CÍRCULOS E PEDRAFITAS DE GALICIA (e outras pedras singulares)

Ata non hai moito, só se consideraban pertencentes ao Megalítico as pedrafitas da Lapa de Gargantáns, en Moraña, e, cada vez con menos dúbidas, a do Carrizo, en Vilalba, a Pedra Alta, na Lagoa de Antela, e a Pedrafita de Cristal ou da Agra, en Ribeira. O resto interpretáronse como pedras de termo ou marcos xeográficos polo único feito de carecer de gravuras (coviñas, etc.). Malia isto, a función que cumprían moitos destes "marcos" (conmemorativos, de culto, situados xunto necrópoles megalíticas...) posibilita a súa pertenza a aquel período da Prehistoria. Na Idade Media os límites territoriais definíanse mediante marcos que en moitas ocasións eran mámoas, pedrafitas, petroglifos... O primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos como marcos é no Parochiale Suevorum do século VII (debido ás ordes terminantes dos Concilios, encamiñados a extinguir os cultos paganos, moitas pedrafitas foron derrubadas e destruídas, ou foron cristianizadas colocando sobre elas cruces e outros símbolos cristiáns). A abundacia de menhires debeu ser grande a xulgar pola frecuencia con que se citan ao demarcar coutos en escrituras e privilexios medievais, sen que sexa posible confundilos cos miliarios, pois os primeiros citábanse como petra ficta e os segundos como pedra scripta. Nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados en Galicia a mediados do século XVIII, cítanse un bo número de fitos. Ferro Couselo e López Cuevillas, entre outros, xa constataron que mámoas e pedrafitas foron utilizadas como punto de referencia nas demarcacións ao longo da historia. Sería desexable que, debido ao importante número de achados que se están a producir nos últimos tempos (moitos de espléndida factura e con gravuras), a investigación arredor destes monumentos tomara novos azos. 

Estou convencido de que aínda quedan por descubrir moitas pedrafitas prehistóricas, pero a súa supervivencia é cada vez máis difícil, por unha parte porque a intervención humana sobre o medio onde se poden atopar é cada volta máis agresiva, e pola outra porque a memoria sobre a súa existencia e ubicación vaise perdendo coa desaparición dos máis vellos.

Malia o anterior, cómpre ser prudentes, tanto no tocante á tipoloxía como á cronoloxía de moitos destes fitos. Non é necesario lembrar que Galicia é un país de canteiros, aquí podemos ver, por citar algún exemplo, fileiras de fitos esplendidamente traballados, medievais, modernos e contemporáneos, que pechaban herdades ou delimitaban coutos. Tampouco podemos esquecernos da acción da natureza á hora de modelar as pedras o que pode levarnos a erradas interpretacións.

De todas as pedrafitas que achego, nun bo número manteño serias dúbidas canto á súa adscrición cronolóxica ou a encadralas tipoloxicamente (as consideradas como astronómicas, por exemplo, a posición axial da Terra non é a mesma hoxe que daquelas), ao que temos que engadir que moitas se atopan descontextualizadas (traslados do lugar orixinal, reaproveitamentos...). Se as inclúo eiquí é porque espero que aos poucos se vaian despexando esas incertidumes, limitándome a achegar as hipóteses e teorías formuladas polos distintos investigadores coas que non sempre coincido. Como acontece cos círculos, tamén fago mención a pedrafitas que xa desapareceron ou se cre desaparecidas, pero que coido é importante deixar constancia da súa existencia. 

Canto aos círculos, a maioría dos que relaciono téñense por desaparecidos (dos existentes, só se documentan con seguridade o do Freixo, en As Pontes e o do monte Lobeira, en Vilanova de Arousa), de cuxa única existencia só nos quedan as testemuñas de investigadores como Saralegui, Murguía, Villaamil, Maciñeira ou Monteagudo. Obermaier (1923), López Cuevillas (1959) e Filgueira Valverde e García Alén (1977) tamén se fixeron eco destes monumentos. Os cromlech constitúen unha manifestación propia da fachada atlántica de Europa, cunha cronoloxía que os ubica nas Illas Británicas ao longo do cuarto e terceiro millenio a. C. Na Península concéntranse na cornixa cantábrica e ao sur do Douro, en Portugal. Máis esas, nos últimos tempos están a localizarse estruturas circulares por todo o país que se poderían corresponder con primitivos círculos, moito interpretados, ata a data, como castros.. 
 
Nos últimos anos lévanse localizado en Galicia preto dun cento de estruturas que se definen pola súa morfoloxía anular e pola presenza dun parapeito exterior de non moita altura, circundado, ás veces, por un foxo. Ata o momento, só se estudaron os de Coeses (Lugo), O Castrillón de Adai (Lugo), A Roda (Barreiros), Os Castrullos (Parada do Sil), Vilarello (A Pobra do Brolón) e o Outeiro Grande (Lalín). Aínda queda moito por andar, pero en principio estarían datados entre o Bronce Medio e o Bronce Final. A súa función quizais estivera asociada a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario, ou lugares destinados a reunións políticas ou sociais. É probable que moitos castros que se teñen como tal sexan círculos. Estas estruturas tamén as inclúo nesta entrada. Ata outubro de 2024, nós levamos documentados unha vintena de círculos nos concellos de Cerdido, Pontedeume, Baralla, Pedrafita do Cebreiro, Guntín de Pallares, Láncara, Sober, Xermade, O Corgo, Castroverde, Friol, Lugo, Paradela, A Pobra do Brollón e Toén.
 
Nota: Nesta entrada tamén achego algunhas penas e marcos asociados a lendas ou tradicións, moitos situados nas inmediacións de xacementos arqueolóxicos ou que actuaron como delimitadores do territorio.

 

CÍRCULOS E PEDRAFITAS DA PROVINCIA DA CORUÑA

ABEGONDO
 
Pedrafita Marco de Presedo: Medía 1,6 metros de altura. Citada por Monteagudo quen di que se atopaba no lugar da Bouza Nova, nunha leira da familia Gómez, e que lindaba co concello de Betanzos. Actuaba como límite da antiga provincia de Betanzos. Desaparecida. Mais o topónimo A Bouza Nova non o atopamos neste concello, senón no de Cambre, na parroquia de Bibres, lindeira coa parroquia de Orto (Abegondo).

ARTEIXO
 
Pedrafita Marco da Anta, Pedra do Guicho, Marco Grande ou Marco do Ramallal: Actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Erboedo (A Laracha) e de Loureda (Arteixo). Citada por Carré no 1945. Monteagudo, que a visitou no ano 1950 e 1981, considéraa como fálica. Ten unha altura de 2,05 metros. Pola forma, tamén é coñecida como Pedra do Carallo; a pedrafita sería o falo e as pedras que o calzan os testículos. A principios do mes de marzo de 2016, o Pleno do Concello da Laracha acordou por unanimidade a aprobación dunha modificación do PXOM para a súa protección. Hai anos a parte alta foi pintada de cor rosa. 
  
Pedrafita de Barrañán (Barrañán): Segundo Alberte Alonso, é de tipoloxía posiblemente fálica. 

 

 

ARZÚA
 
"Pedrafita" do Castro Curbín: En principio, ao falar desta pedrafita, escribín: "No Monte da Roda. Situada á entrada do castro Curbín. Descontextualizada, descoñezo a procedencia e a cronoloxía". Pois ben, o día 21 de abril de 2015, Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, do Museo da Terra de Melide, enviáronme un correo que achega luz sobre a orixe desta "pedrafita". Cando visitaron o lugar, pareceulles, ao vela de lonxe, unha pedrafita, mais as dúbidas comezaron cando se achegaron a ela. Se ben a cara sur se asemellaba a un menhir, a cara norte (a que mira cara o castro) fixolles desbotar a súa pertenza a un momento prehistórico ou protohistórico, baseándose en que a superficie da pedra pola parte norte semella que foi arrincada do terreo (está sen traballar) e que pola súa feitura foi colocada no sitio a xeito de reclamo do castro, feito que ao pouco foi confirmado por un veciño de Arzúa que fora testemuña directa da colocación do monolito no ano 1995 para inaugurar a obra da posta en valor do castro e o adecentamento da propia contorna. A pedra, segundo o veciño, procede da Serra do Bocelo, en concreto da parroquia de Folladela. Atopáronna ao abrir un camiño na estrada Melide-Sobrado. Xunto con esta, baixaron para Arzúa outras pedras, situando unha delas no polígono industrial onde lle colocaron un letreiro de bronce conmemorando o paso do Camiño de Santiago. Coincido con Cristina e Xurxo que consideran que non se deben incorporar xunto os sitios arqueolóxicos elementos que poden confundir aos visitantes. Para evitar os malentendidos, o Concello de Arzúa debería colocar na pedra unha prancha ou panel inaugural, ou se non retirala.

A BAÑA
 
Estela-menhir de Troitosende: Atopada na Eira de Vilacoba, parroquia de Troitosende, a principios do século XX por don Óscar Lojo Batalla, afeccioado á arqueoloxía e alcalde de Ames durante a Segunda República. Mide 142 cm de alto e 40 cm de ancho máximo. Está decorada por unha soa cara. No extremo superior presenta unha forma discoidea, onde se representan a cabeza, os ollos, o nariz e a boca. Na parte que se correspondería co corpo vese unha aspa entre dúas barras horizontais. Non posúe inscrición. Crese que puido estar fincada no chan, de aí que se considere unha estela-pedrafita. Non existe consenso canto á súa adscrición cronolóxica. Cabré Aguiló, no 1915, e Breuil, no 1935, considérana como unha escultura humana de época neolítica. Octobón, no 1931, sitúaa no Calcolítico. López Cuevillas deulla unha cronoloxía posterior. Anati, no 1966, adscribiuna á Idade do Bronce. No ano 2001, J. L. Maya González e Ramón Álvarez, no seu traballo La estatua-pilar de Santa María de Tarañes (Ponga-Asturias) y su relación con la de Troitosende, dátana en época tardorromana ou alto-medieval. Nas fotos dos primeiros anos do século XX obsérvase que lle faltaba un anaco da parte superior; en fotos posteriores (de Serrano Lozano ou Thomas Schattner) aparece reconstruída. Atópase no Museo de Pontevedra, se ben non está exposta.
 
Pedrafita de Pedra Alba (Emes-Barcala): Duns 90 cm de altura, sitúase na marxe dun camiño. Foi fracturada pola base. Na parte superior que dá ao camiño ten gravada unha cruz latina de clara factura histórica. No lado oposto obsérvanse dúas coviñas. Tamén se aprecian unhas liñas semicirculares e unha cazoleta na parte central o que lle dá aspecto dunha figura antropomorfa.
 
Monolito de Troitosende: O arqueólogo turolense Juan Cabré Aguiló (1882-1947) fala dun monolito "con petroglifos e incisiones alargadas de una funeraria celto-gallega" que apareceu en Troitosende. Descoñezo o seu paradoiro, só se conserva unha foto de 9 por 12 cm que foi tirada entre o 1908 e o 1947. Segundo información que me enviou Pablo Sanmartín, Alonso Braña (1996) indica na súa tesina que foi destruída polo seu propietario.
 
 
 



BOIMORTO
 
Pedrafita de Andavao I e Pedrafita de Andavao II (Fontiñas-Andavao): Atópanse no lugar de Fontiñas, non moi lonxe da igrexa de San Martiño de Andavao. Parece ser que as pedras apareceron deitadas, mais como ao propietario do terreo lles pareceron curiosas, decidiu colocalas ergueitas nas estremeiras das fincas. Interpretadas como fálicas, aínda que tamén puideron cumprir unha función agro-benéfica onde se realizarían unha serie de rituais encamiñados a propiciar as boas colleitas. 
 
Pedrafita de Andavao III: Tiven coñecemento dela polo traballo As pedras fitas ou menhires de Andavao, publicado no número do ano 2011 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses, e cuxos autores son a arqueóloga Cristina Vázquez Neira e o arqueólogo Xurxo Broz Rodríguez. Situada no medio dun prado, xunto a pista que vai á igrexa parroquial, a carón dunha charca artificial para o regadío. Sobresae do chan 2,26 metros e, aínda que tamén ten feitura cónica, presenta unha forma menos elaborada ca as anteriores polo que xera moitas dúbidas.

 
 
 

BOIRO
 
San Ramón (Bealo): Preto da ermida de San Ramón atoparónse tres petroglifos exentos, un deles destaca polas súas peculiares características. Trátase dunha pedra chantada no chan, adornada con cazoletas, que foi reaproveitada nun muro. Nas inmediacións tamén se atoparon dúas mámoas.
 
Círculo lítico entre os castros do Neixón Grande e do Neixón Pequeno (Cespón).
 
Círculo lítico da Cota da Moureira (Enseño): Ao parecer só se conserva parte do círculo.

 

CABANAS
 
Castro de Cabanas: Monteagudo fala dunha pedrafita situada no castro (do asentamento nada queda, ao longo do tempo foi destruído, primeiro polos labores agrícolas, e logo por casas, camiños, etc.). Di que aínda polos anos cincuenta do pasado século XX, as mulleres, entre outros rituais, resfregábanse no moxón do castro para fecundar; dirixidas por un saludador ata a súa morte no ano 1960. A Igrexa, ameazando con excomuñóns, mandou derrubala ou destruíla. (A foto que achego é dun marco situado a carón dunha casa no antigo castro. Os amabilísimos propietarios contáronme que actuaba como linde dunhas leiras).

Marco do Salto (Salto de Riba): Lindeiro entre as parroquias do Salto, Laraxe e Irís. Segundo a tradición posúe propiedades para curar o meigallo e o mal de ollo. Para elo cómpre ter en conta unha serie de condicións: Ir e volver do lugar en silencio antes da medianoite; levar un obxecto da persoa pola que se fai o ritual; dar tres cuadas (dúas segundo outras versións) no marco e nove voltas ao seu redor, dicindo: "Meigas e meigos, envexosas e envexosos, encantadoras e encantadores, tanto gozades de min como eu gozo desta moeda que vou a tirar", poñendo logo a moeda por riba do marco ou tirala ao seu carón.
 
Pedrafita (A Pedra do Couto-Irís): Forma cónica duns dus metros de altura traballada por man humana. Pouco é o que sei, só que estivo fincada nun monte próximo ata non hai moitos anos. Polo de agora non conseguín folclóre.
 

 


CAMBRE
 
Pedrafita Marco de Presedo: Medía 1,6 metros de altura. Citada por Monteagudo quen di que se atopaba no lugar da Bouza Nova, nunha leira da familia Gómez, no concello de Abegondo, e que lindaba co concello de Betanzos. Actuaba como límite da antiga provincia de Betanzos. Desaparecida. Mais o topónimo A Bouza Nova non o atopamos en Abegondo, senón en Cambre, na parroquia de Bibres, lindeira coa parroquia de Orto (Abegondo).

A CAPELA
 
Pedrafita: Situada preto do cemiterio da Capela, entre os evocadores lugares de As Mouriñas e A Pena da Cruz. Segundo me achegou un veciño, a pedra foi reutilizada como marco divisorio dunhas herdades dende, ao menos, os tempos dun seu bisavó. Mais cóntase que con anterioridade estaba no lugar da Cruz da Moa e que, segundo a tradición, a ela acudían as mulleres que non podían procrear. Dise que foi o cura da parroquia, para evitar que se continuaran a practicar eses rituais, quen mandou desfacerse dela, mandato que, polo que se ve, non conseguiu de todo. Na actualidade atópase tirada no chan. De forma cónica, ten unha altura aproximada de 1,30 metros.
 
Pedrafita: Situada nun lugar totalmente despexado, preto da igrexa de Nosa Señora das Neves. Érguese, solitaria, no medio de varias leiras adicadas ao cultivo. Polo de agora descoñezo se cumpría algunha función, se ben me aseguraron que non actúa como lindeira de ningunha herdade.

 
 

CARBALLO
 
Círculo lítico da Eira das Meigas (Monte Neme): Entre Carballo e Malpica. Citado por Saralegui, Murguía e Monteagudo, e no ano 1977 por Filgueira Valverde e García Alén. Foi destruído non hai moitos anos polas empresas que extraían o wolfram. Tiña uns catro metros de diámetro. Conta Xosé Couñago Ribeira que a xente maior lembra perfectamente como era o círculo orixinal xa que xogaban no seu interior ás "sillas" das meigas, como así lle chamaron sempre. Tal como llo describiron a Xosé, o círculo de pedras estaba feito co seixo branco que tanto abunda na montaña, mesmo lembran as formas e tamaño que tiñan, e no centro había dous pelouros, tamén de seixo branco, de case dous metros de altura cada un. A principios do mes de novembro de 2015, o colectivo Senda Nova denunciou a destrución dunha reprodución do cromlech por maquinaria pesada que transita sen control pola zona. Segundo a lenda, en cada fito da Eira das Meigas sentábanse as bruxas de Bergantiños en asemblea na Noite do San Xoán para celebrar os seus rituais e dispoñer os danos que tiñan que facer aos humanos.
 

CARNOTA
 
Trilito: Vida Gallega, no ano 1931, achega o debuxo dun trilito (denomínao como dolmen) na vertente oriental do Monte Pindo, di que nas inmedicións de Colúns.
 
Lenda: Conta o P. Sarmiento que no Monte Pindo había unha pía ou cama, semellante á do San Guillelme de Fisterra, con virtudes fecundadoras, estendéndose tamén a procurar noivo, parto ditoso e leite ás nais.
 

CARRAL
 
Marco de Fonte Salgueiras ou pedrafita da Fonte das Meigas: Recibe o nome de Fonte das Meigas por unha fonte pertencente á parroquia de Sueiro. Fai de límite entre os concellos de Cambre, Carral e Culleredo e as parroquias de Anceis (Cambre), Tabeaio (Carral), e Castelo e Sueiro (Culleredo). Sobresae 1,20 metros do chan. Na súa cara sur ten un "L" gravado. Situada xunto a necrópole megalítica de Arteaga, relacionada con lendas de mouros. Descuberta por Lois Vidal Hermidas. 
 

CEDEIRA
 
Pedrafita do Campo da Armada ou Pedrafita da Capelada (Serra da Capelada-Santo André de Teixido): Citada por Federico Maciñeira. Na actualidade sobresae arredor dun metro do chan, mais segundo testemuñas orais ten máis dun metro e medio soterrado. A pedrafita foi arrincada en varias ocasións xa que se dicía que debaixo había un tesouro que agocharan os mouros. Cítase xa no Eco de Galicia do 14 de xuño de 1925.
 
Pedrafita da Capelada: Descuberta por Fidel Méndez, non se pode asegurar a súa adscrición cultural. Semella que foi utilizada como fito demarcador. Atópase no medio dun muro de mampostería, evidencia do seu reaproveitamento.
   
Pena do Sol ou Pena Bendición: Segundo Federico Maciñeira (1870-1943), no ano 1919 ou 1920 un labrego descubriu o coñecido como torques de Montoxo ou da Capelada no lugar dos Chaos dos Agüeiros, na parroquia de San Xiao de Montoxo (Cedeira). O sitio atoparíase entre os castros da Croa de Carracedo e de Alcaiás, non moi lonxe da Pena do Sol. Maciñeira mediou para a súa compra polo Museo Arqueolóxico Nacional, onde se custodia na actualidade. Pero, onde está situada esta Pena do Sol? Óscar García Vuelta e Xosé Lois Armada Pita cítanna nun artigo publicado en Brigantium no ano 2003 titulado Documentación y arqueología del oro castreño: acerca de F. Maciñeira y el torques de Capedada (San Xiao de Montoxo, Cedeira, A Coruña). Pola información facilitada por unha persoa de 92 anos, residente en Cimadevila, A Pena do Sol sería a mesma que na cartografía aparece mencionada como Pena Bendición, situada a 350 metros ao sur de Liñares. Outra informante de 87 anos, natural da Cheda de Arriba, contoulles que pola Pena Bendición corría a auga natural e que a xente acudía a ela para rezar. Esta pena, en efecto, atópase entre os castros citados da Croa e Alcaiás. Neste último descubríronse varios obxectos, entre outros un puñal de antenas e un machado de bronce. Non moi lonxe, a pouco máis de 1,5 quilómetros, na finca coñecida como As Manguelas, en Vilarnovo, no ano 1929 apareceron 440 moedas de época romana, tesouriño que tamén deu a coñecer Maciñeira no Boletín da Real Academia Galega. O día 1 de agosto de 2020 achegámonos ata San Xiao de Montoxo para tentar localizar a pena. Despois de internarnos varios centos de metros no monte, non fomos quen de atopala, a mestísima maleza (xigantescos fentos e enmarañadas silveiras) e os eucaliptos impedíanos ver máis alá de medio metro por diante; na foto, non moi clara, achegada por Armada Pita e García Vuelta no seu traballo só permitía adiviñar un pequeno afloramento rochoso comido pola matogueira. Regresamos á estrada para tentar atacar a pena dende a parte alta do monte. Para a nosa sorpresa, antes de chegar a Liñares vimos que esa parte estaba practicamente limpa, o terreo fora acondicionado, novamente, para plantar máis eucaliptos. E alí estaba. Iso si, observamos que a maquinaria, durante as sucesivas plantacións, fixera estragos no pequeno afloramento. Outra máis... Dentro duns anos, na próxima tala, nova desfeita, da Pena Bendición non quedará nin a memoria. Pouco máis conseguimos averiguar sobre a Pena do Sol ou Pena Bendición. Un home de Montoxo contounos que había un túnel que a comunicaba coa Cova do Tesouro, situada a uns 500 metros ao leste, onde vivían os mouros.
  
Amilladoiros: Citados xa en textos do século VI. Para algúns investigadores teñen a orixe nun primitivo culto aos mortos. Este tipo de monumentos non son exclusivos de Galicia, tamén aparecen en zonas do Mediterráneo, África e América do Sur. En época romana denominábanse "Montes de Mercurio", neles rendíaselle culto a distintas divindades. A Igrexa, ao non poder desfacerse do seu culto, situou cruces sobre eles para cristianizalos. A. Fraguas di que se erixirían no lugar onde morría alguén de forma violenta. Esta concepción ten a súa base na filosofía platónica que sostiña que cando alguén era asasinado a súa alma perseguiría ao asasino durante toda a eternidade. 

 
 
 

 

CERCEDA
 
Pedrafita do Caroliño (Meirma): Atopada por Manuel Ruibal no Monte Xalo. Está tumbada no chan. O sitio está asociado a lendas de mouros. De morfoloxía faliforme, ten máis de catro metros de longo. Vense gravuras, polo de agora de complicada interpretación. Puri Soto e Cano Pan non teñen dúbidas canto á súa adscrición cultural. Na zona hai mámoas e gravuras rupestres, ademais de penas e lugares de nome singular: Pedra do Vello, Pedra dos Corvos, Porta do Inferno, As Picudas, Pedra do Tesouro, Pedra da Cadea de Ouro...
 
Pedra de Santa Marta: No Monte Xalo, divisoria entre os concellos de Cerceda e A Laracha. Na actualidade atópase no lugar da Poceira (Soandres-A Laracha). Coñecida tamén como Pedra das Tres Martas porque dise que dende a pedra ollábase o Coto de Santa Marta (Lois Vilar Hermidas). Segundo me informou Masús, da Alta de Soandres (A Laracha), o monolito agochouno un veciño de Mantiñán, en Soandres, por medo a que o roubaran; tiña sete ocos (cazoletas) e ao parecer ferraduras, coñecido tamén co nome de Pedra da Santa Cruz. A pedra nai sería a coñecida como Virxe da Pedra, unha escultura policromada, segundo explica Lois Vilar Hermidas, que foi trasladada no ano 1859 debido á ruína desta ermida ao mosteiro de San Pedro de Soandres.

O Marco Deitado ou Pedra da Envexa: Levantábase entre os concellos de Carral, Cerceda e Ordes. Utilizábase para curar o mal da envexa. Ao quedar dentro da zona expropiada por "Lignitos de Meirama" foi destruído, colocándose no seu lugar unha columna de cemento. 
 
 
 

CERDIDO
 
A Pedra Chantada (A Pedra Chantada-Os Casás): A Pedra Chantada é unha pequena aldea do concello de Cerdido, a 260 metros de altitude. Dise que aquí houbo unha pedrafita da que, ao parecer, non quedan restos. Do fito tomou o nome a aldea.
  
Círculo: O día 23 de novembro de 2023, co LIDAR localicei un novo círculo no concello de Cerdido. Situado a 301 metros de altitude, leva o nome de Torre de Riba, na Barqueira Vella, parroquia da Barqueira. Aínda que perdeu parte pola cara este, tiña un diámetro duns 55 metros, apreciándose unha muralla ou parapeito de non moita altura, practicamente imposible de ver a simple vista debido á mesta maleza e ás árbores. Atópase a uns 350 metros en liña recta do castro da Torre do Crego. Xa llo comuniquei á Dirección Xeral do Patrimonio.
 
 

CESURAS (Forma parte do concello de nova creación Oza-Cesuras)
 
Marco do Monte Medela (Fabás-Paderne): No Monte Medela ou Coto de San Xoán, entre as freguesías de Paderne e Loureda, a 397 metros de altitude, érguese unha ermida construída, segundo figura sobre a porta principal, no ano 1793, onde se celebra unha romaría na honra do San Xoán Bautista. Ao seu carón consérvanse dúas laxes provenientes, probablemente, dunha anta, unha a ras do chan e practicamente tapada, e a outra fincada, segundo deixou escrito don Francisco Vales Villamarín, por térense considerado un marco divisorio entre as parroquias de Loureda e Paderne. Ao parecer, outros esteos foron reutilizados no adro, e a tampa crese que pasou a enlousar o piso do palco da música próximo, pechado na actualidade e convertido nunha caseta. O marco foi utilizado como obxecto de culto ao que se lle atribuían propiedades milagreiras, práctica que levou á Igrexa, disque, a erixir a ermida.

 

CORCUBIÓN
 
Círculo lítico do Monte Lourado: Citado por Saralegui no ano 1918. Sitúao entre Dumbría e Corcubión, pero estes concellos non limitan entre si.

CORISTANCO
 
Segundo información que os veciños lle facilitaron a Antonio Castro, entre as mámoas 2 e 3 do Chao da Embarrada, en Bieite de Abaixo, había un círculo de pedras "do tempo dos mouros" duns 10 metros de diámetro, pedras que sobresaían do chan uns 40 centímetros. As pedras máis grandes semellaban traballadas pola parte superior, "a xeito de asento". O círculo desapareceu polos labores agrícolas. 
 
 

A CORUÑA
 
Pedrafita de Nostián (Nostián-Visma): Na actualidade atópase no exterior do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña. Trátase dunha pedra de planta tirando a rectangular coas arestas arredondadas. Na parte superior amosa unha fendedura. As caras están bastante traballadas e puídas. Na parte máis lisa adivíñanse o que puideron ser unhas coviñas. 
 
Menhir de Elviña: Publicado no ano 1895 por Santiago de la Iglesia: Informe acerca de unas supuestas inscripciones fenicias o púnicas en el litoral de la Coruña. Este informe menciona varios vestixios que o seu pai investigara durante máis de vinte anos. 

 
 

CULLEREDO
 
Marco de Fonte Salgueiras ou pedrafita da Fonte das Meigas: Recibe o nome de Fonte das Meigas por unha fonte pertencente á parroquia de Sueiro. Fai de límite entre os concellos de Cambre, Carral e Culleredo e as parroquias de Anceis (Cambre), Tabeaio (Carral), e Castelo e Sueiro (Culleredo). Sobresae 1,20 metros do chan. Na súa cara sur ten un L gravado. Situada xunto a necrópole megalítica de Arteaga, relacionada con lendas de mouros. Descuberta por Lois Vidal Hermidas.
 

FENE
 
Marco de San Lourenzo (Campanario-Limodre): Lindeiro coas parroquias de Maniños e Limodre (Fene) e Porto e Laraxe (Cabanas). Trátase dun rectángulo de granito coas arestas moi desgastadas, duns 30 centímetros de altura. Na actualidade o lugar onde está situado pertence administrativamente ao concello de Fene. Érguese preto da desaparecida ermida posta baixo a advocación do San Lourenzo, destruída por unha explosión de foguetes. Aínda hoxe en día lle seguen a depositar ofrendas para curar unha enfermidade propia ou dun familiar, contra o mal de ollo ou a consecución dun desexo. Debido á súa desfiguración provoca moitas dúbidas canto a consideralo de época prehistórica.
   
Marco-pedrafita da capela do San Marcos (Sillobre): Entre as parroquias de Regoela (Cabana) e Sillobre (Fene). No século XIX construíuse unha capela no lugar que ocupaba un antigo marco que diferenciaba distintos coutos xurisdiccionais e logo os concellos de Fene e Cabanas; por isto a ermida era coñecida como a "Capela do Marco". Mais esas, hai motivos para pensar que a pedra tivo con anterioridade outras funcións. Na actualidade atópase inserida no muro posterior da sancristía engadida á ermida a mediados do século XX. 
 
Pedra da Arca (Barallobre): Situada a uns cento cincoenta metros do novo cemiterio municipal, no monte da Capacheira. Pola construción dun depósito de auga foi desprazada da súa posición orixinal. O fito ía ser demolido, segundo me contou un veciño salvouse grazas á intervención dun exeñeiro de Madrid que conseguiu que a fincaran de novo. No lugar había un campo de mámoas, dúas das cales, ao menos, desapareceron cando as devanditas obras. Nas inmediacións consérvanse outros túmulos, un deles moi achandado por unha plantación de eucaliptos. Dolores González, no seu blog Arqueotoponimia, di que na delimitación de Barallobre é posible que atopemos unha referencia a esta pedrafita: "desde aquí al Seixo Blanco de la Brea, desde este a la peña de Remariz, siguiendo el marco que se alla en la Cueva del Thesorero. Desde este a otro que llaman de Vilar de Codo". En efecto, a Pedra da Arca ou Marco da Cova do Tesoureiro atópase entre Romariz e Vilar do Colo.

 
 
 

FERROL
 
Pedrafita do Alto do Curuto (A Cabana): Citada por Vicetto. Situada, segundo Monteagudo, sobre a aldea de Montecuruto, na cota 147.

Pedrafitas de Chamorro: Citadas por Saralegui. Di que se trataba dun grupo de pedrafitas erixidas xunto unhas mámoas destruídas cara o ano 1850.
 
 
FISTERRA
 
Cromlech do Monte de San Guillelme: O profesor Alonso Romero cita un círculo lítico que foi destruído por un cortalumes.
 
Pedrafitas no monte Veladoiro (Duio): Citadas por Carré Aldao na Geografía General del Reino de Galicia, dirixida por Francesch Carreras y Candi, provincia da Coruña (1928). Situadas na vertente oriental do monte Veladoiro, a 243 metros de altitude. Varias fileiras de pedra "que arriba forman semicírculo, y en la occidental como un menhir de 8 m de alto". Este último cre Monteagudo que o identificou no ano 1981 no Cabo da Nave, que calificou como un monolito natural moi irregular e duns oito metros de alto. Utilizadas como lindeiro nunha doazón de Afonso VII ao mosteiro de Sobrado dos Monxes no ano 1135. A finais do mes de maio de 2024, na parte máis alta do monte, advertín un sitio que conserva o topónimo de Campo das Portas. Formarían os menhires as "portas"?



IRIXOA 
 
Marco das Catro Parroquias: Desaparecido, destruído por unha canteira. Dividía as parroquias de Ambroa e Mántaras (Irixoa) e de Adragonte e Vigo (Paderne). 
 
Fito no monte do San Antón: Algúns investigadores din que se trata dunha pedrafita prehistórica de observación astronómica. Pode ser, pero cómpre aclarar que segundo a información que recollín no ano 2015, este fito, xunto con outras pedras, foi traído para o lugar onde se atopa (nun campo de mámoas) hai uns corenta anos para utilizalo como peche dunha finca. Pasado o tempo o peche de pedras foi substituído por vigas de pau e arame, si o propietario o mantivo neste no sitio foi para que actuara como marco. Tal como se aprecia na foto, a pedra segue a liña do resto do peche. A mesma versión foi confirmada por uns veciños de Adragonte. As outras pedras do vello peche foron apiadas nun piñeiral próximo.
 

      
A LARACHA
 
Pedrafita do Guicho, Marco da Anta ou Marco do Ramallal (Loureiro-Erboedo): Citada por Carré no ano 1945. Monteagudo, que a visitou no 1950 e no 1981, considéraa como fálica debido ao rebaixe que arrodea na parte máis alta, rebaixe que semella natural nalgunha zona (veta de cuarzo), mais noutras partes parece intencionado. Actuaba como marco divisorio co concello de Arteixo. Pedrafita de granito de 2,05 metros de altura. A parte inferior é máis ancha ca superior. O espesor da pedra oscila entre os 35 e 48 centímetros. Preto da parte máis alta un rebaixe arrodea a pedra o que lle dá o aspecto fálico, se ben semella natural. Asemade podería tratarse dun marco levantado en época histórica. Tamén é coñecida como Pedra do Carallo; a pedrafita sería o falo e as pedras que o calzan os testículos. A principios do mes de marzo de 2016, o Pleno do Concello da Laracha acordou por unanimidade a aprobación dunha modificación do PXOM para a protección da pedrafita. Hai anos a parte alta foi pintada de cor rosa.
  
Pedrafita de Pena Gaiada (Montemaior): Foto recollida do blogue de Moncho Boga, dolmensedemaisfamilia. Non dispoño de datos sobre a mesma.
 
Pedra de Santa Marta: No Monte Xalo, divisoria entre os concellos de Cerceda e A Laracha. Na actualidade atópase no lugar da Poceira (Soandres-A Laracha). Coñecida tamén como Pedra das Tres Martas porque dise que dende a pedra ollábase o Coto de Santa Marta (Lois Vilar Hermidas). Segundo me informou Masús, da Alta de Soandres (A Laracha), o monolito agochouno un veciño de Mantiñán, en Soandres, por medo a que o roubaran; tiña sete ocos (cazoletas) e ao parecer ferraduras, coñecido tamén co nome de Pedra da Santa Cruz. A pedra nai sería a coñecida como Virxe da Pedra, unha escultura policromada, segundo explica Lois Vilar Hermidas, que foi trasladada no ano 1859 debido á ruína desta ermida ao mosteiro de San Pedro de Soandres


 


MALPICA
 
Pedrafita do Fuso da Moura: No Monte Nariga, entre Mens (Malpica) e Niñóns (Ponteceso). Dise que recibe o nome porque alí houbo unha anta que tiña a figura dun fuso onde fiaba unha moura. Na zona pervive a crenza de que hai covas con tesouros. Aquí levaban ao gando que padecía algún mal, facéndolle dar voltas ao redor da pedrafita para que curase. Hai tempo que o fito orixinal foi partido por un canteiro que o colocou como sustento dun portal. Arrepentido, ergueu no mesmo sitio a pedra chantada que vemos na actualidade. Forma parte dunha necrópole megalítica.
 
Círculo lítico do Circo de Xogos (Monte Neme): Feito con pedras de cuarzo. Citado por Saralegui, Murguía e Monteagudo.
 
Círculo lítico da Eira das Meigas (Monte Neme): Entre Carballo e Malpica. Citado por Saralegui, Murguía e Monteagudo, e no ano 1977 por Filgueira Valverde e García Alén. Foi destruído non hai moitos anos polas empresas que extraían o wolfram. Tiña uns catro metros de diámetro. Conta Xosé Couñago Ribeira que a xente maior lembra perfectamente como era o círculo orixinal xa que xogaban no seu interior ás "sillas" das meigas, como así lle chamaron sempre. Tal como llo describiron a Xosé, o círculo de pedras estaba feito co seixo branco que tanto abunda na montaña, mesmo lembran as formas e tamaño que tiñan, e no centro había dous pelouros, tamén de seixo branco, de case dous metros de altura cada un. A principios do mes de novembro de 2015, o colectivo Senda Nova denunciou a destrución dunha reprodución do cromlech por maquinaria pesada que transita sen control pola zona. Segundo a lenda, en cada fito da Eira das Meigas sentábanse as bruxas de Bergantiños en asemblea na Noite do San Xoán para celebrar os seus rituais e dispoñer os danos que tiñan que facer aos humanos.

 
 
 

MAÑÓN
 
Pedrafitas e aliñamento da Faladoira (Serra da Faladoira-As Grañas do Sor): No Alto da Faladoira, no coñecido como Camiño dos Arrieiros, sitúase unha necrópole megalítica composta por varios túmulos de boas dimensións que na actualidade sofren o impacto dun parque eólico, pistas, antenas de telefonía e unha caseta de vixiancia de incendios. Todas as mámoas presentan cráter de violación, e unha foi cortada cando a construción do peche das antenas. Mais, formando parte do conxunto, adoita pasar desapercibido un aliñamento lítico que semella delimitar a necrópole polo NL. Das dezaseis pedras fincadas da aliñación, catorce son de pequenas dimensións (non sobrepasan o metro de altura) e de forma irregular. As dúas restantes, na actualidade tumbadas no chan, chaman a atención polas súas dimensións. A primeira, de feitura irregular, ten unha altura de 3,90 metros e 0,60 de ancho, pedra que debe ser a mesma que Barros Sivelo cita como unha pedrafita de demarcación na súa obra Antigüedade de Galicia (1875), e que Federico Maciñeira di que se trata dun marco. A outra chanta, de forma piramidal, ten unha altura de 2,10 metros e o,70 en cada cara da base, e arredor de 0,45 nas caras superiores. Para consideralas como marcos, o primeiro que habería que preguntarse é que delimitaban. Semella claro, ao menos, que existan referencias documentais sobre as lindes territoriais, que non eran concellos, freguesías nin aldeas. Dous terreos de distintos propietarios? Descoñézoo, mais resulta pouco probable, ao outro lado do aliñamento só emerxen do chan uns afloramentos de lousa, ao que temos que engadir que, ao menos no tocante ás dúas enormes e traballadas pedras citadas máis arriba, non resulta doado atoparlle sentido a tal inversión de tempo e traballo para colocar uns simples marcos divisorios de semellantes proporcións e gran peso. A separación entre as pedrafitas oscila entre os 10 e 25 metros, ignorando se a aliñación contou con máis chantas no seu momento, feito probable. Para rematar, cómpre lembrar que na zona non resulta infrecuente atopar outras estruturas megalíticas diferentes aos enterramentos tal como nolo amosan o estragado círculo lítico do Freixo, e os desaparecidos supostos cromlech da Mourela, no concello das Pontes. O día 14 de outubro de 2024, Dolores González de la Peña colgou no seu muro do Facebook un plano do aliñamento extraído do IGN, Deslindes e Cadernos de Campo de Mañón/Ortigueira do ano 1940 que fala dos fitos entre Chan do Vieiro e o pico da Faladoira; nas observacións achega: "en todas las rocas nativas o incrustadas de esta línea reconocidas como mojones se grabó una cruz. La línea de término está jalonada por un gran número de hitos a distancias bastante próximas y que la definen perfectamente".
  
Pedrafita do Cristo de Mouraz: Situada no coñecido como Camiño dos Arrieiros, nunha encrucillada onde hai unha necrópole megalítica. Actuaba como marco divisorio das parroquias de Grañas do Sor e Mañón e de Devesos e O Couzadoiro (no concello de Ortigueira). Segundo a tradición, alí reuníanse os curas das catro parroquias. A mítica cruz foi derrubada e esnaquizada, conservándose só a pedra que facía de columna e algúns restos illados do pedestal. No seu lugar colocaron unha estraña construción moderna de pedra sobre unha mesa arrodeada de bancos, en vez de restaurar a vella cruz.

 




 

MAZARICOS 
 
Pedrafita Marco das Letras (Xesto-Beba): Con gravuras. Citada por Monteagudo. Situada a 367 metros de altitude temos o microtopónimo O Marco das Letras. Hai unha mámoa.


MELIDE
 
Círculo lítico do Monte Leboreiro ou Libureiro: Citado por Filgueira Valverde e García Alén (1977). 
 
Pedrafita do Casal (Campos): Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, do Museo da Terra de Melide, achéganme información sobre esta nova pedrafita. Foi localizada no ano 2012. Trátase dun enorme megalito, con feitura de menhir e dimensións de ortostato de anta. Está realizada en gneis, ten base redondeada, extremo apuntado e sección ovalada. Mide arredor de 5 metros de alto (3,30 metros visible e o resto enterrado) e 2 de ancho máximo. Ten forma típica de menhir, con deseño moi coidado, polo que non teñen dúbidas canto á súa adscrición prehistórica.

 

MIÑO
 
Marco da Pena das Meigas ou do Lugar Vello: No mes de outubro de 2024, a etimóloga Dolores González de la Peña localizou nunhas actas de deslinde entre os concellos de Miño e Vilarmaior do ano  1924 a cita ao Marco do Lugar Vello situado entre as parroquias de Carantoña (Miño) e Doroña e Vilarmaior (Vilarmaior). Di o documento que se trata dunha pedra de lousa de forma irregular de sete metros de lonxitude, setenta centímetros de altura e setenta e nove de latitude; na parte superior, de forma arredondada,  ten unha cruz "en la que se encontraron dos monedas de cobre". Achega o documento que o marco curaba as enfermidades se se deixaba unha moeda sobre a cruz e se daba unha volta ao redor da pedra. Iso si, se alguén roubaba as moedas alí depositadas collería tamén as enfermidades. O día 12 de outubro de 2024, coa necesaria información achegada por Dolores, fun a ver se o atopaba. Un home do Xuncal, na parroquia de Carantoña (Miño), díxome que estaba en Mide, aldea da parroquia de Vilarmaior. Alí me dirixín e outro home, que non era natural da aldea pero vivía nela temporalmente, si me comentou que, en efecto, unha casa de Mide estaba unha parte en Miño e a outra en Vilarmaior; el mesmo mandoume preguntar noutra casa. E deu no cravo. Un matrimonio, Aurora e José Luis coñecíanna ben. El foi o que me levou ata a Pena das Meigas. A descrición coincide coa plasmada no documento. Pero as persoas coas que falei obsequiáronme amablemente con outras tradicións ademais da das moedas. Non só se depositaban moedas, tamén prendas de vestir. Nunha ocasión, unha muller que non daba quedado embarazada puxo na pena uns calzoncillos do marido; e funcionou. E unha cousa máis: a petición había que facela sen falar, en silencio. Tamén se di que dende o sitio víanse sete igrexas. Meu agradecemento aos e ás informantes. Ver o magnífico blog de Dolores arqueotoponimia, baixo o título Botarlle moedas aos marcos. O marco do Lugar Vello (Miño-Vilarmaior).
 
 

 

MONFERO
 
Marco de Cartelida: Marca o límite entre as parroquias de Queixeiro, Taboada e Vilachá (Monfero) e Grandal (Vilarmaior). Segundo a tradición, cúrase o meigallo e todos os males que poida provocar a envexa e o mal de ollo. Sobresae do chan arredor dun metro. Non hai moito, o marco foi derrubado por unha máquina ao preparar a terra para a plantación de eucaliptos; foi reposto no mesmo lugar polo señor Manuel cuxa nai naceu na Casa da Cartelida. Manuel contoume que cando era cativo, nunha ocasión non paraba de chorar, entón a avoa colleuno e levouno ao marco; despois de dar unhas voltas ao seu redor, tranquilizouse. Tamén me relatou que na zona había unha muller que era moi pobre polo que, cando ninguén a vía, achegábase ata o marco e collía os patacóns que a xente adoitaba depositar xunto del; para que non lle caera a ela a desgraza por roubar os cartos, mercaba mixtos e prendíalles lume para que o mal que facía ardera. Un home de Gulpilleira contoume que cando unha persoa andaba de mal humor, dicíanlle: "Vaite dar unha volta arredor do Marco da Cartelida para ver se acougas". Non moi lonxe localízase a necrópole megalítica de A Anta, no monte do Francés, entre Cartelida e Gulpilleira, formada por trece túmulos. En Cartelida hai dúas mámoas, dunha das cales sobresae un esteo granítico.
 
Marco Roibo (Vilaboi-San Fiz de Monfero): Entre as parroquias de San Fiz de Monfero e Ambroa (Irixoa).
 
Marco de Torres ou do Seixo: Situado no medio dun cruce de camiños, fai de marco divisorio entre os concellos de Monfero e Vilarmaior, e tres parroquias (Torres, Vilachá e San Fiz de Monfero). O nome de Torres dállo a parroquia citada, e O Seixo o da aldea próxima do mesmo nome, na parroquia de San Fiz de Monfero. Atópase preto dunha necrópole megalítica. Ten unha altura á vista de 1,20 metros. Na cara sur aparecen dous cruciformes, na leste as letras "M" e "F" que puideran aludir ao concello de Monfero; na cara sur presenta cazoletas, cruces e unhas gravuras lineais. O marco utilizábase para curar varias enfermidades, tanto para o gando como para as persoas.
 
Marco do Rego do Feal: Entre as parroquias de Queixeiro e San fiz de Monfero.
 
Pedrafita das Penas do Raio (San Fiz de Monfero): A 495 metros de altitude, a pouco máis dun quilómetro en liña recta do castelo da Pluma. No afloramento das Penas do Raio destaca unha pedrafita chantada por man humana onde, segundo a lenda, sentaba unha moura para vixiar o tesouro que agochaba na mámoa do Penedo Gordo. Moi preto hai dúas mámoas. 

 
 


MUGARDOS
 
Francisco Vales Villamarín, no seu El marco del Monte Medela (Anuario Brigantino, 1999), no concello de Cesuras, recolle unha cita do cardeal Del Hoyo cando visitou a ermida do San Vitoiro no ano 1607, erixida sobre o castro de San Vitoiro na parroquia de Santiago de Franza: "Hay otra hermita del Señor San Vitorio. Está esta hermita entre unas heredades que dicen que fueron castros de moros y dan señales de haber sido fortalezas". Tamén conta Jerónimo del Hoyo que no interior había unha pedra fincada ou marco (desaparecido na actualidade) que dividía as xurisdicións do conde de Lemos e o Cabido de Compostela. Vales Villamarín di que máis ca un marco que dividía as xurisdicións era unha pedrafita que fora cristianizada xa que non tiña ningún sentido chantar un marco no interior da ermida. Cóntase que a imaxe do San Vitoiro apareceu milagrosamente na croa do castro, no lugar onde estaba a antiga capela, logo substituída pola actual.

 

MUROS
 
Pedrafita do Outeiro das Capas (Torea): Situada no parque eólico "Pedregal Tremuzo", preto dun vello camiño. Actuou como marco de término entre as freguesías de Coiro (Mazaricos), Torea (Muros) e Valadares (Outes). Na actualidade o Outeiro das Capas atópase entre Mazaricos e Muros.
 

NARÓN
 
Fitos da canteira de Nenos (Monte de Nenos-Narón): Trátase de dúas laxes de gran tamaño, de máis de tres metros de lado e varias toneladas de peso, chantadas verticalmente. Proceden da canteira prehistórica do monte de Nenos. Semella que foron traballadas para un dolme que non se chegou a construír. Están no medio dunha plantación de eucaliptos. 
  
Marco da Areosa Branca (Sedes-Narón): Situado no monte do Seixo xunto unha mámoa. Segundo Luis Monteagudo sería unha probable pedrafita. (Foto recollida de Narón, un concello con historia de seu, de André Pena Graña). 
 
Marco de Portonovo: Posible laxa megalítica reutilizada como pontiga. Divide os concellos de Narón, Valdoviño e San Sadurniño. Ten unha pegada de tipo plantae pedum, a pegada do pé de Xesucristo cando asulagou a cidade de Portonovo de Valverde. (Información e foto recollida de Narón, un concello con historia de seu, de André Pena Graña). 
 
A Pena Molexa (O Val). Situada preto do castro de Vilasuso. Trátase dun enorme penedo granítico, duns cinco metros de alto. Semella estar encaixado entre outras penas de gran tamaño. Din que apunta ao lugar polo que cada 19 anos sae a lúa no solsticio de verán. De ser así, é unha coincidencia ou foi colocado a propósito? Asociada a varias lendas e tradicións.

 



 

NEDA
 
A Pedra Curvada: Na aldea da Rabadeña, dividida entre as parroquias de Santa María de Neda (Neda) e Sillobre (Fene). Trátase dunha gran pena duns tres metros de alto abeirada por dúas máis pequenas que semellan suxeitala. O nome quizais lle veña pola especie de arco que presenta pola parte superior. Tamén se coñece como Pedra da Mámoa, pode que debido á súa analoxía cun enorme chanto dun dolmen. Antano, o lugar estaba adicado a pasto para o gando, na actualidade atópase plantado de eucaliptos e cuberto pola matogueira. Un veciño da Rabadeña, que amablemente me acompañou ata a pena, contoume que de nenos adoitaban xuntarse xunto a pedra para ver se vían unha moura que agochaba un tesouro, que fora a que trasladara a pedra para o sitio Non moi lonxe está a Fonte da Rabadeña asociada, tamén, a mouros e tesouros, e unha pedra con coviñas.
 


NEGREIRA
 
Círculo lítico no Monte Corzán: Citado por Murguía no ano 1888.
 
Pedrafita Marco do Cornado: Divisoria entre as parroquias de Alvite e Bugallido (Negreira), e próxima á de Fontecada (Santa Comba). Citada por Murguía no ano 1888. Destruída no ano 1900.
 
Estatuas-pedrafitas do Castro de Logrosa: Proceden, ao parcer, do castro inmediato á vila de Negreira, e foron trasladadas ao lugar da Chancela. Trátase de dúas efixies cortadas á altura do ventre, esculpidas de forma tosca. Florentino L. Cuevillas, nun artigo titulado Las estatuas de Logrosa, publicado en Cadernos de Estudos Galegos no ano 1957, compáraas con estatuas-menhir. G. López Monteagudo (1989) di que poden ter unha vinculación coa divindade galaica Cosus.  Tamén hai quen as relaciona con Xúpiter. Custodiadas no Museo do Pobo Galego.
 
 
 

NOIA
 
Círculo lítico do Monte Faxildre: Citado por Saralegui. Reproduzo, como curiosidade, a información aparecida na revista Galicia: Guía para el turista, editada no ano 1917 pola Asociación de Hosteleros y Fondistas de Galicia: "A unos tres kilómetros de Noya hállase el Monte Barbanza, y en él está la Coba da Moura..., y está también la Colina de Faxildre en que se ven pequeños menhires formando hileras o segmentos de círculos desde la falda hasta la cima". López Cuevillas e Bouza Brey (1931) falan dun círculo lítico no outeiro de Xavilde que ben se podería corresponder co mesmo. 
 
Trilito "Dolmen" nos Montes de Obre: Un trilito, do grego trilithos, está formado por tres grandes pedras, dúas en posición vertical sobre as que apoia outra horizontal. Monumento asociado a un entorno megalítico. Na bibliografía apenas se fai mención a este tipo de monumentos que seguen o concepto esquemático dos dolmens. É que os nosos megaliteiros descoñecían este tipo de estruturas documentadas noutras áreas da costa atlántica europea? Ou é que os temos tan á vista que nos pasan desapercibidos? Non será que na maior parte dos casos aproveitaron as formacións rochosas naturais que reunían determinadas condicións para completar a obra? Ademais do debuxo de Barros Sivelo que achego a continuación, tense referencia doutro que había en San Simón da Costa (ver Vilalba).
 
 

ORDES 
 
Pedrafita en Mámoa (Ardemil): Moncho Boga fala desta pedrafita situada no lugar de Mámoa, no Camiño Inglés ou de Faro, roteiro vencellado a túmulos megalíticos, castros, etc. A pedra mide pouco máis dun metro de altura. Di Boga que descoñece se é megalítica, mais si que é o único elemento que lembra o pasado prehistórico da aldea.

 

OUTES
 
Pedrafita do Outeiro do Flaire (Esperante-Valadares): Desaparecida.
 
Pedrafita da Cabana Moura (Cabana Moura-San Ourente de Entíns).
 

PADERNE
 
Marco das Catro Parroquias: Desaparecido. Dividía as parroquias de Ambroa e Mántaras (Irixoa) e de Adragonte e Vigo (Paderne).
 
  

PADRÓN
 
Pedrafita do Agro de Naia (Queiruga-Cruces): A finais do ano 2001 e principios do 2002, Jorge Guitián Castromil e Xoán Guitián Rivera localizaron tres interesantísimos marcos con inscricións medievais preto das aldeas de Pedrouso, Queiruga e Pazos, no concello de Padrón. O que traigo aquí ten na parte inferior varias coviñas. Na parte superior vese unha cruz latina, o trazo vertical está cortado por un arco e cruzado por un trazo horizontal. Na cara norte ten unha inscrición medieval en latín. Semella que esta pedrafita foi reaproveitada, a fenda que ten na parte superior, segundo Alberte Alonso Fernández, indica que cumpría funcións astronómicas. Está nas proximidades dunha canteira, hoxe en día abandonada; foi derrubada e posteriormente chantada de novo polo que é moi probable que perdera a posición primitiva. 
 
Marcos de Lampai (Cruces): Dous fitos de orixe medieval. O coñecido como Marco do Couto foi doado por Afonso VII no ano 1156 a Sancho Eanes. Descubriuse no ano 2002, e mide sobre 1,80 metros de altura. Posúe unha inscrición que, traducida, di: "No ano 1156, o primeiro de setembro, colocouse este pedrón coa autoridade do Emperador e de todos os intervinientes". Atópase nun inestable outeiro artificial que quedou despois da explotación dunha canteira; ademais ten unha fenda que o percorre de arriba abaixo o que pode provocar que rache.

 

A POBRA DO CARAMIÑAL
 
Aliñamento de pedrafitas: Citado por Manuel Murguía na súa Historia de Galicia, situado, segundo di, a unha legua da Pobra do Caramiñal: "... conjunto de menhires pequeños... unos clavados, otros castados, formando aliniamientos".

PONTECESO
 
Círculos líticos da Illa da Estrela ou Tiñosa (Corme Aldea): Citados por Saralegui no ano 1918. Non quedas restos. Tamén acolleu un castro e unha ermida.

 

 

PONTEDEUME
 
Sitio, posiblemente arqueolóxico, de Embeande: No catastro figura como Embeande. Atópase na Fontenova, parroquia de Breamo (Pontedeume), a uns 350 metros de altitude. Tería unhas medidas aproximadas de 50 x 35 metros. No voo americano de 1956-57 aínda se aprecia bastante ben. Localiceino por medio do LIDAR no mes de agosto de 2024.
 
 

AS PONTES
 
Círculo lítico do Bidueiral (O Biduriral-Somede): Citado por Maciñeira, Murguía e Villaamil. Pequeno círculo lítico feito con pedras de cuarzo branco, duns 10 metros de diámetro, situado nun lugar dominante. Moi alterado.

Círculos líticos da Mourela: A primeira referencia atopámola na obra de Saralegui Estudios sobre la época céltica en Galicia (1894) onde se fai eco das investigacións de Federico Maciñeira, citando a existencia de cinco mámoas e dous círculos líticos. No 1895, será o propio Maciñeira quen anuncie os seus achados na revista La Ilustración artística de Barcelona. No ano 1929 publícase Notable grupo de círculos líticos y túmulos dolménicos de la cuenca del Eume que recolle o froito da súa investigación. Nos anos noventa realízanse unha serie de escavacións, dirixidas por Eguileta Franco, antes de que se produza a destrución parcial do conxunto por mor da construción dun polígono industrial. No ano 2007 un dos círculos foi intervido no contexto dunha obra pública, identificándose unha estrutura circular de 30 metros de diámetro, delimitada por un anel de pedra e terra; ao sur documentouse outra estrutura de planta cuadrangular conformada por un zócolo de mampostería, cun pavimento de terra e un fogar de arxila, identificada coma os restos dunha cabana datada entre os séculos XV e XVII d. C. Tamén se documentaron fosas, buratos de poste e material lítico e cerámico. As datacións na estrutura circular e as fosas van do século VIII ao XVI d. C., concluíndose que o círculo serían os restos dun chozo medieval abandonado en época moderna ou dun curro onde se gardaría o gando. No ano 1902, un círculo lítico é desmantelado das súas pedras, utilizadas no firme dun camiño. O círculo lítico que quedaba foi destruído cando a construción da autostrada As Pontes-Ferrol. O día 23 de xaneiro de 2010 presentouse nas Pontes o libro de Andrés Bonilla e Ramón Fábregas, Círculo de engaños. Excavación del cromlech de A Mourela onde os autores rexeitan a súa orixe neolítica, situando a construción en época medieval; trataríase, segundo os autores, dunha cabana ou curro para o gando situado nun contexto prehistórico. Hoxe en día, do conxunto da Mourela só se conservan tres mámoas que compartían espazo cos cromlech.
 

 
 

PORTO DO SON
 
Pedrafitas da Picota (Portosín): Moncho Boga fala de dúas pedrafitas situadas preto do petroglifo da Picota (daí lle deu o nome) e que recolleu de José Luis Yela. Na pedra máis alta, de 1,80 metros de altura e de forma cadrangular, obsérvanse dous buratos rectangulares. A pedra máis pequena ten forma troncocónica cun rebaixe lonxitudinal a xeito de mediacana na cara á vista; na cima semella amosar unha especie de fendedura.

 

RIBEIRA
 
Pedrafita de Cristal ou da Agra (Axeitos-Oleiros): Atópase no xardín dunha casa, a uns 100 m. do seu emprazamento orixinal. Descuberta a mediados dos noventa, mide 2,5 metros de altura e 0,50 de anchura máxima. Presenta algunhas cazoletas. Pode verse unha reprodución no Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galiza situado no Parque Natural de Corrubedo. Declarada BIC.
 
Pedrafita de Bretal (Bretal-Olveira): Atopábase xunto a anterior, de semellante feitura pero de menor tamaño. Desaparecida.

 

SANTIAGO
 
Pedrafita de Fecha: Citada por Saralegui, non indica se na parroquia de San Xoán de Fecha ou de Santa Cristina de Fecha. 

SANTISO
 
Pedra da Pontenova (A Ponte de Arcediago): O día 18 de xaneiro de 2015, Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, arqueólogos do Museo da Terra de Melide, achegáronme información dun ortostato dun enterramento megalítico realizado en gneis, de feitura amendoada, caras aplanadas, base redondeada e remate apuntado. Ten unha altura de 2,50 metros e de 1,75 de ancho máximo. Na superficie presenta estrías paralelas motivadas polo seu labrado.

 

SOBRADO DOS MONXES
 
A Ciadella: Benito Vicetto fala dunha pedrafita. Balsa de la Vega (1909) cita un terminus cun falo en relevo.

TEO
 
Marco da Agrela (A Agrela-Lampai): Pedra de granito de forma regular que sobresae do chan 1,30 metros, na base mide 0,50 metros e 0,35 na parte superior. Nunha das caras presenta gravada a letra "R".

 

TORDOIA
 
A Pedra Longa (Seixán-Cabaleiros): Segundo a lenda, a pedra tróuxoa Nosa Señora. Tamén se di que no lugar respousaban os cabaleiros da Orde de Santiago e, na Noite de Fin de Ano, fala: quen a toca coas mans nota as súas vibracións.

 

VILARMAIOR
  
Penedo da Garda: Marco que actuaba como lindeiro entre as parroquias de Goimil e Vilamateo. Só se conserva unha terceira parte do monolito. Presenta unha cruz gravada. Segundo a lenda, no penedo "había uns furados onde os celtas sacrificaban os carneiros, e polas canaletas de pedra corría a graxa". Información recollida do traballo O mosteiro de San Cremenzo de Vilamateo, publicado polo Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos no Anuario Brigantino (2002). 
 
Marco de Cartelida: Marca o límite entre as parroquias de Queixeiro, Taboada e Vilachá (Monfero) e Grandal (Vilarmaior). Segundo a tradición, cúrase o meigallo e todos os males que poida provocar a envexa e o mal de ollo. Sobresae do chan arredor dun metro. Hai anos, o marco foi derrubado por unha máquina ao preparar a terra para a plantación de eucaliptos; foi reposto no mesmo lugar polo señor Manuel cuxa nai naceu na Casa da Cartelida. Manuel contoume que cando era cativo, nunha ocasión non paraba de chorar, entón a avoa colleuno e levouno ao marco; despois de dar unhas voltas ao seu redor, tranquilizouse. Tamén me relatou que na zona había unha muller que era moi pobre polo que, cando ninguén a vía, achegábase ata o marco e collía os patacóns que a xente adoitaba  depositar xunto del; para que non lle caera a ela a desgraza por roubar os cartos, mercaba mixtos e prendíalles lume para que o mal que facía ardera. Un home de Gulpilleira contoume que cando unha persoa andaba de mal humor, dicíanlle: "Vaite dar unha volta arredor do Marco da Cartelida para ver se acougas". Non moi lonxe localízase a necrópole megalítica de A Anta, no monte do Francés, entre Cartelida e Gulpilleira, formada por trece túmulos. Na Cartelida hai dúas mámoas, dunha sobresae un esteo granítico. 
 
Marco da Pena das Meigas ou do Lugar Vello: No mes de outubro de 2024, a etimóloga Dolores González de la Peña localizou nunhas actas de deslinde entre os concellos de Miño e Vilarmaior do ano  1924 a cita ao Marco do Lugar Vello situado entre as parroquias de Carantoña (Miño) e Doroña e Vilarmaior (Vilarmaior). Di o documento que se trata dunha pedra de lousa de forma irregular de sete metros de lonxitude, setenta centímetros de altura e setenta e nove de latitude; na parte superior, de forma arredondada,  ten unha cruz "en la que se encontraron dos monedas de cobre". Achega o documento que o marco curaba as enfermidades se se deixaba unha moeda sobre a cruz e se daba unha volta ao redor da pedra. Iso si, se alguén roubaba as moedas alí depositadas collería tamén as enfermidades. O día 12 de outubro de 2024, coa necesaria información achegada por Dolores, fun a ver se o atopaba. Un home do Xuncal, na parroquia de Carantoña (Miño), díxome que estaba en Mide, aldea da parroquia de Vilarmaior. Alí me dirixín e outro home, que non era natural da aldea pero vivía nela temporalmente, si me comentou que, en efecto, unha casa de Mide estaba unha parte en Miño e a outra en Vilarmaior; el mesmo mandoume preguntar noutra casa. E deu no cravo. Un matrimonio, Aurora e José Luis coñecíanna ben. El foi o que me levou ata a Pena das Meigas. A descrición coincide coa plasmada no documento. Pero as persoas coas que falei obsequiáronme amablemente con outras tradicións ademais da das moedas. Non só se depositaban moedas, tamén prendas de vestir. Nunha ocasión, unha muller que non daba quedado embarazada puxo na pena uns calzoncillos do marido; e funcionou. E unha cousa máis: a petición había que facela sen falar, en silencio. Tamén se di que dende o sitio víanse sete igrexas. Meu agradecemento aos e ás informantes. Ver o magnífico blog de Dolores arqueotoponimia, baixo o título Botarlle moedas aos marcos. O marco do Lugar Vello (Miño-Vilarmaior).
 
Marco de Torres ou do Seixo: Situado no medio dun cruce de camiños, fai de marco divisorio entre os concellos de Monfero e Vilarmaior, e tres parroquias (Torres, Vilachá e San Fiz de Monfero). O nome de Torres dállo a parroquia citada, e O Seixo o da aldea próxima do mesmo nome, na parroquia de San Fiz de Monfero. Atópase preto dunha necrópole megalítica. Ten unha altura máxima de 1,20 metros. Na cara sur aparecen dous cruciformes, na leste as letras "M" e "F" que puideran aludir ao concello de Monfero; na cara sur presenta cazoletas, cruces e unhas gravuras lineais, posiblemente prehistóricas. O marco utilizábase para curar varias enfermidades, tanto para o gando como para as persoas.

 
  



 

VILASANTAR
 
Pedrafitas de Présaras: Varios menhires citados por Benito Vicetto na súa Historia de Galicia.
 
"Pedrafita" de Santa María de Mezonzo: O día 3 de xuño de 2015 recibín un correo de Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz, arqueólogos do Museo da Terra de Melide, a respeito deste fito situado nas inmediacións da igrexa románica. Ata ese día, dicía dela o seguinte: "Presenta un pequeno rebaixe cara o cumio, o que lle confire un lixeiro aspecto fálico". Despois de visitala, Cristina e Xurxo chegaron á conclusión de que a pedra ten escaso valor arqueolóxico, ao menos no tocante á tipoloxía dos elementos que achego neste blogue. Comprobaron que o fito actuou como xamba ou soporte dun lintel, dunha porta ou dalgunha outra edificación, posiblemente antiga, xa que presenta unha sección basicamente rectangular, coas caras aplanadas. Nunha desas caras planas pódese ver un rebaixe cadrado, e nunha das esquinas ten unha aplicación de cemento, para conformar un ángulo recto, propio da cara interna dunha porta. O feito de que o remate sexa apuntado non é de todo raro xa que nestas áreas do interior o lintel ou pousadoiro de portas de vivendas tradicionais e de palleiras, ás veces é de madeira. Conclúen que non se trata dunha pedrafita reutilizada como xamba, senón dunha pedra traballada toscamente para ser xamba. 

 

VIMIANZO
 
Pedra do Frade (Berdoias): Pedra do Frade é unha aldea da parroquia de Berdoias. Di Monteagudo que a silueta apuntada semellaría un frade, daí o nome. Segundo a lenda debe o seu nome a un frade que subíu ao alto dunha pena para escapar do lobo, mais sen éxito xa que foi devorado. Sobre a pena obxecto da referida lenda ergueuse un cruceiro que dise ocupa o lugar da desaparecida pedrafita considerada coma un símbolo pagano.
 
Círculo: No anverso dunha foto de Ramón Sobrino dos anos 40-50 do pasado século XX lese: "Carantoñas. Círculo de Piedras. ¡Dudoso!". Na foto vese o círculo pero queda a dúbida da ubicación xa que o topónimo atópase nos concellos de Lousame, Miño, Porto do Son e Vimianzo.




CÍRCULOS E PEDRAFITAS DA PROVINCIA DE LUGO

ABADÍN
 
Manuel Rivas Cortiñas, de Labrada (Abadín), envioume a mediados do mes de novembro de 2013 a foto dunha pedra granítica en posición vertical con  coviñas que, en principio, semellan naturais. Segundo me informou o propio Manuel, a chanta está nunha elevación rochosa coñecida como Penas do Castro onde, ademais desta pedra chantada, hai outras, tamén con cuncas, esparexidas polo lugar.

 
 
ALFOZ
 
Pena Abaladoira da Serra do Xistral (O Pereiro): A 750 metros de altitude. Trátase dun bolo granítico de forma tirando a ovoidal que apoia sobre unha pena. Cóntase que tivo gravada unha gran serpe da que, se existiu, non quedan restos. A primeira imaxe, ofidio incluído, débese a José Villa Amil y Castro en “Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia” (1873). Na parte superior ten dúas grandes pías naturais que, segundo a lenda, eran utilizadas para botar o sangue dos animais que se sacrificaban para logo purificarse con ela. As parellas que non podían procrear deitábanse sobre a pena, e tamén era eficaz para as mozas procurar noivo ou as que desexaban ter un bo parto. A auga depositada nas pías era boa para curar as verrugas. Pero tamén se practicaban os coñecidos como "Xuízos de Deus" (Iudicium Dei) para determinar a fidelidade das esposas, a virxinidade das doncelas o a culpa ou inocencia en distintos delictos, dependendo de se as persoas acusadas eran capaces de abanear ou non a pena.
 

 
BARALLA
 
Círculos: Entre os meses de decembro de 2023 e marzo de 2024, grazas ás imaxes do voo americano de 1956-57, localicei catro novas estruturas circulares na provincia de Lugo. Dúas en Castrolanzán e Guimarei (Baralla), unha en Pedrafita do Cebreiro, e outra na Pobra do San Xiao (Láncara). Nas ortofotos actuais nada se ve xa que os círculos foron destruídos pola actividade humana. De todos xeitos, cando os visite, procurarei ampliar a información.
 


BARREIROS
 
Círculo lítico do Monte das Fachas (San Xusto de Cabarcos): Citado por Villa-Amil y Castro no ano 1873, por Manuel Murguía na 2ª edición da Historia de Galicia de 1901, e por Vázquez Seijas no Boletín da Comisión provincial de Monumentos de Lugo no 1943. Villaamil fala de dous círculos, un moi destruído e outro formado por sete grosos chantos dun metro de altura. Segundo Marcelino Menéndez Pelayo, no seu traballo Historia de los heterodoxos españoles. Apéndice II: España antes del cristianismo (1880), dubida de que neste último círculo interviñera a man do home, aínda que deixa entrever que o lugar si puído ser utilizado para algún tipo de culto. No mes de abril de 2016 realizáronse varias catas arqueolóxicas, dirixidas polo arqueólogo Francisco Hervés, para determinar si aínda se conservaban restos do cromlech e mámoas. O resultado foi negativo. Segundo a tradición, un veciño atopou un puñal e outros materiais. No inventario que se realizara no ano 1990 para delimitar o trazado do Camiño de Santiago localizáranse restos dunha mámoa que foi destruída, ademais de catro cistas que correron a mesma sorte.
 
A Roda (Reinante): O sitio estaba mal localizado, descubríndose cando as escavadoras que traballaban na autostrada do Cantábrico no ano 2008 deron cuns muros. O lugar era coñecido de vello pero críase que se trataba dun castro. Trátase dunha estrutura circular con forma de túmulo duns cincoenta metros de diámetro limitada por un foxo de entre tres e catro metros de diámetro e un de profundidade. O círculo está formado por dous muros, entre os que se depositou a terra do foxo, formando así o parapeito que no seu punto máis alto acada os tres metros. Consérvase a zona de entrada, de entre metro e medio e dous metros orientada cara o NO; xunto dela hai unha pedra que podería ser unha das pedrafitas que delimitaban o acceso. Cando os arqueólogos supervisaron o achado axiña se decataron  de que non se trataba dun castro, demasiado pequeno, senón dunha edificación moi anterior. No mes de xullo de 2015 un equipo de arqueólogos da Dirección Xeral do Patrimonio comezaron os traballos no xácigo, identificándoo coma un henge, estrutura abundante nas Illas Británicas. Como resultado das análises radiocarbónicas fixouse o momento da construción no Bronce Medio (séculos XVII e XVI a.C.). O xacemento pode considerarse como excepcional se consideramos que fóra das Illas Británicas non se tiñan localizadas este tipo de estruturas nin en Galicia nin no resto de Europa, o que leva a preguntarnos que relación había entre as Illas Británicas e Galicia na Idade do Bronce. Os arqueólogos conclúen que o interior non foi un lugar para amorear obxectos e que tampouco se construíron vivendas, de modo que ninguén o habitou. Crese que podería ser un lugar onde se xuntaba a sociedade prehistórica para facer xuntanzas de tipo político, social ou relixiosa. A súa ubicacón pode que non fose casual, senón relacionada coa astronomía antiga, para marcar os ciclos de cultivos ou outros fins.
 

 


BECERREÁ
 
Marco de Vilouta: Situado entre os castros de Vilouta de Abaixo e Vilouta de Arriba e próximo ao dolmen coñecido como A Pedra Cobertoira. Quizais actuou como marco divisorio entre ambas as dúas aldeas que pertenceron ao mosteiro cisterciense de Penamaior. Trátase dun fito de xisto e cuarzo de feitura regular que presenta sección cadrada e caras sen labrar cunhas medidas en cada lado duns 25 centímetros e de pouco máis dun metro de altura. Na actualidade atópase tirado á beira dun regato pero no mesmo lugar onde estivo chantado. Segundo me contou o señor Vicente de Vilouta de Abaixo, falta parte da pedra que antes de seren derrubada tiña unha altura aproximada de 1,5 metros. Como apuntei, é probable que actuara como marco, mais chamoume a atención a lenda que circula ao seu redor. Dise que foi chantado no lugar por unha moura e que os mouros que habitaban no túnel que comunica os castros de Vilouta de Abaixo e Vilouta de Arriba ataban ao marco os seus cabalos. Tamén foi unha moura a que colocou a tampa do dolme da Pedra Cobertoira que trasladara sobre a súa cabeza dende o monte que aínda hoxe en día se coñece como A Moura, situado a uns dous quilómetros en liña recta, nas abas da Serra do Pico. Non moi lonxe está A Ponte da Moura, e tamén a Pena de Pascua, unha rocha onde se poden ver unha especie de banzos; ademáis de que no lugar se xuntaban antano os pegureiros para xantar, e en tempos non precisados os mouros facían sacrificios humanos. 

 

BEGONTE
 
Pena do Mouro (Donalbai): O conxunto está formado por tres enormes piares de seis metros de alto sobre o que asenta unha pedra en forma de ril. Seguindo unha liña recta, chégase ata as Penas das Rodas, no concello limítrofe de Outeiro de Rei que, segundo algunhas hipóteses, se utilizarían como observatorio astronómico na prehistoria. David Outeiro contoume que a pena foi dinamitada en parte nos anos vinte do pasado século por mor dunhas desputas familares. Antes diso había un gran abrigo baixo o que se facía o magosto. Tal como lle contou unha muller, o penedo en si é unha moura e dentro habitaba unha gran cobra que podía devorar á xente. Tamén se fala da aparición dunha muller que vivía na pena e que se adicaba a coller a la das ovellas para tecer. Mesmo se asegura que no lugar os mouros agocharon un tesouro que roubaron nun castelo, nin máis nin menos que durante a I Guerra Mundial! Dise que a Pena do Mouro está en conexión coas Penas das Rodas, no concello de Outeiro de Rei. Parece ser que durante os solsticios o sol atravesa as Penas das Rodas e logo penetra na Pena do Mouro.

 

CASTRO DE REI 
 
Estatua-menhir de Orizón (Quintela-Orizón): Datada na Idade do Bronce, atopada nunha pista no ano 2012, preto da necrópole tumular de Cinza da Moura. Foi estudada polo arqueólogo Paco Hervés. Trátase dunha estatua-menhir realizada en lousa con cubetas decorativas que se colocaría preto dun túmulo ou dun espazo funerario adicado a unha figura de relevancia social, posible representación dun heroe. Ten 60 cm de alto, 57 cm de ancho na parte superior e 38 cm na inferior que pode indicar a reprodución dun torso humano. Exposta no Museo do Castro de Viladonga.

 

CERVO
 
Estrutura circular da Mourisca 1 (O Pazo-Castelo).
 
Estrutura da Mourisca 2: Entre as parroquias de Castelo e Cervo. Ten unhas medidas aproximadas de 38 metros de diámetro.
 

O CORGO  E CASTROVERDE

O día 10 de xaneiro de 2023, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a existencia dunha estrutura circular situada no monte das Cabanas, na parroquia de Maceda, concello de O Corgo. Trátase dun círculo perfecto de 75 metros de diámetro que apenas sobresae 20 centímetros do chan e que, debido a estar moi colmatado pola acumulación de materia vexetal (atópase entre pinos e rebolas), apenas é perceptible a simple vista. Algúns investigadores comparan estes círculos cos henge das Illas Británicas. O primeiro documentado en Galicia foi o famoso da Roda de Barreiros onde xa se efectuou algunha intervención onde, como resultado das análises radiocarbónicas, fixouse o momento da súa construción no Bronce Medio (séculos XVII e XVI a.C.). Nos últimos anos están a documentarse en Galicia varios destes enigmáticos círculos (ata o momento detectáronse pouco máis de medio cento). Polo de agora descoñecese cal sería a súa función pero pode que estean vencellados a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario, ou que se trate de lugares onde as sociedades prehistóricas se xuntaban para facer reunións de tipo político, social ou relixioso. O día 24 de xaneiro de 2023, dende Patrimonio da Xunta de Galicia comunicáronnos que, unha vez visitado o lugar polos seus arqueólogos, comprobaron, en efecto, que se trata dun elemento arqueolóxico circular polo que redactaron unha ficha do rexistro de xacementos, sendo catalogado co código GA27014070. Esta estrutura de O Corgo é unha das poucas catalogadas ata o momento en Galicia. Por outra parte, tamén lle comunicamos a Patrimonio outro círculo de características semellantes no concello de Castroverde, que localizou a asociación de recreación histórica do Arde Lucus, Tir n´a Nog, e que os do Colectivo Patrimonio dos Ancares visitamos a petición súa. Atópase no monte da Zarra, en Pereira, parroquia de Furís. Trátase, coma o do Corgo, dun círculo perfecto duns 100 metros de diámetro que apenas se percibe a simple vista, pero si nas fotos do voo americano dos anos 1956-57. Apenas levanta do chan 10 centímetros. Estes xacementos, que ata non hai moito tempo tiñánse como castros, poden considerarse como excepcionais se temos en conta que fóra das Illas Británicas, que saibamos, non se tiñan localizadas este tipo de estruturas polo que consideramos a necesidade da realización de estudos e escavacións que permitan despexar os enigmas que plantexan estas sorprendentes estruturas que poden achegar novas informacións sobre a prehistoria de Galicia. Ademais, é moi posible que varios castros, catalogados como tal, non o sexan e se trate de círculos cunha cronoloxía anterior.
 
Novo círculo no Corgo: O día 11 de xullo de 2023, a asociación de recreación histórica Tir Na n´Og e o colectivo Patrimonio dos Ancares comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a localización dun novo círculo no concello do Corgo. Foi na parroquia de Cerceda, a unha altitude de 400 metros, no monte coñecido co evocativo nome de O Castrillón onde puidemos comprobar a existencia dunha estrutura circular duns 50 metros de diámetro cun parapeito que a circunda en todo o seu perímetro de 3-4 metros de ancho e unha altura que en ningún caso sobrepasa o medio metro. Atópase cuberto pola maleza. A imaxe onde mellor se aprecia é a do voo americano do ano 1956-57. O día 28 de agosto de 2023, dende Patrimonio comunicáronnos que, despois da comprobación realizada polos seus arqueólogos, foi catalogado como Estrutura circular de Castrillón, co código GA27014072. Nos últimos anos están a documentarse en Galicia varios destes enigmáticos círculos (ata o momento detectáronse pouco máis de medio cento). Polo de agora descoñecese cal sería a súa función pero pode que estean vencellados a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario, ou que se trate de lugares onde as sociedades prehistóricas se xuntaban para facer reunións de tipo político, social ou relixioso. O primeiro documentado en Galicia foi o famoso da Roda de Barreiros onde xa se efectuou algunha intervención onde, como resultado das análises radiocarbónicas, fixouse o momento da súa construción no Bronce Medio (séculos XVII e XVI a. C.). O último documentado ata o presente localizámolo o pasado mes de xaneiro, tamén no concello de O Corgo, que xa foi catalogado pola Xunta de Galicia. Estes xacementos, que ata non hai moito tempo tiñánse como castros, poden considerarse como excepcionais se temos en conta que fóra das Illas Británicas, que saibamos, non se tiñan localizadas este tipo de estruturas polo que consideramos a necesidade da realización de estudos e escavacións que permitan despexar os enigmas que plantexan estas sorprendentes estruturas que poden achegar novas informacións sobre a prehistoria de Galicia. Ademais, é moi posible que varios castros, catalogados como tal, non o sexan e se trate de círculos cunha cronoloxía anterior. 
 
 





A FONSAGRADA
  
Pedrafita de Pedrafitelas ou Marco de Pena Labrada (O Padrón): Na actualidade érguese a carón do Camiño Primitivo, entre Pedrafitelas e o Hospital de Montouto. Hai anos foi arrincada do seu emprazamento orixinal, derrubada e parcialmente mutilada. Hai anos contáronme que actuaba como marco divisorio pero que tamén indicaba a proximidade do Hospital de peregrinos fundado por Pedro I o Cruel no ano 1357 e logo trasladado máis abaixo a finais do século XVII. Malia o anterior é probable que, ao estar nas proximidades dun campo de mámoas, sexa prehistórica e anunciaría a necrópole megalítica. Ten unha altura á vista duns 2 metros e 0,50 enterrados.

 

FRIOL
  
Círculo lítico da Chousa do Toxo (Taín-Carlín): Citado nun documento de finais do século XIX. Cando a construción dunha estrada, entre finais dos anos sesenta e principios dos setenta do pasado século XX, a maioría das súas pedras foron utilizadas para o firme da mesma, permanecendo só en pé un par de fitos que foron arrancados e desprazados hai poucos anos ao acondicionar o terreo para unha plantación de eucaliptos. Todas as persoas consultadas lembran á perfección do círculo de pedras. Nas proximidades está o sitio da Medorra, localizado no coñecido como Monte da Escola, e a Fonte do Ouro. 
  
Pedrafita do Agro do Castro (Trasmonte): Nas inmediación do castro de Trasmonte localizamos no mes de marzo de 2016 unha pedra chantada no medio dun prado. Ten unha altura dende a base de 1,10 metros e 0,45 metros de ancho. Polo de agora descoñezo que función cumpría, se ben me aseguraron que non actúa como marco de nada. Os propietarios consérvanna porque, como xa dicían os seus antepasados "sempre estivo aí e non molesta". 
 
Pedrafita do Vieiro (Cotá): Chanto de pouco máis dun metro de alto situado nun cruce de camiños xunto a Casa do Vieiro. Nas inmediacións hai varios enterramentos megalíticos. O día que a vin non había ninguén por alí polo que queda pendente de recoller algunha información ao respecto, así como a súa procedencia xa que hai anos non se atopaba neste lugar. 
 
Pedra das Cazolas (A Ferreira-Serén): Na parte visible ten unha altura de algo menos de tres metros. Na base da cara principal, onde se ve unha pía duns 40 centímetros de diámetro, mide arredor de 1,35 metros, e o lado máis ancho uns 0,70 metros. Vese claramente que o fito perdeu gran parte da cara posterior. Na parte superior chama a atención unha fendedura en forma de U aberta, cos bordos totalmente lisos, cunha orientación leste-oeste. Hai quen di que se trata do esteo dun enterramento megalítico, pero nas inmediacións non hai constancia da existencia de ningún. Na parte superior esquerda ten gravada unha pequena aspa. Nun primeiro momento dixérannos que cando os actuais propietarios mercaron a finca, a mediados dos anos noventa do século XX, a pedra estaba tumbada e quixeron partila para utilizar os anacos como peche dunha finca, pero renunciaron cando lles advertiron que figuraba nunha ficha de Patrimonio da Xunta de Galicia; foi entón cando a puxeron en pé. O día 14 de xuño de 2015 volvemos polo lugar e tivemos a sorte de atoparnos cun dos donos quen nos asegurou que o fito sempre estivo ergueito nese mesmo sitio. En definitiva, permanecen as dúbidas se se trata dunha pedrafita ou o esteo dunha anta. No mes de xullo de 2024 un integrante do Colectivo Patrimonio dos Ancares, ao pasar polo lugar, viu que a pedra caera, quizais polo esbarrexemento da terra. E dous apuntamentos máis: non moi lonxe atoparon unha pedra, exenta, con varias coviñas que levaron para o xardín da súa casa; ao parecer, nun momento non precisado, o afloramento rochoso onde localizaron as coviñas fora utilizado como canteira. E segundo: hai anos, unha persoa interesouse por unha gran pena granítica que tiña gravada unha especie de calivera; os donos accederon a que a levara, utilizando para levantala unha grúa e para o seu transporte unha pa escavadora, o que nos pode dar unha idea das dimensións da pedra; lamentablemente non sabemos onde se atopa na actualidade. 
 
Pedrafita das Ferrerías (Vilalvite): Fito de 3,30 metros de altura á vista, e outros tantos soterrados. Foi colocada no lugar polo señor Cesáreo. Desenterrouna a mediados dos anos noventa nunha finca que estaba a acondicionar para pasteiro. Situada preto dun campo de mámoas e a carón do Camiño Real, coñecido nesta zona como Camiño dos Mouros. 
 
Pedrafita entre Narla e Trasmonte: O día 30 de xuño de 2018, Jesús María Lorenzo Vázquez, natural da parroquia de Bra, púxose en contacto con nós para que lle botaramos unha ollada a unha posible pedrafita no concello de Friol. O día 1 de xullo, Brais Rodríguez Romero máis eu achegámonos ata o sitio, comprobando a existencia dunha pedra chantada situada entre os montes da Ramada, na parroquia de Trasmonte, e da Pedra do Couto, na parroquia de Narla, que actuaba, e aínda actúa, como marco divisorio de ambas as dúas parroquias. Ten unhas medidas de 1,10 metros de alto na parte visible, 1,50 de longo e 0,65 de ancho. A pedra foi partida, o anaco que lle falta, cunhas medidas de 0,90 metros de alto, atópase tirado nas inmediacións, observándose que ambas as dúas pedras encaixaban á perfección. Nunha das caras contabilizamos máis de 30 coviñas de distintos tamaños. Ao pé da pedrafita hai unha gran pedra que actúa como cuña de suxección. Non queremos facer conxecturas, pero as coviñas que presenta e que se atope no medio dos campos de mámoas da Pedra do Couto e da Purreira leva a pensar nunha posible orixe prehistórica. Xunto esta hai outra pedra chantada de 1,80 de alto que, aínda que foi cortada, apréciase claramente a súa forma cónica. O achado foi comunicado para a súa catalogación ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo.
 
Posible pedrafita en Fontedelo (San Cibrao da Pregación): A principios do mes de xuño de 2019, Brais Rodríguez Romero atopou unha mámoa, inédita, nunha pradería de Fontedelo. No peche da finca tamén documentou unha gran pedra fincada, cunha altura á vista de 2,5 metros. Nas inmediacións hai máis túmulos.
 
 

 



 


 

GUNTÍN DE PALLARES
  
Pedrafita de Penalonga (Xoaine-Entrambasaugas). 
 
Pedrafita da Veiga: Linda coas parroquias de Pradeda e Vilameá. De forma tosca, sobresae do chan 1,50 metros. Presenta un cruciforme. Dende o mes de xaneiro de 2012 xa figura debidamente inventariada. 
 
Pedrafita da Goia: Linda coas parroquias de Entrambasaugas, Pradeda e Vilameá. Citada por Barros Sivelo. Presenta cinco coviñas. Atópase no medio dunha necrópole megalítica formada por unha vintena de mámoas. Declarada BIC.


 


O INCIO 

A Pedra do Tempo: No Monte de Santa Mariña, no concello do Incio, atópase unha das necrópoles do Neolítico máis interesantes de Galicia, con arredor de medio cento de mámoas, moitas con cámara megalítica. No mesmo monte tamén podemos ver algunhas pedras con petroglifos. Se os túmulos funerarios son os máis coñecidos, non o é tanto, ao menos para a xente foránea, a coñecida como A Pedra do Tempo. Trátase dunha gran lousa de pizarra, duns dous metros de alto, arredor da cal se practicaba un curioso ritual. Segundo a tradición, adoitaba colocarse a enorme pedra en posición vertical cando se quería que deixara de chover e que saíra o sol. Ao pasar o verán ou en tempos de moita sequía, volvían a tumbala no chan para que a choiva caese de novo. Pero para que o ritual fora efectivo precisábase que para erguela participaran os veciños das cinco parroquias da contorna, isto é: Reboiro, Santa Cristina do Viso e Toldaos (O Incio), Teibilide (Samos) e Loureiro (Sarria). A Pedra do Tempo situábase xunto a desaparecida ermida de Santa Mariña, documentada no século XVIII, que actuaba como marco entre varias freguesías. Ao atoparse nun campo de mámoas, é posible que a Pedra do Tempo fora unha primitiva pedrafita, un menhir da mesma época que as mámoas. A propia ermida construiríase para cristianizar un sitio considerado como pagano ou importante. Non debemos esquecer que moitos monumentos megalíticos foron obxecto de culto moitos séculos despois, mesmo cando o cristianismo xa estaba instalado en Galicia, e a Igrexa, para acabar con esas prácticas, en vez de destruílos, erixiu ermidas, cruceiros e outros monumentos coa simboloxía cristiá.

 


LÁNCARA
 
Pedrafita: Nun documento do Tombo do mosteiro de Samos do ano 982, o mosteiro de Bande (San Pedro) delimitábase "per termino de Petra Ficta".
  
Círculos: Entre os meses de decembro de 2023 e marzo de 2024, grazas ás imaxes do voo americano de 1956-57, localicei catro novas estruturas circulares na provincia de Lugo. Dúas en Castrolanzán e Guimarei (Baralla), unha en Pedrafita do Cebreiro, e outra na Pobra do San Xiao (Láncara). Nas ortofotos actuais nada se ve xa que os círculos foron destruídos pola actividade humana. De todos xeitos, cando os visite, procurarei ampliar a información.
 
 
LUGO
 
Bacurín: Nicandro Ares, ao falar do castro de Bacurín, di que no lugar de Herreal localizou un marco cilíndrico de granito fincado na terra, do que sobresae un metro, tendo na base superior un pequeno baleiro como se se tratase dun focus votivo, barallando a hipótese de que fose unha pedrafita (por non conter letras) ou un miliario. 
 
Círculo lítico da Horta do Rei ou de Vilarvente (Labio-Lugo): Hai 31 anos que os investigadores Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela publicaron un artigo no xornal El Progreso baixo o título El círculo lítico de Vilarvente, localizado por eles. Naquel tempo, Núñez Jato e Rodríguez Varela tamén descubriron o xacemento, posiblemente único en Galicia, da Pena Fita, na parroquia de Adai, unha gran laxe granítica circundada por 18 buratos e cunha pía circular no centro, interpretada como os cimentos onde ían encaixados os postes de madeira dunha construción prehistórica que, sen entrar en hipóteses de indemostrable explicación, cumpriría unha función singular, situada no entorno dun potente sitio arqueolóxico. Con todas as cautelas, a súa cronoloxía adoita situarse en torno ao II milenio a. C. Sobre este xacementos téñense feito varios traballos e é bastante visitado. Está catalogado pola Xunta de Galicia. Non tivo tanta sorte (ou quizais si) o círculo lítíco de Vilarvente, dende o artigo citado non atopamos máis referencias. Juan F. Núñez e Laura Rodríguez tiveron coñecemento del por un home, xa falecido, de Vilarvente. O lugar era coñecido como A Horta do Rei, cualificativo significativo que, coma outros que hai en Galicia, adoitaban bautizar aqueles sitios aos que non se lles encontraba explicación, asociándoos a reis ou persoas importantes, mouros, meigas, etc. Como recoñecemento ao labor de Núñez Jato e Rodríguez Varela (dos que moitos se aproveitaron dos seus traballos en Friol e Outeiro de Rei sen sequera citalos), e tamén para que a Xunta de Galicia o inclúa no Inventario de Bens Patrimoniais de Galicia, Brais Rodríguez Romero máis eu decidimos ir na busca do círculo lítico da Horta do Rei. Aínda que coñeciamos o monte onde se atopaba, ignorabamos o lugar exacto. Preguntados os veciños de Vilarvente, todos escoitaran falar da Horta do Rei pero non sabían situala. Foi grazas a un home duns noventa anos de idade e, por suposto, a Núñez Jato e Rodríguez Varela, como localizamos o círculo. Atópase no monte do San Fitoiro, a uns 700 metros de altitude, na parroquia de Labio, concello de Lugo, a non moita distancia do límite co concello de Castroverde, nunha idílica fraga situada nunha valgada ateigada de carballos e acivros. Acceder ao sitio non é fácil. O círculo, practicamente perfecto, ten unhas medidas dus 13 metros de diámetro. Está formado por 27 pedrafitas (algunha inclinada ou tirada no chan debido á acción das raíces das árbores) cunha altura media á vista de 1,25 metros e separadas entre si por 0,50 metros. Un dos fitos ten, pola cara interior, dúas pías de 30 e 35 centímetros de diámetro; outro, situado a continuación deste, forma unha cavidade a semellanza dun "sillón" pétreo. O chanto coas pías ten a particularidade de que cando sae o sol ilumínao na súa totalidade. Como dixemos máis arriba, o círculo atópase na parte baixa dunha valgada, como se fose o escenario dun anfiteatro cuxos espectadores poden ver á perfección a obra dende as partes máis elevadas. Neste monte e nos das inmediacións hai varios bens arqueolóxicos, entre outros mámoas e petroglifos localizados por nós no mes de setembro de 2016. Tamén hai dous marcos de nome evocador, o de San Fitoiro e o da Rodeira das Soles. O topónimo de San Fitoiro é un falso haxiotopónimo xa que no santoral católico non existe ningún santo con este nome polo que cremos que o engadido do adxectivo "san" foi para cristianizar un sitio considerado como pagano, un "fitoiro" (fito) arredor do cal se practicaba algún tipo de ritual. O segundo nome tíñao recollido como "Rodeira dos Soles". O día 30 de xullo, un lector deste blog envioume unha mensaxe dicíndome que o nome correcto é Rodeira das Soles. Natural dunha parroquia próxima, contoume que sempre oíra falar do Alto das Soles ou da Rodeira das Soles. Explicoume que ao seu carón transcorría o camiño máis curto para ir a Lugo. Como a subida era grande, cando os carros ían cargados tiñan que solar con varias parellas de bois. Os aparellos que empregaban (cordas, cadeas, correas, paus ou o que cada un utilizaba) para emparellar máis dunha xunta de bois eran as soles. Achegoume que no mesmo dicionario da RAG fai unha pequena mención, pero no blog do 25 aniversario do IES Praia Barraña de Boiro explícanno con máis detalle. Dende eiquí o meu agradecemento ao atento informante.
  
Pedrafita de Adai: Situada no Monte da Penafita, non moi lonxe de varias penas con petroglifos (os máis recentes localizados por nós o día 16 de setembro de 2019) e da enigmática base de cabana de Adai. Trátase dunha pedra chantada de 1,60 metros de altura que semella foi fincada intencionadamente. Ao seu carón hai unha pena con coviñas.
 


 
 
 

A Pena da Muimenta (Bascuas-Lugo): Nun documento do día oito de novembro de 1783 referido aos límites da parroquia de Basquas (Bascuas, Lugo) lemos:  "... deste al alto de la Sierra y peña nombrada da Muimenta, desta al marco del Cruzeiro de Gondar...".

 

Eiquí ímonos deter nesa Pena da Muimenta, situada a carón do Camiño Primitivo a Santiago de Compostela. 
A tradición oral aseguraba que no sitio había unha pena cunha cruz gravada pero, a pesares de que a buscaron durante anos, non aparecía. Por motivos que non veñen ao caso, recentemente procedeuse á limpeza da maleza que cubría un afloramento rochoso onde a tradición situaba a citada cruz. Foi entón cando ao pé da rocha apareceu unha pedra tumbada e medio tapada. A simple vista pouco chamaba a atención, pero ao poñela de pé a percepción inicial mudou de forma considerable. 
Unha vez ergueita, a pedra amosounos unha forma que nos resultaba máis que coñecida. Trátase, sen dúbida, dunha pedra que foi traballada por man humana e que nalgún momento estivo chantada nese sitio ou nas inmediacións. Apréciase claramente que o fito foi cortado, posteriormente, por unha das partes. Vese que quixeron partilo en máis anacos (na parte inferior hai unha marca para meter a cuña) pero, por motivos que descoñecemos, desistiron.

 

O que si está claro é que estamos ante a citada Pena da Muimenta. Se revisamos as fotos aéreas do voo americano dos anos 1956-57 observamos que, a pesar da alteración producida pola canteira (que continúa en funcionamento), o sitio onde está o fito permanece practicamente inalterado, quizais debido a que este afloramento se atopa xusto ao lado da estrada comarcal que, neste tramo, coincide co Camiño Primitivo.

  
 

O fito, na parte máis ancha, mide 0,54 m, estreitándose lixeiramente cara a cima, e de alto, á vista, 1,43 m. En dúas das caras hai gravadas senllas cruces realizadas de forma tosca, e noutra o que semella unha ferradura ou un óvalo que aparece danado, posiblemente debido a un golpe fortuíto.
Descrita a pena, que foi utilizada como marco, centrémonos no nome. O nome de Muimenta e Moimenta atopámolo en varios topónimos galegos, arredor dunha quincena referidos a núcleos de poboación. O termo vén do latín monumenta, plural de monumentum, que identifica, segundo Gonzalo Navaza, un lugar de interese arqueolóxico e/ou arquitectónico. O nome de Moimenta aparece citado nun documento do ano 934 (Historia de la S. A. M. Iglesia de Santiago, de Antonio López Ferreiro). O etimólogo lucense Nicandro Ares Vázquez di que pode facer referencia a antigos monumentos sepulcrais, asociados a unha mámoa ou un dolmen, opinión da que tamén participa Cabeza Quiles.
No radio dun quilómetro da Pena da Moimenta rexístranse varios elementos arqueolóxicos: necrópole megalítica do Monte das Agüeiras composta por varias mámoas; medorra da Brea; un enigmático círculo, tamén na Brea, de 50 metros de diámetro (cremos que catalogado erroneamente coma un castro); petroglifos da Estrada (documentados por nós no ano 2016); e un par de castros. Posiblemente, no lugar ocupado pola canteira, existiran outros monumentos dos mesmos períodos

 

Deteñámonos, agora, nos símbolos. Para facer as dúas cruces utilizouse unha ferramenta metálica; a máis profunda atópase na parte do fito que non foi cortada. En Galicia é bastante común ver marcos de término con cruces gravadas, pero tamén pode que foran realizadas para cristianizar un lugar considerado como pagano ou importante e logo reutilizado como marco.
 
 

Vaiamos ao outro símbolo, para nós o máis interesante, que identificamos como unha ferradura ou un óvalo. Nun texto do agrimensor Latinus Togatus, redactado no século III d. C., lese: "Terminus si ungulam equi esculptam habuerit, terminum cursorium significat, et usque in fontem mittit, et ipse fons trifinium facit", "Se unha pedra de término ten gravada unha ferradura, é unha pedra de término con símbolos, e sinala que hai unha fonte que forma un trifinium". O trifinium é o punto onde conflúen os términos de tres xurisdicións ou doutras divisións territoriais. En efecto, na Pena Muimenta, gravada cunha posible ferradura, converxen as parroquias de Bascuas, Gondar e Romeán. Non moi lonxe hai, ao menos, dúas fontes, se ben entra dentro do posible que houbera unha ou máis nas inmediacións do fito que foron destruídas pola canteira (ou as canteiras xa que hai unha a cada lado da estrada).

  

Pero, e se estiveramos diante da representación da pegada dun oso? Latinus Togatus di: "Terminus sive petra naturalis, si branca ursi habuerit, lucum significat", "Se nun fito divisorio ou nunha pedra natural se representara a pegada dun oso, significa (o comezo) dun bosque sagrado". A profesora de Arqueoloxía da Universidade Autónoma, Alicia Canto, estudou a coñecida como Piedra Escrita de Cenicientos, en Madrid, onde se ve, ademais dun relevo adicado á deusa Diana e unha parella que realiza un sacrificio na honra desta divindade, a pegada dun oso, moi semellante á de Bascuas. A nosa Pena da Muimenta sinalaría a proximidade dun bosque sagrado, dun lucus?

 
 

     

MONDOÑEDO
 
Pedrafita (A Couboeira): A única referencia achégaa Villaamil y Castro en Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia (1873) que a sitúa entre A Couboeira e Masma. Benito Vicetto fala dunhas pedrafitas que "se ven desde el alto de Lindín". Ningún achega datos para a súa localización. 
 
Pedrafita da Toxiza (Figueiras): A primeiros do mes de outubro de 2015, Abel Vigo, do servizo municipal de Arqueoloxía do Concello de Mondoñedo, deu a coñecer o achado dunha pedrafita preto do Pico da Toxiza. Trátase dos restos dun menhir de case tres metros de altura. 
 
 

MONTERROSO
 
Pedrafita de Sirgal (Sirgal): Aínda que tiña noticias da existencia dunha pedrafita na parroquia de Sirgal dende hai anos, a información sobre ela era nula. A principios do mes de xuño de 2015 entereime de que se atopaba ao pé do monte onde na Idade Media houbo un castelo. Erguíase xunto unha desaparecida ermida (cuxas pedras, disque, foron reutilizadas para construír a igrexa parroquial) e unha pía (un sartego) que sempre estaba chea de auga e que era utilizada polas mozas na Noite do San Xoán para botarlle flores e lavarse coa auga aromática á mañá seguinte. O fito, que ao parecer tiña unhas letras gravadas, parece ser que tamén foi reaproveitado para edificar a igrexa.
 
 
 
MURAS
 
A Pedra Chantada (Rubaíño-Silán).


NAVIA DE SUARNA
  
O Marco do Camín ou Xunquiñas: Atópase á beira da pista asfaltada que vai dende a Braña do Pandozarco ata o límite coa provincia de León. Aínda que na cartografía oficial consta como Marco de Xunquiñas ou do Pozo, os veciños, tanto de Murias (Rao-Navia de Suarna), Poso (O Pando-Cervantes) e de Balouta e Suárbol, no Bierzo, coñécenno como Marco do Camín ou de Xunquiñas (este último topónimo dá nome a un monte e a un regueiro). Mais a esta denominación xeral hai que facer un engadido xa que algúns habitantes de Poso tamén se refiren a el como Marco de Xunquiñas ou de Poso, de aí que o cualificativo de "Pozo" sexa unha deturpación do nome da aldea. Trátase dun monolito de pedra que sobresae do chan 1,55 metros que delimita o monte da Cespedosa, en Cervantes, e o monte de Murias, en Navia de Suarna, e polo tanto os dous concellos galegos. Como confirmación de que o nome que figura na cartografía está errado, ademais das testemuñas dos veciños, podemos botar man da documentación escrita. O veciño de Murias, José Fernández ("José de Vilarín"), gran coñecedor da zona e que garda unha ristra importantísima de documentos, facilitoume unha escritura datada no 1788 (rexistrada no ano 1838) que fala do Marco de Xunquiñas, tal como xa o reflectían os Interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano 1752. Por outra banda, O Marco do Pozo (quizais lle deba o nome ao sitio coñecido como Pozo do Tesouro) delimita na actualidade as provincias de Lugo e de León, mais ata non hai moito marcaba os lindes das aldeas de Poso e Moreira (Cervantes), Murias (Navia de Suarna) e Suárbol, xa en León. Este primitivo fito de granito desapareceu, sendo substituído por outro de cemento. O Marco de Xunquiñas leva anos anunciando un coto de caza: "Coto N. de Caza" por unha cara, e "Coto de Caza LU 1022_" pola outra, a pesares de estaren prohibido pola Lei.

 

AS NOGAIS 
 
Marco da Casa de Chancia (Nullán): Aínda que non se trata dun fito prehistórico, senón medieval, tráigoo aquí pola curiosidade da súa ubicación. Segundo información achegada polo escritor e investigador Luis López Pombo, na Casa de Chancia, onde naceu e viviu ata a mocidade, consérvase un marco que dividía as xurisdicións de Doncos e de Torés. Luis dime que o topónimo Casa de Chancia pode facer alusión a unha "Casa do Chanto" ou "Casa Chantada". Os seus pais tínanlle contado que o fito non se podía sacar (estaba na cociña), mesmo lle tiñan advertido os seus antepasados que facelo era un delito. A Casa de Chancia é citada nun documento do mosteiro de Samos do ano 1450, onde os monxes aforan a casa a un veciño de A Alence. Esta casa xa non pertence aos antigos propietarios e atópase totalmente arruinada. No mes de abril de 2015 achegámonos ata alí para ver o marco.


OUTEIRO DE REI
  
Marcos de Candai e de Parada, e petroglifo de Santa Comba, tres gravuras no concello de Outeiro de Rei: Dende o ano 2015, Brais Rodríguez Romero máis eu documentamos nas parroquias de Aspai, Martul e Parada, no concello de Outeiro de Rei (tamén coñecemos algunha na parroquia de Camoira, no concello de Lugo), varias penas gravadas cuns enigmáticos símbolos, todos de tipoloxía semellante. Trátase dunha figura formada por un círculo superior do que, pola parte inferior, parten unhas liñas verticais e, nalgúns casos, unha semicircunferencia que as cruzan.
O primeiro que nos chamou a atención é que estes gravados se atopen insculturados en penas moi ben traballadas fincadas no chan, tipo menhir, nas inmediacións de campos de mámoas; nalgúns esteos que forman a cámara megalítica dun dolmen; e en afloramentos rochosos formando conxunto con petroglifos prehistóricos. 
Postos a dar co significado das pedras, barallamos diversas hipóteses: que se tratara de pedrasfitas prehistóricas (menhires), de marcos de término xurisdicionais, ou que delimitaran o couto dun desaparecido mosteiro erixido arredor do século X que algúns autores sitúan na parroquia de San Xoán de Parada. Calquera das conxecturas podería ser válida.
Agora quedaba o significado dos insólitos gravados. Fóra dos límites do concello de Outeiro de Rei, que nós saibamos, este tipo de representacións non teñen paralelismo con outras da provincia de Lugo, e posiblemente de Galicia. 
Puxémonos a buscar algunha pista, por moi pequena que fose, que nos achegara algo de luz. Só atopamos dúas. A primeira nun artigo do sacerdote e director do museo diocesano don Jesús Guerra Mosquera, publicado no ano 1978 no Boletín da Comisión provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo, que fai referencia a un destes gravados situado nun dos esteos da cámara megalítica dun dolmen erixido nos montes de Parada. Escribe don Jesús que sinalizaría o enterramento dun xefe de tribo ou clan. O círculo representaría o sol nacente e a mámoa circular que acollía as cinsas dese xefe; a raia situada baixo o círculo, así como a semicircunferencia, poderían representar á divindade e aos danzantes asistentes ao acto e baile sagrado, e incluso á lúa. A segunda referencia atopámola na revista Croa do ano 1995, no artigo Arqueoloxía en Outeiro de Rei: mámoas e outros restos, dos investigadores Juan Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela, que non se pronuncian sobre o seu significado, indicando que podería tratarse do chanto dun dolmen reutilizado logo como marco. Nós, mesmo barallamos a posibilidade de que se tratara de representacións esquemáticas do corpo humano. Cómpre aclarar que este dolmen é o único do concello de Outeiro de Rei declarado Ben de Interese Cultural, obtendo esta distinción, precisamente, por contar con este gravado; lémbrese que, segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, todas as insculturas rupestres son, xa de por si, BIC.

 

Sen máis madeixa que desenlear, deixamos o asunto, á espera de atopar no futuro algunha evidencia que nos permitira formular algunha outra hipótese, ou incluso aclarar o significado dos gravados. A sorte, e tamén a insistencia, todo hai que dicilo, sorriunos. Tempo despois chegou ás nosas mans un documento sobre deslindes das parroquias de Aspai, Martul e Parada, do día 31 de xullo de 1856, feito ante o Comisario de Montes y Plantas de la Provincia de Lugo, don Félix de Carballo y Salgado. Á hora de facer o deslinde, grávanse uns símbolos sobre penas situadas en distintas partes. É eiquí onde salta a lebre. O documento é claro canto ao que representan as gravuras: "insignia del Santísimo Sacramento" (literal), é dicir, representan a custodia ou viril onde, na relixión católica, se coloca a hostia despois de ser consagrada para expoñer ante os fieis. Tempo despois demos con outro documento dun preito do ano 1865, entre Bartolomé Saavedra e Francisco Serra por unhas lindes entre Aspai e Parada que nos achega outro dato curioso. Ao nomear un marco aclara que a custodia gravouse para "proteguelo en lugar pagano". Lembramos que petroglifos, mámoas e castros foron considerados secularmente como sitios paganos; así nolo transmitiu no século VI San Martín de Dumio no seu De correctione rusticorum, contra os costumes ancestrais que aínda pervivían entre os galegos.
 
 

Non ía descamiñado o sacerdote don Jesús Guerra Mosquera xa que a custodia representa ao sol, agás que el o interpretaba coma un símbolo pagano, cando en realidade trátase dun símbolo cristián.  Enigma resolto. 
 
Pedrafita de Pascuais (Parada): O día 24 de xullo de 2016, Brais Rodríguez Romero máis eu achegámonos ata o lugar de Pascuais, na parroquia de Parada, para visitar unha finca particular que acolle varias dependenzas destinadas, puntualmente, a servizos de hostalaría. O motivo non foi o de admirar o conxunto de casas restauradas, nin o pombal, nin o cruceiro, nin o hórreo... Non, o noso interese era moito máis limitado. Acompañados polo amabilísimo propietario, percorremos un espazo axardinado onde se poden ver varias pedras fincadas traídas das inmediacións. Mais foi unha a que concentrou toda a nosa atención e que destaca, maxestuosa, do resto. Trátase dun enorme monolito granítico de forma tirando a cónica cuxa parte á vista ten unha altura de 2,60 metros. O perímetro maior é de 3,90 metros que se vai estreitando cara a cima. A parte soterrada no chan non chega, segundo nos dixo o propietario, ao metro. Calcúlaselle un peso de sete toneladas. Estivo sempre alí? Non, respondeu, tróuxoa hai anos dun sitio próximo que se atopa dentro da enorme finca, erguíase xunto un manancial. Agás algunhas marcas producidas cando o seu traslado, non observamos ningún motivo inscultórico pero a súa feitura, dun "equilibrio" case perfecto, fainos sospeitar a intervención humana. Ademais, levántase nunha zona densamente poboada de mámoas. A uns poucos centos de metros hai unha declarada BIC. É a mámoa número 1 do Cordal de Acevedo, de cuxo cráter de violación saen varios esteos, un deles gravado cun enigmático símbolo que atopamos noutros fitos esparexidos polo municipio, pero non formando parte dunha cámara megalítica. A gravura está formada por un círculo do que parte unha raia vertical cruzada por unha semicircunferencia e sobre cuxo significado, polo de agora, só podemos formular hipóteses. Neste enterramento apareceu un vaso de borde revirado. O día 17 de marzo de 2017, dende Patrimonio comunicáronme que, despois da visita dos técnicos, a pedrafita foi catalogada.
    
Penas das Rodas: Trátase de dúas enormes penas graníticas en forma de esfera. Segundo algúns a súa creación débese á man do home e terían relación cun lugar de culto que marcaría o inicio dos solsticios. Din que no solsticio de verán, dende unha grade de pedra que se conserva, o sol sitúase xusto entre os bolos. As penas utilizaríanse como estación astronómica para a predición de datas do ciclo agrícola. Seguindo a liña recta que dende este punto marca o sol, chégase ata a Pena do Mouro, no concello limítrofe de Begonte, formada por tres enormes piares de seis metros de alto sobre o que asenta unha pedra en forma de ril. Dende o meu parecer non deixan de ser uns impoñentes e fermosos bolos graníticos produto da erosión. 
 
O Marco da Barra: O día 29 de outubro de 2016, cando Brais Rodríguez Romero máis eu subiamos cara o Pico das Mallas, nos montes de Province, na parroquia de Aspai, vimos tirado a carón do camiño unha pedra de 2,60 metros de longo. A base, de sección tirando a cuadrangular e coas arestas lisas, ten unhas medidas de 1,10 por 0,80 metros que vai estreitándose cara o bico de feitura arredondada. A pedra, que estaba fincada verticalmente xunto unha fonte natural que hai ao outro lado do camiño, foi arrincada do seu lugar hai anos polos madeireiros ao acondicionar o terreo para plantar piñeiros. Segundo nos contaron unhas veciñas, antigamente utilizábase para "rañar as vacas que tiñan o proído", un picor intenso que case as volvía tolas o que lles impedía dar un bo leite e mesmo lles podía ocasionar un mal parto. Non existe memoria de que o fito actura como marco. Na parte máis estreita, no bico, ten unha fenda semellante a algúns fitos interpretados como pedrafitas de "observación astronómica". Non dispoño de datos para afirmar tal cousa, pero o que si me chama a atención é que se erguera xunto un manancial e unha necrópole megalítica formada por unha ducia de mámoas.  

 

 




 

PALAS DE REI
 
Marco do Hospital: Divisorio entre os concellos de Palas de Rei e Toques, érguese sobre unha mámoa da necrópole do Marco. Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz, do Museo da Terra de Melide, achegáronme novos datos. Ademais de Marco do Hospital tamén recibe o nome de Marco da Mámoa e Marco das Cruces. Citado en documentos medievais e modernos, serve de divisorio entre as provincias de Lugo e da Coruña. Atópase a poucos metros do Camiño Primitivo ou de Oviedo. Ten forma triangular, moi aguzada, e presenta unha cruz de termo na cara leste e dúas máis na cara oeste. Ao lonxe vense os Penedos de San Nicolao, un antigo castelo roqueiro do que non se conservan restos; a tradición fala de que alí houbo unha capela adicada a este santo.
 
Marco de Lama Grande (Covelo), Marco da Pallota e Marco do Rosedo (Vilar de Donas): Nalgunhas partes lese que son tres pedrafitas prehistóricas que foron reaproveitadas, hipótese, dende o meu parecer, un tanto fantasiosa. Trátase de antigos fitos de pedra medievais, coa Cruz de Santiago en baixorrelevo nunha das súas caras. Os tres marcos están situados no perímetro do couto medieval de Vilar de Donas, tal como foi definido por Novo Cazón no seu libro El priorato santiaguista de Vilar de Donas en la Edad Media. O couto estaba formado polos terreos explotados directamente polo mosteiro, froito dunha doazón de 1194. O couto forma un polígono tirando a trapezoidal, situándose os marcos no centro dos lados norte, leste e sur, coas cruces mirando cara o interior. Estudados polos arqueólogos do Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo, foron inventariados no ano 2012. Segundo información proporcionada por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, arqueólogos do Museo da Terra de Melide, o Marco do Rosedo está colocado por riba dunha mámoa (atravesada por un cortalumes), atopándose moi inclinado e ten un cartel do Tecor Societario amarrado cun arame.

 


PARADELA
 
Círculo de Riba das Chousas: O día 6 de setembro de 2023, o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a asociación Tir Na n´Og comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a localización dun círculo no concello de Paradela. Foi na parroquia de Ferreiros, entre as aldeas de Delle e Fruxinde, a unha altitude duns 700 metros, no monte coñecido como Riba das Chousas onde puidemos comprobar a existencia dunha estrutura circular duns 50 por 45 metros cun muro que a circunda en todo o seu perímetro duns dous metros de ancho e unha altura que non sobrepasa o medio metro. A súa localización foi posible grazas á tecnoloxía LIDAR (topografía do terreo realizada con láser), que logo puidemos constatar ao visitar o lugar. Nos últimos anos están a documentarse en Galicia varios destes enigmáticos círculos, por veces identificados erróneamente como castros. Polo de agora descoñécese con exactitude cal sería a súa función, pero pode que estean vencellados a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario, ou que se trate de lugares onde as sociedades prehistóricas se xuntaban para facer reunións de tipo político, social ou relixioso. O primeiro documentado en Galicia foi o da Roda de Barreiros onde se efectuou algunha intervención que, como resultado das análises radiocarbónicas, fixouse o momento da súa construción no Bronce Medio. No pasado mes de xullo, tamén se realizou unha escavación no círculo, apenas alterado, de Vilarello, na parroquia de Cereixa, concello da Pobra do Brollón, dirixida polos arqueólogos Rodrigo Paulos e Xurxo Ayán onde se localizou un muro de grandes dimensións, ademais, entre outros materiais, restos cerámicos típicos da Idade do Bronce, un machado de pedra pulimentado e madeiras carbonizadas. Neste días, baixo a dirección da profesora Pilar Prieto, está a escavarse o círculo do Castrillón, en Adai (Lugo), cuxos primeiros resultados están a achegar unha valiosísima información. Nos meses de xaneiro e xullo deste ano, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Asociación Tir Na n´Og comunicamos a Patrimonio da Xunta de Galicia outros dous círculos de semellantes características situados no concello do Corgo que, despois da comprobación feita polos seus técnicos, foron catalogados cos códigos GA27014070 e GA27014072.
 



A PASTORIZA
  
Pedrafita da Cruz (Seselle-Bretoña): Trátase dun chanto vertical que polas súas características puído formar parte da cámara megalítica dunha mámoa. Na actualidade utilízase como soporte da entrada a un pasteiro. Mide 1,70 de alto, 0,50 na parte superior, 0,70 na media, e 0,95 na inferior. O espesor oscila entre os 0,15 e 0, 30 metros. Sitúase preto de varios túmulos.
      
Pedra do Encanto (As Amoras-Loboso): Pedra de cuarcita, de cor escura de aspecto moi puído. Nun dos laterais presenta un rebaixe circular en forma de aro de aspecto antrópico. O tipo de material é infrecuente no monte onde se atopa. Existen numerosas lendas asociadas á pedra pola súa forma de trono.
 
 
 
 

PEDRAFITA DO CEBREIRO
 
Círculos: Entre os meses de decembro de 2023 e marzo de 2024, grazas ás imaxes do voo americano de 1956-57, localicei catro novas estruturas circulares na provincia de Lugo. Dúas en Castrolanzán e Guimarei (Baralla), unha en Pedrafita do Cebreiro, e outra na Pobra do San Xiao (Láncara). Nas ortofotos actuais nada se ve xa que os círculos foron destruídos pola actividade humana. De todos xeitos, cando os visite, procurarei ampliar a información.
 
 

A POBRA DO BROLLÓN 
 
Círculo de Vilarello (Cereixa): Continúan aparecendo estruturas prehistóricas descoñecidas ata non hai moitos anos no territorio galego. Un bo exemplo destas son as bautizadas como henges, pola súa similitude cos monumentos prehistóricos atlánticos formados por un parapeto circular. Con todo, esta denominación parece algo provisional, xa que non se determinou con precisión a natureza destas circunferencias de pedras, cuxo número foi en aumento nos últimos anos no noroeste peninsular. O descubrimento dunha destas estruturas na parroquia de Cereixa, concello de Pobra do Brollón (Lugo), por parte de Xabier Moure (comuniqueillo 0 28 de febreiro de 2020), desencadeou a planificación e redacción dun proxecto de intervención arqueolóxica a mans do mesmo equipo interdisciplinar que descubriu e escavou o cairn da Muradella, tamén na Pobra do Brollón, dirixido polo arqueólogo da Universidade Complutense de Madrid, Rodrigo Paulos Bravo, e asesorado polo tamén arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa, Xurxo Ayán Vila. As imaxes de radar (LiDAR) mostran claramente a existencia dun gran círculo marcado no terreo duns 65 metros de diámetro. Varias inspeccións oculares do lugar por parte do equipo confirmaron que se trata dun círculo constituído por gran cantidade de cantos que forman unha estrutura anular”, segundo se indica dende o equipo de investigación. Ademais, puideron observar unha importante dispersión de material arqueolóxico en superficie, vinculado a momentos prehistóricos, o que reforza a potencial importancia arqueolóxica do sitio. A construción, aínda que en principio de función descoñecida, xa se cría que podería corresponder cronoloxicamente á Idade de Bronce, cara ao 1500 e o 900 a.C., polo que se coñece de paralelos como o círculo de Ventosiños (Coeses, Lugo) e A Roda (Barreiros, Lugo). Os primeiros indicios apuntaban a que podería tratarse dunhas construcións cun uso ritual ou cerimonial vinculadas tanto ao mundo dos vivos como ao dos mortos. A súa localización, a media ladeira nunha das principais encrucilladas de camiños históricos, onde se cruzan os pasos que entran da Meseta desde o Bierzo e os que se internan na Terra de Lemos (non en balde, a vía do tren discorre a escasos metros do sitio), incide na importancia da contorna, nunha paisaxe no que o control dos lugares de fácil tránsito era clave para o control do territorio. As escavacións comezaron en xullo de 2023, enmarcándose dentro das actividades planificadas polo “Bicentenario do Concello de Cereixa 1821-1823”, parroquia na que se atopa a misteriosa estrutura. Os traballos contan co apoio da asociación de veciños “María Castaña" de Cereixa e do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. O muro perimetral ten uns 5,5 metros de grosor, arrodeado polo exterior por un gran foxo. Segundo Paulos, non só é un simple parapeito de terra ou pedra, senón algo máis complexo, dunha amonumentalidade indiscutible. O muro consiste en dous paramentos de pedra entre os que se depositaron materiais de recheo (maiormente pizarras e cuarcitas, e tamén limonita). Os sondeos xeomagnéticos indican que a construción mantense íntegra en todo o seu perímetro. Acaroado ao interior da muralla, baixo o derrube da mesma, apareceu unha estrutura de madeira carbonizada que indica que o lugar sufriu un gran incendio, accidental ou voluntario, que acabou coa ocupación do sitio. No interior do emprazamento documentáronse os zócalos de pedra de, polo menos, unha cabana feita en madeira e barro, con algún dos buracos dos postes que a sustentaban, así como un gran número de fragmentos de cerámica. Nesta zona recuperouse tamén unha gran machada de pedra que, xunto á cerámicas, sitúan o xacemento na Idade do Bronce. Dúas datacións por radiocarbono achetan o período no que Vilarello estivo habitado. A primeira das datacións obtidas tras analizar os carbóns do gran incendio que sela o lugar achega unha cronoloxía entre o século XI e o IX a.C. que sería cando se construíu a muralla e a estrutura de madeira, nos momentos finais da Idade de Bronce. Os investigadores cren que durante a construción da muralla o coñecemento e a técnica da metalurxia do ferro aínda non chegara á Terra de Lemos. Segundo o equipo investigador, “máis sorprendente aínda é o resultado da segunda datación, correspondente á cabana situada intramuros, xa que lanzou unha data de entre o século VIII e o V a.C., o que suporía a continuación do período anterior, convertendo a Vilarello nunha testemuña perfecta da transición entre a Idade de Bronce e a I Idade de Ferro. Este período, profundamente descoñecido en Galicia, é moi esquivo para os investigadores, e os paralelos máis claros proveñen do norte de Portugal e de Asturias. En Galicia, o patrón de poboamiento tanto do final do Bronce como de principios do Ferro é unha das materias pendentes da arqueoloxía, polo que xacementos como Vilarello cobran unha importancia vital na comprensión dos cambios sociais que se dan entre o II e o I milenio a.C.”.


 
 
PORTOMARÍN
 
O Marco das Letras (As Vendas de Narón-San Mamede do Río): Situado na praza da aldea, asoma do chan 1,55 metros. Letras non vimos, pero si senllas cruces latinas nas caras este e oeste, e quizais un círculo cunha coviña no centro. Nos apeos de bens do mosteiro de Ferreira de Pallares do ano 1692 cítanse varios marcos, entre outros os da Madalena e o da Pena do Rei, onde hai unha mámoa duns 32 metros de diámetro, como divisorios das freguesías de Ligonde e San Mamede do Río. O marco da Madalena, a Pena do Rei e a Pena Godón (onde houbo hospital fundado no século XII ou XIII) tamén aparecen nos interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano 1752. Contáronnos que xunto o marco colocaban ás persoas que, á hora de realizar un trato (compra, venta, troco), faltaban á súa palabra. Para dirimir o posible engano, xuntábanse as tres persoas de máis idade da aldea que ditaban sentenza. Iso si, se o engano se producía a máis de 50 pés da Pedra das Letras a infracción desta norma non escrita quedaba impune. Non resulta improbable que O Marco das Letras se trate dunha pedrafita prehistórica reutilizada posteriormente, nas proximidades atópanse a necrópole neolítica do Monte da Serra con seis enterramentos, o citado túmulo da Pena do Rei e o microtopónimo A Medorra, clara alusión a unha mámoa da que non quedan restos visibles. Sen esquecermos dos petroglifos da Pena da Ázpara e outros que foron destruídos ao ampliar a estrada.

 

RIBAS DE SIL
 
Alto das Arandeiras: A 838 metros de altitude. Entre as parroquias de Nogueira e Ribas de Sil. Estrututa tirando a circular, duns 50 por 45 metros. No voo americano de 1956-57 aprécianse claramente o muro que a circundaba. Castro ou círculo?
 
   
 
SARRIA
 
Bolo de Betote: Durante as obras da autostrada entre Nadela e Sarria, escavouse o entorno dunha enorme rocha granítica (bolo) que contiña varias cazoletas gravadas na súa superficie. Ademais, outras estruturas arqueolóxicas aparecían vencelladas a este Bolo, encadradas, segundo os seus escavadores, no Calcolítico, destacando un anel peristalítico arrodeando a rocha. Unha vez escavada esta rara estrutura, posiblemente de tipo simbólico e ritual, procedeuse ao seu traslado, optándose por cortar o bolo, de 112 toneladas, en varios anacos. A reinstalación fíxose tendo en conta a recuperación de toda a morfoloxía da pedra, así como a súa orientación orixinal. A escavación foi dirixida por Juan A. Cano Pan, e as súas conclusións aparecen reflectidas na revista de informes arqueolóxicos da Xunta de Galicia do ano 2006.


O SAVIÑAO 
 
"Dolmen" de Leira Rapada. Un trilito? (Vilatán): Estrutura localizada polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo no mes de febreiro de 2014. Atópase no medio dunha carballeira, preto do castro da Leira Rapada, nun terreo en pendente. Está formado por unha enorme pedra cobertoira que asenta sobre dúas grandes pedras que foron labradas polas caras interiores que lle dan a apariencia dun acubillo ou dun trilito para o que se aproveitou un dos afloramentos graníticos que hai na zona. Sobre a tampa hai gravados, ao menos, cinco círculos concéntricos con cazoliña central da que parte un suco. Creo que non se trata dolmen. 
    
Pedrafita das Maceiras (antes coñecida como de Toalde): Hoxe en día está situada en Buxán, parroquia de Louredo, xunto o peche da finca do seu descubridor. Trátase dun monolito duns tres metros de altura e sen gravuras, que na base ten un perímetro aproximado de dous metros. Descoñécese a súa adscrición cultural. O lugar de orixe é As Maceiras, estaba abatida e medio cuberta de terra, a carón dun sendeiro ou camiño de ribeira, a 400 metros en liña recta do río Miño, sendo zona de pendente. A uns 60 metros do lugar das Maceiras atópase unha fonte onde apareceron restos arqueolóxicos relacionados con asentamentos humanos prehistóricos. Na mesma finca poden verse outras esculturas realizadas polo propietario con pedras de distinta procedencia.
 
 
 

SOBER 
 
O Cuturulo-Cima da Lama: Localiceino co LIDAR no mes de xuño de 2024. Atópase en O Cotorulo, parroquia ded Rosende. Outeiro situado a uns 390 metros de altitude. Obsérvase unha estrutura de planta circular cunhas medidas aproximadas de 50 metros de diámetro. Coordenadas: x: 613259 – y: 4701005. 
  
O marco-pedrafita da Gándara: Atópase no Roxo, na parroquia de Neiras. Trátase dun prisma sobre soporte granítico cunha altura á vista aproximada de un metro. Ten unha anchura máxima na base de 0,65 metros. Na cara norte ten gravada o que pode ser a letra "N" invertida e unha coviña, e na sur un "r" e outra coviña. Nas outras dúas caras vense dúas cruces latinas. Ao parecer actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Neiras e Refoxo. En tempos tamén marcou o límite entre os concellos de Monforte, ao que pertencía a parroquia de Neiras, e Sober. O marco é citado no Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, onde indica que marcaba o límite das dúas parroquias. A parroquia de Refoxo era xurisdición do conde de Amarante, e a de Neira do conde de Lemos. Aínda hoxe en día, a parroquia de Neiras é escenario dun litixio entre os concellos de Monforte e Sober, que non se puxeron de acordo canto aos límites entre os dous municipios. A delimitación está en mans do Instituto Xeográfico Nacional. Nun encontro que mantiveron hai tempo os técnicos deste organismo con representantes dos dous concellos e veciños da zona, mencionouse a antiga pertenza da parroquia de Neiras a Monforte e non a Sober, como así o testemuña o devandito catastro. Pola feitura e a presenza de coviñas, pode tratarse dunha pedrafita prehistórica logo reutilizada como marco. A LENDA: No ano 2016, un veciño contoume que as cruces gravadas indicaban os sepulcros dunha moza, que era sobriña do poderoso conde de Lemos, e dun xoven pastor que foron enterrados a cada lado do marco. Un bo día, o pastor levaba o gando ao lugar da Gándara cando viu a unha moza que acababa de caer do cabalo. Sen pensalo dúas veces, foi a socorrela. A partir daquelas víanse con frecuencia, e namoráronse. Mais o conde de Lemos, ao enterarse, cominou á sobriña a que abandonase ao pastor. Pero ela negouse, e os dous continuaron a verse a carón do marco. O conde, entón, enviou a uns soldados ata o sitio; ao chegar, desenvaiñaron as espadas para acabar coa vida do mozo. A rapaza púxose diante do seu amado para defendelo, ocasionando que tamén fora ferida de morte. O conde ordenou entón que os enterrasen xunto o marco, pero un mirando cara o leste e outro cara o oeste para que non se puidesen ver nin tocar despois de mortos.
 
Pedrafita/Marco da Pena Longa: Actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Canaval, Neiras e Refoxo (Sober) e Mañente (Pantón). Segundo a tradición, tamén sinalou o límite entre as antigas posesións dos Andrade e da Bastida, e o pazo de Tor. Foi atopada cando as obras dun paso da vía do ferrocaril polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo. Ten unha altura aproximada de 2 metros e poden verse gravadas varias coviñas. A parte superior dálle unha fasquía fálica. No ano 2011, a asociación cultural O Colado do Vento pediu ao Concello que iniciase os trámites para que o menhir fora devolto ao municipio, solicitude, segundo se pode ver na prensa do día 17 de marzo de 2017, que recibiu o visto e prace de Patrimonio para que sexa trasladado para a oficina de turismo de Sober. Atópase nos xardíns do Museo Provincial de Lugo.
 Pena de Santa Polonia (As Casas Grandes-Millán): Conta Vázquez Seijas (BCML, xullo 1946) que está no Monte do Cura, na parroquia de Millán. Di que semella, no seu perfil, un animal deitado coas patas dianteiras extendidas. Ten unhas medidas de 1,40 de ancho e 0,70 de alto. A cara posterior ten sinais de ter sido labrada. No vértice do ángulo curvilíneo da parte que correspondería ao pescozo hai unha pía que recolle as augas da choiva. Segundo a lenda, na pena estivo agochada Santa Apolonia en tempos “de los moros”. Á auga da pía atribúenselle virtudes medicinais como a curación da dor de moas.
 

 

 
 
 

 


TRABADA
 
Pedrafita/Marco da Pena Verde (A Fórnea): Na confluenza dos concellos de Barreiros, Ribadeo e Trabada, citada nun documento do rei Silo do ano 775. Situada nas inmediacións da necrópole megalítica das Pallaregas. Dise que foi unha vella quen a chantou no lugar mentres comía castañas asadas.

 

O VALADOURO
 
Círculo lítico do Prado das Chantas (San Tomé de Recaré): Xunto o Chao da Veiga e Pena Teixeira, nunha chaira ben delimitada por esteos situados a curta distancia. Na actualidade mantéñense en pé unhas 250 pedrafitas de granito que ocupan un perímetro de máis de 300 metros e que conforman unha estrutura tirando a ovalada. Na parte oeste do círculo presenta restos dunha estrutura cuadrangular. Non é doado establecer a súa cronoloxía, aínda que é probable que o círculo orixinal tivera unha adscrición prehistórica xa que algúns dos esteos aparecen moi traballados. Non falta quen di que se trata dun curro para o gando.
  
Círculos líticos de As Pedragosas (Chao de Lamoso, entre as parroquias de O Cadramón e Frexulfe): Formado por dous círculos concéntricos feitos con pedras de xisto e cuarzo, descubertos no ano 2004 por Indalecio García Paz, Xesús Pisón e Isaac Ferreira. Para algúns investigadores trataríase da estrutura dun enterramento megalítico mais, para Xesús Pisón presenta unhas características distintas xa que se trata de dous círculos concéntricos con algún esteo fincado no chan. O círculo maior ten unhas medidas aproximadas de 9,3 metros no eixo N-S e 9,5 no eixo L-O. O círculo menor acada 3,8 metros no eixo N-S e 4,2 no L-O, cunha abertura orientada cara o leste. No centro xeométrico do círculo hai unha pedra plana de 1,15 metros de lonxitude e 0,78 de alto.  A uns 15 metros deste hai outro círculo de apenas tres metros de diámetro. 
 
Círculo lítico do Prado do Xesto: Xunto a Fraga das Lerias, entre as parroquias de Frexulfe e O Cadramón. Na actualidade utilízase como cercado para o gando. Sen datar.
  
Pedrafita: A pedrafita que vemos na terceira foto atópase ao pé do monte do Penido. De forma cónica, está abeirada por outras pedras de menor tamaño que semellan formar un círculo lítico. 
 
Pedrafita do Outeiro das Parañoas (O Padorno-San Tomé de Recaré).
 
Pedrafita da Serpe (Chao do Padorno-San Tomé de Recaré).
 
Pedrafita da Veiga Mol: Trátase dun gran bloque de granito con forma cadrangular tendendo ao círculo, da que se descoñecen as medidas, se ten algún tipo de gravura, etc. Segundo refire Moncho Boga, e á vista dunha fotografía que insire no seu blog, pode afirmarse que se trata dunha peza traballada pola man do home. 
 
Pedrafita de A Esqueira: Ubicada á beira do Camiño Vello do Mosteiro.
   
Aliñamento do Chao do Padorno: Xunto o curro de Santo Tomé de Recaré, nas inmediacións da necrópole megalítica, hai un aliñamento de pedras que non sobresaen do chan máis de medio metro de altura. A súa situación á beira da necrópole pode facer pensar nunha estrutura prehistórica, mais non se pode precisar con exactitude.
 

 

O VICEDO 
 
Pedrafita da Cruz do Campo: Situada na aldea de O Campo, parroquia de Cabanas. Cando andaba a realizar o inventario e catalogación das cruces e cruceiros do concello de O Vicedo no ano 2007, xa me chamou a atención esta traballada pedra de granito cunha cruz latina insculpida. Mais, daquelas, o único dato que puíden comprobar é que estaba descontextualizada e que anteriormente se atopaba no antigo camiño que levaba cara a igrexa de Santa María de Cabanas. A finais do mes de novembro de 2012, cando ía de paso cara  Ferrol, desvieime da estrada para tirarlle unhas fotos á igrexa de San Paulo de Riobarba e, de paso, ver como se atopaba a cruz coñecida como Cristo do Chao que no ano 2010, durante uns traballos de desbroce, fora mutilada. Estaba neste labor de visita cando un home parou o coche ao meu carón. Despois de intercambiar uns saúdos, preguntoume se eu non era o mesmo que había anos andaba a "sacarlle fotos ás cruces". Reparando máis polo miúdo no rostro do home, lembrei que, en efecto, resultábame cara coñecida. Si, fora el quen me informara dunha cruz na Capariña que estaba agochada nunha casa, e tamén da Cruz do Campo. Contoume que esta cruz, que cando a visitei se atopaba tirada no chan, aínda permanecía no lugar onde eu a colocara de novo, por riba dun valado. Falando e falando, saltou a sorpresa. O meu informante sempre escoitara que a cruz fora gravada por un home natural do Canto do Muro, había uns setenta ou oitenta anos, reaproveitando esa prancha de granito que "toda a vida" estivera chantada no vello camiño real e á que antigamente, segundo escoitara contar aos seus pais e avós, se achegaban os veciños co gando (por veces, tamén persoas) que estaba enfermo para que sandase, atando o animal á pedra. É máis, cando o animal ou a persoa non podía ir ata o sitio, a pedra xiraba, mirando cara o lugar onde vivía o doente. Descoñécese de cando vén tal tradición, mais resulta evidente que dende tempo inmemorial a pedra cumpría outras funcións.

 

VILALBA
 
Pedrafita A Pedra Chantada ou do Carrizo (O Carrizo-Santaballa): Dada a coñecer por E. Ramil. Situada no medio dunha necrópole megalítica formada por máis de vinte mámoas, mide máis de 2 metros de alto. Ten un gran número de cazoletas que máis semellan feitas pola erosión que pola man do home. Declarada BIC.
 
Pedrafita Marco das Catro Aldeas (Vilapedre).
 
Trilito de Funcasta (Funcasta-San Simón da Costa): Un trilito, do grego trilithos, está formado por tres grandes pedras, dúas en posición vertical sobre as que apoia outra horizontal. Monumento asociado a un contexto megalítico. Na bibliografía apenas se fai mención a este tipo de monumentos que seguen o concepto esquemático dos dolmens. É que os nosos megaliteiros descoñecían este tipo de estruturas documentadas noutras áreas da costa atlántica europea? Ou é que os temos tan á vista que nos pasan desapercibidos? Non será que na maior parte dos casos aproveitaron as formacións rochosas naturais que reunían determinadas condicións para completar a obra? Ademais dun debuxo de Barros Sivelo (ver Noia) tense referencia deste de Funcasta. Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1950), di que o señor Cuba Restrebada lle comunicara que o mellor dos monumentos megalíticos da parroquia de San Simón da Costa, e quizais o máis artístico de Galicia, atopábase preto da pequena aldea de Funcasta. Estaba constituído por unha pedra de granito plana de tres metros de longo, tallada e puída pola cara inferior, que descansaba sobre dous fitos en forma de tesoira. Respectado durante milenios, fora voado con dinamita. Despois desta descuberta bibliográfica, comenteillo a Cristina Vázquez Neira e a Xurxo Broz, arqueólogos do Museo da Terra de Melide, por se tiñan coñecemento dalgún monumento deste tipo. Foi entón cando Cristina quedou de falar cun seu tío, natural de San Simón da Costa. Para facelos máis identificables, Cristina e Xurxo fixéronlle un croquis de como eran estes megalitos. Despois de preguntar a varias persoas, si lembraban o vello trilito de Funcasta, mesmo o tío de Cris, que marchou de moi novo dalí, lembraba algo semellante. E como sinalaba Vázquez Seijas, constataron que fora destruído. Tamén lle dixeron que no Monseivane existe aínda un "bilito", segundo el mesmo o denominou, pois quitáronlle a pedra horizontal superior, quedando só os dous chantos verticais. Incluso saben o veciño que levou a pedra para a casa e a utilidade que lle deu: reutilizouna como pedra de cheminea. Salientan Cristina e Xurxo que cando lle falaron do tema ao tío e preguntou, a ninguén lle resultou estrano ese elemento, polo que se pode confirmar que os trilitos, practicamente descoñecidos no resto de Galicia, si están ou estiveron presentes nesa zona.
 

VIVEIRO
 
Pedrafita de Catarou (Galdo): Citada por Federico Maciñeira. Trátase dun seixo case liso que sobresae 1,15 metros do chan.
 
O Pau da Vella: Actuaba como lindeira entre os concellos de Cervo, O Valadouro, Viveiro e Xove. Dise que o nome lle vén de cando os concellos estaban a sinalar os seus lindes sen poñerse de acordo. Un día apareceu polo lugar unha vella cun pau na man, e sinalando un sitio dixo de poñer alí unha cruz. Tamén se conta que xunto a cruz está enterrada unha vella que adoitaba visitar o lugar apoiada nun pau. Interpretada como cruz, estela antropomorfa ou estatua-menhir. Recollida por Castelao na súa As cruces de pedra na Galiza do ano 1949.



XERMADE
 
Círculo da Rodeliña do Covo (O Reboredo-Roupar): De 35 metros de diámetro. Apenas se percibe. Localiceino no ano 2014. Trátase dun círculo perfecto de 35 metros de diámetro que apenas levanta do chan uns poucos centímetros. Nos último anos están a documentarse en Galicia varios círculos, nalgúns atopáronse restos cerámicos e material orgánico que permitiron datalos na Idade do Bronce. Polo de agora ignórase cal sería a súa función pero pode que estean vencellados a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario.
 



CÍRCULOS E PEDRAFITAS DA PROVINCIA DE OURENSE

AVIÓN
 
Pedrafita do Touzo (Serra do Suído): Ten, ao menos, unha cruz gravada. En bo estado de conservación. A foto, facilitada por Alberte Alonso Fernández que a interpreta como fálica, é dos anos oitenta.
  
Pedrafita da Touza: Estremeira entre as provincias de Ourense e Pontevedra (Serra do Suído). Ambas as dúas pedrafitas eran nun principio unha soa pedra. O Touzo posuía forma fálica e A Touza formas máis ou menos sólidas. Para Moncho Boga, as pedrafitas son o símbolo por antonomasia da fecundación, neste caso dos campos e, polo tanto, o elemento masculino debe estar ergueito. Sen embargo, se chove de máis, as colleitas poden perderse, por iso é necesario retirar a pedra e deitala no chan. Aquí estaríase diante dun curioso caso de pedrafitas "móbiles". En canto á funcionalidade do Touzo e a Touza, escribe Vázquez Varela (2008): "La función del ritual es cambiar el tiempo de acuerdo con las distintas necesidades de la comarca a lo largo del año, que varían a su vez según se trate de las de los ganaderos y pastores de la zona de la montaña o de las de los agricultores de las tierras de valle que se extienden al pie de aquella [...] Estas diferencias en el calendario de la conveniencia de los períodos húmedos o secos ha provocado ciertas tensiones entre las comunidades por cuanto cada una de ellas cambiaba las piedras de posición de acuerdo con sus intereses sin tener en cuenta los de los otros".
 
Lapa de Valdohome: Situada entre os concellos da Lama, Fornelos de Montes e Avión. Descrita por Alberte Alonso no seu blogue Catalogación de pedrafitas de Galicia. Foto de Galicia Máxica. Utilizada como marco, vese unha cruz moderna gravada nunha das caras.

 
 
 

BANDE
 
Marco-Pedrafita das Catro Cruces (Corvelle): Debe o seu nome ás catro cruces gravadas nas catro caras do monolito que actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Calvos e Corvelle (Bande) e Cexo e Banqueses (Verea). Na parte superior ten unha fendedura, semella que artificial. Os veciños de Corvelle mesmo teñen conmemorado as batidas que na Idade Media se facían para cazar o lobo e así reivindicar a protección tanto do marco como dos dous foxos de lobo que aínda se conservan nas inmediacións. Tanto pola súa tipoloxía como por estar próximo a un campo de mámoas, apunta a que se trata dunha pedrafita prehistórica que logo foi reutilizada, tradición que pervive entre a veciñanza. O día 26 de agosto de 2014, Pablo Corujo, que está a xeolocalizar varias necrópoles megalíticas, achegoume unha mala nova: a pedrafita fora derrubada e medio soterrada por unha máquina escavadora, feito que xa foi denunciado no Servizo de Patrimonio en Ourense e do Concello de Bande. O día 11 de xaneiro de 2015, a arqueóloga do Servizo de Patrimonio Cultural de Ourense comunicoume que a pedrafita xa fora reposta no seu sitio por persoal da Consellería do Medio Rural que foron os que, ao parecer, derrubaron o marco de forma fortuíta cando estaban facendo labores de mantemento nun cortalumes. Non é a primeira vez que a Consellería do Medio Rural é a responsable directa dun bo número de agresións contra o noso patrimonio, que non sexa de forma intencionada non a exime de responsabilidades, e sobre todo tendo en conta que se trata dun organismo público polo que aínda con máis motivo, se se quer, debería extremar as súas actuacións nun medio tan sensible como son os nosos montes que, de todos é sabido, están ateigados de vestixios do noso pasado.
 
Pedrafita do Monte das Motas: Citada por Barros Sivelo e Monteagudo. Hai unha necrópole que Barros (1875) cualificou como un gran círculo lítico.
 
Pedrafita: Situada no Centro de Interpretación de Aquis Querquernis, en Porto Quintela. Atopouse no ano 1992 no leito do río Limia, á beira dun muíño. En principio semellaba un miliario mais pero, analizada, puido describirse unha gran pedra con forma cilíndrica e moldurada no primeiro terzo da súa lonxitude; interpretada como fálica.

 
 
 

BAÑOS DE MOLGAS
 
Pedra gravada en Marzás (Ponte Ambía): Segundo José Antonio Gavilanes, a pedra pode que estea desprazada do seu lugar orixinal xa que se atopa na beira da pista que se fixo hai poucos anos. Pensa que ao mellor puido vir do monte da Medorra que era comunal. Polo tanto, descoñécese se se trata dunha pedrafita ou dunha pena con gravuras que foi cortada.

 

A BOLA
 
Marco-pedrafita do Monte de San Cibrao (Pardavedra): No sitio hai cinco mámoas escavadas hai anos. Actúa como linde dos concellos de Allariz, A Bola, A Merca e Rairiz de Veiga. Atópase xunto a ermida do San Cibrao do século X, de afamada romaría. Ten gravadas tres cruces, dúas nas caras opostas e outra na cima. Foi desbastada por dúas partes, e non en época prehistórica o que non quita que nalgún momento cumprira outra función. Citada no catastro de Ensenada de mediados do século XVIII.


 

CASTRELO DE MIÑO
  
Círculo no Alto de Cerdeiriñas (A Bouza-Macendo): No mes de agosto de 2018, Henrique Álvarez Villar achegoume unha foto do voo americano de 1956-57 do Alto de Cerdeiriñas, situado a 430 metros de altitude, nun lugar cun amplo dominio visual sobre a contorna, o río Miño e o encoro de Castrelo. Foi o veterinario Alfredo Fernández Rodríguez quen lle comunicara a descuberta a Henrique. No mes de setembro dese mesmo ano achegámonos ata o sitio, comprobando sobre o terreo que fora moi alterado por unha repoboación con piñeiros, ademais de estar atravesado por un camiño-cortalumes. A pesares de atoparse moi achandado, si puidemos observar nalgúns tramos vestixios do muro circular formado por terra e pedras que nalgunhas partes elévase 0,50 metros. Á falta de prospeccións arqueolóxicas, cremos que se trata dun henge. Case no medio do círculo, que ten unhas medidas aproximadas de 120 metros de diámetro, observamos o que poden ser os restos dunha mámoa. No camiño atopamos dous anacos cerámicos de cronoloxía imprecisa. O sitio conta con folclore, un curmán de Henrique achegoulle o seguinte: "En el monte de las Cirdeiriñas se juntan siete camiños, y hay un lingote de oro que vale por siete reinados". Non lembra ben, pero o curmán cre que está incompleto. Henrique, despois de falar cun seu tío, aclaroulle que non é lingote, senón "mantilla" e que hai unha advertencia sobre o lugar, aínda que non lla soubo explicar, pero que quizais faga alusión a unha trabe de alcatrán. O sitio onde se atopa recibe o chamativo nome de Val do Coto Redondo. No mes de novembro de 2019, nun artigo publicado na web Historia de Galicia, sorprendeume que se anunciara a "descuberta" deste círculo polo xeólogo Óscar Pazos cando xa estaba amplamente divulgada pola rede dende un ano antes.

   
 

CASTRELO DO VAL 
 
Estela-menhir: A principios do mes de maio de 2011, o veciño de Castrelo do Val, José Luis Lozano Rúa, descubriu esta estela granítica cando traballaba nunha finca. Datada na transición do II ao I milenio antes da nosa era, trátase dunha peza de granito duns 800 quilos de peso, de 175 cm de altura e 63-70 cm de ancho. Presenta as gravuras dun guerreiro armado con escudo, espada, lanza e arco, e un carro en mal estado de conservación. Ata o de agora este tipo de estelas só eran coñecidas nun territorio que abranguía Estremadura, o suroeste andaluz, sur de Portugal e Francia. O lugar onde apareceu coñécese como A Pedra Alta. Dende o primeiro momento tanto o amigo Nipis como o Concello querían que permanecese no lugar, habilitando unha zona para que poidera ser visitada. Mais no mes de xaneiro de 2012, a Xunta de Galicia notificou ao seu descubridor que si non entregaba a estela ao Museo Arqueolóxico de Ourense sería multado. Na actualidade atópase na dependenza que o museo, pechado hai un montón de anos por obras, ten no convento de San Francisco.
 
Pedra do Couto: Ao pé do castro de Cabanca. No límite entre Castrelo do Val e Nocedo do Val. Ten un gravado a letra Phi na cara oeste, e cruces nas caras sur e norte. (Información recollida de José Luis Lozano Rúa, de Castrelo do Val).
 
Pedrafita de Pena Boeira: No Monte de Pena Boeira. 

 


CASTRO CALDELAS
 
O día 11 de maio de 2014, cando despois dalgúns anos nos achegamos de novo ata os montes da parroquia de Mazaira, a case 900 metros de altitude sobre o nivel do mar, unha pedra de forma curiosa situada nunha penichaira e medio tapada polos toxos chamounos a atención. Acercámonos e comprobamos que non formaba parte de ningún afloramento, senón que fora fincada por man humana naquel sitio. A súa feitura, a primeira vista, debuxaba unha cruz, iso si, moi tosca, mais cremos que se podería interpretar como unha estela antropomorfa ou estatua-menhir, hipótese nada descabelada se temos en conta que se atopa dentro dun campo de mámoas. Sobresae do chan case un metro, e nos "brazos" da cruz, de punta a punta, mide 0,84 metros. No pé do fito observamos varias pedras de cuarzo enterradas. Pouco máis sabemos polo de agora, só que non delimita nin delimitou nunca ningunha herdade por se se puidera interpretar como un marco divisorio.

 

CENLLE
 
Marco-pedrafita da Eira dos Mouros: A aldea da Eira dos Mouros, deshabitada dende hai moitos anos, pertence a Santo André de Camporredondo, do concello de Ribadavia, pero o marco ou pedrafita queda máis arriba, a curta distancia, pero xa en territorio de Cenlle. Ao pasar as viñas da Eira dos Mouros, subindo cara Cenlle, á esquerda hai un anaco de estrada vella sen saída, e o marco está enfronte. Trátase dun bloque de xisto de escasa consistencia, no que están gravadas dúas espirais, unha moi deteriorada, e algunhas coviñas. A parte á vista mide sobre 1,5o metros de altura. Di o profesor e investigardo Clodio González Pérez que case seguro que é a petra scripta que figura nos lindes entre Santo André de Camporredondo e San Paio de Ventosela, na doazón da primeira parte dos reis de Galicia, Sancho Ordóñez e Dona Godo, ao mosteiro compostelán de Antealtares no século X: "inde ad illa mamula ubi iacet petra scripta, et inde in directo ad montem de Rege et inde Area de Maurus", "a mámoa onde está a pedra escrita, e dereito ao Monte do Rei - coto de San Cibrao, antes denominado San Cibrao de Monterrei- e Eira dos Mouros". En efecto, a uns 470 metros en liña recta está a mámoa coñecida como Eira dos Mouros.

 

CUALEDRO 
 
O Marco das Ferraduras (A Caridade-Flariz): Entre Flariz (Monterrei) e Montes (Cualedro). Quizais reciba o nome pola representación moi esquemática dunhas ferraduras que hai nunha peneda próxima. Posible marco divisorio de adscrición indeterminada que ten unha cruz insculpida. Mais o que chama a atención é unha palabra que ten gravada e que non logro identificar: ARABIGOUS. (Ver foto no concello de Monterrei).

Marco do Madorriño (A Saceda): Situado a carón dunha pena con petroglifos e dunha necrópole megalítica. 
 
Pedrafita de Baldriz (Baldriz): De dous metros de altura e uns corenta centímetros de diámetro. Na parte traseira ten unha acanaladura que dende o alto ocupa dous terzos da pedra. Nos anos setenta do pasado século o cura mandou poñer enriba unha cruz de cemento. Os veciños coñécenna como Parafita. Documentada por Bruno Rúa.


ENTRIMO
 
Estrutura circular: Preto da Casa da Moura, en Queguas. Segundo Miguel Moreno Gallo trátase dun posible círculo lítico ou outra construción de difícil adscrición pero vencellado ao fenómeno megalítico; tampouco desbota que se trate do resto dun muro pertencente a unha construción para o gando. 

 

ESGOS
 
Pedrafita do Marco Novo: Na confluenza dos concellos de Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadanedo e Esgos. Segundo a lenda, o cabalo de Santiago saltou a esta pedrafita dende O Marco Vello, no concello de Xunqueira de Espadanedo. Informantes: José Antonio Gavilanes, de Ponte Ambía (Baños de Molgas) e Juan José Ferreño, de Esgos. 
 
Pedra ou Penedo do Xigante (San Pedro de Rocas): Citada por Barros Sivelo como menhir no ano 1875. Trátase de catro penedas superpostas de orixe natural aínda que quizais estivera asociada a antigos rituais.

 
 


GOMESENDE
 
Pedrafita do Val ou Marco do Seixo (O Val): Na Serra do Seixo. Marco situado xunto unha necrópole megalítica formada por tres mámoas. Na actualidade non fai de límite nin con freguesías, concellos, etc.


A GUDIÑA
 
Estatua-menhir do Cichón (O Tameirón): Atopada no ano 1992 por un veciño nunha súa propiedade e dada a coñecer por Rivas e Rodríguez no ano 2002. Estaba soterrada e sen fincar no chan. Ten unhas medidas de 2,35 metros de alto, 0,63 de ancho e 0,26 de grosor. Presenta un motivo a xeito de "estola". Nas inmediacións hai un grupo de mámoas. Na actualidade atópase no xardín das escolas vellas do Toural, preto do albergue de peregrinos da Gudiña.
 
O Pico Sagro: Na zona da Ribeira. Dá nome a un outeiro rochoso que quizais acolleu algún tipo de contrución. Pero no voo americano do 1956-57, ao pé semella verse un círculo duns 50 metros de diámetro. Segundo a lenda, hai unha gruta onde hai agochado un tesouro. 
 
 
 
 
O IRIXO
 
Pedrafita de Brañas de Lagorzos (Lagorzos-San Cosmede de Cusanca): Situada á dereita da estrada local que vai dende O Irixo a Dozón, xusto no límite entre os dous concellos e as provincias de Ourense e Pontevedra. De 1,50 metros de altura á vista, ten gravados un "D" na cara norte e un "I" na cara sur, nidia referencia aos concellos de Dozón e O Irixo. Na cara oeste pode verse unha gravura de feitura indeterminada e na cara que dá ao leste unha cruz tipo pometeada. Aprécianse, ao menos, dúas pequenas coviñas. A raíz dunhas fotos que colguei no Facebook no mes de novembro de 2014, o arqueólogo Lino Gorgoso López apuntou, atinadamente, que chama a atención que tanto Xaquín Lorenzo e Bouza Brey, ou Filgueira Valverde e García Alén que pasaron pola zona, falen das mámoas que hai nas inmediacións e non desta pedrafita polo que non hai que desbotar que orixinariamente se atopara noutro lugar.
 
En novembro de 2012 recollín unha información sobre a descuberta de varias mámoas e petroglifos no concello de O Irixio polo Grupo de Acción Ecoloxista Outeiro, de O Carballiño, e tamén dunha pedrafita. Descoñezo onde está localizada esta última.

 

LAZA
 
Estela-pedrafita do Rebordiño (Soutelo Verde): Localizada por Bruno Rúa e dada a coñecer o día 10 de abril de 2015, non moi lonxe do Castro dos Mouros. Ten máis de dous metros de alto, 0,70 de ancho e un perímetro de máis dun metro. De granito, semella representar unha figura humana cos brazos pegados ao corpo. Aínda que falta por facer un estudo pormenorizado da pedra e da contorna, ten moita semellanza coa estatua pedrafita de Vilar de Santos.

 

LOBIOS
 
Serra do Xurés: Barros Sivelo cita unha pedrafita na Serra do Xurés. Non achega máis datos, só un debuxo.

 

MACEDA
 
Pedrafita O Menhir Escrito (Xinzo da Costa): Con gravuras. Citada por Barros Sivelo (fixo un debuxo). Bloque granítico en forma de tronco de pirámide de 2,5 m de altura, con gravuras dun escutiforme, coviñas e un círculo arrodeado por unha ducia de cazoletas.
 
Pedrafita do Couso: A uns 700 metros do Alto do Couso. Reutilizada como marco divisorio entre os concellos de Esgos e Maceda. Trátase dunha pedrafita que presenta varias cazoletas e unha acanaladura na parte superior. José Antonio Gavilanes, o seu redescubridor, di que foi removida da súa posición orixinal.
 

 

MELÓN
 
Pedrafita de Marco Padrón: Divisoria entre os concellos de Melón e A Cañiza, e das provincias de Ourense e Pontevedra. O seu descubridor, Alberte Alonso Fernández, di que está ben conservada e que na cima presenta unhas concavidades que cumprirían a función de observación astronómica. Situada a carón dun camiño, actúa como poste no peche dunha finca, mide preto de 1,60 metros de altura e ten gravada unha cruz, posiblemente medieval.

 

A MEZQUITA
 
Marco do Carriñal (As Cortiñas-O Pereiro): Pilar Fernández Pintos, arqueóloga de Desenrolo e Obras de Arqueoloxía S.C., achegoume este marco localizado durante o seguemento de obra (trazado LAV Canda-Vilavella) que ía ser afectado polo trazado, polo que se recomendou o seu traslado. Os arqueólogos fixeron no seu momento os traballos para facer o seu levantamento, escavando a zona inmediata. Na actualidade atópase nas dependenzas da empresa á espera da súa reubicación definitiva. Durante a escavación non se localizou ningún outro resto relevante. Trátase dunha pedra de granito de forma piramidal, de 1,52 metros de altura visible, cunha anchura que vai aumentando dende os 30 cm na parte superior ata a 60 cm a ras do chan, e un grosor que vai aumentando dende os 12 cm na parte superior ata os 26 cm a ras do chan, se ben o seu grosor sería maior xa que está fragamentada. Posible marco xurisdicional de época medieval-moderna.

 

MONTEDERRAMO
 
Fito da Virxe da Ribeira Sacra: Situado xunto a estrada que vai de Leboreiro a Montederramo. Monumento ornamental promovido pola asociación Amigos de Montederramo que lembra ás vítimas do 11M. Na cara principal abriuse unha fornela que acolle á Virxe da Ribeira Sacra. Na coroa vese un rebaixe cóncavo, deseño característico, segundo Alberte Alonso, das pedrafitas de observación astronómica.

 

MONTERREI
 
O Marco das Ferraduras (A Caridade-Flariz): Entre Flariz (Monterrei) e Montes (Cualedro). Quizais reciba o nome pola representación moi esquemática dunhas ferraduras que hai nunha peneda próxima. Posible marco divisorio de adscrición indeterminada que ten unha cruz insculpida. Mais o que chama a atención é unha palabra que ten gravada e que non logro identificar: ARABIGOUS.
 
Marco do Seixo Branco: Entre Albarellos e Pacios. Trátase dun marco cilíndrico de 40 cm de diámetro coa letra "O" gravada. Posiblemente medieval.
 
Albarellos e Vilaza aparecen citados en dous documentos do ano 950, na desputa por unhas lindes entre o bispo Rosendo e a condesa Trudile. O motivo de traer aquí estes textos é porque neles faise mención a grandes rochas, muros de terra, archae, marcos, petrae fictae e penas con gravuras que podemos interpretar como arcas megalíticas, pedrafitas, petroglifos ou miliarios de época romana. Achego parte do texto (traducido ao galego) redactado polos inspectores encargados de dirimir o conflito: "Nós os sobreditos inspectores ascendemos primeiro ao monte seguindo os sinais ata onde estaba unha rocha grande e branca; mirando cara abaixo dende alí descubrimos dous montes de pedras na divisoria entre San Fiz e Albarellos, camiñando dende alí xunto dous muros de terra atopamos da parte de Albarellos un marco fixado no camiño e, da parte de San Fiz, dúas columnas, unha das cales aparecía incisa con indicación do termo. Despois continuamos cara abaixo, cara Zacoys onde atopamos unha arca de pedra e logo outra arca de pedra moi preto do río Malage (identificado co regueiro de Vilaza), onde o límite deixou de continuar a liña recta con que se iniciou. Cruzamos o Támega e atopamos unha arca de pedra. Dirixíndonos dende alí cara á parte de Santa María, atopamos unha pedra con burgarios gravados; cruzamos de novo o Támega guiados polos sinais e achamos outro marco xunto a calzada; subimos directamente e atopamos unha arca de terra e, xunto a ela, unha pedra dereita. E dende alí seguindo os muros de terra, non lonxe do castro, achamos noutra pedra burgarios gravados e, acehgándonos máis ao castro, atopamos amontoamentos de dúas rochas naturais esbrancuxadas; e así continúa o mesmo muro de terra por sinais evidentes ata o cume do monte; onde iniciaramos a delimitación e concluímos a delimitación da vila de San Fiz e Baroncelli polos sobreditos sinais e magníficas arcas".

 

NOGUEIRA DE RAMUÍN
 
A Pedra Longa: O único dato do que dispoño é o sacado do blogue, dolmentierraviva, onde non se achega outra información máis ca unha foto e a situación aproximada: nas inmediacións da necrópole megalítica de Moura. Na parte de comentarios de dolmentierraviva, unha veciña di que segundo a lenda o topónimo Moura vén duns antigos guerreiros que se agochaban nas rochas e que soían pintarse co zume das amoras.
 
A Pedra do Peón: Debido á néboa e á choiva que me recibiu a comezos do outono de 2014 non parei no lugar moito tempo. Non atopei a Pedra Longa citada máis arriba, mais si outra curiosa pena situada na parte máis alta da penichaira, formando parte dun afloramento granítico. Inclinada uns 60 grados, mide de longo máis de tres metros, arredor dun metro de diámetro na parte baixa e medio metro de diámetro na superior. Entre ambas as dúas partes, a pedra "adelgaza" semellando a figura dun peón do xogo de xadrez (de aí o nome que lle dei). Se ben a súa forma podería ser produto da natureza, chama a atención unha pía redonda, sen dúbida de feitura artificial, que presenta nunha das súas caras, e algunhas coviñas que se ven na parte inferior da pena.
 
Pedrafita das Cabanas de Moura: Non moi lonxe da anterior atopamos outro monolito de 3,08 metros de altura. Na parte máis ancha dun dos extremos semella como se quixeran realizar algún tipo de representación, quizais unha cara ou cabeza de fasquía antropomorfa cunhas medidas de 70 por 75 centímetros. Dende a "cabeza" a pedra vai estreitándose ata a parte inferior, de forma arredondada, onde non pasa de 40 cm de diámetro. Inmediatamente debaixo da "cabeza", as caras laterais miden  4o cm, ancheándose no medio dez centímetros máis, para continuar estreitándose cara o pé. A parte posterior ten forma tirando a semicircular (as arestas posteriores das caras laterais apenas se perciben). Apaxado o fito non se observan outras marcas, se ben cómpre ter en conta que o lique cubre gran parte da pedra. Falei cuns veciños que pouco me achegaron, nunca a viran ergueita. Un deles, de idade avanzada, díxome que este e outros afloramentos foran utilizados para a extracción de pedra para os muros de fincas e casas. En efecto, nalgunhas pedras aínda se poden ver as marcas das cuñas. Nada máis podo engadir, descoñezo cal sería a súa finalidade e cara onde estaría orientada. Se nos atemos á forma, con esa "cabeza" ou "cara" na parte superior, pode que se tratara dun ídolo, quizais unha especie de gardián da necrópole das Cabanas de Moura. A pena documenteina no mes de xullo de 2014, chamándome a atención que non se citara  en ningún traballo.

 
 

OÍMBRA
 
Estela-menhir de Oímbra ou Muíño de San Pedro: Atopada no monte Lodairo no ano 1985. Mide 1,60 metros de altura. Debido ao seu carácter antropomorfo e fálico pode tratarse dun monolito reutilizado con posterioridade no Bronce Final e en época romana cunha inscrición que di: "LATRONI/VS CELT/IATI F/H S E...", "Latron/ius Celt/iati F(ilius)/H(ic) S(itus) E(st)", ("Latrono, fillo de Celtiatus, está enterrado aquí"). Por riba da inscrición presenta unha cara humana gravada, delimitada por un círculo, con orellas, ollos e boca. No reverso un motivo xeométrico subrectangular. Adoita interpretarse como unha estela antropomorfa romana, se ben sempre se puxo de manifesto que se aprecia un imporante peso do compoñente indíxena. E se non tivera inscrición? Posiblemente se relacionaría coas estelas-menhir aparecidas en Portugal que presentan certos elementos en común. Dátanna a finais do século I d.C. ou principios do II d.C.

 

PEREIRO DE AGUIAR
 
Pedrafita de A Verea: Na aldea de Quintela, parroquia de Calvelle. Sábese que había unha pedrafita. Logo de preguntar a varios veciños, informáronme que, en efecto, si a lembran máis cren que foi destruída.
 
Marco da Medorra: Estaba situado na aldea de A Medorra, na parroquia de Moreiras. Desapareceu a mediados dos anos oitenta do pasado século, durante as obras da actual estrada comarcal.
 
QUINTELA DE LEIRADO
 
Marco da Chan (Ataínde-Leirado): Marco de granito cilíndrico con dúas cruces latinas gravadas, unha na cara sur e outra na cara norte. Ten unha altura de 70 centímetros. (Información recollida dea arqueóloga Nieves Amado Rolán, 2001).
 

RIBADAVIA
 
Pedrafita da Pedra do Frade: Monteagudo só achega o nome e unha situación moi imprecisa: Sobre o Miño "probable menhir como el de Berdoias, termiminado en punta como capucha de fraile".

SARREAUS
 
Pedrafita da Pedra Alta (Lagoa de Antela-Cortegada): Dada a coñecer por Veiga Pato. Funcionaba como marco divisorio entre os concellos de Sarreaus, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia, preto do antigo camiño que unía Monterrei e Xunqueira de Ambía. Derrubada por un tractor no ano 1975, erguéronna de novo sobre un pedestal de cemento no ano 1986. Trátase dun menhir de granito de gran groso e sección irregular. Presenta varias inscricións, algunhas superpostas, proba da súa reutilización. Na cara principal vese unha cruz grega e unha epígrafe de díficil lectura (Vega Pato fala dunha inscrición cristiá datada entre os séculos IX-XII) que diría: "IDNH WIMARA/E B VR O NI + ON", "In Domini Nostri Ihesu Wimara Eburoni"; na parte traseira vense tres cruces e a letra "E". A existencia e superposición das inscricións sinalan unha cristianización e reutilización funcional da pedrafita. Pouco se sabe sobre a súa finalidade e situación primitivas. Declarada BIC.

  
TABOADELA
 
Pedrafita do Marco do Mato (O Mato-Rabeda): Na cima presenta unha cruz gravada. Tamén se ven varias coviñas nos laterais o que fai pensar que a chanta, antes de ser utilizada como marco, puído cumprir outras funcións.


TOÉN
 
Círculo do Alto de Cerdeiriñas: Entre as parroquias de Puga e Xestoso, a 331 metros de altitude. Localiceino a medidados do ano 2023 grazas ás fotos do voo americano  dos anos 1956-57. Medidas aproximadas de 57 por 50 metros. Coordenadas: x: 581828 - y: 4683290.
 
Círculo da Cerba ou das Carricovas (Feá): A 125 metros de altitude, sobre o río Miño, que nesa parte divide o concello de Toén coa parroquia da Barca de Barbantes, en Cenlle. Localiceino a medidados do ano 2023 grazas ás fotos do voo americano  dos anos 1956-57. Medidas aproximadas de 48 por 40 metros. Na parte central vese un pequeno círculo de 15 metros de diámetro. Coordenadas: x: 581804 - y: 4687629. 
 
Círculo dos Cortizos ou de Vales (A Eirexa-Puga): A 225 metros de altitude. Localiceino a medidados do ano 2023 grazas ás fotos do voo americano  dos anos 1956-57. Na actualidade nada se aprecia cos visores, totalmente destruído por unha pista. Tiña unhas medidas aproximadas de 35 metros de diámetro. Coordenadas: x: 582598 - y: 4686969.
 
Círculo Porto Ramirás (San Fiz-Puga): A 325 metros de altitude, case no límite coa parroquia de Macendo (Castrelo de Miño). Localiceino a medidados do ano 2023 grazas ás fotos do voo americano  dos anos 1956-57. Na actualidade apenas se percibe, tiña uns 75 metros de diámetro cunha baixa muralla ou parapeito en todo o perímetro. Coordenadas: x: 581052 - y: 4683922. A 500 metros en liña recta, xa na parroquia de Macendo, consérvase o topónimo Monte Roda.
 


 
  

VEREA
 
Pedrafita da Mota Grande: Tirada ao outro lado da pista que a separa do dolmen da Mota Grande polo que se pode afirmar que a mámoa atópase asociada á pedrafita. Trátase dunha gran pedra monolítica que se atopou tumbada á beira da base do túmulo e que logo foi removida do seu lugar orixinal. 

 

VERÍN
 
Pedrafita: O Caderno de Campo da Sociedade Antropolóxica Galega do mes de decembro de 2013 achega a descuberta dunha posible pedrafita na zona coñecida como O Pozo do Demo, no camiño que vai dende Cabreiroá á Veiga das Meás. Foi localizada por Rafa Castro que a viu tumbada á beira do camiño. De granito, obsérvanse varias coviñas insculpidas. Na contorna tamén localizou varias penas con cazoletas e unha pedra exenta, partida, con combinacións circulares. 
 
Marco do Souto Novo (Tamagos): Medieval, de 1,5 metros de altura. Segundo referencias orais, servía de lindeiro entre as terras administradas polo titular da Granxiña e o forestal propiedade dos veciños de Tamagos; ten gravadas distintas cruces gregas e latinas. Parece ser que é o único marco que se mantén en pé no concello de Verín, os demais só quedan na memoria: Marco Rachado, Marco da Fenteira e Marco da Viña Grande. 
 
Toco das Cabras: Segundo Alberte Alonso trátase dunha pedrafita de observación astronómica. A foto é de Rafa Castro.
 
Trilito: No Eco de Galicia do 10 de setembro de 1917 aparece a reprodución dunha postal de  de Pedro Ferrer que di. "Cabreiroá. Orense. El trilito, piedras arrancadas donde la tradición duídica arrancaba de las entrañas de los prisioneros del oráculo".
 
 


 


VILAR DE SANTOS
 
Estela-menhir: Da Idade do Bronce, vencellada a prácticas de protección e fecundación do gando. Ten unha altura de 1,56 metros. Na parte superior sobresae unha prominencia redondeada, a xeito de cabeza, que ten nunha das súas caras unha coviña, reforzando o seu aspecto antropomorfo. Ata o seu redescubrimento, no ano 1982, formaba parte do peche dunha finca. A pedra xa era coñecida na zona; segundo a tradición, cando pasaban as vacas que estaban preñadas pola súa beira ían resfregarse na pedra o que era bo síntoma para un nacemento venturoso. Atópase no Museo Arqueolóxico de Ourense. 

 

XUNQUEIRA DE AMBÍA
 
Castro de Cerdeira (A Graña): No ano 1994, un veciño amosounos nas inmediacións do castro o que asegurou era a "cabeza" dunha pedrafita. Duns 40 centímetros, a pedra, de granito, presentaba unha forma arredondada, lisa, e cunha cazoleta. Cando aos poucos meses regresamos ao lugar, o mesmo veciño contounos que desaparecera.

XUNQUEIRA DE ESPADANEDO
 
Pedrafita do Marco Vello: No coñecido como Campo do Eirado, na confluenza dos concellos de Nogueira de Ramuín, Parada do Sil e Xunqueira de Espadanedo. Informantes: José Antonio Gavilanes, de Ponte Ambía (Baños de Molgas) e Juan José Ferreño, de Esgos. Verbo da situación deste marco/pedrafita, o profesor Antonio G. Rodicio, na súa páxina De la Ribera Sagrada, precisa que asenta na confluenza dos concellos de Nogueira de Ramuín, Esgos e Xunqueira de Espadanedo correspondentes aos coutos xurisdicionais dos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa María de Xunqueira de Ambía e San Pedro de Rocas. O monolito, de 1,50 m de alto por outro tanto de contorna, presenta tres cruces gravadas. A ela fai referencia un privilexio do rei Afonso VII no ano 1153 como fito demarcador do couto do mosteiro de Rocas: "Cantum Sancti Stephani de Petraficta" e onde se di que xa figuraba chantada no lugar no ano 921. Ao seu carón discorría a vía que unía Ourense, o Castro de Litoria e Astorga. Ao seu redor hai unha lenda que di que unha marca que presenta na parte superior foi obra do cabalo de Santiago, saltando dende este marco ata outro que dista 1.400 metros do coñecido como O Marco Novo, no concello de Esgos.  
O día 27 de maio de 2013, J. Antonio Gavilanes achegoume unha foto na que se ve como un Tecor cravou nela unha prancha de metal. O feito foi denunciado ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia en Ourense. Case tres meses despois de que denunciaramos a agresión, o Marco Vello xa loce sen a prancha de metal. Iso si, como me achega José Antonio Gavilanes, quedáronlle os buratos dos parafusos onde, precisamente, ten unha gravura en forma de N invertido feito nun rebaixe. A última foto xa amosa a pedrafita despois de "reparado" o atentado.

 

CÍRCULOS E PEDRAFITAS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 

AGOLADA
 
Marco de Trabancas: Segundo información achegada por Anxo Forxán podería tratarse dunha pedrafita que había na parroquia de As Trabancas e que, ao parecer, foi destruída polas obras da estrada Agolada-Antas de Ulla. Actuaba como lindeira entre as provincias de Lugo e Pontevedra.
 
Pedrafita de Riba (Merlín): Fito que Alberte Alonso interprta como fálico.  

BAIONA
 
Pedra do Acordo (Monte Aloia): O nome lévao unha penichaira situada na Serra da Grova, entre Torroña, na parroquia de Burgueira (Oia) e Belesar (Baiona). No lugar, onde se documentaron penas con petroglifos, hai unha estrutura tirando a cuadrangular que puído acoller unha tosca cabana. Un pequeno monolito, que semella que non foi retocado artificialmente, érguese xunto a estrutura. Como acontece noutras partes de Galicia, no lugar puído existir unha pedra que sinalaba a confluenza de dúas ou máis freguesías, xurisdicións, etc., como acontece cos nomes de Tres Bispos, Pena dos Catro Cabaleiros, Catro Cruces, e outras de similar denominación como é o caso da Pedra do Acordo do Monte Aloia, unha pedra en forma de pentágono que sinalaba os límites das freguesías de Malvas, Pazos de Reis e Rebordáns (Tui), Morgadáns (Gondomar) e Chenlo (O Porriño), citada nunha doazón ao bispo de Tui dos condes de Galicia, Urraca e Raimundo, no ano 1095; no Catastro de Ensenada do 1753 fala do "Monte de Oia que chega ata a Pedra do Acordo". A menos de 1.000 metros en liña recta temos outro singular topónimo: O Foro. 
 
Pedrafita de Viseo: Na cima do monte Cresto, xunto o castro do mesmo nome. Citada por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra do ano 1977. Segundo estes autores podían verse restos de aliñamentos que se corresponderían cun círculo lítico estudado por Monteagudo no ano 1945.

 

BUEU
 
Pedrafita-marco do Couto de Bon (Bon-Beluso): Aínda que hai quen a ten como prehistórica, trátase dun marco medieval que sinalaba os coutos de Bon e Vilar.


 

CALDAS DE REIS
 
Pedrafita de Marco Carreiro: Situada no antigo Camiño Real, actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Estacas (Cuntis) e Santo André de César (Caldas de Reis). Vense gravuras modernas e coviñas. Pedra de granito de sección ovoide e forma troncocónica, cunha altura de 1,70 metros. Na parte inferior ten uns 70 centímetros de diámetro no seu eixo maior, e 60 centímetros no menor, sendo o perímetro de 2,10 metros. Na superficie obsérvanse varias gravuras modernas; na cara leste vense, en tres liñas: MP/1/95; e na oeste as letras CR dispostas en vertical; ao redor delas hai gravadas catro coviñas de factura moderna. Posible menhir prehistórico.

 

CAMPO LAMEIRO
 
Círculo lítico da Chan de Marcos (Gargallóns-Fragas): Segundo algunhas informacións había un círculo lítico destruído no ano 1948 ao facer unha estrada. Citado por Filgueira Valverde e García Alénn no Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra (1977). 
 
Pedrafita das Rozas: Atopada cando a escavación da necrópole das Rozas, na parroquia de O Couso, compartida coa parroquia de Santa Xusta de Moraña, hoxe en día custodiada na Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte das pequenas pedrafitas atopadas en Galicia e que adoitan definirse como estelas-pedrafitas.

 

A CAÑIZA
 
Pedrafita da Chan do Marco: Na serra da Paradanta, lindeira entre os concellos da Cañiza e das Neves. Trátase dun marco con sona de posuír propiedades milagreiras relacionadas cos ritos de fecundidade. Forma un conxunto de dous esteos marcados con cruces. A súa forma é piramidal. A outra pedra atópase chantada verticalmente por riba doutra e en tres das súas caras amosa unha cruz gravada; tamén ten forma piramidal. Segundo Fernández de la Cigoña, a posición facía que cadrasen as cruces da pedra de abaixo coa pedra ergueita, feito absolutamente necesario se se precisaba o bo tempo. A pedra que está de pé atópase na Franqueira (A Cañiza), mais cando necesitaban choiva levábanna a un regato que se atopa na parroquia de Batalláns (As Neves).
 
Pedrafita de Marco Padrón: Divisoria entre os concellos de Melón e A Cañiza (véxase o concello de Melón).

 

CATOIRA
 
Círculo lítico do Monte das Mámoas (preto das Torres do Oeste): Citado por Manuel Murguía no ano 1888 e por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra do ano 1977.

CERDEDO (Forma parte do concello de nova creación Cerdedo-Cotobade)
 
Aliñamento lítico do Castro (Monte do Seixo-Cerdedo): Hoxe en día abatido, a apertura dunha pista do parque eólico achandou parte do trazado.
 
Círculo (Castro): Localizado polo Colectivo Capitán Gosende o 3 de abril de 2024 quen ao tempo documentaron o microtopónimo "Corros" relacionado co cromlech. Ten unhas medidas duns 55 metros no eixo maior.

Pedrafita do Campo do Marco (Cuíña-Quireza): Divisoria entre os concellos de Cerdedo e Campo Lameiro. Información facilitada por Calros Solla.
 
Pedrafita Marco do Feal (Monte de Laxoso-Quireza): Divisoria dos concellos de Cerdedo e A Estrada. 
 
Pedrafita do Marco do Retortoiro: Divisoria entre as freguesías de Quireza e Tomonde.
 
Pedrafita do Marco do Vento ou Pedrafita do Seixo (Monte do Seixo): Na Serra do Cando, facía de linde entre dos concellos de Cerdedo, A Lama, Forcarei e Cotobade. Dada a coñecer por Calros Solla.
 
Os Santiños da Porteliña de Tomonde: Atópanse preto da igrexa de Santa Mariña de Tomonde, nas abas do monte da Porteliña. Trátase de dous curiosos "menhires" formados por pedras colocadas unhas por riba das outras, tipo amilladoiro, das que se descoñece a súa cronoloxía. As pedras asentan sobre unha gran laxe de forma case circular. Unha das pedrafitas está considerada como a femia e a outra como o macho. Relacionadas con ritos de fecundidade. Calros Solla, no Faro de Vigo do 26 de xullo de 2015: "Os Santos da Porteliña, macho e femia, levantados e derrubados dende tempo ancestral naquela lousada, tamén exercen control sobre os meteoros. Ambas as dúas figuras, malia o nome, desposuídas de todo signo cristián, axéitanse á forma cónica. O macho, de aspecto máis elaborado, acada 1'85 m de alto e 85 cm de diámetro de base. Está formado por uns 70 cantullos de formas e tamaños diversos. Na parte superior, dúas pedras sobresaíntes (coma brazos), conseguen a antropomorfización. A femia, achaparrada, atinxe o metro de alto e o metro cincuenta de diámetro de base. O aspecto actual da femia (milladoiro) pode ser o resultado dunha derruba ou apresurada reconstrución. Macho e femia afástanse 1'60 m. Érguense os Santos da Porteliña cando a seca pertinaz. Procédese ao seu derrubamento cando chove en exceso. Os moreos da Porteliña, en pé, tamén arredan a faísca das herdades. Rodríguez Fraiz ("Santa Mariña de Tomonde", 2001) considéraos enredo de rapaces, porén, anota que chegaron a acadar os dous ou tres metros de altura: "Sobre o poboado tomondense, no horizonte e dende tempos inmemoriais, áchase a localidade nomeada "O Santo da Porteliña", sen que alí lembre ninguén imaxe ningunha". Leo nas miñas anotacións (Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, 2009) que a vixente recomposición data da década dos 60 do pasado século. O compoñedor seica foi un emigrante que, no postremo da vida e consciente do non retorno, empregou o último alento para viaxar á Terriña, despedirse dos amigos e parentes e revivir escenas da saudosa infancia".
 
O máximo referente (diría que único) canto ao patrimonio arqueolóxico de Cerdedo é, sen dúbida, o Colectivo Capitán Gosende.
 

  

 


COTOBADE (Forma parte do concello de nova creación Cerdedo-Cotobade)
 
Pedrafita do Carballo Darxel: Estremeira entre as parroquias de San Xurxo de Sacos e Viascón, descuberta hai anos polo investigador Alberte Alonso Fernández que a interpreta como de observación astronómica. Esta pedrafita citábaa anteriormente como do Coto da Fontiña, nome que o propio Alberte comprobou no ano 2015 que estaba errado segundo lle dixeron uns veciños.  
 
Marco da Cova da Serpe (Carballedo): Da páxina de Moncho Boga, dolmensedemaisfamilia, recollo esta información que lle facilitou Tito Concheiro. Situado a uns 200 metros do castro de A Cruz do Castro, escavado por Tito Concheiro. O Marco non está asociado a ningunha necrópole megalítica e non fai de lindeiro con fincas nin con parroquias polo que podería estar asociado ao xacemento castrexo. Sobresae do chan 0,60 metros aínda que os veciños lémbranno máis grande. Nunha cara aparece gravada unha cruz de Malta. Situado nunha área de petroglifos, a poucos metros do da Cova da Serpe.
 
Marco da Anta (Carballedo): Como no caso anterior, recollo a información de Moncho Boga quen, a un tempo, lla facilitou tamén Tito Concheiro. Trátase dun marco de planta cuadrangular, de 1,5 metros de altura, con dúas cruces gravadas. O lugar de ubicación forma parte dun paso natural, tradicionalmente moi transitado, que comunica o Val do Lérez co Val de Almofrei e lindeiro coas parroquias de Santa María de Sacos e Carballedo. Tito Concheiro catalogouno como "marco epigrafiado" e di que pode tratarse do chanto dunha cámara megalítica moi retocado.

 

 

COVELO
 
Pedrafita de Paraños: Segundo información achegada por Jhonathan Zúñiga, autor do blog Ponteareas Historia Viva, a pedrafita parece que foi atopada nos arredores da igrexa cando pavimentaron as rúas da aldea. Ten gravadas unhas cruces. Na actualidade atópase nunha casa, situada ao lado da igrexa, que fai de centro de interpretación de Paraños.

 


CUNTIS

Pedrafita de Marco Carreiro: Situada no antigo Camiño Real, actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Estacas (Cuntis) e Santo André de César (Caldas de Reis). Vense gravuras modernas e coviñas. Pedra de granito de sección ovoide e forma troncocónica, cunha altura de 1,70 metros. Na parte inferior ten uns 70 centímetros de diámetro no seu eixo maior, e 60 centímetros no menor, sendo o perímetro de 2,10 metros. Na superficie obsérvanse varias gravuras modernas; na cara leste vense en tres liñas: "MP/1/95"; e na oeste as letras "CR" dispostas en vertical; ao redor delas hai gravadas catro coviñas de factura moderna. Posible menhir prehistórico reutilizado.

 

A ESTRADA
 
Círculo lítico de Castrotión: Castrotión é unha aldea da parroquia de Oca, no concello da Estrada. Canto a orixe do nome, Fernando Cabeza Quiles (2018) di que o composto puido vir de Ittilo, antropónimo de orixe xermánica, nome que figura nun documento do mosteiro de Sobrado do ano 920, composto pola voz gótica it-, id- que vén a significar “axitación, celo, ardor, dilixencia”, e o sufixo, tamén gótico, –ilo, formador de nomes femininos. Mais non se poden desbotar outros nomes persoais, como Tedio(ne) ou o latino Tilonius. No Arquivo da Catedral de Santiago cítase no 1571 “una casa bibidera en el lugar de Castro Tión que es en la fra. de Sant´Estebo d´Oca”. Na mesma fonte documental, remata Cabeza Quiles, nun documento do ano 1587, figura Castatyón, e noutros do mesmo arquivo e ano Castro Tión.

 

O primeiro elemento do topónimo é nidio, no lugar houbo un castro, citado por Barros Sivelo no ano 1875 e no monumental Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra (1977) de Filgueira Valverde e García Alén. Fermín Bouza Brey, que foi xuíz da Estrada, que o visitou no ano 1936, di que apenas se conservaban restos xa que fora destruído por unha canteira. Hai quen cre que no lugar ou nas proximidades puido existir un mosteiro fundado no século VII por Theodiselo, un discípulo de Froitoso de Braga, no sitio denominado como Castrum Leonis, se ben o profesor Hipólito de Sá Bravo (1972) identifícao con Castrove, ao sur do val do Salnés, a partires de transcricións antigas como Castropheon ou Castroveon. En Castrotión tamén houbo unha capela mandada construír por Bartolomé Reimóndez Figueroa no ano 1574 (tres anos antes construíra unha casa) que foi dotada cos bens e vínculos da que serían patróns os seus sucesores. Foi adicada á “Anunciación de la Virgen Maria Nra Sra y porque dende aqui adelante y por todo tiempo de siempre jamas la dha hermita no se pueda desacer ni ir a yermo e en ella se puedan celebrar los oficios divinos...”. A capela tiña que ter vestimentas e ornamentos, cálices e patenas, e as imaxes de Nosa Señora, San Xoán Bautista, San Bartolomeu e San Amaro. No ano 1607, o cardenal Jerónimo del Hoyo, nas súas Memorias del Arzobispado de Santiago, confirma a existencia da capela que “llaman de Nuestra Señora de Quiñons o de Castro”. Os desexos do fundador non se cumpriron, a principios do século XX a capela derrubouse e nunca volveu a ser reconstruída.

 

Hai uns anos, avisado por Anxo Froxán, achegueime ata Castrotión para ver a ermida e un posible círculo lítico, citado como tal polos autores referenciados ao principio, podendo comprobar, en efecto, que o castro desaparecera, destruído por construcións modernas (estrada, edificios...). Preto do Centro de Saúde dei cos alicerces da desaparecida ermida de planta cadrada. Despois púxenme a buscar o círculo lítico. A principios dos anos oitenta do pasado século XX realizáronse unhas prospeccións no lugar, publicadas por Juan Andrés Fernández Castro na Revista do Museo de Ponvedra (1982) baixo o título La capilla y el círculo lítico de Castrotión, Oca. Saíron á luz a lauda sepulcral do fundador e outra sen inscrición que puido pertencer ao seu fillo, documentando tamén a presenza de restos humanos alí soterrados. E o círculo? Bouza Brey di que na parte superior do castro había un círculo de pedras profundamente fincadas duns 17 metros de diámetro (non achega o número de chantos), en cuxo centro se vían os restos dunha capela posta baixo a protección de Nosa Señora de Castrotión. Fernández Castro di que o círculo, de forma elíptica, tiña unha lonxitude máxima de 23 metros e unha anchura máxima de 14 metros, e estaba formado por unha serie de pedras xustapostas duns 35 centímetros de altura.

 

Eu non vin nin o cromlech de Barros Sivelo, nin o de Bouza Brey, nin o de Fernández Castro. O único que observei foron dous aliñamentos de seis pedras fincadas cada un, que sobresaen do chan entre 0,40 e 0,75 metros, situados nas fachadas principal e posterior da capela. E así o reflectín no blog.
A principios do mes de febreiro de 2020, cando nos dirixiamos cara o límite entre as parroquias de Orazo (A Estrada) e Lamela (Silleda) a ver un intesantísimo marco-pedrafita que daremos a coñecer máis adiante, detivémonos outra vez en Castrotión. Non observamos nada novo, pero veume á cabeza un traballo de Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, inserido no recomendable Círculo de engaños: Excavación del cromlech de A Mourela (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña). Di Vilaseco Vázquez que se trata “dun elemento etnográfico delimitador do adro da capela, tal e como por outra banda sostiñan os propios veciños da zona, tal como nos deixou dito o propio Fernández Castro”.

 

Barros Sivelo e Bouza Brey, viron o círculo? Descoñézoo, pero se o din cabe supoñer que si. Pero tratábase dun círculo lítico tal como o entendemos, un cromlech de época prehistórica? Ou só un adro, quizais co seu cemiterio, situado arredor do edificio relixioso tal e como podemos ver en multitude de templos galegos? Tamén me chama poderosamente a atención que de tratarse dun círculo prehistórico sobrevivira ao castro, agás, claro, que os moradores do castro decidiran conservalo, ou que foran eles quen o erixiran e que a ermida se construíra dentro do círculo. Ou xa poñéndonos a darlle voltas, que o castro non fora un castro.

 

Pedrafita en Codeseda: O domingo 10 de xuño de 2018 foi requirida a presenza dos integrantes do colectivo Capitán Gosende no lugar de Outeiro, parroquia de Codeseda, para dar testemuña dunha pedrafita. O suposto menhir está chantado nunha leira denominada A Bighoia (ou Vighoia), parcela adscrita ao dito lugar e estremeira coa estrada EP-7001. Trátase dun ortostato de granito de gran fino no que non se advirten marcas de corte, é dicir, non se aprecian as características "dentadas" que, nos labores extractivos, deixan cuñas e gullos. A rentes do chan, a entosta acada os 12o cm de alto. A 95 cm da base, o chanto presenta unha entalladura, a xeito de pescozo, que lle confire unha fasquía antropomorfa. O fito posúe 37 coviñas, dúas localizadas na "cabeza", unha a cada lado e no mesmo eixe, reforzando o efecto antropomorfizados. Algunhas coviñas están unidas por canles. Aprécianse outros riscos, algúns curvilíneos. Ten certa semellanza coa pedrafita do Carrizo, en Vilalba.

 

FORCAREI 

Círculo de Pardesoa: Localizado por Antón Costa, integrante da sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos do CSIC. Trátase dun recinto circular duns 110 metros de diámetro unido a unha avenida rectilínea duns 170 metros de lonxitude e 25 metros de ancho que semella penetrar no interior do recinto franqueado por dous pequenos muros. Á dereita do recinto principal aprécisase unha pequena estrutura circular duns vinte metros de diámetro. Antonio localizouno nos anos setenta, a raíz dunhas imaxes que estaba a visionar das fotos do voo americano dos anos 56-57. Di que ten moitas semellanzas coa Roda de Barreiros.

Pedrafita de Cachafeiro (O Cachafeiro-Forcarei): Monolito de xisto, de cronoloxía descoñecida, que ten unha altura de 3,20 metros.

    
FORNELOS DE MONTES
 
Marco do Valdohome: Na Serra do Suído, na confluenza dos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Avión. Polo de pronto, pouco máis podo achegar, a non ser a cruz gravada que se ve nunha das caras.

 

A GUARDA
 
Círculo lítico de Santa Tegra (Monte de Santa Trega): Citado por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos de la provincia de Pontevedra no ano 1977. Ao estaren fóra dun contexto arqueolóxico non permite atribuílo á etapa megalítica. Juan Dominguez Fontenla di que, duns cinco metros de diámetro, está formado por varias pedras labradas por ambas as dúas caras e cunha pequena moldura na parte superior convexa. Segundo a lenda, nel celebraban os mouros as súas asembleas.
 
Pedrafita do Couto (Camposancos): Medieval. 
 
Pedrafita do Tegra: No sur do monte do Tegra. Citada por Monteagudo.
 
Pedrafita do Marco ou da Picota (Camposancos): Coñecida tamén como Pedra do Abellón. Actuaba como límite entre as parroquias da Guarda e Camposancos. Citada por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos de la provincia de Pontevedra no ano 1977. De 1,80 metros de altura, foi removida do seu lugar orixinal ao facer a estrada. Denomínase de A Picota porque nela, din, adoitaban colgar as cabezas dos axustizados.

 

A ILLA DE AROUSA
 
Pedrafita de Punta Quilma: Segundo noticia aparecida no mes de xuño de 2012, os investigadores sospeitan que unha rocha duns catro metros de altura situada en Punta Quilma pode ser unha pedrafita prehistórica. O seu descubridor, o biólogo Juan Vicente Poza, que estaba a realizar un estudo das rochas de A Illa, detectou evidencias da intervención humana.

 

LALÍN
 
Marco de Lalín de Arriba (Lalín de Arriba-Lalín): O día 17 de xaneiro de 2015, mentres buscabamos unha inscrición de época romana, atopámonos con esta pedrafita en Lalín de Arriba. Está dentro do campo de tiro polo que nos foi imposible acercarnos ata ela. Pouca información podo achegar, non atopamos a ningún veciño a quen preguntar, só un home de Lalín que estaba a pasear polo lugar comentounos que cando fixeran o campo de tiro quixeran derrubala mais llo impediran os veciños porque "sempre estivo alí".
 
Pedrafita de Lalín de Arriba (Lalín de Arriba-Lalín): Situada a carón da estrada, sobre unha base de cemento, posiblemente descontextualizada. Descoñécese quen a levou para alí e tamén a súa cronoloxía.
 
Altar do Sol (Parada de Alperiz): Citado por Filgueira Valverde. Xunto a necrópole de Parada de Alperiz, formada por seis enterramentos. Próximo a este grupo atópase unha colocación de pedras en forma de recinto, presidida por unha con dúas escavacións,  que os veciños denominan como o Altar do Sol. 
 
Xacemento do Outeiro Grande (entre Bermés e Abonxo): Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia no xacemento do Outeiro Grande, en Lalín, sacaron á luz restos de madeira carbonizada que, segundo os primeiros estudos, podería corresponderse con parte da estrutura orixinal do recinto ou con posibles actividades realizadas sobre o anel de pedra. Así se desprende das conclusións das actuacións que tiveron lugar a finais do 2021 e en novembro de 2022. Documentáronse dous niveis diferentes de grandes fragmentos de carbón que os arqueólogos interpretan como madeira carbonizada. Trátase de restos que aparecen en posición horizontal, apoiados na terra, en sentido transversal á estrutura pétrea e que non se localizan de xeito habitual polo que poden axudar a obter gran cantidade de información sobre as posibles actividades realizadas neste xacemento. Ademais, no transcurso dos traballos tamén se localizou unha nova mámoa a escasos metros que pasará a estar incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e restos cerámicos e líticos só no espazo interior do recinto o que, segundo os expertos, pode ser significativo de que a función deste xacemento non é residencial. O de Outeiro Grande é un xacemento dunha tipoloxía aínda moi pouco coñecida e estudada en Galicia, dado o recente que é o descubrimento e catalogación destes recintos na investigación arqueolóxica. Trátase dun tipo de sistema construtivo en planta circular que, ata onde coñecen os expertos, non foron pensados nin usados como espazos para vivir, senón que terían outro tipo de funcións máis relacionadas co mundo simbólico, como poderían ser zonas funerarias ou rituais. Na primeira campaña púidose documentar o sistema construtivo básico do recinto, así como obter unha boa cantidade de pezas arqueolóxicas (cerámicas e líticos) que poderán, a través do seu estudo, axudar a entender a función deste lugar. Esta escavación permitiu tamén obter as primeiras datacións, que foron o aspecto máis sorprendente da mesma, ao estar situadas ao longo da Idade do Ferro, sendo este o único xacemento desta tipoloxía con esta datación. Estes datos sitúan a Outeiro Grande nun momento diferente da Prehistoria e abre novas posibilidades de estudo. Nesta liña, o interese científico de Outeiro Grande é enorme, por unha banda ao ter datacións de época castrexa, e por outra ao ser estas moi amplas no tempo, indo desde os momentos de transición da Idade do Bronce á Idade do Ferro (séculos X-IX a. C.) ata a os séculos IV-II a. C., co que deixan aberta a posibilidade dun uso estendido no tempo, ou de varias fases de uso distintas. (Información extraída de www.ecosdacomarca.com).
 




A LAMA
 
Pedrafita dos Marcos ou da Grifa (A Grifa-Xesta): O informante, Xosé Alberte Alonso Fernández, interpreta como de observación astronómica.
 
Pedrafita de Xende I (Xende): Pedrafita de máis de dous metros de altura situada xunto un camiño e preto duns túmulos megalíticos. Segundo Alberte Alonso cumpría funcións astronómicas. 
 
Pedrafita de Xende II: A pedrafita ten unha altura de 1,3o metros, situada a carón dun camiño, cumpriría, como a anterior, funcións astronómicas. Divisoria entre as parroquias de Antas e Xende. Información achegada por Xosé Alberte Alonso Fernández.

 

 
MARÍN
 
Pedrafita de Currás, das Casas Vellas ou A Pedra Fincada (Oubiña-Campo): Afectada polas obras da circunvalación de Marín, desprazáronna da súa ubicación orixinal no ano 2003. Na cara leste vense oito coviñas. No ano 1998, o Faro de Vigo publicou unha hipótese do investigador Alberte Alonso Fernández quen a interpreta coma un observatorio astronómico do Neolítico. 

 

MEIS
 
Pedra de San Lourenzo (Ai-San Lourenzo de Nogueira): Dise que cando o mar chegaba ata o lugar arrivou a el San Lourenzo quen utilizou a pedra para amarrar a súa barca. Os habitantes quixeron movela porque lles estorbaba para labrar a terra, mais enfermaron. Segue a lenda que no día de San Lourenzo (o 10 de agosto), antes de saír o sol, aparecen brasas arredor da pedra. Na parte superior ten insculpidas nove cazoletas. Hai quen a identifica cun idiliforme, unha especie de pedrafita que pola metade presenta una fendedura artificial que a envolve. O estudo de impacto ambiental da autostrada entre Curro e Vilagarcía elaborado no ano 2008, recollía a salvagarda da pedra do San Lourenzo e doutros xacementos da zona.

 

MOAÑA
 
Pedrafita do Santo do Peón (Domaio): Segundo Monteagudo, estaba situada a 400 metros da igrexa de Domaio, nas inmediacións da finca O Cachoval. Forma tosca, de feitura piramidal, e de case tres metros de altura. Di que se chamou primeiro "peón" pola súa semellanza cun peón de xadrez, e cando se perdeu esta noción engadíuselle "O Santo" polo parecido da súa silueta coa dunha imaxe de igrexa con túnica longa.
 
Círculo lítico de Montenegro: Escavado no ano 2004 no marco do Programa de corrección do impacto arqueolóxico do corredor do Morrazo. Os traballos permitiron documentar un recinto circular megalítico, descoñecido ata entón. O círculo lítico ocupa a parte máis alta dun xacemento máis amplo no que se documentou un asentamento do Neolítico Final e unha ocupación medieval. Ten 20 metros de diámetro. O recinto aparece delimitado por unha gabia semicircular que presenta dúas interrupcións onde se une cun afloramento rochoso, interpretadas como lugares de acceso secundario ao recinto. No interior, nunha posición central, escavouse unha estrutura circular, duns catro metros de diámetro, formada por impostas de postes onde se recuperou preto de 2.300 pezas cerámicas e 1.032 líticas.

 

MORAÑA
 
Pedrafita da Lapa de Gargantáns (Gargantáns): Descuberta no ano 1958 polo mestre da escola de Laxe Carlos Paratcha Vázquez que a atopou cando andaba buscando tégulas romanas das que lle falaran. Ata non hai moitos anos estaba considerada como a única pedrafita con clara adscrición ao Megalitismo. A principios de 1980 apareceu derrubada e trasladada varios metros (mesmo quixeron partila en dous). Coa colaboración do Concello de Moraña, voluntarios e arqueólogos do Museo de Pontevedra restablecéronna no seu lugar. Mide case 2 metros de altura e na súa superficie presenta unha vintena de cazoletas. Achego unha foto tomada cando se ergueu de novo no ano 1981, posiblemente no mesmo lugar. Arrodeado cun círculo podemos ver a Alberte Alonso Fernández que, xa daquelas (con 20 anos), andaba na procura do que co tempo se converteu na súa paixón. Declarada BIC. Na prensa do ano 1958 achégase un debuxo realizado polo mestre Paratcha da pedrafita da Lapa e doutra que non indica de cal se trata, onde tamén di que na escola de Laxe colocou un monolito antigo que atopou un veciño no alto de Taboada.

Pedrafita Cabeza de San Pedro (Monte Acival-Rebón): Descuberta no ano 1962 polo profesor Carlos Paratcha. Actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Amil e Rebón. Os ollos están reproducidos por dous buratos, o nariz por un suco en forma de ferradura, e a boca por outro suco. No ano 2006 a pedrafita foi derrubada cando unha tala de eucaliptos. Aínda que se considerou un accidente, o presidente da asociación O Arrieiro, José Casal, sinalou que este tipo de accidentes deberían evitarse, sinalando e protexendo o patrimonio da localidade.

  
 



POIO
 
Estela de Poio: Datada arredor do 2500 a. C. Peza granítica que actuaba como tampa sepulcral dunha tumba medieval de lousas da necrópole existente nas inmediacións da igrexa de San Salvador de Poio, descuberta cando unhas obras no adro. Os elementos decorativos de difícil interpretación levan a vinculala coas representacións aparecidas nos esteos verticais das cámaras megalíticas, aínda que hai quen defende que se trata dunha estela-menhir á que lle faltan partes nos extremos superior e inferior vencellada ao culto aos mortos. Presenta unha figura antropomorfa e outros motivos. Consérvase no Museo de Pontevedra. 
 
Pozo Ventura (Monte Liñares-San Xoán de Poio): Hai quen interpreta o petroglifo de Pozo Ventura como unha posible pedrafita polo feito de que semella unha rocha que non se atopa sobre un afloramento e que, ademais, todo parece indicar que non debe pertencer ao lugar onde foi atopado. Mais, para consideralo unha pedrafita, xurden moitas dúbidas xa que ao fincar a pedra no chan algunhas gravuras quedarían tapadas. Ten unha medidas de 3,68 metros de longo, e unha anchura que vai dos 1,50 aos 0,70 metros.

 

PONTEAREAS
 
Pedrafita da Encosta: Nas inmediacións do castro de Castromao, na aldea de A Portela, dividida entre as parroquais de Guillade e Oliveira. Presenta dous motivos insculpidos nas caras e unha cruz na cumieira. Pola situación, semella que foi utilizada como marco divisorio das parroquias citadas. De todos os xeitos, Jhonathan Zúñiga, que foi quen a localizou hai tempo, está a procurar máis información entre os veciños. 
 
Pena dos Namorados (Arcos): Citada por Pedro Ferrer no 1904, por Álvarez Limeses en Provincia de Pontevedra do ano 1936, por Piñeiro Groba en Ponteareas. Noticias históricas y etimológicas no ano 1941, por Otero Pedrayo no ano 1958, e por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra no ano 1977. Trátase dun grupo de grandes penas graníticas superpostas. Consérvase a tradición de os namorados guindar tres pedras de costas á rocha. Se estas quedan por riba, os esponsais serán en menos dun ano, se quedan dúas, en dous anos, e unha só, o casamento tardará máis tempo. Se ningunha pedra consegue o obxectivo, o enlace endexamais se celebrará. O costume vén dunha antiga e tráxica lenda medieval dun amor imposible entre a filla do señor do castelo do Sobroso, Aldina, e o humilde labrego Tristán.

 
 


PONTE CALDELAS
 
Pedrafita de Taboadelo ou Rañadoiro (Taboadelo): Citada por Monteagudo segundo noticia recollida de D. José Solla, de Arcade, no ano 1947; tiña tres metros e altura. Mais convén precisar que Monteagudo sitúaa en Ponte Sampaio, feito que se contradí coa afirmación de que se atopa a 50 metros da Cama do Home (Taboadelo), lugar citado por Murguía e que, segundo a lenda, tiña a facultade de tornar fecundas ás mulleres estériles. 
 
Pedrafita do Monte Pedreira (Xustáns): Acaroada á cruz de Cristorrei, erixida no ano 1917, érguese un monolito cun burato no medio. O día da inauguración do cruceiro serviu para colocar sobre el unha bandeira. Mais, ao parecer, o burato cumpría unha función ben distinta: nel verquíase auga bendita para demandar ao Ceo a auga da choiva para fertilizar os campos. Fomando parte do conxunto levántase unha capela construída a finais do século XIX. 
 
Pedrafita Pé da Múa ou Moa ou Pedra Afiadoira: O día 17 de decembro de 2014, Alberte Alonso Fernández achegoume nova información a respeito desta pedrafita. Despois de moitos anos de investigación, avaliou o seu carácter de observación astronómica, confirmando tanto o equinoccio de primavera (21 de marzo) coma o de outono (22 de outubro). A pedrafita foi reutilizada posteriormente para gravarlle unhas letras e unha cruz modernas.

 
 

PONTEVEDRA
 
Pedrafita de Cerponzóns (Cerponzóns): En orixe debeu ter tres metros de alto. Un canteiro aproveitouna para honrar a memoria do seu sogro representando un busto nunha das caras. Mais, por fortuna, deixou intacta a outra cara a cal loce unha serpe colosal que a percorre de arriba abaixo. Información achegada por Calros Solla. 
 
Pedrafita do Monte Lourado ou das Tres Cruces: Situada no Monte Lourado ou Monte da Fracha, na confluenza das parroquias de A Canicouva, Marcón e Ponte Sampaio.
 
Pedrafita Chan da Parafita (Marcón): No alto do monte da Fracha. Fr. Martiño Sarmiento, na súa viaxe no ano 1745 escribiu: "Ao vir dende Xustáns a Pontevedra pasei pola faldra de dous montes moi altos que se ven, dende Pontevedra, ao surleste. Ao maior destes chaman Parafita ou Pedrafita, en en Pontevedra os montes de Loureda ou os montes de Marcón. Discurrín ao pasar que Marcón chamaríase así por aquela peña fita que parece marco o marcón, e de feito alí se dividen algunhas freguesías". Tamén fala das xuntanzas que alí se facían. 
 
Pedrafita do Monte das Croas (Birrete-Salcedo): Hai algúns anos, Xosé Alberte Alonso puxo en coñecemento das autoridades o lamentable estado da pedrafita (tirada no chan). Transcorrido o tempo, o megalito segue a padecer o desleixo dos encargados de velar polo noso patrimonio.

 


 

REDONDELA
 
Nos traballos realizados durante o ano 2013 no xacemento megalítico do Monte Penide, para a súa promoción e posta en valor, catalogáronse cinco mámoas e seis petroglifos inéditos. O arqueólogo responsable do proxecto, Xurxo Constela, salientou entre os elementos máis singulares o achado dunha gran mámoa no Cabeiro, preto do monte Vixiador que foi localizada por Xosé Couñago, e tamén unha especie de pedrafita ou ídolo con gravados da Idade do Bronce cuxa simboloxía se descoñece, situado preto do castro de Negros. As actuacións foron impulsadas pola Asociación Alén Nós e o Concello de Redondela e dispón dunha ruta sinalizada que facilita o seu percorrido.   

SANXENXO
 
Pedrafita de Miraflores: Dada a coñecer por Alberte Alonso Fernández en O uso das pedrafitas no neolítico galego. Estudo das pedrafitas de Observación Astronómica e das Pedrafitas fálica (2014). Tipoloxía de observación astronómica. Percíbese unha concavidade central na cima da pedra. Foi colocada na área axardinada de Miraflores no ano 2010 como elemento decorativo, con anterioridade estaba amoreada xunto con outras pedras nas inmediacións, cuberta polas silveiras.
 
Pedrafita de Padriñán, Pedra do Santo ou Pedra de San Xinés: Soterrada nun pequeno xardín de Padriñán, respectaron o sitio onde estivo sempre. Divisoria entre o lugar de Padriñán e Sanxenxo, mide un metro de altura e presenta gravuras de coviñas, ferraduras e cruciformes. Xosé Alberte Alonso Fernández considéraa como fálica.
 
Pedrafita de Silvoso (San Martiño de Meis): Dada a coñecer por Alberte Alonso Fernández en O uso das pedrafitas no neolítico galego. Estudo das pedrafitas de Observación Astronómica e das Pedrafitas fálicas (2014). De tipoloxía fálica, ten unha altura de 1,57 metros. Non se observan gravuras. Apareceu nos anos oitenta do pasado século ao facer a escavación para a cimentación dunha vivenda. Os donos chantáronna a carón do valado, no exterior e preto da estrada. Co tempo "adornáronna" cun poste do tendido eléctrico e un contador da luz. 
 
Círculo lítico do Monte Refulxe (Noalla): Situado preto do mar. Citado por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra (1977).

  

 

RODEIRO
 
Pedrafita de Aboldrón (Camba): Trátase dunha pena chantada de case dous metros de altura situada no camiño de Cova de Barro. Dada a coñecer por Manuel Hermida "O Penedo". Vense gravadas 17 coviñas. (Información recollida no fb de A Tulla Fafián).
 
 

TUI
 
Pedrafita do Monte de Francos: No Monte Aloia. Trataríase dunha pedrafita fálica. Ao seu carón apareceron restos cerámicos e instrumentos de sílex. Citada por Taboada Chivite e Monteagudo. 
 
Luis Monteagudo tamén fala duns cipos antigos que actuaban como gardacantóns na baixada da rúa Nova, na vila de Tui.

 

VILA DE CRUCES
 
Marco de Oirós: Pedrafita situada ao pé do monte Carrio utilizada como marco divisorio entre as parroquias de Asorei e Oirós, preto dunha necrópole megalítica. Hoxe en día desaparecido, só se conserva o microtopónimo.

 

VILABOA
 
Pedrafita de Matos Campos (Postemirón). 

VILANOVA DE AROUSA
 
Círculo lítico do Monte Lobeira: Redescuberto no 1992 por Vicente Caramés, arqueólogo do Museo do Mar de Galicia. A primeira mención faina Manuel Murguía na 2ª edición da Historia de Galicia do ano 1901 ("...non só se ven menhires, senón que dende esta vila a Cambados atópanse curiosos aliñamentos..."), e logo Obermaier no ano 1922. Tamén o citan Filgueira Valverde e García Alén en Materiales para la Carta Arqueológica de la provincia de Pontevedra do ano 1956. Formado por pedras de distinto tamaño, ten uns 20 metros de diámetro. No lugar hai tres mámoas. Segundo os veciños, nas proximidades existiu outro círculo lítico.
 
Altar: Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958), di que no Monte Lobeira había un altar druídico.


Xabier Moure
Círculos líticos e pedrafitas de Galiza/Galicia
o noso patrimonio