O
monacato en Europa foi parello á difusión do cristianismo. Os mosteiros
xogaron un papel fundamental na organización social e no ámbito
cultural acadando, ademais e sobre todo, un enorme poder material. Se
ben xa existía en Galicia unha certa vida monacal, foi con Froitoso de
Braga cando se regulamentan as comunidades familiares de tradición
visigótica (Regula Monachorum). Mais, será a partires dos séculos
IX e X cando xurdan as grandes fundacións que, co tempo, se acolleron
baixo a Regra de San Bieito de Nursia do século VI en que se difunde por
toda a Europa carolinxia e que traen os monxes de Cluny a través do
Camiño de Santiago, uniformando o monacato occidental a mediados do
século XI coa reforma gregoriana. O monaquismo galego consolidouse coa
chegada dos cistercienses, orde fundada por Roberto de Molesmes no ano
1098 para levar unha vida máis en consoancia coa regra de San Bieito,
con orixe na abadía de Citeaux (Francia), que acadaou unha grande
influencia grazas a Bernardo de Claraval. No século XIII instálanse no
país as ordes mendicantes dos franciscáns e dominicos (en menor medida
os Agostiños, entre outros), cuxa presenza adoita vincularse á
peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago a principios do século
XIII, que fundan os seus conventos en núcleos urbanos, fronte á
localización rural dos mosteiros bieitos e cistercienses. Tamén tiveron
certa presenza en Galicia as ordes militares que naceron en Terra Santa
despois da conquista de Xerusalén no ano 1099 durante a Primeira
Cruzada, sendo as máis coñecidas as do Temple, a dos Hospitalarios de
San Xoán e de Santiago que pasaron a rexentar, en varios casos,
mosteiros altomedievais que foran abandonados. As abadías segrares,
organizadas pola sé diocesán, estaban ligadas ás catedrais, integradas
por persoas que non forzosamente tiñan servizo no altar, pero si a
obriga de participar nos demais oficios e actos marcados pola
comunidade.
As
desamortizacións dos bens e terras "non produtivas" remataron co seu
poder. Entre o 1800 (reinado de Carlos IV) e o 1859, sendo ministro
Pascual Madoz (no medio houbo as do ministro Mendizábal, no 1835, e uns
anos despois a de Espartero), a Igrexa perdeu boa parte dos seus bens
que, ademais de ao eido espiritual, tamén afectou ao material, entre
eles os edificios mosteirais e conventuais. Segundo Vicente Risco, máis
de 7.000 relixiosos foron exclaustrados. Malia o anterior, cómpre
subliñar, en contra da crenza xeralizada, que antes do século XV a
maioría dos pequenos mosteiros apenas posuían riqueza e poder. Como
apunta F. J. Pérez Rodríguez (2008), "a historia do monacato galego
pleno e baixomedieval está cheo de sombras e non sempre os mosteiros
viviron na riqueza e opulencia nin se levou neles a vida estereotipada
que se lles adoita atribuír como centros de espiritualidade e cultura", e
"a meirande parte dos cenobios pouco teñen que ver coa idea de poder,
riqueza e progreso que, polo xeral, se ten dos mosteiros galegos
medievais", é dicir, que a realidade monástica galega, ata o século XV, a
pesares do gran número de cenobios, foi moito máis modesta do que
adoitamos crer.
Nesta
recompilación achego, distribuídos polas catro provincias galegas, máis de 400 mosteiros, priorados e conventos, aínda lonxe do número
real dos que alfrombraron Galicia. José Freire
Camaniel, na súa obra El Monacato Gallego en la Alta Edad Media
(1998), rexistra máis de 500 mosteiros que non sobreviron á Reforma
Gregoriana, onde se estudan as distintas regras que seguiron os cenobios
galegos así como as comunidades que vivían neles, habitualmente
formadas por homes e mulleres (mosteiros dúplices) que desapareceron ou
se integraron noutras comunidades a partires da reforma citada cuxa idea
principal era acadar un poder independente dirixido polo papa. Outros
pequenos cenobios transformáronse en granxas, ou mesmo foron suprimidos;
nun capítulo xeral da orde do Císter, celebrado no ano 1184,
estableceuse que en todas as abadías houbese, ademais do abade, doce
monxes, e senón que se reducise a granxa ou que desaparecera totalmente.
MOSTEIROS E CONVENTOS DA PROVINCIA DE LUGO
ABADÍN
Mosteiro de Abadín: Segundo a tradición, había restos dun antigo mosteiro preto da igrexa parroquial de Santa María do século XII. Consérvase o topónimo O Convento.
ALFOZ
Mosteiro de Santa María de Bacoi: Cítase no Tombro de Lourenzá, na confirmación dunha doazón no ano 1010 ao mosteiro de Bacoi (Dourado Fernández, 2012). En Bacoi estivo Afonso IX o 10 de abril do ano 1220 onde concede privilexio aos poboadores de Ourio (Valadouro). Nun preito por inxurias do ano 1693 aparece como denunciado Fernando Mosquera, párroco de Santa María. A igrexa actual data do ano 1733.
ANTAS DE ULLA
Mosteiro de Penela (Penela-Cutián): En 1077 cítase a igrexa de "Sancti Salvatoris, que est fundata in villa que est in villa que vocitant Pinnela" en que Ordoño Alvitiz e Eyloni Gundisalvi doábanlle a Villa Egeredi. En 1311 noméase a "ermita de San Pedro da Penella". En 1453 faise mención dunha "hermida que por nome se deçia de San Pedro de Penela..., a dita hermida e moesteiro de San Pedro de Penela, que asi se deçia en outro tempo, que he anexa do dito moesteiro de San Salvador de Billar de Donas... eu non lle enbargo a dita ermida e moesteiro de San Pedro de Penela". (Recollido de Estudos de toponimia galega de Nicandro Ares Vázquez).
Mosteiro de Santiago de Amoexa: No 1943, Ramón y Fernández publicou na Revista de Arqueología un traballo titulado Jornadas románicas por tierras de Lugo
onde fala da igrexa de Amoexa, substituíndo o nome de Amoexa polo de
Monxa, deducindo que noutro tempo foi igrexa mosteiral de monxas. Malia o
anterior, Nicandro Ares Vázquez di que nada ten que ver con "Monxa", como cren os veciños e como propuxo Ben Cho Sey. Di que semella topónimo prerromano, comparable co antropónimo Ammo, -onis, Amonus, Amunius e con Aegi Amunniaego, teónimo atopado nunha prancha de bronce, desaparecida, de Viana do Bolo. En 1120 cítase villa vocitata Canaria (hoxe A Caira) et Amonegia. En 1160 figura unha hereditas in territorio Dorra, subtus castro de Monegia, pernominata Canaria, sub aula Sancti Iacobi de Amonegia, pernominata Canaria, sub aula Sancti Iacobi de Amonegia, discurrente rivulo Ullia. En 1165 outra herdade iacet ipsa in territorio Dorra, subtus castro de Amonegia, villa pernominata Canaria de Iusaa et iacet sub aula Sancti Iacobi de Amonegia. En 1172 escriben Amoega (Tombo do mosteiro de Sobrado). En 1174 os monxes de Oseira din que deron aos freires Hospitalenses kasal de Amoeja. En 1258 aparece Nuno Nuniz cavallero d-Amoega (Colección diplomática do mosteiro de Oseira). En 1289 menciónase S. Iacobi de Amoeia. En 1383 figura un home "natural de Moesa". De
finais do século XIII é un documento, que se conserva no Arquivo Histórico Nacional (trátase dunha transcrición do desaparecido libro H da Catedral de Lugo), outorgado entre o bispo de Lugo,
Fernando Pérez, e Urraca Fernández de Abancis en que lle doa, entre
outras, a igrexa de S. Iacobi de Amoneia. Nesta época a igrexa xa
non tiña carácter mosteiral xa que na escritura distínguese entre os
beneficios ás igrexas mosteirais (Eiré e Cangas) das demais. Nun documento do século XVI chámase a aldea Amoexa e Amoexe. A igrexa, dunha nave, é románica do século XII. Ten unha ábsida semicircular decorada con canzorros. No centro da ábsida vese unha ventá decorada con dous capiteis decorados con motivos animais e vexetais. Os canzorros da ábsida, agás un que exhibe unha cabeza humana, presentan decoración xeométrica variada (bolas, perlas, cruces aspadas, etc); decórase tamén cun motivo xeométrico un rombo, a pedra empotrada no piñón posterior da nave. A cabeceira, no interior, leva unha imposta axedrezada. A nave ilumínase con dous pares de seteiras en cada un dos alzados laterais, con arcos de medio punto. No interior hai varios retábulos do século XVIII. Empotrada nun muro exterior hai unha inscrición de época romana, e unha ara, tamén romana, no interior (véxase a entrada neste blog Romanización de Galicia, provincia de Lugo).
Nun documento do 1390 figura unha herdade que o mosteiro de Vilar de Donas (Palas de Rei) tiña en Vilane: "que o dicto noso moesteyro ha en Vilaane" (Novo Cazón, 1986).
BALEIRA
Mosteiro de San Pedro da Esperela:
Segundo a tradición, recollida por Amor Meilán, no ano 813, en tempos
de Afonso II o Casto, librouse unha batalla entre moros e cristiáns nas
inmediacións da parroquia, no sitio que aínda hoxe en día é coñecido
como O Campo da Matanza. Dous documentos confirman a existencia do
cenobio, un de Ordoño I ("In territorio Nera monasterium S. Petri de Asperella") do ano 857, e outro de Afonso III do ano 900 ("In Gallaecia... Neyram cum possesionibus Sancti Martini de Esperella et Sancti Jacobi de Covas cum omnibus appenditiis earum").
A igrexa, de orixe románica, padeceu fortes transformacións no século
XVIII. Segundo a lenda, construíuse no lugar onde deixou de correr o
sangue que baixaba dende o Campo da Matanza. Xunto dela hai un teixo centenario.
BARALLA
Todo sobre os mosteiros da comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:
BARREIROS
Santo Estevo do Ermo
(San Cosme de Barreiros): Trátase dunha capela do século XVIII coñecida tamén como de Augas Santas que ao parecer foi igrexa parroquial. Quizais recibiu o
nome polas augas ferruxinosas que manan nas inmediacións e que foron
consideradas como milagreiras. Segundo a tradición, esta ermida
substituíu a outra anterior, citada no Tombo do mosteiro de Lourenzá no
século X e que estaba atendida por monxas; a súa derradeira moradora
chamábase Dominga Salgueyra, ermitaña falecida no ano 1699. No ano 958, Ordoño
III dá ao conde Osorio o mosteiro de Sperantani, con dúas igrexas: Sancto Justo inter Maasma et Cibarchos, alia Sancto Georgio in valle de Laurenzana.
E, unha vez máis, a tradición estaba no certo, os veciños, ao limpar o
monte, atoparon os restos da primitiva ermida e dun cemiterio. A capela
parece que dependía do mosteiro de Esperautano ou de Esperantón que,
segundo un documento do ano 1214, pertencente á colección diplomática
do mosteiro de Meira, situaríase nas ourelas do río Eo, sen especificar
máis. Polo momento descoñécese onde estaría ubicado este cenobio posto
baixo o padroado de San Martiño, mais levantaríase, probablemente, nos
actuais concellos de Ribadeo ou Trabada. Neste último, á beira do río
Eo, na parroquia da Ría de Abres, temos a aldea de San Martiño. Haberá
que esperar ao resultado de futuras investigacións nas ruínas da ermida
de Santo Estevo para saber se hai restos doutras edificacións, quizais
relacionadas cun pequeno mosteiro, granxa ou eremitorio.
A Abadía: A Abadía é un lugar da parroquia de San Pedro de Benquerencia. Non se conservan restos arqueolóxicos nin documentais, pero a tradición di que houbo un mosteiro.
BECERREÁ
Todo sobre os mosteiros da comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:
BÓVEDA
Mosteiro:
Mosteiro é unha aldea e parroquia. Di Nicandro Ares que eiquí estaría
ubicado un cenobio de monxas que tiñan por titular a San Paio. Sería
este o mosteiro, segundo di Flórez, tomando o dato do P. Yepes, anexo de
Celanova. No tombo de Celanova do ano 1005 cóntase que unha tal Zacaria,
posuidora do mosteiro de Santa María da Ribeira, na Limia, marchou de
viaxe a outro seu mosteiro, no territorio de Lemos, que chaman San Paio,
e alí morreu. Outro documento do mesmo tombo conta que no ano 1043 o
abade Aloito e seus irmáns doan a Celanova o mosteiro da Ribeira, de tal
xeito que se algún temerario ou soberbio ousaba inquedar ese feito,
marchara a outros mosteiros que fosen así mesmo do seu avoengo, como é
en Lemos o que nomean San Paio: "et si quis temerarius vel superbus ausus fuerit hoc factum inquietare, pergat ad alios monasterios que sic fuerint de nostro avolengo, id sunt, in Lemaus ubi dicent alio monasterio de Sancto Pelagio, et hunc factum nostrum maneat stabilitum".
Priorado de Freituxe: Atopábase en Santiago de Freituxe. A primeira referencia á aldea data do ano 747, no testamento do Bispo Odoario en que aparece como Villa Fructuosi. Nun inventario do Tombo de Samos, entre os anos 1038 e 1057, cítase como Fruitux de Sarria. Hai quen
conxectura que, antes de depender de Samos, foi mosteiro. Anexionado á abadía de Samos polo papa Paulo III o 3 de novembro de 1534, sendo abade Lope Barrera. O 25 de xullo de 1538, o mosteiro de Samos pide testemuña notarial da bula de anexión ante Alonso Gallina, escribán real. A este priorado fai mención Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. A casa-priorado, situada nas inmediacións da igrexa, obstenta o escudo abacial, feito en mármore, do mosteiro de Samos onde se representa unha man coa espada e outra cunha palma. Por eiquí pasaba un
ramal do Camiño de Santiago, utilizándose a casa como pousada para os
peregrinos. Ao parecer, durante a Guerra da Independencia, a casa foi utilizada como cuartel polas tropas napoleónicas. Segundo a tradición, nun sitio coñecido como Campodá (Campo da Anta?), os monxes enterraban aos seus mortos. A pouco máis dun quilómetro en liña recta temos o microtopónimo Devesa dos Freires. A medio quilómetro está o castro de Freituxe, e nas inmediacións da aldea o evocativo nome de Trala Torre (detrás, de que torre?). Lamentablemente, case toda a documentación existente sobre este priorado perdeuse no incendio que asolou o mosteiro de Samos no ano 1951. A igrexa, de planta rectangular, é do século XVII; dise que se levantou sobre unha anterior románica se ben non quedan restos. Espadana de dous vans. No interior, entre outras imaxes, conserva unha de Santiago Apóstolo e un Sagrado Corazón feito por Magariños. Adro-cemiterio ao redor. Regular estado de conservación.
Mosteiro de San Xoán da Cova (Piñarrostro-A Cova): A primeira mención á igrexa, Nicandro Ares parece vela no testamento do bispo lucense Pelaio no ano 998, onde menciona "in territorio Bembiz, eclesia Sancti Joannis media, quam sacavimus de fratres de Flauzani",
e a ela semella referirse un documento do 1082 no que a monxa Marina
Ovequiz, pola súa nai defunta, Gontroda, ofrece as herdades que tiña en
Veascós á "ecclesia et monasterium Sancti Iohannis Baptiste, secus flumen Mineo". Segundo Ángel del Castillo, primitivamente constaba de dúas igrexas, "distintas en trazado e proporción" pero unidas por un muro común. O mosteiro feminino coñécese dende o ano 967 onde se di que pertence á Igrexa de Lugo. No 1226 cítase o "conventum Sancti Iohannis de Cova". No 1231 Mariña Pérez fai doazón duns bens a Oseira "cum assesu ablatisse et totius conventus Sancti Iohannis de Fovea".
Por documento do 11 de novembro de 1456, o mosteiro afora a Álvaro López e á súa muller Leonor Fernández as herdades que ten en Paradela, Hospital de Portomarín, Gondrame e Páramo. As monxas que o habitaban opuxéronse firmemente a seren reformadas,
sendo absorvido finalmente por San Paio de Antealtares (Santiago) no ano 1516. No arquivo de San
Paio consérvanse varios foros feitos pola
comunidade nos séculos XIII, XIV e XV. Agás a parte alta do frontis e a
espadana do século XVII, o resto da construción é do século XII. A nave
é rectangular, con portada formada por un arco abucinado de medio punto
e arquivoltas. A ábsida é semicircular, con ventá e seteiras. Fáltalle a
capela que tiña orixinalmente. Nun lateral exterior pode verse o
sartego dunha abadesa. No tímpano hai unha inscrición que fai referencia a un militar de nome Petrus Garse que financiou os gastos da edificación. Foi trasladada do seu emprazamento orixinal no
ano 1952, cando a construción do encoro dos Peares.
Mosteiro de San Estevo de Chouzán:
Século XII, consérvase a igrexa. Pertenceu a un antigo mosteiro posto
baixo o padroado de Santo Estevo, rexentado por monxas bieitas. Malia o
anterior, segundo o P. Yepes está documentada a súa existencia no século
IX, xa que por unha escritura datada na era 906 (ano 868), un cabaleiro
chamado Flaminio e a súa muller Remisila daban o lugar de Auzán con
todos os seus términos ao abade e aos confesores e monxes que vivían no
mosteiro dos santos Estéfano, Xacobo e Cristóforo, que está na ribeira
do Miño, o castelo Burleu e o territorio do Búbal. É dicir, que antes
foi mosteiro de monxes. A
primeira noticia da súa conversión en mosteiro dúplice parte da era
1182 (ano 1144): "monasterio Sancti Stephani de Flauzano". En 1155 lese monasterium de Flauzam, Chozan no 1155, e Chouzam no 1174, en que Afonso VII o doa a Oseira "para que poida ser
poboado por relixiosos varóns e santas mulleres". Afonso
IX, por documento asinado en Ourense o 11 de febreiro de 1213, exime de
pedido o couto e os serviciais do mosteiro; o diploma vai dirixido á
priora Dona María. No 1260, Maior Sánchez, prioresa de Santo Estevo, e o seu convento, aforan a Diego Diéguez e a súa muller María Airas dous casais na vila de Nogueira (Chantada). No século XIII documéntanse as pescudas realizadas por "dous homes bos" para decidir no preito entre a abadesa de San Pedro de Vilanova (Dozón) e a priora de Chouzán sobre os bens de Urraca Eriz, monxa que tomou o hábito de Chouzán primeiro e logo marchou a Vilanova (o documento atópase no mosteiro de Oseira). O cenobio contaba con canles de auga que nutrían á
comunidade relixiosa e aos veciños e, a un tempo, servían para
transportar a auga que se utilizaba como forza motriz para os muíños e
para regar as hortas do mosteiro. Como aconteceu con San Xoán de Cova, o
templo foi trasladado cando a construción do encoro dos Peares.
Mosteiro de Santiago de Lousada: A esta parroquia parece corresponder en 842 a igrexa "quae est sita in locum qui dicitur Lausata", fundada polo abade Senior (España Sagrada, 1747). As únicas noticias sobre o mosteiro achéganas uns documentos, un do ano 1293: "Iohan de Castro, notario iurado do moesteiro de Lousada",
e outro do ano 1333, un testamento de Vasco Pérez de Temes cuxa
sepultura se pode ver na igrexa románica, que manda enterrar "a miña carne no mosteyro de Santyago de Lousada". No 1361 figura "Afonso Alvarez, prelado del monasterio de Lousada".
No 1296 estaba convertido en abadía segrar, vivindo nela ao menos dous
capeláns e un crego. Hai quen sitúa eiquí aos cabaleiros da Orde do
Temple.
Priorado de Aguada: Xunto a igrexa de Aguada consérvase unha casa cun escudo do mosteiro de Oseira. O 28 de febreiro de 1184, Paio Díaz doa ao mosteiro de Oseira todo canto posuía na freguesía de Aguada. No ano 1256, María Didaci vende ao mosteiro de Oseira unhas herdades na freguesía de Aguada. Por documento do 3 de marzo de 1333, Xoán Martíñez, alcumado Chumocha, e a sú amuller Marina Lorenza, doan ao mosteiro de Oseira unhas herdades en Aguada, coa condición de que dito mosteiro o alimente e vista de por vida. Por documento do 31 de xaneiro de 1555, o auditor do mosteiro de Oseira, Antonio Agustín, outorga carta de citación sobre a igrexa de Santa Baia de Aguada. Do 21 de xuño de 1535 é unha executoria contra Sebastián de Valladolid, abade de Oseira, por razón dos beneficios da igrexa de Santa Baia, nun preito con Fernando de Arlanzón. Do 19 de decembro de 1587 é unha executoria contra o crego Domingo de Vale, por razón de preito co mosteiro de Oseira sobre o beneficio da igrexa de Aguada.
Priorado de Furco: Consérvase un escudo do mosteiro de Oseira.
Priorado de Riazón (Veascós):
Bieitos. Eiquí detívose o P. Sarmiento na súa Viaxe a Galicia. Foi anexo
de San Miguel de Oleiros e logo de Chouzán. O edificio actual da
reitoral é de principios do século XVIII, con patio, solaina e portas
con inscricións nos linteis. Vázquez Saco, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo
(1949), sinala o carácter mosteiral da igrexa, e que o cenobio terminou
por seren anexionado ao de San Paio de Antealtares, en Santiago.
Priorado de San Miguel de Oleiros:
Xunto a igrexa parroquial, de orixe románica, atópase un edificio en
ruínas que foi casa reitoral. Mais, segundo algunhas fontes, polo seu
aspecto e tamaño puido acoller un mosteiro. A Colección diplomática del monasterio cisterciense de Santa María de Oseira, de Romaní Martínez, recolle que eiquí tivo unha granxa o devandito mosteiro. O mesmo di Nicanor Rielo en Cuadernos de Estudios Gallegos (1970).
Santa María de Temes:
Onde se ergue a igrexa actual debeu existir, polas abundantes pezas
reaproveitadas na mesma, un importante complexo paleocristián. Nunha
doazón de Pombeiro do ano 964 fala do mosteiro de Temanes. No Tombo de Celanova existe unha escritura da nai de San Rosendo, doando a aquel mosteiro o 27 de febreiro do ano 938 varias pesqueiras, entre as que se atopaban as de Temanes. Nun diploma do ano 997 faise mención a unha ermida (un eremitorio) que está no término do mosteiro de Temanes. Nun muro interior da igrexa atópase unha inscrición coa data de fundación do templo: "SACRATO TEMPLI II KL/DCBS IN ERA DCC/(X) L(A)(I) II", "A consagración do templo foi dous días antes das kalendas de decembro (30 de novembro), na era 843 (ano 805)". Nunha prancha granítica do século IV lese: "FIDES SPES CARITAS". Tamén se conserva a peza en mármore dun sartego datado entre o 315 e o 330 d.C., quizais a testemuñas cristiá máis antiga de Galicia. Sobre outras pezas do interior reutilizadas no templo, ver a entrada deste blog: "Romanización de Galicia, provincia de Lugo".
CASTRO DE REI
Encomenda de Quintela: Da Orde de Santiago, estivo vinculada á encomenda da Barra (Coles).
Mosteiro de San Salvador de Duarría: Nicandro Ares menciona un documento do ano 1128, conservado no Archivo Histórico Nacional (con copias no da catedral de Lugo), no que fala dun mosteiro familiar que estaría situado xunto a marxe dereita do río Rozas.
Mosteiro de Orizón: Un documento do ano 1032 fala dun mosteiro, posiblemente familiar, no lugar de Irizon como limítrofe da fortaleza de Labio (Lugo) que o rei Vermudo III doa á Sé Lucense e ao seu bispo Pedro. A principios dos anos setenta do século XX, no cemiterio apareceu unha lousa cunha inscrición fumeraria datada no século VIII onde se le de forma bastante clara "ERA DCCC" que se correspondende co ano 762. Jesús Guerra, no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Lugo (1971) achega a seguinte hipótese sobre a lectura: "WERNVLVS FR. OV(iit) IV N(o) N(as) S(eptembris) ERA DCCC", ("Frei Wernulus morreu catro días antes das nonas de setembro da Era Mil Trescentos").
CASTROVERDE
Capela de San Martiño (Bolaño): Aparece mencionada nun documento do ano 897 como Monasterium Sancti Martini de Bolanio,
que foi confirmado por Afonso III. Segundo López Ferreiro posuía unha
ábsida bastante achatada. Os seus restos apenas son recoñecibles,
reutilizados en tempos como alpendre que na actualidade se atopa
totalmente arruinado. Dise que nas inmediacións había sepulcros de
pedra, feito que non puiden comprobar porque o lugar está totalmente
cuberto pola maleza. Nas paredes das casas da contorna poden verse
fustes de columnas e elementos de granito reutilizados.
Cellán de Mosteiro:
Había un pequeno mosteiro edificado sobre un outeiro, posiblemente
familiar. No ano 1133 cítase entre uns bens usurpados á igrexa de Lugo
"a mans de homes impíos" a cuarta parte "de monasterium de Celain in territorio Bolanio". Citado tamén nun documento do ano 1160: "In territorio de Bolanio quartam partem Monasterii de Celain cun familiis...".
Di Vázquez Saco (1959) que o mosteiro debeu ser modesto a xulgar polo
que se conserva do antigo templo. A igrexa románica, abandonada no
último terzo do século XX, atópase en estado ruinoso. A súa pía
bautismal, do século XVII, foi trasladada á nada interesante igrexa
moderna.
Mosteiro de San Cibrao de Montecubeiro:
Bieitos/Dominicos. Formado polo templo, un sinxelo claustro con linteis
e trabes de madeira e as dependenzas dos monxes. En pésimo estado de
conservación, no arruinado claustro construíron uns alpendres con
bloques de cemento. Na porta do patio exterior aínda se conserva unha
artística aldraba de ferro, cun martelo en forma de can e a cruz
dominica. Citado nun documento do ano 1179 como "monasterium Sancti Cipriani de Monte",
e noutro do ano 1185 nunha confirmación pontificia de bens e dereitos
da sé episcopal. Un monxe de Montecubeiro foi nomeado abade de Lourenzá
no ano 1375, e o seu abade, no 1466, foi encomendado para visitar á
fundación da casa franciscana de Santa María de Vilabade polo papa. A
observancia de Valladolid conseguiu o apoio dos Reis Católicos quen lle
ordenaron ao gobernador de Galicia que pusexe o mosteiro baixo o poder de San
Benito de Valladolid, ao que se opuxeron os frades de Lugo, conseguindo
poñer a Montecubeiro en terzaría mentres non se solucionase a causa. No ano 1492, debido ás poucas rendas que percibía que non podían nin sustentar aos monxes, foi agregado con todas as súas rendas, dereitos e xurisdicións a Santo Domingo de Lugo que se atopaba en observancia e era moi pobre coa condición de que se puxese en Montecubeiro dous monxes para que coidasen da fábrica. No
século XVI vencellouse ao de San Domingos de Lugo do cal era priorado no 1755. No ano 1820,
documento de exposición sobre un preito co mosteiro por pagamento de
leña. No Archivos Histórico Nacional consérvanse os tombos dos anos 1566-1629 e 1704-1706. A igrexa ten a orixe nos séculos XII-XIII. A esta época pertence
parte da ábsida decorada con canzorros xeométicos e zoomórficos. Foi
reconstruída no ano 1787, cunha ampla nave con teito de madeira a dúas
augas, e un cabido frontal no que se conserva unha primitiva pía
bautismal. No interior hai un retábulo con columnas salomónicas do
século XVIII, con esculturas de San Cibrán, San Ramón Nonato e Nosa
Señora do Rosario, e outros tres retábulos laterais.
Convento de Vilabade:
Segundo a tradición, o desaparecido convento foi fundado polo mesmo San
Francisco de Asís no ano 1214 cando viña de volta de Santiago cara a
Oviedo polo Camiño Primitivo. Aínda que a construción da igrexa
gótica dátase no ano 1457 (con reformas do século XVII baixo os
auspicios do arcebispo de Puebla, en México, Diego Osorio Escobar),
existe un documento do ano 1202 no que Vilabade xa era coñecida como "Sancta María de Villa Ablati",
nidia referencia a un lugar baixo a dominación dun abade. Atendía aos
peregrinos. A igrexa ten planta rectangular cunha nave dividida en tres
tramos por arcos oxivais, presbiterio, sancristía e oratorio. Pórtico
renacentista de cinco arcos e escalinata central; o frontón, co escudo
dos Osorio, é triangular; frontis con porta gótica abucinada, de tres
arquivoltas e columnas con capiteis vexetais, rosetón central e espadana
de dous corpos con balconada exterior sobre ménsulas e balaustres. No
interior destaca o retábulo maior, barroco do século XVII realizado polo mestre
compostelán Francisco de Lens, presidido na súa parte central por
unha imaxe de Santiago Matamouros.
Mosteiro de Vilafrío
(Barredo): Posible orixe altomedieval. No 1075 era propiedade de Enego
Vermúdez quen marchou a Borgoña para profesar como monxe en San Pedro de
Cluny, entregándolle a carta de doazón ao mesmo San Hugo. Despois debeu
ser cambiado ou vendido xa que no ano 1076 xa non aparece na bula
confirmatoria dos bens de Cluny que lle deu o papa Gregorio VII,
evidencia que se confirma no ano 1126 cando a raíña dona Urraca o doa á
Igrexa de Lugo, rematando eiquí a súa existencia como mosteiro. Considerado como o primeiro
mosteiro dos cluniacenses en Galicia. Citado no ano 1130 como "monasterium Sancti Salvatoris quod vulgo Villarfrigidum nuncupatur" cando o conde Gutierre Vermúdez e a condesa Toda Pérez doan dos terzos do mosteiro ao bispo de Lugo Pedro III, o cal lles fora dado pola raíña dona Urraca e confirmado polo seu fillo o rei Afonso. No 1160, nun inventario dos coengos de Lugo, consta que eran propietarios do "monasterium de Villarfriu". Disque o cenobio se atopaba onde a capela actual, no
lugar apareceron varios enterramentos. Non se
conservan restos.
Mosteiro de Santa María de Moreira:
Cenobio de monxas dependente do cisterciense de Santa María de Meira, documentado dende o século XIII. A súa fundación débese a dona Urraca que
no 1183 solicitou a dona Sancha Fernández de Traba, muller do conde
Rodrigo Álvarez, a súa herdade de Moreira para vivir nela como
relixiosa. No 1286, Urraca Díaz arrenda unhas herdades en Santa María de Moreira. O modesto priorado logrou chegar ata finais da Idade Media, e
no 1503 aínda residían nel a prioresa e dúas monxas. No 1504 só quedaba
no cenobio unha monxa. Malia que Observancia bernarda suprimiu o priorado,
anexionando os seus bens no ano 1504, entre os anos 1826 e 1838 continúa a citarse como priorado, rendendo contas a Meira.
Mosteiro de San Salvador Soutomerille: No ano 827 a igrexa cítase como Sancti Salvatoris de Rimiliani (Romeán). No 1212 cítase como Souto Meiryl, no 1122 como monasterium de Sauto Maireli, no 1293 como Souto Merelle, e no 1309 como Souto Meirille. Na igrexa, abandonada na actualidade, queda
como testemuña da súa orixe prerrománica a celosía de pedra do testeiro leste da
ábsida, con aberturas alongadas rematadas en ferradura. Sobre ela vese a seguinte inscrición: "QVAN SIT ANTIQVA/ECCLESIA LAPIS IN/FERIOR TESTATVR", ("A antigüidade deste templo certifícaa a pedra que está debaixo"). No pavimento apareceu unha epígrafe funeraria en lousa cun nome visigótico. Foi reedificada no ano 1619, época á que corresponde a fachada renacentista, con frontón recto e tímpado con escudo e unha inscrición sobre o lintel: "RREDIFICATUM ANNO 1619 PER DOMINOS LICENCIATOS ALFONSUM ET PETRUM LOPEZ PATERNI FRATRES". Consta
dunha nave rectangular abovedada en pedra, con arco triunfal de medio
punto e retábulo policromado en pedra. No interior había unhas lápidas
sepulcrais visigóticas. Ao seu carón está a arruinada Casa-torre de
Abaixo.
Mosteiro
de Tordenella:
Nicandro Ares (1999) di que estaría na parroquia de San Xulián de
Pereiramá. No ano 998 o bispo Pelaio deixa en testamento á igrexa
de Lugo "in Sancto Iuliano a Tordena hereditates quas ibidem
aplicavimus"; chamaríase así porque está na cunca do río
Tórdea. Tamén figura arredor do 1160 no inventario da mesa
canonical "Sancti Iuliani de Tordenella sextam partem quae fuit
de domna Guixavara". O etimólogo coida que esta referencia
concorda con outra do inventario de 1133 "Sexta de Monasterio de
Tordenella, quam dedit Guixavara Froilaz".
CERVANTES
Todo sobre os mosteiros da comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:
CHANTADA
Mosteiro de San Salvador de Asma:
Bieitos. Fundado no século IX como dúplice, pasando á regra de San
Bieito arredor do 1100. Escribe Vázquez Saco que dos fondos do antigo
cenobio consérvanse no Archivo Histórico Nacional 322 pergameos e
outros documentos que van dende o ano 1073 ata os primeiros anos do
século XV, fundamentais para coñecer a súa fundación que enche o baleiro
deixado pola desaparición da escritura fundacional, que xa non existía
en tempos do P. Yepes. A escritura do 1073 contén as doazóns outorgadas
por dona Ermesenda (citada como Christi ancilla, serva de Deus),
bisneta de Ero e Adosinda, consistentes en igrexas, xoias e libros. A
fundación do mosteiro, dúplice en orixe, atribúese ao conde Ero Ordóñez e
á súa muller Adosinda a finais do século IX aínda que hai quen a sitúa
en épocas anteriores polo que Ero, máis ca o fundador, sería quen
revitalizaría a xa existente vida monacal. No século XII pasa á orde
beneditina que é cando acada o máximo esplendor. Os distintos monarcas
(Afonso IX, Fernando III, Afonso XI, etc.) outorgáronlle múltiples
privilexios, mesmo eximindo aos habitantes de Asma do pagamento de
trabucos ou doándolle ao cenobio o beneficio do portádego da feira de
Chantada. O Concello de Chantada, no ano 1323, cos seus alcaldes Lorenzo
Martínez e Miguel Pérez, outórganlle unha carta de veciñanza (escrita
en galego). A mediados do século XV, o mosteiro foi vítima dun espolio
"por parte dalgúns fillos da iniquidade", como se deduce dunha Bula
expedida polo papa Pío II no ano 1462 quen encomenda ao abade de Santa
María de Pallares e ao prior de Pombeiro para que os responsables
devolvan os bens roubados, baixo pena de excomuñón. En xuño de 1516 figura como escudeiro do mosteiro Alexandre de Arguiz. Na actualidade, o
que resta do ruinoso mosteiro está en mans particulares. A igrexa, de
finais do século XII con reformas no XVI, está realizada en cadeirado de
cachotería de granito. A nave é rectangular co presbiterio apegado.
Ábsida heptagonal no interior e semicircular no exterior que se inicia
cun arco triunfal de acceso, de medio punto, con ventás nos tramos que
se separan por columnas, arquivoltas, molduras axedrezadas e capiteis
con decoración zoomorfa e vexetal. No aleiro consérvanse algúns
canzorros. Tamén conta cunha espadana de dous ocos.
Mosteiro de Santa María de Pesqueiras:
Monxas bieitas. En documentos do ano 1266 a súa superiora intitúlase
como prioresa. Di Pérez Rodríguez (2008) que a súa pequena entidade e a
reducida comunidade impedíulle dar o salto á categoría abacial. Sobre o
proceso de incorporación á observancia de Valladolid, no interrogatorio
que se lle fixo á súa prioresa, Inés de Guitián, di que ela era a única
monxa da casa, que estaba baleira cando a recibiu; di que vivía segundo a
regra de San Bieito "y la guardaba lo mejor y más honestamente que ella podía", se ben, continúa, que "la regla nunca la vyo ni la leyó hasta que entró en el monasteryo de San Payo". En canto aos edificios de Pesqueiras, di dona Inés que non había dormitorio, nin refectorio, nin coro "salvo el que ésta que depone diz que hizo, que haze agora tres años, y que menos avía en el claustra...".
Dona Inés foi encerrada na clausura de Antealtares a finais do 1498 e
os bens do seu priorado pasaron a Antealtares. Foi anexionado a San Paio
de Antealtares (Santiago) no ano 1515. Do conxunto mosteiral só se conserva a igrexa que,
segundo unha epígrafe desaparecida,
xa sufrira unha restauración no
ano 1120 ou 1121; a inscrición foi recollida por Piñeiro, Cornide e
Villa Amil y Castro: "IN NME DNI IHS MAETHEV/DOAL VII IDVS DCE/Q ERA
CLVIIII/POST Aº SI F DA RESTAVRAVIT", ("No nome do Noso Señor Xesucristo
Mateo (?) sete días antes das kalendas de decembro, era centésima
quincuasexima nove despois da milésima restaurou"). Consta dunha
nave de dous tramos e unha ábsida cuberta con bóveda de canón. Son de
grande interese as tres absidiolas da cabeceira, que non se perciben
dende o exterior, e a porta sur con dúas arquivoltas. As distintas
reformas tiveron como consecuencia a perda da fachada principal. No
interior consérvase unha imaxe románica da Virxe co Neno datada no ano
1215. Na cabeceira presenta unha pintura do século XVI, con esceas da
Anunciación, da Resurrección e do Xuízo Final.
Priorado de Paracostoira: Paracostoira é unha aldea da parroquia de Santa Baia de Pedrafita, no concello de Chantada. Os monxes de Oseira tiveron eiquí unha
Casa Priorado. Mercedes Vázquez Saavedra e Carmen Vázquez
Pérez-Batallón, en Guía da Ribeira Sacra (2001), din que contaba con casa, tulla e capela. Nun pergameo escrito en galego na "Era M CCC XIII et VIII dias andados doytubro"
(ano 1275), Iohan Iohanes de Paracostoira e a súa muller doan ao
mosteiro de Santa María de Oseira a leira de Covelo, conservando os "frutus" (usufructos); a doazón foi outorgada ante Romeu Iohanes, notario xurado, por mandato de Ruy Pérez, notario. Noutro documento en pergameo, tamén en galego, escrito na "Era M CCC X IIII et quot XII dias por andar de dezembro"
(ano 1286), María Franca, xunto co seu marido Iohan Iohanis, venden ao
mosteiro de Santa María de Oseira todo herdamento que posuía en
Paracostoira. Nunhas
mandas testamentarias en galego do 3 de xuño de 1434, dadas en
Paracostoira polo crego de San Xoán de Veiga, pide ser enterrado no
cemiterio de Santa Baia de Pedrafita, legando ás igrexas de Veiga,
Sabadelle e Arcos, e de seus criados, os irmáns Gómez e Fernando, entre
outras, unhas herdades situadas en Barreiro e Casteda. Nun documento en galego do 9 de agosto de 1439, "dom frey Johan, abade do mosteyro de Santa Maria d´Oseyra" afora a "Afonso Rodriges, et a vosa moller Tereija Rodriges, et a vos Gonçalvo, fillo de Roy Fernandes, da Pena Custoya... a que chaman das Castineyras, a montes e a fontes, con todas suas entradas et saydas et pertenças..." a tenencia da igrexa de Pedrafita polo pago do tercio e décimo de todo pan e gran, e outras prestacións. Os
Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de
Pedrafita en marzo de 1753, na resposta á pregunta 39, confirman que
aínda existía o priorado do Císter: "... en el referido termino no ay
combentto alguno, si tan solamentte un Prioratto de la orden de nuestro
Padre San Bernardo, anexo al Real Monastterio de Santta Maria de Osera".
Igrexa de Mosteiro: A
un quilómetro de Paracostoira, na aldea de Mosteiro, atópase a igrexa
parroquial de Santa Baia, situada xunto o Pazo de Boán cuxos
propietarios tiñan acceso directo ao templo a través dunha porta aberta
nun muro, tapada na actualidade. Parece ser que eiquí non houbo ningún
mosteiro, polo que é probable que reciba o nome pola existencia dunha
granxa dependente de Oseira que rexentarían os monxes do priorado de
Paracostoira.
O CORGO
Mosteiro de San Martiño de Perliños
(Arxemil): Estaba situado preto dun castro e da ponte medieval, de
orixe romana, de Galiñeiros. Risco di que o 20 de abril do ano 857
o rei Ordoño I doou á sé de Oviedo o cenobio xunto con dez vilas e as
súas igrexas, documento confirmado no ano 900 por Afonso III: "In
Flamoso Monasterium S. Martini de Perellinos cum decemm villis et seis
ecclesiis pracnomiantis, id est, S. Jacobi de Ranero, ecclesiam S.
Michaelis... ecclesiam S. Pelagii...". No Inventario artístico de Lugo y su provincia
dise que no ano 1600 había unha ermida en San Martín de Perliños. O
cenobio foi obxecto de litixio entre as dióceses de Lugo e de Oviedo.
Mais non fallan os críticos que aseguran que os documentos citados ao
principio son falsos e que foron modificados no século XII para seren
utilizados como título de reivindicacións por parte da sé de Oviedo que
reclamaba as rendas dalgunhas igrexas de Lugo. Mais, como di Nicandro
Ares Vázquez, aínda que os documentos non sexan auténticos, poden conter
unha verdade histórica xa que naquela época non se preiteaba por unha
quimera senón por algo moi concreto, como poidera ser un mosteiro coas
súas rendas.
FOLGOSO DO COUREL
Mosteiro de Meiraos: A mención máis antiga a Meiraos aparece no Tombo de Samos no ano
973, en que Menendo Díaz doa ao dito mosteiro “in Laure ubi dicunt
Meiranos” (Laure fai referencia ao río Lor). A igrexa
actual foi edificada no 1614 e ampliada a mediados do século XIX. Sobre a porta de entrada, situada baixo o pórtico, figura a data de 1714, ano en que era prior Diego
Zivientes y Canseco, da Orde de Santiago. Pero no Archivo Histórico de la
Nobleza consérvase unha escritura de compravenda, datada o 3 de
abril de 1620, de dúas aceas situadas en Castrotorafe (Zamora),
outorgada por Alonso González Moniz a Esteban Ordóñez Portocarrero
e a súa muller Isabel de Ulloa. Alonso González Moniz figura como
“abad del monasterio de Meirados en el valle de Courel de la
encomienda de La Barra…”. Se no 1714 figura un prior (inscrición sobre a porta e no coro), no 1620 había un abade. A Encomenda da Barra, no concello
de Coles (provincia de Ourense), foi dos sanxoanistas ata o ano 1175,
pasando logo aos santiaguistas ("Barra
cum cauto et suis pertinentiis…"),
con confirmacións en bulas dos anos 1184 e 1187. Na torre do campanario de Santa María de Meiraos hai dous escudos, debixo dun vese a inscrición "HrEDIA". Segundo me achegou o investigador José Manuel Abel Expósito a principios do mes de outubro de 2024, o citado Diego Zivientes era cabaleiro da orde de Santiago, da Encomenda de San Marcos de León. Houbo outro prior posterior, Carlos Antonio Valcarcel y Quiroga. Dime José Manuel que a inscrición "HrEDIA" fai alusión a outro prior, Francisco de Heredia, que fixo a maior parte da obra actual e cuxo escudos son da súa linaxe.
Mosteiro de San Xoán do Courel:
Segundo Mercedes Vázquez Saavedra (2003), en Seoane houbo un antigo
mosteiro dependente de Samos. O P. Maximino Arias Cuenllas, historiador e
monxe de Samos, fai alusión a un cenobio chamado de San Xoán do Courel.
Tempo despois, entre os cabaleiros santiaguistas de Vilar de Donas
figura San Xoán de Seoane (aldea de Folgoso do Courel). No ano 1103 fíxose un reparto de herdades e persoas "inter monasterium Samanos et Caurelle".
Mosteiro
de Sobredo: No ano 853, no Tombo do mosteiro de Samos, cítase un
cenobio á beira do río Lor, "in Laure monasterium Suveretum
(Sobredo)". No 857 "villa iusta rivulum Laure qeu
vocitant Suveretum". Tamén se cita Suveretum no 872,
938 e 962, e "Subregum in ripa Laure" no 922. Eiquí,
os monxes de Samos refuxiarían de neno ao futuro rei Afonso II O
Casto cando fuxía do seu curmán Aurelio, asasino de seu pai Froila
II: "Postea vero, vene
Proabus meus jam supradictus Dominus Adefonsus adhuc in pueritia,
remorabit ibidem in Sammanos, et in alium locellum, quod dicunt
Subregum in Ripa Laure, cum fratres, multo tempore, in tempore
persecutionis eius". Tamén se di que foi agochado no castelo de Carbedo e en Visuña.
Co tempo, o pequeno mosteiro converteuse nunha granxa, situada preto
da torre do Castro; os habitantes pagaban foros aos monxes bieitos
ata a súa redención. No mes de outubro de 2024, un amable matrimonio da aldea de Sobredo contáronme que os monxes de Samos agocharan a Afonso o Casto no cercano castro da Torre de onde parte un túnel cara o río que é onde levaban a bañar ao futuro rei. Cerca de Sobredo aínda se conserva o topónimo A Granxa onde hai outra cova (días antes, o amigo Miguel García Silvosa mandoume unha foto da cova e tamén me falou da Granxa), nome que na maior parte das veces está relacionado con posesións de mosteiros.
Os mosteiros de Samos e Sobredo nunha obra de teatro no ano 1841: Alfonso el Casto, un drama histórico en verso en tres actos,
foi estreada o 25 de xuño de 1841 no Teatro de la Cruz de Madrid. A
obra, de Juan Eugenio Hartzenbusch (1806-1880), foi publicada pola
imprenta de M. Tello no ano 1890, baixo o título Teatro de D.
Juan E. Hartzenbusch, cunha tirada de 50 exemplares. Samos cítao
como Sámanos (Samanos e Sammanos na Idade Media), e Sobredo como
Subrego (Subregum no ano 922). No apéndice, para explicar un pouco a
historia de Afonso o Casto, citando a algúns autores, di que estivo
agochado “en Sámanos y en otro lugarejo llamado Subrego en la
ribera del rio Daura”. Este río Daura é o Lor, citado como Laure
no ano 857 (“villa iusta rivulum Laure que vocitant Suveretum”.
Suveretum, outro nome de Sobredo). O segundo e terceiro actos xa se
desenvolven en Oviedo.
Mosteiro de Visuña:
Dise que
Afonso II O Casto pasou a infancia no mosteiro de Samos, no mosteiro de Sobredo, no castelo de
Carbedo e na antiga igrexa mosteiral de Visuña. No Tombo de Samos (1086) Osorio Citiz dóalle a Samos a metade dunha vila que tiña "in territorio Caurel, villa vocabulo Rubin, iuxta rivulum Vesunia, subtus aula sancti Pelagii". Tamén se cita no 1091.
Castelo de Carbedo: O
castelo atopábase en territorio da Orde de Santiago,
dependente da Encomenda da Barra (Coles), se ben no 1480 estaba ocupado
polo conde de Lemos segundo un documento, custodiado no Arquivo
Histórico Nacional, onde se relacionan os bens enaxenados aos
santiaguistas.
Alto do Convento: Topónimo. Entre as parroquias de Vilar de Lor e O Hospital (Quiroga) e Vilamor
(Folgoso do Courel). A 1.1136 metros de altitude.
A FONSAGRADA
Mosteiro de Santa María de Lamas de Moreira:
Císter. A igrexa pasou a formar parte da Diócese de Lugo por decreto da
Congregación Consistorial o 17 de outubro de 1954; con anterioridade
pertencía á sé de Oviedo. O P. Risco, na súa España Sagrada,
transcribe un documento do ano 1656 suscrito polo clero do arciprestado
de Burón ao que pertencía esta parroquia, reivindicando o bo nome do
prelado de Oviedo, Bernardo Caballero i Paredes, que fora calumniado
polo deán e algúns coengos da catedral. Consérvase a igrexa de orixe
románica, cuxos únicos elementos desta primeira época son dous
canzorros que sosteñen o tellaroz, na sección máis próxima á ábsida. É
de planta de cruz latina construída en cachotaría de lousa. Accédese por
medio dun pórtico cuberto cun tellado de lousa a tres augas. O
campanario é de dous corpos, o inferior dividido en tres vans.
FOZ
Catedral de San Martiño de Mondoñedo:
Para descubrir as orixes hai que remontarse ao ano 870, cando o bispo
de San Martiño de Dumio (Portugal), Sabarico, viuse obrigado, xunto con
outros relixiosos, a fuxir da invasión árabe. Unha vez instalado en
Galicia, o rei Fernando III fíxolle entrega das terras, tomando o cetro
da desaparecida sé de Britonia por onde chegaron a pasar ata quince
bispos, entre outros San Rosendo e San Gonzalo (que non debemos
confundir co cego San Gonzalo, o Bispo Santo, que está enterrado no
interior do templo, a quen, segundo a lenda, se supón o afundimento,
orando dende o castro de Marzán, dos barcos normandos que ían asolar a
costa). Á morte de Gonzalo no ano 1112, a raíña Urraca, por delegación
do papa Pascual II, traslada a sé a Vallibria ou Vilamaior de
Brea, actual Mondoñedo, vila que tamén adoptou o nome de San Martiño.
Despoxado do seu episcopado, o mosteiro que había no lugar foi ocupado
polos Coengos Regulares de San Agostiño, posiblemente no primeiro ou
segundo ano do pontificado do bispo Pedro (1155-1167), como se deduce
dunha bula do papa Adriano IV do ano 1156, ata finais do século XV.
Parece ser que durante algúns anos, entre o 1540-50, houbo freires
franciscáns en San Martiño, instalándose de novo os de San Agostiño
nesta igrexa. No 1595 había nela un prior e cinco coengos. Dende o
Concilio de Trento (1542) houbo sempre sacerdotes que ocuparon o vello
cenobio. Das antigas dependenzas desapareceron o mosteiro, a sé
episcopal e a colexiata, quedando só a catedral e a casa do prior que
despois foi utilizada como reitoral. No seu entorno atopáronse materiais tardorromanos (tégula, ladrillos, sigillata...) e un posible hipocausto. Mais, a respecto da súa orixe, adoita pensarse que esta igrexa sería o "Monasterio Maximi" do citado no parroquial Suevo a finais do séclo VI en relación á cercana Sé de Britonia. De todos os xeitos, aínda que existen evidencias de enterramentos tardorromanos e altomedievais, non está probado que a igrexa teña fases arqueolóxicas anteriores ao século IX. Apareceron moedas datadas entre os séculos XI e XV, as máis antigas quizais sexan coetánas da construción da basílica. O Tombo A é o códice máis prezado da Catedral de Santiago, tanto pola riqueza e calidade dos documentos como artística (miniaturas); sobre a última, a súa confección parece que se debe ao tesoureiro Bernardo, seguramente o mestre do ciclo pictórico de San Martiño. Nas inmediacións está a coñecida
como Fonte da Zapata ou de San Gonzalo (algúns dánlle o nome de San
Martiño), cuxas augas teñen sona de milagreiras; por riba do cano hai
unha inscrición que di: "Fuente de La Zapata, que brotó según la tradición por milagro de Gonzalo, el Obispo Santo".
FRIOL
Encomenda da Rocha de Narla: No ano 1352, Suero Yáñez de Parada, meiriño maior de Galicia, partidario de Pedro I na súa loita contra os Trastamara, recibe de mans do maestre da Orde de Santiago D. Fadrique a Casa-forte da Rocha de Narla, xunto con catro cabaleiros chamados Diego García de Mexia, é Ferrant Becerra, é García Rodríguez de Feyroa, é García Martínez de Vaamonde, comprometéndose a acoller ao rei e facer acto de homenaxe ao seu maestre. No testamento de Lope Sánchez de Ulloa no ano 1457, desembargou á Orde de Santiago a terra da Rocha de Narla, couto usurpado á Encomenda da Barra (Coles), que recibira en herencia, pero conservando e transmitindo ao seu fillo, o mosteiro sanxoanista de Nogueira (Meis) que tiña aforado dende o ano 1421. Terminou converténdose en castelo dos Ulloa (Arcaz Pozo).
GUITIRIZ
Priorado da Granxa:
Na parroquia de Labrada. Dependía do mosteiro de Monfero. Estaba nos
límites da parroquia do Buriz ata a reforma do bispo de Mondoñedo no ano
1920. Consérvase unha capela en cuxa fachada hai unha fornela que
acolle a imaxe de San Bernardo. As primerias referencias a unha igrexa en Labrada datan do ano 1177, cando Fernando II expediu un privilexio doando a granxa de Labrada a Monfero. Ata os anos noventa do pasado século, o interior da igrexa estaba revestido de cal que se aplicou no brote de peste do século XVIII. Debido á deterioración, os veciños, ao retirar a cal para pintar as paredes, saíron á luz unhas pinturas datadas no século XV ou XVI, coas imaxes de Cristo, a Virxe e outros temas.
GUNTÍN DE PALLARES
Mosteiro de Santa María de Ferreira:
Bieitos. Fundado arredor do ano 898 por Ero Fernández e a súa muller
Dona Elvira. Funcionou como mosteiro familiar ata o último terzo do
século XI cando o conde Rodrigo Muñiz e a súa irmá Elvira llo cederon
aos bieitos, continuando baixo a protección da familia, pois dise que a
filla de don Rodrigo "pidio ao emperador que contase aquel couto aos monges que era a sua herdade".
No s. XII, o rei Afonso VII dóalle o couto de Ferreira de Pallares con
xurisdición civil e criminal. Santa María manterá varios preitos cos
templarios de San Fiz do Ermo, uníndoselles aos cabaleiros varios nobres
da bisbarra e tamén os campesiños de varias freguesías. No século XV a
comunidade queda reducida a unha cuarta parte quedándose en cinco
monxes, prior e abade. O
15 de febreiro de 1462, Pío II ordena ao abade de Santa María de
Ferrreira e ao prior de San Vicente de Pombeiro que interveñan na
restitución dos bens expoliados ao mosteiro do Salvador de Asma. No ano 1517 ou 1518, por mor da reforma dos
mosteiros galegos emprendida polos Reis Católicos, pasa a depender de
Samos como priorado. A igrexa románica con elementos góticos rematouse
na segunda metade do s. XIII. É de planta rectangular construída en
cadeirado de granito. Ten unha nave dividida en catro tramos, ábsida con
tramo rectangular e cabeceira semicircular. Unha capela gótica acaroada
no alzado sur da nave acolle o mausoleo dos Taboada. A porta principal,
arquivoltada, está decorada con motivos humanos, animais e vexetais,
figuracións que tamén se poden ver nas portas norte e sur. O claustro,
do século XVII, é de planta cadrada con arcos escarzados. Deste mosteiro
data un documento do ano 1257 escrito enteiramente en galego.
Mosteiro de San Fiz do Ermo: San Fiz do Ermo aparece citado como ecclesiam nun documento do ano 897. No 922 documéntase a Veremundo e Aldonza Pérez preiteando por unha casa en Santa María de Carteire (Palas de Rei) contra o presbítero Ansemondo e o magister Villiufus abba de San Fiz do Ermo, clara alusión a un mosteiro xa fundado (Almudena Bouzón Custodio, 2022). No ano 956, o conde Osorio Vistruáriz e súa esposa Tiuli Pérez (ou Pepiz) doan varias herdades aos cenobios de Carteire e San Fiz polo salvamento das súas almas. No 1111, a raíña Urraca e o seu fillo Afonso VII outorgan varios bens ao cenobio. No ano 1223 cítase o "monasterium de Sanctus Felix de Heremo".
Foi obxecto de discusión entre as ordes de Santiago e a monástico-militar do Temple,
acusando a primeira á segunda de llo ter ocupado indebidamente. A finais
desa década aparece xa como encomenda ou bailía templaria nun preito
que a orde mantén co cenobio bieito de Ferreira de Pallares. Nun
documento do ano 1265 figura un litixio diante do bispo de Lugo,
Miguel, entre o abade do mosteiro de Ferreira de Pallares e o comendador
de San Fiz do Ermo: "Domnum Lupum comendatorem Sancti Felicis de Heremo, ordinis Milicie Templi".
No 1254 o bispo de Lugo recoñécelle os dereitos sobre dezanove igrexas
da súa diócese. Por documento do 15 de xuño de 1299, Pedro Martínez, crego de San Mamede de Lousada, ante Xoán Pérez, notario do rei en terras de Pallares e nos coutos de Ferreira e San Fiz do Hermo, vende a Teresa Ovequiz, a décima parte das herdades que a súa avoa tiña en Belesar: "Feyta a carta Era de mill et CCC et XXXª VII anos et quot quinçe días andados de iuyo". No 1310 (ano
da citación xudicial de Tordesillas promulgado polo arcebispo de
Toledo, por mandato do papa Clemente V, para que os cabaleiros
templarios comparecesen en Medina del Campo á raíz da persecución do rei
francés Felipe IV) a bailía estaba habitada polo comendador e dous
freires templarios ("fratri Gomecio comendatori baylive de Sant Fiz, fratri Petro Mourion, fratri Petro dicto Nigro qui consueverunt in dicta baylia...") que ese ano foron citados polo tribunal de Medina do
Campo para comprobar as acusacións vertidas contra a orde e que levarán á
súa desaparición. Moitos dos bens templarios galegos remataron en mans
dos Castro, entre eles os de San Fiz, pois no 1355 Fernando Ruiz de
Castro entregaba "o meu couto e erdades de San Fiiz do Ermo" a
Gonzalo Ozores de Orcellón. Do que foi mosteiro templario só se conserva
unha casona onde, ata non hai moito, aínda se podía ver unha pedra
armeira da orde do Temple.
San Salvador de Castelo de Pallares: Nun documento do ano 1215 cítase "eclesiam Sancti Salvatoris de monasterio de Castello", e noutro do 1238 "Moestiro de Castelo". O 29 de xaneiro de 1247, vende a Pedro Pelagii e outros unhas herdades na igrexa de San Salvador de Castelo. Nun documento do 2 de xaneiro de 1310, Maior Pérez manda ser enterrada no mosteiro de Ferreira de Pallares e lega a favor deste mosteiro, de Santa María de Zolle e San Salvador de Castelo. En maio de 1313 era crego do Salvador de Castelo Martín Pérez.
Mosteiro de Santa María de Mosteiro:
Crese que houbo un mosteiro feminino polos séculos XI ao XII que
pertenceu ou foi absorvido polo de Santa María de Ferreira de Pallares.
Menciónase nunha doazón o 16 de xaneiro de 1119 que fan Xoán Dieguez e Marina Luz ao bispo Pedro de Lugo: "in territorio Palliaris porcionem nostram eiusdem Monasterii quod Palliares vocitatur fundata ibi ecclesia in honore Sancte Marie Virginis". Na Casa do Priorado atopouse un capitel decorado de tradición visigótica
que se conserva no Museo de Lugo o que podería confirmar, segundo Amor
Meilán, a existencia deste cenobio en cuxa igrexa exercían xurisdición
os señores de Gaioso (o capitel pode indicar que anteriormente houbo outra igrexa). A igrexa parroquial, de orixe románica, foi
erixida preto dun castro, ten unha nave cuberta a dúas augas e con
bóveda de canón, quedan varios canzorros xeométricos e a ábsida está
reforzada con dous contrafortes. Estes mosteiros eran patrimoniais e
desaparecían pola falla de monxes ou por doalos os seus donos a outros
mosteiros e igrexas. Nun alpendre próximo localizamos empotrado nun dos muros un morteiro pétreo e a basa dunha columna, posiblemente romana. Esta parroquia é na actualidade anexa á de Francos.
O INCIO
Mosteiro de Pedro San Fiz-Encomenda de San Xoán do Hospital (O Hospital): Consérvase
a igrexa románica de finais do século XII, levantada polos cabaleiros
sanxoanistas da Orde de Malta. Foi construída con pedra calcaria e
mármore azul das canteiras do Incio. A fronte está formada por unha gran
portada protexida por dúas piastras decoradas, con arco abucinado de
catro arquivoltas tóricas. Na parte superior do tímpano vese unha Cruz
de Malta. O campanario está
exento. Tamén erixiron un mosteiro-hospital e unha fortificación
destinadas a amparar aos peregrinos a Compostela. No conxunto tamén salienta outro edificio de elementos góticos
que actúa como panteón de persoeiros da familia Quiroga. Nun documento do
15 de maio de 1003, fala dun preito que tiveron os mosteiros de Sancti Felicis de Onitio et de Destriana,
pertencentes ás infantas Tareixa e Sancha, fillas de Vermudo II, contra
o abade de Samos pola posesión duns servos. En tempos de Afonso IX
estaba no poder de dúas familias nobres quen llo entregaron á orde do
Hospital de San Xoán de Xerusalén. A doazón levaba dúas obrigas para os
sanxoanistas: manter sempre a seis cregos dos que tres tiñan que ser
presbíteros e cando menos un frade da orde, e que a casa fora cabeza
dunha bailía da que terían que depender todos os bens que o Hospital
tivese entre os ríos Miño e Lor. Nun documento do ano 1492 que se conserva no Arquivo de Simancas recolle unha orde real dirixida ao gobernador e alcaldes maiores de Galicia para que dean auxilio a frei Juan Piñeiro, comendador de Trevejo (Cáceres), para recuperar a encomenda de Portomarín que indebidamente a tiña ocupada frei Álvaro de Quiroga, comendador do Incio da mesma orde. Esta foi unha das encomendas máis
importantes do Hospital en Galicia.
O Mosteiro de Flanello: Nicandro Ares Vázquez escribe un artigo en Lucensia (2011) no que fala da existencia deste mosteiro "in terra de Lemos".
En primeiro lugar cómpre aclarar que a actual comarca comprende os
concellos de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O
Saviñao e Sober, e non o do Incio que pertence á comarca de Sarria. Mais
don Nicandro xa advirte que a Terra de Lemos non era soamente a
contorna da cidade de Monforte e da súa comarca, senón que incluía unha
zona máis ampla. Di que no Tombo de Samos atópase un documento no que
consta que un presbítero chamado Genitrigus ou Genetricus construíu no ano
947 unha igrexa nas súas herdades, situadas "in terra de Lemos".
Despois de afondar na toponimia e na documentación que podería alumar a
situación do cenobio, Nicandro Ares cre que se ubicaría na parroquia de
San Salvador do Mao, nunha vila que no ano 991 se chamaba Planeto: "monasterium
Sancti Salvatoris, territorio Lemabus, prope ribulo Omano, fundatum in
villa que antea vocabatur Planeto et modo dicitur sanctum Salvatorem". O que si chama a atención é que no documento do 947 se fale de Lemos e non de Lemabus, termo máis usado no Tombo.
Mosteiro de San Salvador do Mao: Dise que se levantaba xunto a vila de Planeto (o Flanello citado anteriormente). Fr. Gregorio de Argáiz (1600-1679), na súa obra de longo título La soledad laureada por San Benito y sus hijos en la Iglesias de España y theatro monástico de la provincia Bética, di que corresponde á terra do castelo Slanillo, preto do río Omano (o Mao), do Bispado de Lugo. Nin Planeto nin o Castelo Slanillo
deixaron pegada na toponimia actual. Argáiz escribe tamén que recibía o
nome de San Salvador de Lemos. A igrexa actual conserva o antigo
patrón, e no pobo existe a tradición do desaparecido mosteiro. Outras
escrituras falan do seu carácter dúplice e da súa anexión a Samos por
Vermudo II na última década da décima centuria. A igrexa figura na
concordia que no ano 1195 puxo fin ao longo preito entre os abades de
Samos e o Cabido de Lugo sobre a posesión do templo e dos seus bens. Nas inmediación da igrexa documentamos varias tumbas feitas de laxas. Nun muro que pecha o adro-cemiterio cuberto hai empotradas cinco caliveras que segundo a tradición pertencen a antigos monxes. Nos arredores aínda se poden ver restos de tumbas feitas con laxas.
Mosteiro de Santa María do Mao (Santo Eufrasio): Tamén tivo por patróns a San Martiño,
Santo Estevo e San Pedro e San Paulo. Na actualidade presenta unha nave
elevada, con cuberta en lousa a dúas augas. Ao presbiterio, máis
reducido ca nave, accédese por medio dun arco de medio punto. No
interior, o retábulo renacentista de tres corpos ocupa toda a cabeceira.
A porta do sagrario loce un relevo de Cristo resucitado de pé sobre o
sepulcro. Na imaxinería salientan as tallas do Santo Eufrasio, Santa
María, Santa Bárbara e o San Bieito. O templo foi restaurado hai algúns
anos e apenas conserva restos da fábrica orixinal. Exteriormente
comparte coas igrexas de San Salvador e San Román, tamén no Mao, a
peculiaridade de ter o adro e o cemiterio cuberto por unha estrutura de
madeira. Pero o elemento máis destacado é o sepulcro do Santo Eufrasio. Segundo a
tradición, foi un dos sete Santos Varóns, discípulos do Apóstolo
Santiago, que foran enviados por San Pedro e San Paulo para evanxelizar a
Península, establecéndose en Iliturgi (Andúxar), de onde foi
primeiro bispo, sufrindo martirio nos primeiros anos da era cristiá.
Durante a invasión árabe, os monxes de Andúxar, despois dunha longa
peregrinaxe, chegaron ao Val do Mao no 716, depositando as reliquias na
primitiva igrexa. O sepulcro atópase no centro da nave, cuberto por
dúas grandes pedras superpostas. A pedra superior, primitiva, conserva
unha inscrición borrosa referente ao traslado das reliquias do Santo
Eufrasio a Andúxar no ano 1596. Nun dos muros do templo hai unha inscrición de irmandade entre os veciños da aldea e os de Andúxar. A romaría na súa honra celébrase o 15 de maio. Sobre este santo publicou unha monografía no ano 1955 Pedro López Rubín: Santo Eufrasio, Varón Apostólico. Segundo o bispo Antolín López Peláez, no seu El monasterio de Samos
(1894), o cenobio de Santa María do Mao foi do real patrimonio dende os
tempos de Ramiro I, que reinou entre os anos 842 e 850, ata que Sancho o
Craso llo cedeu aos monxes de Andúxar. Fronte á igrexa está a coñecida
como Casa do Priorado, con dúas pedras armeiras do mosteiro de Samos. Na Biblioteca Nacional consérvase parte dunha sentenza de xullo de 1417 sobre unha capela do Santo Eufrasio nun preito entre o abade de Samos e o abade de Monforte. Consérvase por casualidade porque foi reutilizado como reforzo para encadernar un libro de apeos do ano 1582 e encacernados no 1614. Creo que fai referencia a unha capela posta boaixo o padroado do Santo Eufrasio, anterior á construción da igrexa.
Mosteiro de Valdemao:
Deste incerto mosteiro fala Amor Meilán. Di que xa existía nos
primeiros tempos da Reconquista. No Incio están as parroquias de San
Salvador do Mao, Santa María do Mao e San Romao do Mao. Incorporouse a
Samos no século X.
No actual concello do Incio documéntanse, ademais, os posibles mosteiros de Mosteiró (Goo) onde se conservan os topónimos A Ermida e Tras da Ermida, mosteiro da ermida de Eirexalba (O Incio) que conserva unha ermida, Santiago de Toldaos e San Salvador de Chelo (San Salvador do Mao).
LÁNCARA
O Mosteiro
(Bande Susaos-Bande): O mosteiro dependía do de Samos. Mencionado en
documentos do Tombo de Samos nos anos 982 e 990 ("de illo vallato de Monasterio ata in Bandi" e "monasterio Sancti Salvatoris et Sancte Marie in villa que vocitant Bandi in ripa Narie"), e noutro do ano 1057 ,
nunha doazón do mosteiro de San Paio, preto de San Salvador de Bande,
entre Tórdea e Neira ("monasterio Sancti Salvatoris de Bandi in Tordena et Naria"). Era un mosteiro feminino que foi propiedade de Leodegundia. Non duraría moito tempo como cenobio xa que no ano 1091 noméase como "eclesia Sancti Pelagii et sua villa". Descoñécese se os documentos se refiren a Bande, que ten como titular a San Pedro, ou á parroquia lindeira de San Salvador de Toirán. Consérvase a igrexa do século XII, cunha nave e unha ábsida
semicircular unida ao corpo rectangular do presbiterio. A fachada é
moderna. No interior pode verse unha colección de seis grandes óleos,
doados pola familia López Quiroga e Somoza.
Mosteiro de Neira de Rapados
(Vilaleo): Segundo Nicandro Ares Vázquez, o composto do topónimo,
Rapados, pode facer alusión a uns frades rasurados (ou tonsurados),
porque nesta parroquia baixo o padroado de Santa María estarían antes
monxes e na limítrofe de San Salvador de Toirán habería monxas, tal como
adoitaban elixir os santos protectores os mosteiros dúplices.
Mosteiro de San Paio e Bailía templaria de Neira (Neira de Cabaleiros): No ano 982 vimos que se cita o mosteiro de San Salvador e Santa María de Riba de Neira, o cal tiña un dos seus límites "per termino de Sancto Pelagio". Eiquí estaría o mosteiro familiar de San Paio no 1057: "monasterium territorio Galletie, propope monasterio Sancti Salvatoris de Bande, inter Tordena et Naria; vocitant ipsum monasterium Sancti Pelagii et sociorum eius". Este mosteiro fora
propiedade de Leodegundia, e atendendo tamén ao seu titular, San Paio,
vese que foi de mulleres (Ares Vázquez, en Lucensia 2009). Consérvase unha inscrición do ano 1133. Crese que eiquí estaría unha bailía da orde monástico-militar do Temple, se ben o topónimo Neira localízase tamén nos concellos de Baralla (3) e O Páramo. É probable que se fundara no 1244, ao tempo das de Canaval (Sober) e San Fiz do Hermo (Guntín de Pallares), ou mesmo antes. No ano 1291 era comendador de Canaval e Neira frei Miguel Martiz. No 1296, nas litterae papais relacionadas coa doazón do Gran Mestre do Temple, Jacques de Molay, ao templario João
Fernandes dunhas bailías, figura a de Neira. A
derradeira mención é do ano 1310 (citación xudicial de Tordesillas
promulgado polo arcebispo de Toledo, por mandato do papa Clemente V,
para que os cabaleiros templarios comparecesen en Medina del Campo á
raíz da persecución e prohibición da orde polo rei francés Felipe IV a partir do 1307)
era comendador de Canabal e Neira "fratri Didaco Gomecii comendatori baylivarum de Canaval et Neyra...", e "fratri Fernando et fratri Nuno qui consueverunt habitare en dictis baylivis..." (só se coñecen os nomes destes dous freires). O composto do topónimo, Cabaleiros, ben podería facer alusión aos freires da orde monástico-militar do Temple.
Mosteiro de San Salvador (A Eirexe-Toirán): Eiquí puido estar o "monasterio Sancti Salvatori in villa que vocitant Bandi, in ripa Narie",
fundado por Lucito Gundesindiz e Domna Eiloni, segundo se cita en
documentos do Tombo de Samos en 982 e 1057. No 982 cítase o mosteiro de
San Salvador e Santa María na ribeira do Neira, o cal tiña os seus
límites "per termino de Sancto Pelagio". No
tímpano da porta lateral norte lese:
“DIECVS FCT
/ IN ERA CLXX PMI (PMI
sería “post millesimam”)
/ RODERICVS ARCIDIA / CONVS PELAGIVS DIECVS
FCT”. A igrexa, entón, construíuse na era 1170 (ano 1132).
Cítanse varios nomes: Diecus, Rodericus, Pelagius e outro Diecus.
Quizais o primeiro sexa o construtor, e
Rodericus, Pelagius e Diecus quen
custearon as
obras.
Eiquí puido estar o "monasterio
Sancti Salvatori... in ripa Narie",
fundado por Lucito Gundesindiz e Domna Eiloni, segundo se cita en
documentos do Tombo de Samos en 982 e 1057. No 982 cítase o mosteiro
de San Salvador e Santa María na ribeira do Neira, o cal tiña os
seus límites "per
termino de Sancto Pelagio"
que
estaría en Neira de Cabaleiros.
Mosteiro de San Vicente: Nicandro Ares Vázquez cre que Carracedo puído ser o lugar onde estivo o "monasterium de Sancti Vicenti de Lancara"
(San Vicente é o patrón da parroquia), citado así nos anos 1119, 1122,
1123 e 1133, aínda que di que puído estar en Leirado (sobre a porta hai
unha cruz de malta ou patada), parroquia de Armea, porque eiquí existiu o
lugar de San Vicenzo e a ecclesia S. Vicenti de Leirado, segundo documentos dos anos 1175 e 1195, se ben no ano 1091 lese Sanctum Vicentium de Armena.
Mosteiro de Santo Antoíño (Toubille).
LOURENZÁ
Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (Vilanova):
Bieitos. O mosteiro fundouno no ano 968 ou 969 o conde Osorio Guterres (o Conde Santo), curmán
do rei Ordoño; á morte da súa muller ingresou no mosteiro. Considerado
santo, foi soterrado nun sartego de mármore branca, quizais de orixe romana, procedente de Aquitania. A construción actual do edificio
monacal data dos séculos XVII e XVIII, da primitiva edificación só se
conservan unha ara do século IX e unha lauda do XII. O cenobio
incorporouse á Regra de San Bieito de Nursia no século XII, acadando un
enorme poder, cun patrimonio que abranguía toda a Mariña Luguesa e parte
da Terra Chá. Aínda que os monxes abandonaron o mosteiro debido aos
decretos de exclaustración e desamortización de Mendizábal, quixeron
ocupalo de novo no 1878, mais un incendio truncou a iniciativa.
Regresaron no 1910, permanecendo nel ata o 1942 cando se estableceu no
mosteiro o Seminario Menor Diocesano. Da antiga construción monacal
consérvanse dous claustros rematados no ano 1786, o coñecido como Patio
do Pozo do Santo e o de San Salvador. O
Arquivo Histórico Nacional de Madrid acolle o que se ten como o segundo
documento máis antigo escrito enteiramente en galego, pertencente ao
Tombo de Lourenzá, datado o 15 de outubro de 1232. De febreiro de 1238 é
outro documento, tamén escrito en galego, que recolle o preito entre o
Concello de Ribadeo e o abade de Lourenzá polas rendas do porto de
Rinlo. En maio de 1328 era prior Xoán Pérez. Por documento do 28 de marzo de 1375, os monxes elixen a Lope Arias como abade. No ano 1382, o abade de Santa María de Meira dá a Lope Arias a posesión da abadía de San Salvador de Lourenzá. A maior parte dos documentos máis antigos, escritos en galego,
desapareceron debido a que, entre outras causas, os pergameos en que se
escribiron foron reutilizados. A igrexa data do s. XVIII,
construída en estilo barroco galego. Ten planta de cruz latina con tres
naves separadas por piastras dóricas das que parten arcos feixóns. A
nave central, máis ancha, está cuberta con bóveda de canón, e as
laterais con bóvedas de aresta. Unha cúpula, de media laranxa con
lanterna, cobre o centro do cruceiro. No interior salienta un retábulo
que representa a Transfiguración. Na fachada principal, abeirada por dúas torres, figuran as
imaxes do Salvador, da Virxe e do Conde Santo, e, por baixo delas,
representacións da orde beneditina, San Bieito e Santa Escolástica. Agás as partes do edificio ocupados por
distintas instalacións monacais (Concello, oficina de Correos...), o
resto está a padecer un continuo deterioro.
Mosteiro de San Adrao:
De carácter familiar, foi doado no ano 969 ao mosteiro de San Salvador
de Lourenzá. A pía de auga é un miliario romano dun metro de altura. A
igrexa, do século XVI, está moi reformada onde salienta o campanario
barroco. No interior hai un retábulo do século XVIII e unha cruz
procesional do século XVI.
Mosteiro de San Fiz de Cazolga ou dos Macabeos:
A capela actual foi construída no ano 1940, substituíndo a outra máis
antiga que pertencía ao mosteiro de San Fiz e os Macabeos e mandada
erixir, segundo a tradición, polo Bispo Santo. No Archivo Histórico Nacional consérvase un documento datado no ano 933 que fai alusiónn a este mosteiro, situado na faldra do monte denominado Cornaria: "In
nomine domine nostri ihesu christi uobis dominis meis santisque
martiribus sancti felicis et machabeorum quorum ecleisa fundata esse
dignoscitur in ripa de riuulo uocabulo masma subtus monte cornaria".
LUGO
Convento das Doniñas:
Segundo recolle Nicandro Ares Vázquez, en Santalla de Bóveda existe a
tradición dun chamado Convento das Doniñas que estaba a dous quilómetros
da aldea, no vilar de Valín, máis do cal non se coñece ningún
documento.
Convento de San Francisco:
Franciscáns, século XIII. Do antigo convento só se conserva o claustro
do século XV, gótico con influencias románicas, e a cociña e o
refectorio do século XVIII. A igrexa, do gótico mendicante, é do século
XIV e que asentaría sobre outra máis antiga. De planta de cruz latina,
consta dunha nave no brazo maior, outra no cruceiro e unha na cabeceira
onde destacan tres ábsidas cubertas con bóvedas nervadas apoiadas en
columnas. No ano 1957 acometeuse a reforma do primitivo edificio. Acolle
o Museo Provincial.
Convento de San Domingos: Dominicanos. A igrexa conventual é do século XIII (comezou
a construírse no ano 1303) dunha soa nave e cruceiro realizado en
cachotaría de pizarra e cadeirado de granito. Ten tres ábsidas
poligonais con ventás resgadas de grande altura. A fachada principal
está tapada por un pórtico construído no s. XVII. No interior mestúrase o
gótico e o barroco. O convento, con claustro, foi cedido no ano 1840 ás
Recoletas Agustinianas de clausura.
Convento de Santa María:
A igrexa de Santiago A Nova foi templo do antigo convento de monxas
dominicas, fundado en 1363 baixo a advocación de Santa María, á que se
deu o apelativo de A Nova para distinguila da catedral. Coa
desamortización, o convento pasou ao Estado, onde instalou varias das
súas oficinas, albergando na actualidade Facenda e Correos. A igrexa
reconstruíuse no século XVIII e foi espoliada durante a invasión
napoleónica. A primitiva fachada, que dá á rúa San Pedro, conserva dúas
fermosas portas e unha inconclusa esvelta torre. A fachada actual, que
dá á rúa da Raíña, é de 1918. Conserva o claustro de principios do
XVIII, actualmente parte da Delegación de Facenda, mentres que o templo,
datado 1757-1764, continúa desenvolvendo as súas funcións litúrxicas.
No interior conserva cinco retábulos de talle neoclásico.
Ermida do San Amaro (Conturiz-Santo
André de Castro): Adrián Gómez contoume que, segundo os veciños, trátase das ruínas do
convento ou mosteiro de San Amaro. Na ligazón a unha publicación que me
achegou (Los trasmeranos en Galicia: la familia de los Arce, obra de Ana Goy Diz publicada nas Actas do simposio Juan de Herrera y su Influencia,
1992), di que se conserva a escritura do contrato de Gaspar de Arce no
ano 1584 cos canteiros Gregorio do Barro e Alonso Rodríguez para que
levantaran as paredes de mampostería. A obra atopábase nas inmediacións
da vivenda dos condes de San Amaro que disfrutaban a capela en réxime de
padroado. Díxome Adrián que pola zona hai, ao menos, dúas pezas
graníticas con cruces, unha das cales vin reaproveitada no peche dunha
casa. Moitas pedras da capela, que se atopa en moi mal estado de
conservación, foron espoliadas para outras construcións. Vaia dende eiquí o meu agradecemento a Adrián Gómez por tan valiosa información quen
tamén me dixo que na mesma parroquia hai os restos dunha vella igrexa,
San Román, da que se di que son restos romanos ou tardorromanos ou
quizais posteriores, mais si semella que anteriores ao século X.
Mosteiro de Meilán:
Polo ano 930, o presbítero Regito fundou o mosteiro de Santiago de
Meilán. Sucedeuno o seu sobriño do mesmo nome, quen á súa vez légao á
igrexa de Lugo e ao seu bispo Pelaio quen o ordena presbítero, poñendo á
fronte da igrexa mosteiral a Desterigo que, no seu testamento,
establece o dereito sucesorio a favor dos seus sobriños Afonso e
Andulfo. Despois de varias vicisitudes, o mosteiro cae nas mans de
Pelaio quen, conta Vázquez Saco (1947), dispón dos bens mosteirais e
déixaos en testamento á súa filla Trodili. O bispo Amor (1088-1096)
rexeita o testamento e faise cargo da facenda do cenobio, aínda que,
"movido máis tarde a misericordia", déixallo ao actual posesor e ao seu
sucesor inmediato. A igrexa de Meilán e os seus bens non foron
definitivamente adscritos á igrexa de Santa María de Lugo ata o ano
1123, cando estaba en mans do conde Munio Peláez. A fábrica románica da
igrexa foi bastante alterada por reformas posteriores.
Mosteiro de Saamasas: Saamasas é hoxe un arrabaldo da capital lucense, onde o presbítero Félix no ano 923 cedía a aquel mosteiro "villa quam dicunt iuliani",
denominación que segundo Nicandro Ares pode corresponder a Xián ou
Cián, en Taboada. No Museo Diocesán de Lugo consérvanse sete pracas
rectangulares e planas decoradas. A importancia destes relevos vén dada
tanto pola súa calidade artística, como polo interese que esperta o seu
carácter e función, ademais da interpretación dunha epígrafe. Ao parecer
trátase das pracas dun cancel de época visigótica de finais do século VI
ou principios do VII, correspondentes á primitiva igrexa onde aparece
citada como mosteiro de Sanctas Masas. O cancel separaba a parte sagrada do altar da dedicada ao resto dos fieis. Xunto un dos canceles atouse un capitel da mesma época, se ben J. Delgado cre é romano.
Mosteiro de San Miguel de Bacurín: Bacurín aparece no testamento de Dona Ximena no ano 964, onde doa ao mosteiro de San Xoán de Mera, "basilica sita est et monasterium constructum in valle Mera prope fluvio Minei, sub urbe lucense, villa que dicunt Quarto", a vila de Mera e outros lugares próximos, entre eles Bacorini. Nun documento do século XII onde se recollen as regalías de Santa María de Lugo, entre outros, de "Sancto Michaele de Bacorin, casale de domno Romano". É probable que se tratara dun pequeno mosteiro familiar de corta vida. Na primeira década do século XIII aínda existía eiquí unha comunidade monástica. No 1211, a abadesa, Dona Gontroda Rodríguez, doa o dereito que ten "in monasterio Sanct Michaelis de Bacorin" á Igrexa de Santa María de Lugo.
Mosteiro de San Xoán de Mera: Tratábase dun mosteiro familiar situado no que
hoxe en día é Seoane Alto, anexa do Burgo. A primeira mención é na
copia do testamento do bispo Odoario no ano 747, cando se cita a ecclesia sanctii iohannis de mera.
Noutro discutido documento do ano 897, o rei Afonso III confirma ao
bispo Recaredo e á igrexa lucense moitos territorios, entre os cales se
mencionan as igrexas de "In mera eclesiam sancte eolalie alte, ecclesiam sancte marie que dicitur alta, et sanctum ioannem de mera cun familia".
O P. Yepes cita un documento do ano 985 onde fala de que o mosteiro de
San Xoán, no territorio que chaman Mera, pola Era de mil e vinte e tres,
estaba sito cara a cidade de Lugo, non lonxe do río Miño, e era de
monxes e de monxas. Pero Yepes non sinala con exactitude o ano da
fundación de tal cenobio, pois no Archivo Histórico Nacional (Tombo
de Sobrado) consérvase a copia dunha escritura datada o día 17 de xuño
do ano 964, na cal unha muller chamada Ximena di que aquel mosteiro fora
construído polos seus pais no val do Mera preto do río Miño, non lonxe
de Lugo, na vila que chamaban quarto.
Mosteiro de Santalla de Cuíña: Cuíña é unha parroquia do concello de Lugo. Houbo un mosteiro, mencionado nos anos 995, 997, 999 e 1017.
Mosteiro de Santalla de Fingoi:
Nun documento do ano 995 consta que unha muller de nome Faquila doa ao
rei Vermudo II o mosteiro de Santalla de Fingoi con todas as súas
pertenzas. Tamén consta en documentos dos anos 1042, 1086 e 1088 onde se
cita o "monasterium Sancti Antonini de Fingoi". En xullo do
1071, a infante Elvira, filla de Fernando I, doa ao bispo de Lugo varias
vilas que foran do mosteiro de Fingoi. No 1088, Afonso VI doa ao
bispo de Lugo varias vilas e igrexas suxeitas aos mosteiros de Santalla e
Santuíño de Fingoi e os dereitos rexios da cidade de Lugo.
MEIRA
Mosteiro de Santa María de Meira:
Císter. As orixes non están claras, barallándose dúas hipóteses, unha
do 997 baixo os cluniacenses, e outra do 1143 xa baixo a Regra do
Císter. No aspecto arqueolóxico, os primeiros que o estudaron foron
Carlos Arias (Monasterio de San Salvador, no Boletín da Real Academia Galega), Villa-Amil y Castro e Torres Balbás (Monasterios bernardos de Galicia).
Sobre o aspecto histórico, hai que salientar a tese de María de Las
Mercedes Domínguez Casal do ano 1952 que abrangue os primeiros cen anos
de vida do cenobio, onde rexeita o ano 997 recollido polo P. Yepes,
afirmando que foi fundado pola orde de San Bernardo no 1143, se ben a data
de 1142 é a máis suxestiva para a fundación cisterciense, apoiándose na
desparecida inscrición publicada primeiramente polo P. Risco e
reproducida en copia facsímile por Villa-Amil e Amor Meilán, que se
atopaba no claustro baixo do mosteiro: "Anno Domini MCXLII. Inicium domus Meyre".
O seu dominio medrará de xeito continuado durante o século XII e a
primeira metade do século XIII, converténdose nun dos mosteiros máis
ricos de Galicia. As súas posesións, ademais de na súa contorna,
estenderanse por todo o bispado de Mondoñedo, cara a costa, e chegará
ata as ribeiras do Miño e do Sil, sendo destacada na Terra de Lemos, e
fóra de Galicia no Bierzo e Toro. Á morte do abade frei Ares de Maxide
no 1515, integrouse definitivamente na Congregación de Castela. No ano 1826 figura como abade Manuel Perea. Do
conxunto monacal consérvanse a cociña, o refectorio, os arcos forneiros,
as ménsulas e os arrinques dos arcos do claustro das Procesións (s.
XVIII) e pegadas nos edificios que acollen as dependencias do Concello. A
igrexa, do 1143, ten planta de cruz latina con tres naves divididas en
nove tramos, onde a central, cuberta con bóveda de canón apuntado
sostida por arcos faxóns, dobra en anchura ás laterais. Cruceiro e
cabeceira cunha ábsida central semicircular, precedida por un tramo
recto enmarcado por capelas cadradas. A portada principal é románica,
con arquivoltas sostidas por tres pares de columnas. Sobre ela ábrese un
enorme rosetón. A porta conserva as ferraxes do século XIII. MONDOÑEDO
Convento da Concepción:
Ano 1639. Coñecido nun principio como convento da Encarnación Franciscá
do Coto de Outeiro, fundado por Dona María Pardo de Andrade no ano 1656
e cuxa construción se iniciou no 1714 xunto unha das antigas portas
(hoxe en día todas desaparecidas) de acceso á cidade murada.
Convento de Lindín (O Caxigo-Lindín): Lugar de difícil acceso e mal conservado. Consérvanse restos de muros pertencentes a un convento medieval dependente do de Vilanova de Lourenzá. As primeiras referencias sobre a existencia dunha igrexa en Lindín datan do ano 1261, cando o bispo Nuno II fai doazón da mesma á catedral. Malia o anterior, Ares Vázquez di que podería ser a igrexa de S. Jacobi de Nannino citada en 935. Consérvase o topónimo a Igrexa Vella.
Convento dos Picos:
Agostiños. O seu nome real é o de convento de San Martiño de
Vilaourente, fundado no século XIV e con reformas no XVIII. O
31 de decembro de 1406, a muller que foi de Afonso Estévez vende a
Gonzalo Freire, do convento de San Martiño de Vilaourente, unha viña en Santa María de
Vilamor. Logo da
desamortización, o bispo da Diócese, Xosé Manuel Palacios López,
concedéullelo no ano 1885 á comunidade dos PP. Pensionistas que o
habitaron ata o 1964. A subida ao convento coñécese como O Calvario
polo Via Crucis do que aínda se conservan algúns pasos.
Convento de Santa María a Maior. No Tombo de Lourenzá do ano 967 consta Monasterio Sancta Maria Maur, no 1121 Sancta Maria Majore, no secúlo XII cenobium Sancte Marie Maiori, e Sancta Maria de Villa Maiore no 1111.
Mosteiro de Masma: Hai quen defende que con este topónimo, e tamén hidrónimo, identifícase o monasterio Maximi, asignado á Sé de Bretoña no Parochiale Suevum do ano 569. O río e a parroquia de Masma cítase no tombo do mosteiro de Lourenzá dende o ano 927 a 1265. No 1086 o bispo Gonzalo falla un preito que sostiñan os curas de Vilamor e Masma. En documentos do rei Silo do 775 e de Ordoño II do 992 figura Masoma. A igrexa actual ten a orixe no ano 1740.
Mosteiro de Santa María de Vilamor: Apenas dispoño de datos sobre este posible mosteiro. O 31 de decembro de 1406, a muller que foi de Afonso Estévez vende a Gonzalo Freire, do convento de San Martiño de Vilaourente, unha viña en Vilamor. O 19 de xullo de 1586, Felipe II manda aos contadores maiores que libren ao mosteiro do Salvador de Lourenzá a carta de privilexio dos 3.970 maravedises e medio de xuro perpetuo ao ano que se lle concede en recompensa polas rendas que o mosteiro tiña nas freguesías de Santa María de Vilamor e Santo André de Masma, por tratarse de herdades transferidas ao patrimonio real. A mediados do mes de agosto de 2024 achegueime ata Vilamor; cando estaba a ver a capela da Virxe da Pena, en Guillade, pregunteille a un veciño se tiñan escoitado sobre a existencia deste mosteiro. Contoume que existe a tradición de que se atopaba, xunto cunha igrexa, no monte da Trinidade, o mesmo onde había un castro que foi destruído por unha canteira, asegurándome que hai anos aínda se vían as pedras dos derruídos muros. Díxome que segundo a tradición era de templarios. Despois de mirar no Catastro, no monte localicei unha parcela que leva o nome de Valiño da Igrexa (polígono 8, parcela 2099).
MONFORTE DE LEMOS
Mosteiro de San Vicente do Pino:
Bieitos. Escribe M. Rubén García Álvarez (1952), en contra da
afirmación dalgúns autores, que é totalmente falso que o mosteiro date
do século VIII, creándose unha abadía xa organizada no século seguinte,
poñendo en dúbida a autenticidade dalgúns diplomas pertencentes a este
cenobio. As noticias coñecidas sobre as orixes deste mosteiro redúcense á
non moi exacta referencia do P. Yepes, reproducida máis tarde polo P.
Risco, López Peláez e algúns datos dispersos noutras publicacións. O
mesmo autor tamén rexeita o escrito por Pedro Boo Pita de que o antigo
mosteiro estaba na faldra do monte, no lugar que anteriormente ocupaba
unha ermida. Se ben ten as orixes no século X, o edificio actual, tanto a
fachada coma o claustro, é de traza neoclásica do século XVI. No ano
1199 (neste ano a vila baixa do outeiro e é levada ás beiras do Cabe),
Afonso IX concede ao cenobio varias igrexas e bens, privilexio
confirmado no ano 1213 polo papa Inocencio III. Afonso IX tivo que
mediar entre o Concello e o mosteiro para marcar os dereitos que San
Vicenzo tiña na vila. Castelo, mosteiro e vila compartirían o espazo no
castro durante o século XII. Visitado por frei Juan de San Juan de San
Benito de Valladolid no ano 1494, a reforma non se fará patente ata o ano 1499, sendo abade frei Gómez de Folgoso, antigo prior de Montederramo,
que se encastelou no cenobio para impedir o paso aos de Valladolid,
fuxindo despois a Montederramo, presentándose logo en Monforte para
asinar a súa renuncia ao abadengo. Coñecida a renuncia do seu antecesor,
frei Fernando de Castelo, que anos atrás deixara San Vicenzo por Samos,
volveu ao Pino, conseguindo manterse á súa fronte ata o 1504, marchando
logo a Roma para defender os seus dereitos sobre Samos e San Vicenzo, e
alí morreu. Xunto con Samos e Celanova, San Vicenzo do Pino é o único
cenobio de Galicia que mantivo unha xurisdición eclesiástica propia e
recoñecida pola diócese de Lugo. Os derradeiros monxes abandonaron o
mosteiro a finais dos anos oitenta, instalándose en Samos. A igrexa
mosteiral ten portada renacentista encadrada por dous pares de columnas
dóricas. É de planta de cruz latina rematada por tres capelas
rectangulares cubertas con bóvedas estreladas apoiadas sobre arcos
agudos. No altar maior, barroco, destacan unha pintura que representa a
tortura de San Vicente e unha escultura de Santa Ana co Neno. Tamén
acubilla unha imaxe da Virxe de Monserrat, patroa da cidade, e outra do
San Brais, de afamada romaría o día 3 de febreiro. Na entrada principal, a man dereita, hai un sartego antropoide exento feito en granito que, segundo a lenda, acolleu o corpo dun monxe que, por inocente, sobreviviu á terrible proba da "coroa caldaria" ou "xuízo de Deus", celebrada no ano 915. O conxunto monumental
érguese no monte de San Vicente do Pino que na Idade do Ferro, segundo
algunhas hipóteses, acolleu o castro Dactonio, capital dos Lemavos, e na
Idade Media o monumental castelo dos poderosos condes de Lemos. Na
actualidade o cenobio acolle un parador de turismo. Convento-Hospital do Sancti Spiritus de Monforte:
Germán Vázquez, na súa Historia de Monforte y su tierra de Lemos, fala da posible existecia no século XIII dun hospital en Monforte, en base a un testamento en que se cita "in Lemabus et in Queiroga hospitali"; xa López Ferreiro situaba un hospital na Alberguería, parroquia de Ribas Altas. Aínda que adoita afirmarse que as primeiras noticias
datan do ano 1564, nun Libro de Xuntas do mosteiro de San Vicente do
Pino do ano 1577, no Arquivo da Real Chancillería de Valladolid consérvase un documento do 13 de marzo de 1496 en que Juana Vázquez afora a Roy Moniz unha casa en prezo anual de trinta e seis maravedís e a cantiade que o aforante debe pagar ao Sancti Spiritus de Monforte. No 1683 era propiedade do Concello e administrado polos Irmáns Obregones,
con anterioridade á entrada dos Hospitalarios. Os Obregones deben o nome
a Bernardino de Obregón (Burgos, 1540-Lisboa, 1599) que serviu aos
pobres enfermos, agregándose logo outros compañeiros que co tempo
tomaron o nome de Hermanos Mínimos de Bernardino de Obregón, e
que profesaban na orde dos Agostiños. Por Real executoria librada polo
Supremo Consello e Audiencia de Cámara, Eugenio Aguado, en 19 de outubro
de 1753, na cal se insire a súplica elevada por dona Rosa María de
Castro e Portugal, condesa de Lemos, a fin de aprobar e sancionar a
transación e concerto entre dita señora e o licenciado Francisco Gil, en
nome da vila e Concello de Monforte a 9 de outubro de 1752, na vila de
Madrid, con referencia a poñer ao cargo dos relixiosos de San Xoán de
Deus o Convento-Hospital do Sancti Spiritus e o Hospital de San Lázaro e
a cuxa cabeza debería de estar Fr. Bartolomé Márquez, cedéndolle ao
efecto o edificio, bens e rendas da súa anexión, con outras agregacións e
baixo determinadas condicións. As últimas noticias sobre a presenza dos
Hospitalarios en Monforte, que ocupaban as dependenzas do antigo
Concello, datan de principios do ano 1833.
Convento de San Xacinto de Monforte:
Sitúabase onde está a igrexa de San Domingos da Régoa, edificada na
primeira metade do século XVI na faldra do monte de San Vicente do Pino,
agás a sancristía e o edículo de Nosa Señora do Rosario. No interior
conserva un espléndido órgano do ano 1888, realizado por Pedro Méndez
segundo figura nunha inscrición situada na traseira. O convento foi
fundado no século XVII, ano 1621, polos condes de Lemos e ocupado polos
dominicos. Do fundador e primeiro prior deste
convento, Fr. Justo de Oviedo, sábese que morreu entre os anos 1643 e
1645, como así figura nas Actas do Capítulo provincial deste último ano.
Este Fr. Justo foi tamén o derradeiro prior do convento da Purificación
de Pantón, do que falo na entrada correspondente a ese concello. Consérvase un documento de autos sobre a cobranza dos bens procedentes de encomendas de indias do ano 1648, en que Catalina de la Cerda e Sadoval, condesa de Lemos, deixou ao convento de San Xacinto en onde era monxa profesa co nome de sor Catalina e la Concepción. En setembro de 1789 execútase o preito litigado polos testamenteiros de Catalina de la Cerda co convento de San Xacinto e co convento das Clarisas sobre cumprimento da súa fundación. No Museo Provincial de Lugo consérvase a figura xacente do abade Frei Andrés Pardo de principios do século XVI, procedente da Praza da Igrexa de San Domingos da Régua. Un irmán leigo, Fr. Andrés de San
Vicente "embalsamó los claustros de este convento con el aroma de sus excelsas virtudes"
na segunda metade do século XVIII; morreu cumpridos os setenta anos,
pouco antes do 6 de maio de 1796. O freire Aureliano Pardo Villar, no Boletín da Comisión de
Monumentos de Lugo (1949), fala deste convento menor (citado tamén no
Boletín da Real Academia Galega do ano 1931). Di que durante a Guerra da
Independencia converteuse nunha fábrica militar, onde se equipaba de
armas aos paisanos da comarca, e construíanse canóns de madeira,
escavando troncos de árbores que se rodeaban con aros de ferro; estes
canóns podían resistir ata doce disparos. O prior do convento, Fr.
Domingo Barbeito, que foi asasinado polos franceses, non contaba máis de
corenta anos de idade. Tamén foi asasinado o irmán leigo
Fr. Simón Vega, de sesenta anos. Na Biblioteca do Ministerio de Defensa consérvanse dous planos do 28 de xuño de 1858 e do 16 de xuño de 1891 onde se relacioan as dependenzas do convento, con primeira e segunda planta e soto, coa fin de adaptalo como instalación militar, dependente da Comandancia de Ferrol, polo corpo de "Yngenieros del Ejercito"; así indícanse os dormitorios, claustros, escaleiras, cociñas, galerías, "lugares escusados", unha división "para establecer la independencia entre ambas localidades", etc.
Mosteiro de Cinsa (Cinsa-Baaamorto): Polo Tombo do mosteiro de Celanova, o 21 de xaneiro do ano 921 (XII kalendas februarias. In Era DCCCCLXXVIIII), Kindeverga véndelle ao diácono Quintila parte dun agro situado xunto o río Cinsa ("In Dei nomine. Ego Kindiverga vobis Kintilani diaconus..."). No ano 1098, Vermudo Afonso doa ao mosteiro de Samos parte do mosteiro de San Xoán situado xunto o río Cinsa. Logo, este mosteiro de Sancto Ihohanne de Cinissa, do que queda a Casa Priorato con emblemas da cruz de Malta, foi utilizado polos hospitalarios de San Xoán. No ano 1480, o bispo afora a Pedro Garza ou couto de San Salvador de Cinsa, incluída a presentación da igrexa, solicitando ao abade de Monforte que dea colación ao crego que aquel nombrara (Ibáñez Beltrán, 2019).
Convento de San Antonio: Estaba no Campo de San Antonio. Franciscáns. Fundado no ano 1501. A raíz da Desamortización de Mendizábal, foi derruído totalmente no ano 1840 (o seu estado xa era ruinoso), segundo Murguía por "manos bárbaras". Os bens foron subastados. Nel estaban enterrados varios integrantes da familia dos Castro. Consérvase un baixorrelevo actuando como lintel dunha capela particular na rúa Dr. Casares coa inscrición "O VOS OMNES QVI TRANSITIS PER VIAM AD TENDITE ET VIDETTE DOLOR SIMILIS SICVT DOLOR MEVS", ("Oh, vos todos que pasades polo camiño da vida, meditade e comprendede se pode haber dor semellante á miña dor"), unhas columnas diante dunhas casas situadas fronte os Escolapios e no patio do vello Concello, un cruceiro que se ergue no Campo de San Antonio, e outras columnas na Casa da Bastida, na parroquia de Mañente (Pantón). Relacionado
co convento consérvanse varios documentos onde aparecen os Gaybor,
unha poderosa familia xudía da época de cristiáns conversos. Nunha
aparece como protagonista Jorge de Gaybor, acusado no
ano 1580 pola Inquisición
de azoutar un crucifixo: “Jorge
de Gaybor difunto vezino de Monforte de Lemos, denunciado de que
açotaba en su cassa de noche a Un crucifixo examinaronse cerca de
ello doze testigos entre los quales declaro uno que siendo su criado
y dexandole ençerrado y bolviendose para le hablar sintió que daba
golpes y poniendose a escuchar le parecio al testigo que los dava a
un crucifixo que tenía allí, consta ansimismo por el testigo y
dicho de vista que en el tiempo que se tratava deste pleyto en
Monforte de Lemos delante del juez seglar y le fue el dicho Juez a
buscarla casa al dicho Jorge de Gaybor
un muchacho suyo llevava para Sant
Francisco
de aquella villa un crucifixo ascondido y fue descubierto lo qual se
tubo por indicio contra el dicho Jorge de Gaybor consta ansimismo que
el dicho Jorge de Gaybor fue por aquel tiempo había quarenta años a
presentarse en la Inquisición de Valladolid y
que se bolvio sin presentarse a su casa a do murio de ay a pocos días
ay contra el dho Jorge de Gaybor
y sus descendientes fama publica en que son cristianos nuevos y que
su padre fue el tronco dellos se bautizo en Monforte
siendo hombre de hedad cumplida”. Hai
outra versión, só que en vez de o crucifixo seren azoutado na casa
do acusado, foi na sinagoga. (A historia recollinna de José María
Dominguez Moreno, na Revista de Folklore, 2018, quen a recolle de
Felipe Aira Pardo no seu “Judíos y conversos en Monforte de Lemos,
2017).
Convento de Santa Clara (Monforte):
Franciscanas descalzas. Fundado no ano 1622 por Catalina de la Cerda,
muller do VII conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro. Cando a morte
deste, no ano 1633, a fundadora ingresou no convento. En
setembro de 1789 execútase o preito litigado polos testamenteiros de
Catalina de la Cerda co convento de San Xacinto e co convento das
Clarisas sobre cumprimento da súa fundación. A igrexa, rematada
a finais do século XIX, é de tipo ecléctico. O Museo de Arte Sacra é un
dos máis completos na súa categoría, con reliquias do século XVII, dúas
imaxes do escultor Gregorio Fernández, entre elas un Cristo xacente de principios dos anos trinta do século XVII, e outra de Xoán de Mena,
reliquias, orfebrería, etc.
Mosteiro de San Pedro de Valverde: Bieitos. Do ano 1078 é un documento que di: "Exemenus monasterio Vallis Viridi abbas",
confirmando un documento de Samos. No
1115, Munio Romáriz, ou Romániz, e a súa muller María Petriz, ou Pérez, concedían ao mosteiro de
San Pedro de Valverde varias propiedades, entre elas a igrexa de San Pedro de
Canaval ("Damus
ipsa eclesia Sancto Petro de Kannabales..."), ignorándose cando deixou de pertencer a estes monxes para acabar en mans templarias (Canaval foi Bailía do Temple). A principios do século XII estaba en
poder da raíña dona Urraca que o cedeu a Munio Romániz; á súa vez este
cabaleiro, coa súa muller María Pérez, entregoullo a Cluny no 1125.
Valverde foi un pequeno cenobio que non superaría nunca os tres ou catro
monxes e o prior. Cando o visitaron os freires de Cluny
no 1139 estaba deshabitado, regresando a vida monacal no ano 1342. A
finais do século XIV só residía nel o prior, xunto o que se atopaban no
1392 dous cregos segrares. O 13 de outubro de 1486 o mosteiro preitea contra Diego de Lemos que ocupara seus bens e vasalos. O papa Alexandre VI (1431-1503) agregou as súas rendas ao Hospital de Santa María do Cebreiro. No 1460, cando o visitaron de novo os
delegados de Cluny o prior estaba asistido por un crego, e dos edificios
só a igrexa se atopaba nun estado digno. O prior, Xoán de Monforte,
púxose a disposición dos reformadores, se ben isto durou pouco xa que no
1504 titúlase prior do moesteyro de Sant Pedro de Valverde con
abtoridad do sennor don Fernando de Castelo, abbade del monesterio de
Sant Viçenço de Monforte et administrador del dicho monesterio de
Valverde. Intención que de pouco lle valeu porque Valverde foi
anexionado a San Vicente do Pino. Do antigo cenobio consérvanse algúns
restos no edificio anexo ao templo. Da igrexa quedan restos románicos na
portada do muro norte e a nave. A ábsida e a sancristía son
posteriores, así como a espadana de tres ocos. No muro sur, sobre un
lintel, hai unha inscrición que fai alusión á fundación do cenobioque di: "IN ERA ICª. Lª. XII.-XIII KL OCTV INCEPTA EST/HEC ECCLA EDIFICARIM MVNIO RO/MANII ET MARIA PETRIZ PRO RE/MEDIV ANIME EORVM IN S. PETRI APL. ONORE, ("Na
Era de 1162, día 13 ante calendas de outubro (19 de setembro de 1124), comezouse a edificación desta igrexa por Munio Romaniz e María
Petriz, polo remedio das súas almas en honra do Apóstolo San Pedro"). A
portada do templo foi restaurada no ano 2014, desaparecendo as pinturas
en cor vermella e azul que presentaban as cinco arquivoltas (dise que custeadas por un emigrante da aldea que estaba en Venezuela, pero o que debeu acontecer é que se pintou sobre outras anteriores). Eiquí atópase a coñecida como Casa do Priorado,
un efificio do século XVIII de planta irregular e dous andares; nunha
ventá xunto a porta de entrada figura a data de construción: 1794.
Nosa Señora da Antigua: Coñecido coma Os Escolapios. Xesuítas. Mandado construír polo cardenal Rodrigo de Castro, da poderosa familia dos Lemos; rematouse no ano 1619. Foi o cardenal, xunto con outras obras do Greco, quen trouxo A Adoración dos Magos, do pintor flamenco Van der Goes, pintado probablemente arredor de mediados do século XV. No
mes de marzo de 2023 presentouse o catálogo dunha exposición na
Gemäldegalerie de Berlín das obras do pintor Hugo van der Goes
(1440-1482). Traer isto eiquí vén a conto porque na portada figura
“A Adoración” que ata o ano 1913 estivo en Nosa Señora da
Antiga (trátase do panel central dun tríptico). Aínda que o
cardenal Rodrigo de Castro (1523-1600), fundador do colexio, deixou
establecido que do seu legado nada se podía vender, os escolapios,
ignorando as múltiples protestas, decidiron vendelo ao Museo de
Berlín por 1.800.000 pesetas (con anterioridade, outros persoeiros
trataron de facerse con el). Unha noite do mes de outubro de 1913 (a
compra realizouse no 1910, pero as complicacións diplomáticas
adiaron o traslado), transportado sobre un carro tirado por bois e
custodiado pola garda civil, leváronno para a estación de Canaval
(Sober), e dalí para Vigo onde o embarcaron cara Alemania, onde
continúa. Na historia da colección berlinesa da compra de bens
culturais, “A Adoración” continúa a ser a adquisición máis
cara de todos os tempos (1.000.000 de marcos da época). Daquelas, os
freires dos Escolapios chamábanno “Altar de Monforte” e críase
que era obra de Rubens. Na igrexa de Nosa Señora da Antiga hai unha
réplica.
Priorado de San Salvador de Moreda: A
orde hospitalaria e militar de San Xoán de Xerusalén ten a orixe a
finais do século XI, durante as Cruzadas, cando uns mercaderes de
Nápoles fundaron un hospital de peregrinos xunto a igrexa do Santo
Sepulcro, daí tamén o nome de Hospitalarios. A mediados do século
XIX pode considerarse disolta. Na Terra de Lemos debeu ter unha
notable presenza, veciña das importantes encomendas medievais de
Quiroga, Portomarín e O Incio. Nunha doazón do ano 1181 cítase un
Incomendator de Lemos. Nese ano sitúase un hospital na ourela
do río Cabe, na parroquia de Ribas Altas. En Moreda cítase un
Espytal no 1203. En 1214, Afonso IX confirmaba dende Lemos
todas as propiedade da Orde. Na Idade Moderna, en Monforte,
comprendía as igrexas de San Salvador de Moreda e Santa María de
Baamorto, xunto multitude de bens, que contrasta coa escasa
información durante a Idade Media. (Bouzón Custodio, 2019). San
Salvador de Moreda cítase como Moreta en 879, 942, 946 e 1098
(Ares Vázquez, 1994), e Sancti Salvatoris no
1257. No ano 1239, o abade de Monforte exercía xurisdición, entre
outras, sobre as igrexas de San Romao de Moreda, en Pantón, e San
Salvador de Moreda, en Monforte de Lemos (Boo Pita, 1947). San Romao,
parroquia lindeira con San Salvador, tamén foi priorado/granxa
dependente do mosteiro bieito de Samos (Arias Cuenllas, 1992); cítase
a ecclesiam sancti Romani de Moreda en 1175 (Tumbo de Samos),
e xa como Moreda en 1192 (no ano 2019, a asociación Segredos de
Pantón realizou unha reconstrución dixital en tres dimensións de
como serían as antigas dependenzas). Se as mencións ao priorado de
San Salvador de Moreda son escasas na Idade Media, son algo máis
abundantes en época moderna. No Archivo Histórico Nacional
consérvanse varios documentos que achegan os nomes de varios priores
da orde de San Xoán de Xerusalén (o prior era o encargado de
administrar os bens da Encomenda en cada freguesía). No ano 1707
ingresa como relixioso na orde Ángel Rodríguez Arias, veciño e
prior de Moreda. No 1743 faino Pedro Vázquez de Camba, veciño e
prior da freguesía. No 1769 ingresa como relixioso Gabriel Vázquez
Balboa, natural de Esteriz (Vigo), “capellán de obediencia
presentado al priorato de San Salvador de Moreda”. Todos
dependen da Encomenda de Quiroga. No ano 1803 ingresa Francisco Leira
“vecino y Prior novicio de San Salvador de Moreda”. E no
1824 faino como relixioso Carlos Piñeiro, natural da parroquia de
San Xoán do Alto (Lugo), “cura propio, novicio de San Salvador
de Moreda”. Os dous últimos xa non figuran como dependentes da
Encomenda de Quiroga, senón da do Incio. No ano 1738, Diego de
Hiedra, vigario xeral da Encomenda de Quiroga, visita o priorado de
San Salvador (Bouzón Custodio, 2019). Fr. Martín Sarmiento cita o
priorado na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. Tamén se fai mención
nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada de mediados do século
XVIII no pago de décimos “cuios diezmos pertenecen enteramente
a la Encomienda de Quiroga, religión de San Juan”, mentres que
os dereitos de vasalaxe ían á Casa de Lemos. O décimo era un
tributo que pagaban os veciños ao rei, nobres e eclesiásticos
consistente na décima parte dos seus froitos e ganancias; ao
campesiño, ao final, quedáballe unha mínima parte. A igrexa
parroquial atópase no Regueiro, ao pé do castro de Moreda ou da
Ciudá, e a carón do Camiño de Inverno a Santiago. A pouco máis de
300 metros do templo aínda se conserva o topónimo Granxa (no
Catastro, parcelas 85, 87 e 88). Todos os mosteiros de Galicia
importantes (neste caso Encomenda) tiñan as súas granxas (e
priorados) que se ocupaban en subministrar os produtos agro-gandeiros
aos cenobios (Cabeza Quiles, 1992). O templo parroquial, románico,
foi moi modificado a finais do século XIX, só conserva parte da
fábrica antiga nun lateral con marcas de canteiro e algunhas pezas
reutilizadas. Na fachada principal, debaixo da espadana, hai unha
inscrición que sinala o ano da reconstrución e o nome de Benigno
Pardo Salgado, natural de Melide, que exerceu como párroco dende o
18 de setembro de 1893 ata o seu falecemento o día 23 de febreiro de
1925. Segundo achega o investigador Xosé Troiano Carril, a campá
maior foi fundida no obradoiro de Antonio Lemos, de Monforte, a
finais do século XIX. Ao redor da igrexa, ademais dun cruceiro,
vense varias tampas de sepulturas, algunha con escudos e inscricións
moi desgastadas. Na fachada principal hai dúas que fan de bancos. Na
parte inferior dunha delas vese unha inscrición (hai que facer
verdadeiras filigranas para sacarlle unha foto) que polo de agora
descoñezo o que di.
Igrexa de "Petrouzos de Lemos": Orde de Santiago. Citada así nun documento do ano 1181. Segundo Almudena Bouzón Custodio (2019), pode corresponderse coa actual de San Salvador de Reigada xa que nesta parroquia consérvase o nome Pedrouzos, di que concretamente no lugar de Rioseco. Nós atopamos os microtopónimos Pedrouzo de Reigada, Pedrouzo de Mourelos e O Pedrouzo nas inmediacións da igrexa parroquial.
Fonte dos Frades
(Montecelo-Chavaga): Recibe este nome unha fonte de pedra que hai nunha
fraga. Está delimitada por uns muros de cachotería que protexen o
manancial e unha cuberta de lousa.
A Casa do Priorado
(As Devesas-Baamorto): No
Archivo Histórico Nacional consérvase un documento do
18 de xullo de 1489 en
que o
mosteiro de San Martiño da Cova, no Saviñao, ante o escribán
Fernando Rodríguez de Medos, afora a Álvaro Núñez de Marrube e ao
seu sobriño Pedro Concho unha casona na aldea de Pol, na parroquia
de Santa María de Baamorto, en Monforte de Lemos (volvemos
ter noticias deste
Pedro Concho no ano 1501,
no aforamento dunhas herdades en Marrube, no Saviñao). En
Pol está a Casa Grande de Pol que conserva un escudo; dise que o
edificio é do século XVIII, pero este
documento do século XV é probable que se refira á mesma casa. De
Pol tamén é un broche de bronce chapado en ouro con cabuchóns de
pasta vítrea datado nos
séculos
V-VI d.C. que se conserva no Museo Provincial de Lugo; para Núñez Rodríguez (1976) este tipo de pezas puideron facerse en talleres xermánicos pero con certas influencias lombardas; Schlunk e Hauschild (1978) tamén o consideran importado, sen desbotar a filiación sueva. A
pouco máis dun quilómetro de Pol atópase a igrexa parroquial de
orixe románica de Santa María (con interesantísimas pinturas
murais de mediados do século XVI, obra dun pintor coñecido como
Mestre de Nogueira), e a Casa do Priorado que dependía da Encomenda
de Quiroga, da Orde de San Xoán de Xerusalén ou Orde de Malta,
posesión xa
documentada
no ano 1275. Esta
Casa do Priorado, que logo actuou como reitoral, conserva na fachada
tres escudos da Orde. Segundo achega o etimólogo Nicandro Ares
Vázquez (Lucensia, 1994), cítase
Baamorto no 572, como límite do Comitatus Paramiensis; Bove Morto no
941, Boimorto no 961; Baymortuo entre 1020 e 1061; Vaimorto no
1178; Vado Mortuo no
1195; Vado Morto no
1243; Vaamorto no
1376; Vaomorto no
1404 e Vaamorto no
1408. Xa
ben entrada a Idade Moderna, o dominio sanxoanista comprendía no
concello de Monforte as igrexas de Baamorto e Moreda.
NEGUEIRA DE MUÑIZ
Igrexa de San Salvador de Negueira:
Construída a finais do século XV ou principios do XVI coa intención,
dise, de que fose un mosteiro se ben non se coñece documentación ao
respecto.
OUTEIRO DE REI
Mosteiro de Santa Euxenia de Gaioso: Citado polo P. Yepes na súa Crónica General de la Orden de San Benito
(1613). Nicandro Ares Vázquez, de quen recollo a información, di que
pouco máis achega o beneditino, que nin sequera indica onde se atopaba e
que se atopa entre os suxeitos a Sobrado. Nada achega a
bibliografía, mesmo nas guías eclesiásticas de Lugo só se fai alusión ás
parroquias de Santiago e Santo Tomé de Gaioso, mais descoñécese a de
Santa Euxenia. Mais don Nicandro, que presentiu a súa existencia, atopou
a referencia á freguesía e couto de Santa Euxenia de Gaioso no Catastro
de Ensenada do 1752, que tamén aparece citada como Santa Euxenia de
Senande (aldea hoxe en día pertencente a Donalbai, en Begonte) e que
aínda é coñecido como lugar da Eirexe de Senande, onde non existen
restos de igrexa algunha, mais non lonxe de onde posiblemente se
erguería o desaparecido cenobio. Nunha visita que fixo ao lugar atopou un
sartego antropoide cun debuxo xeométrico na súa cabeceira que facía de
pía para beber o gando. O dono levouno logo ao sitio denominado do Adrio
onde apareceran ladrillos, tellas e pezas labradas, unha cun debuxo que
semellaba un escudo que se empregaron na cimentación dunha obra. O
documento citado polo P. Yepes data do ano 1019 e custódiase no Arquivo
Histórico Nacional entre os pergameos do mosteiro de Sobrado dos Monxes.
Mosteiro en San Xoán de Parada: Cítase a "villa Parata cum eclesia Sancti Joannis" no ano 747, e "Eclesia Sancti Joannis de Parata" no 841. En Estudos de toponimia galega II,
editado pola Real Academia Galega no ano 2013, don Nicandro Ares
Vázquez sitúa en Parada o mosteiro de San Xoán de Friolfe, en vez de no
concello do Páramo (ver concello do Páramo). De
moito interese é un sartego antropoide dobre que localizamos en Gondai (comunicámolo a Patrimonio para a súa catalogación o 19 de novembro de 2021),
nas inmediacións da igrexa parroquial de San Xoán de Parada. Dos preto
de 200 sepulcros antropomorfos que se conservan na provincia de Lugo, só
unha media ducia presentan a característica de acoller dous corpos. Por
iso, a pesares da súa rareza, sorprendeunos que estea sen catalogar.
Escavado na rocha viva (que hai que direfenciar dos sartegos exentos ou
libres realizados en bloques de pedra previamente cortados), procurouse
un espazo que se axustaba ao tamaño dos cadáveres. A parte escavada mide
1,80 metros de longo, 0,85 metros de ancho na parte dos ombreiros, e
0,66 metros de ancho na parte destinada aos pés; os ocos que acollían as
cabezas teñen unhas medidas de 25 por 22 centímetros. Polo interior ten
unha altura de 25 centímetros, e polo exterior 30 centímetros. A tampa
sepulcral ou lauda que o cubría desapareceu. O día 11 de outubro de 2022, comunicáronnos que o sartego foi catalogado co código GA2703912.
PALAS DE REI
Igrexa de Ferreira de Negral: A
igrexa de orixe románica (desta
época só se conservan os muros laterais),
posta baixo o padroado de San Martiño, atópase no lugar de O
Mosteiro. O templo cítase nos anos 1138, 1236, 1248 e 1251 como
Sancti Martini de Ferraria.
Segundo Vázquez
Saco pertenceu a un mosteiro, e
Nicandro Ares di
que eiquí houbo unha granxa ou priorado
dependente do mosteiro de Carracedo do Bierzo. Se
houbo un mosteiro ou priorado, non quedan restos. Segundo a tradición
e a lenda, o cenobio habitáronno os templarios onde tiñan agochado
un fabuloso tesouro (no fuste do cruceiro que se levanta nas
inmediacións gravaron unha cruz patada;
cerca hai tamén unha cruz).
A igrexa ten planta rectangular, o mesmo ca
ábsida do século XVIII pero máis baixa. O
campanario é de cemento. Nun
lateral destaca unha portada decorada con
diversos motivos e unha inscrición onde se le:
“ANNVS
AB CARNATIONE DNI Mº Cº LXXVII/I ERA M CCX”.
Mosteiro de Augas Santas: Citado nunha doazón que fixo Afonso III á igrexa de Lugo no ano 897: "In terra de Uliola monasterim S. Gregoriis,
quod fundavit Breter abbas una cum Hecca et Sonica, qui fuerat de
familia de villa de Goldremir et nostra, quam ei contulerunt priores
nostri reges, et nobis relinquerunt cum ecclesiis, villis et familiis". Nun documento do ano 1138 menciónase "In Uliola... monasterio Sancti Gregorii de Aquas Sanctas". No ano 1266 xa se fala da "igreja que he de Sanjurjo de Aguas Sanctas". En 1402 menciónase "Augas Santas, San Jurjo, coto", e no 1425 "couto de San Jurio d´Agoas Santas". A igrexa actual de San Xurxo de Augas Santas, de planta rectangular, está situada a carón do Camiño Francés a Santiago; no interior conserva un retábulo do século XVII-XVIII.
Mosteiro de Devesa: O nome quizais lle veña dun primitivo cenobio citado no ano 1291 como "eclesia de Santiago de Moesteyro de Deuesa", e nun do ano 1296 como "eclesia Sancti Jacobi de Moesteiro".
Mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas: Séculos XII-XV. Novo Cazón (1986) di que como Vilar de Donas rexístrase no ano 1194, no 1239 como Villaris Domnarum, Villar de Donas no 1251, e de novo Vilar de Donas no 1267. As "donas" ás que fai referencia parece que foron unhas
mulleres dos Arias de Monterroso, familia á que pertencía o Deán Xoán
Arias que doou o mosteiro á Orde de Santiago. O apelativo tamén pode
facer alusión a que, nun principio, puido ser un cenobio feminino. No ano 1226, o rei Afonso IX concede aos santiaguistas a exención de todo tributo que estes posuían en Palas de Rei, privilexio confirmado por Fernando II no 1232. O
templo é de planta de cruz latina, con nave principal e cruceiro
rectangular e tres ábsidas, a central máis alta, cun arco de medio punto
rebaixado cunha parte cuberta por unha bóveda de canón e outra
semicircular con bóveda de cuarto de laranxa. O frontispicio está
enmarcado por dúas piastras laterais e cornixa coroada por tres pequenas
figuras. Na fachada occidental consérvase parte do pórtico e do
claustro exterior. No interior da igrexa poden verse varios sartegos
pertencentes a cabaleiros da Orde de Santiago e os frescos góticos que
cubren a ábsida central con esceas do Antigo e do Novo Testamento
realizados no ano 1434. O día 1 de
agosto de 2011, o xornal El Progreso de Lugo achega unha
reportaxe, cunha curiosa hipótese, sobre o conxunto monacal. O seu protagonista, don Jesús
García, veciño da zona e dovoto do mosteiro dende cativo, di que "eiquí ninguén fai nada e o estado da igrexa é penoso..., os restos do claustro
están apontoados dende hai máis de sete anos..., os frescos da cúpula
foron desaparecendo ano tras ano...". Ao longo dos anos, don Jesús foi
recompilando a historia de Vilar de Donas, "a verdadeira, porque as
pedras non menten". Así chegou á conclusión de que a igrexa foi
construída polos sanxoanistas irlandeses por riba dun asentamento "celta",
xa que logo é do século XI e non do XIII como afirman algúns estudos.
Para chegar a esta tese, baséase en que na parte frontal están
esculpidos varios símbolos "celtas", como os cornos dun macho cabrío e
acios de uvas, e nas columnas hai unha auténtica icona "celta" gravada. Na
zona da cabeceira aparece representado varias veces o trevo de tres
follas, tan característico dos irlandeses, que reflicte a Santa
Trinidade en honra de San Patricio. Non hai moito acometéronse obras de rehabilitación, gabadas polo Colexio Oficial de Arquitectos
de Galicia.Mosteiro de Santa María de Carteire:
Nunha escritura do ano 956 do conde Osorio Vistruariz e da súa muller
Tiuli Pepiz (ou Pérez) faise mención aos mosteiros de Santa María de Carteire e
de San Fiz do Hermo. Os donantes, oprimidos polo peso dos seus pecados e
aterrorizada a súa conciencia polos crimes que cometeran, desexan
reconcilarse con Deus, ofrecendo os bens que posuían naquela comarca.
No documento especifícase que os bens, ademais de para os monxes, tamén son para os peregrinorum. No ano 1244 a igrexa de Carterio pertence á bailía templaria de San Fiz do Ermo (Guntín de Pallares). Deste mosteiro non se coñecen restos.
Convento da Purificación:
Dominicos. Fundado a mediados do século XVII. Foi matriz do da mesma
orde situado en Monforte (San Domingos da Régoa). O derradeiro vigario,
co título de Prior, foi Fr. Xusto de Oviedo que se fixo cargo do de
Monforte. O P. Risco di que os
principios deste convento débense ao cura e licenciado Alonso Ares quen
cedeu a súa casa solariega, chamada dos Ferreira, para que se fundase un
convento de Predicadores con doce relixiosos, cuxo título fose de
Purificación da Sagrada Virxe María. Esta cesión fíxose no 1569 e no
mesmo ano presentouse ao Capítulo Provincial celebrado en San Paulo de
Valladolid. As dependenzas pasaron logo a unha familia de labregos.
Mosteiro do Diviño Salvador (Ferreira de Pantón): Monxas cistercienses, séculos X-XII. Posible orixe altomedieval. Denominado en escrituras antigas como Conventus dominarum de Ferraria.
No 1090, o frade Ermorigo dóalle á igrexa de Santa María de Ferreira "que este de monasterio Cellenove" unha tercia dunha herdade "que est in Lemabus". A primeira noticia documental do cenobio data
do ano 1108, nunha doazón na que están presentes varias abadesas da
bisbarra, entre elas a de Ferreira, dona Ximena. Nos primeiros tempos
foi un mosteiro dúplice.
Logo dunha fase de decadencia, no que estaría desocupado, a condesa
Fronilda (ou Fronille) Fernández de Lemos restaura a vida monacal no ano
1175 integrándoo na orde do Císter baixo a dependencia de Santa María
de Meira. A filla de Fronilda, Guiomar, herdou o título de señora do
cenobio e en 1196 renovou as disposicións feitas pola súa nai, feito que
amosa o poder que tiveron os padroeiros laicos nalgúns mosteiros,
confirmando ademais que o goberno do cenobio se herdaba de nais a fillas.
No 1491 o mosteiro foi visitado polo abade de Claraval. No ano 1600 é
incorporado á Congregación de Castela. Ao conxunto mosteiral, pechado
por unha alta muralla, accédese a través dun gran portalón. O mosteiro
consta de dúas plantas con muros de cadeirado granítico. No ángulo
dereito álzase un torreón de planta cadrada de dous pisos máis. O único
claustro está formado por arcos de medio punto sobre capiteis xónicos e
bases toscanas que sosteñen unha cornixa saínte sobre a que debía
descansar un segundo claustro que non chegou a construírse. Formando
parte do edificio está a hospedaría con galería e columnata a xeito de
pazo. No lado oposto atópase a "Casa das Donas", edificio utilizado
polas damas da nobreza que tomaban os hábitos. A igrexa data da segunda
metade do século XII, ten nave rectangular e ábsida con forma
semicircular precedida dun tramo recto cuberto con bóveda de canón que
acolle os sartegos de Diego e Lope de Lemos; outro tramo curvo, con
bóveda de cuarto de esfera, ten tres ventás enmarcadas por arcos de
medio punto.
Mosteiro de Santo Estevo de Atán:
En documentos entre os anos 747 e 1241 menciónase o monasterium e a ecclesia Sancti Stephani vallis Attane, in territorio Lemabus ou in territorio Licinio. Segundo a redacción do testamento grande de Odoario do 15 de maio do
747, di que edificou o mosteiro dende os cimentos, telo poboado coa súa
familia e dotado con outras igrexas fundadadas por el mesmo e polos seus
familiares. Nun inventario do 871 cítase a un tal Ageredo, familiar do bispo Odoario, como poboador do Val de Atán. O P. Risco publica un diploma real en que Afonso II doa á igrexa de Lugo varias posesións deste mosteiro. O Coelicolae,
atribuído a Afonso III, enumera varias posesións da Catedral lucense
onde figura Santo Estevo de Atán. López Ferreiro fala dun documento que
chama Carta de Fundación del Monasterio de San Esteban de Atán,
ayuntamiento de Pantón, partido judicial de Monforte, provincia de Lugo,
que é unha doazón do arcediago Damundo ao mosteiro, sinalando os
términos do seu couto e que recibira dos reis Aurelio e Afonso. O 13 de
decembro de 1164, Fernando II couta en favor da catedral de Lugo e do
seu bispo Xoán o mosteiro de Atán cos seus términos. No 1185, o papa
Lucio III confirma varias bulas anteriores entre as que enumera a "ecclesiam scti. Stephai de Atam cum cauto et voce Regali". No 1189, Afonso IX confirma varios diplomas de Fernando II, reiterando as concesións entre as que enumera na Terra de Lemos "Enuoadi, cum cauto suo de Atan". Nun documento do ano 1372 figura o "arçidiago don Domando, primeyro fondador que foy del dito couto d´Atan".
Consérvase a igrexa construída entre os séculos XII e XIII, con
reformas posteriores. Consta dunha nave rectangular con muros de
cantaría. A fachada ten tres pares de columnas adosadas, con capiteis
decorados, un arco apuntado enmarcado por tres arquivoltas e tímpano
liso cunha inscrición. A cornixa está decorada con canzorros e nos muros
vense distintos signos. A ábsida, con interesantes pinturas, é
rectangular. Entre os canzorros chama a atención un que ata non hai
moito críase que representaba a un home bebendo viño dunha cuba,
coñecido como "O bebedor de Atán" (tampouco faltan interpretacións de
tipo sexual), cando ao parecer representa a un músico tocando un
instrumento de vento utilizado durante a Idade Media, representación bastante abundante no románico galego. A torre caeu no século XX e nela reutilizáronse varios elementos prerrománicos. Segundo o
historiador Anselmo López Carreira, a mención histórica máis antiga que
se coñece da Ribeira Sacra non está relacionada con Amandi, senón con
Pantón, tal como figura no documento fundacional do mosteiro de Atán,
datado no ano 816, onde se di que o cenobio contaba con viñas e
maciñeiras. Nos anos 747, 841, 897, 1164, 1178, 1179, 1185 e 1241
menciónase a "ecclesia Sancti Stephani vallis Attane, in territorio lemabus ou in territorio Licinio".
Mosteiro de San Miguel de Eiré:
Monxas bietas, século XII. No ano 962, Seniberta fai unha doazón "vobis fratis e sororibus qui vita sancta duxerint in locum Sancti Michaelis". A fundación do mosteiro
atribúese a Escladia Ordóñez. No 1108 en que era "abbatisa in Agiree Eldonça". Foi dotado por Afonso VII no ano 1129. En setembro de 1266 documéntase unha permuta entre o mosteiro de Oseira e a monxa de Eiré chamada Sancha García. En 1422 era abadesa Xoana Díaz; en setembro de 1447 Leonor González; en maior de 1473 Catalina Alfonso; en setembro de 1483 Inés Fernández. A
mediados do século XV as monxas pasan a San Paio de Antealtares, en
Santiago, e o cenobio queda abandonado. A igrexa é típica do románico
galego, da segunda metade do s. XII, construída sobre os restos dunha
visigótica tal como o testemuñan os restos dunha ventá xeminada con
arcos de ferradura. Construída en pedra de cantaría, ten unha planta
simple dunha soa nave con ábsida semicircular precedida dun tramo recto.
Sobre unha bóveda que abrangue todo o ancho do templo álzase unha torre
de dous corpos con ventás xeminadas e simples. A portada da nave ten
dúas arquivoltas, a exterior con rosetas e o Agnus Dei no centro,
e a interior estriada e decorada con bólas. No interior ten capiteis
decorados, pinturas dos séculos XV e XVI e varias esculturas.
Mosteiro de San Vicente de Pombeiro: Situado ao pé da Pena Pombeira de onde tomou o nome, sobre o río Sil. Non se pode precisar a época da fundación nin dos fundadores. Segundo un informe manuscrito do século XVIII, conservado no arquivo de Samos, o documento máis antigo remóntase ao ano 935, pero xa se supón fundado. Trátase dunha doazón ao abade Sabarico que fan os condes Suario Gutiérrez e a súa muller Guntroda para que os monxes se fagan cargo dos custos do alumado da igrexa, para alimento e vestimenta dos relixiosos e para socorrer aos pobres e peregrinos. Do ano 964 é un diploma da raíña Gotona, muller que fora do rei de Galicia Sancho Ordóñez, en que doa ao mosteiro e ao seu abade Asterigo o couto onde se fundara o cenobio. O territorio acoutado comprendía os términos de Retortoiro, Monte da Moura, Os Peares, Casdemoure, río Miño, Papelle e a vertente de Vilamirón e Piuca. A doazón faise para recibir hóspedes e peregrinos e para o sustento e vestimenta dos monxes. No ano 997, o rei Vermudo II recolle nun diploma a doazón de Sancho Ordóñez e Gotona, e a confirma. Esta confirmación diríxese
ao abade Ariano. No século seguinte, Pombeiro convertiríase en
Priorado, suxeito á a badía de Cluny. Non consta a data da anexión, pero
cando o monxe cluniacense Dalmacio, polo ano 1094, visitaba os
mosteiros galegos suxeitos ao francés, xa entre aqueles figuraba o de Pombeiro. No ano 1129, Afonso VII chámao mosteiro cluniacense ao facerlle unha doazón. A última mención de Pombeiro faise no ano 1460, onde, despois de describir o rito de recepción dos visitantes, engádese: "La iglesia está bastante abastecida de ornamentos y libros litúrgicos; su fábrica en buen estado y bien cubierta; el claustro, por el contrario, mal cubierto; no hay refectorio ni dormitorio común, el resto de las cosas del priorato, en buena disposición". Daquela, a
comunidade estaba formada por catro monxes.
Son numerosas as grafías con que se nomea o mosteiro: Calumbarium, Palumbario, Polumbariis, Polumbario, Polumberiis e Polumberio. Palumbario é o máis frecuente, aparece no diploma de Vermudo II no 997, no testamento de Urraca Fernández, filla do conde de Traba, e tamén no 1209 e 1214. O 15 de febreiro de 1462, Pío II ordena ao abade de Santa María de Ferrreira e ao prior de San Vicente de Pombeiro que interveñan na restitución dos bens expoliados ao mosteiro do Salvador de Asma. Mais adiante, coa reforma dos Reis Católicos, este mosteiro sepárase do de Cluny, incorporándose á congregación de Valladolid ata que no 1526, por bula de Clemente VII, é anexionado ao de Santo Estevo de Ribas de Sil. A igrexa, construída entre os séculos XII e XIII, formou parte do mosteiro do que só se conservan algúns restos. O número de monxes e cregos que habitaron o mosteiro ao longo dos séculos nunca pasou de doce. O templo é de planta basilical, con tres naves e tres ábsidas
semicirculares. A entrada principal, entre dous contrafortes, ten dous
pares de columnas que sosteñen, por riba dun tímpano liso, arquivoltas
apuntadas. Na parte superior ten seis arcos decorados con cabezas
humanas e formas xeométricas a xeito de tornachoivas. A porta norte é
semellante á principal, e a sur sitúase baixo un rosetón decorado. Na
fachada oeste érguese unha torre de sección semicircular. No interior
consérvanse retábulos renacentistas e barrocos e pinturas murais do
século XV. A vista sobre o río Sil é magnífica.
Sartegos do Preguntoiro. Orixes do mosteiro de Pombeiro: Non moi lonxe da igrexa de Pombeiro hai dous sartegos completos escavados na rocha e outro sen rematar. Existe unha pequena escavación que debeu servir para a sepultura dun neno. Estaban debaixo dunha capela posta baixo a advocación de San Xoán Degolado. Nos documentos parroquiais cítase o cemiterio vello. Nunha rocha próxima hai gravada unha inscrición onde se le: "ORA FRATER ASTER (ou ASTERIG) ALFAPE". Nos traballos realizados nesta zona nos meses de setembro e outubro de 2021, baixo a dirección de Xurxo Ayán Vila, saíron á luz tramos de muros, pezas escultóricas, cruces gravadas na rocha, sequeiros e algún pendello. Segundo a tradición, as orixes do cenobio de Pombeiro estivo nunha capela prerrománica ou medieval posta baixo o padroado de San Xoán Degolado.
Mosteiro de San Fiz de Cangas:
Foi mosteiro de monxas bieitas. No primeiro cuarto do século XVI é
anexionado a San Paio de Antealtares, en Santiago. En documentos de
1199 (testamento de Urraca Fernández), 1206, 1289 e 1369 figura citado como "Sancto Felice de Cangas". Nun documento de confirmación a favor do mosteiro de San Salvador de Ferreira de Pantón do 26 de xaneiro de 1108 era abadesa "domina Visclavara in Sancti Felicis".
A condesa Ximena Sánchez doaba no 1116 aos monxes e monxas que vivían
no mosteiro de Ferreira todo o que herdara dos seus pais en terras de
Lemos, Sarria e Asma, asinando a escritura Xemena, abadesa de Ferreira,
Aldonza, abadesa de Eiré, e Elvira, abadesa de Cangas. Segundo o Breve do papa Alexandre VI, de marao de 1494, á morte da súa abadesa Inés López, pasou a depender de San Paio de Antealtares. O 2 de decembro de 1502, o mosteiro afora a Pedro Fernández de Bazal as casas e adegas situadas diante da igrexa do cenobio. Consérvase a igrexa do século XIII, construída sobre outra visigótica.
Está formada por unha nave rectangular. A fachada ten unha portada cun
arco apuntado e tímpano gravado con enigmáticos símbolos. No interior
poden verse retábulos con esculturas dos séculos XVIII e XIX. Unha das
ábsidas perdeuse ao remodelarse no século XVII como panteón de Rodrigo
López de Quiroga co arcosolio que mostra ao cabaleiro de xeonllos.
Salientan os canzorros das ábsidas que mostran unha figura fálica, un
can, esferas, un xato, un acio de uvas, un antropomorfo e un cuadrúpede.
Convento de San Domingos
(Pantón): Segunda metade do século XVI. Dominicanos. Situado xunto a
parroquial de San Martiño. Acolle unha adega con bóveda de canón de
maior tamaño da Ribeira Sacra. Segundo a España Sagrada, a construción custeouna o cura Alonso Ares quen no ano 1659 cedeu a súa casa solariega para poder erixilo.
Priorado de San Román de Moreda:
Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745.
Tratábase dun priorado ou granxa dependente do mosteiro de Samos. Nun documento
do ano 1175 cítase "in terra de Lemus ecclesiam sancti Romani de Moreda". No 1132, Alonso Yánez fai unha concordia co abade de Samos sobre o priorado de San Román; o bispo de Lugo uniulle un beneficio curado a causa da probreza do cenobio, "por la insolencia de los vecinos de la villa". Dende o
ano 1832 exerceu como prior e cura o P. Sebastián Rueda. No Arquivo Histórico Nacional consérvanse varios documentos datados entre os anos 1751 e 1830 cos dereitos que tiña de renda o priorado (centeo, trigo, viño, galiñas e outros dereitos). Na actualidade consérvase un portón de acceso a unha finca con piastras e pináculos. Por riba da porta hai unha fornela con forma de cuncha de vieira en cuxos laterais vese unha lenda de difícil lectura.
Portabade: É un lugar da parroquia de Ribeiras de Miño. Cítase como "locum ad Portum Abbatis" no ano 842; e no 941, no Tombo de Celanova, lese: "in ripa Minei villam quam inquiunt Abbati". Por documento do 26 de xaneiro de 1480 ante o notario Arias de Neyra, o bispo de Lugo afóralles
a Gonzalo Canoto e outros o lugar de Portobade, por renda anual de catro moios de viño, vinte marabedís
por servicios e doce marabedís de luctuosa ("Conbiene a saber el nuestro lugar llamado de Portobade, que es sito sub el signo de Sant Andre de Riba de Mino."). Estariamos, pois, nun Porto do Abade.
PARADELA
Mosteiro de Santa María de Mosteirovello ou de Castro de Rei de Lemos
(Castro de Rei de Lemos): O topónimo fai alusión ao mosteiro que os
beneditinos levantaron no lugar no século X, vencellado ao de Carracedo
(O Bierzo). Situado ao principio no Agro de Abelleira, no século XII
trasládase á beira do río Loio, constituíndose
en abadía do Císter, doado por Afonso VII no 1144, xuntamente co couto
de Santa Marta de Ribas de Miño. No 1167, Fernando II concédelle o coto
xurisdicional sobre Castro de Rei, Buxán, Vilalpape e Seixón. No 1210
Afonso VIII eximiuno de "yantares" (tributo relacionado cos
alimentos). O mesmo rei condedeulle varias posesións, logo confirmadas
por Fernando III e Afonso X. No 1247 o papa Inocencio IV delegaba ao
deán de Astorga para xulgar o preito sobre a obediencia que
Mosteirovello, que era bieito, debía a Carracedo do Bierzo, sentenza que
foi favorable a este último, co dereito de nomeamento e cese do abade.
No ano 1400, o mosteiro afora a Rui Pérez un casal en Aldosende. En agosto de 1438, o mosteiro afora propiedades en Belmil (Santiso) e Buxeiros (Vedra) a Mendo Rodríguez. Sendo abade frei Xoán de Ayán, no ano 1473, refuxiado no mosteiro de
Monforte (di que "non se atreve a vivir no seu mosteiro por medo
corporal dos seus inimigos, que foi desterrado por xuíz apostólico, que
lle teñen tiranicamente usurpados os bens do mosteiro, que non pode
vivir nin manterse nel monxe ningún"), suscribe un foro "frei Pedro da Somoça, prior do mosteiro de San Facundo".
No 1474 converteuse en priorado cisterciense dependente do mosteiro de
Montederramo. No ano 1697
documéntase un foro outorgado por frei Sebastián Caballero, prior do
mosteiro. No
coñecido como Trienio Liberal (1820-1823), os monxes tiveron que
abandonar o cenobio. Coa Desamortización do ministro Mendizábal, foi
abandonado definitivamente. Da primitiva igrexa só
se conserva a ábsida románica e parte dos muros (séculos XII-XIII) que
se construiría sobre outra máis antiga tal como o revela o capitel
prerrománico que se conserva no interior. O resto do edificio é do
século XVIII. No interior pódense ver pinturas dos séculos XV e XVI.
Mosteiro de Santa María de Loio, Santa María de Ribalogio ou de Argentario (Cortes):
Do antigo mosteiro de orixe eremítica fundado no século VIII,
vencellado ao Camiño a Santiago, só se conserva a capela de orixe románica do
século X, construída sobre outra máis antiga. A capela foi
restaurada polo monxe Quintila no s. XI. No século seguinte acométense
importantes reformas. Consta dunha nave á que se accede por unha porta
con arco de ferradura. A espadana, dun oco, remata nun pináculo. No interior, retábulo do século XIII presidido por Santiago vestido de peregrino. Dise
que eiquí naceu a orde dos Cabaleiros Cambiadores (tamén coñecidos como
os Templarios galegos) que deu orixe aos Cabaleiros de Santiago, feito
que negan Adrián Arcaz Pozo (2002) e F. J. Pérez Rodríguez (2008). Tamén se di que foi casa nai da
Orde de Santiago da Espada, fundada no 1170 en Estremadura por Fernando II co nome de freyles de Cáceres,
sumando a ela os coengos regulares de Loio (dise que as desavinzas e corrupción desta orde de cabalería ocasionou que se dividiran en dous bandos; algúns membros foron enviados a Loio). Un dubidoso documento do
mosteiro de Celanova do día 23 de decembro do 927 di que se restaura a
vida monástica. Si se sabe que no 1102 a raíña dona Urraca fai doazóns á
igrexa da Lama dicindo que lle pertencía porque fora de dous mosteiros
seus: o de Santa María de Portomarín e o de Santa María de Loio. No 1175
encabeza como monasterium os bens e dereitos da orde de Santiago
na confirmación dun privilexio pontifício do papa Alejandro III, e noutras de anos
posteriores; serían os primeiros bens da orde en Galicia: "Lodium, et Monasterium cum cauto, et pertinentiis suis. Burgum de Ponteminii contra Lodium cum suis pertinentiis...". No 1230 aparece un comendador á súa fronte. No 1254 os
cabaleiros entregábanno á Igrexa de Santiago de Compostela, pasando a
formar parte da sé xacobea onde permanecerá o resto da Idade Media. Nunha
crónica da orde redactada no século XV cóntase o protagonismo que no
nacemento dela tivo Sant Loyo, casa agostiña que se ten
identificado con Santa María de Loio cando, en realidade, ese priorado
situaríase na cidade de León, tratándose do de San Clodio. En Loio houbo hospital e hospedaxe para peregrinos.
Mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño: Conxectúrase que foi fundado no ano 1120 para acoller aos peregrinos a Santiago de Compostela. Amor Meilán, na súa Geografía de la provincia de Lugo,
di que eran as ruínas dunha igrexa de templarios. O P. Yepes alude a un
mosteiro de San Facundo e San Primitivo dependente do de Samos. Nun
documento do mosteiro de Ferreira de Pallares do ano 1233 recolle que
tiña bens "in monasterio sancti facundi de ripa minei". Di Ares
Vázquez que a historia deste cenobio non se comprende sen a súa estreita
vinculación ao de Santa María de Castro de Rei de Lemos, o cal foi
doado á orde do Císter por Afonso VII o ano 1144, xuntamente co couto de
Santa Marta de Ribas de Miño (Santa Marta é hoxe unha aldea de San
Fagundo). Sendo abade de Castro de Rei frei Xoán de Ayán no ano 1473,
suscribe un foro "frei Pedro da Somoça, prior do mosteiro de San Facundo". Pero no ano 1481 aparecen estes cargos invertidos, xa que "frey Pedro de Somoça, abade do moesteiro de Santa María de Castro de Rey" fai un foro ante notario "frey Xoán de Ayán, prior de San Facundo de Riba de Minno por la gracia de Deus e da Santa Iglesia de Roma"
Na segunda metade do século XVI, cando a reforma monástica, San Facundo
foi incorporado ao Colexio de San Bernardo de Alcalá de Henares, pero
antes fora priorado agregado a Montederramo (1620), segundo documentos
extractados por Duro Peña dos fondos de
Montederramo que se custodian no Arquivo Histórico Provincial de Ourense
e publicados en Archivos Leoneses no 1972. Xa no ano 1753, cando
se confeccionou o Catastro de Ensenada, di que é de señorío do Real
Mosteiro de Montederramo. Dise que o cenobio acollía aos peregrinos que
non podían abonar o pontádego para cruzar a ponte de Portomarín. No
Arquivo Histórico Nacional gárdase un
pergameo deste cenobio do ano 1258. A igrexa é produto de catro etapas
construtivas, con dous momentos de ruína interpostos; a súa construción
foi promovida polo mosteiro de Ferreira de Pallares. A maior reforma
produciuse no século XVIII que supuxo importantes transformación, tanto
na planta como no alzado. No interior conserva pinturas murais do século
XV.
Mosteiro de Sismonde: Cítase nun documento do 6 de decembro de 1233 en Xoán Rodríguez e a sú amuller María Rodríguez doan ao mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares os dereitos sobre varias igrexas, entre outras as monásticas de Ferreira de Pallares, San Facundo de Ribas de Miño e Sismonde.
Priorado de Santa María de Mirallos:
Foi priorado da Encomenda de Portomarín. A carón do Camiño Francés,
tiña hospital para acoller aos peregrinos. A igrexa, de orixe románica,
pasou a ser parroquia no século XVIII; foi trasladada, pedra a pedra,
dende Ferreiros no ano 1790. Diante da porta principal hai unha pía con
diferentes símbolos. Na Eirexe, preto de Ferreiros, levantouse unha igrexa mosteiral ata o século XVIII. Na actualidade, o lugar está ocupado por unha capela adicada a San Vitoiro, así como pola reitoral e outras edificacións. A capela foi restaurada a finais do século pasado. Durante as obras levantáronse dous sartegos que na actualidade se atopan nas inmediacións; están exentos, son de granito e miden uns dous metros de longo.
No actual concello de Paradela documéntanse, ademais, os pequenos mosteiros de San Pedro de Barán, Santa Cruz de Loio (San Salvador de Cortes), San Xoán de Loio, Santa María de Castro de Rei de Lemos que primeiro foi bieito e despois do Císter dependente de Montederramo (consérvase a igrexa románica que padeceu un incendio no ano 1932).
O PÁRAMO
Igrexa mosteiral de San Xoán de Friolfe:
Segundo un documento de restauración da igrexa de San Xoán de Friolfe,
datado no ano 910 (villa Froliulfe), existiu un mosteiro posto baixo o padroado de San
Salvador. Malia o anterior, a cita do ano 910 está tomada de Galicia Histórica, Colección diplomática (1901), de Antonio López Ferreiro, localización que Ares Vázquez cre
errada e que posteriormente foi aceptada por A. del Castillo,
Villa-Amil y Castro, Amor Meilán e Vázquez Saco, ubicación que o sempre
documentadísimo don Nicandro rexeita, ubicando o cenobio, en todo caso,
en San Xoán de Parada, no concello de Outeiro de Rei, de carácter,
posiblemente, dúplice. Na ampla documentación que cita, figuran varios
abades, presbíteros, diáconos e outras testemuñas, entre elas varias
mulleres que ben puideron ser monxas do referido mosteiro. A orixe do templo data da segunda metade do século XII.
Por documento do 12 de outubro de 1399, Gonzalo Rodríguez de Valcarce e Valboa, tenedor do couto de Loio, afora a Rui López os coutos de Bravos e A Cabana, situados na freguesía de Friolfe. Construída con muros de cadeirado de granito, a igrexa presenta unha porta con
arco de medio punto, dúas arquivoltas decoradas con perlas e inscritas
en axedrezado, tímpano bilobulado adornado cunha cruz bizantina central e
dúas cruces laterais. O pórtico ten cinco columnas que enmarca a outra
porta con tímpano cunha cruz de Malta inscrita nun cadrado. A espadana é
barroca, coroada por pináculos.
Vilarmosteiro: Vilarmosteiro é unha parroquia do concello do Páramo. No ano 1229 cítase como Vilar Mosteiro: "Conoszuda cousa sea a todos aqueles que esta carta viren, como fosse contenda entre don Pedro Perez, comendador de Portumarin, por nome du espital da una parte, et Vivian Froiaz, prelado et padron da eigregia de Sancta Eufemia de Vilar Mosteiro". Citado como Villar-moesteyro en 1275 e 1290; Villar de Monasterio en 1273; e Vilar-moesteiro en 1252 e seguintes. Mais nada se coñece sobre este cenobio, só se sabe que en 1195 Rodrigo Núñez ofrece a Samos "portionem meam, quam habeo in monasterio de Saa de Paramo". En Vilarmosteiro está a igrexa parroquial de orixe románica, se ben apenas conserva restos da primitiva fábrica.
A PASTORIZA
Igrexa de Bretoña:
Templo disque situado sobre un antigo castro (nas proximidades atopouse
un pendente de ouro, ao parecer prerromano) e sobre os alicerces dunha
primitiva basílica monacal de orixe suevo-visigótica, sé da
diócese de Britonia fundada polos bretóns que chegaron ás costas de Lugo
no século V, dirixidos polo bispo Mailoc. A igrexa actual ten planta rectangular con tres naves, presbiterio e sancristía. Sobre
a porta lese a data de 1733, e tamén aparece esculpida a cabeza dun
anxo con sombreiro de peregrino. Na parede leste do templo hai unha
lápida coa inscrición da consagración da antiga igrexa en honra de Santa
María da Paz, construída sendo bispo Pelaxio, que di: "ERA C... IQ V
K(a) L(enda) S: MAI(a)S P(e)LAGI(u)S P(resbi)T IN ONOREM S(an)C(t)E
MARIE MATRE PACES". Deiquí
xurde a diócese actual de Mondoñedo-Ferrol. Realizáronse escavacións a
principios dos anos setenta do pasado século, saíndo á luz gran número
de tumbas paleocristiáns e cimentos da basílica episcopal. Agás a
torre-campanario, os muros están encementados e pintados de branco. O P.
Flórez cita unha escritura do ano 830 onde di que Britonia foi invadida
e destruída polos árabes. Segundo Amor Meilán, baseándose nunha
testemuña de Pomponio Mela, insinúa que nos primeiros séculos da era
cristiá existía unha confederación de pobos ártabros con capital en
Britonia que abranguía ata a actual comarca do Ortegal.
Dentro do que foi o emprazamento da antiga Britonia, segundo as Memorias que compuxo un coengo da Catedral de Mondoñedo, utilizadas polo P. Flórez no tomo 18 da súa España Sagrada, aínda se coñecían no 1763 vestixios dunha gran fortaleza con foxo e contrafoxo. O P. García Villada, na súa Historia Eclesiástica de España,
di que un dos bispos de Britonia foi priscilianista. López Ferreiro
escribiu que de Britonia era o monxe galego Requiario, que a fins do
século IV ou principios do V escribiu o opúsculo De Fide (por moito
tempo tívose a Requiario como de orixe inglesa). Como figura máis
arriba, o primeiro bispo do que se ten noticia é Mailoc, que concorre ao
II Concilio Bracarense no 572, e antes asistira ao primeiro co nome
latinizado de Maliosus no 561 (algún autor di que Maliosus e Mailoc eran
persoas distintas). Seguiulle na sé Ermerico que suscribe co título de
Laniobrense no III Concilio de Toledo. No IV Concilio de Toledo do ano
633, toma parte e asina como Britoniense Metropio. No oitavo celebrado
na mesma cidade, asiste o presbítero Materico, a nome do Bispo Britoniense no
653. O P. Flórez dá por desbotada a hipótese de que non existiu ningunha
sé titulada Laniobria, como distinta da de Britonia. Pierre David, na
súa obra Etudes historiques sur la Galice et le Portugal (1947), seguindo a Louis Duchesne, en L´eglise au VI siecle,
fala deste bispado de xeito distinto que o P. Flórez, di que ao seren
invadidas as Illas Británicas polos anglosaxóns no século V, houbo unha
importante migración de bretóns da Armórica cara as Galias e a costa de
Galicia xa que eiquí había xente da mesma raza que deran varias cohortes
de britóns galegos ás lexións romanas, como recolle Amor Meilán na súa Historia de la provincia de Lugo.
Eran cristiáns ben organizados, cos seus bispos, abades e sacerdotes.
Escribe o alcipreste de Catedral de Mondoñedo, Francisco Reigosa (1950),
que foi a partires deiquí cando se multiplicaron as igrexas, escasas ata
o daquelas, non existindo tampouco ningún bispado.
Todo sobre os mosteiros da comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:
Mosteiro de San Salvador de Ferreiros: O carácter mosteiral da igrexa de San
Salvador déixase entrever nun documento datado no ano 1001, onde dá notitia dun preito presentado "in Boveta, in valle de Lemabus por Rodrigo Romariz e Ximena Ximénez" sobre a posesión do "monasterio Sancti Salvatoris de Ferrierasci".
Noutro documento lucense (Era 1249), que se conserva no Arquivo
da Catedral de Lugo, Gelvira Fernandi doa unha parte do seu jure hereditario "monasterii de Ferrarius"
á Orde do Hospital de San Xoán. No 1249 o soldado Martinus Petri,
alcumado Mosero, ofrece á igrexa de Lugo o seu dereito de padroado "in monasterio Sancti Salvatoris de Ferreiros" en satisfacción do sacrilexio que cometera violando a igrexa de Lóuzara. Xunto
a igrexa érguese un edificio totalmente arruinado, nun de cuxos muros
hai unha inscrición coa data de 1788. Malia o anterior, J. Freire
Camaniel (1998) pon en dúbida a existencia deste cenobio.
Priorado de San Martiño de Piñeira:
A única testemuña sobre a existencia deste mosteiro aparece nunha
dubidosa doazón de Afonso VII ao presbítero Paio Vermúdez e aos seus fratibus no 1124 ou 1154 a petición de Fernando Pérez de Traba e que o rei lles cedía os coutos de Piñeira, O Eivedo e Trasmonte. O 1 de marzo de 1506, o mosteiro de Santa María de Montederramo afora a Marcos do Pazo a viña de Balboa, situada na granxa de Piñeira e pertencente, di o documento, á freguesía de San Mamede de Vilachá.
Os Conventos (Vilachá de Salvadur): No lugar dos Conventos poderían estar as orixes históricas da Ribeira Sacra e dos seus coñecidos viños. Iso é o que cre un equipo que dirixe o arqueólogo Xurxo Ayán que no mes de abril de 2019 comezou a escavar no que cre un dos vestixios dun mosteiro medieval desaparecido. O lugar, coñecido como Ribeira dos Frades, preto da canle do Sil, ten moita tradición oral. No xacemento atoparon unha serie de cubículos pechados por muros de ata dous metros de altura cuxa finalidade, polo de agora, descoñécese. De todos os xeitos suponse que puideron ter diversos usos ao longo da historia. Os examens superficiais suxiren a existencia dun edificio de grandes dimensións que posteirormente foi reaproveitado para construír terrazas vitícolas e outras edificacións. Un dos indicios é unha pedra de pesa de lagar. Durante a campaña arqueolóxica do ano 2020 atopouse unha laxe de gneis (ollo de sapo) con restos dunha inscrición que despois de analizada pode que se trate dun epitafio sepulcral datado entre os séculos IX e X e cuxa proposta de lectura, segundo Álvaro Lorenzo Fernández (2022), sería: "[(Crux)? Hi]c requi(escit) fa/[mul]us D(e)i Sagib[---]/US", (Cruz?) Eiquí descansa o servo de Deus Sagib[---] US"). Depositada no Museo do Castro de Viladonga.
Adegas de Vilachá:
En Vilachá consérvase un conxunto etnográfico formado por 42 adegas
familiares con orixe no século XII que foran doadas polo rei Afonso VII e
que no século XIII pasou a depender do mosteiro de Montederramo que
potenciou a viticultura e a construción das adegas. En 1124, o rei Afonso VII concede ao presbítero Pelagio Vermudi algúns lugares ata o termo onde o río Lor entra no Sil (Trasmonte, Loibán, O Eivedo, Piñeira, Vilachá...): "Couto etiam loca suprascripta Pigneira, Olivetam, Trasnmontem quomodo dividuntur cum Villaplana et cun Ambas Mestas per rivulum Ferruginentum, per aquam de Sile quomodo dividit cum Agares et inde ubi incoavit cum Villaplana". Tras a
desamortización do ministro Mendizábal, as pedras do priorado foron
reutilizadas noutras construcións.
Granxa de Vales (Veiga): En Vales tiveron unha granxa os monxes de Oseira, nela recollían as rendas de Canedo, Piño, etc. No 1218 Petrus Fernandi e a súa muller Terasia Fernandi, por un préstamo que os freires lles fixeran "in necessitate maxima", doan a Oseira a súa herdade "in Veiga et in Vales et in Caneda et in Rocas et in monte qui dicitur Pena Redonda". No 1220, Rodericus Petri vende ao abade de Oseira a metade dun casal "in villa que dicitur Vallis". No 1245 consta a doazón dunha herdade "in villa que vocatur Laurente" da cal foi "frater Iohannes de Valle receptor". En 1373 fálase da "grania de Valles", e "granja de Vales" no 1397.
Canedo: No ano 1254 asinouse a concordia entre o bispo de Lugo e o mestre provincial do Temple, Martín Martínez, acerca dos dereitos episcopais das 17 igrexas templarias existentes na diócese de Lugo, entre elas a de San Miguel de Canedo. Ao mestre templario correspondía a presentación dos cregos, podendo ser tanto seculares como da propia Orde.
Santiorxo (Liñares): Na España Sagrada
dos PP. Flórez e Risco cítase un documento do ano 1254 que alude
a unha igrexa (quizais mosteiral) pertencente aos templarios.
POL
Arcos de Frades: Nicanor Rielo, no Inventario Artístico de Lugo e Provincia, di que "antes de la desamortización dependía del monasterio de Meira en calidad de granja". De aí que leve o apelativo de Frades.
Mosteiro de Santa María de Valonga: Este mosteiro, absorbido polo de Meira, é
citado unicamente nunha doazón feita polo rei Ordoño á sé de Oviedo o
20 de abril do ano 857: "In Galletia monasterium Sancte Marie de Valle Longa", documento publicado por Floriano Cumbreño na súa Diplomática española del período astur (1949),
mais crese que é unha falsificación diplomática que, de todos xeitos,
non invalida a existencia de tal cenobio no século XII, cando se fixo
esta escritura. No ano 900, Afonso III confirma a esta igrexa varias
posesións en Galicia. No ano 969, o conde Osorio Gutiérrez, fundador do
mosteiro de Lourenzá, doa a este cenobio todo canto tiña "in Balunga quantumcunque habeo",
ou sexa, todo o que ten en Valonga. A súa xirisdición foi discutida
entre os bispos de Lugo e Oviedo, pois o papa Uxío III, en marzo de 1145,
manda ao clero e fieis de Valonga, entre outros, que obedezan ao bispo
de Lugo e non ao de Oviedo. Na actualidade só se conserva a igrexa de
orixe románica do século XIII. Un veciño contoume que a tradición sitúa
no lugar unha desaparecida capela, e cando anchearon a pista que dá á
igrexa saíron á luz varias tumbas feitas con laxes.
San Salvador de Mosteiro: Parroquia do concello de Pol. Se houbo un mosteiro, quizais dependente do de Meira, descoñécese de que tipo.
PORTOMARÍN
Mosteiro de Santa Mariña e a Encomenda de Portomarín (Santa Mariña-San Nicolás de Portomarín): O mosteiro era feminino. Eiquí estaba no 922, segundo un dubidoso documento, a Eclesia vocabulo Sancte Marine ripa Minee,
que lle fora doada polo bispo lucense Recaredo aos condes Gutierre e
Ilduara, pai e nai de San Rosendo, para que rematasen de facer un
mosteiro que tiñan comezado, e continuaba no ano 927: "Iuxta baselicam Sancte Marine in locum Porto Marini". Logo foi confiscado e donado por Vermudo II (948-999) á Igrexa de Santiago despois dun levantamento que se producira contra o rei. No 1102 era de propiedade real, pertencía á infanta Urraca. No 1158, Fernando II deu o mosteiro á orde do Hospital xunto con outros bens, mantendo un hospital de Peregrinos, ademais de construír a igrexa de San Nicolás ou de San Xoán. No 1236 son recibidos os cofreires Pedro Eanes e a súa dona María Fernández quen lle doan os seus bens, sendo comendador Reverendo Pérez quen lle ofrece sepultura. No ano 1320 era comendador Xoán Arias. A fundación do hospital atribúese a Pedro Peregrino, o mesmo que reedificara a primitiva ponte romana no ano 1126. Por privilexio de Enrique IV do ano 1461, outórgalle o dereito de portádego á encomenda. Nun
documento do ano 1492 que se conserva no Arquivo de Simancas recolle
unha orde real dirixida ao gobernador e alcaldes maiores de Galicia para
que dean auxilio a frei Juan Piñeiro, comendador de Trevejo (Cáceres),
para recuperar a encomenda de Portomarín que indebidamente a tiña
ocupada frei Álvaro de Quiroga, comendador do Incio da mesma orde. Por documento do 11 de agosto de 1497, os reis requiren do gobernador de Galicia para que envíe auxilio ao citado frei Álvaro, comendador de Portomarín e Quiroga, para reprender a Xoán de Moltalvo, alcaide da fortaleza de Quiroga, porque se entremetera na súa xurisdición. No 1509 continuaba de comendador Xoán Piñeiro. No ano 1937 ingresaron no Museo Provincial de Lugo varias pezas procedentes da encomenda. Eiquí achego unha lenda, extraída de galiciadixital,
contada por Mero quen a recolleu de D. Xesús Mato e Mato. Cóntase que
non moi lonxe, río Miño arriba, había unha peneda que sobresaía da auga,
e nunca desaparecía da vista dos que por alí andaban, aínda que houbera
secas ou enchentas. María, San Xosé e o Neno estiveron en Galicia cando
fuxiran de Herodes. Ao chegaren a aquel sitio de Portomarín, á beira do
Miño, quixeron cruzar. As augas, ao pasar entre os penedos, facían
moito ruído, e corrían a moita velocidade. A Virxe, que non quería que
espertaran ao Neno, dixo: "Río Miño, río Miño, pasa quedo e caladiño,
non espertes ao neniño que xa o levo caladiño". E o río voltouse calmo,
pousado e silencioso naquel tramo. Cóntase que atravesaron o río sen
problema, e o Neno non espertou. Na peneda aínda está a pegada do burro
cando, para facer pé, pousou alí unha pata. Hoxe todo está
cuberto polo encoro de Belesar.
Convento-hospital da Madalena (As Vendas de Narón-San Mamede do Río): Na aldea levántase a capela da Madalena, erixida no século
XIX, en cuxo interior conserva un retablo barroco cunhas rústicas
tallas do Salvador e de Santa María Madalena. Aseguráronnos que a cruz que coroa a pequena espadana e outra gravada no lateral sur da ermida son dos monxes guerreiros do Temple, se ben nós só vimos cruces latinas. Cóntase
que a ermida e moitas casas do pobo construíronse coas pedras dun
convento-hospital edificado no século XII ou XIII para acoller aos
peregrinos situado a pouco máis de 600 metros, na Pena Godón ou Pena do
Convento (tamén Monte da Señorita), próxima á Fonte da Madalena, xa na
parroquia de Ligonde, en Monterroso. Foi erixido por iniciativa de Pedro Eanes que parece que actuou en nome dos templarios de San Fiz do Hermo. No ano 1241 os monxes guerreiros preitearon cos de Ferreira de Pallares por esta herdade. No inventario de bens do cenobio de Ferreira, datado no 1287, figura "in Pena Godom herdamento de don Vasco Fernandez...". No 1587, a raíz da reforma das ordes relixiosas promovida polos Reis Católicos, o despois priorado de Ferreira, e polo tanto o hospital de Pena Godón, pasan aos bieitos de Samos.
QUIROGA
Encomenda do Hospital: En tempos do rei Afonso X, a orde monástico-militar de San Xoán do Hospital recibiu no ano 1275 a localidade de Quiroga. Concédeselle o exercicio de xustiza, designación de alcaldes, recadación de portádegos, demandar dereitos, etc. A encomenda abranguía os partidos de Lor, San Martín, Bendollo e Hospital. Dispoñía da Casa da Encomenda ou da Condesa, unha serie de edificios desaparecidos. Por
documento do 11 de agosto de 1497, os reis requiren do gobernador de
Galicia para que envíe auxilio ao citado frei Álvaro, comendador de
Portomarín e Quiroga, para reprender a Xoán de Moltalvo, alcaide da
fortaleza de Quiroga, porque se entremetera na súa xurisdición. No ano 1809, o arquivo foi queimado polas tropas napoleónicas. Co decreto de Desamortización do ministro Mendizábal no ano 1835, case todos os bens foron expropiados. Consérvase o coñecido como Pazo da Encomenda (ss. XVI-XVIII), reconstruído no 1843 pola familia Flórez Losada, onde vivía o prior da igrexa. Nesta consérvanse dous altares, o de San Xoán ou dos Neófitos que era onde o tribunal admitía aos novos integrantes da orde, e o altar do Xuramento onde se producía a cerimonia de ingreso.
Alto do Convento: Topónimo. Entre as parroquias de Vilar de Lor e O Hospital (Quiroga) e Vilamor
(Folgoso do Courel). A 1.1136 metros de altitude.
RIBADEO
Convento de Santa Clara: Orixe no século XIII, clarisas, consérvase a igrexa do século XV e un claustro do XVIII. Nun documento de 24 de agosto de 1466 cítase á monxa María Alfonso.
Convento de San Francisco: Fundado, dise que por un compañeiro de San Francisco do que se descoñece o nome, se ben puidera ser Renincasa, fundador do da Coruña, ou Pedro Compater, do de Oviedo. Construísue en terreos doados polo bispo de Mondoñedo, Nuño Pérez que ocupou o cargo entre o 1261 e o 1286. O primeiro gardían documentado é Pedro de Chavín no 1326 e o derradeiro Benito Estévez (1832-1835). No 1873, os franciscáns ceden aos irmáns da Orde Terceira "sitio en el que se erixan y labren una capilla para los exercicios y de su ynstituto y solegnidadeses de su devoción" na horta que o convento tiña preto do Campo. Alí se conservou ata o ano 1926 en que foi destruída; a actual consérvase na rúa do Doutor Moureda. Santa
María do Campo era a antiga igrexa do convento de San Francisco.
Deiquí procede un báculo de limoges do século XIII que na
actualidade atópase no Museo Nacional d´Art de Catalunya. Foi
atopado na tumba do bispo do Mondoñedo Pelaio de Cebeira; arredor do
1855 foi despositado na catedral de Mondoñedo. Entrou no museo no
ano 1932.
Mosteiro de Santa Baia de Ermolfi (Santalla da Devesa): No Catálogo de documentos medievales, escritos en pergamino, del Archivo de la Catedral de Mondoñedo (871-1492),
confeccionado polo coengo e arquiveiro da catedral Enrique Cal
Pardo, faise alusión a un documento do ano 973 que fai referencia á
fundación do mosteiro en Sta. Eulalia de Ermolfi que se debe
identificar con Santalla da Devesa, onde a conversa Iquilo lle concede ao
bispo Armentario varios lugares daquela bisbarra. Na catedral de
Mondoñedo consérvase un pergameo do ano 1002 que fai referencia a este
mosteiro.
Mosteiro de Santa María de Aranza.
Mosteiro de San Martiño de Esperantón: Coñecido como de Sperautani ou Sperautano.
No Boletín da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo
(1978), Pedro Reigosa Pedrosa di que a fundación deste mosteiro data do
século VIII, en virtude dunha concesión do sitio e término do seu
emprazamento, feita polo rei Silo no ano 775 aos seus fundadores Pedro,
presbítero, Alante, converso, Labino, converso, Avito, presbítero, e
Laurentino, presbítero. Estes monxes, segundo consta na escritura
orixinal que se conserva no arquivo da Catedral de León, acudiron ao rei
Silo, e bicándolle os pés suplicáronlle lles dese un lugar de oración
no Cellario que pertencía ao rei, entre os ríos Eo e Masma e os
regueiros Alasancia e Mera. Silo fíxolles esta concesión por medio
do abade Sperautano ou Sperauta (de aí o nome do cenobio), e acoutou na
concesión os términos de terreo adxudicado, un dos cales era o monte que
está por riba de Trabada, outro o chamado Pelagum nigrum (Pozo
Mouro), e os sinalados ríos e regueiros. Un documento do ano 1214,
pertencente á colección diplomática do mosteiro de Meira, sitúa a
herdade de San Martiño de Esperantón na ourela do río Eo, nas
proximidades de Ribadeo. Villa-Amil y Castro, na súa Crónica de la provincia de Lugo,
supón que estivo na actual parroquia de Celeiro, inmediata ao río Masma
e ao Pozo Mouro, do concello de Barreiros. Amor Meilán pregunta se non
sería construído nun dos lugares de San Cosme de Barreiros e San Miguel
de Reinante, que se chaman aínda hoxe co nome de Áspera. Outros colocan o
emprazamento do mosteiro en Cabarcos ou en San Martiño Pequeno, que é
da Fórnea. Mesmo non falta quen o leva para a vila de Trabada, porque
alí houbo un mosteiro de Santa María ata a exclaustración do 1836,
hipótese imposible xa que os cenobios de Trabada e Sperautano
coexistiron no mesmo tempo e ambos foron doados ao mosteiro de Lourenzá.
Colexiata de Santa María de Ribadeo:
A vila de Ribadeo convértese en sé do bispado de Mondoñedo a finais do
século XII, se ben bispo e cabido deciden volver a Vilamaior poucos anos
despois. As razóns de facer de Santa María sé dunha congregación de
cregos non ten relación co seu breve pasado catedralicio, senón co
desenvolvemento demográfico de Ribadeo, pois no 1270 o seu Concello
queixábase á sé de que non provía á "yglesia de Ribadeu de servidores asi como deuiamos".
Nese ano constitúense os alicerces do que séculos despois sería a
colexiata posto que dende Mondoñedo instálanse en Santa María un grupo
de racioneiros presididos por un coengo da catedral mindoniense (F.
Javier Pérez Rodríguez, 2008). A colexiata foi derruída a finais do século XVIII.
Mosteiro de San Clodio: A primeira escritura de San Clodio data do ano 1151,
cando o rei Afonso VII doaba o mosteiro a Vasco Pérez e á súa nai,
Elvira Núñez. Amor Meilán escribe que o tal Vasco Pérez e a súa nai doaron o mosteiro a Raimundo, prior dos Sanxoanistas no ano 1154, escritura que segundo o P. Gándara se conservaba no Arquivo da Igrexa de Astorga, concluíndo que Vasco Pérez casou con dona Urraca de Temes, sendo sepultado na igrexa de Torbeo. Este Vasco Pérez recibiu os bens de Afonso VII como agradecemento polos seus servizos na guerra. No 1286 foi confirmado por Sancho IV, e máis adiante por
Afonso XI e Enrique III. Que a súa comunidade son cregos e non monxes
constátase en 1203, e no século XIV debía estar desprovisto dela
quedando só o abade. Do 15 de xuño de 1317 é un contrato de foro do mosteiro con Xoán Cabanas, veciño de Peites, dun casería preto de Oviedo. Do cenobio só se manteñen en pé o
portalón renacentista (restaurado no ano 1604 por Alfonso de Solís), a
igrexa de orixe románica do s. XII da que se conserva a ábsida
semicircular realizada en cadeirado de pedra ennegrecida, a porta norte
de medio punto e a torre da que non se sabe con exactitude cal puído ser a súa función, aínda que se cre que puído ser unha torre defensiva ou ser utilizada como prisón. Cando a desamortización de Mendizábal o mosteiro foi
vendido en grandes blocos a Manuel Batanero. Cóntase que o motivo do asalto do exército
napoleónico foi debido á morte dun capitán por parte dun guerrilleiro
galego; como vinganza, os franceses queimaron e destruíron a aldea de
Peites, a igrexa e o cenobio. Tamén se di que nas súas celas, a
Inquisición aplicaba aos reos a tortura da goteira. Foi lugar de paso e parada do Camiño de Santiago; no diario escrito por Diego de Guzmán, capelán de Felipe III, consérvase o relato da súa peregrinación detallando o seu regreso polo Camiño de Inverno; xunto coa abade Alfonso de Solís visitaron o Túnel de Montefurado para admirar a extraordinaria obra de enseñería feita polos romanos coa finalidade de extraer o ouro do río Sil.
Mosteiro de Santa María de Torbeo: Bieitos. A primeira noticia deste mosteiro data do ano 1241, cando o abbas Johannes Petri de Torveno
é testemuña dunha venda a Montederramo. No século XIII a súa comunidade
está formada por cregos. Consérvanse varios foros dos séculos XIV, XV e
XVI. Por documento do 11 de decembro de 1317, Lorenzo Anes, vigairo xeral de Beraldo Alfonso, coengo de Ourense, dicta sentenza a favor do mosteiro de Santa María de Montederramo sobre a posesión do padroado do mosteiro de Santa María de Torbeo, así como dos yantares e outros dereitos e bens que lle corresponden por herencia de María López. No 1328 o seu abade, Pedro Leal, preside unha congregación de seis
racioneiros. Do 7 de novembro de 1501 é unha carta de foro pola que Suero López de Sarmiento, abade de Torbeo, afora a Rodrigo da Ponte e Isabel Diez, veciños de Ponte Ambía, o lugar de Abeledos. Do 20 de xuño de 1527 é unha carta da Curia Apostólica en relación a un preito litigado por Beatriz de Castro e Osorio, condesa de Lemos, con Pedro López de Quiroga, crego da diócese de Astorga e a provisión do abadiato de Santa María de Torbeo. En xuño de 1523 aparece como abade Pedro López de Quiroga, e en xullo de 1537 érao Pedro López de Quiroga. As ruínas da fábrica foron destruídas en torno ao ano 1990 para construír o cemiterio. A igrexa, de orixe románica do século XII, foi destruída por un incendio no ano 1936, só quedaron en pé os
muros, desaparecendo o mobiliario litúrxico e as pinturas murais. No interior consérvase parte dunha epígrafe gótica. A pía bautismal atgópase sobre un capitel invertido de cando se restaurou o templo, é de finais do XII ou principios do XIII. A nave é de
planta rectangular con ábsida de tramo recto con testeiro redondo.
Acaroadas á nave érguense dúas capelas con bóveda de canón engadidas no
século XVIII. A porta principal presenta tres arquivoltas, e no
cimaforte ábrese un óculo con tres círculos concéntricos ornamentado con
touros, escocias e billetes. Amor Meilán, na Geografía del Reino de Galicia. Provincia de Lugo, atribúelle ao P. Sarmiento a suposición de que "Torbeo era uno de los pueblos Turodoros citados por Ptolomeo y aun presume que en Torbeo o Turbeo estará oculto el nombre Turodoro".
RIBEIRA DE PIQUÍN
Igrexa-priorado dos Vaos: A
aldea dos
Vaos
levantouse sobre un pronunciadísimo meandro do río Rodil,
tributario do Eo, que o arrodea por todas partes agás polo norte. A
toponimia éche ben precisa. Ademais das casas e outros edificios
(entre eles un pombeiro), edificouse a igrexa, a reitoral e o
cemiterio. Pero a orixe da poboación remóntase a un primitivo
castro de forma tirando a ovalada que ocuparía unha extensión
aproximada, en conxunto, duns 350 metros de longo por 265 metros na
parte máis ancha. Na croa, duns 55 por 35 metros, é onde se
edificou a igrexa, lugar elixido, quizais, para cristianizar un lugar
considerado como pagano ou, porque non, porque era un sitio con
prestixio. O templo pertenceu á Orde de San Xoán de Malta, con
centro en Portomarín, que administrou a parroquia ata o ano 1876.
Nun dos libros de Fábrica, do ano 1652, menciónase a relación
mediante a fórmula "jurisdicción
hespiritual de la encomienda de Portomarín".
No Diccionario
de Pascual Madoz (Tomo III, 1847), ademais de sinalar que nos Vaos
(Baos)
vivían “tres
vecinos y diecinueve almas”
e tiña un clima temperado, “pero
propenso a fiebres y pleuresías”,
di que era padroado da Orde de San Xoán de Portomarín. No muro sur
da parroquial consérvase un reloxo de sol realizado en lousa en cuxa
parte inferior lese: "SIENDO
PRIOR DON FRANº BRº PASARIN Y QVINDOS Aº DE 1742",
que pode se indicativo da condición de priorado da citada orde
militar. Na parte superior lese: "LOMBARDERO",
o mestre reloxeiro que o fixo. Malia iso, nos Interrogatorios do
Castastro de Ensenada, referidos á freguesía de San Xoán dos Vaos,
celebrados na Pobra do Burón o día un de maio de 1753, alúdese ao
cura Francisco Bernardo Pasarín y Quindós como párroco, non como
prior. Cómpre aclarar, entón, que o latín prior,
-oris
pode facer alusión, entre outras acepcións, a un superior dun
convento ou o segundo despois do abade, pero tamén referido a un
cura. Polo tanto, carécese (que eu saiba) de documentación para
afirmar que no lugar houbo un priorado. Pero o elemento máis
chamativo e enigmático da igrexa atópase no interior do pórtico,
no muro situado fronte a entrada, onde se abre unha ventá cunha cruz
latina gravada en baixorrelevo na parte superior, e por riba,
empotradas na parede, vense cinco caveiras humanas que conforman unha
especie de triángulo isósceles. Ningún dos cranios conserva a
maxila inferior. O primeiro que fixo un traballo sobre as caliveras
de Os Vaos foi Francisco Abraira Pérez (Gallaecia, 2005: La
muerte de cara y la cara de la muerte. Empotramiento y exposisión de
cráneos humanos en tres recintos sagrados rurales de la provincia de
Lugo. Análisis cultural).
Di que as cinco caveiras miran cara a fachada da igrexa, coma se duns
asistentes máis ás cerimonias relixiosas se tratase. En ningún
momento reciben a luz directa, aumentando así a súa lúgubre
apariencia. Pero, que representan? Nada se sabe, só conxecturas.
Abraira, ademais das caliveras de San Xoán dos Vaos, fala doutras
dúas, tamén sen a maxila inferior, situadas no interior das igrexas
de Santa María de Conforto (A Pontenova) e Santa Comba de Órrea
(Riotorto), esta última, segundo a tradición, pertencente a unha
monxa que habitaría o cenobio bieito feminino, coñecido tamén como
Mosteiro de Donas, citado no testamento de Urraca González no ano
1199 (segundo a documentación, no ano 1407 habitábanno “cinco
biudas e tres leygas”.
A derradeira noticia data do ano 1436). O templo é de amplas
proporcións, atópase revogado en cal, con tres naves cubertas en
lousa e madeira no interior. Dentro salienta un gran retábulo maior
neoclásico, así como a imaxe policromada do Santo André, do século
XV, nun retábulo lateral.
RIOTORTO
Mosteiro de Santa Comba de Órrea: Non se conservan restos. Situado preto da igrexa
actual, pertenceu a unhas monxas bieitas, coñecido tamén como Mosteiro
de Donas. No ano 1199 dona Urraca Fernández de Traba fai unha manda no
seu testamento a un Orreum que se debe identificar, segundo Pérez
Rodríguez (2008) con Santa Comba e non con Santo André de Órrea, en
Agolada. No ano 1209, Afonso IX exime ao cenobio de todos os pagamentos
debidos ao rei agás moeda foreira. Enrique Cal Pardo fala da súa
escaseza documental durante os séculos XIII e XIV. No século XV conta
cunha visita feita dende a catedral de Mondoñedo que mostra a situación
do cenobio no 1407, onde se sinala que en Santa Comba vivían oito monxas
("cinco biudas e tres leygas"). Menciónase nun aforamento do ano 1431: "Rodrigo Afonso, notario público do dito mosteiro de Santa Coonba...". A
derradeira noticia sobre este convento é do ano 1436. No 1454 xa estaba
en poder do cabido de Mondoñedo. Na igrexa consérvase un capitel do
século XII utiliado como pía de auga bendita, que se cre
pertenceu ao primitivo cenobio, sobre o que hai unha caveira humana
empotrada na parede.
SAMOS Mosteiro de San Xián de Samos:
Bieitos. Presenta estruturas románicas, góticas, renacentistas e
barrocas. Segundo unha inscrición visigótica, a igrexa foi restaurada no ano 650 polo bispo de Lugo Ermenfredo, o que podería reflexar a existencia doutra anterior do século VI. No século XII
incorporouse á disciplina de Cluny. No ano 1152, Xoán I, abade de Samos
entre o 1145 e o 1152, é nomeado bispo de Lugo, onde estivo ata o ano
1181. Do 5 de xuño de 1507 é unha carta, custodiada no Arquivo de Simancas, de Fernando de Granada, gobernador do Reino de Galicia, ao abade de Samos, Xoán de Estella, ordenándolle que reúna toda a infantería e cabalería da súa xurisdición para o socorro de Ponferrada. Logo da exclaustración, foi ocupado
novamente no 1891 ata a actualidade. Consta de tres naves separadas por
grandes piares e dous claustros unidos entre si arredor dos cales se organizan o resto das estancias: o claustro grande, en estilo de
transición do renacemento ao barroco, onde se ergue a estatua do Padre
Feixóo, e o das Nereidas, chamado así pola súa fonte barroca, construído
entre os anos 1562 e 1582 que conserva unha porta románica. A igrexa,
barroca do século XVIII, é de planta de cruz latina con tres naves. Na
unión dos brazos ergueuse unha cúpula gallonada con casetóns sobre un
tambor, todo sustentado por catro arcos de medio punto. A fachada, á que
se accede por unha escalinata inspirada na do Obradoiro compostelán, dá
impresión de obra inacabada pola ausencia de frontón. No interior
consérvanse retábulos de Francisco de Moure e de Xosé Ferreiro. A
mediados do século XVIII era a principal empresa siderúrxica de Galicia.
Das 25 ferrarías que había, 6 pertencían á orde bieita (o resto estaba
en mans de nobres e fidalgos). No ano 1834, pouco antes da
Exclaustración, a venda de ferro proporcionáballe máis ingresos ca
rendas polo centeo. Dúas das ferrarías dos monxes estaban nas freguesías
de Guldriz e Santalla (Samos), dúas en Quiroga, unha en Guntín de
Pallares e outra en Vilamartín de Valdeorras. Alumnos da Universidade de Santiago catalogaron máis de 200
pergameos dentro dun convenio da USC coa comunidade bieita para
inventariar os documentoss existentes na Biblioteca; o proxecto, do ano
2010, tivo unha duración de catro anos prorrogables. Na Biblioteca hai
once incunables que datan de finais do século XV ou principios do XVI,
entre eles salienta o Tusculanae Disputationes, de Cicerón,
realizado en Venecia no ano 1491. Calcúlase que acolle
arredor de 75.000 libros. A Desamortización de Mendizábal supuxo a venda
de parte da Biblioteca cuxos documentos se vendían en sacos a un real o
pergameo, utilizado para lume das casas. O primeiro en comezar o
inventario dos fondos foi o P. Maximino, falecido no ano 1992. Este
monxe tamén se encargou de levar a Samos microfilmados e fotocopiados
documentos relacionados co mosteiro. Nas inmediacións érguese a Capela do Salvador, máis coñecida como Capela do Ciprés (debe este nome á árbore que hai ao seu carón). Segundo a historiadora Carolina Casal Chico data de principios do século X. Entre os anos 1996 e 1997, cando unhas obras de restauración, descubríronse unhas pinturas murais que estaban tapadas. Segungo Casal Chico, para elaboralas utilizouse unha técnica culta, a mesma que no templo de Santa Olalla de Bóveda, se ben o mestre que as realizou recoñece as formas e a técnica pero non sabe reproducilas. Carolina pon como exemplo que se utilizara un pincel de pelo de xabarín, moi duro para esa técnica. Segundo a investigadora, a iconografía é cultísima e na capela representouse o Santo Sepulcro. O arco triunfal da ermida ten unha decoración máis esquisita, con dúas columnas, un tablamento, motivos ondulantes, unha flor ou unha cruz. Tamén se poden ver doce rochas e unha cruz. As primeiras simbolizarían o éxodo cara a terra prometida e a consecución desta, representa a historia de Moisés e Xosué. A cruz fai alusión, continua Casal Chico, ao Gólgota. Cre que a construción levantouse a partir do ano 922, xa que nese momento asentáronse novos monxes na abadía. Entón os monxes abandonaban o cenobio cando morría o abade e ese ano repobouse Samos cuns freires do mosteiro de Penamaior (Becerreá). Para datar o templo, no mes de abril de 2018, un equipo da USC, dentro do programa de investigación Territorio e poder monástico na Idade Media da facultade de Xeografía e Historia, levou a cabo unha serie de escavacións para coñecer se había unha construción anterior xa que saíron á luz tres antigos muros, ademais de restos cerámicos.
Os mosteiros de Samos e Sobredo (O Courel) nunha obra de teatro no ano 1841: Alfonso el Casto, un drama histórico en verso en tres actos,
foi estreada o 25 de xuño de 1841 no Teatro de la Cruz de Madrid. A
obra, de Juan Eugenio Hartzenbusch (1806-1880), foi publicada pola
imprenta de M. Tello no ano 1890, baixo o título Teatro de D.
Juan E. Hartzenbusch, cunha tirada de 50 exemplares. Samos cítao
como Sámanos (Samanos e Sammanos na Idade Media), e Sobredo como
Subrego (Subregum no ano 922). No apéndice, para explicar un pouco a
historia de Afonso o Casto, citando a algúns autores, di que estivo
agochado “en Sámanos y en otro lugarejo llamado Subrego en la
ribera del rio Daura”. Este río Daura é o Lor, citado como Laure
no ano 857 (“villa iusta rivulum Laure que vocitant Suveretum”.
Suveretum, outro nome de Sobredo). O segundo e terceiro actos xa se
desenvolven en Oviedo.
No actual concello de Samos documéntanse, ademais, os pequenos mosteiros de San Martiño de Lousada, Santiago de Renche que estaba na vila de Pompeán, e San Miguel de Montán, coñecido como Sancti Michaelis no Códice Calixtino ou como San Miguel da Costa en relatos de peregrinos.
SARRIA
Mosteiro de Santiago de Barbadelo:
Bieitos. O desaparecido mosteiro dúplice foi anexionado a
Samos no ano 1009. F. J. Pérez Rodríguez (2008) fala dun sospeitoso
documento atribuído a un rei Afonso (VI ou VII) que Barbadelo pasaría a
ser unha propiedade de Samos, se ben tal dependencia non se constata ata
o ano 1166. Barbadelo mantivo a súa singularidade e autonomía aos ser
os seus bens rexidos por unha soa persoa nomeada dende Samos, como o
demostra a súa cesión ao capelán Paio no 1166. Un século despois está á
súa fronte "Petro Cipriani dictus Monacus, dictus prior de Barbadelo".
A igrexa románica do século X, construída en cadeirado de granito, ten
planta rectangular. A porta é de medio punto con dúas arquivoltas sobre
columnas con capiteis decorados con figuras humanas e animais. O
vencellamento ao Camiño de Santiago amósanola unha porta decorada con
cunchas de vieira e que tamén presenta un arco de medio punto e columnas
con capiteis decorados con animais. Ten unha torre de planta cadrada.
No interior conserva un retábulo barroco. Tamén está documentado o mosteiro de San Martiño de Barbadelo, que acabou xuntándose co de Santiago. Mosteiro de Barxa: Na parroquia de Calvor, na beira esquerda do río Sarria. Conservouse a capela de San Salvador.
Mosteiro de Calvor:
No castro Astrorica ou Villa Calvaria. Fundado no ano 785, no lugar que ocupaba un antigo asentamento
castrexo. O arciprestre Theodonando púxoo baixo a tutela de Samos no ano
902. Do antigo cenobio só se conserva un capitel visigótico dentro da
igrexa.
Mosteiro de Froián ou de "Martolanes" ou "Mortolanes"
(Froián): Di Lucas M. Álvarez que no Tombo de Samos hai un documento
onde consta que o 18 de marzo do ano 907 un presbítero de nome Sesericus
fai un pauto monacal, entregando a súa persoa e os bens patrimoniais á
igrexa de Santiago Apóstolo, cuxas reliquias gárdanse na vila que chama
Martolanes. Nicandro Ares Vázquez sinala que no mesmo Tombo, un
matrimonio doa varias posesións a Samos, entre outras a vila que está en
San Pedro, nos Campos, onde din Martolanes e que, polos nomes dos
lugares que se citan, localizaríase na parroquia de San Pedro de Froián,
o cal estaría no lugar da Ermida. No ano 976 menciónanse en Froián as
igrexas de San Vicente e de Santiago, e arredor do 1009, "Sancti Iacobi... in villa... Martolanes"
nun documento do ano 907. Da primitiva igrexa románica quedan poucos
vestixios. Nunha doazón do ano 1028 aparece citada a igrexa de Froián no
lugar que "dicitur Avolin, in territorio Froliani, subtus eclesia Sancti Vicenti".
Eremitorio do San Adrao do Monte Páramo: A
ermida do San Marco atópase na serra do Páramo, na parroquia de Biville
(Sarria), a 845 metros de altitude, case no límite coa parroquia de
Belante, ocupando un lugar dende onde se divisa unha espléndida
panorámica. Na
Alta Idade Media construíuse un eremitorio cuxa primeira mención data
do ano 897, en que o rei Afonso III confirma distintas posesión da
Igrexa de Lugo. No testamento de Sunilano, do ano 976, este fai doazón
do templo de Sancto Adriani in monte Paramo ao seu fillo
Vermudo, abade do cenobio beneditino de Barbadelo. No ano 1009, o abade
de Barbadelo, Vermudo Soilán, sucesor de Viscalfredo que o fundara no
904, dóallo ao abade Mandino de Samos, citándoo no Tombo deste último
mosteiro como Sanctum Adrianum in illo monte cun suo castro. Tamén se cede a Samos unha hereditas en Vivili (Biville). Entre os séculos XVI e XVIII faise alusión a esta ermida que xa aparece como propiedade do Bispado de Lugo.
Acaroados ao pé da ermida, construída sobre unha pena granítica, vense
tres sartegos, case seguro que altomedievais (hai quen conxectura que
poden ser suevos ou visigodos), escavados na rocha viva. Os tres miran
ao este, cara a saída do sol. Unha das tumbas, situada ao sur da capela,
a parede desta case lle pasa por riba, e as outras dúas, paralelas, no
lado este, case tocan o muro, o que semella indicar que a ermida actual
ergueuse posteriormente, cabendo a posibilidade de que baixo dela
houbera algún outro sartego. Segundo información achegada por Matilde
Paramo, no facebook de "O Incio, Nosa Terra", dende nena escoitou
que eiquí había un convento, ademais de dúas versións sobre as tumbas:
unha que enterraran un rei, a reina e a filla, e a outra que fora a San
Marcos, Santa Marta e Santa Mariña. Sandra Albalá Losada, na mesma
páxina, di que as capelas formaban un triángulo que representa o Ollo de
Deus, e que as tumbas pertencían a San Marcos, San Mateo e San Miguel,
orientadas cara o Oribio, Monterroso e Taboada. Ana López comenta que
entre as ermidas había comunicación visual. Polo
tanto, pola documentación sábese que entre finais do século IX e
principios do XI existía unha capela-eremitorio posta baixo o padroado
do Santo Adrao. Do
que nada
se sabe é cando mudou a advocación de Santo Adrao pola de San Marco,
como
tampouco se coñece con exactitude cando se instaurou a afamada romaría
na honra
do último, coa beizón dos campos e as peticións que lle solicitan os
devotos. Di Matilde Paramo que os labregos ían con ramos de loureiro que
se bendicían na misa, e logo poñíannos nas leiras de centeo e trigo
para protexelas das inclemencias do tempo. Pero pode ser, só como
hipótese, que nalgún momento perdera o nome de San Adrao, non por un
simple cambio de advocación, senón porque xa non existía memoria na zona
sobre este santo. É posible, que ao perderse toda referencia ao San
Adrao, a ermida pasaran a denominala, por exemplo, como "Capela do
Marco" ou "Marco da Capela", en alusión aunha pedra fincada no chan que
delimita os lindes dunha terra, neste caso dúas parroquias. Na Idade
Media os límites territoriais definíanse mediante marcos que en non
poucas ocasións eran pedrafitas, mámoas, petroglifos... e tamén ermidas.
E eiquí cadra coma anel ao dedo. Nos
Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de
Biville o 21 de xaneiro de 1753, o sitio da ermida figuraba como marco
divisorio con Belante ("hermita de San Marco"). O documento citado do ano 1009 fala da doazón da ermida "cun suo castro",
se ben, que saibamos, non apareceron restos, e a configuración do
terreo, moi modificado, non axuda (o castro máis próximo que coñecemos é
o de Castromeixe, a un quilómetro de distancia en liña recta, en que as
casas da aldea ocupan toda a croa). O que si se conservan, nun radio
duns 500 metros, son 14 mámoas, e nas inmediacións da ermida atopamos
algunhas coviñas illadas, unha na mesma pena onde se escavaron os
sartegos. Pode que se elixira este sitio para construír a capela para
cristianizalo porque estaba considerado como pagano, ou tamén porque xa
dende antigo gozaba de prestixio. Lemos nalgunhas publicacións que non
moi lonxe da capela está a Fonte do Santo Adrao, que nós non atopamos.
Onde si figura esta fonte é nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada,
celebrados na freguesía de Belante o 9 de decembro de 1752 ("fuente de San Adrao"), como lindeira con Biville, que pode que sexa a mesma que no Catastro actual aparece como Fonte das Virtudes. A capela foi arranxada hai anos grazas ao párroco
de Biville e os veciños, ademais da restauración dunha talla do San
Marco do século XVIII. Os veciños de Biville tamén son os que se encargan de organizar a romaría.
Mosteiro de San Antolín: Nicandro Ares cita o mosteiro de Sancto Antonino na parroquia de San Antolín. Entre o 1020 e o 1061 o abade doa a Samos o seu mosteiro con todas as posesións, entre outras "in territorio Triacastella, in villa Ranimiri, villa que comparavimus de Baltario Randiniz et hic in ipsa villa...". En San Antolín hai unha igrexa en total estado de abandono.
Convento da Madalena ou da Mercede (Sarria):
Mercedarios. A orixe do convento data do ano 1200 cando dous relixiosos
italianos da congregación da Penitencia dos Mártires de Cristo que
seguían a Regra de San Agostiño, que viaxaban en peregrinación a
Compostela, fundaron unha capela que puxeron baixo o padroado de San
Brais de Vilanova, advocación que despois mudou pola da Madalena. Os
papas Xoán XXII e Clemente VII concederon indulxencias aos que axudasen
ao mantemento do hospital. Dos restos do primitivo edificio, erixido
entre sos séculos XIII e XIV, apenas quedan restos. O claustro, do
século XVI, levántase ao norte. A igrexa, reconstruída no 1511, é dunha
nave con ábsida poligonal. Do antigo templo consérvase a portada sur, de
arquivoltas apuntadas, que amosa un relevo, entre outros, dunha barca
de pesca ocupada por catro tripulantes, quizais en alusión á Translación
do Apóstolo Santiago.
Mosteiro de San Mateu
(San Mateo-Vilapedre): As fontes documentais falan da existencia dun cenobio familiar posto
baixo o padroado do apóstolo San Mateo. Pouco se sabe del, pero si que foi fundado antes do 960 xa que o 17 de maio dese ano
Egeredo e a súa dona Rosula puxéronno baixo a xurisdición de Samos: "est ipsum
monasterium territorio Gallacie, costa mans Paramo, discurrente fluvio
Sarrie, villa quam nuncupant villa Petri et ecclesie Sancti Mathei
apostoli et evangeliste". Os doantes, como era costume na época, solicitan a Samos o privilexio de seren enterrados nese mosteiro onde os monxes lle adicarían as obrigadas oracións polas súas almas. Un documento do 3 de marzo do 961 recolle unha doazón a favor de San Paio por Leodegundia que herdara dos seus pais, Violentus (que xa falecera) e Eutrocia, unhas terras próximas ao cenobio. Era monxa do mosteiro de onde era abadesa a súa tía Visteverga pois confirma como tal o documento. Tamén cita a un primo seu, Tanico Dominico, ao que deixa unha vila en Neira de Cabaleiros (Láncara), preto do tamén desaparecido mosteiro de San Paio. As confirmacións deste documento permítenos coñecer a outras moradoras
de San Mateo: Ildoara, Iulia, Teodiberta e Teodildi (viúva), esta
última irmá de Visteberga. A nai de Leodegundia, Eutrocia, propietaria do mosteiro de San Paio, asina como testemuña. A súa desaparición debeu producirse pouco despois do ano 963 xa que non se menciona nos títulos das propiedades do mosteiro de Samos. Descoñécese onde estivo situado exactamente. Malia que o PXOM do Concello de Sarria lévao para o sitio onde se ergue
a igrexa e o cemiterio de San Fiz de Vilapedre, a tradición sitúao
nunha finca de Calleiros, parroquia de San Miguel de Vilapedre, a 350 metros do núcleo de San Mateo (polo sitio pasa o rego do mesmo nome). Contáronme que hai uns quince anos celebrouse unha festa na honra do santo onde se supón estaba o mosteiro. Que eu saiba non se coñecen restos, se ben unha pía bautismal en granito que hai xunto a igrexa de San Fiz puído pertencer ao desaparecido cenobio.
Priorado de San Paio (Santiago de César): San Rosendo interviu no ano 960 nun preito co abade Novidio e
os seus frades de Samos por causa da Casa de San Paio, na vila de Cesar,
con todas as súas herdades e servos. Para resolver a cuestión
compareceron ante o rei Sancho en Larín. A intervención de Rosendo tiña
a súa causa en que Loci Sancti Iacobi (Santiago de Barbadelo) recibira parte desa casa.
No actual concello de Sarria documéntanse os pequenos mosteiros de Santa María de Ortoá, San Pedro de Taíde (Barbadelo), San Salvador da Pinza, San Paio de Piñeira e San Miguel de Piñeira (San Miguel de Piñeira), San Xoán de Couso (San Miguel de Piñeira) con capela nunha finca particular onde roubaron as imaxes, mosteiro da ermida de Nespereira (Santiago de Nespereira), Santa María de Corvelle, San Vicenzo de Froián onde se conserva a igrexa.
Mosteiro de San Martiño de A Cova:
A igrexa románica do século XII pertenceu a un mosteiro de Coengos
Regulares de San Agostiño. O primeiro documento data do 1241, cando o
seu prior fai un cambio de bens co mosteiro de Santo Estevo de Ribas de
Sil. No 1243 figura "donus Petrus Iohannis prior monasterii Sancti Martini de Cova". Outro documento fala dunha doazón feita no ano 1260 ao bispo de
Lugo Rodrigo, de bens de Santa María de Piñeira, que leva, entre as
suscricións a do Mestre Fernando, prior de A Cova. No ano 1262, o papa
Urbano IV outorga unha bula ao prior e convento da igrexa de S. Martín de Ripa
(nidia alusión pola súa situación na ribeira do Miño) da orde de San
Agostiño, na diócese de Lugo. No 1266 fúndase na catedral de Lugo un "anniversarium Magistri Fernandi, prioris de Sancto Martino de Cova". En 1297, Fernando Martínez, arcediago de Sarria, manda no seu testamento ao "Monasterio Sancti Martini de Riba CC solidos". Na Era 1415 (ano 1377), o prior Xoán
Gómez, con outorgamento de Garzia Martínez, Pero Eánez e Gonzalo Pérez,
coengos deste mosteiro, fixo permuta dalgúns bens co bispo de Lugo Pedro
López de Aguiar, quen deu a dito prior e coengos os que tiña na
freguesía, e eles cederon todo o que tiñan no castelo de Asma, no lugar
de Santa María do Castelo, cuxo instrumento foi outorgado en Diomondi.
No Archivo Histórico Nacional consérvanse trinta e catro
pergameos datados entre o 1298 e o 1528, ademais doutros documentos. A
época de desaparición do mosteiro é descoñecida; no 1728 foi erixida
entre as dignidades da catedral de Lugo, a do priorado de A Cova que só
había durar noventa e seis anos, pois foi suprimida no 1824. O templo
conserva a fábrica orixinal case na súa totalidade, aínda que con
elementos decorativos sinxelos. A porta principal amosa un arco de medio
punto con dúas arquivoltas. A ábsida está dividida en tres partes por
dúas semi-columnas. Está situada nun lugar privilexiado, nunha zona arrodeada de viñedos e con vistas sobre o río Miño, fronte ao Cabo do
Mundo.
Mosteiro de San Paio de Diomondi: Diomondi é citado en varios diplomas como Damundi (954), Domni Gemondi (376), Dondamondi (1138), Deumundi (1164), Deomundi (1178) e Doemundi (1189). A primeira noticia do cenobio data do 24 de xuño do ano 954, nunha doazón que fai deste Hermenexildo, bispo de Lugo, ao seu tío, o abade Randino. Mudou
a súa advocación de Santo Estevo pola de San Paio entre o 1138 e o
1164, en honra do sobriño do bispo de Tui, xove mártir galego decapitado
en Córdoba. Neste
ano está en mans de Fernando II quen o cede á Igrexa de Lugo no 1190; logo
foille arrebatado por Afonso IX, séndolle devolto de novo no 1231 por
Fernando III. No 1366 consta unha terceira doazón á catedral cando
Fernando Ruiz de Castro, debido aos males que lle fixera, doa ao bispo
de Lugo, frei Pedro López, "o meu couto e feligresia de san Payo de Diomonde, con Belsar, que he en terra de Lemos, co dereito de poñer nel mayordomo e juices e notarios e oficiaes de justicia et tirarlos quando cumprir",
prohibíndolles aos de Monforte e terra de Lemos entraren nel. Nestes
documentos non constan monxes, abades, abadesas, priores, prioresas,
coéngos ou racioneiros polo que debía estar a maior parte deste tempo
sen comunidade, estando baleiro no 1366. Mais o seu fermoso templo
románico amosa que debeu ser sé dun cenobio aínda que nada se saiba del,
con independeza de que o dono ou padroeiro fose o bispo de Lugo, o
adiantado maior de Galicia ou o conde de Lemos. F. J. Pérez Rodríguez di
que debeu desaparecer a principios do século XIII. Hai quen sitúa eiquí aos cabaleiros da Orde do Temple. A
igrexa, construída con muros de cadeirado de granito, ten unha nave de
planta rectangular. Fachada con portada abucinada enmarcada por catro
arquivoltas apoiadas en columnas de fuste de mármore e capiteis
historiados. Por baixo do tímpano, liso sobre mochetas con forma de
monstros, hai unha inscrición; os arcos de descarga que a flanquean
semellan portas. O aleiro está decorado con canzorros de figuras
xeométricas e un alquerque reutilizado. Espadana granítica de dous vans. No interior consérvanse
unha pía bautismal do século XIII, unha cruz de prata do XVIII e tres
retábulos neoclásicos do século XIX.
Mosteiro de Santa Cecilia de Freán:
Foi algún tempo mosteiro. A xurisdición civil e criminal era do conde
de Lemos. O mosteiro dá a congra e os décimos a un sacerdote para que
administre os Santos Sacramentos aos fregueses, e a comunidade tiña
tamén o dereito de presentación por estar unida a Rosende.
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño:
Bieitos. Dependía de Samos. Citado por primeira vez como mosteiro no ano 1238 en que Guillermo Núñez cede a Oseira o dereito de padroado "in monasterio Sancti Victoris et sancti Stephani Ripe Minei et sancti Iuliani de Moreda in Lemos". Malia o anterior, Ángel del Castillo sinala que foi doado no 976 ao mosteiro de Diomondi. A finais do século
XIV é sé dunha abadía segrar xa que entre os anos 1377 e 1388 o seu
superior é "Estevoo Rodrigues, prelado do moesteyro de Santo Estevo". Na segunda metade do século XV conta aínda cun abade. No Archivo Histórico Nacional
consérvase do mosteiro de Santo Estevo un pergameo tardío do século XIV
e dous cartafoles de papeis. No Cartulario de Pombeiro do ano 1460 cítase como "moesteiro de San Esteuvo de Riba de Mino". En abril de 1772 era abade Agustín Montenegro. A igrexa foi construída no último terzo do século XII
en estilo románico rural galego. Consta de nave e ábsida, e espadana exenta. Na fachada
aprécianse dúas partes ben diferenciadas: a inferior, con portada con
arquivoltas abucinadas na que sobresaen sete figuras que representan aos
sete anciáns da Apocalípse, que amosan a pegada da escola do Mestre
Mateo, e capiteis con decoración xeométrica e vexetal sobre catro
columnas. Na outra parte ábrese un enorme rosetón baixo o que hai un
tornachoivas formado por arcos. A ábsida, máis reducida e baixa ca nave,
consta dun primeiro tramo recto e outro semicircular. O tambor presenta
tres absidiolas.
Mosteiro de San Vitoiro de Ribas de Miño:
Pertenceu a un mosteiro fundado no ano 929 polo abade Veremundus Páez.
Foi filial do de Pombeiro. Supostamente, o mosteiro recibiu carta de
couto de Afonso VII no 1142 grazas a Sancho Ordóñez que actúa como
procurador do abade Lopo Ordóñez. No século XIV aparecen como abades
algúns membros do cabido de Lugo. En abril de 1493 era abade Lope de Sober. No século XV San Vitoiro estaba
en mans de padroeiros laicos. A xurisdición civil e criminal levábaa o
conde de Lemos, e a presentación da igrexa o conde de Amarante. A igrexa
mosteiral aparece citada nun documento do século X. O templo actual é
do século XII e conserva case toda a súa fábrica románica, agás a
sancristía anexada ao muro sur e a parte alta dos frontais. No exterior
salienta a porta principal, con arquivoltas que desacansan sobre tres
pares de columnas de mármore, outra porta no muro norte e a ventaniña do
testeiro. No seu interior garda unha cruz de prata de estilo rococó.
Mosteiro de Nazara: Sobre este mosteiro de Nazara ou Naraza,
do que non queda pegada algunha na toponimia, tense escrito (Argaiz)
que pode ser o mesmo que o de Santo Estevo de Ribas de Miño. Deste
mosteiro, suxeito a Samos, escribe Vázquez Seijas (1947) que só
poderiamos saber se se trata do mesmo, en todo caso, polos fondos
documentais do cenobio samonense. O mosteiro, situado in villa Nazara tamén é citado polo P. Yepes. Castro López, en Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca (1929), limítase a nomealo entre as lembranzas mosteirais da ourela esquerda do Miño.
SOBER
Bailía templaria de Canaval: No 1115, Munio Romáriz e a súa muller María Pérez concedían ao mosteiro de San Pedro de Valverde, en Monforte de Lemos, un pequeno cenobio preto de Monforte e varias propiedades, entre elas a igrexa de San Pedro de Canaval ("Damus
ipsa eclesia Sancto Petro de Kannabales..."), ignorándose cando deixou de pertencer a estes monxes para acabar en mans templarias (Bouzón Custodio, 2022). No ano 1244 é cando se cita en Canaval unha bailía da orde monástico-militar dos
Templarios ("balie de Canaval"), se ben xa estarían eiquí anos antes. Neste mesma concordia do bispo de Lugo cos templarios dise que estes monxes posuían Canabal (Canaval, en Sober), Spasandi (Espasantes, en Pantón?), Sancto Georgio de Canedo (Santiorxo, en Sober?, ou Santiorxo, na Pobra do Brollón?), Villaoscura (Vilaescura, en Sober), Sancto Saturnino de Bacorele (Bacorelle, en Monforte de Lemos?, ou Bacorelle, en Paradela?) e Sancto Estevano de Barbadelo (descoñécese onde estaría este Santo Estevo de Barbadelo; a advocación á igrexa de Barbadelo, en Sarria, é a Santiago). No ano 1291 era comendador de Canaval e Neira frei Miguel Martiz (conxectúrase que Neira sería Neira de Cabaleiros, en Láncara, se ben o topónimo pervive tamén en Baralla (3) e O Páramo). En documentos papais do ano 1296 menciónanse varias bailías galegas, entre elas a de Canaval (as outras eran as de Faro, Betanzos, San Sadurniño, Lendo, San Fiz do Ermo, Neira, Amoeiro e Coia), entregadas a
"João Fernandes cum omnibus bonis iuribus, proprietatibus,
possessionibus acquisitis et acquirendis, dominiis, iurisdictionibus
et prouentiis uniuersis".
A derradeira mención é do ano 1310 (citación xudicial de Tordesillas promulgado polo arcebispo de Toledo, por mandato do papa Clemente V, para que os cabaleiros templarios comparecesen en Medina del Campo á raíz da persecución e aolición da orde polo rei francés Felipe IV a partir do 1307) era comendador de Canabal e Neira "fratri Didaco Gomecii comendatori baylivarum de Canaval et Neyra...", e dous freires "fratri Fernando et fratri Nuno qui consueverunt habitare en dictis baylivis..." (só se coñecen os nomes destes dous freires). Tras a disolución definitiva da Orde do Temple no 1312 no Concilio de Vienne (Bula Vox in Excelso, emitida por Clemente V)), Canaval pasou a mans da poderosa familia dos Castro. O 4 de agosto de 1391, Pedro de Lemos fai doazón ao seu vasalo Ares Rodríguez dos Castilloes das "feligresias de San Vicencio de Castillon et de la de Santiago de Castillon, de la feligresia de Santalla de Toris et de la feligresia de San Romao de Paderne et de la feligresia de San Momede... palacios et heredades de Canaval, las cuales dichas feligresias et palacios et heredades de mi tierra de Lemos... merced que me dellos fizo el Rey don Enrrique mi tio...". O templo conserva restos da súa fasquía románica na portada principal e na ábsida. Restaurouse no século XVII.
Mosteiro de Santa María de Amandi: Villa Amandi aparece no testamento do bispo Odoario (bispo de Lugo e Braga entre os anos 740 e 780) no ano 747: "villa quos vocitant Amandi, cum ecclesia ibi fundata Santae Mariae... per terminum inter Sancta Maria et Lovios, de alia pate per illas Petras de Canton, et de tertia pars ad illa Peraria de Oldriti,et inde ad Portum de Guntin". No ano 841, Afonso II doa á igrexa de Lugo "in
territorio Verosimo (Brosmos), prope rivulo, iuxta Castrum vocitatum Francos,
aliud monasterium ab antiquo dictum S. Mariae de Amandi, quod peccato impediente destructum est ab hismaelitis et a me reedificatum". No 897, Afonso III confirma á igrexa lucense "in Verosmo monasterium Sancte Marie de Amandi cun eclesia S. Tirsi et iu adiunctionibus ab integro". No 989, o confesor Buisano fai ao mosteiro de "domini Amandi" a doazón dunha "hereditas in Otrizi (debe referirse a Viloudriz), prope ecclesiam Sancti Tirsi". No 1160, os coengos de Lugo tiñan "in Verosimo eccleisam Sanctae Mariae de Amandi per terminos suos quam longo tempore possedit Lucensis Ecclesia, cun familiis suis". Dise que foi destruído polos árabes. Apenas quedan trazas da igrexa románica, o templo, de planta rectangular, foi totalmente reconstruído cos materiais da antiga igrexa no ano 1804. No Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense (1914) di Arias Sanjurjo que o templo primitivo atopábase a 300 metros do actual, "iuxta Castrum Francos". No interior consérvase un retábulo maior neoclásico con tallas dos séculos XVII e XIX.
Mosteiro de San Salvador de Lobios:
A igrexa, posta baixo o padroado de San Xillao, estivo vencellada a un mosteiro bieito desaparecido, unha rama feminina da rama masculina de Santa María de Amandi. En Lobios aínda
perdura o topónimo O Mosteiro. As primeiras mencións documentais ao
cenobio datan do ano 1252, se ben a súa fundación debeu ser anterior (o sitio xa se cita como Lovios no ano 747, no testamento do bispo Odoario de Lugo). En agosto de 1450 era abadesa Constanza Gonzalo que recibe do mosteiro de Montederramo o lugar do Pacio, na fregusía de Santa María de Bolmente. O 23 de agosto de 1487 documentáse un seguro a favor da abadesa de San Xián amparándoa contra Diego de Lemos e outros nobres. No ano 1494 foi
visitado polos observantes de Valladolid que só atoparon residindo alí a
abadesa e unha monxa de nome Aldonza Rodríguez, ás que acusaron dun
bo número de faltas á vida relixiosa, depoñendo á abadesa e suprimindo a
vida monacal. Dona Constanza fuxiu de Antealtares e volveu para Lobios,
onde, protexida pola súa familia, vivirá ata o 1516, feito que
termina coa historia de San Xián. No 1505 dona Constanza fora unha das
cinco abadesas que acordara con Diego de Muros III entregar a súa abadía
ao Hospital Real de Santiago, aínda que posteriormente renunciou ao seu
cargo en favor da Santa Sé en 1513. No 1516 foi absorvido por San Paio
de Antealtares. A
derradeira abadesa foi Catalina Vázquez de Somoza. A Igrexa ten a orixe nun templo románico do século XIII
con elementos que mostran a transición ao estilo oxival. Nave con bóveda
de canón apuntado no testeiro e cabeceira con bóveda de crucería. A
portada é abucinada, con arco de medio punto con catro arquivoltas
decoradas con rosetas e bólas, os capiteis presentan motivos vexetais. A
ábsida é rectangular, dividida en dous tramos por dúas columnas con
capiteis entrenzados. No interior ten un tramo cuberto con bóveda
nervada que se apoia en columnas con capiteis con símbolos, adornados
con pinturas, dos catro evanxelistas: anxo, touro, león e aguia.
Priorado de Doade:
Foi fundación bieita que dependía do mosteiro de San Vicente do Pino,
en Monforte. Relacionado coa producción do viño, no Arquivo Histórico Nacional consérvase un libro coas rendas de viño que producía o priorado entre 1797 e 1838. Coa Desamortización de
Mendizábal do XIX remataron os décimos que tiñan que pagar os veciños da
zona, século no que pasou a mans particulares.
Priorado de Portizó (Anllo): Citado como Portoçoo no 1385. No Inventario Artístico de Lugo y su Provincia (1976-1983) cítase o Priorato de Portizó con restos dunha capela e unha alusión ao abade de Meira no ano 1405. O 3 de novembro de 1673, Ludovicus de Bourlemont, auditor apostólico, outorga carta sobre o padroado das igrexa de Proendos e Anllo ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil; o documento foi dado en Roma ante o notario apostólico Vicente Cicelli. No Arquivo Histórico Nacional consérvanse executorias, foros, apeos, etc. entre os anos 1573 e 1749 da granxa-priorado de Portizó. Na freguesía de San Estevo de Anllo tiñan propiedades os mosteiros de Santa María de Meira e San Estevo de Ribas de Sil. Consérvase unha construción en mal estado; no lintel dunha porta hai un adorno cunha inscrición.
Priorado de San Miguel de Rosende:
Bieitos. Sábese que xa existía no ano 1246, dependente de Santo Estevo
de Ribas do Sil. Apenas queda algún resto románico nas varias veces
reconstruída igrexa. No ano 1218, a igrexa noméase de Sancto Michele de Roosinde, e ecclesiam Sancti Michaelis de Rousende no 1246, ou San Miguel de Rosende no 1370. No Arquivo Histórico Nacional consérvanse varios documentos onde se recollen as rendas que percibía.
Igrexa de Vilaescura: No ano 1244 asinouse a concordia entre o bispo de Lugo e o mestre
provincial do Temple, Martín Martínez, acerca dos dereitos episcopais
das 17 igrexas templarias existentes na diócese de Lugo, entre elas a de Vilaescura. Ao mestre templario correspondía a presentación dos cregos, podendo ser tanto seculares como da propia Orde.
TABOADA
Mosteiro de San Pedro de Esperante: En
Compostellanum
do mes de xaneiro de 2016, José Méndez Pérez, Begoña González
Aguiar e Claudio Otero Eiriz achegan un traballo titulado O
mosteiro de San Pedro de Esperante,
do que non quedarían restos, que sitúan no concello de Taboada.
Xustifican a súa
existencia
por
referencias
que din acreditadas en fontes documentais “indirectas”, entre
outras unhas pedras que “están fóra do seu contexto orixinal
dispersas en varios lugares e nuns topónimos de leiras…”. A
continuación citan uns diplomas de Oseira publicados por Romaní
Martínez onde aparecen referencias ao mosteiro de San Pedro de
Esperante. Un dos documentos está datado o 9 de abril de 1238, no
que Guillermo Núñez doa ao mosteiro de Oseira o padroado que tiña
sobre a igrexa de Lobáns así como outros dereitos que tiña en
diversos mosteiros e igrexas, entre outros o de Esperante: “… ht
ad mortem meam recipiat in perpetuum habendum quicquid patronatus
habeo et habere debeo in monasterio sancti Victoris et sancti
Estephani Ripe Minei et sancti Juliani de Moreda, in Lemos, similiter
in ecclesia sancti Verissimi de Bouzua, sancti Vicenii de Argozon,
sancti Martini de Mato, sancta Marta e in monasterio de Speranti…”.
Nun documento do 8 de marzo de 1254, nun testamento que Arias Pérez
outorga antes de partir de viaxe a Castela fala das súas posesións
en Esperante que son o couto e as igrexas de San Pedro e Santa Marta.
Santa Marta,
segundo os autores, sería a primeira
titular, e
despois
de Santiago,
parroquia
distinta do mosteiro de Esperante ou San Pedro, de
feito no 1238 cítase “… santa
Martha et in monasterio de Speranti”,
e no 1254 “… sancti
Pietri et sancte Marthe”
(no século XV desaparece Santa Marta e cítase só como Santiago). A
fundación deste mosteiro familiar vencéllanna coa casa torre de
Vilar. A súa localización estaría na aldea de Mosteiro onde tamén
se atopan varias referencias na microtoponimia. Entre
outras pedras esparexidas pola parroquia, nomean unha pía de auga
bendita que hai en Mosteiro que puído pertencer ao desparecido
cenobio, umha imaxe en pedra de María reutilizada sobre a porta
dunha casa, un lintel con arco conopial, etc. Rematan conxecturando
que a capela do San Pedro do pazo de Vilar foi feita coas pedras do
cenobio. Mosteiro de Santa María de Taboada dos Freires:
Consérvase a igrexa románica do ano 1190 construída pola Orde monástico-militar do Temple. O topónimo apunta a que eiquí residía unha comunidade de freires cuxo cenobio, segundo a tradición
oral, ocuparía o lugar onde se atopa a horta da reitoral. Existe un
documento do ano 1244 que fala dunha concordia asinada polo bispo polos
dereitos do Cabido sobre varias posesións que os cabaleiros do Temple
tiñan no lugar. Co nome de Taboada dos Freires figura nunha escritura do
cenobio outorgada no ano 1369 entre o bispo de Lugo, Fr. Pedro López e
María Moñiz. A igrexa debeu continuar en poder dos templarios ata a
supresión da orde. No ano 1927 a edificación románica sufriu
modificacións na fachada e noutros elementos. O máis interesante que
aínda conserva o templo é o tímpano (no ano 1935 retiróuselle a cal que o cubría) no que figura
unha inscrición cos nomes da persoa que a mandou contruír (Eldara), do arquitecto (Pelagius) e a data da súa construción (Era 1228 que se corresponde co ano 1190), e o
altorrelevo que representa a Sansón desqueixando a un león (esta
representación podemos vela tamén nas igrexas de Santiago de Taboada,
Santa Olaia de Beiro, San Martiño de Moldes, Santiago de Taboada, San
Xoán de Palmou e San Miguel de Oleiros). A inscrición, segundo José Ramón y Fernández, no artigo Santa María de Taboada dos Freires, aparecido no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense (1945), di: "+ IN N(omin)E: D(omi)NI:N(o)S(tr)I IH(es)V: CHR(ist)I: IN HON(or)AE: SANTE: MARIE EL(dar)A: C(onsecravit): FLERES... (h)V(nc): TE(m)PLV(m): ERA MCCXXVIII PELAGIVS: MAGISTER: IHOAN(n)E: Q(u)I NOTVIT".
Mosteiro de Santa María de Xián:
Consérvase a igrexa, documentada no ano 786. Tamén se conserva outro
documento do ano 897, nunha doazón do rei galego Afonso III. No 1199
Urraca Fernández de Traba doálle ao cenobio "XXX solidos". Do 1211 é
o testamento dunha abadesa de Xián, de nome Gontrode Ruderici. Do 1229
é unha concordia entre o prior de Vilar de Donas e a abadesa de Xián para que esta lle pagase "duos modios annuatim in Sancto Martino... de Solengas" (refírese a San Martiño do Castro de Soengas, en Portomarín). Un
documento do ano 1245, escrito en latín, fala deste mosteiro familiar
habitado por monxas; nel establécese a venta ao bispo de Lugo, Miguel, de varias herdades pola dificultade que tiñan para cobar as rendas. Amor Meilán cítao na súa Historia de la provincia de Lugo, tomando como noticia a España Sagrada
do P. Risco. A súa desaparición debeu ser antes do século XIV. Aínda
hoxe en día se conserva a tradición na xente do lugar de Xián que o
sitúa xunto a igrexa parroquial, nuns terreos que levan o nome de O
Mosteiro. No lugar houbo unha sepultura antropoide escavada na rocha que foi destruída.
Priorato de San Vicente de Mourulle: A
única referencia que tiña do priorado
de San Vicente de Mourulle
saqueino
do
Diccionario...
de
Pascual Madoz (1845-1850) que
di que
foi priorado bieito dependente do mosteiro de Samos (“…
fue priorato de Benedictinos
perteneciente al monast. de Sanios”.
O
que pode
chamar
a atención é esa
pertenza a Samos cando na
documentación que cito,
a relación sempre é co de Santa María de Ferreira, en Guntín de
Pallares. Pero
no
ano 1517 ou 1518, por mor da reforma dos mosteiros galegos emprendida
polos reis
católicos,
Ferreira
pasa
a depender de Samos como priorado.
Ao
longo do tempo, o mosteiro de Ferreira recibe varias doazóns en
Mourulle
(1333,
1362,
1411,
1425),
e
afora
propiedades (1317,
1355, 1397, 1406, 1422,
1428, 1451, 1458, 1480, 1513).
Tamén se documentan preitos (1339), ventas (1218, 1240, 1278), e
acordos (1310).
Os documentos máis antigos que atopei da
freguesía de San Vicente de Mourulle datan da "Era Mª CCC
XVI et quot kalendas novembris" (1 de novembro de 1278), en
que Mayor e Sancha Pérez, fillas de Pedro Suárez e de Teresa
Alfonsi, venden ao mosteiro de Ferreira todo canto posuían en
Mourulle, e outro do mes de novembro de 1218 ("Facta carta in
mense nouenber, sub Era M CC L VI). Na “Era M CC LXX VIII
mense iunii” (xuño de 1240), Teresa Alfonsi e os seus fillos
venden unhas herdades en Mourulle a Munio Fernández de Rodeiro.
Tamén
se cita noutro
datado na “Era de mill e quatroçentos anos o
pustromeiro día de o mes dagosto” (31 de agosto de 1362). No
ano 1347 era
decano da igrexa Diego Fernández, e capelán Gonzalo Martínez. O
mosteiro de Ferreira tamén
afora, no 1451, "el
pazo viejo de Mourulle"
a Gonzalo Fernández a condición de que o repare. Interesante
é un
libro de rendas do priorado
entre 1813 e 1835, que
inclúe
unha listaxe
dos priores entre os anos 1631 e 1832.
TRABADA
Mosteiro de Santa María:
Na vila de Trabada houbo un mosteiro, coetáneo do cenobio de Sperautano
(ver a entrada en Ribadeo) que permaneceu activo ata a exclaustración
dos monxes no ano 1836. Crese que se atopaba xunto a igrexa parroquial. A mediados do século X tiña por abade a Verdago. No ano 1085 Azenar Eolalia e a súa muller Tota Veremudiz fan unha doazón ao abade de Lourenzá, Guterre: "Damos e concedemos as vilas que se nomean, isto é, a cuarta de Trabada... e a cuarta de Río... E pertencen esas vilas a Santa María de Trabada, baixo do monte Cabanela, e doutra parte por Scileira (?) e despois por Alvarón e de alí pola Pena de sobre Vilaformán e de alí por Monte Sandeu e de alí por Petras Latas (?), segundo discorre o río Trabada". Segundo Pedro Reigosa Pedrosa, chantre da catedral de Oviedo, non foi incorporado ao mosteiro de Vilanova de Lourenzá por Ordoño IV, coma outros da zona, subsistindo como mosteiro independente baixo a rega de San Bieito.
TRIACASTELA
Mosteiro de Ramil:
Nicandro Ares cita un documento do ano 1122 no que consta que un tal
Fernandus Roderiquiz dóalle ao bispo de Lugo, Pedro III, e aos seus
coengos, varias herdades entre as cales está a "sexta monastei de Ramir". No século X menciónase un mosteiro de Triacastela.
Mosteiro de San Pedro do Ermo
(A Balsa): San Pedro do Ermo é unha aldea da parroquia de San Breixo da Balsa, no concello de Triacastela. Está situada a uns 850 metros de altitude, entre os regueiros de San Pedro e do Val Escuro. Hai unhas doce casas, a maioría en estado de ruína ou semirruína. No ano 2018 só había dúas habitadas, acollendo a media ducia de habitantes. Antigamente pasaba por eiquí o Camiño Francés de Santiago (agora xa non pasa). Segundo a escasa documentación que se conserva, no século IX fundouse eiquí un mosteiro, supoñemos que pequeno, posto baixo o padroado dos apóstolos Pedro e Paulo. Descoñécese quen o fundou, pero si se sabe que foi restaurado polo conde Gatón do Bierzo (uns din que fillo de Ramiro I e irmán de Ordoño I, outros supóñenno cuñado deste último), acadando o máximo explendor cara o ano 900. Gatón dooulle a vila de Ranimiro (Ramil). Nun documento do ano 919 do rei galego Ordoño II (871-924) di que se atopa "in territorio Triacastelle". O mosteiro tamén foi favorecido pola primeira esposa de Ordoño, Elvira Menéndez (864-921). No 922, Ordoño doa o mosteiro de San
Pedro e San Paulo á Igrexa Compostelá, asinando tal cesión o bispo Recaredo de Lugo, Frunimio de León e Fortis de Astorga, desaparecendo dende entón as mencións a este cenobio (nalgunha publicación dise, erradamente, que a doazón produciuse no ano 992). En anos posteriores orixináronse unha serie de desputas entre as Igrexas de Lugo e de León pola súa posesión. Ordoño II confirma este mosteiro a un "sancto abbati", forma curiosa para cualificar como santo a un abade en vida, polo que o etimólogo Nicandro Ares cre que Sancto non
é eiquí un adxectivo, senón un substantivo e nome persoal do abade, que
se podería traducir por Sancho. Non se conservan restos visibles. O único que vimos foi unha abandonada e arruinada ermida de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No interior hai un tosco retábulo sen imaxes e dúas pequenas pías de granito; unha delas semella reutilizada para esta función. Dise que cando hai bastantes anos se fixeron movementos de terra saíron á luz restos de muros de boa factura e algún tramo de chan empedrado, ademais de varias tumbas. Nós só vimos un sartego que en tempos foi utilizado como bebedoiro para o gando.
Priorado de San Salvador de Toldaos: A igrexa foi fundada polos monxes de Samos antes do ano 1159. Conserva a Virxe Abrideira en madeira do século XIV que ao abrirse mostra no seu interior unha representación trinitaria.
O VALADOURO
Convento da Veiga de Santa Cruz:
Non se conservan restos. Dise que o Adán e a Eva flanqueados por
Satanás que se ve no lintel da igrexa de Santa Cruz do Valadouro procede
deste cenobio.
Mosteiro de Bermún:
Na parroquia de Santa Cruz do Valadouro. Bieitos. Desaparecido. Na
documentación antiga aparece como Vermundo. Citado na Idade Media como "monasterio de Veremudi". Segundo Amor Meilán foi
fundado polo Conde Santo. Hai investigadores que cren que os mosteiros
da Veiga de Santa Cruz e Bermún son o mesmo.
Mosteiro de Santa Ana ou Santana: Só dispoño de imprecisas citas na rede.
O VICEDO
Mosteiro de San Miguel da Illa da Coelleira:
Segundo Amor Meilán, a súa fundación remóntase ao século V polo bispo
Consencio. Os primeiros documentos datan dos anos 1095 e 1099. Sábese
que estivo rexentado polos Coengos Regulares de San Agostiño, mais a
ausencia de documentación dende o 1099 ata o 1420 deu lugar a varias
lendas que sitúan eiquí aos templarios. No 1485 o seu prior cédeo a San
Martiño de Mondoñedo, confirmación concedida no 1489 polo bispo de
Mondoñedo e no 1490 polo bispo de Catania. Aparece citado nun documento
do ano 1488, nunha relación do bispado de Mondoñedo para o pagamento do
subsidio da guerra de Granada, tendo que aboar a cantidade de seis mil
cincocentos marabedís, o mesmo que San Miguel das Negradas. Para máis información, ver un meu artigo, Historia e lenda da Illa da Coelleira, en: http://patrimoniodovicedo.blogspot.com/2011/06/historia-e-lenda-da-illa-da-coelleira.html
Mosteiro da Insua de San Martiño:
É moi complicado seguir a súa traxectoria xa que é o único mosteiro
bieito do que non se conservan documentos anteriores á súa anexión a San
Paio de Antealtares no ano 1504. Sábese que era de carácter
patrimonial e familiar. Só se conservan algunhas pedras esparexidas polo
illote situado preto da desembocadura do río Sor.
Mosteiro de San Miguel das Negradas:
Di Pérez Rodríguez (2008) que este mosteiro é o peor documentado de
toda a Idade Media galega posto que só se sabe del en 1488, cando
aparece na relación feita polo bispado de Mondoñedo para o pagamento do
subsidio da guerra de Granada, correspondéndolle pagar seis mil
cincocentos maravedís, o que indica que é un dos máis pequenos e pobres
da Galicia medieval. Foi a última casa feminina en incorporarse á
observancia de Valladolid. A súa última prioresa foi dona María Viçosa,
que a pesares de que a audiencia arcebispal de Santiago a apoiou, ao
final a casa pasou á Congregación de Valladolid no ano 1514. No 1543 foi
absorvido por San Paio de Antealtares.
VILALBA
Mosteiro
de San Xiao de Mourence: O
mosteiro de San Xiao de Mourence
aparece
citado
nun documento, conservado
no Arquivo de Simancas,
do 5 de outubro de 1486. Polo
de agora, que nós saibamos, é o único documentado no concello de
Vilalba. Sobre
este mosteiro só atopamos unha reseña no Anuario
de Estudios Medievales (xaneiro-xuño,
2011), nun artigo sobre a casa dos Moscoso
do investigador Carlos
José Galbán Malagón que tamén cita o documento que achegamos. No
documento ordénase
a Lope Sánchez de Moscoso e Ulloa e
a Urraca de Moscoso e consortes para
que presenten os
títulos das posesións que quitaran ao mosteiro de San Xiao de
Mourence. Este Lope de Moscoso chegou a apropiarse dunha boa parte
das vilas e coutos da Igrexa, restaurando fortalezas derrubadas polos
Irmandiños e erixindo outras novas, feitos
denunciados polo rei Enrique IV no ano 1470.
A partir do 1475 documéntanse cartas reais condenando a súa
conduta, apremiándoo a que devolvera os bens usurpados á Igrexa,
entre outros os pertencentes a este mosteiro de Mourence. Na
parroquia está o
lugar de Dona Orraca, topónimo formado por
un nome feminino de persoa que quizais
tomou de Urraca
de Moscoso
(casada por segunda vez con Pedro Álvarez Osorio, conde de
Trastámara), citado
como Orraca
no ano 1467, no testamento do seu irmán Álvaro Pérez de Moscoso
cando lle concede, en caso de que Lope non
tivera descendencia, como así aconteceu, o título de condesa de
Altamira. Malia
o anterior, o lugar de Dona Orraca tamén pode facer referencia á
raíña Dona
Urraca, a nai do rei Afonso VII, quen no
ano 1124 fan un reparto (segundo
recolleu o que fora
sacerdote e arquiveiro da Catedral de Mondoñedo Enrique Cal Pardo no
ano 1999) de
freguesías entre o bispo de Mondoñedo e o conde Rodrigo Velaz,
entre outras a de S. Juliani de Maurenti
(San Xiao de Mourence), nome
en latín que
tamén recolle
o P. Flórez
na España Sagrada
(1764), polo
que a igrexa actual, que semella que do século XVI ou XVII, debeu
substituír a outra máis antiga.
Descoñecemos
se o de Mourence
estaba habitado por monxas, monxes ou era dúplice (mulleres e
homes). Na parroquia está a aldea de Os
Freires, clara alusión a integrantes
masculinos dunha
orde relixiosa. Pero tamén temos o regato
das Donas que podería facer referencia a
unhas monxas ou “donas”
que nalgún momento habitarían o mosteiro,
pode que referido a damas da nobreza
que tomaron os
hábitos. O termo
“donas” aparece asociado na
Galicia da Idade
Media a varios mosteiros ou priorados
femininos: Nosa Señora das Donas, en Xanrozo (Betanzos); San Breixo
das Donas (Boqueixón); Vilar de Donas (Palas de Rei); Casa das Donas
no mosteiro do Salvador (Pantón); mosteiro
das Donas, en Órrea (Riotorto); as Donas no mosteiro do Salvador
(Arnoia); Donas do mosteiro de Arcos de Furco (Cuntis); ou Santa
Olaia das Donas (Gondomar). No ano 1724
aparece outro Ulloa en Mourence; trátase de José Francisco de Prado
e Ulloa, litigante nun preito cun seu irmán sobre separación de
bens. Nos interrogatorios do Catastro de
Ensenada, celebrados
na freguesía de San Xiao de Mourenze
(aparece con “z”) o 10 de febreiro de
1753, na pregunta 15, relativa a quen pagaban os veciños por razón
de dezmos, primicias, etc., contestan que, ademais
de a condesa de Lemos e á catedral de Mondoñedo,
un dos beneficiarios era “Franciso
Xavier de Ulloa y Vecerra, vecino de la ciudad de Lugo”,
descendente da familia
do dito Lope Sánchez de Moscoso e
Ulloa. A pesar de
que en Galicia non resulta infrecuente atopar parroquias que leven o
mesmo nome (incluso a advocación), o que
na documentación antiga podería levar a confusión, non é o caso
da do concello de Vilalba de San Xiao de Mourence xa que só hai unha
e que xa se cita, como vimos máis arriba,
no primeiro terzo do século XII (ano 1124).
Deste mosteiro,
que nós saibamos,
descoñecémolo case todo: data
de fundación, quen o fundou, orde de pertenza, cando
desapareceu ou
onde estaba ubicado,
feito que só aclararía a aparición de
novos documentos.
VIVEIRO
Mosteiro de Valdeflores:
Dominicanas, século XIV. No interior da igrexa consérvase a imaxe da
Virxe de Valdeflores que, segundo a lenda, deu orixe ao nacemento do
cenobio. O mosteiro foi remodelado nos séculos XVI, XVIII e XX. A igrexa
presenta trazas románicas e oxivais. A torre do campanario é do 1618,
para a súa construción tomouse como referencia a do desaparecido
convento de San Domingos. A portada é oxival con arco interior en forma
de trevo e con arcos sostidos por columnas e capiteis de follas. Sobre
ela hai unha escultura de San Domingos proveniente do desaparecido
convento dominicano. O interior é dunha soa nave, con presbiterio e
coros alto e baixo ao fondo. Detrás do retábulo aprécianse restos de
pinturas murais. Entre o mobiliario destaca un órgano do século XVIII e
un Lignum Crucis traído de Xerusalén pola beata Constanza de
Castro. No ano 1673, Breve do papa Clemente X en que se concede
indulxencia á confraría do Santísimo Sacramento, establecida neste
mosteiro. Por liortas entre as monxas máis anciás e máis novas, foi abandonado no ano 2018; houbo denuncias da desaparición de cantorais. Ocupado logo brevemente, en outubro de 2019, acatando o mandato da orde dos Predicadores, as tres monxas que o habitaban foron obrigadas a marchar.
Convento dos dominicos: Extramuros da vila, na actual Praza de Lugo, ergueuse un
convento dominicano construído no ano 1215 e que tivo vida monástica
activa ata o seu derrube a mediados do século XIX. A comezos do século
XX iniciouse a construción dun convento no casco histórico da Cidade do
Landro (actual rúa Díaz Freijo) para acoller de novo unha comunidade dominica, mais o edificio
non chegou a rematarse. Na primeira década do século XXI o edificio foi mercado para
construír un hotel, proxecto que foi abandonado. En maio de 2012
desprendéronse ladrillos e vigas e a fachada está a desviarse
perigosamente.
Convento de San Francisco:
Franciscáns. Segundo a tradición, o convento foi fundado por San
Francisco de Asís no ano 1214 cando peregrinaba a Compostela. Ten forma
rectangular con claustro e patio no interior. A planta baixa do
claustro, do século XVIII, acollía a portería, a sala capitular, a
cociña e o refectorio, e no piso as celas. Consérvanse tres arcos
románicos descubertos no 1945 e unha porta da primitiva construción.
Hoxe en día acolle varias dependencias municipais. A igrexa é de estilo
oxival. Á portada principal accédese por medio dunha escalinata dobre.
Sobre a porta ábrese unha ventá produto dunha restauración practicada no
ano 1682. A igrexa planta é de planta de cruz latina con bóveda de medio canón e
piastras e arcos de cantaría. Sobre o cruceiro álzase a cúpula do ano
1725. A ábsida é unha das máis altas de Galicia. Na nave atópanse os
sepulcros da Beata Constanza de Castro (que nada ten que ver coa filla do mariscal Pardo de Cela que resistiu na torre de Caldaloba) e do político e escritor
Nicómedes Pastor Díaz.
Convento das Concepcionistas:
Franciscás. Convento de traza renacentista fundado no ano 1607, mercede
ao testamento outorgado por Dona María de Alas Pumariño, situado na
parte máis alta da antiga vila amurallada. Xunto a entrada da igrexa
conventual construíuse no 1925 unha gruta a semellanza da Lurdes
francesa.
Mosteiro de San Xoán de Celeiro:
Finais do século VIII. Sábese da existencia deste mosteiro polo
testamento asinado polo diácono Rodrigo, natural de Coimbra (Portugal).
XERMADE
A Ermida (Roupar): No tomo 5 do Inventario Artístico de Lugo y su provincia di que no entorno da ermida de Roupar apareceron abundantes sepulturas "antigas". Din os veciños que eiquí houbo unha comunidade de monxes.
XOVE
Mosteiro de San Estevo de Sumoas:
Finais do século VIII. Como no caso de San Xoán de Celeiro (Viveiro),
sabemos da existencia deste cenobio polo diácono Rodrigo.
Mosteiro de San Tirso de Portocelo:
Fundado a finais do século VIII sobre un primitivo castro costeiro.
Consérvanse restos do primitivo cenobio e unha capela, tamén en ruínas
do século XVII, que foi abandonada definitivamente no ano 1929. Fundado polo diácono Rodrigo de Coimbra, cuxa principal función
consistía en cohesionar o Reino de Galicia baixo a relixión católica, quen o legou a un grupo de monxas e monxes en calidade de igualdade. Nas escavacións do mes de outubro de 2020 realizadas no castro saíron á luz cinco tumbas de laxas que puideron pertencer ao cenobio.
Xabier Moure
O Noso Patrimonio
Mosteiros de Galicia (Provincia de Lugo)