XACEMENTOS PALEOLÍTICOS DE GALICIA

Que a investigación arqueolóxica en Galicia se centrara no Megalitismo, nos petroglifos e nos castros arredou a un segundo plano o apaixoante período do Paleolítico. O primeiro que se interesou por este período foi Villaamil y Castro quen, na súa Antigüedades Prehistóricas y Célticas de Galicia (1873), xa defendía a presenza do home paleolítico nas covas galegas pero apenas tivo eco entre os seus coetáneos xa que falar disto tocaba o tema da evolución do home, cuestión espiñenta naquela época. Villaamil escava as covas da Furada dos Cas e do Rei Cintolo, en Mondoñedo. Logo, a investigación queda no esquecemento ata o ano 1922, cando Hugo Obermaier visitou Galicia para recoller datos nos que apoiarse coa finalidade de dar un ciclo de conferencias sobre a Prehistoria na Universidade de Santiago, logo publicadas no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense, onde predice que o home paleolítico viviu en Galiza durante os glaciais e interglaciais e que, debido á escaseza de covas, instalouse en campamentos ao aire libre, nas ourelas dos ríos, nos areais costeiros, etc. O dito por Obermaier quedou confirmado no ano 1925, cando os descubrimentos, por dous xesuítas, dos materiais de Camposancos (A Guarda), ano considerado polos investigadores como a data de inicio do Paleolítico galego. No 1949, Álvarez Blázquez e Bouza Brey dan a coñecer un estudo sobre uns achados paleolíticos na comarca de Tui. Na segunda metade do século XX realízanse varias intervencións na Piteira, Pazos e A Chaira, configurando outro foco da investigación no Noroeste. Pero será a partir dos anos sesenta cando encomencen os traballos que permitirán achegarse ao coñecemento do Cuaternario e do Paleolítico. 

Dende que o paleontólogo Emiliano Aguirre, xunto con Desmond Collins e Karl W. Butzer escavaran nas Gándaras de Budiño no ano 1963 (supuxo a primeira escavación moderna), en Galicia saíron á luz máis de 250 xacementos duns homínidos que utilizaban as vías naturais das cuncas fluviais e valgadas, sendeiros abertos por mandas de rinocerontes, uros, elefantes, cervos, etc. aos que seguían para alimentarse, utilizando como refuxio as covas e outro tipo de acubillos. Fauna, por moi incrible que nos pareza, que formaba parte da paixase do país e que, por mor das glaciacións e os cambios climáticos, desapareceu de Europa. No ano 1970, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento organizou unha exposición en Santiago en homenaxe a Federeico Maciñeira, coa exposición de útiles paleolíticos aparecidos na provincia de Lugo, descubertos por José Ramil Soneira en xácigos de Muras, Vilalba e Xermade que, por fin, abriu o coñecemento do Plistoceno de Galicia. 

Non queremos pasar por alto o enorme labor realizado polos grupos espeleolóxicos galegos a partires dos anos oitenta (Club de Montañeros Celtas, Pena Trevinca, G.E. Vagalumes, G.E.S Ártabros, Grupo Maúxo, G.E.S. Irmandiños, etc.) que é cando se vai intensificar a investigación co levantamento de mapas topográficos que porán de manifesto a importancia paleontolóxica e arqueolóxica dos sistemas cársticos do oriente galego, principalmente da Serra do Courel, Serra da Enciña da Lastra e parte dos Ancares. A información dispoñible sobre o Paleolítico galego está baseada en gran parte nos xacementos e dispersións ao aire libre, mais existe unha zona de especial interese: a zona calcaria galega onde se localizan os complexos cársticos de maior entidade arqueo-paleontolóxica: Cova do Rei Cintolo (Mondoñedo), Cova de Eirós (Triacastela), Valdavara, da Venta e Furco (Becerreá), Pedrafita-O Courel con numerosas cavidades que achegaron restos paleontolóxicos, e a zona de covas da Enciña da Lastra (Rubiá de Valdeorras) onde destaca o xacemento da Pala da Vella. Sinala De Lombera Hermida que só en casos de espazos xeográficos concretos podemos atopar un bo marco de estudo, caso das terrazas fluviais de Monforte de Lemos. 

Hoxe en día xa non é unha quimera o asegurar que a ocupación paleolítica en Galicia é comparable á do resto da Península. 

ACLARACIÓN: Inclúo achádegos pertencentes ao Mesolítico/Epipaleolítico, período prehistórico que separa o Paleolítico do Neolítico, cuxa duración se sitúa entre o 8000 e o 4000 a.C., se ben a súa cronoloxía é variable e imprecisa.

PALEOLÍTICO DA PROVINCIA DA CORUÑA

ARTEIXO
    
O Reiro: Depósito litoral ao aire libre da transición do Mesolítico ao Neolítico, asentado sobre unha duna fósil situado preto da praia de Barrañán. Os primeiros achados débense a J. Ramil Soneira que atopou lascas de diorita traballadas (rocha de orixe volcánica), burís, raspadores, perforadores, microlitos xeométricos, toscos testos cerámicos e restos orgánicos de cervos, xabaríns, aves ou vértebras de peixes.  Coa pasividade das administracións públicas, foi obxecto da extracción de áridos dende o 1968. Na actualidade atópase oculto por capas de area e sedimentos. 
 
A Rocheira: Lasca tipo "clactoniense" atopada por Luis Monteagudo, que publicou no Cuaderno de Estudios Gallegos no ano 1947.


 


BOIRO

Barraña: No ano 1984, o profesor Vázquez Varela e o profesor da Universidade de Salamanca Luis Benito del Rey atoparon na Barraña un útil do Paleolítico Inferior.

Praia de Agüeiros: Útiles do paleolítico atopados por C. Fuciños.

CARBALLO 

Útiles líticos atopados entre Razo (Carballo) e Baldaio (Tordoia). 

Noicela: Bifaces en cuarcita do Paleolítico Inferior. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

 


CARIÑO
  
O Chao do Limo (serra da Capelada): Adscrito ao Paleolítico Superior, foi descuberto cando a apertura dun cortalumes, nunha penichaira situada a 400 metros de altitude entre os montes do Limo e os cantís. Documentouse un elevado volume de sílex e cuarcita: lascas, núcleos enteiros e fragmentados, pezas retocadas, escotaduras, etc.

 

CARNOTA
  
O Instituto de Xeoloxía da Universidade da Coruña, coa axuda do clube espeleolóxico Maúxo de Vigo, investigaron unha serie de xacementos do Mesolítico na ría de Vigo, no monte do Pindo, na serra do Barbanza e en Valença do Minho (Portugal). Algúns dos materiais atopados teñen unha antigüidade de 9.000 anos. 

CORISTANCO
  
A Braña Rubia (Lagoa de Alcaián-Campelo-Seavia): Atopáronse útiles líticos do Paleolítico Inferior, entre eles un biface de cuarzo. Conta unha lenda que no lugar houbo unha vila chamada Alcaián que foi engulida pola lagoa porque os veciños non quixeron acoller a Xesús e San Pedro. Dise que durante a Noite Boa e na Noite do San Xoán escóitanse unhas campás que soan dende as profundidades da lagoa.
 

CURTIS
  
Maques de Abaixo (Santalla de Curtis): Apareceron pezas líticas talladas do Paleolítico Medio e Superior. 

FENE
  
Maniños (O Souto da Ribeira): Xacemento litoral descuberto no ano 1977. Atopáronse raedeiras, raspadores, burís, follas, lascas e núcleos. Encadrado no Musteriense. 

FERROL
  
Praia de Ponzos: No mes de agos do ano 2009, as mareas deixaron ao descuberto os restos fósiles dun bosque carbonizado. As investigación determinaron que pode ter unha antigüidade duns 6.000 anos. Segundo achegaron os investigadores do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago e do Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña confirmaron a teoría que xa viña defendendo Vidal Romaní. A costa atopábase moito máis adiantada que agora, estando situadas as augas do mar entre tres e catro metros por debaixo do actual, sendo o avance das dunas o que provocou o enterramento do bosque, cuxa composición era moi semellante ao arborado actóctono actual (carballos, salgueiros, pinos). Este tipo de restos tamén se atoparon en Seselle (Ares) e en Porta Real (A Coruña). O nivel do mar na costa galega leva subindo de maneira xeneralizada dende hai uns 15.000 anos (nesa época estaba uns quince metros por debaixo do actual), cando os últimos xeos glaciais das montañas galegas remataron por fundirse. Pero este incremento non foi uniforme xa que nos últimos dous millóns e medio de anos subiu e baixou en catorce ocasións; a súa cota máis baixa situouse en 120 metros por debaixo. Pero o seu avance é inexorable polo que, como apunta Vidal Romaní, resulta insólito que se gasten millóns de euros en paseos marítimos á beira do mar cando acabarán por destruírse.
 
Praia de Doniños: Santiago de la Iglesia, no Almanaque de Ferrol (1908), cita unha frecha de sílex, tamén que no ano 1871 viu dous postes verticais carbonizados pertencentes a unha palafita.

 

MELIDE
  
Xacementos do Agro da Nogueira e Folladela. No Museo da Terra de Melide custódiase un canto tallado monofacialmente tipo Chopper.

MUGARDOS
  
 Frecha de sílex (O Seixo): Citada por Santiago de la Iglesia no Almanaque de Ferrol (1908).

 

NARÓN
 
Chopper: Procedente de O Val. No Museo das Mariñas de Betanzos.
 
 

NOIA
 
A Barquiña (Barro): Núcleo de sílex atopado a mediados dos anos noventa do século XX.

Punta do Cabalo: Biface atopado por S. Cadarso.
 
OROSO
 
Terrazos do Tambre (Oroso): Apareceu unha raedeira, un núcleo poligonal de cuarzo e unha lasca, tamén de cuarzo.

 

ORTIGUEIRA
 
Serra da Capelada: Útiles líticos. 

PADERNE 
 
Monte Castelo (Adragonte): Nas inmediacións do Monte Castelo atopouse material lítico de seixo que podería datarse entre o Acheulense e o Paleolítico Superior. 

PONTECESO
  
San Martiño (Cores): Puñal e machado líticos na igrexa de San Martiño. 

A POBRA DO CARAMIÑAL
  
Parque eólico do Barbanza (A Pobra do Caramiñal e Porto do Son): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun xacemento adscrito ao Paleolítico Superior Final ou Epipaleolítico, evidenciado pola existencia de material lítico tallado en superficie. 

PORTO DO SON
 
Cova do Fonforrón: Situada na praia do Fonforrón. Dos posibles achados de útiles paleolíticos non existe máis referencia ca oral. Ao parecer tamén apareceron algunhas lascas na praia de Camaño.
 
Braña de Leis: Núcleo discoidal atopado por Victor Barbeito Pose, director do Museo Arqueolóxico do Neixón.

 


SOBRADO DOS MONXES
  
Pena Moura: Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, do Museo da Terra de Melide, dinme que se ben é certo que adoita situarse no concello de Toques porque a aldea máis próxima é A Moruxosa, en realidade atópase no concello de Sobrado dos Monxes, na divisoria de ambos os dous municipios. Trátase dun enorme bolo granítico  de once metros de altura, de forma ovoide, asentado sobre un encame erosionado de gneis, a modo de niño. Aínda que a forma é natural, presenta un abondoso folclore asociado aos mouros (sitúase na área megalítica do Forno dos Mouros onde se contabilizan unha decena de mámoas, salientando a anta do Forno dos Mouros, en Toques). Dise que a pena tróuxoa unha vella moura enriba da cabeza. Tamén pronostica a chegada do inverno. Na súa cara sur sitúanse outras dúas grandes penas encabalgadas que constitúen un abrigo natural, onde puido haber un hábitat do Paleolítico Superior. 


AS SOMOZAS 
 
Parque Eólico de Marbán: Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia de material lítico tallado, formado por pezas de cuarzo e cuarcita de cronoloxía indeterminada. 

TOQUES 
 
Pena Camposa: Obxecto dunha intervención arqueolóxica a finais dos anos oitenta, constatándose o seu uso como hábitat do Paleolítico Superior, recuperándose diverso material lítico.
 
Pena do Pé (A Capela): A partir do ano 1987 ponse en marcha o proxecto de prospección da serra do Bocelo e val do Río Furelos, área pertencente aos concellos de Melide, Toques e Sobrado dos Monxes. O proxecto estivo dirixido por F. Criado e cuxos resultados foron publicados por Criado Boado e Cerqueiro Landín entre 1989 e 1991. Polo tipo de útiles e a técnica de talle, Pena do Pé, escavada por D. Cerqueiro, pode situarse nas etapas medias do Epipaleolítico.
  
Xacementos paleolíticos de Chousa de Arriba (Brañas); Abucide, Braña de Río Ameneiros, Pena Camposa, Pena dos Raposos e Tras os Penedos (Capela); Abrigo de Castro de Lobos e Eirexe (Paradela). 
 
A Pena Moura: Aínda que adoita situarse no concello de Toques, segundo información achegada por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, do Museo da Terra de Melide, atópase no de Sobra dos Monxes (Ver Sobrado dos Monxes). 

TORDOIA 
 
Útiles líticos atopados entre Razo (Carballo) e Baldaio (Tordoia).


PALEOLÍTICO DA PROVINCIA DE LUGO

ABADÍN
  
Campo do Fiouco (Montouto): Asentamento ao aire libre con cinco conxuntos de materiais.
 
O Xestido-O Catadoiro: Na parroquia de Labrada. A súa ocupación dátase no ano 6.200 a.C. É un xácigo ao aire libre que se desenvolve nun pequeno outeiro na apertura dun val dentro da Serra do Xistral. O coñecido como Xestido III foi obxecto dunha intervención de urxencia dirixida por José Ramil no ano 1986 por resultar afectado pola extracción de grava.
 
Arnela: Xacemento do Paleolítico Superior.
  
O Curro Vello: Na zona detectáronse once xacementos atribuídos ao Paleolítico Superior e ao Epipaleolítico, catro ao aire libre e o resto en abrigos rochosos.
  
Pena Montrol: Xacemento con pezas do Paleolítico Superior e o Epipaleolítico. Hai anos, a principios do 2000, a Dirección Xeral do Patrimonio denegou a instalación de aeroxeneradores.
  
Parque eólico do Cadramón (Abadín, Alfoz e O Valadouro): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse material adscrito ao Paleolítico. 
 
Parque eólico de Montemaior: Nos traballos de Impacto Arqueolóxico, na zona de afección atopouse un abrigo Epipaleolítico, vinte e cinco posibles abrigos e conxuntos de materiais en seis zonas arqueolóxicas potenciais. 
 
Pena Vella (Currovedo-Labrada): Abrigo do Epipaleolítco.
  
Valdeinferno (Labrada): Dous xacementos do Paleolítico Superior que foron estudados por José Ramil Soneira, María Luisa Pérez Rodríguez, Eduardo Ramil e José César Llana. 

 

ALFOZ 
 
Parque eólico do Cadramón (Abadín, Alfoz e O Valadouro): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse material adscrito ao Paleolítico. 

BARREIROS 
 
Praia de Arealonga (San Miguel de Reinante): No mes de abril de 2024, Mariña Patrimonio deu a coñecer varios útiles líticos localizados na turbeira fosilizada da praia. No ano 2014, neste mesmo sitio, apareceron restos óseos de animais (fragmentos de mandíbulas e cornamentas de cervos) que habitaron no bosque que, segundo as datacións realizadas pola paleontóloga Aurora Grandal, teñen unha antigüidade de 4.800 anos. A tradición asegura que nesta praia de Arealonga atópase a cidade asolagada de San Miguel de Vilachá que foi afundida por mor dun castigo ou maleficio. Cóntase que nos anos en que os temporais levaban a area podían verse as trabes das casas e os restos das árbores desta desafortunada vila.
 
Parroquia de Benquerencia: Apareceron algúns útiles do Paleolítico. 
 


BECERREÁ
 
Covas de Valdavara: Malia que o primeiro xacemento Paleolítico de Valdavara foi descuberto a finais dos anos cincoenta do pasado século por don Carmelo Alonso, veciño de Becerreá, non será ata o ano 2007 cando comecen as escavacións grazas á súa filla, Susana Alonso, estudante na Universitat Roviri i Virgili de Tarragona que mostrou os materiais atopados a Eduald Carbonell, profesor da Universidade e codirector das escavacións de Atapuerca. Ademais das coñecidas como Valdavara I e II, as sucesivas campañas puxeron ao descuberto máis fósiles de fauna e industria lítica na canteira da empresa Canpesa (Valdavara III). A cuarta campaña de escavacións desenvolvida no verán do 2010 formou parte do proxecto de investigación Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na conca media do Miño que, baixo a dirección do profesor Ramón Fábregas, levaron a cabo o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico e o Institut Catalá de Paleoecologia Humana i Evolució Social da Universitat Rovira i Virgili. Ademais de Valdavara, integran o proxecto varias intervencións arqueolóxicas realizadas na Depresión de Monforte, Cova de Eirós (Triacastela) ou na Cova do Xato (Folgoso do Courel). Os xacementos de Valdavara, como dixemos máis arriba, constan de varias cavidades que abranguen unha completa secuencia de ocupacións do Pleistoceno Superior, dende hai 110.000 anos. O sistema cárstico ábrese nas calizas de Vegadeo, do Cámbrico Inferior-Medio. Neste senso diferéncianse dúas localizacións: as cavidades 1 e 2, a media ladeira; e no cumio o xacemento de Valdavara 3, descuberto nunha parte de explotación mineira. Como noutras cavidades galegas (Pala da Vella, Cova do Santo, Cova Eirós), a partires do Neolítico as cavidades deixan de ser espazos usados preferentemente como lugar de hábitat, para converterse nun lugar de enterramento. Nunha pequena abertura de Valdavara 2 localizáronse cranios e outros restos óseos de ao menos tres individuos infantís. Os nenos tiñan unhas idades de 6-9 meses, e outro de tres anos. Non se atoparon restos materiais ao seu redor, pero as datacións sitúan este enterramento na Idade do Bronce (II Milenio a.C.). Nos niveis superiores de Valdavara 1 os numerosos restos humanos de pequeno tamaño, como falanxes e dentes de varios individuos, indican o uso reiterado desta cavidade como lugar de enterramento primario durante o Neolítico Final-Calcolítico (III Milenio a.C.). No ano 2009 comezaron as intervencións de urxencia na fronte da explotación mineira onde se atoparon numerosos restos fósiles. Este xacemento, datado nos inicios do Pleistoceno Superior (110.000 anos), é o de maior diversidade específica de todo o Noroeste, documentándose a presenza de máis de 40 especies de vertebrados. Segundo os estudos da microfauna, as condicións ambientais eran temperadas e húmidas, coa presenza de masas de auga nos arredores da cavidade. Entre os grandes mamíferos salienta a presenza de rinoceronte (Stephanorhinus hemitoechus), bisonte (Bison priscus), cabalo (Equus ferus), oso das cavernas (Ursus spelaeus), hiena (Crocuta crocuta), leopardo (Panthera pardus), león (Panthera spelaea), rebezo (Capreolus capreolus) e outros. A peza mellor conservada é a de leopardo, descuberta no ano 2009, atopada casualmente a uns 500 metros das covas. Tamén se recuperou un escaso conxunto lítico en cuarcita e seixo de características musterienses. A presenza de ferramentas e de marcas de corte sobre algún dos ósos descubertos indican a concorrencia esporádica e oportunista de grupos de neandertais no interior desta cavidade. Seguramente, a cova funcionaba como unha trampa natural onde caían os animais que os humanos, alertados polos seus ruxidos ou cheiro, aproveitaban. Valdavara 1 é unha pequena cavidade de apenas 5 metros de profundidade que ofrece un reducido espazo de abrigo (uns 15 metros cadrados). A boca localízase a uns 120 metros sobre o río Cruzul, tributario do Navia. Na secuencia estratigráfica distínguense dous conxuntos: o superior correspóndese coa Prehistoria recente (Niveis 1-3); o inferior contén unha sucesión de ocupacións do Magdaleniense inferior-medio, cunha antigüidade entre 16.800 e 18.700 anos, e unhas condicións paleoambientais máis frescas cas actuais (Niveis 4-6). Nela atópanse restos de ocupacóns reiteradas na cavidade, con numerosos instrumentos líticos, laminiñas fabricadas en sílex e seixo de orixe local, restos de industria ósea (azagaias decoradas) e elementos de adorno, salientando a presenza de cunchas Dentalium de orixe mariño, o que indica a ampla mobilidade destes grupos de cazadores ou a existencia de contactos con aqueles da costa cantábrica. Ademais, apareceu un dente de leite duns 17.000 anos de antigüidade que ata a data é o resto humano máis antigo de Galicia, pertencente a un individuo duns 10 anos de idade e que sería uns 7.000 anos máis antigo que os restos atopados na Serra do Courel. No talude exterior da cavidade, coñecido como Valdavara 1-2, atopáronse as ocupacións Mesolíticas de inicios do Holoceno (hai 8.000 anos), con industrias en lascas de seixo e cuarcita. Na campaña do ano 2012, os investigadores atoparon, entre outros materiais, un óso, posiblemente de paxaro, gravado con incisións con múltiplos de sete para medir as fases da lúa, datado no Magdaleniense. Nos xacementos de Valdavara reuníronse preto de 1.500 pezas pertencentes a diversas épocas, algunhas desaparecidas, da Península Ibérica. O estudo xenético dos fósiles humanos descubertos nos últimos anos no Courel e Becerreá, analizados na Universidade británica de York pola investigadora Gloria González Fortes, poden achegar valiosa información sobre o proceso e expansión da agricultura e gandaría na Europa prehistórica. No mes de xullo de 2012, o Concello de Becerreá anunciou a intención de adquirir un edificio, coa axuda da Deputación Provincial de Lugo, para convertelo en Museo e expoñer as pezas. Malia o anuncio segue a ser só unha intención, e os traballos en Valdavara paralizados por falta de fondos (máis ben de interese).
 
Cova dos Penedos (Furco): Cóntase cunha referencia de Vázquez Seijas do ano 1943 onde informa do achado de varios restos humanos, así como fragmentos de asta e unha peza lítica. Desta cova tamén procede un puñal de antenas de bronce. A colección ósea foi doada ao Museo de Lugo por Camilo Alonso Fernández e Pedro López Ars, se ben non existen referencias no rexistro relativas ao momento do depósito. A mostra incluía un incisivo dun pequeno mamífero que non resulta identificable a nivel de especie. Polo de agora descoñécense a que época pertencen os restos humanos e animais. 
 
Cova de Saballeiros: Atopáronse varios restos óseos recollidos por integrantes da Sección de Espeleoloxía do Clube Ancares na primeira metade dos anos setenta do pasado século, doados ao Museo de Lugo no ano 1975 por Antonio Moreira Cons, rexistrándose cos números de orde 8141 a 8146: "Dos cráneos cornudos de animales desconocidos, cuatro huesos, dos fémures, una vértebra y mandíbulas". Ao parecer son restos de animais e humanos. Os primeiros parecen ser deposicións relativamente recentes xa que nalgún caso aínda conservaban restos de tecidos. Mais antigos semellan os restos humanos, presentando ambos fémures adherencia calcárias na superficie ósea. Non consta que exista unha relación directa entre os ósos animais e humanos.
 
Aínda que o Concello de Becerreá xa anunciou hai anos a súa intención de adquirir un edificio (coa axuda da Deputación Provincial) para convertelo en museo e expoñer as pezas, pasa o tempo e nada se ten avanzado. A proposta da creación dun museo que acollera os achados da comarca foi proposto polo grupo municipal do BNG no ano 2011 a petición do Colectivo Patrimonio dos Ancares, contando co apoio de toda a corporación municipal. O acordo continúa sen cumprirse.

 

 

BÓVEDA 
 
A Áspera (Ribas Pequenas): Depósito localizado na vertente sur da Serra de San Roque. Apareceron laminiñas de cuarcita. Como acontece con outros de Monforte, trátase dun xacemento excepcional por atopárense restos das tres etapas nas que se divide o Paleolítico. Malia todo presentan certos problemas xa que no lugar onde apareceron non semella ser o mesmo en que os seus fabricantes os abandonaron por última vez. Pode tratarse do que se coñece como coluvio, un depósito creado por un arrastre violento de terras producido polas choivas, riadas, etc. Malia o anterior, no sector nororiental da Depresión de Lemos, coñecido como Somoza Maior de Lemos, recuperáronse varios artefactos de cuarcita moi pouco alterados o que podería indicar que os obxectos non deben de atoparse moi lonxe do xacemento orixinal.

 

 

CASTROVERDE 
 
Cova da Valiña (Monte da Croa-A Valiña-Montecubeiro): Descuberta casualmente no 1962 durante os traballos de extracción de pedra calcaria nunha finca de don Dario Trasorras, veciño de Bolaño. Entre os cascallos apareceron ósos, fragmentos de estalactitas e estalagmitas, astas, punzóns de óso puídos, etc. Foi dada a coñecer por Vázquez Seijas no ano 1965 identificando os achádegos do Paleolítico Superior. Os veciños de Bolaño contáronlle a Vázquez Seijas que corenta anos antes atoparan dentro da cova un esqueleto humano completo e outro dun animal descoñecido. As primeiras escavacións realizáronse no ano 1987, baixo a dirección de César Llana e María Xosé Soto, recuperádose restos de ósos e industria lítica sobre cuarzos, xistos e calizas e, en menor medida, de sílex: burís, raedeiras, denticulados, raspadores, puntas, perforadores e coitelos de dorso. Supónselle unha ocupación humana durante o Interestadial Würmiense, polas condicións ambientais que se deducen polo estudo sedimentolóxico e polínico nos arredores da cova, unha paixase dominada por bidueiros, carballos e piñeiros. Os restos óseos aparecidos pertencen a unha fauna propia de climas temperados e húmidos (rinoceronte de Merck, xabarín, corzo) xunto con osos, lobos, cabalos, bisontes..., encadrados na época de transición entre o Paleolítico Medio e o Paleolítico Superior. Téñense evidencias claras de cubil de carnívoros, con ósos parcialmente dixeridos, roídos e marcas de mordeduras, xunto a descuberta de restos de Crocuta Crocuta. A análise dalgúns materiais permitiu identificar ferramentas que foron utilizadas para catro funcións diferentes e en cuxa fabricación se empregaron distintas estratexias propias do Paleolítico Medio; unha datación realizada coa técnica da termoluminiscencia indicou que estes materiais terían unha antigüidade duns 84.000 anos.
 

  
 
 

CERVO 
 
Pedroso: Nunha terraza fluvial do río Cobo, membros da asociación Mariña Patrimonio atoparon varios útiles líticos (raedeiras, fendedores, bifaces); unha das pezas está exposta no Museo do Mar de San Cibrao.
 
Do Paleolítico Inferior saíron á luz varios útiles no Guiuncho (machado), A Senra, Trasbar e Viladesuso.

 

FOLGOSO DO COUREL
  
Cova de Arcoia: Apareceron restos óseos.
  
Cova de Ceza: Na parroquia de Noceda. Con 840 metros de progresión, fundamentalmente horizontal, forma parte das de maior desenvolvemento de Galiza. No ano 1996 localizouse un importante xacemento de oso cavernario e cervo de máis de 40.000 anos de antigüidade (vértebras, costelas, tibias, fémures, fragmentos de dentaduras...). 
 
Cova do Eixe: A finais dos anos setenta e principios dos oitenta do pasado século atopáronse varios restos óseos de cérvidos, ovicápridos e úrsidos. Tamén se inclúen especies silvestres. Os restos de cérvido, representativos dun exemplar de talla máis pequena que o cervo do Plistoceno, indican unha deposición Holocena, xa que esta especie como o oso pardo mantivéronse presentes nas montañas do Courel ata datas ben recentes. Os restos consérvanse no Museo de Lugo.
   
Cova de Mostaz (Esperante): Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1969-1970) di que un veciño de Mostaz lle contou que no lugar existía unha cova, coñecida como Cova de Mostaz, na que había debuxos de porcos no teito da mesma. Supoño que se refire á Cova de Tras da Lastra ou Tras da Pala con estalagmitas e estalactitas onde se lecalizaron restos de oso das cavernas (Ursus spelaeus). Hai algúns anos uns desaprensivos arrincáronlle varias formacións calcárias. Na mesma aldea tamén lle falaron doutra cova coñecida como Cova do Convento.
  
Cova do Uro ou do Oso: As primeiras informacións facilitoullas don José Novoa Fernández, no 1969, a Vázquez Seijas cando tres mozos lle amosaron tres anacos dun recipiente cerámico. No ano 2010, investigadores do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña, coa colaboración do clube espeleolóxico Maúxo de Vigo, descubriron restos humanos e de uro nunha sima da serra do Courel; algúns fósiles xa foran descubertos por membros do grupo espeleolóxico Brigantium. Segundo o Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña, os fósiles humanos teñen entre 8.000 e 9.000 anos de antigüidade, presentando unha combinación de xenes dunha variedade que ata o de agora non se rexistrara na Península Ibérica. O Uro bos (Taurus primigenius) era máis grande e robusto que os touros actuais, cunha altura de ata dous metros; estaba adaptado a diferentes ecosistemas, dende bosques ata chairas; hai uns 700-800 mil anos xa vivía na península Ibérica; o derradeiro exemplar coñecido morreu en Polonia no 1627. As últimas análises practicadas aos restos humanos atopados no ano 2010 (dadas a coñecer no mes de abril de 2015) amosan a singularidade de que pertencen a unha muller do Mesolítico; as análises tamén evidencian a coincidencia cronolóxica da muller e dos uros e que tanto unha como a outra non eran naturais desta área xeográfica.
  
Cova do Xato (Noceda): As primeiras escavacións realizáronse no ano 2002, promovidas pola Universidade de Santiago. Ademais de fragmentos de óso e un dente de animal, atopouse a primeira pegada humana do Paleolítico na Serra do Courel consistente nunha raspadura realizada sobre un óso de animal por unha persoa que visitou a cova, posiblemente para alimentarse.

 



 

FOZ 
 
Na praia de Arealonga apareceron algúns útiles do Paleolítico.
  
Nois: Nesta parroquia atopáronse algunhas pezas.  
 
A Pampillosa: Útiles do Paleolítico Inferior. 

 

GUITIRIZ
 
Pena de Xiboi (A Ruxida-Tolda-Santo Estevo de Parga): A primeira sondaxe realizouna López Felpeto no ano 1990. As intervencións realizadas no 1991 determinaron a presenza dun grupo de cazadores-recolectores do Mesolítico azilense de inicios do Epipaleolítco. O xacemento foi escavado por M. Anxo López Felpeto, C. Llana e R. Villar no 1994 en que se autoriza unha escavación de urxencia debido ao perigo que corre por atoparse nas inmediacións dunha canteira. Recuperáronse máis de tres mil pezas elaboradas nunha gran cantidade de materiais (raspadores, perforadores, burís, etc.).

 

O INCIO
  
Buxán (O Viso): O único fósil de mamut descuberto ata o de agora en Galicia foi atopado fortuitamente nunha canteira preto da aldea de Buxán o día 2 de maio de 1961, cando os traballadores extraían rocha calcaria. A pesares do excepcional do achádego, no lugar endexamais se levou a cabo unha escavación polo que se descoñece se pode albergar máis restos. Segundo os veciños, tamén apareceran algúns outros ósos aos que se lles perdeu o rastro. Avisado polo capataz da canteira, Ramón Pedreño, o xeoquímico Isidro Parga Pondal estudounos, como igual fixeron o naturalista Uxío Torre Enciso e o paleontólogo Emiliano Aguirre. Todos determinaron de que se trataban dos restos dun mamut laúdo. Os ósos foron cedidos ao Museo de Historia Natural Luis Iglesias da Universidade de Santiago, que continúa a custodialos na actualidade. O Mamut laúdo (Mammuthus primigenius ou Elephas primigenius) estaba adaptado ás baixas temperaturas; tiña un pelo laúdo de ata 90 cm de longo, unha grosa capa de graxa illante e unha redución dos pavillóns auditivos; o seu tamaño era semellante ao actual; os restos máis antigos datan de hai 50.000 anos; desapareceu de Europa hai 100.000 anos, e das illas do norte de Rusia hai pouco máis de 4.000 anos. Segundo aclaración que me fixo o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe tentou recuperar os restos para estudalos o que nunca conseguiu, como tampouco que lle devolveran os materiais requisados logo da expulsión de Parga Pondal da Facultade de Química da Universidade de Santiago o 3 de xuño de 1937, "fechoría perpetrada polo profesor Tomás Batuecas". Tamén aclara Vidal Romaní, que foi Emiliano Aguirre o primeiro en identificar os restos do mamut. No mes de xuño de 2019 instaláronse unhas réplicas de mamuts no Val do Mao, xunto a estrada LU-621, feitos con poliestireno e unha capa de morteiro tallable; o custo ascendeu a 33.000 euros procedentes do Grupo de Desenvolvemento Rural. Cando menos chama a atención que non haxa problemas para conseguir cartos para facer unhas réplicas e, ao tempo, nunca se fixera nada por continuar as investigacións.
 
 

 

 


MONDOÑEDO

Cova do Rei Cintolo (Argomoso): O primeiro en dar a coñecer esta cova foi Villa-Amil y Castro a finais do século XIX. Amor Meilán dedícalle varias páxinas na súa Historia de la provincia de Lugo, onde recolle algunhas curiosas opinións acerca do nome. Benito Vicetto afirmaba que o rei Cintolo non é outro que o suevo Hermengario, que veu, nun acceso de loucura, a pecharse na cova á que lle deu o seu nome. O citado Villa-Amil di que pola semellanza do nome de Cintolo podería referise ao rei Suintila que gobernou entre os anos 621 e 631, lembrando que Rui Vázquez, na súa Historia de Iria, chama a este monarca Cintollo e Cintolla. Costa, na relación de nomes persoais anteriores á dominación romana, asegura que Ancetolo significaba en tempos antigos "o liberal". Murguía lembra que recibe o nome de Rei Cintolo porque se correspondería a unha lonxana tradición, logo esquecida, que se referiría ao gardián da cova. Estas e outras lendas deben proceder da Idade Media, ao mesmo ciclo en que mámoas, covas, castros, etc. se encheron de mouros e de mouras. Nesta cova, a de maior percorrido de Galicia (ata o momento foron explorados máis de seis quilómetros de galerías) prodúcese a primeira intervención arqueolóxica galega avanzada no ano 1954. No ano 1971 apareceron restos óseos do Paleolítico Superior. De época posterior atopouse unha fusaiola e outros fragmentos. Nos anos 1989  1990, Soto Barreiro dirixiu unhas sondaxes en diversas cavidades do entorno da cova do Rei Cintolo onde, se ben nalgúns casos os resultados foron negativos, na Cova Senar e nos vestíbulos das Furadas (Marianeta I, II e IV) a secuencia estratigráfica amosou a existencia de tres niveis, un deles cun nivel de ocupación intacto con industrias líticas en seixo asimilables ás que se atoparon na Valiña, no concello de Castroverde. 
  
Cova dos Ladróns (Masma): Como as outras covas de Mondoñedo, esta xa é citada por Villaamil y Castro en Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia (1873). 
  
Furada dos Cans (Ogrobe-Vilamor): Cova situada no monte Serrapio. Apareceron machados, prismas e ósos de animais; tamén anacos de pezas de bronce. O primeiro estudo realizouno Villa-Amil y Castro quen xa utilizou unha metodoloxía arqueolóxica baseada en técnicas de escavación como a estratigrafía; o investigador xa fala de algo que hoxe en día é de abondo coñecido: o carrexo diferencial, é dicir, o transporte selectivo ao seu hábitat de partes seleccionadas dun animal que foi cazado. Atopou útiles líticos e restos óseos.


 


 

MONFORTE DE LEMOS 
 
Os traballos, coordinados pola Universidade de Santiago, comezaron no ano 2006. Atopáronse útilles líticos de seixo, cuarcita, cuarzo, cristal de rocha e sílex en varios puntos co municipio: O Campo, A Chavarega, A Cinsa (Baamorto), O Bao (Bascós), O Bao, Caneda, A Fonte, O Sobrado (Caneda), As Barrioncas, Catro Camiños, As Lamas, Porto de Lobos, Riaño (O Chao de Fabeiro), O Salgueiro (Chavaga), A Chá, O Lagar, As Pereiras, Valdourense (Guillade), Salgueiros (Marcelle), O Casar, Castelo Grande, A Chacinera, A Viña Vella (Monforte), Montes (O Monte), Chao de Vilar, Moreda (Moreda), O Mato, As Pedras (As Nocedas), Remuín (A Parte), O Rosal (A Penela), Cazón (Reigada), Agra do Freixo, O Barrio, O Regueiral, A Riba (Ribas Altas), Mourelos, As Pontes (Reigada), Martín, Rego do Sapo (Seoane), Susao (Sindrán), Outeiriño, Penelo de San Roque, Os Ramos (Valverde), A Folgueira (A Vide)...  No caso do asentamento de Valverde recuperáronse máis dun milleiro de útiles de pequeno tamaño, moitos deles tallados mediante unha técnica sofisticada. Na Chan das Lamas documentáronse dúas dispersións cunha importante concentración de materiais. Os obxectos líticos do Chao do Fabeiro correspóndense con achados illados e dispersión dos materiais ao longo da parroquia. O Regueiral ten a súa importancia porque é o único sitio onde se atopa industria en posición estratigráfica. Segundo información recollida de Enrique J. Alcorta e María Ofelia Carnero do Departamento de Arqueoloxía e Historia do Museo Provincial de Lugo, no castro de Babela atopáronse, de forma casual, materiais paleolíticos. O de Valverde pode ser o primeiro xacemento Solutrense descuberto en Galicia, resulta de especial interese para reconstruír a historia climática do Noroeste peninsular.
 
Os primeiros achados datan do ano 2000, en que o veciño de Monforte, José Antonio Peña Alonso, atopou unha serie de artefactos do Paleolítico polos que a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia non amosou ningún interese. Logo de moito loitar conseguiu que o Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Santiago non só iniciara os traballos, senón que lles dera continuidade, demostrando que a Depresión de Monforte é unha das principais áreas sedimentarias do interior de Galicia con varios aportes terciarios e pleistocenos.
 
Aínda que os materiais acheulenses son os máis numerosos, tamén apareceron obxectos que pola súa morfoloxía semellan fabricados no Paleolítico Medio e Superior. Os traballos levados a cabo na Depresión de Monforte encádranse dentro do proxecto "Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na cunca Media do Miño", levado a cabo pola Universidade de Santiago e a Universitat Rovira i Virgili de Tarragona coa finalidade de estudar o poboamento paleolítico e a súa evolución no interior de Galiza, que podería remontarse ao Pleistoceno Inferior.
 

 

 

MURAS
  
Abrigo de Vidal ou Abrigo do Inferno I (Prado do Inferno): Descuberto por José Ramil Soneira, director do Museo Arqueolóxico de Vilalba, no ano 1971. Apareceron 793 pezas: raspadores, burís e laminiñas de dorso apuntadas realizadas maiormente en cristal de rocha, pero tamén en cuarzo, cuarcita e sílex. A principios dos anos noventa realízase unha intervención arqueolóxica (tamén no Abrigo do Inferno II) debido ao perigo que representaba unha fábrica (o abrigo atópase dentro das instalacións). Xacemento atribuído ao Madalenense superior.
 
Coto Redondo (Viveiró): Catro xacementos pertencentes ao Paleolítico Superior. 
 
Parque eólico de Curuxeiras: Entre Muras e Ourol. Na zona de afección localizáronse catro explotacións de recursos do Paleolítico Superior cun conxunto de materiais cada unha. 
 
Parque Eólico do Nordés: Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun xacemento adscrito ao Paleolítico.
  
Parque eólico de Soán (Muras e O Valadouro): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun xacemento adscrito ao Paleolítico Final.
 
Parque eólico de Pedra Chantada: Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun xacemento adscrito ao Paleolítico.
 
Parque eólico de Álabe-Ventoada: Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun xacemento adscrito ao Paleolítico Superior.

 
 

OUROL 
 
O Xestido (Miñotos): Xacemento do Mesolítico con industria microlítica laminar e microlitos xeométricos. 

OUTEIRO DE REI 
 
Silvarrei: Biface acheulense.

 

PEDRAFITA DO CEBREIRO 
 
Simas de Liñares: Restos de cérvidos en simas que puideron actuar como trampa natural aproveitadas polos homínidos.
   
Cova do Purruñal (Liñares): Apareceron restos fósiles de xabarín (Sus scrota), corzos (Capreolus capreolus), cervos (Cervus elaphus), oso pardo (Ursus arctos) e bisonte estepario (Bison priscus). Dos fósiles de cervos achouse o maior xacemento coñecido ata o de agora, con 739 pezas. 
 
Cova de Valdabraira: Coñecida tamén como do Penedo. Atópase nas proximidades de Veiga de Forcas. As primeiras exploracións e topografía son do ano 1980 onde xa se deixa constancia da existencia de restos paleontolóxicos. No ano 1997, varios grupos de espeleoloxía acometen unha campaña de traballos achegando nova información. No ano 2005, dentro das actividades do XXXIII Campamento Galego de Espeleoloxía, o GES M. Celtas, o GES Irmandiños, e CE Cavorcos levantan unha nova topografía da cova obtendo un desenvolvemento total de 158 metros e un desnivel de -50 metros. No ano 2010, o Espeleo Club de Descenso de Cañones da Coruña localizan ósos humanos de hai uns 10.000 anos (o cranio dun neno de entre 7 e 10 anos), restos de uro e oso das cavernas. Os restos paleontolóxicos atopados parecen corresponderse cun momento do Plistoceno Superior e Holoceno, cun rexistro no que domina a presenza de úrsidos (ursus spelaeus e ursus arctos) e cérvidos (cervus elaphus), así como équidos, súidos e bóvidos.

 
 

 

POL 
 
Cova de Praducelos: No Museo Xeolóxico de Quiroga custódiante restos de bisonte estepario (Bison priscus) atopados nesta cova. Este animal era similar aos actuais bisontes europeos, pero de maior tamaño e con cornos en media lúa e máis longos. Apareceu hai 580.000 anos e extinguiuse ao final do Pleistoceno. A finais do Paleolítico converteuse nunha peza cobizada, o que se reflicte nas numerosas pinturas rupestres da época. A cova de Praducelos é coñecida no campo da Paleontoloxía, ademais, polos restos de équidos e grandes bóvidos estudados por Alberdi (1985), de súido e de cérvidos. Os restos paleontolóxicos atopados parecen corresponderse cun momento do Plistoceno Superior e Holoceno, cun rexistro no que domina a presenza de úrsidos (ursus spelaeus e ursus arctos) e cérvidos (cervus elaphus), así como équidos, súidos e bóvidos. Os restos que se conservan foron doados ao Museo de Lugo no ano 1949 por José Díaz Candal.

 

QUIROGA 
 
Cova do Oso (Pacios da Serra): Restos cerámicos de datación incerta, que poden pertencer ao Calcolítico, entre 5500 e 3700 anos. 
 
A Gándara Chá (A Ermida): Preto da confluenza dos ríos Ferreiriño e Quiroga. No ano 2003, por mor da reforma da estrada Quiroga a Folgoso do Courel, atopáronse nove artefactos líticos, dous deles en superficie. No ano 2007 saíron á luz preto de medio cento de pezas correspondentes ao Paleolítico Inferior e Medio. Os investigadores do proxecto coordinado pola Universidade de Santiago dende o ano 2006 opinan que o val de Quiroga, debido tanto ás súas características xeográficas como xeolóxicas, pode conservar importantes xacementos paleolíticos.
  
Museo xeolóxico e paleontolóxico de Quiroga: Abriu as súas portas o día 2 de decembro de 2011, como centro de interpretación da orixe de Galiza. Dividido en cinco seccións, amosa mostras dos distintos pregamentos e características mineiras, así como da fauna e as primeiras poboacións humanas, tendo en conta que se cre que na área de Quiroga e O Courel está a orixe de Galiza, tanto a nivel tectónico como humano. Dende aquí vaian os nosos parabén pola feliz iniciativa do Concello que contou co apoio do departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago, do Instituto Xeolóxico e Mineiro de Compostela e do grupo de desenvolvemento da Ribeira Sacra. 

 

  

 

RIBADEO
 
Louselas (Vilaselán): Xacemento do Paleolítico Inferior (Acheulense medio). Atópase moi preto da costa cantábrica, nunha plataforma litoral elevada, próxima a cursos de auga e protexido dos ventos do mar. A súa industria lítica está confeccionada en cuarcita, abundando bifaces, fendedores e raedeiras. Os primeiros fragmentos foron recollidos en superficie por José Manuel González e Fernández-Vallés no ano 1971 e estudados por Rodríguez Asensio no 1983. A materia prima utilizada para a fabricación de útiles foron os croios provenientes da marxe esqueda da ría. Os materiais atopados poden encadrarse nun Acheulense antigo medio. O Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e un particular custodian máis de 500 pezas deste xacemento (núcleos, bifaces, lascas, triedros, raedeiras, fendedores, etc). No mes de abril de 2015, Eduardo Ramil Rego, director do museo, presentou o libro póstumo de seu pai, José Ramil Soneira, e del mesmo titulado Louselas (Ribadeo, Lugo): Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica onde propoñen unha antigüidade para Louselas de 450.000 anos (maior do que se pensaba) o que o converte no xácigo máis antigo da área cantábrica e un dos máis importantes do Paleolítico Inferior.

Enseada das Cigoñas: Útiles do Paleolítico Inferior.

 
 

SAMOS 
 
Cova Grande de Santalla de Lóuzara: As únicas noticias sobre o achado de supostos útiles do Paleolítico proporcionoumo un veciño de Santalla a principios dos anos noventa. Trataríase dunha punta de frecha e doutro artefacto non determinado atopados por un "madrileño". Na miña última visita, o aspecto da cova é, cando menos, desolador: muros pintados, e as enormes estalactitas e estalagmitas que a adornaban desapareceron ou están gravemente danadas; segundo me contaron, nalgún momento mesmo empregaron unha serra mecánica para cortalas.

 

SARRIA
  
A Lagoa (Betote): Durante as obras da autostrada Nadela-Sarria localizáronse dous xacementos de épocas distintas. Un pertencente ao Calcolítico con varios artefactos líticos tallados e cerámicos e unha estrutura pétrea con fragmentos de ocre e lousas fracturadas. No mesmo entorno había un bolo granítico con cazoletas na súa parte superior, delimitado por un anel lítico e foxas lineais. No segundo, do Paleolítico, atopáronse ferramentas líticas sobre cuarzo, cristal de rocha e algunha de sílex. 

O SAVIÑAO 
 
Pedras (Vilelos): Paleolítico Inferior. Apareceron lascas e sobras resultantes da fabricación de útiles de pedra e restos de madeira carbonizada. O xacemento, soterrado, abre a posibilidade de efectuar unha datación máis segura ca as realizadas ata o de agora na comarca da Terra de Lemos. A análise estratigráfica do terreo en que se localizaron estes obxectos pode proporcionar datos concretos sobre a idade do asentamento, o que non é posible cando os útiles paleolíticos aparecen na superficie, fóra do seu contexto orixinal.
 
Diante da falla de espazo no Museo Provincial, o Ecomuseo de Arxeriz ofreceuse para acoller nas súas instalacións as pezas atopadas dende o ano 2006 nos xacementos paleolíticos do Val de Lemos, Triacastela e Becerreá.

 

SOBER 
 
Os Lameiros (Amandi). 
 
Nabán (Gundivós).
  
Viladime (Lobios): No ano 2008, unha excursión organizada polo colectivo de Monforte Os Lactouros atoparon un biface do acheulense no camiño que vai dende Lobios a Viladime.
 
Vilaescura: Ferramenta en cuarcita gris atopada no ano 1959, hoxe en día desaparecida. Foi localizada polo neno Antonio Conde Varela. A noticia foi recollida polo Faro de Vigo, que tamén achega un debuxo realizado por J. A. Carabelos.
  
As Gandariñas de Arriba (Neiras): Atopáronse quince artefactos en superficie, tallados en cuarcita, cuarzo e sílex.
  
Altiño do Castelo (Neiras): Segundo información de La Voz de Galicia do 14 de xaneiro de 2014, a asociación O Colado do Vento vén de dar a coñecer no seu blogue o primeiro achado do Paleolítico no concello de Sober. Foi no ano 2006, cando o arqueólogo Iván Álvarez e outros membros da asociación localizaron unha lasca do Paleolítico Inferior. Con posterioridade arqueólogos do proxecto Ocupacións humanas durante o Pleistoceno da cunca media do Miño localizaron outros quince artefactos nas Gandariñas de Arriba. 
 
Froxán (Proendos): No ano 2015, Manolo do Cápito de Sante, de O Colado do Vento, atopou un biface de cuarcita do Paleolítico Inferior. 
 
Monte de Lobios: No ano 2015, Paula Vázquez Verao, de O Colado do Vento, atopou un biface de cuarcita do Paleolítico inferior.
 


 


TRIACASTELA
  
Cova de Eirós: No ano 1993 realizouse unha pequena sondaxe (xa fora inspeccionada anos antes na procura de restos de osos das cavernas), poñendo ao descuberto a existencia de niveis do Paleolítico Superior inicial e outros subxacentes do Paleolítico Medio. Con ocupacións dende o Paleolítico Medio, recuperáronse ferramentas da industria musteriense asociadas aos neandertais e restos de fauna, tanto actual coma extinta (osos das cavernas e rinocerontes). Do Paleolítico Superior, xa con pegadas do Homo Sapiens, na campaña de 2009 apareceu un dente dun carnívoro (un raposo) perforado e raspado para ser utilizado como obxecto de adorno, posiblemente un colgante, cunha antigüidade de 26.000 anos. Ao longo das tres tempadas de escavacións saíron á luz máis de 4.000 pezas. Na campaña do ano 2010 atopáronse restos óseos de lince o que supón a primeira evidencia da presenza deste carnívoro no Noroeste peninsular. As últimas datacións dos artefactos atopados confirman unha antigüidade de 118.000 anos. Na campaña de 2011 atopouse unha punta de lanza feita de óso de 12 centímetros; trátase dunha peza do Paleolítico Superior decorada con tres trazos paralelos en ziguezague en cada unha das caras; segundo os investigadores é única en Galiza. Tamén se recuperaron varios fragmentos líticos do Paleolítico Medio, onde destaca unha punta tipo Levallois de cuarzo. Canto ao fósil humano atopado, duns 3.000 anos de antigüidade, presenta unha combinación de xenes, como acontece cos restos do Courel, que non se viran antes en xacementos peninsulares deste período na Península Ibérica aínda que si noutras partes de Europa. Tamén na campaña do ano 2011 localizáronse en Eirós as primeiras pinturas e gravados rupestres do Noroeste, nun lugar de difícil acceso e en regular estado de conservación. As pinturas están realizadas con carbón vexetal que forman contornos de animais, como bóvidos ou un cabalo, liñas de puntos e marcas. As gravuras están formadas por sucos e representacións de animais; calcúlaselles uns 30.000 anos de antigüidade. Tamén se localizaron dous fogares, un duns 118.000 de antigüidade e o outro duns 30.000 anos. Atopouse así mesmo unha agulla de coser, posiblemente a máis antiga de Galicia, cunha antigüidade duns 12.000 anos. No 2013 os investigadores atoparon máis dunha decena de motivos artísticos que engadir ás 84 gravuras e pinturas (bóvidos, équidos, cérvidos e signos non figurativos) descubertos no 2012, a maioría de época prehistórica cunha datación de 20.000 anos BP (antes do presente), algúns son de épocas máis recentes, como a Idade Media. A campaña do 2015 deixou ao descuberto arredor de 2.000 pezas líticas e restos de animais do Paleolítico Medio. A principios do mes de maio de 2012, a asociación ecoloxista Adega alertou do perigo que corre o xacemento debido a que se atopa no medio dunha canteira o que pode ocasionar danos irreversibles. Xa no mes de febreiro do mesmo ano, a Asociación Cultural do Iribio presentou ante a Xunta de Galicia unha solicitude para que sexa declarado BIC. No mes de agosto de 2014, Salvemos Cabana denunciou ante o Consello de Europa os efectos de autorización administrativa á actividade mineria de "Cementos Cosmos", xa que vulnera o establecido tanto no Convenio Europeo para a Protección do Patrimonio Arqueolóxico como o Convenio da Paixase, ambos impulsados polo organismo europeo e ratificado polo goberno español, xa que supón un alto risco para a conservación do xacemento debido ao uso de explosivos polo que os 50 metros de separación da cova propostos pola compañía de pouco serven na práctica cando dúas partes da mesma están en terra da concesión e por baixo da canteira. No mes de outubro de 2014, ADEGA denunciou ante a fiscalía os danos causados pola actividade mineira na canteira de Vilavella. No mes de marzo de 2015 o PP rexeitou na Comisión de Cultura do parlamento galego unha proposición non de lei de AGE na que se pedía que a Cova de Eirós fose proposta á Unesco para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Na petición incluíanse, ademais, as pequenas covas da Graxeia e da Cabaxa que poderían acoller restos prehistóricos. A campaña de 2023 ofreceu nova información sobre os modos de vida das comunidades neandertais que ocuparon a Cova Eirós e sobre o mundo simbólico do Paleolítico superior. A nova exploración do nivel do Paleolítico medio (nivel 4) amplía o coñecemento sobre os grupos que habitaron as serras orientais hai máis de 45.000 anos e que utilizaron a cova como campamento durante tempadas relativamente longas. Recuperáronse os restos das ferramentas líticas fabricadas en cuarcitas e cuarzos recolleitos nas beiras dos ríos próximos. Estes aparellos eran usados para procesar os animais cazados, as súas peles e para fabricar ferramentas en madeira. Tamén se atoparon restos óseos e dentais das presas, como mandíbulas e ósos de cervo. En paralelo ás escavacións, realizáronse traballos de documentación e fotogrametetría e levantamentos en 3D dos paneis colectores de arte nos sales do interior da Cova Eirós. Nesta campaña, identificáronse novos motivos no fondo das galerías realizados cunha técnica non documentada ata o momento. Así, descubríronse puntos e signos pareados debuxados en pintura vermella no teito da galería, cun uso do ocre como pigmento que non fora documentado en ningún dos paneis coñecidos previamente e que amplía as técnicas e motivos representados na arte da Cova Eirós.
 
 



    

  


O VALADOURO
  
Chan da Cruz (O Cabalar-A Veiga Rubia-O Cadramón): Paleolítico Superior. Dado a coñecer por membros do Museo Arqueolóxico de Vilalba. Atopáronse preto de 2.000 útiles de cuarzo, cuarcita, gneis, cristal de rocha e algúns de sílex: lascas simples, microperforadores, raedeiras e coitelos de dorso.
  
Penas do Carballido (Campo do Carballido-O Cadramón): Atopáronse útiles tipo lasca de cuarzo, cuarcita e sílex.
  
Parque eólico do Cadramón (Abadín, Alfoz e O Valadouro): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse material adscrito ao Paleolítico.
 
Parque eólico de Soán (Muras e O Valadouro): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun xacemento adscrito ao Paleolítico Final.
  
O Porto do Río (O Porto do Río-O Cadramón): Varios xacementos paleolíticos con materiais e un asentamento do Paleolítico Superior.

 

O VICEDO 
 
Un veciño do burgo de San Roque informounos do achado hai anos dun útil lítico na aldea da Áspera (Negradas). 

VILALBA
  
A Pena Grande I (Santiago-Santaballa): O valor arqueolóxico do emprazamento coñécese hai 50 anos. O médico e fundador do Museo Arqueolóxico de Vilalba, José Ramil, dedicoulle varios traballos. Adscrito ao Magdalenense superior (14.000-13.000 a.C.), desenvólvese debaixo dun gran acubillo de cuarcita, situado nunha importante vía natural. Coincidindo co tempo da súa habitación documéntase unha paisaxe mixta: bosque de carballos, abeleiras e bidueiros nas zonas máis protexidas, e paisaxes abertas de uces nas zonas altas e menos resgardadas dos fríos e ventos. Recuperáronse uns 1.800 útiles de cuarzo, pórfidos cuarcíticos, cuarcita, cristal de rocha e sílex (de distintas cores): raspadores, lascas, burís (predominan os diedros rectos), furadores, núcleos, denticulados, raedeiras, etc., dominando o conxunto as laminiñas de dorso ou de cota. O sílex considerábase inexistente en Galicia ata que J. Ramil documentou varios afloramentos na contorna do xacemento. No mes de novembro de 2017 coñeceuse que a parcela que acolle a pena vai ía ser subastada, cun importe de saída de 7.700 euros. A razón da venda explícase pola concentración parcelaria rematada hai anos. Na zona, onde tamén hai petroglifos, ao non ter dono pasou a estar a "disposición de descoñecido". Grazas á presión de distintos colectivos ao final Facenda decidiu non sacalo a subasta. No mes de agosto de 2020 denunciouse a utilización da pena para prácticas de escalada. Eduardo Ramil ten manifestado que aínda quedan zonas sen escavar que poderían proporcionar información sobre as xentes que poboaron esa zona.
 
A Pena Grande II (A Furada-Santaballa): Paleolítico Superior. Abrigo nunha crista rochosa de cuarcita que tivo unha ocupación antrópica ao longo de diferentes períodos. Nun dos niveis atopáronse fragmentos de ocre. Apareceron raspadores, burís, furadores, denticulados, raedeiras e unha punta de frecha en sílex.
 
Taller lítico (Piñeiro-Santaballa).
 
A Veiga (O Cadavello-Santaballa): Localizado nos anos setenta do século XX por Ramil Soneira. Taller lítico de onde procederían pezas de sílex utilizadas na rexión no Paleolítico Superior final e Epipaleolítico (Ramil Rego e Ramil Soneira, 1996), e logo no Neolítico.
      
Dúas Nenas ou dos Penedos (O Carrizo-Santaballa): Depósito descuberto no ano 1971 no monte Curaceiro. No ano 1976, Alonso del Real e Vázquez Varela deron a coñecer a súa intevención no xacemento cuxas pezas supoñen doutras zonas máis elevadas do monte. A revisión estratigráfica realizada nos anos noventa por José Ramil permitiron constatar a existencia dunha única ocupación. Atopáronse máis de 3.000 pezas líticas (Ramil Soneira, 1971), sendo as máis abundantes en sílex e pórfido cuarcítico, abundando os raspadores e os burís, se ben tamén apareceron perforadores, raedeiras, denticulados, laminiñas de dorso, núcleos, laminiñas, etc. Ramil Soneira e Ramil Rego (1996) din que a industria lítica podería sinalar unha fase anterior aos outros xacementos, pero tamén atribuído ao Madalenense.
     
Samarugo: Punta de frecha en sílex custodiada no Museo de Lugo.
 
Piñeiro e Trastoi (Santaballa): Talleres de sílex. O de Piñeiro foi localizado nos anos setenta do século XX por Ramil Soneira, e o de Trastoi anos máis tarde.  
 
Museo Arqueolóxico de Vilalba. 

 
 
 
 


XERMADE 
 
Abrigo Curaceiro (Penaparda-Burgás): Burís e fragmentos de láminas.
 
O Muíño Novo (Lousada).
  
Pena Grande de Férvedes: Nas estribacións da Serra da Carba. Xacemento ao aire libre do Paleolítico Superior descuberto por José Ramil no ano 1971. Abrigo moi alterado pola saca de pedra. Recuperáronse útiles de sílex, cuarzo e cristal de rocha. No denominado como Férvedes II localizaouse un colgante pétreo de forma ovoidal cun orificio de forma circular e nas dúas caras un profundo suco horizontal datado hai uns 17.000 anos, o primeiro deste tipo atopado en Galicia; foi da a coñcer no ano 1983 por Ramil Soneira e Vázquez Varela que interpretan como un colgante; trátase do primeiro obxecto de arte moble de Galicia. Férvedes II proporcionou máis de 5.000 pezas, sendo os burís e os raspadores os máis abundantes, sen do sílex o material predominante. Atribuído ao Madalenense superior.




PALEOLÍTICO DA PROVINCIA DE OURENSE

ALLARIZ 
 
Campina-Lama (A Acea-Meire): Xacemento gravemente alterado pola construción sen control arqueolóxico de pistas e polas actividades agrícolas e forestais. Recuperáronse un cento de pezas líticas, entre outras, lascas, cantos rodados de cuarcita e un biface. 
 
Queiroás da Igrexa (Queiroás): Bifaces.
  
Val do Río Arnoia: Con motivo da prospección levada a cabo cando a construción da autoestrada das Rías Baixas, localizáronse no concello 17 puntos arqueolóxicos con material lítico (Queiruás, Monte da Moura, Touza de Abaixo, a Eirexa, etc.), saíndo á luz núcleos, lascas simples e retocadas, cantos tallados, bifaces, etc. 

 
 
 

AMOEIRO 
 
Biface de Trasalba: Atopado por Augusto Veiga Rubianes no 1986, embutido nun muro nos Chaos de Amoeiro. É de cuarcita de cor rosada.
 
Marco da Venda Nova (Bacurín-Bóveda de Amoeiro): Descuberto por Vázquez Monxardín no ano 1975. Apareceron 285 pezas en superficie. A súa atribución é ao Paleolítico Inferior.
  
Muíño das Laxes (As Quintas-Rouzós). 
 
Montes de Rodeiro (Albeiros-Trasalba): Útiles de lascas de cuarzo e cuarcita e ferramentas de sílex do Paleolítico Inferior e Medio.
 

 

A ARNOIA 
 
Lomba dos Chaos (Os Chaos-Arnoia): Abrigo formado por unha pena granítica onde apareceron materiais líticos e algún anaco cerámico. Despositados no Museo Arqueolóxico de Ourense.
 
Os Chaos (Os Chaos-Arnoia): Abrigo paleolítico nunha terraza fluvial do río Miño ocupado por terras de cultivo. Apareceron cantos e lascas de cuarcita. 
 
Xacemento paleolítico da Couñeira (A Arnoia): Material de seixo datado entre o Acheulense e o Paleolítico Superior.

BANDE
  
O Carqueixal (Granxa-Cadós).
 
A Covadiña, A Telleira e A Veiga de Santa Comba (Santa Comba).

 

BAÑOS DE MOLGAS
 
As Raposeiras de Abaixo (Vilariño-Lama Má): Útiles líticos atopados no ano 1976. 

O BARCO DE VALDEORRAS 
 
Xacemento paleolítico de Galir (Éntoma): Útiles líticos. 
 
BOBORÁS
 
Bifaces: En Cameixa e en Moldes.  
 
O CARBALLIÑO
  
Xacemento acheulense entre Seoane e a Pena dos Namorados. Xacementos paleolíticos de Fondo da Vila (Cabanelas), Mesego (Mesego) e A Uceira (Seoane). Xacemento epipaleolítico de Partovia (Partovia).

 

CENLLE 
 
Felisindo González Iglesias, o creador da páxina Arredor de Lambrica, achega esta peza, posiblemente paleolítica, atopada entre Eiras (San Amaro) e Vilar de Rei (Cenlle). Dime que foi atopada casualmente tras unha invernía na beira dun camiño, ao lado dunhas viñas; no lugar non existen croios deste tipo polo que é probable que fose traído do río Miño.

 

COLES
 
Cambeo: Núcleo de cuarcita atopado pola profesora Jato. Depositado na Facultade de Humanidades.
 
Covas (Ribela): No ano 2006 apareceron nunha chaira a carón da aldea de Covas unha ducia de núcleos de cuarcita. Depositados no Museo Arqueolóxico de Ourense.
 
 

CORTEGADA 
 
Chao de Paranos (Valongo): Atopáronse seis pezas líticas de cuarcita sobre un depósito aluvial. A superficie deste depósito estivo exposta a labores agrícolas, sobre todo bancais de videiras. Nesta mesza zona, no lugar de Vallecas, saíron á luz dous cantos de cuarcita no corte dun camiño.
 
Vilanova da Barca (Valongo).

CUALEDRO 
 
Alto da Barxa (A Xironda): Paleolíco Superior. Apareceron lascas e algún núcleo, todos en cuarzo.
 
A Chaira (A Xironda): Paleolítico Superior. En superficie, varias lascas de cuarzo.

 

ESGOS 
 
As Chairas: Útil lítico atopado por José Antonio Gavilanes.

 

LOBEIRA
  
A Veiga: Descuberto por Rodríguez Cao. Útiles do Paleolítico Medio nunha terraza inferior do río Miño. 

LOBIOS 
 
San Bieito (Grou): No ano 1992, Eguileta Franco atopou dúas puntas de frecha, un disco pétreo, un ídolo, unha fusaiola, agullas de óso e catro anacos de cerámica.
 

MASIDE
  
Xacemento do Paleolítico Inferior (A Povoanza-Santa Comba de Trevoedo).

MELÓN
 
O Retiro.

A MERCA 
 
Cruz da Portela (Compostela-A Mezquita): Na ladeira do monte de San Roque atopáronse tres pezas de cuarcita, entre elas un biface. 

OURENSE
  
Coto do Raposo (Santa Cruz de Arrabaldo): Estudado por Vázquez Varela no 1975 e por Rodríguez Gracia no 1979. Pertence ao Paleolítico Inferior.
  
Regoalde (Beiro): Na marxe esquerda do río Miño. Xaquín Lorenzo e Rusell Cortez atoparon un conxunto lítico que foi clasificado por López Cuevillas no ano 1973. Rodríguez Gracia inclúeo no Paleolítico Medio.  
 
Eiroás (Cudeiro): Preto do pazo do mesmo nome, foi dado a coñecer por Ferro Couselo nos anos setenta. Pertencen ao Paleolítico Inferior e Medio. 
 
Montealegre (Ourense): Rechán en altura onde se localizaron numerosas pezas líticas. É unha ampla zona entre afloramentos rochosos de granito. 
 
Cemiterio novo (Santa Mariña do Monte): Abundante material lítico.
 
Punta de Casardomato: A punta solutrense de Casardomato procede do Colexio, foi doada no 1987 ao Museo Arqueolóxico de Ourense polo seu descubridor, Manuel Penín. Elaborada nunha variante de cuarcita de grao fino, mostra unha serie de retoques bifaciais por presión. A súa cronoloxía estaría entre o 23000 e o 21000 anos BP. 

Seixalbo: Fragmentos líticos. No Museo Arqueolóxico.

  
 


PEREIRO DE AGUIAR 
 
A Medorra (Calvelle): Achádegos en superficie de útiles paleolíticos de cuarcita.

A PEROXA 
 
Os Peares: No ano 1926 Martínez Santa-Olalla recolleu na estación do ferrocarril dos Peares unha ducia de ferramentas líticas (bifaces, lascas...).

 

PIÑOR
 
San Mamede da Canda: No Boletín do Museo Arqueolóxico de Ourense do ano  1946 achega a foto duns útiles líticos adscritos ao Paleolítico. 
 
 

PONTEDEVA 
 
A Ribeira (Trado): Durante as obras de cimentación da ponte recolléronse bifaces, raedeiras e lascas.

 

RIBADAVIA
 
A Grova (Sanín): Nieves Amado Rolán documentou abundante industria lítica (bifaces, lascas, etc.).

Monte dos Coios (Sanín): A arqueóloga Nieves Amado Rolán localizou bifaces, raspadores, picos, etc. adscritos ao Paleolítico Inferior e Medio.
 
 

RUBIÁ DE VALDEORRAS 
 
Serra da Enciña da Lastra (Biobra): Útiles líticos e óseos nas palas da Zorra, Pombeira, Cubelas, Pala da Vella e Pardollán. A maioría das pezas son lascas, entre as que salienta un denticulado, posiblemente musteriense. Aquí realizou varias prospeccións no ano 1984 Vázquez Monxardín, atopando obxectos en superficie nas palas da Pombeira, Cubelas e Pala C, prospeccións que serán o precedente das que realizou a comezos dos anos noventa a USC e que suporán a escavación da Pala da Vella. A única ocupación paleolítica na zona documéntase na Pala I do Regueiro de Pardollán con restos líticos no interior dunha das bocas, así como en superficie en terreos próximos adscritos ao Paleolítico Medio. Durante o Plistoceno Superior restos de ocupacións humanas. As últimas fases de ocupación da Pala da Vella pertencen ao Neolítico coa aparición de restos humanos e industria lítica, e á Idade do Bronce e a transición Neolítico/Calcolítico (olas, cuncas, pezas realizadas con ósos, restos de animais...). O único nivel Plistoceno da Pala da Vella semella ser un cubil de carnívoros. 
 
Pala do Rebolal: Apareceu un fósil humano duns 5.400 anos de antigüidade, cunha afinidade xenética semellante a restos duns 3.000 anos descubertos en Cataluña.

 

SAN AMARO 
 
A Chaira: Xacemento ao aire libre situado nos arredores do castro de San Cibrán de Las e descuberto por Ribas Fernández cando as obras para a construción dun campo de fútbol. Investigado nos anos noventa por Rosa Villar Quinteiro, recuperáronse unhas 475 pezas do Paleolítico Medio e Superior. A industria lítica da Chaira está realizada sobre cuarcitas en forma de nódulos de canto rodado, procedentes do río Miño, cunha industria sobre lasca na que dominan os denticulados sobre as raedeiras, raspadores, burís e perforadores.
 
O Cotarelo (Calve-Navío).
 
Felisindo González Iglesias, o creador da páxina Arredor de Lambrica, achega unha peza, posiblemente paleolítica, atopada entre os concellos de San Amaro e Cenlle (ver Cenlle).
 


SAN CIBRÁN DAS VIÑAS 
 
Currás (Gargantós).
  
Noalla: Xacemento descuberto no ano 1953; saíron á luz lascas e bifaces.
   
A Regata (Pazos de San Clodio): Xacemento desaparecido, investigado nos anos setenta do pasado século, cando a construción do Polígono Industrial. Descuberto no ano 1976 por Vicente Rodríguez Gracia e J. Carlos Sierra, foi escavado ese mesmo ano. Saíron á luz unhas 90 pezas elaboradas sobre cuarzo e cuarcita, na súa maioría bastante toscas e de gran tamaño, nas que predominan os bifaces, fendedores e raedeiras. Segundo Vázquez Varela podería encadrarse nun acheulense evolucionado ou nun musteriense de tradición acheulense.
  
Campo Alegre (Rante): Apareceron pezas de cuarcita en superficie.
   
Gargantós e Campo da Mama: Na zona da Veiga. Pola construción da autoestrada das Rías Baixas, as actuacións sobre estes depósitos realizáronse no ano 1999, dirixidas por Dolores Cerqueiro Landín, onde se evidenciou a conservación de niveis arqueolóxicos en posición estratigráfica. Saíron á luz máis de mil cincocentas pezas, a maioría elaboradas en cuarzo e predominando as pezas de soporte tipo lasca (lascas levallois, puntas, raedeiras, raedores, raspadores, burís, perforadores, coitelos de dorso, denticulados, etc.); a adscrición é ao Paleolítico Medio.
   
Cruce estrada Polígono e Ourense-Maceda: Saíu á luz un biface de cuarcita.
 

 
 

SANDIÁS 
 
A Praza da Torre (O Castro-Sandiás): Na prospección realizada no ano 1993 con motivo das obras da autostrada das Rías Baixas, saíu á luz abundante industria lítica tallada en cuarcita, sílex, cuarzo e cristal de rocha do Paleolítico Superior.

TABOADELA 
 
Biface en cuarcita atopado na Reguenga (Pousa-Mesón de Calvos). 
 
Biface na parroquia da Touza.  
 
Xacemento da Veiga-O Campo da Mama: A raíz das obras na autostrada das Rías Baixas, saíron á luz máis de 1.500 pezas, a maioría elaboradas en cuarzo e predominando as pezas de soporte tipo lasca; adscrito ao Paleolítico Medio.
 
 
TOÉN
 
A Piteira (Moreiras): Acheulense. Descuberto por Rodríguez Gracia no ano 1973, foi escavado no 1974 polo propio descubridor, por Alonso del Real e Vázquez Varela. Recuperáronse ao redor de tres mil obxectos líticos, realizados principalmente en cuarcita, pero tamén en cuarzo provenientes das terrazas fluviais dos ríos Miño e Barbaña. Apareceron lascas, puntas, coitelos de dorso frontal, raedeiras, denticulados, burís e raspadores feitos sobre cuarzo, cuarcita, sílex e pórfidos. Para Vázquez Varela trátase dun xacemento do Paleolítico Inferior avanzado ou un horizonte en relación co Paleolítico Medio.
  
Porto de Cima (Feá). 
 
O Loureiro (Moreiras).
  
Sanatorio de Toén (Moreiras): Saíron á luz cantos tallados en cuarcita e algúns bifaces.
 
Portela Vella (Moreiras): Apareceron cantos tallados monofaciais, bifaces e algunha lasca. Na actualidade atópase practicamente destruído polas remocións de terras dunha canteira.
 
Pena do Raposo (Moreiras): Situado nunha penichaira sobre o río Miño; atopouse diverso material lítico.
  
Campo de Fútbol (Sanatorio-Moreiras): Pezas líticas en cuarcita.

 

 

TRASMIRAS 
 
Xacemento da Costa (Abavides): Pezas de industria lítica sobre sílex do Paleolítico Superior.


 

A VEIGA
  
Meda: Atopáronse dous bifaces do Paleolítico Medio, custodiados no Museo Arqueolóxico de Ourense.

 

XUNQUEIRA DE ESPADANEDO 
 
As Chairas: Útil lítico atopado por José Antonio Gavilanes.


PALEOLÍTICO DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

ARBO
  
Nunhas escavacions levadas a cabo polo Instituto de Estudos Miñoranos, coa colaboración da Universidade de Vigo, atopáronse varios útiles preto do río Miño, entre outros lascas utilizadas para a caza e curtido de peles de, ao menos, 250.000 anos de antigüidade que corresponderían ao Homo Heidelbergensis que poboou Europa occidental no Paleolítico Inferior, substituído no Paleolítico Medio polo home de Neandertal e polo Homo Sapiens no Paleolítico Superior. Segundo asegurou o coordinador das escavacións, Eduardo Méndez, os materiais atópanse na súa situación orixinal o que permitirá sacar información inédita sobre este período.
   
O Cabrón: Durante os traballos levados a cabo polo Instituto de Estudos Miñoranos saíron á luz máis de 100 pezas. O Instituto solicitou axuda do Concello de Arbo e da Xunta de Galicia para acometer novas actuacións pero atopouse coa falla de interese da administración galega, non así do Concello cuxo alcalde asinou un convenio co IEM para levar a cabo a segunda fase das escavacións que comezaron a mediados do mes de xullo de 2011 no que se documentou os restos das tres etapas do Paleolítico. En só un metro cadrado localizaron 160 pezas que, ademais de atoparse todas no seu espazo orixinal, a maioría presenta un bo estado de conservación. Os xacementos de Arbo, con máis de 5.000 pezas atopadas ata o momento, quizais sexan dos máis importantes do Paleolítico Inferior en Galiza. Eduardo Méndez Quintas, arqueólogo que dirixe as investigacións, apunta que estes restos contan cunha antigüidade que vai dos 150.000 aos 200.000 anos, o que supón que este xacemento sexa un dos máis antigos de Galicia, crendo que o máis significativo é o tipo de ferramentas que se levan atopado. A investigación demostra que estes utensilios, propios do final do acheulense, non se corresponden en antigüidade coa época na que eran utilizados. Noutras partes da península atopáronse ferramentas da mesma época pero fabricadas cunha tecnoloxía distinta, propia dos neandertais o que evidenciaría que en certo momento da historia, acheulenses e neandertais conviviron no mesmo territorio, o que racha coa teoría existente acerca das etapas das diferentes especies humanas que se atopaba vixente dende os anos cincoenta do pasado século XX. Ata o momento, continúa Méndez Quintas, críase que as especies seguiran un proceso evolucionista, afirmándose que os humanos acheulenses foron avanzando ata dar paso aos neandertais. Sen embargo, os descubrimentos do Cabrón demostran a existencia de ferramentas fabricadas por ambas especies nun período de tempo simultáneo, o que significa que durante ese lapso temporal as dúas especies coexistiron e non foi unha a que evolucionou na outra, feito que podería explicarse pola procedencia dunha e outra especie. O máis probable é que os acheulenses chegaran dende África e os neandertais do sur de Asia. Os restos e ferramentas atopados pertencerían ao período no que os acheulenses entraban en proceso de extinción, mentres que os neandertais actuaban como invasores na zona. A concentración de utensilios ao aire libre é máis habitual en covas e abrigos, o que significaría que O Cabrón fose utilizado como un lugar de encontro para o consumo de animais, os cales non foran cazados senón transportados dende o punto da caza ata o xacemento. A decisión de elixir este lugar puído deberse a que se trata dunha zona húmida que naquela época debía atoparse rodeada por completo de vexetación, o que os protexía das inclemencias meteorolóxicas, reflexando a tradición de varios séculos en que diversos grupos utilizaron o lugar como un punto no que refuxiarse cada certo tempo.

  
 

BAIONA 
 
Alto da Fonte da Anta, Loudredos e Outeiro do Home. Serra da Groba: En varios puntos atopáronse pezas de cuarcita (bifaces, lascas e núcleos do Paleolítico Inferior), rocha que ao non existir na serra, probablemente foran transportadas dende as beiras do río Miño. No seu momento, SOS Groba, entre outros colectivos políticos e veciñais, denunciou a instalación de muíños eólicos que, ademais de afectaren á flora e á fauna, podían estragar estes xacementos arqueolóxicos.

 

BUEU
   
Biface das Chas (Alto da Telleira-Cela): Biface de cuarzo. 
 
Illa de Ons: Dous polifaciais, unha lámina de sílex e seis pesas. 

 
CALDAS DE REIS 
 
Raspador: Feito nunha lasca de sílex localizado preto dun abrigo rochoso. 

 
CANGAS 
 
Cabo Pequeno: Catro picos, un percutor e doce pesas. 
 
Cimadevila (Darbo): Unha peza asturiense, segundo Antón Costa Iglesias. 
 
Corbeiro: Un biface e un canto tallado bifacial. 
 
As Cortes (Donón): Un machado tallado en cuarcita gris atopado en 1974 por don Javier Abalo. 
  
A Cunchosa (Aldán): Trátase dun abrigo rochoso onde apareceu material lítico e cerámicas lisas e decoradas cuxa adscrición cronolóxica quizais habería que situala no Bronce Inicial.
 
Hío: Cinco pezas de cuarcita que estaban no Museo Massó, e tres machados achelenses de cuarcita atopados polo señor Bermejo. 
 
Praia da Barra.
 
Praia de Melide: Unha lasca raspador e un pico tallado que estaban no museo Massó. Tres raspadores de cuarcita e unha lasca romboidal de cuarcita recollidas polo señor Massó. 
 
San Roque (Cangas): Pezas achelenses atopadas por J. María Blázquez, e un machadiño-raspador de talla bifacial en cuarcita, segundo referencia recollida de Pedro Díaz Álvarez.
   
O Salgueirón: Canto tallado unifacial, lascas e unha pesa.

 

O COVELO 
 
Coto Miñoto (Serra do Suído).
  
Maceira: Nesta parroquia atopouse un machado lítico.

 
CRECENTE 
 
A Barreira.

 
GONDOMAR 
 
Chan do Cereixo: As primeiras referencias débense a Xaime Garrido quen descubriu o xacemento no ano 1978. As roturacións feitas nos anos setenta sacaron á superficie varias pezas paleolíticas feitas en seixos rolados de cuarcitas. Logo, as choivas contribuíron a lavalos e depositalos nas áreas máis baixas do terreo, favorecendo a recollida de máis de dous centos de pezas. Con posterioridade o conxunto será obxecto de dúas análises tipolóxicas: a primeira feita por Julio Vidal Encinas no ano 1981, e a segunda por Rosa Villar Quinteiro no ano 2003. A continuidade dos asentamentos humanos no lugar, coa aparición de materiais do Neolítico, da Idade dos Metais e de época romana fanno único. (Información recollida de Rosa Villar Quinteiro, O xacemento da Chan do Cereixo, Portavedra (Gondomar), no contexto da investigación do Paleolítico en Galicia, publicado en Murguía no ano 2003).

 

O GROVE
 
Bifaz: A finais do mes de novembro de 2023 coñeceuse que unha mariscadora do Grove, Reme Varela, cando estaba a mariscar hai anos xunto a praia da ponte da Toxa atopou un bifaz paleolítico de cuarcita (é o material que semella á vista das fotos), quizais achelense. A súa descubridora é integrante da Asociación Andarela.
 
 
 
A GUARDA
  
Camposancos: Baixo o controvertido termo de Camposanquense escóndese un conxunto de pezas provenientes de diferentes momentos e culturas prehistóricas e históricas, polo que resulta moi aventurado falar dunha industria característica dun período determinado que poida responder a esa denominación. No ano 1925 producíronse en Camposancos os primeiros descubrimentos de Galicia de industrias líticas talladas sobre cantos e lascas de cuarcita do Paleolítico Inferior.
  
Salcidos: Recuperáronse machados e raspadores de cuarcita acheulenses. 

 
 

 
A LAMA
 
Chan de Valdohome (Serra do Suído-Pigarzos-Xesta): Conxunto de bolos graníticos que conforman unha serie de espazos protexidos que presentan boas condicións de habitabilidade. Recuperáronse puntas de frecha.

 

MARÍN 
 
Praia de Aguete (Aguete-Seixo): Apareceu un biface de cuarcita, un núcleo de sílex e dez núcleos de cuarcita labrados. 

 
MEIS 
 
Achado illado dun biface.  

 
AS NEVES
  
Chans de Vide: Útiles do Pleistoceno. 
 
O Condado (Setados): Bifaciais e unifaciais. 
 
Montes de Oleiros. 
  
Porto Maior: Xacemento do Paleolítico localizado por Manuel Ledo a finais do ano 2005 e situado na beira dereita do río Miño, onde apareceron, entre outros, lascas enteiras, bifaces, denticulados, perforadores, fendedores e triedros de cuarzo e cuarcita. Tamén se atoparon os machados máis grandes de Europa, semellantes a outros exemplares descubertos en África, o que fai pensar aos investigadores que o home puido cruzar, xa daquelas, o Estreito de Xibraltar. Preto de cen pezas son bifaces de hasta de ata 30 cm cando o normal é que midan a metade. Escavado a finais do ano 2012 por Eduardo Méndez Quintas e Manuel Santoja, o espectacular xacemento pódese considerar como o máis antigo de Galiza, datándoo en máis de 300.000 anos de antigüidade e que podería rondar 0s 500.000. En total identificáronse cinco niveis de ocupación humana dos cales todos, agás un, son do Paleolítico Superior. Segundo os investigadores representa un momento, quizais anterior ou cando menos contemporáneo, aos niveis fluviais do xacemento das Gándaras de Budiño. A campaña arqueolóxica dos meses de xullo e agosto de 2014 confirmaron a singularidade do xácigo, confirmando a antigüidade de 500.000 anos, catro niveis con evidencias de ocupación humana e, sobre todo, unha acumulación "deliberada" de grandes machados de pedra, o que fan deste xacemento unha referencia única en toda Europa. 
  
Tortoreos: Útiles do Acheulense Final. (Fonte: Rosa Villar Quinteiro). 


NIGRÁN 
 
Montes de Maúxo: Na zona do parque forestal do Vilar (Camos), membros do Clube Espeleolóxico Maúxo atorparon ferramentas de cuarcita do Paleolítico Inferior (bifaces, cantos tallados e un percutor) e restos dun muíño e un puidor pertencentes ao Calcolítico. 
 

OIA 
 
Fiales (Pedornes): Descuberto por Cano Pan e Vázquez Varela. Trátase dunha zona costeira onde existe abundante acumulación de cantos rodados entre os que se atopan pezas traballadas polo home, principalmente cantos tallados e lascas. Hai autores que sitúan os achádegos no Paleolítico Inferior, mentres outros vincúlannos ao Mesolítico. Aquí documentouse por primeira vez un pico in situ asociado a unha industria sobre cantos rodados de cuarcita e cuarzos compostos por cantos tallados unifaciais e lascas.
   
Serra da Groba: En varios puntos atopáronse pezas de cuarcita (bifaces, lascas e núcleos do Paleolítico Inferior), rocha que ao non existir na serra, probablemente foran transportadas dende as beiras do río Miño. No seu momento, SOS Groba, entre outros colectivos políticos e veciñais, denunciou a instalación de muíños eólicos que, ademais de afectaren á flora e á fauna, podían estragar estes xacementos arqueolóxicos.

PONTEAREAS 
 
Barral: Machado pulimentado, hoxe en día no Museo de Pontevedra.

PONTEVEDRA
  
Cando a excavación para recuperar un miliario na Ponte do Burgo atopouse un machado de cuarcita do Paleolítico Inferior.

O PORRIÑO 
 
As Gándaras de Budiño (San Salvador de Budiño): O xacemento foi descuberto no ano 1961, no transcurso dunhas investigacións xeomorfolóxicas levadas a cabo polo francés Henri Nonn. Xosé María Álvarez Blázquez foi o primeiro investigador que lle prestou atención no ano 1962, recollendo na superficie máis de 200 pezas. Na primeira intervención arqueolóxica no 1963, feita por Emiliano Aguirre, superpostas en diferentes estratos, saíron á luz centos de pezas. Da industria lítica, de cuarzo, cuarcita e sílex, apareceron bifaces, triedros, picos, fendedores, cantos tallados, raedeiras, raspadores, perforadores, coitelos de dorso natural, pezas con escotaduras, denticulados e burís. Foi destruído por un parque empresarial antes das intervencións arqueolóxicas. Como ben me achegou Eduardo Méndez Quintas, director da sección de Etnografía e Arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoranos, a referencia que eu facía á tese de Butzer está moi superada na actualidade, e cuxa mención podía levar a equívocos.
  
A Granxa do Louro (Vacaría-San Salvador de Budiño): Útiles líticos illados. 
 


 

 
REDONDELA
  
Machado (Cedeira): Atopado na devesa que descende dende a Chan da Cruz ata a área do Coto do Corno. Información recollida da páxina Monte Mirallo (Redondela). Arqueoloxía e lendas deste espazo natural.

O ROSAL
  
As Eiras (As Eiras): Álvarez Blázquez documenta 166 pezas atopadas por don Pedro Díaz e don Silvino Díaz Paz.
  
Marzán (O Rosal). Tamén apareceron pezas nas parroquias de Tabagón e San Miguel de Tabagón.

 

SALCEDA DE CASELAS
 
As obras da senda peonil e ciclista que a Xunta de Galicia realizou en agosto de 2021 na estrada autonómica PO-411, que une Paramos e Salceda, na parroquia de Parderrubias, sacaron á luz un xacemento do Paleolítico. Un equipo dirixido pola arqueóloga Rosa Villar estableceu a existencia dun campamento, vinculando este xacemento co de Budiño, considerado o segundo lugar de habitación humana mías antigo de Galicia, cunha datación de entre 200.000 e 300.000 anos. Recuperáronse bifaces, fendedores e lascas. Foi o veciño e arqueólogo Xosé Manuel Suárez quen advertiu da existencia do xacemento.

 
SALVATERRA DE MIÑO
  
Pezas do Pleistoceno no Campo de Fútbol, e materiais líticos en Fillaboa, parroquia de Salvaterra. 

 

TOMIÑO
  
Utensilios nas parroquias de Amorín, Barrantes, Estás, Forcadela, Sobrada, Tebra e Tomiño.  
Goián: Álvarez Blázquez cita a don Eliseo Alonso que recolleu 433 pezas (machados, lascas, raspadores...). 
 
Xacemento da Chan do Cereixo (Pinzás).

    

TUI 
  
Álvarez Blázquez fala de ducias de pezas desaparecidas nos lugares de Anta (Areas).
    
A Poboanza (Pazos de Reis).
    
Laranxeiras, San Bartolomeu e Santa Eufemia (Rebordáns). 
 
Chao-Chao, A Lagarteira e O Pilar (Tui). 
 
Álvarez Blázquez documenta achádegos en Anta e O Marquiño (Areas).
   
O Cerqueiro e O Facho (Baldráns). 
  
O Foxo (Caldels de Tui): Raspador de cuarcita.
   
A Igrexa e A Torre (Guillarei). 
  
A Abelleira (Pazos de Reis): Chopper de cuarcita. 
  
Feitás (Pazos de Reis): Biface de cuarcita.
   
A Macoca (Pazos de Reis): Lascas e un núcleo de cuarcita
 
A Bouza (Pazos de Reis).
 
Na parroquia de Pexegueiro, As Baliñas, As Bornetas, A Guía e Pousa do Bispo (Randufe). 
  
A Eiriña (Rebordáns).
   
As Cachadas (Rebordáns): Artefactos líticos de cuarzo e cuarcita do Paleolítico Inferior e Medio. 
  
Campogrande (Rebordáns): Biface de cuarcita e núcleo de cuarcita. 
  
O Cruceiro (Rebordáns): Material lítico de cuarzo e cuarcita. 
  
O Rollo (Tui).
 
Monte Aloia: No Museo Quiñones de León exponse, xunto con outras pezas procedentes do concello de Vigo, un bifaz de cuarzo do que teño as miñas dúbidas.
 
Do Pleistoceno saíron á luz útiles en Carregal Baixo, Monte de Seo e A Peteira.
 
O Cerqueiro: Atopáronse dous bifaces. 
 
 
 

VALGA
  
Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza deu noticia de cinco pezas (2 machados e 3 lascas), posiblemente paleolíticas, atopadas na parroquia de Santa Cristina de Campaña. 

VIGO 
 
Chan de Lagoas (Coruxo): Bifaces do Paleolítico Medio e Superior.
  
Covas do Folón (Coruxo): Con máis de 200 metros de río soterrado e medio quilómetro de galerías. Presenza da actividade humana dende o Paleolítico ata Idade Media. Membros do Clube Espeleolóxico Maúxo, que levan anos a pular por declaralas Monumento Natural de Galiza, atoparon bifaces tallados polas dúas caras, cantos tallados e un percusor do Paleolítico Inferior, e restos de vasilla do Calcolítico. 
 
Lavapés: De la Peña Santos atopou tres puntas de frecha (dúas de sílex e unha de lousa) e láminas e lascas de sílex.
 
Praia do Bao (Coruxo): Biface.
 
O Instituto de Xeoloxía Eduardo Parga Pondal da Universidade da Coruña, coa axuda do clube espeleolóxico Maúxo de Vigo, está a investigar unha serie de xacementos do Mesolítico na ría de Vigo, no monte do Pindo, serra do Barbanza e Valença do Minho (Portugal). Algúns do materiais atopados teñen unha antigüidade de 9.000 anos.
 

VILAGARCÍA DE AROUSA 
 
Biface: Descuberto no ano 1993, cando se realizaba o recheo dun campo de fútbol coa grava extraída dos terreos coñecidos como Costa de Dona Desamparados, preto do río Con.
 
Biface (Carril): Consérvase un debuxo realizado por Bouza Brey e A. Blázquez.

 
 

VILANOVA DE AROUSA 
 
Praia das Sinas: Lasca bifacial de cuarcita atopada no ano 1965 por Enrique Massó, a carón do regueiro da Aduana.

Xabier Moure
Xacementos paleolíticos de Galiza/Galicia
o noso patrimonio