A documentación medieval cita os nomes de varios mosteiros galegos desaparecidos cuxo principal problema radica en
coñecer
onde estaban ubicados, entre outros motivos porque eses lugares
perderon o antigo topónimo. É
o caso do de Tructin ou Tructini. No
Tombo do mosteiro do Salvador de Celanova hai ao menos cinco
documentos dos
anos 999, 1021, 1037,
1044 e 1069 que citan unha "villa de Tructin".
Para ubicar a zona, os documentos achegan varios nomes: “castro
quod vocitant Bisreto” (que identificamos co castro de Berredo, na Bola), “flumine
Arnogie” (o río Arnoia), “Saltomeir”
e “Sautomeri” (Soutomel, na Bola), “Fegias” (Fechas, en Celanova), “Cegio” (Cexo, en Verea),
“Sancta
Eolalia de Portella”
(Santa Baia de Portela, en Verea), “Salvatorem
de Sanguinieto” (o
Salvador de Sanguñedo, en Verea),
“Prado” (Prado,
na
Bola) e “Alvarini” (Alvarín, na Bola). En primeiro lugar está
claro que Tructin ou Tructini tiña que atoparse, forzosamente, nun
destes concellos, na actualidade limítrofes
entre si. A primeira mención ao mosteiro aparece no documento do 1021,
no testamento de Revelio Materniz que doa a Celanova varios bens, entre
outros o "monasterii quod nuncupat Tructini", cos seus "ornamenta, ecclesie, cruce, capsa, calices, casulas, libros, dalmaticas, orales". A "villa de Tructin"
non existe na actualidade, ao menos con ese nome. Entón, onde se
atopaba o cenobio?
A chave está no documento do ano 1069, en que o
rei Vermudo doa ao mosteiro de Celanova e ao seu abade Pelaio a aldea do
Prado, situada entre Tructini e Alvarín: "Et est ipsa villa vocitata Prado, et iacet in loco predicto inter Tructini et Alvarini...". O Prado, na parroquia de Podentes, e Alvarín, na parroquia de Soutomel, ambos no concello da Bola, están
perfectamente localizados xa que as aldeas manteñen o antigo
topónimo, pero non Tructin. Tructin volve a aparecer no ano 1327, nun documento achegado polo P. Flórez na España Sagrada, tomo XVII (De la Santa Iglesia de Orense, estado antiguo y presente,
1783), no que se recolle un documento do rei Afonso IX que confirma a
doazón feita por el a favor de Odoario Ordóñez, deán da catedral de
Ourense, no ano 1200. Anos despois, todo canto este Odoario Ordóñez tiña
en Podentes, co casal chamado de Lopo Pérez, e o realengo do lugar de Tructin pasan a Gonzalo de Noboa, bispo de Ourense entre o 1320 e 1322 (Gundisalbus de Noboa, licet indignus Espiscopus Auriensis). Ante a ausencia doutras referencias canto á ubicación máis ou menos aproximada do cenobio, non quedaba outra que recorrer
á microtoponimia, ao mellor soaba a flauta. Así que buscamos na
tupidísima malla do Catastro. E a frauta soou: No mes de xuño de 2025,
nun cruce que vai cara a aldea de O Xen (Oxén no nomenclátor) localizamos o
microtopónimo TROITIN. Consultados Fernando Cabeza Quiles e Dolores
González de la Peña, comentáronos que Troitín vén de Tructini,
nome propio de orixe xermánica, en caso xenitivo de posesión; Troitín
daría despois o apelido Troitiño.
Como vimos, no documento do 1021 di
que Revelio Materniz doa ao mosteiro do Salvador de Celanova o mosteiro
de Tructin coa súa ecclesie. Este mes de decembro de 2025
achegámonos ata o sitio coa esperanza de atopar algún vestixio, pero a
mesta maleza onde localizamos o topónimo non nos permitiu albiscar a
mínima muxica. Entón dirixímonos a Oxén, a 500 metros de Tructin.
Durante un par de horas percorremos a aldea, mirando casa por casa,
habitables e en ruínas, algunhas chamativas, pero nin rastro dunha igrexa
ou capela. Ademais de varios hórreos e algún desgastado símbolo nas
pedras, os únicos elementos relixiosos que vimos foi un cruceiro e
unha cruz de madeira no muro dunha casa que en tempos tivo no pé unha
inscrición que non se conserva. Lamentablemente non atopamos a quen
preguntar.
Pero nas inmediacións localizaramos dous interesantes
mirotopónimos: A Cruz e Milladoiro, este referido ao montículo formado
por pequenas pedras que romeiros e peregrinos ían amontoando ao paso
cara algún santuario ou lugar de culto. Atópanse preto da Verea Vella,
que debe ser a citada no documento do ano 1069: "... per suis terminis et locis antiquis...".
Esta ruta utilizouse ata hai un cen anos polos zapateiros de Vilanova
dos Infantes para ir a Allariz e vender os seus produtos, aproveitando
para mercar o coiro nos famosos curtidoiros da vila. Temos bastante
claro que a villa de Tructin e o mosteiro atopábanse nesta zona,
quizais na aldea de Oxén que nalgún momento puído mudar o nome, ou no
cercano Troitín/Tructin que hai uns mil anos acolleu unha aldea que se
desenvolvería arredor dun mosteiro que, por motivos que descoñecemos,
desapareceron. Non sería o primeiro caso en Galicia. Na próxima visita
dedicarémonos a tentar recoller información oral, sexa sobre restos
materiais, tradicións ou lendas.







