De todas formas, se temos en conta a tradición, a súa antigüidade pode ser grande xa que nas inmediacións da fonte puido existir un mosteiro. Que nós saibamos, a primeira referencia a este cenobio achégaa o escritor e historiador vilalbés Manuel Mato Vizoso, membro da Real Academia Galega; nun debuxo dunhas pedras, realizado antes da súa morte no ano 1909, lese ao pé “Tardade. Ruinas del monasterio de San Juan”. Non especifica en que lugar estaban as ruínas, se xunto a igrexa parroquial, situada a un quilómetro da capela da Anunciación, ou nas proximidades desta. Tamén escoitaron falar dun edificio monacal no lugar os investigadores Francisco González Peteira e José Manuel Abel Expósito. No concello de Vilalba só temos constancia da existencia dun mosteiro na parroquia de Mourence, citado nun documento, que se garda no Arquivo de Simancas, do 5 de outubro de 1486.
A tesoureira da Asociación Veciñal de Tardade contounos que nunha finca próxima á capela atoparan hai anos sillares de pedra de boa feitura que pertenceran ao mosteiro e que logo foron reutilizados nunha casa particular. Tamén nos contou que as campás foran tiradas ao río Trimaz que pasa ao seu carón, e que preto da fonte apareceran tumbas feitas con laxas. Continuando coa tesoureira da asociación de veciños, díxonos que dende hai anos levan reclamado ao Concello, con distintos gobernos, a posta en valor da fonte, pero que ata o momento só se traduciu en boas palabras, non en feitos. Son os veciños quen procuran ter o lugar limpo de maleza.
O día 30 de xullo de 2026 enviamos un correo á Concellalía de Cultura do Concello de Vilalba para que poñan en valor a fonte e o seu entorno, un singular espazo histórico, arquitectónico e etnográfico que hai que protexer. Tamén enviamos a Patrimonio da Xunta de Galicia a solicitude para que a cataloguen xa que non figura nos visores patrimoniais do Plan Básico Autonómico (PBA) e de Aproveitamentos forestais.





