CASTELOS E TORRES DA PROVINCIA DA CORUÑA
ABEGONDO
O Castelo (Torrente-Cabanas): Posible asentamento fortificado medieval. A mesta vexetación impide ver se hai restos. Consérvase o topónimo O Castelo.
Castelo (Cima de Vila-Meangos): Pequeno recinto de planta cadrada duns 60 metros de lado coas esquinas arredondadas, defendido por un parapeito que está arrodeado por un foxo. Afectación por plantacións forestais.
Castelo da Axilda (A Axilda-Meangos): Situábase no extremo septentrional do monte Castelo, sobre a igrexa parroquial de Santiago de Meangos. Organizábase en torno a unha mota central de terra que se elevaba uns tres metros sobre o terreo circundante, a parte alta constituía un recinto achairado, tiña planta rectangular e medía uns 50 metros de lado. É posible que estivera cercado por unha muralla de pedra protexido por un foxo duns dous metros de ancho. A ubicación desta fortaleza entre os ríos Gobia e Fontaos, tributarios do Mero, permitíalle controlar dende o alto e na distancia o tramo do camiño entre Presedo e Limiñón, dende o que se dominaban os vales circundantes. Jerónimo del Hoyo no ano 1607 afirma que o solar da casa dos Montotos é a torre que chaman de Agilda, sita nos arredores de Betanzos. Martínez Santiso cita unha historia manuscrita inédita das familias ilustres de Betanzos da que extrae a mesma información. Pérez Constantí tamén menciona a fortaleza. (Información de Xosé Troiano en patrimoniogalego.net).
Castelo de Porcas (entre Guiliade -Betanzos-, e Limiñón -Abegondo): Asentamento fortificado baixomedieval situado sobre unha ladeira de suave pendente a 70 metros sobre o nivel do mar. Ao non dispor de defensas naturais, reforzouse o lado máis vulnerable, na parte máis alta da pendente. Trátase dunha pequena elevación rochosa na que se organizan as súas defensas. Na parte alta ten un recinto circular duns 35 metros de diámetro, feito artificialmente tras a escavación do foxo, duns 10-15 metros de ancho e 2-13 de fondura, na propia rocha. Polo nordés duplícanse as defensas con dous foxos e dous cercados. O xacemento ten unhas dimensións totais duns 75 metros de diámetro. Citado no preito Tabera-Fonseca onde varias testemuñas declaran como se derrubara este castelo, se ben hai algunhas contracións (se fora a Irmandade ou o gobernador Fernando de Acuña). No que coinciden é na propiedade da fortaleza, declarando que era de Diego de Andrade. O castelo atoparíase dentro dos límites actuais do coto do mosteiro de Santo Estevo de Piadela, segundo a demarcación que fai o rei Afonso V no ano 1020, couto que pasou definitivamente á igrexa compostelá no ano 1147.
Cruz da Beira ou Monte dos Matos (Cruz de Beira-Sarandóns): Asentamento fortificado medieval con restos de estruturas concéntricas que defenden un pequeno recinto interior de forma rectangular, con dúas liñas de muralla separadas por un foxo. Apenas se aprecia.
Torre (Os Currás-Vilacoba): Posible asentamento fortificado de época medieval. Trátase dunha pequena elevación coa superficie achandada que recibe o nome da Redonda.
A Torre (A Torre-Leiro): Dise que no lugar houbo unha torre, hoxe en día destruída. Trátase dun pequena elevación coa superficie achandada que recibe o nome de Grovias e Redonda. Este topónimo aparece mencionado nun documento como Castellum de Leiro no ano 1112. Segundo López Ferreiro, este castelo tiña ao seu cargo un dominio administrativo que cubría a metade occidental do territorio de Nendos, chegando ata o mar e limitando co territorio do castelo da Espenuca.
Torre de Peito Bordel (Bordel-Sarandóns): O edificio actual, habilitado como vivenda particular e parcilamente restaurado, data do s. XVII. Unha desafortunada intervención, con galerías de formigón na parte traseira, desvirtúa o conxunto. A construción máis antiga é unha torre do s. XII totalmente arruinada, cuberta pola matogueira e á que lle falta a parte superior. Segundo a lenda aquí eran recluídas as mozas cristiás destinadas aos haréns dos musulmáns ata que eran embarcadas cara o seu destino. Era o coñecido como "Tributo das cen doncelas" ou de "Peito Bordel". No ano 765, cinco fidalgos, fartos de semellante aldraxe e armados só con ramas de figueira, puxeron en fuxida aos moros de Abderramán. Sobre un arco de medio punto que dá acceso á edificación, hai un escudo cadrado coas armas dos Figueroa e Andrade e, debaixo, a cabeza dunha muller. Declarada BIC.
Torre de Figueroa: Forma parte do pazo do mesmo nome. Acaroada ao edificio érguese unha torre gótica de planta rectangular do s. XII ou XV (segundo versións), reformada no XVII á cal acaroaron posteriormente outras edificacións. Nos muros aparecen dous escudos coas armas dos Gaioso, Puga, Freixomil e Moscoso, e un perpiaño con inscricións que fan alusión aos Figueroa. Os fidalgos da lenda anterior morarían aquí, recibirían o apelido de Figueroa polo das ramas de figueira que utilizaron como armas. No lintel da porta do muro sur hai unha inscrición que di: "Reparose esta casa antiquísima del solar de los Figueroa el año 1621, siendo señor de ella Ares Pardo de Figueroa, caballero de la Orden de Santiago". Privada. Bo estado de conservación.
Torre de Cerca (Cullergondo): Forma parte do pazo do mesmo nome.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Leiro e Mabegondo.
AMES
Castelo do Monte de San Marcos (Castelo): A 349 metros de altitude sobre o nivel do mar. Catalogado como posible fortificación medieval por Rodríguez Resino (2008). Existen referencias tardías á reutilización do castro na véspera da batalla de Altamira-Augapesada no 1471.
Pena da Mira (O Outeiro-Buceleiras-Bugallido): A Pena da Mira é un outeiro rochoso que sobresae no monte Picón e domina unha ampla visual sobre o Val da Amaía e a zona de Santiago, xunto coas súas contornas. Está situado a 207 metros de altitude e a 300 metros ao sur do antigo camiño real que comunicaba Bertarmiráns dende a ponte da Condomiña ata a entrada na cidade de Santiago pola zona de Vidán. O lugar, na topografía, coincide co descrito por López Ferreiro no ano 1884 sobre o estudo histórico do que fora arcebispo de Compostela entre o 1451 e 1460, Rodrigo de Luna. Fala das manobras de control sobre o territorio do tenente da Rocha Forte de Santiago, o cabaleiro Álvaro Sánchez Dávila, en tempos deste arcebispo. Nun texto lese: "Más Álvaro Sánchez no se contentaba con ser leal guardador de la Rocha; si no que desde allí con sus continuas salidas y rebato dejaba punto de reposo a los rebeldes. Por la parte sud y del Oeste tenía cortada las comunicaciones con Noya, Muros y la rica comarca de la Amaía. Prestábase a ello la situación del castillo que se erguía empinado y escueto sobre un altozano en la margen izquierda de un riachuelo afluente del Sar, como a unos cuatro kilómetros de Santiago, y entre las carreteras de Noya y Padrón". O "riachuelo" ao que se refire pode ser o Rego de Paradmuíño, afluente do Sar, e o altozano A Pena da Mira. O lugar está protexido arqueoloxicamente pola existencia dun petroglifo na zona suroeste do propio penedo e dunha mámoa na zona sur do outeiro. O posible castelo estaría no afloramento granítico que amosa rebaixes e regularizacións para escuadrar unha liña de rocha e facer o que podería ser o asentamento de muros. Tamén se aprecian ocos redondos escavados na pedra onde asentarían pontóns de madeira e outros rebaixes que configuran pías. Estas características son as que se aprecian noutros lugares no que estivo construída unha pequena torre ou castelo roqueiro, usados a miúdo para vixiancia e control de camiños. (A información e a foto débolla a Elixio Vieites, publicada en patrimoniogalego.net).
ARANGA
Castelo de Hermanzón, Barmanzón ou Aranga (Ponte Aranga): Situado na confluenza dos ríos Cambás e Mandeo, nun outeiro de inmellorables condicións de defensa natural. Accedíase a través dun estreito e escarpado paso situado ao norte. A crista está formada polo afloramento de grandes laxes de lousa. A defensa reforzouse artificialmente cortando a rocha para formar dous foxos. Consérvanse os restos dun muro realizado en cachotería. Luengo Martínez, que o escavou parcialmente no ano 1994, informa de que se atoparon dúas seteiras. O recinto interior presenta unha planta tirando a ovalada cunhas medidas de 39 metros de longo no eixo maior e 10 metros no menor, construída en dúas alturas comunicadas a través dunha escaleira de cinco chanzos escavados na rocha. No espazo superior puído existir unha torre. Atopáronse varios restos materiais: cerámica medieval, tellas e unha punta de lanza. Luengo data a fortificación entre o século X e comezos do XII. A primeira testemuña documental é do ano 966, cando o bispo Sisnando II de Iria -curmán e opositor de San Rosendo- acompañado do seu irmán Rodrigo e a esposa deste, Elvira, realizou unha doazón a favor do mosteiro de Sobrado, incluíndose "Nostro castelo de Aranga cum omn sua prestantia". No 995, o bispo de Iria San Pedro de Mezonzo restaura o mosteiro de Santa Baia de Curtis que fundara o seu antepasado Placencio. Entre os bens que doa menciónase a igresa de Santo Uincentio de Naimaia da que se indica que se atopa iuxta castellum de Aranga. No século XII, ademais da constancia documental do castelo, testemúñase a existencia dun mosteiro co seu correspondente couto e dunha xurisdición de Aranga que, como a fortificación, aparece vinculada aos Traba ou a membros de linaxes próximas. A continuidade da fortificación rastréxase na segunda metade do século XV, no coñecido como preito Tabera-Fonseca onde se di que foi derrubada polos Irmandiños, debido a que se tiña convertido en niño de malfeitores e, ante a súa propiedade, as testemuñas non se poñen de acordo: uns din que pertencía á linaxe dos Vilarullo, outros ao conde de Monterrei (algunha hipótese pouco fundamentada fala de que foi destruído durante a batalla dos Campos Congostranos contra as forzas de Almanzor). Hai quen sitúa aquí aos templarios que tamén ocuparían un mosteiro nas terras de Aranga, hipótese en absoluto fabulosa se temos en conta que Fernando de Traba os introduciu en Galicia o mesmo ano da fundación do Temple (1119), doándolles do burgo de Faro (Betanzos). Santiago Fernández, de Aranga, achegoume a seguinte historia: O señor do castelo era bastante "amigo" dos campesiños, apoiándoos contra os abusos da Igrexa e doutros caciques da comarca polo que a fortaleza non foi atacada polos Irmandiños. Declarado BIC. (A maior parte da información foi recollida do traballo de Carlos Andrés González Paz, Catro exemplos de fortificacións altomedievais galegas do século X: Castellum de Aranga, Castellum Minei, Castellum Berreti e Castellum de Citofacta, publicado en Rudesindus no ano 2007).
Castelo de Teodomiro: Santiago Fernández dime que no concello había un castelo coñecido como de Teodomiro,
no monte do Gato (O Barreiro), do que non quedan restos. Tamén hai
indicios de, polo menos, outras dúas torres, dunha das cales se
conservan uns posibles perpiaños reutilizados na construción dunha
vivenda. No mes de abril de 2021, o arqueólogo Antón Malde xeolocalizou a torre pertencente ao castelo da Alta Idade Media onde Greenalia e Galenergy queren instalar un total de 40 muíños de vento a pesares de estar declarado BIC. Malde detalla que, segundo recolle o Cronicón de Walfrido, o rei Teodomiro de Suabia mandou construír esta fortaleza arredor do ano 550 no Monte do Gato, coñecida como Castrum Feacium, topónimos que aínda perduran. Apréciase o que semella corresponder a unha muralla elipsoidal e un corpo central. A este castelo xa fixeron referencia Manuel Martínez Santiso e Alfredo Erias no seu estudo Historia de la ciudad de Betanzos de 1987. A toponimia foi fundamental á hora de localizar os restos, explica Antón Malde, xa que a fortaleza ubicaríase no lugar de Castelo de Arriba.
A Torre (Muniferral): Posible existencia dunha torre medieval.
A Torre e A Torre Lavandeira: Topónimos. Lugares das parroquias de Feás e San Vicente de Fervenzas.
A partir do século XVI e ata o primeiro terzo do XVIII,
para protexer o estratéxico porto de Ferrol construíronse en ambas marxes da
ría unha serie de castelos e baterías. Na marxe do actual concello de Ferrol
consérvanse a coñecida fortaleza de San Felipe e as ruínas dos castelos de San Cristovo
e San Carlos. Na parte dos concellos de Ares e Mugardos o non menos coñecido castelo da Palma e os
castelos-baterías de Punta Segaño, San Martiño e da Bailadora, este último, ao
contrario dos anteriores que se sitúan case ao nivel do mar, foi erixido a 265
metros de altitude cun dominio visual sobre toda a ría.
Batería do castro de Santa Mariña (Cervás): No
interior do recinto castrexo vese unha construción en ruínas que pertenceu a
unha batería militar, construída a principios do século XVIII e que
perdeu a súa función a mediados do XIX.
Castelo de San Martiño: Situábase na punta do mesmo nome, nun pequeno entrante onde
comeza a enseada de Nande, entre as fortalezas de Punta Segaño e da Palma.
Administrativamente, o sitio pertence á parroquia de Cervás, no concello de
Ares. Cos castelos de San Felipe e da Palma formaba o triángulo
defensivo coñecido como “O triángulo de lume” ou “Triángulo de fogo”. Leva o
nome en honra de Martín de Padilla (1540-1602), Adiantado de Castela en tempos
de Felipe II que dirixiu, sen éxito, a Terceira Armada Invencible contra
Inglaterra no ano 1597. Foi construído polo enxeñeiro Miguel Marín Truq,
posiblemente sobre unha fortaleza anterior de principios do século XVI. Dispoñía de once canóns que
alacanzaban unha distancia de entre os 600 e 1.500 metros. Na súa Viaxe a
Galicia no ano 1745, Frei Martín Sarmiento di que o castelo estaba xa moi
deteriorado e non de todo armado, e os Interrogatorios do Catastro de Ensenada
de poucos anos despois infórmanos que os canóns aínda estaban en funcionamento
pero con pouca potencia. A partir do século XIX perdeu a súa funcionalidade, foi
abandonado e os muros comezaron a derrubarse. Na actualidade só se conservan
parte de dous arruinados lenzos comidos pola maleza cos sillares caendo ao mar.
Polo sur, a parte de acceso, a carón das arruinadas murallas, aprécianse os
restos do que puído ser un foxo. Para construír o castelo foi preciso aplanar o
entrante granítico, conseguindo habilitar un espazo edificable duns 40 por 30
metros. A súa morfoloxía aseméllase á de varios castros costeiros. No sitio
construíuse unha baliza marítima. No Museo Naval de Ferrol consérvase unha áncora dunha
colosal cadea que atravesaba a ría entre os castelos de San Felipe e de San
Martiño para empecer a navegación en caso de ataque; entre as dúas
fortalezas hai unha distancia duns 550 metros. Benito Vicetto (1824-1878) é o primeiro en recoller unha
anécdota acontecida na enseada de Nande, entre os castelos de San Martiño e da
Palma. Hai unha rocha que se coñece como “Pena da raíña Mariana ou do Cú da
Raíña”. Cóntase que cando a frota que traía a Santander a Mariana de Neoburgo,
que viña de casar por poderes en Alemaña con Carlos II o Enfeitizado, tivo que
desviarse debido a un temporal que os obrigou a resgardarse na Ría de Ferrol, o
barco da raíña encallou na enseada de Nande. Dise que Mariana se aburría tanto
mentres non se ordenaba o desembarco que non tivo outra ocorrencia que saltar á
rocha, con tal mala fortuna que esvarou e pousou nela o cu, se ben outra
versión conta que era alí onde se sentaba a reflexionar.
Forte de Punta Segaño: Construída na Punta de Segaño, a uns 30 metros de altitude sobre o nivel do mar, na bocana da Ría de Ferrol. Data do ano 1739. Posteriormente sufriu varias modificacións e anexionáronlle outras construcións nos anos 1754, 1764 e 1774, e tamén ben entrado o século XX. Configúrase como unha batería cara o mar e unha fronte de terra. A finais do século XVIII contaba con dezaseis canóns. Dise que debaixo houbo un castro, e que para facer os túneles reaproveitaron os primitivos foxos. En ruína progresiva.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Cervás.
ARTEIXO
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Suevos.
ARZÚA
Castelo de Fruzo (Fruzo-Oíns): Fortaleza militar transformada en pazo, sufriu varias reformas nas que perdeu a metade da súa estrutura, capela incluída.
O Outeiro (O Outeiro-Santa María de Arzúa): Asentamento que se configura como un pequeno outeiro de forma cónica que se eleva do terreo circundante cun pequeno espazo aterrazado a media altura e unha superficie amesetada na parte superior duns 25 metros de diámetro. Está rodeado pola canle do río de Brandeso pola zona norte. O corte do terreo por onde corre o río parece que foi ampliado, dirixido en curva e pegándoo ao recinto, para elevar as súas características defensivas. Obsérvase outro desvío artificial da canle pola zona sur, partindo do mesmo punto que a primeira, pero está moi colmatada polos entullos do río. Aprécianse no terreo dous foxos en forma de curva e concéntricos que están máis visibles cara a zona sudés. Van dende o río cara os prados que ten ao seu carón, esmorecendo a medida que se adentran neles ata chegar a desaparecer. Está a 75 metros ao sur dunha ponte sobre o río de Brandeso, e a 600 metros ao norte doutra ponte por onde está marcada a ruta do camiño de Santiago polo Concello de Arzúa. (Información achegada por Elixio Vieites, e publicada en patrimoniogalego.net).
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Dombodán.
A BAÑA
Castelo de Gosende ou Castelo Rodado (Gosende-A Ermida): Está recollido como un castro na bibliografía arqueolóxica dende o ano 1984, sendo catalogado no ano 1994. Pola análise da fotografía aérea localizáronse dúas estruturas de forma semicircular dispostas concentricamente, se ben nas prospeccións levadas a cabo non foi posible localizalas. Segundo información achegada por Elixio Vieites, o asentamento semella moi pequeno para tratarse dun castro, amosando unha pequena croa elevada duns trinta metros sobre un meando do río Abuín.
O Castrallón (Xasoso-A Baña): Medieval. Asentamento fortificado. Presenta unha estrutura circular duns 60 metros de diámetro e unha altura de dous a tres metros con respecto ao exterior. No centro hai un pequeno outeiro con restos de pedras.
A Torre e Vilar da Torre: Topónimos. Lugares das parroquias de Barcala e Lañas.
BERGONDO
Castelo de Corbeiroa: Atópase na parte sur da baía que protexe a ría de Sada. Edificado no século XVIII como batería defensiva para, entre outras funcións, garantir a seguridade de varias industrias téxtiles. Xunto ao de Fontán, formaban parte do escudo da vila. En novembro de 2016, os muros das ruínas quedaron ao descuberto grazas aos traballos de limpeza e sinalización.
A Torre (Sanín-Bergondo).
BETANZOS
Murallas da vila (Betanzos): Séculos XIII-XV. Arrodeaban o casco vello da cidade. A finais do século XVI comezáronse a construír casas apegadas aos muros, costume que se xeralizou a partires do XVIII. A entrada ao recinto efectuábase a traves de catro portas e un portelo, a máis coñecida era a desaparecida Porta da Vila (fora reconstruída polo mestre Juan de Bergantiños no 1550), entrada principal coroada por torreóns ameados cos escudos de Galicia, Castela e os da cidade (hoxe en día integrados nunha vivenda privada); foi derrubada no 1872 dentro da política dos ensanches. Moitos veciños derrubaron parte da muralla para ampliar as súas vivendas. Consérvanse tres das catro portas, todas do século XV.
Castelo da Axilda (A
Axilda-Meangos): Situábase no extremo septentrional do monte Castelo,
sobre a igrexa parroquial de Santiago de Meangos. Organizábase en torno a
unha mota central de terra que se elevaba uns tres metros sobre o
terreo circundante, a parte alta constituía un recinto achairado, tiña
planta rectangular e medía uns 50 metros de lado. É posible que estivera
cercado por unha muralla de pedra protexido por un foxo duns dous
metros de ancho. A ubicación desta fortaleza entre os ríos Gobia e
Fontaos, tributarios do Mero, permitíalle controlar dende o alto e na
distancia o tramo do camiño entre Presedo e Limiñón, dende o que se
dominaban os vales circundantes. Jerónimo del Hoyo no ano 1607 afirma
que o solar da casa dos Montotos é a torre que chaman de Agilda,
sita nos arredores de Betanzos. Martínez Santiso cita unha historia
manuscrita inédita das familias ilustres de Betanzos da que extrae a
mesma información. Pérez Constantí tamén menciona a fortaleza.
(Información de Xosé Troiano en patrimoniogalego.net).
Castelo de Porcas (entre Guiliade -Betanzos-, e Limiñón -Abegondo): Asentamento fortificado baixomedieval situado sobre unha ladeira de suave pendente a 70 metros sobre o nivel do mar. Ao non dispor de defensas naturais, reforzouse o lado máis vulnerable,
na parte máis alta da pendente. Trátase dunha pequena elevación rochosa
na que se organizan as súas defensas. Na parte alta ten un recinto
circular duns 35 metros de diámetro, feito artificialmente tras a escavación do foxo, duns 10-15 metros de ancho e 2-13 de fondura, na propia rocha. Polo nordés duplícanse as defensas con dous foxos e dous cercados. O xacemento ten unhas dimensións totais duns 75 metros de diámetro. Citado no preito Tabera-Fonseca onde varias testemuñas declaran como se derrubara este castelo, se ben hai algunhas contracións (se fora a Hermandade o o gobernador Fernando de Acuña). No que coinciden é na propiedade da fortaleza, declarando que era de Diego de Andrade.
O castelo atoparíase dentro dos límites actuais do coto do mosteiro de
Santo Estevo de Piadela, segundo a demarcación que fai o rei Afonso V no
ano 1020, couto que pasou dfinitavmente á igrexa compostelá no ano 1147.
Castro de Xanrozo
(Requián): Posúe un cercado de terra de catro metros de altura
precedido dun foxo, con restos dunha torre no medio, quizais, segundo
Río López (1986) dos séculos XII-XIII. Aparece citado no ano 911 como castrum Ieroncio, ao delimitar o couto do mosteiro de Cís. Ten un bo control viario e a el chega unha vereda antiqua citada nun documento do 1020. Monteagudo (1947) di que xunto o castro discorría a vía romana "Per loca marítima".
BOIMORTO
Torre de Andavao: Non se trata dunha torre, senón dun pazo. Se existiu unha torre non quedan restos.
Castelo de Vitres (Monte Vitres): A 70 metros de altitude. Dende aquí contrólase parte da Ría de Arousa. Datado posiblemente na Alta Idade Media para se defender de normandos e sarracenos. Orixinariamente trataríase dunha torre ou atalaia situada no cume. Na actualidade só son visibles as pegadas deixadas polos perpiaños da cimentación. López Ferreiro di que acolleu un destacamento romano da Legio VI Victrix.
Outeiro da Torre: No mes de agosto de 2015 deuse a coñecer o achado dunha torre altomedieval na Serra do Barbanza, no lugar coñecido como Outeiro da Torre dende onde se controla a Ría de Arousa. A torre é de planta circular, de pequenas dimensións pero situada estratexicamente. Ten un diámetro aproximado de 11,5 metros. Recuperáronse tres pezas líticas de orixe antrópica. Segundo Victor Barbeito, arqueólogo do Concello de Boiro, utilizaríase para facer lume nela e así avisar ao resto dos puntos de vixiancia da chegada de invasores por mar.
Torre de Goiáns (Lampón): Século XVI. O pazo de Goiáns foi unha antiga fortaleza reconstruída por Domingo de Andrade, construtor da Torre da Berenguela, na catedral compostelá. A torre é rectangular coroada por un miradoiro abalaustrado. Ao longo do tempo pasou por varios propietarios. No ano 2010 o Pleno do Concello acordou mercar o pazo.
Asentamento (Moimenta-Macenda): Segundo información aparecida na prensa o día 29 de maio de 2016, no lugar coñecido como Chans do Cerqueiro saíu á luz un hábitat da Idade do Bronce. Crese que pode existir
unha relación deste sitio e a riqueza que a zona ten en estaño. Dous
días despois, co inicio das tarefas de sondaxe, fotogrametría e
localización GPS, Ramón Fábregas e Carlos Rellán matizaban que tamén
podería tratarse dunha atalaia medieval ao situarse nun punto
estratéxico dunha zona de paso natural.
BOQUEIXÓN
Fortaleza do Pico Sacro: Tratábase dunha torre. Destruída polos Irmandiños no século XV, foi mandado reedificar, segundo López Ferreiro, polo arcebispo Alonso de Fonseca a finais do mesmo século para se defender da casa de Altamira asentada na torre de Cira (Silleda). No século XIX as súas pedras foron utilizadas para outros fins. Hoxe en día só se distinguen os restos da planta e do alxibe. Permitía controlar e protexer as mercadorías que transitaban polos camiños entre Santiago e Ourense. As covas do Pico Sacro son unhas das máis grandes que se coñecen en seixo (segundo a lenda, nunha foi enterrada a lendaria Raíña Lupa), o que lles outorga unha singularidade xeolóxica que se suma ás historias e aos mitos con elas relacionadas. A fenda que divide o cumio coñécese como "Rúa da Raíña Lupa", unha impresionante trincheia duns dous metros de ancho e seis de altura. O P. Fidel Fita, no Boletín da Real Academia da Historia nº 59 (1911), no traballo La gran caverna del Pico Sacro, dos leguas al Oriente de Compostela. Nuevo estudio, fala do P. Juan Álvarez Sotelo, da Compañía de Xesús, natural de Perrelos (Sarreaus), nacido no 1658 e finado no 1712, quen, despois de ser trasladado de Monterrei para Santiago, escribiu sobre o Pico Sacro e as súas cavernas que visitou o 29 de agosto de 1698, acompañado polo abade de Lestedo Antonio de Linares e Andrade ("Llamáronle también Mons Sacer, monte sagrado, así por haber tenido en el pináculo un templo famoso dedicado á no sé que ídolo de gran devoción, como porque á todo el monte lo tenían consagrado a la mentida deidad. Por lo cual tenían por grave sacrilegio herir las tierras con hierro, aunque fuese para sacar oro; si pero se permitía tomar y llevar como don de Dios el que se hallase en la superficie... Tiene otrosí este monte otra obra más asombrosa, es á saber, una caverna, no obra de naturaleza como se han visto algunas, sino de hombres; abierta en peña viva y tan profunda que nadie le halló suelo, aunque algunos lo intentaron, y tan larga piensan otros llega al río Ulla, que corre distante del pináculo una larga legua").
Monte Castelo (Vigo): Restos dunha posible torre altomedieval de 28 metros de diámetro e tres de altura, situada a 450 metros de altitude sobre o nivel do mar, no cume do monte coñecido como Alto do Castelo, cun bo dominio visual so o val o río Ulla. Atopáronse restos cerámicos, fragmentos metálicos e escouras de ferro.
Torre de Lestedo: Parece ser que se atopaba nalgún punto da contorna do Pico Sacro; dise que as súas pedras foron reutilizadas noutras construcións. Aínda que inexistente, figura declarado BIC pola Xunta de Galicia.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Lamas e Pousada.
O Castelo de Rubial ou do Oleirón (O Rubial-Bastavales): Promontorio rochoso con restos esparexidos polo lugar que puideron pertencer, segundo Manuel Gago, a un castelo altomedieval con función de refuxio ou control. Ao pé deste monte había unha capela en honra de Santa Icía onde nos anos sesenta do pasado século se efectuaron algunhas prospeccións, saíndo á luz unhas ménsulas e unha escultura bifronte prerromana, hoxe en día no Museo das Peregrinacións de Santiago.
A Costolla (O Rubial-Bastavales): Podería tratarse dun asentamento de vixilancia ou atalaia con características moi semellantes pola súa situación xeográfica a outros existentes na zona e que controlaban o val da depresión meridiana e a ruta entre Iria e Compostela, tendo un longo alcance visual sobre o territorio e os cumes dos montes que o flanquean. Está a unha altitude de 317 metros, nun prominente outeiro rochoso que se eleva pola zona leste do monte Oleirón, preto da aldea do Rubial e a 1,3 quilómetros en liña recta da pequena fortaleza, nomeada como altomedieval, asentada na súa ladeira, o Castelo do Oleirón ou do Rubial. Atopámonos nunha zona onde abundan este tipo de asentamentos de refuxio e control nos cumes dos montes e a ambos lados deste val, como Pena Angueira, Castelo Redondo e Monte Castrelo (Padrón), Castelo do Oleirón (límite Rois-Brión) e Monte San Marcos (Ames), nomeando soamente aos máis cercanos deste e de características semellantes cos que ten contacto visual. Ademais tamén se poderían divisar o Pico Sacro (Boqueixón) e a fortaleza de Castromaior (San Xoán de Fecha-Santiago). O microtopónimo A Costolla proviría posiblemente de costoia (custodiam), que fai referencia ao que algúns autores definen como un indicativo do lugar de vixilancia que se exerce sobre unha ruta. O afloramento de pedra no que se atopa cíngueo un muro duns 80 centímetros de ancho pola cara oeste, feito a base de dúas fileiras de perpiaños recheos de cachotería que aínda son moi visibles, sobresaíndo da maleza. A pesar das evidencias de extracción de pedra, na parte superior do afloramento aínda se aprecian na superficie intacta da pedra os rebaixes escuadrados que se practicaban para asentar as estruturas. Podemos ver polo lado sur os restos dos muros dun pequeno recinto, duns 2,5 metros de lado, que aínda ten fileiras en pé e que semella recente. Un veciño afirma que aquí se celebraba unha pequena romaría e noutro tempo podería existir unha capeliña. Este espazo da zona sur está construído nun lugar de voa visibilidade, e polo de agora non podemos relacionalo coa capela nin coas funcións de pastoreo ou do traballo dos canteiros. Na parte máis alta do outeiro está gravada unha cruz na rocha, con traza de antiga, atendendo á erosión dos bordos dos seus sucos. Pola cara oeste hai un muro, inaccesible pola maleza, pero posiblemente feito de cachotería, duns 100 metros de longo que serve de contención a unha terraza duns 800 metros cadrados, cunha anchura de 20 metros, case chan e con moita menor pendente que o resto do monte. (Información achegada por Elixio Vieites e publicada en patrimoniogalego.net).
Torres de Altamira (Brión): Séculos IX-XV. O primeiro castelo erixiuse sobre un primitivo castro. Foi arrasado por González de Moscoso no 1073 (no século XVI trasladáronse ao próximo pazo de Trasouteiro). As torres foron levantadas ao longo da Baixa Idade Media. Destruídas polos Irmandiños, foron reedificadas de novo. No ano 1471 sufriron o asedio das tropas do arcebispo Fonseca. Hoxe en día só quedan as ruínas de dúas torres e o basamento do edificio. No século XIX as súas pedras foron utilizadas para outras construcións, entre outras a igrexa de Santa Minia de Brión. Nos perpiaños aínda se poden ver as marcas feitas polos canteiros.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Brión.
Castelo de Borneiro (Borneiro): Asentamento datado como pertencente á Idade do Ferro e como recinto altomedieval. A 355 metros de altitude, no cume dun monte cun gran afloramento granítico que lle confire unhas boas defensas naturais. Ten unha croa de forma ovoide de 95 por 60 metros delimitada por un terraplén natural no que abundan os afloramentos rochosos. Os espazos entre os penedos están tapados con grandes bloques de pedra extraídos das proximidades. A croa aparece circundada por tres antecastros situados ao sur, leste e oeste, potenciando o sistema defensivo e ampliando a superficie habitable. (Información de Elixio Vieites en patrimoniogalego.net).
Chousa da Torre (Barcia-Riobó): Asentamento fortificado de época medieval.
Súa Torre (A Margarida-Cundis): Asentamento fortificado de época medieval.
Torre de Corcoesto: Asentamento fortificado de época medieval. Non se conservan restos.
Torre da Penela (Silvarredonda): Século XIV. Só se conserva unha das tres torres, coroada por ameas, e parte do sistema defensivo que tiña o castelo fundado por Lope Bermúdez, da familia dos Traba. Logo pasou aos condes de Priegue, donos das Torres de Celas de Peiro, en Culleredo. No s. XVII transformouse en pazo. A torre, de planta cadrada, consta de dous andares e soto cunha porta con arco de medio punto. Na fachada hai unha pedra armeira dos Castro, Riobó e Bermúdez. Na actualidade pertence a unha familia de labregos. A parte baixa utilízase como alpendre, e a media como graneiro e pombal. Deficiente estado de conservación. Existe unha lenda dunha moza asasinada polos soldados do castelo que lleu nome ("Pena... dela").
CABANAS
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Laraxe e San Martiño de Porto.
CAMARIÑAS
Castelo do Soberano: Na Punta do Castelo. Coñecido tamén como Batería do Soberano. A súa construción comezou durante o reinado de Felipe V e rematou na época de Carlos III (de aí o nome) para defender Camariñas dos piratas ingleses. Constaba dun recinto amurallado cun baluarte, dous medios baluartes e un foxo entre eles. Para a defensa da parte que daba ao mar, construíuse unha batería con dezasete troneiras. Nos anos corenta do pasado século as súas pedras serviron para construír o porto actual.
A Penafrou (Mourín): Hai quen cre que houbo unha atalaia en época medieval, que se levantaría sobre un primitivo castro, para alertar sobre as incursións dos pobos invasores.
O Castelete (San Xurxo de Camariñas): Topónimo. Sobre a Ría de Camariñas, entre as puntas do Corno e Cachifarro.
CAMBRE
Fortaleza de Santa María do Temple: Na idade Media lozalizábase eiquí o Burgo do Faro Novo onde había unha bailía templaria; ademais da residencia dos freires e a igrexa, había un castelo do que só se sabe que xa existía no ano 1308 e que pode que fora erixido cando se construíu o templo. No ano 1200, era a única bailía existente no reino Galicia (Almudena Bouzón Custodio, 2022).
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Andeiro e Meixigo.
CARBALLO
Castro da Torre: Elixio Vieites envioume este asentamento situado en A Ramiscosa, na parroquia de Sofán. Di Elixio que aínda que no PXOM do Concello do ano 2015 aparece catalogado como Castro de Gundián, polas pequenas dimensións do recinto fortificado (uns 22 metros de diámetro na parte central da croa), semella responder á estrutura dunha fortificación altomedieval sobre a que non hai moita documentación. A zona central elevada sería o sitio indicado para levantar unha atalaia ou pequena torre de control do territorio e as rutas pertencentes ao seu couto ou xurisdición. A croa está protexida polo NO polos noiros que caen en forte pendente cara o río Carral. De NO a S artéllanse dous parapeitos de 1,5 e 4 metros respectivamente. O sistema está reforzado cun dobre foxo. Ten tres portas, a de maior interese é a do NL, entre dúas moreas de pedras. Presenta un poderoso sistema defensivo debido á especial morfoloxía do asentamento. Segundo a lenda, na zona vivían os "xentís", persoas de gran corpulencia que non se relacionaban coa veciñanza.
A Torre Pardiñas (Razo): Tamén me informa Elixio deste lugar que pertenceu á linaxe dos Pardiñas. No PXOM do Concello figura coma un castro aínda que pola descrición semella que foi reutilizado na Idade Media para construír unha torre circular.
Torre de Vilar de Francos (Artes): Orixe medieval. Tratábase dunha torre defensiva rodeada por unha muralla ameada. Reconvertida en pazo. Posúe unha pedra armeira.
A Torre e As Torres: Topónimos. Lugares das parroquias de Oza e Sísamo.
Batería de Viñas: Situada na enseada de Cariño.
Garita da Herbeira ou de Vixía Herbeira (A Porta): A 611 metros de altitude, sobre uns impresionantes cantís da Serra da Capelada. Trátase dunha garita construída no século XVIII utilizada como zona de vixiancia ante as invasións foráneas, protexida por unha pequena muralla e deseñada polos enxeñeiros reais e levantada polos veciños. Reformada no ano 2003.
Pena do Castelo (A Pedra): No Coto do Penido do Castelo. Séculos IX-XI, contruído contra os ataques marítimos.
CARNOTA
Castelo de Canedo (Castelo-Santa Comba de Carnota): Castelo roqueiro situado nun promontorio coñecido como Bico do Santo. Fortificación do século X pertencente á Mitra.
Castelo do Pedrullo (Monte Pindo-Carnota): Situado no lendario Monte Pindo, o castelo era coñecido no século XII como de Sant Jiurgium (citado nunha doazón do ano 1028 de Vermudo III á Igrexa compostelá, sendo bispo D. Vistruario). Hai quen remonta a orixe aos tempos da raíña Lupa. Fundado no século X polo bispo de Iria, Sisnando. Ao parecer pertenceu a Rodrigo Pérez de Traba que, segundo a tradición, converteu a fortaleza nun niño de malfeitores. Excomungado por Xelmírez polos seus excesos (prendera ao arcediago de Trastámara, Arias Muñiz), o Traba solicitou o perdón do arcebispo compostelán doándolle a Torre de Hércules ao Apóstolo Santiago.
Castelo de Penafiel: Trátase dun castelo roqueiro de pequenas dimensións situado sobre a fervenza do Ézaro que foi derrubado polos Irmandiños. O
decreto da excomuñón citado máis arriba foi gravado en pedra, unha polémica inscrición que
se atopa no monte Penafiel (outros cren que a inscrición foi gravada
para cristianizar un lugar adicado ao culto pagán). Pero José Barreiro Barral (visitouno pro primeira vez no ano 1932), en Compostellanum XV (1970), Notas arqueológicas e históricas de los montes del Pindo, nega a súa existencia xa que non se cita en ningún documento medieval, mentres que son abundantes ao falar do de Canetum e San Jiurgium. Di que de existir o de Penafiel non se omitiría a súa referencia cando se di: "terram quam dicunt Carnotam, quae est ad partem Occidentis, quomodo est conjuncta cum Celticos cum duobus Castellis in ea fabricatis, S. Jiurgium et Canetum, cum omnibus suis commisis...", un documento de doazón de Vermudo III no ano 1028 á Igrexa de Santiago. Asegura que Vasco de Aponte tampouco inclúe este castelo entre os derrubados polos Irmandiños. A primeira alusión coñecida ao castelo de Penafiel débese a Fr. Martín Sarmiento cando a súa viaxe a Galicia a mediados do século XVIII, que fala da "turris fidelis" de Penafiel onde di que era de planta circular e de 18 metros de altura. A principios do mes
de setembro de 2011 a asociación Monte Pindo denunciou que a inscrición fora pintada de
vermello.
Torre dos Mouros: En Lira, nun outeiro rochoso a 320 metros de altitude. Época altomedieval. Ampla visibilidade, orientado cara o porto de Lira. Organizado en dous recintos, máis amplo o da parte baixa, con dúas e tres liñas de murallas. O camiño de acceso estaba empedrado. Asociado a lendas. Foi refuxio de fuxidos durante a guerra civil. O traballo máis completo sobre este asentamento é o do arqueólogo Antón Malde, realizado no ano 20212: Memoria das sondaxes arqueolóxicas e limpeza do xacemento da Torre dos Mouros (Lira, Carnota.
CARRAL
O Castelo (Fócanos-Paleo): Citado por Sánchez Pardo e Fumadó Ortega (2013). Pouco se sabe deste xacemento. Podería tratarse dun castelo medieval edificado sobre un primitivo castro. Apareceron restos cerámicos.
CEDEIRA
Castelo da Concepción (Cedeira): Ano 1747. Situado na punta Sarridal, á entrada da ría de Cedeira. O castelo construíuse por mor das incursións dos corsarios durante o s. XVI e o saqueo da ermida de Corveiro polos ingleses. No 1809 a artillería do castelo fustrigou ás tropas napoleónicas. Chegou a ter quince canóns a cargo de trinta soldados. A planta é un hexágono irregular, con rexos muros ameados nos adarves que miran ao mar. No interior acubillaba as dependencias dos soldados e o polvorín. Na actualidade pertence ao concello e acolle o Centro de interpretación histórica de Cedeira.
Castelo do Príncipe (Ameixenda): Ano 1755. Construído durante o reinado de Carlos III coa misión de protexer, xunto co castelo do Cardenal, en Corcubión, a entrada da ría. Tiña doce canóns e oitenta e oito soldados. Dispón dun patio central e unha edificación en forma de U. Nel reuniuse a xunta de defensa da zona no 1809 para coordinar a loita contra os franceses. Na actualidade está en mans particulares.
CERCEDA
Castelo das Encrobas: Está documentado que no ano 1282 pertencía á mitra compostelá. Na metade do século XV o arcebispo deullo en préstamo a Xoán Becerra do Val de Veiga quen logo llo doou a Fernán Pérez de Andrade. Destruído polos Irmandiños.
Torre do Boedo (O Boedo-Queixas): Formaba parte dun pazo que padeceu unha gran transformación. A fachada conta con restos de aluminio e a pedra foi cuberta en gran parte con cemento. Aínda que apenas quedan restos, está declarada como BIC dende o ano 1994.
CERDIDO
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de A Barqueira.
CESURAS (Forma parte do Concello de nova creación Oza-Cesuras)
Torres, A Torre e Torre: Topónimos. Lugares das parroquias de Borrifáns, Loureda e Probaos.
COIRÓS
Torre da Espenuca: Sobre o primitivo castro da Espenuca construíuse unha torre medieval documentada no ano 868 situado xunto a igrexa de Sancta Eulalia ad castellum Asperunti, que por aquel entón semella xa antiga. O conde Rodrigo doouno á Mitra no ano 1130. Atopáronse tégulas romanas, muíños de man e lápidas con motivos xeométricos. No lugar existiu un mosteiro do que aínda se conserva a igrexa e un campanario románico que é onde puido estar a fortaleza. O lugar posúe un gran control visual sobre a entrada natural das Mariñas a través do encaixonado paso do río Mandeo.
Castelo da Mota ou Mota de Ois (Ois): Ruínas, só se conservan restos dos muros. Situado sobre un outeiro a uns 230 metros de altitude e sobre un primitivo castro. Data do século XII. Tiña unha planta duns 30 por 35 metros. Construído en sillería de granito de aparello irregular. Cara o NO é onde se conserva a maior altura. Tamén se ven restos dos alicerces doutras construcións que cinguen a torre. O castelo pertenceu a Pedro Fernández de Andrade, fillo de Fernán Pérez de Andrade. Foi derrubado durante as guerras irmandiñas polo Arcebispo Alonso de Fonseca. Parece que foi reconstruído de novo, pero foi outravolta derrubado polo gobernador de Galicia Fernando de Acuña, por mandato dos Reis Católicos. Na zona había outros dous castelos que semellaban dominar e protexer en puntos estratéxicos situados no cauce do río Mandeo e, polo tanto, o acceso á cidade de Betanzos por esa vía. Estes eran os da Epenuca e o outro estaría en Aranga. Segundo a lenda foi unha fortificación de mouros, había un túnel secreto que partía dos sotos do castelo e ía ata o río polo onde se levaban os cabalos a beber, ademais de actuar como camiño de fuxido para os morarodos en caso de seren atacados. Tamén se di que na mota había un gran tesouro agochado e algunhas persoas andiveron na súa procura. No lugar do Casal utilizáronse as súas pedras para construír as casas. (Información de Óscar Franco en patrimoniogalego.net).
CORCUBIÓN
Castelo do Cardenal (Punta Pión-Redonda): As obras comezaron no 1741 e remataron no 1757. Dispoñía de 12 canóns gardados por 96 soldados. Xunto co do Príncipe, defendía a ría. É propiedade particular.
Torre de Nogueira (Seavia): Ano 1369. Estilo gótico de planta rectangular cunha altura de trece metros. Conserva unha das dúas torres que tiña en orixe. Formaba parte dun pazo-fortaleza propiedade dos Bermúdez. Escudos dos Moscoso e Bermúdez.
Casa-torre en Brenlla (Couso): Existe unha casa que no seu momento pertenceu á casa do Vinculeiro e que tivo un teito a catro augas que xa non se conserva, pero si as fiestras con parladoiros no interior e un hórreo de construción moi antiga con seis pares de pés que xa se menciona en documentos do ano 1866: "El hórreo de piedra de curar maíz que se halla colocado al poniente de la casa referida de la Torre". (Información achegada por Antonio Castro).
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Erbecedo.
Torre de Hércules: O faro máis coñecido durante a época romana, foi utilizado como fortaleza na Alta Idade Media. Coñecido como Castelo Vello ou Torre do Faro, estaba arrodeado por un pequeno foxo e un parapeito. Foi no século XVII cando recuperou de novo a súa función de faro.
Muralla medieval: Ten a orixe no século XIV. Consérvanse restos do recinto murado e tres portas. No Paseo do Parrote atópase a Porta do Embarcadeiro (era utilizada para acceder ao embarcadoiro onde atracaban as barcas que viñan do castelo de San Antón), bautizada logo como de San Miguel, con tres escudos no lintel: o da monarquía, o de Diego das Mariñas e o de Galicia co cáliz somado da hostia (no lintel da porta hai unha inscrición e a data de 1595); a Porta do Cravo está fronte aos xardíns de San Carlos; e a da Cruz ou do Parrote sitúase fronte a Capitanía Xeneral.
Castelo de Eirís: No mes de xullo de 2015, arqueólogos da empresa Argos comprobaron que este non era o forte de Valparaíso, tal como se pensaba ata entón. O castelo de Eirís é do século XVI, na súa fachada lucían unhas pedras armeiras cuxo paradoiro se descoñece; tamén tiña un arco de medio punto mediante o que se accedía á casa, hoxe desmontado. Ao longo do tempo, o edificio sufriu moitas modificacións para acabar converténdose en casa de labranza, abandonada nos anos sesenta do pasado século. Ao seren confundido coa fortaleza de Valparaíso foi declarada BIC. Malia iso, esta casa foi escenario de dous importantes acontecementos na historia da Coruña: O cerco realizado polos ingleses de Drake no ano 1589, e o combate entre as tropas napoleónicas, galegas e británicas na famosa Batalla de Elviña no 1809. Posuía unha ampla vista da baía coruñesa. No mes de agosto de 2015, a asociación de veciños de Eirís denunciou in situ a pintada que un grupo de persoas estaban a facer nun dos muros. O presidente da asociación chamou á policía local no mesmo momento en que se estaba a realizar a pintada, pero a policía ignorou o aviso. O Concello recoñeceu a existencia da chamada e informou de que se ía abrir un expediente interno para aclarar os feitos. Segundo os arqueólogos a eliminación do grafiti é case imposible pola gran cantidade de pintura utilizada.
Castelo de San Amaro: Hoxe en
día non quedan restos, no seu lugar levántase o Club del Mar. Ao parecer era o máis antigo, crese
que foi construído entre os séculos XIII e XIV (González Garcés cría que foi
durante os reinados de Sancho IV ou Enrique III). A súa estrutura principal era
un torreón orientado cara o leste, ubicado no lado sur da enseada de San Amaro,
onde existiu unha capela do mesmo nome. Sábese que o castelo xa existía no ano
1386, cando desembarcou o duque de Lancaster. Xunto coa Torre de Hércules
actuaba como vixía e defensa contra as expedicións que pretendían atacar a
cidade. A mediados do século XVII autorízáronse reformas. Desta fortaleza tamén
fala José Cornide. Tres lustros despois, o enxeñeiro militar Carlos Augusto
Girau di que o Castelo só tiña os muros e atopábase en moi mal estado. No
século XX estaba totalmente arruinado. Durante a Guerra civil os fascistas
utilizáronno como lugar de execución. (Información achegada por Alberto Vidal).
Castelo de San Antón (A Coruña): Érguese sobre o que foi un pequeno illote na ría da Coruña, no lugar onde había unha capela adicada a San Antón destinada a acoller aos navegantes aqueixados do mal gangrenoso, o "Lume de San Antón". O illote utilizouse tamén como lazareto. O castelo comezou a construírse no ano 1587. Ficaba inacabado cando Drake atacou a Coruña. Filipe II dispuxo entón que se remataran as obras. No 1639, durante o asedio á cidade por unha escuadra francesa, os canóns dos castelos de San Antón e San Diego protexeron a baía. Durante o reinado de Filipe IV reformouse a fortificación, engadíndoselle a Casa do Gobernador e unha capeliña. Na década dos anos corenta do s. XX, o illote quedou unido a terra. No ano 1960, logo de ser utilizado como prisión militar entre os séculos XVIII e XIX, o Estado cedeullo ao Concello. Dende o ano 1964 acolle o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña. Presenta unha fronte con dous semibaluartes flanqueando a entrada, patio de armas e plataforma superior onde asentaba a artillería, con planta de estrela irregular. Chama a atención o alxibe do soto onde se recollía a auga da choiva.
Fortaleza de San Diego (A Coruña): Foi bastión defensivo e cárcere militar. Que fora declarado Monumento Nacional no 1949, non impediu que o derrubaran no 1965 para construír un peirao.
Castelo de Valparaíso (Eirís): No mes de xullo de 2015, os arqueólogos da empresa Argos demostraron que ata o presente tíñase confundido esta fortaleza co coñecido como Castelo de Eirís. Da de Valparaíso pouco se sabe, créndose que podería ubicarse na zona coñecida como O Montiño.
CULLEREDO
Castelo de Veiga (Celas): No Monte Xalo. Castelo roqueiro de pequenas dimensións e difícil acceso onde apareceron, entre outros, restos de tellas, ladrillos e cerámicas altomedievais, entre elas xerras trilobuladas, así como rebaixes nas rochas, ademais de fragmentos óseos de animais. Tivo unha única ocupación que comezaría no século IX, sendo abandonado arredor do ano 950. Foi obxecto de intervencións arqueolóxicas nos anos 2018 (Carlos Otero Vilariño) e 2021 (Samuel Nión-Álvarez).
Torre de Celas ou da Vinseira (Peiro): Situada ao pé do monte Xalo, formou parte dun castelo baixomedieval. Derrubada polos Irmandiños, foi levantada de novo a finais do século XV. O episodio máis coñecido é o do preito que o Concello da Coruña mantivo con Martín Becerra, dono da fortaleza, que conservaba un señorío feudal nun couto de xurisdición municipal, chegando a cobrar peaxe polo paso de mercadorías e transeúntes. O preito saldouse a favor do Concello, obrigando ao dono a derruír o ameado, murallas, etc., achandando o terreo onde se levantaban os edificios. Anos despois contruíuse un pazo acaroado á torre que foi derrubado hai poucos anos; os brasóns que adornaban os seus muros foron trasladados ao pazo de Anceis, en Carral. O edificio, un cubo, está realizado en cadeirado granítico. No ano 1992 foi restaurado. Dende o 1994 acolle o Museo Etnográfico.
As Torres (Sésamo): Aínda que non se conservan, están documentados os restos de dúas torres.
Torre no Monte Xalo: Os comuneiros do Monte Xalo atoparon a principios de 2023 un asentamento do que semella ser unha torre de vixía, unha especie de faro que se dataría entre os séculos IX e X. Atoparon restos de que houbo un asentamento provisional e que coincidiría coa época de crecemento da cidade do Burgo, tempo en que a zona estaba máis exposta a incursións dos normandos. A parición de obxectos cerámicos apunta nesa dirección. Unha das teorías é que esta zona é considerada como a Terra do Faro, en cuxa época se crearon unha serie de fortalezas que servían como base de asentamento para visualizar posibles invasións.
Castelo de Abaixo e Castelo de Arriba: Topónimos. Lugares da parroquia de Castelo.
DODRO
Castelo de Monte Vilar (Monte de San Gregorio-Dodro): Asentamento romano/altomedieval. Parece ser que se trata dun castro refortificado durante a Idade Media. Apareceron fragmentos cerámicos.
Torres de Lestrove: Coñecidas tamén como Pazo dos Hermida. A fachada principal presenta un corpo central e dúas torres de planta cuadrangular en cada extremo. Nunha fachada hai un escudo do século XVIII coas armas dos Luaces, Mosquera, Bermúdez e Bolaño. Nun extremo hai un patio onde semella que houbo unha torre. Orixinariamente tiña dúas torres defensivas, ao parecer do século XII, que debido a distintas incursións resultaron moi danadas, reconstruíndose no século XVIII, uníndoas a través dun corredor. Manuel Murguía documentou fragmentos de tellas, ladrillos e pedras de época romana que, segundo o historiador, pertencían a un primitivo castro romanizado. As torres cítanse na lírica galaico-portuguesa e nas Cantigas de Santa María. No ano 1930 celebrouse aquí o coñecido como Pacto de Lestrove, promovido pola Organización Republicana Gallega Autónoma, onde se asinou a alianza das distintas forzas republicanas; o dono do pazo, José Vázquez Batalla, ofreceuno para celebrar a reunión; dise que mentres se celebraba a xunta, o propio Vázquez Batalla subiuse a unha das torres para vixiar por se se achegaban elementos non desexados e facilitar a fuxida dos presentes cara os montes do Barbanza. Declarada BIC.
DUMBRÍA
A Casa Forte (Olveiroa): Citada por Vasco de Aponte. Torre de defensa que o bispado compostelá tiña na Idade Media para controlar o paso do río Xallas. Pertenceu a Leonor González de Saz no século XIV. A súa familia tamén controlaba o paso do Xallas por Brandomil. Esta dona, casada en segundas nupcias con Roi Soga, cedeu a casa forte ao arcebispo Berenguel de Landoira. Dona Leonor fixo doazóns á capela da Trinidade de Santiago polo que foi insculpida en pedra no tímpano da entrada que na actualidade pode verse no museo da catedral compostelá; aparece de xeonllos ao pé da Virxe e o Neno.
FENE
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Magalofes e Perlío.
FERROL
A partir do século XVI e ata o primeiro terzo do XVIII,
para protexer o estratéxico porto de Ferrol construíronse en ambas marxes da
ría unha serie de castelos e baterías. Na marxe do actual concello de Ferrol
consérvanse a coñecida fortaleza de San Felipe e as ruínas dos castelos de San Cristovo
e San Carlos. Na parte dos concellos de Ares e Mugardos o non menos coñecido castelo da Palma e os
castelos-baterías de Punta Segaño, San Martiño e da Bailadora, este último, ao
contrario dos anteriores que se sitúan case ao nivel do mar, foi erixido a 265
metros de altitude cun dominio visual sobre toda a ría.
Castelo de San Carlos (Doniños): Trátase dunha batería costeira de defensa construída entre os anos 1731 e 1739. Formaba parte dun proxecto de fortificación na entrada da ría de Ferrol que servía de apoio aos castelos de San Felipe, da Palma e de San Martín. De gran tamaño, ten dúas frontes, unha cara a ría e outra cara a enseada.
Castelo de San Felipe (Brión): Século XVI-XVII. Mandada construír por Felipe II para a defensa do porto de Ferrol, punto estratéxico para o aprovisionamento da Armada Real. Xunto cos outros castelos que resgardaban a ría, o de San Felipe xogou un importante papel no ano 1594 cando a armada inglesa tentou apoderarse do Ferrol. O mesmo aconteceu no 1639, neste caso nun ataque da marina francesa. No ano 1800, máis de cen barcos e 15.000 soldados ingleses, comandados polo contraalmirante Warren, foron derrotados nas batallas de Brión e Doniños onde as baterías dos castelos foron determinantes. Posuía unha planta de punta de frecha, dirixindo cara o mar unha dobre liña de lume organizada en dous pisos. Entre o castelo de San Felipe e o de San Martín tendíase unha cadea para empecer a entrada de naves inimigas na ría. Na actualidade pertence ao Concello do Ferrol.
Murallas: No mes de maio de 2022 o Concello de Ferrol trasladoulle á Xunta de Galicia a necesidade de realizar unha intervención arqueolóxica nunhas parcelas propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo pola aparición de vestixios dunha muralla medieval durante as catas previas á construción dun edificio. Serían os primeiros restos que se atopan na cidade.
FISTERRA
Castelo de San Carlos (Fisterra): Ano 1757. Contaba con tres frontes e unha nave interior onde se atopaba o cuartel e o polvorín. Durante a Guerra da Independencia foi incendiado polas tropas napoleónicas no ano 1809. Restaurado, acolle o Museo da Pesca.
Torre do Castelo (Sardiñeiro): Na Punta Castelo. O castro de Castromiñán puído acoller unha torre medieval.
FRADES
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Aiazo.
IRIXOA
A Torre (Ambroa): Ao parecer, no lugar no que aínda se conserva o topónimo, había unha torre medieval da que non se conservan restos das súas estruturas, pero si aparece material cerámico vencellado á antiga fortaleza.
A LARACHA
O Castelo ou Petón de Golmar (A Brea-Golmar): Nunha pequena elevación a 250 metros de altitude. Na actualidade non se aprecia ningún tipo de estrutura. Segundo a ficha elaborada por Victor Tomás Botella (1986), fala da "existencia dun recinto rochoso circular defendido por unha muralla baixa e terraplén en todo o seu perímetro; no sur, de oeste a este apréciase outra liña defensiva, e entre elas hai un foxo; o feito de que sexa de pequeno tamaño, xunto co topónimo (Castelo), fai pensar nunha posible torre medieval". A pesares da descrición anterior, nos mapas de relevo non se observan estruturas, se ben é certo que o sitio, ao longo dos anos, foi moi alterado.
Pazo de Lemaio: Segundo información achegada por Antonio Castro, o pazo, agora reconvertido en hotel, foi refundado sobre unha torre medieval. Os escudos do arco de entrada do corpo máis antigo sitúan o edificio no século XVI. Fernán Álvarez de Carantoña refunda o pazo despois de derrotar a finais do século XV, como cabaleiro do Conde de Altamira, ao arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca.
Torre da Granxa ou dos Condes de Graxal (Caión): Data de finais do século XV. O pazo foi mandado construír por Fernando Bemúdez de Castro. O título nobiliar prodúcese cando Beatriz Bermúdez de Castro casa con Xoán Álvarez de Vega, conde de Graxal de Campos (León). Segundo información de Antonio Castro, dise que tiña cárcere, e que un túnel saía a unha cova da praia e tamén á igrexa.
Torres do Viso (Montemaior): Medieval, totalmente arruinadas, só se conservan os restos da base cadrada da antiga construción. Pertenceron aos Bermúdez de Castro dende mediados do século XVI ata principios do XVII. Declarada BIC.
Torre de Cillobre (Torás): Medieval. Foi construída polos Gómez Pérez das Mariñas. Na actualidade, a construción, de planta cadrada, está practicamente destruída e só se conserva unha parte ruinosa dos muros emprazados dentro dunha propiedade particular. A torre presentaba un portón barroco que foi trasladado ao Pazo de Oca e un escudo, inscrito nun frontón curvo, que recolle as armas dos Bolaño, Moscoso e Riba de Neira. Segundo información achegada por Antonio Castro, tamén se conserva un piar de cantería moi ben traballado que na actualidade suxeita o tellado dun alpendre. Tamén unha doela do arco do portón reutilizada para facer unha corte onde hai un forno de cocer o pan feito con pedra proveniente da torre. As pedras da torre aproveitáronse para construír a ponte do Formigueiro.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Cabovilaño, Lendo, Lestón e Soandres.
LAXE
Castelo de Lourido: Castelo roqueiro cun recinto de 30 por 40 metros, con funcións defensivas e de vixiancia que dominaba a baía de Laxe.
Castelo de Sueiro (Monte Chans-Soesto): Coñecido tamén como Castelo da Estrela e Castelo de Capeludos. Trátase dun posto vixía entre penedas. Entre os séculos XI e XIV existiu unha fortificación chamada castelo de Sueiro. A torre aproveitaba a situación estratéxica e a orografía rochosa do lugar dominando o val de Traba e de Soesto. A destrución do castelo probablemente ocorreu no século XIV. Ao pé do castelo uns rebaixes do terreo facilitarían o acceso dos señores ao mesmo. Aos lados pedras sólidas garantirían a seguridade do castelo (Cal de Moreu). Dende a súa ubicación pódese apreciar unha paisaxe de alto valor estético e paisaxístico: A praia de Traba, Soesto, Lagoa de Traba e a paisaxe protexida Penedos de Pasarela-Traba. A propiedade pertence aos herdeiros da familia Blanco-Rajoy, donos do Pazo de Soesto, vencellado ao lugar que un día foi residencia de Afonso VIII, rei de León e Galicia que se criou baixo a tutela do conde de Traba no mosteiro de Moraime.
Torres de Xallóns: Na parroquia de Sarces. Só queda unha pedra armeira que se colocou na casa de Parga Pondal, en Laxe. Xunta de Galicia tenna como BIC.
Castelo de Traba de Laxe: O sacerdote e historiador Eladio Oviedo y Arce, nun Boletín da Real Academia da Historia do ano 1912, escribiu que no ano 1890 subiu a un monte que chaman O Castelo onde atopou "las ruínas de una construcción prerromana, junto a la cual se abre la boca de una caverna de muy semejante disposición a la del Pico Sagro" na cal entrou. Deu con ela por información que lle deu un pastor.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Sarces.
LOUSAME
Monte Castelo (Fruíme): Sobre un outeiro, conserva parte dos muros. Apréciase un recheo a modo de contraforte feito de terra e cachote que arrodea o penedo. O estado de conservación é moi malo, o roubo continuado de pedra e actividades de canteira estragaron o xacemento.
Castelo de San Mamede (Tállara): Situábase entre dous grandes penedos en cuxo espazo se atopa un recheo de pedra e terra que servía de cimentación da torre. Arredor dos penedos e a modo de contraforte hai un parapeito de terra que apoia contra as rochas. Moi alterado.
Monte Muralla: Entre Fruíme (Lousame) e Araño (Rianxo): A 674 metros de altitude. Sérvelle de liña divisoria e a súa relativa proximidade á costa fai deste lugar unha poderosa rampla montañosa dende onde se divisa unha gran panorámica. Polo norte domina sobre as terras do concello de Lousame e Rois, ao leste ten o monte Treito e un fito ou marco de catro caras que fai de división dos concellos de Dodro, Rianxo, Rois e Lousame. No cume, onde se instalaron unhas casetas de vixiancia dos lumes e telecomunicacións, aínda se pode apreciar entre as penedas unhas murallas esborralladas con gran cantidade de cachotería. (Información achegada por Elixio Vieites).
As Torres de Mens (Mens): Século XV. Pertenceron aos Moscoso de Altamira. Destruídas durante a Revolta Irmandiña. Na actualidade consta de vivenda e tres torres de planta cadrada que perderon as ameas. A entrada realízase a través dun arco oxival situado nunha das torres. Noutra torre salienta un balcón corrido de madeira, apoiado sobre ménsulas de pedra. A fortaleza foi restaurada no ano 1988. Cóntase que un túnel comunicaba coa igrexa mosteiral de Santiago, na que perdura a lenda dunha moza secuestrada polo señor do castelo; cando os veciños liberaron á rapaza, o conde fuxiu polo pasadizo, manobra que de pouco lle valeu porque os veciños plantáronlle lume ás dúas bocas de onde non puido saír o malfeitor.
MAÑÓN
Garita dos Mouros (Bares).
Torre da Lama (As Ribeiras do Sor): Orixe no século XV. Coñecida tamén como Finca das Camelias. Pazo construído sobre un antigo castelo medieval do que se conservan algúns perpiaños na parte inferior dos muros e un arco de pedra no interior da casa. O edificio foi restaurado nos anos corenta do século XX. Uns escudos adornan a fachada principal. O pazo conta cunha das maiores plantacións de camelias de Europa.
MAZARICOS
Castelo de Brandufe ou Castelo Grande (Colúns): Situado no monte da Ruña dende o que se divisa unha ampla panorámica. De cronoloxía descoñecida, quizais altomedieval, consérvanse algúns alicerces.
Castelo de Grobas: Pertenceu á mitra compostelá. A pesares de non quedar rastro da súa construción, a Xunta de Galicia tenno como BIC. Foi erixido polo conde Munio no límite da terra de Santiago. Na Historia Compostelana conta como o prelado compostelán recibe o encargo da raíña dona Urraca e do seu fillo para destruír a fortaleza, e faino para atender a demanda da raíña e defender os seus intereses posto que a fortaleza resultaba ameazadora pra o señorío de Santiago, non só polos atropelos que dende alí puideran cometer contra a Igrexa de Santiago e os seus dominios, senón como escarmento exemplar para todos aqueles cabaleiros que se atreveran a desafiar a hexemonía episcopal. A Crónica de don Berenquel de Landoira relata como Xelmírez e as súas hostes derruban a fortaleza. A finais do século XIV, Xoán García Manrique, como un novo Xelmírez, retirou a Gonzalo Ozores de Ulloa a propiedade da fortaleza xunto coa terraria das freguesías cercanas pertencentes á Igrexa de Santiago por certos "deservicios" cometidos polo citado cabaleiro. A fortaleza fora probablemente construída con permiso arcebispal nas terras concedidas en préstamo a esta liñaxe, a dos Ulloa. O arcebispo permitía a propiedade dunha fortaleza no amplísimo couto xurisdiciónal da Igrexa de Santiago, aínda que non sempre era requirida a supervisión catedralicia para a construción dun castelo. En 1402 o arcebispo Lope de Mendoza, considerando que a acción do seu predecesor se debera a "malquerías, odios y rancores", devolveu a fortaleza aos Ulloa. (Información de Elixio Vieites).
Castelo de Melide: Levantábase no lugar coñecido como O Castelo onde asentaba un primitivo poboado castrexo. No ano 1467, os Irmandiños derrubaron as murallas da vila e destruíron o castelo cuxas pedras foron reutilizadas na construción do convento do Sancti Spiritus.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de San Cibrao.
MESÍA
Castelo de Mesía (A Pobra-Bascoi): Século XII-XV. Levántase por riba do río Samo. Construído (ou reconstruído) por Gonçalvo Días de Mesía nunha propiedade doada por Henrique de Trastámara. No 1407 foi destruído polos Irmandiños. Reconstruído despois da Revolta polo arcebispo de Santiago, Alonso II de Fonseca, a torre mántivose en pé ata mediados do século XIX en que foi derrubada polos veciños para reaproveitar as pedras nas súas casas. A torre estaba arrodeada por unha muralla de forma ovoidal protexida por un foxo con tres torreóns adosados. Preto do castelo, no lugar da Torre, atópanse vestixios dunha fortificación dependente do castelo onde se pode ver unha pedra armeira dos Mesía. Segundo a lenda, o castelo foi erixido polos "mouros" que construirían uns pasadizos secretos. Lenda da Infanzona.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Albixoi e Mesía.
MIÑO
A Torre, A Torrelonga e A Torre: Topónimos. Lugares das parroquias de Bemantes, Carantoña e Perbes.
MOECHE
Castelo de Moeche (San Xurxo de Moeche): Século XIV-XV. Pertenceu aos Andrade. Ten planta poligonal, arrodeado por un foxo escavado na rocha. A Torre da Homenaxe, de planta cadrada, ten 18 m de altura. Ao camiño de rolda accédese por unha escalinata helicoidal que arrinca do patio de armas. Foi atacado polos Irmandiños; o seu defensor, Nuno Freire de Andrade, tivo que fuxir para o castelo que os Andrade tiñan en Pontedeume.
MONFERO
Castelo da Pluma: Trátase
dun promontorio rochoso situado a 489 metros de altitude, por
riba
das
aldeas da Pluma e As Lamelas, na
parroquia
de San Fiz de Monfero. A
información escrita e arqueolóxica sobre este posible castelo é case inexistente.
A Torre e A Torre de San Bartolomeu: Topónimos. Lugares das parroquias de Alto de Xestoso e Queixeiro.
O Castelo da Pluma. Artigo:
A
tradición asegura que houbo unha
fortaleza
en época medieval, e
que no lugar atopáronse anacos de tella e ladrillo, feito
confirmado por Anabel García no facebook.
Tamén
conta
Anabel que hai anos un raio tirou unha das chantas que quedaban
en pé. A pouco máis dun quilómetro en liña recta, case
no límite coa parroquia de Vilachá,
están As Penas do Raio onde
destaca unha
gran pedra chantada que
segundo a lenda sentaba unha moura para vixiar o tesouro que agochaba
no dolmen do Penedo Gordo.
Jaime
Manuel Caamaño Toba dinos
que hai unhas vistas impresionantes. E
Xosé
María Ferro Formoso achéganos
que co ceo limpo divísanse
as Illas
Sisargas, e
a propia Anabel que en días claros tamén se ve a Torre de Hércules.
Abofé que si, cando subimos
a mediados do mes de setembro de
2021,
a pesares da bruma que impedía ver o mar de forma nidia, permitiunos
distinguir na Ría da Coruña, a uns 25 quilómetros, un enorme
cruceiro de
recreo,
e máis lonxe aínda, a uns 35 ou 40 quilómetros, a central de
Meirama.
Volvendo
á tradición, entre os castelos da Pluma e o da Nogueirosa, en
Pontedeume, situados a uns 7,5 quilómetros de distancia, os
moradores facíanse sinais. Un
home da Ponte da Pedra contounos
que pertenceu aos señores de Roade, de Sobrado dos Monxes,
partidarios do rei galego García (1042-1090), ata que foron vencidos
polo conde de Borraxeiros, de Agolada (eiquí
non nos
saen as contas, o Condado de Borraxeiros foi creado pasada a segunda
metade do século XVIII por Carlos III, a favor de Joaquín Salgado
Enríquez).
Polo
exterior salta á vista que o acceso resulta extremadamente
complicado, con altos e case verticais afloramentos
que circundan a cima.
Para
chegar
á parte máis alta só se pode facer polo sur, por unha empinada
entrada duns dous metros de ancho no principio que se vai estreitando
cara a parte
superior,
protexida por colosais
penas
que nalgunhas partes semella que foron cortadas a pico. O
reducidísimo espazo
que
nos atopamos na parte alta,
duns
3 x 3 metros de lado,
bastante
irregular, non
daría
para moita obra. Ao
mellor é que non o precisaban. Dous
vixías serían suficientes para controlar varios quilómetros á
redonda, protexidos por murallas naturais en cuxa parte superior se
observan dúas “ameas” en forma de media lúa (unha mirando cara
o leste e outra cara o oeste), e baixo delas, a 1,50
metros, uns saíntes horizontais onde se colocarían os vixiantes.
Nós
non
atopamos restos
que puideron formar parte dunha
construción, quizais
porque, tal como afirma a
tradición, as pedras de granito foron reutilizadas na reconstrución
do mosteiro de Monfero.
Pero
ademais da impresionante parnorámica, o que máis nos chamou a
atención foi unha plataforma elevada sobre o chan, tirando a
semicircular, traballada a pico para darlle unha forma plana e
horizontal, protexida na parte traseira por outra pena vertical
traballada tamén artificialmente, e que mira, xusto, ao castelo da
Nogueirosa. Sería o sitio de onde alertarían ao poderoso castelo dos Andrade por medio do lume en
caso dalgunha continxencia?
Como
sinalamos máis arriba, dise que eiquí apareceron anacos de tellas e
ladrillos, indicativo
de que houbo algunha construción. Nós non atopamos este tipo de
materiais, pero nalgúns buratos practicados para plantar
recentemente eucaliptos que lamben, literalmente, o espectacular
promontorio rochoso, localizamos varios anacos de recipientes
cerámicos, algún decorado, e escouras de ferro (entre o 1872
e ao menos o 1916, o outeiro estivo a punto de ser destruído por
unhas concesións
para a
explotación de mineral de ferro que
ao final non entraron en funcionamento). Ademais dos eucaliptos,
plantados dentro da área de protección do Castelo da Pluma
(catalogado por Patrimonio co código GA15050057),
está prevista a instalación, tal como nos achegaron
no facebook
(Fur Alle Falle – Vanesa Castro. Iñaki López), duns
aeroxeneradores que, de producirse, afectarían
negativamente á contorna
(nas inmediacións hai varias pintadas que alertan do novo perigo).
Nas
proximidades consérvanse os topónimos A Cruz do Castelo, Chousa
Grande do Castelo, O Castelo, Chao do Castelo e Chousa do Castelo.
A
zona, antes
da suposta fortaleza ou atalaia medieval, xa estivo poboada, ao
menos, uns catro ou cinco mil anos antes tal como nolo amosan as
mámoas que hai nos arredores, algunhas alteradas hai anos polas
plantacións de piñeiros, e máis recentemente polas de eucaliptos,
agresións que xa comunicamos ao Servizo de Patrimonio na Coruña.
MUGARDOS
A partir do século XVI e ata o primeiro terzo do XVIII,
para protexer o estratéxico porto de Ferrol construíronse en ambas marxes da
ría unha serie de castelos e baterías. Na marxe do actual concello de Ferrol
consérvanse a coñecida fortaleza de San Felipe e as ruínas dos castelos de San Cristovo
e San Carlos. Na parte dos concellos de Ares e Mugardos o non menos coñecido castelo da Palma e os
castelos-baterías de Punta Segaño, San Martiño e da Bailadora, este último, ao
contrario dos anteriores que se sitúan case ao nivel do mar, foi erixido a 265
metros de altitude cun dominio visual sobre toda a ría.
Castelo da Palma (A Readonda-Mugardos): Xunto co de San Felipe, gardaba a ría de Ferrol Nas orixes chamouse de Nosa Señora da Palma, construído no 1597. O edificio actual é do ano 1869. As ameas engadíronse no s. XVIII. Tomou parte activa durante a invasión inglesa da vila de Mugardos no ano 1596. Foi utilizado como prisión militar. Abandonado, está á espera das prometidas obras de restauración.
Torre de Franza: Entre A Regueira e O Casal. Polo de agora non dispoño de datos.
MUROS
Murallas da vila: Muros foi unha vila reguenga ata o ano 1398 en que Fernando IV deuna en señorío ao Arcebispado de Santaigo. No 1466 apoderouse da vila o conde de Monterrei, nas súas desputas co arcebispo Alonso de Fonseca. Da muralla que cercaba a vila falouse no preito Tabera-Fonseca no 1527 (un dos achádegos documentais máis interesantes para estudar a Revolta Irmandiña) onde se afirmaba que A Pobra do Muro era unha das vilas mellor cercadas de todo o arcebispado de Santiago. No 1809, Muros foi saqueado e queimado polas tropas napoleónicas. Descubríronse restos da muralla inicial, do século XIV, xunto a igrexa de Santa María do Campo. As torres de Muros non foron asaltadas polos Irmandiños que facían excepción cos núcleos urbanos posto que era onde mantiñan maior apoio.
Castelo de Esteiro ou da Laxe: Ver concello de Outes.
Castelo de Serres (O Castelo-Serres): Non se conservan restos visibles.
Baluarte de Santo Antón (Laxeiras-Abelleira): Estrutura de planta rectangular da que se conservan os alicerces. Posiblemente se tratara dun posto de vixia de época moderna.
Illote do Castelo (Cabo Touriñán): Hai quen sitúa aquí un castro que en época romana foi utilizado para construír unha torre, ou quizais un faro, e algún tipo de defensa na Idade Media. Adivíñanse algúns alicerces que puideron acoller algún tipo de construcións.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Ancos.
NEGREIRA
Castelo-Pazo de Cotón (Negreira): Século XIV. Vencellado aos Luaces e aos Mariño de Lobeira. Conserva os cubos das antigas murallas. Salienta a galería de pedra, que atravesa a rúa principal, antigo camiño real, con tripla arcada ameada, balaustradas e miradoiro. Sufriu importantes modificacións entre os séculos XVII e XX. No corpo central presenta unha escaleira que dá acceso á planta superior, conectando coa chamada galería de Pedra. Torres cilíndricas dos séculos XVIII e XIX nos ángulos. Unha ducia de pedras armeiras dos Mariño de Lobeira, Luaces, Saavedra, Figueroa, Bermúdez de Castro e Trastámara adornan a fachada.
Fortaleza de Barcala ou de Broño (Broño): Xa estaba edificada en tempos de Paio Martiño de Lobeira, pai de Ruy Soga, que tivo fortaleza arredor de setenta anos, feito que permite afirmar que xa existía a mediados do século XIV. A súa importancia vén da súa ubicación a respecto das vías de comunicación con Brandomil e Vimianzo, e a proximidade ao camiño de Negreira e os vados e cruces practicables do río Tambre. Arrasado polos Irmandiños.
O Monte do Castelo (Broño): Preto do castelo de Broño está o que queda dun pequeno castelo localizado nun outeiro que domina o val na marxe dereita do río Barcala. Segundo a tradición oral, atopouse gran cantidade de tella e outros restos cerámicos. Ten unha estrutura semellante a unha mota, en tronco de forma de cono e un foxo ao redor. No cume vense uns pequenos muros de cachotaría que conforman unha estancia cadrada. A pouca distancia discorría unha importante vía de comunicación pola que aínda pasa o Camiño a Fisterra. Podería estar en contexto histórico co castelo de Broño, utilizado como complemento do mesmo. (Información achegada por Elixio Vieites). No ano 2018, o arquitecto municipal de Negreira, Alfredo Varela (leva anos facendo o inventario do patrimonio relixioso e da arquitectura civil do concello) falaba do importante que sería que se realizaran escavacións para coñecer a súa historia.
Murallas da vila: As primeiras referencias datan do ano 1168. Foron rematadas no ano 1326. Nun documento do ano 1469 cítase unha torre ao aforar unha herdade. O plano de Simancas, do 1597, é unha das fontes de información sobre a muralla de Noia. No mes de abril de 2010, durante as obras de canalización da rede de cable, descubríronse restos da muralla. No ano 2008 xa apareceran máis restos nas rúas do Comercio e da Porta da Vila. Como no caso de Muros, as murallas da vila de Noia cítanse no preito Tabara-Fonseca onde se di que posuía unha torre coñecida como o Tapal de Noia, utilizada plo arcebispo de Santiago. A torre utilizouse tamén como prisión e lugar de execución. A muralla tiña doce portas, a principal, a Porta da Vila, estaba formada por dous corpos de planta cadrada.
Castelo de Nimo (Roo): Posible castelo altomedieval. Hai algunha rocha granítica insculpida con cazoletas.
OLEIROS
Torre de Lorbé (Dexo): Ano 1703. Mandada construír por Alberto de Otero. A torre actual carece de interese artístico. Nunha das paredes do pazo hai unha pedra armeira. O pazo foi convertido en restaurante.
Castelo de Santa Cruz (Illa de Santa Cruz): Situado no illote de Santa Cruz, accédese por unha ponte de madeira para peóns. Na actualidade pertence ao concello de Oleiros. Do século XVI. Mandouno construír o capitán xeneral Diego das Mariñas para completar a defensa da baía, insuficientemente defendida polos castelos de San Antón e San Diego, como demostrou Drake no 1589 quen, á fronte da Armada inglesa, conseguiu desembarcar en Oza dos Ríos para iniciar o asalto á Coruña. As obras rematáronse no ano 1640, dotando ao castelo con potentes canóns. Un deles, coñecido como o canón do Barranco, alcanzaba 10 km. No século XIX mercouno o xeneral Cavalcanti, casado cunha filla de Emilia Pardo Bazán, que construiu un pazo no corpo central; tamén foi residencia de verán de orfos de militares. Na actualidade acolle o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia.
O Castelo (Serantes): Había unha torre, desaparecida, construída no século XVII.
Segundo información achegada por Alberto Vidal, preto do Monte Branco, na punta de Mera había unha fortaleza que figura nun plano francés da baía da Coruña datado arredor do ano 1764. No posible emprazamento hai un lugar coñecido como A Torre. Un pequeno illote en Mera chámase tamén Illa Castelo.
A Torre, Torrelos e As Torres: Topónimos. Lugares das parroquias de Dexo (os dous primeiros) e Oleiros.
ORDES
Torre de Buscás (A Rúa-Buscás): Elixio Vieites achega en patrimoniogalego.net esta nova torre baixomedieval situada no lugar coñecido como Agra da Torre, onde posiblemente se erixía a fortaleza de Buyocaz segundo información proporcionada por María do Rosario Valdés Blanco-Rajoy no seu traballo Las rutas medievales que jalonaban la ruta jacobea entre Santiago y Betanzos. O lugar ten as características dos recintos que acollían unha mota, pero coa particularidade que a tendencia á forma circular do espazo, aquí revela unha superficie cadrada arrodeada dun gran foxo defensivo. Mide uns 30 metros de lado e remata nun gran terraplén polo leste ata a canle do Rego do Cabo. Compleméntase o recinto con outro foxo de menor profundidade que configura unha liña de defensa circular. Preto pasaba unha importante ruta medieval entre Santiago e Betanzos ao seu paso pola parroquia de Buscás, non moi lonxe da igrexa románica de San Paio e do castro que está ao seu carón.
Torre de Morgade (Ardemil): Sobre o castro de Morgade levantouse unha torre en época medieval. Pertenceu aos condes de Altamira.
OROSO
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Senra.
ORTIGUEIRA
Castelo do Campo da Torre (Ortigueira): Existen referencias dunha antiga torre que formaba parte dun castelo medieval do século XII pertencente ao conde de Santa Marta de Ortigueira. Citado por Federico Maciñeira. Segundo a lenda, aquí vivían os mouros e había un pasadizo que comunicaba a igrexa de Santa Marta co castelo.
Castelo do Casón ou Penido do Castelo (Veiga): Sobre un primitivo castro. Foi unha antiga torre de vixiancia na Alta Idade Media, de finais do século IX ou principios do X, datación que foi posible polos restos cerámicos atopados na primeira intervención do ano 1998. Levantouse en tempos do bispo Cresconio, de Iria, cando as costas galegas eran asoladas polos normandos. A segunda intervención, no ano 2000, serviu para definir o castelo de planta rectangular, con tres recintos amurallados, reforzados por torreóns de planta circular, un foxo e polo desnivel natural cara o río Casón. Dende aquí controlábase a ría dende Bares a Sismundi. No mes de agosto de 2015, un equipo de arqueólogos, dirixidos por Emilio Ramil, traballaron na porta de comunicación do exterior da fortaleza co partio de armas e na que vai deste ao recinto habitacional.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Barbos, Couzadoiro, Devesos, Espasante, San Claudio e Senra.
O Campo da Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Ortigueira.
OUTES
Castelo de Esteiro ou Torre da Laxe: Lindeiro co concello de Muros. Coñecido tamén como Bico do Castelo Grande. Sobre un outeiro rochoso nun lugar estratéxico. Vense escalóns
traballados na rocha. Apareceron anacos de tellas. Nunha pedra hai
gravado un alquerque de nove.
Castelo de Outes: Non existe constancia documental de que a igrexa de Santiago realizara algún tipo de arranxo despois do seu abandono no século XVI. Dise que as casas do lugar de Castelo foron levantadas cos restos desta fortaleza situada no monte da Torre.
Castelo da Serra: Descríbese nun expediente de ingreso de don Antonio Mariño de Lobeira na Orde de Santiago. O castelo foi destruído polos Irmandiños. Só se conservan dúas paredes, unha porta con arco de medio punto e outra cun escudo sostido por unha serea.
Torre de Insua (Insua-Cando): Actuaba como atalaia ou torre de vixiancia. Preto da engaiolante Pedra Serpal dende onde se divisa unha impresionante panorámica. Os poucos restos que se conservan foron esnaquizados pola construción dunha caseta de vixiancia.
Torre da Torre de San Lourenzo (A Torre-Matasueiro): Elixio Vieites achega esta fortificación baixomedieval en patrimoniogalego.net. Coñecida tamén como A Torre dos Mouros e Torre do Barco, os seus restos están sobre un promontorio de espléndida panorámica dende onde se controla o val do río Tins e a súa contorna. Segundo Mariño Reino ten unhas medidas de 7,5 metros de ancho e 15 de longo, e a parede mellor conservada ten unha altura de 10 metros. No libro de Carré Aldao, Geografía del Reino de Galicia, di que sobre a ventá esquerda da porta de entrada, hoxe desaparecida, había unha inscrición na que se lía que a fortaleza foi construída "en era de Mil cuatrocientos". Está a 2,2 quilómetros en liña recta do Castelo de Outes. Segundo a propietaria da torre, o seu avó dicíalle que cando a fixeron, os traballadores falaban cos que traballaban na torre do Castelo de Outes para pedirse ferramenta, e cando a necesitaban tirábanna polo aire dunha torre a outra.
OZA DOS RÍOS (Forma parte do Concello de nova creación Oza-Cesuras)
O Castelo (Bandoxa): Parece ser que na parte superior deste monte houbo un castelo. Na parte inferior tamén se conserva o topónimo O Castelo de Abaixo.
PADERNE
Monte Castelo (Adragonte): Sobre un outeiro, a 320 metros de altitude. Ten unhas medidas aproximadas de 55 por 60 metros. Protexido polo desnivel do terreo, terrapléns e un foxo, delimitado por unha muralla de pedra, arrodéao en gran parte do seu perímetro, agás polo norte que é por onde semella tería a entrada. Esta estaba protexida por unha muralla pétrea. Boa comunicación visual cos castros de San Mamede e de Adragonte. Aínda que está catalogado coma un castro, creo que en vez dun castro trátase dun castelo roqueiro altomedieval.
Torre de Vilamourel: Derrubada polos Irmandiños. Pertenceu a Lope de Villa Mourel, un vasalo da familia dos Andrade. No século XVIII aínda se conservaban algúns restos tal como figuran nos planos realizados por un relixioso de Pontedeume.
PADRÓN
Atalaia do Outeiro do Medio: Outeiro situado a 445 metros de altitude onde puído existir unha atalaia de época altomedieval. Amoreamentos de terra e pedras.
Castelo do Medio (Cruxeiras): Posible fortificación altomedieval. Sobre algunhas rochas vense piletas e buratos que puideron servir para asentar os postes das estruturas.
Castelo da Rocha Branca: Século XIII. Unha descrición do castelo dánola o preito Tabera-Fonseca, cando o procurador do arcebispo reclama polos danos ocasionados polos Irmandiños. Serviu de base de operacións a Berenguel de Landoira cando Santiago cae en mans dos burgueses. No ano 1318, Fernando García de Ledesma, alcaide nomeado por Suárez de Deza, tivo nela prisioeiro a Sancho Pérez. Destruída polos Irmandiños no 1467, non foi levantada de novo. Os seus muros foron derruídos no ano 1600 por seren, ao parecer, acubillo de malfeitores. As súas pedras foron reutilizadas polos veciños para construír as súas casas.
Castelo Redondo (Carcacía): Medieval. Levantábase nun outeiro granítico a 435 m de altitude. Polas reducidas dimensións que servía á superficie habitable así como a súa configuración, fai pensar nunha torre de control das rutas terrestres e fluviais. Posuía un gran dominio visual. Na cima dun rechao do outeiro que ocupa o castelo hai unha mámoa.
Castelo do Castro Valente: No límite co concello de A Estrada. A 350 metros de altitude. Contrólase o curso baixo do río Ulla, Padrón, os accesos á Ría de Arousa, ademais dun amplo control visual cara os vales de Teo, Vedra e Boqueixón. Trátase dun recinto amurallado que ocupa máis de 10 hectáreas. A muralla presenta unha anchura media de 3,5 metros. Obsérvase abundante tella, na meirande parte de tradición romana ou tardo antiga (C.J. Galbán, 2015). Segundo noticias aparecidas nos medios a finais de xaneiro de 2023, arqueólogos da USC localizaron 30 cubos ou torres que son pouco comúns nas fortificacións do NO. A súa importancia, segundo Mario Fernández, radica na defensa que ofrecía. A súa cronoloxía estaría entre os séculos V e VII: "Os galaicos defendíanse dos suevos en sitios fortificados e este pode ser un deles". Pero Mario Fernández vai máis alá, dicindo que os fragmentos de ladrillo atopados poderían indicar que os cubos estaban cubertos por teitos sememellantes á muralla romana de Lugo. Tamén identificaron outras estrutúras pétreas, pero aínda se descoñece a funcionalidade. Aos pés do recinto consérvanse os restos da antiga ermida do San Xoán trasladada no século XVIII.
Casa das Meigas ou Pena de Angueira (A Angueira de Suso-Cruces): Medieval. Fortaleza encravada na terminal dun esporón rochoso a 285 metros de altitude sobre o nivel do mar. Circundada por unha muralla de grandes bloques graníticos que conserva unha anchura máxima de tres metros, apoiada sobre os batolitos que conforman o esporón. Aprécianse cazoliñas ou rebaixes que poden indicar a existencia dalgunha construción. Foi un punto estratéxico na ruta que dende a foz do Ulla se dirixía a Santiago de Compostela. Comunicación visual co castelo de Oleirón, ao outro lado do val. Boa comunicación visual co castelo de Oleirón.
Castelo de Roque (Cruxeiras de Abaixo): A 425 metros de altitude sobre o nivel do mar. Posible fortificación altomedieval. Nalgunhas rochas vense uns buratos que puideron servir para asentar os postes das estruturas.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Padrón.
O PINO
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Ferreiros e Medín.
A POBRA DO CARAMIÑAL
Torre de Bermúdez: Do século XVI, construída con elementos renacentistas e platerescos, atribuída a Rodrigo Gil de Hontañón. Acolle o Museo de Valle-Inclán.
Torre de Xunqueira (O Xobre): Século XIV. Pertenceu a Estevo de Xunqueiras, un fidalgo baixo as ordes do arcebispo de Santiago. Foi un dos poucos castelos que non conseguiron conquistar os Irmandiños. Consérvase a Torre da Homenaxe é un pazo renacentista construído por Gómez Pérez das Mariñas. Adicado a casa de turismo.
PONTECESO
Torre de Tallo: Tranformada en Pazo, atópase abandonada. O resto do edificio, debido ás reformas que sufriu, carece de interese. Segundo cita Martínez Barbeito, o vínculo da casa foi creado no ano 1572.
PONTEDEUME
Castelo dos Andrade ou da Nogueirosa (Pena Lobeira-Nogueirosa): Construído no 1369 por Fernán Pérez de Andrade "O Bo". Construción que o enfrontou co prior do mosteiro de Sobrado que non quería que se levantara. Asentado sobre unha pena que foi puída para empecer o seu asalto, tamén o arrodeaba un foxo. Dende a Torre da Homenaxe, de 20 m de altura, divisábanse as rías de Ares, Betanzos e Ferrol. A porta de entrada estaba defendida por dous pequenos torreóns prismáticos. Cóntase que ata non hai moito tempo, as xentes que pasaban a carón do castelo santigúabanse dicindo: "Que Deus teña na gloria aos que morreron no castelo", unha curta pregaria en lembranza de Mauro, fillo do conde de Andrade, e de Elvira, doncela da súa muller, unha parella de namorados que no ano 1389 foron encerrados polo alcaide, namorado da rapaza, nun lóbrego alxube e que morreron de fame. Daí que o castelo tamén se coñeza como o "Castelo da Fame". Trala Revolta Irmandiña ficou practicamente arrasado.
Torre dos Andrade (Pontedeume): Do antigo pazo do século XIV só se conserva a Torre da Homenaxe. Mide 18 m de altura, é de planta cadrada con catro andares. Resistiu a acometida dos Irmandiños. Propiedade do Concello dende o ano 1911, acolle o Centro de Interpretación dos Andrade e a Biblioteca.
Murallas da vila: A primeira noticia dunha muralla data do ano 1284 en que a vila contaba con cercas e portas. Con Fernán Pérez de Andrade, o Bo, a vila deixa de ser reguenga para pasar a ser de señorío, mudando con elo o seu sentido de defensa territorial. Segundo o debuxo de Pedro Teixeira do século XVII, a muralla, con oito torreóns, arrodearía a vila en semicírculo, discorrendo ao longo da ribeira do mar e bordeando o pazo. A torre, coñecida como dos Andrade, actuaría como Torre da Homenaxe da vila á que se accedía polas portas da Ponte ou Arco de Maldonado, a de San Roque ou da Vila e a do Porto ou de San Miguel; logo abriríanse tres portas máis: a da Salga ou do Torreón, a do Pontigo e a da Carnicería ou Trabanca. No ano 1616 obrígase aos freires do convento de San Agostiño a pechar unha porta que abriran na muralla. No ano 1617 o Concello gasta na súa reparación 3.272 reais o que amosa a preocupación polos ataques dos piratas. Mais no 1666 e no 1702, neste caso temendo a invasión de ingleses e holandeses, xa se advirte a descomposición do recinto murado.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Vilar.
AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Bermui.
PORTO DO SON
Castelo de Burleu (Xuño): Hai quen sitúa un castelo medieval, construído sobre un primitivo asentamento castrexo. A súa situación facíao practicamente inexpugnable.
Castelo do Castro de Caamaño: Segundo información achegada por Juan Cabeza Quiles, os descendentes de Pedro e Fruela establecen a súa casa solar na parroquia de Caamaño, e que segundo rezaba nunha pedra da entrada denominada "Castillo de Castro Caamaño. Fizo Juan de Caamaño. Año de Mil Ciento Setenta et Siete".
A Torre (Orseño-Nebra): César Oliveira Serrano (2000) di que preto da aldea de Orseño houbo unha torre medieval, erixida na marxe esquerda do río Quintáns, nun altorelo moi escarpado. Descoñécese se tería relación co Pazo de Nebra que pertenceu aos Caamaño e Sotomayor alá polos séculos XV e XVI, ou se sería da mitra compostelá. Ignórase tamén se estivo entre as fortalezas derrubadas polos Irmandiños. No lugar construíuse posteriormente unha casa de labranza, coñecida como A Torre. (Tanto sobre a existencia desta torre como as fotos débollas a José Suárez Caamaño).
RIANXO
Castelo da Lúa (O Pazo): No mapa da ría, realizado por Pedro Teixeira, aparece a vila de Rianxo así como a fortaleza, coñecida xa daquela como Castillo Viejo. A fase álxida do castelo está relacionada coas desputas entre os Soutomaior, señores do castelo, e o arcebispado de Compostela. No 1426, o rei esixe a Paio Gómez de Soutomaior o derrube da fortaleza por tela edificado sen permiso do arcebispo de Santiago, orde que non será acatada. Derrubado
polos Irmandiños no ano 1465, foi reedificado por Sueiro Gómez de
Soutomaior, bisneto do fundador Paio Gómez Charino. No ano 1480 foi
destruído por mandato dos Reis Católicos. A denominación de castelo da Lúa é relativamente recente, recollida nun artigo de J. R. Figueroa no 1850; entre as hipóteses sinálase a posible vinculación co apelido Luna dunha señora do castelo, Xoana de Luna, muller do mariscal Don Sueiro, ou pola presenza da lúa nun dos brasóns da familia. Das lendas asociadas ao castelo, hai unha na que se conta que os brillos da lúa nocturna acabaron delatando a unha parella de namorados que fuxían nunha embarcación do castelo, cun fatídico desenlace. Do seu mal estado falan os visitadores que o arcebispo compostelá envía ás súas fortalezas a fin de valorar o estado das mesmas. Tras o abandono do castelo no 1532, este sufrirá o espolio das súas pedras, moitas reutilizadas para a construción do campanario barroco da igrexa de Santa Comba de Rianxo ou o propio peirao da vila. Redescuberto
no ano 1999 durante a construción do paseo marítimo, as escavacións comezaron no ano 2007, descubríndose parte das murallas, unha torre e
un foxo. Coa fortaleza xa en ruínas construíuse un alfar que funcionou ata mediados do século XVIII (saíron á luz milleiros de fragmentos cerámicos); consérvase parte dun forno cerámico en cachotería de granito e arxila, cunha boca de combustión e unha cámara de cocción. Entre o 2017 e o 2018 o Concello de Rianxo promoveu un proxecto de restauración e consolidación.
Monte Muralla: Entre Fruíme (Lousame) e Araño (Rianxo). A 674 metros de altitude. Sérvelle de liña divisoria e a súa relativa proximidade á costa fai deste lugar unha poderosa rampla montañosa dende onde se divisa unha gran panorámica. Polo norte domina sobre as terras do concello de Lousame e Rois, ao leste ten o monte Treito e un fito ou marco de catro caras que fai de división dos concellos de Dodro, Rianxo, Rois e Lousame. No cume, onde se instalaron unhas casetas de vixiancia dos lumes e telecomunicacións, aínda se pode apreciar entre as penedas unhas murallas esborralladas con gran cantidade de cachotería. (Información achegada por Elixio Vieites).
Castelo de Palmeira: Situado a carón do porto, foi levantado na Baixa Idade Media. Pertencía ao arcebispo de Santiago. Pouco despois da súa conquista polos Irmandiños, unhas barcas transportaron as pedras para a construción do mosteiro de San Antonio do Xobre, na Pobra do Caramiñal. Só se conservan os penedos onde asentaba, no lugar coñecido como O Castelo.
Torre do Pico do Porto (Rois): Entre os concellos de Dodro e Rois. Atalaia ou torre de vixiancia a 296 metros de altitude do que apenas quedan vestixios. Non se atopa recollido nos inventarios de bens arqueolóxicos, aínda que foi descrito por Manuel Gago como unha pequena elevación circular duns 25 metros de diámetro formada por terra e pedras.
SADA
Castelo de Fontán (Sada): Século XVIII. A 20 metros sobre o nivel do mar, nunha punta rochosa que delimita a enseada Sada-Fontán na ría de Betanzos. Ademais de defender a vila de Sada, formou parte do sistema defensivo do arsenal de Ferrol. A construción consistía nunha explanada orientada cara o mar e rematada con merlóns onde estaba instalada a artillería e un muro que pechaba o recinto pola parte de terra, acaroando a ela varias edificacións auxiliares para o servizo e residencia da gornición. Na actualidade vense dous lenzos de mampostería e sillería relacionados co acceso ao recinto. Segundo a memoria da escavación do ano 2008 realizada por Malde Arqueoloxía, o resto da edificación desapareceu nos anos cincoenta durante a construción do actual porto de Sada. No ano 2007, Malde Arqueoloxía localizou no arquivo do Arsenal Militar de Ferrol un esbozo planimétrico do baluarte, xunto coa descrición que realizou o coronel Hermosilla en 1800. Noutra parte da vila había unha batería chamada da Corbeiroa.
Torres de Meirás (Meirás): Trátase dun pazo formado por tres torres ameadas unidas por un corpo de edificio máis baixo. A pesares do aspecto medieval, é unha construción de finais do século XIX pero edificado sobre unha primitiva fortificación pertencente aos Patiño de Bergondo dende o século XVI, destruída durante a Guerra da Independencia polas tropas napoleónicas no ano 1809. Foi propiedade de Emilia Pardo Bazán. No 1936, os herdeiros de Pardo Bazán quixeron doar o pazo aos xesuítas pero con certas condicións que estes non aceptaron. No ano 1938, os aduladores do fascismo agasalláronllo a Franco quen o utilizou como residencia de verán. Para
a compra do pazo, descontóuselles aos funcionarios do Concello da
Coruña e da Deputación Provincial unha porcentaxe dos seus soldos,
imprimíndose, ademais, uns bonos de aportación "voluntaria". Os descendentes do ditador "heredáronno" ata que no ano 2020 o Xulgado de Primeira Instancia da Coruña sentenciou que pertencía ao Estado (no 2018, a familia de Franco puxérao a venta sen que ninguén puxara por el). Agora é patrimonio do Estado. No interior agóchanse pezas arqueolóxicas, cruceiros, fontes, escudos, etc. froito de "regalos" e do espolio ao que tan afeccionada era a "Señorísima" Carmen Polo.
Fortaleza de Punta Corbeiroa (Sada): Batería construída no século XVIII, vinculada ao sistema defensivo de Ferrol-Coruña. Consistía nunha plataforma orientada cara o mar coa artillería disposta nun sistema de merlóns. Pola documentación dos arquivos militares despréndese o estado de abandono en que se atopaba na década de 1830.
As Torres: Topónimo. Lugar da parroquia de Carnoedo.
Castelo de Naraío: Situado ao pé do río Castro. Pertenceu a Gonzalo Piñeiro, un nobre galego que tomou partido por Pedro I nas súas loitas con Henrique de Trastámara. Castelo baixomedieval, foi abandonado no século XVII. A fortaleza aparece citada nun documento xudicial do 1377, e despois no século XVI, no preito Tabera-Fonseca. Da primitiva construción consérvase a Torre da Homenaxe, de catro andares, e os muros do patio de armas. No ano 2007 un equipo dirixido polo arqueólogo Anxo Felpeto iniciou o proxecto de investigación e rehabilitación da fortaleza, que xa daquelas apuntou que o castelo era máis antigo do que se cría ata entón e que despois se foi ampliando. No mes de febreiro de 2020, tralas obras para mellorar a accesibilidade e a seguridade, foi reaberto ao público. Entre as melloras salienta a construción dunha estrutura interior que permite acceder ao alto da torre. Derivada das últimas campañas de escavación (2019-2020), retrasan a súa cronoloxía entre dous e tres séculos como xa apuntara Felpeto no 2007. Segundo o director das escavacións, Francisco Alonso, co procedemento de datación mediante Luminiscencia Opticamente Estimulada, determinouse que o alxibe da torre da homenaxe construíuse entre o 900 e o 1197.
A Torre: Entre as aldeas do Xestal e As Filgueiras, parroquia de Ferreira. Promontorio sobre o regueiro das Teixoeiras en cuxa cima obsérvase unha parte achairada duns 25 por 30 metros.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Igrexafeita.
SANTA COMBA
Torre de Randufe (A Torre-Santa Comba). Medieval. Totalmente arruinada, formaba parte dun pazo do século XVII. No século XVIII desvincúlase dos pazos de Cícere cando Xoana de Prego de Montaos llo deixa en herdanza á súa filla María Isabel Varela Prego de Montaos. Consérvase os restos dun escudo.
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Castelo da Rocha Forte (Conxo): Século XIII. Refuxio emblemático dos arcebispos de Santiago e do cabido. Ademais de actuar como vangarda defensiva de Compostela ante os ataques chegados a través da Ría de Arousa e do río Ulla, era un lugar ideal, situado a carón do camiño principal, para cobrar os trabucos aos comerciantes que querían vender as súas mercadorías na cidade. O 16 de setembro do 1320, o francés Berenguel de Landoira, nomeado arcebispo de Santiago polo papa Xoán XXII, que se refuxiara na Rocha Forte porque a cidade se levantara en armas para defender o seu dereito a depender da Cora e non da Igrexa, cita no castelo aos representantes do burgo para negociar. Mais, no canto diso, os soldados pechan as portas e asasinan aos once representantes composteláns. As tropelías dos soldados do arcebispo (roubos, asasinatos, violacións...) gañoulle a xenreira dos labregos. Foi un dos primeiros castelos derrubados polos Irmandiños. A principios do ano 2014 deuse a coñecer o posible achádego dos restos dunha capela adicada a Santa Eufemia situada ao oeste do castelo. Na Rocha Forte existe unha lenda dunha Galiña dos Churruchaos con pitos de ouro que só se deixa ver por un intre, e nunca se volve aparecer á mesma persoa. Os Churruchaos, segundo a lenda, eran unha banda de asasinos e ladróns, pero a realidade é que esta lenda xorde no escenario das loitas sucesorias entre Enrique II de Trastámara e Pedro I de Castela o Cruel. A simpatía do arcebispo, Soro Gómez de Toledo, por Enrique foi o que levou a Fernán Pérez Churruchao e Alfonso Gómez Gallinato a asasinalo en presenza do rei, asasinato motivado máis que por intereses políticos ca os sentimentais da lenda.
Castelo de Vigo (Sabugueira): A 490 metros de altitude. Aquí puído asentarse unha fortificación roqueira en época medieval, dada a existencia dunha elevación artificial do terreo na parte máis alta do cume (Rodríguez Resino, 2008). Gran visibilidade sobre comarca e o val do río Ulla, salientando a súa visibilidade directa sobre o Pico Sacro.
Castromaior (Fecha): A 518 metros de altitude sobre o nivel do mar. Sobre o castro, atípico segundo García Martínez (1971), construíuse un castelo na Alta Idade Media (Rodríguez Resino, 2008). Debeu ter unha función defensiva e de control. Conserva parte das defensas exteriores.
Murallas da cidade de Santiago: Consérvanse algunhas partes, a maioría ocultas polas edificacións modernas ou derrubadas no século XIX, mais outras están á vista (Porta de Mazarelos). As primeiras noticias sobre as defensas de Compostela datan do ano 968 en que Sisenando II amurallou a zona onde estaba a igrexa onde logo se levantou a catedral, o coñecido como Locus Sancti Iacobi. A mediados do século XI o bispo Creconio constrúe unha nova muralla moito maior que cubría un espazo dunhas 30 hectáreas, cunha altura duns cinco metros e torres cuadrangulares e sete portas de acceso. No Ministerio de Defensa consérvase un croquis do ano 1831 onde se manifestan obras de defensa na parte norte da cidade.
A Torre Branca: Topónimo. Lugar da parroquia de Aríns.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Cesar, A Enfesta e Marantes.
SANTISO
Torre de San Xurxo (San Xurxo-Mourazos): Crese que estivo emprazada onde se levanta a igrexa de San Xurxo de Mourazos, do século XVIII. Pertenceu ao conde Sancho de Ulloa. Citada no preito Tabera-Fonseca. Foi derrubada polos Irmandiños. Citada nun documento do ano 1214 en que o rei Afonso IX doa á Igrexa de Santiago a Terra de Abeancos. (Fonte: Xosé Manuel Broz Brei, Santiso na terra de Abeancos, 2013).
SOBRADO DOS MONXES
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquai de Cumbraos.
AS SOMOZAS
Torre das Mestas (Vilachave-As Somozas, case no límite coa parroquia de Igrexafeita, en San Sadurniño): Coñecida
tamén como Castelo da Torre. Situada a uns 175 metros de altitude,
na confluenza do río Grande de Xuvia e o rego Pequeno. Medieval. Na
parte alta dun esporón consérvanse restos dunha estrutura circular
feita con pedras e aproveitando o afloramento rochoso, cun diámetro
interior duns catro metros, cun furado no centro que semella obra de
expoliadores. Nunha plataforma inferior ao cume hai unha estrutura
que semella un parapeito. No extremo leste hai un gran corte
realizado sobre a rocha que actuaría como foxo defensivo. Polo lugar
poden verse restos de pedras soltas de cuarcita, cuarzo, seixo e
fragmentos de tella. Pertenceu a Pedro Fernández de Andrade. No ano 2021, un veciño das Somozas díxonos que atopara anacos
cerámicos na Torre das Mestas. Neste tramo, o río fai de límite parroquial con Santa
María de Igrexafeita, no concello de San Sadurniño. Aínda que a
climatoloxía non axudaba, a mediados de novembro de 2023 alá nos presentamos. Se a choiva non axudaba, cando chegamos ao pé do monte
onde estaba a torre, o panorama co que nos atopamos non mellorou as
espectativas de poder ver algo xa que a mestísima maleza cúbreo
todo. Pero para a nosa sorpresa, o informante comentounos que non
fora nesa torre onde atopara a cerámica, senón “na que estaba por
riba do río”. Nós, a verdade, só sabiamos dunha, ignorabamos que
houbera outra. Non andivemos máis de 300 ou 400 metros, pero
fíxosenos eterno. Xunto un pequeno muro, cuberto de musgo e case
tapado pola maleza foi onde atopou dous pequenos fragmentos cerámicos
dunhas cuncas, e hoxe atopamos máis, así como anacos de grosos
cristais e unha lámina de ferro enferruxada que podería ser parte
dun coitelo. Para ver ben o sitio, ao chegar á casa mirei a ver o
que deparaban as ortofotos. A verdade é que o sitio chama a
atención. (No círculo vermello, a catalogada Torre das Mestas; no
círculo amarelo, o sitio que visitamos).
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia das Somozas.
Castelo de Paizás: Outeiro onde puído existir unha fortaleza altomedieval.
A Torre: Topónimo. Lugar das parroquai de Cacheiras.
TORDOIA
O Castillo:
En A Torre (Castenda), sobre un probable castro duns 60 metros de
diámetro, debeu construírse algunha torre defensiva en época medieval. O lugar atópase catalogado por Patrimonio da Xunta de Galicia. Consérvase o topónimo O Castro.
TOURO
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia do Fao.
TRAZO
Castelo do Monte Pica: Entre os concellos de Santiago e Trazo atópase a Ponte Albar do século XVIII, se ben pola súa
estrutura pode ser anterior. Debe o seu nome a unha lenda que ten como protagonista a un
tiránico señor feudal, Pero Albar, que tiña o castelo no cume do monte
Pica, entre as aldeas de Xavestre e Trazo.
Castelo: Topónimo. Nome dunha parroquia.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Castelo.
VAL DO DUBRA
Castelo de Portomeiro: A 400 metros de altitude sobre o nivel do mar, no cume do Monte Maior. Sobre un castro do século II a. C. ergueuse unha fortificación altomedieval ocupada entre os séculos IX-X. Contrólase o paso do río Tambre. Alterado por canteiras de cuarzo e granito. Nas escavacións dos anos 2020 e 2021 localizáronse ata catro estancias ben definidas.
Os Castelos (Niveiro): Non se observan estruturas defensivas nin habitacionais. Polas características morfolóxicas do emprazamento podería tratarse dun xacemento altomedieval de carácter defensivo.
O Castrillón (O Burgo-Arabexo): Pequena elevación onde non se observa a presenza de estruturas defensivas nin habitacionais. Podería tratase dun asentamento medieval de carácter defensivo. Alterado por desmontes e por un campo de fútbol.
Monte do Castrelo (Bascuas-Coucieiro): Pequena elevación onde non se observan estruturas defensivas nin habitacionais. Polas características morfolóxicas do emprazamento podería tratarse dun xacemento altomedieval de carácter defensivo.
A Torre Branca: Topónimo. Lugar da parroquia de Niveiro.
VALDOVIÑO
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Lago.
VEDRA
A Torre (A Torre-Sales): Asentamento fortificado medieval. Catalogada por Patrimonio.
Prado de Torres (A Casanova-Sarandón): Asentamento fortificado de época medieval. Sen restos. Catalogado por Patrimonio.
A Torre de Arriba, A Torre de Abaixo e A Torre do Medio: Topónimos. Lugares da parroquia de Santa Cruz de Ribadulla.
VILARMAIOR
Torres (San Xorxe): Topónimo. É unha parroquia do concello de Vilarmaior.
VILASANTAR
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Vilariño.
VIMIANZO
Castelo de Vimianzo: Construído polos Mariño de Lobeira no século XIII. Pertenceu á familia dos Moscoso, emparentada cos Traba, que logo se convertirían en condes de Altamira. Foi destruído polos Irmandiños que, despois da derrota, foron obrigados a levantalo de novo polo arcebispo Alonso Fonseca II que estivera preso tralos seus muros. Poden verse varias pedras armeiras, a maioría da época dos Martelo (de aí que tamén sexa coñecido como "As torres dos Martelo") que o mercaron a finais do século XIX. Trátase dun castelo defensivo con catro torres (a da Homenaxe e outras dúas de menor tamaño), patio de armas e demais dependencias. As murallas estaban arrodeadas por un foxo. Ao interior accédese a través dunha porta con arco apuntado. Dende o ano 1973 é propiedade da Deputación Provincial da Coruña, acolle unha mostra de artesanía popular. Bo estado de conservación.
Prado das Torres (Serramo): Posible fortaleza de época medieval. (Información achegada por Elixio Vieites).
Torres de Cereixo (Cereixo): Século XVIII. Trátase dun pazo con dúas torres ameadas. A cor azul de portas e ventás que tanto chama a atención non é un feito caprichoso, o dono actual, don Santiago González, quixo manter as cores orixinais. En xaneiro do ano 2007 sufriu un incendio.
Castelo Grande do Allo (O Chamberín-O Allo): Segundo o PXOM de Zas, o núcleo principal do xacemento fórmao un outeiro granítico de forma tendente a ovoide, duns 30 metros no eixo N-S e 20 no L-O, que se eleva entre 10 e 20 metros con respecto á contorna circundante. Na parte superior do outeiro vense claras evidencias de que foi acondicionado para conseguir unha superficie tendente a horizontal: hai zonas nas que se observan afloracións graníticas desmouchadas, e nos bordos do outeiro hai algunhas pedras colocadas coa intención de nivelar o terreo que se pode deber á intención de facilitar a construción dalgún tipo de estrutura. Vense abundantes fragmentos de tella curva moi rodadas e fragmentadas e algúns anacos cerámicos moi erosionados. Cara o leste e oeste do outeiro hai un potente nivel de derrube, seguramente procedente dalgún tipo de construción existente na parte alta.
Castelo Pequeno do Allo (O Chamberín-Baio): Segundo o PXOM, o núcleo principal do xacemento fórmao un outeiro tendente a ovoide, de aproximadamente 40 metros no eixo N-S e 30 metros no L-O, que se eleva entre 5 e 10 metros con respecto á contorna circundante. Na parte superior vense evidencias de que foi acondicionado para conseguir unha superficie tendente a horizontal para facilitar a construción dalgún tipo de estrutura. Na base do outeiro hai un potente nivel de derrube, seguramente procedente dalgunha construción que había na parte alta. Trátase de pedras graníticas de mediano tamaño pouco traballadas. A característica defensiva que lle confire ao xacemento a posición topográfica do outeiro sobre a que se asenta vese reforzada coa presenza na zona norte dun foxo traballado parcialmente na rocha.
Torre do Allo (O Allo): Pazo da segunda metade do século XVI cosntruído sobre un antigo castelo destruído polos Reis Católicos. Acolle o Centro de Interpretación Turística.
Torre do Sisto (Gándara): Medieval. Xacemento tipo mota, de pequenas dimensións, que conserva restos dunha torre de planta rectangular.
o noso patrimonio
Castelos de Galicia (Coruña)
Xabier Moure