CALCOLÍTICO/IDADE DO BRONCE GALICIA (Cistas, Materiais)

O Calcolítico, do grego chalkós, cobre, e lithos, pedra, e un período da Prehistoria no que se inicia a metalurxia, sendo o cobre o primeiro material traballado. En Galicia xurde arredor do 3100 a. C. No Calcolítico Final xurde o Campaniforme. A pedra puída xeneralízase, con útiles de maior tamaño e a aparición de novas ferramentas. Neste período aumenta a demografía, aumenta a produción de alimentos coa intensificación da productividade agrícola e gandeira, e prodúcense uns importantes cambios sociais e a aparición das xerarquías. Coñecido tamén como Eneolítico ou Idade do Cobre.
 
A Idade do Bronce é un período da Prehistoria que vai dende o 1800 ata o 600 a.C., caracterizado por importantes cambios sociais, económicos e políticos e a fabricación de armas (puñais, machados, puntas de lanza, espadas) e xoias bronce (aliaxe de cobre e estaño), cobre e ouro (diademas, pulseiras, brazaletes...). A economía baseábase na agricultura, a gandería e o aproveitamento dos recursos mariños. Apoxeo dos petroglifos. Nos últimos anos están a documentarse círculos asociados a este período.
 
Aclaración: Ademais dos materiais e xacementos, tamén achego os enterramentos, de pequeno tamaño, tipo cista (se ben coñécense casos en que se reaproveitan as mámoas neolíticas).  As gravuras rupestres ao aire libre, adscritas a estes períodos, van nas entradas correspondentes.
 
Nota: Ao final de cada provincia vou achegando pezas das que se descoñece a procededencia, sequera o concello.
 
 

PROVINCIA DA CORUÑA


AMES

As Estivadas: Durante o control dos traballos do Gasoduto Vilalba-Valga atopouse un conxunto de cerámica da Idade do Bronce, algún campaniforme, e un lítico.

O Milladoiro (Biduído): Xacemento da Idade do Bronce. Saíron á luz fragmentos cerámicos campaniformes.

Silvouta: Xacemento da Idade do Bronce.

Machados: Depósito de machados de bronce atopado na Volta do Carballo, en Ameixenda. Cronoloxía 800-700 a.C. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

Punta Palmela: Atopada por Antón Mosquera Pazos, de Quistiláns, na rodeira dun bulldozer tras un incendio no verán de 2017. Preto hai uns petroglifos e un xacemento Neolítico por onde pasou un gasoduto.



ARTEIXO

Machados (Rorís-Armentón): Luis Monteagudo documentou arredor do ano 1945 seis machados de tope, posiblemente do Bronce Final, que atoparan uns labregos. Só se coñece un debuxo realizado por Monteagudo e publicado polo Museo de Pontevedra no ano 1958. 

Punta de Muros: Material cerámico.

Xacemento de Freáns (Morás): Xacemento da Idade do Bronce.

Xacemento da Pita (Freán): Nos traballos de seguemento da autostrada Norte apareceron 86 fragmentos cerámicos, 18 de tradición campaniforme, datados na Idade do Bronce.

ARZÚA

Hábitat Río Iso-Río de Baixo (Pazos-A Mella): Como consecuencia da roturación do terreo saíron á luz un bo número de fragmentos cerámicos pertencentes ao Bronce Final.

Machado (Ourís-Viñós): Machado de tope de bronce dunha asa. No Museo do Castelo de San Antón.

A BAÑA

Estela-menhir de Troitosende: Atopada na Eira de Vilacoba, parroquia de Troitosende, a principios do século XX por don Óscar Lojo Batalla, afeccioado á arqueoloxía e alcalde de Ames durante a Segunda República. Mide 142 cm de alto e 40 cm de ancho máximo. Está decorada por unha soa cara. No extremo superior presenta unha forma discoidea, onde se representan a cabeza, os ollos, o nariz e a boca. Na parte que se correspondería co corpo vese unha aspa entre dúas barras horizontais. Non posúe inscrición. Crese que puido estar fincada no chan, de aí que se considere unha estela-pedrafita. Non existe consenso canto á súa adscrición cronolóxica. Cabré Aguiló, no 1915, e Breuil, no 1935, considérana como unha escultura humana de época neolítica. Octobón, no 1931, sitúaa no Calcolítico. López Cuevillas deulla unha cronoloxía posterior. Anati, no 1966, adscribiuna á Idade do Bronce. No ano 2001, J. L. Maya González e Ramón Álvarez, no seu traballo La estatua-pilar de Santa María de Tarañes (Ponga-Asturias) y su relación con la de Troitosende, dátana en época tardorromana ou alto-medieval. Nas fotos dos primeiros anos do século XX obsérvase que lle faltaba un anaco da parte superior; en fotos posteriores (de Serrano Lozano ou Thomas Schattner) aparece reconstruída. Atópase no Museo de Pontevedra, se ben non está exposta.

BETANZOS

Machado: No Museo das Mariñas de Betanzos consérvase un machado da Idade do Bronce de procedencia descoñecida. Donado por Rafael José Seoane Martínez, pertenceu á colección de Blanco Cicerón. Trátase do machado número 568 do corpus de Monteagudo. Trátase dun pequeno machado trapezoidal alongado.

Machado de talón: Bronce Final. De procedencia descoñecida, atópase no Museo das Mariñas de Betanzos. Machado de dous aneis co talón rectangular e mazarota de función. Ten unha lonxitude máxima de 244 mm e unha ancuhra máxima de 47 mm (Suárez Otero, 2020). Da Colección Blanco Cicerón. Segundo Monteagudo podería proceder da zona de Verín.

Machado de talón: Bronce Final. De procedencia descoñecida, atópase no Museo das Mariñas de Betanzos. De dous aneis con mazarota de fundición. Lonxitude máxima de 267 mm e unha anchura máxima de 60 mm (conserva 52) (Suárez Otero, 2020). Da Colección Blanco Cicerón.

BOIMORTO

Monte de Arriba (As Corredoiras-Os Ánxeles): Apareceron varios fragmentos cerámicos da Idade do Bronce atopados no corte aberto para facer unha caixa da estrada.

BOIRO

Cista da Pedra da Xesta: Nos Chaos do Iroite. Cista formada por seis esteos. Ten 2 metros de longo, 0,90 de ancho e 0,90 de alto. A mámoa, estragada, conserva restos da coiraza e anel pétreo.

Colar dos Chaos do Barbanza: Do Bronce Inicial, datado entre o 1800-1600 a.C. Conxunto de nove contas con perforación central inseridas nun arame de ouro. Localizado no ano 1893. No Museo Provincial de Lugo.

Chan do Cerqueiro (Moimenta-Macenda): No ano 2016, no lugar coñecido como Chan do Cerqueiro apareceu un hábitat da Idade do Bronce. Durante a prospección arqueolóxica recolléronse máis de 1.800 pezas pertencentes a momentos distintos, non só calcolíticos ou da Idade do Bronce, tamén máis tardíos (Victor Barbeito Pose, 2018). Crese que pode existir unha relación deste sitio e a riqueza que a zona ten en estaño. Co inicio das tarefas de sondaxe, fotogrametría e localización GPS, Ramón Fábregas e Carlos Rellán cren que tamén puido acoller unha atalaia medieval ao situarse nun punto estratéxico dunha zona de paso natural.

Machado: De dúas aselas, procedente do Castro Pequeno do Neixón. Ten unha lonxitude de 204,5 mm e un peso de 596,7 gramos. Na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago.

Molde: Molde vivalbo que apareceu no Castro Pequeno do Neixón, destinado a fabricar machados de dobre asa. Segundo Cuevillas e Bouza Brey, foi feito con arxila. No Museo Arqueolóxico de Ourense. 

Puñal de cobre: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) citan un puñal de cobre de base estreita e alongada onde se abren tres furados para amarrar aparecido en Beluso, na parroquia de Bealo; foi doado ao Museo Antropolóxico de Madrid polo señor Abal Hermo. No Museo Arqueolóxico Nacional.

CABANA DE BERGANTIÑOS

Cista da Insua (Borneiro): Foi destruída no ano 1975 durante labores agrícolas. Situábase a uns 600 metros do dolmen de Dombate. Os esteos atópanse no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña. Do Bronce Inicial, con sete lousas, catro con motivos insculpidos con distintas figuras: motivos triangulares e unha ringleira de cazoletas, figuras inacabadas e axiométricas e fileiras de triángulos.

Punta de lanza: Do Bronce Final. Desaparecida, só se conserva unha imaxe depositada no Arquivo do Museo Arqueolóxico de Ourense. Atopada, segundo Álvarez Carballido (1907), no "Castro Nemenzo" da comarca de Bergantiños ao facer uns estudos para un proxecto ferroviario. Pero en Cabana nin na comarca de Bergantiños existe Nemenzo, o único castro e poboación que se coñece atópase en Santiago de Compostela. Quizais, Álvarez Carballido confúndese co castro de Nemeño, en Ponteceso, concello que tamén pertence á comarca de Bergantiños, se ben está alonxado do trazado ferroviario. Sexa como sexa, trátase dunha punta de lanza que xa non conservaba o tubo de enmangue. Segundo álvarez Carballido tiña unha lonxitude de 19 cm e un peso de 165 gramos. Bouza Brey e López Cuevillas (1929) recóllenna como puñal, e Comendador Rey (1990) como unha posible alabarda. (Información extraída de José Suárez Otero, en "Castro Nemenzo", una olvidada punta de lanza y los inicios del Bronce Final Atlántico en el Noroeste Hispánico, 2015).   

Xacemento da Piolla (Nantón): Na vía de alta capacidade Carballo-Berdoias, no entorno da necrópole neolítica da Piolla, documentáronse restos que parecen corresponder a un posible asentamento entre o III e II milenenio a. C.. Rexistráronse fondos de cabana, catorce fosas dispersas e dez buratos de poste.

Un estudo con xeorradar encargado pola Deputación da Coruña revelou a existencia dun poboado acaroado á anta de Dombate. Podería tratarse dun asentamento da Idade do Bronce ata comezos da Idade do Ferro, período no que o famoso dolme xa non cumpriría o seu papel funerario.

CAMBRE

Espada: Da Idade do Bronce (Bronce Final), atopada no río Mero, nas inmediacións da Ponrte do Burgo. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

CARBALLO 

Entrecruces: Nos anos setenta do século XIX, no lugar coñecido como O Souto Grande, atopouse unha punta de lanza do Bronce Final, hoxe en día desaparecida. Pertenceu á colección de Álvarez Carballido. Segundo este (1907), tiña unhas medidas de 19 cm de lonxitude, 4 de anchura máxima e un peso de 165 gramos. O que si chama a atención é que Álvarez Carballido sitúe o achado no "Castro Nemenzo" da comarca de Bergantiños que eiquí non existe tal; si o temos no concello de Santiago de Compostela. En La Voz de Galicia do 21 de abril de 2001, na información sobre a presentación dun libro do Instituto de Estudos Bergantiñáns, dise que o profesor atopou unha punta de lanza no Souto Grande. López Cuevillas e Bouza Brey (1929) tamén citan un machado de talón de dous aneis propiedade de don Enrique Sánchez, de Carballo. (Ver concello de Cabana de Bergantiños).

CARIÑO

Cistas da Capelada (Serra da Capelada-Cariño).

Praia da Basteira: No ano 1961 un veciño atopou de forma casual preto da praia da Basteira un machado votivo de bronce que cedeu ao Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón na Coruña. Un dos seus extremos remata nunha cabeza de touro, coa representación dun torques sobre a folla, dun lado, e un disco de difícil interpretación do outro. No ano 1965 apareceu na mesma praia un puñal de bronce con folla pistiliforme de dobre fío con nervadura central, desaparecido na actualidade.


CARNOTA

Cista de Mallou (Mallou-Santa Columba de Carnota).

Cista de Pedramarrada ou de Carnota (Agra de Durán-Santa Columba de Carnota): A necrópole de Pedramarrada estaba formada por tres cistas. Nunha, no ano 1965, apareceu un puñal de cobre en lingüeta datado entre o 2500-1500 a.C. e un brazal de arqueiro de pedra. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña. Noutra cista, segundo Vázquez (1980) apreciábanse unhas incisións todo ao longo que "pudieran ser obra humana". 

Cova do Cebro (Monte Pindo): Anacos cerámicos. No Museo do Castelo de San Antón.

CEDEIRA

Castro das Alcaiás: Atopouse un machado da Idade do Bronce.

Machado de bronce: Apareceu no Campo da Armada, na parroquia de Régoa. Pertence ao grupo dos machdos planos de gume desenvolvido característico da etapa intermedia da Idade do Bronce, a mediados do segundo milenio antes da nosa era. Trátase do segundo machado deste grupo atopado na Serra da Capelada, en setembro de 1989 uns excursionistas recolleran outro exemplar preto de San Andrés de Teixido que foi despositado nunha institución municipal.

CERDIDO

Lúnula de Cerdido: O achado máis coñecido do Castro de Cerdido é o dunha suposta lúnula (desaparecida) debuxada por Saralegui (1867) no seu Estudios sobre la época céltica en Galicia. Victorino Novo fixo un debuxo da peza no ano 1883 e di dela: "un objeto de oro hallado en 1840 en las ramificaciones de un castro en S. Martín de Cerdido... Trátase de un aro de oro expecie de torque o collar céltico... Fue encontrado por un labrador al cultivar en las proximidades de un castro... Cuando intentó venderlo llamó la atención por su valor intrínseco y se formó una causa que se falló en la Audiencia de Coruña en 1844. Tal vez con ese torque salieron a la superficie otros no menos valiosos indicios que no pudieron llegar hasta nosostros...". Barros Sibelo (1875) di que apareceu nun sepulcro romano. Cuevillas: "aparece un gravado que reproduce un objeto en forma creciente, con indicación de dos medias cañas marginales y rematado en una especie de perillas... Debajo del grabado dice: Torques de oro de Cerdido... que se encontró en las inmediaciones de un "barrow" en San Martín de Cerdido y dio lugar a un sumario que se instruyó en Ferrol en el año 1840 para averiguar su procedencia"; compáraa con outra peza aparecida en Allariz. Comendador Rey (1997), debido á escasísima información, exclúea do catálogo de pezas da Idade do Bronce. As lúnulas eran xoias en forma de crecente para ser colgadas do pescozo. Traigoa aquí porque nalgún sitio dise que pode pertencer á Idade do Bronce, e que en vez de no castro atopouse xunto un túmulo megalítico. En Galicia só se coñecen dúas e outras sete en Portugal. 

CORISTANCO

Puntas de lanza: No regueiro de Porto Seixo, preto da lagoa de Alcaián, atopáronse catro puntas de lanza do Bronce Final, unha calada na base. Tres depositadas no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña. 

Machado: Na Agualada atopouse un machado de talón (900-800 a. C.).

A CORUÑA

Puñal: De bronce, atopado na Ponte da Pasaxe. No Museo do Castelo de San Antón.

CULLEREDO

Monte do Carrizo (Rutís): Ao pé dunha peneda con pías naturais, desaparecido na actualidade, Monteagudo localizou unha posible cabana e fragmentos cerámicos da Idade do Bronce.

DODRO
Xacemento de Riasós (San Xián de Laíño): Durante a construción de vivendas unifamiliares apareceron lascas de seixo e cerámica campaniforme do Bronce Inicial. Xacemento totalmente destruído. Os propietarios realizan traballos agrícolas.

 

FISTERRA

Puñal: Puñal de lingüeta de cobre que apareceu preto da praia Langosteira. Di Cuevillas (1959) que preto de Fisterra apareceron varios fragmentos de vasos campaniformes decorados. Segundo Monteagudo atopábase na colección do doutor Esmorís.

FRADES

Cista de Cimadevila (Cimadevila-Frades): Citada no ano 1989, foi destruída.

IRIXOA

Machados de talón (Ambroa): Trátase de 16 machados que apareceron nun xacemento que foi destruído. Segundo os veciños consérvanse dúas grandes pedras de granito que formaban parte do asentamento e que na actualidade están tiradas nunha finca. Segundo Vales Villamarín (1971) foron atopados no ano 1926 por uns nenos mentres xogaban nun sitio chamado O Abeledo, entre o monte Cendá e o castro de Casal do Mouro. Logo de pasar por varias mans, entre outras polas dun ferreiro, só se conservan dous de talón con dúas asas, cun peso de 300 e 272 gramos, que foron doados polo propio Vales Villamarín á Real Academia Galega.

A LARACHA

Castro da Croa de Santa Baia: Situado no cume dun monte de difícil acceso, arrodeado por un pequeno muro defensivo de cachotaría de granito e parapeitos. Apareceron machados da Idade do Bronce.

LAXE

Cista Fornela dos Mouros (O Aprazadoiro-Nande): Planta rectangular formada por tres esteos e unha tampa de gran tamaño, característica da fase final do Megalitismo galego.

 

MALPICA DE BERGANTIÑOS   

Cista de Taraio (Cerqueda): No ano 1974, un labrego, ao arar a terra, atopou un vaso de barro datado entre o 2500-1500 a.C.  e un puñal en lingüeta. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

Lanza: De cobre. Atopada en Leiloio.

Machado: Apareceu en Aviño, parroquia de Cambre. Machado plano de bronce de talón truncado. Datado entre o 2500 e o 1500 a. C. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

  

MAÑÓN

Machado: Na facultade de Xeografía e Historia de Santiago consérvase un machado de talón de bronce. Ten unha perforación central porque foi reutilizado nun muíño. Foi atopado entre Riobarba (O Vicedo) e As Ribeiras do Sor (Mañón). Da colección de Federico Maciñeira.

 

MAZARICOS

Necrópole da Parxubeira: Na mámoa número 2 atopouse un fragmento de punta palmela asociada a un vaso plano característico do Bronce antigo; na mámoa número 4 unha punta tipo palmela (1800 a. C.). Tamén apareceron vasos campaniformes (2500-2000 a. C.). No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

MELIDE

Acubillo: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) falan dun acubillo en Outeiro, parroquia de Campos, con moitos obxectos de bronce, algúns machados, cinco espadas e varias pulseiras. De todo só se conservan seis machados que daquelas estaban en poder de don Xosé Fernández, reloxeiro de Melide. 

Brazal de Melide: Da Idade do Bronce. Trátase dun cilindro pechado con forma ondulada; carece de decoración. 

Depósito de Campos: Citado por López Cuevillas. O conxunto apareceu no curso alto do río Ulla, nas proximidades dun castro. Comprende machados de distinta procedencia. Existían outras pezas, hoxe desaparecidas, como seis espadas e varios brazaletes de bronce de morfoloxía descoñecida. O depósito estaría destinado a fundición.

EspadaDin López Cuevilas e Bouza Brey (1929) que se trataba dunha espada de bronce. Recolleron a información de E. Álvarez Carballido, en Protohistoria. Ligera contribución al estudio de cobres y bronces de la región gallega conocidos por el nombre de célticos (1907). Desaparecida.  

Machado: Procedente do castro de Donide, parroquia de Maceda.

Machados: Atopados no castro Pedro, entre Folladela (Melide) e Ordes (Toques). No Museo da Terra de Melide.

Mámoa de Campo Grande: Citada por López Cuevillas e Bouza Brey (1929). Din: "Noutra mámoa sen outras referenzas, apareceu un obxeto, que Álvarez Carballido califica de lanza de bronce, mais que polo que di máis adiante ó falar de outra arma de Castro Nemenzo, debía ser unha espada ou millor unha alabarda".

Pena Grande e Pena Arada: Documentáronse ocupacións datadas na Idade do Bronce, coa localización de dúas puntas de frecha tipo palmela.

Punta de lanza: Publicada por Meijide Cameselle no 1988. Do Bronce Final. Atopada a principios dos anos oitenta do pasado século no Cantón de San Roque, no centro da vila de Melide. Mide 37,6 cm de longo e 5,9 de anchura máxima, con enmangue tubular oco, e cunha nervadura central de sección circular. No Museo da terra de Melide.

Xacemento da Idade do Bronce da Leira dos Bichiños (Abeancos).

Xacemento Calcolítico de Braña da Cruz (Folladela).

Xacemento nas obras de contrución da A-54: A construción da A-54 entre Lugo e Santiago de Compostela, no tramo entre Arzúa e Melide, están a revelar un importante conxunto de xacementos entre os que destaca, ademais das carboeiras dun castro, un conxunto de corenta foxas funerarias do final da Idade do Bronce e inicios da Idade do Ferro. O equipo do arqueólogo Emilio Ramil localizou nas proximidades dun castro na zona de Melide corenta foxas de inhumación onde hai materiais de incineración e funerario practicamente intactos. Tamén atoparon fornos de cocción de época romna, así como fondos de cabana neolíticas datadas no 3000 a. C.




MOECHE 

Machado de Labacengos: Ou machado pulimentado dos Caneiros. Apareceu nunha remoción de terras efectuada cun arado mecánico por don Xosé Veiga Albariño na finca Rego dos Caneiros, que a fixo aflorar á superficie xunto con anacos cerámicos. A raíz do achado realizouse unha intervención de urxencia. Aínda que sexa clasificado como machado, E. Ramil e V. Tomás (1992) din que as súas particularidades poden facer sospeitar a existencia dun "novo tipo funcional". No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

 

MUROS

Cista dos Castriños (Abelleira). 

Cista de Bicos do Lago: Estaba situada nun pequeno outeiro que se ergue sobre o mar, preto da praia de Ventín. Foi trasladada para o Muíño de Mareas Pozo do Cachón.  

Machada: De enmangue, atopada en terras de Muros, ao parecer na greta dunha gruta en Louro. Dada a coñecer por Bouza Brey no ano 1960. De bronce, fabricada en molde bivalvo. Ten 180 mm de lonxitude e 90 mm de ancho máximo no fío, cun peso de 860 gramos. Está considerada como unha peza única na cornixa Atlántica peninsular no Bronce Final.


NARÓN 

Castro de Quintá (O Val): Atopouse un machado "de bronce" que foi depositado no Ateneo Ferrolán. En minería y metalurgia en la antigüedad (2006), o profesor da Universidade da Coruña, Fernán Gómez Filgueiras y Brage, di que o machado resultó ser de un hierro de alto contenido en carbono, equivalente a un acero hipereutectoide de algo mas de 0.8% de Carbono, no justificado por cementación sino por proceder de conversión de fundición de hierro, dicha pieza además estuvo templado (ver analiticas mas adelante) y se forjó por plegado como se comprobó por radiografía de RX”.

Cicel: De talón truncado. Na Casa da Cultura de Narón.

Machado: De talón truncado. Na Casa da Cultura de Narón. 

 

NOIA

Xacemento de Espiñeira (Taramancos-Boa): Trátase dun asentamento cunha cronoloxía que vai dende a Idade do Bronce ata época tardorromana. Foi escavado de urxencia pola construción da estrada de Noia a Portosín, aparecendo dúas vivendas da Idade do Ferro, varios cuncheiros, foxas e un muro. Chama a atención a súa falta de elementos defensivos, feito que se considera moi atípico na zona.

Xacemento de Taramancos: A construción da variante de Noia sacou á luz un xacemento no que se constatou a superposición de diferentes grupos poboacionais do Calcolítico á Idade do Bronce e a Idade do Ferrro, así como posteriores asentamentos romanos. Documentáronse 450 estruturas e 21.500 pezas.

OLEIROS

Castro de Os Redondos ou Agra dos Campos (Dorneda): Prospectado por Monteagudo quen atopou unha maza de bronce. Atópase no Museo do Castelo de San Antón da Coruña onde só se le: "Maza de Os Redondos", sen indicar o concello de procedencia.

ORDES

As Cavadas: Xacemento da Idade do Bronce da Revolta do Croio, parroquia de leira. Apareceu material cerámico de factura campaniforme e un machado plano de cobre datado entre o 2500 e o 1500 a.C. No Museo do Castelo de San Antón.

OROSO

Alto do Mouro: Durante o control dos traballos do Gasoduto Vilalba-Valga atopouse diverso material lítico e cerámico adscribible á Idade do Bronce.

Punta de Lanza: Atopada en Deixebre antes de 1978. Datada no Bronce Final. Mide 39 cm de longo, con enmangue tubular e folla fina. Pesa 295 gramos. Na Facultuade de Xeografía e Historia de Santiago.

ORTIGUEIRA

Machados do Muíño da Granxa (Senra): Acubillo da Idade do Bronce. Na derradeira década do século XIX saíron á luz 24 machados de talón de un e dous aneis. Santiago de la Iglesia, no Almanaque de Ferrol (1908), di que dos 24 machados que apareceron, 23 foron vendidos por 15 pesetas a un comprador ambulante de metais vellos, que á vez os vendeu a un fundidor das Pontes. Tamén os citan F. Maciñeira (1892), Saralegui (1894) e López Cuevillas e Bouza Brey (1929). Logo, doce de dous aneis e tres de un foron a parar á colección Maciñeira, un dunha asa á Universidade de Santiago, e outro de dous aneis mercounos o señor Comerma de Ferrol. A primeira investigación pormenorizada correu a cargo de Monteagudo (1977). Posteriormente foron estudados por Comendador Rey e Ramil González (1999). Unha historia completa das investigacións pode vers en Senra: Historia de un depósito gallego de Hachas de talón (2007), de Xosé Lois Armada Pita e Óscar García Vuelta.

Machados (Senra): Na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago consérvanse varios machados de talón de unha e dúas anelas pertencentes á colección de Federico Maciñeira.

 

OUTES

Puñais (Boel): Dous puñais de lingüeta citados por Bouza Brey e López Cuevillas. Di Murguía que baixo un dolmen apareceu un esqueleto de guerreiro, e ao seu carón unha punta de lanza e un puñal de bronce. As pezas metálicas foron enviadas, ao parecer, ao Seminario Central de Santiago. Descoñécese o paradoiro.

PADRÓN

Xacemento da Chansa (Pazos-Iria Flavia): Preto da mámoa da Chansa. Atopáronse fragmentos cerámicos pertencentes á Idade do Bronce.

O PINO

Punta de lanza (San Lourenzo Pastor): Atopada no castro antes do ano 1975 ao realizar labores agrícolas. Moi fragmentada. Do Bronce Final ou Inicios da Idade do Ferro.

Xacemento da Idade do Bronce de Fontalén: Nos estudos de impacto ambiental nas obras da autostrada Santiago-Lugo, na zona coñecida como Mámoas de Fontalén, rexistrouse a presenza de ata 160 estruturas arqueolóxicas datadas hai 3.000 anos e que fan pensar nun importante asentamento poboacional. Trátase de fondos de cabana que van dende 1,2 aos 7 metros de diámetro. Aínda que o asentamento non carece de interese visual, si o ten dende o punto de vista científico. Segundo os técnicos, os restos vanse estudar pero non musealizar debido á súa deterioración.

A POBRA DO CARAMIÑAL

Xacemento da Corna (Laxe-O Xobre): Apareceron fragmentos cerámicos con decoración campaniforme.

PONTECESO

Punta de lanza: Do Bronce Final. Desaparecida, só se conserva unha imaxe depositada no Arquivo do Museo Arqueolóxico de Ourense. Atopada, segundo Álvarez Carballido (1907), no "Castro Nemenzo" da comarca de Bergantiños ao facer uns estudos para un proxecto ferroviario. Pero en Cabana nin na comarca de Bergantiños existe Nemenzo, o único castro e poboación que se coñece atópase en Santiago de Compostela. Quizais, Álvarez Carballido confúndese co castro de Nemeño, en Ponteceso, concello que tamén pertence á comarca de Bergantiños, se ben está alonxado do trazado ferroviario. Sexa como sexa, trátase dunha punta de lanza que xa non conservaba o tubo de enmangue. Segundo álvarez Carballido tiña unha lonxitude de 19 cm e un peso de 165 gramos. Bouza Brey e López Cuevillas (1929) recóllenna como puñal, e Comendador Rey (1990) como unha posible alabarda. (Información extraída de José Suárez Otero, en "Castro Nemenzo", una olvidada punta de lanza y los inicios del Bronce Final Atlántico en el Noroeste Hispánico, 2015).

    

AS PONTES

Cista das Veigas e Cheibán (Vilavella).

A Veiga dos Mouros: Fragmentos cerámicos campaniforrmes e utensilios de pedra atopados por Federico Maciñeira no ano 1947. Na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago consérvase unha maza de rocha granítica procedente da mámoa 229, asociada a outros útiles (unhaaixola, un machado, dous ciceis e tres láminas de aixada. Datada entre o 2500 e 2100 a. C.

A Veiga de Vilavella: De la Iglesia atopou dous vasos cerámicos, publicados por Luis Pericot no ano 1927. Nunha mámoa de pequenas dimensións, ao parecer sen cámara pétrea, atopou a finais do século XIX un puñal sinxelo con espigo para o mango, catro puntas de frecha de forma lanceolada e espigo para a súa ensambladura ao vástago de madeira e unha diadema realizada sobre unha fina cinta cunha aliaxe de ouro e cobre con perforacións nos extremos, datados na transicións entre o Calcolítico e a Idade do Bronce. Florentino Cuevillas e Bouza Brey (1929) din que en catro mámoas desta necrópole, sen ningunha clase de cámara, apareceron os seguintes obxectos: Número 1, "Unha punta de frecha, de cobre, faltosa dos dous cabos". Número 2, "Anacos de puntas de frecha, de cobre e moitos carbóns". Número 3: "Un puñal de cobre co espeto en lengoeta, de 140 x 40 mm, tres puntas de frecha do tipo de Palmella e unha diadema de ouro en forma de tira de 345 mm de longo". Número 4: Cabeza dun machado prano, probabremente de cobre, que presenta dúas singulaes escotaduras lateraes, quizais para facilitar o mangaxe". "As tres primeiras mámoas foron esproradas por Santiago de la Iglesia e a coarta parez ser que foi aberta por un labrego. Está iste material na Facultade de Filosofía e Letras da Universida de Santiago". Santiago de la Iglesia, no Almanaque de Ferrol (1908), di que no ano 1892, un labrego atopou un machado de pedra puído que destinou a afiar a gadaña; tamén lle mercou a un labrego outro machado que o seu fillo partira en dous. Na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago consérvase un machado de bronce de talón atopado no túmulo 240 da Veiga de Vilavella no ano 1910.

Frechas: Santiago de la Iglesia (1908) cita varios fragmentos de frecha de cobre atopados na base dun túmulo funerario.


PORTO DO SON

Chan da Raña: Apareceu un machado de bronce. Atópase no Centro de Interpretación do Castro de Baroña.

Machado: Segundo Suárez Otero apareceu en Ribadesieira, parroquia de Xuño. Carece de asas.

Xacementos calcolíticos de Cabeiro e de Xebrín (Noal).

RIANXO

Casco ou cunca de Leiro: De ouro, probablemente do Bronce Final, atopado no ano 1970 por don Xosé Vicente Somoza na praia das Cunchas. Atopouse enterrado e agochado cun cacharro de feitura tosca. Está repuxado con decoración de círculos concéntricos. Denota rango social do seu posuidor. No Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.

Depósito de Monte Lioira: Na finca Revolada da Cana apareceron unha alabarda e cinco puñais de cobre do Bronce Medio, datados entre o 2500 e o 1500 a.C. Descubertos por don Albino Gómez. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

Espada de estoque (Isorna): Bronce Final. Atopada no ano 1971 en Isorna, no leito do río Ulla, no lugar coñecido como Pozo das Torres. Ten un deseño máis para cravar que para fender. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

Puñal: Citado por Bouza Brey (1928), procedente de Beluso, parroquia de Bealo, localizado no ano 1903,que se conservaba na Sociedad de Antropología y Prehistoria de Madrid. 

RIBEIRA

Asentamento dos Pericos (Couso-Aguiño): Estudado por Xosé Ignacio Vilaseco e Ramón Fábregas. No ano 2007, os arqueólogos deron a coñecer no Centro Arqueolóxico do Barbanza o resultado do proxecto de investigación levado a cabo na Punta dos Pericos, cuxa intervención se realizou no ano 2005. Tíñase a sospeita de que no lugar había cerámica campaniforme pero, aínda que o xacemento non resultou ser tan antigo, atoparon unha estrutura de pedra que Fábregas denominou “tetraplén”, pechando Punta Couso. Data do Bronce Final, segundo confirmaron as probas de C-14. Sábese que un lume acontecido no sitio, entre o 550 e 360 a. C. queimou ata as pedras, descoñecéndose a que se debeu (enfrontamento con outros grupos, o abandono ou un accidente); a poboación rondaría os cen habitantes.Ademais, no sitio documentouse un castro da Idade do Ferro do século II a. C. 

SANTA COMBA

Depósito de Cícere: O conxunto de xoias de Cícere foi atopado por un plateiro de Carballo durante a II República, e entregado por este ao doutor Abelenda. As súas fillas, cumprindo o desexo do seu pai, depositáronno no museo. Aínda que nun principio creuse que formaba parte do enxoval dunha mámoa, a ausencia de restos de túmulos no lugar non permite confirmar esta orixe. O folclore da zona si fala de que alí habitaban os mouros. O tesouro está formado por dúas láminas lisas, unha lámina de tiras, posibles fragmentos doutra máis pequenas e anacos doutros obxectos indeterminados. A fragmentación destas pezas sábese que foi debido á súa reutilización como parches para zocos por parte dun dos seus descubridores, ao confundir o ouro con latón. As pezas foron elaboradas a partir de láminas de ouro que se recortaban ou perforaban con punzóns nos extremos para conseguir un sistema de peche. As láminas lisas quizais fosen diademas, mentres que a de tiras é interpretada como gargantilla. Este tipo de xoias aparecen bastante estendidas ao longo da fachada atlántica europea en tempos calcolíticos e do Bronce Inicial (2500-2000 a.C.). O ouro de Cícere é probablemente de orixe local, obtido por bateo de areas auríferas de río. 

Cista de Fariñas: Atopouse un puñal ou espada curta de cobre (2500-1500 a.C.). Fracturado en tres partes. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.




SANTIAGO DE COMPOSTELA

Machados: Manuel Murguía (1885) fala de dous machados atopados "en 1817 en la antigua provincia de Santiago y remitidas a la Real Armería por el conde de Maceda, procedentes de una mámoa". Descoñécese o paradoiro.

Machado: No ano 1816, o profesor de Ciencias Naturais D. Casiano de Prada envía un escrito xunto co debuxo dun machado de talón de dúas asas á Real Academia da Historia de Madrid, atopado a "nueve leguas de Santiago".

Portabríns: Nas abas do Monte Pedroso. Xacemento da Idade do Bronce atopado a finais do século XX durante os traballos de control arqueolóxico da Rede de Gasificación de Galicia. Apareceron fosas e buratos de poste. Tamén saíron á luz dezaoito pezas líticas e preto de 200 fragmentos cerámicos, algúns con decoración campaniforme.

Puñal: Álvarez Carballido (1907) e Bouza Brey e López Cuevillas (1929) citan un puñal de lingüeta depositado no Museo da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, fundada no ano 1873. Descoñécese o paradoiro.

Punta de lanza: Do Bronce Final. Desaparecida, só se conserva unha imaxe depositada no Arquivo do Museo Arqueolóxico de Ourense. Atopada, segundo Álvarez Carballido (1907), no "Castro Nemenzo" da comarca de Bergantiños ao facer uns estudos para un proxecto ferroviario. Pero en Cabana nin na comarca de Bergantiños existe Nemenzo, o único castro e poboación que se coñece atópase en Santiago de Compostela. Quizais, Álvarez Carballido confúndese co castro de Nemeño, en Ponteceso, concello que tamén pertence á comarca de Bergantiños, se ben está alonxado do trazado ferroviario. Sexa como sexa, trátase dunha punta de lanza que xa non conservaba o tubo de enmangue. Segundo álvarez Carballido tiña unha lonxitude de 19 cm e un peso de 165 gramos. Bouza Brey e López Cuevillas (1929) recóllenna como puñal, e Comendador Rey (1990) como unha posible alabarda. (Información extraída de José Suárez Otero, en "Castro Nemenzo", una olvidada punta de lanza y los inicios del Bronce Final Atlántico en el Noroeste Hispánico, 2015).

SANTISO

Machado: No castro de Vimianzo apareceu un machado de talón de dous aneis de 255 por 50 mm que foi a parar á colección Álvarez Carballido de Melide. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey (1929).

SOBRADO DOS MONXES

Xacemento da Idade do Bronce (Cumbraos): No mes de agosto de 1925 descubríronse debaixo dunha pedra e envoltos nunha camada de carbón 7 machados de talón de dous aneis. Publicados por Ángel del Castillo no Boletín da Real Academia Galega nº 194 do 1 de maio de 1927 (Hachas de Bronce de talón. Hallazgo de un depósito). Un foi destruído para comprobar de que tipo de metal se trataba, os seis restantes foron adquiridos por Alfredo Álvarez, notario en Melide; un doouno ao Museo de Bellas Arte da Coruña e outro ao Seminario de Estudos Galegos, os outros repartiunos entre Armando Cotarelo, Eduardo González de Betanzos e Fermín Bouza Brey, o descubridor quedouse con un.

Machado (Nogueira): Machado de bronce citado por López Cuevillas e Bouza Brey (1929). De forma triangular, cunhas medidas de 148 por 65 mm. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

 

TEO

Xacementos da Idade do Bronce do Tras do Pego (A Ramallosa-Lucí); Monte da Cruz e Monte da Lagoa (Luou).

TOQUES

Bronce de Requeán (Bragaña-Ordes): A pesares de estar catalogado, no ano 2006 construíuse unha vivenda unifamiliar e unha nave sobre este xacemento da Idade do Bronce.

Castro de Oleiros (San Martiño de Oleiros): Apareceu un machado de talón dunha asa de 142 mm de longo que se atopaba na colección de Alfredo Álvarez de Melide. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey (1929).

Cistas do Agro da Nogueira (Mangoeiro): Unha ducia de estruturas cistoides estudadas na primeira metades dos anos noventa por Meijide Cameselle e Fábregas Valcarce. Algunhas estaban parcialmente enterradas nunha gran fosa circular cubertas con amoreamentos de pedras. Recuperáronse varios materiais, entre outros un potiño e restos de incineración.

Colar e pulseira do Monte dos Mouros (San Martiño de Oleiros): No 1867, ao roturar un terreo, atopáronse unha pulseira de ouro datada entre o 1200-800 a.C. e uns colares de tiras, tamén de ouro, datados entre o 1800-1600 a.C. Os colares están formados por dúas bandas laminares curvadas en forma cilíndrica. Estas pezas foron citadas, entre outros, por Barreiro (1888) que di que podería proceder dun túmulo, se ben tamén podería ser dun acubillo, por Villa-Amil (1906) e por Bouza Brey e Cuevillas no 1929. Cando ían ser vendidas en Santiago foron detectadas e adquiridas por Blanco Cicerón, pasando posteriormente á colección de Álvaro Gil Varela. Na actualidade atópanse no Museo Provincial de Lugo.

Os Curros (A Capela): Xacemento da Idade do Bronce documentado por Criado Boado no ano 1989. Recuperáronse 73 fragmentos cerámicos.

Frecha da Pena Grande (Oleiros): Punta de frecha, pedra que Florentino Cuevillas consideraba que podería ter sido obxecto de culto.

A Insua (A Capela): Apareceron fragmentos cerámicos e líticos, entre os que se encontran, ao menos, 28 anacos de vasillas distintas con decoración de tradición campaniforme.

A Lagoa: Xacemento da Idade do Bronce sondeado por Criado Boado no ano 1987. Méndez Fernández, nos anos 1988 e 1992 localizou tres unidades de ocupación con zanxas e buratos de poste que corresponderían a fondos de cabanas. Recolléronse máis de 4.000 anacos de cerámicas lisas e decoradas de tradición campaniforme xunto con case 200 líticos.

Leira Nova (A Capela): Xacemento da Idade do Bronce documentado por Criado Boado no ano 1998. Apareceron anacos cerámicos, dous deles campaniformes.

Mirallos (Brañas): Saíron á luz 99 anacos cerámicos e nove líticos adscritos á Idade do Bronce.

Monte das Penas (Paradela): Idade do Bronce. Foron localizados unha peza de pedra puída de forma circular con perforación central e un puñal de espigo.

Morcigueira (A Capela): Xacemento localizado no ano 1981. Sondeado por Criado Boado nos anos 1984 e 1988. Parcialmente destruído por labouras agrícolas. Apareceron varias estruturas de pequenas dimensións, así como materiais cerámicos e líticos.

Xacementos da Idade do Bronce de Pena Martiña (Brañas); Fonte da Xesta (Capela); Chousa da Trapa (Vilamor).

TORDOIA

Machado plano: No Museo do Castelo de San Antón da Coruña custódiase un machado plano de bronce datado entre o 1600 e 1400 a. C. Na cartela di que apareceu en "Anxeriz-Portomouro". Pero Anxeriz pertence ao concello de Tordoia, e Portomouro ao do Val do Dubra. Aínda que os concellos lindan o un co outro, as parroquias non. 

Machados do Castro da Croa (Bardaos): Atopáronse unha trintena de machados de talón con dous aneis pertencentes ao Bronce Final. No Museo do Castelo de San Antón.


VAL DO DUBRA

Machado plano: No Museo do Castelo de San Antón da Coruña custódiase un machado plano de bronce datado entre o 1600 e 1400 a. C. Na cartela di que apareceu en "Anxeriz-Portomouro". Pero Anxeriz pertence ao concello de Tordoia, e Portomouro ao do Val do Dubra. Aínda que os concellos lindan o un co outro, as parroquias non.  

Puñal ou espada curta (Portomouro): López Cuevillas e Bouza Brey (1929) citan a aparición dun puñal de bronce co espeto en lingüeta, de 475 por 90 mm, con decoración riscada ao longo da folla. Din que foi a parar ao Museo Pontificio de Santiago, pero descoñécese o paradoiro.

VEDRA

Xacemento do Monte da Golga (Caxeraville-Sarandón): Fragmentos cerámicos da Idade do Bronce.

Xacemento das Penizas (Trobe): Apareceron cerámicas lisas e dous fragmentos de tipo campaniforme.

Veiga de Xián (Sarandón): Xacemento da Idade do Bronce.

Xacemento da Devesa do Rei (Pousada de Arriba-Vedra): Da Idade do Bronce.

Xacemento de Chao de Cartas (Pousada de Arriba-Vedra): Materiais líticos en sílex e cristal de rocha, e cerámicos que inclúe fragmentos campaniformes.

Xacemento da Fontela (Roelle-Vedra): Nos traballos da autostrada Santiago-Ourense localizáronse varias pezas cerámicas, entre elas un fragmento con decoración campaniforme; tamén unha ducia de estruturas, catro prehistóricas.

O Penedo Branco (O Outeiro-Vilanova): Xacemento da idade do Bronce.

VIMIANZO

Casota de Berdoias ou de Freáns: 2.500 a. C. Con cámara rectangular formada por tres esteos e tampa, presenta varias cazoletas e gravuras cruciformes. Trátase dunha cista característica da fase final do Megalitismo. Un dos esteos presenta gravuras con coviñas e cruciformes. Declarada BIC.

Machado: Segundo Monteagudo (1977) apareceu na Arquiña de Vilaseco, parroquia de Castrelo. Descoñécese o paradoiro.

 

ZAS

Cista da Toxa (Zas): Destruída durante a realización de labores agrícolas.

O Valouco (Baio): No mes de outubro de 2011, nos traballos de seguemento por mor das obras da autostrada da Costa da Morte, saíu á luz un asentamento cunha cronoloxía comprendida entre o finais do cuarto e inicios do segundo milenio antes de Cristo. Apareceron fondos de cabana de varias tipoloxías, 27 fosas circulares e ovaladas, 35 buratos de poste, unha estrutura de combustión e un fogar, 62 pezas cerámicas e 22 líticas.

PROVINCIA DA CORUÑA

Espada: No Instituto Padre Sarmiento de Santiago.

Frechas: Puntas "palmela" pertencentes á colección Blanco Cicerón de orixe descoñecida. No Museo do Castelo de San Antón.

Machado: De talón truncado do que se descoñece a procedencia. Partido. Citado por Monteagudo (1977).

Machado: Fragmento pertencente á colección Blanco Cicerón de orixe descoñecida. No Museo do Castelo de San Antón.

Machado: No Museo do Castelo de San Antón expóñense dous machados de talón de bronce coa única referencia de procedencia de "Os Castros-Coruña". 

Machados: No Museo do Castelo de San Antón expóñense un machado de cubo e o fragmento doutro machado onde non se indica a procedencia.

Machado: Na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago gárdase un machado plano pertencente á colección José Viqueira (1934).

Machado: Na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago gárdase un machado plano de bronce pertencente á colección José Viqueira (1934). É de gume curvo.

Maza: De bronce. Atópase na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago. Ten forma rectangular con perforación central.






PROVINCIA DE LUGO


ABADÍN

Machado (Gontán): Do Calcolítico. Machado de bronce procedente da colección de Villaamil y Castro, quen o publicou no ano 1875. De forma trapezoidal, ten unhas medidas de 157 mm de longo. Foi atopado no ano 1871 por Don Domingo Seijo. Atópase no Museo Arqueolóxico Nacional.

ALFOZ

Machados de Vilaúde (San Pedro de Mor): Dous machados mercados polo Museo Arqueolóxico Nacional a Josefa Villaamil Santiso no 1934, procedente da colección de José Villaamil y Castro quen os cita no ano 1887. Ambos de dúas asas, un fragmentado.

Machados: En O Vilar, parroquia de Bacoi, apareceron dous machados de tope. Citados por López Cuevillas e Bouza Brey.


ANTAS DE ULLA

Castro de Albá: Apareceron unhas aixolas calcolíticas (2800-1800 anos BP) custodiadas no Museo da Catedral de Lugo.

Machado de Montelongo (Alvidrón): Mercado polo Museo Arqueolóxico Nacional no ano 1947 a Cándido Souto.

Tesouro de Antas de Ulla: Achado casual nun illote do río Ulla, no interior dunha caixa de cobre ou bronce que non se conserva. Está formado por un aro central de prata aberto cun sistema de fechamento do que penduran seis cadeas de cinco espirais cada unha, irregulares e de tamaño decrecente, configuración que podería ser posterior ao achado.


 
BALEIRA 
 
Pinturas rupestres nunha cova da Fontaneira: A principios do mes de xullo de 2017, David Outeiro Fernández e un amigo garda civil, alertados por uns veciños, localizaron unha cova con pinturas rupestres, achádego que puxeron en coñecemento do Seprona e de Patrimonio da Xunta de Galicia que se achegaron ata o sitio. Trátase dun conxunto de trece debuxos esquemáticos pintados con ocre. Ata que se completen os estudos só se poden barallar hipóteses sobre a súa cronoloxía, se ben podería adxudicarse a un período comprendido entre o Neolítico e o Calcolítico. Ata o momento, en Galicia só están documentadas pinturas rupestres en acubillos rochosos na Cova de Eirós (Triacastela) e a cova de Praducelos (Pol), aínda que tamén hai outros sitios documentados en que apareceon frarmentos de ocre. Pinturas atopámolas en varios enterramentos megalíticos: dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños), Pedra da Arca (Dumbría), mámoa de Espiñaredo (Negreira), Forno dos Mouros (Toques), Pedra Cuberta (Vimianzo), dolme da Mouruxosa (Friol), Mollafariña (Xermade), Codesás (Melón), a Mota Grande (Quintela de Leirado), Os Muíños (Agolada) e Coto dos Mouros (Rodeiro). Nunha visita que fixen o pasado mes de outubro ao abrigo rupestre de Val de Junco (Portugal) vin unhas pinturas con motivos que nalgún casos se asemellan a estas de Baleira. Aínda que existen controversias entre os investigadores canto a súa cronoloxía, acéptase marioritariamente que estarían datadas entre o Neolítico e o Calcolítico.

BARREIROS

Cista do Campo das Fachas (San Xusto de Cabarcos): Case no límite co concello de Lourenzá.

A Roda (Reinante): O sitio estaba mal localizado, descubríndose cando as escavadoras que traballaban na autostrada do Cantábrico no ano 2008 deron cuns muros. O lugar era coñecido de vello pero críase que se trataba dun castro. Trátase dunha estrutura circular con forma de túmulo duns cincoenta metros de diámetro limitada por un foxo de entre tres e catro metros de diámetro e un de profundidade. O círculo está formado por dous mouros, entre os que se depositou a terra do foxo, formando así o parapeito que no seu punto máis alto acada os tres metros. Consérvase a zona de entrada, de entre metro e medio e dous metros orientada cada o NO; xunto dela hai unha pedra que podería ser unha das pedrafitas que delimitaban o acceso. Cando os arqueólogos supervisaron o achado axiña se decataron de que non se trataba dun castro, demasiado pequeno, senón dunha edificación moi anterior. No mes de xullo de 2015 un equipo de arqueólogos da Dirección Xeral do Patrimonio comezaron os traballos no xácigo, identificándoo coma un henge, estrutura abundante nas Illas Británicas. Como resultado das análises radiocarbónicas fixouse o momento da construción no Bronce Medio (séculos XVII e XVI a.C.). O xacemento pódese considerar como excepcional se consideramos que fóra das Illas Británicas non se tiñan localizadas este tipo de estruturas nin en Galicia nin no resto de Europa, o que leva a preguntarnos que relación había entre as Illas Británicas e Galicia na Idade do Bronce.  A falla dun estudo máis pormenorizado, os arqueólogos que traballan no xácigo conclúen que o interior non foi un lugar para amorear obxectos e que tampouco se construíron vivendas, de modo que ninguén o habitou. Crese que podería ser un lugar onde se xuntaba a sociedade prehistórica para facer xuntanzas de tipo político, sociais ou relixiosas. A súa ubicacón pode que non fose casual, senón relacionada coa astronomía antiga, para marcar os ciclos de cultivos ou outros fins. No ano 2013 denunciei o arrasamento do sitio arqueolóxico de Coeses, en Lugo, onde apareceu unha estrutura semellante. No mes de xaneiro de 2016, a Dirección Xeral do Patrimonio asegurou que ten previsto elaborar un proxecto integral de conservación do xácigo.

BEGONTE

Machado: No ano 1958, don Darío Arias atopou un machado de talón de dobre con dúas asas (rotas) que logo foi doada ao Museo de Lugo polo seu sobriño José Arias Vila.

BURELA

Frecha: Punta de frecha tipo palmela de cobre datada cara o ano 1800 a.C.

CASTRO DE REI

Estatua-menhir de Orizón (Quintela-Orizón): Datada na Idade do Bronce, atopada nunha pista no ano 2012, preto da necrópole tumular Cinza da Moura. Foi estudada polo arqueólogo Francisco Hervés. Trátase dunha estatua-menhir realizada en lousa con cubetas decorativas que se colocaría preto dun túmulo ou dun espazo funerario adicado a unha figura de relevancia social, posible representación dun heroe. Ten 60 cm de alto, 57 cm de ancho na parte superior e 38 cm na inferior que pode indicar a reprodución dun torso humano. Exposta no Museo do Castro de Viladonga.

Figuras fálicas (Oroxe-Bazar): Conxunto lítico de tres pezas de pedra interpretadas como fálicas, posiblemente da Idade do Bronce. No Museo do Castro de Viladonga.

Machado (Castro de Viladonga): Machado con catro asas de tipo único (o habitual é o de unha ou dúas asas), residual da Idade do Bronce. A aliaxe de cobre e estaño debeuse de completar con chumbo polo considerable peso da peza (635 gr.). O seu achado nun contexto arqueolóxico castrexo e galaico-romano dos séculos II ó IV d.C, moi posterior ó momento da súa fabricación, convértea nun obxecto singular que quizais tivo algunha significación simbólica ou votiva ou mesmo simplemente residual. No Museo do Castro de Viladonga.



CASTROVERDE

Aixolas: No Museo da Catedral de Lugo costódianse unhas aixolas calcolíticas (2800-1800 anos BP).

CHANTADA

Castro de Santa Uxía: No Museo da Catedral de Lugo costódianse unhas aixolas calcolíticas (2800-1800 anos BP).

Machado de Pesqueiras: De bronce de dobre asa. Atopado no ano 1939, a carón dunha pena, nunha finca do lugar de Souteirás.

Machado: No Museo Arqueolóxico de Ourense custódiase un machado cunha asa que se considera do Bronce Final. Na ficha só figura que procede da comarca de Chantada.

Maza de Centulle: Maza triangular de cuarcita atopada nos anos setenta do pasado século, datada na Idade do Cobre. Custodiada no Museo Provincial de Lugo.

O CORGO

Círculo do Monte das Cabanas (Maceda): O día 10 de xaneiro de 2023, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a existencia dunha estrutura circular situada no monte das Cabanas, na parroquia de Maceda, concello de O Corgo. Trátase dun círculo perfecto de 75 metros de diámetro que apenas sobresae 20 centímetros do chan e que, debido a estar moi colmatado pola acumulación de materia vexetal (atópase entre pinos e rebolas), apenas é perceptible a simple vista. Algúns investigadores comparan estes círculos cos henge das Illas Británicas. O primeiro documentado en Galicia foi o famoso da Roda de Barreiros onde xa se efectuou algunha intervención onde, como resultado das análises radiocarbónicas, fixouse o momento da súa construción no Bronce Medio (séculos XVII e XVI a.C.). Nos últimos anos están a documentarse en Galicia varios destes enigmáticos círculos (ata o momento detectáronse pouco máis de medio cento). Polo de agora descoñecese cal sería a súa función pero pode que estean vencellados a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario, ou que se trate de lugares onde as sociedades prehistóricas se xuntaban para facer reunións de tipo político, social ou relixioso. O día 24 de xaneiro de 2023, dende Patrimonio da Xunta de Galicia comunicáronnos que, unha vez visitado o lugar polos seus arqueólogos, comprobaron, en efecto, que se trata dun elemento arqueolóxico circular polo que redactaron unha ficha do rexistro de xacementos, sendo catalogado co código GA27014070. Esta estrutura de O Corgo é unha das poucas catalogadas ata o momento en Galicia. Estes xacementos, que ata non hai moito tempo tiñánse como castros, poden considerarse como excepcionais se temos en conta que fóra das Illas Británicas, que saibamos, non se tiñan localizadas este tipo de estruturas polo que consideramos a necesidade da realización de estudos e escavacións que permitan despexar os enigmas que plantexan estas sorprendentes estruturas que poden achegar novas informacións sobre a prehistoria de Galicia. Ademais, é moi posible que varios castros, catalogados como tal, non o sexan e se trate de círculos cunha cronoloxía anterior.

Círculo do Castrillón: O día 11 de xullo de 2023, a asociación de recreación histórica Tir Na n´Og e o colectivo Patrimonio dos Ancares comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a localización dun novo círculo no concello do Corgo. Foi na parroquia de Cerceda, a unha altitude de 400 metros, no monte coñecido co evocativo nome de O Castrillón onde puidemos comprobar a existencia dunha estrutura circular duns 50 metros de diámetro cun parapeito que a circunda en todo o seu perímetro de 3-4 metros de ancho e unha altura que en ningún caso sobrepasa o medio metro. Atópase cuberto pola maleza. A imaxe onde mellor se aprecia é a do voo americano do ano 1956-57. O día 28 de agosto de 2023, dende Patrimonio comunicáronnos que, despois da comprobación realizada polos seus arqueólogos, foi catalogado como Estrutura circular de Castrillón, co código GA27014072. Nos últimos anos están a documentarse en Galicia varios destes enigmáticos círculos (ata o momento detectáronse pouco máis de medio cento). Polo de agora descoñecese cal sería a súa función pero pode que estean vencellados a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario, ou que se trate de lugares onde as sociedades prehistóricas se xuntaban para facer reunións de tipo político, social ou relixioso. O primeiro documentado en Galicia foi o famoso da Roda de Barreiros onde xa se efectuou algunha intervención onde, como resultado das análises radiocarbónicas, fixouse o momento da súa construción no Bronce Medio. 



COSPEITO 

Cista da Roza (Santalla-Sisoi): Pequeno montículo duns 8 metros de diámetro en cuxa superficie aprécianse cuarzos e lousas moi fragmentadas con claros indicios de manipulación antrópica. A capa de pedra semella corresponderse con restos dun anel peristalítico ou dunha coiraza dun túmulo de pequeno tamaño. Na parte central vese unha laxa dun metro de lonxitude que semella formar parte dunha estrutura de planta rectangular de 1,30 por 0,70 metros que lembra un enterramento da Idade do Bronce.

FOLGOSO DO COUREL

Cova do Oso: Anacos cerámicos do Bronce Final. O uso de covas e abrigos con fins rituais está por definir, sen que poidamos desbotar os de carácter funerario. A aparición cada vez máis frecuente de vasos enteiros e a súa localización, ás veces en sitios inaccesibles, non  resulta casual.

 

A FONSAGRADA

Machados: Aínda que non existen referencias concretas a algún tipo de asentamento da Idade do Bronce, preto do castro da Coroa (Moreira) atopáronse seis machados dispersos pola zona. A mediados dos anos cincoenta do pasado século, o señor Manuel Fernández Ríos, da casa de Salvador, de Mazaeda (parroquia de San Pedro de Neiro), ao facer unha gabia para unha canle do rego dun prado, tamén atopou varios machados de talón de dobre asa e outros incompletos, ademais dun anaco de chumbo. Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo cita uns machados de bronce no sitio coñecido como O Río, na parroquia de Bruicedo. Comendador Rey (1997) achega un machado plano de talón truncado procente da Cótara.

A Pobra do Burón: Punta de lanza citada por Ruiz-Gálvez Priego (1984) e Suárez Otero (2014). Fáltalle a punta.

FOZ

Vaso funerario (Cangas de Foz): No Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1945), J. Trapero deu a coñecer un vaso funerario atopado como consecuencia dun derrube ao facer as obras para a construción dos nichos do cemiterio de Cangas. Quedaron á vista varias cistas con restos cerámicos e unha vasilla fusiforme constituída por un poliedro octogonal, cuxa parte máis estreita se implanta nun cono truncado de ampla curvatura, case hemisférica. A característica máis chamativa deste vaso son as asas ou "aletas" a ambos lados, perforadas en sentido lonxitudinal e cuxos ocos, ao atoparse a vasilla pechada se corresponden perfectamente, de sorte que, facendo pasar unha corda polos ocos, este queda hermeticamente pechado. Ten adornos incisos que se entrenzan, característicos da Idade do Bronce.

FRIOL

Molde: No lugar da Pena, na parroquia de Cotá, baixo unha pena coñecida como Os Merleiros, apareceu un molde bivalvo composto por dous corpos, que encaixan, da Idade do Bronce, utilizados na elaboración de machados de tope de dobre asa. Ten unhas medidas de 18,7 cm de longo e 5,5 cm de ancho máximo, cun peso de 1,4 kg. Foi adquirido por 10 pesetas polo Museo Provincial de Lugo no ano 1944.

Círculo lítico da Chousa do Toxo (Taín-Carlín): Citado nun documento de finais do século XIX. Cando a construción dunha estrada, entre finais dos anos sesenta e principios dos setenta do pasado século XX, a maioría das súas pedras foron utilizadas para o firme da mesma, permanecendo só en pé un par de fitos que foron arrancados e desprazados hai poucos anos ao acondicionar o terreo para unha plantación de eucaliptos. Todas as persoas consultadas lembran á perfección do círculo de pedras. Nas proximidades está o sitio da Medorra, localizado no coñecido como Monte da Escola, e a Fonte do Ouro.

Machado: Álvarez Carballido (1997) cita a localización de trece ou catorce machados de bronce en Friol ou Palas de Rei. Na actualidade, despois de pasar pola Fundación Barrié (mercouno no 1970), só se conserva un de talón con dous aneis depositado no Museo do Castelo de San Antón da Coruña. Ten unhas medidas de 26,6 cm de lonxitude, 5,9 de ancho e 3,6 de grosor.  

 

GUITIRIZ

"Arma ou raspador de bronce": Citado por Santiago de la Iglesia (1908), atopada no castro de Carballido. Di que foi adquirida e cedida polo Sr. Mato.

Cicel: Atopado por Santiago de la Iglesia no castro de O Buriz cara o ano 1897; doullo á Universidade de Santiago.

Cista da Igrexa (A Igrexa-O Buriz).

Machado do castro Quenllas do Forno: Bouza Brey e López Cuevillas din que no ano 1897 apareceu un machado da Idade do Bronce, doado no 1926 á Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago por Santiago de la Iglesia que o publicou, sen foto nin debuxo, no Almanaque de Ferrol no ao 1908.

Vaso: No lugar da Igrexa, no Buriz, atopouse un vaso da Idade do Bronce. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.


GUNTÍN DE PALLARES

Machado (Mougán): Machado de tope de dous aneis da Idade do Bronce. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey (1929).

Amuleto: Pouco antes de mediados do pasado século XX, o director do Museo provincial de Lugo, Manuel Vázquez Seijas, enviou a Florentino López Cuevillas unhas fotos e a descrición dunha pequena peza de arxila decorada e cunha perforación. Toda a superficie do arco da peza atopábase decorada cunha serie de incisións lonxitudinais e transversais. Apareceu na ourela esquerda do río Foxoiro, no lugar coñecido como San Roque, preto de Xoaine, na parroquia de Entrambasaugas. Atopouno un neno de 12 anos de nome Manuel Gandoy Rodríguez quen asegurou ver no mesmo sitio outra pedra igual pero que non chegou a recoller. Escribe López Cuevillas que hai que colocar esta peza dentro do marco das esculturas pre ou protohistóricas, xa que por ningún dos seus caracteres se pode encaixar en data posterior á conquista romana. Malia o anterior, non lle foi posible clasificala con seguridade nunha época determinada por non atoparlle un paralelo exacto, ademais de descoñecer o contexto onde se recolleu. Si se sabe que nas proximidades hai uns campos de mámoas (campo da Goia e monte Barreiro), non localizándose ningún castro nas proximidades. A probable procedencia tumular ou da Idade do Bronce da peza semella afirmarse ao considerar que o raiado que a decora trazouse cunha técnica igual á empregada en moitos exemplares de cerámica campaniforme, ademais de que a perforación bicónica aparece en armas da época do Bronce, podendo engadirse que a decoración de raias cruzadas utilizouse tamén nos ídolos-pracas do Megalitismo. Desbotado o uso como arma, Cuevillas di que se debeu utilizar como adorno, como un pequeno ídolo ou amuleto, quizais vencellado cun culto lulnar, ou que pola súa traza astiforme semellarían os cornos dun touro ou dunha vaca, animais representativos de divindades en moitas relixións que actuarían como protectores antes distintos males.

O INCIO

Castro de Rendar: Ademais dun torques e dous brazaletes, apareceu un depósito de machados de talón que foi expoliado. 

LOURENZÁ

Serra da Cadeira: Entre a Pontenova, Riotorto, Trabada e Lourenzá. No estudo de impacto arqueolóxico do parque eólico Cadeira-Cerrochao localizáronse oito xacementos calcolíticos.

LUGO

Machado: No Museo Diocesán da Catedral de Lugo atópase o fragmento dun machado metálico do Final da Idade do Bronce (800 anos BP) de posible procedencia dos arredores de Lugo.

Machado (Orbazai): Citgado por Monteagudo. Procedente do castro de Penarrubia. De talón truncado.  

Machado (Santa Eulalia de Bóveda): No Museo da Catedral de Lugo custódiase un machado calcolítico (2800-1800 anos BP) procedente do lugar da Braña.

Xacemento de Coeses: No ano 2011, durante os traballos na autostrada A-54, Lugo-Santiago, a uns 200 metros do castro Valente, saíu á luz un xacemento, en principio de época indeterminada pero posiblemente precastrexo. Trátase dunha especie de túmulo duns 60 metros de diámetro con foxo arredor, muros interiores e exteriores (que os arqueólogos denominan como anel lítico pseudotumular), aliñacións de pedras e no interior do recinto unhas estruturas escavadas no chan de diferente tipoloxía e dimensións, como sucos e foxas. Polo de agora apareceron unha conta de colar de pasta vítrea de procedencia púnica, discos perforados e vasillas cerámicas, tanto completas como fragmentadas, que conteñen o que poden ser cinzas que poderían pertencer a restos de cadáveres incinerados, ben formando parte dunha necrópole ou que se trate dun lugar votivo onde se practicaría algún tipo de ritual. Daquelas, o xacemento xa se atopaba moi arrasado xa que a zona foi utilizada para labores agrícolas. Aínda que que en princpio todo apunta a un xácigo da Idade do Bronce, polo de pronto non se pode desbotar una adscrición á primieira fase da Idade do Ferro e que fora utilizado como cemiterio polos habitantes do castro que se atopa nas inmediacións e que xa provocara unha primeira modificación do trazado da autostrada. Este tipo de túmulo atopámolo na Gran Bretaña e Irlanda, os denominados “barrows”, como os de Cornualles e Belas Knap onde, ademais de diverso material, atopáronse ósos humanos o que fai pensar nun espazo votivo. O xacemento foi destruído case na súa totalidade no ano 2013 pola construción da autrostrada. Despois da dencuncia qeu fixemos varios colectivos, o xacemento foi conservado en parte e logo tapado.

O Castrillón de Adai ou Corro dos Mouros: Algúns investigadores falan dun castro agrícola, outros dun posto militar romano vencellado ás vías de comunicación, se ben nos últimos tempos apúntase a un xacemento da Idade do Bronce (a maior parte dos restos cerámicos atopados pertencen a este período). No mes de agosto de 2023, a Universidade de Santiago, baixo a dirección de Pilar Prieto membro do Grupo EcoPast e do CISPAC, comezaron as intervención para tenta descubrir os segredos do gran círculo lítico prehistórico do Castrillón de Adai. Adai é un espazo patrimonial de primeria orde, destacable pola existencia de petroglifos e sobre todo unha cabana alongada prehistórica tipo ‘longhouse’, única en Europa que se atopa escavada en granito, podería ter relación coa roda en proceso de escavación. O xacemento é un recinto circular ou roda duns 53 metros de diámetro que conserva en superficie un parapeto e un foxo e alcanza unha superficie de 2100 m2. No segundo día descubriuse o muro do parapeito feito en cachotaría granito e algúns fragmentos de cerámica prehistórica e un par de durmintes de muiño. O obxetivo deste primeiro ano de traballos é identificar as súas fases de construcción, uso e abandono. Este é o oitavo xacemento desta tipoloxía que se escava en Galicia. Trátase dun novo tipo de xacemento que se está a investigar e cuxa interpretación non está completamente definida. Poderían tratarse de recintos cerimoniais, incluso para enterramentos, seguindo costumes ancestrais provintes de Centro Europa, cubrindo esta escavación un baleiro na investigación. “Pensamos que será un xacemento de longa perduración seguindo a liña dos xa datados como a A Roda de Barreiros, Ventosiños de Coeses, tamén no concello de Lugo ou Os Castrullos en Parada de Sil”, apuntan desde a USC. De feito, coñecer mellor este xacementos implica coñecer mellor o mundo funerario das comunidades que viviron en Galicia nun periodo pouco coñecido polo momento que vai desde o 1600 ata o século II a.C, entre a Idade do Bronce e a do Ferro. O equipo arqueolóxico está convencido de que o Castrillón de Adai “é un fenómeno local que evidencia contactos culturais a longa distancia“. Con todo, e a pesar de semellanzas formolóxicas con outros círculos líticos ou Henges das illas británicas, as rodas presentan características autóctonas que as fan únicas.

Xacemento da Pena Fita (Adai): Un dos elementos máis enigmáticos do conxunto de Adai é unha impresionante pedra de forma elíptica, única en Galicia, duns 12 por 6 metros, circundada por 18 buratos comunicados todos eles por un suco; na parte central vese unha pía circular duns 25 cm de diámetro que desauga noutra rectagular duns 80 por 30 cm; distribuídas pola pena vense tamén varias cazoletas. Aínda que se teñen realizado varias conxecturas canto ao seu uso e significado (algunhas raiando o paroxismo), hoxe por hoxe continúa a ser unha incógnita arqueolóxica, se ben algúns estudos apuntan a unha base da cabana de tipo ritual onde a maior parte das pezas recuperadas son da Idade do Bronce. Queremos destacar este ben patrimonial porque no ano 2019 cumpríronse 30 anos da súa descuberta polos investigadores F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela que documentaron varios centos de xacementos polos concellos de Friol, Lugo e Outeiro de Rei.

MEIRA

Machado: No Museo de Pontevedra figura un machado de cobre do Calcolítico (3100-2500 a. C.) en cuxa cartela lese que procede de Soutón (Meira).

MONDOÑEDO

Machados: En Estelo, parroquia dos Remedios, apareceu un machado de talón de dous aneis partido que foi regalado ao marqués de Cerralbo por don Manuel Blanco Mamede, de Mondoñedo; citado por López Cuevillas e Bouza Brey (1929); foi mercado, xunto con outro máis, polo Museo Arqueolóxico Nacional a Josefa Villaamil Santiso no ano 1934, procedente da colección de José Villaamil y Castro. No Museo Provincial de Lugo consérvase outro. De todos os xeitos, a información de Villaamil non permite situar con precisión o punto exacto de aparición.

Puñal de bronce da Couboeira ou da Pena Grande: Atopado no ano 1869 na Pena Grande, preto do castro da Couboeira. Foi adquirido polo Museo Arqueolóxico Nacional a Josefa Villaamil e Santiso, procedente da colección de Villaamil y Castro.



MONFORTE DE LEMOS

Machados de talón de Distriz: Traemos eiquí unhas pezas da Idade do Bronce que, a pesares de ser citadas en varios traballos, son as grandes descoñecidas para a maioría da xente de Monforte de Lemos. Trátase de sete machados de talón con dúas asas do final da Idade do Bronce que apareceron, segundo Ángel del Castillo, no ano 1896 ou 1897 tras un desprendemento de terras acaído na ladeira dun monte coñecido como "La Vid", na parroquia de Distriz. Aínda que o lugar do achado non se pode concretar con exactitude, Montero et al. (2014) identifícanno cunha elevación coñecida como A Costa Grande de Distriz. Aclaramos que "La Vid" identifícase sen posibilidade de erro con Avide, parroquia lindeira con Distriz. Entre ambas está o Monte de Avide, e ao leste deste o Monte Grande, preto do río Cinsa, que debe tratarse do sitio citado por Montero. Malia isto, ignórase o lugar exacto do depósito. Ángel del Castillo anotou que os machados foron descubertos casualmente por un veciño da localidade. Logo vendeullos por 15 pesetas a un particular, Javier Rodríguez, que llas regalou ao político e coleccionista Guillermo de Osma y Scull (1853-1922), conde consorte de Valencia de Don Juan e daquelas deputado por Monforte. Segundo Del Castillo, Osma distribuíu os machados por varios museos. Actualmente só se ten a seguridade de onde foron a parar cinco exemplares: dous ao Museo Arqueolóxico Nacional (entraron entre 1905 e 1907) e tres ao Instituto Valencia de Don Juan de Madrid, este último fundado por Osma e a súa esposa Adelaida Crooke y Guzmán no 1916. Os outros dous machados continúan desaparecidos, se ben Ángel del Castillo asegura que Osma doou un á Real Armería en Madrid, mais cara o ano 1927 non constaba entre as doazóns a esta institución como puído comprobar o propio Del Castillo. O exemplar restante sería doado a un museo de París, o Musée de L´Homme, dato que tampouco se puído confirmar. Os machados conservados no Museo Arqueolóxico Nacional teñen unha lonxitude de 25,2 e 22,2 mm. O seu peso é de 1.122 e 1.005 gramos respectivamente. No primeiro obsérvase que unha das asas está practicamente perdida, conservándose só o arrinque da mesma. O segundo perdeu case todo o filo. Os depositados no Instituto Valencia de Don Juan teñen unha lonxitude de 22,9, 24,8 e 24,9, e un peso de  970, 1.134 e 1.224 gramos. O primeiro ten unha asa case perdida, o segundo conserva incompleta unha das asas, e o terceiro está practicamente intacto. Para rematar, Ángel del Castillo fala tamén de dous machados de talón dunha asa procedentes doutro depósito de Monforte de Lemos, pero destes nada se sabe. E López Cuevillas e Bouza Brey (1929) falan dun machado de talón de dúas asas atopado nalgunha parte do concello que medía 230 mm de longo, depositado por don Xosé Salgado no Museo de Pontevedra.

Punta de lanza de bronce: Citada por Luis Monteagudo (1977) e Suárez Otero (2014). Atribúeselle unha procedencia de Monforte de Lemos, asociada aos machados de talón de Distriz. Mide uns 16 cm de lonxitude. Ten base lanceolada e tubo para o enmangue. No Museo de Pontevedra. 


MONTERROSO

Machado: Machado de talón truncado atopado nalgún lugar do concello de Monterroso. Segundo Monteagudo (1977) estaba en mans dun particular de Lugo.

OUTEIRO DE REI

Cista do Monte Martul: Presenta unha cámara tipo cista de grandes dimensións.

Enxoval do Pago da Matela (Santa Madalena-A Matela): Ao explanarse unha mámoa, saíu áluz un enxoval composto por oito pezas puídas, unha dobre aixola e tres mazas. Ao ser destuída por unha escavadora, puideron perderse máis pezas.

Gravura de Martul: A principios do mes de novembro de 2013 achegueime ata Martul xa que tiña coñecemento dunha gravura reaproveitada na reitoral. A primeira e única referencia a esta singular peza débese a Guerra Mosquera no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1976). Trátase da imaxe dunha figura humana insculpida nunha pedra do muro da casa con trazos ben definidos e profundos que debuxan o corpo, brazos, pernas e cabeza onde se aprecian a boca e os ollos. Quizais represente a unha divindade feminina espida, unha deusa da fecundidade, unha Matres Gallaiciae céltica. Segundo me contou un veciño a pedra foi reutilizada para tapar unha antiga ventá. A tradición oral di que foi atopada nunha mámoa, se ben é certo que se descoñece en que lugar se ubicaba o enterramento. Eu amoso as miñas dúbidas canto á súa adscrición ao Neolítico, situándoa, en todo caso, na Idade do Ferro. A principios de abril de 2017, para a nosa sorpresa, comprobamos que non estaba catalogada polo que me dirixín por escrito ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que procedan a inventariala e trasladala para un museo. O día 15 de novembro de 2022 (cinco anos despois), dende Patrimonio comunicáronme que, despois das comprobacións realizadas polos seus arqueólogos, foi catalogada co código AC27039007 como "Inscultura da Casa Reitoral".

Vaso de Martul: Vaso de borde revirado pertencente á Idade do Bronce.

Aixola (Cela): No Museo da Catedral de Lugo custódiase unha dobre aixola plutónica (2800-1800 anos BP).

A Roza de Afóra: Fragmentos ceerámicos.



PALAS DE REI

Machado do castro do Carballal: Álvarez Carballido (1997) fala da aparición dun machado plano de cobre, cunhas medidas de 100 por 32 mm., atopado ao realizar labores agrícolas. Desaparecido.

Machado: O mesmo Álvarez Carballido cita a localización de trece ou catorce machados de bronce en Friol ou Palas de Rei. Na actualidade, despois de pasar pola Fundación Barrié (mercouno no 1970), só se conserva un de talón con dous aneis depositado no Museo do Castelo de San Antón da Coruña. Ten unhas medidas de 26,6 cm de lonxitude, 5,9 de ancho e 3,6 de grosor.  

Machado: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) falan do anaco dun machado de bronce aparecido no concello, doado ao Museo do Seminario Conciliar de Lugo.

Xacemento da Pataqueira (Vilamerelle): Localizado nas obras da autovía A-54 Santiago-Lugo. Fondos de cabana, buratos de poste e fosas propias dun asentamento da Idade do Bronce, e unha área reducida cunha ocupación da Idade do Ferro. Nunha gabia localizouse un conxunto de restos paleobotánicos carbonizados, composto por sementes de toxo e moras. Na mostra apareceron catro sementes de Prunus avium/cerasus, cunha datación que sitúa este contexto no 808-902 AD. 


PANTÓN

Puñal da Bastida: Pérez Bustamante, en colaboración con Parga Pondal, publicou no ano 1925 un traballo onde figura un puñal de cobre (Notas de arqueología prehistórica galaica. Los dólmenes de Dombate y de La Gándara) , probablemente calcolítico, atopado “en el castro de Babela o cerca de el, en la Bastida”. Achega un debuxo. A noticia do puñal, propiedade de Joaquín Arias Sanjurjo, de Monforte de Lemos, facilitáralla Ángel del Castillo. Arias Sanjurjo doouno despois ao Seminario de Estudos Galegos. No 1929 cítano de pasada López Cuevillas e Bouza Brey, pero non deberon velo, aclara Comendador Rey (1997). No ano 1973, J. J. Eiroa, nun seu traballo, ademais das medidas e a composición, achega unha foto do puñal que coincide co debuxo de Pérez Bustamante. Posteriormente, ademais de Beatriz Comendador, hai outras referencias á peza, principalmente canto á análise feita por Eiroa. Análise que aclararía as dúbidas se non fora porque o Puñal da Bastida pasou a engordar o cada vez máis avultado catálogo de obxectos desaparecidos en Galicia. De onde sacou a foto Eiroa? É claro: do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Bueno, pois con iso, no mes de outubro de 2023 alá fun a preguntar. Atendeume Rosario Valdés Blanco, a quen lle agradezo a celeridade con que me facilitou a información da que dispoñen. Consultou o inventario do Seminario de Estudos Galegos, onde si figura o puñal (despois do desmantelamento do Seminario no ano 1936, a mediados dos anos corenta, co seu patrimonio, creouse o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento que depende do CSIC). Pero resulta, tal como me achegou María Rosario, que a peza non está no Instituto, nin tampouco figura no seu inventario. E por último, sobre a procedencia do puñal, algún investigador lévao para A Estrada, pero creo que isto se debe a que Eiroa, no seu traballo, sitúao na Estrada e no Val de Lemos. Na Estrada non atopei referencias a un sitio denominado A Bastida. Na Terra de Lemos, ademais do primeiro que publicou a peza, Pérez Bustamante, que di claramente que procede do “castro de Babela o cerca de el, en la Bastida” (e está o propietario, natural de Monforte). O castro de Babela atópase no Alto da Bastida, en Monforte de Lemos, e a Casa-forte da Bastida, na parroquia de Mañente, en Pantón, a unha distancia un da outra de 700 metros. Non moi lonxe atopáronse sete machados de talón dos que na actualidade só se coñece o paradoiro de cinco (dous no Museo Arqueolóxico Nacional e tres no Instituto Valencia de Don Juan en Madrid). En resumo, dende o traballo de Eiroa, hai 50 anos, non se volveu saber do puñal. Onde estará?

PARADELA

Círculo de Riba das Chousas: O día 6 de setembro de 2023, o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a asociación Tir Na n´Og comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a localización dun círculo no concello de Paradela. Foi na parroquia de Ferreiros, entre as aldeas de Delle e Fruxinde, a unha altitude duns 700 metros, no monte coñecido como Riba das Chousas onde puidemos comprobar a existencia dunha estrutura circular duns 50 por 45 metros cun muro que a circunda en todo o seu perímetro duns dous metros de ancho e unha altura que non sobrepasa o medio metro. A súa localización foi posible grazas á tecnoloxía LIDAR (topografía do terreo realizada con láser), que logo puidemos constatar ao visitar o lugar. Nos últimos anos están a documentarse en Galicia varios destes enigmáticos círculos, por veces identificados erróneamente como castros. Polo de agora descoñécese con exactitude cal sería a súa función, pero pode que estean vencellados a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario, ou que se trate de lugares onde as sociedades prehistóricas se xuntaban para facer reunións de tipo político, social ou relixioso. O primeiro documentado en Galicia foi o da Roda de Barreiros onde se efectuou algunha intervención que, como resultado das análises radiocarbónicas, fixouse o momento da súa construción no Bronce Medio. No pasado mes de xullo, tamén se realizou unha escavación no círculo, apenas alterado, de Vilarello, na parroquia de Cereixa, concello da Pobra do Brollón, dirixida polos arqueólogos Rodrigo Paulos e Xurxo Ayán onde se localizou un muro de grandes dimensións, ademais, entre outros materiais, restos cerámicos típicos da Idade do Bronce, un machado de pedra pulimentado e madeiras carbonizadas. Neste días, baixo a dirección da profesora Pilar Prieto, está a escavarse o círculo do Castrillón, en Adai (Lugo), cuxos primeiros resultados están a achegar unha valiosísima información. Nos meses de xaneiro e xullo deste ano, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Asociación Tir Na n´Og comunicamos a Patrimonio da Xunta de Galicia outros dous círculos de semellantes características situados no concello do Corgo que, despois da comprobación feita polos seus técnicos, foron catalogados cos códigos GA27014070 e GA27014072.

Lousa decorada de Barán (Barán): No castro da Croa de Barán apareceu unha lousa exenta con incisións que foi estudada por J. Carballo e publicada no Boletín da Comisión de Monumento de Lugo (1943). Di que as liñas que se ven pertencen ao grupo de representacións ultra-esquemáticas que representan unha danza funeraria pertencente á Idade do Bronce. Non se debe incluír nos gravados rupestres clásicos, senón entre os motivos decorativos por veces moi arcaizantes, bastante corrente na época dos castros.

A PASTORIZA

Machados da Lagoa (A Lagoa): Obermaier, en Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia, publicado no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense, fala de 120 pezas das que ao menos unha tiña dúas asas. Lamentablemente foron fundidas.

Acubillo: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) falan dun acubillo na parroquia de San Xoán de Lagoa como o máis importante de Galicia que contiña 120 machados de talón que foron fundidos, agás un de dous aneis de 260 mm de longo. Nada se sabe desta peza que xa foi citada por Obermaier en Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia (1923). 

Castro de Saa (Baltar): Situado entre as parroquias de Baltar e Crecente, é un dos máis monumentais da provincia de Lugo. Na campaña de 2021, no derrube dun paramento interior, descubriuse un machado de talón de bronce con dúas asas o que pode indicar un poboamento anterior.

 

PEDRAFITA DO CEBREIRO

Punta de lanza (O Cebreiro): Citada por Ruiz-Gálvez Priego, 1984. De tubo curto con forma de embude que se proxecta en forma de nervio estreito e arestado (Suárez Otero, 2014).

A POBRA DO BROLLÓN

Círculo de Vilarello (Cereirxa): Continúan aparecendo estruturas prehistóricas descoñecidas ata a data no territorio galego. Un bo exemplo destas son as bautizadas como henges, pola súa similitude cos monumentos prehistóricos atlánticos formados por un parapeto circular de terra. Con todo, esta denominación parece algo provisional, xa que non se determinou con precisión a natureza destas circunferencias de pedras, cuxo número foi en aumento nos últimos anos no noroeste peninsular. O descubrimento pola miña parte dunha destas estruturas na parroquia de Cereixa, concello de Pobra do Brollón (que lle comuniqui a Xurxo Ayán 0 28 de febreiro de 2020), propiciou a planificación e redacción dun proxecto de intervención arqueolóxica a mans do mesmo equipo interdisciplinar que descubriu e escavou o cairn da Muradella, dirixido polo arqueólogo da Universidade Complutense de Madrid, Rodrigo Paulos Bravo, e asesorado polo tamén arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa, Xurxo Ayán Vila. As imaxes de radar (LiDAR) mostran claramente a existencia dun gran círculo marcado no terreo duns 65 metros de diámetro. Varias inspeccións oculares do lugar por parte do equipo confirmaron que se trata dun círculo constituído por gran cantidade de cantos que forman unha estrutura anular”, segundo se indica dende o equipo de investigación. Ademais, puideron observar unha importante dispersión de material arqueolóxico en superficie, vinculado a momentos prehistóricos, o que reforza a potencial importancia arqueolóxica do sitio. A construción, aínda de función descoñecida, podería corresponder cronoloxicamente á Idade de Bronce, cara ao 1500 e o 900 a.C., polo que se coñece de paralelos como o círculo de Ventosiños (Coeses, Lugo) e A Roda (Barreiros, Lugo). Os primeiros indicios apuntan a que podería tratarse dunhas construcións cun uso ritual ou cerimonial vinculadas tanto ao mundo dos vivos como ao dos mortos, di Ayán Vila. A súa localización, a media ladeira nunha das principais encrucilladas de camiños históricos, onde se cruzan os pasos que entran da Meseta desde o Bierzo e os que se internan na Terra de Lemos (non en balde, a vía do tren discorre a escasos metros do sitio), incide na importancia da contorna, nunha paisaxe no que o control dos lugares de fácil tránsito era clave para o control do territorio. As escavacións comezaron en xullo de 2023, enmarcándose dentro das actividades planificadas polo “Bicentenario do Concello de Cereixa 1821-1823”, parroquia na que se atopa a misteriosa estrutura. Os traballos contan co apoio da asociación de veciños “María Castaña" de Cereixa e do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. O muro perimetral ten uns 5,5 metros de grosor e crese que foi construído na Idade do Bronce, dedicado posiblemente a un uso ritual. Segundo Paulos, o muro non só é un simple parapeito de terra ou pedra, senón algo máis complexo, dunha amonumentalidade indicutible. O muro consiste en dous paramentos de pedra entre os que se depositaron materiais de recheo (maiormente pizarras e cuarcitas, e tamén limonita). Os sondeos xeomagnéticos indican que a construción mantense íntegra en todo o seu perímetro. Ata o momento apareceron restos cerámicos da Idade do Bronce e unha pedra puída de cuarcita. Tamén se atopou restos de madeiras carbonizadas que serán datadas co C14.

Castro das Penas do Castelo (Salcedo): No mes de agosto de 2021 comezaron as escavacións para determinar as orixes do asentamento. Os traballos foron dirixidos por Benito Vilas, de Árbore Arqueoloxía. As primeiras intervencións sacaron á luz unha muralla duns seis metros de ancho e catro de alto e un sistema de fosos escavados na rocha. As probas realizadas por medio do Carbono 14 a varias mostras de terra sitúan a construción nos séculos IX-VIII a.C., na transición entre a Idade do Bronce e a Idade do Ferro o que faría deste castro un dos máis antigos de Galicia, nun momento de importantes transformacións sociais. Estaría asociado ao control dos recursos mineiros da zona.

A PONTENOVA

Serra da Cadeira: Entre a Pontenova, Riotorto, Trabada e Lourenzá. No estudo de impacto arqueolóxico do parque eólico Cadeira-Cerrochao localizáronse oito xacementos calcolíticos.

QUIROGA

Machados de Hospital: Da Idade do Bronce. Dezasete machados que apareceron entre Carballo de Hospital e Campos da Vila, no sitio coñecido como Agro Vial. Catro teñen unha soa asa, dez dobre asa. No Museo Provincial de Lugo.

RIBEIRA DE PIQUÍN

Machados da Vara (Navallos): Citados por Manuel Vázquez Seijas no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo no ano 1953. Os tres machados foron adquiridos por 75 pta. polo Museo Arqueolóxico Nacional a Alfonso González Belandres no ano 1931. O lingüísta, natural de Meira, Anibal Otero, cre que proceden de tres lugares distintos: Vara, Pousadoiro e Piñeiro. Os machados de talón constitúen o tipo metálico máis difundido durante o Bronce Final no norte e oeste peninsulares. Canto á súa funcionalidade, hai que os considera comno ferramentas de golpeo e corte se ben o alto contido en chumbo nos as fai moi resistentes. Nun número importante, o estado de conservación dos fíos permite apreciar que non foron moi utilizadas polo que puideron ter un carácter votivo, ou utilizadas como "pezas-moeda" con fins comerciais.

RIOTORTO

Serra da Cadeira: Entre a Pontenova, Riotorto, Trabada e Lourenzá. No estudo de impacto arqueolóxico do parque eólico Cadeira-Cerrochao localizáronse oito xacementos calcolíticos.

SARRIA

Machados: No Museo da Catedral de Lugo expóñense uns machados do Bronce Final (800 anos BP) atopados en Betote.

O Bolo de Betote: No ano 2006, durante o control arqueolóxico das obras de construción da estrada de alta capacidade entre Nadela e Sarria, apareceu unha gran pedra granítica con varias cazoletas gravadas na súa superficie e arrodeada por un círculo de pedras fincadas delimitado por unhas foxas lonxitudinais que podería conformar un novo anel delimitador. Unha vez realizadas as escavacións, optouse por trasladala do lugar orixinal para o que foi necesario seccionala en catro fragmentos debido ao seu peso (112 toneladas). Unha vez na nova ubicación, procedeuse á súa colocación, recuperando a morfoloxía e orientándoa e nivelándoa de forma que mantivese a relación espacial co seu ámbito. Segundo Juan A. Cano Pan, o arqueólogo encargado dos traballos, o xacemento pode encadrarse no período Calcolítico, cunha antigüidade que ronda os 4.000 anos. No seu conxunto configuraría un espazo simbólico relacionado con algún tipo de ritual. Tal como recolle a memoria de Actuacións Arqueolóxicas do ano 2006, publicado pola Consellería de Cultura, o coñecido como Bolo de Betote foi trasladado para unha propiedade de titularidade pública, sinalándose que, ademais dos accesos, se colocarían dous paneis explicativos. Segundo me achegou a etimóloga Dolores González de la Peña, unha señora de Vilarmaior, natural de Sarria, contoulle que este bolo lanzouno unha vella dende moita distancia. O pai de Maribel Pérez, a nosa informante, natural de Betote, contoulle que os veciños coñecían o Bolo como A Pena do Lobo. Dende o pasado verán, no Colectivo Patrimonio dos Ancares recibimos varias queixas achegadas por persoas e asociacións para denunciar o estado de abandono en que se atopa este singular ben patrimonial, mesmo houbo xente que, simplemente, non foi quen de localizalo. O sábado, 9 de novembro de 2019, dirixímonos ata o lugar, comprobando, en efecto, que cómpre saber con exactitude onde se atopa para poder dar con el. Aínda así, debido á mestísima maleza que o cubre (arbustos, silvas, etc.) resulta imposible aprecialo. O luns seguinte enviámoslle un correo electrónico á Concellalía de Cultura do Concello de Sarria para que fagan as xestións necesarias para valorizar este importantísimo, case único, ben patrimonial, procedendo á limpeza do entorno e sinalizándoo xa que a pesares do reflectido na mencionada memoria, que nós saibamos, nunca foi sinalizado. No 2015 xa denunciaramos o seu abandono por parte das Administracións, situación que empeorou co paso dos anos. Sempre se pon a desculpa da dificultade para sinalizar un ben patrimonial, alegando que a maioría se atopan en propiedade privada. Pero non é este o caso porque a súa ubicacións está nunha propiedade pública e, ademais, goza da máxima protección xa que ao ter gravuras (cazoletas) é, de por si, BIC. Sería o primeiro xacemento prehistórico posto en valor no concello de Sarria. Tamén lle enviamos un escrito á Xunta de Galicia para que corrixan a ubicación actual do Bolo de Betote na cartografía do Plan Básico Autonómico (PBA), xa que nela figura situado no lugar onde apareceu (que tamén se debe protexer), pero non na nova ubicación.

O SAVIÑAO

Peite?: Monteagudo (1953) cita un peite ou "tenedor" de ouro atopado nunha mámoa da parroquia da Broza (nesta necrópole apareceron tamén dous coitelos de sílex, citados por Fernández Oxea no 1942; un foi enviado para Madrid, o outro quedou en mans de Fernández Oxea). 

TRABADA

Serra da Cadeira: Entre a Pontenova, Riotorto, Trabada e Lourenzá. No estudo de impacto arqueolóxico do parque eólico Cadeira-Cerrochao localizáronse oito xacementos calcolíticos.

O VALADOURO

Arca de Sinás: Cista de planta cadrada formada por tres esteos e pedra cobertoira. Segundo a lenda había un tesouro custodiado polo mouros. No lugar hai outra mámoa.

Machados de Recaré: Machados desmangados pertencentes á Idade do Bronce. No Museo Provincial de Lugo. 


O VICEDO

Machado: Na facultade de Xeografía e Historia de Santiago consérvase un machado de talón de bronce. Ten unha perforación central porque foi reutilizado nun muíño. Foi atopado entre Riobarba (O Vicedo) e As Ribeiras do Sor (Mañón). Da colección de Federico Maciñeira.

VILALBA

Ciceis: Dunha mámoa expoliada de San Xoán de Alba proceden tres ciceis do Calcolítico. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

Machado (Carballido): De talón truncado, sen asas, de 116 cm de lonxitude, foi atopado no castro de Carballido. Na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago.

Machados: Santiago de la Iglesia (1907) fala da aparición dun machado de bronce en Santa María de Carballido, doado á Universidade de Santiago. De la Iglesia, no Almanaque de Ferrol (1908) cita outro machado de bronce atopado en Porto Cando, na parroquia de Román. En Sancovade apareceu un machado de talón de dous aneis, cunhas medidas de 240 por 54 mm, citado por Santiago de la Iglesia (1908) e por López Cuevillas e Bouza Brey (1929). Nunha mámoa de Lobán, na parroquia de Samarugo, Ángel del Castillo atopou no 1916 un machado plano de cobre, de forma trapezoidal, cunhas medias de 146 por 60 mm. Monteagudo achega o debuxo doutro machado procedente de San Simón da Costa.

Molde: Atopado, segundo Monteagudo, non moi lonxe da mámoa da Capela dos Mouros, en Lobán (Samarugo). Molde para machados planos. No Museo Provincial de Lugo.

Molde: No Barrio dos Fornos,  parroquia de San Simón da Costa. 

Puntas de frecha: S. de la Iglesia (1907 e 1908) fala da aparición de dúas puntas de frecha de bronce, do tipo Palmela, cunhas medidas respectivamente de 100 por 26 mm e 90 por 25 mm que foron atopadas en Campomaior, parroquia de Samarugo, ao pé dunha pedra abaladoira, que pertenceron, a primeira á colección de Villaamil y Castro, e a segunda a Álvarez Carballido. 

Puñal: Vázquez Seijas, en Riquezas megalíticas en tierras de Villaba, publicado no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo no ano 1947, achega a aparición  dunha folla de puñal de bronce atopada no ano 1916 por Ángel del Castillo.

Máis pezas: Dous machados foron atopados por Ángel Pérez Carballeira a principios dos anos sesenta do pasado século XX no lugar de Cornas, parroquia de San Simón da Costa. Outro machado atopouno a señora Carmen Freire Fraga no sitio do Chao de Laxoso, no monte das Abruñeiras. López Cuevillas e Bouza Brey (1929) falan doutros tres machados de talón da Idade do Bronce. Os mesmos autores citan outro machado de talón de dous aneis en Cartemil, parroquia de Román. Tamén falan que en San Martiño de Lanzós apareceu nunha mámoa situada preto dunha mina de ferro a empuñadura dunha espada ou puñal, noticia que deberon tomar de La Ilustración Española y Americana do 30 de agosto de 1896 ou de Santiago de la Iglesia (1908); mide 255 mm de longo e un peso de 148 gramos; atópase na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago.

Xacemento do Cabrón (Rodas-Lanzós): Da Idade do Bronce. Apareceron obxectos cerámicos e líticos, documentados durante os traballos de prospección das obras da rede Ribadeo-Vilalba do gasoduto de Transprote de Galicia. Francisco González Peteira achegoume a ficha deste xacemento. Di que se trata dunha zanxa, en forma de V moi aberta, que mide de ancho na boca 3 metros, o ancho da base é de 1,30 metros, e a profundidade dun metro aproximadamente.

Altar de sacrificios de Bodán ou Pedra do Altar (Bodán-San Simón da Costa): Situado preto do pazo e da capela de Bodán.Na finca denominada Cerca de Bodán existe unha curiosa pena de 4,35 metros de longo, 2 de ancho e 2,60 na parte superior, encabalgada sobre outra de 1,10 metros de alto. Na parte máis alta hai unha pía de 37 por 30 cm, cunha canle que comunica con outra máis baixa pero maior que ten na súa base 60 por 38 cm, ensanchándose na parte superior; por riba desta hai dúas coviñas. Un pouco máis abaixo hai outra pía de 37 por 32 cm con canle de saída, e á súa dereita unha pegada na que encaixa bastante ben a man dunha persoa. A continuación, despois dun espazo libre, ten un corte a xeito de escalón, que só ocupa os dous terzos do ancho da pedra, cun banzo de 17 cm de alto. Todas as circunstancia que amosa a pena, coñecida co nome de Pena de Bodán, fainos pensar que nos atopamos diante dun altar de sacrificios da época céltica”. (Recollido de Vázquez Seijas no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo do ano 1947, baixo o título Riquezas megalíticas en tierras de Villalba. Vai resumido e traducido ao galego).





XERMADE

Círculo da Rodeliña do Covo (O Reboredo-Roupar): De 35 metros de diámetro. Apenas se percibe. Localiceino no ano 2014. Trátase dun círculo perfecto de 35 metros de diámetro que apenas levanta do chan uns poucos centímetros. Nos último anos están a documentarse en Galicia varios círculos, nalgúns atopáronse restos cerámicos e material orgánico que permitiron datalos na Idade do Bronce. Polo de agora ignórase cal sería a súa función pero pode que estean vencellados a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario.

Cista do Cubillón (Cazás): Situada nunha leira preto do Cubillón, localizada ao realizar traballos agrícolas. Cista rectangular de lousa e chan enlousado, con pedra cobertoira. Apareceron restos óseos dun adulto, un vaso tipo Taraio e outros restos cerámicos.

Cista de Roupar: Apareceron fragmentos cerámicos e láminas de sílex.

Xacemento da Devesa: Atopouse algún material adscribible á Idade do Bronce. Existe unha lenda onde se aparecía un encanto. 

PROVINCIA DE LUGO

Machado: No Museo Provincial de Lugo hai un machado plano e truncado de procedencia descoñecida doado por D. José Campos.

Machado: Monteagudo achega un machado de procedencia descoñecida.


PROVINCIA DE OURENSE

 

ALLARIZ

Monte Castrelo (Cima de Vila, entre San Vitoiro e Urrós, enAllariz, e Proente, no concello de A Merca): Xacemento da Idade do Bronce e posible asentamento fortificado de época medieval.

Puñal: Atopado por Conde Valvís nunha mámoa do monte Penamá (Pazó). Foi publicado por Florentino Cuevillas. No Museo Arqueolóxico de Ourense.

Xacemento das Moreiras (Roiriz): Atopouse material lítico e cerámico en torno a un afloramento rochoso situado na parte alta dun pequeno esporón, datado entre finais da Idade do Bronce e a Idade do Ferro.

BALTAR
Abrigo Arca dos Penedos (Baltar): Pequeno refuxio natural entre grandes penas graníticas. No piso do acubillo apareceron restos cerámicos, algúns con decoración impresa de factura campaniforme. Os materiais atópanse no Museo Arqueolóxico de Ourense. 

 

BANDE

Xacementos do Calcolítico do Carqueixal (A Granxa-Cadós), da Cavadiña e da Telleira (Santa Comba). No do Carqueixal apareceron fragmentos cerámicos con técnicas decorativas do campaniforme.

Xacementos da Idade do Bronce da Veiga de Nigueiroá (Outeiro), do Bidueiro (Santa Comba), da Veiga de Portoquintela (Portoquintela), das Maus (As Maus) e do Areeiro (Vilar). No asentamento do Curral dos Bois (Buxán-Bande) apareceron fragmentos cerámicos, lascas de cristal e cuarcita.

BARBADÁS

Xacemento calcolítico das Pipileiras ou Monte Mondeu ou Nom de Deu (Piñor): No monte do Seminario. Destruído por diversas construcións. Apareceron materias neolíticos, calcolíticos e do Bronce Final. Citado por Beatriz Comendador Rey no Boletín Auriense: Aproximación a la ergología cerámica del yacimiento Alto das Pipileiras.

OS BLANCOS

Machado: Machado plano de talón truncado atopado na Aspra, parroquia de Aguís. No Museo Arqueolóxico de Ourense.


BOBORÁS

Fosa de Cameixa (Figueiroá-Cameixa): Xacemento da Idade do Bronce. O xacemento de Cameixa foi practicamente destruído cando as obras do gasoduto. Ademais da fosa, atopouse abundante material cerámico que foi despositado no Museo Arqueolóxico de Ourense, entre outro unha urna cineraria.

CALVOS DE RANDÍN

Coto da Laborada: Grupo de sepulturas planas atopadas por uns obreiros durante a construción dunha estrada. Pero Florentino Cuevillas e Xaquín Lorenzo só viron dous grupos xa que o resto foran destruídas. No conservado primeiro grupo de sepulturas aparecen catro sepulturas en ringleira ao pe das penedas que coroan o Coto da Laborada, que se reducían a sinxelas fochas de forma semiovoide, de un medio a dous de longo, escavadas un metro de fondo na capa vexetal e en parte no sábrego. Estaban as fosas cheas dunha poeira cincenta, solta e lixeira e, ao menos, cinco recipientes cerámicos. No momento do achado, en 1929, as sepulturas en focha constituíron unha novidade, xa que os enterramentos tumulares eran os máis abondosos e documentados. Posteriormente teñen aparecido contextos similares en Galicia e Norte de Portugal, e incluso na propia provincia de Ourense, como por exemplo a necrópoles de sepulturas planas de Monte de Mesego, no Carballiño. Cuevillas considera que os caracteres campaniformes das decoracións, o pulimento que ostentan os vasos e os paralelos atopados, sinalan unha cronoloxía nos derradeiros intres do Calcolítico, próximo á Idade de Bronce. Sobre a súa finalidade, Cuevillas interpretou que contiñan cremacións, que posiblemente teríanse practicado nas mesmas fosas, e que os vasos de boca ancha, debían ter servido de urnas cinerarias. 

Machado: No Museo Arqueolóxico de Ourense custódiase un machado de cubo con nervio no medio.

Os Puntos ou Os Pontos (Golpellás): Xacemento da Idade do Bronce; apareceron restos cerámicos, entre outros unha vasilla cerámica de morfoloxía globular calcolítica.

CARBALLEDA DE VALDEORRAS

Pinturas (Casaio): Os investigadores que traballan nun proxecto de análise arqueolóxica da guerrilla antifranquista, dirixido por Carlos Tejerizo, do CSIC, e Alejandro Rodríguez, da USC, no proceso de documentación dun chozo da guerrilla situado nun abrigo, localizaron unha quincena de pinturas de diferentes tipos, dende soliformes ata un fantástico ídolo oculado, o primeiro documentado en Galicia. Todo semella indicar, apunta Francisco Alonso, a un xacemento Calcolítico, aproximadamente entre o 2000 e o 1800 a.C. Sputnik Labrego e Estela Arqueoloxía e Patrimonio xa deron parte a Patrimonio da Xunta para que procedan a documentar as pinturas e para buscar outras novas.

O CARBALLIÑO

Machados de tope: Atopados no Monte de Mesego polo construtor Adolfo Otero Cerdeira quen o puxo en coñecemento de Chamoso Lamas. De talón, tiñan dúas asas, que perderon. Estiveron expostos no antigo Museo de Pontevedra, na actualidade atópanse no novo museo entre os fondos que non están á vista.

Vaso e cazola da Idade do Bronce (Partovia): Atopados por integrantes do Clube Espeleolóxico Maúxo nunhas rochas do lugar de Grobas, no Penedo, parroquia de Partovia. Datados entre o 1750 e 1300 a.C. O contexto é o agochamento de vasos cerámicos enteiros en espazos que, polas súas carecterísticas e localización, resultan inhábiles para calquera actividade humana que non fose afastar intencionadamente obxectos do ámbito do cotián. E tratándose de recipientes cerámicos, semella máis crible que a intención non fose agochalos dado que carecen de valor material intrínseco, senón depositalos, eles ou o que puidesen conter, amortizándoos nun espazo alleo e mesmo inconveniente a funcións ou significados relacionados coa vida material. 

Xacemento do Monte de Mesego: No ano 1956, cando a contrución dunha casa no monte de Mesego, saíron á luz unhas sepulturas planas onde apareceron cacharros cerámicos asociados, quizais, a ritos de incineración, e un cilindro de barro, pode que utilizado como amuleto. Publicado por Chamoso Lamas no nº 39 (ano 1958) do Cuadernos de Estudios Gallegos: Una necrópolis de sepulturas planas.


CASTRELO DE MIÑO

Círculo no Alto de Cerdeiriñas (A Bouza-Macendo): No mes de agosto de 2018, Henrique Álvarez Villar achegoume unha foto do voo americano de 1956-57 do Alto de Cerdeiriñas, situado a 430 metros de altitude, nun lugar cun amplo dominio visual sobre a contorna, o río Miño e o encoro de Castrelo. Foi o veterinario Alfredo Fernández Rodríguez quen lle comunicara a descuberta a Henrique. No mes de setembro dese mesmo ano achegámonos ata o sitio, comprobando sobre o terreo que fora moi alterado por unha repoboación con piñeiros, ademais de estar atravesado por un camiño-cortalumes. A pesares de atoparse moi achandado, si puidemos observar nalgúns tramos vestixios do muro circular formado por terra e pedras que nalgunhas partes elévase 0,50 metros. Á falta de prospeccións arqueolóxicas, cremos que se trata dun henge. Case no medio do círculo, que ten unhas medidas aproximadas de 120 metros de diámetro, observamos o que poden ser os restos dunha mámoa. No camiño atopamos dous anacos cerámicos de cronoloxía imprecisa. O sitio conta con folclore, un curmán de Henrique achegoulle o seguinte: "En el monte de las Cirdeiriñas se juntan siete camiños, y hay un lingote de oro que vale por siete reinados". Non lembra ben, pero o curmán cre que está incompleto. Henrique, despois de falar cun seu tío, aclaroulle que non é lingote, senón "mantilla" e que hai unha advertencia sobre o lugar, aínda que non lla soubo explicar, pero que quizais faga alusión a unha trabe de alcatrán. O sitio onde se atopa recibe o chamativo nome de Val do Coto Redondo. No mes de novembro de 2019, nun artigo publicado na web Historia de Galicia, sorprendeume que se anunciara a "descuberta" deste círculo polo xeólogo Óscar Pazos cando xa estaba amplamente divulgada pola rede dende un ano antes.

Punta de Lanza: De tubo curto, con folla lanceolada con aresta central. De 27 cm de longo e un peso de 350 gramos. Ingresou no Museo Arqueolóxico de Ourense no ano 1969.

Punta de lanza ou puñal: Do Bronce Medio/Final. En lingüeta, de folla lanceolada con nervadura central polas dúas caras. A peza é coñecida como O Puñal do Picote. No Museo Arqueolóxico de Ourense.

CASTRELO DO VAL

Estela-pedrafita: A principios do mes de maio de 2011, o veciño de Castrelo do Val, José Luis Lozano Rúa, Nipis, descubriu esta estela granítica cando traballaba nunha finca. Datada na Idade do Bronce, trátase dunha peza de granito duns 800 quilos de peso, de 175 cm de altura e 63-70 de ancho. Presenta as gravuras dun guerreiro armado con escudo, espada, lanza e arco, e un carro (en mal estado de conservación). Ata o de agora este tipo de estelas só seran coñecidas nun territorio que abranguía Extremadura, o suroeste andaluz, sur de Portugal e Francia. O lugar onde apareceu coñécese como A Pedra Alta. Dende os primeiro momento, tanto o amigo Nipis, un amante e defensor do patrimonio de Galiza, coma o Concello querían que permanecese no lugar, habilitando unha zona para que poidera ser visitado. Mais no mes de xaneiro de 2012, a Xunta de Galicia notificou ao seu descubridor, incomprensiblemente, que se non entregaba o achado ao Museo Arqueolóxico de Ourense sería multado. O museo, por certo, leva anos pechado e cuxo extenso patrimonio só se pode ver nunha minúscula parte no antigo convento de San Francisco que é onde xa se atopa a pedrafita.

CENLLE

Marco-pedrafita da Eira dos Mouros: A aldea da Eira dos Mouros, deshabitada dende hai moitos anos, pertence a Santo André de Camporredondo, do concello de Ribadavia, pero o marco ou pedrafita queda máis arriba, a curta distancia, pero xa en territorio de Cenlle. Ao pasar as viñas da Eira dos Mouros, subindo cara Cenlle, á esquerda hai un anaco de estrada vella sen saída, e o marco está enfronte. Trátase dun bloque de xisto de escasa consistencia, no que están gravadas dúas espirais, unha moi deteriorada, e algunhas coviñas. A parte á vista mide sobre 1,5o metros de altura. Di o profesor e investigardo Clodio González Pérez que case seguro que é a petra scripta que figura nos lindes entre Santo André de Camporredondo e San Paio de Ventosela, na doazón da primeira parte dos reis de Galicia, Sancho Ordóñez e Dona Godo, ao mosteiro compostelán de Antealtares no século X: "inde ad illa mamula ubi iacet petra scripta, et inde in directo ad montem de Rege et inde Area de Maurus", "a mámoa onde está a pedra escrita, e dereito ao Monte do Rei - coto de San Cibrao, antes denominado San Cibrao de Monterrei- e Eira dos Mouros". En efecto, a uns 470 metros en liña recta está a mámoa coñecida como Eira dos Mouros.

Machados (Vilar de Rei): Bronce Final. Nunha carballeira apareceron media ducia de machados de talón con asas. Citados por López Cuevillas e Bouza Brey (1929). Só se conserva un, depositado no Museo Arqueolóxico de Ourense no ano 1913. Ten un peso de 1.100 gramos, cunha lonxitude de 25 cm e unha anchura máxima de 6 cm.

Xacemento do San Breixo (A Quintá-Cenlle): Apareceron fragmentos cerámicos calcolíticos.

CUALEDRO 

Castro de Santa Marta: No xacemento de Santa Marta (Lucenza), ademais da evidente romanización, detectouse un nivel ocupacional relacionado co Bronce Final.

Cista da Pedrosa: Saíron á luz restos cerámicos, depositados no Museo Arqueolóxico de Ourense. 

Cistas do Chedeiro: Necrópole formada por seis cistas destruídas polos labores agrícolas. Na década dos sesenta do século XX atoparon restos cerámicos, unha espiral de prata enrrolada en tres voltas, seis vasos troncocónicos e dous púcaros de colo alto.  

Xacemento da Idade do Bronce do Campo do Sapo (A Xironda): Cando a apertura dun cortalumes, saíu á luz abundante cerámica feita a man. Cabe salientar dous fragmentos decorados, un con decoración campaniforme de liñas puntilladas, e outro cun triángulo de liñas incisas.

Xacemento da Idade do Bronce dos Bacelos (A Pedrosa-A Xironda): Apareceu material cerámico feito a man, algúns decorados con motivos incisos. 

 

ENTRIMO

As Chans (A Illa): Xacemento da Idade do Bronce situado nunha penichaira. Saíron á luz fragmento cerámicos nunha prospección realizada no ano 1995.

Cista de Meixón Frío (Venceáns): Tamén recibe as denominacións das Labradas e O Panteón. Cista rectangular que conserva as tres laxas e a tampa cobertoira. Un veciño tapouna parcialmente con laxes.

O Torrente (A Illa): Xacemeno da Idade do Bronce situado nunha penichaira. Apareceron restos cerámicos nunha prospección realizada no ano 1995.

ESGOS

Castro de Litoria (Arcos-Rocas): Da Idade do Bronce, tamén permaneceu ocupado durante a Idade do Ferro. No interior do recinto hai unha rocha de forma case circular, coa cara superior lisa, coñecida como A Mesa dos Mouros, sobre a que se poden ver tres pías cadradas. Noutra rocha hai gravado un cruciforme. Un privilexio de Ordoño II do ano 921 di que o mosteiro de Ribas de Sil, que restaura, sitúase subtus Castello Litoria e ao demarcar o couto sinala deinde per illa vereda maiore que discurrit de Astorica ad castrum Litorie que sería unha importante vía romana. No ano 923, Recesindo doa a Gutierre e Ilduara un terreo situado "in monte Baron inter Bubale et Caldelas, super Castro Litorie, in loco predicto Felgarius". Tamén se poden ver uns banzos escavados nunha pena para subir á cima da mesma.

A GUDIÑA

Estatua-menhir do Cichón (O Tameirón): Atopada no ano 1992 por un veciño nunha súa propiedade e dada a coñecer por Rivas e Rodríguez no ano 2002. Estaba soterrada e sen fincar no chan. Ten unhas medidas de 2,35 metros de alto, 0,63 de ancho e 0,26 de grosor. Presenta un motivo a xeito de "estola". Nas inmediacións hai un grupo de mámoas. Na actualidade atópase no xardín das escolas vellas do Toural, preto do albergue de peregrinos da Gudiña.

Tesouro da Urdiñeira: Formado por dous brazais de ouro, unha pulseira (1200-800 a. C) e un disco ou "botón" de bronce datados no Bronce Inicial. Este último foi atopado casualmente a principios dos anos vinte do pasado século, no lugar coñecido como A Ribeira, por Xosefa Gago Fernández, unha xove pegureira de Parada da Serra. Logo de entregarllo ao párroco de Parada, este vendeuno en Ourense por cento cincoenta pesos. Como a Comisión de Monumentos de Ourense non tiña fondos abondo para mercalos, o coleccionista santiagués Ricardo Blanco Cicerón quedou co ouro e deixou quedar o botón en Ourense. O achado podería formar parte dun enxoval funerario, dun acubillo ritual ou mercadorías pertencentes a unha elite social.

Asentamento da Corga da Mela (Pentes): Segundo Taboada Chivite apareceron dúas pezas e un molde bivalvo para fundir machados de bronce, un deles tipo Barcelos. Tamén saíron á luz outros moldes, todos de grafito. No Museo Arqueolóxico de Ourense.

Cova das Choias (Parada da Serra): Trátase dun abrigo natural. Por Florentino López Cuevillas sabemos que do xacemento procede un punzón de óso. Nas proximidades atopáronse dous brazais de ouro e un disco de pasta vítrea.


LEIRO

Lamas: Puñal de lingüeta e punta de frecha tipo palmela atopados por D. Antonio Losada preto da igrexa parroquial de Santa María de Lamas, ao pé da Pena Corneira.


LOBEIRA

Xacemento calcolítico do Cargueixal(Parada do Monte-Lobeira): No límite co concello de Bande.

A MEZQUITA

Castro de Monte Castelo ou Castelo Pequeno de Santigoso: Segundo a arquóloga Nieves Amado Rolán, este castro podería ter a orixe noutro anterior, quizais do Bronce Final. Apareceron fragmentos cerámicos esparexidos polo lugar. Nun outeiro hai varias pías, tirando a cuadrangulares, feitas pola man do home, destinadas, sen dúbida, a recoller a auga da choiva. Tamén hai unhas penas con petroglifos.

  

MONTERREI

Cista da Moura (A Madanela): Ten unha altura de 1,25 metros e 2 de ancho, con cinco laxas formando a cámara polos laterais. Foi descuberta por Bruno Rúa e José Luis Lozano Rúa despois dos incendios do ano 2013.

Xacemento do Caneiro (Vilaza): Calcolítico. Nun pozo apareceu un cacharro redondo con forma de ola feito a man.

Xacemento da Cova do Gato (Vilaza): Calcolítico. No Monte Castelo. Apareceron fragmentos líticos, cerámicos con decoración e algúns muíños de man.

Xacemento da Millara (Guimarei-Infesta): Calcolítico. Asentamento ao aire libre.

Castelo de Lobarzán: No mes de xullo de 2019 deuse a coñecer a aparición dunhas pinturas nun abrigo natural que arrodea o xacemento do Castelo de Lobarzán ou da Ceadá das Laxes das Chas, entre os concellos de Monterrei e Oímbra. Algunhas pinturas son antropomorfas. Beatriz Comendador, directora do proxecto e arqueóloga do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, di que tiveron coñecemento das mesmas a través de J. L. Arias. Unha vez localizado o enclave, Beatriz e os arqueólogos Victor Rodríguez e Nieves Amado Rolán confirmaron a existencia de pinturas prehistóricas con outros restos arqueolóxicos característicos cunha cronoloxía de arredor do terceiro milenio antes de Cristo. Di Comendador que as pictografías atópanse nunha cavidade de bloques e grandes laxes desprazadas. O achado está composto por dous motivos illados realizados sobre granito, sendo os primeiros en Galicia que se atopan neste tipo de soporte. Os motivos foron realizados en tinta plana vermella.

MUÍÑOS

Cista da Praia da Rola (Mugueimes): Trátase dunha cista da Idade do Bronce Inicial atopada casualmente no ano 1996. Saíron á luz restos óseos calcinados e unha xarra cerámica de corpo globular e colo desenvolto e asa de cinta depositada no Museo Arqueolóxico de Ourense.
 
Frecha: Punta de frecha tipo palmela localizada polo arqueólogo Eguileta Franco no ano 1990 na Illa de Pazos, parroquia de Barxés, durante unhas sondaxes.

Xacemento do Foxo (Requiás): Do Bronce Final. Vasilla de arxila.
 
Xacemento da Idade do Bronce (As Maus de Salas): Apareceu un machado de tope dunha asa. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey (1929). No Museo Arqueolóxico de Ourense.
 

NOGUEIRA DE RAMUÍN

Espada: Atopada no encoro de Santo Estevo no ano 1953. Espada pistiliforme de bronce, de 65 cm a folla e 5 cm a enmangadura, á que lle falta o pomo e parte da guarda, así como a punta da folla. Datada entre o 1100-1000 a.C. Atópase no Museo Arqueolóxico Nacional. Ingresou no Museo Arqueolóxico Nacional polas xestións de Martín Almagro Bach (publicouna no 1954), entregada por Juan Antonio Bravo, xerente da Sociedad Hidroeléctrica de los Santos del Sil, e polo enxeñeiro da mesma, Santiago Castro.

Punta de lanza: Atopada no encoro de Santo Estevo no ano 1953. De bronce, de tubo curto, estaba partida en tres fragmentos (38 cm de longo). Decorada con liñas que recorren o nervio central. Datada no Bronce Final, entre o 1300-1150 a. C. Ingresou no Museo Arqueolóxico Nacional polas xestións de Martín Almagro Bach (publicouna no 1954), entregada por Juan Antonio Bravo, xerente da Sociedad Hidroeléctrica de los Santos del Sil, e polo enxeñeiro da mesma, Santiago Castro.

Punta de lanza: Almagro Bach achega outra punta de lanza da mesma procedencia, curta e fragmentada cunha lonxitude de 10 centímetros. 

Pendente de bronce: Como nos dous casos anteriores, atopado no encoro de Santo Estevo. É de bronce macizo de sección circular. Datado entre o 1000-900 a. C. No Museo Arqueolóxico Nacional. Di Almagro, á vista da foto das obras do ano 1953, que as catro pezas citadas anteriormente apareceron na “zona del centro del río inmediatamente aguas abajo de los dados en la construcción de la presa”.

Penedos do Castro (Pombar-Santo Estevo de Ribas de Sil): Trátase dun castro de finais da Idade do Bronce que permanece ocupado durante a Idade do Ferro pero non en época romana. Nas penas situadas sobre a croa vense varias pías, algunha de grandes dimensións, que semellan de factura natural. Rodríguez Colmenero descubriu aquí dúas inscricións rupestres, se ben a primeira xa é citada por Ángel del Castillo no traballo El castillo de Litoria, publicado no Boletín da Real Academia Galega 228 do ano 1930, se ben confunde Litoria, en Esgos, cos Penedos do Castro. Na cara interior dunha rocha, lese "+ LEOVIGIL/DUX"  que segundo Freire Camaniel podería corresponder a un duque deste rei visigodo en torno ao 585 ou 586 que son as datas entre a conquista de Gallaecia por este rei e a súa morte.  Na outra, a uns vinte metros da anterior, figura a inscrición (---) Viripoa (---), ao parecer de época romana.  





OÍMBRA

Estela-menhir de Oímbra ou Muíño de San Pedro: Atopada no monte Lodairo no ano 1985. Mide 1,60 metros de altura. Debido ao seu carácter antropomorfo e fálico pode tratarse dun monolito reutilizado con posterioridade no Bronce Final e en época romana cunha inscrición que di: "LATRONI/VS CELT/IATI F/H S E...", "Latron/ius Celt/iati F(ilius)/H(ic) S(itus) E(st)", ("Latrono, fillo de Celtiatus, está enterrado aquí"). Por riba da inscrición presenta unha cara humana gravada, delimitada por un círculo, con orellas, ollos e boca. No reverso un motivo xeométrico subrectangular. Adoita interpretarse como unha estela antropomorfa romana, se ben sempre se puxo de manifesto que se aprecia un imporante peso do compoñente indíxena. E se non tivera inscrición? Posiblemente se relacionaría coas estelas-menhir aparecidas en Portugal que presentan certos elementos en común. Dátanna a finais do século I d.C. ou principios do II d.C.

Pinturas no Castelo de Lobarzán: No mes de xullo de 2019 deuse a coñecer a apariciónn dunhas pinturas nun abrigo natural que arrodea o xacemento do Castelo de Lobarzán ou da Ceadá das Laxes das Chas, entre os concellos de Monterrei e Oímbra. Algunhas pinturas son antropomorfas. Beatriz Comendador, directora do proxecto e arqueóloga do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, di que tiveron coñecemento das mesmas a través de J. L. Arias. Unha vez localizado o enclave, Beatriz e os arqueólogos Victor Rodríguez e Nieves Amado Rolán confirmaron a existencia de pinturas prehistóricas con outros restos arqueolóxicos característicos cunha cronoloxía de arredor do terceiro milenio antes de Cristo. Di Comendador que as pictografías atópanse nunha cavidade de bloques e grandes laxes desprazadas. O achado está composto por dous motivos illados realizados sobre granito, sendo os primeiros en Galicia que se atopan neste tipo de soporte. Os motivos foron realizados en tinta plana vermella.


PARADA DO SIL

Espada de Forcas: Da Idade do Bronce, atopada no ano 1905 nunha cova. Presenta un sistema de enmangue consistente nunha coroa de remaches que suxeita unha folla, reforzada por unha crista auxiliar. O lugar deu o topónimo A Pena da Espada. Custodiada no Museo Arqueolóxico de Ourense, foi doada por don Francisco Conde Valvís. Foi dada a coñecer no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense o mesmo ano da súa aparición.

Machado: Vázquez Núñez (1904) cita un machado de bronce atopado en As Cerdeiras, parroquia de Forcas, de 165 por 80 mm. No Museo Arqueolóxico de Ourense.

Os Castrullos: (A Senra-Forcas): A 869 metros de altitude. Círculo formado por un parapeito cunhas medidas aproximadas de 60 metros de diámetro. Nas sondaxes realizadas no ano 2022, dirixidas por Eduardo Breogán Nieto, atoparon abundantes restos cerámicos e carbóns da Idade do Bronce, así como buratos de poste.



O PEREIRO DE AGUIAR

Nas inmediacións da poboación de Lamela, na cuneta dunha estrada situada nun pequeno altorelo a 448 metros de altitude, atopáronse varios fragmentos de pezas cerámicas soltas de feitura campaniforme.

A PEROXA

Machado: Entre Armental e o río Mino apareceu un machado de dous aneis de 255 por 50 mm. No Museo Arqueolóxico de Ourense.

PIÑOR DE CEA

O Fuxiño: Xacemento descuberto cando as obras da autostrada Santiago-Ourense. Tipoloxía e estruturas que indican un uso doméstico do espazo e que se pode encadrar no intervalo do Neolítico Final-Bronce Inicial. Apareceron seis fondos de cabana, foxas, buracos de poste, estruturas de combustión e de almacenaxe. Nunha das áreas atopáronse cordóns, vasos, asas e restos campaniformes do Bronce Inicial.

A Muller Morta (O Reino): Intervención levada a cabo cando a obra anterior. Apareceron 1.233 fragmentos líticos e carámicos nunha zona do asentamento adscrita á Idade do Bronce.

RIÓS

Cista da Forxa (Vilariño das Touzas-Progo): Datada na Idade do Bronce. Cista rectangular formada por catro lousas de pizarra e tapada por dúas laxas do mesmo material. Trataríase dunha cista de inhumación e, dadas as dimensións, o cadáver tería que estar en posición flexionada. No interior recolléronse fragmentos de catro vasos cerámicos de perfil troncocónico e fondo plano, dous con asa. Un deles foi analizado, obténdose unha cronoloxía de 1746-1523 a.C., do Bronce Inicial ou Bronce Medio. No interior dos recipientes atopouse materia orgánica carbonizada que trala súa análise interpretouse como cervexa, polo que nos atopamos cos recipientes máis antigos de Galicia con contido desta bebida. O feito de utilizar diferentes alcohois en rituais funerarios non deixa de ser comùn en moitas culturas, onde derramar viño ou bebelo formaba parte dos diferentes ritos e cerimonias. O enxoval que contiña foi atopado de forma casual por don Secundino Vieito Tarrazo nunha leira da súa propiedade en 1995.


RUBIÁ DE VALDEORRAS

Cista de Biobra: Datada na Idade do Bronce. Rectangular con catro grandes laxas de lousa.

A Cova do Santo (Pardollán): Investigadores galegos e británicos estudan varios restos de humanos e animais que viviron na Idade do Bronce. A análise de Carbono 14 ofrece unha cronoloxía de entre o 1800 e o 1600 a.C. Os estudos están a revelar a idade, enfermidades que padecían, tipo de vida, alimentación etc. Os traballos, que non fixeron máis que comezar, poden fornecernos dunha información que ata o momento apenas estaba presente no rexistro arqueolóxico do país. Máis información no traballo de Olalla López-Costas Estudo antropolóxico dos restos óseos recuperados da necrópole da Cova do Santo, Pardollán, Rubiá, Ourense. Unha necrópole da Idade do Bronce en Galicia (2008), e en culturagalega.org do día 12 de febreiro de 2015 no artigo titulado O tesouro (humano) da Cova do Santo.

Pala da Vella (Biobra): No extremo oriental da serra da Enciña da Lastra, a 830 metros de altitude. En diferentes cavidades: Pala de Cubelas, Pala C, Pala T e Pala da Zorra, materiais da Idade do Bronce.

Vaso da Idade do Bronce: Atopado nunha cova do lugar de Pardollán, nas abas orientais da Serra da Enciña da Lastra. Contextualízase arqueoloxicamente na ocupación das covas cársticas das serras orientais de Galicia durante a Idade do Bronce. Atopado polo grupo de espeleoloxía Águilas Verdes.

SAN AMARO

Punta de lanza: Do Bronce Medio/Final atopada no castro do San Trocado. Ten unha lonxitude de 27,40 cm e un peso de 280 gramos. Doada ao Museo Arqueolóxico de Ourense no ano 1956.

SANDIÁS

Xacemento da Touza (A Chousela-Piñeira de Arcos): Descuberto no ano 1993 cando o seguimento das obras da autovía das Rías Baixas. Apareceron abundantes restos cerámicos de época calcolítica.

SAN XOÁN DO RÍO

Espada de Mouruás: Espada de finais da Idade do Bronce atopada no ano 1968. É de tipo pistiliforme con enmangadura calada cunhas medidas de 69 cm. No Museo Arqueolóxico de Ourense.

SARREAUS

A Cibdá: Segundo Rodríguez Colmenero, o castro remóntase á Idade do Bronce, con continuidade da actividade mineira do estaño ata á época romana.

Xacemento do Roufeiro ou Roupeiro (Nocelo da Pena): A comezos do s. XX unha pastora atopou casualmente unha vasilla de barro que contiña no interior varios obxectos metálicos da Idade do Bronce: dous puñais alarbadados, un puñal de lingüeta, dous machados planos, unha punta de frecha, un perforador e seis puñais de remaches. Foi adquirido polo Museo de Ourense no 1911. A raíz dun incendio perdeuse unha alabarda.



TOÉN

Brazalete de Toén: Do Bronce Final. Atopado casualmente no ano 1932 xunto un carballo cando un veciño cavaba nunha leira. A decoración consiste nunha dobre fileira de esferas que delimitan unha zona calada. Xunto o brazalete apareceu un fío de ouro de 1 mm de diámetro enrolado a xeito de cadea (Bouza Brey, 1933). No Museo Provincial de Lugo. 

TRASMIRAS

Cista de Lavandeira (Vila de Rei): Apareceron unhas cuncas cerámicas depositadas no Museo Arqueolóxico de Ourense.

VEREA

Cabaniñas e O Pereiral (Verea): Asentamentos ao aire libre de época campaniforme.

Gondesende (Cexo): Material cerámico.

VERÍN

Cistas da Fraga dos Lobos (Ábedes): No interior apareceron restos humanos en bo estado de conservación, ademais de restos cerámicos e materiais de sílex, pizarra, cuarzo e cuarcita.

Fraga do Zorro (Ábedes): Necrópole de fosas, datada na fase final do Bronce Inicial, descuberta no ano 1995 cando o seguemento e control da autoestrada das Rías Baixas. Recuperáronse máis de medio milleiro de fragmentos cerámicos aínda que só unha pequena porcentaxe se conserva en relativo bo estado, entre outros dous vasos de estilo campaniforme, unha ola, xerras, cuncas, etc.

Machado de tope: Bronce Final. No Museo das Mariñas de Betanzos consérvase un machado de bronce procedente da colección Blanco Cicerón que segundo Monteagudo podería proceder da zona de Verín.

Machado: De bronce. Crese que procede da zona de Verín. Pertence á colección "José Viqueira" (1934). De talón dunha asa, ten unha lonxitude de 103 mm. Na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago.

Machado: De bronce. Da colección José Viiqueira, atópase na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. De talón de dúas anelas, mide 203 mm de lonxitude e ten un peso de 1.087,9 gramos. 

 

VILAMARÍN

Castro de Santa Ádega: López Cuevillas deu a coñecer o achado dunha urna cerámica con cinsas e unha punta de lanza de base tubular de 13,70 cm de lonxitude da Idade do Bronce. Ingresou no Museo Arqueolóxico de Ourense no ano 1959.

Outeiro dos Infernos (A Igrexa-Tamallancos): Promontorio rochoso cunha pequena palataforma que se eleva sobre unha meseta sobre o río Formigueiro. Tras a caída dunha árbore provocada polo furacán Hortensia, un veciño da zona, don Miguel Carballo Álvarez, recolleu das raíces da árbore numerosos fragmentos cerámicos que foron depositados no Museo Arqueolóxico de Ourense. Existen dúbidas canto á súa adscrición cronolóxica, da Idade do Bronce ou da Idade do Ferro. 

 

VILAR DE BARRIO

Machado: Segundo a ficha do Museo Arqueolóxico de Ourense procede do Castelo do Mouro. Machado bifacial con dúas asas. Idade do Bronce.


VILARDEVÓS
O Penedo Furado ou A Ermida (A Frairiña-Trasigrexa): A 940 metros de altitude. Posible xacemento. No sitio hai unha capela derruída que estivo adicada ao San Mamede. Lugar cultural que puído ser utilizado na Idade do Bronce (Penedo Furado) e na Idade Media (capela). Na vertente SL hai un lugar coñecido como As Sepulturas. Asociado a lendas de mouros que baixaban a unha fonte situada na ladeira. Cóntase que os veciños vían a diario roupa tendida a secar, pero nunca a quen a colgaba. Tamén se contan historias de encantamentos.

VILAR DE SANTOS

Estela-pedrafita: Da Idade do Bronce, vencellada a prácticas de protección e fecundación do gando. Ten unha altura de 1,56 metros. Na parte superior sobresae unha prominencia redondeada, a xeito de cabeza, que ten nunha das súas caras unha coviña, reforzando o seu aspecto antropomorfo. Ata o seu redescubrimento, no ano 1982, formaba parte do peche dunha finca. A pedra xa era coñecida na zona; segundo a tradición, cando pasaban as vacas que estaban preñadas pola súa beira ían resfregarse na pedra o que era bo síntoma para un nacemento venturoso. Atópase no Museo Arqueolóxico de Ourense.

 

XINZO DE LIMIA

Machado do Mosteiro de Ribeira: Machado plano de talón truncado e lados cóncavos datado entre o 1600-1400 a.C.

PROVINCIA DE OURENSE

Machados: No Museo Arqueolóxico de Ourense consérvanse varios machados da Idade do Bronce de procedencia descoñecida.

Machado: No Museo Arqueolóxico de Ourense hai un machado de bronce que figura como procedente de A Veiga, Valdeorras, cunha lonxitue de 16,30 cm.

Punta de frecha: No Museo Arqueolóxico de Ourense consérva unha punta de frecha de procedencia descoñecida.





PROVINCIA DE PONTEVEDRA


AGOLADA

Cista de Coitemil (Ferreiroa): Unha lousa decorada con seis liñas paralelas en zigue-zague, coas partes superiores e inferiores  rematadas en coviñas. Apareceu un vaso co borde sen decoración.

Machado (Ferreiroa): Machado plano de cobre do Calcolítico (3100-2500 a.C.) co talón truncado, atopado na parroquia de San Pedro de Ferreiroa. No Museo de Pontevedra.

Machado: De bronce con asa. Bronce Final. No Museo de Pontevedra. 

Tesouro de Agolada: Atopado no ano 1920 cando se estaba a facer a estrada Lalín-Agolada, nas proximidades do castro de Goiás. Descoñécese a procedencia exacta. Podería tratarse do enxoval dun enterramento ou un depósito intencionado. Trátase de dous aros abertos e un colar de tiras formado por unha lámina de ouro. Datado no terceiro milenio a.C., consta de tres pezas: dúas pulseiras e un colar, todo en ouro. Depositado no Museo de Pontevedra.

ARBO
Depósito de Cabeiras: No ano 1991, Ramiro Gil Doval atopou nunha viña (chamada da Laxiña ou Mondín), de forma casual, dez machados de talón de bronce de dúas asas. Estaban xuntos e amoreados. Un dos machados foi partido polos descubridores para saber de que metal se trataba. No Museo de Pontevedra.

Frecha: Punta palmela. Segundo Comendador Rey (1997) apareceu con outra nunha caixa do Museo de Pontevedra onde figuran os topónimos Cabeiras (Arbo) e Gondomar, polo que non se sabe a onde pertence cada unha.

BAIONA

Xacemento de Loudredos (Baredo): Materias cerámicos dispersos de varias épocas, entre outras da Idade do Bronce. Foi localizado no ano 2017 nos terreos dun campo de golf por integrantes do Instituto de Estudos Miñoranos.

BUEU

Frecha de Cela: Punta palmela moi deteriorada atopada casualmente por un home de Bueu. Citada por Comendador Rey (1997).


CALDAS DE REIS

Tesouro de Caldas de Reis: Atopado no ano 1940 polo labrego don Amalio Touceza Devesa no lugar coñecido como As Silgadas. Estaba formado por un conxunto de 41 pezas distribuídas do seguinte xeito: 17 aros abertos, 8 aros pechados de forma elíptica, 1 aro grande de paletas, 1 aro aberto de forma triangular, 1 aro de sección cadrada, 1 peite con viente e catro dentes, 2 cuncas con asa, 1 xerriña con asa, 3 anacos de barra e 6 anacos de láminas decoradas. Dos 28 kg de ouro atopados, 13 perdéronse ao seren fundidos por un veciño. Datado entre o 1600 e o 1500 a.C., o que queda pódese ver no Museo de Pontevedra. No ano 1981, tamén de forma casual, atopáronse 51 láminas de ouro, enrroscadas nun cilindro, cando a realización dunhas obras nun edificio da vila que quizais formaran parte dun enxoval funerario da Idade do Bronce.

Asentamento da Chan de Prado (A Revolta-Saiar): Da Idade do Bronce. Fragmentos cerámicos da Idade do Bronce e romanos, e un fragmento dun puidor-alisador en soporte granítico de gran medio-fino. 

CAMBADOS
Machado: Machado de talón de dous aneis que foi regalado por Cuveiro Pinol, secretario da Comisión de Monumentos de Pontevedra, ao Museo Arqueolóxico Nacional no ano 1872. Apareceu preto da torre de San Sadurniño, si ben distintos autores leváronno en princpio para o Faro de la Lanzada.

 

CANGAS

Aviases (Valverde-Coiro): Don Ezequiel Martínez atopou nas inmediacións de Valverde gran cantidade de cerámica tipo campaniforme, a maior parte sen decorar.

Chan de Coiro (O Igresario-Coiro): Ao facer unha pista que vai da Ermida de San Cosme a Valverde, don Antonio Costas Iglesias atopou un fondo de cabana, anacos cerámicos lisos sen decoración e outros con decoración en franxas campaniformes, un puidor, restos de cristal de rocha e unha bóla. 

Cistas de Fontedola e Monte Cubela (Aldán).

Cistas de Gandón (Aldán): Nécropole formada por dúas cistas. No ano 1984, nunha, con catro lousas e cuberta, ademais de restos cerámicos, apareceron un brazal de arqueiro de arenisca e unha posible punta Palmela. A tampa da cista máis grande presenta unha pequena agrupación de cinco cazoletas gravadas sobre a superficie. Nas proximidades apareceron fragmentos cerámicos e dúas bases de muíños. 

Depósito de O Hío: Bronce Final. Nunha greta coñecida como Cova Podre, Wenceslao Requejo localizou no ano 1913 seis machados de talón dunha asa, unha machada tubular, un escopro, tres puntas de lanza, tres ganchos de enmangue tubular, dous brazaletes de bronce macizo, unha espada de folla en lingua de carpa, e varios fragmentos de dous caldeiros de bronce con remaches. A maior parte das pezas debían estar amortizadas e acumularíanse para destinalas á súa refundición. No Museo de Pontevedra.

O Facho de Donón: Nun dos cantís da Costa da Vela, a 157 metros de altitude sobre o nivel do mar. Nunha das abas do monte existiu un poboado do Bronce Final (900-700 a.C.). Na parte oposta hai un gran castro da Idade do Ferro, fundado no século VI a.C. e que foi abandonado pouco antes da conquista romana, arredor do ano 100 a.C. Na croa descubriuse un santuario, do que non hai exemplo na Península, adicado a un deus do panteón galaicorromano Bero Breo, descoñecido polos investigadores ata os anos sesenta do pasado século grazas ás prospeccións levadas a cabo por Bouza Brey e Álvarez Blázquez.

Fixón (O Hío): Documentáronse estruturas habitacionais sinxelas de pedra e buratos de poste con presenza de fogares. No Museo de Pontevedra consérvase o anaco dun crisol de fundición do Calcolítico (3100-2500 a. C.)

Lavapés (O Igresario-O Hío): Preto da praia de Arnelas documentouse un asentamento ocupado por un grupo humano itinerante. Os restos das estruturas do poboado son pouco claras aínda que hai algún fogar de pedras. Apareceron restos cerámicos con decoración incisa do tipo Penha acompañada de materiais líticos como puntas de frecha, láminas de sílex e machados puídos, ademais dun disco perforado de lousa onde se observa un rebaixe anular no perímetro de perforación provocado polo xiro continuado do útil utilizado como perforador unidireccional. O xacemento inscríbese a finais do segundo milenio a.C. Foi descuberto ao facer unhas zanxas de cimentación na propiedade de don Xosé Luis de Lafuente, por don Xosé Suárez Mariño, e escavado no 1981 e no 1982 por Antonio de la Peña Santos.

Limens (O Hío): Atopouse unha punta de frecha tipo palmela que apareceu xunto con outra. Propiedade do señor Wenceslao Requejo Buet, de Vigo. Unha pertenceu ao Museo de Pontevedra se ben na actualidade descoñécese o paradoiro.

Machado de Aldán: Machado de talón.

Machado de Darbo: Machado de talón de dúas asas, de 230 mm de longo. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey (1929), foron depositados no Museo da Socieade Arqueolóxica de Pontevedra.

Mesa dos Montes (Serra da Madalena): Don Xosé Suárez Mariño atopou varios fragmentos cerámicos do tipo Penha. Tamén apareceu un puñal de bronce estudado por Comendador Rey.

Monte Borrallido (Aldán): Atopouse un machado de dúas asas do Bronce III, segundo a clasificación feita por Luis Monteagudo.

Regato das Forcadas (Nerga-O Hío): Atopáronse cerámicas con decoración campaniforme e dúas puntas de frecha (unha de pedra e outra de cristas de rocha) do tipo triangular. Localiado por don Xosé Suárez Mariño no 1978.

Rodeira (Coiro): Nunha fosa periforme apareceu unha punta de frecha, un puidor semicircular e varios anacos de cerámica tosca sen decorar.

Xacemento dos Laguiños: Da Idade do Bronce. Fragmentos de cuncas feitas a man, muíños de man, un machadiño e líticos de cuarzo. Datado entre o 3000 e o 1500 a.C.

Xacemento de Mesa de Montes ou Monte do Bispo (Darbo): Descuberto no ano 1975 por Antonio Costa Iglesias. Prospeccións posteriores avaliaron dous momentos de ocupación, un primeiro no Calcolítico con puntas de frecha, microlitos e outros restos de talla, e un segundo que correspondería á Idade do Bronce co achado de restos de fundición e cerámica e un pequeno puñal, de 10 cm de lonxitude, que foi fracturado durante a súa exhumación.



A CAÑIZA

Punta de Lanza (As Achas): Só dispoño dunha referencia de Suárez Otero (2014) que cita a Filgueira Valverde e García Alén (1959). Desaparecida.

CATOIRA

Río Ulla: Espadas, machados de talón, puntas de lanza e puñais de antenas da Idade do Bronce, atopadas no Río Ulla, entre Catoira e Pontecesures. No Museo de Pontevedra.


COTOBADE (Forma parte do concello de nova creación Cerdedo-Cotobade)

Mámoas de Campodanta: Dous túmulos, un con coiraza pétrea que agocha unha cista.

Machados (San Xurxo de Sacos): Ao parecer, un de cobre plano que se custodia no Museo de Pontevedra, atopouse nunha greta dos petroglifos do Lombo da Costa. O outro trátase dun machado de talón truncado que pertence á colección Sobrino de Santiago (Comendador Rey, 1997).


COVELO

Castro de Piñeiro: No Monte da Guía. Apareceu un machado da Idade do Bronce de dúas asas. No Museo Municipal de Ponteareas.

CRECENTE

Cruceiro Quebrado (O Freixo): Material cerámico. Hai un cruceiro que lle dá nome ao lugar.

Xacemento campaniforme do Couto do Crego (Vilar-Crecente).


 

CUNTIS

Molde: Molde de esteatita para a fundición de machados de cubo. Bronce Final (1500-900 a. C.). No Museo de Pontevedra.

DOZÓN

Punta de lanza: Do Bronce Final (1200-700 a.C.), atopada nalgún lugar do concello. Ten unhas dimensións de 14,3 cm de longo e 3,4 de ancho e 175 gramos de peso. Presenta unha folla de forma romboidal e enmangue tubular, longo en relación coa folla, cunha perforación circular na súa base e na que no seu momento iría un remache que reforzase o encabezamento do hastil da lanza. Como particularidade está a carencia de nervadura na folla, que é substituída no reforzamento da mesma polo seu carácter macizo onde o tubo do enmangue se estreita de xeito acusado no arrinque da folla ata perderse antes de chegar á punta e por unha aresta central que fai que a sección transversal sexa simple e de novo romboidal. Presenta decoración en forma de dúas liñas verticais paralelas que delimitan a aresta ou crista central da folla. (Suárez Otero, 2014). No Museo Arqueolóxico e Ourense.

Punta de lanza: Suárez Otero achega información doutra punta de lanza que está en mans particulares.

Punta de lanza: Suárez Otero (2014) achega outra punta de lanza de bronce, supostamente aparecida en Dozón, que se atopa no Museo de Pontevedra. Mide 15 cm de lonxitude, con folla lanceolada e tubo curto de base ancha.

A ESTRADA

Brazais de Moimenta (Moimenta-Arnois): Atopados por un labrego no castro de Moimenta no ano 1914. Do Bronce Inicial, datados entre o 1600-1000 a.C. Trátase de dous brazaletes de ouro laminado, decorados con nervos horizonais. No Museo Provincial de Lugo.

Depósito de Codeseda: Do Bronce Antigo (2250-1900 a. C). Apareceron dous puñais de remaches e dous machados planos. No Museo de Pontevedra.

FORCAREI

Círculo de Pardesoa: Localizado por Antón Costa, integrante da sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos do CSIC. Trátase dun recinto circular duns 110 metros de diámetro unido a unha avenida rectilínea duns 170 metros de lonxitude e 25 metros de ancho que semella penetrar no interior do recinto franqueado por dous pequenos muros. Á dereita do recinto principal aprécisase unha pequena estrutura circular duns vinte metros de diámetro. Antonio localizouno nos anos setenta, a raíz dunhas imaxes que estaba a visionar das fotos do voo americano dos anos 56-57. Di que ten moitas semellanzas coa Roda de Barreiros.

GONDOMAR

Campaniforme da Chan de Prado.

Castro Pedra Moura: Conserva parte das murallas, dos foxos e das estruturas habitacionais. Orixe na Idade do Bronce.

Frecha: Punta palmela. Segundo Comendador Rey (1997) apareceu con outra nunha caixa do Museo de Pontevedra onde figuran os topónimos Cabeiras (Arbo) e Gondomar, polo que non se sabe a onde pertence cada unha.

O GROVE 

Molde: Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Lugo de abril de 1944 (Curioso molde de bronce para fundición de hachas de talón), cita un molde incompleto para facer machados de talón que apareceu cerca da Toxa.

A GUARDA

Cistas do Trega: En varios puntos do monte apareceron varias cistas.

Machados: No Museo do Castro de Santa Trega consérvanse tres mahados de talón cunha asa.

 

A ILLA DE AROUSA

Cistas dos Tarais (Riasón): Na Punta dos Tarais. Trátase tres cistas que ao estaren no mesmo areal corren un grave risco de desaparición.

Illote de Guidoiro ou Xidoiro Areoso: Coñecido así pola característica dunar da pequena illa duns 600 metros de lonxitude po 200 metros na parte máis ancha, mentres que na parte máis estreita as mareas vivas chegan a dividilo en dúas, espazo este último onde se concentran a maior parte dos restos arqueolóxicos (mámoas e cistas). Ata o momento identificáronse cinco enteramentos. Un deles, de reducidas dimensións, está delimitado por un anel pétreo que acolle unha anta formada por cinco esteos. Escavadas dende o ano 1988 por Manuel Rey García. No verán do ano 2013 membros da asociación Pandulleiros localizaron restos cerámicos e óseos que saíron á luz polos efectos das mareas. A raíz dos achados, arqueólogos de Patrimonio visitaron o lugar e documentaron dúas pequenas cistas que pertencerían a algún monumento entre o Neolítico e a Idade do Bronce. Comendador Rey (1995) achega dous punzóns.

 

LALÍN

Xacemento do Outeiro Grande (entre Bermés e Abonxo): Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia no xacemento do Outeiro Grande, en Lalín, sacaron á luz restos de madeira carbonizada que, segundo os primeiros estudos, podería corresponderse con parte da estrutura orixinal do recinto ou con posibles actividades realizadas sobre o anel de pedra. Así se desprende das conclusións das actuacións que tiveron lugar a finais do 2021 e en novembro de 2022. Documentáronse dous niveis diferentes de grandes fragmentos de carbón que os arqueólogos interpretan como madeira carbonizada. Trátase de restos que aparecen en posición horizontal, apoiados na terra, en sentido transversal á estrutura pétrea e que non se localizan de xeito habitual polo que poden axudar a obter gran cantidade de información sobre as posibles actividades realizadas neste xacemento. Ademais, no transcurso dos traballos tamén se localizou unha nova mámoa a escasos metros que pasará a estar incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e restos cerámicos e líticos só no espazo interior do recinto o que, segundo os expertos, pode ser significativo de que a función deste xacemento non é residencial. O de Outeiro Grande é un xacemento dunha tipoloxía aínda moi pouco coñecida e estudada en Galicia, dado o recente que é o descubrimento e catalogación destes recintos na investigación arqueolóxica. Trátase dun tipo de sistema construtivo en planta circular que, ata onde coñecen os expertos, non foron pensados nin usados como espazos para vivir, senón que terían outro tipo de funcións máis relacionadas co mundo simbólico, como poderían ser zonas funerarias ou rituais. Na primeira campaña púidose documentar o sistema construtivo básico do recinto, así como obter unha boa cantidade de pezas arqueolóxicas (cerámicas e líticos) que poderán, a través do seu estudo, axudar a entender a función deste lugar. Esta escavación permitiu tamén obter as primeiras datacións, que foron o aspecto máis sorprendente da mesma, ao estar situadas ao longo da Idade do Ferro, sendo este o único xacemento desta tipoloxía con esta datación. Estes datos sitúan a Outeiro Grande nun momento diferente da Prehistoria e abre novas posibilidades de estudo. Nesta liña, o interese científico de Outeiro Grande é enorme, por unha banda ao ter datacións de época castrexa, e por outra ao ser estas moi amplas no tempo, indo desde os momentos de transición da Idade do Bronce á Idade do Ferro (séculos X-IX a. C.) ata a os séculos IV-II a. C., co que deixan aberta a posibilidade dun uso estendido no tempo, ou de varias fases de uso distintas. (Información extraída de www.ecosdacomarca.com).

Campaniforme de Tecedeiras: Nunha mámoa, destruída, da necrópole megalítica de Tecedeiras, apareceu unha cunca cerámica decorada campaniforme.

Machado: Atopado na parroquia de Cristimil. De bronce, co talón truncado. Calcolítico (3100-2500 a. C). No Museo de Pontevedra dende o ano 1991.

Monte das Cabras (Castro de Cabras): Tres puntas de frecha tipo palmela e un puñal de espiga do Calcolítico (3100-2500 a. C.). Atopadas casualmente cando as obras da estrada Lalín-Chantada. No Museo de Pontevedra.

Monte da Romea: Material cerámico. 

Bendoiro: A certa distancia do castro de Bendoiro apareceron dúas foxas escavadas no terreo, co tamaño para enterrar a cadáveres estirados que fai pensar nunhas tumbas de inhumación. Nunha atopouse un anel de ouro e un brazalete de bronce sen unha cronoloxía clara, mesmo poden ser do Bronce Final (Xosé Ignacio Vilaseco, 2018).

A LAMA

Gaxate e Verducido: Atopáronse varios machados da Idade do Bronce. No Museo de Pontevedra consérvase un do Bronce Final cunha asa procedente do Monte do Castro.

MARÍN

Campolongo (San Tomé de Piñeiro): Xacemento da Idade do Bronce. Apareceron restos cerámicos.

Pelagartos (San Xián de Marín): Xacemento da Idade do Bronce. Atopouse un muíño navicular e o fragmento dun machado de tope con dúas argolas. Lendas sobre a aparición dunha moura.

Regueiras (Monte Pedrouzos-San Xián de Marín): Xacemento da Idade do Bronce. Apareceron restos cerámicos.

MEAÑO

Machados de Simes: Acubillo da Idade do Bronce citado por F. Maciñeira no 1892, e por Saralegui no 1894. Apareceron 40 machados e tope por baixo dos torgos dun castiñeiro. Segundo López Cuevillas e Bouza Brey (1929) dous foron a parar ao Museo da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.

Molde: Posible molde procedente do Monte do Castro, en Dena. Trátase dun bloque de pedra de forma navicular con oco de moldeo en ambas caras, sen bebedoiro. Feito para colar un machado de tipo plano e talón truncado. Atopado ao colocar un poste de viña. En mans particulares. (Comendador Rey, 1997).

MEIS

Paradela: Acubillo da Idade do Bronce. Apareceron 73 machados de talón e un molde para fundilos; só se conserva unha peza que está no Museo de Pontevedra de 250 por 56 mm. Doado polo que fora gobernador civil cando a súa descuberta. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey.

MOAÑA

Espada: Do Bronce Antigo (2250-1900 a. C. Procedente da parroquia de Meira.

O Viveiro: No Monte Faro. Afectado pola construción do Corredor do Morrazo. Máis ca un petroglifo propiamente dito hai que encadralo dentro dos denominados muíños rupestres. Logo da súa escavación entre setembro de 2003 e febreiro de 2004 realizáronse traballos de extracción e recolocación nas inmediacións. Tamén apareceron obxectos cerámicos e material lítico.

Xacementos de A Devesa de Abaixo e Os Torradoiros: O primeiro foi descuberto no ano 1981 por Antón Costa do Grupo de Arqueoloxía do Morrazo, que atopou cinco pezas campaniformes no interior e nas proximidades de dúas pequenas fosas abertas no terreo. No ano 2003, dentro do programa de corrección do impacto arqueolóxico orixinado pola construción da vía de alta capacidade denominada como Corredor do Morrazo, realizáronse varias sondaxes, dirixidas por P. Vázquez Liz e María Pilar Prieto Martínez da empresa Arqueoconsulting, que permitiron a identificación de dúas zonas arqueolóxicas, unha a citada e outra a dos Torradoiros, recuperándose 5.524 pezas, 3.934 fragmentos cerámicos e 1.590 líticos, ademais dunha cista con estela, tres foxas ás que se lle atribúe unha funcionalidade funeraria, dúas estruturas de combustión e unha estrutura lítica imprecisa, quizais ritual. 

Xacemento do Regueiriño (Domaio): Descuberto por Antonio Costa Iglesias e Ángeles Zabaleta, integrantes do Instituto Padre Sarmiento, preto da autostrada do Atlántico. As primeiras intervencións realizáronse no ano 1978, dividíndose en tres lugares. Por vez primeira atopáronse en Galicia restos da cultura campaniforme fóra dun contexto de enterramento, ademais de puntas de frecha de base plana das que existen pezas paralelas en Portugal. No Regueiriño apareceron cerámicas, puidores e microlitos de sílex. As escavacións realizáronse dentro do Plan de Prospeccións Arqueolóxicas do Morrazo. En Fontenla atopáronse vasos campaniformes, puntas de frecha (de sílex e de cuarzo rosa), e un cento de landras carbonizadas. Na Chan dos Carrís: Atopouse un puñal de bronce na habitación dunha vivenda, unha lareira e o fondo dunha cabana pechada por postes de madeira dos que non queda nada. (Información extraída parcialmente de Los yacimientos arqueológicos de Regueiriño, Fontenla y Chan dos Carrís. Primerios datos publicados, 1978 (2023), de Antonio Costa.



MONDARIZ

Xacemento calcolítico do Picoto, na parroquia de Meiroi, a 400 metros de altitude, case no límite co concello de Covelo.

MORAÑA

Xacemento de Peitono de Abaixo (Chaián-Laxe): Apareceron 42 fragmentos de cerámica (dous campaniformes) e nove líticos datados na Idade do Bronce.

Xacemento de Trambosríos (Laxe): Saíron á luz 60 fragmentos cerámicos, catro deles campaniformes datados na Idade do Bronce.

MOS

Castro de O Torroso: Descuberto no ano 1983 de forma casual, foi escavado entre o 1984 e o 1990 por Antonio de la Peña Santos quen, ademais de restos cerámicos e muíños de vaivén, atopou unha fibela de cinto con bronce, unhas pezas de bronce relacionadas con cabalos e damasquinados de prata e pasadores de ferro, datados no s. VII a.C. Tamén saíu á luz un puñal de bronce con lingüeta calada e nervadura central, o anaco dun machado de talón e un machado de cubo. Considerado uns dos castros máis antigos, foi abandonado a mediados do milenio.

Puñal de Cela: Dado a coñecer por Martínez Santaolalla a mediados do século XX, foi estudado por Suárez Otero que lle dá unha orixe nórdica pero que non pertencería á etapa megalítica, senón a un período de relacións atlánticas do Bronce Inicial ou do Bronce pleno.

 

NIGRÁN

Castro de Chandebrito:Entre outros materiais, saíron á luz fragmentos cerámicos de varios tipos, doas de pasta vítrea, un fragmento de aríbalos púnico e unha asa de ánfora, o que demostra contactos comerciais con pobos do Mediterráneo. No mes de xaneiro de 2019 atopáronse pezas cerámicas que revelan que foi construído arredor do século VIII a.C., 300 anos do que se cría ata entón, a finais da Idade do Bronce. Os arqueólogos apuntan a que estivo habitado 600 anos. Estas últimas escavacións, promovidas pola asociación de veciños de Chandebrito e a cooperativa Árbore Arqueolóxica, están dirixidas por Darío Peña. As evidencias de que o castro estivo habitado dun xeito prolongado no tempo débese ás distintas formas de elaboración da cerámica atopada, con decoración diversa. 

OIA

Castro de A Cabeciña (Mougás): Dende o outeiro controlábase o acceso polo norte ao litoral de Oia. Aprécianse restos da muralla, un foxo e aterrazamentos. Localizáronse tres cabanas de planta circular e unha estrutura elíptica. A cronoloxía sitúase entre finais do Bronce e inicios do Ferro ((séculos VIII-V a.C.). Da Idade do Bronce apareceron restos cerámicos e un machado de talón. Parece ser que este asentamento foi reutilizado posteriormente, tal como se salienta na páxina da Asociación Cultural Amigos do Mosteiro de Oia, para a construción dunha fortaleza coñecida como Cabestán. Aquí tamén se atopan os petroglifos coñecidos como da Cabeciña.

Vela Grande (Mougás): No ano 1973 apareceu un depósito de machados da Idade do Bronce; atópanse no Museo de Pontevedra.

Machado de Mougás: Citado por López Cuevillas e Bouza Brey (1929). Trátase dun machado de talón de dous aneis, cunha medidas de 225 por 50 mm.

Machados: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) citan o achado dun machado de talón en Mougás, propiedade do P. Jalhay do Colexio dos Xesuítas de Camposancos, e outro máis de dous aneis no mesmo concello. Deste depósito, no Museo de Pontevedra custódianse varios machados.

PAZOS DE BORBÉN

Asentamento do Monte Buxel (Cepeda): Xacemento da Idade do Bronce. Un sector atópase bastantes alterado polas obras dun gaseoducto. Descubríronse unhas estruturas de planta circular para almacenaxe de cereais. Apareceron útiles líticos, restos cerámicos da Idade do Bronce (cuncas, olas) e algúns de época medieval.

Xacemento de Arieiro (Nespereira): Saíron á luz 237 pezas divididas en 40 líticas e 197 cerámicas. O material cerámico adscríbese á Idade do Bronce, agás seis fragmentos que son de época medieval.

POIO

Depósito de Samieira: Do Bronce Final. Depósito atopado no lugar de Ladróns, formado por 156 machados de bronce de talón con asas, cuxo peso total supera os 150 kg. Foron enterrados baixo unha lousa granítica e dispostos de maneira intencionada en catro capas horizontais polo que pode que se trataría dun lote preparado para o seu traslado ou distribución a outro lugar. Apoia a hipótese a súa proximidade ao mar e o feito de tratarse de machados exactamente iguais e sen rastro de uso.

Estela de Poio: Datada arredor do 2500 a. C. Peza granítica que actuaba como tampa sepulcral dunha tumba medieval de lousas da necrópole existente nas inmediacións da igrexa de San Salvador de Poio, descuberta cando unhas obras no adro. Os elementos decorativos de difícil interpretación levan a vinculala coas representacións aparecidas nos esteos verticais das cámaras megalíticas, aínda que hai quen defende que se trata dunha estela-menhir á que lle faltan partes nos extremos superior e inferior vencellada ao culto aos mortos. Presenta unha figura antropomorfa e outros motivos. Consérvase no Museo de Pontevedra.

Ídolo: Na Caeira atopouse un ídolo cilíndrico moi ben puído que amosa un punto nunha das súas bases, e na outra seis puntos sen orde, ao menos aparente. Hai autores que o relacionan cos betilos atopados en Portugal e que acadaron o máximo apoxeo no Calcolítico, e que poden ser representacións da deusa-nai, a deusa da fertilidade.

Machado: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) citan un machado de bronce atopado no concello, cunhas medidas de 145 por 80 mm, que foi a parar ao Museo da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.


PONTEAREAS

Castro da Cividade (Fozara): No ano 1984 houbo unha intervención dirixida por Hidalgo Cuñarro e Rodríguez Puentes. Apareceu abundante material, entre outros unha espada de antenas.

Molde de fundición (Guillade): No Museo Municipal de Ponteareas. 


PONTE CALDELAS

Ídolo-praca da Carballeira (Cuñas): Calcolítico (3100-2500 a. C.). Trátase dunha praca de pedra de gra de contorno antropomorfo sen cabeza, con representación dos seos (ou as mans), un colar e leves inscricións en zigue-zague a xeito de posibles dobras dun manto.

Machado: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) citan un machado de alvado cadrado cunha asa de 130 mm de longo, doado ao Museo da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra por don Xosé Estévez. Do Bronce Final. No Museo de Pontevedra.

PONTECESURES

Depósito de Porto: Preto do río atopáronse varias pezas pertencentes ao Bronce Final. Destacan máis de corenta machados de tope (un presenta dous seos e, segundo Monteagudo, tería un carácter sexual), varias argolas, unha punta de lanza e dous machados de pedra puída.

Río Ulla: Espadas, machados de talón, puntas de lanza e puñais de antenas da Idade do Bronce, atopadas no Río Ulla, entre Catoira e Pontecesures. No Museo de Pontevedra.



PONTEVEDRA

Machado de A Barcia (Marcón): Machado de talón cunha asa . No Museo de Pontevedra.

Machado (Mourente): Machado plano de talón truncado. Segundo López Cuevillas procede da necrópole de Mourente; Álvarez Limeses di que apareceu nas inmediacións da igrexa parroquial, na finca da Bouza (Comendador Rey, 1997).

Machados de Lérez: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) citan un machado de "alvado circolar e unha asa. Mede 140 mm de longo". Pertenceu ao señor Rodríguez Sampedro de Pontevedra. Este machado tubular, do Bronce Final, atópase no Museo de Pontevedra dende o ano 1969. En Lérez apareceu outro machado de dúas asas.

O PORRIÑO  

As Gándaras de Budiño: Apareceu un machado, catro testos dun vaso campaniforme, fragmentos cerámicos, etc. da Idade do Bronce. 

Chan da Eiriña (Ermida-Cans): Asentamento do Calcolítico.

O Cotriño (Figueiras-Mosende): Asentamento do Calcolítico. Apareceu un machado de talón. 

Cista de Atios: Idade do Bronce. Descuberta no ano 1967. Foi escavada por Álvarez Blázquez. De planta rectangular, estaba formada por catro laxes de pedra e tampa cobertoira. O cadáver estaba orientado cara a posta do sol, cunha pedra de cuarzo que marcaba a posición da cabeza. Apareceu material funerario dunha gran pureza composto por puñais de cobre, canutiños de ouro (utilizaríanse no cabelo) e unha espiral de prata depositados no Museo Quiñones de León de Vigo.

Embargada (Mosende): Asentamento da Idade do Bronce.

Machado: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) citan un machado de talón de dous aneis de 180 mm de longo, que foi depositado no Museo da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.

 

PORTAS

Monte de Mourenta (Casal-Lantaño): Atopouse un machado de tope, hoxe en día desaparecido. No Museo de Pontevedra consérvase un machado tipo Barcelos, datado por Monteagudo na Idade do Bronce.

Machado de Lantaño: Un machado de talón de dous aneis de 245 mm de longo citado por López Cuevillas e Bouza Brey (1929), pertencente á colección Xil e Casal de Vilagarcía. 

 

REDONDELA

Cartas de Vilar: Poboado cunha ocupación a partir do Neolítico Final ata o Bronce pleno.

Couto Cosel: Xacemento da Idade do Bronce que achegou material cerámico, decorado coa técnica de impresión de peite, de tradición campaniforme.

Machados de O Viso: Apareceron tres machados de talón dunha asa da Idade do Bronce. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey (1929). Foron depositados no Museo da Sociedade Económica de Pontevedra.

Machado (Trasmañó): Os mesmos autores citan o anaco da parte inferior dun machado de alvado de sección cuadrangular que foi doado ao Museo da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.

Machado: Bronce Final. No Museo de Pontevedra hai un machado do Bronce Final de cubo de dúas asas.

Machado: Documentado polo Museo Arqueolóxico Nacional no ano 1878 entre os materiais expostos na Exposición Universal de París. Segundo Monteagudo podería proceder de Rendodela, sen que xustifique as razóns desta atribución.

RODEIRO

Cista das Antas: Monteagudo achega o debuxo dunha lousa decorada cun reticulado e un recipiente cerámico atopadas en As Antas, parroquia de Carboentes. Tamén apareceu un puñal, desaparecido na actualidade.

Cista de Rodeiro: No Museo Municipal de Rodeiro consérva unha lousa decorada.

Machado de tope (Casardixo-O Salto): Publicado por Monteagudo et al. no ano 1981. Atopado no ano 1948 no lugar de Quintas. Cun peso de 295 gramos, ten 145 mm de lonxitude e 38,5  no fío.

Puñal: Atopado na cistas das Antas, na Chousa de Ramos, parroquia de Carboentes. Apareceu xunto un vaso cerámico. Desaparecido.



O ROSAL

Portocelo (Portocelo-O Rosal): Xacemento dos inicios do Bronce coa presenza de industria lítica feita no lugar a partires de croios recollidos na costa inmediata e muíños naviculares. Escavado no ano 1985.

A Taranca (San Xián-O Rosal): Xacemento da Idade do Bronce. Apareceron muíños naviculares e cantos tallados.

SALCEDA DE CASELAS

O Castro (A Picoña): De forma elíptica e cun recinto, situado nun outeiro sobre a marxe dereita do río Caselas. Manuel Prego atopou restos cerámicos de posible orixe calcolítica publicados nun seu libro Unha ollada á historia de Salceda de Caselas (2007). Hai tempo, Manuel xa descubrira no Monte da Picoña a gravura dun sol realizada nun soporte granítico.

SALVATERRA DE MIÑO 

Castro de Lourido: Promovidas polo Concello e a Conselleria de Cultura, e baixo a dirección do arqueólogo Francisco Hervés, nos anos 2022 e 2023 leváronse a cabo unha serie de actuacións para poñelo en valor. Ao parecer, un dos achados relevantes é o dunha estela da Idade do Bronce onde aparecen dúas personaxes con atributos militares (puñais e o que semellan peixen e anzois) situados cronoloxicamente na Idade do Bronce. 

Río Miño: Na denominada Illa das Touzas, parroquia de Santa María de Oleiros, atopáronse dúas espadas (unha case completa, denominada en "lingua de carpa") e seis machados de talón do Bronce Final. No Museo de Pontevedra.

SANXENXO

Castro da Lanzada: Despois de tanscorridos sesenta anos dende as primeiras escavacións levadas a cabo polo Museo de Pontevedra e dirixidas por Filgueira Valverde, no mes de xuño do 2010 encomezaron os novos traballos, recuperándose restos da Idade do Bronce, o castro da Idade do Ferro, a necrópole, etc. 

SILLEDA

Machado: Procedente do Castañal, na parroquia da Ponte. Machado de talón truncado. Adquirido polo Museo de Pontevedra a un particular no ano 1969.

Pulseiras de Lamela: De ouro, datadas na Idade do Bronce. Presentan sección rectangular e romboidal, respectivamente.

SOUTOMAIOR

Castro da Peneda (Alxán-Soutomaior): Dende a súa cima domínase a ría de Vigo e o val do río Verdugo, ademais do paso da vía XIX. Ocupado dende finais da Idade do Bronce ata época romana, e posteriormente na Baixa Idade Media. Sobre el construíuse unha capela adicada á Nosa Señora das Neves.

Machados: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) citan un machado de talón de dous aneis que foi doado no 1872 por Francisco Sancho Gutiérrez ao Museo Arqueolóxico Nacional. Con anterioridade cítao manuel Murguía na súa Historia de Galicia (1865) que dí que procede de Coropó (Pontevedra), mentres que pouco despois Villamil y Castro (1875) di que procedería da ponte de Coropó, preto de Salvaterra. Castillo (1927), en Soutomaior sen máis precisións. No Museo de Pontevedra hai un de cubo dunha asa do Bronce Final que procede de Arcade.

Xacemento do Monte Espiñeiro (Moreira): Calcolítico/Idade do Bronce. Apareceron anacos cerámicos e líticos.

Xacemento do Monte do Espiño de Abaixo (Moreira): Saíron á luz 24 fragmentos cerámicos (12 con decoración campaniforme) e catro líticos. Datado na Idade do Bronce.

TOMIÑO

Xacementos calcolíticos da Chan do Cereixo (Pinzás) e da Tomada da Igrexa (Pinzás).

TUI

Covas da Trapa (Monte Aloia-Ribadelouro): Coñecidas tamén como Milagres da Trapa e O Pedragullo. No interior identificouse un número elevado de materiais arqueolóxicos (recipientes cerámicos e líticos) e algunhas mostras de arte rupestre (coviñas, e no exterior unha cruz de termo). Segundo Eduardo Méndez-Quintas (2020), as características dos materiais encaixan en cronoloxías prehistóricas, especialmente dentro do Neolítico final e a Idade do Bronce. As condicións de ocupación, posiblemente funeraria, amosan unha continuidade cronolóxica na ocupación deste tipo de espazos.

Machados (Caldelas de Tui): No río Miño atopáronse cinco machados (catro de talón e un de cubo) do Bronce Final datados entre os séculos IX-VIII a.C. Dados a coñecer no ano 1983 por Aquilino Gómez Santiso. No Museo Diocesano de Tui.

Puntas de lanza: Barros Sibelo (1875) cita dúas puntas de lanza atopadas en "San Juan de Orto" e das inmediacións de Tui. Descoñezo de que parroquia se trata.


VALGA

Espada (Cordeiro): Da Idade do Bronce. Atopada no ano 1977 no río Ulla.


VIGO

Castro da Punta do Muíño (Alcabre): Apareceu un depósito de seis machados de talón. 

Cunca (Cavidades do Folón-Coruxo): No Museo Quiñones de León exponse unha cunca adscrita ao Neolítico ou Idade do Bronce. A inaccesibilidade das cavidades desbota que fosen utilizadas para vivir, quizais formaban parte dalgún culto relacionado co mundo subterráneo e as augas.

Machado de Castrelos: Machado de tope sen aneis. Sen contextualización precisa.

Machados do Castro de Estea (Oia): No primeiro atopáronse 27 machados pertencentes ao período final da Idade do Bronce.

Machados da Idade do Bronce en Saiáns:  Do Bonce Final. Apareceron 25 machados de talón con dúas asas. Cada un pesa máis dun quilo e teñen unha lonxitude superior aos 20 cm.

Machados de Sárdoma: Do Bronce Final (800 anos BP).

Torres de Padín: Ademais do castelo do século XIV, atopáronse vestixios da ocupación humana da Idade do Bronce, da época dos castros e da romanización. Apareceu a parte dun machado de talón de dúas asas.

Xacemento do Monte das Cabanas (Marcosene-Zamáns): Ocupado dende o Neolítico á Idade do Bronce. Parcialmnete alterado pola construción dun aparcadoiro.En diferentes prospeccións arqueolóxicas levadas acabo no lugar (anos 2001 e 2003) se atoparon varias fosas de función descoñecida, silos empregados para o almacenamento, numeroso material cerámico e lítico (bordes de cerámica e fondos de base plana entre outros), sementes e dous muíños de man de pedra. (Información de Óscar Franco Barros en patrimoniogalego.net, 2023). 




VILA DE CRUCES

Mámoas do Marco do Camballón: Na parroquia de Oirós. Apareceron xerras e vasos cerámicos datados entre o 2250-900 a. C. Tamén apareceron unhas chapiñas de ouro que puideron actuar como cubertas exteriores de botóns de madeira ou óso. Nunha mámoa da necrópole localizouse un cilindro de ouro de pequeno tamaño.

Punta de lanza (Brandariz): Do Bronce Final. Atopada por Rosalía Balo Pereiro nunha súa finca do Penedo da Barca, preto duns afloramentos rochosos. De bronce. De 19,2 cm de longo. No Museo de Pontevedra. 

VILABOA

Asentamento calcolítico da Cavada dos Burros (Vilar-Santa Cristina de Cobres): Atopáronse frgamentos cerámicos con decoración campaniforme e un puidor de granito de forma ovalada. No 1988, Lomba Portela e García Lastra localizaron un fragmento de cerámica lisa.

Asentamento calcolítco da Chan da Armada (Sobreira-Santo Adrán de Cobres): Xacemento complexo composto por farias foxas e unha ampla dispersión cerámica de tipo campaniforme. Tamén se atopou un coitelo de sílex.

Cista da Chan de Agrelo (Vilar-Santa Cristina de Cobres).

Cista na Chan de Castiñeiras (Chan de Castiñeiras-Vilaboa): Planta trapezoidal de 2 por 1,5 metros.

Machado: No Museo de Pontevedra consérvase un machado de bronce de cubo con asa. Do Bronce Final. No Museo de Pontevedra.

Machados do Monte Miranda ou Monte da Costa (Casfalcón-Figueirido): Machado de bronce dunha asa e outro sen asas.

Xacemento do Pozo da Moura (Postemirón-Vilaboa): Recinto circular duns 16 metros de diámetro rebaixado no interior e elevado no contorno.

VILAGARCÍA DE AROUSA

Machado plano de Marxión: Plano de talón truncado. Disque foi desenterrado por uns porco nos anos trinta do século XX, se ben López Cuevillas e Bouza Brey din que apareceu no ano 1910 en Marxión. En mans particulares.

VILANOVA DE AROUSA

Machados de Tremoedo: Acubillo da Idade do Bronce. Ao pé do castro apareceron 62 machados de talón de dous aneis. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey (1929). Segundo estes autores, dous foron a parar ao Museo da Sociedade Económica de Santiago, doados polo señor Zepedano e por López Ferreiro.

PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Machados: Dous machados de procedencia descoñecida citados por Monteagudo (1977) e Comendador (1991). Outro máis que foi atopado no lugar non identificado de "Lamas de Meride". No Museo de Pontevedra.

Punta de lanza: De bronce. Procedencia descoñecida. No Museo de Pontevedra.

 

Calcolítico/Idade do Bronce

O Noso Patrimonio

Xabier Moure