O
monacato en Europa foi parello á difusión do cristianismo. Os mosteiros
xogaron un papel fundamental na organización social e no ámbito
cultural acadando, ademais e sobre todo, un enorme poder material. Se
ben xa existía en Galicia unha certa vida monacal, foi con Froitoso de
Braga cando se regulamentan as comunidades familiares de tradición
visigótica (Regula Monachorum). Mais, será a partires dos séculos
IX e X cando xurdan as grandes fundacións que, co tempo, se acolleron
baixo a regra de San Bieito de Nursia do século VI en que se difunde por
toda a Europa carolinxia e que traen os monxes de Cluny a través do
Camiño de Santiago, uniformando o monacato occidental a mediados do
século XI coa reforma gregoriana. O monaquismo galego consolidouse coa
chegada dos cistercienses, orde fundada por Roberto de Molesmes no ano
1098 para levar unha vida máis en consoancia coa regra de San Bieito,
con orixe na abadía de Citeaux (Francia), que acadaou unha grande
influencia grazas a Bernardo de Claraval. No século XIII instálanse no
país as ordes mendicantes dos franciscáns e dominicos (en menor medida
os Agostiños, entre outros), cuxa presenza adoita vincularse á
peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago a principios do século
XIII, que fundan os seus conventos en núcleos urbanos, fronte á
localización rural dos mosteiros bieitos e cistercienses. Tamén tiveron
certa presenza en Galicia as ordes militares que naceron en Terra Santa
despois da conquista de Xerusalén no ano 1099 durante a Primeira
Cruzada, sendo as máis coñecidas as do Temple, a dos Hospitalarios de
San Xoán e de Santiago que pasaron a rexentar, en varios casos,
mosteiros altomedievais que foran abandonados. As abadías segrares,
organizadas pola sé diocesán, estaban ligadas ás catedrais, integradas
por persoas que non forzosamente tiñan servizo no altar, pero si a
obriga de participar nos demais oficios e actos marcados pola
comunidade.
As
desamortizacións dos bens e terras "non produtivos" remataron co seu
poder. Entre o 1800 (reinado de Carlos IV) e o 1859, sendo ministro
Pascual Madoz (no medio houbo as do ministro Mendizábal, no 1835, e uns
anos despois a de Espartero), a Igrexa perdeu boa parte dos seus bens
que, ademais de ao eido espiritual, tamén afectou ao material, entre
eles os edificios mosteirais e conventuais. Segundo Vicente Risco, máis
de 7.000 relixiosos foron exclaustrados. Malia o anterior, cómpre
subliñar, en contra da crenza xeralizada, que antes do século XV a
maioría dos pequenos mosteiros apenas posuían riqueza e poder. Como
apunta F. J. Pérez Rodríguez (2008), "a historia do monacato galego
pleno e baixomedieval está cheo de sombras e non sempre os mosteiros
viviron na riqueza e opulencia nin se levou neles a vida estereotipada
que se lles adoita atribuír como centros de espiritualidade e cultura", e
"a meirande parte dos cenobios pouco teñen que ver coa idea de poder,
riqueza e progreso que, polo xeral, se ten dos mosteiros galegos
medievais", é dicir, que a realidade monástica galega, ata o século XV, a
pesares do gran número de cenobios, foi moito máis modesta do que
adoitamos crer.
Nesta
recompilación achego, distribuídos polas catro provincias galegas,
preto de 400 mosteiros, priorados e conventos, aínda lonxe do número
real dos que alfrombraron Galicia. José Freire
Camaniel, na súa obra El Monacato Gallego en la Alta Edad Media
(1998), rexistra máis de 500 mosteiros que non sobreviron á Reforma
Gregoriana, onde se estudan as distintas regras que seguiron os cenobios
galegos así como as comunidades que vivían neles, habitualmente
formadas por homes e mulleres (mosteiros dúplices) que desapareceron ou
se integraron noutras comunidades a partires da reforma citada cuxa idea
principal era acadar un poder independente dirixido polo papa. Outros
pequenos cenobios transformáronse en granxas, ou mesmo foron suprimidos;
nun capítulo xeral da orde do Císter, celebrado no ano 1184,
estableceuse que en todas as abadías houbese, ademais do abade, doce
monxes, e senón que se reducise a granxa ou que desapareceran totalmente.
AGOLADA
Mosteiro de Baíña: Segundo Álvarez Limeses, na súa Geografía General del Reino de Galicia
(1936), no século XV existía en Baíña un mosteiro, por cuxas encomendas
percibía cuantiosas rendas a casa de Moscoso. Agregado ao de San Paio
de Antealtares, en Santiago de Compostela.
Mosteiro de Basadre: No ano 1119, os esposos Joahnnes Didaci e Maria Luci ofrecen ao bispo de Lugo, Pedro III, "...portionem nostram monasterii de Vasadria cun aeclesiis et villis subdites et familia". O 10 de maio de 1547, Paulo III sanciona a anexión ao convento do Sancti Spiritus de Melide unha serie de parroquias, entre elas, a de Santo Estevo de Basadre (na actualidade está posta baixo o padroado de Santa María). Se houbo un mosteiro, tal como se deduce da doazón do 1119, non quedan restos.
Mosteiro de Santo André de Órrea:
Monxas bieitas. O primeiro documento da existencia dun mosteiro en
Órrea data do ano 747, no testamento outorgado por Odoario. No 1171 a
abadesa e o mosteiro venden unhas herdades á abadía cisterciense de
Sobrado. No 1368, nunha venda, cítase como Mosteyro de Santandre D´Orrea.
No ano 1486 a súa abadesa é Aldara López de Figueroa. É suprimido no
ano 1498. A pesares de pasar á observancia bieita dependente de
Valladolid, a congregación tivo problemas con el debido a frei Pedro de
Roade que se titulaba abade de Órrea e que no 1509 aparece como
presidente de Aciveiro. O preito co cisterciense Roade prolongarase no
século XVI, e os bens de Santo André non pasarán a San Paio de
Antealtares ata ben entrado este século. Do 1517 é un preito litigado por frei Lorenzo de Peñafiel, reformador do Císter, co mosteiro de Antealtares sobre a pertenza como anexo de Santo André. E do 1520 é outro preito litigado por San Paio, con frei Martín de Jabariño e frei Florián de Salazar, reformador da orde do Císter en Galicia, sobre a pertenza do mosteiro de Santo André de Órrea. Consérvase a igrexa románica
con fachada barroca dunha nave, dividida en cinco tramos, rematada nunha
ábsida semicircular. A portada principal ten dobre arquivolta con
capiteis de figuras xeométricas e tímpano liso sobre mochetas de aresta.
A porta lateral comunicaba o templo co mosteiro. Os canzorros adornan o
tellaroz. Sobre o frontis érguese unha espadana de dous vans rematados
por pináculos. As pedras das dependencias monacais utilizáronse na
construción das casas próximas.
Igrexa de Ventosa: No Museo Arqueolóxico de Ourense consérvanse unha lápida e un sartego antropoide. Na coñecida como lápida do abade Argivito, do século X, figura gravada a seguinte inscrición. Na vertente dereita: "OBIIT F(a)M(u)LO D(e)I ARGIVITO ABBATI (et) C(on)F(ess)I/(die) VIII KA(len)D(a)S D(e)C(em)B(ri)S IN HERA (hedera)". Na vertente esqueda: "DCCCC LX VIIa (nonagentesima sexagésima sétima) SVB/SANCyO RES", ("Faleceu o servo de Deus Argivito, abade e penitente, o día 8 das calendas de decembro do ano 929 baixo o mandato do rei Sancho"). O museo tamén custodia un sartego antropoide do s. IX-XI da mesma igrexa. No Museo de Pontevedra hai unha imaxe anómina do San Gregorio en granito do ano 1525.
ARBO
Convento de San Cristovo de Mourentán
(Mourentán): Citado no 1156 como monasterium no reparto das mesas
episcopal e capitular da catedral de Tui. Descoñécese quen o fundou e a regra de observancia Non volve a citarse ata
principios do século XV, cando aparece a "casa de Morantán" como
propiedade da orde de San Xoán. No 1457 está asociado á encomenda de
Ribadavia, pero mantendo a súa autonomía. No 1467 era seu comendador Frei Suero de Noguerol "comendador de Mourentán y Toroño", e anos despois foino Frei Arias Fandiño de Mourentán e Ribadavia polo que eiquí xa estaría desvinculado de Toroño. A Encomenda tiña os límites, entre outras, coas terras do mosteiro de Albeos e a casa dos Soutomaior. Do antigo conxunto conventual
só se conserva a igrexa de época barroca con torre de tendencia
neoclásica. Na fachada salienta unha portada con arco de medio punto
coroada por unha fornela con frontón semicircular que acolle a imaxe dun
santo. No interior destaca a bóveda de cachotaría do presbiterio.
BAIONA
Mosteiro dos santos Cosme e Damián:
Nas estribacións da serra da Groba, na aldea de San Cosme
(Baíña), vense as ruínas dunha capela que, ao parecer, formaba parte dun
pequeno cenobio (posiblemente un eremitorio) que se conservou ata o ano
1785 en que as súas imaxes foron trasladadas ao mosteiro de Santa María
de Oia, de quen dependía. Narciso Peinado (1949), citando a obra Antigüedades de Tuy
de Saldóval, fala, ao narrar a invasión de Galicia por Almanzor, que os
árabes atravesaron o Miño, preto de Salvaterra, chegando ata
Dayr-Kurtan (mosteiro de San Cosme e San Damián), máis tarde nomeado San
Colmado. Na igrexa de Santa Liberata consérvanse dúas tallas de madeira
de San Cosme e San Damián portando uns
instrumentos de menciñeiro. Este pequeno cenobio estaría no camiño que
dende Chan da Lagoa vai a Belesar.
Convento da Anunciada: Dominicas.
Fundado por dona Mayor Fernández Acuña e confirmado polo papa Paulo IV
no ano 1547, sendo bispo de Tui Xoán de San Millán, e abade da colexiata
de Baiona Sebastián Varela. Construído sobre un edificio anterior.
Colexiata de Santa María de Baiona:
No 1482 o bispo Diego de Muros II reforma a súa clerecía, pero aínda
sen darlle o título de colexiata, reformando os costumes da igrexa
debido ás queixas que lle chegan por parte dos racioneiros de Santa
María que protestan pola arbitrariedade dos abades que lles pagan o que
queren. Baiona estaba dividida entón en dous núcleos (a mesma Baiona e o
Monte do Boi) e por isto hai dous abades. Don Diego manterá a dualidade
e ordena que as dúas igrexas teñan cadanseu abade quen, á súa vez,
presidirá sete racioneiros, o que demostra a vitalidade da vila, capaz
de manter tal número de cregos. A categoría de colexiata chegou no 1492,
e foi dada polo bispo Pedro Beltrán. (F. Javier Pérez Rodríguez, 2008).
Mosteiro de Santiago de Ermelo:
Bieitos. Segundo unha lápida que se conserva na igrexa, o templo foi
reedificado no ano 1104 por mandato do bispo Xelmírez, destruído posiblemente por unha incursión normanda. O 8 de xaneiro de 1227, Sancha Nunit doa ao seu sobriño Martín Fernández varias herdades en Toancio, Bueu, Salnés e Ventosela, así como a metade das súas vacas e éguas, e que á súa morte pasen ao mosteiro de Santiago de Ermelo. En 1266, o mosteiro afora a Estevo de Bueu certos agros e casais. O 9 de marzo de 1273, o mosteiro de Ermelo concede en usufruto a Estefanía de Bueu o casal da Portela. Por documento do 18 de setembro de 1298, o mosteiro de Ermelo doa unha herdade no burgo de Cela. O 12 de febreiro de 1399, o mosteiro afora a Roi Lorenzo un casal coñecido como "Ares Pérez da Ravela" situado na freguesía de San Martiño de Moaña. En 1485
era abade de Ermelo frei Xoán de Mandaio que no 1487 pasa a ser abade
de San Pedro de Fóra, en Santiago, mentres que o abade deste, Afonso de
Mosqueira, pasa a selo de Ermelo. Morto Mandaio no 1488, o arcebispo
Fonseca fíxose cos bens de Ermelo; no 1491 consta que estes xa estaban
anexionados a San Xoán de Poio. En documentos dos anos 1519, 1524, 1532, 1535 e 1543, o mosteiro de Poio, xunto co seu anexo Santiago de Ermelo, aforan varios bens. Por documento do 19 de marzo de 1548, o papa Paulo III estable a unión do mosteiro de San Xoán de Poio, co seu anexo o mosteiro de Santiago de Ermelo. No 1684, no traslado dos apeos, bens e facenda, figura como priorado. Hai tradición de que no lugar morreu un
arcebispo que estaba de visita e que foi enterrado alí mesmo; na tampa
do sepulcro (a mesma que debeu ver Fr. Martín Sarmiento no ano 1745) hai
unha inscrición coa Era de 1140 (ano 1102) que despois serviu de
sepultura a unha vella.
A Illa de Ons:
Conta Hipólito de Saa Bravo que á illa retirábanse os monxes de Poio.
No século XVIII uns monxes recoletos solicitaron á Congregación de
Valladolid fundar unha Casa independente do mosteiro de Poio, solicitude
que lle foi rexeitada; entre os asinantes había un monxe que con outros
vivía na illa: "Petrus monacus qui in Ionis insula cum fratibus
degentibus...". Di De Saa Bravo que os monxes, xunto cos habitantes
da
illa, tiñan un pequeno comercio de polbo como así o testemuñan varios
documentos que falan de intercambios comerciais entre os monxes de
Tambo, Ons e o Priorado de Marín. Nun pequeno illote fronte á praia dos
Cans, coñecido como Laxe do Abade ou Laxe do Crego, hai unha tumba
antropomorfa que puído pertencer a un membro da comunidade monacal que
se instalaría na illa no século XV. A tampa do sartego foi levantada
polo mar a mediados do pasado século XX e que un home trasladou para a
súa casa. No Arquivo Histórico da Nobleza atopei unha requisotira do 27 de outubro de 1584 do xuíz da Illa de Ons ao xuíz ordinario de Cangas para que prenda a un ermitán de Cangas, acusado de cazar furtivamente coellos na illa.
Mosteiro en Arcos da Condesa:
Parece ser que os Traba reconstruíron un antigo mosteiro fundado polos
condes Froila Vermúdez e Elvira de Faro. A metade do mosteiro quedaría
en mans de Munia ou Munina Froilaz quen llo entregou á súa sobriña
Ilduara, filla do conde de Traba. Segundo a Historia Compostelana (s. XII), a
metade de Ilduara, o seu esposo Arias Pérez doábao no 1128 á Mitra
compostelá: "Medietatem cuiusdam monasterii, nomine Archos in Salinensi".
Aparece citado no 1154 nunha bula do papa Anastasio IV, e no 1178 nunha
bula de Alexandre III. No 1371, o rei Henrique II doaba os bens "ordinis templi de Arquos de Condesa et Moraña ete de Caldas de Reys in Salnes", ao deán e Cabido de Santiago, doazón que foi confirmada despois polo seu fillo Xoán I no ano 1379.
CAMBADOS
Convento da Inmaculada Concepción de San Francisco: Franciscáns. Unha inscrición sitúa a fundación no ano 1588 por iniciativa de Juan Daval e María Pérez ("Fundaron este convento Juan Daval i Maria Perez su muger. Ano 1588"), despois de que o bacharel Balboa os animara a patrocinalo no ano 1576, en terreos cedidos ese mesmo ano aos Pascualinos polo escribán Abelleira. A igrexa actual, con trazas renacentistas e neoclásicas, substituíu á antiga de Santa Mariña onde se atopan os enterramentos dos fundadores do convento. A Construción comeza no 1578. Entre 1844 e 1873 as pedras do convento foron reutilizadas en distintas obras públicas, só quedando en pé o local destinado a escola que funcionou ata o 1967. Despois da Desamortización de Mendizábal pasou ao Concello que o dedicou a distintos usos: escola, cuartel de milicias urbanas, cárcere e teatro.
Priorado de Serantellos (Castrelo): Dependía de Armenteira. Do 28 de marzo de 1767 son unhas relacións de varias persoas que adebedan rendas e froitos prestados da panera do priorado de Serantellos, anexo ao mosteiro de Santa María de Armenteira. Por documento do 19 de decembro de 1782, Felipe Diez, rexente da Audiencia de Galicia, a solicitude do mosteiro de Armenteira e do prior de Serantellos, Ambrosio Vázquez, apremian o pago de débedas por rendas atrasadas a Ramón Benito Pardiñas foreiro do mosteiro en varios lugares. Nos xardíns dos Salesianos hai unha mesa e un banco onde segundo a tradición de hai catro séculos, os monxes do priorado de Serantellos cobraban os impostos aos labregos. No edificio actual, do ano 1948, consérvase unha lápida na que figura a data de 1666 cando se concluíu un edificio anterior.
CANGAS
Colexiata de Santiago de Cangas:
Durante a maior parte do Medievo, Cangas fora só un lugar máis da
freguesía de Santa María de Darbo que na Baixa Idade Media vai
aproveitarse do crecemento da costa galega ao redor do seu porto. López
Carreira di que no 1472 hai xa un crego no dito porto que estaría para
servir espiritualmente aos veciños, posiblemente nunha pequena capela
non documentada. No 1479 a vila sepárase da súa matriz Darbo. A reforma
do seu clero e o ascenso á categoría de colexiata foi no ano 1542, cando
Santiago de Cangas foi dotada cunha comunidade de seis racioneiros e un
prior á fronte, absorvendo á antiga de Darbo (F. Javier Pérez
Rodríguez, 2008). En efecto, no Arquivo Histórico Nacional hai unha carta de concordia do 28 de xuño de 1542 entre o mosteiro de San Xoán de Poio e o reitor de Santiago de Cangas, xunto co Concello e veciños da vila, polo que se establece a fundación de dita parroquia como Colexiata e recoñécese o padroado do mosteiro.
A CAÑIZA
Mosteiro-Santuario de Santa María da Franqueira:
Císter. O primeiro documento (pouco fiable segundo F. J. Pérez
Rodríguez, 2008) que fai mención ao cenobio data do ano 1063, nunha doazón outorgada por Fernando I. No 1144 recibe de Afonso VII as
posesións que tiña nesa freguesía e na de Lueda. No 1293 uníuse á Regra
do Císter, comezando a construción dun novo templo sufragado por Xoán
Fernández de Soutomaior, bispo de Tui, quen ordenou poñer o seu brasón na
portada. A entrada dos cistercienses salvará á Franqueira de seren
suprimido. O 16 de agosto de 1411, o mosteiro da Franqueira afora a Alonso de Vilamide a herdade de Pintelos, sita en Santa Cristina de Valeixe. No 1418, Xoán Pérez doa ao mosteiro certas viñas, e no mesmo ano o mosteiro dá en préstamo a Xoán Pérez e a súa muller unhas herdades no lugar de Sobradelo. Por documento do 13 de agosto do 1468, o papa Paulo II comisiona aos abades da Franqueira e San Clodio do Ribeiro de Avia para que coñezan e xulguen a querela interposta polo mosteiro de Santa María de Melón contra as persoas que, sen dereito, enaxenan os bens do mosteiro. No 1496 viven no cenobio o abade, o prior e ao menos un
monxe. Por documento do 10 de maio de 1471, Xoán Eanes doa ao mosteiro unha herdade en Liñares. Por documento do 2 de setembro de 1472, Inés Poliña doa ao mosteiro varias herdades en Uma e Batalláns. Pasou á Congregación de Castela no 1521, despois de chegar a un
acordo co abade que recibiría unha renda vitalicia. No Arquivo Histórico Nacional gárdanse escrituras entre os anos 1558 e 1711 relativas á xurisdición do mosteiro sobre o coutro das Achas, ademais de varios foros, doazóns e permutas dos séculos XV e XVI. Consérvase a igrexa
de fachada gótica con pegadas románicas. A planta, rectangular con catro
tramos separados por arcos apuntados, está unida a unha capela de
ábsida rectangular cuberta con bóveda de media laranxa. No tímpano
figura a Adoración dos Reis Magos coa Virxe sentada co Neno sobre os
xeonllos. Detrás do altar maior atópase a imaxe pétrea de Nosa Señora da
Franqueira datada no século VII ou VIII, imaxe que se pon en relación
coa fundación do cenobio. A afamada romaría que se celebra no lugar ten a
orixe na reaparición da escultura da Virxe logo de estaren catrocentos
anos agochada no lugar coñecido como o Coto da Vella para preservala
dos árabes.
COTOBADE (Forma parte do Concello de nova creación Cerdedo-Cotobade)
Mosteiro de San Pedro de Tenorio:
Bieitos, séculos X-XVI. Dise que é un dos peor documentados da Galicia
medieval. Aínda que non hai constancia da súa fundación, parece que a
súa orixe remóntase ao século X. A primeira noticia data do ano 1073,
cando o seu abade aparece como testemuña nun documento do veciño de San
Salvador de Lérez. Do cenobio consérvase un claustro de século XVI de
planta cuadrangular acaroado á igrexa, as adegas e un lagar. No século
XV foi conquistado por Pedro Madruga, conde de Soutomaior. Do 31 de agosto de 1504 é unha carta executoria para que se cumpran as sentenzas dadas no preito entre frei Jácome de Santiago, abade de San Salvador de Lérez, e o seu anexo de San Pedro de Tenorio, dunha parte, e Xoán Rodríguez, crego de San Miguel de Carballedo, e seu anexo de San Martiño de Rebordelo, da outra parte. No 1535
ingresa na Congregación de Valladolid, feito non aceptado polo daquelas
abade Francisco de Ourense quen, xunto cos monxes, decide ir para
Portugal con toda a documentación. Máis tarde pasa a depender do
mosteiro de Lérez, en Pontevedra. Durante a Guerra da Independencia foi
fortaleza dos guerrilleiros de Cotobade e contorna, feito que levou ao
exército napoleónico a asaltar o cenobio e logo queimalo. Coa
desamortización chegou o abandono. A igrexa ten unha soa nave de planta
rectangular e ábsida. No ano 1745 estivo nel Fr. Martín Sarmiento lendo
os seus pergameos.
O COVELO
Mosteiro de Barcia de Mera:
Os únicos vestixios que perduran do mosteiro bieito do século XI achegánolos a tradición e quizais
unha pequena capela reconstruída (que sustituiría a outra anterior do século XII) nos primeiros anos do século XVIII pola Inquisición no lugar de San Xoán do
Mosteiro (foi igrexa parroquial ata a construción da actual). Nun lateral hai unha inscrición gravada nas pedras que di: "Hizo esta capilla a su costa el excelentísimo Don Alberto Bello, comisario de la Santa Inquisición en el año de 1709". Cóntase que no século XIX a Igrexa prohibiu celebrar actos relixiosos na ermida debido a que no lugar continuaban a practicarse rituais pagáns. Non moi lonxe, despois de cruzar a ponte sobre o río Alén, está a Fonte Santa onde podemos ver ducias e ducias de cruces de madeira; segundo a tradición, hai que deixar unha cruz xunto a fonte e ao beber hai que pedir un desexo.
Mosteiro de San Estevo de Casteláns:
Século XII. Monxas bieitas. O único documento que se coñece é
transmitido por Francisco Ávila y Lacueva onde di que o bispo Diego de
Muros o incorporou no ano 1481 a Santa María da Franqueira, estando
entón o cenobio "despoboado de relixiosas". A principios do século XX
outros restos foron trasladados ao concello de Mondariz-Balneario,
expostos no lugar coñecido como O Bosque. Ata nós só chegaron os restos
dos muros da ábsida de cuarto de esfera da igrexa románica que ocupa o
lugar dunha antiga ermida posta baixo a advocación de Santa Clara. O
mosteiro dependía de Santa María de Melón.
CRECENTE
Mosteiro de San Paio de Albeos (Albeos):
Séculos X-XII. Monxas bieitas. Estivo baixo o padroado de San Salvador. Cóntase que en Albeos naceu San Paio,
martirizado en Córdoba no ano 925 cando contaba con trece anos de idade.
O seu corpo foi trasladado a León e logo a Oviedo, onde repousa no
mosteiro de monxas bieitas. O cenobio mandouno construír Hermoixio,
bispo de Tui, en honra de Paio, seu sobriño. O primeiro documento data
do ano 1071, cando a metade de Albeos figura entre os bens que doou a
infanta dona Urraca Fernández á sé de Tui, bens que aínda estaban en
mans da catedral no ano 1231, cando unha das súas monxas fai unha
doazón, co permiso da abadesa e do convento. Ata o século XV foi
rexentado por monxas beneditinas, logo trasladadas a San Paio de
Antealtares. Coa desamortización, o mosteiro converteuse en vivenda
particular. Por documento do 29 de xaneiro de 1489, Álvaro de Soutomaior, conde de Camiña, solicita ao bispo de Tui a creación dunha comisión para que determine acerca da vida e costumes da abadesa de Albeos. Do primitivo edificio só quedan algúns restos nun estado de
conservación lamentable, utilizado como alpendre, o que amosa, outra
volta, o desinterese das autoridades polo noso patrimonio. Os
propietarios actuais, residentes en Valencia, puxéronno á venda nun
portelo da Internet por 300.000 euros. O Concello solcitou da Xunta que
lles esixa aos donos a limpeza e conservación. A asociación O Sorriso de Daniel xa reclamou en varias ocasións a súa posta en valor.
Mosteiro de San Pedro de Crecente:
Desaparecido, sobre as súas ruínas levantouse a igrexa románico-gótica, dise que construída coas pedras do cenobio.
Hai quen conxectura que pertenceu á orde do Temple ata o 1312. De posible orixe
altomedieval, converteuse en sé dun grupo de cregos. O primeiro
documento data do 1217 onde se fala dos clericis Sancti Petri de Crecente.
No 1223 diríxeo un capelán. A categoría abacial non se documenta ata o
século XIV, cando era controlado polos Soutomaior. A mediados do século
XV a comunidade é reformada polo bispo de Tui. No 1466 a
comunidade estaba formada polo abade e cinco racioneiros que darán orixe
ás parroquias actuais de Ribeira, Quintela, Freixo, Sendelle e Arrabal,
quedando a de Angudes para o abade.
CUNTIS
Mosteiro de Santa María de Termis: Por unha inscrición que se conserva na igrexa parroquial de Santa María de Cuntis, construída sobre os alicerces deste cenobio, sábese que o abade Adaúlfo desenvolveu o control da vida regular do mosteiro ata a súa morte no ano 1078. O epitafio di: "Era milessima centessima decima sexta, et tertio idus Martii memoriam celebris abbatis Adaulfi, fecimous", ("Na Era 1116 (ano 1078) tres días antes dos idus de marzo fixemos memoria ao célebre abade Adaúlfo"). Por outro documento sábese que a raíña dona Urraca entrégalle ao bispo Xelmírez o templo de San Xiao de Caldas de Cuntis, pero non a igrexa de Santa María coa súa casa de monxes. Disto último conclúese que o mosteiro era de propiedade laica, non suxeito á realeza. O declive constátase trala doazón de Fernando II ao arcebispo compostelán Martiño Martínez (aquí a igrexa é denominada como Sancta Mariam de Caldas de Contenes) das terras e demais posesións. O mesmo rei asina no 1168 un documento polo cal permuta varias igrexas de Cuntis pola cidade de Coria que era do arcebispo de Santiago e que lle quería entregar aos templarios; as freguesías a cambiar eran a de Santa María de Caldas de Cuntis, San Breixo de Arcos de Furco, San Miguel de Couselo, San Mamede de Piñeiro, San Fins de Estacas e Santa María de Troáns. As modificacións levadas a cabo por Anacleto Fentáns na primeira metade do século XVIII son as que podemos observar na actualidade. En outubro de 1700 bautizaron na igrexa á beata María Antonia de Andrade, coñecida como a Monxiña do Penedo. Despois de que as tropas napoleónicas queimaran toda a vila no ano 1809, tállanse novas imaxes e recupéranse outras. Eiquí recibiu sepultura no 1819 o deputado das Cortes de Cádiz Vicenzo Xosé de Castro Lira e Lavandeira.
Mosteiro de San Martiño e San Breixo de Arcos de Furco: López Ferreiro situouno, erradamente, en Arcos da Condesa. Quedan pegadas na cercanía da igrexa, nalgunhas casas e no lugar da Manguela. Habitado, aló polo ano 898, por monxes e monxas (dúplice) que profesan a regra de San Froitoso de Braga (o documento consérvase no Arquivo Histórico Universitario de Santiago. Trátase dunha acta dun pactum monachorum asinado, entre outros, polo bispo de Iria, Sisnando I, no que ademais do seu abade Adaúlfo aparecen relixiosos de ambos sexos. No ano 1038 pasa a depender de San Paio de Antealtares. Na primeira metade do século XII, o templo aínda é concibido como mosteiro, época en que varias reformas lle dan unha faciana románica. Coas pedras do primitivo templo ergueuse o actual. Nun muro do adro consérvanse tres linteis dun baldaquino do século XVI onde se representan a Natividade, a Adoración dos Reis e a Crucifixión; tamén hai unha lápida conmemorativa, unha pía bautismal e un altar cos símbolos do martirio de San Breixo. A vida monástica neste mosteiro debeu de manterse durante o século XII xa que é mencionado nos privilexios pontifícios confirmatorios da sé, recibindo manda no testamento de dona Urraca Fernández de Traba no 1199. Aquí conviviron dúas comunidades distintas, unha de homes e outra de mulleres. Durante a segunda metade do século XV a maior parte dos bens serán controlados por dúas monxas do convento compostelán de Santa María de Belvís. Significativo disto foi a denominación polo que se coñece o lugar de Furco: Furco de Vilar Donega (este último termo provén do latín Dominica ou Dominicata) que fai alusión ás súas posuidoras, as mulleres ou donas. No cemiterio parroquial salienta un cruceiro barroco e un cemiterio subterráneo iluminado por claraboias.
Mosteiro de San Miguel de Couselo: Bieitos. Descoñécese a data da fundación. O P. Yepes, no ano 1609, escribiu: "San Miguel de Couselo, monasterio antiquísimo que según dizen fue de los primeros que huvo en Galizia. Está media legua de Caldas de Rey, y tres leguas de Pontevedra, en una montaña asperísima. Anexose a San Martín el año de mil y trezientos y noventa. Está aora la Yglesia en pie, y veense las ruynas de los claustos que está haziendo demostración de una grande antiguedad". O primeiro documento é do ano 1064 no que Ansilano, abade do mosteiro, adquire varias propiedades preto da Ría de Arousa (San Miguel de Deiro e Santa María de Caleiro). Unha lápida sepulcral, que ata a segunda metade do século XIX estivo na fachada da igrexa de San Miguel, lembraba o falecemento do abade Ordoño, morto o 16 de abril do 1098; no ano 1909 foi levada a Santiago de Compostela para formar parte da Exposición Regional Gallega: "(Mi)serere Famulo: Dei/Ordonus abbas. E qui obbiit/XVI K. Mas. Era. ICXXX.III", ("Apiadádevos do servo de Deus Ordoño, abade, que faleceu o 16 de abril do ano 1095"). Non se volveu saber do seu paradoiro. No 1206 Afonso IX concédelle carta de couto (Portela, San Mamede de Piñeiro e Arcos de Furco), e estendeu as súas propiedades ata o mar. No 1303 o seu superior é un prior que dependía de San Martiño Pinario. A finais do século XIV está sen comunidade, aparecendo o abade de Pinario aforando os bens de Couselo. En 1791, a fachada románica da igrex é substituída por outra neoclásica. No 1877 o templo é derrubado, erixíndose a actual igrexa parroquial.
Mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis: Citado nunha doazón de dona Urraca ao bispo Xelmírez no ano 1116, onde di que era de propiedade real. Non se volven ter noticias del ata o século XVIII, onde nun documento estudado por Filgueira Valverde dise que do antigo templo só se conservaban os nichos dalgunhas sepulturas e que pasou a formar parte da orde do Temple. Na actualidade só se conservan algunhas pedras que serven de entrada dun carreiro que hai no centro urbano de Cuntis e que levan o nome de Portelo e Camiño de San Xoán, forma deturpada do seu antigo nome San Xiao ou San Xulián.
(A información sobre o mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis foime facilitada por Isaac González García).
DOZÓN
San Pedro de Vilanova (O Mosteiro):
Séculos XII-XIII. Consérvase a igrexa románica que
pertenceu a un mosteiro de monxas bieitas fundado por dona Guntrode
Suárez, viúva de Paio Martínez, no ano 1154, tal como figura tanto no
pergameo como na inscrición en pedra que se conserva no templo. No
século XIII documéntanse as pescudas realizadas por "dous homes bos"
para decidir no preito entre a abadesa de San Pedro de Vilanova (Dozón) e
a priora de Chouzán sobre os bens de Urraca Eriz, monxa que tomou o
hábito de Chouzán primeiro e logo marchou a Vilanova (o documento
atópase no mosteiro de Oseira). En San Paio de Antealtares consérvase un documento do 31 de xaneiro de 1409 do nomeamento do capelán de San Pedro de Vilanova. Ata o
1499, en que a comunidade ingresou en San Paio de Antealtares, dependía
de Oseira. Abadesas e monxas pertenceron ás máis importantes familias da
bisbarra, coma os Rodeiro e os Ulloa. Durante a Baixa Idade Media
mantivo preitos co Concello pola posesión do seu señorío. A finais do
século XV a súa abadesa, Isabel de Ulloa, tamén o era de Ansemil. No ano
1498, a abadesa foi convocada por frei Rodrigo de Valencia, enviado
dende San Bieito de Valladolid, para comunicarlle a absorción do
cenobio, non comparecendo a abadesa polo que foi declarada rebelde. Á
súa morte, na primeira metade do 1499, a Observancia fíxose co mosteiro
que foi entregado a frei Rodrigo pola prioresa de Vilanova, Eldara
López. De todos os xeitos, as súas rendas foron a parar a don Suero de
Oca, arcebispo de Tarso e abade de Oseira para que renunciase aos seus
dereitos para acceder ao abadengo de Santo Estevo de Ribas do Sil. Á
morte deste, o patrimonio do mosteiro pasou ás bieitas de Antealtares. O
templo, construído no primeiro terzo do século XIII, ten nave
rectangular, dividida en tres tramos, que remata nunha ábsida
semicircular. Na fachada occidental, con espadana de dous vans, salienta
a porta con arco apuntado e arquivoltas que se apoian en capiteis
decorados con motivos vexetais e dúas columnas de fuste monolítico. No
tímpano pode verse unha cruz patada sobre un disco. A setentrional
consta de dous panos e un corpo resaltado no que se abre unha porta. A
cornixa está decorada por arquiños de medio punto sobre canzorros. O
historiador Daniel González Alén informou da desparición dun capitel labrado que pertenceu ao desaparecido cenobio que xunto co escudo foi a parar a un muro dunha casa próxima. Agora xa non está. Di González Alén que aínda que o capitel non apareza, hai que evitar que pase o mesmo co escudo.
A ESTRADA
Mosteiro de San Xurxo de Codeseda: Tamén chamado de Augas Santas. Foi fundación altomedieval, quedando
baleiro nalgún momento xa que no 1124 foi cedido por Afonso VII a Munio
Pérez. Este e a súa muller Maior Eáns doáronno ás monxas bieitas
dependentes da igrexa compostelá; sería unha das súas fillas, Urraca, a
primeira abadesa segundo consta no ano 1170. Foi un dos cenobios que
recibiu a reforma do arcebispo Lope de Mendoza na diócese de Santiago.
Foi suprimido no ano 1410 e os seu bens pasaron á catedral compostelá. A igrexa data do ano 1175 da que só se conserva a cabeceira de estrutura pentagonal con varios canzorros. A nave románica desfíxose no 1851 para edificar o templo actual. A cabeceira componse dun tramo recto e unha capela semidecagonal articulada con arcadas con columnas e fiestras; o segundo nivel de columnas é para recoller os nervios que reforzan a bóveda. Tamén se conserva, segundo o panel informativo que hai diante da igrexa, o frontal de pedra románico do primitivo altar que foi reutilizado na balaustrada do campanario onde se ven esceas dos Reis Magos e o Agnus Dei. Malia isto, Gumersindo Mosteiro Díaz, cando colguei a información no facebook, aclarou que non é frontal nin románico, que é moi posterior, "trátase
do resto dunha antiga capela ciborio acaroada tan propia de moitas
igrexas galegas do entorno do 1500, especialmente no Ribeiro,
Salnés-Pontevedra e camiños de comunicación entre ambas áreas. En
concreto esta peza é un friso mutilado ao que lle falta a parte
inferior co arco conopial. Colocábase baixo o remate piramidal e
estaba soportado o conxunto por un ou dous esteos, ademais de
ménsulas nas paredes, ocupando na súa gran maioría o espazo en
ángulo inmediato ao arco do presbiterio. O máis vello que teño
rexistrado na documentación é da década de 1430 e os máis novos
son da década de 1540".
Mosteiro de Santa María de Paradela: Hai dúbidas se existiu este mosteiro dúplice no propio lugar de Paradela ao que o presbítero Letimio ofreceu unha doazón no ano 947. A identificación do lugar coa parroquia de Paradela realizouna López Ferreiro pois non se menciona no documento. Letimio ofrecía os seus bens aos "frates et sorores qui in ipsa ecclesia perseuerantes fuerint in uida sancta". Entre as doazóns figura a igrexa de San Salvador situada debaixo do castro Barbudo, doazón confirmada polo bispo de Iria xunto con varios diáconos e presbíteros.
Ermida de Castrotión
(Oca): En Castrotión, no entorno dun primitivo círculo lítico, había
unha capela (permaneceu en pé ata principios do século XX) que, segundo o
cardenal del Hoyo, no ano 1607, chamaban de Nosa Señora de Quiñóns ou
de Castro. Hai autores que cren que no lugar ou nas proximidades puido
existir un mosteiro fundado no século VII por Theodiselo, un discípulo
de San Froitoso de Braga, nun lugar chamado Castrumm Leonis. Hipólito de Sá Bravo identifica o lugar con Castrove, ao sur do val do Salnés, a partires de transcricións antigas como Castropheon ou Castroveon.
A capela, cuxas ruínas vemos na actualidade, foi mandada erixir no mes
de novembro do 1589 por Bertomeu Reimóndez Figueroa e Castro, veciño de
Santiago, quen a dotou cos lugares de Outeiro e Moimenta de Arriba,
ademais doutros bens. O solar foi escavado nos anos oitenta do pasado
século XX, accedendo os arqueólogos á lauda sepulcral do fundador e
quizais da súa muller.
FORCAREI
Santa Olaia de Donas (Donas):
Monxas bieitas. Fundado no 1149 por Aurea Bellide mediante unha doazón
de Afonso VII. Pouco se sabe sobre este cenobio, agás que as monxas
habitárono durante os séculos XIII e XIV. A mediados do século XV xa
debía de estar baleiro. No 1474 estaba en poder do cabido de Tui e no
1482 tíñao o bispo Diego de Muros que o entrega aos seus coengos. A
igrexa conserva a portada románica.
Mosteiro de Santo Tomé de Piñeiro:
Pouco se sabe sobre o seu emprazamento, crese que a igrexa, románica do
século XIII, foi levantada sobre os seus restos. Unha bula do papa
Atanasio IV certifica a súa existencia no ano 1154.
A GUARDA
Convento de San Bieito: Monxas bieitas. Construído entre 1558 e 1561 (carta fundacional do 7 de setembro) e inaugurado no 1567. Recibiu o nome de mosteiro da Transfirugación do Señor. Fundado por Álvaro, García, Isabel e María Ozores de Soutomaior, sobriños e sobriñas de Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga). A igrexa foi reformada no século XVII. Convertido en hotel, as monxas trasladáronse a Trasmañó, en Redondela, no ano 1984.
LALÍN
Mosteiro de San Martiño de Lalín:
O investigador e párroco de Lalín entre o 1905 e o 1914 redescubriu
este cenobio dúplice sometido á regra bieita, esquecido dende a segunda
metade do século XVIII. No ano 1763, o P. Rodríguez dá noticia nuns
pergameos do Arquivo da Catedral de Lugo da fundación e dotación feita
por Adosinda Gudesteiz, descendente dos condes de Deza e de Lugo, que debeu retirarse no mosteiro. Sábese
que aínda existía no ano 1239, mais no século XV xa desaparecera,
pasando as terras a mans do mosteiro de Oseira. Na actualidade non
quedan restos, e a igrexa non é a primitiva senón outra que se construíu
no mesmo lugar, reaproveitando os materiais da antiga. Debaixo dunha
ventá ten unha inscrición que, traducida por Ramón Aller, di: "Era de
1485. Cara o 980 fundou o mosteiro de San Martín de Lalín o bispo don
Arias Peláez, segundo testamento da súa sobriña dona Adosinda, datado no
1019". A igrexa mantívose como parroquial ata o ano 1893 en que foi substituída pola actual de Nosa Señora das Dores.
Mosteiro de Moneixas: Santo
Adrao de Moneixas é unha parroquia de Lalín. Elías Valiña, no
Catálogo de los Archivos parroquiales
de Lugo (1972) di que segundo a
tradición foi un mosteiro de monxas, daí o
topónimo Moneixas, e que en Moneixiñas, a
tiro de pedra da cabeceira da parroquia, estaban as aspirantes ou
novicias, as moneixiñas.
Segundo esta hipótese, sinala Ares Vázquez (2012),
o nome de Moneixas sería unha acomodación do greco-latino tardío
monachicas que
se pode traducir por monacais. No Libro de Confirmados, que se formou
por mandato do bispo de Lugo Juan Sáenz de Buruaga (ocupou a diócese
entre o 1762 e 1768), sendo cura Pablo de Verea y Aguiar, dise: "No
ano 1773 fabricouse na igrexa de Moneixas a capela de Santa Lucía...
en cuxo sitio, no ano 1737, atopei un colateral de pedra, e a adega,
e no sitio que fora un antigo sepulcro, atopouse unha lápida
pequena, cuns caracteres romanos, que indican ser da Era de cento
trinta e nove...". Desta inscrición
romana, do ano 101 d. C., ao menos que eu saiba, non se volveu a
saber. O párroco
tamén cita unha "cripta" que non
se sabe onde está (nunha visita anterior,
en xaneiro de 2015, o sacristán contoume
que o mosteiro tiña un pasadizo por onde accedían as monxas á
igrexa). D. Luis
López Barredo, párroco de Moneixas, dixo
que no interior
da igrexa, xunto a base dereita do arco, había
unha pedra que atopou no horto da reitoral, que
pola parte de atrás tiña
unha cornamenta dunha cabra, e pola dianteira unha carroza romana con
algunhas letras ilexibles, algún anagrama e nas catro esquinas unha
estrela moi desgastada (o sacristán díxome
que desapareceu hai anos). Tamén contou D. Luis que
a casa reitoral foi mosteiro no século XV, habitado por monxas
Clarisas que abandonaron o cenobio
cando a Revolta
Irmandiña, sendo ocupado por
uns relixiosos. A igrexa, de orixe románica do
século XII, só
conserva elementos da época no arco (con
columnas con capiteis decorados)
de acceso á capela maior. No século
XVIII foi reformada nas súas capelas, retábulo e sancristía. E no
1960 foi desfigurada totalmente
coa construción da capela dedicada á Terceira Orde Carmelita. Cando
as obras, nun muro interior da ábsida, apareceron
unhas pintura
murais, datadas
a finais do
século XV ou principios do XVI, que representa a Flaxelación de
Cristo (foron restauradas arredor do ano
2000).
Mosteiro de Lebozán ou O Convento: Interesante información recollida de Antonio Presas que reproduzo parcialmente: No ano 2008 entrou en funcionamento o Parque Eólico Singular de Lalín, situado na parroquia de Santiago de Lebozán, entre o Alto do Estorniño e O Convento, pero a construción do citado parque levou por diante o pouco que quedaba del. Non está moi claro cando se fundou e a que orde pertencía. Segundo a tradición, dependía do mosteiro de Aciveiro e que funcionaba como lugar de castigo para os monxes que se desviaban dos principios da orde: eran separados da comunidade para purificar o seu espírito por medio do illamento, frío, fame, mortificacións, etc, para poñer a proba a súa vocación. Pero engade Antonio Presas que no val da Ramisca, no curso alto do Toxa, preto de Suapica, vense varias pezas de cantaría reulizadas no Casal de Cheda, traídas de O Convento tras o abandono a raíz da Desamortización de Mendizábal do ano 1836. O Convento estaba moi cerca dun vello camiño que viña do Ribeiro en dirección a Ponte Orneiros e Ponte Taboada, pasando antes por Soutolongo onde estaba asentada a Orde dos Cabaleiros de Malta (Soutolongo era priorado da encomenda de Beade). Nas pedras do Casal de Cheda vense cruces de Malta, un sabre, símbolos relixiosos, un arco conopial, etc. que pouco teñen que ver coas representacións de Aciveiro.
A LAMA
Priorado-granxa de Santa Ana da Barcia do Seixo: Coñecido como Casa dos Frades. Dependeu do mosteiro de Armenteira de onde era, segundo a tradición, o frade que fundou o priorado no século XIII. Dise que conseguiu que un arcebispo de Santiago lle dera un terreo coma un coiro de touro que, cortoado, en tiras, puido arrodear unha legua que comprende a actual freguesía da Barcia do Seixo (consérvase o topónimo a Légua do Frade). O documento fundacional, traducido, di: "A Légua do Frade está delimitada por catro mámoas, dúas no Seixo, situada na Campa da Mámoa, outra no Campo de Seistido, a terceira na Portela da Cruz, e a última no Suído, debaixo do Outeiro dos Ramos". Nun documento do mosteiro de San Clodio de Leiro de 1666 reséñase a vacante do beneficio da igrexa de San Xoán de Laxas (Boborás), onde figura o nome dun freire procedente da Barcia do Seixo: "Dentro del monasterio de San Clodio paresció... el P. Frai Francisco Dayala Pinoi de la granja de Barcia do Seixo que es del monasterio de Armenteira, ... e de la otra del P. Frai Cristoval de Peralta archivero y procurador del monasterio de San Clodio...". Cistóbal de Peralta foi abade do mosteiro de Oseira entre o 1672 e 1674.
MARÍN
O Priorato (Marín): Edificio que pertenceu aos monxes de Oseira, situado preto da igrexa parroquial. Demolido no ano 1958, o Concello non fixo caso, entre outros, aos informes históricos para protexelo de Filgueira Valverde, director do Museo de Pontevedra. As súas pedras foron reutilizadas na Praza de Abastos.
MEAÑO
Priorado de Simes: No Arquivo Histórico Nacional consérvanse varios documentos referidos ao priorado de Simes. Entre 1700 e 1706 figuran as rendas por grans e maordomía que se recadaban para o mosteiro bieito de San Xoán de Poio. No ano 1701 figuran as rendas de "trigo, zenteno, mixo, mays, gallinas, vino y más emolumentos que percive en este priorato de Simes...". Do 1 de febreiro de 1773 son uns autos de apremio polo pago da débeda que María de Pastoris tiña co prior de Simes. Do 10 de decembro de 1787 é unha execución de real provisión dada pola Audiencia de Galicia a pedimento de San Xoán de Poio, e do seu anexo o priorado de Santa María de Simes, contra os adebedores contidos no memorial presentado para que recoñeceran a débeda, obrigándose cos seus bens ao pago. Do 7 de maio de 1816 é o traslado dun prorrateo da renda con que se contribuía ao priorado de Santa María de Simes, do dominio de San Xoán de Poio, do foro chamado de Pedro Pérez do lugar de Nantes de Reis. Dos anos entre 1835 e 1840 é un memorial cobrador de rendas no priorado de Simes e nos partidos de Bordóns, Dorrón, Xil, Dena e outros lugares. A igrexa de Santa María de Simes é do século XII.
MEIS
Mosteiro de Santa María de Nogueira:
Coñecido hoxe en día como a Capela de Mosteiro. Existen
varias teorías canto a súa pertenza. Uns din que foi propiedade dos
bieitos, pasando aos Hospitalarios de San Xoán no século XVI. Para
outros pertencería ao mosteiro de Carboeiro e logo aos sanxoanistas.
Unha terceira conxectura apunta a que puideron existir dous mosteiros, o
de San Lourenzo de Nogueira, de Carboeiro, e o de Santa María, primeiro
templario e despois hospitalario. Para F. Javier Pérez Rodríguez e Adrián Arcaz Pozo foi primeiro da
Orde do Santo Sepulcro. Para Pérez Rodríguez aparece por primeira vez no
1128, nunha bula de Honorio II (monasterium sancte Marie de Nogaria), estando xa nese ano en mans do Santo Sepulcro de Xerusalén. No
1131 o patriarca de Xerusalén e o seu cabido escriben ao arcebispo
Xelmírez para lle recomende ao seu coengo Aimerico e para que lle
dese a posesión da igrexa de Nogueira con todas as súas dependenzas e as
esmolas que "nos dan no voso territorio". A súa vida como mosteiro
está testemuñada ao longo do século XII, amplamente citado nos
privilexios confirmatorios pontificios concedidos a esta sé. Nogueira
estaba baleiro no 1391, ano no que os coengos do Santo Sepulcro do
convento de Toro -a súa casa principal no occidente da Península-
aforaba a Álvaro Páez de Soutomaior e á súa muller dona Maior, o couto
de Nogueira. No ano 1421, nunha carta de partixas entre Fernán Yáñez de Soutomaior e Lope Sánchez de Ulloa indícase "Hesta e particion que ficen aparte do Santo Sepulcro". A Capela do Mosteiro é románica do século XII; no arco triunfal lese a data de 1150.
Mosteiro de Santa María de Oia:
Císter, século XII. Disque a fundación veu da man de Martiño de Dumio
no ano 569, aínda que o primeiro documento coñecido data do 1137 cando o
rei de Galicia, Afonso VII, dona a ermida de San Cosme aos beneditinos.
No 1187 pasa á orde do Císter que levantan a igrexa e o cenobio á beira
do mar. Acada o máximo esplendor nos séculos XII e XIII. No s. XV, a
outrora poderosa comunidade ten que enfrontar unha imparable decadencia
que non se detería ata a súa incorporación á Congregación de Castela en
que o arruinado cenobio é reconstruído e ampliado, obras que se
estenderán ata o s. XVIII. No
último terzo do século XVI construíuse o claustro, o refectorio e a sala
capitular. Do 1624 é unha historia que narra a odisea
dunhas naves cristiás, perseguidas por piratas turcos, que conseguen
fuxir grazas á intervención dun canón accionado polos monxes. Durante a
invasión francesa tampouco se librou da rapina dos soldados
napoleónicos. Coa desamortización de Mendizábal, a comunidade abandona o
cenobio que pasa a mans particulares. No 1910 o propietario alúgallo
aos xesuítas portugueses que o ocupan ata o 1932 en que a Compañía de
Xesús é expulsada de España. Durante a Guerra Civil utilizáronno os
fascistas como campo de concentración e tortura, chegando a acoller a
máis de 3.000 prisioeiros. Ao remate da guerra é devolto ao propietario
anterior que o pon en venda. No devir dos anos ten pasado por distintos
propietarios o que non ten evitado o estado ruinoso no que se atopa. A
Xunta de Galicia e o Banco Pastor teñen un proxecto para construír nel
un hotel de luxo, un xeito de desposuír ao gran público do acceso ao
noso patrimonio, proxecto, por certo, que leva anos parado. A igrexa, de
fins do século XII, é de planta de cruz latina con tres naves separadas
por piares. A primitiva fachada foi substituída pola actual, barroca do
1720. No interior ábrense cinco capelas rectangulares. Bóvedas de canón
no cruceiro e nas ábsidas da cabeceira, o coro está cuberto con bóveda
de estrela. No interior conserva un retábulo no altar maior vencellado á
aparición, no 1581, de Nosa Señora do Mar, unha venerada imaxe atopada
atada a unha cadea á beira do mar, cuxo orixinal se atopa no convento
cisterciense do Xesús de Salamanca; a de Oia é unha reprodución. A principios do mes de abril do ano 2013, Lorena González
descubriu a primeira lápida sepulcral dun abade que funciona como lintel
dun galpón próximo ao mosteiro. Francisco Javier Goberna, da Asociación Cultural Amigos do Mosteiro de Oia, constatou que a identificación do báculo abacial non deixa lugar a dúbidas. No ano 2022, durante a restauración da igrexa, saíu á luz unha antiga capela trasaltar, coetánea da igrexa, que adoitaban estar dedicadas á Virxe. O arquitecto Rodrigo Pintos, cuxa empresa é a adxudicataria da intervención, dixo que fora unha sorpresa marabillosa, ademais dun achado inesperado. Ao baleirar a cimentación da torre barroca, do século XVIII, tamén descubriron o paso que comunicaba a antiga sancristía coa torre primitiva da igrexa.
MOAÑA
Igrexa de San Martiño de Moaña: Conserva parte da fábrica románica. Foi ampliada no século XVIII. Figura, entre outros, nunha doazón ao mosteiro de Lérez no ano 1327 (cítase como Sci Martini de Moania). No ano 1399, Roi Mouriño, abade do mosteiro de Ermelo, en Bueu, concedía en foro a Roi Lourenzo, escudeiro de Moaña, unha propiedade na parroquia de San Martiño. O que chama a atención é que no ano 1414, Roi Lourenzo dispón no seu testamento que o enterren no mosteiro de San Martiño de Moaña. A este Roi Lourenzo, o mosteiro de Ermelo xa lle aforara no 1399 o casal coñecido como "Ares Perez da Ravela" na freguesía de San Martiño de Moaña. Houbo eiquí un mosteiro?
NIGRÁN
Priorado-granxa de San Xoán de Panxón: Dependía de Oia. Por documento do 13 de marzo de 1232, que se conserva no Arquivo Histórico Nacional, Fernando III, co consentimento da súa nai dona Berenguela, confirma ao mosteiro de Santa María de Oia o cambio establecido por este co seu pai Afonso IX o 13 de xuño de 1228 e, porque o mosteiro de Oia se cría prexudicado con tal cambio, dóalle a vila de Panxón co seu couto, seu término e todo canto lles pertencía. No mesmo arquivo gárdanse varios documentos, entre os anos 1631 e 1769, sobre cobranzas de rendas da granxa de Panxón. Do século XVIII é un documento co índice de persoas que pagaban á granxa de Panxón. Consérvase un arco prerrománcio do século X que despois foi reutilizado para o acceso á igrexa de San Xoán. Consérvase un mosaico do século III con temas mariños, ánforas, muíños, etc., e tamén a tampa con estola dun sartego que confirmaría a existencia dunha comunidade cristiá que, segundo Día y Díaz, estaría baixo a regra de San Froitoso.
OIA
POIO
Illa de Tambo:
No século VI Martiño de Dumio funda unha ermida que San Froitoso de
Braga transformaría en mosteiro vencellado a San Xoán de Poio. Di o P. Yepes na súa Crónica General de la Orden de San Benito (1615) que en Tambo houbo un eremitorio. Logo
pasaría a priorado posto baixo o padroado de Santa María de Graza cuxa
imaxe foi guindada ao mar polo pirata Drake despois de asolar o cenobio
no ano 1589. A imaxe foi rescatada por mariñeiros de Combarro quen a
agocharon entre as redes, construíndo un santuario no lugar da Renda
onde se lle segue a render culto. Cando no ano 1745 o
visitou Fr. Martín Samiento, subsistían as paredes da igrexa, do
claustro e de habitacións, hortas, viñas, prados, etc. A illa foi asaltada en numerosas ocasións por árabes, normandos e no 1589 polo inglés Francis Drake que a arrasou por completo. No ano 1865 comezou a funcionar en Tambo un lazareto.
Priorado de San Gregorio de Raxó: Dependía de Armenteira. Nunha carta datada o día 16 de setembro de 1783, Xoán Antonio Rodríguez dirixe unha carta ao priorado de San Gregorio de Raxó comunicándolle que dos seus bens situados na freguesía de Bordóns paga renda de pan mediano ao mosteiro de San Xoán de Poio, que non paga renda do quinto dos bens, e non acepta outro dominio dos seus bens.
PONTEAREAS
Convento de San Diego de Canedo:
Franciscáns. É no século XVIII cando os franciscáns acondicionan o pazo
de Canedo, do s. XV, doado polos condes de Salvaterra, para utilizalo
como convento. Do primitivo edificio aproveitaron, ademais das pedras dalgunha parede, a porta principal, do século XVI, pola que se accede
aos apousentos dos frades, e os escudos que adornan os muros
pertencentes aos antigos propietarios. A igrexa conventual, do 1777, é
de planta de cruz latina con lanterna montada sobre pechinas. Expulsados
os freires no 1835, o edificio véndese en poxa pública. No ano 1895, os
franciscáns mércanllo ao seu propietario, don Severo Pesqueiras,
iniciando a reconstrución que rematan no 1897.
Mosteiro de Santa Locaia
(A Encostada-Guillade): Mosteiro documentado no ano 963. Logo pasou a
depender de Melón do que foi priorado ata a exclaustración. Algúns estudos levan a fundación ao ano 569, na época do I Concilio Lucensis, no final do Reino Suevo de Galicia. Vese unha pequena construción de planta rectangular, posiblemente dunha capela. Unha pedra rectangular podería corresponderse co altar.
Priorado de San Miguel de Guillade: No Arquivo Histórico Nacional consérvase un memorial cobrador deste priorado entre os anos 1825 e 1835.
PONTEVEDRA
Convento de San Francisco (Pontevedra):
Franciscáns, séculos XIII-XV. A tradición apón a fundación ao propio
San Francisco de Asís cando peregrinou á tumba do Apóstolo Santiago no
ano 1274. O convento, que forma un ángulo recto coa igrexa, acolle as
dependencias da Delegación de Facenda. O claustro gótico foi substituído
cando a ampliación do convento no século XVIII. A igrexa, construída
entre finais do s. XII e principios do XIII, presenta planta de cruz
latina cunha nave rematada por tres ábsidas poligonais, a central máis
grande ca as laterais e cubertas con bóveda de crucería. A parte máis
antiga é a portada con arco apuntado e arquivoltas (outrora cuberta cun
pórtico) sobre a que destaca un enorme rosetón. No interior salientan os
sepulcros medievais, entre outros o do trobador Paio Gómez Charino,
pinturas murais dos séculos XVI e XVIII e unha talla do Nazareno do s.
XIX.
Convento de San Domingos (Pontevedra):
Predicadores, século XIII, ruínas. Os predicadores chegaron a
Pontevedra a finais do século XII. A principios do s. XIII encomezaron a
construción do templo gótico. No XVIII tentaron reconstruílo pero a
obra ficou inacabada, como tamén quedou sen concluír a derrubada ábsida
gótica da primeira igrexa. Na actualidade só se conserva a cabeceira,
con cinco ábsidas poligonais con bóvedas nervadas sobre columnas, e un
muro lateral cunha pequena porta sobre a que se abre un gran rosetón.
Dende o 1927 acolle a Sección de Arqueoloxía do Museo de Pontevedra.
Convento de Santa Clara (Pontevedra):
Clarisas. A data de fundación do convento foi no ano 1271, sendo a súa
primeira abadesa sor Leonor Rodríguez. Por
mor da invasión da cidade polos ingleses, as monxas tiveron que fuxir
para Santiago no ano 1730. O mesmo aconteceu no 1809 cando as tropas
napoleónicas arrasaron o convento. Sufriron outro traslado para Tui no
ano 1868, regresando sete anos despois, permanecendo alí ata a
actualidade pechadas na clausura. A igrexa dunha soa nave é de
estilo gótico, s. XIV, con reformas posteriores. Salienta a ábsida
poligonal, máis alta ca a nave. No muro norte ábrense dúas portas con
arquivoltas apuntadas, e no muro sur unhas fiestras oxivais. No ano 1730
fíxose o retábulo do altar maior, de estilo churrigueresco, coa
sepultura xacente e as reliquias de San Vicenzo debaixo do altar.
O PORRIÑO
Mosteiro de San Miguel de Cans:
Císter, ano 1151. Consérvanse documentos que fan mención as doazóns
realizadas por Afonso VII ao mosteiro de San Miguel que se erguería na
coñecida como "Casa dos Curas". No 1156 o abade asinou unha avinza co de
Melón que supoñía a extinción do seu cenobio e o paso ao Císter á súa
morte. Mais cando morreu, aos monxes de Cans non lles agradou o decidido
polo seu abade e Melón tivo que asinar con eles un novo acordo no 1165
que establecía a conversión de Cans nunha graxa de Melón, condición que
aínda tiña no século XV. No 1516 Melón cambiouno ao bispo de Tui. Consérvanse as ruínas dunha capela, quizais a orixe do desaparecido cenobio.
PORTAS
Mosteiro de Lantaño:
Bieitos. A fundación débese, probablemente, á familia do conde don
Gonzalo. Está documentado un preito do ano 960 no que intervén o bispo
Sisnando que remata coa repartición dunhas salinas nuns terreos
usurpados a Dona Aragonta e ao conde Don Paio. Pasou a depender de
Armenteira a mediados do século XII. Por documento do 18 de agosto de 1162, a condesa Fronilde doa e testa a favor do mosteiro de Armenteira as súas herdades en Gondes e Lantaño; a mesma condesa fai outra doazón no 1182. Os documentos falan dos viños que
cultivaban os monxes. Ao parecer emprazábase no lugar do Rial.
REDONDELA
Convento de San Antonio de Agrelo: Franciscáns. Desruído polas tropas napoleónicas o día 14 de abril de 1809.
Illa de San Simón: Ao parecer, no ano 1517 existía un mosteiro pertencente á orde dos Pascualinos.
Convento dos Franciscanos:
Os franciscáns fundan un convento na praza forte de Salvaterra no ano
1603 por doazón realizada por Diego Sarmiento de Soutomaior. Por causa
da guerra con Portugal, é destruído no ano 1642, as súas pedras foron
utilizadas para levantar as murallas.
Priorado de San Amaro de Rande: Dependía de Armenteira.
RIBADUMIA
Mosteiro de Santo André de Barrantes:
A igrexa, con ábsida semicilíndrica por dentro e rectangular por fóra,
pertencen a un desaparecido mosteiro bieito fundado no ano 1138 polo
bispado de Tui. Do 19 de decembro de 1782 é un auto de Felipe Díez, rexente da audiencia de Galicia, a solicitude do mosteiro de santa María de Armenteiro e o prior de Serantellos, apremiando polo pago de débedas atrasadas a Benito Pardiñas, foreiro de propiedades de varios lugares, entre outros o de Santo André de Barrantes.
RODEIRO
A Granxa (O Salto): Foi granxa do mosteiro de Samos. Quizais a este lugar se refira a denominación "grangia de Togio/Togo/Toju" (M. Romaní, 1989-2003).
Mosteiro de Pedroso (Negrelos): Romaní Martínez, na súa obra Colección diplomática del monasterio cisterciense de Santa María de Oseira (1989-2003), cita un documento do ano 1235 en que Rodericus Fernandi de Camba manda no seu testamento: "monasterium Ursarie habeat medictatem unius casali in Petroso".
O ROSAL
Convento das Carmelitas Descalzas: En uso. Fundado no ano 1934 por María Teresa de Jesús Sacramentado.
Priorado/granxa de Santa Mariña do Rosal: Dependía de Oia. No Arquivo Histórico Nacional gárdase o apeo das granxas de Goián e O Rosal do ano 1629. Consérvase o topónimo O Priorato.
SALCEDA DE CASELAS
Mosteiro de Santa María de Salceda: Despois de ser repudiada polo rei Ordoño II, Aragonta construíu no ano 922 un mosteiro no lugar de Saliceta (Salceda), a unhas dúas leguas de Tui. Reuniu monxas, fixo consagrar a igrexa e dotou a casa. Despois da morte de Aragonta, a súa nai Teresa Eriz puxo o cenobio, que pertencía á orde bieita e era dúplice, baixo a custodia de Ramiro II e retirouse a vivir nel. A Historia Compostelana recolle que grazas á intermediación do bispo Sisnando, Aragonta e o seu irmán Pelaio conseguen parte do proveito das salinas na comarca do Salnés para que o seu beneficio se destinase ao mosteiro. Perdeu o título de mosteiro no 1215, cando Afonso IX o entregou ao bispado de Tui. Ambrosio de Morales aínda cita as súas ruínas a finais do século XV. A igrexa actual foi reedificada no ano 1768 sobre a fábrica dun antigo templo e o mosteiro. Salienta a porta norte, coñecida como a Porta da Raíña. No interior hai unha inscrición funeraria do ano 943 co seguinte texto: "In hoc tvmvlo requiescit famvlvs dei Hermenegildus qui obiit die quinta feira nonas novembris era DCCCCLXXXI fratres et sorores ortate pro nos", ("Neste sartego xace o servo de Deus Hermenexildo que faleceu o día 2 de novembro do 943. Irmáns e irmás pregade por nós").
SALVATERRA DE MIÑO
Priorado de San Amaro de Arra: Dependía de Armenteira, administrava as rendas da freguesía que polos décimos, segundo o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, percibía 740 reás de vellón. Do 17 de decembro de 1833 é un documento de rendas de foro do Casal de Nantes, no "priorato de Arra", pertencente ao mosteiro de Santa María de Armenteira. Consérvase a casa do Priorado. Na capela do San Amaro celébrase unha romaría.
Mosteiro de San Pedro de Ansemil:
Dúplice. A primeira referencia é unha doazón do ano 972; como confirmantes figuran tres devotas, aínda que só se conserva o nome de Goto. Conserva o seu carácter dúplice ata o último cuarto do século XI tal como achegan as confirmacións dunhas doazóns nos anos 1023 e 1073. No 1083 deixa de ser dúplice converténdose en beneditino e xa non hai sorores. No século XIII pasa a ser ocupado exclusivamente por monxas (Iria Blanco Rey, 2017). A finais do século XV estaba en
total decadencia, sendo a súa abadesa Isabel de Ulloa, que tamén o era
de San Pedro de Vilanova de Dozón. Foi anexionada a
San Paio de Antealtares o 7 de xullo 1499 por frei Rodrigo de Valencia despois da morte da abadesa Isabel. Consérvase a igrexa, edificada entre os séculos
IX e X. Ten planta basilical de tres naves e tres ábsidas separadas por
arcos forneiros semicirculares dispostos sobre dúas columnas. A nave
principal ten un arco triunfal peraltado sobre columnas e cuberta con
bóveda de canón semicircular. A portada principal é de dobre arquivola
tórica sobre columnas, con lintel con catro raias horizontais e
perpiaños no tímpano. Os capiteis están profusamente decorados, e no
aleiro destacan os canzorros. Acaroada á igrexa atópase a capela dos
Deza do s. XIV, chamada así polo sepulcro que se conserva do cabaleiro
Diego Gómez de Deza, do ano 1341. Sobre a porta principal está a imaxe
da Virxe do Leite, nome que lle vén polo xeito de dar o peito ao Neno.
Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro:
Bieitos, ano 936, se ben algúns investigadores sitúan a fundación no
968, data que se opón a unha escritura de dotación referida polo P.
Yepes, e tamén nun documento do que se conserva o orixinal e que figura
nos Fondos do antigo mosteiro de San Martiño Pinario, que di que un
Buguto doa a Félix, abade de Carboeiro, unhas viñas en Xuvencos; este
Félix é o mesmo da carta de fundación do citado Yepes. No lugar onde se
levantou o mosteiro existía unha ermida, adicada a San Lourenzo, onde
moraba o ermitán Egica, dono dunhas terras destinadas á cría do gando.
Mercadas polos condes de Deza, Gonzalo e Tareixa, fundan un mosteiro que
acolle aos ermitáns e monxes da bisbarra. Destruído por Almanzor no
996, é consagrado por San Pedro Mezonzo trala reconstrución do ano 999.
No século XII o arcebispo de Santiago reclamou ao papa o padroado de San
Lourenzo, petición que lle foi recoñecida como figura nun documento do
ano 1199 da Igrexa compostelá dado por Inocencio III. O seu derradeiro
abade foi frei Manuel Sánchez que figura á fronte del no 1496. A súa
influencia rematou cando foi suprimido e anexionado como priorado a San
Martiño Pinario no 1500. Coa desamortización tamén chegou a ruína. Os
escasos restos do cenobio que se conservan sitúanse no lado norte da
igrexa. Na súa Guía de Galicia,
Otero Pedrayo dálle tamén o nome de Gargueiro; nun diploma polo que
Vermudo II restaura o mosteiro no ano 999 chámalle Algalí ao lugar onde
se edificara; un documento do 1075, e noutros do século XII, dise
Retorta, posible alusión ao semicírculo e península que forma alí o río
Deza. Nos documentos latinos do cenobio noméase como Carbonario, que foi
o que prevaleceu. Nos documentos en Galego figura como Carboeiro e
Carbueiro. Escribe García Conde (1957): "Los pedantes de Galicia y los ignorantes de fuera de Galicia le llamaron Carbero y Carbuero". O templo, do románico galego, foi proxectado polo abade Fernando
no 1171, tal como reza unha inscrición que se conserva no interior. É
de planta de cruz latina con tres naves de tres tramos no brazo maior e
outra nave que forma o cruceiro, cara o que se abren dúas capelas
semicirculares. A cabeceira dá acceso, mediante arcos de ferradura, ás
entradas das capelas. Na fachada salienta unha portada formada por catro
arquivoltas sobre columnas circulares. Nunha das arquivoltas sobresaen
os vinte e catro anciáns da Apocalípse cos seus instrumentos musicais, e
no tímpano a figura do Salvador, obra dun discípulo do Mestre Mateo
coñecido como o Mestre de Carboeiro. No
ano 1980, o Museo Marès de Barcelona mercou a Ericka Birk, viúva do
empresario e coleccionista de orixe alemana, Franciso Birk, dúas
esculturas que ao menos ata os anos trinta adornaban o tímpano da
igrexa mosteiral de Carboeiro. No mes de xaneiro de 2023, o museo
iniciou un informe para aclarar se proceden de Carboeiro tras
coñecerse a existencia de documentos do Arquivo de Galicia e o Arquivo
Xeral da Administración do Estado que proban a substración ilegal
das pezas. Nos últimos anos, os investigadores Alfredo Abeledo e
Antonio Vidal Neira teñen publicados varios artigos sobre estas e
outras pezas que desapareceron de Carboeiro.
TOMIÑO
Mosteiro de San Vicenzo de Barrantes (Barrantes):
Bieitos. Desaparecido. Consérvase a igrexa que, segundo unha inscrición
existente nun muro, estaría rematada no ano 1139. Foi fundación de
varios herdeiros, entre ouotros Paio Méndez, bispo de Tui, e o seu irmán
Suero. Foi suprimido no 1435 por bula do papa a petición do cabido
catedralicio de Tui, se ben hai constancia de que a comunidade de
Barrantes aínda existía anos despois, desaparecendo definitivamente no
ano 1482, sendo bispo de Tui Diego de Muros. Da antiga construción
románica do templo só pervive a ábsida e os muros laterais. A ábsida é
semicircular no interior e de dous corpos escalonados no exterior. Na
fachada poden verse varios motivos románicos no aleiro con esculturas de
canzorros decoradas con motivos vexetais, zoomorfos e antropomorfos. O
arco triunfal é de medio punto disposto sobre columnas con capiteis con
motivos vexetais. Unha gravura na fachada principal co "José Antonio Primo de Rivera" e unha cruz con "Caidos por la Patria, presentes"
lembra ao réxime fascista que asolou Galicia e España durante corenta
anos. O día 12 de setembro de 2014 envieille un correo ao Concello para
que inicie o procedemento para reparar semellante tropelía.
Mosteiro do Hospital ou de Santa María de Tomiño
(O Hospital-Tomiño): Consérvase a igrexa mosteiral de monxas bieitas,
posiblemente familiar, cuxas primeiras noticias documentais datan do ano
1149. No ano 1199 Urraca Fernández de Traba faille unha doazón. A
mediados do século XV vivían nel dúas monxas, abadesa e prioresa, sendo a
primeira a un tempo abadesa de Santa Baia das Donas. Deixou de ser
mosteiro entre os anos 1453 e 1474 en que os seus bens pasaron á diócese
de Tui, suprimíndose o cenobio por orde do bispo Diego de Muros II.
Como no caso anterior, na fachada principal da igrexa fachendea aínda a
simboloxía fascista.
Priorado/granxa de San Lourenzo de Goián: Dependía do mosteiro de Oia. No Arquivo Histórico Nacional gárdanse os apeos da granxa de Goián dos anos 1596 (apeo do foro de Pedro Cabral), 1602 e 1629; tamén uns memoriais cobradores de rendas de grans e outros que percibía o priorado de Goián para os anos 1638, 1693 e 1694.
TUI
Mosteiro de San Miguel de Pexegueiro (Pexegueiro):
Bieitos. Aparece citado dende o século X, no reparto dunhas salinas polo bispo Sisnando. Segundo Hipólito de Sá Bravo, a súa fundación débese aos descendentes dos condes Gonzalo e Teresa, patronos dos mosteiros de Camanzo e Carboeiro. Ángel del Castillo di que figuraba co nome de Persigarium en documentos da raíña Urraca no 1112. Case nada queda das antigas dependencias monacais, agás algúns restos xunto a casa reitoral do século XVI. Consérvase a
igrexa románica do s. XII. A portada occidental presenta tres
arquivoltas semicirculares con xambas e columnas de fustes monolíticas
con capiteis decorados. O tímpano está ornamentado con dous leóns
enfrontados e dúas aves que se interpoñen na loita. A portada norte
presenta capiteis decorados con motivos vexetais. A portada sur ten
arquivoltas con botóns e tímpano sobre mochetas que reproducen cabezas
de bóvidos. No interior conserva cinco interesantes retábulos, tres
barrocos do século XVIII: o da Virxe das Dores, o da Virxe do Carme e o
do Santo Cristo. Foi nesta igrexa cando se di que San Telmo anunciou, durante un
sermón pronunciado no 1249, a súa morte.
Mosteiro de San Miguel de Rebordáns: Algúns autores levan a súa fundación a época tardorromana, coa chegada do cristianismo a Tude,
ou visigoda, mais o primeiro documento que se coñece data do ano 965.
No ano 1071 o rei galego García trasladou aquí a sé espiscopal de Tui,
período no que se celebraron dous concilios. No século XII estaba
habitado por monxes bieitos, logo pasou aos Coengos Regulares de San
Agostiño. No 1435 pasou a depender da catedral de Tui, suprimíndose o
mosteiro mediante bula do papa Uxío IV. A igrexa, erixida sobre unha vila romana e unha
necrópole romano-sueva, conserva pegadas prerrománicas e románicas, agás
na portada que é do século XVIII. Unha tampa dun sartego ten unha inscrición do século VI que, traducida do latín, di: "Eiquí xace Modesta". Chaman a atención os capiteis
historiados onde podemos observar a decapitación de San Xoán Bautista e a
cea de Herodes. Salientan tamén as pinturas murais da ábsida, do século
XVI, que representan diversas esceas da Pasión de Cristo e que
corresponden ao obradoiro de pintores tudenses da familia Serveira.
Convento de San Domingos:
Dominicos. O primeiro convento solicitado polo Concello no ano 1272, contestado polo Cabido, situábase xunto as murallas da cidade; o papa Gregoria XIII permitiu a súa execución no ano 1283. No ano 1328 foi trasladado á ubicación actual. Nas antigas dependenzas conventuais hai un relevo funerario e fundacional en cuxa primeira parte identifica aos persoaxes falecidos e o ano de inicio da obra no 1330 por iniciativa de frei Domingo de Valença, en sufraxio da alma de seus parentes, a teerciaria dominica Durancia Pérez e frei Martín de Valença, provincial, representados coa Orde do santo sepulcro aberto (Carmen Manso Porto, 2016). A igrexa conventual é gótica do s. XIV. Ten
planta de cruz latina e nave central de tres tramos que rematan en tres
ábsidas poligonais cubertas con bóvedas nervadas iluminadas por vans
xeminados. No interior salienta o retábulo da Virxe do Rosario, do 1741,
coñecida como da "Batalla de Lepanto" pola curiosa presenza da famosa
batalla ocupando todo o ático. O cruceiro é gótico, con sepulcros dos
Soutomaior do mesmo estilo.
Convento das Clarisas:
Coñecido como o das "Encerradas", nidia alusión á clausura. O convento
data dos séculos XVII e XVIII, edificado sobre un lugar que acollía a
desaparecida igrexa románica de Santa María da Oliveira. Durante as
guerras con Portugal sufriu importantes desperfectos polo que tivo que
ser reconstruído en varias ocasións. A igrexa, do s. XVII, é dunha nave.
No interior hai un retábulo do s. XVII, obra do escultor Domingo de
Fornelos.
Convento de San San Francisco:
Século XVI. Na orixe formou parte do convento franciscán de San
Antonio, reconstruído entre o 1682 e o 1728. Ten dous claustros. A igrexa, de tres naves, é neoclásica. Conserva
no interior un retábulo barroco do 1741, obra de artistas portugueses,
os retábulos laterais, unha cúpula de media laranxa e un amplo coro. No
lado súr ábrese a capela da "Venerable Orde Terceira" contruída en 1777.
Na actualidade acolle o Seminario Menor diocesán dende o ano 1850, con
dous claustros, un barroco e aberto.
Mosteiro de Santa Comba de Cordeiro ou de Louro: Do século V serían os restos dunha pequena igrexa de planta
rectangular, asociada ás primeiras exhumacións escavadas no pavimento
tardorromano. Tamén se documentou unha etapa xermánica e altomedieval. Primeiro foi convento de monxas
bieitas e priorado dos coengos regulares de San Agostiño a partires do
s. XIII. No século XIV este priorado secularizouse. A finais do século
XV dicíase que en Santa Comba houbera un mosteiro de monxas que pola súa
vida deshonesta fora suprimido polo arcebispo de Santiago. No 1479 foi
suprimido polo arcebispo Alonso de Fonseca, anexionándoo á colexiata de
Iria. Nos últimos tempos estanse a realizar escavacións destinadas a
atopar vestixios sobre a súa ubicación exacta. Na primeira fase dos
traballos saíron á luz a planta dun edificio eclesiástico e sepulturas
correspondentes a varias épocas. A actual igrexa barroca, do ano 1773,
ten unha nave e carece de cruceiro, con campanario acaroado á fachada e
fornela decorada con volutas sobre a porta alintelada, para a súa
construción utilizáronse as pedras do antigo cenobio. Debaixo da
primeira igrexa apareceron restos tardorromanos, coma tumbas de tella,
un forno, tégulas, unha estela con inscrición reutilizada como zólcolo nun muro da igrexa, terra sigillata,
etc.
VALGA
VIGO
Mosteiro de Santa María de Castrelos:
Sanxoanistas. Contaba con hospital, tamén desaparecido xunto co cenbio ("viam veterem et hospicium egrotorum de fratibus sancti juannis de Casteliis"). Consérvase a igrexa románica. Coñécense
dúas referencias documentais, unha do 1309 en que María Eanes deixa
unha manda para o templo, e outra do 1499 en que Ramona Gómez doa un
barril de viño. Nun documento do 1319 di que o rei Afonso XI tiña que entregar á Orde do Hospital os bens templarios. No interior hai unha inscrición co ano 1216, pero non se sabe se e a data de construción ou de remate. Ten unha nave e
unha ábsida semicircular na que se abren pequenos rosetóns e canzorros
na cornixa. Conta con tres portadas axedrezadas. Tímpanos con cruces e
columnas con motivos vexetais, decoración que tamén se observa nas
ventás. A parroquia cítase como Castrelis no século XII en alusión ao castro que había nas inmediacións.
Mosteiro de San Salvador de Coruxo:
Bieitos. Xa existía no século XI. Acoutado por Afonso VII, foi
entregado ao Salvador de Celanova no 1152, onde tamén se incluía na
doazón e privilexio a illa de Santo Estevo das Cíes. No 1218 aparece á
súa fronte o prior Pedro Mídiz. Por documento do 26 de xullo de 1228 Afonso IX confirma ao mosteiro do Salvador de Celanova o privilexio outorgado por Afonso VII no 1152 relativo á doazón da illa de Santo Estevo e a concesión do privilexio do couto ao mosteiro de Coruxo. No ano 1230 o bispo de Tui fai unha
avinza entre o mosteiro de Celanova e o bispado en que queda en mans do
abade do primeiro a capacidade de nomear ou depor ao prior de Coruxo.
Logo Celanova doálle ao bispo os décimos sobre os bens de Coruxo, parte
dunha igrexa e os dereitos sobre outras da diócese de Tui. A súa
decadencia e extinción da vida monacal corre vencellada ao apoxeo de
Santa María de Oia. Pereira Martínez (2006) di que carece de fundamento que en San Salvador de Coruxo esistira un mosteiro templario. Do templo románico consérvase a cabeceira, o resto é
posterior. Ten planta basilical de tres naves e tres ábsidas
semicirculares, a central máis ancha e alta ca as laterais.
Mosteiro de San Estevo
(Illas Cíes): No ano 1745, Fr. Martín Sarmiento fala dun ruinoso
mosteiro na illa da Area de Roda (Illa de Faro) posto baixo o padroado
de Santo Estevo. No ano 1152, por doazón de Afonso VII, pasou a depender
de Celanova, que logo foi confirmada no 1228 por Afonso VIII, e no 1213
por Fernando III. No 1378 pasa á Igrexa de Tui que no século XV o cedeu
a dez relixiosos franciscáns para que viviran na antiga ermida posta
baixo o padroado de Santo Estevo. Pouco duraron os freires xa que no ano
1505 o papa Xulio II dispuxo que o oratorio fora entregado ao arcediago
de Trastámara, Pedro de Ben, tomando este posesión dous anos despois do
"oratorio llamado monasterio de Sant Stevan de Sías de las Ysllas de Bayona".
O edificio actual, que chaman O Convento, nada ten que ver co medieval,
foi construído coas pedras do primitivo onde se poden ver algunhas
inscricións.
Mosteiro de San Martín
(Illas Cíes): Na illa do mesmo nome. Fala del Fr. Martín Sarmiento na
súa Viaxe a Galicia no ano 1745. Nun documento de Afonso VIII do ano
1228 fálase dunha granxa dependente do mosteiro de Oia.
Bailía de Coia: Primeiro encomenda e despois bailía, documentada no ano 1371, a única da orde monástico-militar do Temple na provincia de Pontevedra. O primeiro documento da existencia da encomenda data do ano 1232, en que os templarios galegos celebran un Cabido Xeral en Mayorga de Campos (Valladolid) onde se cita a Dimnus I. Munniz comendador de Coya (Carlos Pereira Martínez, 2006). A xurisdición abranguería toda a provincia de Pontevedra, agás a comarca do Deza, xestionada polos templarios de Canaval, e a do NE que dependería de San Fiz do Ermo. Segundo Hipólito de Sá Bravo cre que o mosteiro de Bembrive e a igrexa de San Pedro puideron ser do Temple (consérvase o topónimo O Mosteiro). No ano 1232 era comendador I. Munniz, no 1307 Frei Sancho Afonso que tamén o foi de Amoeiro, e os freires Lope Afonso e Domingo. No 1310 documéntanse o anterior como comendador e os freires Xoán Arie, Antonio, Xoán, Diego e Pedro.
VILA DE CRUCES
Mosteiro de Santa María de Piloño: Orixe altomedieval. A Historia Compostelana di que en tempos de Diego Xelmírez a catedral de Santiago recibiu
de reis e nobres diversas partes ou a totalidade de varios cenobios,
entre eles o de Piloño que foi doado pola infanta Elvira. O couto deste
cenobio abranguía dende a terra de Carrio ata o río Ulla. A igrexa
actual é do século XV, erixida sobre outra máis antiga.
Mosteiro de San Salvador de Camanzo:
Primeiro de monxes e logo de monxas bieitas. O mosteiro fundouse sobre
unha antiga igrexa prerrománica no século X polos condes de Deza,
Gonzalo e Tareixa. No 1115, Dona Urraca doouno á igrexa compostelá. No
ano 1516 as monxas pasaron a San Paio de Antealtares, en Santiago. A
finais do século XV será un dos mosteiros que o arcebispo compostelán
Alonso de Fonseca pretenderá salvar da reforma observante de Valladolid,
outorgándollo como préstamo a Diego de Saldaña, bispo de Beirut. O
derradeiro abade foi Vasco Escochado, documentado no ano 1491. No 1495
os bens deste mosteiro xa estaban en poder de San Martiño Pinario, quen o
cederon vitalicamente a Lopo Gómez de Marzoa para que puidera manterse
coas súas rendas. Do estado no que se atopan os restos monacais fala o
derruído clausto, con restos da arcada gótica utilizado como alpendre;
un sártego antropoide úsado como bebedoiro do gando; unha lápida,
arrincada do seu emprazamento, está tirada xunto un muro; pedras
labradas esparexidas por aquí e acolá; restos dun retábulo
amontoados como se de leña se tratara, imaxes... A igrexa é de planta
basilical con tres naves rematadas en tres ábsidas semicirculares. A
porta principal ten arquivoltas semicirculares, con semicolumnas de
perfil tórico con anxos cos brazos abertos e unha figura impartindo a
beizón. No tímpano vai esculpida a figura do Salvador en acción de
bendicir. As ábsidas son semicirculares por fóra e de ferradura polo
interior, cubertas con bóvedas de cascarón.
Mosteiro de San Salvador de Toiriz: Só consta como mosteiro nas doazóns das partes que varias persoas fan a Sobrado entre o 1164 e o 1258. Preto da igrexa parroquial atópase a aldea de Mosteiro.
VILAGARCÍA DE AROUSA
Mosteiro de Cálago (Cálago):
Ruínas, edificado sobre un castro. A fundación do desaparecido cenobio atribúese a San Fructuoso de
Braga no s. VII. As primeiras noticias documentais datan do ano 929, cando Afonso IV acota os seus límites. Aínda
que ten pasado por priorado de San Martiño Pinario, Rubén García
Álvarez afirma que boa parte da súa historia discorreu como mosteiro
independente, estimando que a unión ao mosteiro compostelán faríase
despois do 1150 (Manuel Lucas di que a anexión tería lugar a mediados do
século XIV, cando desapareceu). As referencias son abundantes na documentación do mosteiros de San Paio. Tiña abades propios, e non priores. No 1199, dona Urraca, que posuía o castelo de Lobeira, fixo unha doazón ao mosteiro. Os
seus restos, dos que só se conserva o campanario, forman parte dos
alicerces da antiga igrexa conventual. Hai quen conxectura que foi destruído polos normandos no século IX ou X. Tamén que no lugar existiu unha fortaleza nos século XV ou XVII como parte defensiva das terras de Compostela. Nas catro catas realizadas no mes de agosto de 2017 non apareceron restos do antigo cenobio o que non quere dicir que non existira, será cuestión de seguir escavando. O que si saíron á luz foron anacos de cerámica castrexa, unha ánfora romana, restos dun morteiro, terra sigillata, cerámica común, tégula e restos de metal.
Priorado de Vilanova: Fala del Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. A casa do prior estaba na Illa de Arousa.
o noso patrimonio
Mosteiros de Galicia (Provincia de Pontevedra)
Xabier Moure
Mosteiros de Galicia (Provincia de Pontevedra)
Xabier Moure