* Un manuscrito, "secreto de estado", en Monforte de Lemos

A importancia do control das rutas marítimas no século XVI foi fundamental para a expansión imperialista das potencias europeas, establecendo rutas estratéxicas e así facerse cos recursos que proporcionaban as colonias.

 

Tras a expulsión dos xesuítas no ano 1767 de Monforte de Lemos e demais dominios da coroa española por orde de Carlos III (Pragmática Sanción), no edificio que a orde da Compañía de Xesús tiña en Monforte de Lemos, coñecido como Os Escolapios, gardou o que no século XVI se podería considerar coma un dos manuscritos máis secretos, non só da Península, senón quizais da Europa da época. Trátase do coñecido como Espejo de Navegantes: “Quatri partitu en cosmographia pratica i por otro nobre llamado espeio de navegantes: obra mui utilissima i copendiosa en toda la arte de marear i mui neccesaria i de grand provecho en todo el curso de la navegacio. Principalmente de España. Agora nuevamente ordenada y compuesta por Alonso de Chaves cosmographo de la Magestad Cesarea del emperador y rei de las españas Carlo quinto Semper Augusto. Anos antes, no 1526, por real cédula ordenárase “hacer una carta de navegar, un mapamundi y una sphera en la cual se situen todas las yslas y tierra firme y nuevas islas que ya estuvieren descubiertas o que se descubrieren de aqui adelante”.

 

Escrito polo piloto e cosmógrafo da Casa de Contratación de Sevilla Alonso de Chaves (ca. 1495-1587) cara finais dos anos trinta ou principios dos corenta do século XVI, achegaba, entre outros (estaba estruturado en catro partes), os secretos sobre as rutas marítimas ao continente americano (As Indias). A información sobre estas era tan valiosa que as potencias europeas da época tiñan espías por toda Sevilla. Era “secreto de estado”, daí que non chegara a publicarse. Con anterioridade, Alonso de Chaves participou na elaboración do Padrón Real (1527); cando nunha ocasión lle solicitaron un informe sobre a calidade do Padrón precisou que había que emendar a latitude das cartas dous ou tres graos (no 1545 criticou o errados que estaban os instrumentos construídos polo tamén cosmógrafo Diego Gutiérrez e os seus fillos). O secretísimo Padrón Real recollía todos os datos das viaxes, rutas, illas e terra firme coa finalidade de dispoñer dun mapa o máis preciso posible para a navegación cara América, co obxectivo de que todos os pilotos se rexeran por el; era renovado e corrixido periodicamente. No 1528, cando foi nomeado piloto e cosmógrafo "e maestro de hacer cartas e astrolabios e otras cosas para la navegación", solicitou permiso para impartir ensinanzas aos pilotos que quixeran aprender o uso do astrolabio, da esfera e da carta de marear. No ano 1536 presentou un preciso mapa (Carta universal) con grande abundacia de datos na súa descrición.

 

Como diciamos ao principio, o manuscrito de Alonso de Chaves gardábase, descoñécese dende cando, nos Escolapios de Monforte de Lemos. Despois da súa expulsión foi a parar á Biblioteca das Cortes, ignorándose, que saibamos, cando entrou nesta xa que se fundou despois da asemblea das Cortes de Cádiz entre 1810 e 1814. Entre a expulsión dos xesuítas e a creación da biblioteca transcorren case cincuenta anos, medio século escuro onde descoñecemos por onde andaba. No ano 1838 a Biblioteca das Cortes foi clausurada, e os seus fondos dispersados. O Espejo de Navegantes foi parar á Biblioteca da Real Academia da Historia, onde se conserva na actualidade.

 

E agora as preguntas. Primeiro: Como sabemos que o manuscrito estivo nos Escolapios? A resposta dánola a primeira páxina, onde se le claramente a anotación do receptor, presumiblemente da Biblioteca das Cortes: “Del colegio de la compañía de Jesús de Monforte”. Non figura a data de recepción, pero está claro que foi uns anos despois de que o exército francés de Napoleón entrara na vila de Monforte no 1809, arrasando e saqueando edificios civís e relixiosos, entre outros o dos Escolapios. Ou quizais se salvou porque pasou desapercibido, que alguén o agochase previamente, ou porque cando chegaron as tropas napoleónicas xa estaba fóra da Cidade do Cabe.

 

E segunda cuestión: Quen trouxo o manuscrito para Monforte? Aínda que cómpre ser cautelosos, todo apunta ao cardenal Rodrigo de Castro Osorio, pertencente á poderosa familia dos Castro (condes de Lemos), propietarios, entre outros, do colosal castelo que mandaron construír en San Vicente do Pino, un outeiro estratéxico xa utilizado dende a prehistoria que domina o val de Lemos. Rodrigo de Castro (1523-1600) era fillo de Beatriz de Castro, terceira condesa de Lemos, e do seu segundo marido, Álvaro Osorio. Na Universidade de Salamanca estudou Humanidades, Moral, Leis e Filosofía. Entre outros moitos cargos, foi bispo de Zamora e Cuenca, no 1582 tomou posesión do arcebispado de Sevilla, e no 1585 foi nomeado cardenal polo papa Gregorio XIII. 

 

No ano 1593 fundou o Colexio de Nosa Señora da Antiga, os Escolapios, que puxo en mans dos xesuítas. Home moi culto, protexeu a escritores e artistas, ademais de dotar ao colexio e á igrexa de Nosa Señora da Antiga de importantes obras, coma o cadro A Adoración dos Reis, do pintor Hugo van der Goes (1440-1482) que ata o ano 1913 estivo nos Escolapios e que lamentablemente, logo de ser vendido polos propios xesuítas, só se pode admirar na pinacoteca da Gemäldegalerie de Berlín (Alemaña).

 

No ano 1594, coa chegada do cardenal a Monforte de Lemos, os nenos do colexio interpretaron unha comedia de autor anónimo en cuxa portada do manuscrito lese: "Comedia de la ynuencion de la sortija en la venida a Monforte del yllustrisimo Señor don Rodrigo de Castro Arçobispo de Sevilla Cardenal de la santa yglesia de Roma" (é probable que a escribira un xesuíta do colexio orixinario de Galicia xa que contén 52 versos en galego).

  

Polo tanto, non resulta improbable que o Espejo de Navegantes de Alonso de Chaves caera nas mans do cardenal Rodrigo de Castro que, ademais de arcebispo de Sevilla, onde estaba a citada Casa de Contratación, debía ter acceso privilexiado aos “secretos de estado” pola estreita relación que mantivo co príncipe e logo rei Felipe II quen lle encomendou importantes encargos. Tamén cabe a posibilidade de que cando o levou para Monforte, o recollido nas máis de 300 páxinas do manuscrito deixara de ser secreto.

 

Bibliografía

Biblioteca de la Real Academia de la Historia

Cuesta Amigo, M.: Alonso de Chaves.

Del Pozo Gutiérrez, I.: El Padrón Real: cuando España dibujaba el mundo.

Esteban Piñeiro, M.: Los oficios matemáticos en la España del siglo XVI.

Portal de Archivos Españoles (PARES)