Paracostoira é unha aldea da parroquia de Santa Baia de Pedrafita, no concello de Chantada. Do Inventario artístico de Lugo y su provincia (1976-1983) recollo que os monxes de Oseira tiveron eiquí unha casa priorado. Mercedes Vázquez Saavedra e Carmen Vázquez Pérez-Batallón, en Guía da Ribeira Sacra (2001), nunha pequena referencia, din que contaba con casa, tulla e capela.
Paracostoira cítase en varios documentos medievais. Nun pergameo escrito en galego, conservado no Arquivo Histórico Nacional, na "Era M CCC XIII et VIII dias andados doytubro" (ano 1275), Iohan Iohanes de Paracostoira e a súa dona doan ao mosteiro de Santa María de Oseira a leira de Covelo, conservando os "frutus" (usufructos). A doazón foi outorgada ante Romeu Iohanes, notario xurado, por mandato de Ruy Pérez, notario.
Noutro documento en pergameo, gardado no mesmo arquivo, tamén en galego e escrito na "Era M CCC X IIII et quot XII dias por andar de dezembro" (ano 1286), María Franca, xunto co seu marido Iohan Iohanis, venden ao mosteiro de Santa María de Oseira todo herdamento que posuían en Paracostoira.
Nunhas mandas testamentarias en galego do 3 de xuño de 1434, dadas en Paracostoira polo crego de San Xoán de Veiga (parroquia de Chantada), pide ser enterrado no cemiterio de Santa Baia de Pedrafita, legando ás igrexas de Veiga, Sabadelle e Arcos, e de seus criados, os irmáns Gómez e Fernando, entre outras, unhas herdades situadas en Barreiro e Casteda.
Nun documento en galego do 9 de agosto de 1439, "dom frey Johan, abade do mosteyro de Santa Maria d´Oseyra" afora a "Afonso Rodriges, et a vosa moller Tereija Rodriges, et a vos Gonçalvo, fillo de Roy Fernandes, da Pena Custoya... a que chaman das Castineyras, a montes e a fontes, con todas suas entradas et saydas et pertenças..." a tenencia da igrexa de Pedrafita polo pago do tercio e décimo de todo pan e gran, e outras prestacións.
Os Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de Pedrafita en marzo de 1753, na resposta á pregunta 39, confirman que aínda existía o priorado do Císter: "... en el referido termino no ay combentto alguno, si tan solamentte un Prioratto de la orden de nuestro Padre San Bernardo, anexo al Real Monastterio de Santta Maria de Osera".
A un quilómetro de Paracostoira, na aldea de Mosteiro, atópase a igrexa parroquial de Santa Baia, situada xunto o Pazo de Boán cuxos propietarios tiñan acceso directo ao templo a través dunha porta aberta nun muro, tapada na actualidade. Parece ser que eiquí non houbo ningún mosteiro, polo que é probable que reciba o nome pola existencia dunha granxa dependente de Oseira que rexentarían os monxes do priorado de Paracostoira.
A pouco máis de dous quilómetros en liña recta de Paracostoira, asulagado polo encoro de Belesar a principios dos anos sesenta do pasado séeculo XX, está o Castro Candaz que só se pode ver cando baixan as augas. Sitúase nunha pequena península delimitada polos regueiros Enviande e Ponte da Lama, tributarios do Miño.
Dise que ao asentamento só se podería acceder polo oeste, apreciándose por esta parte varias "zonas amesetadas" cuxa disposición cumprirían unha función defensiva. No resto dos puntos, por estar arrodeado de auga, resultaría practicamente inaccesible. Creo que esta últimas informacións hai que tomalas con cautela, nas imaxes do voo americano de 1956-57 non se aprecian (ao menos eu) esas "zonas amesetadas". Aínda que nunca foi escavado, dise que a súa orixe está nun castro onde, que eu saiba, non apareceron restos deste longo período. E despois veu a lenda. Segundo as crónicas da Casa de Camba foi fundado por un cónsul romano, Lucio Cambero, que mesmo se enfrontu a dúas lexións romanas mandadas polo propio emperador Traxano. Pero sabido é que para lexitimar unha ascendencia de avoengo, na Idade Media os nobres inventaban as súas árbores xenealóxicas, entroncándose con persoeiros de sona, fosen míticos ou reais, non faltando quen a leven ata Adán e Eva ou o propio Cristo. Ademais de Lucio Cambero, dise que outro propietario foi un descendente de aquel, un tal Lupo Cambero de Candaz, ao que don Paio (o famoso princeps citado por Al-Razi, heroe da suposta batalla de Covadonga), pola axuda prestada na guerra contra os árabes, deulle a torre de Arcos, tamén en Chantada. Ademais dos Camba, foi propiedade dos Taboada e dos Temes. Entre os séculos IX e XII, os normandos asolan as costas galegas. O mestre Manuel Formoso Lamas, autor de Apuntes para la historia de Chantada (1905), escribiu que durante a primeira vaga de invasións, os vikingos arrasan Chantada despois de traspasar a empalizada (plantata), e os nobres refúxianse no Castro Candaz, custodiados pola familia dos Eiriz ou Erice, ata que son liberados polo rei Ramiro I.
Alancando no tempo chegamos á Gran Guerra Irmandiña, entre
o 1467 e o 1469, en que o castelo foi derrubado (Preito Tabera-Fonseca: "... que
sabe que la fortaleza de Castro de Candaz que fuera derrocada quel
dicho rey la mandara derrocar por quexas y querellas que della le dieran..."), sendo logo
reconstruído pola familia Taboada. Segundo me contou un veciño de Mosteiro no ano 2003, na cima había un túnel, tapado na
actualidade, que ía dar ao río. O
sitio padeceu numerosas transformacións. Primeiro o posible
castro, logo unha posible torre medieval da que aínda se conservaban,
dise, algúns restos a principios do século XX, máis adiante unha
ermida testemuñada no
ano 1474 (documento inédito dado a coñecer por Xosé Luis
Díaz-Castroverde Lodeiro, gañador do premio de investigación do Condado
de Pallares no ano 2010 con Morgados e xurisdicións na Terra e Condado de Taboada), despois viñeron as plantacións de viñedos en socalcos e construcións
relacionadas con estes, e por último o encoro que modificou e continúa a
modificar a morfoloxía do outeiro.
"Increíble fortaleza", "Espectacular fortaleza" ou "Misterioso castro sumergido" son algúns dos rimbombantes cualificativos cos que se cita ao castro Candaz. Pero para min os máis enxeñosos son o de "Atlántida gallega" e "Atlántida que se oculta en el Miño"; seguramente Platón, no seu Timeo, agocha algunha mensaxe cifrada que proba que un e outra son o mesmo. Bueno, fantasiar é libre. En Galicia abondan as lendas referidas a cidades e vilas asulagadas, e non por un encoro artificial construído hai catro días: Valverde, Alegrín, Estebañón, Boedo, Antioquía... Non vou a negar que velo asomar é un bonito espectáculo, pero se non fora porque emerxe das augas do encoro, o Candaz, como acontece coa maioría dos castros galegos, pasaría desapercibido para a maioría.
Vaiamos agora coa orixe do topónimo Paracostoira. Cítase como Petra Costoya no ano 1007, Petra Custodia no 1232, Pena Custoya no 1439, e máis adiante como Peracostoya e Peracustoya. De Os nomes de lugar (1992), de Fernando Cabeza Quiles, recollo que Fr. Martín Sarmiento, na súa Viaxe (1745), ao falar do monte das Costoyas, "un alto monte sobre Combarro", relaciónao con custodias. E que Antonio López Ferreiro, na súa Historia... (1898-1911), cita un "montis de Custodiis" no 1170. Elisa Ferreira Priegue, en Los caminos medievales de Galicia
(1988), escribe que por veces Costoya coincide cun portádego, polo que
tería a orixe nun porto de vixilancia do camiño; cita o topónimo
Custodia nun documento do ano 1112, o actual Costoia, en Tordoia. Cabeza Quiles conclúe, entón, que faría alusión a unha pedra alta na cal se situaría un posto,
garita ou fortificación de vixilancia ou custodia. Para Ares Vázquez podería facer alusión a unha "Pedra de Garda" ou "Pedra Custodia". O latín custodia vén a significar custodia, garda, inspección, vixilancia, sentinela, gardián, porto de garda; tamén prisión, prisioeiro. Designaría un sitio elevado para custodiar, vixiar, observar (unha custodiaria) ou gardar algo dende
onde, ademais, se divisa e controla un amplo territorio. O
topónimo Costoira, referido a nomes de poboación, atopámolo nos
concellos de Ortigueira, Alfoz, Ourense, e tamén na parroquia se San Fiz
de Asma, no mesmo concello de Chantada.
Polo
dito, en Paracostoira ben puído existir unha construción de vixilancia
ou garda. Pero, que gardaba, que vixiaba? Quizais, os accesos a un
castelo? Hai un pero que leva a preguntarme se o Castro Candaz é ese curuto que ermerxe no encoro de Belesar. A uns 600 metros en liña recta
do Candaz, tamén entre os ríos de Enviande, Ponte da Lama e o Miño, hai
un outeiro (catalogado por Patrimonio), situado a unha altitude de 450
metros, que conserva o
topónimo de O Castelo e cuxa cima presenta unha zona achairada de forma
tirando a ovalada duns 50 por 40 metros. No ano 2003, a mesma persoa que
me
informou da cova do Candaz contoume que polos anos sesenta do século XX
un
avogado de Lugo atopou no Castelo varias pezas metálicas, entre outras
unha espada
de ferro e un candil. Se temos en conta as dimensións das partes
que poderían acoller unha fortificación, o Candaz apenas sería apto para
unha
pequena torre, mentres que o Castelo si puído acoller un edificio
defensivo de certa entidade. Nas imaxes do voo americano dos anos
1956-57, antes de ser engulido polo encoro, vese na parte máis alta do
Candaz o que semella unha estrutura case circular duns 15 metros de
diámetro (o que vén a ocupar unha mámoa de pequenas dimensións), que
quizais son eses posibles restos cos que se conxectura, pertencentes a
unha torre ou atalaia, perto tamén poden corresponder a calquera outra construción.