No mes de marzo de 2025 colgaba no blog unha ara galaico-romana inédita que documentamos na comarca de Ourense pero, por distintas causas, non achegaba o sitio onde a localizara. Con motivo da presentación o día 23 de setembro de Epigrafía romana de Galicia II: Provincia de Ourense, editado pola Fundación Monteagudo, onde se recolle, completamos a información.
A finais do mes de febreiro, Xosé Lois López de Prado Arias, do concello de Pereiro de Aguiar, informounos da existencia dunha ara anepígrafa (sen inscrición) na
aldea de Pedraio, parroquia de Santa Marta de Moreiras, reutilizada
como asento nas inmediacións da praza. Persoados en Pedraio o 5 de marzo, a ara xa non estaba no sitio, seguramente porque foi trasladada a outro lugar ou desapareceu. Pero, como acostumamos, percorremos a aldea por si atopabamos algo. A nosa sorpresa foi grande cando, reutilizada horizontalmente no muro dunha casa, vimos unha pedra de granito cunha inscrición en latín, e máis sorpresa nos causou cando comprobamos que se trataba, sen dúbida, dunha ara galaico-romana. Aínda que a epígrafe, gravada en cinco liñas, atópase bastante erosionada na parte central, lemos claramente “ANABA/RAEGO”, e na última a habitual fórmula, abreviada, “V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)”, onde a persoa que mandou facela sinala que cumpriu a promesa feita a unha divindade. Aínda que cómpre ser cautelosos, é probable que na parte superior figurara o nome de “REVE” ou "REEVE" que, xunto co epíteto “ANABARAEGO”, faría alusión a unha deidade autóctona. Ata o presente, as aras dedicadas a Reve Anabaraego concentraban a súa presenza en media ducia de epígrafes aparecidas
na cidade de Ourense.
Visitada polo profesor da Universidade de
Alicante Juan Manuel Abascal Palazón uns días despois de que lla
comunicaramos, completouna do seguinte xeito:
"[R]e[ve]/Anaba/raego/C(aius) Fanniu/s Cluan/tis V(otum) S(olvit)
L(ibens)", (Caius Fannius Cluantis dedicou este altar a Reve Anabaraego e
cumpriu seu volto libre e merecidamente"). A ara,
na súa parte superior, como apuntamos máis arriba, foi repicada, perdendo as letras onde figuraba o teónimo REVE. Queremos deixar claro que, aínda que non localizamos a ara sen inscrición da que nos falou Xosé Lois, senón fora por el seguramente non documentariamos esta con epígrafe. O que nunca saberemos, ao estar descontextualizada, é a procedencia exacta desta de Pedraio, se ben é probable que non estaría moi lonxe. Despois de comunicarllo ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia en Ourense, foi visitada polos seus arqueólogos e catalogada.