* A pedra que dominaba o tempo

Hai cousas que sempre cres que estarán aí, que non van desaparecer. Visítalas un par de veces, e despois, ao longo dos anos, pasas moi preto delas pero non te achegas. Non é necesario, aí sigue, seguro. Dis para ti: "Esa si que ten sorte, eiquí nin plantacións forestais, nin traballos agrícolas... e ademais todo o monte pódese dicir que é BIC". Parece mentira, cos quilómetros que leva un sobre as costas e continúa a ser un inxenuo 

No Monte de Santa Mariña, no concello do Incio, atópase unha das necrópoles do Neolítico, declarada Ben de Interese Cultural (BIC), máis interesantes de Galicia, con arredor de medio cento de mámoas, moitas con cámara megalítica. No mesmo monte tamén podemos ver algunhas pedras con petroglifos.

 

Se os túmulos funerarios son os máis coñecidos, non o é tanto, ao menos para a xente foránea, a coñecida como A Pedra do Tempo.

 

Tratábase (si, en pasado) dunha gran lousa de pizarra, de máis de dous metros de alto, arredor da cal se practicaba un curioso ritual.

Segundo a tradición, adoitaba colocarse a enorme pedra en posición vertical cando se quería que deixara de chover e que saíra o sol (se chovía de máis podían perderse as colleitas). Ao pasar o verán ou en tempos de moita sequía, volvían a tumbala no chan para que a choiva caese de novo. Pero para que o ritual fora efectivo precisábase que para erguela participaran os veciños das cinco parroquias da contorna, isto é: Reboiro, Santa Cristina do Viso e Toldaos (O Incio), Teibilide (Samos) e Loureiro (Sarria).

A Pedra do Tempo situábase xunto a desaparecida ermida de Santa Mariña, documentada no século XVIII, e que actuaba como marco entre varias freguesías.

 

Lamentablemente, contáronme que hai uns sete ou oito anos o fito foi sacado do lugar orixinal por un desaprensivo de forma premeditada xa que non hai unha soa persoa nos arredores que descoñecera a tradición e o que a Pedra do Tempo representaba.

 

Na actualidade, parte do fito atópase, partido, na beira dun camiño, o resto, xunto coas pedras que o suxeitaban para mantelo en pé, debaixo das augas dunha pequena lagoa, no lugar onde se levantaba a capela.

 

Ao atoparse nun campo de mámoas, é posible que a Pedra do Tempo fora unha primitiva pedrafita, un menhir da mesma época que as mámoas. A propia ermida construiríase para cristianizar un sitio considerado como pagano. Non debemos esquecer que moitos monumentos megalíticos foron obxecto de culto moitos séculos despois, mesmo cando o cristianismo xa estaba instalado en Galicia, e a Igrexa, para acabar con esas prácticas, en vez de destruílos, erixiu ermidas, cruceiros e outros monumentos coa simboloxía cristiá. No presente caso, a pedrafita fixa da prehistoria pasaría logo a converterse nunha "pedrafita móbil". 

En Galicia coñezo outras dúas pedrafitas que cumprían unha función semellante: A Pedra da Touza e a Pedra do Touzo, na serra do Faro de Avión, que orixinariamente eran unha soa, e a Pedra do Chan do Marco, na Cañiza.

  
 

Imos tentar que a pedra que foi desprazada volva ao seu sitio. Aínda non sabemos como facer xa que dános que falar co Concello para que repare o dano vai ser como falarlle ao vento. Mais, por sorte, si sabemos que algúns veciños están polo labor.

* Petroglifos e nomes de animais

Segundo os datos que manexo, uns 120 lugares de Galicia con petroglifos levan nomes de animais, o que non debe confundirnos xa que na gran maioría dos sitios non figuran representacións deste tipo. De feito, só nalgúns casos a pena ou as penas tomaron o nome dos motivos zoomorfos insculpidos sobre as mesmas e non ao revés, e sempre referidos a un reducido número.

Serpes (ou serpentiformes), cervos e cabalos (outra cousa son as numerosas "pegadas" atribuídas a estes cuadrúpedes identificados co cabalo da Virxe ou de Santiago) son os motivos máis representados. Pode haber outros animais pero, debido ao seu esquematismo, resulta moi difícil recoñecelos.

Na seguinte relación indico as penas que teñen gravuras de animais e que toman destes o nome, e tamén aqueloutras con nomes de animais pero onde non se representa ningún ou que non existe relación entre o animal representado e o nome. 

Sobra dicir que existen máis penas con gravuras de zoomorfos, que non traigo eiquí porque non levan nomes de animais.    

Se alguén dispón dalgunha outra información, agradézolle a achega. 

(Máis información sobre estes e outros petroglifos galegos nas entradas xerais do blog) 

BOI, VACA

Pena do Boi ( Coirós)
Penedo do Boi (Vilarmaior)
Fonte das Vacas (Baiona)
Monte do Boi (Baiona)
Campo de Matabois (Campo Lameiro): Zoomorfos
As Vaqueiras (Moaña)
O Toural (Moaña)

 

BURRO, CABALO, MULA

A Patada da Mula (Coristanco): Gravura con forma de ferradura 
Pena do Cabalo (Sober): Posible trazo dun cabalo 
Salto do Cabalo (Vilardevós): Gravuras de ferraduras 
Laxe dos Cabalos (Campo Lameiro): Escea de monta 
Pena dos Cabalos (A Estrada)
Pé da Mula (Mondariz): Zoomorfos 
Eido da Burra (Ponteareas)
Regueiro do Cabalo (O Rosal): Cabalo ou cérvido

 

CABUXA, CABRA, CARNEIRO

Laxe das Cabras (Boiro): Zoomorfos
Laxe das Cabras (Oleiros)
Cabuxas (Ribeira)
Pedra das Cabras (Ribeira): Zoomorfos
Penedo da Cabra (Sandiás): Desparecido. Dise que tiña a figura dun cáprido
As Carneiras (Tui)

 

CAN, LOBO

Pedra da Loba (Santiago): Cervos e cabalos
Penedo do Can (O Irixo)
Fraga dos Lobos (Verín)
Abrigo dos Lobos (Pazos de Borbén)

 

CERVO, CORZO

Rego do Corzo (Porto do Son): Zoomorfos
Laxe dos Cebros (Cotobade): Cérvidos
Auga dos Cebros (Oia): Zoomorfos
Pedra do Cervo (Pontecaldelas)

 

COELLO, LEBRE

Rega do Coello (Antas de Ulla)
Chan da Lebre (Oia): Zoomorfo
Laxe das Lebres (Poio): Cérvidos
Alto do Coello (Tui): Cuadrúpedes 

 

CORVO

Outeiro dos Corvos (Boiro)
Outeiro do Corvo ( Carnota)
Pedra do Corvo (Cerceda)
Outeiro dos Corvos (Dodro)
Pena do Corvo (Tordoia)
Pena Corveira (Portomarín)
O Corvo (A Bola)
O Corvo (Rairiz de Veiga)
Outeiro da Corva (Cerdedo)
Outeiro do Corvo (Nigrán)

CUCO, MOUCHO

Devesa dos Mouchos (Dodro)
Outeiro do Moucho (Rianxo)
Os Mouchos (Rianxo): Cérvidos
As Mouchas (Rairiz de Veiga)
Laxe do Cuco (Cotobade): Cérvidos
Monte do Moucho (Cuntis)
Outeiro do Moucho (Moaña)

 

GALIÑA, GALO

Alto da Galiñeira (Carnota)
Pena do Galo (Sober)
Outeiro do Galo (Campo Lameiro) 
Outeiro do Galiñeiro (Cuntis)
Coto do Galo (Fornelos de Montes)      

GATO

Pena do Gato (Carballo)
Outeiro do Gato (Muros)
Montes do Gato (Oza dos Ríos)
Pena do Gato (Pontedeume)
Val do Gato (A Lama)

GOLPE, RAPOSO, ZORRO

Couto dos Golpes (Cabanas)
Furado do Raposo (Irixoa)
Abrigo do Raposo (Amoeiro)
A Raposeira (Baños de Molgas)
Outeiro da Raposa (Monterrei)
Fraga do Zorro (Verín)
Escorregadeira da Raposeira (Campo Lameiro)
Regato da Raposeira (Cotobade)
Pé da Raposa (Meaño)
Pedra Raposeira (Pazos de Borbén)
Escorregadeira da Raposeira (Pazos de Borbén)
As Raposeiras (Pontecaldelas)
Camiño do Raposo (Tui)
Outeiro dos Raposos (Vigo): Serpentiforme

 

LAGARTO
 
Pena do Lagarto (Sober)
A Lagarteira (Allariz)
Fonte do Lagarto (Cotobade): Cuadrúpede
Penedo do Lagarto (A Estrada)  

OSO

Fonte do Oso (Coirós)
Pena do Oso (Baralla)
Pena do Oso (Cervantes)
Pena do Oso (Láncara) 

PEIXE

Pedra Sardiñeira (Pazos de Borbén)
A Peixeira (Pazos de Borbén)   


RA, SAPO

Pedra da Ra (Ribeira)
Outeiro da Ran (Cuntis)
Fonte do Sapo (Vigo)

SERPE

A Pedra da Serpe (Ponteceso): En realidade é unha escultura, non unha inscultura
Penedo das Serpes (Entrimo)
Serpe de Pazó (Muíños): Serpentiforme
Pedra da Serpe (Nogueira de Ramuín): Serpentiforme
Pedra da Serpe (Campo Lameiro): Dúas serpes
Serpe do Monte de Baixo (Cerdedo): Serpe
Cova da Serpe (Cotobade)
Pedra da Serpe (Ponteareas): Serpe no castro de Troña. Nas inmediacións foron descubertas outras dúas no ano 1932, hoxe en día sen localizar
Pedra das Serpes (Valga): Serpentiformes

 

INSECTOS

Casa das Abellas (Porto do Son)
Regueiro do Grilo (Baiona)
Chan da Abelleira (Campo Lameiro)
Fonte Mosqueira (Cerdedo)
Escornabois (Mondariz)   

OUTRAS AVES

Paxariñas (Culleredo)
Pena dos Paxaros (Irixoa)
Petón de Paxareiras (Mazaricos)
Devesa da Rula (Santiago)
O Pombar (Sober)
Penedo das Grallas (Laza)
O Pombal (Campo Lameiro)
Punta dos Patos (Cangas)
Coto da Rola (Redondela)
Alto do Palomar (Vigo) 

OUTROS ANIMAIS 

Poldras do Ourizo (Monterrei)
Outeiro da Besta (Cotobade)
Outeiro do Morcego (Cotobade)
Pedra da Tartaruga (Poio)
Chan do Rato (Redondela)
Os Cochos (Vigo)