MOSTEIROS DE GALICIA (PROVINCIA DE LUGO)


 

ABADÍN
Mosteiro de Abadín: Segundo a tradición, hai restos dun antigo mosteiro preto da igrexa parroquial de Santa María do século XII.

ALFOZ
Mosteiro de Santa María de Bacoi. 

ANTAS DE ULLA
Mosteiro de  Penela (Penela-Cutián): En 1453 faise mención á "hermida e moesteiro de San Pedro de Penela, que así se deçia en outro tempo, que he anexa do dito moesteiro de San Salvador de Billar de Donas...". 
Mosteiro de Santiago de Amoexa: No 1943, Ramón y Fernández publicou na Revista de Arqueología un traballo titulado Jornadas románicas por tierras de Lugo onde fala da igrexa de Amoexa, substituíndo o nome de Amoexa polo de Monxa, deducindo que noutro tempo foi igrexa mosteiral de monxas. Malia o anterior, Nicandro Ares Vázquez di que nada ten que veer con "Monxa", como cren os veciños e como propuxo Ben Cho Sey. Di que semella topónimo prerromano, comparable co antropónimo Ammo, -onis, Amonus, Amunius e con Aegi Amunniaego, teónimo atopado nunha prancha de bronce, desaparecida, de Viana do Bolo. En  1120 cítase villa vocitata Canaria (hoxe A Caira) et Amonegia. En 1160 figura unha hereditas in territorio Dorra, subtus castro de Monegia, pernominata Canaria, sub aula Sancti Iacobi de Amonegia, pernominata Canaria, sub aula Sancti Iacobi de Amonegia, discurrente rivulo Ullia. En 1165 outra herdade iacet ipsa in territorio Dorra, subtus castro de Amonegia, villa pernominata Canaria de Iusaa et iacet sub aula Sancti Iacobi de Amonegia. En 1172 escriben Amoega (Tombo do mosteiro de Sobrado). En 1174 os monxes de Oseira din que deron aos freires Hospitalenses kasal de Amoeja. En 1258 aparece Nuno Nuniz cavallero d-Amoega (Colección diplomática do mosteiro de Oseira). En 1289 menciónase S. Iacobi de Amoeia. En 1383 figura un home "natural de Moesa". De finais do século XIII é un documento, que se conserva no Arquivo Histórico Nacional (trátase dunha transcrición do desaparecido libro H da Catedral de Lugo), outorgado entre o bispo de Lugo, Fernando Pérez, e Urraca Fernández de Abancis en que lle doa, entre outras, a igrexa de S. Iacobi de Amoneia. Nesta época a igrexa xa non tiña carácter mosteiral xa que na escritura distínguese entre os beneficios ás igrexas mosteirais (Eiré e Cangas) das demais. Nun documento do século XVI chámase a aldea Amoexa e Amoexe. A igrexa, dunha nave, é románica do século XII. Ten unha ábsida semiciruclar decorada con canzorros. No centro da ábsida vese unha ventá decorada con dous capiteis decorados con motivos animais e vexetais. Os canzorros da ábsida, agás un que exhibe unha cabeza humana, presentan decoración xeomética variada (bolas, perlas, cruces aspadas, etc); decórase tamén cun motivo xeométrico un rombo, a pedra empotrada no piñón posterior da nave. A cabeceira, no interior, leva unha imposta axedrezada. A nave ilumínase  con dous pares de seteiras en cada un dos alzados laterais, con arcos de medio punto. No interior hai varios retábulos do século XVIII.  
Mosteiro de Vilane (Vilane-Antas de Ulla): Nun documento do 1390 figura unha herdade "que o dito noso moesteyro ha en Vilaane" (Novo Cazón, 1986).
  
 

BALEIRA
Mosteiro de San Pedro da Esperela: Segundo a tradición, recollida por Amor Meilán, no ano 813, en tempos de Afonso II o Castro, librouse unha batalla entre moros e cristiáns nas inmediacións da parroquia, no sitio que aínda hoxe en día é coñecido como O Campo da Matanza. Dous documentos confirman a existencia do cenobio, un de Ordoño I ("In territorio Nera Monasterium S. Petri de Asperella") do ano 857 e outro de Afonso III do ano 900 ("In Gallaecia... Neyram cum possesionibus Sancti Martini de Esperella et Sancti Jacobi de Covas cum omnibus appenditiis earum"). A igrexa, de orixe románica, padeceu fortes transformacións no século XVIII. Segundo a lenda, construíuse no lugar onde deixou de correr o sangue que baixaba dende o Campo da Matanza.
 

BARALLA
Sobrado do Picato: Dise que houbo un pequeno mosteiro. 

BARREIROS
Santo Estevo do Ermo (San Cosme de Barreiros): Trátase dunha capela situada no medio dun eucaliptal, coñecida tamén como de Augas Santas, que quizais recibiu o nome polas augas ferruxinosas que manan nas inmediacións e que foron consideradas como milagreiras. Segundo a tradición, esta ermida substituíu a outra anterior, citada no Tombo do mosteiro de Lourenzá no século X e que estaba atendida por monxas; a súa derradeira moradora chamábase Dominga Salgueyra, falecida no ano 1699. No ano 958, Ordoño III dá ao conde Osorio o mosteiro de Sperantani, con dúas igrexas: Sancto Justo inter Maasma et Cibarchos, alia Sancto Georgio in valle de Laurenzana. E, unha vez máis, a tradición estaba no certo, os veciños, ao limpar o monte, atoparon os restos da primitiva ermida e dun cemiterio. A capela parece que dependía do mosteiro de Esperautano ou de Esperantón que, segundo un documento do ano 1214, pertencente á colección diplomática do mosteiro de Meira, situaríase nas ourelas do río Eo, sen especificar máis. Polo momento descoñécese onde estaría ubicado este cenobio posto baixo o padroado de San Martiño, mais levantaríase, probablemente, nos actuais concellos de Ribadeo ou Trabada. Neste último, á beira do río Eo, na parroquia da Ría de Abres, temos a aldea de San Martiño. Haberá que esperar ao resultado das futuras investigacións nas ruínas da ermida de Santo Estevo para saber se hai restos doutras edificacións, quizais relacionadas cun pequeno mosteiro, granxa ou eremitorio.

BECERREÁ
Mosteiro de Santa María de Penamaior: Situado preto da Pena do Pico. Documentado a principios do século X como mosteiro dependente ou relacionado con Samos. A finais dese século parece que foi restaurado por unha comunidade procedente de Carracedo do Bierzo (algúns autores cren que esa restauración é unha invención), do que será priorado ata o século XIII. Dise que era o único cenobio que non dependía directamente da abadía francesa de Clairvaux. Á súa fronte aparece un prior no ano 1181, e no 1183 cítase como unha das propiedades da abadía de Carracedo nun privilexio pontificio confirmatorio dos seus bens. A integración de Carracedo na orde do Císter convertirá a Penamaior de priorado en granxa, denominación que recibe nunha carta pontificia datada o ano no que a abadía entrou no Císter no 1203, se ben continuará rexida por un prior, títulos que ostentan frei Pedro Calvo entre 1196 e 1203 e frei Fernando no 1217. Os conflitos xurdidos polas loitas que Carracedo por ser matriz de varios cenobios, enfrontándose a Sobrado e incluso a Claraval e Citeaux, propiciarán que no 1225 Penamaior adquira a categoría abacial no Cabido Xeral da orde. O seu primeiro abade documéntase no 1228. Santa María de Penamaior será a única casa cisterciense de Galicia da rama de Citeaux, pois as demais pertencen a Claraval. Pouco se sabe de como se desenvolveu en Penamaior a reforma observante, sábese que no 1506 a Congregación de Castela dispuña del para unir as súas rendas ao colexio de San Salvador de Salamanca ao tempo que a suprimiu como abadía. Das antigas dependencias só quedan algunhas piastras que daban ao claustro. As súas pedras foron reaproveitadas en outras construcións. Consérvase a igrexa mosteiral, románica do século XII. De planta basilical, conta con tres naves rematadas por tres ábsidas, a central hexagonal e semicirculares as laterais. A portada está formada por un arco de medio punto con catro columnas con decoración vexetal sobre o que figura o escudo da abadía e unha fornela coa imaxe da Virxe. Nos laterais ábrense unhas ventás con dobre arquivolta sobre columnas. No tramo máis próximo á cabeceira, nun dos laterais, ábrese un óculo decorado con boceis, bólas e cabezas humanas. No tímpano aparece a data ERA MCC (1162).

 

BÓVEDA
Mosteiro: Mosteiro é unha aldea e parroquia. Di Nicandro Ares que aquí estaría ubicado un cenobio de monxas que tiñan por titular a San Paio. Sería este o mosteiro, segundo di Flórez tomando o dato do P. Yepes, anexo de Celanova. No tombo de Celanova do ano 1005 cóntase que unha tal Zacaria, posuidora do mosteiro de Santa María da Ribeira, na Limia, marchou de viaxe a outro seu mosteiro, no territorio de Lemos, que chaman San Paio, e alí morreu. Outro documento do mesmo tombo, conta que no ano 1043 o abade Aloito e seus irmáns doan a Celanova o mosteiro de Ribeira, de tal xeito que se algún temerario ou soberbio ousaba inquedar ese feito, marchara a outros mosteiros que fosen así mesmo do seu avoengo, como é en Lemos o que nomean San Paio.
Priorado de Freituxe: Adxudicado ao mosteiro de Samos polo papa Paulo III no ano 1538. Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. 
 

CARBALLEDO
Mosteiro de San Xoán de Cova (Piñarrostro-A Cova): A primeira mención á igrexa, Nicandro Ares parece vela no testamento do bispo lucense Pelaio no ano 998, onde menciona "in territorio Bembiz, eclesia Sancti Joannis media, quam sacavimus de fratres de Flauzani", e a ela semella referirse un documento do 1082 no que a monxa Marina Ovequiz, pola súa nai defunta, Gontroda, ofrece as herdades que tiña en Veascós á "ecclesia et monasterium Sancti Iohannis Baptiste, secus flumen Mineo". No 1226 cítase o "conventum Sancti Iohannis de Cova". No 1231 Mariña Pérez fai doazón duns bens a Oseira cum assesu ablatisse et totius conventus Sancti Iohannis de Fovea. As monxas que o habitaban opuxéronse firmemente a seren reformados, sendo adsorvido finalmente por San Paio no ano 1516. No arquivo de San Paio de Antealtares, en Santiago, consérvanse varios foros feitos pola comunidade nos séculos XIII, XIV e XV. A igrexa pertencía ao desaparecido mosteiro de monxas bieitas. Agás a parte alta do frontis e a espadana do século XVII, o resto da construción é do século XII. A nave é rectangular, con portada formada por un arco abucinado de medio punto e arquivoltas. A ábsida é semicircular, con ventá e seteiras. Fátalle a capela que tiña orixinalmente. Nun lateral exterior pódese ver o sartego dunha abadesa. No tímpano hai unha inscrición que fai referencia a un militar de nome Petrus Garse que financiou os gastos da edificación. Foi trasladada do seu emprazamento orixinal no ano 1952, cando a construción do encoro dos Peares.
Mosteiro de San Estevo de Chouzán: Século XII, consérvase a igrexa. Pertenceu a un antigo mosteiro posto baixo o padroado de Santo Estevo, rexentado por monxas bieitas. Malia o anterior, segundo o P. Yepes está documentada a súa existencia no século IX, xa que por unha escritura datada na era 906 (ano 868), un cabaleiro chamado Flaminio e a súa muller Remisila daban o lugar de Auzán con todos os seus términos ao abade e aos confesores e monxes que vivían no mosteiro dos santos Estéfano, Xacobo e Cristóforo, que está na ribeira do Miño, o castelo Burleu e o territorio do Búbal. É dicir, que antes foi mosteiro de monxes. A primeira noticia da súa conversión en mosteiro dúplice parte da era 1182, ano 1144, en que Afonso VII o doa a Oseira "para que poida ser poboado por relixiosos varóns e santas mulleres". Afonso IX, por documento asinado en Ourense o 11 de febreiro de 1213, exime de pedido o couto e os serviciais do mosteiro; o diploma vai dirixido á priora Dona María. O cenobio contaba con canles de auga que nutrían á comunidade relixiosa e aos veciños e, a un tempo, servían para transportar a auga que se utilizaba como forza motriz para os muíños e para regar as hortas do mosteiro. Como aconteceu con San Xoán de Cova, o templo foi trasladado cando a construción do encoro dos Peares o que culminou coa decadencia iniciada coa desamortización de Mendizábal. 
Mosteiro de Santiago de Lousada: As únicas noticias sobre o mosteiro achéganas uns documentos, un do ano 1293: "Iohan de Castro, notario iurado do moesteiro de Lousada", e outro do ano 1333, un testamento de Vasco Pérez de Temes cuxa sepultura se pode ver na igrexa románica, que manda enterrar a súa carne "no mosteyro de Santyago de Lousada". No 1361 figura "Afonso Alvarez, prelado del monasterio de Lousada". No 1296 estaba convertido en abadía segrar, vivindo nela ao menos dous capeláns e un crego. Hai quen sitúa aquí aos cabaleiros da Orde do Temple.
Priorado de Riazón (Veascós): Bieitos. Aquí detívose o P. Sarmiento na súa Viaxe a Galiza. Foi anexo de San Miguel de Oleiros e logo de Chouzán. O edificio actual da reitoral é de principios do século XVIII, con patio, solaina e portas con inscricións nos linteis. Vázquez Saco, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949), sinala o carácter mosteiral da igrexa, e que o cenobio terminou por seren anexionado ao de San Paio de Antealtares, en Santiago. 
San Miguel de Oleiros: Xunto a igrexa parroquial, de orixe románica, atópase un edificio en ruínas que foi casa reitoral. Mais, segundo algunhas fontes, polo seu aspecto e tamaño puido acoller un mosteiro. A Colección diplomática del monasterio cisterciense de Santa María de Oseira, de Romaní Martínez, recolle que aquí tivo unha granxa o devandito mosteiro. O mesmo di Nicanor Rielo en Cuadernos de Estudios Gallegos (1970).
Santa María de Temes: Onde se ergue a igrexa actual debeu existir, polas abundantes pezas reaproveitadas na mesma, un importante complexo paleocristián. Nunha doazón de Pombeiro do ano 964 fala do mosteiro de Temanes. Nun diploma do ano 997 faise mención a unha ermida que está no término do mosteiro de Temanes.
 

 

 

 

 

CASTRO DE REI
Mosteiro de San Salvador de Duarría: Nicandro Ares menciona un documento do ano 1128, conservado no Archivo Histórico Nacional (con copias no da catedral de Lugo), no que fala dun mosteiro familiar que estaría situado xunto a marxe dereita do río Rozas.
Mosteiro de Orizón: Un documento do ano 1032 fala dun mosteiro, posiblemente familiar, no lugar de Irizon como limítrofe da fortaleza de Labio (Lugo) que o rei Vermudo III doa á Sé Lucense e ao seu bispo Pedro. 

CASTROVERDE
Capela de San Martiño (Bolaño): Aparece mencionada nun documento do ano 897 como Monasterium Sancti Martini, que foi confirmado por Afonso III. Segundo López Ferreiro posuía unha ábsida bastante achatada. Os seus restos apenas son recoñecibles, reutilizados en tempos como alpendre que na actualidade se atopa totalmente arruinado. Dise que nas inmediacións había sepulcros de pedra, feito que non puiden comprobar porque o lugar está totalmente cuberto pola maleza. Nas paredes das casas da contorna poden verse fustes de columnas e elementos de granito reutilizados. 
Cellán de Mosteiro: Había un pequeno mosteiro edificado sobre un outeiro, posiblemente familiar. No ano 1133 cítase entre uns bens usurpados á igrexa de Lugo "a mans de homes impíos" a cuarta parte "de monasterium de Celain in territorio Bolanio". Citado tamén nun documento do ano 1160: "In territorio de Bolanio quartam partem Monasterii de Celain cun familiis...". Di Vázquez Saco (1959) que o mosteiro debeu ser modesto a xulgar polo que se conserva do antigo templo. A igrexa románica, abandonada no último terzo do século XX, atópase en estado ruinoso. A súa pía bautismal, do século XVII, foi trasladada á nada interesante igrexa moderna.
Mosteiro de San Cibrao de Montecubeiro: Bieitos/Dominicos. Formado polo templo, un sinxelo claustro con linteis e trabes de madeira e as dependencias dos monxes. En pésimo estado de conservación, no arruinado claustro construíron uns alpendres con bloques de cemento. Na porta do patio exterior aínda se conserva unha artística aldraba de ferro, cun martelo en forma de can e a cruz dominca. Citado nun documento do ano 1179 como monasterium Sancti Cipriani de Monte, e noutro do ano 1185 nunha confirmación pontificia de bens e dereitos da sé episcopal. Un monxe de Montecubeiro foi nomeado abade de Lourenzá no ano 1375, e que o seu abade, no 1466, foi encomendado para visitar á fundación da casa franciscana de Santa María de Vilabade polo papa. A observancia de Valladolid conseguiu o apoio dos Reis Católicos quen lle ordenaron ao gobernador de Galicia que pusexe o mosteiro  poder de San Benito de Valladolid, ao que se opuxeron os frades de Lugo, conseguindo poñer a Montecubeiro en terzaría mentres non se solucionase a causa. No século XVI vencellouse ao de San Domingos de Lugo. No ano 1820, documento de exposición sobre un preito co mosteiro por pagamento de leña. A igrexa ten a orixe nos séculos XII-XIII. A esta época pertence parte da ábsida decorada con canzorros xeométicos e zoomórficos. Foi reconstruída no ano 1787, cunha ampla nave con teito de madeira a dúas augas, e un cabido frontal no que se conserva unha primitiva pía bautismal. No interior hai un retábulo con columnas salomónicas do século XVIII, con esculturas de San Cibrán, San Ramón Nonato e Nosa Señora do Rosario, e outros tres retábulos laterais.
Convento de Vilabade: Segundo a tradición, o desaparecido convento foi fundado polo mesmo San Francisco de Asís no ano 1214 cando viña de volta de Santiago cara a Oviedo polo Camiño Primitivo. Aínda que a construción da igrexa gótica dátase no ano 1457 (con reformas do século XVII baixo os auspicios do arcebispo de Puebla, en México, Diego Osorio Escobar), existe un documento do ano 1202 no que Vilabade xa era coñecida como "Sancta María de Villa Ablati", nidia referencia a un lugar baixo a dominación dun abade. Atendía aos peregrinos. A igrexa ten planta rectangular cunha nave dividida en tres tramos por arcos oxivais, presbiterio, sancristía e oratorio. Pórtico renacentista de cinco arcos e escalinata central; o frontón, co escudo dos Osorio, é triangular; frontis con porta gótica abucinada, de tres arquivoltas e columnas con capiteis vexetais, rosetón central e espadana de dous corpos con balconada exterior sobre ménsulas e balaustres. No interior destaca o retábulo maior, barroco do século XVII polo mestre compostelán de Francisco de Lens, presidido na súa parte central por unha imaxe de Santiago Matamouros. 
Mosteiro de Vilafrío (Barredo): Posible orixe altomedieval. No 1075 era propiedade de Enego Vermúdez quen marchou a Borgoña para profesar como monxe en San Pedro de Cluny, entregándolle a carta de doazón ao mesmo San Hugo. Despois debeu ser cambiado ou vendido xa que no ano 1076 xa non aparece na bula confirmatoria dos bens de Cluny que lle deu o papa Gregorio VII, evidencia que se confirma no ano 1126 cando a raíña dona Urraca o doa á Igrexa de Lugo, rematando aquí a súa existencia como mosteiro. Non se conservan restos. Disque o cenobio se atopaba onde a capela actual, no lugar apareceron varios enterramentos. Considerado como o primeiro mosteiro dos cluniacenses en Galiza. Citado no ano 1130 como "monasterium Sancti Salvatoris quod vulgo Villarfrigidum nuncupatur".
Mosteiro de Santa María de Moreira: Cenobio de monxas dependente do cisterciense de Santa María de Meira, contrastado dende o século XII. A súa fundación débese a dona Urraca que no 1183 solicitou a dona Sancha Fernández de Traba, muller do conde Rodrigo Álvarez de Arria, a súa herdade de Moreira para vivir nela como relixiosa. O modesto priorado logrou chegar ata finais da Idade Media, e no 1503 aínda residían nel a prioresa e dúas monxas. No 1504 só quedaba no cenobio unha monxa. A Observancia bernarda suprimiu o priorado, anexionando os seus bens no ano 1504.
Mosteiro de San Salvador Soutomerille: No ano 1122 aparece citado como monasterium de Sauto Maireli. Como aclara Nicandro Ares Vázquez, convén ter en conta que na Idade Media utilizábase ás veces monasterium como se fose eclesia. Na igrexa, abandonada na actualidade e en estado semirruinoso, queda como testemuña da súa orixe prerrománica a fiestra do testeiro leste da ábsida. Foi reedificada no ano 1619, época á que corresponde a súa fachada renacentista, con frontón recto e tímpado con escudo. Consta dunha nave rectangular abovedada en pedra, con arco triunfal de medio punto e retábulo policromado en pedra. No interior había unhas lápidas sepulcrais visigóticas. Ao seu carón está a arruinada Casa-torre de Abaixo.


 

 

CERVANTES
Mosteiro de Santa María de Dorna (Dorna): A primeira noticia dáse na confirmación que o papa Lucio III deu ao mosteiro de Carracedo, na que Dornam segue inmeidantamente a Penamaior o que amosa que nese momento era un priorado da abadía do Bierzo, feito que se confirma no 1203, cando Afonso IX se dirixe a el directamente como monasterio Sanctae Mariae de Dorna ao eximir as súas herdades en Vilaluz e Vilaver de fonsadeira e de todo foro rexio. O derradeiro documento coñecido data do 1319 en continúa como priorado de Carracedo, non volvendo a saberse nada del a partir de entón polo que é posible que fora suprimido, pasando os seus bens á casa nai. Para algúns autores a igrexa asenta sobre os restos dun antigo mosteiro pertencente ao Temple. Unha casona situada no lugar puido formar parte do primitivo cenobio. Na actualidade atópase en ruínas, con pegotes de formigón e bloques e teito de uralita. Segundo a tradición, preto da aldea de Estremar de Riba, tamén na parroquia de Dorna, houbo un primitivo mosteiro dependente do de Carracedo, no Bierzo, e do que non se conservan restos de ningún tipo.
San Xoán de Mosteiro: Freguesía que tivo templo documentado no século VII, na coñecida como "División" de Wamba. Tamén se cita no Liber Itacii e na Crónica Naxerenxe. No ano 915 o rei Ordoño II outorga escritura de doazón do territorio a favor da igrexa de León, feito que provocou un longo litixio entre as dióceses de Lugo e León e que ao parecer durou dende o século XI ao XIII. A igrexa actual, construída no ano 1830, disque asenta sobre un primitivo mosteiro templario.
Mosteiro do Salvador de Cancelada (San Tomé de Cancelada): Probable cenobio altomedieval que pasou á catedral de Lugo a mediados do século XII e que foi integrado no patirmonio do arcediago de Triacastela. Coñécese unha licenza do papa Alexandre III ao bispo de Lugo, Xoán, para construír un mosteiro e unha igrexa no Val de Cancelada, en terreos doados polo rei Fernando, e para facer doazón dela aos monxes do Císter. Nun documento do ano 1066, depositado no Arquivo da Catedral de Lugo e citado por Cañizares na súa Colección Diplomática, o presbítero Pelagius Iuliani fai doazón da vila de Dumia ao mosteiro: "concedimus ibidem villam nostram que habemus hic in Dumia". De existir este mosteiro, posto baixo o padroado do Salvador, a data da fundación hai que situala entre os anos 1152 e 1181 en que o bispo Xoán, elixido polo cabido, estivo á fronte da diócese. Este prelado fora con anterioridade abade do mosteiro de Samos. O cenobio menciónase na España Sagrada, do século XVIII, dos PP. Flórez e Risco.


 

CHANTADA
Mosteiro de San Salvador de Asma: Bieitos. Fundado no século IX como dúplice, pasando á regra de San Bieito arredor do 1100. Escribe Vázquez Saco que dos fondos do antigo cenobio consérvanse no Archivo Histórico Nacional 322 pergameos e outros documentos que van dende o ano 1073 ata os primeiros anos do século XV, fundamentais para coñecer a súa fundación que enche o baleiro deixado pola desparición da escritura fundacional, que xa non existía en tempos do P. Yepes. A escritura o 1073 contén as doazóns outorgadas por dona Ermesenda (citada como Christi ancilla, serva de Deus), bisneta de Ero e Adosinda, consistentes en igrexas, xoias e libros. A fundación do mosteiro, dúplice en orixe, atribúese ao conde Ero Ordóñez e á súa muller Adosinda a finais do século IX aínda que hai quen a sitúa en épocas anteriores polo que Ero, máis ca o fundador, sería quen revitalizaría a xa existente vida monacal. No século XII pasa á orde beneditina que é cando acada o máximo esplendor. Os distintos monarcas (Afonso IX, Fernando III, Afonso XI, etc.) outorgáronlle múltiples privilexios, mesmo eximindo aos habitantes de Asma do pagamento de trabucos ou doándolle ao cenobio o beneficio do portádego da feira de Chantada. O Concello de Chantada, no ano 1323, cos seus alcaldes Lorenzo Martínez e Miguel Pérez, outórganlle unha carta de veciñanza (escrita en galego). A mediados do século XV, o mosteiro foi vítima dun espolio "por parte dalgúns fillos da iniquidade", como se deduce dunha Bula expedida polo papa Pío II no ano 1462 quen encomenda ao abade de Santa María de Pallares e ao prior de Pombeiro para que os responsables devolvan os bens roubados, baixo pena de excomuñón. Na actualidade, o que resta do ruinoso mosteiro está en mans particulares. A igrexa, de finais do século XII con reformas no XVI, está realizada en cadeirado de cachotería de granito. A nave é rectangular co presbiterio apegado. Ábsida heptagonal no interior e semicircular no exterior que se inicia cun arco triunfal de acceso, de medio punto, con ventás nos tramos que se separan por columnas, arquivoltas, molduras axedrezadas e capiteis con decoración zoomorfa e vexetal. No aleiro consérvanse algúns canzorros. Tamén conta cunha espadana de dous ocos.
Mosteiro de Santa María de Pesqueiras: Monxas bieitas. Do conxunto mosteiral só se conserva a igrexa que, segundo un epígrafe hoxe desaparecido, xa sufrira unha restauración no ano 1120 ou 1121. En documentos do ano 1266 a súa superiora intitúlase como prioresa. Di Pérez Rodríguez (2008) que a súa pequena entidade e a reducida comunidade impedíulle dar o salto á categoría abacial. Sobre o proceso de incorporación á observancia de Valladolid, no interrogatorio que se lle fixo á súa prioresa, Inés de Guitián, di que ela era a única monxa da casa, que estaba baleira cando a recibiu; di que vivía segundo a regra de San Bieito "y la guardaba lo mejor y más honestamente que ella podía", se ben, continúa, que "la regla nunca la vyo ni la leyó fasta que entró en el monasteryo de San Payo". En canto aos edificios de Pesqueiras, di dona Inés que non había dormitorio, nin refectorio, nin coro "salvo el que ésta que depone diz que hizo, que haze agora tres años, y que menos avía en el claustra...". Dona Inés foi encerrada na clausura de Antealtares a finais do 1498 e os bens do seu priorado pasaron a Antealtares. Foi anexionado a San Paio de Antealtares (Santiago) no ano 1515. A igrexa mosteiral consta dunha nave de dous tramos e unha ábsida cuberta con bóveda de canón. Son de grande interese as tres absidiolas da cabeceira, que non se perciben dende o exterior, e a porta sur con dúas arquivoltas. As distintas reformas tiveron como consecuencia a perda da fachada principal. No interior consérvase unha imaxe románica da Virxe co Neno datada no ano 1215. Na cabeceira presenta unha pintura do século XVI, con esceas da Anunciación, da Resurrección e do Xuízo Final.
Priorado de Paracostoira: Paracostoira é unha aldea da parroquia de Pedrafita. Aquí houbo un priorado dependente do mosteiro de Oseira. A aldea cítase como Petra Costoya no ano 1007, e como Petra Custodia no 1232, topónimo que semella facer alusión a unha Pedra de Garda, tal como sinala o etimólogo Nicandro Ares Vázquez.


O CORGO
Mosteiro de San Martiño de Perliños (Arxemil): Estaba situado preto dun castro e da ponte medieval, de orixe romana, de Galiñeiros. Risco menciona que o 20 de abril do ano 857 o rei Ordoño I doou á sé de Oviedo o cenobio xunto con dez vilas e as súas igrexas, documento confirmado no ano 900 por Afonso III: "In Flamoso Monasterium S. Martini de Perellinos cum decemm villis et seis ecclesiis pracnomiantis, id est, S. Jacobi de Ranero, ecclesiam S. Michaelis... ecclesiam S. Pelagii...". No ano 900, Afonso III confirma ao bispado de Oviedo varias posesión en Galiza, entre outras as do mosteiro de Perliños con todos os seus anexos. No Inventario artístico de Lugo y su provincia dise que no ano 1600 había unha ermida en San Martín de Perliños. O cenobio foi obxecto de litixio entre as dióceses de Lugo e de Oviedo. Mais non fallan os críticos que aseguran que os documentos citados ao principio son falsos e que foron modificados no século XII para seren utilizados como título de reivindicacións por parte da sé de Oviedo que reclamaba as rendas dalgunhas igrexas de Lugo. Mais como di Nicandro Ares Vázquez, aínda que os documentos non sexan auténticos, poden conter unha verdade histórica xa que naquela época non se preiteaba por unha quimera senón por algo moi concreto, como poidera ser un mosteiro coas súas rendas.
 

FOLGOSO DO COUREL 
Mosteiro de Visuña: A fundación atribúese a San Froitoso a mediados do século VII. Dise que Afonso II O Casto pasou a infancia no mosteiro de Samos, no castelo de Carbedo e na antiga igrexa mosteiral de Visuña.   
Mosteiro de San Xoán do Courel: Segundo Mercedes Vázquez Saavedra (2003), en Seoane houbo un antigo mosteiro dependente de Samos. O P. Maximino Arias Cuenllas, historiador e monxe de Samos, fai alusión a un cenobio chamado de San Xoán do Courel. Tempo despois, entre os cabaleiros santiaguistas de Vilar de Donas figura San Xoán de Seoane.
Mosteiro de Sobredo (Folgoso do Courel): No ano 853, no Tombo do mosteiro de Samos cítase un cenobio á beira do río Lor, "in Laure monasterium Suveretum (Sobredo)". Aquí, os monxes de Samos refuxiarían de neno ao futuro rei Afonso II O Casto cando fuxía do seu curmán Aurelio, asasino de seu pai Froila II; tamén se di que foi agochado no castelo de Carbedo. Co tempo, o pequeno mosteiro converteuse nunha granxa, situada preto da torre do Castro; os habitantes pagaron foros aos monxes bieitos ata a súa redención. 
 

A FONSAGRADA
Mosteiro de Santa María de Lamas de Moreira: Císter. A igrexa pasou a formar parte da Diócese de Lugo por decreto da Congregación Consistorial o 17 de outubro de 1954; con anterioridade pertencía á sé de Oviedo. O P. Risco, na súa España Sagrada, transcribe un documento do ano 1656 suscrito polo cleo do arciprestado de Burón ao que pertencía esta parroquia, reivindicando o bo nome do prelado de Oviedo, Bernardo Caballero i Paredes, que fora calumniado polo deán e algúns coengos da catedral. Consérvase a igrexa de orixe románica, cuxos únicos elementos desta primeira época sexan dous canzorros que sosteñen o tellaroz, na sección máis próxima á ábsida. É de planta de cruz latina construída en cachotaría de lousa. Accédese por medio dun pórtico cuberto cun tellado de lousa a tres augas. O campanario é de dous corpos, o inferior dividido en tres vans.
 

FOZ
Catedral de San Martiño de Mondoñedo: Para descubrir as orixes hai que remontarse ao ano 870, cando o bispo de San Martiño de Dumio (Portugal), Sabarico, viuse obrigado, xunto con outros relixiosos, a fuxir da invasión árabe. Unha vez instalado en Galicia, o rei Fernando III fíxolle entrega das terras, tomando o cetro da desaparecida se de Britonia por onde chegaron a pasar ata quince bispos, entre outros San Rosendo e San Gonzalo (que non debemos confundir co cego San Gonzalo, o Bispo Santo, que está enterrado no interior do templo, a quen, segundo a lenda, se supón o afundimento, orando dende o castro de Marzán, dos barcos normando que ían asolar a costa). Á morte de Gonzalo no ano 1112, a raíña Urraca, por delegación do papa Pascual II, traslada a se a Vallibria ou Vilamaior de Brea, actual Mondoñedo, vila que tamén adoptou o nome de San Martiño. Despoxado do seu episcopado, o mosteiro que había no lugar foi ocupado polos Coengos Regulares de San Agostiño, posiblemente no primeiro ou segundo ano do pontificado do bispo Pedro (1155-1167), como se deduce dunha bula do papa Adriano IV do ano 1156, ata finais do século XV. Parece ser que durante algúns anos, entre o 1540-40, houbo freires franciscáns en San Martiño, instalándose de novo os de San Agostiño nesta igrexa. No 1595 había nela un prior e cinco coengos. Dende o Concilio de Trento (1542) houbo sempre sacerdotes que ocuparon o vello cenobio. Das antigas dependenzas desapareceron o mosteiro, a se episcopal e a colexiata, quedando só a catedral e a casa do prior que despois foi utilizada como reitoral. Nas inmediacións está a coñecida como Fonte da Zapata ou de San Gonzalo (algúns dánlle o nome de San Martiño), cuxas augas teñen sona de milagreiras; por riba do cano hai unha inscrición que di: "Fuente de La Zapata, que brotó según la tradición por milagro de Gonzalo, el Obispo Santo".
 

 

GUITIRIZ
Priorado da Granxa: Na parroquia de Labrada. Dependía do mosteiro de Monfero. Estaba nos límites da parroquia do Buriz ata a reforma do bispo de Mondoñedo no ano 1920. Consérvase unha capela en cuxa fachada hai unha fornela que acolle a imaxe de San Bernardo. 

GUNTÍN DE PALLARES
Mosteiro de Santa María de Ferreira (Ferreira de Pallares): Bieitos. Fundado arredor do ano 898 por Ero Fernández e a súa muller Dona Elvira. Funcionou como mosteiro familiar ata o último terzo do século XI cando o conde Rodrigo Muñiz e a súa irmá Elvira llo cederon aos bieitos, continuando baixo a protección da familia, pois dise que a filla de don Rodrigo "pidio ao emperador que contase aquel couto aos monges que era a sua herdade". No s. XII, o rei Afonso VII dóalle o couto de Ferreira de Pallares con xurisdición civil e criminal. Santa María manterá varios preitos cos templarios de San Fiz do Ermo, uníndoselles aos cabaleiros varios nobres da bisbarra e tamén os campesiños de varias freguesías. No século XV a comunidade queda reducida a unha cuarta parte quedándose en cinco monxes, prior e abade. No ano 1517 ou 1518, por mor da reforma dos mosteiros galegos empredida polos Reis Católicos, pasa a depender de Samos como priorado. A igrexa románica con elementos góticos rematouse na segunda metade do s. XIII. É de planta rectangular construída en cadeirado de granito. Ten unha nave dividida en catro tramos, ábsida con tramo rectangular e cabeceira semicircular. Unha capela gótica acaroada no alzado sur da nave acolle o mausoleo dos Taboada. A porta principal, arquivoltada, está decorada con motivos humanos, animais e vexetais, figuracións que tamén se poden ver nas portas norte e sur. O claustro, do século XVII, é de planta cadrada con arcos escarzados. Deste mosteiro data un documento do ano 1257 escrito enteiramente en galego.
Mosteiro de San Fiz do Ermo: Documentado a mediados do século X, nada se volve a saber del ata o ano 1223 en que aparece citado como monasterium. Foi obxecto de discusión entre as ordes de Santiago e a do Temple, acusando a primeira á segunda de llo ter ocupado indebidamente. A finais desa década aparece xa como encomenda ou bailía templaria nun preito que a orde mantén co cenobio bieito de Ferreira de Pallares. Nun documento do ano 1265 figura un litixio diante do bispo de Lugo, Miguel, entre o abade do mosteiro de Ferreira de Pallares e o comendador de San Fiz do Ermo: "Domnum Lupum comendatorem Sancti Felicis de Heremo, ordinis Milicie Templi". No 1254 o bispo de Lugo recoñécelle os dereitos sobre dezanove igrexas da súa diócese. No 1310 a bailía estaba habitada polo comendador e dous freires templarios que ese ano foron citados polo tribunal de Medina do Campo para comprobar as acusacións vertidas contra a orde e que levarán á súa desaparición. Moitos dos bens templarios galegos remataron en mans dos Castro e entre eles os de San Fiz, pois no 1355 Fernando Ruiz de Castro entregaba o meu couto e erdades de San Fiiz do Ermo a Gonzalo Ozores de Orcellón. Do que foi mosteiro templario só se conserva unha casona onde, ata non hai moito, aínda se podía ver unha pedra armeira da orde do Temple 
Parroquia de Castelo: Nun documento do ano 1215 cítase "eclesiam Sancti Salvatoris de monasterio de Castello", e noutro do 1238 "Moestiro de Castelo". 
Mosteiro de Santa María de Mosteiro: Crese que houbo un mosteiro feminino polos séculos XI ao XII que pertenceu ou foi absorvido polo de Santa María de Ferreira de Pallares. Na Casa do Priorado atopouse un capitel decorado de tradición visigótica que se conserva no Museo de Lugo o que podería confirmar, segundo Amor Meilán, a existencia deste cenobio en cuxa igrexa exercían xurisdición os señores de Gaioso. A igrexa parroquial, de orixe románica, foi erixida preto dun castro, ten unha nave cuberta a dúas augas e con bóveda de canón, quedan varios canzorros xeométricos e a ábsida está reforzada con dous contrafortes. Estes mosteiros eran patrimoniais e desaparecían pola falla de monxes ou por doalos os seus donos a outros mosteiros e igrexas. Nun alpendre próximo localizamos empotrado nun dos muros un morteiro pétreo e a basa dunha columna, posiblemente romana. Esta parroquia é na actualidade anexa á de Francos. 
 

 


O INCIO
Mosteiro de San Fiz (O Hospital): Consérvase a igrexa románica de finais do século XII, levantada polos cabaleiros sanxoanistas da Orde de Malta. Foi construída con pedra calcaria e mármore azul das canteiras do Incio. A fronte está formada por unha gran portada protexida por dúas piastras decoradas, con arco abucinado de catro arquivoltas tóricas. Na parte superior do tímpano vese unha Cruz de Malta. Tamén erixiron un mosteiro-hospital e unha fortificación destinadas a amparar aos peregrinos a Compostela. O campanario está exento. No conxunto tamén salienta outro edificio de elementos góticos que sirve de panteón a persoeiros da familia Quiroga. Nun documento do 15 de maio de 1003, fala dun preito que tieron os mosteiros de Sancti Felicis de Onitio et de Destriana, pertencentes ás infantas Tareixa e Sancha, fillas de Vermudo II, contra o abade de Samos pola posesión duns servos. En tempos de Afonso IX estaba no poder de dúas familias nobres quen llo entregaron á orde do Hospital de San Xoán de Xerusalén. A doazón levaba dúas obrigas para os sanxoanistas: manter sempre a seis cregos dos que tres tiñan que ser presbíteros e cando menos un frade da orde, e que a casa fora cabeza dunha bailía da que terían que depender todos os bens que o Hospital tivese entre os ríos Miño e Lor. Esta foi unha das encomendas máis importantes do Hospital en Galicia Conxunto declarado Monumento Histórico Artístico. 
O Mosteiro de Flanello: Nicandro Ares Vázquez escribe un artigo en Lucensia (2011) no que fala da existencia deste mosteiro "in terra de Lemos". En primeiro lugar cómpre aclarar que a actual comarca comprende os concellos de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, e non o do Incio que pertence á comarca de Sarria. Mais don Nicandro xa advirte que a Terra de Lemos non era soamente a contorna da cidade de Monforte e da súa comarca, senón que incluía unha zona máis ampla. Di que no Tombo de Samos atópase un documento no que consta que un presbítero chamado Genitrigus/Genetricus construíu no ano 947 unha igrexa nas súas herdades, situadas "in terra de Lemos". Despois de afondar na toponimia e na documentación que podería alumar a situación do cenobio, Nicandro Ares cre que se ubicaría na parroquia de San Salvador do Mao, nunha vila que no ano 991 se chamaba Planeto: "monasterium Sancti Salvatoris, territorio Lemabus, prope ribulo Omano, fundatum in villa que antea vocabatur Planeto et modo dicitur sanctum Salvatorem". O que si chama a atención é que no documento do 947 se fale de Lemos e non de Lemabus, termo máis usado no Tombo. 
Mosteiro de San Salvador do Mao: Dise que se levantaba xunto a vila de Planeto (o Flanello citado anteriormente por Nicandro Ares). Fr. Gregorio de Argáiz (1600-1679), na súa obra de longo título La soledad laureada por San Benito y sus hijos en la Iglesias de España y theatro monástico de la provincia Bética, di  que corresponde á terra do castelo Slanillo, preto do río Omano (o Mao), do bispado de Lugo. Nin Planeto nin o Castelo Slanillo deixaron pegada na toponimia actual. Argáiz escribe tamén que recibía o nome de San Salvador de Lemos. A igrexa actual conserva o antigo patrón, e no pobo existe a tradición do desaparecido mosteiro. Outras escrituras falan do seu carácter dúplice e da súa anexión a Samos por Vermudo II na última década da décima centuria. A igrexa figura na concordia que no ano 1195 puxo fin ao longo preito entre os abades de Samos e o Cabido de Lugo sobre a posesión do templo e dos seus bens. Nun muro que pecha o adro-cemiterio cuberto hai empotradas cinco caliveras. (Ver en Apéndices: As caliveras de San Salvador do Mao). 
Mosteiro de Santa María do Mao (Santo Eufrasio): Tamén tivo por patróns a San Martiño, Santo Estevo e San Pedro e San Paulo. Na actualidade presenta unha nave elevada, con cuberta en lousa a dúas augas. Ao presbiterio, máis reducido ca nave, accédese por medio dun arco de medio punto. No interior, o retábulo renacentista de tres corpos ocupa toda a cabeceira. A porta do sagrario loce un relevo de Cristo resucitado de pé sobre o sepulcro. Na imaxinería salientan as tallas do Santo Eufrasio, Santa María, Santa Bárbara e o San Bieito. O templo foi restaurado hai algúns anos e apenas conserva restos da fábrica orixinal. Exteriormente comparte coas igrexas de San Salvador e San Román, tamén no Mao, a peculiaridade de ter o adro e o cemiterio cuberto por unha estrutura de madeira. Pero o elemento máis destacado é o sepulcro do Santo Eufrasio. Segundo a tradición, foi un dos sete Santos Varóns, discípulos do Apóstolo Santiago, que foran enviados por San Pedro e San Paulo para evanxelizar a Península, establecéndose en Iliturgi (Andúxar), de onde foi primeiro bispo, sufrindo martirio nos primeiros anos da era cristiá. Durante a invasión árabe, os monxes de Andúxar, despois dunha longa peregrinaxe, chegaron ao Val do Mao no 1716, depositando as reliquias na primitiva igrexa. O sepulcro atópase no centro da nave, cuberto por dúas grandes pedras superpostas. A pedra superior, primitiva, conserva unha inscrición borrosa referente ao traslado das reliquias do Santo Eufrasio a Andúxar no ano 1596. Nun dos muros do templo hai unha inscrición de irmandade entre os veciños da aldea e os de Andúxar. A romaría na súa honra celébrase o 15 de maio. Sobre este santo publicou unha monografía no ano 1955 Pedro López Rubín: Santo Eufrasio, Varón Apostólico. Segundo o bispo Antolín López Peláez, no seu El monasterio de Samos (1894), o cenobio de Santa María do Mao foi do real patrimonio dende os tempos de Ramiro I, que reinou entre os anos 842 e 850, ata que Sancho o Craso llo cedeu aos monxes de Andúxar. Fronte á igrexa está a coñecida como Casa do Priorado, con dúas pedras armeiras do mosteiro de Samos. 
Mosteiro de Valdemao: Deste incerto mosteiro fala Amor Meilán. Di que xa existía nos primeiros tempos da Reconquista. No Incio están as parroquias de San Salvador do Mao, Santa María do Mao e San Romao do Mao. Incorporouse a Samos no século X. 
 

 

 


LÁNCARA
O Mosteiro (Bande Susaos-Bande): O mosteiro dependía do de Samos. Mencionado en documentos do Tombo de Samos nos anos 982 e 990, e noutro do ano 1057, nunha doazón do mosteiro de San Paio, preto de San Salvador de Bande, entre Tordea e Neira. Era un mosteiro feminino que foi propiedade de Leodegundia. Non duraría moito tempo como cenobio xa que no ano 1091 noméase como "eclesia Sancti Pelagii et sua villa". O lugar, Mosteiro, nomeáse nun inventario entre 982 e 990 onde se rexistra unha herdade de illo vallato de Monasterio ata in Bandi. Consérvase a igrexa do século XII, cunha nave e unha ábsida semicircular unida ao corpo rectangular do presbiterio. A fachada é moderna. No interior pódese ver unha colección de seis grandes óleos, doados pola familia López Quiroga e Somoza.
Mosteiro de Neira de Rapados (Vilaleo): Segundo Nicandro Ares Vázquez, o composto do topónimo, Rapados, pode facer alusión a uns frades rasurados (ou tonsurados), porque nesta parroquia baixo o padroado de Santa María estarían antes monxes e na limítrofe de San Salvador de Toirán habería monxas, tal como adoitaban elixir os santos protectores os mosteiros dúplices. 
Mosteiro de San Salvador (A Eirexe-Toirán): Aquí puido estar o "monasterio Sancti Salvatori in villa que vocitant Bandi, in ripa Narie", fundado por Lucito Gundesindiz e Domna Eiloni, segundo se cita en documentos do Tombo de Samos en 982 e 1057. No 982 cítase o mosteiro de San Salvador e Santa María na ribeira do Neira, o cal tiña os seus límites "per termino de Sancto Pelagio". En Sampaio (Neira de Cabaleiros) estaba o mosteiro familiar de San Paio no ano 1057: "Monasterium territorio Galletie prope monasterio Sancti Salvatoris de Bandi, inter Tordena e Naria; vocitant ipsum monasterium Sancti Pelagii et sociorum eius". Consérvase unha inscrición do ano 1133. Este mosteiro fora propiedade de Ledegundia, e atendendo tamén ao seu titular, San Paio, vese que foi de mulleres (Ares Vázquez, en Lucensia 2009).
Mosteiro de San Vicente: Nicandro Ares Vázquez cre que Carracedo puido ser o lugar onde estivo o "monasterium de Sancti Vicenti de Lancara" (San Vicente é o patrón da parroquia), citado así nos anos 1119, 1122, 1123 e 1133, aínda que di que puido estar en Leirado (sobre a porta hai unha cruz de malta ou patada), parroquia de Armea, porque aquí existiu o lugar de San Vicenzo e a ecclesia S. Vicenti de Leirado, segundo documentos dos anos 1175 e 1195, se ben no ano 1091 lese Sanctum Vicentium de Armena.


 

 

 

LOURENZÁ
Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (Vilanova): Bieitos. O mosteiro fundouno no ano 969 o conde Osorio Guterres, curmán do rei Ordoño; á morte da súa muller ingresou no mosteiro. Considerado santo, foi soterrado nun sártego paleocristián de mármore que el mesmo trouxera dunha viaxe a Terra Santa. A construción actual do edificio monacal data dos séculos XVII e XVIII, da primitiva edificación só se conservan unha ara do século IX e unha lauda do XII. O cenobio incorporouse á Regra de San Bieito de Nursia no século XII, acadando un enorme poder, cun patrimonio que abranguía toda a Mariña Luguesa e parte da Terra Chá. Aínda que os monxes abandonaron o mosteiro debido aos decretos de exclaustración e desamortización de Mendizábal, quixeron ocupalo de novo no 1878, mais un incendio truncou a iniciativa. Regresaron no 1910, permanecendo nel ata o 1942 cando se estableceu no mosteiro o Seminario Menor Diocesano. Da antiga construción monacal consérvanse dous claustros rematados no ano 1786, o coñecido como Patio do Pozo do Santo e o de San Salvador. A igrexa data do s. XVIII, construída en estilo barroco galego. Ten planta de cruz latina con tres naves separadas por piastras dóricas das que parten arcos feixóns. A nave central, máis ancha, está cuberta con bóveda de canón, e as laterais con bóvedas de aresta. Unha cúpula, de media laranxa con lanterna, cobre o centro do cruceiro. No interior salienta un retábulo que representa a Transfiguración. Na capela de Valdeflores atópase o sártego cos restos do fundador Osorio Guterres, máis coñecido como O Conde Santo. Na fachada principal, abeirada por dúas torres, figuran as imaxes do Salvador, da Virxe e do Conde Santo, e, por baixo delas, representacións da orde beneditina, San Bieito e Santa Escolástica. O Arquivo Histórico Nacional de Madrid acolle o que se ten como o segundo documento máis antigo escrito enteiramente en galego, pertencente ao Tombo de Lourenzá, datado o 15 de outubro de 1232. De febreiro de 1238 é outro documento, tamén escrito en galego, que recolle o preito entre o Concello de Ribadeo e o abade de Lourenzá polas rendas do porto de Rinlo. A maior parte dos documentos máis antigos, escritos en galego, desapareceron debido a que, entre outras causas, os pergameos en que se escribiron foron reutilizados. Agás as partes do edificio ocupados por distintas instalacións  monacais (Concello, oficina de Correos...), o resto está a padecer un continuo deterioro.
Mosteiro de San Adrao: De carácter familiar, foi doado no ano 969 ao mosteiro de San Salvador de Lourenzá. A pía de auga é un miliario romano dun metro de altura. A igrexa, do século XVI, está moi reformada onde salienta o campanario barroco. No interior hai un retábulo do século XVIII e unha cruz procesional do século XVI.
Mosteiro de San Fiz de Cazolga ou dos Macabeos: A capela actual foi construída no ano 1940, substituíndo a outra máis antiga que pertencía ao mosteiro de San Fiz e os Macabeos e mandada erixir, segundo a tradición, polo Bispo Santo. No Archivo Histórico Nacional consérvase un documento datado no ano 933 que fai alusiónn a este mosteiro, situado na faldra do monte denominado Cornaria: "In nomine domine nostri ihesu christi uobis dominis meis santisque martiribus sancti felicis et machabeorum quorum ecleisa fundata esse dignoscitur in ripa de riuulo uocabulo masma subtus monte cornaria".

 

 

LUGO
Convento das Doniñas: Segundo recolle Nicandro Ares Vázquez, en Santalla de Bóveda existe a tradición dun chamado Convento das Doniñas que estaba a dous quilómetros da aldea, no vilar de Valín, máis do cal non se coñece ningún documento.
Convento de San Francisco (Lugo): Franciscáns, século XIII. Do antigo convento só se conserva o claustro do século XV, gótico con influencias románicas, e a cociña e o refectorio do século XVIII. A igrexa, do gótico mendicante, é do século XIV e que asentaría sobre outra máis antiga. De planta de cruz latina, consta dunha nave no brazo maior, outra no cruceiro e unha na cabeceira onde destacan tres ábsidas cubertas con bóvedas nervadas apoiadas en columnas. No ano 1957 acometeuse a reforma do primitivo edificio. Acolle o Museo Provincial.
Convento de San Domingos (Lugo): Dominicanos. A igrexa conventual é do século XIII (comezou a construírse no ano 1303) dunha soa nave e cruceiro realizado en cachotaría de pizarra e cadeirado de granito. Ten tres ábsidas poligonais con ventás resgadas de grande altura. A fachada principal está tapada por un pórtico construído no s. XVII. No interior mestúrase o gótico e o barroco. O convento, con claustro, foi cedido no ano 1840 ás Recoletas Agustinianas de clausura. 
Convento de Santa María: A igrexa de Santiago A Nova foi templo do antigo convento de monxas dominicas, fundado en 1363 baixo a advocación de Santa María, á que se deu o apelativo de A Nova para distinguila da catedral. Coa desamortización, o convento pasou ao estado, onde instalou varias das súas oficinas, albergando na actualidade Facenda e Correos. A igrexa reconstruíuse no século XVIII e foi espoliada durante a invasión napoleónica. A primitiva fachada, que dá á rúa San Pedro, conserva dúas fermosas portas e unha inconclusa esvelta torre. A fachada actual, que dá á rúa da Raíña, é de 1918. Conserva o claustro de principios do XVIII, actualmente parte da Delegación de Facenda, mentres que o templo, datado 1757-1764, continúa desenvolvendo as súas funcións litúrxicas. No interior conserva cinco retábulos de talle neoclásico. 
Ermida do San Amaro (Conturiz-Santo André de Castro): Ata o día 19 de maio de 2015, tiña catalogada como unha "torre defensiva" os restos desta ruinosa edificación situada en Conturiz, e como tal, ademais de neste blog, tamén a colguei no facebook. Foi entón cando vin un comentario de Adrián Gómez no que contestaba que non se trataba dunha torre senón dunha capela. Para subsanar o erro púxenme en contacto con Adrián quen axiña me enviou unha información que eu descoñecía. Contoume que, segundo os veciños, trátase das ruínas do convento ou mosteiro de San Amaro. Na ligazón a unha publicación que me achegou (Los trasmeranos en Galicia: la familia de los Arce, obra de Ana Goy Diz publicada nas Actas do simposio Juan de Herrera y su Influencia, 1992), di que se conserva a escritura do contrato de Gaspar de Arce no ano 1584 cos canteiros Gregorio do Barro e Alonso Rodríguez para que levantaran as paredes de mampostería. A obra atopábase nas inmediacións da vivenda dos condes de San Amaro que disfrutaban a capela en réxime de padroado. Comentoume Adrián que pola zona hai, ao menos, dúas pezas graníticas con cruces, unha das cales vin reaproveitada no peche dunha casa. Moitas pedras da capela, que se atopa en moi mal estado de conservación, foron espoliadas para outras construcións. Vaia dende aquí o meu agradecemento a Adrián Gómez por tan valiosa información quen tamén me dixo que na mesma parroquia hai os restos dunha vella igrexa, San Román, da que se di que son restos romanos ou tardorromanos ou quizais posteriores, mais si semella que anteriores ao século X. 
Mosteiro de Meilán: Polo ano 930, o presbítero Regito fundou o mosteiro de Santiago de Meilán. Sucedeuno o seu sobriño do mesmo nome, quen á súa vez légao á igrexa de Lugo e ao seu bispo Pelaio quen o ordena de presbítero e pon á fronte da igrexa mosteiral a Desterigo que, no seu testamento, establece o dereito sucesorio a favor dos seus sobriños Afonso e Andulfo. Despois de varias vicisitudes, o mosteiro cae nas mans de Pelaio quen, conta Vázquez Saco (1947), dispón dos bens mosteirais e déixaos en testamento á súa filla Trodili. O bispo Amor (1088-1096) rexeita o testamento e faise cargo da facenda do cenobio, aínda que, "movido máis tarde a misericordia", déixallo ao actual posesor e ao seu sucesor inmediato. A igrexa de Meilán e os seus bens non foron definitivamente adscritos á igrexa de Santa María de Lugo ata o ano 1123, cando estaba en mans do conde Munio Peláez. A fábrica románica da igrexa foi bastante alterada por reformas posteriores.     
Mosteiro de Saamasas: Hoxe é un arrabaldo da capital lucense, onde o presbítero Félix no ano 923 cedía a aquel mosteiro "villa quam dicunt iuliani", denominación que segundo Nicandro Ares pode corresponder a Xián ou Cián, en Taboada. No Museo Diocesán de Lugo consérvanse sete pracas rectangulares e planas decoradas. A importancia destes relevos vén dada tanto pola súa calidade artística, como polo interese que esperta o seu carácter e función, ademais da interpretación dun epígrafe. Ao parecer trátase das pracas dun cancel de época visigótica de finais do século VI ou principios do VII, correspondentes á primitiva igrexa onde aparece citada como mosteiro de Sanctas Masas. O cancel separaba a parte sagrada do altar da adicada ao resto dos fieis.
Mosteiro de San Xoán de Mera: Citado por Ares Vázquez, tratábase dun mosteiro familiar situado no que hoxe en día é Seoane Alto, anexa do Burgo. A primeira mención é na copia do testamento do bispo Odoario no ano 747, cando se cita a ecclesia sanctii iohannis de mera. Noutro discutido documento do ano 897, o rei Afonso III confirma ao bispo Recaredo e á igrexa lucense moitos territorios, entre os cales se mencionan as igrexas de "In mera eclesiam sancte eolalie alte, ecclesiam sancte marie que dicitur alta, et sanctum ioannem de mera cun familia". O P. Yepes cita un documento do ano 985 onde fala de que o mosteiro de San Xoán, no territorio que chaman Mera, pola Era de mil e vinte e tres, estaba sito cabe a cidade de Lugo, non lonxe do río Miño, e era de monxes e de monxas. Pero Yepes non sinala con exactitude o ano da fundación de tal cenobio, pois no Archivo Histórico Nacional (Tombo de Sobrado) consérvase a copia dunha escritura datada o día 17 de xuño do ano 964, na cal unha muller chamada Ximena di que aquel mosteiro fora construído polos seus pais no val do Mera preto do río Miño, non lonxe de Lugo, na vila que chamaban quarto. 
Mosteiro de Santalla de Cuíña: Mencionado nos anos 995, 997, 999 e 1017. 
Mosteiro de Santalla de Fingoi: Nun documento do ano 995 consta que unha muller de nome Faquila doa ao rei Vermudo II o mosteiro de Santalla de Fingoi con todas as súas pertenzas. Tamén consta en documentos dos anos 1042, 1086 e 1088 onde se cita o "monasterium Sancti Antonini de Fingoi". En xullo do 1071, a infante Elvira, filla de Fernando I, doa ao bispo de Lugo varias vilas que foran do mosteiro de Fingoi. No do 1088, Afonso VI doa ao bispo de Lugo varias vilas e igrexas suxeitas aos mosteiros de Santalla e Santuíño de Fingoi e os dereitos rexios da cidade de Lugo.
 

 
 

MEIRA
Mosteiro de Santa María de Meira: Císter. As orixes non están claras, barallándose dúas hipóteses, unha do 997 baixo os cluniacenses, e outra do 1143 xa baixo a Regra do Císter. No aspecto arqueolóxico, os primeiros que o estudaron foron Carlos Arias (Monasterio de San Salvador, no Boletín da Real Academia Galega), Villa-Amil y Castro e Torres Balbás (Monasterios bernardos de Galicia). Sobre o aspecto histórico, hai que salientar a tese de María de Las Mercedes Domínguez Casal do ano 1952 que abrangue os primeiros cen anos da vida do cenobio, onde rexeita o ano 997 recollido polo P. Yepes, afirmando que foi fundado pola orde San Bernardo no 1143, se ben a data de 1142 é a máis suxestiva para a fundación cisterciense, apoiándose na desparecida inscrición publicada primeiramente polo P. Risco e reproducida en copia facsímile por Villa-Amil e Amor Meilán, que se atopaba no claustro baixo do mosteiro: "Anno Domini MCXLII. Inicium domus Meyre". O seu dominio medrará de xeito continuado durante o século XII e a primeira metade do século XIII, converténdose nun dos mosteiros máis ricos de Galicia. As súas posesións, ademais de na súa contorna, estenderanse por todo o bispado de Mondoñedo, cara a costa, e chegará ata as ribeiras do Miño e do Sil, sendo destacada na Terra de Lemos, e fóra de Galicia no Bierzo e Toro. Á morte do abade frei Ares de Maxide no 1515, integrouse definitivamente na Congregación de Castela. Do conxunto monacal consérvanse a cociña, o refectorio, os arcos forneiros, as ménsulas e os arrinques dos arcos do claustro das Procesións (s. XVIII) e pegadas nos edificios que acollen as dependencias do Concello. A igrexa, do 1143, ten planta de cruz latina con tres naves divididas en nove tramos, onde a central, cuberta con bóveda de canón apuntado sostida por arcos faxóns, dobra en anchura ás laterais. Cruceiro e cabeceira cunha ábsida central semicircular, precedida por un tramo recto enmarcado por capelas cadradas. A portada principal é románica, con arquivoltas sostidas por tres pares de columnas. Sobre ela ábrese un enorme rosetón. A porta conserva as ferraxes do século XIII.
 

MONDOÑEDO
Convento da Concepción (Mondoñedo): Ano 1639. Coñecido nun principio como convento da Encarnación Franciscá do Coto de Outeiro, fundado por Dona María Pardo de Andrade no ano 1656 e cuxa construción se iniciou no 1714 xunto unha das antigas portas (hoxe en día todas desaparecidas) de acceso á cidade murada. 
Convento de Lindín (O Caxigo-Lindín): Lugar de difícil acceso e mal conservado. Consérvanse restos de muros pertencentes a un convento medieval dependente do de Vilanova de Lourenzá.  
Convento dos Picos (Mondoñedo): Agostiños. O seu nome real é o de convento de San Martiño de Vilaourente, fundado no século XIV e con reformas no XVIII. Logo da desamortización, o bispo da Diócese, Xosé Manuel Palacios López, concedéullelo no ano 1885 á comunidade dos PP. Pensionistas que habitaron nel ata o 1964. A subida ao convento coñécese como O Calvario polo Via Crucis do que aínda se conservan algúns pasos.
 

 

MONFORTE DE LEMOS
A Casa do Priorado (As Devesas-Baamorto): Descoñezo se aquí houbo algún priorado é a que orde pertenceu. Antiga reitoral da igrexa de Baamorto, fronte da igrexa parroquial e do cemiterio. Ten planta en T. Na fachada leste vense dous escudos de pedra, un dos Quiroga e outro dos Somoza. 
Mosteiro de San Vicenzo do Pino (Monforte): Bieitos. Escribe M. Rubén García Álvarez (1952), en contra da afirmación dalgúns autores, que é totalmente falso que o mosteiro date do século VIII, creándose unha abadía xa organizada no século seguinte, poñendo en dúbida a autenticidade dalgúns diplomas pertencentes a este cenobio. As noticias coñecidas sobre as orixes deste mosteiro redúcense á non moi exacta referencia do P. Yepes, reproducida máis tarde polo P. Risco, López Peláez e algúns datos dispersos noutras publicacións. O mesmo autor tamén rexeita o escrito por Pedro Boo Pita de que o antigo mosteiro estaba na faldra do monte, no lugar que anteriormente ocupaba unha ermida. Se ben ten as orixes no século X, o edificio actual, tanto a fachada coma o claustro, é de traza neoclásica do século XVI. No ano 1199 (neste ano a vila baixa do outeiro e é levada ás beiras do Cabe), Afonso IX concede ao cenobio varias igrexas e bens, privilexio confirmado no ano 1213 polo papa Inocencio III. Afonso IX tivo que mediar entre o Concello e o mosteiro para marcar os dereitos que San Vicenzo tiña na vila. Castelo, mosteiro e vila compartirían o espazo no castro durante o século XII. Visitado por frei Juan de San Juan de San Benito de Valladolid no ano 1494, a reforma non se fará patente ano o 1499, sendo abade frei Gómez de Folgoso, antigo prior de Montederramo, que se encastelou no cenobio para impedir o paso aos de Valladolid, fuxindo despois a Montederramo, presentándose logo en Monforte para asinar a súa renuncia ao abadengo. Coñecida a renuncia do seu antecesor, frei Fernando de Castelo, que anos atrás deixara San Vicenzo por Samos, volveu ao Pino, conseguindo manterse á súa fronte ata o 1504, marchando logo a Roma para defender os seus dereitos sobre Samos e San Vicenzo e alí morreu. Xunto con Samos e Celanova, San Vicenzo do Pino é o único cenobio de Galicia que mantivo unha xurisdición eclesiástica propia e recoñecida pola diócese de Lugo. Os derradeiros monxes abandonaron o mosteiro a finais dos anos oitenta, instalándose en Samos. A igrexa mosteiral ten portada renacentista encadrada por dous pares de columnas dóricas. É de planta de cruz latina rematada por tres capelas rectangulares cubertas con bóvedas estreladas apoiadas sobre arcos agudos. No altar maior, barroco, destacan unha pintura que representa a tortura de San Vicente e unha escultura de Santa Ana co Neno. Tamén acubilla unha imaxe da Virxe de Monserrat, patroa da cidade, e outra de San Brais, de afamada romaría o día 3 de febreiro. En abril de 2011 comezaron as obras de restauración do templo. O conxunto monumental érguese no monte de San Vicente do Pino que na Idade do Ferro, segundo algunhas hipóteses, acolleu o castro Dactonio, capital dos Lemavos, e na Idade Media o monumental castelo dos poderosos condes de Lemos. Na actualidade o cenobio acolle un parador de turismo. 
Convento-Hospital do Sancti Spiritus de Monforte: No século XIII hai referencias dun "Hospital de Lemos", mais descoñécese con exactitude a data da fundación. As primeiras noticias datan do ano 1564, nun Libro de Xuntas do mosteiro de San Vicenzo do Pino do ano 1577. Sábese que no 1683 xa existía o Hospital do Sancti Spiritus, propiedade do Concello e administrado polos Irmáns Obregones, con anterioridade á entrada dos Hospitalarios. Os Obregones deben o nome a Bernardino de Obregón (Burgos, 1540-Lisboa, 1599) que serviu aos pobres enfermos, agregándose logo outros compañeiros que co tempo tomaron o nome de Hermanos Mínimos de Bernardino de Obregón, e que profesaban na orde dos Agostiños. Por Real executoria librada polo Supremo Consello e Audiencia de Cámara, Eugenio Aguado, en 19 de outubro de 1753, na cal se insire a súplica elevada por dona Rosa María de Castro e Portugal, condesa de Lemos, a fin de aprobar e sancionar a transación e concerto entre dita señora e o licenciado Francisco Gil, en nome da vila e Concello de Monforte a 9 de outubro de 1752, na vila de Madrid, con referencia a poñer ao cargo dos relixiosos de San Xoán de Deus o Convento-Hospital do Sancti Spiritus e o Hospital de San Lázaro e a cuxa cabeza debería de estar Fr. Bartolomé Márquez, cedéndolle ao efecto o edificio, bens e rendas da súa anexión, con outras agregacións e baixo determinadas condicións. As últimas noticias sobre a presenza dos Hospitalarios en Monforte, que ocupaban as dependenzas do antigo Concello, datan de principios do ano 1833. 
Convento de San Xacinto de Monforte: Sitúabase onde está a igrexa de San Domingos da Régoa, edificada na primeira metade do século XVI na faldra do monte de San Vicenzo do Pino, agás a sancristía e o edículo de Nosa Señora do Rosario. No interior conserva un espléndido órgano do ano 1888, realizado por Pedro Méndez segundo figura nunha inscrición situada na traseira. O convento foi fundado no século XVII (ano 1621) polos condes de Lemos e ocupado polos dominicos. O freire Aureliano Pardo Villar, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949), fala deste convento menor (citado tamén no Boletín da Real Academia Galega do ano 1931). Di que durante a Guerra da Independencia converteuse nunha fábrica militar, onde se equipaba de armas aos paisanos da comarca, e construíanse canóns de madeira, escavando troncos de árbores que se rodeaban con aros de ferro; estes canóns podían resistir ata doce disparos. O prior do convento, Fr. Domingo Barbeito, que foi asasinado polos franceses, non contaba máis de corenta anos de idade. Tamén foi barbaramente martirizado o irmán leigo Fr. Simón Vega, de sesenta anos. Outro irmán leigo, Fr. Andrés de San Vicente "embalsamó los claustros de este convento con el aroma de sus excelsas virtudes" na segunda metade do século XVIII; morreu cumpridos os setenta anos, pouco antes do 6 de maio de 1796. Do fundador e primeiro prior deste convento, Fr. Justo de Oviedo, sábese que morreu entre os anos 1643 e 1645, como así figura nas Actas do Capítulo provincial deste último ano. Este Fr. Justo foi tamén o derradeiro prior do convento da Purificación de Pantón, do que falo na entrada correspondente a ese concello. 
Mosteiro de Cinsa (Cinsa-Baaamorto): Segundo recollo de Nicandro Ares, en Cinsa estivo ubicado o mosteiro de Sancto Ihohanne de Cinissa, do cal queda na microtoponimia a Casa Priorato con emblemas da cruz de Malta, utilizada polos hospitalarios de San Xoán. 
Convento de San Antonio: Estaba no Campo de San Antonio. Franciscáns. Citado por J. M. Pita Andrade na súa obra Monforte de Lemos (1952): "... con los barrios de Remberde en donde está el Convento de las Religiosas Descalzas y con el de los Abeledos en donde está el Convento de San Antonio de la Orden de San Francisco...". Consérvanse un baixorrelevo actuando como lintel dunha capela particular na rúa Dr. Casares, unhas columnas diante dunhas casas situadas fronte os Escolapios e no patio do vello Concello e un cruceiro que se ergue no Campo de San Antonio. 
Convento de Santa Clara (Monforte): Franciscáns descalzas. Fundado no ano 1622 por Catalina de la Cerda, muller do VII conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro. Cando a morte deste, no ano 1633, a fundadora ingresou no convento. A igrexa, rematada a finais do século XIX, é de tipo ecléctico. O Museo de Arte Sacra é un dos máis completos na súa categoría, con reliquias do século XVII, dúas imaxes do escultor Gregorio Fernández e outra de Xoán de Mena, reliquias, orfebrería, etc. 
Mosteiro de San Pedro de Valverde: Bieitos. Mandado construír no ano 1124 por Munio Romaniz e dona María Petriz. Malia o anterior, do ano 1078 é un documento que di: "Exemenus monasterio Vallis Viridi abbas", confirmando un documento de Samos. A principios do século XII estaba en poder da raíña dona Urraca, que o cedeu a Munio Romániz; á súa vez este cabaleiro, coa súa muller María Pérez, entregoullo a Cluny no 1125. Valverde foi un pequeno cenobio que non superaría nunca os tres ou catro monxes e o prior. Nos arquivos da Biblioteca Nacional de Noruega consérvase un diploma do ano 1115. Cando o visitaron os freires de Cluny no 1139 estaba deshabitado, regresando a vida monacal no ano 1342. A finais do século XIV só residía nel o prior, xunto o que se atopaban no 1392 dous cregos segrares. No 1460, cando o visitaron de novo os delegados de Cluny o prior estaba asistido por un crego, e dos edificios só a igrexa se atopaba nun estado digno. O prior, Xoán de Monforte, púxose a disposición dos reformadores, se ben isto durou pouco xa que no 1504 titúlase prior do moesteyro de Sant Pedro de Valverde con abtoridad do sennor don Fernando de Castelo, abbade del monesterio de Sant Viçenço de Monforte et administrador del dicho monesterio de Valverde. Intención que de pouco lle valeu porque Valverde foi anexionado a San Vicenzo do Pino. Do antigo cenobio consérvanse algúns restos no edificio anexo ao templo. Da igrexa quedan restos románicos na portada do muro norte e a nave. A ábsida e a sancristía son posteriores, así como a espadana de tres ocos. No muro sur, sobre un lintel, hai unha inscrición que fai alusión á fundación do cenobioque di:
IN ERA ICª. Lª. XII.-XIII KL OCTV INCEPTA EST/HEC ECCLA EDIFICARIM MVNIO RO/MANII ET MARIA PETRIZ PRO RE/MEDIV ANIME EORVM IN S. PETRI APL. ONORE, "Na Era de 1162, día 13 ante calendas de outubro (19 de setembro de 1124), foi comezada a edificación desta igrexa por Munio Romaniz e María Petriz, polo remedio das súas almas en honra do Apóstolo San Pedro". A portada do templo foi restaurada no ano 2014, desaparecendo as pinturas en cor vermella e azul que presentaban as cinco arquivoltas custeadas por emigrante da aldea que estaba en Venezuela. Aquí atópase a coñecida como Casa do Priorado, un efificio do século XVIII de planta irregular e dous andares; nunha ventá xunto a porta de entrada figura a data de construción: 1794. 
Nosa Señora da Antigua: Coñecido coma Os Escolapios. Xesuítas. Mandado construír polo cardenal Rodrigo de Castro, rematouse no ano 1619. 
Priorado de San Salvador de Moreda: Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. 
Fonte dos Frades (Montecelo-Chavaga): Recibe este nome unha fonte de pedra que hai nunha fraga. Está delimitada por uns muros de cachotería que protexen o manancian e unha cuberta de lousa.
(Ver en Apéndices: Os conventos que Monforte perdeu).

 
  





 

NEGUEIRA DE MUÑIZ
Igrexa de San Salvador de Negueira: Construída a finais do século XV ou principios do XVI coa intención, dise, de que fose un mosteiro se ben non se coñece documentación ao respeito. 
 

AS NOGAIS
Santo André das Nogais: Dise que xunto a igrexa existiu un antigo eremitorio convertido en mosteiro e logo desaparecido. Malia isto, non existen documentos escritos nin arqueolóxicos que avalíen tal teoría. Cando a reforma do cemiterio que arrodea á igrexa, apareceron varias tumbas formadas por laxes. O templo conserva restos de tres estilos arquitectónicos: visigótico, románico e gótico. Tanto no exterior como no interior pódense ver varios elementos decorativos reutilizados.
 


OUTEIRO DE REI
Mosteiro de Santa Euxenia de Gaioso: Citado polo P. Yepes na súa Crónica General de la Orden de San Benito (1613). Nicandro Ares Vázquez, de quen recollo a información, di que pouco máis achega o beneditino, que nin sequera indica onde se atopaba e que se inscribe entre os suxeitos a Sobrado. Nada achega a bibliografía, mesmo nas guías eclesiásticas de Lugo só se fai alusión ás parroquias de Santiago e Santo Tomé de Gaioso, mais descoñécese a de Santa Euxenia. Mais don Nicandro, que presentiu a súa existencia, atopou a referencia á freguesía e couto de Santa Euxenia de Gaioso no Catastro de Ensenada do 1752, que tamén aparece citada como Santa Euxenia de Senande (aldea hoxe en día pertencente a Donalbai, en Begonte) e que aínda é coñecido como lugar da Eirexe de Senande, onde non existen restos de igrexa algunha, mais non lonxe de onde posiblemente se erguería o desaparecido cenobio. Nunha visita de Nicandro Ares atopou un sártego antropoide cun debuxo xeométrico na súa cabeceira que facía de pía para beber o gando. O dono levouno logo ao sitio denominado do Adrio onde apareceran ladrillos, tellas e pezas labradas, unha cun debuxo que semellaba un escudo que se empregaron na cimentación dunha obra. O documento citado polo P. Yepes data do ano 1019 e custódiase no Arquivo Histórico Nacional entre os pergameos do mosteiro de Sobrado dos Monxes.
Mosteiro en San Xoán de Parada: En Estudos de toponimia galega II, editado pola Real Academia Galega no ano 2013, don Nicandro Ares Vázquez sitúa en Parada o mosteiro de San Xoán de Friolfe, en vez de no concello do Páramo. (ver concello do Páramo).  (En Apéndices ver o artigo: Un mosteiro en Parada, Outeiro de Rei?)
  
PALAS DE REI
Mosteiro de Augas Santas: Nicandro Ares Vázquez sitúa aquí un mosteiro, citado nunha doazón que fixo Afonso III á igrexa de Lugo no ano 897: "In terra de Uliola monasterim S. Gregori". Nun documento do ano 1138 menciónase "In Uliola... monasterio Sancti Gregorii de Aquas Sanctas". No ano 1266 xa se fala da "igreja que he de Sanjurjo de Aguas Sanctas".
Mosteiro de Devesa: O nome quizais lle veña dun primitivo cenobio citado no ano 1291 como "eclesia de Santiago de Moesteyro de Deusa", e nun do ano 1296 como "eclesia Sancti Jacobi de Moesteiro". 
Mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas: Séculos XII-XV. As "donas" ás que fai referencia parece que foron unhas mulleres dos Arias de Monterroso, familia á que pertencía o Deán Xoán Arias que doou o mosteiro á Orde de Santiago. O apelativo tamén pode facer alusión a que, nun principio, puido ser un cenobio feminino. O templo é de planta de cruz latina, con nave principal e cruceiro rectangular e tres ábsidas, a central máis alta, cun arco de medio punto rebaixado cunha parte cuberta por unha bóveda de canón e outra semicircular con bóveda de cuarto de laranxa. O frontispicio está enmarcado por dúas piastras laterais e cornixa coroada por tres pequenas figuras. Na fachada occidental consérvase parte do pórtico e do claustro exterior. No interior da igrexa pódense ver varios sártegos pertencentes a cabaleiros da Orde de Santiago e os frescos góticos que cubren a ábsida central con esceas do Antigo e do Novo Testamento realizados no ano 1434. Recentemente, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza destacou a calidade da rehabilitación da igrexa. Agora falta que se completen os traballos no conxunto coa recuperación do cenobio. Mais esas, a cacarexada recuperación é unha noticia vella. O día 1 de agosto de 2011, o xornal El Progreso de Lugo achega unha resportaxe sobre o conxunto monacal. O seu protagonista, don Jesús García, veciño da zona e dovoto do mosteiro dende cativo, di que "aquí ninguén fai nada e o estado da igrexa é penoso..., os restos do claustro están apontoados dende hai máis de sete anos..., os frescos da cúpula foron desaparecendo ano tras ano...". Ao longo dos anos, don Jesús foi recompilando a historia de Vilar de Donas, "a verdadeira, porque as pedras non menten". Así chegou á conclusión de que a igrexa foi construída polos sanxoanistas irlandeses por riba dun asentamento celta, xa que logo é do século XI e non do XIII como afirman algúns estudos. Para chegar a esta tese, baséase en que na parte frontal están esculpidos varios símbolos celtas, como os cornos dun macho cabrío e acios de uvas, e nas columnas hai unha auténtica icona celta gravada. Na zona da cabeceira aparece representado varias veces o trevo de tres follas, tan característico dos irlandeses, que reflicte a Santa Trinidade en honra de San Patricio. 
Mosteiro de Santa María de Carteire: Nunha escritura do ano 956 do conde Osorio Vistrariz e da súa muller Teodili Pepiz faise mención aos mosteiros de Santa María de Carteire e de San Fiz do Hermo. Os donantes, oprimidos polo peso dos seus pecados e aterrorizada a súa conciencia polos crimes que cometeran, desexan reconcilarse con Deus, ofrecendo os bens que posuían naquela comarca. Deste mosteiro non se coñecen restos.


PANTÓN
Convento da Purificación: O dominico convento da Purifiación de Pantón foi matriz do da mesma orde situado en Monforte (San Domingos da Régoa). O derradeiro vigario, co título de Prior, foi Fr. Xusto de Oviedo que se fixo cargo do de Monforte. Fundado a mediados do século XVII. O P. Risco di que os principios deste convento débense ao cura e licenciado Alonso Ares quen cedeu a súa casa solariega, chamada dos Ferreira, para que se fundase un convento de Predicadores con doce relixiosos, cuxo título fose de Purificación da Sagrada Virxe María. Esta cesión fíxose no 1569 e no mesmo ano presentouse ao Capítulo Provincial celebrado en San Paulo de Valladolid. As dependenzas pasaron logo a unha familia de labregos.  
Mosteiro do Diviño Salvador (Ferreira de Pantón): Posible orixe altomedieval. Denominado en escrituras antigas como Conventus dominarum de Ferraria. Monxas cistercienses, séculos X-XII. A primeira noticia documental data do ano 1108, nunha doazón na que están presentes varias abadesas da bisbarra, entre elas a de Ferreira, dona Ximena. Nos primeiros tempos foi un mosteiro dúplice. Logo dunha fase de decadencia, no que estaría desocupado, a condesa Fronilda Fernández (ou Fronille) de Lemos restaura a vida monacal no ano 1175 integrándoo na orde do Císter baixo a dependencia de Santa María de Meira. A filla de Fronilda, Guiomar, herdou o título de señora do cenobio e en 1196 renovou as disposicións feitas pola súa nai, feito que amosa o poder que tiveron os padroeiros laicos nalgún mosteiro, confirmando ademais que o goberno do cenobio se herda de nais a fillas. No 1491 o mosteiro foi visitado polo abade de Claraval. No ano 1600 é incorporado á Congregación de Castela. Ao conxunto mosteiral, pechado por unha alta muralla, accédese a través dun gran portalón. O mosteiro consta de dúas plantas con muros de cadeirado granítico. No ángulo dereito álzase un torreón de planta cadrada de dous pisos máis. O único claustro está formado por arcos de medio punto sobre capiteis xónicos e bases toscanas que sosteñen unha cornixa saínte sobre a que debía descansar un segundo claustro que non chegou a construírse. Formando parte do edificio está a hospedaría con galería e columnata a xeito de pazo. No lado oposto atópase a "Casa das Donas", edificio utilizado polas damas da nobreza que tomaban os hábitos. A igrexa data da segunda metade do século XII, ten nave rectangular e ábsida con forma semicircular precedida dun tramo recto cuberto con bóveda de canón que acolle os sártegos de Diego e Lope de Lemos; outro tramo curvo, con bóveda de cuarto de esfera, ten tres ventás enmarcadas por arcos de medio punto.
Mosteiro de Santo Estevo de Atán: Segundo a redacción do testamento grande de Odoario do 15 de maio do 747, di que edificou o mosteiro dende os cimentos, telo poboado coa súa familia e dotado con outras igrexas fundadadas por el mesmo e polos seus familiares. Nun inventario do 871 cítase a un tal Ageredo, familiar do bispo Odoario, como poboador do Val de Atán. O P. Risco publica un diploma real en que Afonso II doa á igrexa de Lugo varias posesións deste mosteiro. O Coelicolae, atribuído a Afonso III, enumera varias posesións da Catedral lucense onde figura San Estevo de Atán. López Ferreiro fala dun documento que chama Carta de Fundación del Monasterio de San Esteban de Atán, ayuntamiento de Pantón, partido judicial de Monforte, provincia de Lugo, que é unha doazón do arcediano Damundo ao mosteiro, sinalando os términos do seu couto e que recibira dos reis Aurelio e Afonso. O 13 de decembro de 1164, Fernando II couta en favor da catedral de Lugo e do seu bispo Xoán o mosteiro de Atán cos seus términos. No 1185, o papa Lucio III confirma varias bulas anteriores entre as que enumera a "ecclesiam scti. Stephai de Atam cum cauto et voce Regali". No 1189, Afonso IX confirma varios diplomas de Fernando II, reiterando as concesións entre as que enumera na Terra de Lemos "Enuoadi, cum cauto suo de Atan". Consérvase a igrexa construída entre os séculos XII e XIII, con reformas posteriores. Consta dunha nave rectangular con muros de cantaría. A fachada ten tres pares de columnas adosadas, con capiteis decorados, un arco apuntado enmarcado por tres arquivoltas e tímpano liso cunha inscrición. A cornixa está decorada con canzorros e nos muros abundan distintos signos. A ábsida, con interesantes pinturas, é rectangular. Entre os canzorros chama a atención un que ata non hai moito críase que representaba a un home bebendo viño dunha cuba, coñecido como "O bebedor de Atán" (tampouco faltan interpretacións de tipo sexual), cando en realidade representa a un músico tocando un instrumento de vento utilizado durante a Idade Media. Segundo o historiador Anselmo López Carreira, a mención histórica máis antiga que se coñece da Ribeira Sacra non está relacionada con Amandi, senón con Pantón, tal como figura no documento fundacional do mosteiro de Atán, datado no ano 816, onde se di que o cenobio contaba con viñas e maciñeiras. Nos anos 747, 841, 897, 1164, 1178, 1179, 1185 e 1241 menciónase a "ecclesia Sancti Stephani vallis Attane, in territorio lemabus ou in territorio Licinio".  
Mosteiro de San Miguel de Eiré: Monxas bietas, século XII, consérvase a igrexa. A fundación do mosteiro atribúese a Escladia Ordóñez, foi dotado por Afonso VII no ano 1129, se ben, ao parecer, xa existía no 1108 en que era"abbatisa in Agiree Eldonça". No ano 1129, o rei Afonso VII sinala o couto para o mosteiro. A mediados do século XV as monxas pasan a San Paio de Antealtares, en Santiago, e o cenobio queda abandonado. A igrexa é típica do románico galego, da segunda metade do s. XII, construída sobre os restos dunha visigótica tal como o testemuñan os restos dunha ventá xeminada con arcos de ferradura. Construída en pedra de cantaría, ten unha planta simple dunha soa nave con ábsida semicircular precedida dun tramo recto. Sobre unha bóveda que abrangue todo o ancho do templo álzase unha torre de dous corpos con ventás xeminadas e simples. A portada da nave ten dúas arquivoltas, a exterior con rosetas e o Agnus Dei no centro, e a interior estriada e decorada con bólas. No interior ten capiteis decorados, pinturas dos séculos XV e XVI e varias esculturas. 
O Mosteiro (Eiré): O Mosteiro é unha aldea da parroquia e Eiré. Segundo Nicandro Ares houbo un pequeno mosteiro de monxas. Consérvase unha pequena capela posta baixo o padroado de San Miguel. Segundo un documento do ano 1108, era abadesa Agiree Adonça. 
Mosteiro de San Vicente de Pombeiro: Situado ao pé da Pena Pombeira de onde tomou o nome, sobre o río Sil. Non se pode precisar a época da fundación nin dos fundadores. Segundo un informe manuscrito do século XVIII, conservado no arquivo de Samos, o documento máis antigo remóntase ao ano 935, pero xa se supón fundado. Trátase dunha doazón ao abade Sabarico que fan os condes Suario Gutiérrez e a súa muller Guntroda para que os monxes se fagan cargo dos custos do alumado da igrexa, para alimento e vestimenta dos relixiosos e para socorrer aos pobres e peregrinos. Do ano 964 é un diploma da raíña Gotona, muller que fora do rei de Galicia Sancho Ordóñez, en que doa ao mosteiro e ao seu abade Asterigo o couto onde se fundara o cenobio. O territorio acoutado comprendía entre os términos de Retortoiro, Monte da Moura, Os Peares, Casdemoure, río Miño, Papelle e a vertente de Vilamirón e Piuca. A doazón faise para recibir hóspedes e peregrinos e para o sustento e vestimenta dos monxes. No ano 997, o rei Vermudo II recolle nun diploma a doazón de Sancho Ordóñez e Gotona, e a confirma. Esta confirmación diríxese ao abade Ariano. No século seguinte, Pombeiro convertiríase en Priorado, suxeito á a badía de Cluny. Non consta a data da anexión, pero cando o monxe cluniacense Dalmacio, polo ano 1094, visitaba os mosteiros galegos suxeitos ao francés, xa entre aqueles figuraba o de Pombeiro. No ano 1129, Afonso VII chámao mosteiro cluniacense ao facerlle unha doazón. Cando no 1460 volve a ser visitado polos enviados de Cluny critican certas deficiencias no culto divino, que o claustro non estaba ben cuberto e que o mosteiro non tiña nin refectorio nin dormitorio. Daquela, a comunidade estaba formada por catro monxes. Mais adiante, coa reforma dos Reis Católicos, este mosteiro sepárase do de Cluny, incorporándose á congregación de Valladolid ata que no 1526, por bula de Clemente VII, é anexionado ao de Santo Estevo de Ribas de Sil. A igrexa, construída entre os séculos XII e XIII, formou parte do mosteiro do que só se conservan algúns restos. O número de monxes e cregos que habitaron o mosteiro ao longo dos séculos, nunca pasou de doce O templo é de planta basilical, con tres naves e tres ábsidas semicirculares. A entrada principal, entre dous contrafortes, ten dous pares de columnas que sosteñen, por riba dun tímpano liso, arquivoltas apuntadas. Na parte superior ten seis arcos decorados con cabezas humanas e formas xeométricas a xeito de tornachoivas. A porta norte é semellante á principal, e a sur sitúase baixo un rosetón decorado. Na fachada oeste érguese unha torre de sección semicircular. No interior consérvanse retábulos renacentistas e barrocos e pinturas murais do século XV. A última mención de Pombeiro faise no ano 1460, onde, despois de describir o rito de recepción dos visitantes, engádese: "La iglesia está bastante abastecida de ornamentos y libros litúrgicos; su fábrica en buen estado y bien cubierta; el claustro, por el contrario, mal cubierto; no hay refectorio ni dormitorio común, el resto de las cosas del priorato, en buena disposición".  Son numerosas as grafías con que se nomea o mosteiro: Calumbarium, Palumbario, Polumbariis, Polumbario, Polumberiis e Polumberio. Palumbario é o máis frecuente, aparece no diploma de Vermudo II no 997, no testamento de Urraca Fernández, filla do conde de Traba, e tamén no 1209 e 1214. A vista sobre o río Sil é magnífica. 
Mosteiro de San Fiz de Cangas: Foi mosteiro de monxas bieitas. No primeiro cuarto do século XVI é anexionado a San Paio de Antealtares, en Santiago. En documentos de 1199, 1206, 1289 e 1369 figura citado como "Sancto Felice de Cangas". Nun documento de 1108 era abadesa "domina Visclavara in Sancti Felicis". A condesa Ximena Sánchez doaba no 1116 aos monxes e monxas que vivían no mosteiro de Ferreira todo o que herdara dos seus pais en terras de Lemos, Sarria e Asma, asinando a escritura Xemena, abadesa de Ferreira, Aldonza, abadesa de Eiré e Elvira, abadesa de Cangas.  No testamento de Urraca Fernández do 1199 faise mención a S. Felice de Cangas. Consérvase a igrexa do século XIII, construída sobre outra visigótica. Está formada por unha nave rectangular. A fachada ten unha portada cun arco apuntado e tímpano gravado con enigmáticos símbolos. No interior pódense ver retábulos con esculturas dos séculos XVIII e XIX. Unha das ábsidas perdeuse ao remodelarse no século XVII como panteón de Rodrigo López de Quiroga co arcosolio que mostra ao cabaleiro de xeonllos. Salientan os canzorros das ábsidas que mostran unha figura fálica, un can, esferas, un xato, un acio de uvas, un antropomorfo e un cuadrúpede. 
Convento de San Domingos (Pantón): Segunda metade do século XVI. Dominicanos. Situado xunto a parroquiald e San Martiño. Acolle unha adega con bóveda de canón de maior tamaño da Ribeira Sacra. Segundo a España Sagrada, a construción custeouna o cura Alonso Ares quen no ano 1659 cedeu a súa casa solariega para poder erixilo.     
Priorado de San Román de Moreda: Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. Tratábase dun priorado ou granxa dependente do mosteiro de Samos. Dende o ano 1832 exerceu como prior e cura o P. Sebastián Rueda. Nun documento do ano 1175 cítase "in terra de Lemus ecclesiam sancti Romani de Moreda". Na actualidade consérvase un portón de acceso a unha finca con piastras e pináculos. Por riba da porta hai unha fornela con forma de cuncha de vieira en cuxos laterais vese unha lenda de difícil lectura.
 


 

PARADELA
Mosteiro de Santa María de Mosteirovello (Castro de Rei de Lemos): O topónimo fai alusión ao mosteiro que os beneditinos levantaron no lugar no século X, vencellado ao de Carracedo (O Bierzo). No século XII trasládase á beira do río Loio, constituíndose en abadía do Císter, doado por Afonso VII no 1144, xuntamente co couto de Santa Marta de Ribas de Miño. No 1247 o papa Inocencio IV delegaba ao deán de Astorga para xulgar o preito sobre a obediencia que Mosteirovello, que era bieito, debía a Carracedo do Bierzo, sentenza que foi favorable a este último, co dereito de nomeamento e cese de abade. Sendo abade frei Xoán de Ayán, no ano 1473, refuxiado no mosteiro de Monforte (di que "non se atreve a vivir no seu mosteiro por medo corporal dos seus inimigos, que foi desterrado por xuíz apostólico, que lle teñen tiranicamente usurpados os bens do mosteiro, que non pode vivir ninmanterse nel monxe ningún"), suscribe un foro "frei Pedro da Somoça, prior do mosteiro de San Facundo". No 1474 converteuse  en priorado cisterciense dependente do mosteiro de Montederramo ata a exclaustración de Mendizábal. Da primitiva igrexa só se conserva a ábsida románica e parte dos muros (séculos XII-XIII) que se construiría sobre outra máis antiga tal como o revela o capitel prerrománico que se conserva no interior. O resto do edificio é do século XVIII. No interior pódense ver pinturas do século XV. No ano 1697 documéntase un foro outorgado por frei Sebastián Caballero, prior do mosteiro. Para saber máis, consultar o interesante traballo de Xaime López Arias, publicado no Boletín do Museo provincial de Lugo, O mosteiro de Santa María de Castro de Rei (Paradela).
Mosteiro de Santa María de Loio, Santa María de Ribalogio ou de Argentario (Cortes): Do antigo mosteiro de orixe eremítica fundado no século VIII, vencellado ao Camiño a Santiago, só se conserva a capela románica do século X, posiblemente construída sobre outra máis antiga. A capela foi restaurada polo monxe Quintila no s. XI. No século seguinte acométense importantes reformas. Consta dunha nave á que se accede por unha porta con arco de ferradura. A espadana, dun oco, remata nun pináculo. Dise que aquí naceu a orde dos Cabaleiros Cambiadores (tamén coñecidos como os Templarios galegos) que deu orixe aos Cabaleiros de Santiago, feito que nega F. J. Pérez Rodríguez (2008). Tamén se di que foi casa nai da Orde de Santiado da Espada, fundada no 1170 en Estremadura co nome de freyles de Cáceres, sumándo a ela os coengos regulares de Loio. Un dubidoso documento do mosteiro de Celanova do día 23 de decembro do 927 dise que se restaura a vida monástica. Si se sabe que no 1102 a raíña dona Urraca fai doazóns á igrexa da Lama dicindo que lle pertencía porque fora de dous mosteiros seus: o de Santa María de Portomarín e o de Santa María de Loio. No 1175 encabeza como monasterium os bens e dereitos da orde de Santiago na confirmación dun privilexio pontifício, e noutras de anos posteriores. No 1230 aparece un comendador á súa fronte. No 1254 os cabaleiros entregábanno á Igrexa de Santiago de Compostela, pasando a forma parte da sé xacobea onde permanecerá o resto da Idade Media. Nunha crónica da orde redactada no século XV cóntase o protagonismo que no nacemento dela tivo Sant Loyo, casa agostiña que se ten identificado con Santa María de Loio cando, en realidade, ese priorado situaríase na cidade de León, tratándose do de San Clodio. 
Mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño: Conxectúrase que foi fundado no ano 1120 para acoller aos peregrinos a Santiago de Compostela. Amor Meilán, na súa Geografía de la provincia de Lugo, di que eran as ruínas dunha igrexa de templarios. O P. Yepes alude a un mosteiro de San Fagundo e San Primitivo dependente do de Samos. Nun documento do mosteiro de Ferreira de Pallares do ano 1233 recolle que tiña bens "in monasterio sancti facundi de ripa minei". Di Ares Vázquez que a historia deste cenobio non se comprende sen a súa estreita vinculación ao de Santa María de Castro de Rei de Lemos, o cal foi doado á orde do Císter por Afonso VII o ano 1144, xuntamente co couto de Santa Marta de Ribas de Miño (Santa Marta é hoxe unha aldea de San Fagundo). Sendo abade de Castro de Rei frei Xoán de Ayán no ano 1473, suscribe un foro "frei Pedro da Somoça, prior do mosteiro de San Facundo". Pero no ano 1481 aparecen estes cargos invertidos, xa que "frey Pedro de Somoça, abade do moesteiro de Santa María de Castro de Rey" fai un foro ante notario "frey Xoán de Ayán, prior de San Facundo de Riba de Minno por la gracia de Deus e da Santa Iglesia de Roma" Na segunda metade do século XVI, cando a reforma monástica, San Fagundo foi incorporado ao Colexio de San Bernardo de Alcalá de Henares, pero como antes fora priorado agregado a Montederramo o priorado de San Fagundo, segundo documentos extractados por Duro Peña dos fondos de Montederramo que se custodian no Arquivo Histórico Provincial de Ourense e publicados en Archivos Leoneses no 1972. Xa no ano 1753, cando se confeccionou o Catastro de Ensenada, di que é de señorío do Real Mosteiro de Montederramo. No Arquivo Histórico Nacional gárdase un pergameo deste cenobio do ano 1258.  
Priorado de Santa María de Mirallos: Foi priorado da Encomenda de Portomarín. A carón do Camiño Francés, tiña hospital para acoller aos peregrinos. A igrexa, de orixe románica, pasou a ser parroquia no século XVIII, foi trasladada, pedra a pedra, dende Ferreiros no ano 1790. Diante da porta principal hai unha pía con diferentes símbolos.

 

 

O PÁRAMO
Igrexa mosteiral de San Xoán de Friolfe: Segundo un documento de restauración da igrexa de San Xoán de Friolfe, datado no ano 910, existiu un mosteiro posto baixo o padroado de San Salvador. A orixe do templo data da segunda metade do século XII. Construída con muros de cadeirado de granito, presenta unha porta con arco de medio punto, dúas arquivoltas decoradas con perlas e inscritas en axedrezado, tímpano bilobulado adornado cunha cruz bizantina central e dúas cruces laterais. O pórtico ten cinco columnas que enmarca a outra porta con tímpano cunha cruz de Malta inscrita nun cadrado. A espadana é barroca, coroada por pináculos. Malia o anterior, segundo achega Nicandro Ares Vázquez, a cita do ano 910 está tomada de Galicia Histórica, Colección diplomática (1901), de Antonio López Ferreiro, localización que o autor lucense cre errada e que posteriormente foi aceptada por A. del Castillo, Villa-Amil y Castro, Amor Meilán e Vázquez Saco, ubicación que o sempre documentadísimo don Nicandro rexeita, ubicando o cenobio, en todo caso, en San Xoán de Parada, no concello de Outeiro de Rei, de carácter, posiblemente, dúplice. Na ampla documentación que cita, figuran varios abades, presbíteros, diáconos e outras testemuñas, entre elas varias mulleres que ben puideron ser monxas do referido mosteiro. Para máis información pódese ver o interesante artigo de Nicandro Ares, publicado en Estudos de toponimia galega II, editado pola Real Academia Galega no ano 2013. (En Apéndices, ver o artigo: Un mosteiro en Parada, Outeiro de Rei?)

 

A PASTORIZA
Igrexa de Bretoña: Templo disque situado sobre un antigo castro (nas proximidades atopouse un pendente de ouro, ao parecer prerromano) e sobre os alicerces dunha primitiva basílica monacal de orixe suevo-visigótica, sé da diócese de Britonia fundada polos bretóns que chegaron ás costas de Lugo no século V, dirixidos polo bispo Mailoc. A igrexa actual ten planta rectangular con tres naves, presbiterio e sancristía. Sobre a porta lese a data de 1733, e tamén aparece esculpida a cabeza dun anxo con sombreiro de peregrino. Na parede leste do templo hai unha lápida coa inscrición da consagración da antiga igrexa en honra de Santa María da Paz, construída sendo bispo Pelaxio, que di: "ERA C... IQ V K(a) L(enda) S: MAI(a)S P(e)LAGI(u)S P(resbi)T IN ONOREM S(an)C(t)E MARIE MATRE PACES". Daquí xurde a diócese actual de Mondoñedo-Ferrol. Realizáronse escavacións a principios dos anos setenta do pasado século, saíndo á luz gran número de tumbas paleocristiáns e cimentos da basílica episcopal. Agás a torre-campanario, os muros están encementados e pintados de branco. O P. Flórez cita unha escritura do ano 830 onde di que Britonia foi invadida e destruída polos árabes. Segundo Amor Meilán, baseándose nunha testemuña de Pomponio Mela, insinúa que nos primeiros séculos da era cristiá existía unha confederación de pobos ártabros con capital en Britonia, confederación que abranguía ata a actual comarca de Ortegal. Dentro do que foi o emprazamento da antiga Britonia, segundo as Memorias que compuxo un coengo da Catedral de Mondoñedo, utilizadas polo P. Flórez no tomo 18 da súa España Sagrada, aínda se coñecían no 1763 vestixios dunha gran fortaleza con foxo e contrafoxo. O P. García Villada, na súa Historia Eclesiástica de España, di que un dos bispos de Britonia foi priscilianista. López Ferreiro escribiu que de Britonia era o monxe galego Requiario, que a fins do século IV ou principios do V escribiu o opúsculo De Fide (por moito tempo tívose a Requiario como de orixe inglesa). Como figura máis arriba, o primeiro bispo do que se ten noticia é Mailoc, que concorre ao II Concilio Bracarense no 572, e antes asistira ao primeiro co nome latinizado de Maliosus no 561 (algún autor di que Maliosus e Mailoc eran persoas distintas). Seguiulle na sé Ermerico que suscrebe co título de Laniobrense no III Concilio de Toledo. No IV Concilio de Toledo do ano 633, toma parte e asina como Britoniense Metropio. No oitavo celebrado na mesma cidade, o presbítero Materico, a nome do Bispo Britoniense no 653. O P. Flórez dá por desbotada a hipótese de que non existiu ningunha sé titulada Laniobria, como distinta da de Britonia. Pierre David, na súa obra Etudes historiques sur la Galice et le Portugal (1947), seguindo a Louis Duchesne (L´eglise au VI siecle), fala deste bispado de xeito distinto que o P. Flórez, di que ao seren invadidas as Illas Británicas polos anglosaxóns no século V, houbo unha importante migración de bretóns da Armórica cara as Galias e a costa de Galicia xa que aquí había xente da mesma raza que deran varias cohortes de britóns galegos ás lexións romanas, como recolle Amor Meilán na súa Historia de la provincia de Lugo. Eran cristiáns ben organizados, cos seus bispos, abades e sacerdotes. Escribe o alcipreste de Catedral de Mondoñedo, Francisco Reigosa (1950), que foi a partires daquí cando se multiplicaron as igrexas, escasas ata o daquelas, non existindo tampouco ningún bispado.
 

PEDRAFITA
Santa María a Real do Cebreiro: Cluny/Císter. S.éculos IX-XI. O desaparecido mosteiro foi fundado polos monxes de Aurillac. Porta de entrada a Galiza, ergueuse un hospital no século IX para atender aos peregrinos que elexían o Camiño Francés a Santiago. A igrexa, construída en cachotaría de lousa, é de planta irregular dividida en tres tramos. No interior conserva dúas capelas, un cáliz, unha patena, a copia dun Cristo gótico crucificado e unha estatua sedente coa Virxe e o Neno do s. XII, dous sartegos antropomorfos (onde están soterrados os protagonistas da lenda do Santo Milagre) e unha pía do IX onde ata o século XII se facían os bautizos por inmersión. Aquí abrollou a lenda do Santo Milagre, acontecida nun inverno de mesta nevarada e forte zarracina do ano 1300, onde a fe dun deslido labrego venceu a fachenda dun descrido crego. Outra lenda sitúa no Cebreiro o Santo Graal, a Santa Copa utilizada por Xesús durante a Derradeira Cea. No ano 1486 os Reis Católicos entraban en Galicia polo Cebreiro, quedando consternados polo seu estaedo ruinoso, dirixíndose ao papa para que consentira reformalo e o desligase da súa dependencia de Aurillac. No ano 1487 pasou aos observantes de San Benito de Valladolid quen o rexeu directamente. No ano 1961 practicouse na igrexa e contorna unha importante restauración. Ao pé do altar repousan os restos de don Elías Valiña San Pedro, párroco que adicou a vida a poñer en valor o santuario e a súa relación co Camiño de Santiago. A principios do mes de xaneiro de 2015, o Colectivo Patrimonio dos Ancares sacamos á luz varias noticias relacionadas co Cristo gotico e a Virxe do Cebreiro, instando ao Bispado de Lugo para que aclare onde se atopa o orixinal do primeiro e se a Virxe conserva restos románicos ou só é unha mala reprodución (Véxase a nosa páxina Patrimonio da Comarca dos Ancares).

A POBRA DO BROLLÓN

Mosteiro de San Salvador de Ferreiros: Nicandro Ares Vázquez di que o carácter mosteiral da igrexa de San Salvador déixase entrever nun documento datado no ano 1001, onde a notitia dun preito presentado "in Boveta, in valle de Lemabus por Rodrigo Romariz e Ximena Ximénez" sobre a posesión do "monasterio Sancti Salvatoris de Ferrierasci". Noutro documento lucense do 1181 (Era 1249), que se conserva no Arquivo da Catedral de Lugo, Coelvira Fernandi doa unha parte do seu jure hereditario "monasterii de Ferrarius" á Orde do Hospital de San Xoán. No 1249 o soldado Martinus Petri, alcumado Mosero, ofrece á igrexa de Lugo o seu dereito de padroado "in monasterio Sancti Salvatoris de Ferreiros" en satisfacción do sacrilexio que cometera violando a igrexa de Lóuzara. Xunto a igrexa érguese un edificio totalmente arruinado, nun de cuxos muros hai unha inscrición coa data de 1788. Malia o anterior, J. Freire Camaniel no seu El monacato gallego en la alta Edad Media pon en dúbida a existencia deste cenobio.
Priorado de San Martiño de Piñeira: A única testemuña sobre a existencia deste mosteiro aparece nunha dubidosa doazón de Afonso VII ao presbítero Paio Vermúdez e aos seus fratibus no 1124 ou 1154 a petición de Fernando Pérez de Traba e que o rei lles cedía os coutos de Piñeira, O Ivedo e Trasmonte.  
Adegas de Vilachá: En Vilachá consérvase un conxunto etnográfico formado por 42 adegas familiares con orixe no século XII que foran doadas polo rei Afonso VII e que no século XIII pasou a depender do mosteiro de Montederramo que potenciou a viticultura e a construción das adegas. Tras a desamortización do ministro Mendizábal, as pedras do priorado foron reutilizadas noutras construcións. 
Santiorxo (Liñares): Na España Sagrada dos PP. Flórez e Risco (1747) cítase un documento do ano 1254 que alude a unha igrexa (quizais mosteiral, digo eu) pertencente aos templarios.
 

 

POL
Mosteiro de Santa María de Valonga: Segundo Nicandro Ares Vázquez, este mosteiro, absorbido polo de Meira, é citado unicamente nunha doazón feita polo rei Ordoño á sé de Oviedo o 20 de abril do ano 857: "In Galletia monasterium Sancte Marie de Valle Longa", documento publicado por Floriano na súa Diplomática española del período astur, mais crese que é unha falsificación diplomática que, de todos xeitos, non invalida a existencia de tal cenobio no século XII, cando se fixo esta escritura. No ano 900, Afonso III confirma a esta igrexa varias posesións en Galicia. No ano 969, o conde Osorio Gutiérrez, fundador do mosteiro de Lourenzá, doa a este cenobio todo canto tiña "in Balunga quantumcunque habeo", ou sexa, todo o que ten en Valonga. A súa xirisdición foi discutida entre os bispos de Lugo e Oviedo, pois o papa Uxío III, en marzo de 1145 manda ao clero e fieis de Valonga, entre outros, que obedezan ao bispo de Lugo e non ao de Oviedo.Na actualidade só se conserva a igrexa de orixe románica do século XIII. Un veciño contoume que a tradición sitúa no lugar unha desaparecida capela, e cando anchearon a pista que dá á igrexa saíron á luz varias tumbas feitas con laxes.

PORTOMARÍN
Mosteiro de Santa Mariña (Santa Mariña-San Nicolás de Portomarín): Feminino. Aqui estaba no 922, segundo un dubidoso documento, a Eclesia vocabulo Sancte Marine ripa Minee, que lle fora doada polo bispo lucense Recaredo aos condes Gutierre e Ilduara, pai e nai de San Rosendo, para que rematasen de facer un mosteiro que tiñan comezado, e continuaba no ano 927: "Iuxta baselicam Sancte Marine in locum Porto Marini". Consérvase unha capela. Aquí achego unha lenda, extraída de galiciadixital, contada por Mero quen a recolleu de D. Xesús Mato e Mato. Cóntase que non moi lonxe, río Miño arriba, había unha peneda que sobresaía da auga, e nunca desaparecía da vista dos que por alí andaban, aínda que houbera secas ou enchentas. María, San Xosé e o Neno estiveron en Galicia cando fuxiran de Herodes. Ao chegaren a aquel sitio de Portomarín, á beira do Miño, quixeron cruzar. As augas, ao pasar entre os penedos, facían moito ruído, e corrían a moita velocidade. A Virxe, que non quería que espertaran ao Neno, dixo: "Río Miño, río Miño, pasa quedo e caladiño, non espertes ao neniño que xa o levo caladiño". E o río voltouse calmo, pousado e silencioso naquel tramo. Cóntase que atravesaron o río sen problema, e o Neno non espertou. Na peneda aínda está a pegada do burro cando, para facer pé, pousou alí unha pata. Por desgraza, hoxe todo está cuberto polo encoro de Belesar.

RIBADEO
Convento de Santa Clara (Ribadeo): Século XIII, clarisas, consérvase a igrexa do século XV e un claustro do XVIII. 
Mosteiro de Santa Baia de Ermolfi (Santalla da Devesa): No Catálogo de documentos medievales, escritos en pergamino, del Archivo de la Catedral de Mondoñedo (871-1492), confeccionado polo coengo e arquiveiro da citada catedral Enrique Cal Pardo, faise alusión a un documento do ano 973 o cal fai referencia á fundación do mosteiro en Sta. Eulalia de Ermolfi que se debe identificar con Santalla da Devesa, onde a conversa Iquilo concédelle ao bispo Armentario varios lugares daquela bisbarra. Na catedral de Mondoñedo consérvase un pergameo do ano 1002 que fai referencia a este mosteiro. 
Mosteiro de San Martiño de Esperantón: Coñecido como de Sperautani ou Sperautano. No Boletín da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo (1978), Pedro Reigosa Pedrosa di que a fundación deste mosteiro data do século VIII, en virtude dunha concesión do sitio e término do seu emprazamento, feita polo rei Silo no ano 775 aos seus fundadores Pedro, presbítero, Alante, converso, Labino, converso, Avito, presbítero, e Laurentino, presbítero. Estes monxes, segundo consta na escritura orixinal que se conserva no arquivo da Catedral de León, acodiron ao rei Silo, e bicándolle os pés suplicáronlle lles dese un lugar de oración no Cellario que pertencía ao rei, entre os ríos Eo e Masma e os regueiros Alasancia e Mera. Don Silo fíxolles esta concesión por medio do abade Sperautano ou Sperauta (de aí o nome do cenobio), e acotou na concesión os términos de terreo adxudicado, un dos cales era o monte que está por riba de Trabada, outro o chamado Pelagum nigrum (Pozo Mouro), e os sinalados ríos e regueiros. Un documento do ano 1214, pertencente á colección diplomática do mosteiro de Meira, sitúa a herdade de San Martiño de Esperantón na ourela do río Eo, nas proximidades de Ribadeo. Villa-Amil y Castro, na súa Crónica de la provincia de Lugo, supón que estivo na actual parroquia de Celeiro, inmediata ao río Masma e ao Pozo Mouro, do concello de Barreiros. Amor Meilán pregunta se non sería construído nun dos lugares de San Cosme de Barreiros e San Miguel de Reinante, que se chaman aínda hoxe co nome de Áspera. Outros colocan o emprazamento do mosteiro en Cabarcos ou en San Martiño Pequeno, que é da Fórnea. Mesmo non faltou quen o levou para a vila de Trabada, porque alí houbo un mosteiro de Santa María ata a exclaustración do 1836, hipótese imposible xa que os cenobios de Trabada e Sperautano coexistiron no mesmo tempo e ambos foron doados ao mosteiro de Lourenzá. 
Colexiata de Santa María de Ribadeo: A vila de Ribadeo convértese en sé do bispado de Mondoñedo a finais do século XII, se ben bispo e cabido deciden volver a Vilamaior poucos anos despois. As razóns de facer de Santa María sede dunha congregación de cregos non ten relación co seu breve pasado catedralicio senón co desenvolvemento demográfico de Ribadeo, pois no 1270 o seu Concello queixábase á sé de que non provía a yglesia de Ribadeu de servidores asi como deuiamos. Nese ano constitúense os alicerces o que séculos despois sería a colexiata posto que dende Mondoñedo instálanse en Santa María un grupo de racioneiros presididos por un coengo da catedral mindoniense. (F. Javier Pérez Rodríguez, 2008).  

RIBAS DE SIL

Mosteiro de San Clodio: Mosteiro segrar. A primeira escritura de San Clodio data do ano 1151, cando o rei Afonso VII doaba o mosteiro a Vasco Pérez e á súa nai, Elvira Núñez. No 1286 foi confirmado por Sancho IV, e máis adiante por Afonso XI e Enrique III. Que a súa comuniade son cregos e non monxes constátase en 1203, e no século XIV debía estar desprovisto dela quedando só o abade. Cando a desamortización de Mendizábalo mosteiro foi vendido en grandes blocos a Manuel Batanero. Con anterioridade xa fora arrasado polas tropas napoleónicas. Do cenobio só se manteñen en pé o portalón renacentista (restaurado no ano 1604 por Afonso de Solís), a igrexa de orixe románica do s. XII da que se conserva a ábsida semicircular realizada en cadeirado de pedra ennegrecida, a porta norte de medio punto e a torre. Cóntase que o motivo do asalto do exército francés foi debido á morte dun capitán por parte dun guerrilleiro galego; como vinganza, os franceses queimaron e destruíron a aldea de Peites, a igrexa e o cenobio. Tamén se di que nas súas celas, a Inquisición aplicaba aos reos a tortura da goteira.
Mosteiro de Santa María de Torbeo: A primeira noticia deste mosteiro data do ano 1241, cando o abbas Johannes Petri de Torveno é testemuña dunha venda a Montederramo. No século XIII a súa comunidade está formada por cregos. Consérvanse varios foros dos séculos XIV, XV e XVI. No 1328 o seu abade Pedro Leal preside unha congregación de seis racioneiros. A igrexa, de orixe románica do século XII, pertenceu a un pequeno mosteiro que se levantaba no lugar pertencente aos bieitos. Destruída por un incendio no ano 1936, só quedaron en pé os muros. No interior consérvase parte dun epígrafe gótico. A nave é de planta rectangular con ábsida de tramo recto con testeiro redondo. Acaroadas á nave érguense dúas capelas con bóveda de canón engadidas no século XVIII. A porta principal presenta tres arquivoltas, e no cimaforte ábrese un óculo con tres círculos concéntricos ornamentado con touros, escocias e billetes.


RIBEIRA DE PIQUÍN
Igrexa-priorado dos Vaos: A igrexa dos Vaos está situada na aldea do mesmo nome, nun encaixado val sobre un esporón de forma circular arrodeado, agás polo NO, polo río Rodil, tributario do Eo, sobre o que se cre foi un primitivo castro. O templo pertenceu á Orde de San Xoán de Malta, con centro en Portomarín que administrou a parroquia ata o ano 1876. Nun dos libros de Fábrica da igrexa, do ano 1652, menciónase a relación mediante a fórmula "jurisdicción hespiritual de la encomienda de Portomarín". No muro exterior sur do edificio consérvase un reloxo de sol realizado en lousa en cuxa parte inferior lese: "SIENDO PRIOR DON FRAN.co BR.do PASARIN Y QVINDOS A.o DE 1742", que pode se indicativo da condición de priorado da citada orde militar. Malia o anterior, no Catastro de Ensenada do ano 1753 alúdese a este cura como párroco dos Vaos e non como prior. O elemento máis chamativo e enigmático do templo atópase na parede oeste do pórtico, fronte á fachada da igrexa, onde se abre unha ventá cunha cruz latina gravada en baixorrelevo na parte superior, e por riba, empotradas na parede, expóñense cinco caveiras humanas que configuran unha posición vertical, a máis de 2,50 metros do chan, que lembra un triángulo. Ningún dos cinco cranios conserva a maxila inferior. As cinco caveiras miran á fachada da igrexa, "como se duns asistentes máis ás cerimonias relixiosas se tratase". En ningún momento reciben a luz directa, aumentando así a súa lúgubre apariencia. Nada se sabe do que poden representar. Non moi lonxe hai outras dúas igrexas con semellante simboloxía: a de Santa Comba de Órrea (Riotorto) e a de Santa María de Conforto (A Pontenova), cadansúa cunha caveira empotrada nun muro e sen a maxila inferior. O templo é de amplas proporcións, atópase revogado en cal, con tres naves cubertas en lousa e madeira no interior. Dentro salienta un gran retábulo maior neoclásico, así como a imaxe policromada do Santo André, do século XV, nun retábulo lateral.

 

RIOTORTO
Mosteiro de Santa Comba de Órrea: Monxas bieitas. Non se conservan restos. Situado preto da igrexa actual, pertenceu a unhas monxas bieitas, coñecido tamén como Mosteiro de Donas. No ano 1199 dona Urraca Fernández de Traba fai unha manda no seu testamento a un Orreum que se debe identificar, segundo Pérez Rodríguez (2008) con Santa Comba e non con Santo André de Órrea, en Agolada. No ano 1209 Afonso IX exime ao cenobio de todos os pagamentos debidos ao rei agás moeda foreira. Enrique Cal Pardo fala da súa escaseza documental durante os séculos XIII e XIV. No século XV conta cunha visita feita dende a catedral de Mondoñedo que mostra a situación do cenobio no 1407, onde se sinala que en Santa Comba vivían oito monxas (cinco biudas e tres leygas). Menciónase nun aforamento do ano 1431: "Rodrigo Afonso, notario público do dito mosteiro de Santa Coonba...". A derradeira noticia sobre este convento é do ano 1436. No 1454 xa estaba en poder do cabido de Mondoñedo. Na igrexa consérvase un capitel do século XII utiliado utilizado como pía de auga bendita, que se cre pertenceu ao primitivo cenobio, sobre o que hai unha caveira humana empotrada na parede.
  
SAMOS
Mosteiro de San Xián de Samos: Bieitos. Presenta estruturas románicas, góticas, renacentistas e barrocas. Foi fundado polo bispo Ermefredo no século VII. No século XII incorporouse á disciplina de Cluny. Logo da exclaustración, foi ocupado novamente no 1891 ata a actualidade. Consta de tres naves separadas por grandes piares e dous claustros unidos entre si arredor dos cales se organización o resto das estancias: o claustro grande, en estilo de transición do renacemento ao barroco, onde se ergue a estatua do Padre Feixóo, e o das Nereidas, chamado así pola súa fonte barroca, construído entre os anos 1562 e 1582 e que conserva unha porta románica. A igrexa, barroca do século XVIII, é de planta de cruz latina con tres naves. Na unión dos brazos ergueuse unha cúpula gallonada con casetóns sobre un tambor, todo sustentado por catro arcos de medio punto. A fachada, á que se accede por unha escalinata inspirada na do Obradoiro compostelán, dá impresión de obra inacabada pola ausencia de frontón. No interior consérvanse retábulos de Francisco de Moure e de Xosé Ferreiro. A mediados do século XVIII era a principal empresa siderúrxica de Galicia. Das 25 ferrarías que había, 6 pertencían á orde bieita (o resto estaba en mans de nobres e fidalgos). No ano 1834, pouco antes da Exclaustración, a venda de ferro proporcionáballe máis ingresos ca rendas polo centeo. Dúas das ferrarías dos monxes estaban nas freguesías de Guldriz e Santalla (Samos), dúas en Quiroga, unha en Guntín de Pallares e outra en Vilamartín de Valdeorras. O día 22 de outubro de 2010 clausurouse o 1º Congreso sobre a orde de Cluny e o Camiño Francés en Sarria. Alumnos da Universidade de Santiago catalogaron máis de 200 pergameos dentro dun convenio da USC coa comunidade bieita para inventariar os documentoss existentes na biblioteca; o proxecto, do ano 2010, ten unha duración de catro anos prorrogables. Na biblioteca hai once incunables que datan de finais do século XV ou principios do XVI, entre eles salienta o Tusculanae Disputationes, de Cicerón, realizado en Venecia no ano 1491. Calcúlase que a biblioteca acolle arredor de 75.000 libros. A Desamortización de Mendizábal supuxo a venda de parte da biblioteca cuxos documentos se vendían en sacos a un real o pergameo, utilizado para lume das casas. O primeiro en comezar o inventario dos fondos foi o P. Maximino, falecido no ano 1992. Este monxe tamén se encargou de levar a Samos microfilmados e fotocopiados documentos relacionados co mosteiro. No ano 1152, Xoán I, abade de Samos entre o 1145 e o 1152, é nomeado bispo de Lugo no que estivo ata o ano 1181. Nas inmediacións érguese a Capela do Salvador, máis coñecida como Capela do Ciprés (debe este nome á arbore que hai ao seu carón). Segundo a historiadora Carolina Casal Chico data de principios do século X. Entre os anos 1996 e 1997, cando unhas obras de restauración, descubríronse unhas pinturas murais que estaban tapadas. Segungo Casal, para elaboralas utilizouse unha técnica culta, a mesma que no templo de Santa Olalla de Bóveda, se ben o mestre que as realizou recoñece as formas e a técnica pero non sabe reproducilas. Carolina pon como exemplo que se utilizara un pincel de pelo de xabarín, moi duro para esa técnica. Segundo a investigadora, a iconografía é cultísima e na capela representouse o Santo Sepulcro. O arco triunfal da ermida ten unha decoración máis esquisita, con dúas columnas, un tablamento, motivos ondulantes, unha flor ou unha cruz. Tamén se poden ver doce rochas e unha cruz. As primeiras simbolizarían o éxodo cara a terra prometida e a consecución desta, representa a historia de Moisés e Xosué. A cruz fai alusión, continua Casal Chico, ao Gólgota. Cre que a construción levantouse a partir do ano 922, xa que nese momento asentáronse novos monxes na abadía. Entón os monxes abandonaban o cenobio cando morría o abade e ese ano repobouse Samos cuns freires do mosteiro de Penamaior. Para datar o templo, no mes de abril de 2018, un equipo da USC, dentro do programa de investigación Territorio e poder monástico na Idade Media da facultade de Xeografía e Historia, levou a cabo unha serie de escavacóns para coñecer se había unha construción anterior xa que saíron á luz tres antigos muros, ademais de restos cerámicos.

SARRIA
Mosteiro de Santiago de Barbadelo: Bieitos, románico. O desaparecido mosteiro dúplice foi anexionado a Samos no ano 1009. F. J. Pérez Rodríguez (2008) fala dun sospeitoso documento atribuído a un rei Afonso (VI ou VII) que Barbadelo pasaría a ser unha propiedade de Samos, se ben tal dependencia non se constata ata o ano 1166. Barbadelo mantivo a súa singularidade e autonomía aos ser os seus bens rexidos por unha soa persoa nomeada dende Samos, como o demostra a súa cesión ao capelán Paio no 1166. Un século despois está á súa fronte Petro Cipriani dictus Monacus, dictus prior de Barbadelo. A igrexa románica do século X, construída en cadeirado de granito, ten planta rectangular. A porta é de medio punto con dúas arquivoltas sobre columnas con capiteis decorados con figuras humanas e animais. O vencellamento ao Camiño de Santiago amósanola unha porta decorada con cunchas de vieira e que tamén presenta un arco de medio punto e columnas con capiteis decorados con animais. Ten unha torre de planta cadrada. No interior conserva un retábulo barroco.
Mosteiro de Barxa.
Mosteiro de Calvor: Fundado no ano 785, no lugar que ocupaba un antigo asentamento castrexo. O arciprestre Theodonando púxoo baixo a tutela de Samos no ano 902. Do antigo cenobio só se conserva un capitel visigótico dentro da igrexa. 
Mosteiro de Santa María de Corvelle: Consérvase a igrexa de orixe románica. 
Mosteiro de Froián ou de "Martolanes" ou "Mortolanes" (Froián): Di Lucas M. Álvarez que no Tumbo de Samos hai un docmento onde consta que o 18 de marzo do ano 907 un presbítero de nome Sesericus fai un pauto monacal, entregando a súa persoa e os bens patrimoniais á igrexa de Santiago Apóstolo, cuxas reliquias gárdanse na vila que chama Martolanes. Nicandro Ares Vázquez sinala que no mesmo Tumbo, un matrimonio doa varias posesións a Samos, entre outras a vila que está en San Pedro, nos Campos, onde din Martolanes e que, polos nomes dos lugares que se citan, localizaríase na parroquia de San Pedro de Froián, o cal estaría no lugar da Ermida. No ano 976 menciónase en Froián as igrexas de San Vicente e de Santiago, e arredor do 1009, Sancti Iacobi... in villa... Martolanes nun documento do ano 907. Da primitiva igrexa románica quedan poucos vestixios. Nunha doazón do ano 1028 aparece citada a igrexa de Froián no lugar que "dicitur Avolin, in territorio Froliani, subtus eclesia Sancti Vicenti". 
Mosteiro de San Adrao do Monte Páramo: A ermida do San Marco atópase na serra do Páramo, parroquia de Biville, e non moi lonxe da divisoria co concello do Páramo, a 849 metros de altitude, e de onde se divisa unha espléndida panorámica. Dise que asenta sobre un castro, se ben nos non atopamos pegadas claras do mesmo. Na Alta Idade Media ergueuse un eremitorio que co tempo se converteu nun pequeno cenobio cuxa primeira mención data do ano 899 en que o rei Afonso III confirma distintas posesións da igrexa de Lugo. No testamento de Sumilano do ano 976 fai doazón ao abade de Barbadelo da igrexa de San Adrao do monte Páramo. No ano 1009, o abade de Barbadelo dóalla ao abade de Samos, citándose no Tombo deste último mosteiro como Sancto Adriani in monte Paramo. Outros documentos dos séculos XVI e XVIII fan alusión a esta capela. O Catastro de Ensenada, de mediados do século XVIII, nomea en Biville a Fonte de San Adrao. Nada se sabe cando mudou a súa advocación do San Adrao pola de San Marco, como tampouco de cando data exactamente a romaría que se fai na honra deste santo evanxelista, coa beizón dos campos e as peticións que lle solicitan os devotos. Acaroados á capela, construída sobre unha pena granítica, vense tres sártegos medievais escavados na rocha, se ben hai que conxectura que poden ser suevos ou visigodos. Nesta mesma rocha vese unha coviña artificial de dez centímetros de diámetro. Non moi lonxe tamén localizamos unha pía de 24 cm de diámetro, e dúas coviñas illadas, tamén feitas por man humana. A poucos máis de 300 metros da ermida está a coñecida como Fonte das Virtudes. Nesta serra do Páramo están localizadas 11 mámoas, tres pertencentes ao concello de Sarria e oito ao do Páramo. Os elementos prehistóricos (mámoas, petroglifos e posible castro) apuntan a que o lugar foi cristianizado por considerarse como pagano.    
Mosteiro de San Antolín: Nicandro Ares cita o mosteiro de Sancto Antonino na parroquia de San Antolín. Entre o 1020 e o 1061 o abade doa a Samos o seu mosteiro con todas as posesións, entre outras "in territorio Triacastella, in villa Ranimiri, villa que comparavimus de Baltario Randiniz et hic in ipsa villa...". 
Mosteiro de San Martiño. 
Convento da Madalena (Sarria): Mercedarios. A orixe do convento data do ano 1200 cando dous relixiosos italianos da congregación da Penitencia dos Mártires de Cristo que seguían a Regra de San Agostiño, que viaxaban en peregrinación a Compostela, fundaron unha capela que puxeron baixo o padroado de San Brais de Vilanova, advocación que despois mudou pola da Madalena. Os papas Xoán XXII e Clemente VII concederon indulxencias aos que axudasen ao mantemento do hospital. Dos restos do primitivo edificio, erixido entre sos séculos XIII e XIV, apenas quedan restos. O claustro, do século XVI, levántase ao norte. A igrexa, reconstruída no 1511, é dunha nave con ábsida poligonal. Do antigo templo consérvase a portada sur, de arquivoltas apuntadas, que amosa un relevo, entre outros, dunha barca de pesca ocupada por catro tripulantes, quizais en alusión á Translación do Apóstolo Santiago. 
Mosteiro de San Mateo (San Mateo-Vilapedre): Sábese da existencia dun cenobio familiar posto baixo o padroado do apóstolo San Mateo, fundado o 17 de maio do 960 por Egereldo e Rósula, poñéndoo baixo a xurisdición de Samos: "est ipsum monasterium territorio Gallacie, costa mans Paramo, discurrente fluvio Sarrie, villa quam nuncupant villa Petri et ecclesie Sancti Mathei apostoli et evangeliste". O lugar está ocupado por una ermida moderna. 
Priorado de San Paio de Cesar (Cesar): San Rosendo interviu no ano 960 nun preito co abade Novidio e os seus frades de Samos por causa da Casa de San Paio, na vila de Cesar, con todas as súas herdades e servos. Para resolver a cuestión compareceron ante do rei Sancho en Larín. A intervención de Rosendo tiña a súa causa en que Loci Sancti Iacobi (Santiago de Barbadelo) recibira parte desa casa. 


 

 

 

O SAVIÑAO
Mosteiro de San Martiño de A Cova: A igrexa románica do século XII pertenceu a un mosteiro de Coengos Regulares de San Agostiño. O primeiro documento data do 1241, cando o seu prior fai un cambio de bens co mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Outro documento fala dunha doazón feita no ano 1260 ao bispo de Lugo Rodrigo, de bens de Santa María de Piñeira, que leva, entre as suscricións a do Mestre Fernando, prior de A Cova. No ano 1262, o papa Urbano IV outorga unha bula ao prior e convento da igrexa de S. Martín de Ripa (nidia alusión pola súa situación na ribeira do Miño) da orde de San Agostiño, na diócese de Lugo. Na Era 1415 (ano 1377), o prior Xoán Gómez, con outorgamento de Garzia Martínez, Pero Eánez e Gonzalo Pérez, coengos deste mosteiro, fixo permuta dalgúns bens co bispo de Lugo Pedro López de Aguiar, quen deu a dito prior e coengos os que tiña na freguesía, e eles cederon todo o que tiñan no castelo de Asma, no lugar de Santa María do Castelo, cuxo instrumento foi outorgado en Diomondi. No Archivo Histórico Nacional consérvanse trinta e catro pergameos datados entre o 1298 e o 1528, ademais doutros documentos. A época de desaparición do mosteiro é descoñecida; no 1728 foi erixida entre as dignidades da catedral de Lugo, a do priorado de A Cova que só había durar noventa e seis anos, pois foi suprimida no 1824. O templo conserva a fábrica orixinal case na súa totalidade, aínda que con elementos decorativos sinxelos. A Porta principal amosa un arco de medio punto con dúas arquivoltas. A ábsida está dividida en tres partes por dúas semi-columnas. Está situada nun lugar privilexiado, nunha costa arrodeada de viñedos e con vistas sobre o río Miño, fronte ao Cabo do Mundo.
Mosteiro de San Paio de Diomondi: A primeira noticia data do ano 954. Mudou a súa advocación de Santo Estevo pola de San Paio entre o 1138 e o 1164, en honra do sobriño do bispo de Tui, xove mártir galego decapitado en Córdoba. Neste ano está en mans de Fernando II quen o cede á Igrexa de Lugo, logo foille arrebatado por Afonso IX, séndolle devolto de novo no 1231 por Fernando III. No 1366 consta unha terceira doazón á catedral cando Fernando Ruiz de Castro, debido aos males que lle fixera, doa ao bispo de Lugo, frei Pedro López, o meu couto e feligresia de san Payo de Diomonde, con Belsar, que he en terra de Lemos, co dereito de poñer nel mayordomo e juices e notarios e oficiaes de justicia et tirarlos quando cumprir, prohibíndolles aos de Monforte e terra de Lemos entraren nel. Nestes documentos non constan monxes, abades, abadesas, priores, prioresas, coéngos ou racioneiros polo que debía estar a maior parte deste tempo sen comunidade, estando baleiro no 1366. Mais o seu fermoso templo románico amosa que debeu ser sé dun cenobio aínda que nada se saiba del, con independeza de que o dono ou padroeiro fose o bispo de Lugo, o adiantado maior de Galicia ou o conde de Lemos. F. J. Pérez Rodríguez di que debeu desaparecer a principios do século XIII. Hai quen sitúa aquí aos cabaleiros da Orde do Temple. A igrexa, construída con muros de cadeirado de granito, ten unha nave de planta rectangular. Fachada con portada abucinada enmarcada por catro arquivoltas apoiadas en columnas de fuste de mármore e capiteis historiados. Por baixo do tímpano, liso sobre mochetas con forma de monstros, hai unha inscrición; os arcos de descarga que a flanquean semellan portas. O aleiro está decorado con canzorros de figuras xeométricas. Espadana granítica de dous vans. No interior consérvanse unha pía bautismal do século XIII, unha cruz de prata do XVIII e tres retábulos neoclásicos do século XIX. 
Mosteiro de Santa Cecilia de Freán: Foi algún tempo mosteiro. A xurisdición civil e criminal era do conde de Lemos. O mosteiro dá a congra e os décimos a un sacerdote para que administre os Santos Sacramentos aos fregueses, e a comunidade tiña tamén o dereito de presentación por estar unida a Rosende.  
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño: Citado por primeira vez como mosteiro no ano 1238. A finais do século XIV é sé dunha abadía segrar xa que entre os anos 1377 e 1388 o seu superior é Estevoo Rodrigues, prelado do moesteyro de Santo Estevo. Na segunda metade do século XV conta aínda cun abade. No Archivo Histórico Nacional consérvase do mosteiro de Santo Estevo un pergameo tardío do século XIV e dous cartafoles de papeis. A igrexa pertenceu a un antigo mosteiro beneditino dependente de Samos, construída no último terzo do século XII en estilo románico rural galego. Consta de nave e ábsida. Na fachada aprécianse dúas partes ben diferenciadas: a inferior, con portada con arquivoltas abucinadas na que sobresaen sete figuras que representan aos sete anciáns da Apocalípse, que amosan a pegada da escola do Mestre Mateo, e capiteis con decoración xeométrica e vexetal sobre catro columnas. Na outra parte ábrese un enorme rosetón baixo o que hai un tornachoivas formado por arcos. A ábsida, máis reducida e baixa ca nave, consta dun primeiro tramo recto e outro semicircular. O tambor presenta tres absidiolas. 
Mosteiro de Nazara: Sobre este mosteiro de Nazara ou Naraza, do que non queda pegada algunha na toponimia, tense escrito (Argaiz) que pode ser o mesmo que o de Santo Estevo de Ribas de Miño. Deste mosteiro, suxeito a Samos, escribe Vázquez Seijas (1947) que só poderiamos saber se se trata do mesmo, en todo caso, polos fondos documentais do cenobio samonense. Deste mosteiro, situado in villa Nazara tamén fala o P. Yepes. Castro López, en Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca, limítase a nomealo entre as lembranzas mosteirais da ourela esquerda do Miño.   
Mosteiro de San Vitoiro de Ribas de Miño: Pertenceu a un mosteiro fundado no ano 929 polo abade Veremundus Páez. Foi filial do de Pombeiro. Supostamente, o mosteiro recibiu carta de couto de Afonso VII no 1142 grazas a Sancho Ordóñez que actúa como procurador do abade Lopo Ordóñez. No século XIV aparecen como abades algúns membros do cabido de Lugo. No século XV San Vitoiro tiña estaba en mans de padroeiros laicos. A xurisdición civil e criminal levábaa o conde de Lemos, e a presentación da igrexa o conde de Amarante. A igrexa mosteiral aparece citada nun documento do século X. O templo actual é do século XII e conserva case toda a súa fábrica románica, agás a sancristía anexada ao muro sur e a parte alta dos frontais. No exterior salienta a porta principal, con arquivoltas que desacansan sobre tres pares de columnas de mármore, outra porta no muro norte e a ventaniña do testeiro. No seu interior garda unha cruz de prata de estilo rococó.



 

 

SOBER

Canabal: No ano 1244 cítase en Canabal unha bailía da orde monástico-militar dos Templarios. Neste mesmo documento dise que estes monxes posuían "de Canabal de Spasandi, de Sancto Georgio de Canedo", etc.
Mosteiro de Santa María de Amandi: No ano 841, Afonso II doa á igrexa de Lugo "in territorio Verosimo, prope rivulo, iuxta Castrum vocitatum Francos, aliud monasterium ab antiquo dictum S. Mariae de Amandi..." No 897, Afonso III confirma á igrexa lucense "in Verosmo monasterium Sancte Marie de Amandi cun eclesia S. Tirsi et iu adiunctionibus ab integro".
Mosteiro de San Xián de Lobios: Igrexa vencellada a un mosteiro bieito desaparecido, unha rama masculina da rama masculina de Santa María de Amandi. En Lobios aínda perdura o topónimo O Mosteiro. As primeiras mencións documentais ao cenobio datan do ano 1252, se ben a súa fundación debeu ser anterior. A derradeira abadesa foi Catalina Vázquez de Somoza. No ano ano 1494 foi visitado polos observantes de Valladolid que só atoparon residindo alí a abadesa e unha monxa de nome Aldonza Rodríguez, e as que acusaron dun bo número de faltas á vida relixiosa, depoñendo á abadesa e suprimindo a vida monacal. Dona Constanza fuxiu de Antealtares e volveu para Lobios, onde, protexida pola súa familia, alí vivirá ata o 1516, feito que termina coa historia de San Xián. No 1505 dona Constanza fora unha das cinco abadesas que acordara con Diego de Muros III entregar a súa abadía ao Hospital Real de Santiago, aínda que posteriormente renunciou a seu cargo en favor da Santa Sé en 1513. No 1516 foi absorvido por San Paio de Antealtares. A Igrexa ten a orixe nun templo románico do século XIII con elementos que mostran a transición ao estilo oxival. Nave con bóveda de canón apuntado no testeiro e cabeceira con bóveda de crucería. A portada é abucinada, con arco de medio punto con catro arquivoltas decoradas con rosetas e bólas, os capiteis presentan motivos vexetais. A ábsida é rectangular, dividida en dous tramos por dúas columnas con capiteis entrenzados. No interior ten un tramo cuberto con bóveda nervada que se apoia en columnas con capiteis con símbolos, adornados con pinturas, dos catro evanxelistas: anxo, touro, león e aguia. Interesantes pinturas decoran os muros. 
Priorado de Doade: Foi fundación bieita que dependía do mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte. Relacionado coa producción do viño, coa Desamortización de Mendizábal do XIX remataron os dezmos que tiñan que pagar os vecinos da zona, século que pasou a mans particulares.
Priorado de Portizó (Anllo): No Inventario Artístico e Lugo y su Provincia (1976-1983) cítase o Priorato de Portizó con restos dunha capela e unha alusión ao abade de Meira.
Priorado de San Miguel de Rosende: Bieitos. Sábese que xa existía no ano 1246, dependente de Santo Estevo de Ribas do Sil. Apenas queda algún resto románico na varias veces reconstruída igrexa.
 

TABOADA
Mosteiro de Santa María de Xián: Consérvase a igrexa, documentada no ano 786. Tamén se conserva outro documento do ano 897, nunha doazón do rei galego Afonso III. No 1199 Urraca Fernández de Traba doálle ao cenobio XXX solidos. Do 1211 é o testamento dunha abadesa de Xián, de nome Gontrode Ruderici. Do 1229 unha concordia entre o prior de Vilar de Donas e a abadesa de Xián. Un documento do ano 1245, escrito en latín, fala deste mosteiro familiar habitado por monxas. Amor Meilán cítao na súa Historia de la provincia de Lugo, tomando como noticia a España Sagrada do P. Risco. A súa desaparición debeu ser antes do século XIV. Aínda hoxe en día se conserva a tradición na xente do lugar de Xián que o sitúa xunto a igrexa parroquial, nuns terreos que levan o nome de O Mosteiro.
Mosteiro de Santa María de Taboada dos Freires: Consérvase a igrexa románica do ano 1190. O topónimo apunta a que aquí residía unha comunidade de freires cuxo cenobio, segundo a tradición oral, ocuparía o lugar onde se atopa a horta da reitoral. Existe un documento do ano 1244 que fala dunha concordia asinada polo bispo polos dereitos do Cabido sobre varias posesións que os cabaleiros do Temple tiñan no lugar. Co nome de Taboada dos Freires figura nunha escritura do cenobio outorgada no ano 1369 entre o bispo de Lugo, Fr. Pedro López e María Moñiz. A igrexa debeu continuar en poder dos templarios ata a supresión da orde. No ano 1927 a edificación románica sufriu modificacións na fachada e noutros elementos. O máis interesante que aínda conserva o templo é o tímpano da porta principal no que figura unha inscrición co nome do arquitecto e a data da súa construción, e un altorrelevo que representa a Sansón desqueixando a un león (esta representación podemos vela tamén nas igrexas de Santiago de Taboada, Santa Olaia de Beiro, San Martiño de Moldes, Santiago de Taboada, San Xoán de Palmou e San Miguel de Oleiros). Na moderna ábsida aínda se conserva unha xanela románica. Hai unha inscrición en latín que, traducida, di: "Pelagio Yáñez, o mestre que escribiu. En honor de Santa María, Eldara construíu o templo, os freires adicáronno en nome de Noso Señor Xesucristo. Na Era 1228 (ano 1190), un día antes das Nonas de Maio (o día 6)".


 

TRABADA
Mosteiro de Santa María: Na vila de Trabada houbo un mosteiro, coetáneo do cenobio de Sperautano (ver a entrada en Ribadeo) que permaneceu activo ata a exclaustración dos monxes no ano 1836. 

TRIACASTELA 
Mosteiro de Ramil: Nicandro Ares cita un documento do ano 1122 no que consta que un tal Fernando Roderiquiz dóalle ao bispo de Lugo, Pedro III, e aos seus coengos, varias herdades entre as cales está a "sexta monastei de Ramir". No século X menciónase un mosteiro de Triacastela. 
Mosteiro de San Pedro do Ermo (A Balsa): Ao parecer xa existía cando o conde Gatón o restaurou no ano 919. O que non se pode dicir, como apunta Nicandro Ares, é que foi Gatón quen o fundou, mais que si doou ao mosteiro a vila de Ramil. O etimólogo cita un documento do ano 1122 onde un tal Fernandus Roderiquiz doa ao bispo de Lugo, Pedro III, e aos seus coengos varias herdades, entre outras, a "sexta monasterii de Ramir". 

O VALADOURO
Convento da Veiga de Santa Cruz: Non se conservan restos. Dise que o Adán e a Eva flanqueados por Satanás que se ve no lintel da igrexa de Santa Cruz do Valadouro procede deste cenobio.
Mosteiro de Bermún: Na parroquia de Santa Cruz do Valadouro. Bieitos. Desaparecido. Na documentación antiga aparece como Vermundo. Segundo Amor Meilán foi fundado polo Conde Santo. Hai investigadores que cren que os mosteiros da Veiga de Santa Cruz e Bermún eran o mesmo.
  
O VICEDO
Mosteiro de San Miguel da Illa da Coelleira: Segundo Amor Meilán, a súa fundación remóntase ao século V polo bispo Consencio. Os primeiros documentos datan dos anos 1095 e 1099. Sábese que estivo rexentado polos Coengos Regulares de San Agostiño, mais a ausencia de documentación dende o 1099 ata o 1420 deu lugar a varias lendas que sitúan aquí aos templarios. No 1485 o seu prior cédeo a San Martiño de Mondoñedo, confirmación concedida no 1489 polo bispo de Mondoñedo e no 1490 polo bispo de Catania. Aparece citado nun documento do ano 1488, nunha relación do bispado de Mondoñedo para o pagamento do subsidio da guerra de Granada, tendo que aboar a cantidade de seis mil cincocentos marabedís, o mesmo que San Miguel das Negradas. Manuel Gago, no seu Capítulo Cero, achega un artigo titulado No ronsel das barcas de Coiro, explorando o mosteiro de San Miguel da Coelleira. Nunha visita á illa no ano 2014, Gago localizou uns posibles restos do primeiro mosteiro nunha ruinosa construción que pode corresponder a unha obra do ano 1522, cando o bispo de Mondoñedo ordenou "arreglar la compostura" do cenobio. 
Mosteiro da Insua de San Martiño: É moi complicado seguir a súa traxectoria xa que é o único mosteiro bieito do que non se conservan documentos anteriores á súa anexión a San Paio de Antealtares no ano 1504.. Sábese que era de carácter patrimonial e familiar. Só se conservan algunhas pedras esparexidas polo illote situado preto da desembocadura do río Sor. 
Mosteiro de San Miguel das Negradas: Di Pérez Rodríguez (2008) que este mosteiro é o peor documentado de toda a Idade Media galega posto que só se sabe del en 1488, cando aparecer na relación feita polo bispado de Mondoñedo para o pagamento do subsidio da guerra de Granada, correspondéndolle pagar seis mil cincocentos marabedís, o que indica que é un dos máis pequenos e pobres da Galicia medieval. Foi a última casa feminina en incorporarse á observancia de Valladolid. A súa última prioresa foi dona María Viçosa, que a pesares de que a audiencia arcebispal de Santiago a apoiou, ao final a casa pasou á Congregación de Valladolid no ano 1514; no 1543 foi absorvida por San Paio de Antealtares.

 

 

VIVEIRO
Mosteiro de Valdeflores (Viveiro): Dominicanas, século XIV. No interior da igrexa consérvase a imaxe da Virxe de Valdeflores que, segundo a lenda, deu orixe ao nacemento do cenobio. O mosteiro foi remodelado nos séculos XVI, XVIII e XX. A igrexa presenta trazas románicas e oxivais. A torre do campanario é do 1618, para a súa construción tomouse como referencia a do desaparecido convento de San Domingos. A portada é oxival con arco interior en forma de trevo e con arcos sostidos por columnas e capiteis de follas. Sobre ela hai unha escultura de San Domingos proveniente do desaparecido convento dominicano. O interior é dunha soa nave, con presbiterio e coros alto e baixo ao fondo. Detrás do retábulo aprécianse restos de pinturas murais. Entre o mobiliario destaca un órgano do século XVIII e un Lignum Crucis traído de Xerusalén pola beata Constanza de Castro. No ano 1673, Breve do papa Clemente X en que se concede indulxencia á confraría do Santísimo Sacramento, establecida neste mosteiro. 
Convento dos dominicos (Viveiro): Extramuros da vila, na actual Praza de Lugo, ergueuse un convento dominicano construído no ano 1215 e que tivo vida monástica activa ata o seu derrube a mediados do século XIX. A comezos do século XX iniciouse a construción dun convento no casco histórico da Cidade do Landro para acoller de novo unha comunidade dominica, mais o edificio non chegou a rematarse. Hai algúns anos, o edificio foi mercado para construír un hotel, proxecto que foi abandonado. En maio de 2012 desprendéronse ladrillos e vigas e a fachada está a desviarse perigosamente. Ante a gravidade de derrube, o Concello instou aos propietarios para que aseguraran o edificio, no caso de non facelo e se se ten que facer con cargo aos presupostos municipais, o inmoble pasaría ao Concello.
Convento de San Francisco (Viveiro): Franciscáns. Segundo a tradición, o convento foi fundado por San Francisco de Asís no ano 1214 cando peregrinaba a Compostela. Ten forma rectangular con claustro e patio no interior. A planta baixa do claustro, do século XVIII, acollía a portería, a sala capitular, a cociña e o refectorio, e no piso as celas. Consérvanse tres arcos románicos descubertos no 1945 e unha porta da primitiva construción. Hoxe en día acolle varias dependencias municipais. A igrexa é de estilo oxival. Á portada principal accédese por medio dunha escalinata dobre. Sobre a porta ábrese unha ventá produto dunha restauración practicada no ano 1682. A planta é de cruz latina con bóveda de medio canón e piastras e arcos de cantaría. Sobre o cruceiro álzase a cúpula do ano 1725. A ábsida é unha das máis altas de Galiza. Na nave atópanse os sepulcros da Beata Constanza de Castro e do político e escritor Nicómedes Pastor Díaz.
Convento das Concepcionistas (Viveiro): Franciscás. Convento de traza renacentista fundado no ano 1607, mercede ao testamento outorgado por Dona María de Alas Pumariño, situado na parte máis alta da antiga vila amurallada. Xunto a entrada da igrexa conventual construíuse no 1925 unha gruta a semellanza da Lurdes francesa.
Mosteiro de San Xoán de Celeiro: Finais do século VIII. Sábese da existencia deste mosteiro polo testamento asinado polo diácono Rodrigo, natural de Coímbra (Portugal).



 

XOVE
Mosteiro de San Estevo de Sumoas: Finais do século VIII. Como no caso de San Xoán de Celeiro (Viveiro), sabemos da existencia deste cenobio polo diácono Rodrigo.
Mosteiro de San Tirso de Portocelo: Fundado a finais do século VIII sobre un primitivo castro costeiro. Consérvanse restos do primitivo cenobio e unha capela, tamén en ruínas, do século XVII que foi abandonada definitivamente no ano 1929. Dise que foi fundado polo diácono Rodrigo de Coimbra, cuxa principal función consistía en cohesionar o Reino de Galicia baixo a relixión católica.