* Outro círculo na Pobra do Brollón

Continúan aparecendo estruturas prehistóricas descoñecidas ata non hai moitos anos no territorio galego. Un bo exemplo destas son as bautizadas como henges, pola súa similitude cos monumentos prehistóricos atlánticos formados por un parapeto circular. Con todo, esta denominación parece algo provisional, xa que non se determinou con precisión a natureza destas circunferencias de pedras, cuxo número foi en aumento nos últimos anos no noroeste peninsular.

 

O descubrimento dunha destas estruturas na parroquia de Cereixa, concello de Pobra do Brollón (Lugo), por parte de Xabier Moure (comuniqueillo 0 28 de febreiro de 2020), desencadeou a planificación e redacción dun proxecto de intervención arqueolóxica a mans do mesmo equipo interdisciplinar que descubriu e escavou o cairn da Muradella, tamén na Pobra do Brollón, dirixido polo arqueólogo da Universidade Complutense de Madrid, Rodrigo Paulos Bravo, e asesorado polo tamén arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa, Xurxo Ayán Vila. 

“As imaxes de radar (LiDAR) mostran claramente a existencia dun gran círculo marcado no terreo duns 65 metros de diámetro. Varias inspeccións oculares do lugar por parte do equipo confirmaron que se trata dun círculo constituído por gran cantidade de cantos que forman unha estrutura anular”, segundo se indica dende o equipo de investigación. Ademais, puideron observar unha importante dispersión de material arqueolóxico en superficie, vinculado a momentos prehistóricos, o que reforza a potencial importancia arqueolóxica do sitio. A construción, aínda que en principio de función descoñecida, xa se cría que podería corresponder cronoloxicamente á Idade de Bronce, cara ao 1500 e o 900 a.C., polo que se coñece de paralelos como o círculo de Ventosiños (Coeses, Lugo) e A Roda (Barreiros, Lugo).


Os primeiros indicios apuntaban a que podería tratarse dunhas construcións cun uso ritual ou cerimonial vinculadas tanto ao mundo dos vivos como ao dos mortos. A súa localización, a media ladeira nunha das principais encrucilladas de camiños históricos, onde se cruzan os pasos que entran da Meseta desde o Bierzo e os que se internan na Terra de Lemos (non en balde, a vía do tren discorre a escasos metros do sitio), incide na importancia da contorna, nunha paisaxe no que o control dos lugares de fácil tránsito era clave para o control do territorio. 

As escavacións comezaron en xullo de 2023, enmarcándose dentro das actividades planificadas polo “Bicentenario do Concello de Cereixa 1821-1823”, parroquia na que se atopa a misteriosa estrutura. Os traballos contan co apoio da asociación de veciños “María Castaña" de Cereixa e do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. O muro perimetral ten uns 5,5 metros de grosor, arrodeado polo exterior por un gran foxo. Segundo Paulos, non só é un simple parapeito de terra ou pedra, senón algo máis complexo, dunha amonumentalidade indiscutible. O muro consiste en dous paramentos de pedra entre os que se depositaron materiais de recheo (maiormente pizarras e cuarcitas, e tamén limonita). Os sondeos xeomagnéticos indican que a construción mantense íntegra en todo o seu perímetro. Acaroado ao interior da muralla, baixo o derrube da mesma, apareceu unha estrutura de madeira carbonizada que indica que o lugar sufriu un gran incendio, accidental ou voluntario, que acabou coa ocupación do sitio. No interior do emprazamento documentáronse os zócalos de pedra de, polo menos, unha cabana feita en madeira e barro, con algún dos buracos dos postes que a sustentaban, así como un gran número de fragmentos de cerámica. Nesta zona recuperouse tamén unha gran machada de pedra que, xunto á cerámicas, sitúan o xacemento na Idade do Bronce.

Dúas datacións por radiocarbono achegan o período no que Vilarello estivo habitado. A primeira das datacións obtidas tras analizar os carbóns do gran incendio que sela o lugar achega unha cronoloxía entre o século XI e o IX a.C. que sería cando se construíu a muralla e a estrutura de madeira, nos momentos finais da Idade de Bronce. Os investigadores cren que durante a construción da muralla o coñecemento e a técnica da metalurxia do ferro aínda non chegara á Terra de Lemos.

Segundo o equipo investigador, “máis sorprendente aínda é o resultado da segunda datación, correspondente á cabana situada intramuros, xa que lanzou unha data de entre o século VIII e o V a.C., o que suporía a continuación do período anterior, convertendo a Vilarello nunha testemuña perfecta da transición entre a Idade de Bronce e a I Idade de Ferro. Este período, profundamente descoñecido en Galicia, é moi esquivo para os investigadores, e os paralelos máis claros proveñen do norte de Portugal e de Asturias. En Galicia, o patrón de poboamiento tanto do final do Bronce como de principios do Ferro é unha das materias pendentes da arqueoloxía, polo que xacementos como Vilarello cobran unha importancia vital na comprensión dos cambios sociais que se dan entre o II e o I milenio a.C.”.