O
monacato en Europa foi parello á difusión do cristianismo. Os mosteiros
xogaron un papel fundamental na organización social e no ámbito
cultural acadando, ademais e sobre todo, un enorme poder material. Se
ben xa existía en Galicia unha certa vida monacal, foi con Froitoso de
Braga cando se regulamentan as comunidades familiares de tradición
visigótica (Regula Monachorum). Mais, será a partires dos séculos
IX e X cando xurdan as grandes fundacións que, co tempo, se acolleron
baixo a regra de San Bieito de Nursia do século VI en que se difunde por
toda a Europa carolinxia e que traen os monxes de Cluny a través do
Camiño de Santiago, uniformando o monacato occidental a mediados do
século XI coa reforma gregoriana. O monaquismo galego consolidouse coa
chegada dos cistercienses, orde fundada por Roberto de Molesmes no ano
1098 para levar unha vida máis en consoancia coa regra de San Bieito,
con orixe na abadía de Citeaux (Francia), que acadaou unha grande
influencia grazas a Bernardo de Claraval. No século XIII instálanse no
país as ordes mendicantes dos franciscáns e dominicos (en menor medida
os Agostiños, entre outros), cuxa presenza adoita vincularse á
peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago a principios do século
XIII, que fundan os seus conventos en núcleos urbanos, fronte á
localización rural dos mosteiros bieitos e cistercienses. Tamén tiveron
certa presenza en Galicia as ordes militares que naceron en Terra Santa
despois da conquista de Xerusalén no ano 1099 durante a Primeira
Cruzada, sendo as máis coñecidas as do Temple, a dos Hospitalarios de
San Xoán e de Santiago que pasaron a rexentar, en varios casos,
mosteiros altomedievais que foran abandonados. As abadías segrares,
organizadas pola sé diocesán, estaban ligadas ás catedrais, integradas
por persoas que non forzosamente tiñan servizo no altar, pero si a
obriga de participar nos demais oficios e actos marcados pola
comunidade.
As
desamortizacións dos bens e terras "non produtivos" remataron co seu
poder. Entre o 1800 (reinado de Carlos IV) e o 1859, sendo ministro
Pascual Madoz (no medio houbo as do ministro Mendizábal, no 1835, e uns
anos despois a de Espartero), a Igrexa perdeu boa parte dos seus bens
que, ademais de ao eido espiritual, tamén afectou ao material, entre
eles os edificios mosteirais e conventuais. Segundo Vicente Risco, máis
de 7.000 relixiosos foron exclaustrados. Malia o anterior, cómpre
subliñar, en contra da crenza xeralizada, que antes do século XV a
maioría dos pequenos mosteiros apenas posuían riqueza e poder. Como
apunta F. J. Pérez Rodríguez (2008), "a historia do monacato galego
pleno e baixomedieval está cheo de sombras e non sempre os mosteiros
viviron na riqueza e opulencia nin se levou neles a vida estereotipada
que se lles adoita atribuír como centros de espiritualidade e cultura", e
"a meirande parte dos cenobios pouco teñen que ver coa idea de poder,
riqueza e progreso que, polo xeral, se ten dos mosteiros galegos
medievais", é dicir, que a realidade monástica galega, ata o século XV, a
pesares do gran número de cenobios, foi moito máis modesta do que
adoitamos crer.
Nesta
recompilación achego, distribuídos polas catro provincias galegas,
preto de 400 mosteiros, priorados e conventos, aínda lonxe do número
real dos que alfrombraron Galicia. Sen ir máis lonxe, José Freire
Camaniel, na súa obra El Monacato Gallego en la Alta Edad Media
(1998), rexistra máis de 500 mosteiros que non sobreviron á Reforma
Gregoriana, onde se estudan as distintas regras que seguiron os cenobios
galegos así como as comunidades que vivían neles, habitualmente
formadas por homes e mulleres (mosteiros dúplices) que desapareceron ou
se integraron noutras comunidades a partires da reforma citada cuxa idea
principal era acadar un poder independente dirixido polo papa. Outros
pequenos cenobios transformáronse en granxas, ou mesmo foron suprimidos;
nun capítulo xeral da orde do Císter, celebrado no ano 1184,
estableceuse que en todas as abadías houbese, ademais do abade, doce
monxes, e senón que se reducise a granxa ou que desaparecera totalmente.

MOSTEIROS E CONVENTOS DA PROVINCIA DE OURENSE
ALLARIZ
Basílica da Asunción
(Armea): Atópase nas inmediación do castro de Armea, sobre a cripta
coñecida como Os Fornos, relacionados cos monumentos con forno e pedra
formosa, onde a tradición sitúa o martirio de Santa Mariña. A igrexa
comezou a construírse a mediados do século XIII con obra románica
avanzada e abandonouse inconclusa, tal como podemos ver na actualidade,
na primeira metade do século XIV, coincidindo coa decadencia dos
templarios, promotores da súa construción. No centro da nave atópase a
cheminea do forno da cripta. Hai quen cre que podería ser a igrexa dun
futuro mosteiro.
Mosteiro de San Martiño de Pazó:
Da orixe mozárabe da igrexa consérvanse as dúas portas de acceso e os
restos dunha ventá con arcos de ferradura enmarcados con alfiz. A porta
sur comunicaba co desaparecido mosteiro dúplice que se sabe foi
restaurado no ano 922.
Convento de Santa Clara de Allariz:
Clarisas. Fundado no ano 1268, conserva distintos estilos, dende o
gótico ao barroco. Foi reconstruído no século XVIII. O pórtico é o único
elemento que rompe coa sobriedade da enorme fachada. O claustro, obra
do arquitecto frei Domingo Antonio de Puga, está composto por galerías
formadas por setenta e dous arcos de medio punto entre piastras; dise
que é o claustro barroco máis grande da Península. A igrexa, do século
XIII, ten planta de cruz latina con nave de dous tramos, cruceiro e
presbiterio rectangular. No lintel da portada destaca unha vieira e unha
fornela coa imaxe de Santa Clara. Museo de Arte Sacra.
Mosteiro de Santa Mariña de Augas Santas (Augas Santas):
Testemuñado en época altomedieval. Ao longo do século XII mantivo
varios enfrontamentos coa sé de Ourense, pasando a poder da catedral ao
redor de 1180 ou 1190. Foi entón cando se relanzou o culto da mártir
Santa Mariña, edificándose a igrexa, ademais de encomendar a redacción
dun libro de milagres para lle dar publicidade ás virtudes da santa que
podía beneficiar a quen acudise á súa sepultura en peregrinaxe. Para elo
instaláronse en Augas Santas varios cregos cun abade á fronte (hai quen
cre que en principio serían Coengos Regulares de San Agostiño). Os
cregos documéntanse a partires do século XIII, comprobándose claramente
no século XV a súa condición de abadía segrar cunha comunidade de varios
raçioneiros dirixidos por un prelado. No lugar onde se
ergue a casa reitoral é onde se conservan os únicos restos do antigo
cenobio. A igrexa, de orixe románica, presenta planta basilical de tres
naves, rematada nunha cabeceira tripartita, separadas por medio de
piares cruciformes que soportan arcos apuntados e un falso triforio de
tres arcos sobre columnas pareadas. Sobre as ábsidas semicirculares
ábrese un gran rosetón central abeirado por outros dous de menor tamaño.
A portada sur, románica, está organizada con arquivoltas de ferradura,
ventás e un rosetón. A fachada, moi reformada, presenta unha espadana de
transición ao gótico. Unha das lendas que bulen ao redor deste templo
conta que se edificou no lugar onde foi decapitada Santa Mariña, natural
de Piñeira de Arcos (Sandiás); onde rebotou a súa cabeza abrollaron
tres mananciais; a fonte que hai no lugar foi mandada construír polo bispo de Ourense Iglesias Lago a mediados do século XIX xunto coa imaxe pétrea da santa; unha inscrición di: "Reedificola o bispo Dámaso Iglesias. Ano 1840". Outra lenda fala de que Santa Mariña foi queimada no
coñecido como O Forno da Santa (sauna prerromana con pedra formosa),
agochado na cripta da igrexa románica inacabada que se atopa nas inmediacións do
castro de Armeá, disque obra dos templarios. O descubrimento da tumba de Santa Mariña sitúase no reinado de Afonso II o Casto (759-842), cando se levantaría un pequeno templo predecesor do actual. O mausoleo ou camarín da Santa atópase sobre o que se considerou o seu sepulcro cunha lauda lisa sobre a terra.
AMOEIRO
Mosteiro de San Paio de Bóveda (O Priorato): Moi modificado, na actualidade é propiedade particular nun deficiente estado de conservación. De orixe altomedieval, foi un dos primeiros mosteiros do Císter en Galicia, fundado como mosteiro feminino por Arias Fernández e Gudina Oduariz no ano 1168. No ano 1179 cítase unha "abbatissa de Boueda", no 1239 o "monasterio de Bouada", no 1267 "abadessa de Bobeda", e no 1279 "moesteyro de Boueda". A súa principal propiedade estaba na Reza Vella, preto da cidade de Ourense. Foi suprimido como mosteiro por Xoán de Grixoá, abade de San Clodio quen, coas armas na mán, botará ás monxas, acontecementos que comezaron á morte da abadesa dona Maior Vázquez de Ceboliño no 1446. Conserva a portada e o arco triunfal de tendencia á ferradura. Entre as pezas soltas que antes da desamortización sufriron unha reforma barroca, atópanse elementos prerrománicos. No Museo Arqueolóxico de Ourense consérvase a coñecida como lápida de Xoán, do século IX, cunha epígrafe gravada que di "OBIT F(a)M(u)Lus) D(e)I IOANNI.../(cruz patada) MIGRAVI(t) AB (h)OC SES(ulo) Ç.../AILI...", ("Morreu o servo de Deus Xoán, que no nome da cruz partiu ao outro mundo o día sexto...").
Mosteiro de San Paio de Bóveda (O Priorato): Moi modificado, na actualidade é propiedade particular nun deficiente estado de conservación. De orixe altomedieval, foi un dos primeiros mosteiros do Císter en Galicia, fundado como mosteiro feminino por Arias Fernández e Gudina Oduariz no ano 1168. No ano 1179 cítase unha "abbatissa de Boueda", no 1239 o "monasterio de Bouada", no 1267 "abadessa de Bobeda", e no 1279 "moesteyro de Boueda". A súa principal propiedade estaba na Reza Vella, preto da cidade de Ourense. Foi suprimido como mosteiro por Xoán de Grixoá, abade de San Clodio quen, coas armas na mán, botará ás monxas, acontecementos que comezaron á morte da abadesa dona Maior Vázquez de Ceboliño no 1446. Conserva a portada e o arco triunfal de tendencia á ferradura. Entre as pezas soltas que antes da desamortización sufriron unha reforma barroca, atópanse elementos prerrománicos. No Museo Arqueolóxico de Ourense consérvase a coñecida como lápida de Xoán, do século IX, cunha epígrafe gravada que di "OBIT F(a)M(u)Lus) D(e)I IOANNI.../(cruz patada) MIGRAVI(t) AB (h)OC SES(ulo) Ç.../AILI...", ("Morreu o servo de Deus Xoán, que no nome da cruz partiu ao outro mundo o día sexto...").
ARNOIA
Priorado de San Salvador de Arnoia:
Fundado posiblemente no ano 899. No século XI era dúplice ou feminino,
xa que nun traslado documental feito no 1426 dun diploma datado no 1016
dise que era "do tempo das donas que foron eno moesteiro d´Arnoya".
Aparece citado en privilexios pontifícios concedidos á sé auriense no
1185 e no 1203, nos que aparece como mosteiro. Despois, ata o ano 1835, e
xa dependendo do Salvador de Celanova, foi rerexentado por monxes bieitos;
nunha avinza que Celanova fai con Melón sobre unha pesqueira lese: "ut abbas et cnventus Cellenove, nomine monasterii de Arnogie, percipiant de singulis retibus".
Parece que foi un dos máis rendibles do mosteiro de Celanova durante a
Idade Media e a Idade Moderna, tal como testemuña frei Benito de la
Cueva de que era "uno de los mexores prioratos, o el mexor, que tiene Zellanova".
Conserva o edificio monacal e a
igrexa do século XVII construída sobre outra do século X. Na pedra armeira
que se conserva figuran o espello e o compás, símbolos asociados ao
mosteiro de Celanova, e o báculo e a espada, referencia a San Rosendo. Nun muro hai reutilizado un alquerque de tres.
Priorado de Reza (A Reza-A Arnoia): En relación co mosteiro de Melón está o priorado de Reza, con orixe no século XIII. No século XVI documéntanse varias construcións relacionadas coa actividade agraria desenvolvida por unha comunidade de monxes.
Mosteiro de San Pedro (Bande):
No ano 1457, o mosteiro que había en Seoane pasou, por mandato do papa
Calisto III, a San Pedro. A igrexa parroquial, dos séculos XVII e XVIII,
é o resultado das reformas e ampliacións que se realizaron no antigo
cenobio e de cuxos vestixios perduran na casa reitoral, un edificio de
dúas plantas con corredor e patio central. Segundo conta Enrique Bande
Rodríguez, no ano 1782 ordenouse ao cura que obrigara a gardar a
compostura aos fregueses dentro do templo xa que se tiña o costume de
falar, berrar e bailar durante a celebración da misa. Ou outra orde do
ano 1835 en que pon en coñecemento do párroco de que as mulleres que
portaban a imaxe da Virxe nas procesións "non deben ir entre os homes
nin entre o clero, nin dando espectáculo. Nas procesións deben ir detrás
con toda a decencia".
Mosteiro de Santa Comba:
Bieitos. A igrexa visigótica (s. VII) formaba parte dun mosteiro que
contaba con dous edificios que non se conservan. Segundo a tradición,
foi fundado cando a xente que fuxía dos árabes ocultaron aquí o corpo de
San Trocado, un dos primeiros discípulos do Apóstolo Santiago. No
interior garda un sepulcro de mármore onde parece que estivo o corpo do
santo antes do traslado ao mosteiro de Celanova. A planta do templo é de
cruz grega, con capela na cabeceira rematada, ao igual que o cruceiro,
por bóveda de aresta da que parten as catro estancias que forman os
brazos da cruz. Na parte oriental ábrese unha ábsida de planta cadrada á
que se accede a través dun arco de ferradura. Na parte dos pés hai unha
porta de traza moderna, ampliación da primitiva, que se atopa debaixo
dun pórtico, tamén posterior á construción visigótica. Ente os capiteis
distínguese un reaproveitado e dous trapezoidais de fins dos séculos
IX-X. Segundo un documento do mosteiro de Celanova, Odoario, irmán de
Afonso III, encarga no ano 872 a restauración da igrexa.
BAÑOS DE MOLGAS
Mosteiro-hospital de Xerusalén da Limia:
No tomo IX dos anos 1971-72 do Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo, Marina Vázquez Dapena
recolle unha transcrición de Marcelo Macías sobre un privilexio, escrito
en latín, do rei Afonso IX a favor dun mosteiro-hospital de Xerusalén
da Limia polo cal se fai unha doazón do couto de Foncuberta no ano 1260.
A tradución, na súa primeria parte, é a seguinte: "No nome do Señor.
Amen. As cousas que se fan ao presente pronto se perden de memoria polo
que os escritos sempre fan desaparecer as incomodidades do esquecemento.
Polo tanto eu, Afonso, pola graza de Deus Rei de León e Galicia:
douvos, Xoán Sancis Prior do Mosteiro-Hospital de Xerusalén, e servos e
irmáns do mesmo hospital, na Limia, xunto a Molgues (Molgas),
Foncuberta, con todas os seus dereitos e pertenzas, como o teño ou debo
telo por dereito hereditario, para poseela perpetuamente".
Santuario dos Milagres: No Monte Medo, nun chan ao pé da Serrra de San mamede, a 1.620 metros de altitude. Comezou a construíse no ano 1728 e rematouse no 1768. É de estilo barroco-neoclásico. Nas inmediacións está a Carballa dos Milagres, xunto a Fonte da Virxe, lugar onde se cre que houbo unha primeira ermida do século XI (restos a carón da igrexa adicada á Santa). Nos Milagres funcionou un colexio-seminario. Dende o século XIX está rexentado polos PP Paúles. Concorridísima romaría o 8 de setembro.
O BARCO DE VALDEORRAS
Mosteiro de San Miguel de Xagoaza:
As primeiras referencias datan do ano 1092. No 1252 pasa a ser
propiedade da Encomenda de Quiroga da orde dos Hospitalarios de San Xoán
de Xerusalén, máis tarde coñecidos como Orde de Malta. No 1233 a igrexa
de Xaogaza figura nun acordo feito entre o bispado de Astorga e a orde
do Hospital. Restaurado, o edificio monacal conta no seu interior cun
pequeno claustro, porticado no piso inferior e con galerías de madeira
no superior que se acondicionou para actos culturais. As instalacións
acollen tamén unha adega de viños e augardentes. A igrexa románica (s.
XII-XIII) presenta nave con artesoado de madeira, ábsida semicircular
cuberta con bóveda de cascarón e presbiterio de dous tramos, un recto
con bóveda de medio canón, e un curvo na cabeceira cuberto cun cuarto de
laranxa. No interior consérvanse restos de pinturas manieristas no
presbiterio datadas no ano 1586, un retábulo barroco do 1679 con
columnas estriadas en ziguezague, e unha custodia do 1669. Malia o dito, tamén se conserva unha prancha rectangular de cancel con relevos vexetais e un pé de altar a xeito de piastra que pode levar a existencia da igrexa a época visigoda.
BEARIZ
Priorado de Beariz:
No ano 1607, o cardenal Del Hoyo di que é anexo do mosteiro de
Aciveiro. Pouco máis se sabe deste priorado, a maioría dos libros
queimáronse nun incendio acontecido no ano 1748 que asolou a reitoral.
A BOLA
Mosteiro de San Munio ou Santomé da Veiga (Veiga):
Sanxoanistas (F. J. Pérez Rodríguez, 2008, di que Santiaguistas). O
desaparecido mosteiro foi fundado por San Munio no século IX, sepultado
na capela maior da igrexa; segundo a lenda, aplicando as súas reliquias
aos endiañados líbranse de Satanás. A primeira mención documental data
do ano 1105 en que un matrimonio entregaba ao mosteiro de Celanova a
porción que nel tiñan, unha terceira parte da sexta, o que demostra que
desas está en poder de herdeiros laicos e que non era de recente
fundación ao ter sido repartido entre eles. Nun documento de data
incerta (entre o 1121 e o 1142) os herdeiros de Veiga (nobilis qui monasterii Sancti Thome de Veiga sumus heredes) entregábano á comunidade que vivía nel; á súa fronte aparece Martinus Thoncirri, venerablis presbiter,
sen obstentar título de abade ou prior. A finais do século XII é cando
sería entregado aos cabaleiros que foi cando mudou a advocación do
mosteiro de Santomé a San Munio, baixo a que xa está no 1187. No 1376
estaba habitado, ao menos, por un prior e un frade, e a finais do século
XV só está documentado o prior. O templo é de orixe románica do s. X,
erixido sobre outro do século anterior tal como o amosa unha torre
lateral. Ten unha soa nave e ábsida rectangular. Unha porta presenta un
arco apuntado e arquivoltas decoradas con motivos vexetais. O tímpano
presenta cruz grega sobre mochetas que representan as cabezas dun lobo e
dun carneiro. O edificio sufriu importantes reformas no século XVIII. No interior hai unha ara adicada a Xúpiter.
Priorado de Santa Baia de Berredo: Dependente do mosteiro de Celanova. Na sancristía da igrexa consérvase unha lápida mozárabe. O retablo é obra do escultor Castro Canseco (1655-1724)
CARBALLEDA DE AVIA
Priorado de Beiro: Composto por igrexa e casa prioral, dependía de San Martiño Pinario de Santiago. Data do século XVIII. Trátase dunha xoia arquitectónica, situado nun enclave paradisíaco do Ribeiro. A igrexa atópase en bo estado, mais a casa prioral, un pazo con cinco lagares e adega abovedada, que serviu de reitoral, está a caer; unha parte do tellado veuse abaixo. (Información e foto da arqueóloga Nieves Amado Rolán).
Mosteiro de San Pedro de Lobás
(Mosteiro): Habitado por monxas bieitas dende o século XI. A
finais do século XV a súa abadesa era Isabel de Sanabria. O prior de
Valladolid cando visitou o cenobio no ano 1499 observou en dona Isabel
falta de castidade e de obediencia, tachándoa de "destruydora e delapidadora de los bienes e rentas" e de ter cometido "otros crímenes y excesos dignos de gran pugnación y castigo".
Os observantes de Valladolid prendéronna e encerráronna en San Paio de
Antealtares para gardar estrita clausura. Mais a abadesa conseguir
fuxir, volvendo a Lobás. Ao final asinou a renuncia, a cambio de vivir
tranquila no que fora o seu cenobio, percibindo unha pensión anual. As
estragadas dependenzas monacais e a igrexa mosteiral levan anos
pendentes de restauración. Fai décadas (ano 1988) que a Xunta de Galicia anunciou a recuperación do cenobio e da igrexa románica, restauración da que nada se volveu a saber. No ano 2009 a Corporación municipal do Carballiño, por iniciativa promovida pola asociación Orde dos Cabaleiros do Mosteiro, acordou por unanimidade xestionar unha serie de axudas económicas para o proxecto, ademais de negociar co Bispado de Ourense a cesión dos edificios e os terreos; todo quedou en augas de fregar. No ano 2018, o conselleiro de Cultura visitou o lugar, comprometéndose a estudar as accións a desenvolver, pero máis do mesmo: nada de nada. Non moi lonxe do cenobio atópase o
castro do Coto do Mosteiro, tamén nun estado total de abandono.
Priorado de Santa Baia de Banga:
Pertenceu ao mosteiro cisterciense de Sobrado. Da igrexa románica só
conserva o muro norte. Ten modificacións e engadidos góticos, barrocos e
modernos (século XIX). No interior, pinturas renacentistas na capela
maior e retábulo barroco, anóminos pero atribuídos a dous mestres
alcumados como O Pintor de Banga e o Mestre de Sobrado.
CARTELLE
Priorado de Vilar de Vacas:
Dependía do mosteiro do Salvador de Celanova. Era o lugar onde se
pagaban os foros das terras sobre as que tiña xurisdición a fortaleza de
Sande: Anfeoz, Vilar de Vacas, Macendo, Sande e Madarnás.
CASTRELO DE MIÑO
O Castrelo
(Padreiro-Castrelo): Onde había un castro e logo unha torre
medieval, sobre os que se construíu a igrexa parroquial de Santa María,
houbo un mosteiro que foi desmantelado. Dise que a viúva de Sancho
Ordóñez, dona Goto, recolleuse neste mosteiro, que fundara. Nun número de Galicia Nueva de Vilagarcía do ano 1928, achégase a noticia de que o abade ecónomo de Santa María de Castrelo e "mayores contribuyentes...", dirixiron unha carta ao ministro de Gracia y Justicia para que protexera a igrexa, fundada nun castro coñecido como Castrum Minei, consérvandose "en su atrio un bajo relieve anterior al Cristianismo, empotrado en la muralla". Para sustenar a antigüidade do templo, din que había un cenobio que tiña como abadesa a Dona Goto, pasando a finais do século XII aos Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén.
Priorado de Prado (Prado de Miño): Consérvanse as ruínas dun edificio que segundo a tradición acolleu unha orde monástica.
CASTRELO DO VAL
Mosteiro de San Xoán de Servoi:
No lugar coñecido como Os Freiles. Pola advocación puido estar en mans dos sanxoanistas, mais hai quen
sostén que pertencía aos bieitos. No ano 1132 ou 1134, o rei galego
Afonso VII doállo ao Cabido de Ourense: "De monasterio Servo Dei, quod est in Valle Varoncelli discurrente rivulo Tamega". A doazón foi confirmada por Afonso IX (Vicente Risco en Geografía del Reino de Galicia: Provincia de Orense). Supónselle unha orixe altomedieval. Duro Peña (1975) tamén cita a Servoi, "... en la tierra de Lobarzana... radicaban los monasteiros de Villaza, Ozio y Servoy... dicha tierra la poseyó eclesiásticamente Orense longo tempore según los mismos testigos de Braga, durante los pontificados de Diego Martín y hasta los primeros años del obispo Pedro Seguín...". Varios dos seus abades son membros do cabido de
Ourense. No século XV xa estaba deshabitado. A igrexa actual de Servoi data do século XVI, con reconstrucións no XVIII.
CASTRO CALDELAS
Mosteiro de San Paio de Abeleda (A
Abeleda): A primeira noticia sobre este mosteiro (de dubidosa
autenticidade segundo F. J. Pérez Rodríguez, 2008) dáse no acoutamento
que Afonso VII fixo aos cabaleiros Sancho e García González de "vestrum monasterium Sancti Pelagii de Avellaneda"
no 1127. No 1154 aparece o primeiro abade de Abeleda. De seren bieito, a
comunidade abandonou a regra a finais do século XII ou principios do
XIII xa que no ano 1223 está constituída en abadía segrar cun capelán e
un crego. No 1321 a comunidade estaba composta polo abade, un capelán e
cinco cregos. Segundo Duro Peña, o mosteiro desaparecerá a mediados do
século XIV, e dende entón o único habitante será o abade. Na Baixa Idade
Media os padroeiros laicos aínda conservaban o dereito de presentación
do abade que no século XV só é unha dignidade semellante á dun párroco.
Os restos que se conservan do antigo mosteiro atópanse totalmente
arruinados; en mans particulares, sofre constantes agresións: os
pórticos románicos foron tapiados con blocos de cemento. Tal é o
abandono e o desleixo das autoridades que no ano 2005 produciuse o roubo
de seis retábulos e unha columna gótica. A igrexa, románica do século
XII e reformada no XIV, non corre mellor sorte.
Mosteiro de San Xoán de Camba:
Fundado no século X. Dúplice. Na Alta Idade Media pasou á sé de
Astorga. No acordo que esta asinou no 1150 coa Igrexa de Ourense para
delimitar os límites entre as dióceses, Camba quedaba en territorio
asturicense e o resto da Terra de Caldelas en Ourense. No 1162 este
mosteiro xa figura entre as propiedades de Astorga. Sábese que no 1263
era abadía segrar. No século XIV a comunidade limitábase a un abade,
conservando a categoría de abadía no século XV. Acollía unha igrexa da
que se conservan dous relevos dos séculos X e XI, e unha ventá mozárabe
que na actualidade se atopa no Museo Arqueolóxico de Ourense. A súa
decadencia comezou no século XIII. A igrexa actual, barroca, acolle unha
sancristía subterránea. No ano 1787 documéntase na sancristía unha ara galaico-romana adicada a Navia Elaesurraega que a principios do século XX foi levada para Astorga (na actualidade atópase no Museo de los Caminos de Astorga).
CELANOVA
Mosteiro do Salvador:
Despois da refundación de Caaveiro, San Rosendo acometou a fundación do
mosteiro de Celanova en terras cedidas polo seu irmán Froila Gutérres
por documento suscrito o 12 de setembro do 936. O cenobio foi consagrado
o 25 de setembro do 942. O primeiro abade foi Franquila que, xunto cun
grupo de monxes provenientes de San Estevo de Ribas de Sil, instalouse
en Celanova. Á súa morte (955) sucedeulle o propio San Rosendo ata o 1
de marzo do 977, data do seu falecemento. O mosteiro uniuse á Regra de
San Bieito de Nursia no ano 1506. No 1548 reconstruíuse o conxunto
monástico que conserva influencias de distintos estilos arquitectónicos.
A fachada principal, edificada entre o 1642 e o 1653 e que substituíu á
antiga románica, ocupa todo o lado leste da praza Maior da vila, nos
seus extremos sitúase a portada da igrexa e a torre con balconada e
cúpula semiesférica do século XVI reconstruída no XVIII. A portada, con
zócolo almofadado, consta de catro pares de columnas, tres frontóns
partidos, ventanais e escudo coroado por pináculos. Por riba da porta
érguese a estatua de San Bieito, e aos lados as imaxes de San Rosendo e
San Trocado. O mosteiro organízase arredor de dous claustros: o Claustro
Vello ou das Procesións, de mediados do s. XVI reformado no XVIII, é de
planta cadrada e con bóveda de crucería que comunica coa igrexa (dende
aquí tamén se accede á capela mozárabe de San Miguel), con fonte central
que foi trasladada á praza Maior. O Claustro Novo ou do "Poleiro",
clasicista e rematado no 1772, é de planta cadrada do que sobresae un
gran balcón corrido que daba acceso ás celas dos novicios; aquí
atopábase a biblioteca, o arquivo e a enfermería. Consérvase a cociña de
planta cadrada cuberta con bóveda de aresta entre arcos feixóns e
forneiros; do centro, delimitada por columnas, arrinca a cheminea. O
conxunto contaba cunha igrexa abacial románica, da que hoxe apenas
quedan restos. A actual comezouse no 1648 e remodelouse no século XVIII.
Ten planta de cruz latina, con tres naves de tres tramos cada unha, e
unha transversal que conforma o cruceiro. No interior destaca o retábulo
maior, adicado ao Salvador, do s. XVIII. Entre os moitos acontecementos
históricos que arrodearon a vida do mosteiro, destacan a rebelión dos
veciños de varias aldeas contra o seu poder absoluto durante a
Revolución Irmandiña, e unha revolta a finais do século XVII. Consérvase
a maquinaria do reloxo constuído polo famoso reloxeiro Andrés Antelo
Lamas no ano 1830, autor dos reloxos das catedrais de Lugo e Santiago de
Compostela. Durante a desamortización puxéronse á venda todos os seus
bens. O mosteiro destinouse a distintos usos: administrativo, concello,
cuartel, escola, vivenda particular e, durante o golpe de Estado que
provocou a Guerra Civil, foi utilizado polos fascistas como cárcere e
centro de tortura. Na actualidade acolle o concello e un centro de
ensino. No ano 2010, a pretensión do alcalde de Celanova de converter o
mosteiro nun hotel e o traslado do Instituto de ensino recibiu un
elevado rexeitamento social, o que se traduciu en varias
mobilizacións.
Mosteiro de Vilanova dos Infantes:
Fundado no ano 940 por Santa Ilduara, nai de San Rosendo, arredor dos
anos 930-940, o cal, a xulgar polos restos e polas noticias de autores
que viron partes do edificio antes da súa destrución, presentaba grandes
semellanzas co de Santiago de Peñalba, no Bierzo. Os poucos vestixios
que quedan atópanse no Museo Arqueolóxico de Ourense e apoiados na
igrexa románica. No interior conserva un Cristo de madeira do século
XII que debeu pertencer ao antigo mosteiro.
CENLLE
Priorado de Razamonde: A igrexa foi doada ao mosteiro de San Paio de Antealtares no ano 1137 polo rei Afonso VII. É románica do século XII e foi restaurada no século XVIII. De época medieval conserva os muros laterais da nave e a portada do lado sur con arquivolta e columnas. No interior conserva un retablo do século XVI.
CHANDREXA DE QUEIXA
Priorado de Vilar:
Mencionado nunha bula do papa Alexandre III do ano 1163. Pertenceu ao
mosteiro de Montederramo ata o ano 1580 en que o rei Filipe II llo
quitou cando nomeou a dous alcaldes para controlar a zona, feito que non
impediu que os veciños tiveran que seguir pagando a Montederramo 393
fanegas de pan xa que o centeo era o seu principal cultivo.
COLES
Priorado de Santa María da Barra (A Barra): A Barra foi
encomenda dos Sanxoanistas, couto doado a Fernando Oduáriz por Afonso
VIII como recompensa pola súa axuda contra os sarracenos. A igrexa é gótica con modificacións posteriores.
O Priorato (Melias): O lugar onde se levanta a igrexa parroquial de San Miguel de Melias recibe o nome de O Priorato.
Mosteiro de Paradela: Citado nunha doazón do ano 986 das vilas de Vascones et Sancta Eulalia in Bubalo, en Carballedo (Andrade Cernadas, 1995).
CORTEGADA
Priorado de San Breixo (Refoxos): Orixe románica, dependente do Salvador de Celanova. A orixe remóntase ao século XI, cando dona Guldregoda o doa no 1075 ao mosteiro de Celanova. O
cenobio forma un só corpo coa igrexa de orixe románica. No ano 1673 os
veciños de Refoxos levantáronse contra os monxes pola abusiva renovación
dos foros. Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no
ano 1745. Durante as Guerras Carlistas foi utilizado como cuartel o que
produciu moitos desperfectos. Debido a que foi fortificado goza da
categoría de BIC o que non impide que se atope nun estado total de abandono.
CUALEDRO
Mosteiro de Atás:
Dependeu de Celanova. Dona Urraca, viúva de Afonso III, quitou a
Celanova a xurisdición de Atás que logo lle foi restituída por Afonso
VII. Afonso IX, nun privilexio expedido a favor do mosteiro de Celanova,
mandou que ninguén sacase pedido algún de Atás; privilexio confirmado
por Fernando III estando en Ourense o 10 de abril de 1232, por Afonso X
no 1255, e por Afonso XI no 1316.
ESGOS
Mosteiro de San Pedro de Rocas:
Bieitos. Segundo denuncia unha lápida do ano 573, o cenobio, que xa
existía, foi reocupado por sete homes que se refuxiaran no lugar para
consagrar a súa vida a Deus. Abandonado no ano 716, non volveu a ter
vida cenobítica, que se saiba, ata finais do s. IX en que, segundo a
lenda, un cabaleiro de nome Xemondo, xunto con outros irmáns, se
instalan aquí cando descobre a cova-igrexa. Favorecido con enormes
doazóns por Afonso III, estas foron confirmadas polos sucesivos
monarcas. O primeiro documento referido a Rocas é de tempos de Afonso V
(1007) que aparece unido a Celanova. A Afonso VII atribúenselle varias
doazós que son posiblemente falsas. No 1180 é prior Pedro Páez. Que o
seu abade superior é o de Celanova non se confirma ata o 1199, cando
este lles prohibira aos priores de San Pedro e Santa Comba de Naves
asistir ao sínodo convocado polo bispo de Ourense. No 1251 Gonzalo
Martínez aparece como subprior de Rocas, o que amosa, segundo Pérez
Rodríguez (2008) unha indefinición no superior da casa, aínda non
consagrado como prior dela o que evidencia de que nesa época algo pasaba
no cenobio posto que á súa fronte non volve aparecer un prior ata o
1285. A finais do século XV frei Gonzalo de Penalba, o último prior,
parece que fuxiu cando o seu mosteiro foi visitado polos priores de San
Benito de Valladolid, frei Juan de San Juan e frei Rodrigo de Valencia.
No ano 1511 deuse por rematado o priorado medieval de San Pedro, sendo
anexionado a Celanova. Nun documento do ano 1445 despréndese que na
comunidade había algún monxe que vivía illadamente dos do resto do
convento, citándose un tal Xoán Lourenzo, hermitano de Santa Catalina.
A igrexa mosteiral, da que só se conservan os muros, construíuse
utilizando como paramento as tres capelas escavadas na rocha; a central,
de planta rectangular é ábsida semicircular, vai cuberta con bóveda de
medio canón que recibe a luz por medio dun lucernario escavado na rocha;
aquí atópase o pé dun altar mozárabe con arquiños de ferradura do s.
IX. Na capela da esquerda consérvase un mapamundi de finais do s. XII
que, malia o seu deterioro, trátase dun exemplar excepcional que amosa a
dispersión dos apóstolos. Tamén se poden ver os sepulcros antropoides
labrados na pedra, destinados a cemiterio dos monxes. A espadana, do
século XV, érguese sobre unha enorme peneda. A casa prioral é do s.
XVIII. Logo da Desamortización convértese en parroquia ata que un
incendio acaído no 1928 case o fai desaparecer.
GOMESENDE
Mosteiro de Santa María do Pao: Citado nun privilexio do ano 1185 no que se confirman os bens e dereitos da sé de Ourense onde aparecen como propios desta as "hereditas Sancte Marie de Palo" e o "monasterium Sancte Marie de Palo".
Da súa comunidade sábese dun presbítero no 1225, un prelado no 1365 e
un abade no 1424, escasos datos que fan supoñer un antigo mosteiro
altomedieval que despois pasou á sé de Ourense, quedando reducido a
parroquia.
LEIRO
Mosteiro de San Clodio:
Parece ser que se construíu sobre un edificio que había no lugar no
século VI, fundado por uns monxes fuxidos de San Clodio de León
perseguidos polos arrianos. Mosteiro dúplice ao principio, pasou á Regra
de San Bieito no s. X, incorporándose ao Císter no ano 1225. O máximo
esplendor acadouno nos séculos XII e XIII. No século XV, a comunidade
foi vítima dos enfrontamentos entre os Sarmiento e os Soutomaior e
Benavente que obrigou a intervir aos Reis Católicos. Abandonado trala Desamortización do ministro Mendizábal, foi habitado novamente a finais
do s. XIX por monxes provenientes de Samos; polo mal estado das
instalacións, foi abandonado definitivamente a finais do s. XX. Na
actualidade foi restaurado e funciona como hotel. Os claustros teñen
planta cadrada de dous corpos. O regular ou da Portería, do s. XVIII,
ten en cada lado sete vans con arcos de medio punto. O claustro
Procesional, do s. XVI, mostra no seu corpo inferior unha grande arcada
con arcos de medio punto; o superior, pechado en época barroca, estaba
aberto con columnas exentas. A igrexa, de finais do s. XII e comezos do
XIII, ten planta basilical con tres naves de catro tramos separadas por
piares cadrados con dúas columnas na fronte que sustentan arcos
forneiros de trazo oxival. A cabeceira está formada por tres ábsidas
semicirculares. Á fachada primitiva, unha das poucas fachadas
cistercienses (xunto coas de Armenteira e Meira) que se conservan en
Galicia, engadíuselle o campanario o que afectou ao gran rosetón que se
alza sobre a porta.
Priorado de Gomariz:
Císter, século IX, consérvase a igrexa. Por privilexio outorgado por
Afonso VII pasou ao mosteiro de Toxosoutos no 1138. Clemente V, por bula
de 1 de novembro de 1267, confirma ao abade e monxes de Toxosoutos as
concesións de diferentes bens e territorios, entre outras a igrexa de
Gomariz, cos seus décimos e viñas. A paz do priorado viuse truncada polo
señor de Ribadavia Pedro Ruiz Sarmiento quen, sendo Adiantado Maior de
Galicia, apoderouse, a título de encomenda, da granxa e facenda no 1369. Estivo unido aos Sarmiento ata o 1492 en que pasa á Catedral de Ourense, pois os sucesores do Adiantado e
de seu fillo, que pola morte destes estaban obrigados a devolver dito
señorío ao mosteiro non o fixeron, sendo preciso que a Real Chancillería
de Valladolid os despoxase del e o mandara restituír aos relixiosos,
segundo sentencia ditada aquel ano, pasando a Sobrado no 1504, que
aínda tería que recuperalo de novo para a orde, xa que en 1595
Felipe II conseguiu desmembrar o señorío do couto de Gomariz del
para vendelo e tivo que pagar por cada vasalo.
A
igrexa é un claro exemplo do románico rural galego. Salientan a fachada
con portada sobre a que se abre unha ventá con arcos apoiados sobre
columnas de capiteis decorados con motivos florais e zoomórficos, e unha
ábsida rectangular enmarcada por dúas pequenas columnas. No exterior hai un xogo de alquerque de IX gravado nun banco de pedra acaroado ao templo. Dise que a igrexa orixinal, moi antiga, puido ser feita polos templarios.
LOBEIRA
Mosteiro de San Martiño de Grou: Agostiños. De orixe altomedieval, está pobremente documentado. Consta como priorado no 1185. No Tombo de Beneficios da catedral de Ourense (1489) dise que é de presentación episcopal, engadíndose que "non ay canonigos nin memoria de os aver; resyde e syrve el dito prior e un capelan con el".
Dende o 1461 o prior era frei Lopo Pérez Salgado, debedor e criado de
Álvaro de Oca, abade de Celanova. Frei Lopo será perseguido polos
observantes de San Benito de Valladolid a partir do 1494 en función de
ter varios bens de Celanova. Morto ao ano seguinte, aparece á fronte de
Grou Gonzalo Álvarez que se intutula abade e non prior. San Martiño
salvarase da Observancia e pasará como casa independente na que só queda
o seu reitor, que no século XVI volve a titularse prior.
LOBIOS
A Casa da Escusalla: Ruínas. Hai quen asegura que pertenceu a un mosteiro bieito cuxa fundación se atribúe a San Rosendo que, segundo algunhas conxecturas, nacería na parroquia de A Cela. Na entrada consérvase unha pequena capela adicada a San Xosé en cuxo lintel da porta hai unha inscrición: "SACELLVM D. JOSEPH". Malia o anterior, segundo a documentación, a Casa da Escusalla foi construída a principios do século XVIII polo abade de Manín, un párroco adiñeirado que se di pertencía á Inquisición. Segundo a lenda, o último habitante foi un garda portugués coñecido como Tío Roque, que aseguraba que polo lugar vagaba a pantasma do Marrequiño, un monxe xorobado que viviu no século VIII que se dedicaba a asasinar aos xornaleiros portugueses que contrataba para despois non ter que pagarlle, e que logo enterraba no patio. As ánimas dos mortos dise que se poden ver cando non hai lúa chea, e cando a hai vense a varios freires paseando e rezando polas estancias da casa.
Mosteiro de Santa María de Asadur:
Feminino. Bieitas. Un documento conservado no Tombo do mosteiro de
Celanova di que nel estivo dona Ximena, filla de Ordoño II e dona
Elvira, no ano 935. Sábese que no ano 1375 xa estaba sen comunidade e os
seus bens anexionados ao cabido da catedral de Ourense. Do cenobio
consérvase un baixorrelevo prerrománico (século VII-IX) cun Cristo crucificado no centro
que pertencía ao antigo edificio prerrománico e que á dereita ten unha
inscrición, moi esvaída, interpretada por Rodríguez Colmenero: "Paixón e
resurrección coa cruz" ou "Xesús, salvador dos homes na cruz", que
representaría a escea do Calvario. Sábese que o mosteiro aínda estaba
habitado a mediados do século XIV. Na igrexa hai algunhas pezas reutilizadas de época romana.
MANZANEDA
Santa María de Cesuris
(Cesuris): Destaca, solitaria, sobre a contorna. Aínda que a meirande
parte da igrexa é barroca, coa cabeceira e a capela oxival do século XVI, conserva na súa fachada a portada
románica. Era parada obrigada dos romeus que ían cara o santuario das Ermidas (O Bolo). Segundo a tradición pertenceu a un mosteiro templario.
No Museo de los Caminos de Astorga custódianse un San Antonio de Padua do século XVII e un Calvario do século XVI. Nas inmediacións está o castro da Madroa.
Priorado de San Vicenzo
(San Vicenzo-San Miguel de Bidueira): Pertenceu ao mosteiro de
Carracedo do Bierzo. A construción distribúese ao redor du patio
central, a modo de claustro, e nun ángulo do edificio está a capela.
Propiedade particular, o seu estado de conservación é máis que
deficiente; a parte dianteira foi utilizada como vivenda. Hai uns anos acometéronse obras para repoñer o tellado. En San Vicenzo hai un famoso
aciñeiral coñecido como Monte do Reloxeiro.
MASIDE
Mosteiro de San Salvador de Armeses:
Documentado a principios do século XII, aínda que pode ser herdeiro
doutro altomedieval. No 1106 xa vivía nel unha pequena comunidade, co
abade Munia á cabeza. No 1222 aparece citado nunha avinza entre o mestre Garcia Sanches, da orde de Alcántara, e o mestre Gonçalo Eanes de Nóvoa, da orde de Calatrava, no que acordan outorgarlo á condesa
Sancha Fernandes coa condición de que o teña sempre poboado "pro noso freyre e pro nosa freyra que í morar",
e morta a dona pasara ao poder de Calatrava. Este texto, perdido, cítanno o Bullarium Ordinis Militiae de Alcantara (1759) e a Crónica de la Orden de Alcántara (1763). Trátase dunha escritura na que se amalgaman a expresión galego-portuguesa e a castelá. No 1250 estaba en poder
dos cabaleiros de Alcántara que disputaba co párroco de San Miguel polos
décimos. A principios do século XIV Armeses é sé dunha encomenda
vencellada á Batundeira. Nas inmediacións da igrexa parroquial hai unha casa coñecida como Mosteiro de Alcántara. Gravado
na pechadura da porta de acceso ao
adro-cemiterio da
igrexa lese: “Me hizo Andres
Go / mez de Listanco sien / do cura parroco don / Camilo pa / stor
Rodriguez de / Maside. / Año de / 1866”. No interior represéntase a talla de San Miguel vencendo ao famoso "Demo de Armeses", nome que reciben as persoas que actúan de xeito malévolo.
MELÓN
Santa María de Melón:
Císter. Ano 1158. Tanto o mosteiro como a igrexa pertencen ao románico
de transición, de finais do XII e principios do XIII. O claustro é do
XVI, e posteriores o resto das dependenzas monacais. No ano 1749 o
abade contratou co mestre de obras Manuel Muñiz a modificación do
claustro e da portería e aumentar a botica. No 1755 sufriu os efectos do
terremoto de Lisboa, e no 1855 caeu un lóstrego sobre a torre da igrexa
ocasionando graves desperfectos xa que a bóveda da nave central
desplomouse sobre o coro. Ao parecer, coa pedra orixinaria da abadía
construíuse a igrexa parroquial da Cañiza. O seu primeiro abade chamábase Xiraldo. O 25 de
agosto de 1231, Pedro Salvadores, propietario galego, vende a súa
herdade de Sequeiros de Borbén ao abade de Melón, Don Gomes, coa
condición de que o acollesen no mosteiro e o tratasen coma un frade.
Este documento tense, polo de agora, como o máis antigo escrito
enteiramente en galego. Convén precisar que a maior parte da
documentación máis antiga en galego desapareceu, entre outras causas
porque os pergameos foron reutilizados. A igrexa presenta planta de cruz latina con tres
naves, deambulatorio sobre columnas exentas e tres ábsidas abertas a ela
e outras dúas análogas. En novembro de 2010, o alcade de
Melón, Alberto Pardellas, foi inhabilitado pola Audiencia Provincial de
Ourense por construír sen autorización un polideportivo a poucos metros
do mosteiro. En fase de restauración, o proxecto iniciouse coa
consolidación dos claustros e a recuperación de catro salas, ademais da
estrutura da bóveda e a canalización das augas. A principios do 2011, a
Deputación de Ourense cedeu ao Concello a propiedade do cenobio.
Mosteiro de Santa María de Barcia
(Quins): Posible orixe altomedieval. Casa independente nos primeiros
anos, no 1160 pasou a depender do mosteiro de Melón. Crese que mentres
se construía o mosteiro de Melón, os cistercienses residiron eiquí.
Segundo Freire Camaniel a existencia de Barcia como mosteiro baséase só
nuns poucos documentos de Melón. Debeu desaparecer antes do século XV.
Posuía, entre outros, o couto de Rubillón e a granxa de Monterrei
(Senín).
MONTEDERRAMO
Mosteiro de Santa María de Montederramo:
Císter. No momento da desamortización, no ano 1836, o mosteiro era dono
do 9% dos bens totais da provincia de Ourense, bens que foron vendidos
en poxa pública. Mais foi un comerciante de Ourense, Manuel Palao, quen
mercou o edificio monástico, a igrexa e demais dependencias por 510.000
reás. O abandono propiciou o seu saqueo, perdéndose retábulos,
documentación, libros, imaxes e mesmo as pedras do propio edificio. As
campás da igrexa tanxen dende aquelas na igrexa de San Domingos de
Ourense. A orixe data do ano 1144, cando Tareixa, filla de Afonso VI,
fai unha doazón ao abade Arnaldo para a creación dun mosteiro na Roboyra
Sacrata. Nun primeiro momento os monxes instálanse en Seoane Vello,
pasando anos máis tarde á capital municipal. Nos primeiros anos dependen
de Cluny e, a partir do 1163, ao Císter. No 1518 únese á Congregación
do Císter de Castela o que conleva a reconstrución do edificio e da
igrexa, obras que se prolongan ata comezos do século XVIII. De comezos
do s. XVI consérvase o Claustro das Procesións, unido ao templo, de
planta cadrada que mestura elementos góticos e renacentistas, con
arcadas de medio punto decoradas con combinacións góticas na parte
inferior, e xambas de dúas faixas no superior. O Claustro da Hospedaría,
posterior, é renacentista. A igrexa é de planta de cruz latina, de tres
naves en cinco tramos, cruceiro de dous tramos e presbiterio
rectangular que respectaría a estrutura da vella igrexa medieval. A
tipoloxía ten unha raíz postherreriana con supresión de ornamento na
fachada, cun único corpo con piastras que soportan un frontón triangular
de inspiración escurialense. No ano 2010 a familia "propietaria" dunha
das ás dun claustro púxoo á venda.
Mosteiro de Seoane Vello (A Caseta-Seoane Vello):
A orixe do mosteiro non está clara, a documentación que se cita considérase falsa. Malia isto, crese que a orixe do mosteiro de Montederramo estaría en Seoane Vello cuxa comunidade ocuparía un pequeno edificio ao menos ata o 1155. Do século XII
consérvase algún documento que cita o cenobio de Montederramo como de
Seoane de San Xoán Vello ou San Xoán Vello, pertencente á orde dos
bieitos (Cluniacenses). Segundo consta nun documento asinado en Allariz no ano 1124, o
mosteiro de Montederramo foi fundado por Tareixa, filla de Afonso VI,
rexistrándose por primeira vez a denominación Rivoira Sacrata, cando lle concede ao abade Arnaldo e os seus monxes permiso para erixir un cenobio (podendo marchar a outro lugar) que cando o seu paso á orde do Císter mudou a advocación por Santa María. Hai autores que cren que aínda que o vocábulo Rovoyra se identificou con ribeira, pode que estivera relacionado con robur, carballo (sagrado); no escudo da reitoral de Seoane Vello vese un carballo e os símbolos do císter. Nas inmediacións da igrexa parroquial hai unha tampa sepulcral que adoita pasar desapercibida. No interior da igrexa hai un miliario adicado a Caracalla que actúa como soporte do altar maior.
MONTERREI
Convento franciscán:
Do cenobio, fundado no ano 1302, consérvanse algúns restos xunto o
antigo cemiterio do castelo, aínda utilizado polos veciños da Pousa. No
século XVI foi trasladado a Verín. Na actualidade pertence aos
Mercedarios. Interesante o plano do convento e do colexio dos xesuítas colgado pola arqueóloga Nieves Amado Rolán no facebook. Nieves e o profesor Ramón García Gómez aclaran que polo aspecto o plano pode ser do terceiro cuarto ou finais do século XVIII. Aparece no Boletín Auriense 48-49 de 2018, nun artigo de Justo Carnicero Méndez Aguirre, Las "ricas" bibliotecas de la Casa de Monterrei, se ben non cita a fonte.
Convento dos xesuítas: Atopábase onde se ergue o parador de turismo. Desapareceu na súa totalidade cando a Desamortización.
Mosteiro de Santa María de Mixós:
Nas súas orixes aparece como un cenobio feminino doado ao mosteiro de
Celanova e confirmado por bula do papa Honorio. No século XVI pasou aos
condes de Monterrei. A igrexa, de orixe románica, conserva elementos
visigóticos e mozárabes. Foi reconstruída nos séculos XV e XVI. Presenta
planta basilical, orixinariamente de tres naves, e con tres ábsidas,
rectangulares as laterais e cadrada a central. Nos muros laterais
obsérvanse modillóns que deberon soportar a tribuna. No interior
conserva pinturas murais dos séculos XIII e XIV e dúas aras de época
romana. En casas das inmediacións vense varias pezas reutilizadas.
Mosteiro de Vilaza:
O documento fundacional, recollido no Tombo de Celanova, data do ano
985, grazas a doazón de dona Goda e a súa filla Eloina Goda. Posto baixo
a advocación da Santa Cruz, estaba habitado por monxes e monxas
(dúplice). A mediados do século XI desaparecen as referencias a Santa
Cruz, pasando a denominarse de San Salvador e xa ocupado polos Coengos
Regulares de San Agostiño, dependentes do bispado de Ourense. Duro Peña (1975) tamén cita a Vilaza, "...
en la tierra de Lobarzana... radicaban los monasteiros de Villaza, Ozio
y Servoy... dicha tierra la poseyó eclesiásticamente Orense longo
tempore según los mismos testigos de Braga, durante los pontificados de
Diego Martín y hasta los primeros años del obispo Pedro Seguín...". A portada
sur presenta unha fornela onde se localiza un reloxo de sol. A igrexa
actual é barroca, do primitivo edificio só se conserva a gran torre
coñecida como Torre dos Templarios. Un miliario de época romana foi
trasladado xunto a igrexa. Que o mosteiro estivera baixo a tutela dos
Agostiños pode ser a peza que certifique que a estadía dos Pobres
Soldados de Cristo en Vilaza é algo máis ca unha lenda xa que esta orde
atopámola tamén, entre outros enclaves templarios en Galiza, na Illa da
Coelleira (O Vicedo) e Breamo (Pontedeume). Teorías, no tocante a Vilaza
que xa veñen dos séculos XVI e XVII e ás que non son alleos o
Licenciado Plasencia, que asegura que era do Temple, nin o prior de
Xunqueira de Espadanedo que fala dun mosteiro de Coengos Regulares ou
templarios. O día 3 de maio de 2013, Bruno Rúa e José Ramón Feijoo deron
a coñecer varios símbolos (cruces) esparexidos por casas de Vilaza que
cren poden pertencer ao Temple e que a capela da Santa Cruz puído
pertecenter a esta orde monástico-militar.
MUÍÑOS
Mosteiro-Santuario dos Milagres (Couso de Salas): No alto do monte, a súa construción data de principios do século XIX, pero a obra foi interrompida cando a morte do patrocinador.
NOGUEIRA DE RAMUÍN
Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil:
Bieitos. A orixe remóntase ao século VI. Malia que o primeiro documento
data do ano 921, a fundación atribúese a Martiño de Dumio. Sen dúbida
foi o cenobio principal na coñecida como Ribeira Sacra. O problema que
supuxo para Santo Estevo que o seu abade lle enviara un salmón ao seu
irmán, que estaba na corte de Allariz, nun momento indeterminado do
reinado de Afonso VII (1126-1158) demostra, en palabras de Pérez
Rodríguez (2008) que os mosteiros non só tiveron problemas coa nobreza
laica durante a Baixa Idade Media (a historia recóllea Emilio Duro). No
ano 1295 abade e convento preséntanse a Sancho IV. As dependencias
actuais foron construídas entre os séculos XII e XVIII. Incorporouse á
orde de Valladolid no ano 1499 o que lle supuxo un enorme relanzamento,
uníndoselles os patrimonios de Santa Cristina e Pombeiro que producirán
unhas rendas que permitirán sufragar as grandes obras feitas nos
edificios. A congregación destinará ao mosteiro o colexio de Artes a
partir do 1528, o que explica a amplitude do claustro maior destinado a
albergar aos estudantes. Está organizado ao redor de tres claustros. O
Claustro dos Bispos recibe o nome en honra dos nove bispos santos que,
segundo a lenda, se retiraron a San Estevo para ser soterrados. O
Claustro Grande ou da Portería ten tres corpos. O Claustro Pequeno ten
dous corpos, ningún abovedado, formado por arcos de medio punto sobre
columnas dóricas. A Escaleira de Honra comunica os tres pisos do
Claustro da Portería, onde se pode admirar unha de crucería con nove
rosetóns decorados, presentando o central as nove mitras dos bispos da
lenda. A igrexa é do século XII, románica de transición, con planta
basilical de tres naves de catro tramos que remata nunha cabeceira de
tres ábsidas que presentan a particularidade de que as laterais son máis
altas ca central. As trazas románicas mestúranse con elementos
posteriores debido á remodelación do século XVIII. No interior destaca
un retábulo pétreo románico de forma pentagonal con Cristo flanqueado
polos doce Apóstolos. Na actualidade funciona como parador de turismo. No ano 2020 publicouse El bosque de los cuatro vientos, unha novela escrita por María Oruña que desenvolve case toda a trama no mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil; narra a lenda de nove aneis pertencentes a nove bispos de distintas partes de Europa que foron enterrados na igrexa, que posuían certos poderes curativos. Nese mesmo ano, durante os traballos de restauración no templo, a restauradora Vania López atopou catro dos aneis gardados nunha bolsiña que ademais agochaba un pergameo e un papel datado no ano 1785 onde di, en efecto, que eran os aneis dos bispos: "Estos quatro anillos son de los que quedaron de los nueve Santos
Obispos. Son los que han quedado. (sic) Los demás desaparecieron. Por
ellos se pasa agua para los enfermos y sanan mu[chos]." A busca dos restantes é complicada xa que os bispos foron enterrados entre os séculos IX e X e os aneis entraban e saían da igrexa para levar, por exemplo, onde as mulleres que estaban de parto.
Mosteiro de San Miguel do Canal (Monteverde-Moura): Restos dun cenobio. Consérvase unha capela. No Museo Arqueolóxico de Ourense consérvase un fragmento de ménsula do século X.
Mosteiro de San Vicente (San Vicente-A Carballeira): Na aldea consérvase a tradición da existencia dun mosteiro, "do tempo
de San Pedro de Rocas", refundado no ano 952, que estaría
rexido polo abade Frankila (este monxe, procedente de Santo Estevo de
Ribas de Sil, foi levado por San Rosendo para rexer o mosteiro de
Celanova). Reutilizados polo pobo vense anacos de columnas, algún
capitel, sillares, muíños de man, pode que unha sepultura
antropoide, e tamén anacos claros de tégula. Contáronme que nos
arredores apareceron tumbas de laxes con ósos humanos e onde se
atopa a fonte sería o claustro do cenobio. A tradición tamén
asegura que as pedras do mosteiro utilizáronse para construír o
cercano pazo da Seara. Pois ben, nun muro que hai xunto a fonte,
debaixo dun capitel reutilizado, decorado con follas de acanto, hai
unha pedra cunha inscrición moi desgastada e incompleta na parte
superior (a pedra está colocada do revés). Coa axuda de José
Antonio Gavilanes (fotogrametrías) cremos que di: “AN- -- / 1-50
(1650 ou 1850) / S VIC /----”.
OÍMBRA
Ermida
de Santa Ana (parroquia de Oímbra, case no límite coa da Granxa): Crese que tivo a orixe nun eremitorio
altomedieval. A
mediados do mes de agosto do ano 2022, un incencio no concello de
Oímbra, que asolou un montón de hectáreas, tamén afectou á
capela de Santa Ana, de afamada romaría no mes de xullo. Unha
chispa, a rama dun piñero ou por outra causa prendeu no tellado,
esténdedose ao interior. Nas paredes vense varios símbolos gravados, coma a
representación do sol e da lúa ou a dun castelo (tres torres). O
sitio e as vistas son impresionantes.
OURENSE
Igrexa-Abadía da Trinidade
(Ourense): A primeira mención da Trinidade en Ourense aparece no 1191,
cando recibe un legado testamentario. A institución foi fundada pola
catedral que a dotou e de quen dependían os cregos que atendían tanto o
hospital como a igrexa. A finais do século XII, preto do camiño que se
dirixía a Portugal e Castela, ergueuse un hospital de peregrinos que ían
a Santiago de Compostela e que perdurou ata o século XVIII. Ao seu
carón levantouse unha igrexa que se puxo baixo a advocación de Santísima
Trinidade e que co tempo se converteu en Real Abadía da Santísima
Trinidade. Tanto o hospital como a abadía sufriron diversas reformas, as
máis importantes durante os séculos XV e XVI. Presenta fachada con
tripla arquivolta de arcos apuntados. O templo está coroado por unha
crestería gótico-flamíxena. Os contrafortes e torreóns cilíndricos
reforzan o seu aspecto de fortaleza. O interior é de planta basilical e a
capela maior cúbrese con bóveda de cruzaría con chave moi decorada. A
porta da entrada ao adro pertencía ao primitivo hospital de San Roque.
Priorado de Santa Comba de Naves (Canedo):
Bieitos. A súa fundación remóntase ao ano 888, ao parecer por Afonso III. Dise que pasou ao
cenobio de Celanova no 1155, cando estaba rexido polo prior Martiño.
Entre o 1182 e o 1194 figura á súa fronte un tal don Paio que se
intitula abade, o que semella indicar, contradicindo o anterior, que ata
o daquelas era independente. O primeiro documento que certifica a súa
pertenza a Celanova data ao 1199, onde o abade de San Salvador prohibe
aos priores de Rocas e Naves a asistir a un sínodo. Escribe Pérez
Rodríguez (2008) que a súa situación na beira dereita do Miño fixo que o
protagonista dos enfrontamentos co priorado non fora a veciña cidade de
Ourense senón o castelo de Alba de Búbal, fortaleza que non debía estar
lonxe do cenobio; os ataques dos cabaleiros de Alba ao patrimonio e aos
monxes de Naves serán recorrentes durante a Baixa Idade Media. Segundo un documento do ano 1388, no mosteiro de Santa Comba "non avia frades con que fazese aforamentos". A
reforma observante de Valladolid chegará a Santa Comba na figura de frei
Juan de San Juan no 1494, se ben a visita non tivo consecuencias,
seguindo gobernando frei Ares de Santa María, quen no 1499 pecharase no
mosteiro impedindo entrar a frei Rodrigo de Valencia e a frei Diego de
la Plaza, presidente de Celanova. Mentres os bieitos de Valladolid
marchaban a Ourense a buscar xente armada para reducilo, frei Ares saíu
correndo para evitar a cadea. O priorado foi extinguido polo papa León X
no 1513, anexionándoo a Celanova. Polos apeos dos anos 1562 e 1564,
sábese que tiña xurisdición civil e criminal sobre os coutos de Palmés,
Untes e Vilar das Tres. Reconstruído no 1760, funcionou ata a Desamortización do ano 1836. O seu estado actual é, lamentablemente, de
total ruína. Sobre a porta vese o escudo do mosteiro con cruz trebolada, compás e un círculo que suxiren a súa dependenza de Celanova.
Convento de San Francisco (Ourense): Franciscáns. Aínda que os discípulos de San Francisco de Asís chegaron a Ourense no ano 1237, non quedan vestixios do convento onde se instalaran, destruído nos anos 1294 e 1295 polo bispo Pedro Yáñez. O novo convento edificouse na parte alta da Cidade das Burgas, no hoxe en día coñecido como barrio de San Francisco, xunto o cemiterio municipal. Consérvase o magnífico claustro rectangular, gótico de tradición románica, con 63 arcos apuntados e 76 columnas dobres, agás as catro primeiras e as catro últimas de fuste cuadrifolio; os capiteis presentan decoracións vexetais, antropomorfas e zoomorfas. Dende o 1843 ao 1984 foi cuartel de infantería. No ano 1929, a igrexa foi trasladada pedra a pedra ao Parque de San Lázaro, no centro da cidade. A fachada, con dous contrafortes e portada de tripla arquivolta, con capiteis fitomorfos, outro con harpías, e outro máis coa orixinal figura dun gaiteiro.
Convento de San Domingos (Ourense): Século XVII, dominicanos. Do antigo convento consérvase a igrexa renacentista situada na parte vella da cidade. A planta é de cruz latina dunha nave cuberta con bóveda de crucería. A fachada, coroada por unha espadana, é sinxela, con portada enmarcada por piastras acanaladas con frontón con escudo real. O altar maior e o cruceiro son de factura barroca.
Convento das Siervas de María: José Antonio Gavilanes envioume unha acta do IX congreso nacional e VI internacional de historia de la enfermería, onde fala desta congregación fundada en Madrid no ano 1851. A súa primeira superiora Xeral foi Soledad Torres Acosta. Chegaron a Ourense o 15 de maio de 1897, pero a comunidade non se estableceu ata o 30 de setembro do mesmo ano, dedicándose á atención dos enfermos máis necesitados. O primeiro sitio onde se estableceron as monxas foi na rúa Cisneros, e nos anos seguintes mudaron varias veces de domicilio (rúa Luis Espada e San Domingos). O 20 de setembro de 1910, adquiriron en propiedade unha casa con horta no Xardín do Posío, onde permaneceron ata o último terzo do século XX en que se trasladron, obrigadas pola demolición do convento para facer unha urbanización, ao moderno edificio actual.
Convento de San Francisco (Ourense): Franciscáns. Aínda que os discípulos de San Francisco de Asís chegaron a Ourense no ano 1237, non quedan vestixios do convento onde se instalaran, destruído nos anos 1294 e 1295 polo bispo Pedro Yáñez. O novo convento edificouse na parte alta da Cidade das Burgas, no hoxe en día coñecido como barrio de San Francisco, xunto o cemiterio municipal. Consérvase o magnífico claustro rectangular, gótico de tradición románica, con 63 arcos apuntados e 76 columnas dobres, agás as catro primeiras e as catro últimas de fuste cuadrifolio; os capiteis presentan decoracións vexetais, antropomorfas e zoomorfas. Dende o 1843 ao 1984 foi cuartel de infantería. No ano 1929, a igrexa foi trasladada pedra a pedra ao Parque de San Lázaro, no centro da cidade. A fachada, con dous contrafortes e portada de tripla arquivolta, con capiteis fitomorfos, outro con harpías, e outro máis coa orixinal figura dun gaiteiro.
Convento de San Domingos (Ourense): Século XVII, dominicanos. Do antigo convento consérvase a igrexa renacentista situada na parte vella da cidade. A planta é de cruz latina dunha nave cuberta con bóveda de crucería. A fachada, coroada por unha espadana, é sinxela, con portada enmarcada por piastras acanaladas con frontón con escudo real. O altar maior e o cruceiro son de factura barroca.
Convento das Siervas de María: José Antonio Gavilanes envioume unha acta do IX congreso nacional e VI internacional de historia de la enfermería, onde fala desta congregación fundada en Madrid no ano 1851. A súa primeira superiora Xeral foi Soledad Torres Acosta. Chegaron a Ourense o 15 de maio de 1897, pero a comunidade non se estableceu ata o 30 de setembro do mesmo ano, dedicándose á atención dos enfermos máis necesitados. O primeiro sitio onde se estableceron as monxas foi na rúa Cisneros, e nos anos seguintes mudaron varias veces de domicilio (rúa Luis Espada e San Domingos). O 20 de setembro de 1910, adquiriron en propiedade unha casa con horta no Xardín do Posío, onde permaneceron ata o último terzo do século XX en que se trasladron, obrigadas pola demolición do convento para facer unha urbanización, ao moderno edificio actual.
Mosteiro de San Xoán de Requeixo (Requeixo-Canedo).
San Mamede (Palmés): Bieitos, consérvase a igrexa.
Priorado de Arrabaldo ou da Granxa (Santa Cruz de Arrabaldo): Foi un dos máis importantes que posuía o mosteiro de Oseira. En Os camiños da vida (1928), Otero Pedrayo introduce a un monxe exclaustrado como personaxe, que se dirixe ao priorado da Granxa.
Serra Mosteirón (Velle): Dise que tomou o nome dun antigo mosteiro. (Información de Elena Blanco Torres).
San Mamede (Palmés): Bieitos, consérvase a igrexa.
Priorado de Arrabaldo ou da Granxa (Santa Cruz de Arrabaldo): Foi un dos máis importantes que posuía o mosteiro de Oseira. En Os camiños da vida (1928), Otero Pedrayo introduce a un monxe exclaustrado como personaxe, que se dirixe ao priorado da Granxa.
Serra Mosteirón (Velle): Dise que tomou o nome dun antigo mosteiro. (Información de Elena Blanco Torres).
PADERNE DE ALLARIZ
Mosteiro de San Lourenzo de Siabal:
Posible orixe altomedieval. Foi cedido á Igrexa de Ourense pola
monarquía dúas veces, a primeira no 1160 por Fernando II, e a segunda no 1204 por Afonso IX. No século XII perdeu o título de mosteiro para
converterse en igrexa parroquial.
José
Antonio Gavilanes informoume da existencia, en tempos, dun posible
convento non moi lonxe da igrexa de San Vicenzo de Coucieiro, na zona
coñecida como A Costa. Un avó de Gavilanes tiña unha viña que é onde
estaba un antigo cemiterio; a viña era coñecida co evocador nome de Os
Conventos. Unha fonte que está ao seu carón recibe o nome de Fonte do
Convento. Teñen aparecido varias pezas.
PARADA DO SIL
Mosteiro de Santa Cristina:
Situado preto do río Sil, no souto de Merilán. A orixe quizais estea nun primitivo eremitorio. A primeira noticia sobre o mosteiro é do
século IX. Sábese qeu no século XII estaba en mans dos beneditinos. Da primitiva construción, disposta en torno ao pequeno
claustro do século XVI con arcos de medio punto sobre columnas de fustes
prismáticos con esquinas achafranadas, só se conservan dúas ás. No
claustro poden verse os armarium claustri, uns pequenos espazos
onde se deixaban os libros utilizados polos monxes durante os seus paseos. Os
problemas para Santa Cristina a partires do século XII virán do Burgo
de Caldelas, fundado por Fernando II. No 1380 os monxes de Santa
Cristina denuncian ao conde de Trastamara, Pedro Enriquez, e a
principios do século XV enfrontarase a Pedro Díaz de Cadórniga quen
estaba a construír unha fortaleza en terras propiedade do cenobio no
veciño couto de Chandrexa. No 1457 o mosteiro foi visitado por un coengo
ourensán quen o atopou nun estado lamentable: "Os sobrados da torre desollados, chove enos coros e dentro eno corpo eno dito mosteiro, e chove en un altar...".
Pouco despois desta visita cae en mans dos comendatarios o que non
axudaría na súa restauración. Por bula do 1517, Santa Cristina deixa de
existir como casa independente ao ser unida canonicamente a Santo
Estevo de Ribas de Sil, feito que foi determinante na súa decadencia, se ben no século XVI reconstrúese o claustro. A igrexa é románica do s. XII con elementos
góticos do s. XIII. Ten planta de cruz latina, con nave de cinco tramos e
cruceiro. A cabeceira ten unha ábsida, prolongación da nave, e dúas
absidiolas. A torre tamén é románica, ameada con troneiras de arcos
semicirculares. No interior consérvanse pinturas, un altar maior con
motivos xeométricos, retábulos barrocos e unha imaxe de San Pedro, obra
de Xoán de Anges, de finais do XVI. Despois da Desamortización, foi utilizado como
vivenda, cuadras e palleiro. Ademais da igrexa, do conxunto monacal só se conserva parte do claustro e algunhas dependenzas que foron restauradas.
Mosteiro de San Adrao:
Documentos do mosteiro de Celanova e da catedral de Lugo falan da súa
importancia no século X, sinalando que xa existía no século VIII. No
século XII pasou a dependender do mosteiro de Montederramo. Consérvanse
algúns posibles restos no cruce que leva a Barxacoba reconvertidos en
adega, e quizais no muro dunha casa restaurada que hai en fronte.
Mosteiro de San Cibrao:
Documentado no século X. O mosteiro de Montederramo logrou no 1171 que
llo cedera Fernando II quen suprimiu a vida monacal segundo consta na
protesta que o bispo de Ourense fixo a Roma.
Mosteiro de San Lourenzo de Ribas de Sil ou de Caldelas (San Lourenzo de Barxacova):
Posible orixe altomedieval. Por documento outorgado polo futuro rei de
León e Galicia Fernando II no 1155, concede ao capelán Rodrigo Menéndez,
fillo de don Mendo, o mosteiro de San Lourenzo de Caldelas, preto do
río Sil, que se ubicaría, posiblemente, xunto a igrexa de San Lourenzo
de Barxacova que no século XII pasou a ser bailía da encomenda de
Quiroga, dependente da orde de San Xoán de Xerusalén. Nun dos muros da
igrexa pode verse unha cruz de Malta e un escudo, e nun muro do
cemiterio unha pedra cunha inscrición do revés que foron reaproveitadas
dunha construción anterior e que ben puideron pertencer ao desaparecido
cenobio. En San Lourezo atópanse as ruínas da capela e a necrópole
medieval de san Vítor formada por tumbas escavadas na rocha
dependentes, primeiro de San Lourenzo e despois de Santa Cristina de
Ribas do Sil.
Mosteiro de San Miguel:
En Sacardebois. Cenobio feminino. Existen referencias documentais do
século XII, cando Fernando II o doa ao mosteiro de Montederramo. A
imposición das normas gregorianas en Galicia supuxo o fin da vida monacal
en San Miguel.
O PEREIRO DE AGUIAR
Granxa-Priorado de Tibiás: Fundado pola abade de Sobrado Exidio a mediados do século XII. Granxa de produción vitivinícola na zona do río Miño.
A PEROXA
Celaguantes: Dise que o topónimo vén do sintagma latino cella qua orantes (cela na que están os orantes), se ben hai estudosos que rexeitan a explicación.
Granxa-priorado da Recheda
(Carracedo): Estableceuse en virtude da doazón que Fernando II, estando
en Vilafranca do Bierzo no mes de outubro do ano 1179 coa súa muller
Urraca e o seu fillo Afonso, fixo ao abade Exidio de Sobrado. Comprendía
as herdades de Os Chaos e o monte de Pasarín cos seus prados, pastos,
montes, fontes, árbores, terras cultas e incultas, etc.
A POBRA DE TRIVES
Mosteiro de San Breixo de Trives:
Citado nun documento do ano 1085 en que Afonso VI o devolve á catedral
de Astorga. Case nada se sabe sobre este pequeno cenobio, agás o nome
dalgúns dos seus abades no século XIV. Sábese que a catedral aínda era dona do seu
couto no século XVIII.
Mosteiro de San Salvador (Sobrado):
Monxas bieitas. Orixe altomedieval. Entre o 1087 e o 1175, trala
reforma gregoriana, estivo sen comunidade. Un documento do mosteiro de Sobrado dos
Monxes do ano 1287, escrito enteiramente en galego e datado o 22 de
xaneiro de 1255, recolle o foro feito por dona Marina Rodríguez, abadesa
de Trives, a Xoán Cerdeira do casal que o mosteiro tiña xunto a igrexa
de Cerdeira. A maior parte das súas abadesas pertencían a familias
nobres da bisbarra. No mosteiro de San Paio de Antealtares consérvase un pergameo do 15 de decembro de 1287 dun compromiso de vasalaxe entre os homes e mulleres de Sobrado e a abadesa do cenobio; esta e as súas sucesoras comprométense a amparalos e defendelos. A finais da Idade Media estaba rexido por Inés de
Quiroga que se encastelou no cenobio no ano 1499 para impedir a visita
dos observantes de Valladolid a cuxa cabeza ía frei Rodrigo de Valencia
que "non pudo acabar de hazer la visitacion por no le ser tuta ni
segura la estada de su persona en el dicho monesterio ni de los que con
el venían... a causa de mucha gente armada que en dicho monesterio estaba en favor de la abadesa".
Foi absorvido por San Paio de Antealtares no 1500, mais a diferenza
dooutras abadesas, dona Inés conseguiu manterse á súa fronte e nunca
entrou en Antealtares. No 1526, dona Inés "en descargo de su conciencia e porque, so color de su derecho, el dicho monasterio de San Pelayo no rescibiese mas vaxaciones"
asina a avinza na que renuncia ao seu abadengo e admite a anexión a
Antealtares a cambio de quedar en Sobrado cunha renda vitalicia ata a
súa morte. Consérvase unha torre militar exenta adaptada como campanario
que se ergue xunto a igrexa. Na súa orixe tivo un claustro ao que se
abrían o resto das dependencias monacais. O templo é do século XII, típico
exemplar do románico galego, é de planta rectangular dunha nave que
remata nunha ábsida semicircular cuberta con bóveda de canón. A fachada
románica presenta unha portada enmarcada por un tornachoivas apoiado en
columnas e un modillón, salientando o conxunto de capiteis e o lintel
sostido por dúas figuras humanas.
PORQUEIRA
Mosteiro da Forxa ou de Santa María de Porqueira:
A súa orixe remóntase ao século X, fundado como mosteiro familiar,
pasando logo a mans dos Coengos Regulares de San Agostiño. Nos anos
1157, 1181 e 1228 os distintos reis doan parte das posesións ao bispado
de Ourense que instala nel aos xerónimos que é cando acada o máximo
esplendor. Os seus abades tiñan a facultade de nomear xuíz ordinario e
escribán. A primeira proba de que se trata dun cenobio é do ano 1199
cando Urraca Fernández de Traba lle fai unha doazón no seu testamento.
Non se confirma a súa pertenza aos agostiños ata o 1221 cando o seu
prior asina as actas do sínodo en Ourense.
Mosteiro de Sabucedo:
Posto baixo a advocación de San Salvador e Santa María. Hai
investigadores que manteñen que se trataba de dous cenobios, o do
Salvador e o de Santa María, fundados por dona Goda. Morta esta e a súa
filla dona Lupa, pasa á súa parente dona Trudilla que vivía en terras de
Monterrei. Cando se presenta en Sabucedo para facerse cargo da
herencia, os monxes aconséllanlle que anexione Santa María ao Salvador.
Dona Trudilla accede e traslada ás monxas ao mosteiro de Santa Cruz de
Vilaza que no ano 985 era dúplice. No ano 1043 decide doalo ao mosteiro
de Celanova.
PUNXÍN
En
Punxín atopouse un sartego altomedieval que se atribúe a San Wintila,
eremita que buscou nestas terras o seu retiro, e cuxa ermida, construída
xunto a igrexa actual, pertencía a un pequeno mosteiro que
posteriormente pasou a depender do mosteiro de Santa María da Barra, no
concello de Coles. O sarcófago está formado por unha caixa trapezoidal e
cuberta en estola, decorado na súa fronte con arcos de tamaño
irregular; o arco repítese ao pé da caixa. Na tampa aparece o motivo de
estola, con triple baquetón central. Nunha das partes presenta unha
inscrición: "Hic requiesc(i)t famulus De(i)". Na parte oposta hai
outra inscrición posterior que a excepción do salmo final consideráse
como a transcrición libre dun texto primitivo: "Hic requiiescit servus Dei Wintila qui obit die XXIII decembrs anno 890. Pretiosa in conspectu Domini mors Sanctorum". No lugar está a Fonte de San Wintila, do ano 1872.
RAMIRÁS
Mosteiro de San Pedro (O Mosteiro):
Monxas bieitas, séculos X-XII. Fundado por Onmega, abadesa do cenobio
de Santa Comba de Bande, quizais como mosteiro familiar que
posteriormente se uniría á Regra de San Bieito, absorvido no século XV
por San Paio de Antealtares. Sen entrar se nalgún momento tivo carácter
mixto, a documentación recolle nomes de homes que desenvolvían funcións
administrativas, de vixiancia, mordomos e sacerdotais. Na Idade Media é
un dos mosteiros femininos máis ricos. O primeiro documento onde se cita
data do ano 1021. Constitúese en comunidade bieita no 1185. As súas
abadesas non levarán este título senón que se designarán como ona.
No século XIII o mosteiro contaba con preto de trinta monxas,
reducíndose considerablemente nos séculos seguintes: no 1368 só albergaba
a dúas monxas, estaba rexido por María de Limia. As monxas de San Pedro
enfrontáronse en varias ocasións cos señores de Milmanda (Celanova) e
tamén co mosteiro de Celanova; a principios do século XV a ona de
Ramirás quéixase das exaccións que ao seu mosteiro fan tanto o duque de
Arxona, señor de Milmanda, como o mosteiro de Celanova. No ano 1511
pasa a depender de San Paio de Antealtares, converténdose en priorado.
Coa desamortización prodúcese o abondono e a ruína definitiva do xa
decadente cenobio. Será entrado o século XX cando Xosefa da Resurreción
Vázquez, monxa do convento de Santa Clara de Allariz, ten unha visión na
que se lle encomenda a fundación dun convento. Enterado do prodixio, o
bispo de Ourense, Francisco Blanco Nájera, arbitra os medios necesarios
para que a finais de 1949 a visionaria Xosefa, a cabeza dun grupo de
monxas, se instalen de novo en Ramirás. No ano 1959 as clarisas de
Ramirás abren un colexio para nenas ata que deciden acollerse á
clausura. No ano 1993 abandonan definitivamente as instalacións que na
actualidade acollen unha residencia de anciáns. A igrexa, románica de
transición ao gótico, ten planta basilical de tres naves separadas por
piares compostos, con arcos forneiros e feixóns, e tres ábsidas
semicirculares, a central máis alta ca as laterais. A fachada consta de
tres portadas con arquivoltas, circular a central e apuntadas as outras
dúas. A portada principal é románica, flanqueada por dous contrafortes
cunha porta de acceso de catro arcos superpostos onde o superior destaca
pola súa decoración axedrezada. No frontón ábrese un rosetón.
Priorado de San Salvador de Paizás:
Coñecido tamén como de Eiras, nome que se lle daba tamén ao río Tuño.
Dependía de Celanova. Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a
Galicia do ano 1745. A igrexa parroquial de Paizás, de orixe románica, aparece citada nun documento do ano 889; nos muros vense varias pedras reutilizadas, unha ao menos con inscrición. Na fachada principal conserva un escudo cos símbolos do mosteiro de Celanova. No interior hai unha pequena imaxe de San Rosendo.
Mosteiro de San Xes de Francelos: No ano 1156 a igrexa documéntase como Santa María de Francelis que, durante o século XV dedicouse a Santa María Madalena, e logo cambiouse a San Xes. No século XVII os terreos próximos á igrexa denominábanse como "do Mosteiro". Rexentado por monxes bieitos que
logo pasaron a depender do mosteiro de Celanova. Pouco queda da
primitiva igrexa prerrománica, só unha ventá con celosía, uns relevos na
porta principal coas representacións de Cristo entrando en Xerusalén e dos Reis, e algunhas pezas distribuídas polo resto do edificio. Nas prospeccións arqueolóxicas non se atoparon restos dos primitivos cimentos polo que se cre que o mosteiro estivo nas inmediacións. Cando a restauración da igrexa, o Grupo Marcelo Macías, ao realizar unhas catas, localizaron nove tumbas de granito que corresponderían a nove nenos de curta idade; apareceron algúns restos óseos. A única peza situada in situ que pertenceu ao edificio orixinal é unha xanela seteira ornamentada cun sogueado. No Museo Arqueolóxico de Ourense consérvase unha soleira de porta decorada do século IX-XI.
Convento de San Francisco (Ribadavia): A presenza franciscán en Ribadavia remóntase ao século XIV. Do convento do século XVII apenas quedan restos; cando a construción do ferrocarril desapareceu a metade do edificio. Coa desamortización pasou ao Concello e logo a mans particulares, fraccionándose en cinco partes, incluídos os claustros. No 1915, os franciscáns mercaron unha parte e alí se estableceron. No interior da igrexa, rematada no ano 1610 e con bóveda de crucería, salienta o altar churrigueresco e o retábulo maior, barroco do s. XVIII.
Convento de San Domingos (Ribadavia): Dominicanos. Fundado no ano 1254 por frei Pedro González. Segundo a lenda edificouse sobre o solar que ocupaba o pazo do rei García de Galicia. Dende o 1299 ata o século XIX (cun paréntese de case douscentos anos) impartíronse as cátedras de Teoloxía Moral e Gramática. Do antigo edificio consérvase unha portada arquivoltada sostida por capiteis adornados con motivos vexetais e dúas ás con arquería neoclásica. Sufriu un incendio no 1433, acometéndose a súa construción que rematou no s. XVII. A principios do s. XIX agregouse ao convento de San Domingos de Tui. Coa desamortización pasou a mans particulares. Dende o ano 1849 pertence ao Concello. Na actualidade funciona como residencia de anciáns. A igrexa, dos séculos XIV e XV, ten planta basilical, con tres naves que rematan en tres ábsidas poligonais. A fachada divídese en tres tramos con portada oxival con arquivoltas sostidas sobre dous pares de columnas de capiteis decorados con motivos vexetais. No tímpano destaca a figura de San Domingos cun libro aberto nas mans.
Convento de San Francisco (Ribadavia): A presenza franciscán en Ribadavia remóntase ao século XIV. Do convento do século XVII apenas quedan restos; cando a construción do ferrocarril desapareceu a metade do edificio. Coa desamortización pasou ao Concello e logo a mans particulares, fraccionándose en cinco partes, incluídos os claustros. No 1915, os franciscáns mercaron unha parte e alí se estableceron. No interior da igrexa, rematada no ano 1610 e con bóveda de crucería, salienta o altar churrigueresco e o retábulo maior, barroco do s. XVIII.
Convento de San Domingos (Ribadavia): Dominicanos. Fundado no ano 1254 por frei Pedro González. Segundo a lenda edificouse sobre o solar que ocupaba o pazo do rei García de Galicia. Dende o 1299 ata o século XIX (cun paréntese de case douscentos anos) impartíronse as cátedras de Teoloxía Moral e Gramática. Do antigo edificio consérvase unha portada arquivoltada sostida por capiteis adornados con motivos vexetais e dúas ás con arquería neoclásica. Sufriu un incendio no 1433, acometéndose a súa construción que rematou no s. XVII. A principios do s. XIX agregouse ao convento de San Domingos de Tui. Coa desamortización pasou a mans particulares. Dende o ano 1849 pertence ao Concello. Na actualidade funciona como residencia de anciáns. A igrexa, dos séculos XIV e XV, ten planta basilical, con tres naves que rematan en tres ábsidas poligonais. A fachada divídese en tres tramos con portada oxival con arquivoltas sostidas sobre dous pares de columnas de capiteis decorados con motivos vexetais. No tímpano destaca a figura de San Domingos cun libro aberto nas mans.
Capela de Santa Marta (Coto do Castro-Ventosela): Segundo García Valdeiras (2014), no lado SE da antiga granxa monacal de Santa Marta hai unha pequena estrutua medieval reformada e integrada nunha construción moderna. Este sería o eremitorio, segundo a tradición, de San Pedro Telmo que daría orixe ao convento e granxa. Murguía (1888) e Samuel Eiján (1920) relacionan estes restos cunha malatería feminina.
Casa do Crego (San Paio-Ventosela): Segundo Nieves Amado Rolán puido ser unha granxa ou priorado do mosteiro de Melón. Ruínas.
SAN CRISTOVO DE CEA
Mosteiro de Santa María a Real de Oseira:
Císter. Se ben non hai dúbida de que os bieitos xa ocupaban o mosteiro
no ano 1137, non existe consenso canto á ocupación polos monxes do
Císter; as datas máis baralladas sitúanna entre os anos 1140 e 1141.
Logo da decadencia iniciada no s. XIV, cobra un novo pulo coa entrada na
Congregación Cisterciense de Castela. No 1551 sufriu un incendio que
case o reduciu a cinzas. Coa desamortización do ano 1935, os monxes
abandonan o cenobio e as ruínas apodéranse dos edificios. No ano 1930
regresan os monxes que acometen a súa recuperación. O mosteiro ten tres
claustros: o da Portería, o Procesional e o dos Pináculos. No
Procesional, reformado no s. XVII, salientan as efixies situadas nas
arquerías que representan rostros de personaxes históricos. A sala
capitular é dos ss. XV e XVI, construída con elementos tardogóticos, con
bóvedas estreladas con nervios que arrincan de columnas estriadas. A
fachada, con cadeirado almofadado e frontispicio, data do ano 1708 e o
Patio dos Cabaleiros é do século XVIII. A igrexa abacial, románica
oxival, é un dos edificios máis salientables non só de Galicia, senón da
Península. Ten planta de cruz latina, con tres naves de sete tramos e
cruceiro separado por piares e columnas. A nave central é de canón
apuntado con faxóns. Os ventanais de medio punto ábrense no arrinque da
bóveda. No século XIII construíuse o ciborio, con cúpula sobre pechinas
no cruceiro. Na cabeceira, composta de sala semicircular e
deambulatorio, ábrense cinco capelas absidiais. O mosteiro acolle o Lapidarium,
un museo que garda os obxectos de pedra que se recuperaron durante as
obras de restauración e as excavacións arqueolóxicas. Tamén se recuperou
a Botica, con botes de artesáns de Talavera que reproducen os orixinais
do s. XVIII, 30 orixinais de Sargadelos do s. XIX, fórmulas, libros e
restos de herbas medicinais de hai 200 anos.
Mosteiro de Santa María de Codosedo:
Ao redor do 1200 foi cedido polos seus herdeiros á orde de Santiago,
cuxa comunidade foi suprimida a finais da Idade Media ou na Moderna,
pasando os seus bens á encomenda da Barra. O monasterium de Codosedo cum suis pertinentiis cítase nunha confirmación pontificia dos bens e privilexios no ano 1223. A igrexa é de orixe románica.
TRASMIRAS
Priorado de Lobaces:
Pertenceu aos agostiños. Primeiro dependeu de San Martiño de Grou,
pasando logo ambos os dous ao mosteiro do Salvador de Celanova. Nas
inmediacións atopáronse sepulcros antropomorfos altomedievais.
VERÍN
Convento dos Mercedarios (Verín):
Por iniciativa do conde Sancho Fernández de Ulloa, a orde
instalouse en Monterrei no ano 1484. No 1557 trasladouse a Verín. Logo
do abandono obrigado pola exclaustración e desamortización, os
mercedarios mercaron parte da súa antiga propiedade no ano 1933,
converténdoa en colexio de aspirantes a ingresar na orde. O edificio
consta de dúas partes, unha destinada á comunidade e outra ao culto. A
maior parte da construción actual é do século XVIII para o que se
aproveitaron pedras traídas de Monterrei (pedras labradas, arcos,
columnas...). No interior salienta o claustro, e no exterior a fachada e
a barroca torre do campanario.
VIANA DO BOLO
Mosteiro de San Cibrán (Viana do Bolo): Ano 1119. A tradición asegura que a igrexa actuou como convento do Temple.
Mosteiro de San Pedro de Grixoá: Posible orixe altomedieval. Citado como Ecclesiola nun documento do ano 1075 en que Alfonso VI restitúe á diócese de Astorga varias posesións, entre outras “aliud monasterium quod vocitant Ecclesiola”. Perdeu o título de mosteiro para converterse en igrexa parroquial. No interior da igrexa, de orixe románica (salienta a porta principal), hai dous escudos.
Mosteiro de Correxais:
Documentado no ano 922. A partir do século XVII acolleu aos Trinitarios.
Impartíanse ensinanzas de Filosofía, Teoloxía moral e Gramática.
Consérvase a igrexa e os muros dun convento totalmente arruinados e
cubertos pola matogueira, algúns en grave risco de derrubamento. No Museo de los Caminos de Astorga hai unha talla da Inmaculada do século XVIII procedente de Correxais.
San Pedro (Hospital-Osoño):
Orde de Malta, a igrexa é de estilo barroco con espadana de dous
corpos. Na parroquia está o lugar de O Hospital, onde se atopa a
parroquial de San Pedro, seguramente relacionado coa antiga encomenda
que atendería aos peregrinos a Santiago que viñan de Portugal.
XINZO DE LIMIA
Mosteiro do Bon Xesús (Trandeiras):
Franciscáns. Fundado no ano 1520 por Alonso de Piña, prior de Xunqueira
de Ambía. Segundo a lenda, as orixes romóntanse á aparición dunha imaxe
do Neno Xesús a uns cabaleiros portugueses que construíron unha capela
na súa honra. Tamén está a lenda dos mosquitos, uns soldados encantados
da corte do rei Artur. Os franciscáns establecéronse no 1523. No ano
1668 padeceu un incendio. En tempos da Revolución Francesa foi refuxio
de curas e bispos galos. No 1809, durante a invasión napoleónica, as
tropas francesas destruíron a igrexa e mataron a veciños de Trandeiras,
freires e curas. Coa desamortización vendeuse a particulares quen
utilizaron as pedras para outras construcións. Consérvase a igrexa e
parte dun claustro renacentista con elementos do gótico flamíxero. No ano 2023, cando unhas obras de consolidación, apareceron retos do pavimento orixinal e algunha dependencia do mosteiro que estaba enterrada. Interesantes son os 500 metros dunha rede hidráulica por medio de canles que apareceron tanto no interior coma o exterior do mosteiro. O conxunto mosteiral ocupa unha exteensión aproximada de 2.000 metros cadrados. Na
actualidade pertence ao Concello de Xinzo de Limia.
Mosteiro de Santa María de Ribeira (Mosteiro de Ribeira): Ripario Limie.
Bieitos. Fundado no século X por Afonso Romariz e dona Gutina, pasou
supostamente a priorado do mosteiro de Celanova no 1043. No tombo de
Celanova cóntase que no ano 1005 unha tal Zacaria, posuidora do
convento, marchou de viaxe a outro seu mosteiro, no territorio de Lemos,
que chamaban San Paio (debe referirse ao de San Paio de Mosteiro,
parroquia de Bóveda), e alí morreu. Noutro documento do mesmo tombo
conta que no 1043 o abade Aloito e seus irmáns doan a Celanova o
mosteiro de Ribeira. No 1118 un tal Munio presentouse ante o rei Afonso
VII para pedir xustiza por terlle arrebatado o seu mosteiro de Ribeira,
que lle fora confiscado polo conde da Limia. No 1214 Afonso IX
entrégalle ao seu mestre Lourenzo, futuro bispo de Ourense, illam eclesiam Sancte Marie de Ribeyra.
No 1124 xa estaba en poder de Celanova. No século XIV a comuniade
quedaría reducida ao prior. No ano 1499 o prior frei Afonso do Este
xuraba obediencia ao reformador de Valladolid frei Rodrigo de Valencia.
Hoxe en día descoñécese o seu emprazamento exacto, se ben se cre que
puido estar onde se atopa a igrexa e a casa reitoral, onde se conservan
algúns achádegos soltos: unha estatua exenta dun Agnus Dei sen
cabeza, unha ventaíña de arco apuntado, un alfiz con medallón, unha
lauda sepulcral, catro inscricións relixiosas e dúas inscricións
funerarias. No lugar de A Manga de Abaixo, en Lamas, na casa de don José
Salgado, atópase reutilizada nun dos muros unha inscrición funeraria de época romana que
foi atopada por Frei Martín Sarmiento no século XVIII no mosteiro de Ribeira, estudada
por Rodríguez Colmenero no ano 1987.
XUNQUEIRA DE AMBÍA
Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Ambía:
Fundado, quizais, sobre un mosteiro altomedieval. Conta a lenda que no
lugar onde se levanta o mosteiro hai unha lagoa chamada Xunqueira onde
apareceu unha imaxe do século IV; na súa honra ergueuse unha ermida,
orixe do cenobio. Foi fundado como mosteiro familiar no ano 955 por
Gonzalo Froila e a súa muller Ilduara. No ano 1150, Afonso VII confirma a
cesión aos Coengos Regulares de San Agostiño. Entre os priores salienta
Alonso de Piña, considerado o fundador da vila de Xunqueira de Ambía no
s. XV. Despois da desamortización de Mendizábal, converteuse en
parroquia. Conta Pérez Rodríguez (2008) que o mosteiro estaba interdito
e a súa comunidade excomulgada polo bispo de Ourense debido, ao
parecer, de teren albergado ou encuberto un dos seus padroeiros, por corregemento das malfeytorias que Roy Mendez D´Anbia fez ao bispo et a Iglesia d´Ourens.
Na segunda metade do século XV, Xunqueira denuncia ante os Reis
Católicos, en Santiago, aos condes de Lemos e de Ribadavia e aos
cabaleiros Álvaro Mosqueira e Gregorio Méndez de usurparlle coutos e
bens. A reforma baixomedieval non afectou a este cenobio, que será
renovado a principios do s. XVI por Alonso de Piña, chantre de Ourense, que
recibiu o título de prior no 1513. No 1928 ocupáronno os mercedarios.
Consérvase o clausto coas súas dependencias, o pazo prioral e a igrexa. O
claustro, do s. XVI con restos románicos (entre outros, un sepulcro),
consta dun corpo con arcos de medio punto. A casa monástica, ampliada no
1853, conserva uns canzorros de feitura sinxela no aleiro. A igrexa,
románica de transición do s. XII, ten planta basilical con tres naves
rematadas en tres ábsidas semicirculares. Na fachada destaca unha porta
con arquivoltas funiculares sobre columnas estriadas, un tornachoivas de
arcada sobre canzorros e un rosetón que se abre no centro. A ábsida
central, dividida por columnas, mostra unha interesante colección de
canzorros. A torre é románica no arranque, o resto barroca. No interior
da igrexa pódese ver o retábulo maior, renacentista con influencias
flamengas, e o coro de madeira de nogueira do s. XVI ornamentado cunha
rica iconografía. Impresiona a orixinalidade do órgano, un dos mellores
de Europa. Na súa porta occidental figura a data de 2 de xuño de 1164,
tal vez a da súa consagración.
XUNQUEIRA DE ESPADANEDO
Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo: Construído sobre outro anterior, o mosteiro fundouse no ano
1150. Posto baixo a Regra de San Agostiño, pasou ao Císter no 1170. No
1546 uníuse á Congregación do Císter de Castela. Coa desamortización
pasou a propiedade do Concello. O restaurado claustro, que conserva varios tramos do s.
XVI, contruíuse cando a unión á Congregación de Castela. Na parte
superior poden verse as ventás da nave románica e varios reloxos de sol,
un do ano 1663. Na actualidade, as dependencias monacais acollen o Concello e a biblioteca. A igrexa, de planta basilical, ten tres naves
de cinco tramos, a do medio de dobre ancho ca as laterais. A fachada principal é neoclásica, formada por tres corpos, o central coroado por un frontón clásico sobre o que se eleva o campanario. A cabeceira
ten tres ábsidas semicirculares. No interior, entre o mobiliaro
litúrxico, salienta o altar de pedra de estilo románico cun retábulo
realizado polo ourensán Xoán de Ánges a finais do 1594, cun óculo polo
que entra luz ao templo. Na entrada da igrexa hai dous retábulos que
representan a Visitación e a Transfiguración, esta do s. XVII, con
bustos de San Marcos e San Brais. Tamén é de destacar o sepulcro de Paio
Yáñez de Abeleda, do s. XVI, situado na capela maior, tombado e cun
puñal na man dereita; dise que foi soterrado coa súa espada de prata.
onosopatrimonio
Mosteiros e conventos de Galicia (Provincia de Ourense)
Xabier Moure