequena achega sobre a historia do Crismón.
Canle romana do Mondón: Canle que captaba a auga do río Xares ata unha explotación aurífera situada en Vilarnuide, no concello de Quiroga. Unha obra de enxeñería, en parte sobre cantís de grandes pendentes, e que leva auga que transcorre a media ladeira, pola marxe dereita do río, dende riba da presa de Santa Olaia ata á Portela de Portomourisco, en Petín, onde se interna na conca do río Sil. Desaparece nun gran treito por terreos agrícolas, e aparece de novo por debaixo do lugar de Seadur, xa no concello de Larouco. Conserva trazas da súa estrutura a través do seu percorrido, coma as grandes rochas cortadas e muros de contención para asentar oleito. A lonxitude sería duns 14 km. (Información de Elixio Vieites).
Minas auríferas de Covas e Parada (Augasmestas), Albaredo, Ermidón, Montefurado, San Miguel e Veiga (Montefurado), da Barca de Mancebido, Cereixal e Espandariz (Nocedo).
Minas de Barxa, Castí, Conceado, Freixeiro, Margaride, San Pedro e Santa Andrea (Quintá de Lor), Caspedro e Quiroga (Quiroga), da Seara e Vieiros (A Seara), da Cabeza, Sequeiros e Vilanuide (Vilanuide).
Túnel de Montefurado ou Pena do Corvo: É o principal elemento dun enorme complexo mineiro ideado pola enxeñaría romana consistente en desviar o curso do río que, dese xeito, quedaba libre para recoller do seu leito desecado e areoso as pebidas de ouro que arrastraba a corrente. Construído no século II d. C., tiña 120 metros de longo (o derrubamento provocado por unha crecida do río no ano 1934 reduciuno a 50 metros) e 20 metros de ancho. Hai quen cre que sobre o túnel se construíu unha atalaia de vixiancia da que non quedan restos.
Túnel do Peno Furado, mina e lavadoiros (O Soldón-Montefurado).
Túnel de Penafurada (Paradaseca).
Castro de Augasmestas: Sobre o castro construíuse unha igrexa. Romanizado, atópase moi estragado.
Castro de Ermidón: Castro romanizado situado xusto por riba da boca do túnel de Montefurado.
O coñecido como Crismón de Quiroga atopábase servindo de mesa de altar na igrexa de Nosa Señora da Ermida, no concello de Quiroga. No ano 1877 foi trasladado para o Seminario de Lugo, e no 1925 para o Museo Diocesán.
Un Crismón é o anagrama de Cristo formado polas letras xi (X) e rho (P) maiúsculas, entrenzadas e superpostas, que son as dúas iniciais do nome de Xhristos en grego. Adoitan ir acompañadas do alfa e omega, primeira e última do alfabeto, facendo alusión ao texto bíblico "Ego sum alfa et omega" ("Eu son o principio e o fin").
Nalgunhas representacións crúzanse as dúas letras cunha liña horizontal que formaría o T e engádese o S na parte baixa do pau vertical do P, para indicar o S final do nome. A algúns crismóns engadíanselle representacións de animais ou vexetais (leóns, serpes, osos, flores...), acompañados por unha inscrición. Na Idade Media tamén se poñía o Crismón como sinal e inicio de certos textos liturxicos, indicando o principio e o fin aludindo a Cristo.
Un
dos primeiros investigadores en ocuparse do Crismón de Quiroga foi
Ángel del Castillo (1886-1961) nun Boletín da Academia Galega.
Trátase dun gran disco de mármore gris veteado, pode que
proveniente das canteiras do Incio, de 95 centímetros de diámetro e
6 centímetros de grosor, cun peso duns 100 quilos. Unha das caras
está traballada en baixorrelevo, mentres que a outra non está
labrada. Na cara tallada representa un monograma coas letras alfa e
omega colgando das súas aspas (Cristo como principio e fin de todas
as cousas), e un bordo con dúas orlas de puntos cunha inscrición no
medio onde se le: "+ AVRVM VILE TIBI EST ARGENTI PONDERA CEDANT
PLVS EST QVOD PROPIA FELICITATE NITES" que, seguindo a Ángel
del Castillo, podería traducirse como "O ouro é vil para ti,
as riquezas de prata abátense, máis é o que brillas pola túa
propia felicidade". Por unha parte invoca a Cristo e pola outra
comina a rexeitar as riquezas materiais en favor da felicidade cristiá.
Segundo as características da peza e da propia inscrición, a maioría dos autores dátana en torno ao século IV ou principios do V d. C. (o arqueólogo alemán Helmut Schlunk dálle unha cronoloxía entre o 420 e o 450) polo que, xunto coa tapa de sartego da igrexa de Santa María de Temes, en Carballedo, podería tratarse dunha das representacións máis antigas do cristianismo en Galicia.
Canto á súa función orixinal críase que sería feito para estar encaixado na parte visible da igrexa. Segundo Jaime Delgado Gómez (1933-2012), o Crismón formou parte dun mausoleo erixido en honra dalgún nobre romano convertido ao cristianismo. Dedúcese que se trataría dunha persoa rica pero virtuosa. Tamén hai quen conxectura que podería tratarse dunha mesa ritual con fins adivinatorios, unha especie de ouija, pero si foi usado para outras funcións non deixan de ser especulacións polo que en principio é un magnífico crismón cristolóxico utilizado, segundo as interpretacións máis recentes, como mesa de altar que evidencia a presenza no lugar de cristiáns cultos. O que si existía era o costume de limar o bordo do Crismón porque se cría que posuía propiedades milagreiras.
A igrexa de orixe románica da Ermida, do século XII, foi construída sobre un castro. Consérvanse outras pezas de mármore como dúas basas, unha praca e dous capiteis de orde corintia, datadas na primeira metade do século V, o que permite pensar na existencia dun importante núcleo ou igrexa paleocristián vencellados a asentamentos tardorromanos desta rica zona aurífera. Existe a tradición de que a imaxe da Virxe apareceu entre os restos dun templo máis antigo que se levantaba nas inmediacións.
Ara de Sinoga: Erradamente, esta ara figura en moitos traballos como atopada en Rábade cando en realidade foi en Outeiro de Rei. O erro tamén figuraba na cartela do Museo do Castelo de San Antón da Coruña, onde está exposta; no mes de marzo de 2019 o erro xa foi corrixido. (Ver Outeiro de Rei).
Miliario: Aínda que Marcelo Macías (Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense, xaneiro-febreiro 1912) di que un miliario foi atopado preto de Rábade, no mesmo Boletín de maio-xuño dese ano rectifica, acertadamente, e di que apareceu en San Roman da Retorta. Erro que tamén advertín a principios do ano 2023 no Museo de los Caminos de Astorga a quen enviei un correo electrónico para que o subsanen. (Ver Guntín de Pallares).
RIBADEO
RIBAS DE SIL
Basa de columna: O día 17 de setembro de 2016 localizamos a basa dunha columna romana nunha casa da aldea de Relosio.
Minas da Moá e Peites (Peites), de Figueiredo e Piñeira (Piñeira).
Explotación mineira do Barreiro (Nogueira), Rairós (Rairós), San Clodio (San Clodio, A Eira da Torre ou Medoña de Soutordei (Aldea-Soutordei).
Inscrición: "TER(minus)".
Inscrición: "]VI IPOA".
Serra da Moá: En outubro de 2011 descubriuse unha mina de época romana datada, probablemente, entre os séculos I e II d. C. A existencia do túnel só era coñecida polos veciños que en tempos aproveitaban as augas dun manancial para consumo propio e para regar. O lugar foi localizado por Carlos Rueda e José Ferreiro quen se puxeron en contacto co arqueólogo Iván Álvarez que foi quen identificou a galería como unha explotación mineira. O túnel, duns 130 metros de lonxitude, adéntrase na serra. Nas paredes poden verse uns ocos que deberon servir para colocar a iluminación para os traballos mineiros. O tramo máis profundo da mina está cegado por un derrubamento nun momento imposible de determinar, polo que non hai forma de saber se a escavación se adentraba máis na montaña.
Os Cófaros (San Martiño de Peites): Explotación aurífera localizada polo profesor Manuel Cao, no límite coas terras de Trives e Ribas do Sil. No ano 2012 chamoulle a atención a gran cantidade de pedra de cuarcita branca diseminada pola zona a carón dun socavón de orixe artificial de considerables dimensións. A explotación ten forma de cuña que aproveitaba unha banda de cuarcita que atravesa o concello de Ribas do Sil, cunhas medidas de 220 metros de lonxitude e unha anchura de ata 120 metros. Nas inmediacións acumúlanse gran cantidade de estériles ou muradellas (cantos rodados), produto do arrastre e lavado do material. Cóntase que na parte máis baixa do cauce dun pequeno regato, hoxe seco, que pasaba pola zona e que desembocaba no río Bibei, localizáronse pilóns e lavadeiros utilizados no proceso de lavado do ouro. A explotación a ceo aberto foi realizada sobre un xacemento primario entre os séculos I e II d. C.
O Covallón: A uns 200 metros da anterior hai unha ducia de explotacións auríferas a ceo aberto de época romana que non estaban catalogadas, aínda que si se sabía delas. Existe un proxecto por parte dunha empresa para realizar sondaxes e mirar a súa rendibilidade. A mina foi sinalizada como lugar de interese histórico e cultural coa axuda do consorcio turístico da Ribeira Sacra. No seu momento, a Dirección Xeral de Minas xa instalara unha cerca protectora coa finalidade de prever accidentes.
RIOTORTO
Complexo mineiro da Muxueira: Explotación aurífera formada por tres grandes trincheiras a ceo aberto: As Grobas, O Palo Ribeiro e A Chousa do Baño. No mes de febreiro de 2015 Adega e Mariñapatrimonio denunciaron que nos traballos para unha plantación de eucaliptos afectaron á mina da Chousa do Baño, utilizando maquinaria pesada que tamén abriu unhas pistas modificando a morfoloxía da antiga explotación.
Terra sigillata e moedas no castro de Margarita (Freixo).
Ara: "LARIBVS/VIALIVU/S CAES(i)/ANVS".
Epígrafe: "]/FELICEM/PARENTEM/(...) IUL(io) ET/(...)FILIO".
Calzada (Betote): Nunha antiga foto que hai no Arquivo Histórico Provincial vese unha calzada ao seu paso por Betote, hoxe en día desaparecida.
Campamento do Monte da Modorra (A Chá de Santa Marta-Rubín): Recinto cuadrangular lixeiramente irregular e con esquinais redondeados. Identifícase a existencia dun terraplén (agger) que na actualidade se atopa case nivelado. A superficie do sitio sería dunhas 13 ha. Está practicamente arrasado pola roturación do terreo, algunhas áreas están cubertas por piñeiros. Atravesado en parte pola estrada LU-620. Nos anos trinta do pasado século construíuse na Chá un aeródromo militar. Descuberto por M. Gago en setembro de 2014. Trataríase dun campamento temporal de época romana (castra aestiva) utilizado polas lexións romanas durante a conquista de Galicia no contexto das coñecidas como Guerras Astur-Cántabro-Galaicas. (Información extraída de patrimoniogalego.net).
Escultura de Vilapedre (Museo de Lugo).
Miliario (Lamarrigueira-Farbán): O miliario atópase deitado no chan, xunto o muro do peche da casa de don Luciano Tourón situada en Lamarrigueira, a carón da estrada que vai de Sarria a Monforte. Trátase dun cilindro de granito fino coa superficie sen puír. Segundo Rodríguez Colmenero et Al. (2004), é un fito importante para afirmar a existencia da vía que o Itinerario de Barro anuncia entre Lucus e Dactonium, sinalando, ao menos, a mansión Aquae Quintiae. Segundo me contou un veciño, foi atopado ao outro lado da nova vía de alta capacidade, próximo ao lugar coñecido como A Lagarteira onde hai un posible castro que dista menos dun quilómetro en liña recta dende Lamarrigueira. Aínda que non se aprecia ningunha epígrafe, si se poden ver pequenas coviñas, sucos e un posible "C". Mide 1,60 metros de altura e 0,40 de diámetro.
Relevo de Vilar de Sarria: Datado no século III d. C. Descuberto no ano 1923 ao realizar labores agrícolas. Atopouse xunto con outras pezas: dous fustes de columna, dous muíños circulares, ladrillos e unha sepultura de lousa. De grande interese pola súa temática e forma de representación. Trátase dunha peza traballada nas súas dúas caras, que se interpreta como unha estela funeraria anepígrafe atendendo ás figuras humanas, un home e unha muller, vestidos que só deixan á vista as mans. O corte da pedra impide saber se se trataba de figuras enteiras. O reverso semella compoñer unha escea unitaria que presenta un relevo bastante deteriorado coa representación central dunha nave dun mastro co seu aparello e catro figuras a bordo. Por riba, á dereita, unha aguia de ás abertas como para emprender o voo que se apoia sobre un obxecto que se interpreta como unha rocha ou un peixe, mesmo unha nube. Baixo o barco, e centrado, un cetáceo identificado como un golfiñoo a pesares da curiosa triple aleta central. Esta escea foi interpretada por Castro Nunes como unha representación do mito de Ulises, en concreto da pasaxe das sereas, atribuíndolle un carácter simbólico neoplatónico en relación co transo dos defuntos. No 1946 foi despositada polo Instituto Padre Sarmiento no Museo de Pontevedra.
Terra sigillata e moedas nos castros de Seteventos e Vilapedre.
Villae de Vigo (Vigo-Vilar de Sarria).
Xacemento de Agra de Arriba (Chorente).
Xacemento de Cercas (As Cercas-San Antolín): Estrutura rectangular en xisto da que parte unha canle de desagüe.
Xacemento de Santa Eufemia (San Antolín).
Aras de Corveixe (Rosende): Trátase de dúas aras atopadas preto do castro de Corveixe ou Madredauga. Nunha lese: "IOM/VALERIVS (adicada por Valerio a Xúpiter Óptimo Máximo). Na outra, empotrada nun muro: "ARAM/DEDIC...", (ara dedicada...). Tamén apareceron tégulas, muíños naviformes e escouras.
Ara de Vilariño (Fión): A casa de turismo rural de Torre de Vilariño ten no seu xardín un fragmento de cornixa dunha obra anterior, labrada sobre unha ara romana de granito. Foi dada a coñecer por Francisco Hervés no ano 2001. Da epígrafe só quedan as grecas e os verdugóns da área do capitel nun dos seus lados, quedando o espazo da inscrición na cara interior da peza que non destruíu as labras da moldura da cornixa: "VALL(ius)/SEVE(rus)/BER(oni) F(...)/(e)X V(oto)", ("Valio Severo adicou este altar a Berón para cumrpir un voto que fixera").
Estela e ara de Mourelos: Próximo á ponte romana que salvaba os Cóvados de Belesar atopáronse unha estela e unha ara. A primeira, desaparecida, coñécese grazas ás referencias literarias. A ara apareceu nos cimentos da igrexa vella de San Xulián de Mourelos cando foi levantada para o seu traslado ao lugar actual. Segundo Tranoy, Le Roux e Arias Vilas, lese: "LOCV/EN ES/ES SIH", que apenas indica nada, se ben a última liña podería conter unha fórmula funeraria; foi atopada polo cura de Vilar de Ortelle Ramón Castro López, e publicada no BRAG no 1926.
Relevo de Licín: Peza de mármore, posiblemente de O Incio, con decoración en baixorelevo de posible adscrición altoimperial. Foi atopada polo veciño Antonio Varela, catedrático de Bioloxía, cando observou a peculiaridade do relevo e a falla de sintonía coa cantería xeral da igrexa de Licín. A peza, empotrada nun esquinal da cabeceira, non se pode sacar do seu emprazamento, mais é facilmente encadrable. Os motivos insculpidos constan dun xarrón ou crátera do que xurden uns motivos vexetais que percorren a peza, interrompidos no centro por unha flor. Semella un resto dun mausoleu ou templo paleocristián.
Beleigán (A Laxe): Don Ramón Castro López, o cura de Vilar de Ortelle, menciona no ano 1929 a aparición de varios vestixios, como muíños de man e fustes de columna, constatados por Cuevillas e Fraguas no ano 1955, que puideron pertencer a unha vila tardoimperial. Non moi lonxe apareceu un sártego antropoide escavado sobre a rocha, coñecido como o Moimento, se ben semella de cronoloxía Alto Medieval.
Calzada nos Cóvados de Belesar, dende as Ribeiras do Miño a Diomondi.
Explotación mineira de ferro de Licín, utilizada polos romanos pero de posible orixe prerromana.
A Torre (Freán): Castro López e Florentino Cuevillas citan un forno cerámico romano que desapareceu, e xarras de barro, unha ola con ósos, pezas de ferro, etc. O cura de Vilar de Ortelle fala da existencia dun paso subterráneo dende o Castro á Torre.
Ara de Quintas (Liñarán): Na actualidade forma parte da basa dunha columna, quizais tamén de orixe romana, situada no peche de bloques de cemento do adro da igrexa parroquial de Liñarán. Aparece en posición invertida. No monte de San Roque existiron, segundo as referencias, dúas capelas adicadas a Santa Catarina e a San Roque, que é de onde procedería: "LVGVBO/ARQVIENOB(o)/C(aius) IVLIVS/HISPANVS/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", ("A Lugubus Arquienobus, Caius Iulius Hispanus cumpriu de bo grado o voto que fixera"). O cognomen, Hispanus, fai referencia á súa orixe ou á súa familia ibérica, posiblemente da Meseta onde este alcume é moi común.
Calzada (Pedride-Proendos): Sáez Taboada cre que podería formar parte dunha vía que viña de Dactonium, pasando primeiramente por Canabal e proseguindo por Proendos, Liñarán, Santa Mariña, Castro de Gundivós, Sanmil, Mourentán e Doade, cruzando o Sil pola ponte de Paradela.
Igrexa de Sober: Catillus e columnas romanas.
Pena do Castelo (Doade): Castro romanizado situado sobre o río Sil. Apareceu material de época romana.
Vila de Proendos: Apareceu tégula e cerámica común romana, fragmentos de cubo de columna, capiteis, basas, epígrafes, restos de canles e evidencias dun hipocausto. Hai investigadores que sitúan en Proendos o castro Dactonium, capital da Civitas dos Lemavos. Nos sondeos con xeoradar, realizados por iniciativa do Concello no outono de 2019, localizáronse restos de antigas construcións, detectándose vestixios dun edifcio duns 1.000 metros cadrados e doutras cosntrucións que poden ser de época romana. Tamén se estuda realizar unha reconstrución dixital en tres dimensións e elaborar materiais divulgativos. No mes de xaneiro de 2020, déronse a coñecer os resultados das investigacións realizadas polos arqueólogos da empresa Estela Arqueoloxía. Din que podería tratarse dunha pequena vila agrícola, sen desbotar a existencia dunha poboación secundaria cun complexo entramado urbano. A construción principal, próxima á igrexa parroquial de Proendos, detectouse o que pode ser un hipocausto e un pavimento que podería conter mosaicos. Tamén detectaron unha construción circular que podería tratarse dun columbario (estrutura funeraria semellante a un pombal con paredes con pequenos nichos onde se depositaban as cinsas dos defuntos), algo inédito ata o de agora en Galicia, se ben os arqueólogos non desbotan que se trate dun pombal posterior. No 2021 localizouse un gran hórreo romano que podería ser o de maior tamaño do NO peninsular, cun mínimo de seis patas. Ademais das contrucións romanas, pode haber outras de época medieval (dende os anos 40 do pasado século coñécense sepulturas medievais no cemiterio). Confirmarían estes achados a mítica Proencia?
A Tellada (Gundivós): Recuperados fragmentos de tégula e un muíño circular.
No Camiño Real da Abeleda a Francos (Doade) atopouse un ladrillo de época romana.
Xacemento de Proendos.
Alba: Ara atopada cando se reconstruíu a igrexa. Desaparecida? A inscrición dicía: "D(iis) M(anibus)/SERANIE/VICTORI/NA ANNO/RVM LX(sexagimia)", ("Aos deuses Manes. Victorina (filla de) Serania, morta á idade de 60 anos").
Ara a Mercurio (Oleiros): Atopada ao arar unha finca cun tractor. Fragmento de ara consagrada a Mercurio do século III d. C.: "SACRVM/MERCVRIO...". Estudada por Nicandro Ares Vázquez. Custodiada no Museo de Lugo. No lugar apareceron resos cerámicos.
Castro (Gondaísque): Escouras metálicas, fragmentos cerámicos e tegula.
Ladra: Fragmentos de tegula e muros.
O Marco (Boizán): Pezas de muíños circulares, fragmentos de tegula e cerámica.
Pazos (Alba): Muíños circulares, tegula e fragmentos de fuste e columnas de granito.
Quintá (Rioaveso): Atopouse abundante material que se utilizou como firme dun camiño, só se conservan dous epígrafes no Museo de Lugo.
Sa (Insua): Fragmentos de tegula, muíños circulares e obxectos metálicos.
Vilamartín (Rioaveso): Cerámica e un epígrafe adicado a Mercurio.
Vilaragonte (San Simón da Costa): Fragmentos de tégula.
Museo Arqueolóxico de Vilalba.