No mes de xuño de 1934, ao arar a terra no castro de Tras das Airas, na parroquia de Rendar, Daniel González atopou un torques de ouro de 112 gramos. Ao día seguinte, seu pai Manuel cavou no mesmo sitio e sacou á luz dous brazaletes, tamén de ouro. Di Ángel del Castillo que levaron as pezas á feira da Cruz do Incio onde uns compradores de metais lle ofreceron unha cantidade “relativamente crecida” que os puxeron sobre aviso sobre o seu valor. Pouco despois viu as pezas Del Castillo que as publicou o mesmo ano da súa aparición no Boletín da Real Academia Galega, baixo o título Un torques y dos brazaletes (con foto).
Luis Carré, no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense, en Una nueva pieza para el catálogo de castros gallegos (1947), publica un torques de ouro (con debuxo) que di apareceu na Leira do Castro, en Santo Tomé do Castelo de Somoza. Foi atopado por Antonio Valcárcel cando traballaba unha súa herdade. O informante de Carré contoulle que tamén apareceran “restos de cerámica y otros objetos, alguno de los cuales llevó, al parecer, un arqueólogo que era o residía en Santiago”. Di Carré que pesa 88 gramos, que carece de decoración e remata “en dos bellotas”.


