* Distribución dos castelos e das torres medievais en Galicia

No blog achego 840 castelos e torres repartidos polas catro provincias galegas (A Coruña: 206. Lugo: 263. Ourense: 226. Pontevedra: 145). Pero neste mapa das comarcas de Galicia só inclúo 503 que foron construídos durante a IDADE MEDIA (A Coruña: 140. Lugo: 141. Ourense: 139. Pontevedra: 86), ademais de 170 topónimos, que non inclúo entre os anteriores, que aínda conservan o nome de “Castelo” ou “Torre”, pero onde polo de agora se carece, que eu saiba, de documentación escrita ou arqueolóxica que permita saber se houbo ou non algún tipo de fortaleza (son os topónimos que levo atopado ata o momento, pero seguramente hai bastantes máis). Moitos destes castelos medievais, algúns construídos sobre castros, foron reconvertidos en pazos ou casas de labranza e un bo número desapareceron pero quedou constancia da súa existencia, sexa pola documentación escrita ou arqueolóxica (aclarar que hai varios que se descoñece con exactitude onde estaban ubicados pero a documentación escrita é clara). Pero outros dos que achego só se coñecen porque perviviron na tradición oral, e mesmo no lendario popular; iso si, en todos estes casos tense en conta a morfoloxía do terreo, e en todos complementado pola toponimia. Agás excepcións, case o cen por cen dos castelos roqueiros lévoos tamén para a Idade Media. O resto dos castelos e torres (337) son posteriores a este período.

© onosopatrimonio.blogspot.com