> Cando as aras dixeron amén
> En busca do mosteiro perdido
> Onde está o castelo?
> O Pozo dos Mouros (Guntín de Pallares)
A importancia do control das rutas marítimas no século XVI foi fundamental para a expansión imperialista das potencias europeas, establecendo rutas estratéxicas e así facerse cos recursos que proporcionaban as colonias.
Tras a expulsión dos xesuítas no ano 1767 de Monforte de Lemos e demais dominios da coroa española por orde de Carlos III (Pragmática Sanción), no edificio que a orde da Compañía de Xesús tiña en Monforte de Lemos, coñecido como Os Escolapios, gardou o que no século XVI se podería considerar coma un dos manuscritos máis secretos, non só da Península, senón quizais da Europa da época. Trátase do coñecido como Espejo de Navegantes: “Quatri partitu en cosmographia pratica i por otro nobre llamado espeio de navegantes: obra mui utilissima i copendiosa en toda la arte de marear i mui neccesaria i de grand provecho en todo el curso de la navegacio. Principalmente de España. Agora nuevamente ordenada y compuesta por Alonso de Chaves cosmographo de la Magestad Cesarea del emperador y rei de las españas Carlo quinto Semper Augusto. Anos antes, no 1526, por real cédula ordenárase “hacer una carta de navegar, un mapamundi y una sphera en la cual se situen todas las yslas y tierra firme y nuevas islas que ya estuvieren descubiertas o que se descubrieren de aqui adelante”.
Escrito polo piloto e cosmógrafo da Casa de Contratación de Sevilla Alonso de Chaves (ca. 1495-1587) cara finais dos anos trinta ou principios dos corenta do século XVI, achegaba, entre outros (estaba estruturado en catro partes), os secretos sobre as rutas marítimas ao continente americano (As Indias). A información sobre estas era tan valiosa que as potencias europeas da época tiñan espías por toda Sevilla. Era “secreto de estado”, daí que non chegara a publicarse. Con anterioridade, Alonso de Chaves participou na elaboración do Padrón Real (1527); cando nunha ocasión lle solicitaron un informe sobre a calidade do Padrón precisou que había que emendar a latitude das cartas dous ou tres graos (no 1545 criticou o errados que estaban os instrumentos construídos polo tamén cosmógrafo Diego Gutiérrez e os seus fillos). O secretísimo Padrón Real recollía todos os datos das viaxes, rutas, illas e terra firme coa finalidade de dispoñer dun mapa o máis preciso posible para a navegación cara América, co obxectivo de que todos os pilotos se rexeran por el; era renovado e corrixido periodicamente. No 1528, cando foi nomeado piloto e cosmógrafo "e maestro de hacer cartas e astrolabios e otras cosas para la navegación", solicitou permiso para impartir ensinanzas aos pilotos que quixeran aprender o uso do astrolabio, da esfera e da carta de marear. No ano 1536 presentou un preciso mapa (Carta universal) con grande abundacia de datos na súa descrición.
Como diciamos ao principio, o manuscrito de Alonso de Chaves gardábase, descoñécese dende cando, nos Escolapios de Monforte de Lemos. Despois da súa expulsión foi a parar á Biblioteca das Cortes, ignorándose, que saibamos, cando entrou nesta xa que se fundou despois da asemblea das Cortes de Cádiz entre 1810 e 1814. Entre a expulsión dos xesuítas e a creación da biblioteca transcorren case cincuenta anos, medio século escuro onde descoñecemos por onde andaba. No ano 1838 a Biblioteca das Cortes foi clausurada, e os seus fondos dispersados. O Espejo de Navegantes foi parar á Biblioteca da Real Academia da Historia, onde se conserva na actualidade.
E agora as preguntas. Primeiro: Como sabemos que o manuscrito estivo nos Escolapios? A resposta dánola a primeira páxina, onde se le claramente a anotación do receptor, presumiblemente da Biblioteca das Cortes: “Del colegio de la compañía de Jesús de Monforte”. Non figura a data de recepción, pero está claro que foi uns anos despois de que o exército francés de Napoleón entrara na vila de Monforte no 1809, arrasando e saqueando edificios civís e relixiosos, entre outros o dos Escolapios. Ou quizais se salvou porque pasou desapercibido, que alguén o agochase previamente, ou porque cando chegaron as tropas napoleónicas xa estaba fóra da Cidade do Cabe.
E segunda cuestión: Quen trouxo o manuscrito para Monforte? Aínda que cómpre ser cautelosos, todo apunta ao cardenal Rodrigo de Castro Osorio, pertencente á poderosa familia dos Castro (condes de Lemos), propietarios, entre outros, do colosal castelo que mandaron construír en San Vicente do Pino, un outeiro estratéxico xa utilizado dende a prehistoria que domina o val de Lemos. Rodrigo de Castro (1523-1600) era fillo de Beatriz de Castro, terceira condesa de Lemos, e do seu segundo marido, Álvaro Osorio. Na Universidade de Salamanca estudou Humanidades, Moral, Leis e Filosofía. Entre outros moitos cargos, foi bispo de Zamora e Cuenca, no 1582 tomou posesión do arcebispado de Sevilla, e no 1585 foi nomeado cardenal polo papa Gregorio XIII.
No ano 1593 fundou o Colexio de Nosa Señora da Antiga, os Escolapios, que puxo en mans dos xesuítas. Home moi culto, protexeu a escritores e artistas, ademais de dotar ao colexio e á igrexa de Nosa Señora da Antiga de importantes obras, coma o cadro A Adoración dos Reis, do pintor Hugo van der Goes (1440-1482) que ata o ano 1913 estivo nos Escolapios e que lamentablemente, logo de ser vendido polos propios xesuítas, só se pode admirar na pinacoteca da Gemäldegalerie de Berlín (Alemaña).
No ano 1594, coa chegada do cardenal a Monforte de Lemos, os nenos do colexio interpretaron unha comedia de autor anónimo en cuxa portada do manuscrito lese: "Comedia de la ynuencion de la sortija en la venida a Monforte del yllustrisimo Señor don Rodrigo de Castro Arçobispo de Sevilla Cardenal de la santa yglesia de Roma" (é probable que a escribira un xesuíta do colexio orixinario de Galicia xa que contén 52 versos en galego).
Polo tanto, non resulta improbable que o Espejo de Navegantes de Alonso de Chaves caera nas mans do cardenal Rodrigo de Castro que, ademais de arcebispo de Sevilla, onde estaba a citada Casa de Contratación, debía ter acceso privilexiado aos “secretos de estado” pola estreita relación que mantivo co príncipe e logo rei Felipe II quen lle encomendou importantes encargos. Tamén cabe a posibilidade de que cando o levou para Monforte, o recollido nas máis de 300 páxinas do manuscrito deixara de ser secreto.
Bibliografía
Biblioteca de la Real Academia de la Historia
Cuesta Amigo, M.: Alonso de Chaves.
Del Pozo Gutiérrez, I.: El Padrón Real: cuando España dibujaba el mundo.
Esteban Piñeiro, M.: Los oficios matemáticos en la España del siglo XVI.
Portal de Archivos Españoles (PARES)
O desaparecido mosteiro de Sobredo, no concello de Folgoso do Courel, xa se cita nun documento do ano 853, situado preto do río Lor: "in Laure monasterium Suveretum”. Cítase, tamén como “Suveretum”, en documentos dos anos 872, 938 e 962; e “Subregum” no 922. Dise que neste cenobio os monxes de Samos refuxiaron de neno ao futuro rei Alfonso II o Casto (reinou en dous períodos, o primeiro no ano 783, e logo entre o 791 e o 842) cando fuxía do seu curmán Aurelio, asasino do seu pai o rei Froila I no ano 768. O alcume de O Casto débese a que, segundo salientan os textos narrativos coma unha das súas principais virtudes, mantivo a castidade durante toda a súa vida. Durante o seu reinado produciuse o suposto descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago polo ermitán Paio.
A mención ao refuxio do neno Alfonso nestas terras débese a un controvertido documento outorgado polo rei Ordoño II a favor do mosteiro de Samos uns cento cincuenta anos despois dos feitos. Co tempo, o pequeno mosteiro de Sobredo converteuse nunha granxa encargada de recadar os foros que os habitantes lle tiñan que pagar a Samos; cerca de Sobredo aínda se conserva o topónimo A Granxa, nome relacionado con posesións de mosteiros medievais. Un veciño da aldea de Sobredo contoume que do castro situado non moi lonxe parte un túnel que baixa cara o río que, segundo a tradición, é por onde levaban a lavar ao futuro rei Alfonso.
No ano 1841, a famosa imprenta madrileña Yenes imprimiu a obra “Alfonso el Casto”, un drama histórico en verso en tres actos. Estreouse o 25 de xuño dese mesmo ano no Teatro de la Cruz de Madrid. Foi escrita polo dramaturgo do Romanticismo Juan Eugenio Hartzenbusch (1806-1880). No ano 1890, dez anos despois da morte do autor, a tamén madrileña imprenta de Manuel Tello publicou “Teatro de D. Juan E. Hartzenbusch”, cunha tirada de 50 exemplares, dividida en catro obras, que incluía “Alfonso el Casto”. Na obra, Samos cítase como Samanos, e Sobredo como Subrego, tal como figuran en documentos da Idade Media. No apéndice da obra, para explicar un pouco a historia de Alfonso o Casto, Hartzenbusch di que o rei estivo agochado “en Samanos y en otro lugarejo llamado Subrego en la ribera del rio Daura”. Este río Daura é o Lor, citado como Laure no ano 853.
O primeiro acto desenvólvese, tal como achega o autor, “en un valle de Galicia poco distante del monasterio de Samos”, pouco antes de que Alfonso o Casto accedera por segunda vez ao trono. Buscado polos seus inimigos, agochárase, tal como xa fixera cando era neno, en Sobredo. Durante a acción deste primeiro acto, un conde xunto cun grupo de soldados buscan ao rei e á súa irmá, que fuxira con el, para apresalos; mentres, outros personaxes tratan de protexelos, afirmando que xa non se atopaban alí. Cando Alfonso aparece en escea, despois de abrazar á súa irmá que se disfrazara de campesiña para que non a recoñeceran, planea como chegar ao mosteiro de Samos. Despois de varios percances, conseguen fuxir. O segundo e terceiro actos xa se desenvolven en Oviedo.
A obra máis célebre de Hartzenbusch é Los amantes de Teruel. No ano 1847 pasou a formar parte da Real Academia Española, e no 1862 foi nomeado director da Biblioteca Nacional. Realizou varias investigacións sobre a obra, entre outros, de Cevantes e Tirso de Molina.
A Cova dos Penedos atópase na parroquia de Furco, en Becerreá. Entre as cavidades documentadas no concello é onde apareceron, ademais da de Valdavara, restos arqueolóxicos, entre outros un puñal (ou espada curta) de antenas de bronce. A cova está nas inmediacións de tres castros: a menos de 300 metros do da Torre, destruído por unha canteira e a estrada de acceso dende a A-6, e a menos de un quilómetro dos do Casar e das Fontes.
A mediados dos anos trinta do pasado século XX a Cova dos Penedos foi explorada polo mestre Gonzalo Martín March (logo trasladado para a provincia de Pontevedra) e Alberto Blas Ferreiro, un estudante de Becerreá, que foron quen atoparon o puñal, un martelo e outras ferramentas metálicas. O puñal foi depositado por Blas Ferreiro no Museo Provincial de Lugo en maio de 1935, e adquirido por este en decembro de 1981.
O primeiro en publicar o achádego foi Ángel del Castillo López (1886-1961), Un nuevo puñal de antenas, no Boletín da RAG nº 261 do ano 1936, que tivo coñecemento polo historiador Manuel Vázquez Seijas (1884-1982). Di Ángel del Castillo que tamén apareceran alguns ósos humanos (restos de tres cadáveres), anacos de hasta e outros obxectos que non precisa, descoñecendo as circunstancias dos achádegos e do lugar exacto onde se atopaban.
Describe o arqueólogo coruñés: "Mide este puñal 28,2 cm, pero advertimos que tiene la punta de antiguo afilada y rotas las antenas... con fractura ya muy antigua... La empuñadura, que mide en total 9,3 cm, tiene pomo fusiforme, caracterizado por una especie de nudo en el centro, y es lisa, salvo en la parte central del arco de las guardas o crucero, donde nace la hoja, que presenta por adorno, solo en una de las caras, en la visible puesto el puñal al cinto, dos cortas líneas de puntos casi horizontales... y tres líneas también de puntos a cada lado de las anteriores en sentido contrario, convergentes hacia la hoja, adorno que posiblemente haría también de marca personal. Las guardas o aletas, recias y fuertes, con un ancho de 3,8 cm, describen... un arco de tres centros, cuyos extremos, prolongados recta y paralelamente, ofrecen una ranura central en su cara interna donde encaja, amachambrado, una especie de espigo en que termina cada uno de los cantos o bordes del talón de la hoja...; las antenas, desigualmente mutiladas... sólo miden hoy de ancho 4,25 cm. La hoja... mide 21,1 cm de largo y un grueso máximo de 5 mm, sujetándose a la empuñadura... por un largo espigo que atraviesa el pomo, y aprisiona por fuera de el, a martillo, entre las mutiladas antenas, una artística virola... La hoja tiene forma triangular... de bordes afilados..., y tiene su parte central robustecida por un nervio de 6,5 mm de ancho, prolongación del espigo, acanalado en su nacimientno, pero ligeramente convexo en el resto de la hoja; tiene por adorno en el talón las típicas escotaduras sensiblemente semicirculares, que cierran el óvalo, más que en círculo, con el arco descripto por las guardas, escotaduras de recios bordes, realzados en arista viva... El peso total de esta pieza, tal como está, es de 176 gramos. Su condición de puñal, es decir, de arma solo para herir de punta, y no de espada corta, está perfectamente determinada por su tamaño y forma. Pertenece este tipo de puñales de antenas arqueadas, tan difundido por Europa, a la segunda fase de la primera edad de hierro o de Hallstadt (700 a 500 años a. de J. C)... Este puñal es parecidísimo al que en el año 1689 se descubrió cerca del castro de Combueira (trátase do da Couboeira), en Mondoñedo, publicado por Villaamil y Castro... La empuñadura de la pieza de Furco ofrece también la misma forma que la de bronce descubierta cerca del castro de Alcayás (é o de Alcaiás, en Cedeira), en la comarca de Ortigueira... siendo también muy parecido a la de uno de los puñales descubiertos en la citania de San Ciprián de Las... Y su hoja ofrece una semejanza grande con la que procedente de Lanzós (Vilalba)... conservaba el señor Mato Vizoso. Remata Ángel del Castillo: "Viene, pues, el hallazgo de este puñal a aumentar la importnacia de los que hasta ahora se llevan hecho de este tipo de armas en Galicia, pues es el undécimo de los registrados, lo que viene a confirmar las características de nuestra cultura en los tiempos que precedieron a la invasión de los romanos". Coa cronoloxía de Del Castillo coincide W. Schüle (1969).
Malia o anterior, non resulta doado establecer unha cronoloxía aproximada para esta peza xa que se carecen de elementos arqueolóxicos para datala con anterioridade ao século II a.C.
Descoñécese como eran as antenas, a súa característica máis peculiar, uns apéndices situados simetricamente (en forma de U) ao final da empuñadura que podían terminar en distintos tipos de remate (espirais, botóns cilíndricos...).
Outra das incógnitas é se o puñal se utilizou como arma defensiva ou ofensiva, ou formaba parte dunha ofrenda. Os puñais con follas de ferro poderían ser para defensa, pero os de bronce, moito máis fráxiles, non resultarían ideais para este cometido polo que o seu uso podería estar vinculado con prácticas rituais, cunha función votiva (crese que puído ser inutilizado intencionadamente). Estaría asociado aos restos humanos dos que fala Ángel del Castillo, supoñendo que foran restos de persoas e non de animais? Cremos que non é probable, a maioría destas armas proceden de tumbas ou espazos de incineración. Ademais, hai que ter en conta as condicións desfavorables para a conservación dos cadáveres. Entre outras hipóteses, crese que a ausencia de rexistros funerarios destes períodos débese a que os mortos eran depositados en medios acuáticos (ríos, lagos...), pero tamén en covas e abrigos naturais; ou mesmo, se lle facemos caso a Silio Itálico (25-101 d.C.), ao aire libre para seren devorados polos voitres.
Segundo a lenda, no interior da cova había tesouros ocultos, de onde saíron varios obxectos metálicos, entre eles unhas campás.
Por certo, o recoñecido arqueólogo irlandés Peter Harbison (1939-2023) estivo en Galicia no ano 1966, recomendación que lle fixera o tamén arqueólogo Helmut Schlunk (estivera en Galicia entre 1930 e 1932), para comprobar as relacións entre os obxectos prehistóricos de Galicia e Irlanda. No xornal El Progreso de Lugo do 16 de xullo de 1966 atopamos unha pequena entrevista que lle fixeron con motivo da súa visita ao Museo Provincial. Na foto que ilustra a noticia vese a Harbison cun puñal de antenas de bronce na man. Aínda que a información non o menciona, vese claramente que se trata do da Cova dos Penedos.
Non moi lonxe, afectada pola canteira, está a Cova dos Cousos. Dise que eiquí apareceu outro puñal de antenas (López Cuevillas) do que nada se sabe, a non ser que se trate dun erro e o puñal ao que se refiren sexa este da Cova dos Penedos.
O día 2 de xuño de 2020, integrantes do noso colectivo achegámonos ata a Cova dos Penedos. No sitio comprobamos que a boca da cova está practicamente tapada polo lixo que durante anos foron acumulando, impedindo o seu acceso. Feito que puxemos en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e do Concello.
CASTROTIÓN (A ESTRADA): UN CASTRO, UNHA CAPELA, E UN CÍRCULO?
Castrotión é unha aldea da parroquia de Oca, no concello da Estrada. Canto a orixe do nome, Fernando Cabeza Quiles, no seu Toponimia da Estrada (2018), di que o composto puido vir de Ittilo, antropónimo de orixe xermánica, nome que figura nun documento do mosteiro de Sobrado do ano 920, composto pola voz gótica it-, id- que vén a significar “axitación, celo, ardor, dilixencia”, e o sufixo, tamén gótico, –ilo, formador de nomes femininos. Mais non se poden desbotar outros nomes persoais, como Tedio(ne), documentado en textos portugueses (ss. X e XI), ou o latino Tilonius. Continúa Cabeza Quiles, que no Arquivo da Catedral de Santiago cítase no 1571 “una casa bibidera en el lugar de Castro Tión que es en la fra. de Sant´Estebo d´Oca”. Na mesma fonte documental, remata, nun documento do ano 1587, figura Castatyón, e noutros do mesmo arquivo e ano Castro Tión.
O primeiro elemento do topónimo é nidio, no lugar houbo un castro, citado por Barros Sibelo no ano 1875 e no monumental Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra (1977) de Filgueira Valverde e García Alén. Fermín Bouza Brey, que foi xuíz da Estrada, e que o visitou no ano 1936, di que apenas se conservaban restos xa que fora destruído por unha canteira cara mediados dos anos trinta do século XX. Ademais de pola canteira citada por Bouza Brey, con posterioridade resultou moi afectado pola construción dunha escola, un centro de saúde, estrada local, camiños...
Hai quen conxectura que no lugar ou nas proximidades puido existir un mosteiro fundado no século VII por Theodiselo, un discípulo de Froitoso de Braga, no sitio denominado como Castrum Leonis, se ben Hipólito de Sá Bravo (1972) identifícao con Castrove, ao sur do val do Salnés, a partires de antigas transcricións como Castropheon ou Castroveon.
Sobre o castro edificouse unha capela mandada construír por Bartolomé Reimóndez Figueroa no ano 1574. A Revista Galaica do 15 de febreiro de 1876 achega unha historia, escrita por Benito Vicetto no ano 1865, que se desenvolve arredor de “la cumbre de Castrotión al pié de la ermita de la Anunciación…”. Nun artigo asinado por A. V. Calveiro no Eco de Galicia do 25 de agosto de 1935, di: “En el lugar de Castrotión, que también se llama Castación, existen las ruinas de una capilla que fue de los Infanzones Quiñones de León y Figueroa, a los que en 13 de junio de 1574 pertenecían a los lugares de Outeiro y otros". José Manuel Bértolo Ballesteros, en Os Reimóndez Figueroa de Castrotión (Oca), 2014, achega que foi dotada cos bens e vínculos da que serían patróns os seus sucesores. Foi adicada á “Anunciación de la Virgen Maria Nra Sra y porque dende aqui adelante y por todo tiempo de siempre jamas la dha hermita no se pueda desacer ni ir a yermo e en ella se puedan celebrar los oficios divinos...”. Continúa Bértolo Ballesteros que no ano 1607, o cardenal Jerónimo del Hoyo, nas súas Memorias del Arzobispado de Santiago, confirma a existencia da capela que “llaman de Nuestra Señora de Quiñons o de Castro”, e que no 1703, sendo padroeiro Antonio Reimóndez, ademais de que se cumpriran as misas, baixo pena de excomuñón, e se repare a capela a cargo dos fondos parroquiais: "... halló su merced que la dicha Capilla se halla muy indecente y menesterosa de muchos reparos como es el rebocarla y calearla por la parte de adentro, fayarla, ponerle Puertas, Bidrieras en la ventanilla de la Capillanía”. Os desexos do fundador non se cumpriron, a principios do século XX a capela continuaba en pé, pero non tardou en derrubarse e nunca volveu a ser reconstruída.
A principios dos anos oitenta do pasado século XX realizáronse unhas prospeccións no lugar, publicadas por Juan Andrés Fernández Castro na Revista do Museo de Pontevedra (1982) baixo o título La capilla y el círculo lítico de Castrotión, Oca. Saíron á luz a lápida sepulcral do fundador, Bartolomé Reimóndez de Quiñones, e outra sen inscrición que puido pertencer á súa esposa ou ao seu fillo, documentando tamén a presenza de restos humanos alí soterrados.
E o círculo? Bouza Brey tamén di que na parte superior do castro había un círculo de pedras profundamente fincadas duns 17 metros de diámetro (non achega o número de chantos), en cuxo centro se vían os restos dunha capela posta baixo a protección de Nosa Señora de Castrotión. Fernández Castro escribe que o círculo, de forma elíptica, tiña unha lonxitude máxima de 23 metros e unha anchura máxima de 14 metros, e estaba formado por unha serie de pedras xustapostas duns 35 centímetros de altura.
Quen visite o sitio, o único que verá son seis pedras fincadas, aliñadas, a poucos metros da cara este da ermida, e outras oito, tamén aliñadas, polo oeste (dúas tumbadas), e outra máis desprazada. As pedras sobresaen do chan entre 0,40 e 0,75 metros.
A carón do muro dunha finca, que xunto coa escola e dous camiños delimitan o sitio, hai varias pedras amontoadas de feitura semellante, pero descoñezo se formaban parte do suposto círculo. Pero tratábase dun círculo lítico tal como o entendemos, un cromlech de época prehistórica? Chama a atención que de tratarse dun círculo prehistórico sobrevivira ao castro, agás, claro, que os seus moradores decidiran conservalo, ou que foran eles quen o erixiran e que a ermida se construíra logo dentro do círculo.
A etimóloga Dolores González de la Peña achega que a variante Castación, citada máis arriba, xunto coa forma Castrotión, lévaa a pensar que estariamos ante formas provenientes do latín claustra, "claustro" (peche, sobre todo dun mosteiro), que no galego medieval deu castra e outras variantes. Entón, o étimo é *claustratione, e o -tion / -cion sería un morfema derivativo. O peche ou castra (claustro) sería ese recinto circular?
Para situarnos, en Hispania Epigraphica (en liña) di que unha epígrafe dedicada por Iulia Praenia, procedente de Monforte de Lemos, está recollida no CIL II (Corpus Inscriptionum Latinarum), páxina 1.040, cando en realidade está na 903; tamén di que está en IRG IV (Inscripciones romanas de Galicia. Provincia de Orense, de Xaquín Lorenzo Fernández e colaboradores), cando aí non aparece nin a ara nin a inscrición. Tampouco fan referencia a ela Arias Vilas, Le Roux e Tranoy (Inscriptions Romaines de la Province de Lugo, 1979). No citado CIL II (Inscritiones Hispaniae Latinae, 1869), E. Hübner achega a lectura: "ARA(M) SOL(is)/IVLIA/PRAENIA/MOCION/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", que traducida viría a dicir "Ara do Sol, Iulia Praenia Mocion cumpriu a súa promesa de bo grado" ou "Ara do Sol, Iulia Praenia a Mocion...". Pero, posteriormente, a maioría dos investigadores, algúns entre interrogantes, lévanna para A Limia. A ara, se aínda se conserva, non se sabe onde está.
Pero nun debuxo da ara que aparece nun manuscrito do ano 1650 baixo o título Breve hepittome de la familia y casas de los Lopez de Lemos pobladores desta tierra de Lemos (80 páxinas), lese na cara principal: "ARA: SOL: / JVLLIA /PRAENIA/ MOCION / V S (hedera) L M"; nunha cara lateral unha especie de cántara e a inscrición "LEMI,CON / III"; e na outra cara lateral unha especie de combinación de tres círculos (disco solar?) e a epígrafe "LVPVLUS / F". Polo debuxo trataríase dunha ara con frontón tirando a semicircular e pé moldurado; a inscrición estaría sobre un rebaixe da pedra. Despois de transcribir a parte do Breve hepittome… que me interesaba, creo que o manuscrito é claro. Como achega o título, a intención é demostrar a procedencia dos López de Lemos que, en efecto, señorearon nos concellos de Pantón e Sober. Ao falar do río Cabe (“… por ser las mejores aguas con que daban el temple a sus famosos aceros...”), di que na zona asentáronse os “limineos” que deron nome a toda a Terra de Lemos, fundando a “colonia de Proenza…. oy le llaman Proendos”. En Proendos, no concello de Sober, documéntase unha vila romana que dun tempo a esta parte está a proporcionar interesantísimos achados. O río Cabe, que nace no Incio, rega, na comarca da Terra de Lemos, os municipios de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober. Como proba de que eiquí se asentaron os romanos, o autor achega tres pedras que, interpreto, estarían na igrexa de San Vicente de Castillón, no concello de Pantón: a ara descrita máis arriba, e cita o escudo dos Lemos con trece roeles e unha epígrafe descrita por Castellá Ferrerno ano 1610, tamén desaparecida, dedicada aos deuses Manes onde se lía: "D M S / VALERIAE FLORINAE AN XXIII / POMPEIVS / LVPVLVS / VXORI PI / ENTISSIMAE", ("Consagrado aos deuses Manes, Valeria Florina morta á idade de 23 anos. Pompeius Lupulus (fixo este testamento) para a súa muller piadosamente").
Á
vista da inscrición, o autor fai derivar o apelido López de
Lupulus,
e Lemos de Limi
ou
Limicon,
que ao tempo enlaza con leminios
e
limineos.
Serían entón estes últimos vocábulos os que levan a confusión
para que se conxecture a procedencia da ara da Limia
por onde discorre o famoso río do Esquecemento citado por Plinio.
Creo que o erro procede do propio autor do manuscrito que confunde
leminios/limineos
co pobo dos lemavi/lemavos. Ademáis do Cabe, cita os ríos Miño e Sil, non o Limia.
Por se alguén quere achegar outra hipótese, a continuación transcribo a parte do manuscrito:
“La historia general de España conoce los pobladores primeros de sus probincias. Quenta a los leminios i dice poblaron en el reyno de Galicia i en la parte mediterranea del en los campos que se estienden desde los montes del Cebrero i Courel asta la punta de los dos famosos rios Sil i Miño que corriendo casi iguales desde su nacimiento i forman unidos una peninsula que divide por medio i riega. El celebrado Cave que los escritores antiguos no acaban totalmente de celebrar en el nombre de Calibis por ser las mejores aguas con que daban el temple a sus famosos aceros, desto lo testifica Titu Libio en sus Decadas. En esta tierra hicieron su avitacion los limineos dando el nombre a toda la tierra que le tomo como de sus fundadores y particularmente fundaron la antigua colonia de romanos que se llamo Proenza que corrompido el bocablo por el tiempo los avitadores oy le llaman Proendos. Testifica esto ademas de escritores antiguos, grandes ruinas que se ben y padrones romanos que solo podia negarlos el que no supiese de antiguallas i le faltase el conocimiento de piedras i letreros romanos i por escusar la prolegidad(?) solo pondre una i las demas dejo o para el curioso o para el incredulo que se satisfaga con tantas evidencias. Esta es a modo su asiento de bassa… i tenia de alto i de tercia i de ancho i sostiene una piedra ancha de tres quartas de bassa i tenia de largo en la pilastra que sostiene la cuvierta esta un gueco demas de tercia adonde se allavan cenizas i quantidad de oro. Segun su inscripcion parece fueron cenizas i tiene un letrero i es del modo que parece por esta demostracion. Que en nuestro castellano estas letras tienen esta significacion. Esta ara al sol consagra de buena gana Julia Praenia i su hijo Lupulo a las cenizas i memorias del limineo tres veces consul. Esta cassa o sepulcro que es ermitta que segun su inscripcion consagrada al sol llamandolo Ara Solis, i la debocion i piedad de los descendientes de este consul la consagro al Bautista por la gente en memoria de su antigüedad la añadio al San Juan de Cattasol. I en la portada en piedra tosca estaban armas de dicha familia que del roel que esta al lado de la piedra son 13. Que en el discurso se dira porque i ponga los colores, i el apellidarse Lopez de Lemos se ponga el nombre limineo. Añadieron el de su hijo Lupulo que corrompidos los bocablos se llaman Lopez de Lemos. I aunque Dn Mauro de Luzon (refírese a Mauro Castellá Ferrer) en la historia de Santiago dice ser los limineos de los López de Marzo… solo guiado por su parecer solo por la causa de Marzo… sin atender mas quando los papeles i otros instrumentos estan en contrario como es una informacion que descendiera de la casa de Marzo hizo, i los testimonios que en ella juraron todos dicen estas palabras (continúa en galego) e non quedou do dito Afonso de Marzo mas que una filla que se chama Albina Lopez de Marzo que casou con Afonso Lopez de Lemos por onde bolbeu a facenda adonde avia saido; de cuias palabras se conoce evidenza de el engaño que padecio este historiador, i mas adelante dice e tragian por armas os trece roeles dos Lemos; estas informaciones estan en poder de Juan Ojea contador del señor conde de Lemos en cuio archivo estara, o en poder de los erederos de dicho Juan Ojea= Son tres piedras que estan en la portada de la iglesia de San Bicente de Castillon tierra de Lemos. Consta que Lope Lopez de Lemos es descendiente de Lupus Lopez consul i protector romano, i su muger Julla Cornelia i de lo que traen otros autores= Acermas por la antigüedad desta casa el aver tomado el balle el nombre de Lemos como de sus pobladores i demas de veinte fortalezas en su distrito se contavan i alguna parte de la de Sober. Todo lo dicho asta aquí confirma la historia gotica que escrivio el obispo de Orense D Fernando cuio libro mano escrito esta en la librería de Salamanca”.
Continúa coa historia dos López de Lemos.
PARACOSTOIRA, CASTRO CANDAZ, O CASTELO E UNHA ESPIRITADA
Paracostoira é unha aldea da parroquia de Santa Baia de Pedrafita, no concello de Chantada. Do Inventario artístico de Lugo y su provincia (1976-1983) recollo que os monxes de Oseira tiveron eiquí unha casa priorado. Mercedes Vázquez Saavedra e Carmen Vázquez Pérez-Batallón, en Guía da Ribeira Sacra (2001), nunha pequena referencia, din que contaba con casa, tulla e capela.
Paracostoira cítase en varios documentos medievais. Nun pergameo escrito en galego, conservado no Arquivo Histórico Nacional, na "Era M CCC XIII et VIII dias andados doytubro" (ano 1275), Iohan Iohanes de Paracostoira e a súa dona doan ao mosteiro de Santa María de Oseira a leira de Covelo, conservando os "frutus" (usufructos). A doazón foi outorgada ante Romeu Iohanes, notario xurado, por mandato de Ruy Pérez, notario.
Noutro documento en pergameo, gardado no mesmo arquivo, tamén en galego e escrito na "Era M CCC X IIII et quot XII dias por andar de dezembro" (ano 1286), María Franca, xunto co seu marido Iohan Iohanis, venden ao mosteiro de Santa María de Oseira todo herdamento que posuían en Paracostoira.
Nunhas mandas testamentarias en galego do 3 de xuño de 1434, dadas en Paracostoira polo crego de San Xoán de Veiga (parroquia de Chantada), pide ser enterrado no cemiterio de Santa Baia de Pedrafita, legando ás igrexas de Veiga, Sabadelle e Arcos, e de seus criados, os irmáns Gómez e Fernando, entre outras, unhas herdades situadas en Barreiro e Casteda.
Nun documento en galego do 9 de agosto de 1439, "dom frey Johan, abade do mosteyro de Santa Maria d´Oseyra" afora a "Afonso Rodriges, et a vosa moller Tereija Rodriges, et a vos Gonçalvo, fillo de Roy Fernandes, da Pena Custoya... a que chaman das Castineyras, a montes e a fontes, con todas suas entradas et saydas et pertenças..." a tenencia da igrexa de Pedrafita polo pago do tercio e décimo de todo pan e gran, e outras prestacións.
Os Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de Pedrafita en marzo de 1753, na resposta á pregunta 39, confirman que aínda existía o priorado do Císter: "... en el referido termino no ay combentto alguno, si tan solamentte un Prioratto de la orden de nuestro Padre San Bernardo, anexo al Real Monastterio de Santta Maria de Osera".
A un quilómetro de Paracostoira, na aldea de Mosteiro, atópase a igrexa parroquial de Santa Baia, situada xunto o Pazo de Boán cuxos propietarios tiñan acceso directo ao templo a través dunha porta aberta nun muro, tapada na actualidade. Parece ser que eiquí non houbo ningún mosteiro, polo que é probable que reciba o nome pola existencia dunha granxa dependente de Oseira que rexentarían os monxes do priorado de Paracostoira.
A pouco máis de dous quilómetros en liña recta de Paracostoira, asulagado polo encoro de Belesar a principios dos anos sesenta do pasado séeculo XX, está o inexistente Castro Candaz que só se pode ver cando baixan as augas. Sitúase nunha pequena península delimitada polos regueiros Enviande e Ponte da Lama, tributarios do Miño.
Dise que ao asentamento só se podería acceder polo oeste, apreciándose por esta parte varias "zonas amesetadas" cuxa disposición cumprirían unha función defensiva. No resto dos puntos, por estar arrodeado de auga, resultaría practicamente inaccesible. Creo que esta últimas informacións hai que tomalas con cautela, nas imaxes do voo americano de 1956-57 non se aprecian (ao menos eu) esas "zonas amesetadas". Aínda que nunca foi escavado, dise que a súa orixe está nun castro onde, que eu saiba, non apareceron restos deste longo período. E despois veu a lenda. Segundo as crónicas da Casa de Camba foi fundado por un cónsul romano, Lucio Cambero, que mesmo se enfrontu a dúas lexións romanas mandadas polo propio emperador Traxano. Pero sabido é que para lexitimar unha ascendencia de avoengo, na Idade Media os nobres inventaban as súas árbores xenealóxicas, entroncándose con persoeiros de sona, fosen míticos ou reais, non faltando quen a leven ata Adán e Eva ou o propio Cristo. Ademais de Lucio Cambero, dise que outro propietario foi un descendente de aquel, un tal Lupo Cambero de Candaz, ao que don Paio (o famoso princeps citado por Al-Razi, heroe da suposta batalla de Covadonga), pola axuda prestada na guerra contra os árabes, deulle a torre de Arcos, tamén en Chantada. Ademais dos Camba, foi propiedade dos Taboada e dos Temes. Entre os séculos IX e XII, os normandos asolan as costas galegas. O mestre Manuel Formoso Lamas, autor de Apuntes para la historia de Chantada (1905), escribiu que durante a primeira vaga de invasións, os vikingos arrasan Chantada despois de traspasar a empalizada (plantata), e os nobres refúxianse no Castro Candaz, custodiados pola familia dos Eiriz ou Erice, ata que son liberados polo rei Ramiro I.
Alancando no tempo chegamos á Gran Guerra Irmandiña, entre
o 1467 e o 1469, en que o castelo foi derrubado (Preito Tabera-Fonseca: "... que
sabe que la fortaleza de Castro de Candaz que fuera derrocada quel
dicho rey la mandara derrocar por quexas y querellas que della le dieran..."), sendo logo
reconstruído pola familia Taboada. Segundo me contou un veciño de Mosteiro no ano 2003, na cima había un túnel, tapado na
actualidade, que ía dar ao río. O
sitio padeceu numerosas transformacións. Primeiro o posible
castro, logo unha posible torre medieval da que aínda se conservaban,
dise, algúns restos a principios do século XX, máis adiante unha
ermida testemuñada no
ano 1474 (documento inédito dado a coñecer por Xosé Luis
Díaz-Castroverde Lodeiro, gañador do premio de investigación do Condado
de Pallares no ano 2010 con Morgados e xurisdicións na Terra e Condado de Taboada), despois viñeron as plantacións de viñedos en socalcos e construcións
relacionadas con estes, e por último o encoro que modificou e continúa a
modificar a morfoloxía do outeiro.
"Increíble fortaleza", "Espectacular fortaleza" ou "Misterioso castro sumergido" son algúns dos rimbombantes cualificativos cos que se cita ao castro Candaz. Pero para min os máis enxeñosos son o de "Atlántida gallega" e "Atlántida que se oculta en el Miño"; seguramente Platón, no seu Timeo, agocha algunha mensaxe cifrada que proba que un e outra son o mesmo. Bueno, fantasiar é libre. En Galicia abondan as lendas referidas a cidades e vilas asulagadas, e non por un encoro artificial construído hai catro días: Valverde, Alegrín, Estebañón, Boedo, Antioquía... Non vou a negar que velo asomar é un bonito espectáculo, pero se non fora porque emerxe das augas do encoro, o Candaz, como acontece coa maioría dos castros galegos, pasaría desapercibido para a maioría.
Vaiamos agora coa orixe do topónimo Paracostoira. Cítase como Petra Costoya no ano 1007, Petra Custodia no 1232, Pena Custoya no 1439, e máis adiante como Peracostoya e Peracustoya. De Os nomes de lugar (1992), de Fernando Cabeza Quiles, recollo que Fr. Martín Sarmiento, na súa Viaxe (1745), ao falar do monte das Costoyas, "un alto monte sobre Combarro", relaciónao con custodias. E que Antonio López Ferreiro, na súa Historia... (1898-1911), cita un "montis de Custodiis" no 1170. Elisa Ferreira Priegue, en Los caminos medievales de Galicia
(1988), escribe que por veces Costoya coincide cun portádego, polo que
tería a orixe nun porto de vixilancia do camiño; cita o topónimo
Custodia nun documento do ano 1112, o actual Costoia, en Tordoia. Cabeza Quiles conclúe, entón, que faría alusión a unha pedra alta na cal se situaría un posto,
garita ou fortificación de vixilancia ou custodia. Para Ares Vázquez podería facer alusión a unha "Pedra de Garda" ou "Pedra Custodia". O latín custodia vén a significar custodia, garda, inspección, vixilancia, sentinela, gardián, porto de garda; tamén prisión, prisioeiro. Designaría un sitio elevado para custodiar, vixiar, observar (unha custodiaria) ou gardar algo dende
onde, ademais, se divisa e controla un amplo territorio. O
topónimo Costoira, referido a nomes de poboación, atopámolo nos
concellos de Ortigueira, Alfoz, Ourense, e tamén na parroquia se San Fiz
de Asma, no mesmo concello de Chantada.
Polo
dito, en Paracostoira ben puído existir unha construción de vixilancia
ou garda. Pero, que gardaba, que vixiaba? Quizais, os accesos a un
castelo? Hai un pero que leva a preguntarme se o Castro Candaz é ese
curuto que ermerxe no encoro de Belesar. A uns 600 metros en liña recta
do Candaz, tamén entre os ríos de Enviande, Ponte da Lama e o Miño, hai
un outeiro (catalogado por Patrimonio), situado a unha altitude de 450
metros, que conserva o
topónimo de O Castelo e cuxa cima presenta unha zona achairada de forma
tirando a ovalada duns 50 por 40 metros. No ano 2003, a mesma persoa que
me
informou da cova do Candaz contoume que polos anos sesenta do século XX
un
avogado de Lugo atopou no Castelo varias pezas metálicas, entre outras
unha espada
de ferro e un candil. Se temos en conta as dimensións das partes
que poderían acoller unha fortificación, o Candaz apenas sería apto para
unha
pequena torre, mentres que o Castelo si puído acoller un edificio
defensivo de certa entidade. Nas imaxes do voo americano dos anos
1956-57, antes de ser engulido polo encoro, vese na parte máis alta do
Candaz o que semella unha estrutura case circular duns 15 metros de
diámetro (o que vén a ocupar unha mámoa de pequenas dimensións), que
quizais son eses posibles restos cos que se conxectura, pertencentes a
unha torre ou atalaia, perto tamén poden corresponder a calquera outra
construción.
En Vida Gallega do 5 de novembro de 1917, o escritor e crego Antonio López Carballeira (1880-1936), baixo o título El hidalgo de San Cosme, narra unha visita que fixo ao deputado Román García Nóvoa nunha casona dos seus antepasados situada en San Cosmede de Cusanca. O crego compostelán non aforra aloumiños co anfitrión. Despois de visitar a casa e describila, detense nunhas expedicións que fixeron á Pena do Demo (“donde entre un conglomerado de enormes peñascos, se eleva en la cresta una gran piedra oscilante”); ao castro “que se alza en el lugar de So-Iglesia” (debe referirse ao castro de San Cosme que se atopa na aldea do Castro); e a “una enorme roca… de forma redondeada” que “en su extremo presenta labrada intencionadamente una á manera de pila que no llega a metro y medio de largo, y al lado una honda cavidad circular; junto á esta, al descombrarla, descubrimos un estribo lateral, también perfectamente labrado en la piedra”. Pregúntase López Carballeira, dada a súa situación nunha carballeira e nas inmediacións dun castro, senón podería ser unha “prehistórica ara céltica, para los sacrificios de animales”. Cando fun na procura da pedra, alá polo ano 2013 ou 2014, atraído pola foto de Vida Gallega, non din con ela. No ano 2017, cando a vin por primeira vez, contáronme que estaba asociada a un tesouro que agochara ou descubrira o párroco de San Cosmede de Cusanca. Ademais da “pía” cuadrangular, unha pía circular e un pequeno burato cadrado (artificial), a pesares de estar a pena bastante limpa de folla e musgo, non vin nada máis. Cando volvín en xaneiro de 2024, tampouco, pero si me ampliaron máis a lenda. O tesouro estaba formado por moedas de prata e ouro, agochado en dúas olas. Dise que foi atopado por un home natural da aldea da Costa. Na foto de 1917 vese a Antonio López Carballeira e o fidalgo Román García Nóvoa; detrás, á esquerda da foto e detrás do cura debe ser Gonzalo Prego, o cuñado do fidalgo; dous homes á dereita da imaxe; sobre a pedra, á esquerda, unha moza e dúas nenas; e por último, un home e, para min, a persoa que máis me chamou a atención: unha muller vestida enteiramente de negro da cabeza aos pés. Tratarase dun lagar?
O MARCO XEOGRÁFICO
En Historia de Vivero y su concejo (1953), Juan Donapetry Iribarnegaray, cronista oficial de Viveiro dende o 1946 ata a súa morte no ano 1961, describe a Coelleira como unha illa “situada diante da punta coñecida por Vixía do Vicedo, na parroquia de Santo Estevo do Val e próxima ao límite das provincias de Lugo e da Coruña; dista uns 500 metros de terra e o brazo de mar que a separa recibe o nome de Carreiro, ten unha profundidade media de 20 brazas (33,436 metros) e por el adoitan pasar as embarcacións costeiras... É alongada de leste a oeste, medindo uns 600 metros de leste a oeste e 400 de norte a sur, acadando unha altura de 70 metros sobre o nivel do mar e a súa circunferencia non excede dunha milla. A parte norte e norleste é escarpada e a do sur, baixa; ao leste hai a punta de San Antonio, cuns pequenos illotes, logo unhas entradas do mar; ao nor-norleste o illote do Cabaliño, que, na baixa mar, únese á Coelleira; seguen os illotes de Percebosa ou Percebellosa; ao oeste, os illotes de Carabelas e ao sur ten a punta da Cruz da Liñeira e unhas baixadas sen nome. Pódese atracar na illa polo Portiño, situado ao suroeste; e polo Liñeiro, situado ao leste”.
Á Coelleira (Cheziera), faise mención nun portulario veneciano, datado por Federigo Melis cara o 1400, que se conserva na Biblioteca Nazionale de Florencia e que dedica dous folios á costa galega, onde se aconsella fondear no amplo golfo comprendido entre Bares e un que chama Mantrigo (quizais referido á punta Roncadoira) "onde hai bos sitios para naves" (Elisa Ferreira Priegue en Galicia en el comercio marítimo medieval, 1988).
Se ben coincide con Donapetry na súa descrición, o que fora cronista de Mondoñedo, Eduardo Lence-Santar (1876-1960), nun seu artigo, La Isla Coelleira, publicado no Boletín da Comisión provincial de Monumentos históricos e artísticos de Lugo no 1941, engade que o punto máis próximo da parroquia de Santo Estevo do Val á Coelleira coñécese co nome de Camero ou da Preñada, facendo referencia, ademais, a un lugar da illa chamado das Fraguas onde uns monxes tiñan a forxa para traballar o ferro.
Enrique Cal Pardo (1922-2016), arquiveiro da catedral de Mondoñedo, en El Monasterio de San Miguel de La Isla de la Coelleira. Historia y Leyenda (1983), completa a información xeográfica cuns datos achegados polo que fora axente forestal do Estado, xefe da zona de Viveiro, Enrique Fernández Llano (“Enrique da Proencia”, autor de Descripción del término municipal de Sober, 1977). Di que a illa ten 1.852 metros de perímetro (medición que concorda coa de Donapetry, coa única diferenza de que este reflíctea en millas mariñas) e unha superficie de 27 hectáreas; a cota máxima sobre o nivel do mar, cara o norte, é de 82 metros, e a distancia entre a punta do Canteiro e o monte Vixía é duns 600 metros.
Na Coelleira abunda o feldespato (“ollo de sapo”), o mineral que forma parte de moitas rochas. Ademais das toqueiras que dan acubillo aos coellos, hai salamántigas (píntegas), percebes nas partes máis agrestes e aves: corvos mariños, cormoráns, araos e vinte e cinco clases de gaivotas. En tempos plantábase trigo, disque "dunha excepcional brancura". Tamén se pode atopar a Herba da Fertilidade que segundo as zonas de Galicia coñécese tamén como Herba Empreñadeira ou Empreñadoira, Herba Namoradoira ou de Namorar, Caravel ou Cravo Mariño...
A ORIXE DO NOME
Canto á orixe do nome Coelleira, a coincidencia entre os distintos autores é case unámime. Cabeza Quiles, no seu Os nomes de lugar (1992), di que provén de cunicularia, do latín cuniculus, coello, en alusión a un lugar abondoso neste roedor. Só R. Bascoy Pérez, en La Comarca de Ortigueira en el II milenio antes de Cristo (1960), propón unha etimoloxía distinta, mantendo a tese de que os nomes dos accidentes costeiros sempre están relacionados coa navegación e o tráfico marítimo. E iso acontece, asegura, no caso da Coelleira, nome que di non vén de coello, senón do latín coelum, ceo; pero vai máis alá, facendo derivar o vocábulo coelum do grego kaio, queimar, arder, cuxa raíz cai deu en latín coe, adoptando a terminación um dos neutros da segunda declinación, formándose coeum que, ao engadirlle o sufixo abundancial -eira deu o actual Coelleira polo que o seu significado sería o de “abundancia de fogueiras” que actuarían como sinal aos antigos navegantes que buscaban o abrigo do antigo porto de Bares. Os topónimos relativos a lugares costeiros destinados a orientar os barcos inzan a xeografía galega; no concello do Vicedo, sen ir máis lonxe, temos os montes Faro e Facho. Pero no caso da Coelleira non existen evidencias arqueolóxicas de que no illote se acenderan fachos que sinalaran a entrada ao Porto de Bares, o famoso Coído, para uns construído polos fenicios (Federico Maciñeira), para outros polos romanos, se ben investigacións recentes, durante a "recolocación" das enormes pedras removidas no ano 2010 polo temporal Becky, efectuada pola empresa Argos S. L., parece que se trata dunha colosal estrutura natural que foi reutilizada ao longo da historia.
O MOSTEIRO DE SAN MIGUEL DA COELLEIRA
Sen entrar polo de agora en sisudas disquisicións sobre un posible asentamento prehistórico ou altomedieval, hai quen lucubra que vikingo (polo de agora, nada de nada), a primeira referencia sobre a presenza humana na illa da Coelleira achégaa Manuel Amor Meilán na súa Historia de la provincia de Lugo (1918) onde conxectura que a fundación dun primitivo mosteiro puido ser obra, a principios do século V, do bispo Consencio, cando Galicia se atopaba, en palabras de Donapetry, “agitada y perturbada por las intrigas y pérfidos manejos de los Priscilianistas”. Amor Meilán refírese ao bispo galego Consencio ou Consensio quen, arredor do ano 420, enviou a San Agostiño, por medio dun monxe de nome Leonas, varios escritos de Prisciliano (Victoria Armesto en Galicia Feudal, edición revisada publicada no ano 1994), o gnóstico disque nacido en Iria Flavia, Padrón (sábese que naceu nalgunha parte da Gallaecia, pero non onde), e logo bispo de Ávila. Segundo os seus seguidores puxo en práctica as ensinanzas de Cristo, predicou un tipo de vida baseado na igualdade, na tolerancia e na pobreza coa creación de comunidades que vivían do traballo agrícola, fuxindo do crecente poder da Igrexa oficial; condenado por herexe, executárono en Tréveris (Alemaña) no ano 385. Trasladados os seus restos para Galicia por un grupo de discípulos, axiña se converteu en mártir, creándose un movemento (estoxado por Donapetry) ao que, ademais do pobo, sumouse o clero en xeral e a maior parte do espiscopado, situación que case derivou nun cisma que mesmo puido mudar o devir da Igrexa.
Na Carta a Bastián da Pallarega, en Boston (Estados-Unidos), publicada en La Ilustración Gallega y Asturiana no mes de xuño de 1881, o director das escolas de Instrución primaria de Viveiro, Justo Pico de Coaña, di que os primeiros monxes da Coelleira trasladábanse a Viveiro en barcas de coiro para dicir misa na capela sobre a que logo asentou a primeira igrexa dos franciscáns.
Tampouco deixa de ser unha hipótese o atribuír a fundación a uns monxes provenientes do mosteiro de San Claudio de León que conseguiran escapar á persecución do rei Leovixildo que invade Galicia no ano 585 e destrona ao derradeiro monarca, Andeca, anexionando o Reino Suevo á monarquía visigoda. Os autores que supoñen a fundación aos monxes de San Claudio baséanse na Historia de Galicia (1891), de Manuel Murguía, que describe o periplo do abade Vicente e o prior Ramiro quen, xunto con doce compañeiros, pereceron a mans das tropas de Leovixildo (outros autores atribúen o martirio a Requila que gobernou entre o 438 e 0 448); os superviventes buscan asilo en Galicia, erixindo casas de relixiosos “nas illas do noso Océano”.
Donapetry, citando ao coengo e historiador Antonio López Ferreiro (1837-1910), descubridor dos supostos restos do Apóstolo Santiago que se veneran na catedral compostelá, achega un documento do rei Ordoño II, do ano 915, onde se recolle o acordo dun concilio celebrado en Zamora ou talvez en Santiago de Compostela, en orde a restituír ás súas sés episcopais aos bispos de Lamego (Portugal) e Tui que, perseguidos polos árabes, fuxiron “á costa do mar e habitaron entre as súas rochas”. Ao contrario do que aconteceu na meirande parte da Península onde a dominación musulmá durou varios séculos, a estadía en Galicia foi parcial e non pasou dunhas poucas décadas, daí que o país fora considerado un lugar seguro, o que non significou o remate das incursións musulmás, sendo a máis devastadora a levada a cabo por Almanzor na que arrasou Ourense, a península do Morrazo e Santiago onde só respetou, segundo a lenda, o sepulcro do Apóstolo. Malia a hipótese que mantén que os restos pertencen a Prisciliano, no ano 1988 o profesor Isidoro Millán descubriu unha inscrición no sepulcro de Atanasio que foi dada a coñecer no ano 2011 polo profesor da Universidade de Navarra Enrique Alarcón. Segundo a súa investigación, a inscrición, escrita en caracteres hebreos do século I entrenzado cunha palabra grega, Jacob marty, aludiría a Santiago como cumpridor do mandato de Cristo de ser testemuña no Finisterrae. O significado bíblico de mártir é, precisamente, testemuña.
Afirma o cronista de Viveiro que ao mosteiro de San Miguel da Coelleira (Sancti Michaelis Cunicularia) faise mención no concilio celebrado o 11 de marzo do 1088 en Husillos (Palencia) ao que asistiu Gonzalo, bispo de San Martiño de Mondoñedo (Martiño de Dumio ou de Braga, fundador do mosteiro de Dumio, en Braga, Portugal, arredor do ano 530, foi quen trouxo a Galicia a devoción por San Martiño de Tours). Respecto disto convén facer algunhas aclaracións: nos anos 860 a 870, por mor da persecución e incursión dos sarracenos, a poboación cristiá busca refuxio no norte. Sabarico I, abade do mosteiro de Dumio, xunto cos seus monxes, establécense no lugar que hoxe ocupa a parroquia de San Martiño de Mondoñedo, concello de Foz, outorgándose o título de bispo de Mondoñedo con sé no mosteiro de San Martiño, diócese que permaneceu alí ata o ano 1112, en tempos do prelado Nuno Afonso, que se traslada a Vilamaior de Brea que, co tempo, perde o seu nome e pasa a chamarse Mondoñedo, a vila que chegaría a ser capital da provincia do mesmo nome dende mediados do século XVI ata o ano 1833 cando se elimina oficialmente o Reino de Galicia, desintegrando o país e pasando de sete provincias (Betanzos, Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui) ás catro actuais. Canto á referencia a Gonzalo, nos últimos tempos estase a cuestionar de que bispo se trata. Para Cal Pardo, no Episcopologio Mindoniense (2003), nada ten que ver con San Gonzalo (Gundisalvi), o Bispo Santo de afamada romaría, quen, dende o castro de Marzán, conta a lenda, destruíu cos seus rezos a poderosa frota normanda -ou árabe- que tentaba invadir a costa de Galicia. Tese que rexeita J. Ramón Fernández Pacios no seu libro San Gonzalo, bispo mindoniense (2008), que pon na mesma persoa ao lendario San Gonzalo e a Gonzalo Froilaz, bispo de San Martiño entre os anos 1070 e 1108, home, por certo, que para os parámetros fixados pola Igrexa tiña moi pouco de santo: preitos contra o poderoso bispo Xelmírez, o arcebispo de Toledo e o mosteiro de Lourenzá, ou as negativas a acatar as ordes papais e reais. Para rematar, Cal Pardo di que nas actas do concilio de Husillos -publicadas- non figura por ningures o mosteiro da Illa da Coelleira.
O primeiro documento que se conserva, que fala da Coelleira (“in locum Quonicularia”, “no lugar da Coelleira”), data do 30 de xuño do ano 1095 en que Vimara Menendiz, agoniado polo peso dos seus pecados, fai unha doazón ao cenobio, do que era abade Veremundi, da terceira parte da igrexa de San Xulián de Loiba (Ortigueira) e a quinta parte doutra terceira, cos seus homes, que eran fillos de Sisnandi, a saber, Froyla, Gundisalvus e a súa irmá. O doante fai constar que bens e persoas pertenceran ao seu pai Menendo e ao seu avó Scemeno Lupiz. Acepta a doazón o entón bispo Gundisalvi, irmán de Pedro Froilaz, conde de Traba.
O segundo documento data do 18 de xullo do 1099, nunha doazón de propiedades efectuada por varias persoas: Vimara Menendiz, Gonçalo Vermudes, Godo Vermudes, Nuno Vermudes, Miguel Preste, Fray Regnes, Suar Totones, Diego Ovequiz e a súa irma, Onega Ovéquiz (este afirma que pon unha cruz no documento “como denuesto contra os arrianos”), etc. As doazóns comprendían casas, pesqueiras, salinas, terras, fontes, chantados, etc., e tamén os seus vasalos. Todos outorgan a doazón en mans do bispo de Mondoñedo don Gonçalo, con destino ao Abade don Paio, e a toda a comunidade de monxes da Coelleira. Non esquecen, como non o fixera o doante de 1095, a restauración do edificio eclesial e monacal e a iluminación dos diversos altares. Autoriza o documento, como notario, o abade don Antino. Agrégase que reinaba Afonso VI. O documento do ano 1095, escrito en latín, custódiase no Arquivo da Catedral de Mondoñedo, e o do 1099, escrito en galego, no Arquivo Histórico Nacional.
Non volvemos a ter noticia do mosteiro de San Miguel ata o 24 de xaneiro do 1420, en que Pedro Fernández, coengo da Coelleira, figura como testemuña no traslado do testamento de Giomar Yanes no que lega o casal de Lousada ao crego Ares Pérez como pago pola celebración de quince misas cada ano, documento datado o 8 de novembro do 1386, ano en que o cenobio da Coelleira estaba en poder dos coengos regulares de San Agostiño de Hipona (Cal Pardo di, admitindo que só é unha suposición e ante a falla de fontes documentais, que estes cenobios pasaron a pertencer aos coengos regulares no século XII, baseándose para elo en que entre 1155 e 1156 os agostiños chegaron a posuír San Martiño de Mondoñedo). Agostiño (354-430), un dos “pais da Igrexa”, combateu as herexías donatistas, pelaxianas e maniqueas entre as que inclúe aos priscilianistas, influenciado, sen dúbida, por Paulo Orosio (s. IV-V), o historiador e teólogo galego que lle dedicou a súa obra Commonitorium de errore Priscillianistrarum et Origenistarum na que amosa a súa preocupación polas doutrinas priscilianista e orixenista. Cara mediados do século XV aparece como prior da Coelleira Afonso Rodríguez quen estendeu un documento de foro -que non se conserva- mencionado polo seu sucesor, Lopo Dorado, no ano 1479, prior que renuncia a todos os seus dereitos sobre o mosteiro no 1485. Un ano antes (documento do 6 de xullo de 1478, custodiado no Arquivo de Simancas), a este Lopo Dorado, "de San Miguel de la Colleira", outorgóuselle un seguro para protexelo "de ciertos cavalleros de Galicia que le non fieran ni maten, ni tomen bienes algunos suyos ni de la dicha yglesia...".
Apunta Cal Pardo que o administrador de San Martiño de Mondoñedo, Ares Pérez de Villadonga, no informe que fixo ao bispo, pon de relevo “a pobreza e pusilanimidade deste derradeiro prior da Coelleira... o que lle impediu enfrontarse con aqueles laicos nobres e poderosos... que contribuíu a acentuar máis a pobreza do convento e precipitar a decadencia do mesmo”. Á morte de Pérez de Villadonga sucédeo Gonzalo de Villaroel, derradeiro prior-administrador de San Miguel da Coelleira e do de San Salvador de Pedroso, en Narón, fundado por Munia Froilaz no 1111 (substituíu a un anterior edificado nun lugar coñecido como Vineola; no 1365 dise que estaba “danificado e prove”).
A pesares de que a vida cenobítica quedou reducida ao mínimo, as doazóns seguían chegando a San Miguel. O 25 de novembro do 1494, Fernando Pernas, veciño de Santo Estevo do Val, doa ao mosteiro da Coelleira unha herdade; Fernando Basanta, cura de Magazos, deixa unha “fiestra” da casa, sita en Viveiro, ademais de 250 maravedises. Unha muller, cuxo nome se descoñece, deixa a Afonso González un souto de castiñeiros, coa condición de que pagara cinco maravedises de aceite cada ano para “alumado de San Miguel da Coelleira”. Segundo o que fora sacerdote, profesor e cronista de Viveiro, Jesús Noya González (1865-1943), nun artigo publicado no Eco de Vivero baixo o título Efemérides vivarienses, María Fernández do Casal, veciña de Santo Estevo do Val, mandou celebrar unha misa en San Miguel en virtude do seu testamento, outorgado o 17 de marzo de 1554, moito despois da desaparición da vida monástica na illa. Dos bens do mosteiro fixérase cargo a catedral de Mondoñedo no 1535, cuxo Apeo (verificación e sinalamento dos lindes das terras) encomezan o 16 de marzo de 1545, cando Pedro Fernández de Cabarcos, Tenente-Correxedor da vila de Viveiro, promulgou un edicto -no que incluía a Cédula Real expedida por Carlos V o 23 de decembro do 1535 no que autorizaba á catedral de Mondoñedo a realización do Apeo- anunciando a posta en marcha do Apeo dos bens que o mosteiro da Coelleira tiña na zona de Viveiro, na do Val e Bares. O traballo iniciouse no mes de maio do mesmo ano no que se recolleron as declaracións de quince testemuñas chamadas ao efecto, e seis máis que se presentaron voluntariamente. O coengo Pedro Montero, con data 16 de maio de 1545, presentou a devandita Cédula ante Pedro Pardo de Cela (que non debemos confundir co marechal Pardo de Cela, déspota reconvertido -escápaseme o porqué- en defensor das liberdades dos galegos, executado na Praza da Catedral de Mondoñedo no ano 1453, sendo bispo Fadrique de Guzmán), Meiriño e Xustiza das terras do Vizconde de Altamira, daquelas Alonso de Viveiro, coa intención de realizar o Apeo das propiedades. Ás preguntas do xuíz nomeado ao efecto, Ares Vizoso, Tenente-Meiriño da xurisdición, os veciños informaron das posesións. Este documento, como os restantes referenciados, foron recollidos por Cal Pardo en Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo (1999).
Os cenobios de Pedroso e da Coelleira quedaron definitivamente anexionados á catedral de Mondoñedo no ano 1535.
Á vista das escasas referencias documentais -non se conserva o documento fundacional- canto á orde ou ordes monásticas que ocuparon o mosteiro de San Miguel da Coelleira ata o ano 1420 en que si sabemos que eran coengos regulares de San Agostiño, non cabe outra alternativa que traballar dentro do terreo da hipótese.
A cristiniazación de Galicia foi tardía, mesmo, no século V, aínda existían fortes resistencias fronte á cristianización, pervivindo crenzas pagás o que explica que a aparición do monacato tardara máis tempo en asentarse eiquí que noutras zonas da Península. J. Miguel Andrade Cernadas, no seu Monxes e mosteiros na Galicia Medieval (1995), di que é con Martiño de Dumio cando atopamos unha vida monástica documentada. Deste período semella ser a sé de Bretoña, situada, posiblemente, no concello da Pastoriza, rexida polo abade-bispo Mailoc. Como sinala Cal Pardo, se o cenobio da Coelleira se fundou no século VII, os seus monxes estarían suxeitos á regra de San Froitoso, arcebispo de Braga (Portugal), partidario dos mosteiros dúplices (de monxas e monxes), que rexeitaba, pola contra, os familiares, controlados pola familia fundadora (en Galicia temos, por citar algúns dos máis famosos, os primeiros de Sobrado, Lourenzá e Celanova), non só no tocante á xestión patrimonial, senón á espiritual e relixiosa. Dende mediados do século X a comezos do século XII, o monacato galego -visigótico e familiar- inicia o achegamento á orde de Cluny (Francia), fundada no ano 910, que constituíu a primeira reforma da orde beneditina fundada no ano 529 por San Bieito de Nursia e cuxo primeiro priorado galego foi o de Vilafrío, en Castroverde, e ao que logo seguiron ás abadías que axiña acadaron un enorme poder, tanto no eido material coma no espiritual, de Santo Estevo de Ribas de Sil, Samos, Lourenzá, Celanova... Para apoiar a súa hipótese sobre a pertenza do mosteiro da Coelleira á orde beneditina, Enrique Cal Pardo fai notar que os poderosos cenobios de Celanova e Lourenzá estaban baixo a protección de San Salvador, ao igual que o da Coelleira, tal como reflicte o documento do ano 1095 que o pon baixo o padroado de San Salvador, Santa María e San Miguel. Premisa, engado, que mesmo permite atribuír a fundación aos mozárabes, os cristiáns fuxidos de Al-Andalus que atoparon refuxio en Galicia: as capelas mozárabes baixo a advocación de San Miguel, xunto o mosteiro de Celanova, e San Salvador, xunto o de Samos, poden ser un indicio.
No que respecta ao edificio monacal -seguramente habitado por un reducido número de monxes- e á igrexa, os documentos non achegan ningún dato que nos permita adiviñar a súa arquitectura, seguramente de estilo románico. Cal Pardo, citando a Federico Maciñeira, supón que debía carecer de toda suntuosidade -aínda que de sólidos muros-, e que no 1545 -ano da realización do Apeo- presentara indicios claros de ruína (no 1489, Fadrique de Guzmán, bispo de Mondoñedo, xa dicía que as rendas do mosteiro non chegaban para manter un só monxe). A desaparición de vida monástica na illa aproveitárona os cazadores de baleas, vascos principalmente, como lugar de observación o que ocasionou, no ano 1628, que a catedral de Mondoñedo acudira ao xuíz para rematar coa desfeita que esa actividade estaba a ocasionar nos cultivos. O 11 de decembro dese ano, o xuíz, o bacharel Francisco de Lanzós, decretou que non se podían “facer atalaias nin a ocupar os mares de San Miguel da Coelleira nin a meterse neles sen consentimento e licenza do Deán e Cabido de Mondoñedo e con apercebimento que se procedería contra eles con todo o rigor de dereito”. A primeira noticia dun porto baleeiro en Galicia data do ano 1288, o de Prioiro, na costa ferrolá, acadando o maior auxe no século XVII, cun total de doce portos centrados nesta actividade.
No ano 1629 o Cabido de Mondoñedo deu en foro a illa da Coelleira a Tomé López e a súa muller María Sánchez, xunto con catro xornais de viña situados no Casal, en Santo Estevo do Val, no que “o foreiro non experimentaría o menor escrúpulo á hora de empregar aquelas pedras para os usos máis ordinarios... Cando a Marina Española tomou posesión da paraxe, acabaría cos últimos vestixios”, sentencia Cal Pardo.
Nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados nas freguesías do concello do Vicedo no ano 1752, na pregunta 38, sobre se había algún convento, responden que non.
A illa seguía en situación de arrendamento nos sucesores de Tomé López e María Sánchez cando no 1835 pasou, a raíz do Decreto de Desamortización do ministro Mendizábal, ao Estado. Debido á situación privilexiada, contruíuse un faro para balizar a ría; primeiro foi de luz verde fixa, pero no 1926 instalouse nel un aparato de luz Aga. Escribe Donapetry (ao que seguen o resto de autores) que o alcance da luz do faro era de dezanove millas, pero, segundo información máis actualizada, o seu alcance non superaba as oito millas. O proxecto de faro da Coelleira realizouno o enxeñeiro Marcelo Sánchez Novellán no ano 1864 quen o ubicou na parte máis elevada do illote, no extremo leste da ría do Barqueiro-O Vicedo; trátase dunha torre lixeiramente cónica, situada a unha altura sobre o nivel do mar de 89 metros. Os fareiros e as familias que o atendían pasaron, en casos, dificultades, sexa para fornecerse de alimentos (no inverno, cando non podían achegarse ata a costa, tiñan que alimentarse co que lles proporcionaba a illa) como polos problemas do propio faro (a lanterna tivo que repararse, ao menos, nos anos 1868, 1890 e 1902). No Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 21 de agosto de 1873 publícanse de novo as bases para a contratación dunha lancha para servizo do faro (o anterior, do mes de xullo, non quixo facerse cargo ninguén), consistente en fornecer unha vez á semana de todo o necesario requrido polos torreiros; faise especial fincapé que nas viaxes extraordinarias, coma unha petición de auxilio, a lancha iría provista de oito remeiros e o patrón. O derradeiro fareiro que viviu na illa coa súa familia foi Manuel Ballester García, cuxa filla, Sagrario Ballester Castaño, nacida o 15 de agosto de 1926, foi a derradeira persoa nacida na Coelleira, segundo os datos tomados do Rexistro de Nacementos do Concello do Vicedo, folio 214, por Enrique Fernández Llano.
A Coelleira tamén foi testemuña impasible de numerosos naufraxios, ben documentados dende mediados do século XIX. Xoán Ramón Fernández Pacios, no seu interesante blog O Gabinete de Foz, baixo o título Naufraxios a carón da illa da Coelleira (9 de maio de 2017), documenta varios, moitos con vítimas. Antonio Lage-Seara, no artigo Isla Coelleira, publicado en Mundiario o 9 de novembro de 2022, tamén fala destes sucesos.
INTERVENCIÓNS ARQUEOLÓXICAS
Entre os anos 2015 e 2020, a Xunta de Galicia autorizou unhas intervencións arqueolóxicas na Coelleira, realizándose uns labores de limpeza e unhas sondaxes na zona onde estaría encravado o mosteiro, documentándose a posible traxectoria dun altar e a base dun forno que se correspondería a unha etapa posterior en que o cenobio se utilizaría como vivenda. Tras identificar varias fases de abandono e destrución, atopouse o estrato máis antigo, aparecendo, segundo o director das escavacións, o navarrro Iñaki Sagredo, “moitos carbonos que indican un gran incendio, e tamén restos humanos, o que pode facer pensar nalgún tipo de acción violenta”. Na última campaña saíu á luz unha estela funeraria esculpida en pedra e unha cruz papal.
Os investigadores, que eu saiba, non fan mención a que a cruz é citada por Jacobo Araújo no artigo La isla de la Coelleira, aparecido no Album histórico, científico y literario de Galicia, editato por El Correo Gallego no ano 1883: “Esta isla, que mirada de lejos presenta la mirada de un monstruo, horrible cetáceo, surgiendo de las aguas… tiene… las ruínas de un templo, y por circunferencia el vestíbulo de un extenso osario, y de un antiquísimo e interminable sepulcro… y de una cruz de piedra bien conservada, y tal cual era la forma de la que describen las crónicas como uso y especial distintivo entre los Caballeros del Temple”.
As intervencións tamén tiñan como obxectivo atopar pegadas normandas. Un grupo de arqueólogos, dirixidos tamén por Sagredo, buscaron pegadas vikingas na Coelleira e nos Moutillós, baseándose en que este último tiña semellanza cos motte and bailey ds Illas Británicas, fortificacións que constaban dun montiño sobre o que se erixía unha especie de castelo defendido por unha muralla e foxo na súa parte máis baixa. Segundo Sagredo, "existen indicios para dicir que os vikingos estiveron no Vicedo no século X". Afirmación que carece de fundamento, xa que, tal como recollín, o sitio foi ocupado por un castro costeiro que foi practicamente destruído polas obras que a principios dos anos cincuenta se realizaron para a construción dun campo de fútbol, que nunca chegou a finalizarse, ademais de acesos á praia de San Román ou de Area Grande e por unha estrada (e máis adiante por un aparcadoiro). Polo de agora, as análises practicadas aos restos atopados non indican que pertenceran ao período en que os normandos asolaron as costas galegas; nas intervencións do ano 2015 apareceron restos de madeira queimada e cerámicos de cor marrón clara por un lado e escura polo outro, con anacos de desengrasante e de cuarzo, que despois de realizadas as probas de C14 determinaron unha cronoloxía que vai dende o século III a. C. ao I d. C. Moi próxima a este xacemento está a coñecida como A Pena de Xan Vidal á que se pode acceder en marea baixa; eiquí apareceron restos cerámicos prerromanos, ademais dunha moeda moderna. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia deu a coñecer un informe no que indica que os seus arqueólogos non atoparon indicios que demostren que Os Moutillós acollera un asentamento tipo castro. A falta de indicios non impediu que o Concello montara unha Romaxe Vikinga que é todo un éxito. No 2025 celebrouse a VIII edición. Mesmo, para que non quede dúbida, preto dos Moutillós hai un sinal de dirección que pon “Xacemento vikingo”. Todo vale.
Ao carecer de fontes documentais, non vou entrar en como estaba organizado o mosteiro de San Miguel (abade, prior, celeireiro, número de monxes...), nin no traballo manual desenvolvido -opus magnum- nin espiritual (a xornada estaría marcada polas horas canónicas: laudes, prima, tercia, sexta, nona, vésperas e completas) onde a segunda ocuparía a meirande parte do tempo; tampouco no labor cultural (existencia de scripotorium, biblioteca...), se había. Actividades que, se ben é certo non se poden documentar, non impediría facer un paralelismo con outras comunidades onde o corpus documentale é máis abondoso.
Se o prefacio anterior pode valer como xustificación para adentrarmos en lucubracións de difícil demostración, máis complicado resultará que nos mergullemos nun período onde a escuridade non permite albiscar, polo de agora, sexa no plano arqueolóxico ou escrito, a máis infíma muxica.
Como anotei con anterioridade, o probable é que os legatarios do documento de finais do século XI foran beneditinos, a alusión a un abade desbota que estivera en mans dos coengos de San Agostiño xa que os seus conventos estaban rexidos por priores. Como tamén subliña Cal Pardo, podemos retrotraer a presenza dos agostiños a finais do século XIV (cláusula do testamento de Giomar Yanes). E antes? Un cenobio, por moi modesto que fose, xeraba unha cantidade importante de documentación: doazóns, adquisicións, propiedades... Temos que admitir, entón, que se perdeu toda a información xerada durante máis de trescentos anos? Viviron os beneditinos no mosteiro ata finais do século XIV ou principios do XV? Ou xa o habitaban os coengos regulares de San Agostiño a finais do século XII? Ocupouno outra orde distinta? Os templarios, por exemplo? Destes últimos fala a tradición, afortalada, sen dúbida e precisamente, pola ausencia de documentación nese período.
Pero, quen eran eses monxes que se facían chamar Os Pobres Soldados de Cristo? Repasemos, xa que logo, aínda que sexa brevemente, a súa historia.
O TEMPLE
Corría o Ano do Señor do 1119 cando dous cabaleiros francos, Hugo de Payns e Godofredo de Saint-Omer, fundan a orde dos Pobres Soldados de Cristo, consagrados a amparar aos peregrinos que, despois da conquista de Xerusalén durante a Primeira Cruzada (1096-1099), acudían aos Santos Lugares. Ante o rei de Xerusalén, Balduino II (morreu no 1131), xuran os votos monásticos de castidade, pobreza e obediencia. Instalan o cuartel no terreo que ocupaba o Templo de Salomón polo que pasan a chamarse do Temple, e os seus integrantes templarios. Ao principio, poucos simpatizaban cuns freires que santificaban a Deus por medio das armas e non da oración. Para explicar esa dualidade, Hugo, elixido primeiro Gran Mestre, viaxa a Europa conseguindo que os bispos da Champagne e da Bourgogne convoquen un concilio en Troyes (1128) para aprobar a regra que regularía a vida dos Milites Templi. No prace dos dignatarios eclesiásticos inflúe de forma taxativa Bernardo de Clairvaux (1090-1153), o reformador do Císter quen, no seu De laude novae militiae, ad milites templi, di que o Soldado de Cristo ten un fundamento para cinxir a espada, lévaa para castigo dos malfeitores e para gloria dos xustos. Mellor padriño, imposible. Toda a cristiandade pon ao seu dispór castelos, vilas e outras propiedades. Inocencio II, papa entre 1130 e 1143, dispénsaos da subordinación ás xurisdicións episcopais e de pagar trabucos, exención que só posuían os cistercienses. Inocencio III, papa entre 1198 e 1216, prohibe aos bispos excomungar templarios. O seu valor nas Cruzadas arrodéaos dunha aureola de magníficos guerreiros (endexamais se rendían). As posesións, ben manexadas, prosperan o que anima a reis, nobres e eclesiásticos a confiarlle a vixiancia das súas fortunas. O capital medra de tal xeito que reis e nobres en apuros recorren á orde en solicitude de empréstitos. A activa participación na loita contra os infieis fai que todos os reinos da Península os beneficien con propiedades. Fernando Pérez de Traba (1100-1155), o mesmo ano do concilio de Troyes (1129), introdúceos en Galicia doándolles o Burgo de Faro (Santa María do Temple-Cambre), encomenda ao principio e despois bailía (a organización territorial do Temple dividíase en “provincias”; por debaixo destas estaban os denominados “reinos” que non tiñan porque coincidir cos territorios gobernados por un monarca; logo estaban as “bailías” que abranguían unha ampla extensión, e, por último, as “encomendas”), estendéndose logo por todo o país. Carlos Pereira Martínez, no seu Os templarios, artigos e ensaios (2000), di que a primeira noticia da presenza templaria en Galicia proporciónaa un documento do 1142, un acordo entre o abade do mosteiro de Celanova e os “seniores cavalharie de Iherusalem”, instalados en San Paio de Veiga (A Bola) para construír un hospital, aínda que a referencia máis clara, sinala o mesmo autor, achégaa un documento do ano 1173, proveniente do mosteiro de Sobrado, onde se cita como lindeiro unha casa do Temple, “domum templariourum militum”, en Palas de Rei.
O poder dos templarios chega a tal punto que só obedecen ao papa o que ocasiona, co paso dos anos, enemistades e envexas. O rei francés, Felipe IV (1268-1314), alcumado o Fermoso, xunto co seu valido Guillaume de Nogaret (1260-1313), desexoso por facerse cos bens do Temple, ao que lle debe moitos cartos (ata o mesmo tesouro real estaba peñorado na casa do Temple en París), inicia o acoso aos templarios acusándoos de homosexualidade, cuspir sobre a cruz, adoración dun demo chamado Bafomet.... Mais as acusacións non prosperan, nin o papa Bonifacio VIII (1235-1303) nin o seu sucesor Benedito XII (1280-1342) caen na arañeira tendida polos difamadores. Todo muda cando o francés Bertrán de Got, Clemente V (1264-1314), é elixido pontífice no ano 1305 quen, a instancia de Felipe IV, inicia unha investigación sobre o Temple. Jacques de Molay, o derradeiro Gran Mestre da orde, confiado, cre ao papa cando lle desminte que tal investigación fose certa. O 13 de outubro do 1307, cando ninguén o esperaba, as tropas do rei atacan por sorpresa aos templarios de Francia, prendendo á maioría. O proceso, encomezado no ano 1308, non avanza consonte os desexos dos acusadores: nin a confiscación de bens nin os terribles suplicios aos que son sometidos conseguen ripar confesións inculpatorias. Na primavera do 1310, o día do comezo do xuízo, Felipe IV e Nogaret, para presionar aos mandatarios do Temple encarcerados, ordenan queimar a cincoenta e catro monxes, método que axiña copian moitos bispos que, impávidos, asinan centos de condenas a morte sen esperar a que se dite sentenza. O 15 de abril dese ano, Gonzalo, bispo de Toledo, cita en Tordesillas a Rodrigo Yáñez, Mestre de Galicia, Castela e León para comparecer, xunto con outros templarios, entre eles trinta e tres galegos, en Medina del Campo para prestar declaración previa ao concilio de Salamanca onde os bispos de Astorga, Plasencia, Lugo, Tui e Mondoñedo absólvennos de todas as acusacións. Pero a batalla estaba perdida. O papa Clemente V convoca, no outono do 1311, un concilio en Vienne para decidir o futuro dos Pobres Soldados de Cristo. Despois de suspendelos a divinis, el mesmo xulga aos catro máximos mandatarios: Jacques de Molay, Hugo de Pairaud, Geoffroy de Charnay e Geoffroy de Gonneville. O 18 de marzo do 1314, mentres ardían na pira, disque Jacques de Molay lanzou unha maldición sobre os acusadores: Clemente V morre, en medio de insoportables padecementos, aos trinta e sete días; oito meses lle sobrevive Felipe o Fermoso que morre a raíz dunha estrana caída do cabalo no bosque de Fontaineblau; Nogaret sequera osma o fugaz bálsamo de ver na fogueira aos templarios, a Morte visítao un ano antes. Parello fin se cerneu sobre outros verdugos. Os templarios que se salvan da queima agochan na Península, nas ordes de Montesa e de Cristo, beneficiarias, de rebote, dos bens requisados ao Temple xa que, segundo unha bula promulgada polo papa no 1312, a lexítima legataria era a orde do Hospital.
Segundo algúns haxiógrafos da orde fundada por Hugo de Payns, as intencións de Felipe IV de Francia bulían máis alá do móbil económico, a súa pretensión pasaba por facerse cun “tesouro” que só os templarios coñecían e que contiña as claves do poder absoluto e da inmortalidade.
Lonxe de quedar relegado ao esquecemento, o tráxico final arrodea de misterio todo o relacionado cos Milites Templi: custodios do Santo Sepulcro e da Arca da Alianza, e posuidores dun dos secretos mellor gardados da cristiandade: a ubicación da Sagrada Copa coa que Cristo celebrou a Derradeira Cea, o Graal, que supostamente os cabaleiros do Temple conseguiron sacar de Xerusalén pouco antes da súa reconquista, no 1187, por Saladino, sultán de Siria e Exipto, e que logo agocharon, segundo algúns, en Galicia, no santuario do Cebreiro (calcúlase que polo mundo hai uns 200 lugares que din acoller o Graal; en España, nas catedrais de León e Valencia). O Graal inspiriou, no século XII, O Parceval de Chretien de Troyes, e Wolfran von Eschenbach, no seu Parzival, escrito no século XIII, sitúa o cáliz no Monsalvat, mítico monte que autores de sona identifican co Cebreiro. A lenda estaba servida.
A LENDA
O primeiro autor que fai alusión á presenza templaria na Coelleira é o citado Justo Pico de Coaña, que conta que os templarios trasladábanse en barcas de coiro a Viveiro para misar nunha capela que ocupaba o lugar da actual igrexa de San Francisco.
Tamén serían os templarios da Coelleira os que levaron á igrexa do Val un cadro coa imaxe do Santo Estevo onde, dende entón, foi obxecto de gran veneración. Foi Lence-Santar quen deu a coñecer esta tradición no artigo citado La Isla Coelleira. O párroco de Santo Estevo relatoulle ao cronista de Mondoñedo outra lenda segundo a cal o cadro apareceu na praia de Xilloi, nun lugar denominado O Altariño (outra versión que me contaron marca o punto exacto no lugar coñecido como A Fonte do Santo); os bois que tiraban do carro que transportaba o cadro detiveron a marcha no sitio onde se edificou a igrexa (curiosa semellanza co carro de bois que trasladou o corpo do Apóstolo Santiago dende o Illicino -o Pico Sacro- ao lugar onde se construíu a catedral compostelá). No ano 2008, o veciño de Xilloi, don Antonio de Marea, contoume que o carro que transportou a imaxe pertencía a un veciño que atendía polo alcume de O Cereixeiro.
O mesmo Cal Pardo transcribe, tomando a obra de García Dóriga El último templario (Tradición gallega), publicado en Galicia. Revista regional (1888), a seguinte lenda: “Escoitouse unha noite tocar a rebato a campá do Mosteiro, e varios verdugos sen entrañas comezaron a degolar aos monxes, que sufriron o martirio con valor e resignación. Trinta e cinco templarios dormían xa o sono da morte. Encomezaba a albear e só faltaba por sacrificar unha vítima. Era un xove de nobre continente, de cabelos roibos e ollos azuis e morriñentos. Presentouse ás portas do convento onde o esperaban os verdugos cos aceiros tinguidos en sangue: “Eiquí estou, son o derradeiro templario da miña Orde”, dixo. E, poñendo un xeonllo no chan, levantou a mirada ao Ceo... Logo o xove exhalou o derradeiro suspiro. Poucos anos máis tarde, morreu nas ourelas do poético Landro un nobre pertencente á familia de Bernaldo de Quirós, señor da contorna, e baixo cuxa dominación se levara a cabo a matanza dos monxes. E afirma a tradición que para descargar a súa conciencia, agoniado polo crime, ordenou que se escribise esta cláusula no seu testamento: “E también mando que se digan unhas cantas misas pola alma dos templarios que matei e fice matar por orden do Noso Señor Rei en San Miguel da Colleira”.
O artigo de Jacobo Araújo do século XIX, citado máis arriba, tamén fala da importancia do testamento, datado no século XIV. Araújo, que fixo unha visita á illa, ademais das mencionadas cruz de pedra e do mosteiro, disque atopou moedas e algúns restos humanos con sinais recentes moi marcadas daquela hecatombe. Este autor xa fai referencia en El Heraldo Gallego do 13 de decembro de 1876 ao acontecido na Coelleira: “… la histórica isla de San Miguel de la Coelleira, que alzada como un obelisco fúnebre en medio del Océano, recuerda la horrible matanza hecha en el siglo XIII, en los caballeros del Temple…”.
More Santiago en Faros. Illa Coelleira, editado polo Correo Gallego no suplemento Galicia Vacacións (1992), afirma que o derradeiro templario, chamado Guillelme da Torre, namorara dunha moza, Rosalía, a quen declarou o seu amor, pero dicíndolle que sería un amor imposible xa que debía ingresar no Temple. Ela respondeulle: “Ti Templario, ¡ai!, talvez deixe fóra do meu cadaleito a man de desposada; se é así, estréitaa; pero pronuncia tamén o meu nome antes de morrer". O mozo marchou a Palestina e cando regresou viu que na igrexa estaban a celebrarse os funerais por unha muller; do cadaleito pendía unha man. A de Rosalía. Estreitouna e chorou de dor e retirouse ao mosteiro da Coelleira para orar o resto da súa vida. Alí foi asasinado cos outros trinta e cinco freires.
Unha última lenda engade que da matanza da Coelleira salvouse só un monxe que, vestido de paisano, refuxiouse nunha casa do barrio de Baltar que aínda hoxe conserva o nome de Casa do Paisano, tradición tamén referida polo crego de Santo Estevo a Lence-Santar.
Ademais dos citados, outros autores mencionan a presenza templaria na illa da Coelleira: Amor Meilán en Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de Lugo (1928); Carré Aldao en Geografía. Provincia da Coruña (1926); Donapetry Iribarnegaray na obra citada; A Gran Enciclopedia Gallega; Leandro Carré en Tradiciones. El último templario, publicado no xornal La Voz de Galicia no 1993, e Xosé Luis Laredo Verdejo en Galicia Enteira.
CONCLUSIÓN
Houbo templarios na Coelleira? Se nos cinguimos ás probas das que se dispón ata o presente, a resposta é non. Ademais da ausencia escrita e/ou arqueolóxica, existen outros factores que empuxan a negar a presenza templaria na illa. A referencia a un antecesor da familia de Bernaldo de Quirós, “señor da contorna”, adoece de fundamento, na época en cuestión Viveiro non estaba en poder de ningún nobre, a súa xurisdición repartíana entre o bispado de Mondoñedo e o rei. Outro factor que xoga en contra é o relativo ao número de freires templarios que habitaban no pequeno mosteiro do illote. É practicamente imposible que nun cenobio tan reducido e minguada renda puideran vivir trinta e seis monxes e que, no mellor dos casos, nunca superaría o número de dez ou doce. Carlos Pereira Martínez apunta que no 1310 residían na podente bailía de Faro, a máis poderosa da coroa, trinta e tres templarios, número enorme se consideramos que na maioría residían tres, catro ou cando moito dez freires aos que habería que sumar os irmáns de oficio encargados das tarefas domésticas e os criados. Presenza que non diferiría dos mosteiros convencionais, fosen cluniacenses, cistercienses, etc. En Galicia, os mosteiros medievais formábano comunidades máis ben pequenas; o continxente monacal que restaura Samos no ano 922 compoñíano dezasete monxes; Celanova, o Cluny galego, non pasou, durante os séculos X e XI, de vinte e oito relixiosos; Lourenzá tiña trece; en Pombeiro, a finais do século XIII, o número variaría entre catro e oito. Despois do século XIII, época de máximo esplendor do monacato galego, os monxes oscilan entre dez e trece, aos que había que engadir outros moradores de distinta condición (traballadores, doentes, oblatos...) que traballaban e vivían intra muros.
Visto o anterior, que factores xogan a prol da estadía templaria na illa da Coelleira? Pois, aínda que semelle chocante, a falla de documentación, eiva sen a cal carecerían de senso as lucubracións nas que embarcamos. Non é probable que o mosteiro permanecese pechado durante 321 anos, nun período en que o poder destas institucións estaba no seu punto culminante. Entón? Non se me escapa que ao longo da súa traxectoria, a poderosa orde dos Pobres Soldados de Cristo debeu xerar unha morea de documentos, o que me leva a preguntar como é que se conserven tan poucos, non só en Galicia, senón en toda Europa. Ao parecer, era costume dos templarios (o que sen dúbida alimentou máis a lenda) soterrar a documentación para que non caera en mans que puidesen facer dela un uso non permitido, escurantismo que mesmo aplicaban aos enterramentos, efectuados en criptas situadas debaixo das súas igrexas (disque os sepultaban co rostro cara abaixo e coa vestimenta cravada en táboas).
Non quero concluír sen facer un paralelismo entre os templarios de San Miguel da Coelleira e outro suposto enclave da mesma congregación (agostiños) e abandonado no século XVI. Estoume a referir ao cenobio, posto tamén baixo o padroado do arcanxo San Miguel, de Breamo, ubicado a 300 metros de altitude sobre a vila de Pontedeume, vencellada, a partir do 1371, á liñaxe dos Andrade (unha lenda sitúa no século XIV unha batalla entre estes e os templarios), do que só se conserva a igrexa románica, rematada, segundo desprende un documento do Tombo do mosteiro de Caaveiro (A Capela), no 1169, onde tamén habitaron os coengos regulares de San Agostiño (orde que tamén podemos ver noutros cenobios galegos vencellados ao Temple) e cuxa única alusión á presenza templaria dánola, outra volta, unha lenda da que tiven coñecemento hai anos e que, creo, non é moi antiga (cun bo número de persoas coas que falei das parroquias de Breamo, Castrelo e Centroña, situadas ao pé do Monte Breamo, nunca a escoitaran): O rosetón que adorna a fachada principal do templo ten once puntas porque once eran os cabaleiros do Temple que, pola perda de fe dun Mestre, destináronos a custodiala. Unha noite de Nadal do ano 1124, estando os once templarios vixiando a igrexa, o rosetón pasou, de súpeto, de once a doce puntas. Nese intre, os cabaleiros, desconcertados, viron un meniño que durmía dentro da igrexa. E alí permaneceu toda a noite, ata o alborecer, instante en que o rosetón volveu á forma orixinal de once puntas e o neno desapareceu. Disque isto poden ver os que na Noite de Nadal se achegan ata a igrexa de Breamo, de concorrida romaría os días 8 de maio e 29 de setembro na que os romeus, para escorrentar as meigas, dan tres ou máis voltas (sempre impar) arredor do templo. En Ventosa, na parroquia de Centroña, consérvase no lintel da porta dunha casa unha pedra con varios símbolos que dise son templarios e que veu do Breamo. Noutra casa situada ao seu carón (antes da división eran a mesma) había outra peza semellante que desapareceu ou foi tapada cando a súa reconstrución.
En Vilaza, concello de Monterrei, o único elemento que se conserva da primitiva igrexa é a coñecida como Torre dos Templarios. O mosteiro que alí había estaba baixo a tutela dos Agostiños. Hipóteses, no tocante a Vilaza, que xa veñen dos séculos XVI e XVII e ás que non son alleos o licenciado Plasencia, que asegura que era do Temple, nin o prior de Xunqueira de Espadanedo que fala dun mosteiro de Coengos Regulares ou templarios.
Igrexas, mosteiros, conventos e lugares asociados á orde do Temple en Galicia, ben sexa pola documentación, a tradición ou a lenda témolos en Aranga, As Cascas (Betanzos), Santa María do Temple (Cambre), Lendo (A Laracha), O Rosario (San Sadurniño), Lousada (Carballedo), Penamaior (Becerreá), Dorna e San Xoán (Cervantes), San Fiz do Hermo (Guntín de Pallares), Palas de Rei, Loio (Paradela), Diomondi (O Saviñao), Taboada dos Freires (Taboada), Canabal (Sober), Amoeiro, igrexa románica (inacabada) de Armea (Allariz), Xagoaza (O Barco), Vilaza (Monterrei), Cesuris (Manzaneda), San Cibrán (Viana do Bolo), San Paio (Fornelos de Montes), Nogueira (Meis), Coia (Vigo)...
No Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense de xaneiro-febreiro de 1912, aparece un artigo titulado Nuevo miliario romano, escrito polo sacerdote e historiador Marcelo Macías (1843-1941). Escribe que apareceu cerca de Rábade, nunha finca de Victoriano Sánchez Latas (no 1925 foi presidente da Deputación Provincial de Lugo), quen logo llo regalou a Julián de Diego y Alcolea (1859-1927), daquelas bispo de Astorga (anos despois foi arcebispo de Santiago).
O miliario foi levado (como outras pezas procedentes de Galicia) para o coñecido como “Museo epigráfico y lapidario” (hoxe “Museo de los Caminos”), inaugurado no 1913, situado nun edificio do Bispado de Astorga, exposto, tal como se ve nunha foto do ano 1920, máis ou menos no lugar que ocupa na actualidade.
Quen visite o “Museo de los Caminos” de Astorga, axiña se decata de que o impoñente miliario, de máis de 2,5 metros de alto, semella presidir a exposición. Ao seu pé hai unha cartela onde se transcribe o texto epigráfico do século I d.C. dedicado ao emperador Calígula: “C. CAESAR DIVI / AVG. PRONEPOS / AVGVSTVS PONT. / MAX. TRIB. POT. III / COS. III P. P.”, traducido: ("Caio César Augusto, bizneto do divino Augusto. Pontífice Máximo, investido tres veces da potestade tribunicia. Cónsul por terceira vez. Pai da Patria"). Na cartela tamén se indica a procedencia: “Rábade. Lugo”.
É precisamente na procedencia do miliario onde está o erro, aclarado polo propio Marcelo Macías no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense de maio-xuño de 1912, onde recolle que Sánchez Latas lle comunica que non apareceu en Rábade, senón en San Romao da Retorta, no concello de Guntín de Pallares. No artigo O Camiño Primitivo de Santiago: Ruta astur-galaica do interior, publicado en Lucensia (1993) polo historiador Ricardo G. Polín e o sacerdote e lingüísta Nicando Ares Vázquez, achégase que nos anos oitenta do século XIX o miliario foi trasladado de sitio polo propietario do terreo, reutilizándoo como columna dun pendello no curral da Casa de Perucho. Alí viuno José Trucharte, coengo da Catedral de Lugo entre 1880 e 1886, que foi o que deu aviso ao avogado Victoriano Sánchez Latas, futuro presidente da Deputación.
Polo tanto, a cartela que figura no “Museo de los Caminos de Astorga” non é correcta, ben porque non teñen constancia da corrección realizada no 1912 por Marcelo Macías, ou porque a errada procedencia tamén figuraba nalgún traballo publicado posteriormente como, por exemplo, no famoso Vías romanas de Galicia (1960), de Estefanía Álvarez.
Polo tanto, é necesario que a cartela que figura ao pé do miliario debe ser correcta xa que polo “Museo de los Caminos de Astorga” pasan miles de persoas ao ano que lle fan fotos ás pezas e logo divulgan unha información que non é real (poden verse moitos exemplos na Internet que, como se sabe, toda información espállase como a pólvora). Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares xa lle enviamos ao museo un correo, coa documentación que o acredita, para que o corrixan.
En San Román da Retorta hai unha reprodución.
O impresionante castelo roqueiro da Piconha/Picoña ou da Almena está situado no concello de Calvos de Randín, a 932 metros de altitude, sobre o rego da Gralleira ou Casares, dominando o curso alto do río Salas por onde discorre o Camiño Privilexiado que une Randín (Galicia) con Tourem (Portugal), un privilexio fiscal que permitía, entre outros, atravesar a ruta con calquera tipo de mercadoría sen ser molestado polas autoridades, fosen portuguesas ou españolas. A fortaleza foi construída para o control e defensa da fronteira co Reino de Galicia, xunto coas do Portelo, Montalegre, Monforte de Rio Livre e Chaves, no mesmo contexto que outras fortalezas da parte galega.
Segundo Soares de Azevedo mandouno edificar Alfonso III (852-910). No 1187, Sancho I de Portugal (1154-1211) outórgalle Carta Foral a San Paio da Piconha. No 1221 foi arrasado polas tropas do rei galego Alfonso IX. No ano 1388, Joao I de Portugal (1357-1433) reconstrúeo, sendo reparado no século XV por Manuel I (1469-1521). No 1538 só habitaba nel o alcaide, cedéndose no 1542 ao duque de Bragança. A fin da praza dátase no 1650, no contexto da Guerra da Restauración Portuguesa (1640-1668) en que foi derruído polas tropas castelás. No ano 1788, o oidor da Comarca, Miguel Pereira Barros, visitou o emprazamento, escribindo "... nao achei nem castelo, nem mais vestigios do que un poço com degraus (escalóns), e menos achei casas algumas". As Terras da Piconha, xunto coas do Couto Mixto/Misto, deixarían de pertencer definitivamente a Portugal o 29 de setembro de 1864, tras a sinatura do Tratado de Lisboa que definiu a fronteira actual.
Presenta un perímetro de 128 metros, daptándose á abrupta orografía do terreo. Ao castelo accedíase por un camiño escavado en parte na rocha viva.
No ano 2020 apareceron varios obxectos, entre outros unhas puntas de bésta de ferro dunha arma evolución do arco moi estendida no século XVI, con sona de mortífera, capaz de atravesar as armaduras dos soldados. Vense abundantes anacos de tella e cerámicos. Nas penas vense pías naturais e artificiais, coviñas, unha bésta, xogos de alquerque, unha cruz con tres traveseiros (tamén aparece nalgúns marcos do Couto Mixto) e xunto dela un símbolo de difícil interpretación no que algúns cren que podería corresponder a algún dos alcaides, unha estrela pentagonal e sobre ela unha epígrafe da que só se le con máis ou menos claridade a palabra "castro" e outras gravuras de distinta natureza.
Non moi lonxe atópase a aldea de Randín que estaba defendida por unha torre cuxa pegada aínda se conserva na toponimia. No Livro das fortalezas (1509-1510) de Duarte de Armas vense dous debuxos das fortalezas da Piconha e de Randín, nun deles esta última aparece cunha gran fenda.
Entre Randín e Tourem está o monte coñecido como O Marco dos Castelos.
Para ir ata o castelo roqueiro só hai que seguir os sinais dende a capital municipal (pásase por Randín e a aldea da Pena). Despois de deixar o coche xunto a estrada local asfaltada, iniciaremos a andaina por un fermosísimo camiño, moi ben coidado, abeirado por carballos. O tramo máis costoso, por empinado, é o que realizaremos mesmo dende o pé da fortaleza ata a parte máis elevada, todo moi limpo de maleza. Para subir ata a cima, onde se atopaba a torre da homenaxe e o alxibe, aconsellamos moita prudencia, principalmente se as rochas están molladas.
Para saber máis, ver:
https://proxectopiconha.wordpress.com/
https://proxectopiconha.wordpress.com/author/piconhaproxecto/
O día 24 de xullo de 2022 presentáronse en Friol os dous libros que recollen os traballos gañadores das tres edicións celebradas ata agora dos “Premios de investigación histórica, cultural e etnográfica”. A tarde invitaba a pasala a carón do río pero, marabillosa sorpresa, o salón de actos do centro socio-cultural estaba practicamente cheo. Pola parte que me toca (xunto con Brais Rodríguez gañamos a edición de 2018 co taballo Mámoas e petróglifos do concello de Friol), o meu agradecemento ás entidades organizadoras (Concello de Friol e asociación Carballo Vivo), ao xurado, aos intervenientes no acto do hoxe (alcalde, presidente de Carballo Vivo, David Espiño, Suso Rodríguez da USC, e o historiador e arqueólogo Felipe Arias Vilas). E, como non, a todas as persoas que nas distintas edicións presentaron os seus traballos, gañaran ou non. Deixo para o final aqueloutras persoas menos visibles pero que sen elas resultaría imposible a publicación, que tiveron que revisar os nosos textos non sei cantas veces (marea só pensalo: 750 páxinas!) cuxo labor quedou á vista, cunha edición coidadísima: Dolores López Caión, José Manuel Iglesias Espiño, María do Mar Pérez Fra, Montserrat Castro Rodríguez, María de los Ángeles Buján Burgo e Xesús Rodríguez Rodríguez (perdón por se me queda alguén no tinteiro). Os gastos da edición correron a cargo do Concello de Friol.
O 23 de maio de 2022 fallouse o VIII Premio de Investigación "Xermade na Historia". A gañadora foi a arquitecta, natural de Sanxenxo, Alberta Lorenzo Aspres co traballo Cruces e cruceiros do Camiño Real da Carba. O segundo foi para un servidor, co traballo A morte no concello de Xermade. Este certame, organizado pola Asociación de Veciños e Veciñas de Cabreiros, o Concello de Xermade, a Facultade de Ciencias da Eduación da USC e a Deputación Provincial de Lugo xa é un referente en Galicia.
A entrega de premios foi o sábado 28 de maio, dentro dos actos das Xornadas Interxeracionais Rurais que xa leva 18 anos de frutífera andaina.
O libro publicouse no ano 2023.
Paracostoira é unha aldea da parroquia de Santa Baia de Pedrafita, no concello de Chantada. Do Inventario artístico de Lugo y su provincia (1976-1983) recollo que os monxes de Oseira tiveron eiquí unha casa priorado. Mercedes Vázquez Saavedra e Carmen Vázquez Pérez-Batallón, en Guía da Ribeira Sacra (2001), nunha pequena referencia, din que contaba con casa, tulla e capela.
Nun pergameo escrito en galego, conservado no Arquivo Histórico Nacional, na "Era M CCC XIII et VIII dias andados doytubro" (ano 1275), Iohan Iohanes de Paracostoira e a súa dona doan ao mosteiro de Santa María de Oseira a leira de Covelo, conservando os "frutus" (usufructos). A doazón foi outorgada ante Romeu Iohanes, notario xurado, por mandato de Ruy Pérez, notario.
Noutro documento en pergameo, gardado no mesmo arquivo, tamén en galego e escrito na "Era M CCC X IIII et quot XII dias por andar de dezembro" (ano 1286), María Franca, xunto co seu marido Iohan Iohanis, venden ao mosteiro de Santa María de Oseira todo herdamento que posuía en Paracostoira.
Nunhas mandas testamentarias en galego do 3 de xuño de 1434, dadas en Paracostoira polo crego de San Xoán de Veiga (Chantada), pide ser enterrado no cemiterio de Santa Baia de Pedrafita, legando ás igrexas de Veiga, Sabadelle e Arcos, e de seus criados, os irmáns Gómez e Fernando, entre outras, unhas herdades situadas en Barreiro e Casteda.
Nun documento en galego do 9 de agosto de 1439, "dom frey Johan, abade do mosteyro de Santa Maria d´Oseyra" afora a "Afonso Rodriges, et a vosa moller Tereija Rodriges, et a vos Gonçalvo, fillo de Roy Fernandes, da Pena Custoya... a que chaman das Castineyras, a montes e a fontes, con todas suas entradas et saydas et pertenças..." a tenencia da igrexa de Pedrafita polo pago do tercio e décimo de todo pan e gran, e outras prestacións.
Os Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de Pedrafita en marzo de 1753, na resposta á pregunta 39, confirman que aínda existía o priorado do Císter: "... en el referido termino no ay combentto alguno, si tan solamentte un Prioratto de la orden de nuestro Padre San Bernardo, anexo al Real Monastterio de Santta Maria de Osera".
A un quilómetro de Paracostoira, na aldea de Mosteiro, atópase a igrexa parroquial de Santa Baia, situada xunto o Pazo de Boán cuxos propietarios tiñan acceso directo ao templo a través dunha porta aberta nun muro, tapada na actualidade. Parece ser que eiquí non houbo ningún mosteiro, polo que é probable que reciba o nome pola existencia dunha granxa dependente de Oseira que rexentarían os monxes do priorado de Paracostoira.
A pouco máis de dous quilómetros en liña recta de Paracostoira, asulagado polo encoro de Belesar a principios dos anos sesenta do pasado séeculo XX, está o Castro Candaz que só se pode ver cando baixan as augas. Sitúase nunha pequena península delimitada polos regueiros Enviande e Ponte da Lama, tributarios do Miño.
Ao asentamento só se podía acceder polo oeste, apreciándose por esta parte varias zonas amesetadas cuxa disposición disque cumprirían unha función defensiva. No resto dos puntos, por estar arrodeado de auga, resultaba practicamente inaccesible. Aínda que nunca foi escavado, dise que a súa orixe está nun castro onde, que eu saiba, non apareceron restos deste período. E despois veu a lenda. Segundo as crónicas da Casa de Camba foi fundado por un cónsul romano, Lucio Cambero, que mesmo se enfrontu a dúas lexións romanas mandadas polo propio emperador Traxano. Pero sabido é que para lexitimar unha ascendencia de avoengo, na Idade Media os nobres inventan as súas árbores xenealóxicas, entroncándose con persoeiros de sona, fosen míticos ou reais, non faltando quen a leven ata Adán e Eva ou Cristo. Ademais de Lucio Cambero, dise que outro propietario foi un descendente de aquel, un tal Lupo Cambero de Candaz, ao que don Paio (o famoso princeps citado por Al-Razi, heroe da suposta batalla de Covadonga), pola axuda prestada na guerra contra os árabes, deulle a torre de Arcos, tamén en Chantada. Ademais dos Camba, foi propiedade dos Taboada e dos Temes. Entre os séculos IX e XII, os normandos asolan as costas galegas. O mestre Manuel Formoso Lamas, autor de Apuntes para la historia de Chantada (1905), escribiu que durante a primeira vaga de invasións, os vikingos arrasan Chantada despois de traspasar a empalizada (plantata), e os nobres refúxianse no Castro Candaz, custodiados pola familia dos Eiriz ou Erice, ata que son liberados polo rei Ramiro I.
Alancando no tempo chegamos á Gran Guerra Irmandiña, entre
o 1467 e o 1469, en que o castelo foi derrubado (Preito Tabera-Fonseca: "... que
sabe que la fortaleza de Castro de Candaz que fuera derrocada quel
dicho rey la mandara derrocar por quexas y querellas que della le dieran..."), sendo logo
reconstruído pola familia Taboada. Segundo me contou un veciño de Mosteiro no ano 2003, na cima había un túnel, tapado na
actualidade, que ía dar ao río. O
asentamento padeceu numerosas transformacións. Primeiro o posible
castro, logo unha posible torre medieval da que aínda se conservaban, dise, algúns restos a principios do século XX, máis adiante unha
ermida testemuñada no
ano 1474 (documento inédito dado a coñecer por Xosé Luis
Díaz-Castroverde Lodeiro, gañador do premio de investigación do Condado
de Pallares no ano 2010 con Morgados e xurisdicións na Terra e Condado de Taboada), despois viñeron as plantacións de viñedos e construcións
relacionadas con estes, e por último o encoro que modificou e continúa a
modificar a morfoloxía do outeiro.
"Increible fortaleza", "Espectacular fortaleza" ou "Misterioso castro sumergido" son algúns dos rimbombantes alcumes cos que se cita ao castro Candaz. Pero o máis enxeñoso é o de "Atlántida gallega" ou a "Atlántida que se oculta en el Miño"; seguramente Platón, no seu Timeo, agocha algunha mensaxe cifrada que proba que un e outra son o mesmo. Bueno, fantasiar é libre. En Galicia abondan as lendas referidas a cidades e vilas asulagadas, e non por un encoro artificial construído hai catro días: Valverde, Alegrín, Estebañón, Boedo, Antioquía... Non vou a negar que velo asomar é un bonito espectáculo, pero se non fora porque emerxe das augas do encoro, o Candaz, como acontece coa maioría dos castros galegos, pasaría desapercibido para a maioría.
Vaiamos agora coa orixe do topónimo Paracostoira. Cítase como Petra Costoya no ano 1007, Petra Custodia no 1232, Pena Custoya no 1439, e máis adiante como Peracostoya e Peracustoya. De Os nomes de lugar (1992), de Fernando Cabeza Quiles, recollo que Fr. Martín Sarmiento, na súa Viaxe (1745), ao falar do monte das Costoyas, "un alto monte sobre Combarro", relaciónao con custodias. E que Antonio López Ferreiro, na súa Historia... (1898-1911), cita un "montis de Custodiis" no 1170. Elisa Ferreira Priegue, en Los caminos medievales de Galicia
(1988), escribe que por veces Costoya coincide cun portádego, polo que
tería a orixe nun porto de vixilancia do camiño; cita o topónimo
Custodia nun documento do ano 1112, o actual Costoia, en Tordoia. Cabeza Quiles conclúe, entón, que faría alusión a unha pedra alta na cal se situaría un posto,
garita ou fortificación de vixilancia ou custodia. Para Ares Vázquez podería facer alusión a unha "Pedra de Garda" ou "Pedra Custodia". O latín custodia vén a significar custodia, garda, inspección, vixilancia, sentinela, gardián, porto de garda; tamén prisión, prisioeiro. Designaría un sitio elevado para custodiar, vixiar, observar (unha custodiaria) ou gardar algo dende
onde, ademais, se divisa e controla un amplo territorio. O topónimo Costoira, referido a nomes de poboación, atopámolo nos concellos de Ortigueira, Alfoz, Ourense, e tamén na parroquia se San Fiz de Asma, no mesmo concello de Chantada.
Polo
dito, en Paracostoira ben puído existir unha construción de vixilancia
ou garda. Pero, que gardaba, que vixiaba? Quizais, os accesos a un castelo? Hai un pero que leva a preguntarme se o Castro Candaz é o mesmo que na
actualidade ermerxe no encoro de Belesar. A uns 600 metros en liña recta
do Candaz, tamén entre os ríos de Enviande, Ponte da Lama e o Miño, hai
un outeiro (catalogado por Patrimonio), situado a unha altitude de 450 metros, que conserva o
topónimo de O Castelo e cuxa cima presenta unha zona achairada de forma
tirando a ovalada duns 50 por 40 metros. No ano 2003, a mesma persoa que me
informou da cova do Candaz contoume que polos anos sesenta do século XX un
avogado de Lugo atopou no Castelo varias pezas metálicas, entre outras unha espada
de ferro e un candil. Se temos en conta as dimensións das partes
que poderían acoller unha fortificación, o Candaz apenas sería apto para unha
pequena torre, mentres que no Castelo si puído acoller un edificio defensivo de certa entidade. Nas imaxes do voo americano dos anos 1956-57, antes de ser engulido polo encoro, vese na parte máis alta do Candaz o que semella unha estrutura case circular duns 15 metros de diámetro (o que vén a ocupar unha mámoa de pequenas dimensións), que quizais son eses posibles restos cos que se conxectura, pertencentes a unha torre ou atalaia.
Para
rematar, aínda que nada ten que ver co tratado anteriormente, ademais
dun priorado e unha posible torre de vixilancia, en Paracostoira viviu
unha Espiritada. Nas V jornadas internacionais de História da psiquiatria e saúde mental, celebradas en Coimbra no 2014, David Simón Lorda, Tatiana Busto e Xaqueline Estévez, psiquiatras do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), nunha súa ponencia, Espacios de reclusión y de atención a la locura en Galicia (finales siglo XIX y primeros años del siglo XX), falan dunha Espiritada que houbo na aldea: "Hemos
encontrado referencias a un caso en Paracostoira, Pedrafita
(Chantada-Lugo). Según el novelista e investigador etnográfico Xosé
Miranda, y citando con referencias orales de la zona, en esa localidad
hubo una Espiritada, encamada durante 30 años sin comer, tenida por
santa y adivinadora. No hemos logrado precisar más datos a día de hoy".
Unha das Espiritadas máis famosas de Galicia foi a compostelá Josefa de
la Torre que ao casarse foi vivir para Gonzar, no concello de O Pino.
No ano 1806, ao cumprir trinta anos, tras un arrefriamento comezou a
desconectar coa realidade o que a levou a encamar, rexeitando tanto
alimentos como bebida. Avisado o arcebispo Rafael de Vélez polo cura da
parroquia José Jacinto del Río, ordenou que a vixiaran durante varios
días, comprobando que non probara bocado. Foi tal a sona do caso que
mesmo interviu o reputado doutor José Varela de Montes, da Universidade
de Santiago, confirmando o que era vox populi; no seu informe
apuxo ese comportamento a que ao non consumir enerxía tampouco precisaba
alimentarse. Tal foi o interese polo caso que ata o Exército enviou a
Gonzar no ano 1838 a un capitán que confirmou que o corpo de Josefa non
tiña nin unha engurra, e que só falaba co seu confesor e co arcebispo. A
muller morreu aos 75 anos e foi enterrada baixo o altar da igrexa de
Gonzar, pero sempre quedou a dúbida se era unha santa ou unha poseída.
No ano 1925, outra Espiritada, Manuela Rodríguez Fraga, de Moeche, que
levaba catro anos encamada sen comer, ao pouco de quedarse durmida
comezaba a falar con acento cubano, dicindo cousas que amosaban grandes
coñecementos en filosofía e en latín.
Resulta evidente que, no presente caso (e noutros), a relación entre a Arqueoloxía e a Filoloxía é clara.
Temos un idioma rico e preciso, dubido que haxa un só país no mundo que para unha soa cousa utilice máis de 170 nomes.
Altar, Altar dos Mouros, Anta, Antão, Ante, Antela, Antella, Antiña, Antinha, Antões, Antuíña, Antunha, Antuña, Arca, Arcal, Arcapedriña, Arcela, Arcella, Arcón, Arcosa, Arcuña, Arquela, Arqueta, Arquinta, Arquiña, Cabana, Capela dos Mouros, Capilla dos Mouros, Casa, Casa da Moura, Casa dos Mouros, Casarota, Casaupa, Casía, Casiña, Casinhas da Moura, Casota, Casoupa, Casouta, Celeiro dos Mouros, Celleiros dos Mouros, Coito, Cortella dos Mouros, Cortello dos Mouros, Cortelhos dos Mouros, Coto, Cotarelo, Couto, Cova, Cova da Moura, Cova dos Mouros, Dolmen, Formigueiro, Fornalla, Fornán, Fornela, Fornelo, Forniño, Forninhos dos Mouros, Forno, Forno dos Moiros, Forno dos Mouros, Furna, Gurita, Lombiño de Terra, Lombo, Madorna, Madorra, Madorriña, Madroa, Mama, Mamão, Mamila, Mámoa, Mâmoa, Mamoa, Mamôa, Mamoalta, Mamoela, Mamoella, Mamoíña, Mamoiña, Mamoinha, Mamola, Mamona, Mamona Petrosa, Mamouros, Mamua, Mámua, Mamuela, Mamuiña, Mamuinha, Mamula, Mámula, Mamuña, Mamunha, Mandorra, Maniola, Matorra, Matueiro, Mauma, Meda, Medal, Medela, Mediña, Medo, Medona, Medoña, Medoño, Medorna, Medorra, Mesa das Bruxas, Mesa dos Mouros, Mochueiro, Módea, Moderna, Modia, Modorna, Modorno, Modorra, Modorrão, Modorro, Modorrões, Moduña, Moela, Mogões, Mogote, Moita, Mojós, Montilhão, Montillón, Montiño, Morea, Morroda, Mota, Motagueiro, Motillón, Mouta, Mouteira, Moutillón, Múdara, Mudia, Múdula, Mudurra, Paa, Pala, Pala da Moura, Paleira, Palla, Pardaucha (Pedra Ucha), Pedra Cabalaria, Pedra Cabalgada, Pedra Cobertoira, Pedra da Arca, Pedra da Moura, Pedra dos Mouros, Pedra Moura, Pena da Moura, Pena dos Mouros, Poza, Tarañeira, Taraños, Tarreira, Tesouro, Tesouro dos Mouros, Tomba, Tómbaro, Tombeirinho, Tumba, Tumbadura, Tumbaeiro, Tumbeiriña, Túmulo, Ucha, Urna.
O día 21 de abril de 2017, o Concello de Cervantes, coincidindo coa celebración do Día do Libro (adiantouse dous días por caer en domingo), fixo entrega do Premio de Investigación "Cervantes Saavedra" que convoca cada dous anos. Esta é a terceira edición. A convocatoria fíxose pública no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o pasado 19 de decembro. O prazo para entregar os traballos rematou o 28 de febreiro. O traballo tiña que incluír, ao menos, a descrición xeográfica e hidrográfica do término municipal de Cervantes, os monumentos megalíticos, petroglifos, castros, asentamentos, minas e vías de época romana, o monacato, o feudalismo, os foros, a desamortización, a Guerra da Independencia, as Guerras Carlistas, o agrarismo, a emigración, a represión da ditadura franquista, a arquitectura civil e relixiosa, etnografía, folclore, lendas, tradicións, toponimia, actividade socio-económica, etc. Moita tea para prazo tan cativo. Malia dificultade para facer unha Historia de Cervantes (diso se trataba), a documentalista Pilar Carpente máis eu decidimos poñernos mans á obra. Os centos de quilómetros percorridos ao longo de cinco anos polo municipio resultaran frutíferos. Uns días antes de expirar o prazo rematamos, sorprendidos polos case 500 folios que conseguiramos encher. Non fora unha tarefa fácil, pero aínda que non resultaramos gañadores, merecera a pena. O día 11 de abril comunicáronnos que o xurado, por unanimidade, decidira outorgar o premio á obra Cervantes, un concello con historia. O noso traballo. Traballo que quedaría orfo se non for polas persoas que ao longo dos anos nos acompañaron e guiaron ata os sitios, contáronnos historias, facilitáronnos documentación... Vaia para elas o noso agradecemento. O libro publicouse e presentouse no mes de abril de 2019.
A tipoloxía do altar cristiano que emprega aras e pedestais romanos como altares cristianos é a máis utilizada ao menos dende os séculos VI e VII, cunha alta pervivencia na alta Idade Media alcanzando a época románica (Carbonell i Manils, et alii, 2011).
Dise que Marcial, un discípulo dos apóstolos, ordenou que cando destruíran os altares paganos conservaran os dedicados ao "deus descoñecido", consagrándoos ao verdadeiro Deus (un elemento importante das aras é o loculus para recoller as reliquias, practicado onde antes estivo o focus que constitúe a parte da ara destinada a recibir as ofrendas realizadas aos deuses). Outra tradición recolle que cando San Pedro e San Marcos chegaron a Nápoles dende Antioquía, celebraron a súa primeira misa utilizando un altar dedicado a Apolo. A mediados do século V, San Pedro Crisólogo reflicte o ambiente pagano existente, propoñendo, máis que destruír os ídolos, transformalos. No século VI, Martiño de Dumio, no seu De correctione rusticorum, arremete contra as crenzas supersticiosas dos galegos (en Concilios dos séculos VI e VII arremétese contra os que veneran as pedras). A finais do mesmo século, Gregorio Magno di que os lugares sagrados non deben ser destruídos (si os sacrificios que neles se realizan), consagrándoos (exorcizándoos) con auga bendita e poñendo reliquias de santos, porque eses mesmos lugares están ben construídos para o que "é necesario que esquezan o culto ao demo, mudándolle en reverencia ao verdadeiro Deus e concorrendo aos lugares que lles son máis familiares segundo acostuman"; remata dicindo que neses sitios se constrúan igrexas. A cristianización dun outeiro mediante a construción dunha igrexa ou capela dáse en moitos sitios de Galicia. A "idolatría" aínda estaba moi presente, convivindo a relixión cristiá con tradicións e supersticións paganas fondamente arraizadas. Para elo, a Igrexa intentou afastar as alusións idólatras transformándoas para adaptalas ás súas crenzas en vez de destruílas.
Atopamos pezas formando parte do culto cristiano no interior de igrexas e ermidas (bases de altar, pías de auga bendita...); entre os materias de construción; en casas reitorais e adros, descoñecendo se antes estiveron no interior dos templos pero que logo foron desacralizadas; nas proximidades de lugares de culto..., non resultando fácil saber se a utilización deses elementos se debeu á casualidade ou agochaba outras intencións.
En moitas reutilizacións conserváronse os motivos iconográficos e a epigrafía orixinais que tiñan unha significación pagana, ben integramente, modificándose ou convivindo cos novos. Noutros casos elimináronse.
As diferenzas canto a distribución son notables ao longo do territorio, pero por provincias a de Ourense duplica ás da Coruña e Lugo, e triplica ás existentes na de Pontevedra (lembro que falamos de pezas relacionadas con elementos cristiás). A continuación achego aredor de 250 pezas romanas reutilizadas ou relacionadas en Galicia con construcións de culto cristiano. A relación aínda está incompleta xa que me faltan datos dunhas trinta pezas.
(Máis información nas entradas deste mesmo blog dedicadas á época romana)
Ara na capela do Sanxiao (Sanxiao): Ara aos Lares Viais que forma parte da pía bautismal da capela, está colocada do revés. No centro da zona da ábsida hai un sillar con decoración xeométrica en relevo composto pola repetición dun dobre entrenzado. No paramento sur hai un motivo decorativo case idéntico ao anterior, aínda que máis desgastado. Estes relevos considéraos Rivas Fernández de época xermánica, mais Ferro Couselo e Xaquín Lorenzo Fernández din que poden proceder dun castro cercano.
Aras na capela da Asunción: Unha adicada a Reve Larauco. A outra, aínda que o campo epigráficto está moi desgastado, tamén se cre que pode estar adicada á mesma divindade.
Ara aos Lares Viais (Santa Comba): Citada por Castellá Ferrer que di que servia de pía de auga bendita na igrexa.
Epígrafe de Diana: Inscrición transmitida nun manuscrito do século XVIII, conservado no arquivo da abadía de San Domingos de Silos. Apareceu no altar da igrexa de Santa Comba de Bande.
Epígrafe: Un Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense do ano 1898 recolle unha epígrafe empotrada na parede dunha casa situada fronte a reitoral de Santa Comba, estudada por Hübner nos anos 1869 e 1878. Nun Boletín do ano 1910 adícalle un artigo Marcelo Macías.
Ara na igrexa de Virís: Aos Lares Viais. Trátase dun fragmento atopado xunto o muro do cemiterio no ano 1980 polo párroco don Lino Pérez. Trasladada para a igrexa, estivo durante moito tempo xunto a pía de auga bendita que hai á entrada; na actualidade está na sancristía, gardada nun armario.
Inscricións: Na mesma igrexa de San Martiño hai outras dúas inscricións: unha medieval e outra de dubidosa adscrición cronolóxica, quizais romana, co epígrafe "CRAC". Publicada por Felipe Arias Vilas (1980).
Miliario: Na igrexa parroquial de Illán. Non o vin.
Ara: No Museo de Pontevedra custódiase unha ara aos Lares Viais que formaba parte do muro da igrexa de Santa María de Caldas, moi mutilada e desgastada, aparece recortada polos dous lados.
Inscrición na capela de Nosa Señora de Pintás: Adicada aos Deuses Manes. Reaproveitada nun muro exterior a ras do chan da capela. O profesor da Universidade de Alacante, Juan Manuel Abascal Palazón, di que se trata dun obxecto insólito na epigrafía romana en Galicia, onde os textos adoitan atoparse en estelas, e onde o cipo romano clásico de base cadrada é un soporte case descoñecido. Moi erosionada.
Ara na igrexa de Temes: No interior da igrexa hai o soporte dunha ara sobre a que se modelou un modillón en época medieval polo que se perdeu o campo epigráfico, se ben se conserva parte da tripla moldura orixinal nos laterais da parte superior e da basa. Estuda por Caamaño Gesto.
Ara na igrexa de Temes: Adicada aos aos Lares Viais. Descuberta no ano 1978 polo párroco D. Segundo Capón Linares ao repicar o cal que cubría as paredes interiores da igrexa. Conserva a parte superior adornada con tres foculus aliñados. Sábese a quen está adicada, mais non o dedicante.
Capiteis na igrexa de Temes: Formando parte dos muros da igrexa están á vista tres capiteis para coroar dúas piastras. Outro para unha columna facía de soporte dunha pía de auga bendita. Unha das piastras foi retocada para adaptala no muro sur do presbiterio, a outra fai agora de mesa do altar, apoiada sobre dous dos capiteis mellor conservados.
Inscrición de Temes: Gravada nunha prancha granítica, tabella con moldura funicular, na parte alta e interior do muro norte do presbiterio. Apareceu no ano 1974 ao desencalar os muros da igrexa. Delgado Gómez dátaa no século IV. Di: "FIDES SPES CARITAS", ("Fe, Esperanza, Caridade"). Da mesma época parece ser unha pomba esculturada noutra pedra, tamén granítica, situada no lateral da nave.
Tampa de sartego na igrexa de Temes: Tampa dun sártego (que non apareceu) atopada no ano 1974 na igrexa. Trátase dunha praca monolítica de mármore branca, incrustada por riba do arco triunfal, datada entre o 320 e o 330 d. C., considerada a testemuña cristiá máis antiga de Galicia. Hai quen sostén que esta peza marmórea foi prefabricada nun taller romano, procedente das canteiras pantélicas de Atenas, e traída dende o veciño porto de Polumbario aproveitando unha vía navegable do Miño (navegable, segundo Schlunk, ata os Peares), ou quizais polo Sil dende a Meseta Norte. No centro leva unha praca lisa ou taboíña destinada a recibir unha inscrición que hoxe non existe e quizais nunca existiu. Á dereita daquela represéntase a escea da Adoración dos Magos, xunto o grupo de Adán e Eva, e á esquerda, a historia do profeta Xonás. No primeiro rexistro a Virxe co Neno no colo e con túnica e palio, tocados co característico gorro puntiagudo frixio e seguidos dos respectivos camelos. No segundo rexistro presenta como centro un tronco de árbore flanqueado por Adán e Eva que tende a mán cara á árbore na que está a serpe. Quizais sexa unha das tampas de sártego máis completas da Península. Ofrece por primeira vez en Hispania o tema de Adán e Eva no Paraíso, e un relato do ciclo de Xonás.
Ara en San Miguel de Celanova?: Mauro Castellá Ferrer, nacido na segunda metade do século XVI e natural de Celanova, cita unha inscrición que, traducida, dicía: "Máximo, fillo de Lovesio, cumpriu o seu voto aos Lares Viais, de boa vontade". Pero non aclara a procedencia. Colmenero desbota que proceda de San Paio de Araúxo (Lobios) ou de San Miguel de Celanova, levándoa para Santa Comba de Bande. Desaparecida.
Ara de Trasariz: Adicada a Xúpiter. Utilizada como pía de auga bendita na igrexa parroquial, logo como pé de altar. Agrandóuselle o focus.
Aras da capela de Erbededo: Ata finais do século XIX, a capela foi a igrexa parroquial de Santo André de Erbededo, suprimida no ano 1893. Dentro hai unha ara á que lle borraron a inscrición e graváronlle unha cruz na parte superior. Outra ara con inscrición fai de pé do altar.
Ara aos Lares Viais de Belesar: Adicada aos Lares Viais. Atopada no ano 1941 polo párroco José de Castro López, facía as funcións de pía de auga bendita na igrexa de Belesar (fotografada por Vázquez Seijas) ata que foi mercada por un descoñecido anticuario de Barcelona. Desaparecida.
Miliarios de Castrillón: Un, anepígrafo, está situado no adro da capela de San Bernabé, sobre a croa dun castro; reutilizado como pé de altar no exterior, pintáronlle unha cruz de Santiago en cor vermella. A carón da porta da ermida hai unha pía de granito que semella a reutilización dunha ara ou dun miliario. No interior da igrexa hai unha pía bautismal que se apoia no que pode ser un miliario.
Miliario de Franqueán: Localizado no ano 2001, fincado diante da igrexa parroquial como parte dun muro en posición invertida. Custodiado no Museo Provincial de Lugo.
Ara de Zaparín (Zaparín): Ara votiva adicada a deuses galaicos, reutilizada como base dun cruceiro situado nas inmediacicóns da igrexa.
Capela do Hospital Militar: Diante da capela do vello Hospital Militar apareceu un epitafio.
Ara: Adicada aos Deuses Manes. No exterior da igrexa de Rubín.
Estela: Adicada aos Deuses manes. No exterior da igrexa de Rubín. Vese un busto esquemático con dúas aspas.
Ara ou estela: No exterior da igrexa de Rubín. Restos do que puído ser unha decoración xeométrica con arcos. Só se conserva a primeira parte da inscrición: "DIBV(s?)".
Epígrafe: Descuberta na necrópole do Adro Vello no ano 1972, empotrada no muro norte da igrexa vella.
Ara (O Tameirón): Na igrexa do Tameirón hai unha pía bautismal que ten como pé unha ara romana.
Estela na igrexa de Río: Formaba parte do muro exterior da igrexa. Estivo exposta na exposión de "Galicia no Tempo". Na actualidade atópase encastradada nun muro da pequena sacristía. Trátase dunha estela de granito incompleta que representa no interior dun cadro moldurado a dous persoeiros, ao da esquerda fáltalle gran parte, e o da dereita, co rostro moi borroso e sen un anaco da cabeza, viste unha toga e sosteñen sobre os xeonllos unha especie de cartela onde está escrito un texto en gran parte perdido e de interpretación dubidosa. Semella que están sentados nunha especie de banco. A pesares de estar incompleta e o deficiente estado de conservación, é posible poñelas en relación con outras estelas funerarias contemporáneas, como a de Vilar de Sarria ou o relevo de Adai. Os personaxes pertencerían a unha elite culta e poderosa como nolo amosan a presenza das togas e a cartela coa inscrición.
Epígrafe na igrexa de Río: Adicada aos Deuses Manes por Aurelina Nantia. Dáse a conxunción entre un cognome de orixe indíxena e o nome romano.
Ara de Soandres: Atopada no mosteiro de Soandres. Formou parte do altar da igrexa ata o ano 1909. Posúe unha inscrición adicada a Xúpiter Óptimo Máximo, a Hércules e a unha divindade indíxena. Conta Verea y Aguiar que foi repicada cando a visita do cardenal Jerónimo del Hoyo no ano 1608 porque, disque, incitaba ao culto pagán. Tamén foi publicada polo bibliotecario da Universidade de Santiago, Francisco J. Rodríguez, e por Pérez Consanti no no Boletín Eclesiástico do Arcebispado. Na actualidade atópase no Museo da Catedral de Santiago.
Miliario da igrexa de Santiago de Vilaño: De mediados do século IV, adicado a Decentio (350-353), atopado na igrexa durante as obras de reparación no ano 1987, reutilizado na parte superior da porta de acceso á sacristía. Despois foi trasladado á casa reitoral, reconvertida hoxe en centro cultural da Asociación de Veciños e logo volveu para a igrexa.
Ermida de Nosa Señora do Viso: Columna dunha cruz, posible miliario.
Miliario da igrexa de Lobios: Citado por Barros Sibelo, di que foi picado e levado para Lobios para utilizar como columna dun balcón.
Miliario na igrexa parroquial de San Adrao: A igrexa, do século XVI, disque pertenceu a un primitivo mosteiro. Disque a pía de auga bendita é un miliario romano dun metro de altura. Non o vin.
Igrexa de Santa Olalla de Castro (Castro de Escuadro): Na parte exterior do adro, xunto unhas das cancelas de entrada ao cemiterio que arrodea a igrexa, lápida cunha inscrición funeraria adicada por Apronia Rufa a Dovecia, filla de Paterna, e a Telavia, filla de Flavinia. Foi estudada por Rivas Quintas e Rodríguez Colmenero. Tamén se ten noticia da aparición de fragmentos cerámicos no lugar cando se fixo o novo cemiterio.
Miliario (Tioira): No camiño de Foncuberta. Columna dun peto de ánimas do século XVIII. A columna da cruz, ilexible, pode ser outro miliario.
Ara na igrexa de Mens: Situada na igrexa mosteiral; de caliza, está incrustada no altar da capela sur. A inscrición foi eliminada.
Ara de Santo Tomé de Nogueira: Adicada por Quinto a unha divindade das augas. Atopada no ano 1976 polo cura párroco de Santo Tomé Manuel García Piñeiro que fixo entrega a Maximino Nogueira Paz, párroco de San Vicente de Nogueira, quen a trasladou para a finca da casa reitoral, utilizándoa como soporte dunha mesa do xardín. Estaba detrás do retábulo de madeira da igrexa parroquial de Santo Tomé. Ao parecer fora utilizada noutro tempo como pé do altar. Foi examinada no mesmo ano por Isidoro Millán González-Pardo, Alfredo García Alén e Luis Monteagudo, e posteriormente o primeiro volveuna a ver en compañía de Antonio de la Peña que a fotografaron no ano 1979. García Alén asegurou que xunto a igrexa apareceran anacos de tégula. Moi alterada, foi repicada.
Miliario (A Caseta-Seoane Vello): Adicado a Caracalla, serve de soporte do altar maior da igrexa parroquial.
Ara aos Deuses Manes: Adicada aos deuses Manes. Mal conservada, foi descuberta no 1979 reutilizada nunha sepultura altomedieval en Iria. No Museo de Arte Sacra de Iria.
Ara de Santiago de Padrón: Segundo a lenda, a pedra ("O Pedrón") foi utilizada polos discípulos Atanasio e Teodoro para amarrar a barca que trouxo os restos do Apóstolo Santiago a Galicia; a inscrición orixinal da ara, adicada a Neptuno ("Neptuno Corienses de suo posuerunt", "Os Corienses dedicaron, ao seu custo, este altar a Neptuno"), foi alterada no século XVI engadíndolle unha cruz e mudando o nome da divindade romana por "patrono".
Ara de Vilanova: Situada fronte a porta principal da igrexa. Actuou como pé de altar sostendo un taboleiro do s. XV-XVI, logo tapado por un altar barroco.
Epígrafe: Descuberta nas inmediacións da Ponte Navea, estivo colocada na capela da ponte. Hoxe en día atópase na casa da marquesa de Trives.
Capitel tardorromano (Couso): Ao parecer foi atopado no monte de San Cibrán, forma parte do basamento dun cruceiro. Outras noticias falan de que estaba na ermida adicada a San Martiño.
Ara aos Lares Viais (Somede): Adicada aos Lares. Da inscrición, apoiada antes do seu traslado para o interior da igrexa parroquial de Somede nun muro do cemiterio, dicíase que se trataba dunha "lápida antiga". De feitura sinxela, pertence ao grupo de aras galaico-romanas coa traseira sen traballar e carente de base xa que estaba concibida para fincar no chan.
Ara (Rairiz de Veiga): Desaparecida. Atopábase na igrexa parroquial de San Xoán. Aínda que algúns autores a consideran falsa, Rodríguez Colmenero non opina o mesmo, primeiro porque no lugar existe outra inscrición adicada á mesma divindade, Bandua; segundo porque a forma "socius", máis xenitivo, parece confirmarse noutra inscrición, e terceiro porque resultaría extraño que en séculos pasados lograran identificar a inscrición. Citada polo arcipreste de Santa Xusta de Toledo nos seus Adversarios cando veu a Galicia co bispo de Toledo.
Epígrafe de Progo: De tamaño reducido, presenta tres liñas de escritura. Pode tratarse dunha ara romana. Apareceu con motivo da restauración do retábulo da igrexa.
Lápida da Rúa Vella: Cuarzosa, adicada a Lucio Pompeio Reburro Fabro que apareceu preto da ponte da Cigarrosa. No ano 1680 leváronna para a igrexa parroquial e, anos despois, colocáronna no muro da casa onde se pode ver hoxe en día. A súa importancia vén dada, sobre todo, porque por ela coñécese o nome de Calubriga, poboado dos Gigurros.
Ara da igrexa de San Martiño de Meirás: Adicada a Cosus Udaviniago. Atopada no adro da igrexa. Servía como base do altar, aínda que a súa procedencia orixinal puido ser o castro de Meirás e que Pereira ve improbable a pesares de que preto da igrexa apareceron restos de tégulas e ladrillos romanos. Custodiada no Museo do Castelo de San Antón da Coruña.
Relevo togado de Soñeiro (Soñeiro): Peza de granito embutida na tapia do cemiterio parroquial de Soñeiro, á dereita da entrada principal. A peza é de forma rectangular cunha dimensión de 45 por 24 centímetros, se ben se desoñece si a pedra que serve de soporte ao relevo presenta superficie oculta baixo este. A representación consiste nunha estrutura arquitectónica escasamente definida, formada por dúas columnas que portan un arco. Baixo esta estrutura unha figura masculina, vestida con toga con numerosos pregues, cabeza de gran tamaño, escasamente naturalista. Nunha man sostén unha espada e o outro brazo, flexonado sobre o corpo, recolle os pregues da toga. Segundo Naveiro López trátase dunha efixie dun monumento funerario. O relevo está protexido por unha pequena varanda de ferro cunha cruz no cumio polo que é probable que a figura fora confundida coa imaxe dun santo; adoitan poñerlle flores frescas.
Miliario de San Salvador (Padreiro): Nun lateral da igrexa parroquial. Anepígrafe.
Relevo de Licín: Peza de mármore con decoración en baixorelevo de posible adscrición altoimperial. Foi atopada polo veciño Antonio Varela, profesor de Bioloxía, cando observou a peculiaridade do relevo e a falla de sintonía coa cantería xeral da igrexa de Licín. A peza, empotrada nun esquinal da cabeceira, non se pode sacar do seu emprazamento, mais é facilmente encadrable. Os motivos insculpidos constan dun xarrón ou crátera do que xurden uns motivos vexetais que percorren a peza, interrompidos no centro por unha flor. Semella un resto dun mausoleu ou templo paleocristián.
Ara de Quintas (Liñarán): Adicada a Lugubo Arquienobo. Na actualidade forma parte da basa dunha columna, quizais tamén de orixe romana, situada no peche de bloques de cemento do adro da igrexa parroquial de Liñarán. Aparece en posición invertida. No monte de San Roque existiron, segundo as referencias, dúas capelas adicadas a Santa Catarina e a San Roque, que é de onde procedería.
Ara (O Seixo-Abavides): Estaba no muro do adro da igrexa parroquial, na actualidade nunha rúa preto do templo. O texto epigráfico atópase moi gastado polo que resulta moi difícil a súa lectura.
Lápida de Lobaces: Nun muro do peche da igrexa parroquial. Segundo Rodríguez Colmenero pertencía ao fuste dunha columna.
Ara na capela da Misericordia (Verín): Dada por desaparecida nos anos setenta do pasado século cando se desmontou a capela. Bruno Rúa localizouna detrás dunha casa a carón da igrexa da Mercé.
Ara de Tintores (Tintores): Adicada a Xúpiter. Descuberta por Rodríguez Colmenero no ano 1969 na igrexa parroquial de Tintores. Publicada por primeira vez por Taboada Chivite. Foi recollida polo párroco de Vilamaior do Val; durante un tempo estivo na súa casa. Na Catedral de Ourense.
Alba: Ara atopada cando se reconstruíu a igrexa. Tense como desaparecida.
Ara de San Pedro (San Pedro-Reádegos): Aos Lari Pemaneieco. Apareceu na ermida de San Pedro. Sostiña unha mesa lateral do altar. Cortada na parte superior.
Miliario de Río: Pegado ao muro que dá entrada á igrexa parroquial; moi alterado.
Ara da capela de San Xoán (Laioso): Situada xunto a porta de acceso á capela. Adicada a Xúpiter. A inscrición está moi desgastada.
Capitel (Brandomil): Reutilizado nunha esquina do muro do adro da igrexa parroquial.
Non se sabe con exactitude cando aparecen en Galicia os primeiros mosteiros, é probable que as primeiras comunidades relixiosas se organizaran arredor de pequenos eremitorios. Foi con Froitoso de Braga, a mediados do século VII, cando se regulamenten as comunidades familiares de tradición visigótica (Regula Monachorum). A partires dos séculos IX e X xurden as grandes fundacións que co tempo se acolleron baixo a regra de San Bieito de Nursia e que traen os monxes de Cluny a través do Camiño de Santiago, consolidándose coa chegada dos cistercienses. No século XIII instálanse no país as ordes mendicantes dos franciscáns e dominicos, e en menor medida os agostiños, entre outros. As ordes militares que naceron en Terra Santa durante a Primeira Cruzada tamén tiveron certa presenza en Galicia. E tamén estaban as abadías segrares ligadas ás catedrais.
Para saber máis, ver as entradas adicadas aos mosteiros nas catro provincias.
PROVINCIA DA CORUÑA
ABEGONDO
Mosteiro de Vilacoba: Maxi Rei (Anuario Brigantino 2004) fai alusión a un posible cenobio situado no impreciso lugar de Vilacoba, baseándose nun documento do ano 935 do mosteiro de Sobrado dos Monxes.
Mosteiro de Sarandóns: Coñecido como O Convento. Frei Martín Sarmiento di que foi mosteiro e logo priorado. Sábese que no século XVIII o priorado de Sarandóns dependía de San Martiño Pinario. No ano 1821 ponse á venda, pasando a mans particulares. Co restablecemento da monarquía absoluta, no 1823, volve a mans do clero, séndolle retirada definitivamente a propiedade a raíz do decreto de Desamortización de Mendizábal no ano 1836. Ao parecer, o fundador do vínculo de Sarandóns foi Gómez de Barral, rexedor de Santiago de Compostela no ano 1547.
AMES
Mosteiro de Barantoño (Bertamiráns): Poucas referencias hai sobre este posible cenobio recollido no inventario da Xunta de Galicia do ano 1991.
ARANGA
Mosteiro de San Paio de Aranga: Posible orixe altomedieval. Vencellado aos Traba ou a membros da súa familia. Nun documento do 11 de abril de 1165, Suero Menéndez doa ao mosteiro de Sobrado dos Monxes "in monasterio de Aranga totum quod acquisiuit ibi auus meus dommus Roderycus Froyle cum total uoce ipsius loci per totas partes ubi uadit uox de Aranga" (Luengo Martínez). Nun documento sen data cítase a freguesía de Santa María de Uerines/Urines (Virís, en Irixoa), xunto coas aldeas de Lousada e Roibos como herdades do mosteiro de Aranga. Tampouco leva data a denominada Karta de Reuoredo, na que se di que aqueles freires habitaban Vilaúxe, o mosteiro de Aranga e Roibos ata Virís: "isti fratres habitant in uilla Uxi et in monasterium de Aranga et in Ruuios usque ad Uerinis"; ambos documentos non son posteriores ao século XIII xa que foron copiados entón nos Tombos de Sobrado. Hai quen sitúa aquí aos templarios, hipótese nada fabulosa se temos en conta que foi un Traba, Fernando, quen os introduciu en Galiza o mesmo ano da fundación da orde do Temple (1119), doándolles o burgo de Faro (Betanzos).
ARTEIXO
Mosteiro de Santo Estevo de Morás: Monxas bieitas. Os datos son escasos, e o que se sabe é pola documentación de Cambre. O mosteiro debeu ter a orixe na Alta Idade Media, estando en posesión da familia dos Traba. A finais do século XII converteuse en priorado de San Paio de Antealtares, en Santiago. A comunidade debeu desaparecer entre o 1275 e o 1352, ano en que o seu couto se dirixe dende San Paio, que o afora á casa de Montaos. En Morás consérvase a igrexa, construída no ano 1162 e reformada no século XVIII. Do templo románico pódense ver os canzorros zoomorfos e antropomorfos do aleiro.
ARZÚA
Mosteiro de San Xiao de Frades: Denominado nalgún documento como de Corie. Dise que foi fundado nno século VIII, atopándose na marxe esquerda do río Iso.
Mosteiro de San Martiño de Tiobre: A igrexa matriz de Tiobre foi consagrada polo bispo Diego Xelmírez. En Tiobre emprazábase o principal núcleo de poboación durante o Imperio Romano (Betanzos Vello).
BOQUEIXÓN
Mosteiro de Ledesma: Orixe altomedieval do que non quedan restos. A Historia Compostelana indica que en tempos de Diego Xelmírez a catedral de Santiago recibiu de reis e nobres diversas partes ou a totalidade de varios cenobios, entre eles este de Ledesma.
Mosteiro de San Breixo das Donas (Donas): Monxas bieitas. Jerónimo del Hoyo menciona unha inscrición medieval na actual igrexa de San Pedro de Donas que pertencería a este mosteiro. Dime Henrique Neira Pereira, quen tamén me achegou a información anterior, que non foi capaz de localizar a inscrición polo que pode que estea tapada pola pintura.
CABANA DE BERGANTIÑOS
Mosteiro de San Estevo de Anos: Do antigo cenobio só se conserva a igrexa de orixe románica reformada con elementos barrocos.
Mosteiro de San Xoán de Vilanova ou de Borneiro: Bieitos. Anexo a Moraime. Asociado a un hospital de peregrinos que dende Santiago continuaban a Fisterra, construído mercé a unha doazón que no ano 1095 fixo a condesa Argelona ou Arxilo Páez, emparentada cos condes de Traba, de acordo con don Paio, abade de Borneiro. No 1199, dona Urraca Fernández de Traba fai unha manda ao cenobio. A mesma condesa doa o seu mosteiro familiar de San Xoán Bautista, que se atoparía nun lugar chamado Vilanova, ao de San Xián de Moraime, en Muxía. O mosteiro deixou de ter actividade monacal no século XIII ou XIV, xa que a finais do 1380 menciónase só como couto, sen outra referencia. Como foi fundado por unha muller tense crido que albergou unha comunidade feminina, pero non hai datos que o confirmen, ademais no 1095 está á súa fronte un abade polo que tería unha congregación masculina ou en todo caso dúplice.
FERROL
Priorado da Cabana (Brión): No ano 1153 o deán e o Cabido de Santiago fixeron unha doazón á igrexa de Santo André de Brión ao abade Exidio e aos monxes do mosteiro de Sobrado; tanto o templo coma o seu termo foron as primeiras posesións que os monxes de Sobrado tiveron nas cercanías do Ferrol, poñendo á fronte do convento da Cabana a un monxe co título de "Magister Grangia de Brion", título equivalente ao de prior. Citado por Frei Martiño Sarmiento.
MUXÍA
NARÓN
Mosteiro de San Salvador de Pedroso: Coengos Regulares de San Agostiño. Fundado por María Froilaz, irmá de Pedro Froilaz, no ano 1111, substituíu a un mosteiro anterior; á súa morte foi doado a Diego Xelmírez. Foi edificado nun lugar coñecido como Vineola (viña pequena). No século XIV os monxes enfróntanse cos representantes do rei en Galicia, aquí encomeza a súa decadencia, pechándose definitivamente no 1492. No 1365 dise que estaba danificado et prove, situación ao que contribuirían os Andrade, cuxo conde, Pedro Enríquez, foi denunciado polos coengos no 1380 ante o tribunal de Medina do Campo. No 1492 visita o cenobio Alonso Carrillo de Albornoz, bispo de Catania e responsable da reforma dos mosteiros en Galicia, comprobando que estaba habitado polo prior e dous coengos, atopándose cun edificio ruinoso e sen ornamentos sacros nin libros litúrxicos o que levou ao bispo a escribir que "allí no existe la menor observancia de las reglas". Carrillo de Albornoz suprimiu o mosteiro, anexionándoo a San Martiño de Mondoñedo pero permitindo ao prior e coengos vivir na casa ata a súa morte. O derradeiro prior de Pedroso faleceu no 1497. No ano 1544 foi vendido aos señores de San Sadurniño, e a finais do século XVIII xa non quedaban restos.
NEGREIRA
Mosteiro de San Cristovo de Arzón: Bieitos, dependente do mosteiro de Toxosoutos. No 1137, Vermudo Pérez de Traba chegaba a un acordo co abade de Toxosoutos para restaurar a vida monacal en Arzón, resumíndose no documento a historia deste cenobio. Fora fundado polo seu bisavó, o conde don Paio, pero despois "quedou ermo e as herdades que o rodeaban foron despoboadas no tempo das guerras" cos vikingos. O fillo do conde Froila Páez restaurou o mosteiro e a vida nel. Nun preito entre os mosteiros da Nogueirosa (Pontedeume) e os de San Xusto de Toxosoutos (Lousame), o de San Cristovo de Arzón pasou a depender de Toxosoutos. A súa etapa como priorado foi breve, no 1172 documéntase o seu último prior, e en 1226 Afonso IX confirma o couto de Arzón a Toxosoutos.
Mosteiro de Santa María de Portor: Bieitos. No ano 1162 ten un prior á fronte polo que xa debía pertencer a San Martiño Pinario de Santiago de Compostela; neste mesmo ano aparece citado como mosteiro de Santa María de Portus Hodoris. O derradeiro prior foi frei García de Lens. A igrexa de Portor é de orixe románica, conserva algúns elementos (uns arcos cegos, canzorros e capiteis con figuras humanas). A fachada actual e a torre datan do século XVIII.
NOIA
Mosteiro de Sta. María a Real ou de Santa Tasia (Entins): Monxas bieitas. A ecclesia Sancta Talasie documéntase a mediados do século IX. O mosteiro feminino de Santa Tasia aparece documentado en Toxosoutos no ano 1153. A principios do século XII, o conde Vermudo dooullo ao arcebispo Xelmírez quen o agregou á freguesía de San Ourente de Entíns. Pouco se sabe deste cenobio, a non ser que no 1134 aínda estaba habitado segundo figura no testamento de Leonor Gonzáles de Saz. Debeu quedar baleiro a mediados do século XIV, sendo suprimido polo arcebispo de Santiago arredor do 1400 xa que no 1423 fálase do arcediago de Santa Tasia, membro do cabido compostelán. López Ferreiro di que os bens do extinguido cenobio foron cedidos á xudicatura de Villestro. Cóntase que San Campio, un militar romano do século III martirizado por se converter ao cristianismo e cuxo corpo fora depositado no cemiterio romano de San Calixto, foi trasladado a Santa Tasia no ano 1774 por mandato do arcediago de Trastámara. A igrexa actual data do século XVIII.
Mosteiro de Cospindo: Orixe altomedieval. Non quedan restos. A Historia Compostelana indica que en tempos de Diego Xelmírez a catedral de Santiago recibiu de reis e nobres diversas partes ou a totalidade de varios cenobios, entre outros este de Cospindo.
Mosteiro de San Tomé de Nemeño (O Porto do Souto-Nemeño): Agostiños. A igrexa asenta sobre un antigo mosteiro logo incorporado ao priorado do Sar. Nun documento do ano 1105, Pedro Froilaz de Traba e a súa muller Guntrode dotan ao cenobio. Nomeado nas confirmacións pontifícias da diócese de Santiago do século XII. No 1385 está rexido por un prior. No 1443 foi anexionado a Santa María do Sar por mandato do arcebispo Lope de Mendoza. Malia o anterior, a finais do século XV aparece como casa independente, pasando a Santa María da Coruña ao redor do 1500 grazas ao arcediago de Nendos Fernando Vermúdez de Castro. A igrexa, do século XII, ten planta de cruz latina dunha soa nave con presbiterio e dúas capelas laterais. Foi parroquia propia, logo anexada a San Martiño de Cores.
Antonio López Ferreiro, na súa Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela (1899), relata as andanzas de Sisnando Galiárez, un bandoleiro de orixe nobre que xunto cos seus irmáns atemorizou o Val do Ulla, cometendo gran número de tropelías. Nun documento do 23 de agosto do 1032, Vermudo III fai doazón á igrexa de Santiago e ao seu bispo Vistruario de todos os bens confiscados a Sisnando Galiárez. Neste documento menciónanse, entre outros, varios monasterium, saqueados por Sisnando, que había no concello de Teo e dos que non fican restos: Sancta Maria de Badamundi (Santa María de Bamonde), Sanctus Vicentius (Santa Mariña de Lucí), Sanctus Michaelis (San Miguel de Rarís), Sanctus Christoforus de Reis (San Cristovo de Reis) e Sancta Maria de Talegio (Santa María de Teo). Do mosteiro de Rarís (no documento aparece citado como Ranariz) levou consigo o presbítero Aspadio e outros cinco monxes, dous cabalos, 32 bois e vacas, 100 cabezas de gando menor, 31 porcos, un colchón de palla, unha campá, un manto, dúas mantas... Pablo achégame outros dous cenobios. Un o de San Paio, que estaba entre as aldeas da Agrela e Veitureira, na parroquia de Lampai, na aba do monte da Agrela e a carón dun antigo manancial. Figura citado numerosas veces nunha antiga revista que forma parte dos fondos do Fondo Local chamada La Unión de Teo y Vedra, editada en Bos Aires durante os anos vinte aos setenta do pasado século. Na aldea de Coira, parroquia de Reis, preto da linde con Padrón, Pablo localizou unha laxe reutilizada nunha construción cunha curiosa inscrición da que non achego máis datos porque aínda a está a estudar. Logo de consultar os planos antigos que se gardan no Arquivo e de falar cos veciños, sinaláronlle a existencia dun pequeno cenobio, granxa ou capela que houbo nas inmediacións da aldea de Outeito, preto da actual estrada que vai de Pontevea (parroquia de Reis, en Teo) a Carcacía (Padrón). O propietario da inscrición contoulle que proviña dalí e que os monxes foran expulsados do mosteiro de Herbón. Outro veciño relatoulle que a capela estaba nunha finca que pertence á súa familia. Ata os anos cincoenta e sesenta do pasado século XX aínda se podían ver as laxes e estruturas da ermida pero os veciños de Outeiro e Coira levaron as pedras para facer peches, reparar casas, hórreos, alpendres, etc. Un home de Carcacía díxolle que cando foi abandonada a capela do San Bieito, levaron os santos para o mosteiro de Herbón. Remata Pablo Sanmartín que o mosteiro de Herbón ten gran tradición á advocación do San Bieito. De feito, a fonte que nun lateral representa a imaxe de San Francisco é considerada polos veciños como a do San Bieito. No interior do mosteiro hai varias imaxes do San Bieito o que pode avaliar esa relación entre ambos templos.
PROVINCIA DE LUGO
ABADÍN
Mosteiro de Abadín: Segundo a tradición, hai restos dun antigo mosteiro preto da igrexa parroquial de Santa María do século XII.
ANTAS DE ULLA
Mosteiro de Penela (Penela-Cutián): En 1453 faise mención á "hermida e moesteiro de San Pedro de Penela, que así se deçia en outro tempo, que he anexa do dito moesteiro de San Salvador de Billar de Donas...".
Mosteiro de Santiago de Amoexa: No 1943, Ramón y Fernández publicou na Revista de Arqueología un traballo titulado Jornadas románicas por tierras de Lugo onde fala da igrexa de Amoexa, substituíndo o nome de Amoexa polo de Monxa, deducindo que noutro tempo foi igrexa mosteiral de monxas. De finais do século XIII é un documento outorgado entre o bispo de Lugo, Fernando Pérez, e Urraca Fernández de Abancis en que lle doa, entre outras, a igrexa de S. Iacobi de Amoneia. Nesta época a igrexa xa non tiña carácter mosteiral xa que na escritura distínguese entre os beneficios ás igrexas mosteirais (Eiré e Cangas) das demais.
Mosteiro de Vilane (Vilane-Antas de Ulla): Nun documento do 1390 figura unha herdade "que o dito noso moesteyro ha en Vilaane" (Novo Cazón, 1986).
BALEIRA
Mosteiro de San Pedro da Esperela: Segundo a tradición, recollida por Amor Meilán, no ano 813, en tempos de Afonso II o Casto, librouse unha batalla entre moros e cristiáns nas inmediacións da parroquia, no sitio que aínda hoxe en día é coñecido como O Campo da Matanza (hai unha necrópole megalítica). Dous documentos confirman a existencia do cenobio, un de Ordoño I ("In territorio Nera Monasterium S. Petri de Asperella") do ano 857 e outro de Afonso III do ano 900 ("In Gallaecia... Neyram cum possesionibus Sancti Martini de Esperella et Sancti Jacobi de Covas cum omnibus appenditiis earum"). Na Esperela hai unha igrexa de orixe románica que padeceu fortes transformacións no século XVIII. Segundo a lenda, construíuse no lugar onde deixou de correr o sangue que baixaba dende o Campo da Matanza.
CARBALLEDO
Mosteiro de Santiago de Lousada: As únicas noticias sobre o mosteiro achéganas uns documentos, un do ano 1293: "Iohan de Castro, notario iurado do moesteiro de Lousada", e outro do ano 1333, un testamento de Vasco Pérez de Temes, cuxa sepultura se pode ver na igrexa románica, que manda enterrar a súa carne "no mosteyro de Santyago de Lousada". No 1361 figura "Afonso Alvarez, prelado del monasterio de Lousada". No 1296 estaba convertido en abadía segrar, vivindo nela ao menos dous capeláns e un crego. Hai quen sitúa aquí aos cabaleiros da Orde do Temple.
Priorado de Riazón (Veascós): Bieitos. Aquí detívose o P. Sarmiento na súa Viaxe a Galiza. Foi anexo de San Miguel de Oleiros e logo de Chouzán. O edificio actual da reitoral é de principios do século XVIII, con patio, solaina e portas con inscricións nos linteis. Vázquez Saco, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949), sinala o carácter mosteiral da igrexa, e que o cenobio terminou por seren anexionado ao de San Paio de Antealtares, en Santiago.
San Miguel de Oleiros: Xunto a igrexa parroquial, de orixe románica, atópase un edificio en ruínas que foi casa reitoral. Mais, segundo algunhas fontes, polo seu aspecto e tamaño puido acoller un mosteiro. A Colección diplomática del monasterio cisterciense de Santa María de Oseira, de Romaní Martínez, recolle que aquí tivo unha granxa o devandito mosteiro. O mesmo di Nicanor Rielo en Cuadernos de Estudios Gallegos (1970).
Santa María de Temes: Onde se ergue a igrexa actual debeu existir, polas abundantes pezas reaproveitadas na mesma, un importante complexo paleocristián. Nunha doazón de Pombeiro do ano 964 fala do mosteiro de Temanes. Nun diploma do ano 997 faise mención a unha ermida que está no término do mosteiro de Temanes.
San Xoán de Mosteiro: Freguesía que tivo templo documentado no século VII, na coñecida como "División" de Wamba. Tamén se cita no Liber Itacii e na Crónica Naxerenxe. No ano 915 o rei Ordoño II outorga escritura de doazón do territorio a favor da igrexa de León, feito que provocou un longo litixio entre as dióceses de Lugo e León e que ao parecer durou dende o século XI ao XIII. A igrexa actual, construída no ano 1830, disque asenta sobre un primitivo mosteiro templario.
Mosteiro do Salvador de Cancelada (San Tomé de Cancelada): Probable cenobio altomedieval que pasou á catedral de Lugo a mediados do século XII e que foi integrado no patirmonio do arcediago de Triacastela. Coñécese unha licenza do papa Alexandre III ao bispo de Lugo, Xoán, para construír un mosteiro e unha igrexa no Val de Cancelada, en terreos doados polo rei Fernando, e para facer doazón dela aos monxes do Císter. Nun documento do ano 1066, depositado no Arquivo da Catedral de Lugo e citado por Cañizares na súa Colección Diplomática, o presbítero Pelagius Iuliani fai doazón da vila de Dumia ao mosteiro: "concedimus ibidem villam nostram que habemus hic in Dumia". De existir este mosteiro, posto baixo o padroado do Salvador, a data da fundación hai que situala entre os anos 1152 e 1181 en que o bispo Xoán, elixido polo cabido, estivo á fronte da diócese. Este prelado fora con anterioridade abade do mosteiro de Samos. O cenobio menciónase na España Sagrada, do século XVIII, dos PP. Flórez e Risco.
GUNTÍN DE PALLARES
Mosteiro de San Fiz do Ermo: Documentado a mediados do século X, nada se volve a saber del ata o ano 1223 en que aparece citado como monasterium. Foi obxecto de discusión entre as ordes de Santiago e a do Temple, acusando a primeira á segunda de llo ter ocupado indebidamente. A finais desa década aparece xa como encomenda ou bailía templaria nun preito que a orde mantén co cenobio bieito de Ferreira de Pallares. Nun documento do ano 1265 figura un litixio diante do bispo de Lugo, Miguel, entre o abade do mosteiro de Ferreira de Pallares e o comendador de San Fiz do Ermo: "Domnum Lupum comendatorem Sancti Felicis de Heremo, ordinis Milicie Templi". No 1254 o bispo de Lugo recoñécelle os dereitos sobre dezanove igrexas da súa diócese. No 1310 a bailía estaba habitada polo comendador e dous freires templarios que ese ano foron citados polo tribunal de Medina do Campo para comprobar as acusacións vertidas contra a orde e que levarán á súa desaparición. Moitos dos bens templarios galegos remataron en mans dos Castro e entre eles os de San Fiz, pois no 1355 Fernando Ruiz de Castro entregaba o meu couto e erdades de San Fiiz do Ermo a Gonzalo Ozores de Orcellón. Do que foi mosteiro templario só se conserva unha casona onde, ata non hai moito, aínda se podía ver unha pedra armeira da orde do Temple
Parroquia de Castelo: Nun documento do ano 1215 cítase "eclesiam Sancti Salvatoris de monasterio de Castello", e noutro do 1238 "Moestiro de Castelo".
Mosteiro de Santa María de Mosteiro: Crese que houbo un mosteiro feminino polos séculos XI ao XII que pertenceu ou foi absorvido polo de Santa María de Ferreira de Pallares. Na Casa do Priorado atopouse un capitel decorado de tradición visigótica que se conserva no Museo de Lugo o que podería confirmar, segundo Amor Meilán, a existencia deste cenobio en cuxa igrexa exercían xurisdición os señores de Gaioso. A igrexa parroquial, de orixe románica, foi erixida preto dun castro. Estes mosteiros eran patrimoniais e desaparecían pola falla de monxes ou por doalos os seus donos a outros mosteiros e igrexas. Nun alpendre próximo localizamos empotrado nun dos muros un morteiro pétreo e a basa dunha columna, posiblemente romana. Esta parroquia é na actualidade anexa á de Francos.
O INCIO
O Mosteiro de Flanello: Nicandro Ares Vázquez escribe un artigo en Lucensia no que fala da existencia deste mosteiro "in terra de Lemos". En primeiro lugar cómpre aclarar que a actual comarca comprende os concellos de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, e non o do Incio que pertence á comarca de Sarria. Mais don Nicandro xa advirte que a Terra de Lemos non era soamente a contorna da cidade de Monforte e da súa comarca, senón que incluía unha zona máis ampla. Di que no Tombo de Samos atópase un documento no que consta que un presbítero chamado Genitrigus/Genetricus construíu no ano 947 unha igrexa nas súas herdades, situadas "in terra de Lemos". Despois de afondar na toponimia e na documentación que podería alumar a situación do cenobio, Nicandro Ares cre que se ubicaría na parroquia de San Salvador do Mao, nunha vila que no ano 991 se chamaba Planeto: "monasterium Sancti Salvatoris, territorio Lemabus, prope ribulo Omano, fundatum in villa que antea vocabatur Planeto et modo dicitur sanctum Salvatorem". O que si chama a atención é que no documento do 947 se fale de Lemos e non de Lemabus, termo máis usado no Tombo.
Mosteiro de San Salvador do Mao: Dise que se levantaba xunto a vila de Planeto (o Flanello citado anteriormente por Nicandro Ares). Fr. Gregorio de Argáiz (1600-1679), na súa obra de longo título La soledad laureada por San Benito y sus hijos en la Iglesias de España y theatro monástico de la provincia Bética, di que corresponde á terra do castelo Slanillo, preto do río Omano (o Mao), do bispado de Lugo. Nin Planeto nin o Castelo Slanillo deixaron pegada na toponimia actual. Argáiz escribe tamén que recibía o nome de San Salvador de Lemos. A igrexa actual conserva o antigo patrón, e no pobo existe a tradición do desaparecido mosteiro. Outras escrituras falan do seu carácter dúplice e da súa anexión a Samos por Vermudo II na última década da décima centuria. A igrexa figura na concordia que no ano 1195 puxo fin ao longo preito entre os abades de Samos e o Cabido de Lugo sobre a posesión do templo e dos seus bens.
Mosteiro de Santa María do Mao (Santo Eufrasio): Tamén tivo por patróns a San Martiño, Santo Estevo e San Pedro e San Paulo. Na actualidade a igrexa presenta unha nave elevada, con cuberta en lousa a dúas augas. Ao presbiterio, máis reducido ca nave, accédese por medio dun arco de medio punto. No interior, o retábulo renacentista de tres corpos ocupa toda a cabeceira. A porta do sagrario loce un relevo de Cristo resucitado de pé sobre o sepulcro. Na imaxinería salientan as tallas do Santo Eufrasio, Santa María, Santa Bárbara e o San Bieito. O templo foi restaurado hai algúns anos e apenas conserva restos da fábrica orixinal. Exteriormente comparte coas igrexas de San Salvador e San Román, tamén no Mao, a peculiaridade de ter o adro e o cemiterio cuberto por unha estrutura de madeira. Pero o elemento máis destacado é o sepulcro do Santo Eufrasio. Segundo a tradición, foi un dos sete Santos Varóns, discípulos do Apóstolo Santiago, que foran enviados por San Pedro e San Paulo para evanxelizar a Península, establecéndose en Iliturgi (Andúxar), de onde foi primeiro bispo, sufrindo martirio nos primeiros anos da era cristiá. Durante a invasión árabe, os monxes de Andúxar, despois dunha longa peregrinaxe, chegaron ao Val do Mao no 1716, depositando as reliquias na primitiva igrexa. O sepulcro atópase no centro da nave, cuberto por dúas grandes pedras superpostas. A pedra superior, primitiva, conserva unha inscrición borrosa referente ao traslado das reliquias do Santo Eufrasio a Andúxar no ano 1596. Nun dos muros do templo hai unha inscrición de irmandade entre os veciños da aldea e os de Andúxar. A romaría na súa honra celébrase o 15 de maio. Sobre este santo publicou unha monografía no ano 1955 Pedro López Rubín: Santo Eufrasio, Varón Apostólico. Segundo o bispo Antolín López Peláez, no seu El monasterio de Samos (1894), o cenobio de Santa María do Mao foi do real patrimonio dende os tempos de Ramiro I, que reinou entre os anos 842 e 850, ata que Sancho o Craso llo cedeu aos monxes de Andúxar. Fronte á igrexa está a coñecida como Casa do Priorado, con dúas pedras armeiras do mosteiro de Samos.
Mosteiro de Neira de Rapados (Vilaleo): Segundo Nicandro Ares Vázquez, o composto do topónimo, Rapados, pode facer alusión a uns frades rasurados (ou tonsurados), porque nesta parroquia baixo o padroado de Santa María estarían antes monxes e na limítrofe de San Salvador de Toirán habería monxas, tal como adoitaban elixir os santos protectores os mosteiros dúplices.
Mosteiro de San Salvador (A Eirexe-Toirán): Aquí puido estar o "monasterio Sancti Salvatori in villa que vocitant Bandi, in ripa Narie", fundado por Lucito Gundesindiz e Domna Eiloni, segundo se cita en documentos do Tombo de Samos en 982 e 1057. No 982 cítase o mosteiro de San Salvador e Santa María na ribeira do Neira, o cal tiña os seus límites "per termino de Sancto Pelagio". En Sampaio (Neira de Cabaleiros) estaba o mosteiro familiar de San Paio no ano 1057: "Monasterium territorio Galletie prope monasterio Sancti Salvatoris de Bandi, inter Tordena e Naria; vocitant ipsum monasterium Sancti Pelagii et sociorum eius". Consérvase unha inscrición do ano 1133. Este mosteiro fora propiedade de Ledegundia, e atendendo tamén ao seu titular, San Paio, vese que foi de mulleres (Ares Vázquez, en Lucensia 2009).
Mosteiro de San Vicente: Crese que Carracedo puido ser o lugar onde estivo o "monasterium de Sancti Vicenti de Lancara" (San Vicente é o patrón da parroquia), citado así nos anos 1119, 1122, 1123 e 1133, aínda que di que puido estar en Leirado (sobre a porta hai unha cruz de malta ou patada), parroquia de Armea, porque aquí existiu o lugar de San Vicenzo e a ecclesia S. Vicenti de Leirado, segundo documentos dos anos 1175 e 1195, se ben no ano 1091 lese Sanctum Vicentium de Armena.
LOURENZÁ
Mosteiro de San Adrao: De carácter familiar, foi doado no ano 969 ao mosteiro de San Salvador de Lourenzá. A pía de auga é un miliario romano dun metro de altura. A igrexa, do século XVI, está moi reformada onde salienta o campanario barroco. No interior hai un retábulo do século XVIII e unha cruz procesional do século XVI.
Mosteiro de San Fiz de Cazolga ou dos Macabeos: A capela actual foi construída no ano 1940, substituíndo a outra máis antiga que pertencía ao mosteiro de San Fiz e os Macabeos e mandada erixir, segundo a tradición, polo Bispo Santo. No Archivo Histórico Nacional consérvase un documento datado no ano 933 que fai alusiónn a este mosteiro, situado na faldra do monte denominado Cornaria: "In nomine domine nostri ihesu christi uobis dominis meis santisque martiribus sancti felicis et machabeorum quorum ecleisa fundata esse dignoscitur in ripa de riuulo uocabulo masma subtus monte cornaria".
LUGO
Convento das Doniñas: Segundo recolle Nicandro Ares Vázquez, en Santalla de Bóveda existe a tradición dun chamado Convento das Doniñas que estaba a dous quilómetros da aldea, no vilar de Valín, máis do cal non se coñece ningún documento.
Ermida do San Amaro (Conturiz-Santo André de Castro): Ata o día 19 de maio de 2015, tiña catalogada como unha "torre defensiva" os restos desta ruinosa edificación situada en Conturiz, e como tal, ademais de neste blog, tamén a colguei no facebook. Foi entón cando vin un comentario de Adrián Gómez no que contestaba que non se trataba dunha torre senón dunha capela. Para subsanar o erro púxenme en contacto con Adrián quen axiña me enviou unha información que eu descoñecía. Contoume que, segundo os veciños, trátase das ruínas do convento ou mosteiro de San Amaro. Na ligazón a unha publicación que me achegou (Los trasmeranos en Galicia: la familia de los Arce, obra de Ana Goy Diz publicada nas Actas do simposio Juan de Herrera y su Influencia, 1992), di que se conserva a escritura do contrato de Gaspar de Arce no ano 1584 cos canteiros Gregorio do Barro e Alonso Rodríguez para que levantaran as paredes de mampostería. A obra atopábase nas inmediacións da vivenda dos condes de San Amaro que disfrutaban a capela en réxime de padroado. Comentoume Adrián que pola zona hai, ao menos, dúas pezas graníticas con cruces, unha das cales vin reaproveitada no peche dunha casa. Moitas pedras da capela, que se atopa en moi mal estado de conservación, foron espoliadas para outras construcións. Vaia dende aquí o meu agradecemento a Adrián Gómez por tan valiosa información quen tamén me dixo que na mesma parroquia hai os restos dunha vella igrexa, San Román, da que se di que son restos romanos ou tardorromanos ou quizais posteriores, mais si semella que anteriores ao século X.
Mosteiro de Meilán: Polo ano 930, o presbítero Regito fundou o mosteiro de Santiago de Meilán. Sucedeuno o seu sobriño do mesmo nome, quen á súa vez légao á igrexa de Lugo e ao seu bispo Pelaio quen ordena de presbítero e pon á fronte da igrexa mosteiral a Desterigo quen, no seu testamento, establece o dereito sucesorio a favor dos seus sobriños Afonso e Andulfo. Despois de varias vicisitudes, o mosteiro cae nas mans de Pelaio quen, conta Vázquez Saco (1947), dispón dos bens mosteirais e déixaos en testamento á súa filla Trodili. O bispo Amor (1088-1096) rexeita o testamento e faise cargo da facenda do cenobio, aínda que, "movido máis tarde a misericordia", déixallo ao actual posesor e ao seu sucesor inmediato. A igrexa de Meilán e os seus bens non foron definitivamente adscritos á igrexa de Santa María de Lugo ata o ano 1123, cando estaba en mans do conde Munio Peláez. A fábrica románica da igrexa foi bastante alterada por reformas posteriores.
Mosteiro de Saamasas: Hoxe é un arrabaldo da capital lucense, onde o presbítero Félix no ano 923 cedía a aquel mosteiro "villa quam dicunt iuliani", denominación que segundo Nicandro Ares pode corresponder a Xián ou Cián, en Taboada. No Museo Diocesán de Lugo consérvanse sete pracas rectangulares e planas decoradas. A importancia destes relevos vén dada tanto pola súa calidade artística, como polo interese que esperta o seu carácter e función, ademais da interpretación dun epígrafe. Ao parecer trátase das pracas dun canel de época visigótica de finais do século VI ou principios do VII, correspondentes á primitiva igrexa onde no século XX aparece citada como mosteiro de Sanctas Masas. O cancel separaba a parte sagrada do altar da adicada ao resto dos fieis.
Mosteiro de San Miguel de Bacurín: Bacurín aparece no testamento de Dona Ximena no ano 964, onde doa ao mosteiro de San Xoán de Mera, "basilica sita est et monasterium constructum in valle Mera prope fluvio Minei, sub urbe lucense, villa que dicunt Quarto", a vila de Mera e outros lugares próximos, entre eles Bacorini. Nun documento do século XII onde se recollen as regalías de Santa María de Lugo, entre outros, de "Sancto Michaele de Bacorin, casale de domno Romano". É probable que se tratara dun pequeno mosteiro familiar de corta vida. Na primeira década do século XIII aínda existía eiquí unha comunidade monástica. No 1211, a abadesa Dona Gontroda Rodríguez doa o dereito que ten "in monasterio Sanct Michaelis de Bacorin" á Igrexa de Santa María de Lugo.
Mosteiro de San Xoán de Mera: Citado por Ares Vázquez, tratábase dun mosteiro familiar situado no que hoxe en día é Seoane Alto, anexa do Burgo. A primeira mención é na copia do testamento do bispo Odoario no ano 747, cando se cita a ecclesia sanctii iohannis de mera. Noutro discutido documento do ano 897, o rei Afonso III confirma ao bispo Recaredo e á igrexa lucense moitos territorios, entre os cales se mencionan as igrexas de "In mera eclesiam sancte eolalie alte, ecclesiam sancte marie que dicitur alta, et sanctum ioannem de mera cun familia". O P. Yepes cita un documento do ano 985 onde fala de que o mosteiro de San Xoán, no territorio que chaman Mera, pola Era de mil e vinte e tres, estaba sito cabe a cidade de Lugo, non lonxe do río Miño, e era de monxes e de monxas. Pero Yepes non sinala con exactitude o ano da fundación de tal cenobio, pois no Archivo Histórico Nacional (Tombo de Sobrado) consérvase a copia dunha escritura datada o día 17 de xuño do ano 964, na cal unha muller chamada Ximena di que aquel mosteiro fora construído polos seus pais no val do Mera preto do río Miño, non lonxe de Lugo, na vila que chamaban Quarto.
Mosteiro de Santalla de Cuíña: Mencionado nos anos 995, 997, 999 e 1017.
Mosteiro de Santalla de Fingoi: Nun documento do ano 995 consta que unha muller de nome Faquila doa ao rei Vermudo II o mosteiro de Santalla de Fingoi con todas as súas pertenzas. Tamén consta en documentos dos anos 1042, 1086 e 1088 onde se cita o "monasterium Sancti Antonini de Fingoi". En xullo do 1071, a infante Elvira, filla de Fernando I, doa ao bispo de Lugo varias vilas que foran do mosteiro de Fingoi. No do 1088, Afonso VI doa ao bispo de Lugo varias vilas e igrexas suxeitas aos mosteiros de Santalla e Santuíño de Fingoi e os dereitos rexios da cidade de Lugo.
MONFORTE DE LEMOS
Convento-Hospital do Sancti Spiritus de Monforte: No século XIII hai referncias dun "Hospital de Lemos", mais descoñécese con exactitude a data da fundación. As primeiras noticias datan do ano 1564, nun Libro de Xuntas do mosteiro de San Vicenzo do Pino do ano 1577. Sábese que no 1683 xa existía o Hospital do Sancti Spiritus, propiedade do Concello e administrado polos Irmáns Obregones, con anterioridade á entrada dos Hospitalarios. Os Obregones deben o nome a Bernardino de Obregón (Burgos, 1540-Lisboa, 1599) que serviu aos pobres enfermos, agregándose logo outros compañeiros que co tempo tomaron o nome de Hermanos Mínimos de Bernardino de Obregón, e que profesaban na orde dos Agostiños. Por Real executoria librada polo Supremo Consello e Audiencia de Cámara, Eugenio Aguado, en 19 de outubro de 1753, na cal se insire a súplica elevada por dona Rosa María de Castro e Portugal, condesa de Lemos, a fin de aprobar e sancionar a transación e concerto entre dita señora e o licenciado Francisco Gil, en nome da vila e Concello de Monforte a 9 de outubro de 1752, na vila de Madrid, con referencia a poñer ao cargo dos relixiosos de San Xoán de Deus o Convento-Hospital do Sancti Spiritus e o Hospital de San Lázaro e a cuxa cabeza debería de estar Fr. Bartolomé Márquez, cedéndolle ao efecto o edificio, bens e rendas da súa anexión, con outras agregacións e baixo determinadas condicións. As últimas noticias sobre a presenza dos Hospitalarios en Monforte, que ocupaban as dependenzas do antigo Concello, datan de principios do ano 1833.
Convento de San Xacinto de Monforte: Sitúabase onde está a igrexa de San Domingos da Régoa, edificada na primeira metade do século XVI na faldra do monte de San Vicenzo do Pino, agás a sancristía e o edículo de Nosa Señora do Rosario. No interior conserva un espléndido órgano do ano 1888, realizado por Pedro Méndez segundo figura nunha inscrición situada na traseira. O convento foi fundado no século XVII (ano 1621) polos condes de Lemos e ocupado polos dominicos. O freire Aureliano Pardo Villar, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949), fala deste convento menor (citado tamén no Boletín da Real Academia Galega do ano 1931). Di que durante a Guerra da Independencia converteuse nunha fábrica militar, onde se equipaba de armas aos paisanos da comarca, e construíanse canóns de madeira, escavando troncos de árbores que se rodeaban con aros de ferro; estes canóns podían resistir ata doce disparos. O prior do convento, Fr. Domingo Barbeito, que foi asasinado polos franceses, non contaba máis de corenta anos de idade. Tamén foi barbaramente martirizado o irmán leigo Fr. Simón Vega, de sesenta anos. Outro irmán leigo, Fr. Andrés de San Vicente "embalsamó los claustros de este convento con el aroma de sus excelsas virtudes" na segunda metade do século XVIII; morreu cumpridos os setenta anos, pouco antes do 6 de maio de 1796. Do fundador e primeiro prior deste convento, Fr. Justo de Oviedo, sábese que morreu entre os anos 1643 e 1645, como así figura nas Actas do Capítulo provincial deste último ano. Este Fr. Justo foi tamén o derradeiro prior do convento da Purificación de Pantón, do que falo na entrada correspondente a ese concello.
Mosteiro de Cinsa (Cinsa-Baaamorto): Segundo recollo de Nicandro Ares, en Cinsa estivo ubicado o mosteiro de Sancto Ihohanne de Cinissa, do cal queda na microtoponimia a Casa Priorato con emblemas da cruz de Malta, utilizada polos hospitalarios de San Xoán.
Convento de San Antonio: Franciscáns. Citado por J. M. Pita Andrade na súa obra Monforte de Lemos (1952): "... con los barrios de Remberde en donde está el Convento de las Religiosas Descalzas y con el de los Abeledos en donde está el Convento de San Antonio de la Orden de San Francisco...".
Priorado de San Salvador de Moreda: Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745.
Mosteiro de Santa María de Carteire: Nunha escritura do ano 956 do conde Osorio Vistrariz e da súa muller Teodili Pepiz faise mención aos mosteiros de Santa María de Carteire e de San Fiz do Hermo. Os donantes, oprimidos polo peso dos seus pecados e aterrorizada a súa conciencia polos crimes que cometeran, desexan reconcilarse con Deus, ofrecendo os bens que posuían naquela comarca. Deste mosteiro non se coñecen restos.
Priorado de San Román de Moreda: Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. Tratábase dun priorado ou granxa dependente do mosteiro de Samos. Dende o ano 1832 exerceu como prior e cura o P. Sebastián Rueda. Nun documento do ano 1175 cítase "in terra de Lemus ecclesiam sancti Romani de Moreda".
PARADELA
Mosteiro de Santa María de Loio, Santa María de Ribalogio ou de Argentario (Cortes): Do antigo mosteiro de orixe eremítica fundado no século VIII, vencellado ao Camiño a Santiago, só se conserva a capela románica do século X, posiblemente construída sobre outra máis antiga. A capela foi restaurada polo monxe Quintila no s. XI. No século seguinte acométense importantes reformas. Consta dunha nave á que se accede por unha porta con arco de ferradura. A espadana, dun oco, remata nun pináculo. Dise que aquí naceu a orde dos Cabaleiros Cambiadores (tamén coñecidos como os Templarios galegos) que deu orixe aos Cabaleiros de Santiago, feito que nega F. J. Pérez Rodríguez (2008). Tamén se di que foi casa nai da Orde de Santiado da Espada, fundada no 1170 en Estremadura co nome de freyles de Cáceres, sumándo a ela os coengos regulares de Loio. Un dubidoso documento do mosteiro de Celanova do día 23 de decembro do 927 dise que se restaura a vida monástica. Si se sabe que no 1102 a raíña dona Urraca fai doazóns á igrexa da Lama dicindo que lle pertencía porque fora de dous mosteiros seus: o de Santa María de Portomarín e o de Santa María de Loio. No 1175 encabeza como monasterium os bens e dereitos da orde de Santiago na confirmación dun privilexio pontifício, e noutras de anos posteriores. No 1230 aparece un comendador á súa fronte. No 1254 os cabaleiros entregábanno á Igrexa de Santiago de Compostela, pasando a forma parte da sé xacobea onde permanecerá o resto da Idade Media. Nunha crónica da orde redactada no século XV cóntase o protagonismo que no nacemento dela tivo Sant Loyo, casa agostiña que se ten identificado con Santa María de Loio cando, en realidade, ese priorado situaríase na cidade de León, tratándose do de San Clodio.
Priorado de Santa María de Mirallos: Foi priorado da Encomenda de Portomarín. A carón do Camiño Francés, tiña hospital para acoller aos peregrinos. A igrexa, de orixe románica, pasou a ser parroquia no século XVIII, foi trasladada, pedra a pedra, dende Ferreiros no ano 1790. Diante da porta principal hai unha pía con diferentes símbolos.
Priorado de San Martiño de Piñeira: A única testemuña sobre a existencia deste mosteiro aparece nunha dubidosa doazón de Afonso VII ao presbítero Paio Vermúdez e aos seus fratibus no 1124 ou 1154 a petición de Fernando Pérez de Traba e que o rei lles cedía os coutos de Piñeira, O Ivedo e Trasmonte. En Vilachá consérvase un conxunto etnográfico formado por 42 adegas familiares con orixe no século XII que foran doadas polo rei Afonso VII e que no século XIII pasou a depender do mosteiro de Montederramo que potenciou a viticultura e a construción das adegas. Tras a desamortización do ministro Mendizábal, as pedras do priorado foron reutilizadas noutras construcións.
Santiorxo (Liñares): Na España Sagrada dos PP. Flórez e Risco (1747) cítase un documento do ano 1254 que alude a unha igrexa mosteiral pertencente aos templarios.
Mosteiro de Santa Baia de Ermolfi (Santalla da Devesa): No Catálogo de documentos medievales, escritos en pergamino, del Archivo de la Catedral de Mondoñedo (871-1492), confeccionado polo coengo e arquiveiro da citada catedral Enrique Cal Pardo, faise alusión a un documento do ano 973 o cal fai referencia á fundación do mosteiro en Sta. Eulalia de Ermolfi que se debe identificar con Santalla da Devesa, onde a conversa Iquilo concédelle ao bispo Armentario varios lugares daquela bisbarra. Na catedral de Mondoñedo consérvase un pergameo do ano 1002 que fai referencia a este mosteiro.
Mosteiro de San Martiño de Esperantón: Coñecido como de Sperautani ou Sperautano. No Boletín da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo (1978), Pedro Reigosa Pedrosa di que a fundación deste mosteiro data do século VIII, en virtude dunha concesión do sitio e término do seu emprazamento, feita polo rei Silo no ano 775 aos seus fundadores Pedro, presbítero, Alante, converso, Labino, converso, Avito, presbítero, e Laurentino, presbítero. Estes monxes, segundo consta na escritura orixinal que se conserva no arquivo da Catedral de León, acodiron ao rei Silo, e bicándolle os pés suplicáronlle lles dese un lugar de oración no Cellario que pertencía ao rei, entre os ríos Eo e Masma e os regueiros Alasancia e Mera. Don Silo fíxolles esta concesión por medio do abade Sperautano ou Sperauta (de aí o nome do cenobio), e acotou na concesión os términos de terreo adxudicado, un dos cales era o monte que está por riba de Trabada, outro o chamado Pelagum nigrum (Pozo Mouro), e os sinalados ríos e regueiros. Un documento do ano 1214, pertencente á colección diplomática do mosteiro de Meira, sitúa a herdade de San Martiño de Esperantón na ourela do río Eo, nas proximidades de Ribadeo. Villa-Amil y Castro, na súa Crónica de la provincia de Lugo, supón que estivo na actual parroquia de Celeiro, inmediata ao río Masma e ao Pozo Mouro, do concello de Barreiros. Amor Meilán pregunta se non sería construído nun dos lugares de San Cosme de Barreiros e San Miguel de Reinante, que se chaman aínda hoxe co nome de Áspera. Outros colocan o emprazamento do mosteiro en Cabarcos ou en San Martiño Pequeno, que é da Fórnea. Mesmo non faltou quen o levou para a vila de Trabada, porque alí houbo un mosteiro de Santa María ata a exclaustración do 1836, hipótese imposible xa que os cenobios de Trabada e Sperautano coexistiron no mesmo tempo e ambos foron doados ao mosteiro de Lourenzá.
RIBAS DE SIL
Mosteiro de Santa María de Torbeo: A primeira noticia deste mosteiro data do ano 1241, cando o abbas Johannes Petri de Torveno é testemuña dunha venda a Montederramo. No século XIII a súa comunidade está formada por cregos. Consérvanse varios foros dos séculos XIV, XV e XVI. No 1328 o seu abade Pedro Leal preside unha congregación de seis racioneiros. A igrexa, de orixe románica do século XII, pertenceu a un pequeno mosteiro que se levantaba no lugar pertencente aos bieitos. Destruída por un incendio no ano 1936, só quedaron en pé os muros. No interior consérvase parte dun epígrafe gótico. A nave é de planta rectangular con ábsida de tramo recto con testeiro redondo. Acaroadas á nave érguense dúas capelas con bóveda de canón engadidas no século XVIII. A porta principal presenta tres arquivoltas, e no cimaforte ábrese un óculo con tres círculos concéntricos ornamentado con touros, escocias e billetes.
SARRIA
Mosteiro de Barxa.
Mosteiro de Calvor: Fundado no ano 785, no lugar que ocupaba un antigo asentamento castrexo. O arciprestre Theodonando púxoo baixo a tutela de Samos no ano 902. Do antigo cenobio só se conserva un capitel visigótico dentro da igrexa.
Mosteiro de San Paio de Cesar (Cesar).
Mosteiro de Santa María de Corvelle: Consérvase a igrexa de orixe románica.
Mosteiro de Froián ou de "Martolanes" ou "Mortolanes" (Froián): Di Lucas M. Álvarez que no Tombo de Samos hai un docmento onde consta que o 18 de marzo do ano 907 un presbítero de nome Sesericus fai un pauto monacal, entregando a súa persoa e os bens patrimoniais á igrexa de Santiago Apóstolo, cuxas reliquias gárdanse na vila que chama Martolanes. Nicandro Ares Vázquez sinala que no mesmo Tumbo, un matrimonio doa varias posesións a Samos, entre outras a vila que está en San Pedro, nos Campos, onde din Martolanes e que, polos nomes dos lugares que se citan, localizaríase na parroquia de San Pedro de Froián, o cal estaría no lugar da Ermida. No ano 976 menciónase en Froián as igrexas de San Vicente e de Santiago, e arredor do 1009, Sancti Iacobi... in villa... Martolanes nun documento do ano 907. Da primitiva igrexa románica quedan poucos vestixios. Nunha doazón do ano 1028 aparece citada a igrexa de Froián no lugar que "dicitur Avolin, in territorio Froliani, subtus eclesia Sancti Vicenti".
Mosteiro de San Adrao do Monte Páramo: A ermida do San Marco atópase na serra do Páramo, parroquia de Biville, e non moi lonxe da divisoria co concello do Páramo, a 849 metros de altitude, e de onde se divisa unha espléndida panorámica. Dise que asenta sobre un castro, se ben nos non atopamos pegadas claras do mesmo. Na Alta Idade Media ergueuse un eremitorio que co tempo se converteu nun pequeno cenobio cuxa primeira mención data do ano 899 en que o rei Afonso III confirma distintas posesións da igrexa de Lugo. No testamento de Sumilano do ano 976 fai doazón ao abade de Barbadelo da igrexa de San Adrao do monte Páramo. No ano 1009, o abade de Barbadelo dóalla ao abade de Samos, citándose no Tombo deste último mosteiro como Sancto Adriani in monte Paramo. Outros documentos dos séculos XVI e XVIII fan alusión a esta capela. O Catastro de Ensenada, de mediados do século XVIII, nomea en Biville a Fonte de San Adrao. Nada se sabe cando mudou a súa advocación do San Adrao pola de San Marco, como tampouco de cando data exactamente a romaría que se fai na honra deste santo evanxelista, coa beizón dos campos e as peticións que lle solicitan os devotos. Acaroados á capela, construída sobre unha pena granítica, vense tres sártegos medievais escavados na rocha, se ben hai que conxectura que poden ser suevos ou visigodos. Nesta mesma rocha vese unha coviña artificial de dez centímetros de diámetro. Non moi lonxe tamén localizamos unha pía de 24 cm de diámetro, e dúas coviñas illadas, tamén feitas por man humana. A poucos máis de 300 metros da ermida está a coñecida como Fonte das Virtudes. Nesta serra do Páramo están localizadas 11 mámoas, tres pertencentes ao concello de Sarria e oito ao do Páramo. Os elementos prehistóricos (mámoas, petroglifos e posible castro) apuntan a que o lugar foi cristianizado por considerarse como pagano.
Mosteiro de San Antolín: Nicandro Ares cita o mosteiro de Sancto Antonino na parroquia de San Antolín. Entre o 1020 e o 1061 o abade doa a Samos o seu mosteiro con todas as posesións, entre outras "in territorio Triacastella, in villa Ranimiri, villa que comparavimus de Baltario Randiniz et hic in ipsa villa...".
Mosteiro de San Martiño.
Mosteiro de San Mateo (Calleiros-Vilapedre): Sábese da existencia dun cenobio familiar posto baixo o padroado do apóstolo San Mateo, fundado o 17 de maio do 960 por Egereldo e Rósula, poñéndoo baixo a xurisdición de Samos: "est ipsum monasterium territorio Gallacie, costa mans Paramo, discurrente fluvio Sarrie, villa quam nuncupant villa Petri et ecclesie Sancti Mathei apostoli et evangeliste". Malia que o PXOM do Concello de Sarria lévao para o sitio onde se ergue a igrexa e o cemiterio de San Fiz de Vilapedre, a tradición sitúao nunha finca de Calleiros, parroquia de San Miguel de Vilapedre, onde hai uns quince anos se celebrou unha festa en honra do santo. Que eu saiba non se coñecen restos, se ben unha pía bautismal en granito que hai xunto a igrexa de San Fiz puído pertencer ao desaparecido cenobio.
O SAVIÑAO
Mosteiro de Santa Cecilia de Freán: Foi algún tempo mosteiro. A xurisdición civil e criminal era do conde de Lemos. O mosteiro dá a congra e os décimos a un sacerdote para que administre os Santos Sacramentos aos fregueses, e a comunidade tiña tamén o dereito de presentación por estar unida a Rosende.
Mosteiro de Nazara: Sobre este mosteiro de Nazara ou Naraza, do que non queda pegada algunha na toponimia, tense escrito (Argaiz) que pode ser o mesmo que o de Santo Estevo de Ribas de Miño. Deste mosteiro, suxeito a Samos, escribe Vázquez Seijas (1947) que só poderiamos saber se se trata do mesmo, en todo caso, polos fondos documentais do cenobio samonense. Deste mosteiro, situado in villa Nazara tamén fala o P. Yepes. Castro López, en Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca, limítase a nomealo entre as lembranzas mosteirais da ourela esquerda do Miño.
SOBER
Canabal: No ano 1244 cítase en Canabal unha bailía da orde monástico-militar dos Templarios. Neste mesmo documento dise que estes monxes posuían "de Canabal de Spasandi, de Sancto Georgio de Canedo", etc.
Mosteiro de Santa María de Amandi: No ano 841, Afonso II doa á igrexa de Lugo "in territorio Verosimo, prope rivulo, iuxta Castrum vocitatum Francos, aliud monasterium ab antiquo dictum S. Mariae de Amandi..." No 897, Afonso III confirma á igrexa lucense "in Verosmo monasterium Sancte Marie de Amandi cun eclesia S. Tirsi et iu adiunctionibus ab integro".
Priorado de Doade: Foi fundación bieita que dependía do mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte. Relacionado coa producción do viño, coa Desamortización de Mendizábal do XIX remataron os dezmos que tiñan que pagar os vecinos da zona, século que pasou a mans particulares.
Priorado de Portizó (Anllo): No Inventario Artístico e Lugo y su Provincia (1976-1983) cítase o Priorato de Portizó con restos dunha capela e unha alusión ao abade de Meira.
Priorado de San Miguel de Rosende: Bieitos. Sábese que xa existía no ano 1246, dependente de Santo Estevo de Ribas do Sil. Apenas queda algún resto románico na varias veces reconstruída igrexa.
TRABADA
Mosteiro de Santa María: Na vila de Trabada houbo un mosteiro, coetáneo do cenobio de Sperautano (ver a entrada en Ribadeo) que permaneceu activo ata a exclaustración dos monxes no ano 1836.
TRIACASTELA
Mosteiro de Ramil: Nicandro Ares cita un documento do ano 1122 no que consta que un tal Fernando Roderiquiz dóalle ao bispo de Lugo, Pedro III, e aos seus coengos, varias herdades entre as cales está a "sexta monastei de Ramir".
Mosteiro de San Pedro do Ermo (A Balsa): Ao parecer xa existía cando o conde Gatón o restaurou no ano 919. O que non se pode dicir, como apunta Nicandro Ares, é que foi Gatón quen o fundou, mais que si doou ao mosteiro a vila de Ramil. O etimólogo cita un documento do ano 1122 onde un tal Fernandus Roderiquiz doa ao bispo de Lugo, Pedro III, e aos seus coengos varias herdades, entre outras, a "sexta monasterii de Ramir".
O VALADOURO
Convento da Veiga de Santa Cruz: Non se conservan restos. Dise que o Adán e a Eva flanqueados por Satanás que se ve no lintel da igrexa de Santa Cruz do Valadouro procede deste cenobio.
Mosteiro de Bermún: Na parroquia de Santa Cruz do Valadouro. Bieitos. Desaparecido. Na documentación antiga aparece como Vermundo. Segundo Amor Meilán foi fundado polo Conde Santo. Hai investigadores que cren que os mosteiros da Veiga de Santa Cruz e Bermún eran o mesmo.
O VICEDO
Mosteiro de San Miguel da Illa da Coelleira: Segundo Amor Meilán, a súa fundación remóntase ao século V polo bispo Consencio. Os primeiros documentos datan dos anos 1095 e 1099. Sábese que estivo rexentado polos Coengos Regulares de San Agostiño, mais a ausencia de documentación dende o 1099 ata o 1420 deu lugar a varias lendas que sitúan aquí aos templarios. No 1485 o seu prior cédeo a San Martiño de Mondoñedo, confirmación concedida no 1489 polo bispo de Mondoñedo e no 1490 polo bispo de Catania. Aparece citado nun documento do ano 1488, nunha relación do bispado de Mondoñedo para o pagamento do subsidio da guerra de Granada, tendo que aboar a cantidade de seis mil cincocentos marabedís, o mesmo que San Miguel das Negradas. Manuel Gago, no seu Capítulo Cero, achega un artigo titulado No ronsel das barcas de Coiro, explorando o mosteiro de San Miguel da Coelleira. Nunha visita á illa no ano 2014, Gago localizou uns posibles restos do primeiro mosteiro nunha ruinosa construción que pode corresponder a unha obra do ano 1522, cando o bispo de Mondoñedo ordenou "arreglar la compostura" do cenobio.
Mosteiro da Insua de San Martiño: É moi complicado seguir a súa traxectoria xa que é o único mosteiro bieito do que non se conservan documentos anteriores á súa anexión a San Paio de Antealtares no ano 1504.. Sábese que era de carácter patrimonial e familiar. Só se conservan algunhas pedras esparexidas polo illote situado preto da desembocadura do río Sor.
Mosteiro de San Miguel das Negradas: Di Pérez Rodríguez (2008) que este mosteiro é o peor documentado de toda a Idade Media galega posto que só se sabe del en 1488, cando aparecer na relación feita polo bispado de Mondoñedo para o pagamento do subsidio da guerra de Granada, correspondéndolle pagar seis mil cincocentos marabedís, o que indica que é un dos máis pequenos e pobres da Galicia medieval. Foi a última casa feminina en incorporarse á observancia de Valladolid. A súa última prioresa foi dona María Viçosa, que a pesares de que a audiencia arcebispal de Santiago a apoiou, ao final a casa pasou á Congregación de Valladolid no ano 1514; no 1543 foi absorvida por San Paio de Antealtares.
Priorado de Prado (Prado de Miño): Consérvanse as ruínas dun edificio que segundo a tradición acolleu unha orde monástica.
COLES
Mosteiro de Santa María da Barra (A Barra): A Barra, ao parecer, foi encomenda dos Sanxoanistas, couto doado a Fernando Oduáriz por Afonso VIII como recompensa a súa axuda contra os sarracenos.
Mosteiro de Paradela: Citado nunha doazón do ano 986 das vilas de Vascones et Sancta Eulalia in Bubalo, en Carballedo (Andrade Cernadas, 1995).
Mosteiro de Santa María de Barcia (Quins): Posible orixe altomedieval. Casa independente nos primeiros anos, no 1160 pasou a depender do mosteiro de Melón. Crese que mentres se construía o mosteiro de Melón, os cistercienses residiron aquí. Segundo Freire Camaniel a existencia de Barcia como mosteiro baséase só nuns poucos documentos de Melón. Debeu desaparecer antes do século XV. Posuía, entre outros, o couto de Rubillón e a granxa de Monterrei (Senín).
MONTEDERRAMO
Priorado de Seoane Vello: Aínda que non existen datos documentais, crese que a orixe do mosteiro de Montederramo estaría en Seoane Vello no século X. Mais do século XII consérvase algún documento que citan o cenobio de Montederramo como de Seoane de San Xoán Vello ou San Xoán Vello, pertencente á orde dos bieitos. Segundo consta nun docmento asinado en Allariz no ano 1124, o mosteiro de Montederramo foi refundado por Tareixa de Portugal, rexistrándose por primeira vez a denominación Rivoira Sacrata. No interior da igrexa hai un miliario adicado a Caracalla que actúa como soporte do altar maior.
Convento dos xesuítas: Atopábase onde se ergue o parador de turismo. Desapareceu na súa totalidade cando a Desamortización.
PARADA DO SIL
Mosteiro de San Adrao: Documentos do mosteiro de Celanova e da catedral de Lugo falan da súa importancia no século X, sinalando que xa existía no século VIII. No século XII pasou a dependender do mosteiro de Montederramo. Consérvanse algúns posibles restos no cruce que leva a Barxacoba reconvertidos en adega, e quizais no muro dunha casa restaurada que hai en fronte.
Mosteiro de San Cibrao: Documentado no século X. O mosteiro de Montederramo logrou no 1171 que llo cedera Fernando II quen suprimiu a vida monacal segundo consta na protesta que o bispo de Ourense fixo a Roma.
Mosteiro de San Lourenzo de Ribas de Sil ou de Caldelas: Posible orixe altomedieval. Por documento outorgado polo futiro rei de León e Galicia Fernando II no 1155, concede ao capelán Rodrigo Menéndez, fillo de don Mendo, o mosteiro de San Lourenzo de Caldelas, preto do río Sil, que se ubicaría, posiblemente, xunto a igrexa de San Lourenzo de Barxacova que no século XII pasou a ser bailía da encomenda de Quiroga, dependente da orde de San Xoán de Xerusalén. Nun dos muros da igrexa pódese ver unha cruz de Malta e un escudo, e nun muro do cemiterio unha pedra cunha inscrición do revés que foron reaproveitadas dunha construción anterior e que ben puideron pertencer ao desaparecido cenobio. En San Lourezo atópanse as ruínas da capela e a necrópole medievais de san Vítor formada por tumbas escavadas na rocha dependentes, primeiro de San Lourenzo e despois de Santa Cristina de Ribas do Sil.
Mosteiro de San Miguel: En Sacardebois. Cenobio feminino. Existen referencias documentais do século XII, cando Fernando II o doa ao mosteiro de Montederramo. A imposición das normas gregorianas en Galicia supuxo o fin da vida monacal en San Miguel.
Mosteiro de Sabucedo: Posto baixo a advocación de San Salvador e Santa María. Hai investigadores que manteñen que se trataba de dous cenobios, o do Salvador e o de Santa María, fundados por dona Goda. Morta esta e a súa filla dona Lupa, pasa á súa parente dona Trudilla que vivía en terras de Monterrei. Cando se presenta en Sabucedo para facerse cargo da herencia, os monxes aconséllanlle que anexione Santa María ao Salvador. Dona Tudilla accede e traslada ás monxas ao mosteiro de Santa Cruz de Vilaza que no ano 985 era dúplice. No ano 1043 decide doalo ao mosteiro de Celanova.
PUNXÍN
En Punxín atopouse un sártego altomedieval que se atribúe a San Wintila, eremita que buscou nestas terras o seu retiro, e cuxa ermida, construída xunto a igrexa actual, pertencía a un pequeno mosteiro que posteriormente pasou a depender do mosteiro de Santa María da Barra, no concello de Coles. O sarcófago está formado por unha caixa trapezoidal e cuberta en estola, decorado na súa fronte con arcos de tamaño irregular; o arco repítese ao pé da caixa. Na tampa aparece o motivo de estola, con triple baquetón central. Nunha das partes presenta unha inscrición: "Hic requiesc(i)t famulus De(i)". Na parte oposta hai outra inscrición posterior que a excepción do salmo final consideráse como a transcrición libre dun texto primitivo: "Hic requiiescit servus Dei Wintila qui obit die XXIII decembrs anno 890. Pretiosa in conspectu Domini mors Sanctorum".
RAMIRÁS
Priorado de San Salvador de Paizás: Coñecido tamén como de Eiras, nome que se lle daba tamén ao río Tuño. Dependía de Celanova. Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia do ano 1745.
SARREAUS
Mosteiro de Santa María de Codosedo: Ao redor do 1200 foi cedido polos seus herdeiros á orde de Santiago, cuxa comuniadade foi suprimida a finais da Idade Media ou na Moderna, pasando os seus bens á encomenda da Barra. O monasterium de Codosedo cum suis pertinentiis cítase nunha confirmación pontificia dos bens e privilexios no ano 1223. A igrexa é de orixe románica.
TRASMIRAS
Priorado de Lobaces: Pertenceu aos agostiños. Primeiro dependeu de San Martiño de Grou, pasando logo ambos os dous ao mosteiro do Salvador de Celanova. Nas inmediacións da súa posible ubicación atopáronse sepulcros antropomorfos altomedievais.
VILARDEVÓS
San Pedro (Hospital-Osoño): Orde de Malta. A igrexa de San Pedro é de estilo barroco con espadana de dous corpos. Na parroquia está o lugar de O Hospital, onde se atopa a parroquial de San Pedro, seguramente relacionado coa antiga encomenda que atendería aos peregrinos a Santiago que viñan de Portugal.
AGOLADA
Mosteiro de Baíña: Segundo Álvarez Limeses, na súa Geografía General del Reino de Galicia (1936), e Freire Camaniel en El monacato gallego en la Alta Edad Media (1998), no século XV existía en Baíña un mosteiro, por cuxas encomendas percibía cuantiosas rendas e a casa de Moscoso. Agregado ao de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela.
BUEU
Mosteiro de Santiago de Ermelo: Bieitos. Segundo unha lápida que se conserva na igrexa, o templo foi reedificado no ano 1104 por mandato do bispo Xelmírez (consérvase a inscrición), destruído posiblemente por unha incursión normanda. En 1485 era abade de Ermelo frei Xoán de Mandaio que no 1487 pasa a ser abade de San Pedro de Fóra, en Santiago, mentre que o abade deste, Afonso de Mosqueira pasa a selo de Ermelo. Morto Mandaio no 1488, o arcebispo Fonseca fíxose cos bens de Ermelo; no 1491 consta que estes xa estaban anexionados a San Xoán de Poio. Hai tradición de que no lugar morreu un arcebispo que estaba de visita e que foi enterrado alí mesmo; na tampa do sepulcro (a mesma que debeu ver Fr. Martín Sarmiento no ano 1745) hai unha inscrición coa Era de 1140 (ano 1102) que despois serviu de sepultura a unha muller.
A Illa de Ons: Conta Hipólito de Saa Bravo que á illa retirábanse os monxes de Poio. No século XVIII uns monxes recoletos solicitaron á Congregación de Valladolid fundar unha Casa independente do mosteiro de Poio, solicitude que lle foi rexeitada; entre os asinantes había un monxe que con outros vivía na illa: "Petrus monacus qui in Ionis insula cum fratibus degentibus...". Di De Saa Bravo que os monxes, xunto cos habitantes da illa, tiñan un pequeno comercio de polbo como así o testemuñan varios documentos que falan de intercambios comerciais entre os monxes de Tambo, Ons e o Priorado de Marín.
CALDAS DE REIS
Mosteiro en Arcos da Condesa: Parece ser que os Traba reconstruíron un antigo mosteiro fundado polos condes Froila Vermúdez e Elvira de Faro. A metade do mosteiro quedaría enmans de Munia ou Munina Froilaz quen llo entregou á súa sobriña Ilduara, filla do conde de Traba. Segundo a Historia Compostelana, a metade de Ilduara, o seu esposo Arias Pérez doábao no 1128 á Mitra compostelá: "Medietatem cuiusdam monasterii, nomine Archos in Salinensi". Aparece citado no 1154 nunha bula do papa Anastasio IV, e no 1178 nunha bula de Alexandre III. No 1371, o rei Henrique II doaba os bens ordinis templi de Arquos de Condesa et Moraña ete de Caldas de Reys in Salnes, ao deán e Cabido de Santiago, doazón que foi confirmada despois polo seu fillo Xoán I no ano 1379.
O COVELO
Mosteiro de Barcia de Mera: Os únicos vestixios que perduran do mosteiro achegánolos a tradición e unha pequena capela construída pola Inquisición no lugar de San Xoán de Mosteiro.
CRECENTE
Mosteiro de San Pedro de Crecente: Desaparecido, sobre as súas ruínas levantouse a igrexa románico-gótica. Hai quen conxectura que pertenceu á orde do Temple. De posible orixe altomedieval, converteuse en sé dun grupo de cregos. O primeiro documento data do 1217 onde se fala dos clericis Sancti Petri de Crecente. No 1223 diríxeo un capelán. A categoría abacial non se documenta ata o século XIV, cando era controlada polos Soutomaior. A mediados do século XV o mosteiro a comunidade é reformada polo bispo de Tui. No 1466 a comunidade estaba formada polo abade e cinco racioneiros que darán orixe ás parroquias actuais de Ribeira, Quintela, Freixo, Sendelle e Arrabal, quedando a de Angudes para o abade.
CUNTIS
Mosteiro de Santa María de Termis: Por unha inscrición que se conserva na igrexa parroquial de Santa María de Cuntis, construída sobre os alicerces deste cenobio, sábese que o abade Adaulfo desenvolveu o control da vida regular do mosteiro ata a súa morte no ano 1078. O epitafio di: "Era milessima centessima decima sexta, et tertio idus Martii memoriam celebris abbatis Adaulfi, fecimous", ("No ano 1078 tres días antes dos idus de marzo fixemos memoria ao célebre abade Adaulfo"). Por outro documento sábese que a raíña dona Urraca entrégalle ao bispo Xelmírez o templo de San Xiao de Caldas de Cuntis, pero non a igrexa de Santa María coa súa casa de monxes. Disto último conclúese que o mosteiro era de propiedade laica, non suxeito á realeza. O declive constátase trala doazón de Fernando II ao arcebispo compostelán Martiño Martínez (aquí a igrexa é denominada como Sancta Mariam de Caldas de Contenes) das terras e demais posesións. O mesmo rei asina no 1168 un documento polo cal permuta varias igrexas de Cuntis pola cidade de Coria que era do arcebispo de Santiago e que lle quería entregar aos templarios; as freguesías a cambiar eran a de Santa María de Caldas de Cuntis, San Breixo de Arcos de Furcos, San Miguel de Couselo, San Mamede de Piñeiro, San Fins de Estacas e Santa María de Troáns.
Mosteiro de San Martiño e San Breixo de Arcos de Furcos: López Ferreiro situouno, erradamente, en Arcos da Condesa. Só perviven unha pía bautismal e o altar maior, na actualidade na igrexa de San Breixo de Arcos de Furcos construída cos perpiaños do antigo mosteiro dúplice, logo anexionado ao de Antealtares, que se levantaba no lugar da Manguela e que, segundo un documento, xa existía no ano 898, onde as familias pusuidoras renovan un pacto monástico co abade Adaulfo. A vida monástica neste mosteiro debeu de manterse durante o século XII xa que é mencionado nos privilexios pontifícios confirmatorios da sé, recibindo manda no testamento de dona Urraca Fernández de Traba no 1199. Aquí conviviron dúas comunidades distintas, unha de homes e outra de mulleres. Durante a segunda metade do século XV a maior parte dos bens serán controlados por dúas monxas do convento compostelán de Santa María de Belvís. Significativo disto foi a denominación polo que se coñece o lugar de Furco: Furco de Vilar Donega (este último termo provén do latín Dominica ou Dominicata) que fai alusión ás súas posuidoras, as mulleres ou donas.
Mosteiro de San Miguel de Couselo: Bieitos. Dependente de San Martiño Pinario. Descoñécese a data da fundación. O primeiro documento é do ano 1064 no que Ansilano, abade do mosteiro, adquire varias propiedades preto da Ría de Arousa (San Miguel de Deiro e Santa María de Caleiro). Unha lápida sepulcral, que ata a segunda metade do século XIX estivo na fachada da igrexa de San Miguel, lembraba o falecemento do abade Ordoño, morto o 16 de abril do 1095; no ano 1909 foi levada a Santiago de Compostela para formar parte da Exposición Regional Gallega. Líase: "(Mi)serere Famulo: Dei/Ordonus abbas. E qui obbiit/XVI K. Mas. Era. ICXXX.III", ("Apiadádevos do servo de Deus Ordoño, abade, que faleceu o 16 de abril do ano 1095"). Non se volveu saber do seu paradoiro. No 1206 Afonso IX concédelle carta de couto. No 1303 o seu superior é un prior que dependía de San Martiño Pinario. A finais do século XIV está sen comunidade, aparecendo o abade de Pinario aforando os bens de Couselo.
Mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis: Citado nunha doazón de dona Urraca ao bispo Xelmírez no ano 1116, onde di que era de propiedade real. Non se volven ter noticias del ata o século XVIII, onde nun documento estudado por Filgueira Valverde dise que do antigo templo só se conservaban os nichos dalgunhas sepulturas e que pasou a formar parte da orde do Temple. Na actualidade só se conservan algunhas pedras que serven de entrada dun carreiro que hai no centro urbano de Cuntis e que levan o nome de Portelo e Camiño de San Xoán, forma deturpada do seu antigo nome San Xiao ou San Xulián.
(A información sobre a existencia dos mosteiros de Santa María de Termis e de San Xiao de Caldas de Cuntis débollas a Isaac González García).
A ESTRADA
Mosteiro de San Miguel de Barcala: Antonio López Ferreiro, na súa Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela (1899), relata as andanzas de Sisnando Galiárez, un bandoleiro de orixe nobre que xunto cos seus irmáns atemorizou o Val do Ulla, cometendo gran número de tropelías. Nun documento do 23 de agosto do 1032, Vermudo III fai doazón á igrexa de Santiago e ao seu bispo Vistruario de todos os bens confiscados a Sisnando. Neste documento menciónanse os monasterium saqueados polo bandoleiro, entre outros do de Sanctus Michaelis de Barcala.
Ermida de Castrotión (Oca): En Castrotión, no entorno dun primitivo círculo lítico, había unha capela (permaneceu en pé ata principios do século XX) que, segundo o cardenal del Hoyo, no ano 1607, chamaban de Nosa Señora de Quiñons ou de Castro. Hai autores que cren que no lugar ou nas proximidades puido existir un mosteiro fundado no século VII por Theodiselo, un discípulo de San Froitoso de Braga, nun lugar chamado Castrumm Leonis. Hipólito de Sá Bravo identifica o lugar con Castrove, ao sur do val do Salnés, a partires de transcricións antigas como Castropheon ou Castroveon. A capela, cuxas ruínas vemos na actualidade, foi mandada erixir no mes de novembro do 1589 por Bertomeu Reimóndez Figueroa e Castro, veciño de Santiago, quen a dotou cos lugares de Outeiro e Moimenta de Arriba, ademais doutros bens. O solar foi escavado nos anos oitenta do pasado século XX, accedendo os arqueólogos á lauda sepulcral do fundador e quizais da súa muller.
MEIS
Mosteiro de Santa María de Nogueira: Coñecida hoxe en día como a Capela de Mosteiro, século XII. Existen varias teorías canto a súa pertenza. Uns din que foi propiedade dos bieitos, pasando aos Hospitalarios de San Xoán no século XVI. Para outros pertencería ao mosteiro de Carboeiro e logo aos sanxoanistas. Unha terceira conxectura apunta a que puideron existir dous mosteiros, o de San Lourenzo de Nogueira, de Carboeiro, e o de Santa María, primeiro templario e despois hospitalario. Para F. Javier Pérez Rodríguez foi da Orde do Santo Sepulcro. Para este autor aparece por primeira vez no 1128, estando xa nese ano en mans do Santo Sepulcro de Xerusalén. No 1131 o patriarca de Xerusalén e o seu cabido escribíanlle ao arcebispo Xelmírez para lle recomendaren ao seu coengo Aimerico e para que lle dese a posesión da igrexa de Nogueira con todas as súas dependenzas e as esmolas que nos dan no voso territorio. A súa vida como mosteiro está testemuñada ao longo do séculoXII, amplamente citado nos privilexios confirmatorios pontificios concedidos a esta sé. Nogueira estaba baleiro no 1391, ano no que os coengos do Santo Sepulcro do convento de Toro -a súa casa principal no occidente da Península- aforaba a Álvaro Páez de Soutomaior e á súa muller dona Maior, o couto de Nogueira.
POIO
Illa de Tambo: No século VI Martiño de Dumio funda unha ermida que San Froitoso de Braga transformaría en mosteiro vencellado a San Xoán de Poio. Logo pasaría a priorado posto baixo o padroado de Santa María de Graza cuxa imaxe foi guindada ao mar polo pirata Drake despois de asolar o cenobio no ano 1589. A imaxe foi rescatada por mariñeiros de Combarro quen a agocharon entre as redes, construíndo un santuario no lugar da Renda onde se lle segue a render culto. Cando no ano Cando no ano 1745 o visitou Fr. Martín Samiento, subsistían as paredes da igrexa, do claustro e de habitacións, hortas, viñas, prados, etc.
Mosteiro de San Miguel de Cans: Císter, ano 1151. Consérvanse documentos que fan mención as doazóns realizadas por Afonso VII ao mosteiro de San Miguel que se erguería na coñecida como "Casa dos Curas". No 1156 o abade asinou unha avinza co de Melón que supoñía a extinción do seu cenobio e o paso ao Císter á súa morte. Mais cando morreu, aos monxes de Cans non lles agradou o decidido polo seu abade e Melón tivo que asinar con eles un novo acordo no 1165 que establecía a conversión de Cans nunha graxa de Melón, condición que aínda tiña no século XV. No 1516 Melón cambiouno ao bispo de Tui. A igrexa é do século XVIII.
TOMIÑO
Mosteiro de San Vicenzo de Barrantes (Barrantes): Bieitos. Desaparecido. Consérvase a igrexa que, segundo unha inscrición existente nun muro, estaría rematada no ano 1139. Foi fundación de varios herdeiros, entre ouotros Paio Méndez, bispo de Tui, e o seu irmán Suero. Foi suprimido no 1435 por bula do papa a petición do cabido catedralicio de Tui, se ben hai constancia de que a comunidade de Barrantes aínda existía anos despois, desaparecendo definitivamente no ano 1482, sendo bispo de Tui Diego de Muros. Da antiga construción románica do templo só pervive a ábsida e os muros laterais. A ábsida é semicircular no interior e de dous corpos escalonados no exterior. Na fachada pódense ver varios motivos románicos no aleiro con esculturas de canzorros decoradas con motivos vexetais, zoomorfos e antropomorfos. O arco triunfal é de medio punto disposto sobre columnas con capiteis con motivos vexetais. Unha gravura na fachada principal co "José Antonio Primo de Rivera" e unha cruz con "Caidos por la Patria, presentes" lembra ao réxime fascista que asolou Galicia e España durante corenta anos. O día 12 de setembro de 2014 envieille un correo ao Concello para que inicie o procedemento para reparar semellante tropelía.
TUI
Mosteiro de San Miguel de Pexegueiro (Pexegueiro): Bieitos. Nada queda das antigas dependencias monacais. Consérvase a igrexa románica do s. XII. A portada occidental presenta tres arquivoltas semicirculares con xambas e columnas de fustes monolíticas con capiteis decorados. O tímpano está ornamentado con dous leóns enfrontados e dúas aves que se interpoñen na loita. A portada norte presenta capiteis decorados con motivos vexetais. A portada sur ten arquivoltas con botóns e tímpano sobre mochetas que reproducen cabezas de bóvidos. No interior conserva cinco interesantes retábulos, tres barrocos do século XVIII: o da Virxe das Dores, o da Virxe do Carme e o do Santo Cristo. Foi nesta igrexa cando San Telmo anunciou, durante un sermón pronunciado no 1249, a súa morte.
VILANOVA DE AROUSA
Priorado de Vilanova: Fala del Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. A casa do prior estaba na Illa de Arousa.
Para saber máis, ver as entradas correspondentes aos mosteiros nas catro provincias.
PROVINCIA DA CORUÑA
ABEGONDO
O Castelo (Torrente-Abegondo): Posible asentamento fortificado medieval. A mesta vexetación impide ver se hai restos.
Castelo de Porcas (As Covas-Guillade-Limiñón): Posible asentamento fortificado medieval. Trátase dunha elevación rochosa feita de forma artificial tras a escavación dun foxo na rocha. Declarado BIC.
Torre (Currás-Vilacoba): Posible asentamento fortificado de época medieval. Trátase dunha pequena elevación coa superficie achandada que recibe o nome da Redonda.
Castelo de Teodomiro: Santiago Fernández dime que no concello había un castelo coñecido como de Teodomiro, no monte do Gato (O Barreiro), do que non quedan restos. Tamén hai indicios de, polo menos, outras dúas torres, dunha das cales se conservan uns posibles perpiaños reutilizados na construción dunha vivenda. Declarado BIC.
A Torre (Muniferral): Posible existencia dunha torre medieval.
A BAÑA
Castelo de Gosende (Gosende-A Ermida): Está recollido na bibliografía arqueolóxica dende o ano 1984, sendo catalogado no ano 1995. Pola análise da fotografía aérea localizáronse dúas estruturas de forma semicircular dispostas concentricamente, se ben nas prospeccións levadas a cabo non foi posible localizalas.
Torre de Corcoesto: Asentamento fortificado de época medieval. Non se conservan restos.
A CORUÑA
Castelo de Valparaíso (Eirís): No mes de xullo de 2015, os arqueólogos da empresa Argos demostraron que ata o presente tíñase confundido esta fortaleza co coñecido como Castelo de Eirís. Da de Valparaíso pouco se sabe, créndose que podería ubicarse na zona coñecida como O Montiño.
MELIDE
Castelo de Melide: Levantábase no lugar coñecido como O Castelo onde asentaba un primitivo poboado castrexo. No ano 1467, os Irmandiños derrubaron as murallas da vila e destruíron o castelo cuxas pedras foron reutilizadas na construción do convento do Sancti Spiritus.
MONFERO
Castelo da Pluma (As Lamelas-San Fiz de Monfero): Posible asentamento fortificado de época medieval, defensivo ou de vixiancia.
MUXÍA
Illote do Castelo (Cabo Touriñán): Hai quen sitúa aquí un castro que en época romana foi utilizado para construír unha torre, ou quizais un faro. Adivíñanse algúns alicerces que puideron acoller algún tipo de construcións.
OLEIROS
O Castelo (Serantes): Había unha torre, desaparecida, construída no século XVII.
OUTES
Castelo de Outes: Non existe constancia documental de que a igrexa de Santiago realizara algún tipo de arranxo despois do seu abandono no século XVI. Dise que as casas do lugar de Castelo foron levantadas cos restos desta fortaleza situada no monte da Torre.
OZA DOS RÍOS
PADRÓN
Castelo de Roque (Cruxeiras de Abaixo): A 425 metros de altitude sobre o nivel do mar. Posible fortificación altomedieval. Nalgunhas rochas vense uns buratos que puideron servir para asentar os postes das estruturas.
VAL DO DUBRA
Castelo de Portomeiro: A 400 metros de altitude sobre o nivel do mar. Castro ou castelo de forma ovalada (Agrafoxo, 1989). Sobre o castro ergueuse unha fortificación tardorromana ou altomedieval (Caramés, 1999). Trátase dun recinto fortificado no cume do Monte Maior, a 400 metros de altitude. Contrólase o paso do río Tambre. Moi alterado por canteiras de cuarzo e granito (Sánchez e Galbán, 2015).
Os Castelos (Niveiro): Non se observan estruturas defensivas nin habitacionais. Polas características morfolóxicas do emprazamento podería tratarse dun xacemento altomedieval de carácter defensivo.
O Castrillón (O Burgo-Arabexo): Pequena elevación onde non se observa a presenza de estruturas defensivas nin habitacionais. Podería tratase dun asentamento medieval de carácter defensivo. Alterado por desmontes e por un campo de fútbol.
Monte do Castrelo (Bascuas-Coucieiro): Pequena elevación onde non se observan estruturas defensivas nin habitacionais. Polas características morfolóxicas do emprazamento podería tratarse dun xacemento altomedieval de carácter defensivo.
VEDRA
Prado de Torres (A Casanova-Sarandón): Posible asentamento fortificado de época medieval. Sen restos.
PROVINCIA DE LUGO
ABADÍN
Castelo de Portela: Pertenceu ao bispado de Mondoñedo que xogou un importante papel cando a sé eclesiástica foi trasladada de Mondoñedo a Ribadeo baixo o reinado de Fernando II. Hai quen sitúa aquí un altar de sacrificios prehistórico, disque celta.
ALFOZ
Torre de Vilaúde (San Pedro de Mor): Non quedan restos. Descoñécese a data da fundación e cando foi derrubada, aínda que se cre que foi destuída polos Irmandiños. En dúas casas da aldea pódense ver unhas pedras armeiras que quizais proveñan da desaparecida torre. Nunha delas aparece a seguinte inscrición: "Do rei Bamba e sobriños descende esta casa por vía recta e camiños", e na outra: "Armas dos Moredas Ribadeneiras e Aguiares".
Torre de Buciños (A Torre-Buciños): Sábese que no ano 1905 xa estaba totalmente arruinada. Pertenceu aos Reinoso. Nunha casa do lugar consérvase un escudo con cinco lobos e un castelo.
CASTROVERDE
CERVANTES
Castelo de Frades: É o nome dunha aldea do concello. Non existen restos nin arqueolóxicos nin escritos sobre a súa existencia o que non impide que estea declarado como BIC.
Pena do Castelo: Uns veciños da Acea das Pontes contáronme que un afloramento rochoso que se ergue por riba do lugar recibe o nome de Pena do Castelo onde, segundo a tradición, houbo unha torre, romana ou medieval, que vixiaba o paso pola ponte do Río das Pontes.
Castelo de Muradelle (Paderne-Muradelle): Segundo o Madoz atoparíase nunha altura coñecida como Castelo de Paderne, construído como defensa contra os sarracenos. Amor Meilán, na súa Geografía del Reino de Galicia, di que era unha fortaleza romana. Escribe Vázquez Seijas que foi derrubada polos Irmandiños. Non hai restos.
Torre de Candaz (Pedrafita): Edificada sobre un primitivo castro. Da súa antigüidade fala o seu fundador, un militar romano chamado Gelión Cambero. Foi destruída polos normandos cando era propiedade dos condes de Traba.
Torre de Pacio (Líncora): Mantivéronse en pé algunhas pedras ata o ano 1905 que se reaproveitaron na construción das casas. Declarada BIC.
Torre de Pereira: Os últimos restos desapareceron a comezos do século XX. Catalogada como BIC pola Xunta de Galicia.
Torre de Vilar de Eiriz: Non queda ningún resto. Curiosamente está catalogada como BIC.
Torre de Vilaúxe: Edificada sobre un outeiro rochoso, na actaulidade só se conserva o topónimo. Declarada como BIC.
COSPEITO
Torre de Momán: Pouco se sabe sobre a súa orixe, mais crese que foi derrubada polos Irmandiños. Non se coñecen restos. Curiosamente está declarada como BIC pola Xunta de Galikcia.
Torre de Támoga ou do Torrillón: Estivo emprazada no lugar do Castro. Erixida sobre un antigo asentamento castrexo. Cando a derrubaron os Irmandiños pertencía a Fernán Rodríguez de Saavedra e Aguiar e a Sancha Fernández de Aguiar e Peredo, señora de Narla. Dise que a principios do século XX aínda se podían ver as súas ruínas e os vestixios dos foxos que logo desapareceron polos terreos adicados a cultivo.
A FONSAGRADA
Castelo da Allonquiña (A Allonca): Era coñecida como Torre Vella da Allonquiña. Sábese que tiña uns nove metros de altura, composto por dúas plantas superiores e unha baixa. Segundo Vázquez Seijas foi derrubado no ano 1910 polo seu derradeiro dono Laureano López Monteserín quen cos seus materiais edificou unha casa. A principios do século XVI pertencía aos Caraduxe, uns labregos que procedían de casa señorial, posuíndo Real Carta Executoria de fillosdalgo. Un Caraduxe foi alcalde de Burón no ano 1771.
FOZ
Castelo da Espiñeira (A Espiñeira-Vilaronte): Pertenceu ao conde de Ribadeo. Derrubado polos Irmandiños. Non fican restos.
GUNTÍN DE PALLARES
Castelo de San Fiz do Ermo: Coñecido tamén como Castelo do Besgo. Non se conservan restos. Ao parecer levantábase sobre unha peneda existente na confluenza dos ríos Ferreira e Entrabasaugas. Asociado á orde do Temple. Malia o anterior, a Xunta de Galicia tenno como BIC.
Torre de Santa Euxea: Destruída polos Irmandiños, non se conservan restos. Dise que algunhas das súas pedras foron reutilizadas na construción da igrexa parroquial, nun dos contrafortes pódense ver varias pedras decoradas reaproveitadas doutro edificio na construción do templo.
Torre de Sirvián: Máis coñecida como A Torre do Mouro. Erixida nun altorelo sobre o río Ferreira, ao parecer nos séculos XII ou XIII.
Castelo da Pena de Don Lope: Erixido na costa, descoñécese a súa situación, o único que se sabe é que pertencía ás terras de Mondoñedo. Conta Vázquez Seijas (1967) que tivo noticia deste castelo por Vicente Rivera. Di que pertenceu a un inglés que veu a loitar contra os árabes e que estaba situado nunha prominencia "próximo á costa da terra de Mondoñedo". Ao parecer xa existía no século XIV e que os señores do castelo chegaron a ter cento cinco lanzas, estando emparentados coas principais familias de Galiza, entre outras a dos Andrade. Foi dona do castelo Xoana Díaz Gaioso que foi asasinada polo seu home Xil Pérez de Lugo, descoñecéndose a causa.
Castelo da Toxiza: Aínda que figura catalogado como BIC, non existen nin datos arqueolóxicos nin escritos que testemuñen a súa existencia. F. Mayán cre que no lugar puido erixirse un castro.
Os Castelos (Viloalle): Francisco Mayán, que o estudou a mediados do século XX, identificouno cun asentamento da Idade do Ferro; atopou restos cerámicos e de metais aínda que hai dúbidas canto a súa adscrición cronolóxica que ben puidera pertencer a época medieval.
MONFORTE DE LEMOS
O Castelo Grande (Reigada): Asentamento fortificado de época medieval formado por unha plataforma superior arrodeada por un terraplén que acada o seu máximo desenvolvemento no lado noroeste e circundada por unha suave pendente.
Castelo de Sirgal: Construído sobre un antigo castro, non se conservan restos. Sobre el edificouse un castelo na Idade Media que foi derrubado por mandato do emperador Carlos V, segundo consta nunha información de nobreza practicada no século XVII. A fortaleza estaba arrodeada por un foxo e contrafoxo. Conta a tradición que neste castelo naceu Santa Ilduara, nai de San Rosendo. Formoso Lamas, no seu Apuntes para la Historia de Chantada (1905), di que foi fundado polos sirios que chegaron a Galiza e despois xuntáronse cos galos por cuxa razón se lle chamou torre de Sirgal. Uns veciños dixéronme que as súas pedras foron reutilizadas na construción da Torre de Penas e na Casa Grande de Monterroso. Tamén que había un túnel que comunicaba o sitio co río que é por onde baixaban os cabalos dos mouros para beber.
NAVIA DE SUARNA
Casa-forte de Fontela (Muñís): Conta Vázquez Seijas que aínda que non se conserva o corpo da torre, por tradición familiar denominábase a un sitio situado no NO da casa como "habitación da torre". Na actualidade o edificio atópase restaurado.
Pena Castelo (Laxo-Rao): Aínda que se carece de noticias documentais sobre a existencia dun castro ou castelo, os veciños contáronme que si houbo un castelo que foi destruído. De feito hai unha lenda que di que foi tal a pólvora utilizada na súa destrución que no lugar onde se instalaran os canóns non volveu medrar ningún tipo de vexetación. Cando visitei a pena en agosto de 2011, a pesares da mesta matogueira, observei algúns restos de muros que os veciños me aseguraron non pertencían a ningunha vella casa nin a un cortín.
A Torre (Murias): José Fernández ("José de Vilarín") contoume que a carón da antiga escola levantábase unha torre cuxas últimas pedras desapareceron ao faceren unha explanación. Na casa de José consérvase unha pedra armeira.
Torre de Seserit (Xerdiz): Nun privilexio outorgado no ano 1368 por Pedro I, que se refire aos servizos prestados polo Concello de Viveiro na loita contra o seu irmán Henrique, confirmatorio doutro de Sancho IV, cítanse as casas-fortes de Muras e Seserit (Xerdiz). En documentos do século XI, escribe Vázquez Seijas, fálase desta torre como fortaleza encravada nos términos do Concello de Viveiro. Se existiu nada se sabe onde estivo situada.
OUTEIRO DE REI
Torre de Arcos: Non se conservan restos. Ao parecer, Lupo Camberro de Candal, por privilexio de Don Paio, recibiu o señorío de Arcos pola súa valentía contra os árabes durante a Reconquista.
Torre de Caboi (Astariz-Caboi): A dicir de Vázquez Seijas, parte do poboado ocupa un recinto amurallado cercado con foxos, cubertos pola matogueira, que indican claramente que alí houbo unha fortaleza. Malia o anterior non fican restos que poidan proporcionar datos de onde estivo emprazada. Segundo a tradición ergueríase na coñecida como Casa de Prado que na fachada ten un escudo cunha árbore franqueada por dous cans ou leóns, ou onde está a Casa do Redondo, no campo da Rúa, onde estivo a forca e o cárcere, derrubado no século XIX.
Torre de Pardo de Cela: Ao parecer, na freguesía de Cela localizábase unha torre pertencente ao famoso mariscal Pedro Pardo de Cela que máis tarde pasou aos Ribadeneira. Situábase ao oriente da igrexa parroquial. Non quedan restos.
Castelo de Curbián: Estivo situado na marxe esquerda do río Pambre, citado por López Ferreiro na súa novela O Castelo de Pambre. Vázquez Seijas di que Manuel García Blanco localizou unha das torres dos Ulloa na parroquia de Curbián.
Castelo dos Penedos de San Nicolao: Os Penedos de San Nicolao están situados nas inmediacións do Camiño Primitivo, nuns outeiros nos que afloran crestas de seixo branco, e que están catalogados como emprazamento dun castelo roqueiro medieval, coñecidos como niños de aguias. Cada un deses afloramentos contan cun nome específico, pero é o máis elevado o que recibe o nome de San Nicolao xa que segundo a tradición no seu cume existiu unha capela posta baixo o padroado deste santo. Dende os altos dos afloramentos vese perfectamente o Camiño Primitivo atravesando o vao natural que cruza a Serra do Careón. O xacemento sitúase nas inmediacións das aldeas do Hospital das Seixas e de Cascamiño, na parroquia de Merlán. (Información achegada por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz, do Museo da Terra de Melide).
PANTÓN
Torre de Quitapesares (O Cotillón-Acedre): Fala dela Ferro Couselo no Boletín do Museo Arqueolóxico de Ourense no ano 1952, baixo o título La Torre de Quitapesares y el Duque de Arjona. Dise que foi mandada construír por Fadrique Enriquez, fillo do conde de Trastamara, neto do maestre de Santiago Fadrique, bastardo de Afonso XI, quen tomou o título de duque de Arjona. Conta Ferro Couselo que no ano 1429 foi levado o duque ao castelo de Almazán e pouco despois trasladado a Peñafiel, onde un ano máis tarde morreu, con sorpresa de todos e do propio rei "que sin duda por acallar pesares", fixólle honras fúnebres moi suntuosas en Astudillo. O conde de Lemos e o abade do mosteiro de Santo Estevdo de Ribas de Sil preitearon pola posesión da torre. No ano 1525 a torre xa se atopaba en completo abandono, e os seus materiais, pouco a pouco, foron desaparecendo, reaprovitados polos veciños noutras construcións. No Arquivo Histórico de Ourense consérvase un debuxo de finais do século XVII ou principios do XVIII no que se ve que se compoñía de dous corpos, torre e vivenda. Cóntase que un paxe, de nome Pero López, foi arroxado dende o alto da torre por dous negros por mandato do duque por cortexar a Leonor García, a súa tía.
Torre de Vilamelle: Di Vázquez Seijas que no século XV era dono da torre Amaro de Vilamelle, fidalgo do conde de Lemos. Ramón Castro López, no seu Reseña Histórica Descriptiva de Vilar de Ortelle y su Comarca (1929), describe unha batalla que tivo lugar no campo chamado da Pedrosa durante a Idade Media, en tempos de Xoán II. Non quedan restos. Lembro que o fidalgo citado por Vázquez Seijas é un dos protagonistas de Los Hidalgos de Monforte, de Benito Vicetto, que o autor pon coma fillo do mariscal Pardo de Cela.
Castelo de Lor: Recibe o nome por estar situado preto do río Lor, na parroquia de Quintá de Lor (Vázquez Seijas fala da parroquia de Santa María de Lor, hoxe en día inexistente). Pertenceu aos Arias de Sirgal. Podería ubicarse nun meandro do lugar chamado Esmorille, onde houbo un castro. As súas pedras parece que foron utilizadas na construción dun túnel do ferrocarril.
Castelo de Montefurado: Sobre o túnel de Montefurado crese que puído erixirse un castelo de orixe romana, construído sobre o primitivo xacemento castrexo, para controlar o paso por riba da boca do túnel. Insiro un gravado do último terzo do século XIX onde se representa o túnel e a fortaleza, extraído da Crónica General de España (provincia de Lugo) de Villa-Amil y Castro do ano 1866.
Torre das Cabanas: Nada se sabe onde estaba emprazada, aínda que se cre que puído estar no lugar coñecido como Penafurada. Sábese que no ano 1540 era alcaide Lope de Reigada.
Torre de Cedofeita (Cedofeita): O couto de Cedofeita noméase nun documento do ano 1202, na permuta que o bispo Paio de Cebeyra fixo co rei Afonso VIII. Segundo Amor Meilán, na súa Geografía del Reino de Galicia, Cedofeita é a antiga Cito Facta (hai autores que a levan para Lérez, en Pontevedra). No arquivo da Real Chancelaría de Valladolid existe o preito que mantiveron os da linaxe de Cedofeita polo recoñecemento da súa fidalguía no ano 1542. No ano 1535 era dona do couto de Cedofeita Branca de Ribadeneira e Pimentel, esposa de Antonio de Tovar, dono do couto de Canedo e do pazo de Tovar, en Lourenzá. Preto da ponte de Arante, consérvase unha sinxela torre de planta cadrada á que se adosan outras construcións. O lugar que ocupaba a antiga pedra armeira foi substituído por un escudo de madeira que se conservaba nalgunha parte das dependenzas.
Torre de Navallos: Citada en documentos do castelo de Caldaloba, no concello do Pino. Non quedan restos.
SAMOS
Casa-torre de Lourido (Renche): Só se sabe que foi incluída na dote de María Xosefa de Ribadeneira e Montenegro para casar con Baltasar Antonio López de Armesto e Losada, sucesor da casa de Castragude (O Incio), quedando incorporado a esta esta última a principios do século XVII.
Castelo da Toca (Toca-Renche): Foi mandado derrubar polos Reis Católicos. Pertencía ao mosteiro de Samos. Non quedan restos.
SARRIA
Casa-torre de Louseiro: Estaría situada en O Barrio, segundo se desprende dun preito por unhas lindes entre o propietario da casa-torre e o convento da Madalena de Sarria a mediados dos século XVIII.
Castelo dos Infantes (Castelo dos Infantes): Sobre un primitivo castro levantouse unha torre medieval. Coñécese unha ocupación poboacional na Alta Idade media por un inventario do 1082, citándose como Castellum, e noutros documentos de 1098 e 1120 como Castelo. Vázquez Seijas cre que foi derrubado polos Irmandiños. Esta xurisdición era independente de Sarria.
Torre de Domiz (Meixente): O documento máis antigo que fala da torre data do ano 1616, unha escritura de venta. Non quedan restos.
Torre de Vilar (Vilar da Torre-Loureiro): Aínda que desapareceu a principios do século XVIII, está declarada como BIC. Segundo o excronista oficial de Sarria e membro do Seminario de Estudos Sarriaos Francisco Vázquez Saco, Xaime Félix López Arias, estivo vinculada á familia Castragude e tamén había unha capela, igualmente desaparecida. Sábese que foi doada en foro a finais do século XVIII, e que parte das rendas foron vendidas a fins do século XX. Consérvase o topónimo.
Torre de Arxeriz (Arxeriz-Fión): Levantábase, ao parecer, sobre o castro de Arxeriz. Vázquez Seijas escribe que lle informaran da aparición dalgúns restos.
Fortaleza de Sonán (Insua): Non quedan restos e tamén se descoñece quen a mandou construír. Escribe Vázquez Seijas que debeu ser unha das máis antigas erixidas na provincia de Lugo xa que no século XVII era coñecida como palacio vello de Sonán. Na primeira metade do século XVI fundou vínculo da casa grande Sonán Lope de Taboada, o Vello, descendente dos señores do castelo de Castro Candaz, en Chantada. Na fortaleza existía unha ermida posta baixo o padroado de Nosa Señora do Carme, que xa a mediados do século XIX estaba arruinada.
O VALADOURO
Fortaleza de Vilanova dos Cabaleiros: A única referencia achégaa Vázquez Seijas (1967), información que lle facilitou Vicente Rivera que a tiña como pertencente á familia dos Osorio, señorío concedido polo mesmo rei galego Paio polos servizos que lle prestara na súa guerra contra "os infieis". Se existiu, nada se sabe do seu emprazamento.
VILALBA
Castelo de Samarugo: A uns 250 metros do pazo de Samarugo, a 487 metros de altitude, álzase un monte onde houbo un castelo baixomedieval. A imaxe LIDAR mostra claramente unha superficie, que foi aterraplanada, duns 55-60 metros de diámetro. Polo leste discorre o rego do Pazo. Non se sabe con certeza a quen pertenceu. O 1 de agosto de 1452 asínase o compromiso entre Inés Pérez de Guzmán (dona de Alonso Pérez de Vivero) e Pedro Pardo de Cela para arranxar as diferenzas sobre as fortalezas de Muras e Samarugo. No 1453 aparece o marechal como propietario, e logo a súa filla Constanza de Castro. Descoñécese se a fortaleza rematou de construírse. Segundo Vázquez de Aponte, foi Pardo de Cela quen desafiou a Diego de Andrade intentando a súa construción, pero este, co apoio do conde de Altamira, fixo que desistira dos seus propósitos, obrigándoo a derrubar o que levantara. A finais do século XVIII era señor de Samarugo José Pardo Osorio Aguiar que fixou a súa residencia en Mondoñedo, vivindo nunha casa que bautizou como de Samarugo. Mesmo hai quen conxectura que anteriormente había un castelo. Francisco González Peteira dime que hai anos aínda se vían restos de muros e un pozo cavado na rocha, ademais de contar cun pequeno foxo.
Casa-forte de Samarugo: Descoñécese a data da fundación. Está situada na parte meridional do Monseiván. Dise que os señores de Samarugo foron os fundadores da aldea e da freguesía que radicaba no lugar denominado Castro ou Castelo. No último terzo do século XV constitúese a casa de Samarugo en centro e cabeza dos señoríos da familia, non téndose noticia de que os seus donos a ocuparan con anterioridade a esa data. No Memorial da casa de Saavedra califíase de moi poderosa en rendas e vasalos. Achega Vázquez Seijas que don Enriquez, señor de Vilalba, As Nogais, Becerreá e outras terras señoreaba tamén, a mediados do século XV, Samarugo, Vilaxoán, Pedrafita e Vilamaior. Cando a visitou Vázquez Seijas a finais dos anos cincoenta do pasado século XX conservábase en regular estado, ostentando na fachada dous escudos coas armas dos Castro, Osorio, Ulloa e Aguiar. Francisco González Peteira achégame que as fortalezas de Samarugo e Muras pertencían a Alonso Pérez de Vivero, contador de Xoán II, e cuxo alcalde foi Pedro Pardo de Cela.
VIVEIRO
Monte de San Martiño Castelo (Landrove): Aínda que non existen vestixios a simple vista, crese que no lugar, onde se ergue unha ermida posta baixo o padroado de San Martiño, houbo unha fortaleza ou torre de vixiancia medieval. Domínase o val do río Landro.
Torre de Landrove: A freguesía de Landrove foi couto independente baixo o señorío de Mondoñedo que tiña nela unha casa forte. Sábese que a vila de Viveiro, representada polo seu procurador xeral Domingo Pérez, acodiu ao rei Afonso XI para queixarse dunha casa-forte que se levantara en Landrove por Fernán Bonome, en nome do bispo de Mondoñedo, dende o cal se lle causaban grandes danos aos seus veciños, maltratándoos e ocupando as súas terras. Despois da morte de Fernán Bonome, os veciños, encabezados polo alcalde de Viveiro Gonzalo Pérez foron ata o lugar e arrasaron a casa forte.
Torre de San Xoán de Covas: Nada se sabe de onde puido estar emprazada esta torre. Di Vázquez Seijas que si se sabe que foi derrubada polos Irmandiños, e que segundo Lence Santar figura comprendida na relación publicada por López Gacía baixo a denominación de Castelo da Cova. Aínda que só como conxectura, puido erguerse nos Castelos da praia de Covas.
PROVINCIA DE OURENSE
Castelo do Orcellón: Nada se sabe sobre a fundación deste castelo nin da súa situación exacta. Se o situamos no Carballiño é por unha ambigua cita da Historia Compostelana. Si se sabe que pertenceu a Dona Urraca e que no 1121 a raíña retivo nel ao arcebispo Xelmírez. Foi derrubado polos Irmandiños no ano 1467.
CUALEDRO
Castelo do Alto do Seixo ou Pena Rachada (Baldriz): Segundo a tradición había un castelo que vixiaba Portugal e que se comunicaba co da Pena (Xinzo de Limia) e O Castro (Sandiás). No lugar hai un vértice xeodésico, mais non se aprecián restos ao seren removido o terreo polas máquinas. (Información achegada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán).
LAZA
O Castelo (Matamá): Segundo información facilitada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán, en Laza existen varias referencias e topónimos, pero ningún resto claro. O Alto do Seixo é o pico máis alto da Serra de Meda, onde se xuntan os tres concellos de Laza, Cualedro e Monterrei. A tradición oral di que neste monte do Castelo houbo unha torre de vixiancia que dependía da fortaleza de Monterrei.
LEIRO
PORQUEIRA
O Castelo (Paradela de Abeleda): Situado nunha plataforma rochosa con gran dominio visual. Pódense ver as pegadas dos perpiaños deixados na propia rocha que acollería unha construción de planta cuadrangular.
SAN XOÁN DO RÍO
VIANA DO BOLO
A Vila de Sen (Bembibre): Asentamento fortificado medieval que posiblemente estivo ocupado dende a Idade do Ferro. Consérvanse dúas construcións angulares que popularmente adoitan relacionarse cunha vella igrexa e un cemiterio.
VILAR DE BARRIO
Torre de Marán: Isaac González Iglesias informoume dunha torre que existiu no lugar de Marán, pertencente á parroquia de Arcos da Condesa. O nome é probable que veña da condesa Munia ou Munina Froilaz, irmá de Pedro Froilaz, conde de Traba, que residía na casa ou palacio da familia, en Marán. Na casa da finca onde ao parecer se levantaba a torre consérvase un escudo; a cruz que obstenta, como indica Isaac, semella templaria. Na entrada da finca tamén hai un capitel.
CUNTIS
A LAMA
Castelo de Pigarzos (Xesta): A 900 metros de altitude. Monte rochoso dende onde se divisa gran parte da Serra do Suído, Serra da Castrelada, O Castelo Grande e O Casteliño, ademais de dominar o val da Xesta, montes de Fornelos, Pazos, Soutomaior e a Ría de Vigo. Polo de agora non se atoparon restos.
OIA
Os Castelos ou Castelo de Torroña: En Torroña, na parroquia de Burgueira. Hai quen sitúa aquí un castelo que dominaba un amplo territorio denominado Turonia, topónimo que xa aparece nun documento de mediados do século V. Declarado BIC.
PONTEAREAS
Alto de San Cibrao: Dise que aquí puído existir unha fortaleza altomedieval.
Castelo da Picaraña: Construído no cume da Picaraña por Pedro Madruga para vixiar o castelo do Sobroso e estudar a forma de atacalo. Foi mandado derrubar polos Reis Católicos. Non se conservan restos.
PONTEVEDRA
O PORRIÑO
O Castelo (Cans). Crese que existiu un castelo ou unha torre de época medieval.
SALCEDA DE CASELAS
Castelo de Entenza (Entenza): Erixido sobre un castro que aproveitaba os penedos rochosos e a pendente do terreo como defensas, complementado con foxos e parapeitos. Saíu á luz cerámica castrexa, romana e medieval. Conxectúrase que os restos poderían ser os do castelo Turonia (que tamén se identifica con Torroña, en Oia). Fala del o crego bieito Frei Prudencio de Sandoval quen di que cando no ano 1140 era conde Gómez Muñoz, apoderouse dos bens de Tui. A fortaleza xogou un importante papel cando as guerras contra Portugal. Na contorna hai rochas con petroglifos.
O día 11 de xullo de 2020 achegámonos ata Lousadela, unha aldea da parroquia de Ferreira de Pallares, no concello de Guntín. A primeria parada foi na entrada da aldea, xunto unha ermida situada a carón da estrada local que comunica co limítrofe Vilaxuste (Portomarín). A sinxela capela, de planta rectangular, está coroada por unha espadana dun van. Fronte a entrada principal hai unha cruz de pedra.
Xa na aldea, ao longo da estrada que vén da Ponte Cabalar, de orixe romana, atópanse uns dos bens etnográficos máis salientables do concello. Trátase de varios pendellos que ata hai poucas décadas, o día 11 de cada mes eran o centro dunha importante feira onde se xuntaba a xente de toda a contorna. A maleza apenas permite distinguir uns arruinados casetos que, xunto cos de Grolos e Lousada, deron vida a toda unha comarca dende, ao menos, o século XVIII.
Non moi lonxe mostráronnos un ben patrimonial semellante a outros existentes en Costante, Ferreira, Ferroi, Gomelle, Mosteiro, Santa Euxea, Vilameá e Zolle. Trátase dun sartego realizado en pedra morta, de granito. Vímolo porque nos levaron ata el, pero o que non esperabamos é que se atopara mesturado con cascallos, roto (fáltalle a cabeceira que debe estar soterrada).
Por último dirixímonos cara o Pozo dos Mouros, no monte Valdeporrás, a 511 metros de altitude. Contáronnos que alguén o viu citado nun documento do mosteiro de Ferreira de Pallares do mil cincocentos e pico. Sabiamos onde nos dirixiamos, así que non nos colleu por sorpresa ver a desfeita. Hai pouco máis dun ano cortaron os piñeiros que poboaban o monte para plantar eucaliptos, e claro, o Pozo dos Mouros estorbaba, así que veña, a tapalo coa máquina con terra e pedras (non deixaron nin unha regandixa), total neste noso país sáeche ben barato destruír o patrimonio. Algunhas persoas afeáronlle ao propietario o feito, pero coma se chovera, pouco lle importou que o pozo é en realidade unha gran cova duns cincoenta ou sesenta metros de longo que, segundo a lenda, era utilizada polos mouros levar para beber aos cabalos ata o río de Irixe, a uns 450 metros de distancia, xa no concello de Monterroso. Aseguráronnos que case ao principio da cavidade hai dispostos uns bancos escavados na rocha onde ata non hai moitos anos se sentaban as persoas que ían ata o monte co gando.
Unha vez máis recorremos ao Plan Básico Autonómico (PBA) e ao visor de Aproveitamentos Forestais para comprobar se o Pozo dos Mouros está catalogado por Patrimonio. Non figura, e PXOM non hai no concello de Guntín. Pero tamén nos chamou a atención que tampouco aparezan a ermida, a cruz, os hórreos nin os pendellos. Dirixímonos ao Servizo de Xestión Cultural en Lugo solicitándolle que nos informen se figuran no Inventario, por se acaso, por se o PBA (actualizado recentemente) e demais resulta que son unhas ferramentas das que ninguén se pode fiar.
A igrexa de San Salvador do Mao, no concello do Incio, destaca pola súa arquitectura singular. Do mesmo xeito que outras dúas igrexas da mesma zona —Santa María e San Romao— está completamente rodeada por un atrio protexido por un muro exterior e un tellado dunha soa auga que forma unha especie de claustro ou deambulatorio. Pero esta igrexa posúe outra peculiaridade que non comparten as outras. Incrustadas no muro deste adro pechado, fronte á ábsida, hai cinco cranios humanos. Esta característica é algo coñecida nuns poucos concellos do sur de Lugo, pero descoñecida, que eu saiba, no resto de Galicia.
Nunha visita que fixen á igrexa no mes de febreiro de 2016, chamáronme a atención estas caveiras, que descoñecía. Foi unha gran sorpresa, xa que ata o de agora só coñecía outros catro edificios relixiosos en toda a provincia onde se exhibían caveiras incrustadas nas paredes. De tres: San Xoán dos Vaos (Ribeira de Piquín), Santa Comba de Órrea (Riotorto) e Santa María de Conforto (A Pontenova), fala Miguel A. Abraira Pérez en La muerte de cara y la cara de la muerte. Empotramiento y exposición de cráneos humanos en tres recintos sagrados rurales de la provincia de Lugo.. Análisis cultural (Gallaecia, 2005). Eu vin outra, alá polo ano 1995, nunha claraboia da de Santo Tomé de Recaré (en O Valadouro).
As caveiras das igrexas do Incio e de Ribeira de Piquín comparten a característica de ser cinco en cada caso e de estar incrustadas na parede de xeito que compoñen unha forma regular. No Val do Mao, catro das caveiras forman unha especie de rombo. A quinta está á dereita das outras, debaixo dunha pequena xanela. En San Xoán dos Vaos, as caveiras forman unha especie de triángulo. A todas lles falta a mandíbula inferior. As de Riotorto e A Pontenova, pola contra, son caveiras individuais en cada caso.
Entre os conxuntos de cranios atopados no Incio, Riotorto e Ribeira de Piquín, hai outra coincidencia. Segundo me contou un veciño, a tradición local di que os cranios pertencían a monxes dun mosteiro xa desaparecido da zona. En Santa Comba da Órrea, dise que o cranio é o dunha monxa dun antigo mosteiro. En San Xoán dos Vaos, os veciños cren que os cranios pertencen a sacerdotes que outrora viviron na parroquia.
Dos mosteiros do Incio e de Riotorto, aínda que se sabe pouco, existen algunhas pegadas históricas. En canto ao primeiro, o finado historiador e sacerdote Nicandro Ares publicou unha obra sobre un mosteiro mencionado nun documento do ano 911 co nome de Sancti Salvatoris, situado nunha localidade chamada Planeto ou Flanello, preto do río Mao. Este mosteiro tamén foi mencionado polo cronista beneditino Gregorio de Argaiz no século XVII e polo escritor Manuel Amor Meilán, falecido en 1933. En canto á igrexa de Santa Comba da Órrea, Abraira cre que pode ser o último vestixio dun mosteiro feminino que existiu na Idade Media e que foi abandonado no 1481. En San Xoán dos Vaos, sábese con certeza que existiu un priorado pertencente á orde monástica de San Xoán de Malta, que administrou a parroquia ata 1867.
En ningún destes casos parece doado determinar canto tempo levan as caveiras incrustadas nas paredes. Outro veciño do Val do Mao comentoume que levan alí "dende tempos inmemoriais" e que o seu pai —que morreu con máis de noventa anos— dicía o mesmo, como todos os seus antepasados. Preto da igrexa de San Salvador aínda se poden ver os restos do que os veciños cren que era unha tumba, quizais relacionada co convento agora desaparecido.
O RELEVO DE SALCEDO (A POBRA DO BROLLÓN) OU COMO FACELO DESAPARER DO CEBREIRO
Foi a mediados dos anos noventa cando vin na hospedaría de San Xiraldo de Aurillac do Cebreiro unha pedra gravada cuns curiosos motivos. Cando nos interesamos pola peza contárannos que era un "petroglifo" que fora colocado como lintel dunha palloza, pero a súa procedencia era de Salcedo, unha aldea do concello da Pobra do Brollón.
Na pedra, tirando a rectangular, obsérvanse dous homes montados en cadanseu cabalo. Sobre o ventre dos cuadrúpedes, coas catro patas e o rabo perfectamente definidos e mirando un cara o outro, vense senllas espadas ou frechas. Os cabaleiros miran cara o observador da peza, carecen de extremidades inferiores, apreciándose nidiamente o tronco do que parten os brazos estendidos en cruz, cabeza redonda, ollos globulados e nariz. Sobre o peito do xenete da dereita vese un círculo cruzado por catro liñas (Un disco solar? Un Crismón?), e debaixo do brazo esquerdo un cadrado cunha aspa (Cruz de Santo André?). Completan o panel outro animal (un can?), unha espada ou frecha e dous símbolos de difícil interpretación a ambos os lados da cabeza do xenete da esquerda.
Sorprendentemente, recoñezo, non volvína interesarme pola peza ata transcorridos uns vinte anos.
Para emendar a neglixencia, un día do mes de novembro de 2015 lisquei cedo para Salcedo, con tan boa sorte que dei coas persoas adecuadas que sabían toda a historia. O meu principal informante foi don José Rivera que ten a casa pegada á do lugar de procedencia da pedra coas gravuras. A historia que me contou difería da que vinte anos antes recollera no Cebreiro. Díxome que aparecera no ano 1951, nos alicerces dun antigo curral cando estaban a derrubalo. A parte gravada miraba cara o interior e estaba do revés. Durante un tempo estivo tirada no sitio, ata que ao ano seguinte foi reaproveitada como adorno na fachada principal da casa cando foi arranxada. O albanel, para "conmemorar" a restauración da vivenda, gravoulle a data de 1952. Alí permaneceu ata arredor do ano setenta en que os propietarios lla venderon por unhas 15.000 pesetas (outra versión fala de 7.000 pesetas) a Elías Valiña Sampedro, o cura que chegou á aldea do Cebreiro "co posto e unha escangallada bicicleta, e mira...", díxonos unha veciña.
No ano 1998, o señor José, cando foi á romaría do Santo Milagre do Cebreiro, viu a pedra na hospedaría, onde eu a vira uns anos antes. Lembrou cando, como amigo e veciño dos propietarios, axudara a derrubar o centenario curral. Unha veciña, que o acompañara á romaría, contounos que tamén se fixara na peza que durante anos estivera na "Casa dos Currais".
Para completar a historia, achegueime a falar cos actuais "propietarios" do relevo. Unha sobriña de Elías Valiña confirmoume que, en efecto, viñera de Salcedo, mercada polo seu tío. Cando pechou o mesón, os familiares que o rexentaban levárona canda eles como "herencia".
Sobre a procedencia é imposible sabelo, ata que se atopou no ano 1951 ignorábase a súa existencia. O que si semella claro é que foi primeiro cortada, preparada e logo gravada. Non se trataría, polo tanto, duns motivos realizados nunha pedra que formara parte dalgún afloramento onde adoitaban insculpirse os petroglifos prehistóricos galegos. Ademais, os motivos de Salcedo son perfectamente recoñecibles, ao contrario das gravuras da Idade do Bronce onde as representacións adoitan ser moi esquemáticas. Polo tanto, hai que desbotar a orixe prehistórica tal como enganosamente figura nunhas postais da peza que se venden no Cebreiro onde no anverso podemos ler: "Relieve de la Edad del Bronce y fecha de su hallazgo" (a data da descuberta, como indicamos máis arriba, non foi no 1952, senon un ano antes, a data inscrita no relevo é de cando a colocaron nunha casa dos propietarios).
Na Idade Media, as representacións de homes a cabalo son frecuentes, e se lle engadimos o círculo cruzado por liñas e o cadrado que acolle unha aspa, a súa adscrición medieval sería bastante clara. Hai quen mantén que a cruz patada templaria deriva da antiga roda solar ou da primitiva representación do crismón. Na España Sagrada dos PP. Flórez e Risco cítase un documento do ano 1254 que alude a unha igrexa en Santiorxo, na parroquia de Liñares (A Pobra do Brollón), pertencente aos templarios.
Non resulta doado interpretar a escea representada na peza, certos elementos do programa iconográfico desconcertan o que fai que, se cabe, sexa aínda máis singular. Unha escea de caza? De sacrificio? Unha ofrenda?
A principios do mes de marzo de 2016 dirixinme ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que me dixeran se o relevo estaba catalogado, contestándome a mediados de abril que non. Resposta que certamente me sorprendeu xa que tiñan coñecemento da súa existencia. Ese mesmo día rexistrei un escrito solicitando a súa inclusión no catálogo de bens culturais e, ao mesmo tempo, envieille unha carta certificada ao Bispado de Lugo para informalos, por se o descoñecían, que a peza fora mercada polo cura Valiña Sampedro con cartos públicos para engordar o patrimonio do Cebreiro, colocándoa, primeiro nunha palloza e despois na hospedaría-hospital de San Xiraldo, propiedade da Igrexa. Como xa me imaxinaba, nunca recibín resposta. O que si me sorprende (ou non) é que na páxina web da Diócese de Lugo teimen en asegurar que se atopa no mesón.
Como dixen máis arriba, á morte de don Elías Valiña no 1989, uns seus familiares montaron alí un mesón que rexentaron ata hai uns anos e que na actualidade está ocupado polos monxes franciscáns que atenden o santuario. En definitiva, o relevo desapareceu do sitio, os familiares de Valiña Sampedro levárono canda eles coma se dunha "herencia" se tratara cando, en realidade, pertence á Igrexa ou, como é lóxico xa que foi mercado con cartos públicos, ao Patrimonio de todas e todos.
Dende Patrimonio en Lugo contestáronme que remitiran a miña solicitude para a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural en Santiago. Un ano despois, ante a falta de noticias, envieille un escrito á citada Subdirección para que me dixeran como estaba o tema. Responderon o 9 de maio de 2017, dicíndome que solicitaran a colaboración da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago co fin de informar sobre a importancia e singularidade do relevo e a procedencia da súa inclusión no catálogo. Na USC concluíron no carácter enigmático da peza e na dificultade da súa interpretación, mesmo que os seus trazos estilísticos e os elementos iconográficos tampouco permitían establecer a adscrición cronocultural, ademais da ausencia dun contexto arqueolóxico que impedían a súa correcta valoración histórica. Ante isto, dende a Subdirección solicitaron a colaboración do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga para valorar a importancia do relevo, "polo que, de momento, estase á espera dos datos que permitan valorar a catalogación da mencionada peza".
Un ano máis tarde seguía sen noticias polo que, o día 12 de xuño de 2018, envieille á Subdirección Xeral outro escrito preguntándolle se no Museo do Castro de Viladonga chegaran a algunha conclusión. Non recibín resposta polo que, trancorrido outro ano, o 19 de xuño de 2019, volvín insistir. Para asegurar algún tipo de resposta, chamei por teléfono ao Servizo de Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en Santiago onde me dixeron que ían comprobar como estaba o asunto. Trancorridos oito meses, ante a ausencia de resposta deste organismo, o día 12 de marzo de 2020 requirinlle de novo que me dixeran en que fase está o tema.
E por último. O relevo que se atopa en mans da familia de Elías Valiña, é o orixinal? Ou trátase dunha copia? Varias persoas do Cebreiro contáronme que o orixinal foi, segundo uns, para Barcelona, e para Sevilla segundo outros.
Teremos, por fin, resposta? Sinceramente, dubídoo, hai cousas do Cebreiro que mellor non remexer.
onosopatrimonio.blogspot.com
Xabier Moure







































































































































































































































































































































































