* Mámoa inédita en Cerdido

Juan A. Carneiro Rey e Javier Serrano Otero, nun seu traballo, Cerdido: Patrimonio arqueolóxico-etnográfico (2000), contan que cando Federico Maciñeira explorou no ano 1943 a Serra da Capelada na busca de túmulos, só fai mención a dúas mámoas no concello de Cerdido (tivemos coñecemento deste traballo, que descoñeciamos, grazas a Xosé María Ferro Formoso). Cita primeiro unha situada no lugar denominado O Tesouro que xa daquelas se atopaba totalmente achandada pola busca de tesouros (túmulo 92 do Plano Arqueolóxico). O propietario do terreo confirmoulle aos autores que a lenda aseguraba que no sitio os mouros agochaban un tesouro con moedas de ouro, pero que nunca vira ningunha. O segundo enterramento, preto do anterior (91 do P. A.), de 15 metros de diámetro, Maciñeira tenno coma un exemplar único por estar todo formado por pequenas pedras (seguramente referíase ás que formaban a coiraza).

 

 

Din Carneiro e Serrano que localizaron un dos túmulos, de 13 x 11 metros, cortado en dirección norte-sur pola parte central debido aos traballos forestais da plantación de eucaliptos, nas coordenadas x: 581587 – y: 4832000.

 

Finalizan os autores dicindo que deron con outros topónimos relacionados co Megalitismo: A Medoña e As Medoñas. A Medoña en dous lugares: “nunha suave ladeira a poucos metros do rego do Porto…” e nunha finca, a 350 metros do anterior, “onde hai unha casa e por onde discurre a estrada local que vai á Barqueira, no lugar de Pozadauga”. E As Medoñas ao “este de Cerdido no límite co concello de Ortigueira marcado polo río Mera”. Non atoparon restos nin referencias. 

Visto o anterior, o primeiro que chama a atención é que no concello de Cerdido, situado nun territorio onde a presenza de mámoas é importante, apenas atopemos restos (non figura ningunha catalogada por Patrimonio). Ao menos no que a nós nos toca. Das dúas do Tesouro, citadas por Maciñeira, unha foi redescuberta polo cedeirés Francisco Raúl Pérez; aínda que moi achandada vese ben o cráter de violación. 

 

Canto á outra, que Carneiro e Serrano din que localizaron, tomando as coordenadas que achegan, non se atoparía no Tesouro, senón no monte da Pena, a uns 500 metros en liña recta, pertencente á aldea da Penadobico, parroquia de San Martiño de Cerdido. 

Polo de agora, tampouco localizamos os topónimos A Medoña e As Medoñas citados polos investigadores, pero non porque non existan, senón porque non atopamos quen nos informara. O que si demos foi con outro microtopónimo A Medoña en Abelleira de Abaixo, parroquia do Santo Antonio da Barqueira, onde non se aprecian restos.

 

Vaiamos agora coa nova mámoa. Hai tempo que a localizamos co LIDAR, pero faltaba confirmalo sobre o terreo, cousa que fixemos o día 1 de agosto de 2025. Atópase a uns 250 metros de altitude, na parroquia do Santo Antonio da Barqueira, case no límite coa do San Martiño de Cerdido, e a uns 50 metros da estrada local que vai do Caserío Picadeiro á Cruz Encarnada. Aínda que bastante alterada polas continuadas plantacións de eucaliptos (a nova plantación é moi recente), apréciase claramente un túmulo duns 24 metros de diámetro e 1,5 de altura. Sobre o túmulo vense restos da coiraza, e ao seu carón, desprazados, dous esteos que deberon formar parte da cámara megalítica. Aínda que con abundantes pedras sobre a mámoa, non se trata da citada por Federico Maciñeira xa que entre un lugar e o outro hai máis de 2,5 quilómetros en liña recta. Un home contounos que lembraba, cando era neno, que aínda se vía algún esteo fincado no medio da medorra. Pero debido á busca de supostos tesouros, e logo para acondicionar o terreo para as plantacións de eucaliptos, todo foi removido.

 



 

Nas inmediacións atópase a Cruz do Fraguelo ou do San Xoán de Casares.