* Estelas de "celtas" en Astorga e Lugo

Estrabón (64 a. C.-19/25 d. C.), Plinio o Vello (23-79 d. C.)  e Mela (s. I d. C.) falan da existencia de poboacións célticas no Noroeste. Dos Celtas Supertamáricos que habitaban no curso alto do río Tambre coñécense cinco estelas funerarias de persoas que morreron lonxe do seu lugar de orixe que no epitafio mencionan a súa procedencia. As controversias sobre a existencia ou non de pobos celtas no Noroeste vén de lonxe: para uns si houbo celtas, para outros eran pobos que semellaban celtas, outros néganno.

 

A continuación achego dous epitafios de Celtici Supertamarici que se conservan no Museo de los Caminos de Astorga e no Museo Provincial de Lugo (a de Lugo é a única que está en Galicia).

ESTELA FUNERARIA DE ASTORGA

No Museo de los Caminos de Astorga. Datada a principios do século II d. C. De cuarcita pizarrosa, foi atopada no ano 1972 nunha antiga canteira ás afóras de Astorga. De forma paralelepípeda, fáltalle parte da base.  

No campo epigráfico lese: “CLARINV/SCLARIF/CELTICVSSV/PERTAMA/ANNVIH/SESTT-“, “CLARIVS, CLARI F(ilivs), CELTICVS SVPERTAMA(ricus), ANN(orvm) VI, H(ic) S(itvs) E(st) S(it) T(erra) [L(evis)]”, “Clarinus, fillo de Claro, Céltico Supertamarico, de 6 anos, eiquí está enterrado. A terra lle sexa leve.
 
 

ESTELA FUNERARIA DE CRECENTE (Crecente-San Pedro de Mera-Lugo)   

No Museo Provincial de Lugo. Datada a mediados do século I d. C. De granito, foi atopada no ano 1995 por Manuel Carreira González nun camiño ao abrir unha gabia para unha condución de auga. Mide 2,81 de alto e 0,71 de ancho. Na parte superior vese un magnífico retrato dunha familia galaica formada por catro persoas: un home, dúas mulleres e un neno que visten túnicas longas; as mulleres e o neno adórnanse cun colar de contas e pulseira; o neno, ademais, sostén nas mans unha pelota e un aro.  

No campo epigráfico lese: "APANA AMBO/LLI F(ilia) CELTICA/SVPERTAM(arica)/MIOBRI/AN(norum) XXV H(ic) S(itus) E(st)/APANVS FR(ater) F(aciendum) C(uravit)", ("Apana, filla de Ambolo, dos célticos supertamáricos do castro de Miobri, morta á idade de 25 anos, eiquí xace. O seu irmán, Apanus, foi o promotor desta dedicatoria").
 
   

* Lemavos fóra da terra de Lemos

O pobo dos Lemavos aparece citado na Naturalis Historiae de Plinio o Vello (23-79 d.C.) e na Geographia de Ptolomeo (100-170 d.C.). Este último outórgalle unha cidade, pode que a capital: Daktonion. 

No Museo de los Caminos de Astorga hai unha estela en mármore gris que foi atopada o día 10 de xuño de 1982 en Astorga, ao parecer ao facer unha zanxa, xunto con varios fragmentos cerámicos e ósos humanos o que pode evidenciar que estaba xunto unha sepultura de inhumación feita con tégulas (trátase dunha especie de tellado a dúas augas baixo o que colocaban o cadáver que ao mesmo tempo se situaba sobre unha “cama” de tellas). A cabeceira, na parte central, presenta unha flor hexapétala inscrita nun círulo. A ambos os lados vense dous símbolos semicirculares, e un pouco máis abaixo dúas figuras a xeito de escuadra ou ángulo recto. No campo epigráfico Lese: "FABIA EBVRI/F LEMAVA ) (C invertido)/ERITAECO A/X L VIRIVS CAESSI F LE/MAVS ) (C invertido) EO/DEM AN/VII HIC S S/CAESSIVS", ("FAVIA, EBURI F(ilia), LEMAVA (castello) ERITAECO. A(nnorum) XL, VIRIVS, CAEESI F(ilius), LEMAVS (castello) EODEM, AN(norum) VIL, HIC S (iti) S(unt) CAESSIVS", "Fabia, filla de Eburo, lemava (dos lemavos), do castelo (castro) Eritaeco, de 40 anos. Virio, fillo de Caeso, lemavo do mesmo castelo (castro), de 7 anos. Eiquí están sepultados. Caesio (esposo e pai, púxoos)". Trátase dunha inscrición funeraria dedicada por Caessius a súa muller Fabia e o seu fillo Virio, todos do castro Eritaeco. Pola indicación do castellum co C invertido, e pola tipoloxía do monumento, semellante aos dos soldados da Legio X Gemina, dátase no último terzo do século I d.C.


Descoñezo en que parte da Terra de Lemos se ubicaría este Castellum Eritaeco, ata o momento non atopei (e creo que ninguén) ningunha referencia toponímica ou oral que me achegue, aínda que só sexa dunha forma aproximada, ao nome. Acontece como con Dactonium (citado na II táboa de barro de Astorga e por Ptolomeo, e quizais tamén por Hidacio que fala de Dyctinium), a capital do pobo dos Lemavos que, segundo distintas hipóteses, situaríase no Monte de San Vicenzo do Pino (Monforte), Castillón (Pantón), Proendos (Sober), e incluso en Chantada, se ben todo apunta ao primeiro xa que o lugar onde se ergueu o mosteiro bieito e logo o castelo medieval cítase en documentos medievais como Actonium, Dactionum ou Luctonium. A Táboa de Astorga ou Itinerario de Barro (s. I-II d.C.) reflicte unha vía entre Lucus Augusti e Dactonium: "VIA LVCO AV(gus)TI AID DACTIONVM/AQUAE QUINTIA(e)/DACTONVM IX". Para algúns investigadores (Arias Vilas, Tranoy...) a vía XIX, no seu camiño de Lucus Augusti á provincia de Ourense, bifurcaríase á altura de Chantada, conducindo un ramal cara Dactonium (Monforte) a través dos Cóvados de Belesar e Castillón. Arias Bonet propón un trazado directo ao leste do Miño, por Vilarmosteiro (O Páramo) e Rubián (Bóveda). Aquae Quintiae situaríase en Bóveda.

 

As testemuñas da presenza de soldados Lemavos como tropas auxiliares no exército romano témolas en varias inscricións atopadas fóra de Galicia e que fan referencia a unha Alae I Lemavorum e unha Cohors I Lemavorum Civium Romanorum, atopadas na Mauretania Tingitana (actual Marrocos) e en Arxona (Xaén). 

Na de Arxona lese: "C(aius) VENAECIUS P(ublius) F(ilius) VOCONIANOS/FLAMEN DIVORUM AVG(ustorum)/PRAEF(ectus) COH(ortis) I CHALCEDONEN(sis)/TRIB(unus) LEG(ionis) III GALLICIAE FELICIS/PRAEF(ectus)/ALAE I LEMAVROUM/FORTUNAE SIGNUM AUREM P(ondo) V ITEM/MERCURIO P(ondo) V PATERAM P(ondo) LIBR(ae)/EX VOTO/ET BASES II ARG(entas) P(ondo) V L(ibens) S(olvit)", "Caio Venecio Voconiano, fillo de Publio, flamen dos Augustos divinizados, prefecto da cohorte I Calcedonense, tribuno da Lexión III Gálica feliz, prefecto da Ala I dos Lemavos, ofrecen con agrado á Fortuna unha estatua de ouro de cinco libras de peso, outra a Mercurio de cinco libras de peso, unha pátera dunha libra de acordo co seu voto, e dúas basas de prata de cinco libras". Segundo Arias Vilas esta Alae Lemavorum estivo asentada en Sala (Marrocos) posiblemente entre os anos 88 e 157 d.C., e posteriormente sería trasladada a Urgavo (Arxona). As Alae estaban compostas normalmente por 500 (quinquenaria) ou 1.000 (miliaria) efectivos. Florentino López Cuevillas e Germán Vázquez din que o numeral I, atribuído ás Alae e Cohors, é síntoma de que puido haber máis. Si, houbo outras Alae e Cohors, pero non con lemavos. A Alae I Lemavorum só é nomeada no cursus honorum (carreiras de honores) do seu prefecto C Venaecius.

 

De Mauretania Tingitana son tamén unhas inscricións en metal de licenciamento que segundo Le Roux di: "VALERI V/ETONIS M(ilitis)/ C(ohortis) I LAM(avorum)/(centuria) LUCANI/H(ic) S(itus) E(st)/F(aciendum) CU(ravit) C(aius) FL/AVI(us) P(udens)", "Aos deuses Manes de Valerio Vetón, soldado da cohorte I dos Lemavos da centuria Lucano; aquí está enterrado; procurou erixilo Gaio Flavio Pudente". Estaría datada entre os anos 50-80 d.C. As cohortes romanas estaban formadas por uns 500-600 efectivos.

* Atentado á mámoa do Albardón (A Fonsagrada)

O día 17 de maio de 2019, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos unha nova agresión a un enterramento do período Neolítico. Trátase da mámoa coñecida co nome do Albardón ou da Bandeira, no monte da Piqueira, aldea de Vilabol de Arriba, parroquia de Lamas de Moreira, concello da Fonsagrada, a unha altitude de 900 metros. Catalogada por Patrimonio co código GA27018004.

 

Forma parte dun grupo de 7 mámoas distribuídas nun radio de 500 metros, todas catalogadas, e polo tanto protexidas. É a de maiores dimensións, cunhas medidas de 30 metros de diámetro (as medidas do resto oscilan entre os 15 e 20 metros), e tamén a situada no lugar máis visible do monte.
A agresión, moi recente, foi producida por maquinaria pesada durante unha tala de piñeiros, ocasionándolle ao enterramento dous profundos sucos de 10 metros de longo cada un, unha anchura de máis de un metro e unha profundidade de outro metro. Os danos poden considerarse como gravísimos e irreversibles. 

Hai poucos días, ante a denuncia do noso colectivo,  dende o Servizo de Xestión Cultural en Lugo enviaron un informe á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio en Santiago para que sancione a agresión a outra mámoa situada a 375 metros desta de hoxe.

Estas mámoas atópanse nas inmediacións da estrada provincial CP-0708 que comunica O Cereixal (Becerreá) con Louxas (A Fonsagrada). A ambos os lados da estrada localízanse un bo número de enterramentos megalíticos. Lamentablemente, en menos dun ano os do noso colectivo detectamos neste tramo a agresión grave ou a destrución de dez enterramentos producidos pola tala de piñeiros, plantación de eucaliptos e verquidos de lixo ou esterco, feitos que denunciamos e sobre os que a Xunta de Galicia xa iniciou o correspondente procedemento sancionador, algún por falta grave con sancións que poden chegar aos 150.000 euros.