GALIZA NOS TEXTOS ANTIGOS

Malia as abondosas referencias documentais na Antigüidade (autores gregos e romanos) e na Idade Media, a historiografía oficial contemporánea pasou silandeiramente, cando non ignorou, a Galicia. Feitos que aínda hoxendía lles custa a algúns recoñecer. Mesmo, en ocasións, atópaste, por exemplo, con referencias á Gallaecia e ao Reino de Galicia onde Galicia non aparece por ningures, como se non existira, feitos que non debemos considerar como involuntarios.

 
Nesta entrada procurarei achegar as principais referencias a Galicia, dende a Antigüidade Clásica ata a Baixa Idade Media. Para os autores gregos e romanos boto man, principalmente, dos xa "clásicos" Galicia nos textos clásicos, de Romero Masía e Pose Mesura (1987), e Gallaecia nas fontes clásicas, de Balboa Salgado (1996). Para o resto recurrín a varias publicacións citadas na bibliografía xeral do blog. 
 

Abd al Mun'im al-Himyari (Túnez?, mediados do século XIII)

Historiador e xeógrafo de orixe árabe que investigou sobre a xeografía do mundo islámico. Estudou a xeografía e historia da Península e norte de África. Fala da batalla de Simancas (Valladolid), acontecida no ano 939, entre unha coalición cristiá encabezada polo rei galego Ramiro II e os musulmáns de Abd al-Rahman III, situando o lugar da batalla en territorio galego. Di que "Entre as nacións coas que os habitantes de Al-Andalus estaban en guerra, a galega era a máis poderosa; a pesar de que os francos teñen feito a guerra aos musulmáns, os galegos constitúen os máis temibles" (transcricpción do historiador Claudio Sánchez-Albornoz en Entorno a los orígenes del feudalismo). Segundo recolle o dicionario xeográfico árabe Kitab ar Rawd al mitar (O libro do xardín fragante), escrito entre os séculos XIII e XV, que se basea en parte na obra de Muhammad al-Idrisi, nos días previos á batalla houbo unha grande eclipse de sol "que no medio do día cubriu a terra dun amarelo escuro e encheu de terror aos nosos e aos infieis, que tampouco viran na súa vida cousa semellante".
 
 
Adémar (ou Adhémar) de Chabannes (Chabannes, 988-Xerusalén?, 1030)
 
Foi un historiador e compositor francés. Viviu como monxe na abadía de Saint Martial de Limoges, onde recibiu a súa educación, e no mosteiro de Saint Cybard de Angulema. Escribiu unha Crónica, dividida en tres libros, onde achega a historia de Aquitania, ademais de falar dos "temores do ano mil". Cita a Afonso V como rei galego.
 
 
Abū al-Fidā (Damasco, 1273-1331)
  
Ademais de califa local sirio, foi historiador e xeógrafo. Escribiu A concisa historia da humanidade ou Historia de Abu al-Fida (Tarikhu 'l-mukhtasar fi Akhbari 'l-bashar) onde se extende dende a creación do mundo ata o ano 1329. Di que "Os galegos distínguense pola súa valentía e astucia, pois non admiten a fuxida no encontro militar e consideran axeitada a morte no seu posto". Aínda que tamén matiza (ao fin e ao cabo os galegos son inimigos do seu pobo) que "son traidores e de natureza vil, caracterizándose polos seus propios escrúpulos". No ano 1935, na súa honra, déronlle o seu nome a un cráter da lúa: Abulfeda.


Ajbar Machmuâ (Colección de tradicións)

Trátase dunha crónica anónima do século XI, conservada na Biblioteca de París, que vai dende o nacemento de Al-Andalus ata a fundación do emirato omeya. O texto comeza coa invasión da Península e a fundación do Califato de Córdoba. Describe como Musa ibn Nusair enviou ao liberto Táriq ibn Ziyad para que fose á Península con 700 muslimes para conquistala. Di que cando a conquista de Sevilla por Muza, os cristiáns que lograron salvarse fuxen para o reino de Galicia cuxos habitantes son os galegos (al-yalaliqa). Tamén fala da reconquista de Galicia por parte dos cristiáns. Noutra parte relata: "Os galegos, aproveitando a contenda civil entre os musulmáns, sublévanse contra o islam e apodéranse de todo o distrito de Asturias".
 
 

Al Bakri (Illa de Saltés, Huelva, 1014-1094)

Abdallah al-Bakri foi un xeógrafo, historiador e botánico andalusí. Estudou con ibn Hayyan. Na súa obra divide Galicia en catro rexións: a Galicia propiamente dita, Asturias, Portugal e Castela, onde inclúe León. Dende o ano 1976, un cráter da lúa leva o seu nome.

Al-Idrisi (Ceuta? 1100/Sicilia?-1165/1166)

Abu Abdullah Muhammad al-Idrisí al-Qurtubí al-Hasaní as-Sabtí foi un xeógrafo e cartógrafo musulmán, coñecido como o Árabe de Nubia ou o Nubiense. Desenvolveu a maior parte da súa obra na corte de Roger II de Sicilia, establecida en Palermo. Parece ser que o seu bisavó, Idrīs II al-Ḥammūdī, foi soberano da taifa de Málaga, que reivindicaba o título de Amīr al-mu’minīn (Príncipe dos creentes ou califa). A súa obra principal é o Kitāb nuzhat al-muštāq fī ḫtirāq al-āfāq (O libro do deleite do ansioso por traspasar os horizontes), tamén chamado Kitāb Ruğār (O libro de Roger ou Tabula Rogeriana), organizado como explicación do planisferio onde se gravaron todos os datos que se iban recollendo, dividido en sete latitudes ou rexións climáticas, planisferio que mandou fundir en prata Roger II. Achega que de Galicia dependen, entre outras cidades, Burgos, León, Segovia e Soria.


Al-Istajri (faleceu no ano 957)

Foi un xeógrafo persa da cidade de Estakhr. Na súa obra Al-Masalik wa al-Mamalik (Rutas e Reinos), que era unha edición revisada de Ṣuwar al-aqālīm, de Al-Bakri, di que Oviedo e Zamora son cidades de Galicia.

  
 
Al-Maqqari (Tremecén, 1578-O Cairo ou Damasco, 1632)
 
Ahmed Mohamed al-Maqqari foi un historiador e escritor arxelino que realizou unha recompilación no século XVII onde menciona a Lugo como enclave conquistado polo xefe militar Muza. Estando en Lugo, o califa Al-Walid enviou un emisario para que regresara a Damasco, orde que non lle apraceu polo que adiou a partida; cando volveu a reclamalo Muza non tivo máis remedio, moi ao seu pesar, que partir de Lugo para rendir contas. Al-Maqqari conta tamén que na batalla de Simancas os galegos infrinxíronlle a maior derrota aos árabes. Como Ibn Idari, tamén transmite o relato de Ibn Hayyan cando Almanzor asolou Compostela no ano 977.


Al-Masudi (Bagdad, 893/896-Fustat, 956)
 
Coñecido como o "Heródoto dos árabes", Abu ul-Hasan Ali ibn al-Husayn al-Masʿūdī foi un historiador, xeógrafo e filósofo árabe. Escribiu unha historia universal e as observacións das súas viaxes, entre outros lugares de Al-Andalus. Denomina a Ramiro II como rei dos galegos, e Zamora como capital de Galicia cando Abd al-Rahman partiu para conquistar a cidade. Di que os galegos son un perigo para Al-Andalus.
 

Al-Razi (Córdoba, 887/888-955)
 
Ahmad ibn Muhámmad al-Razi, coñecido como O Cronista, foi autor dun conxunto de obras históricas e xeográficas entre as que destaca a súa Historia dos emires de Al-Andalus (Ajbar muluk Al-Andalus), tamén coñecida como Crónica do moro Rasis, dividida en tres partes (descrición xeográfica, a Hispania preislámica e Al-Andalus dende a conquista musulmá ata o século X). A obra orixinal foi traducida ao portugués no século XV. Aínda que había moitas dúbidas dende o século XVI canto ao seu valor historiográfico, o arabista Pascual de Gayangos demostrou a súa autenticidade a mediados do XIX. Céntrase en narrar as accións dos distintos pobos que se estableceron na Península ao longo dos séculos. Di que en tempos de Anbasa ibn Suhaim al-Qalbi,  sétimo valí de Al-Andalus, levantouse un asno selvaxe (infiel) chamado Paio, "natural de Asturias, en Galicia". Dende entón empezaron os cristiáns a defender contra os musulmáns as terras que aínda quedaban no seu poder. Cita a Afonso II como "Afonso, rei dos galegos". O manuscrito gárdase na Catedral de Toledo.


Ahmad al-Yaʿqūbī (segunda metade do século XI)

Foi un historiador e xeógrafo musulmán, bisneto do famoso militar e político Al-Mansur (Almanzor). Autor de varios libros, entre outros o Kitāb al-buldān (Libro dos países) onde di que Mérida limita co pobo dos galegos.

 
Albéric de Trois-Fontaines (faleceu no ano 1252)

Foi un monxe da abadía cisterciense de Trois Fontaines, na Champagne. Atribúeselle a Cronica Alberici Monachi Trium Fontium, que vai dende a creación do mundo ata o ano 1241. Cita a Sancho como rei de Galicia, e a Afonso VI rei de Galicia e Castela.

 
Annales Cambriae
 
Coñecidos tamén como Anais de Gales. Trátase dun conxunto de crónicas provenientes dun texto compilado de distintas fontes escrito en Gales nunha data non precisada (crese que arredor do 1139). Aínda que narra principalmente sucesos acontecidos en Gales, Irlanda, Cornualles, Inglaterra ou Escocia, tamén fala doutros afastados lugares, entre eles Galicia cando resalta que en tempos de Afonso VII hai en Europa tres imperios: o bizantino, o xermánico e o de Galicia (Santiago de Compostela), esta última seguramente pola súa importancia cultural e relixiosa.
 

Anónimo de Ravena ou Ravenate (Ravennatis Anonymi Cosmographia)
 
Trátase da compilación dun cosmógrafo cristián do século VII (aproximadamente no ano 670), manexando documentación de séculos anteriores (s. III ou IV), que constitúe unha fonte relativa para o estudo das calzadas romanas, se ben padeceu interpolacións máis tardías debidas aos copistas medievais (conservouse en tres códices feitos entre os século XIII ao XV). Achega uns 5.000 nomes, dos que 500 son ríos. Menciónase un camiño Lucus Asturum-Lucus Augusti. De todos os xeitos non achega, na parte galega, nada novo ao Itinerario de Antonino, omitindo ademais as mansións da vía XIX entre Lucus Augusti e Bergidum, e as da vía XX entre Brigantium e Lucus Augusti. Si cita Ponte Abei, Lucus Augusti, Ponte Nartie, Brevis, Assegonium (Aseconia no Itinerario de Barro), Iria e Aquis Celenis.


Apiano (Alexandría, 95- 165)
 
Coñecido como Appianus Alexandrinus, foi un historiador romano de orixe grega. Protexido do emperador Hadriano, quen o elevou ao rango ecuestre, viaxou a Roma onde pode que exercera como advocatus fisci. Foi procurator Augusti ou Augustorum (procurador imperial do príncipe ou dos dos príncipes). Tivo amizade co gramático e senador romano Marcus Cornelius Fronto. Escribiu unha Historia Romana (Ῥωμαϊκά) en 24 libros (só 10 se conservan completos) antes do ano 165. O libro VI, De rebus Hispaniensibus, trata da historia da Península dende a primeira guerra púnica ata a constitución de Hispania como provincia romana. Menciona a expedición de Décimo Xuño Bruto que chega á Gallaecia arredor do ano 137 a. C. con motivo das guerras contra a Lusitania e que, logo de atravesar, non sen dificultades, o río Lethes, o Limia (existía a crenza de quen o cruzara perdía a memoria, de aí o alcume de Río do Esquecemento), vence aos gallaicos e logo regresa a Roma estarrecido ao contemplar o solpor no Océano Occidental (o Atlántico). Fala da valentía das mulleres galegas que loitaban xunto cos seus homes: "Loitan con eles as mulleres armadas e morren con valentía sen que ninguén retroceda nin volva as costas nin se queixe. Das mulleres que eran apreixadas, unhas matábanse a si mesmas e outras degolaban aos seus fillos... preferindo a morte á escravitude".

 

Arnaut Daniel (Ribérac, Dordogne, 1150-1200 aprox.)
 
Trobador occitano ao que se lle atribúen 18 composicións, algunhas con música. No ano 1195 xa era un trobador coñecido. Dante, que o admiraba, na Divina Comedia atópao no Purgatorio falando en provenzal. Fai referencia a Fernando II, citándoo como "Seignor dels galecs": "Los deschauzitz/ab las lengas esmoutas/non dupt’ieu ies, si.l seignor dels Galecs/an fag faillir, per q’es/dreitz si.l blasmam,/que son paren pres romieu, so sabem,/Raimon lo filh al comte, et aprendi/que greu fara.l reis Ferrans de pretz cobra/si mantenem no.l solv e no.l escampa", ("Non temo absolutamente nada aos descorteses de linguas afiadas, aínda que deixaron quedar en evidencia ao señor dos galegos, e por iso é xusto que falemos mal del, pois fixo prisioneiro a seu parente peregrino, Ramón, fillo do conde, como sabemos; e recoñezo que dificilmente recuperará o rei Fernando o seu mérito, se inmediatamente non o desata e liberta").
 

Artemidoro (finais s. II a. C.-I a. C)

Natural de Éfeso, en Asia Menor, actual Turquía, foi un xeógrafo e cartógrafo grego. Escribiu unha xeografía, Geographoùmena, en once libros. Tratou das distancias costeiras e do Cabo Sagrado, identificado con Fisterra, cabo San Vicente ou punta de Sagres. Artemidoro aseguraba que ao poñerse o sol no Océano, aumentaba ata cen veces de tamaño, causando un gran ruído ao introducirse nas augas. Expertos do departamento de Papiroloxía da Universidade de Tréveris (Alemaña) concluíron que un papiro, coñecido como Papiro de Artemidoro, podería ser obra deste xeógrafo, se ben hai quen o considera falso (a Fiscalía de Turín así o comunicou no ano 2018); atopado no ano 1997 e datado a finais do século I a. C., achega, ademais dun texto e debuxos, o que sería o mapa máis antigo da Península: vese un gran río co seu afluente, un pobo nunha península, unha cidade amurallada e unha terceira vila, todas orientadas cara o Atlántico. Sexa auténtico ou non, os investigadores recoñecen que o achádego apenas fornece de pegadas que permitan identificar os lugares.


Asclepíades (Mirlea, Bitinia, ss. II-I a. C.)

Historiador, astrónomo e gramático grego. Escribiu, entre outros, un Comentario da Odisea, unha Historia de Bitinia e Turdetania da que só se conservan fragmentos; segundo Estrabón escribiu unha obra sobre os pobos que habitaban a Península, que visitou entre finais do s. II e principios do I a. C. Situou a moitos heroes que loitaron na Guerra de Troia (nostoi) na Gallaecia, entre outros algúns compañeiros de Teucro (un heroe da Guerra de Troia que, dise, morreu en Pontevedra), e que por alí había cidades, unha de nome Hellenes (Pontevedra?). Seguindo a Asclepíades, Estrabón sinalou que Anfiloco, tralo remate da guerra de Tebas, chegou á Península, instalándose na terra dos kallaikoi (galaicos), onde morreu, e varios pobos tomaron despois o seu como Anfilocoi.

Avieno (Volsinii, Etruria, s. IV d. C.)
 
Da Ora Maritima de Rufo Festo Avieno tan só se coñece o libro primeiro, constituído por 713 versos. Para levala a cabo inspirouse en outras obras, entre elas o Periplo do cartaxinés Himilcón, escrito entre o 535 e o 480 a. C., e quizais no Periplo do marsellés Eutimes, do 509 a. C. Non chegou ata nós ningún manuscrito da Ora Maritima, que é coñecida grazas á editio princeps publicado en Venecia no 1488 por Victor Pisano. No 1590, P. Pithou incluíuna nos seus Epigrammata et poemaria vetera, corrixindo varias pasaxes. No 1634 o español Pedro Meilán editouna en Madrid baixo o título Rufi Festi Avienei v. c. Hispana opera quae extant. Describe as costas da Península. Salientan as mencións aos pobos dos Oestrimnios e os Saefes, estes últimos identificados por algúns autores como uns invasores procedentes de Centro-Europa que chegarían a Galicia arredor do s. VI. a. C. e que tiñan como totem a serpe. Fala da existencia dun "cabo prominente" que na antigüidade chamábase Oestrymnin dende onde se divisaban as illas Oestrymnicas, ricas en estaño e chumbo; os moradores desta zona sulcaban o mar, "poboado de monstros", con embarcacións de coiro. “O golfo de Oestrimnida ábrese coas súas illas/remoto pero rico en chumbo.../O océnao, cheo de monstros mariños...".
 

Baquiario
 
Bachiarius foi un monxe, pode que galego, do século IV-V, se ben hai quen o considera natural de Irlanda e discípulo de San Patricio. Xunto coa monxa galega Exeria, está considerado como un dos primeiros monxes viaxeiros entre Occidente, África e Oriente Medio, ademais do primeiro monxe do que se ten noticia en Hispania. Escribiu o Libellus de fide, composto cara o 415, un texto apoloxético onde se defende das acusacións de priscilianista. A maior parte da pouca información existente sobre Baquiario provén da obra De Viris Illustribus, do presbítero Gennadius de Marsella (viviu a finais do século V). Cara o ano 400 escribiu unha carta a un diácono onde se emprega por primeira vez nun texto hispano a palabra "mosteiro".


Beato de Liébana (Liébana, 701-798)
 
Monxe do mosteiro de San Martín de Turieno (na actualidade de Santo Toribio de Liébana, en Cantabria). A súa obra máis coñecida é o Commentarium in Apocalysis (Comentario ao Apocalipse), composto por doce libros. No himno O Dei Verbum (do que se discute a súa autoría), antes do descubrimento da túmba do Apóstolo Santiago, enxálzao como patrón dos reinos cristiáns e evanxelizador de Galicia. Dá o nome de Gallaecia aos dominios dos caudillos galaico-astures.
 

O Cantar de Rolán
 
La Chanson de Roland é un poema épico medieval. O primeiro manuscrito coñecido da obra é o Manuscrito de Oxford, escrito en anglonormando carao 1170, se ben debeu aparecer antes xa que segundo algúns investigadores os normandos xa a cantaban durante a batalla de Hastings que tivo lugar no mes de xullo de 1066. Narra os feitos, adobados de forma lendaria, da batalla de Roncesvalles entre as tropas de Carlomagno, mandadas polo conde Rolán, contra, seguramente, tribos dos vascóns. Galicia aparece citada nun par de ocasións.
 

 
 
Claudio Claudiano (Alexandría, 370-Roma, 405)
 
Claudius Claudianus foi para Roma no ano 394. Protexido polas autoridades, chegou a ser o poeta oficial do Imperio en tempos de Honorio e Arcadio. Escribe epístolas, odas militares, poemas epitalamios, etc. Escribiu un poema dedicado á Gallaecia, aludindo á súa riqueza.

Códice Calistino

O Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus foi escrito a mediados do século XII, en tempos do arcebispo Diego Xelmírez, e cuxa autoría pretendeuse atribuír ao papa Calisto II. Consiste nun conxunto de libros de carácter litúrxico, histórico e haxiográfico que foi escrito para servir como promoción da sé compostelá. Foi redactado por varios autores a partir do ano 1130. Libro I: Anthologia liturgica. Libro II: De miraculi sancti Jacobi. Libro III: Liber de translatione corporis sancti Jacobi ad Compostellam. Libro IV: Historia Karoli Magni et Rothalandi. Libro V: Iter pro peregrinis ad Compostellam (Guía do peregrino de Santiago de Compostela), atribuído a Aimeric Picaud, monxe de Poitou. No primeiro terzo do século XV, parte do manuscrito foi traducido ao galego. O día 6 de xullo de 2011 saltou a noticia: o Codex foi roubado da catedral compostelá. Foi recuperado o 4 de xullo do ano seguinte.

 

Crónica de Afonso III (século IX)
 
Atribuído ao rei galego Afonso III (Lugo?, 852-Zamora, 910). É pouco fiable xa que a crónica está moi alonxada dos acontecementos que relata. Realizouse cunha clara intención laudatoria e ideolóxica para tentar demostrar unha lexitimidade monárquica fronte aos señoríos existentes en territorio galego para o que se valeu dunha manipulada xenealoxía que viña dende o rei visigodo Wamba.
 

Crónica Adefonsi Imperatoris
 
Obra anónima de mediados do século XII. Relata os feitos do reinado de Afonso VII, alcumado O Emperador. Recolle que ao comezo da campaña contra o castelo de orixe árabe de Oreja (Toledo), reúne as milicias de toda Galicia, León e Castela. No Poema de Almería, apéndice da crónica, os versos 51 a 65 dedícallos ás tropas de Galicia que estaban baixo o mando de Fernando Pérez de Traba.

 
Crónica Albeldense (Codex Conciliorum Albeldensis seu Vigilanus)
 
No ano 976, Vigila, Sarracino e García, monxes do mosteiro de Albelda (A Rioxa), rematan o coñecido como Código Albeldense ou Vigilano onde tamén insiren fermosas miniaturas. Utilizaron varias fontes para a súa elaboración. O seu contido é principalmente xurídico, de dereito eclesiástico e civil pero engadíndolle obras de carácter histórico, litúrxico e un calendario. Salienta a Crónica Albeldense onde, despois dunha introdución sobre xeografía do mundo e de Hispania, fala dos princeps romanos, visigodos e musulmáns (a crónica chega ata o ano 833). Permite debuxar os límites territorias de Galicia.

 
 
Crónica Regia Coloniensis (séculos XII-XIII)
 
A Chronica regia Coloniensis fala da chegada dunhas naves a un porto situado a dez millas de Sanctum Iacobum (Santiago de Compostela), e a peregrinación dos pasaxeiros ao sepulcro do Apóstolo.
 
Crónica Sebastaniense (século IX)
 
A crónica ad Sebastianum abrangue dende o rei visigodo Wamba ata o final do reinado de Ordoño I. Foi escrita por Sebastián, sobriño de Afonso III e bispo de Salamanca, se ben hai quen o identifica co bispo de Ourense por aparecer na Crónica Albeldense, que censurou varios fragmentos e introduciu varias correccións ideolóxicas como a oirxe do nobre Paio (a crónica narra o mito da batalla de Covandoga). Di como os normandos chegaron "ad locum qui dicitu farum Bregantium", que fai alusión, segundo algúns investigadores, a Flavium Brigantium (Betanzos) e non A Coruña. Crese que é unha das versións da Crónica de Afonso III, xunto coa Rotense.
 

Crónica Silense ou Historia Silense

Recibe o nome de Silense porque durante moito tempo creuse que fora escrita por un monxe do mosteiro de Silos, hipótese cuestionada dende hai uns anos polo se ten proposto que a denominación correcta sería Historia Legionensis polas referencias a San Isidoro de León e San Benito de Sahagún. Escrita probablemente na primeira metade do século XII, está dedicada ao reinado de Afonso VI e antecesores. Deiquí sae o mito do Santiago cabaleiro e matamouros. Nesta Crónica, inacabada, atópase o que pode ser a primeira referencia ao Camiño de Santiago (iter Sancti Iacobi). Achega unha versión da destrución de Compostela por Almanzor. Cita ao rei como príncipe dos galegos.
 
 
 

Diodoro Sículo ou de Sicilia (Agirio, Sicilia, s. I a. C.)
 
O historiador grego tardou trinta anos en escribir unha historia en corenta volumes que chamou Bibliotheca Historica (consérvanse quince completos e outros en fragmentos), que comeza coa creación do mundo polos deuses ata o consulado de Xullo César e o seu triunfo nas Galias. Para a súa descrición de Hispania utilizou como fonte a Polibio e a Posidonio. Citando a Posidonio, fala das minas das Cassitérides, identificadas coas Illas Atlánticas galegas, ricas en estaño e xa coñecidas polos fenicios e logo polos romanos: "Hai moitas minas de estaño máis arriba da Lusitania, nas illas situadas fronte Iberia, no Océano, que por iso se chaman Kassiterides".
 

Dion Casio (Nicea, 155-235 d. C.)
 
Lucius Cassius Dio foi un político e historiador romano que escribiu unha Historia romana en 80 volumes. Describe a expedición de Xullo César a Brigantium, "Inde ad Brigantium Calleciae urbem advectus qui...", e o temor dos galegos ao ver a poderosa frota romana "xa que nunca viran unha escuadra".


Ekkehard de Aura (1080-1126)
 
Ekkehardus Uraugiensis foi abade do mosteiro de Aura (Baviera) a mediados do século XII (ingresou como monxe na abadía de Tegernsse no 1102). Realizou actualizacións ao Chronicon Universale de Frutolf de Michelsberg. Fai mención ás nacións participantes na Primeira Cruzada (participou na do ano 1101 que se considerou un fracaso): "ex aquitania scilicet atque Normannia, Anglia, Scotia e Hibernia, Britannia, Galicia, Wasconia, Gallia, Flandria, Lotharingia".
 

Eratóstenes (Cirene, 276 a. C.-194 a. C.)
 
Foi un poeta, astrónomo, matemático e xeógrafo grego que escribiu unha Xeografía. Dende o 236 a. C., chamado por Ptolomeo III, dirixiu a Biblioteca de Alexandría. Foi amigo de Arquímedes (287-212 a. C). Atribúselle a invención da esfera armilar ou astrolabio esférico. Calculou a circunferencia da Terra e a súa inclinación axial. Recolleu a viaxe do explotador e xeógrafo marsellés Piteas (380-310 a. C.) que percorreu as costas de Europa, calculando as distancias entre os distintos puntos, como as Columnas de Hércules, o Promontorio Sagrado ou o cabo dos Ártabros, na actual Galicia. Eratóstenes foi un dos poucos que defendeu a Piteas xa que Estrabón e Polibio, entre outros, acusáronno de describir unhas viaxes que nunca fixera ("Todo iso é setentrional e céltico, non ibérico, mellor aínda, son fantasías de Piteas").
 
 
 
Estrabón (Amasia, Ponto, 64 a. C.-24/25 d. C.)
 
Este autor grego é o que máis información subministra sobre a Gallaecia. Da súa Historia en 47 libros, que abrangue dende do 144 ao 27 a. C., consérvanse escasos fragmentos. En cambio, chegou ata nós, case enteira, a súa Xeografía, escrita aproximadamente no cambio de era, dividida en 17 libros. Para a Gallaecia utilizou a autores anteriores como Asclepíades, Artemidoro, Polibio, os informes das campañas romanas e, sobre todo, Posidonio: "Di Posidonio que o estaño non se atopa na superficie... senón ao escavar. Prodúcese entre os bárbaros de máis alá dos Lusitanos e nas illas Kassiterides... Entre os ártabros, que son os últimos da Lusitania, cara o Noroeste, di Posidonio que a terra florece de prata, de estaño e de ouro branco". Canto aos habitantes das illas, compáraos coas Furias da Traxedia (as Erinias ou Euménides, deidades encargadas de castigar os crimes de sangue), di que visten mantos negros, levan túnicas ata os pés cinguidas arredor do peito, e camiñan con bastóns. Tamén que ao Cabo dos Ártabros (cualificados como hystatoi, "os derradeiros") tamén chaman Cabo Nerio, onde habitan os célticos "de sobrenome Nerios e os Supertamaricos na península onde dedicaron a Augusto as tres aras sestianas". Cita os ríos Limia e Miño: "Despois hai outros ríos e logo destes o Lethes, que uns chaman Limia e outros Belión. E este río vén do país dos Celtíberos e Vacceos e o Bainis (que outros chaman Minio) segue a este que é o máis grande da Lusitania... Na súa desembocadura hai unha illa e dous peiraos". Escribe que son arredor de trinta pobos os que habitan entre o Texo e os Ártabros, ricos, ademais de en froitos e gando, de ouro, prata e outros metais. Non se esquece dos pobos da montaña, cuxos moradores viven en sitios fríos, de orografía agreste e pobres, daí que se dedicaran a unha "vida anárquica" e depredatoria, alimentándose de carne de macho cabrío, e sacrificando a Ares cabalos e prisioneiros, se ben tamén practican "pelexas ximnásticas, hoplíticas e hípicas para o puxilato, a carreira, o lanzamento de dardos e o combate". "Fan tamén hecatombes á maneira grega", vivindo a maior parte do ano de landras secas e machucadas que logo cocen para facer pan. "Beben zythos" (cervexa) porque andan escasos de viño e o que conseguen gástano en festíns". A condición "bárbara" dos galaicos está moi presente en Estrabón, mesmo asómbrase de que as mulleres teñan importancia dentro do sistema o cal choca coa orde social dos romanos: "Son comúns tamén a valentía tanto dos homes como das mulleres. Estas traballan o campo e ao parir déixanlle o sitio aos homes poñéndose eles na cama en vez delas". Di que os da montaña son insociables porque viven nun hábitat pechado en si mesmo polo que o único xeito de civilizalos é facer que o abandonen, aínda que sexa pola forza: "Así é a vida dos montañeses que, como xa dixen, son os que viven no lado septentrional de Iberia, os Callaicos, os Astures e os Cántabros ata os Vascóns e o Pireneo. Pois todos eles teñen unha vida semellante", ou "A maior parte deles... viven do roubo e en guerra entre si mesmos e contra os viciños... ata que os romanos acabaron con isto... transformando a meirande parte das súas cidades en aldeas e mesmo mellorando algunhas". Canto á relixiosidade dos Galaicos, escribe que algúns din que son ateos pero que os Celtíberos e os seus veciños do norte veneran a un certo deus nas noites de lúa chea "e toda a familia canta e baila durante a noite diante das súas casas".
 

Eutropio (S. IV d. C.)
 
Foi un historiador e alto funcionario romano (polo nome crese que era de orixe grega) que adoita confundirse con feitos doutros personaxes de nome homónimo.
El historiador Eunapio di que Eutropio foi procónsul hasta el año 379. Dedicouse a facer resumos históricos en dez libros baixo o título de Breviarum historiae romanae (Compendio da historia romana), que vai dende a fundación de Roma ata a morte do emperador Joviano no ano 364 d. C. Fala da gloria con que Bruto celebrou o seu triunfo sobre os Galaicos e os Lusitanos:  "D. Iunus Brutus de Callaecis et Lusitanis magna gloria Triumphavit".
 

Floro (África, 70/74 d. C.-?)
 
Lucio Anneo Floro foi un historiador e poeta latino que, tras percorrer o Mediterráneo dende Grecia ata Exipto e cruzar a pé os Pireneos, chegou a Tarraco (Tarragona) onde viviu durante cinco anos; no 122-123 estaba de volta en Roma onde se produciu a célebre loita poética con Hadriano. Ademais de poemas, escribiu unha monografía histórica en dous volumes que nos códices medievais déuselle o título de Epítome da Historia de Tito Livio. Describiu o asedio ao mítico Monte Medulio que os romanos, diante da imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cercánno cun foxo de quince millas ao que os galaicos respostan, denantes caeren escravizados, cun holocáusto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas. Tamén describe o temor de Décimo Xuño Bruto ante a visión do sol somerxendo no Océano Atlántico "e o lume xurdindo da auga", e o pánico dos seus soldados ao cruzar o río do Esquecemento (o Limia). Relata como Augusto fixo abandonar o seu hábitat aos galaicos tras as guerras astúr-cántabro-galaicas: "Logo, el en persoa fíxoos baixar dos montes a uns, e a outros tomounos como reféns, e a outros vendeunos como prisioneiros".


Froitoso de Braga (finado en Braga no ano 665)

Dunha importante familia da aristocracia visigoda, foi monxe e bispo de Dume e Braga no século VII. O que se coñece da súa vida é por un biografía (Vita Sancti Fructuosi) que adoita atribuírse a San Valerio  do Bierzo, se ben hai quen cre que o autor sería un monxe anónimo da zona de Braga, posiblemente do mosteiro de Montélios. Continuador de San Martiño, regulou o monacato e impulsou os mosteiros. Escribiu a Regula Monachorum e a Regula Communis.  No 1102, o arcebispo de Compostela, Xelmírez, trasladou (disque roubou) os seus restos (xunto cos de Santa Susana, San Cucufate e San Silvestre) para a catedral compostelá. O historiador Antonio López Ferreiro (1837-1910) non fala de roubo senón de "piadoso furto".
 

Georgius Agricola, latinización de Georg Bauer (Glauchau, 1494-Chemnitz, 1555)
 
Aínda que estudou medicina e exerceu como médico, a súa paixón foi a alquimia, a xeoloxía e a mineraloxía. Considerado o pai da xeoloxía moderna. Autor de varios libros, entre outros De ortu et causis subterraneorum libri V (Xénese dos materiais no interior da Terra, en cinco libros), De Natura Fossilium (Os fósiles naturais) e De Re Metalica (Da natureza dos metais), editada en latín en 1556. Como médico visitaba as minas e as casas dos traballadores, facendo anotacions e creando remedios que axudaran a salvar a moitos que vivían dese traballo. Escribu que os sarracenos chegaron a Hispania cun enorme exército, despoboando todas as terras agás Galicia.
 
 

Grattio 
 
Viviu nos anos do cambio de Era. Case nada se sabe da súa vida, só que era orixinario da Etruria e que foi amigo do poeta romano Ovidio (43 a.C.-17 d. C.). Escribiu un poema sobre a caza, Cynegetica, onde fai referencias á Península. Fala da sona dos cabalos Callaicos.
 
Gregorio de Tours (Auvernia, 538-Tours, 594)

Georgius Florentius Gregorius foi designado bispo de Tours no ano 573. Participou activamente na vida política franca. A súa obra máis importante é Decem Libri historiarum (Dez Libros de Historia), o de Historia dos Francos déuselle no século XVIII, que se centra principalmente na Galia merovinxia. No Libro VI (Gregorii Turonensis Historiarum Liber Sextus) fala do Reino de Galicia: "...de imperatoris solatio fretus atque Mironis Galliciensis regis..."; "Quo defuncto, filius eius Eurichus Leuvichildi regis amicitias expetiit, dataque, ut pater facerat, sacramenta, regnum Galliciensim suscepit"; "Ispse quouque acceptam soceri sui uxorem, Gallicensim regnum obtenuit".


Hecateo de Mileto (Mileto, 550-476 a. C)
 
Historiador grego, considerado como o máis importante dos logógrafos (escritores de logoi, "narracións") e tamén da historiografía entre os gregos, quizais o primeiro en diferenciar a historia do mito. Foi autor dun mapamundi no que reflicte a súa concepción oriental do mundo, que se representa coma un disco rodeado polo océano, que divide en tres partes principais: Europa, Libia e Asia. É un dos primeiros clásicos que sitúa aos celtas no extremo occidental do mundo coñecido. O mapamundi que achego é unha copia do de Hecateo de Mileto, publicado por George Franklin Cram no seu atlas de 1901.
 
  
Hélinand de Froidmont (Pronleroy, 1160-1230)
 
Foi un cronista e poeta francés. Profesou no mosteiro cisterciense de Froimont, na diócese de Beauvais. Entre 1211 e 1223 escribiu un Chronicon composto por corenta e nove libros; tamén é o autor de Les vers de la mort, un poema inspirado en danzas macabras. Foi beatificado, a súa festa celébrase no santoral católico o 3 de febreiro. Cita a Afonso VI como rei de Galicia.
 
 
Herman Künig de Vach
 
Foi un monxe da zona de Estrasburgo (Alsacia) que profesou na orde mendicante dos servitas. Aínda que se descoñece de onde era natural, conxectúrase que podería ser da rexión de Werra xa que o texto está impreso nunha lingua que se pode admitir como medioalemán. O apelido Vach remite ao mosteiro dos servitas de Vacha. Künig figura nas fontes do cenobio nos anos 1479 e 1486 coma un mendicante e esmoleiro. Despois dunha viaxe que realizou a Compostela, Künig redacta unha guía no 1495 dirixida principalmente aos peregrinos alemáns: Die wallfahrt und strass zu Sant Jacob, que evitaba en Galicia as neves e a agreste orografía, evitando así os portos de montaña: Pedrafita, O Cebreiro, San Roque ou Alto do Poio, situados no Camiño Francés. Dende Vilafranca ata Santiago só nomea tres sitios polo seu nome: La Faba (Allefaber), Lugo (Lucas) e Santiago de Compostela (Compostell). No ano 2015, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares visibilizaron ante a opinión pública e os Concellos (que descoñecían a guía) esta variante do Camiño Francés. Tres anos despois, manexos políticos comezaron a desvirtuar este camiño.
 
 
Hermann von Reichenau (Altshausem, 1013-Reichenau, 1054)
 
Xermano, coñecido tamén como Hermann der Lahme e Hermannus Contractus (O "contrafeito", apelido referido a algún defecto físico). No 1020 foi trasladado ao mosteiro bieito da illa de Reichenau, no lago Constanza (cóntase que padecía tales limitacións físicas que os seus pais entregáronno aos monxes; estes, dende moi cedo, decatáronse de que tiña unha intelixencia superior á media). Matemático, astrónomo, astrólogo, compositor musical, etc., escribiu un detallado Chornicon dende o nacemento de Cristo ata o seu tempo, tamén dous tratados sobre o astrolabio: Mensura Astrolabii e De Utilitatibus Astrolabii. Fala dos Rex Gallaeciae.


Heródoto (Halicarnaso, 484 a. C.-Turios, 425 a. C)
 
Orixinario de Halicarnaso (actual Brodum-Turquía), viviu entre os anos 484-425 a. C. Foi un historiador grego, considerado como o pai da historiografía. No libro terceiro das súas Historias fala das illas Cassitérides que outros autores sitúan, posteriormente, fronte a costa galega, aínda que recoñece "que noi sei nada das illas Kassiterides, das que nos chega o estaño", ás que seguramente fai refrencia coma un dos extremos da ecumene (o mundo coñecido). Cita aos celtas coma un pobo situado no extremo occidental. Cómpre ter en conta que Heródoto recorre a testemuñas pero tratando de separar o ficticio do verdadeiro, daí a súa célebre frase: "Debo dicir o que se conta, pero non crelo absolutamente".
 

Hidacio (A Limia?, 390/395-469/470)
 
Coñecido tamén como Idácio de Chaves ou da Limia (Hidacius Lemicensis). En Lamego (Portugal), nunha rúa que sube cara o castelo, situada na parede dunha pequena capela, hai unha prancha onde di que Hidacio foi bispo de Lamego no 435, e que eiquí tiña a súa sé. Foi autor do Chronicon, fundamental para o estudo do século V en Galicia, que quixo que fora unha continuación do de San Gregorio. Narra a caída do Imperio Romano e a presenza sueva cunha información de primeira man porque é coetáneo dos feitos, aínda que dunha forma parcial xa que, como bispo, defende a tradición romana e a defensa do seu mundo que contrapón ao barbarismo dos suevos. Pola súa crónica dedúcese que no ano 448 celebrouse un concilio en Aquas Calidas (Caldas de Reis) que marcaría a conversión dos suevos ao catolicismo no 449, o que conlevaría a unidade entre suevos e galaico-romanos, feito que non modifica a súa xenreira cara aqueles. Aínda que rexeitou a doutrina de Prisciliano, non debe confundirse con Hidacio de Mérida, verdadeiro látego do heresiarca galego.


Ibn al-Atir (1160-1233)
 
Historiador árabe. No seu al-Kamil fi at-tarikh (A historia completa), achega numerosa información sobre os textos de Al-Andalus e magrebíes. Fala das operacións dos exércitos musulmáns no Noroeste da Península, así como da mensaxe que recibiu Muza en Lugo do califa de Damasco reclamando a súa presenza. Identifica a Gallaecia cos territorios cristiáns peninsulares.
 
 

Ibn al-Qutiyya (Sevilla?-Córdoba, 977)

Cronista andalusí. A súa tataravoa Sara era neta do visigodo Witiza, casada con Isa Ibn Muzahin, un dos conquistadores musulmáns de Al-Andalus. Autor de Ta’rif iftitâh al-Andalus (Historia da conquista de Al-Andalus) que alcanza ata os tempos de Abd Al Rahman III. Identifica a Hispania con Al-Andalus e á Gallaecia cos territorios cristiáns. Tamén fala do fundador de Badajoz, Ibn Marwán "al Yillyqí" ("o galego" ou "fillo do galego"), porque de Galicia eran os seus antepasados.

Ibn Hawqal (Nisibis, Turquía, 943-988)

Muḥammad Abū’l-Qāsim Ibn Ḥawqal foi un xeógrafo e cronista musulmán. Na súa obra Ṣūrat al-’Arḍ (A faz da Terra), do ano 977, marca os límites entre os territorios cristiáns e os musulmáns. A súa obra é unha revisión de Masālik ul-Mamālik, de Istakhri (951). Incluía unha descrición precisa da Hispania musulmana. Galicia abranguía o territorio actual, o norte de Portugal dende un pouco máis arriba de Lisboa e Santarén, e a área astur-leonesa; cita como cidades galegas León, Oviedo e Zamora. O resto da parte cristiá comprendíao o territorio dos vascos.


Ibn Hayyan (Córdoba, 987-1075)

Abu Marwán Hayyán Ibn Jálaf Ibn Husáin Ibn Hayyán al-Qurtubi foi un historiador e cronista musulmán. Esténdese nos pormenores do itinerario seguido polas tropas árabes de Almanzor no seu camiño cara a conquista de Compostela. Asegura que só o sepulcro do Apóstolo Santiago, ante o que Almanzor ordenou facer garda, foi respectado, episodio, posiblemente, máis propagandístico ca real. As versión cristiás do feito, como a Historia Compostellana (s. XII), minimizan os danos causados á cidade, ao tempo que achacan a non violación da tumba por un andazo de disentería con que os castigou o Apóstolo. Cita Clunia como primeiro confín de Yilliqiyya (Galicia). A súa  testemuña é importante porque o seu pai, Jalaf b. Ḥusayn, foi secretario de Almanzor, ao que acompañou na súa expedición a Galicia. A obra histórica de Ibn Ḥayyān perdeuse case na súa totalidade, só se conservan catro fragmentos do seu Muqtabis e ningún do Matīn.

 

Ibn Idari
 
Ibn Idari al-Marrakusi foi un historiador musulmán de orixe marroquina que escribiu no ano 1306 o Kitab al-bayan al-mugrib fi ajbar muluk al-andalus wa-l-magrib, o, abreviadamente, Al-Bayan al-Mugrib (Libro da incrible historia dos reis de Al-Andalus e do Magreb), obra fundamental para comprender a historia da Hispania musulmá onde Ordoño II figura como rei de Galicia. Tamén informa que Al-Muzaffar (1045-1063) acordou con Fernando, "rei dos galegos", a entrega de 5.000 dinares dende o comezo da tregua. Tamén transmite o relato de Ibn Hayyan cando Almanzor asolou Compostela no ano 977.
 

Ibn Khaldun (Túnez, 1332-O Cairo, 1406)
 
Abu Zayd 'Abd al-Rahman ibn Muhammad ibn Khaldún al-Hadrami foi un historiador, sociólogo, filósofo e estadista árabe de orixe tunecina. E coñecido principalmente pola súa obra Muqaddima ou Prolegómenos á súa vasta Historia dos árabes. Di que en tempos da revolta Trastámara "Pedro I sucedeu a Afonso XI á fronte dos galegos". Tamén salienta que nos combates, os galegos "batan tambores, toquen gaitas e entoen cantos".


 
Iordannes (século VI)
 
Historiador do Imperio Romano de Oriente. Algunhas fontes identifícanno como bispo de Rávena. Escribiu De origeni actibusque Getarum (Sobre a orixe e fazañas dos godos), publicado no 551 en Constantinopla. Tamén é autor dunha historia universal, De summa temporum vel origine actibusque gentis Romanorum (O punto culminante do tiempo, ou a orixe e os feitos do pobo romano) do ano 552. Salienta por seren a única fonte de información que se coñece sobre a orixe dos godos.

Istrio Aethico ou Ético de Istria
 
Xeógrafo da segunda metade do século IV d. C. Protagonista do libro Cosmographia do século VII, escrito por un eclesiástico de nome Xerónimo que describe as viaxes de Etico. Di da Torre de Hércules que se ergue na cidade de Brigantia para avisar o camiño aos navegantes que se dirixen a Britania: "Secundus angulus intendi urba Brigantia civitas situ est Galiciae ac Altissimam Farum inter pauca memorandi operis ad speculant Britania erigitur". Hai investigadores que lle atribúen o Itinerario de Antonino.
 
 

Itinerarium provinciarum Antonini Augusti
 
Redactado entre o 196 e o 217, coñecido como o Itinerario de Antonino ou de Antonio Augusto Caracalla, tomado de cartas anteriores, entre outras as de Ptolomeo. Trátase dun documento da Roma antiga que se supón redactado no século III no que aparecen recompiladas 372 rutas do Imperio Romano, das que tres corresponden a Galicia. Non recolle todas as calzadas que había, mesmo existen casos en que se insiren sectores comúns a dous ou tres camiños.


Itinerario de Barro ou taboíñas de Astorga
 
Atopadas nun lugar indeterminado nas inmediacións de Astorga, foi a parar a unha colección privada de Cangas de Onís e logo adquiridas polo Mueso Arqueolóxico de Oviedo. Datadas cara finais do s. I ou II d. C. e asinadas polo duunviro Lepidus, fan referencia a dúas vías que sairían de Lugo, unha en dirección a Iria (Padrón) e outra a Dactonium (Monforte). A súa autenticidade foi posta en dúbida por varios autores.


Latérculo de Verona
 
O Latérculo de Verona, redactado entre finais do século III e principios do IV d. C. divide Hispania nas provincias de Baetica, Carthaginienis, Gallaecia e Tarraconensis.

Leabhar Gabhála Érenn (Libro das Invasións de Irlanda)
 
O manuscrito máis antigo en que se conserva este texto é o Lebor Laignech (Libro de Leinster), escrito no século XII, que se basea, principalmente, en poemas compostos nos séculos IX ao XI. A tradución dalgúns capítulos do Leabhar Gabhála apareceu ao longo de 1931 na revista Nós; aínda que é anónima, hai quen apunta a Vicente Risco. Descríbese as viaxes de Golamh, fillo de Bile, dende a Península a Escitia e a súa volta, e a chegada de Ith, fillo de Breogán, a Irlanda e a súa morte, coa conseguinte conquista de Irlanda polos fillos de Mil como vinganza. Nel atópanse as referencias mitolóxicas referentes á comunidade céltica da orixe de Irlanda con supostos vínculos en Galicia. O primeiro autor galego que fai alusión ao Libro da Invasión de Irlanda foi o xesuíta P. Álvarez Sotelo (1648-1712), profesor no Colexio de Irlandeses de Santiago, e logo Manuel Murguía.
 

León I o Magno (Toscana, 390-461)
 
Foi papa da Igrexa católica entre o 440 e 461. Combateu o maniqueísmo, o pelaxianismo e o Priscilianismo. Na súa obra De haeresi et historia Priscillianistarum escribiu: "Sive tamen in Manichaeorum sobolem, sive in Priscilliani asseclas synodus illa animadverterit, in dubium minime vocandum est, sancti Leonis praeceptum ad illam hauquaquam posse referri, sed ad aliam in Gallaecia Regno coactam, post susceptam a Turribio sancti pontificis epistolam cum omnium propositarum quaestionum resolutionibus", (“Sen embargo, se o sínodo observou na descendencia dos maniqueos ou nos seguidores de Prisciliano, en absoluto debe dubidarse que o precepto de San León non podía referirse a el, senón a outro obrigado no reino de Gallaecia, despois de recibir de Turribio a carta do santo pontífice coas resolucións de todas as cuestións propostas”).
 
 
Liber Iudicorum ou Lex gothica
 
Promulgado por Recesvinto no ano 654 e continuado por Ervigio. Nos seus doce libros e cincuenta e catro títulos  achega un réxime xurídico unitario civil, penal e eclesiástico. Divide o territorio godo en tres espazos: Hispania, Galia e Galicia.
 

Lucio Ampelio
 
Pouco se sabe do escritor romano Lucius Ampelius, quizais do século II-III d. C. Escribiu o breve Liber Memoralis sobre cosmografía, mitoloxía, xeografía e historia dedicado a un tal Macrino (quizais o emperador). Fai alusión a Bruto, o Galaico: "Decimus Brutus Callaico".
 
Liutprando de Cremona (92o/922-972)
 
Liutprandus Cremonensis foi un historiador do pobo xermánico dos Longobardos (logo Lombardos) e bispo de Cremona. Na Relatio de Legatione Constantinopolitana cita ao rei Ramiro II como "cristianísimo rei de Galicia". A Liutprando atribuíu o falsario jesuita de Toledo Jerónimo Román de la Higuera unha das súas falsas crónicas.
 

Marcial (Bibilis, 40 d. C.-Zaragoza, 104 d. C.)
 
Marcus Valerius Martialis foi un poeta latino nacido en Bibilis, antiga Calatayud. Vai a Roma para completar os seus estudos, onde estivo baixo a protección de Séneca e despois de Tito Livio e Domiciano. A súa obra está formada por quince libros baixo o título de Epigramas, coñecido como Liber spectaculorum ou De spectaculis, composto con motivo da inauguración do Coliseo. Fala da riqueza e a calidade da pesca en Galicia: "...se encomendas algo, Materno, ao teu paisano e vello camarada para o Océano Galaico... extraordinaria mesa e mariscos... ostras que non sentirían envexa nin competencia... redes cheas de peixes".
 
 
Marqués de Santillana (Carrión de los Condes, 1398-Guadalajara, 1458)
 
O marqués de Santillana, Íñigo López de Mendoza, foi un militar e poeta do Renacemento. Lembraba que o galego era utilizado para a lírica en toda a Península.
 

Martiño de Dumio (518-579)
 
Natural de Panoia (Hungría). Abade e bispo de Dume e logo arcebispo de Braga. Chega a Galicia no ano 550. Inflúe sobre o rei suevo Teodomiro para que converta o reino ao catolicismo, apoiándose na xerarquía eclesiástica (Concilios de Braga), como unha forma de independenza política fronte ao arrianismo do reino visigodo de España. En De correctione rusticorum (dedicado ao bispo Vitimiro de Ourense) denuncia os costumes e crenzas pagás, de raíz prerromana, aínda presentes entre os galaicos. Contribúe á vertebración do territorio a estrutura parroquial. Organizou o monacato galego, da súa época e o mosteiro de San Pedro de Rocas.


Mathias de París (1200-1259)
 
Matthaei Parisiensis foi un umonxe beneditino e historiador inglés (o alcume parece ser que lle vén porque estudou na capital francesa). Continuou a redacción da Chronica Majora (Crónica Maior), e escribiu a Historia Anglorum (1253). Di que Fernando II é rei de Galicia, non citándoo coma rei de León.


Mela (Tingentera, Cádiz, s. I d. C.)
 
Pomponio Mela foi un xeógrafo latino de orixe ibérica. Autor da De Chorographia en tres libros, o tratado de xeografía latino máis antigo que se coñece. Comeza o Libro I cunha breve descrición de África, Asia e Europa, e pasa dende a Escitia a rematar na Galia e Hispania e as illas.  Fala do Promontorio Céltico, dos pobos dos Artábros, Grovios, Nerios, Praesamarcos...;  das cidades de Noega, Adrobrica, Lambrica...; das Aras Sestianas consagradas a Augusto; dos ríos Miño, Sil, Limia, Tambre, Sar...


Narratio de Itinere Navali (1189)
 
A Narratio de Itinere Navali Peregrinorum Hierosolymam Tendentium et Silviam Capientum data do ano 1189. Narra o periplo de once embarcacións que en abril de 1189 partiron de Bremen (Alemaña). Ademais da súa interese histórica, tamén proporciona unha importante información xeográfica. Na división política da Península describe cinco reinos: Al-Andalus, Aragón, Navarra, Galicia e Portugal. Tamén fala dunha viaxe terrestre dende o río Tambre a Santiago de Compostela (Sancti Iacobi). Cita a Tui (Tue).
 
 
Notitia Dignitatum
 
O orixinal, desaparecido, foi escrito entre os anos 395 d. C. e 427 d. C. Existen copias dos séculos XV e XVI, e unha iluminada do ano 1542. Os catro manuscritos atópanse en Oxford, París, Viena e Munich que achegan información sobre a organización administrativa do Baixo Imperio Romano. Documéntanse, entre outros, o rango dos gobernantes, a disposición xerárquica, a división de prefecturas e provincias, postos civís e militares e corpos de tropas onde os galaicos, recrutados na rexión, gozaban de moi boa fama como guerreiros. Roma, despois da conquista, recrutaba para os seus exércitos soldados provenientes da Gallaecia, feito que lle supuña para estes unha serie de vantaxes, como o de acadar a cidadanía romana. En Galicia cita Brigantium e Lucus Augusti. Pon en relación Brigantium coa Cohors I Celtiberorum, ubicada en Cidadela (Sobrado dos Monxes), coa fin de controlar a vía Lucus-Brigantia entre o século II e o IV d. C.
 
 
 
Orosio (Braga, 375/380 d. C.-420 d. C.)
                                                                                                       
Paulo Orosio foi un historiador e teólogo cristián e discípulo de San Agostiño de Hipona ao que dirixe a súa obra Commonitorum de errore Pricillianistarum et Origenistraum onde amosa a súa preocupación polas doutrinas priscilianistas e orixenistas. Tamén é o autor da Historiarum adversus praganos libri septem. Victoria Armesto, citando a Casimiro Torres, di que fuxe de Galicia tanto por causa dos bárbaros como por ter militado no priscilianismo; san Braulio, en carta dirixida a san Froitoso, así o confirma. Menciona a cidade de Bringantium (A Coruña) e o seu faro, nidia alusión á Torre de Hércules, e a batalla de Bruto contra os galaicos no ano 137 a. C."... Bruto derrotou a sesenta mil galegos que viñan para auxiliar aos Lusitanos... nesta batalla morreron cincoenta mil, seis mil calcúlase que foron cautivos e poucos puideron escapar". Tamén o heróico episodio do Monte Medulio: Os romanos "cercaron con asedio o monte Medulio (Medullum montem Minio fluminem inminentem), que se ergue sobre o río Minio, no que se defendía unha gran cantidade de homes, rodeado por un foxo de quince mil pasos. Cando aquela raza de homes feros por natureza e crueis, entende que non é capaz de soportar o asedio nin de afrontar a batalla en pé de igualdade, lánzanse á morte voluntaria por medo á escravitude. Pois case todos se deron morte á porfía, valerosamente, polo lume, a espada e o veleno". Sitúa a Numancia dentro da Gallaecia.
 

Papiros de Oxyrhynchos (ss. I a VI d. C.)
Trátase dun grupo de manuscritos descubertos dende 1897 polos arqueólogos Bernard Pyne Grenfell e Arthur Surridge Hunt nun antigo vertedoiro de lixo próximo a Oxyrhynchos, actual El-Bahnasa, en Exipto. Entre eles atopouse un resumo de sete dos 107 libros perdidos de Tito Livio onde cita o paso do río Limia polas tropas de Décimo Xullo Bruto: "Decimus Brutus in Hispania re bene Oblivionis flumen planus transiit", ("Décimo Xullo Bruto en Hispania, despois dunha vitoriosa campaña, atravesou o río do Esquecemento").

Paroquiale Suevorum (Parroquial Suevo)
Tamén chamado Divisio Theodemiri (polo rei suevo de Galicia), é un manuscrito datado entre os anos 527 e 582, atribuíndoselle como data máis probable o ano 556. Nel reflíctese a organización administrativa e eclesiástica do Reino suevo da Gallaecia cunha relación de 134 parroquias agrupadas en trece dióceses. É o primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos (mámoas, pedrafitas, castros...) como marcos divisorios. Constitúe unha das referencias historiográficas máis importantes para a localización de poboacións en Galicia despois de Roma, principalmente durante o Reino Suevo. A densa rede de parroquias que reflicte amosa, ademais da importante cristianización de Galicia, a inexistencia de sés episcopais no resto da faixa cantábrica.
 

Plinio o Vello (Novum Comun, actual Como, 23 d. C.-Castellmare de Estabia, 79 d. C.)
Caius Plinius Secundus foi un escritor, naturalista e militar romano, autor, entre outros, da Naturalis Historia (Historia Natural), a única obra que se conserva, onde, en 36 libros, trata temas de cosmoloxía, xeografía, filosofía animal e vexetal, etc. (doutras obras, desaparecidas, téñense noticias a través do seu sobriño Plinio o Xoven); a Hispania dedícalle os libros III e IV. Para a Península consultou numerosos autores: Mela, Tito Livio, Cornelio Boco, Polibio, Artemidoro, Éforo, etc. Achega numerosos datos sobre a administración e a economía da Gallaecia, destacando os seus xacementos de ouro, prata, ferro e chumbo, así como os sistemas de extracción dos minerais: "O ouro obtido polos arrugia non se funde, senón que é ouro en si mesmo. Atópanse masas, pero non nos pozos, de máis de dez libras; uns chámanlle a estas masas palagias, outros palacurnas, e cando é pequena balux. Algúns contaron que Asturias, Gallaecia e Lusitania, por este procedemento, en cada ano, sobrepasaron as 20.000 libras de peso". Fala de varios pobos que habitaban na Gallaecia. Di que o convento Lucense, ademais dos Célticos e Lemavos, conta con 16 pobos de nome descoñecido e bárbaro, pero ten case 166.000 homes libres. O convento Astúr conta con 22 pobos e 240.000 homes libres, divididos en Augustanos e Transmontanos, con "Astúrica, magnífica cidade"; fronte a estes están os Gigurros, os Paesicos, os Lancienses e os Zoelas. E o convento Bracarense, con 24 cidades e 285.000 homes libres, poden nomearse os Bíbalos, os Brácaros, os Coelernos, os Callaicos, os Equaesos, os Límicos e os Querquernos. Tamén nomea as Cassitérides (di que o chumbo branco, nos tempos de Troia, como testemuñou Homero, chamábanno cassitero", e que Midacrito foi o primeiro en traer chumbo desas illas. Sobre as éguas galaicas escribiu que as preñaba o vento Favonio (o Céfiro), daí a súa veloz carreira. Tamén fala de que os galegos sempre levaban con eles o veleno do teixo que empregaban en momentos de apuro. Ao río Limia dálle o nome de Oblivion (esquecemento).
  

Polemio Silvio (s. IV-V d. C.)
Arredor do ano 385 escribiu unha listaxe das provincias romanas que adicou ao bispo Eucherio de Lión no 448, figurando a Gallaecia, que Otto Seeck engadiu á súa edición de 1876 da Notitia Dignitatum.
Polibio (Megalópolis, 210/200 a. C.-120/118 a. C.)
Historiador grego. Escribiu unhas Historias, obra dividida en 40 libros dos que só se conservan cinco (o resto coñécense por Estrabón); na súa obra trata de explicar como Roma chegou a ser tan grandiosa. Estivo na Península a mediados do século II a. C. Recibiu o encargo de Escipión de explorar as costas atlánticas da Península e a Galia. Tamén achega información sobre a expedición de Décimo Xullo Bruto a Gallacecia, mencionando as súas riquezas minerais.

Plutarco (Queronea, 50-120 d. C.)
 
O grego Plútarjos (Lucius Mestrius Plutarchus cando se lle concedeu a cidadanía romana) estudou en Atenas filosofía, retórica e matemáticas. Estivo vencellado á academia platónica de Atenas e foi sacerdote de Apolo en Delfos. Viaxou a Asia, Alexandría e Roma. Traxano concedeulle a dignidade consular. Traballou temas relacionados coa filosofía, as ciencias naturais, biografías, etc., conservándose aproximadamente un tercio das súas obras. A súa obra máis importante é Βίοι Παράλληλοι (Vidas Paralelas), unhas biografías de personaxes gregos e romanos; o resto son de carácter moral. Fala de cando Bruto cruzou o Limia e a súa chegada ao Océano despois da expedición contra Calaicos e Lusitanos.
 

Pompeyo Trogo (s. I d. C.)
 
Cnaeus Pompeius Trogus foi un historiador galo romanizado do século I a. C. que naceu na Galia Narbonense. Escribiu a Historiae Philippicae (Historias Filípicas) que vai sobre as partes do mundo conquistadas por Alexandre Magno e sucesores. Reuniu información procedente doutros historiadores da antigüidade, como Éforo, Polibio e Timeo. A parte dedicada á historia universal remata coa historia de Hispania e norte de África. Coñécese a súa obra principalmente por Xustino. Testemuña a riqueza mineira de Galicia, e fala de Teucro que fundaría a cidade de Helenes, que sería a orixe de Pontevedra. Canto ás mulleres galaicas, "levan as cousas da casa e os cultivos do campo, os homes dedícanse coas armas ás rapinas".
 

Posidonio (Apamea, Siria, 135 a. C.-51 a. C.)
 
Poseidonios foi un filósofo, xeógrafo, astrónomo e político estoico grego que tivo como discípulo a Cicerón. Viaxou por Exipto, Nubia, Italia, Sicilia e Hispania onde estivo entre o 101 e o 91 a. C. Instalouse en Rodas arredor do ano 97 a. C., e como embaixador visitou Roma no ano 86 a. C. Deseñou unha mapa da Terra e corrixiu a Parménides na división das zonas terrestres. Autor dunhas Historias, continuación da de Polibio, e Sobre o Océano onde estuda os fenómenos naturais (as mareas, o sol...), analizando as causas e desposuíndoos de connotacións sobrenaturais. Da Gallaecia escribe sobre a explotacion dos metais, cultivos ou medios de transporte. Fonte de Estrabón para o Occidente, e tamén de Diodoro de Sicilia.

 

Profuturo
 
Pouco se sabe deste persoeiro que xa é citado como defunto antes do 561 d. C. No ano 537 ou 538, como metropolitano de Braga, escribiu unha carta ao papa solicitando aclaración sobre varios puntos de disciplina eclesiástica. A carta non se conserva pero si a resposta do papa Vixilio o 29 de xuño do 538 sobre diversas preguntas que lle fixera sobre os costumes priscilianistas.
 
Ptolomeo (Ptolemaida, 100-170/178 d. C.)
 
Claudius Ptolomaeus foi un matemático e xeógrafo grego que naceu en Exipto. Viviu case sempre en Alenxandría. Sobre astroloxía escribiu Tetrabiblos onde fala da influenza de todos os astros do firmamento como algo totalmente físico. Na súa Xeografía inseriu unha listaxe de accidentes xeográficos e pobos coa novidade de que todos os lugares (uns 8.000) están referenciados por medio de coordenadas xeográficas en graos e minutos, pero que non se corresponden coas actuais polo que non sempre é posible localizar a súa situación. Na Gallaecia indica varios pobos (Caporos, Cilenos, Lemavos, Guigurros, Límicos...), cidades (Flavio Brigantio, Novio, Dactonio, Luus, Flavia Lambria...), montes, cabos, promontorios, illas (Cassitérides, Trileucas e a dos Deuses), ríos, etc. A súa obra foi estudada por Monteagudo que intentou localizar en Galicia os sitios achegados por Ptolomeo.


Publio Ovidio Nasón (Sulmona, 43 a. C.-Tomi, 17/18 d. C.)
 
Publius Ovidius Naso escribiu libros de temática amorosa, míticos, tráxicos e épicos. Tamén unha especie de calendario das festas de Roma. Fala da celebración da vitoria de Bruto sobre os Lusitanos e Galaicos no ano 617 da fundación de Roma.
 

Roger de Howden (faleceu no 1201)
 
Tradicionalmente coñecido como Rogerio Hoveden, foi un cronista e historiador inglés dos reinados de Enrique II e Eduardo I. Profesor de teoloxía en Oxford. Despois da morte do rei Enrique en 1189 viaxou coa cruzada de Ricardo a Terra Santa que é cando comezou a súa Chronica cara e dende Oriente. Cita a terra do rei Sancto Jacobo, clara alusión a Santiago de Compostela. No itinerario De Viis Maris (descoñecido ata que no 2005 o publicou Gautier Dalché), un itinerio marítimo composto cara o 1191, volve aparecer Sancto Jacobo, pero aclarando que se chama Galicia.
 
 
 
O Rudimentum Novitorum
 
Do tipógrafo alemán Lucas Brandis de Schass, recolle o primeiro mapamundi. Impreso no 1472, presenta Galicia e España como dúas realidades diferentes. Publicouse en Lubeca (Alemaña) no ano 1475. Trátase dunha monumental historia da humanidade de 475 páxinas. O punto de arranque sitúase coa creación do mundo, rematando no ano 1472. A publicación, entre as súas cen xilografías, recolle, ademais da cartografía referida, un mapa de Xerusalén seguindo unha carta anterior de Burchardus de Monte Sion, un sacerdote dominico do século XIII que viaxou por Terra Santa e Oriente Medio entre 1274 e 1284. No mapa do Rudimentum faise fincapé nas terras habitadas, inseridas dentro dun círculo rodeado por un Océano. As augas continentais dividen a ecumene (mundo coñecido) en tres continentes: Asia, Europa e África.
  

 
Saga Knýlinga (Saga dos descendentes de Canuto o Grande)
 
Saga real islandesa escrita arredor do ano 1250, atribuída ao poeta e historiador islandés Óláfr Þórðarson (1210-1259). Nela recolle a historia do xefe vikingo Ulv Galiciefarer, famoso polas súas incursións en Galicia no século XI ("partiu coa súa hoste para conquistar Jakobsland"), en tempos dos reis Vermudo III e Fernando I. Despois de anos de saqueos foi expulsado por Cresconio, bispo de Santiago e Iria, que mandou construír as Torres do Oeste, en Catoira. Arredor da súa figura existen varias lendas, a máis famosa a do asalto ao castelo de Labio (Lugo). Recibiu o alcume de Ulf o Galego (ao parecer era costume entre os vikingos poñerse alcumes co nome da rexión saqueada). O lugar onde supostamente foi enterrado descubiuse no ano 2016 nos arredores de Næsby, en Jutlandia. Existen dezaseis sagas escandinavas nas que se cita a Galicia.

 
Salustio (Amiternum, Sabinia, 86 a. C.-Roma, 35 a. C.)
 
O historiador e político Gaius Sallustius Crispus naceu en Amiterno. A data do seu nacemento sabémola por San Xerónimo. Escribiu varias obras, a máis coñecida é De Catilinae coniuratione (A conxuración de Catilina), pero a máis importante quizais sexa a Historiae da que só se conservan fragmentos que van do 78 ao 67 a. C.. Fala do Oblivionis, o río do Esquecemento, o Limia: "... cui nomen Oblivionis condiderant".
 

San Isidoro de Sevilla (Sevilla, 560-636)
 
Isidorus Hispalensis foi arcebispo de Sevilla e doutor da Igrexa, autor dunha Historia Sueborum onde fai fincapé na extensión de Galicia, xa baixo dominio visigodo. Entre outras, escribiu a Etymologiae, a Chronica Maiora ou Chronica mundi e a Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum (Historia dos reis godos, vándalos e suevos). Di que "regiones partes sunt provinciarum (...) sicuit in Galicia; Cantabria, Asturia" ("Cantabria e Asturias son rexións situadas en Galicia"). Enterrado en Santiponce, os seus posibles restos foron trasladados para San Isidoro de León.


Servio (S. IV d. C.)
 
Mauro Honorato Servio foi un gramático de finais do século IV d. C., con fama de ser a persoa máis instruída de Italia. Foi autor dun libro de comentarios sobre Virxilio. Traballou xunto con outros autores en facer resumos das grandes obras de autores que xa consideraban clásicos. Conta que Cales é unha cidade da Campania, e que tamén hai unha na Gallaecia que, segundo Salustio, foi tomada por Perpena.
 

Sigebert de Glemboux (Glemboux, 1035-1112)
 
Historiador e ensinante, monxe da abadía beneditina de Glemboux. Despois de ensinar na abadía de San Vicente de Metz, volveu á de Glemboux onde se lle encomendou a escola. Defendeu a Misa dos sacerdotes casados. A súa obra máis famosa foi o Chronicon sive Chronographia. Escribiu que Galicia era un reino que ocupaba a terceira parte de Hispania, "que coa protección de deus continúa inexpugnable", e que nin visigodos nin sarracenos conseguiran someter.

 
Silio Itálico (25/29 d. C-101/103 d. C.)
 
Tiberius Catius Asconius Silius Italicus foi un poeta e político romano admirador de Cicerón e protector de Marcial ao que menciona en varios dos seus epigramas. Tiña unha das maiores bibliotecas de Roma. Foi cónsul no ano 68. Autor de Punica, que escribiu a partir do ano 88 d. C., que narra a segunda guerra púnica. Di que os galaicos reivindican para si "unha orixe grega, posto que despois da guerra de Troia, Teucro, odiado polo seu pai debido á morte do seu irmán Aiax, ao non ser recibido no reino... encamiñouse cara Hispania, e ocupou os lugares onde está Cartago Nova; logo pasou á Gallaecia". Cita a cidade de Tude (Tui) que di foi fundada por Diomedes, e a cuxos habitantes chama Gravios ou Graios (Grovios). E pola importancia do ferro para os Galaicos, non utilizaban unha arma sen antes templala "no río Birbili ou no Chalibo (o Cabe)" de augas máis duras que o mesmo ferro. Tamén do Lethes (o Limia), que arrastraba brillantes areas, e das mulleres galaicas que vestian adornos de ouro, pero tamén fendían a terra co arado: "Bota a semente no rego e ara a terra co arado, estando inactivos os homes. Todo o que se teña que facer, non sendo a guerra, afróntao a esposa do home Callaico sen parar". Dedica un apartado a contar o costume dos galaicos de adiviñar o futuro polo voo das aves e dos lóstregos, ás veces berrando bárbaros cantos na propia lingua, e danzando ata ferir a terra.

 

Sulpicio Severo (Aquitania, 363-425)
 
Galo-romano queeEscribiu a primeira biografía de Martiño de Tours e unha crónica (Chronicon Libri Duo) que vai dende a creación do mundo ata o ano 400. Defendeu o ascetismo monástico. Achega importante información para comprender a controversia priscilianista. Di que os corpos de Prisciliano e os seus discípulos, executados no ano 385 en Tréveris (actual Trier, en Alemaña), foron trasladados a Galicia e enterrados nalgún lugar. Prisciliano, elevado á categoría de mártir, a súa tumba converteuse en lugar de peregrinación. No século XIX o clérigo francés Duchesne formula a hipótese de que os restos do Apóstolo que se veneran na catedral compostelá son os de Prisciliano, que no século XI, perdida a orixe por parte do pobo, a Igrexa Católica o transformará no culto a Santiago. Declarado santo pola Igrexa católica.


Táboa de Peutinger ou Tabula Peutingeriana

Mapa realizado probablemente no século IV ou V d. C. Do orixinal só sobreviviron copias, a máis antiga do século XIII que foi entregada por Konrad Celtis a Konrad Peutinguer para a súa publicación (1591). A súa finalidade era servir ao viaxeiro, por iso se presenta en forma de rollo e tamén se pode dobrar. Mostra unha rede viaria de 70.000 millas, 3.300 mansio e 600 nomes diversos. O editor e estudoso da Táboa da primeira metade do século XX, Konrad Miller, defendía que non era outra que o mapamundi de Castorius, se ben este cosmógrafo romano é totalmente descoñecido. A primeira parte do mapa que reproducía Hispania desapareceu, sendo reconstruído por Miller no 1898.
 

Tito Livio (Patavium, 59 a. C.-Padua, 17 d. C.)
 
Historiador romano que relata a historia de Roma dende a súa fundación ata a morte de Druso no 9 a. C. que leva por título Ab urbe condita (Dende a fundación da cidade), tamén coñeciada como as Décadas, escrita en 142 libros dos que só se conservan uns poucos. Fala da expedición de Décimo Xunio Bruto na súa loita contra os Galaicos e Lusitanos e o temor dos seus soldados a atravesar o río do Esquecemento (o Limia): "... et cum flumen Oblivionem transire nolle raptum signifero signum ipse transtulit et sic ut transgrederantur persuasit".

 

Veleio Patérculo (19 a. C.-31 d. C)
 
Caius Velleius Paterculus foi un historiador romano. Foi legado de Tiberio e pretor en Xermania. Escribiu unha historia (Compendio da Historia romana) que abrangue dende despois da Guerra de Troia ata o 29 d. C. Entre outras fontes utiliza a Pompeu Trogo e Tito Livio. Cita a expedición de Décimo Xuño Bruto quen, logo de someter aos galegos, outórgaselle o título de Gallaico ("... Gallaeci nomen meruit") o que amosa as dificultades que tivo para vencelos. Asegura que Bruto chegara ata lugares nunca escoitados (tese hoxe en día desbotada xa que se sabe que antes que os romanos xa coñecían as costas noroccidentais tartésicos, fenicios, cartaxinenses e gregos).


Vita Hludovici (A vida de Ludovico)
 
É unha biografía anónima sobre Luís o Piadoso, coñecido tamén como O Astrónomo, emperador de Occidente e rei dos francos entre o 814 e o 840. Nela cítase a Afonso II O Casto como Galletiarum principis cando unha embaixada do rei galego visita a corte tolosana do rei de Aquitania coa fin de establecer unha alianza política.
 

Vita Karoli Magni (A vida de Carlomagno)
 
Haxiografía de Carlomagno escrita polo monxe Eginard ou Einhard (770/75-840 d. C.). Cita a Afonso II o Castro como rei de Galicia. Cada vez que este enviaba a Carlomagno embaixadores ou cartas, ordenaba que ante o rei franco se referían a el como "o seu servidor".

 
William de Malmesbury (Sherbourne, arredor do 1090-Malmesbury, 1143)
 
Monxe bibliotecario da abadía inglesa de Malmesbury. Baixo o seu mando, a Biblioteca da abadía fíxose famosa. Autor da Gesta Regum (Feitos dos reis), Gesta Pontificum Anglorum (Feitos dos bispos ingleses) e Historia novella (Historia recente). Cita ao rei Afonso IV como Aldefonso Gallicae Regie.
 
 

Xoán de Bíclaro (540-621)
 
Johannes Biclarensis naceu en Scallabis, hoxe Santarém, na provincia da Lusitania. Fundou o mosteiro de Biclarum, emprazado na provincia de Tarragona, posiblemente sobre unha antiga vila romana. No ano 577 foi desterrado a Barcelona polo visigodo Leovixildo por non se converter ao arrianismo. Foi bispo de Girona, asistindo como tal ao Concilio de Toledo. Entre o 567 e o 589 escribiu un Chronicon que é unha fonte moi importante para coñecer o Reino Suevo. Nun concilio de Toledo di que acudiron bispos de Hispania, Galia e Galicia.
 
 

Xulio Honorio (século IV-V d. C.)
 
Autor dunha Cosmographia, unha recompilación de datos xeográficos divididos por cateorías (océanos, ríos, illas, cidades). Pouco se sabe da súa vida nin a data da Cosmographia que Casiodoro (485-580) sitúa a mediados do século V no seu Institutiones divinarum et saecularium litterarum, citando a Honorio como Julius Honorius Crator. Fai alusión a Brigantium.

Xustino (séculos II-III d. C.)
 
Marcus Iunianos Iustinus foi un historiador romano. A súa única obra coñecida é Epitoma historiarum Philippicarum Pompei Trogo. Toma a Posidonio como referente canto á orixe grega dos Galaicos, nomeadamente descendentes de Teucro. Di que a Gallaecia é rica en ouro e prata, e que co arado sacan anacos de ouro, salientando a importancia das minas: "Rexión moi rica en cobre e chumbo, ademais de minio que lle deu nome ao río veciño.  Nos confíns deste pobo está o Monte Sacro ao que se considera pecado (nefas) violar co ferro... pero se a terra se fende por un raio... permítese recoller o ouro descuberto, coma un don de deus". Gaba as excelencias, pola súa dureza, das augas do río Chalibo (o Cabe), magníficas para temperar as armas. Tamén fai alusión á importancia das mulleres.
 

Yaqut (1179-1229)
 
Abu Abdallah Yaqut ibn-Abdallah al-Rumi al-Hamawi foi un xeógrafo sirio, dise que descendente de cristiáns bizantinos. Rematou de escribir no ano 1228 Kitab Mu'jam al-Buldan (Libro de países) con información xeográfica, histórica, etc. dos países polos que viaxou, incluída a Península. Di que próxima á costa do Océano, na parte noroeste de Al-Andalus, atópase Yilliqiyya (Galicia).


Xoán Zonaras
 
Joannes Zonaras foi un escritor, historiador e xurista bizantino de fins do século XI e comezos do XII que desenvolveu varios cargos na corte do emperador Alexio e na de Comneno, pasando logo a vivir unha vida ascética como monxe na Hagia Gliqueria (a actual illa de Niandro). A súa obra principal é o Epitomé historion que conta a historia do mundo, tomada de distitintas fontes (crese tamén que de libros perdidos de Dion Casio), dende a creación ata o 1118. Fai referencia á batalla de César na Gallaecia nos anos 61-60 a. C.