Os vindeiros 12, 13 e 14 de maio, a casa Ansorena de Madrid vai subastar dous torques e un brazalete de ouro (lote 1946) pertencentes a unha “colección particular gallega”, por un prezo de saída de 195.000 euros. Ao parecer, segundo o que foi director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez, as pezas proceden da provincia de Ourense, atopadas hai anos entre O Carballiño e Ribadavia.
Falando dos torques da provincia, creo que no Museo Arqueolóxico de Ourense non hai ningún. Sábese que no ano 1960, dous torques foron adquiridos polo British Museum de Londres nunha subasta da galería Sotheby´s. Na ficha do museo di que no catálogo de Sotheby´s, nunha carta do expediente, o arqueólogo catalán Luis Pericot suxire que poderían proceder da provincia de Ourense (Mário Cardoso, na Revista Guimarães, número 75 (1965), di que ao menos un podería proceder, pola súa tipoloxía, de Codeçais, en Chaves).
E no Museo de Pontevedra atópase un torques de ouro procedente, tamén ao parecer, da provincia de Ourense. Na cartela di que é coñecido como torques de “Arteaga” ou da “Diputación”. A primeira referencia que atopo sobre este torques é na Revista da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (30-9-1885). Manuel Murguía cítao en Galicia (1888), Villaamil y Castro no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense (1906), Florentino Cuevillas en A Edade do Ferro na Galiza (1924) e nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos (1932); Bouza Brey dedícalle un artigo, Dos torques áureos Arteaga y Pontevedra (este último é outro torques, denominado “Castromil”, do que tamén se descoñece a procedencia, que se atopa no mesmo museo).
Creo que antes da subasta, as administracións públicas deben tomar cartas no asunto e evitar que estas pezas de considerable valor arqueolóxico se perdan para sempre para o público. Ao fin e ao cabo, son patrimonio de todos e todas. E as administracións públicas teñen mecanismos para facerse coas pezas. A Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español no seu artigo 38.1 e 2, e a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia no seu artigo 49.1, 2, 3 e 4 permite ás administracións aplicar o DEREITO DE TANTEO, é dicir, a adquisición preferente de bens culturais, tanto entre particulares como en poxa pública. E descoñezo se se fixo, pero ante unha venta ou poxa, os propietarios teñen a obriga de comunicalo ás administracións públicas, e no caso de non facelo, a Administración pode exercer o DEREITO DE RETRACTO, é dicir, adquirir o ben unha vez vendido.


