Para o comezo da conquista de Galicia por Roma adoita tomarse o ano 137 a. C., coa chegada de Decio Xunio Bruto no que acontece o lendario episodio do paso do río do Esquecemento, o Limia. No 96-94 a. C., Craso vén na procura das Illas do Estaño, as Cassitérides, identificadas coas Illas Cíes. No 61-60 a. C., Xulio César somete a Brigantium (A Coruña). Entre o 29 e o 19 a. C., Augusto culmina a conquista (mito do monte Medulio).
Os romanos empezan a asentarse militarmente no territorio coa construción de campamentos, obrigando aos habitantes dos castros a abandonalos e establecerse nos vales que é cando aparecen as villae ligadas ás explotacións agrícolas. No século I d. C. Galicia forma parte da provincia Tarraconensis onde permanece ata o ano 212 en que o emperador Diocleciano lle outorga a categoría de provincia. No ano 303 convértese na provincia da Gallaecia, dividida en tres conventos xurídicos (termo administrativo inferior á provincia): Lucus Augusti (Lugo), Asturica Augusti (Astorga) e Bracara Augusti (Braga).
Os romanos, para asegurar o dominio e control do territorio, e así garantir a produción mineira, artellan o país cunha complexa rede viaria que xira arredor das vías principais XVIII, XIX e XX onde embocan infinidade de camiños secundarios. No terreo relixioso conviven as divindades traídas polos vencedores e as prerromanas, producíndose, en moitos casos, unha dupla asimilación. O latín imponse como lingua oficial, e a poboación galega adopta a cultura dos invasores, modificando algunhas das súas máis arraizadas tradicións, proceso de aculturación que en gran medida remata coa cultura existente ata aquel momento.
ACLARACIÓNS
1. Cómpre ter en conta que un bo número de pezas non son orixinarias do lugar onde se atoparon ou de onde están situadas na actualidade, descoñecéndose a procedencia; outras (nomeadamente os achados epigráficos) foron localizadas preto de castros ou de asentamentos galaico-romanos o que non sempre implica que estean relacionadas con estes. Tamén chama a atención que en castros fortemente romanizados, os achados epigráficos sexan case inexistentes, casos de Castromao (de onde procede a famosa Tessera Hospitalis), Viladonga, Fazouro ou Santa María de Cervantes, por poñer algúns exemplos, o que contrasta cos atopados noutros xacementos de menor sona onde sequera se levaron a cabo actuacións de ningún tipo.
2. Por contar cun apartado propio, non se achegan as pontes. Tamén inclúo algún achado, pode que relacionado co pobo dos Suevos; no eido arqueolóxico as fontes son escasas e non é doado diferenciar os do mundo suevo do tardorromano.
3. Ao final dos concellos vou achegando pezas das que se decoñece a procedencia.
ROMANIZACIÓN DA PROVINCIA DA CORUÑA
ABEGONDO
Ara de Vilacova (Abegondo): Localizada por Alfredo Erias Martínez no ano 1978 xunto o valo da capela de San Paio. Ara votiva coñecida polos veciños como "O Berce"; á ara achegábanse as mulleres para facer rituais fecundativos e curativos. Con anterioridade estaba diante da ermida, lugar ao que volveu cando Francisco Vales Villamarín deu noticia do seu achado. No ano 1983 foi trasladada para o Museo das Mariñas de Betanzos, e retirada ao ano seguinte polo marqués de Loureda, dono da capela. Di Alfredo Erias (1984) que non volveu a saber dela. Consérvase nun domicilio particular. Na parte frontal da ara fixéronlle un burato en época moderna o que provocou que perdera parte do texto. "L(aribus) VI/AL(ibus) MAR/CELLVS/VOT(um) S(olvit)", ("Marcellus dedicou este altar aos Lares Viais en cumprimento dun voto").
Busto: De mármore branco de 42 cm. de alto, a pesares da deterioración, é de boa calidade. Conserva a cabeza e parte central do torso. As análises realizadas á peza mostran unha procedencia mediterránea, quizais destinado a unha villa da que, polo de agora, non hai datos. Dado a coñecer por Alfredo Erias no ano 2011, descoñécese o contexto. Apareceu cando os traballos realizados por unha escavadora no lugar dos Barreiros, preto dunha fonte lavadoiro.
Cova dos Mouros (San Marcos-Abegondo): Explotación mineira a ceo aberto con restos de galerías de prospección. Mal estado de conservación.
Covas de Vea: Na parroquia de Abegondo. Explotación aurífera cunha actividade entre os séculos I e IV d. C.
Explotación mineira: No monte Lourido (Sarandós).
Via XX: Segundo noticias aparecidas en xullo de 2010, un equipo de investigadores, dirixidos por Antón Malde e Xosé Francisco Castro, veñen de atopar un ramal da Via XX ("per loca maritima") a carón do Camiño Inglés. Os indicios atopados no cercano castro das Travesas (Carral), xunto coas teses de Manuel Caamaño, encargado das escavacións no campamento romano de Cidadela (Sobrado dos Monxes), confirma a presenza da calzada, non cara Betanzos, senón nunha liña que uniría Lugo, Parga, Friol, Sobrado, Mesón do Vento e Cabovilaño (A Laracha), para dar un xiro cara Santiago e rematar en Caldas de Reis. Na Malata, en Vizoño, hai un tramo coñecido como A Alcaiana.
AMES
Ara votiva de Vilar (Vilar-Ames): Foi atopada polo veciño de Barouta José Cornide no 1978, nas ruínas dunha casa e despois utilizada como material de construción. Logo de venderlla a un veciño de Santiago, ingresou no 1986 no Museo Diocesán de Tui, onde se atopa. En honra de Pietas, dedicada por Xunio Flacco, soldado da Legio VII Gemina. Lectura de Juan Manuel Abascal Palazón no 2016: "PIETATI/L(ucius) IVNIVS/FLACCVS/[V]ETERAN(us)/LEGI(onis) VII/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", ("Lucius Iunius Flaccus, veterano da Lexión VII, cumpriu o voto libremente para Pietas"). Datada no século II d. C.
Estela (Pedrouzos-Ames): Descuberta no ano 1909 por Óscar Batalla Sampedro no lugar coñecido como Cornido, nas inmediacións da aldea de Pedrouzos. Lectura de Abascal Palazón que se conserva na parte superior: "[---]RNO MIRONI", ("[---] para [---]nus Miro"). Na parte frontal vese outra epígrafe posterior á época romana. No Museo de Pontevedra.
Moedas: No concello apareceu un Sextercio de Crispina, esposa de Cómodo, e outras moedas (ata 5 kg) entre Augusto e Tiberio.
Parroquia de Ortoño: Nas inmediacións da igrexa parroquial apareceron anacos de tellas de época romana. No lugar de Maguxe, nos anos setenta do pasado século, atoparon unhas moedas das épocas de Augusto, Tiberio e Nerón.
Porto Menlle: Limítrofe entre as parroquias de San Paio de Lens e Santo Tomé de Ames, atopouse un miliario anepígrafo e unha moeda da época do emperador Adriano. O miliario atópase no xardín do Pazo de Lens.
Xacemento de Maceiras (Piñeiro).
ARANGA
Ara votiva de San Vicente de Fervenzas: Atopada no ano 1967 no subsolo do presbiterio da igrexa parroquial por Francisco Vales Villamarín. Conservouse na Casa reitoral ata que foi trasladada para o Museo das Mariñas de Betanzos: "R(---) BASSI/NVS V/OTUM/IOVI/L(ibens) A(nimo) S(olvit)/", ("R(---) Bassinus (dedica esta ara) a Xúpiter, en cumprimento do seu voto". O dedicante, R(---), pode levar a varias solucións. Na cartela figuraba, erradamente (ano 2022), como procedente do concello de Coirós; xa figura corrixido cando a vin de novo en setembro de 2024.
Ara de Fervenzas:
Atopada no ano 2023 ao limpar unha casa en restauración situada preto da igrexa de San Vicente.
En abril de 2023 ingresou no Museo das Mariñas de Betanzos. Dedicada a Xúpiter Óptimo Máximo por Severus: "I(ovi)
O(ptimo) M(aximo)/SEVER/VS A[..]/[------]", ("Severus [--- cumpriu o voto libremente] para Xúpiter Óptimo Máximo").
Ara aos Lares Viais na capela de San Salvador de Pereira: Forma parte do chan da ermida. Desgastada debido á posición en que se atopa. Non é posible coñecer se tiña foculi: "L V EX/V P S S S". Abascal Palazón (2018) achega dúas propostas de lectura: "L(aribus) V(ialibus) EX/V(oto) P(ublius) S(---) S(---) S(olvit)", ou "L(aribus) V(ialibus) EX/V(oto) P(osuit) S(extus) S(---) (---)". Tradución da primeira proposta: "Publius S(---) S(---) dedicoullo aos Lares Viais en cumprimento dunha promesa (ou dunha visión"). Na segunda proposta: "Sextus S(---) S(---) púxoo para os Lares Viais en cumprimento dunha promesa (ou dunha visión)".
Mansión: Caranico no Itinerario de Antonino e Carantium no Anónimo de Rávena que Monteagudo sitúa en Aranga pola perda da súa C.
ARES
Asentamento: Na entrada da Ría de Ares. Apareceron tégulas, cerámicas romanas e muíños de man (Pérez Losada, 1991).
ARTEIXO
Pedestal de Aureliano (Menlle-Barrañán): Descoñécese a procedencia. Foi colocado nunha fornela da súa casa por un construtor que xa faleceu e que vendeu a outra persoa. O dono actual díxolle ao profesor Abascal Palazón que procedía dun antigo cemiterio o que explicaría a colocación dunha cruz de ferro no reverso. A lectura podería ser: "[Lu]cio Do ̣ ṃ[itio]
[Aur]eliano [p(io) ? f(elici) ? Aug(usto) ? - - -?]
[pon]tifici m[ax(imo ?) - - - ?]
[p]erpetuo [Imp(eratori) - - - ?]", ("Para o emperador Lucio Domitio Aureliano Augusto, pío, feliz, pontífice máximo, [---] perpetuo, [---]").
Ara (O Pazo): A
peza foi descrita no seu momento polo beneditino P. Sobreyra y Salgado
(1746-1805) que a viu empotrada na casa de baños de Arteixo. No ano 1790 atopábase reutilizada nun edificio de O Pazo. Perdeuse entre o 1914 e 1915 ao ser derrubado o edificio: "NUMEN [---]/SACRVM [---]/VN[---]/EX[...]/IVVEN[---]/LIBENT[---]/EVNDI", ("Consagrado ao Numen (---), cumpriu o voto libremente").
Lápida: Citada por Monteagudo. Desaparecida.
Calzada (Polígono de Sabón-Oseiro): Xunto a Ponte dos Brozos.
Explotación mineira: En Rorís (Armentón).
O Igrexario: Posible estrutura de condución de auga.
Mina de estaño de Rosa: Apareceron tégulas romanas.
San Tirso de Oseiro: Nunha zona próxima, onde se levanta o cruceiro, atopáronse dous sártegos de granito o que fixo crer a Chamoso Lamas (1966) a existencia dunha necrópole tardorromana e altomedieval. Apareceron restos cerámicos tardorromanos.
Xacemento de Follaverde: Beatriz Comendador (2000) fala dunha densa dispersión de restos na Grela, preto da Telleira (topónimo): tégulas, cerámica común e fragmentos de terra sigillata moi rodada.
ARZÚA
Epígrafe: Galicia Diplomática, nº 45, do 24 de novembro de 1889 fala dunha inscrición aparecida no castro de Boente dedicada a Xúpiter: "I O M/M MARINVS A C CAES AVG P/M HVIC ORDO PATRIAE F PV/BLICVM OBFVNER MATRIS VXORE/LIBERIS DE DER T/T R S T LEVIS". Descoñezo onde se atopa este castro, en principio na parroquia de Boente non hai ningún, quizais se refira ao castro de San Paio, situado a un quilómetro en liña recta de Boente, pero xa na parroquia de Figueiroa.
Calzada: En Burres.
Minas: Da Cova e do Tremedal (Brandeso).
Mina: Picotos de Carballido (Dodro).
Explotacións mineiras: Das Barroncas de Gramil e das Covas de Remesil (Dombodán).
Explotación mineria: Do Monte dos Corvos (Portodemouros-Dombodán).
Minas: Chousa do Batán, Cova da Ponte, Curros dos Mouros, Grovas, Monte de San Pedro, Monte da Zanca, Pastoriza e Lema (Lema); As Covas (Pantiñobe), Burata de Castromil (Rendar), Burato dos Mouros da trapa e Río de Abaixo (Viladavil), A Burata (Pazo-Viladavil), Cova da Ponte das Táboas, Covas e Ventorrillo (Viñós).
Interfluvio do río Iso (Pazos-Mella). No municipio, os romanos explotaban catorce minas de estaño.
A Pena da Armada: Posible posto de vixiancia de época romana. No lugar hai unha pena asociada á lenda dunha vella que saía por un burato fiando nunha roca.
Xacemento en Vilantime: Durante as obras do trazado da
autovía Santiago-Lugo, ao seu paso pola parroquia de Vilantime, saíron á luz dúas construcións duns 90 metros
cadrados cada unha e dous fornos de grandes dimensións. A principios
do mes de maio de 2022, un integrante da Asociación Cultural Ánxel
Casal de Arzúa, Ignacio García Couso, atopouse de forma casual que
ao pé das obras de construción da autovía co que semellaba unha
escavación arqueolóxica. O día 10 de maio, Ignacio e o presidente
da asociación, Celso Alberte Magariños, comprobaron no lugar os
labores de prospección e limpeza de vestixios arqueolóxicos que o
grupo de arqueólogos contratados pola construtora estaban a
realizar. Os arqueólogos confirmáronlle que estaban diante dun
asentamento galaico-romano; ademais das estruras citadas,
apareceron restos cerámicos de distintas tipoloxías, tégula, muíños castrexos e moedas, unha de Traxano. Ante achado de tal importancia,
dende a asociación solicitaron información á empresa construtora
para poñela en coñecemento da poboación. A empresa non lles contestou. Non hai moito tempo, non moi
lonxe, a mesma empresa de arqueoloxía atopou varios restos de
cabanas circulares de época calcolítica. Dende a Asociación Ánxel Casal
solicitan ás autoridades en materia de patrimonio a máxima
protección dos restos arqueolóxicos atopados, información sobre a
importancia dos mesmos, a súa divulgación e posta en valor. (Fotos achegadas por Celso Alberte Magariños).
A BAÑA
Estela funeraria (Lañas): "D(is) MA(anibus)/FE[---]", ("Consagrado aos deuses Manes. Fe..."). No Museo do Pobo Galego.
Estela-pedrafita de Troitosende:
Antropomorfa. Foi
atopada na Eira de Vilacoba no ano 1908 por don Óscar Lojo Batalla, afeccioado á arqueoloxía e alcalde de Ames durante a Segunda República. Mide 142 cm de alto e 40 cm de ancho máximo.
Decorada por unha soa cara a base de dúas barras horizontais e unha aspa. O extremo superior está rematado por unha cabeza discoidea
na que se aprecian os ollos, o nariz e a boca. Non hai consenso canto á súa adscrición cronolóxica. Cabré Aguiló (1915) considerouna como
unha escultura humana de época neolítica; Octobon (1931) e Breuil (1935)
atribuírona ao Calcolítico e ao Neolítico respectivamente; López Cuevillas deulle
unha cronoloxía posterior, e Anati (1966) adscribíuna á Idade do
Bronce. No ano 2001, J. L. Maya González e Ramón Álvarez (Departamento
de Prehistoria da Universitat de Barcelona), no seu traballo La estatua-pilar de Santa María de Tarañes (Ponga-Asturias) y su relación con la de Troitosende dátana
en época tardo-romana ou alto-medieval. Tampouco falta quen a
adscriba á Segunda Idade do Ferro. Custodiada no Museo de Pontevedra, se ben non está exposta.
Tamén en Troitosende apareceu unha segunda estela de temas máis estilizados.
Estela funeraria (Lañas).
Estela de Vilacova (Vilacova-Troitosende): Atopada no 1979 na paraxe dos Castros, na finca coñecida como O Cruceiro. "DI(s) M(anibus) S(acrum)/POS(u)I(t) CO(---)/FRONTO/AN(orum) XXX/XIIII", ("Aos deuses Manes. Púxoo CO(---) Fronto, de 44 anos"). Caamaño Gesto (1981) fotografiouna enteira, na actualidade só se conserva a parte inferior. Atópase na casa de D. Melchor Uzal. Tres lápidas funerarias no Castro (Lañas): 1: Atopada nun terreo no ano 1954 por Antonio Antelo Ramos cando extraía pedra nunha súa propiedade; na actualidade no Museo do Pobo Galego: "M(arcus) QVIN(tius)/DOQ(uirus) ANN(orum)/LXX H(ic) S(situs) EST S(it)/T(ibi) T(erra) (LE(vis) C(aius) QVIN(tius)", ("Eiquí xace Marcus Quintius Doquirus, de 70 anos. Que a terra che sexa leve. (Fíxoo) Caius Quintius [---]"). 2: Atopada nun labradío pouco antes de 1990, hoxe consérvase nunha casa paritcular de Quireza, concello de Cerdedo-Cotobade: "MA(---) CARAE/F(ili) AN(norum)XLV H(ic) S(it-) T(ibi) T(erra) L(evis)/C(---) LVC(ius) F(ecit)", ("Eiquí xace Ma(---), fillo ou filla de Cara, de 45 anos. Que a terra che sexa leve. Fíxoo C(---) Lucius"). 3: Atopada nas mesmas circunstancias que as anteriores. Na parte superior ten unha media lúa e dous arcos. Descrita por Abascal Palazón coa axuda de María P. González-Conde: "D(is) MA(nibus)/[SE[---]/[------]", ("(Consagrado) aos deuses Manes. Se[---]"). No Museo do Pobo Galego.
Lápida funeraria de Vilela
(Troitosende): Incompleta, foi rebaixada nun lateral. Segundo Rodríguez
Colmenero e Caamaño Gesto podería tratarse dunha prancha funeraria
dedicada por un pai ao seu fillo. Ata a visita do profesor Abascal Palazón no ano 2015, a lectura proposta era a seguinte: "???/S P(osuit) M(onumentum)/URSI(no?)/AN(norum) XXX", ("... puxo este monumento a Ursino, de trinta anos"). Abascal Palazón: "DIB(us) M[an(ibus) ?]/S(acrum) P(ublio?) M[---]/VRS(o) L(iberto)/ AN(norum) XXXX", ("Consagrado aos deuses Manes. Para o liberto Publius M[---] Ursus, de 30 anos"). No Museo do Castelo de San Antón.
Necrópole de Mouzón
(Troitosende): Varias fosas escavadas no xabre, con vasos cerámicos con
cinsas no interior, selados cunha pedra na parte superior. Apareceron
341 fragmentos cerámicos, algúns decorados, acompañados de abundante
tégula e 2 fragmentos de muíño circular. Posible adscrición
tardorromana. No Museo do Castelo de San Antón da
Coruña.
Xacemento de Bugalleiras (Bugalleiras-A Baña): Durante a realización de labores agrícolas foi localizada unha tumba de tégula que logo foi destruída.
Tiobre: No século XIX atopouse unha moeda romana de Constantino e unha lápida de cantería.
Xacemento de Infesta: Saíu á luz cando os traballos da vía férrea (Vales Villamarín e Alfredo Erias). Restos de estruturas.
Museo das Mariñas.
BOIMORTO
Chousa da Ponte (A Cabana-Buazo): Xacemento escavado por Díaz García no ano 1998. Apareceu unha cámara de combustión de forma cuadrangular e planta en H construída nun oco escavado no firme.
Miliario: Atopado no ano 1981 ao explanar unhas terras na estrada, á altura do barrio de Os Asentos. Do século III d. C. Lectura de Pérez Losada (1988): "Imp(eratori) Caes(ari) G(aio) Iul(io)
Vero Ma[x]simo P(io)
Felici Aug(usto) Germa(nico) m(aximo)
Daci(co) max(imo) Sar(matico) pontif(ici)
5 max(imo) trîbu[n](icia) potes(tate) imp(eratori)
VII p(atri) p(atriae) co(n)s(uli) proco(n)s(uli) et
G(aio) Iulio Vero Maxsimo nobiliss[i]mo [Caes(ari)] Dacicus max(imo) Sar[ma(tico)] principẹ iu[ve]ntutis fili(o) n(o)s(tri)
d(omini) G(ai) Iuli [Ma]xim(i)ni P(ii) F(elicis) Au[g(usti) - - -]", ("Ao emperador César Augusto Xullo Vero Máximo Pío Feliz Augusto Xermánico Dacio Sarmático, pontífice máximo coa potestade tribunicia, emperador por sétima vez, pai da patria, cónsul, procónsul, e a Gaio Xullo Vero Máximo, príncipe da xuventude, fillo do noso señor Gaio Xullo Máximo Pío Feliz Augusto"). Atópase xunto o concello.
O Castro (Os Asentos-Boimorto): Entre as casas do núcleo urbano existen os restos dun camiño en desuso que coincide co trazado do antigo Camiño Real onde apareceu o miliario.
Restos de calzada (Boimorto).
BOIRO
Ara do río Barbanza: Durante as escavacións do verán de 2016, os arqueólogos atoparon unha ara romana reutilizada no muro dunha vivenda anterior ao xacemento no que se traballaba. Publicada no ano 2018 (Barbeito Pose et al.), lese: "NONIV/S[---]VLL/[---]REO/[------]", ("Nonius dedicou esta ara a [---]VLL [---]REO"). Figura o nome do dedicante seguido dunha divindade que non se pode determinar. Constatouse que esta zona estivo habitada dende o Neolítico e as novas evidencias apuntan a que estivo poboada ata o século VII. No Centro Arqueolóxico do Barbanza. A Armada (Bealo): Bealo é Vialis na documentación antiga. Próximo a Belles de Arriba e Belles de Abaixo onde se localizaron restos da calzada romana que se identificou coa Per loca maritima (vía XX). O topónimo quizais faga alusión a un posto de vixiancia e control do exército romano.
Fornos de fundición: Posibles fornos na Pedra Rubia (Castro).
Moedas: Nun lugar indeterminado apareceu un as da época de Diocleciano.
Tramos da Vía XX (Monte Vitres-Cures): Hai quen conxectura que polo monte Vitres pasaba unha variante da Vía XX. O probable é que se trate dun camiño medieval. Segundo López Ferreiro, no Monte Vitres, onde houbo un castelo Alto Medieval, estaba acantoada a Legio VII Victrix.
Xacemento do Curral (Sandrenzo-Cespón).
Xacemento da Torta (Agrañán).
BOQUEIXÓN
A Cidá de Aixón (Gándara-Sergude): Eiquí quixo situarse a Asseconia do Itinerario de Antonino. Podería tratarse dunha vila baixoimperial que posuiría un hipocausto pola aparición de pezas de tixolo e lousas. Gravemente alterada.
Miliario da Gándara (Boqueixón-Vedra): Apareceu na Gándara, unha aldea dividida entre as parroquias de Sergude (Boqueixón) e San Fins de Sales (Vedra). Dedicado a Calígula, datado no ano 40 d. C. Foi descuberto no ano 1866 por Manuel Espino, na beira da estrada que vai de Santiago a Ourense. A primeira noticia débese a Barros Sivelo o 11 de xullo de 1866 nunha comunicación á Real Academia da Historia de Madrid: "Habiendo llegado a mi noticia por conducto del Sr. D. Manuel Calderón y por el Sr. Rector de la Universidade de Santiago, que a una legua de aquella ciudad, en la parrquia de Sales, se había descubierto un miliario cuya inscripción no estaba traducida...". Hübner sitúa neste lugar dous miliarios, mais trátase dun erro que foi aclarado por López Ferreiro. O citado López Ferreiro defende a situación de Asseconia (tamén Assegonia e Assegoniom) mansión mencionada no Itinerario de Antonino, no Anónimo de Rávena e na II Tábula de Astorga, na zona onde apareceu o miliario, argumentando a existencia de vestixios de estruturas romanas no lugar coñecido como Aixón (A Cibdá de Aixón está no concello de Boqueixón, non moi lonxe de onde apareceu o miliario). Rodríguez Colmenero e outros autores consideran viable esta teoría xa que a distancia entre Iria Flavia e Asseconia, que marca o Itinerario de Antonino, 13 millas, axústase bastante ben á distancia real que hai entre Padrón e o lugar da Gándara. Polo tanto, este miliario podería marcar a milla 55 dende Lucus Augusti. "G(aius) ∙ CAESAR ∙ AVG(ustus) ∙ GERMANICVS ∙ GERMANICI ∙ CAES(aris) F(ilius) ∙ TI(beri) ∙ CAES(aris) ∙ AVG(usti) ∙ N(epos) ∙ DOVO ∙ AVG(usti) PRONEPOS ∙ PATER ∙ PATR(iae) ∙ PONT(ifex) MAX(imus) ∙ TRIB(unicia) ∙ POT(estate) ∙ IIII ∙ CO(nSs(ul) ∙ II M(ilia) ∙ P(assuum) [- - -]", ("Gaio César Augusto Xermánanico, fillo do César Xermánico, neto de Tiberio Augusto César, bisneto do divino Augusto, pai da patria, pontífice máximo, coa cuarta potestade tribunicia e cónsul en dúas ocasións (mandou colocar este miliario). [Ata --- faltan ---] millas"). No Museo da Catedral de Santiago.
Restos de calzada: Na Gándara e Gastrar.
BRIÓN
Estela a Xúpiter Óptimo Máximo: A principios do mes de xuño de 2021, o colectivo A Rula deu a coñecer a localización dunha pedra rectangular situada na parte inferior dunha parede da igrexa de Santa María de Cornanda. Atópase en posición horizontal e semi enterrada. Sobre a inscrición vense dúas liñas paralelas, moi erosionadas, a xeito de moldura. Lense claramente as letras "I O M" nunha primeira liña, e "P F" na segunda: "I(upiter) O(ptimo) M(aximo)/P(---) F(---)", ("P[---] F[---] para Xúpiter Óptimo Máximo"). Do século II-III d. C.
Tesouriño: No ano 1970 uns rapaces atoparon no Castro Lupario unha vasilla con dez ou doce moedas romanas e un medallón.
Vila de Cirro (Bastavales): Descuberta no ano 1963 na finca de Tallas. Dos séculos I-III d. C., apareceron un mosaico e restos dun hipocaustum (forno de calefacción) dunha villae, pavimentada con baldosas e piastras de ladrillos.
Baixorelevo na igrexa de Cores: Nun muro da igrexa atópase o baixorrelevo dunha posible deusa da fertilidade, quizais prerromana ou
de época romana, procedente da capela de Santa Mariña de Muíño, na parroquia de Corcoesto.
Castro de Corcoesto:
Domínase o curso do río Anllóns. De castro defensivo converteuse en
castro agrícola. Conserva parte dos restos dun muro e un foxo, moi
afectados pola concentración parcelaria. Logo foi romanizado, asociado
ás explotacións auríferas. Crese que non moi lonxe, en Quiñalde, os
romanos rendían culto ao deus da guerra Quirino, no outeiro Quirinale,
pedíndolle que trouxera a paz.
Inscrición (Canduas): Perdida. Aparece citada na Historia de Galica (1888) de Murguía onde fai alusión a autores anteriores. Non precisa o lugar exacto do achado, só que apareceu en "Candoas". Achega o seguinte texto: "[---] hic tumulatus manet suba er[a] DCXIII [---]", ("[Eiquí] foi sepultado na era 613 [---]"). A Era 613 correspóndese co ano 575.
Mina do Caldeiro (Borneiro).
Mina da capela de Santa Mariña (Corcoesto): Nas proximidades do río Anllóns, utilizada ata a época contemporánea. Consiste nun gran corte nunha ladeira de forte pendente situada sobre o río Anllóns. A media altura ábrese unha galería.
Monte Furado: Vestixios explotacións auríferas.
Restos calzada (Ponte do Porto:) Coñecida como o Camiño Real.
CAMBRE
Villae de Cambre: Séculos II-IV d. C. Consta de dúas partes, unha adicada a vivenda e outra a actividades agropecuarias; atopáronse pilae (columnas de ladrillo cuadrangulares) que correspondían a un caldarium (parte quente das termas), tepidarium (parte morna), un balneum (piscina de auga fría cuberta), natatio (piscina ao aire libre) e letrinae (latrinas). Un dos descubrimentos máis importantes foron unhas pinturas murais con motivos de fauna mariña (polbos, peixes, vieiras...). Durante as escavacións de J. Naveiro no ano 1998 apareceron uns ladrillos con inscricións.
Inscrición funeraria de Santa María do Temple: Desaparecida. Dá noticia dela Cornide Saavedra no ano 1789, que di que se atopaba "pasado el puente del Burgo, junto al crucero que está a la izquierda del camino antiguo de Castilla, sierviendo de mesa para descansar el Santísimo en la procesión del Corpus", afirmando que procedía das ruínas da igrexa de Santa María do Temple. Abascal Palazón e López Fernández (2023) achegan que aínda que a inscrición dáse por desaparecida xa a mediados do século XX, no ano 1945 o director do Museo Diocesano de Santiago de Compostela (hoxe Museo da Catedral) publicara que se gardaba nesa institución, se ben non foron quen de localizala. "D(is)
M(anibus) S(acrum)/C(aio) IVL(io) SEVERO/AN(norum) XLVII/IVLIA
SEVERA/MARITO/PIENTISIMO", ("Consagrado aos deuses manes. Iulia Severa
púxoo para o seu marido Caius Iulius Severus, de 47 anos").
CARBALLO
Balnerario romano de Carballo: Segundo algunhas fontes documentais existentes no Arquivo do Reino de Galicia, no ano 1777 foron escavadas as ruínas dun establecemento termal e balneario de época romana. A escavación xurdiu á raíz da aparición dun manancial vencellado á crenza popular da existencia dun tesouro e, anos máis tarde, a unha serie de acontecementos de carácter xudicial. Os baños de San Xoán de Carballo, coñecidos tamén como baños de Bértoa da Lagoa, son xa nomeados no ano 1729 nunha obra de veterinaria escrita por Fernando Sande y Lago. A mediados dese século, o catedrático de cirurxía da Universidade de Santiago, Pedro Gómez de Bedoya, adícalles un capítulo baixo o nome de Baños de Bértoa, no segundo volume dos dous publicados da súa historia das augas minerais. Ningún dos autores alude á romanidade dos baños. No século XIX, o dicionario xeográfico de Sebastián de Miñano atribúe a paternidade dos baños aos árabes, é no Madoz sinálase que a construción dun pozo que serve de baño en Carballo remóntase a tempos moi lonxanos. A primeira vez que aparece a posible orixe romana na bibliografía é nun artigo do profesor Luis Monteagudo. Hoxe en día non hai pegadas da existencia do establecemento romano, mais, ao parecer, o moderno balneario da rúa da Estrela, coñecido como "Baños Viejos de Carballo", delata a ubicación dende tempos moi antigos. (Información recollida de O balneario romano de Carballo segundo as fontes do Arquivo do Reino de Galicia (unha escavación arqueolóxica no século XVIII), de G. Casado González e R. M. Franco Grande. Segundo Pérez Losada (2002) equí podería estar a mansión Glandimiro da vía XX, baseándose nun litixio de propiedade acontecido a finais do século XVIII en que se produciron varias remocións de terra no sitio coñecido como Bértoa da Lagoa, Baños de Bértoa, Caldas ou Baños Vellos, que deron lugar á exhumación do primitivo balnerario romano, ben documentado con planos e descrición.
Minas de estaño do Monte Neme (Cances). No Monte Neme tamén apareceron restos de ánforas, escouras, fornos, tégula.
Moedas: Nos arredores da capital municipal atopouse un as de Antonino Pío.
En Razo, denario republicano e denario de Tiberio. No castro de
Entrecruces, moeda de bronce imperial. Na Algara, no ano 1916, nun
recipiente de barro ao realizar labores agrícolas, apareceron 1.500
moedas romanas, un denario e 76 antonianos, todos de mediados do século
III d. C. Deste último achado dan conta, entre outros, Martínez Salazar
(1916), Aulló Costilla (1955) e Isidro Rodríguez Mira (1992) que, creo
que erradamente, sitúan no concello de Miño, e que Cavada Nieto si trae
para Carballo. Do total atopado só foron descritos 77 exemplares, 40 por Martínez e 30 por Aulló.
Vía: Restos de calzada xunto a ponte de Lubián.
CARIÑO
San Xiao do Trevo (Cariño): Xunto a capela do San Xiao. Apareceron restos tardorromanos de muros de mampostería, pavimento, cerámica, ímbrices e tégulas que puideron pertencer a unha vila agrícola ou pesqueira. Para a construción da capela reutilizouse material da vila, tégulas e fragmentos de cerámica. Segundo
a tradición, a imaxe do San Xiao foi tirada ao mar polos piratas que
asolaban a costa, atándolle unha pedra ao pescozo; mais o santo
liberouse e, nadando, chegou a terra onde o recolleron os mariñeiros que
subiron a imaxe ata o lugar onde despois construíron a capela. A carón da ermida pasa un roteiro coñecido como Camiño dos
Mortos que vai ata a freguesía de Régoa e Santo André de Teixido.
Xacemento de Figueiras: Entre A Vacariza e Punta dos Aguillóns, con restos de muros; preto hai unha fonte coñecida co nome de Fonte da Moura que nace no interior dunha rocha, asociada a mouros e tesouros; apareceron restos cerámicos e tégulas Relacionado con San Xiao.
Chao do Limo (A Porta): Dúas explotacións mineiras consistentes nunha estrutura de trincheira irregular para a extracción de ferro. Nun extremo da gabia hai unha estrutura circular que podería ser a entrada ao pozo mineiro ou restos dun forno de fundición. Atopáronse escouras de ferro.
Chousa da Condomiña: Restos romanos indeterminados.
CARNOTA
Asentamento de Parada (Santa Columba de Carnota).
Monte Pindo: A mediados do mes de setembro de 2011 deuse a coñecer un achado na Laxe da Moa, a parte máis alta do mítico Monte Pindo. Trátase duns tramos de muralla que pertencerían a un castelo tardorromano do século V construído, segundo os seus descubridores, para se defender dos Suevos. José Barreiro Barral, en Compostellanum XV (1970), Notas arqueológicas e históricas de los Montes del Pindo, di que o Monte Penafiel é unha das tres importantes aras dos celtas supertamáricos que no 24 a. C. foi confiscada polo xeneral romano Sextius, que a dedicou, xunto con outras dúas, a Marte Augusto, e non ao emperador Augusto como sosteñen outros autores. Cando visitou por primeria vez Penafiel no ano 1932 atopou dous pilóns de sacrificios cubertos de terra comunicados entre si, atopando cinza e restós óseos de animais moi calcinados.
Xacemento de Miñarzo (Lira).
Villae de Paleo: Apareceron restos de tégulas, ladrillos e ímbrices de época baixorromana, e cerámicas e estruturas de cronoloxía altomedieval. Nun dos taludes da estrada atopouse un sepulcro de inhumación feito con tégulas, depositado no Museo das Mariñas de Betanzos. O xacemento atópase xunto un cruceiro e un peto de ánimas, preto da igrexa parroquial cuxa existencia, ao igual que o propio asentamento, xa está documentado por Tructino no ano 868; ao mesmo tempo atópase moi próximo a un castro do que se podería pensar que viría orixinariamente o seu poboamento.
Castro das Travesas ou Eira dos Mouros (Santa Mariña de Beira): Atopáronse indicios que confirman o paso dun ramal da Vía XX ("per loca maritima"). Entre as pezas atopadas polos arqueólogos, baixo a dirección de Antón Malde, destacan materiais cerámicos que van dende o s. IV a. C. ao VI d. C. Tamén apareceu, entre outros, un tesouriño tardo romano composto por varias moedas da época de Constantino, un anel de ouro cunha pedra azul e un fragmento cerámico coa letra "N" gravada depositado na Casa da Cultura de Carral.
Necrópole da Agra de Guisande (Lavandeira-Cerceda): Cronoloxía tardorromana. Escavada nos anos noventa do século XX, saíron á luz cinco tumbas de inhumación.
Explotación mineira: No monte Lourido, entre Carral e Abegondo.
CEDEIRA
Calzada: Dende o porto de Cedeira encamiñábase cara o interior e que logo foi utilizada, entre outros, como camiño a Santo André de Teixido; consérvanse algúns tramos na parroquia da Régoa.
Igrexa de Santa María (Cedeira): Maciñeira (1911) e Castillo (1972) citan restos esparexidos xunto a igrexa.
Moeda: No ano 2020, durante as escavacións do castro do Sarridal, apareceu unha moeda romana de bronce do século I. d. C.
Tesouriño: No ano 1929, ao derrubarse casualmente un muro, na finca coñecida como As Manguelas, en Vilarnovo, parroquia de Montoxo, apareceron 440 moedas, na súa maioría denarios de prata e algúns aureos, achádego do que deu conta Federico Maciñeira no Boletín da Real Academia Galega, clasificando, entre outras, catorce denarios de prata pertencentes á República, un denario de ouro do emperador Domiciano e vinte de prata de Octavio Augusto, Tiberio, Claudio I, Galba, Tito e Domiciano.
Xacementos romanos de Campelo (O Barral-Esteiro) e Magoira (Cervo).
CERCEDA
Aras aos Lares Viais
(As Encrobas): Atopadas no ano 2001 cando o desmantelamento e traslado da casa
reitoral de San Román por mor da ampliación da central térmica de
Meirama.
Unha posúe tres foculi de desigual diámetro. 1: "LAR(ibus)
QV/INTUS/[------]", ("Quintus puxo este altar aos Lares
Viais"). 2: LARIBUS VI(alibus)/I[ulius?]/V(otum) S
(olvit)", ("Iulius cumpriu co seu voto aos Lares Viais"). No
Museo do Castelo de San Antón da Coruña.
Necrópole (Lavandeiras-Cerceda): Baixorromana. R. Valdés escavou cinco tumbas feitas con tegulae e ímbrice, utilizada entre os séculos IV e VII d. C.
CORCUBIÓN
Moedas: Denario de L. Pomponio atopado no ano 1866 por Barros Sivelo cando unha escavación que realizara xunto un sepulcro. Atopou outros dous denarios máis da familia Plautia e Augusta. Non está clara aprocedencia.
COIRÓS
Estela funeraria de Recebés (Recebés-Santa María de Oís): Fragmento superior dunha estela funeraria do s. III d. C. atopada no ano 1982 na paraxe do Pazo durante as obras da concentración parcelaria. Ao principio estivo custodiada na casa de don Jesús de Cadaveira ata a súa identificación no 1992 por Luis Otero. A inscrición perdeuse. Custodiada no Museo das Mariñas de Betanzos.
Ara aos Lares Viais:
Empotrada na parede interior da coñecida como Botilla ou Casa do Santo
(hoxe en día capela dedicada á Nosa Señora da Espenuca), situada preto
da igrexa mosteiral da Espenuca, víase o coroamento dunha ara en cuxa
superficie obsérvanse tres foculi de pequeno diámetro. No
primeiro trimestre do ano 2024, a Fundación Luis Monteagudo procedeu á
súa extracción. Abascal Palazón (2024), le: "[.] V EX/V R S/A". Foi trasladada para a igrexa da Espenuca.
Estela: No mesmo edificio da Espenuca, reutilizada como lintel da porta porta, hai unha estela decorada cunha roda de tres radios curvos inscrita nun círculo. Na parte media hai un campo rectangular rebaixado decorado con liñas verticais en relevo. Non conserva epígrafe. No Museo das Mariñas de Betanzos exponse unha copia moderna en xeso.
A Espenuca: No lugar ergueuse un castro, unha torre medieval e un mosteiro do que aínda se conserva a igrexa. Ademais da pezas citadas máis arriba apareceron tégulas e muíños de man.
CORISTANCO
Ara de Nogueira (Nogueira-Seavia): Adicada a Coso Oenaego. Descuberta cara o 1910 polo presbítero de Razo, Benigno Cortés García, que deu conta do achádego no Boletín da Real Academia Galega (1912). Modificáronlle o focus para ser reutilizada como pía de auga bendita na desaparecida capela do San Roque onde estivo ata o ano 1961. Foi publicada por Fita para quen o epíteto era Theinaeco, e no mesmo ano por Cortés e Martínez que leron Oenaeco. "COSO/OENAE/GO/C(aius)/IVL(ius) NEPOS/EX VOT(o)", ("Caius Iulius Nepos dedicouna a Cosus Oenaego, en cumprimento dunha promesa"). Posto en contacto co colectivo SOS Patrimonio Cultural Gallego, comentáronme que a derradeira propietaria do coto de Nogueira cedeu uns bens á Igrexa, e que esta vendeu ao mellor postor as ruínas da capela de San Roque, entre cuxas pedras estaba a ara. Na actualidade atópase no patio da casa nº 19 de Nogueira.
Muíños circulares na parroquia de Santa Baia de Castro.
Vía xunto a ponte de Lubiáns, entre Carballo e Coristanco.
A CORUÑA
Dión Casio (155-235 d. C) e Paulo Orosio (383-420 d. C.) falan da importancia do Golfo Ártabro como punto clave na navegación atlántica, centrada sobre Brigantium. Brigantium, citado abundantemente nas fontes clásicas, adoita identificarse coa cidade da Coruña. Situado nun lugar estratéxico, actuaba como porto do convento lucense. Segundo a lenda, a fundación da Coruña débese a Hércules ou a Breogán (a do caudillo céltico Brigo só foi defendida no seu momento por Benito Vicetto). O mito de Hércules foi aceptado por Jerónimo del Hoyo e Castellá Ferrer (s. XVII), e posto en cuestión por Florián de Ocampo (s. XVI) e por Flórez e Cornide (s. XVIII). Os principais defensores do mito de Breogán foron Eduardo Pondal e, sobre todo, Murguía que aseguraba que detrás se agochaba unha historia real dunhas invasións céltico galaicas sobre Irlanda que partirían de Brigantium, lenda que ten a orixe no Relato de Trecenzonio do século XVI, no Leabhar Gabhala, e na Estoria de Espanna de Afonso X. As primeiras investigacións sobre a orixe da Coruña débense ao P. Sarmiento, o P. Flórez e, principalmente, a José Cornide quen estudou o faro romano antes da súa restauración por E. Giannini, ademais doutros restos (no 1789 o propio Cornide copiou as epígrafes dunha praca funeraria da Porta Real e unha ara da igrexa de Santiago). A mediados dos anos corenta do pasado século vinte, Luis Monteagudo efectúa o estudo de achados nas inmediacións da Torre de Hércules e na rúa Real. As primeiras escavacións científicas foron da man de José María Luengo no ano 1949. Nos anos setenta e oitenta rexurden os traballos grazas ao Museo, baixo a dirección de Felipe Senén, acometéndose tamén neste tempo as prospeccións subacuáticas do porto. A arqueoloxía urbana comeza no ano 1985, cando a construción do aparcadoiro subterráneo da Praza de María Pita. Ara a Xúpiter: Descuberta no ano 2009 durante unhas escavacións na rúa Tabernas. Conserva un focus case cadrado. "I(oivi) O(ptimo) M(aximo)/CALP(urnius)/[.]+[---]", ("Calpurnius fixo este altar para Xúpiter Óptimo Máximo").
Ara: No ano 1906, durante as escavacións na rúa Tabernas, apareceu unha ara anepígrafa con zócolo e coroamento provisto de focus. No Museo do Castelo de San Antón.
Dedicatoria de Fortunatus (A Coruña): Atopada na rúa Real, nunhas escavacións do ano 2004: "D(is) M(anibus) S(acrum)/D(ecimo) STATOR/IO PRINC/IPI ET FELICI L/IB(erto) FORTVNA/TVS EXSAC/TOR", ("Consagrado aos deuses Manes. Fortunatus, responsable da recadacións de tributos para o fisco, fíxoo para Decimus Statorius Princeps e para o liberto Felici"). No Museo do Castelo de San Antón.
Epitafio de Arruntio: Na muralla da Coruña apareceu no 1789 unha praca funeraria de granito moldurada dedicada aos deuses Manes: "D(is) M(anibus)/G(aio) ARRVNTIO SERE/NO AN(norum) LX FLACCINI/A SEVERA MARITO/PIENTISIMO", ("Aos Deuses Manes, Flaccinia Severa ao seu moi piadoso marido Gaio Arruntio Sereno, de 60 anos"). No Museo do Castelo de San Antón.
Epitafio de Aretis: Praca que formaba parte dun edificio funerario. Apareceu no último terzo do s. XIX na rampla de nivelación diante da capela do vello Hospital militar. Barros Sivelo deuna a coñecer no ano 1870. No lateral dereito vese a letra "V", e no esquerdo a letra "S"; no centro "[------]/ARETIS F(ilius)/AN(norum) LXXX/H(ic) S(itus) EST", ("[------] fillo/a de Ares, de 80 anos, xace eiquí"). No Museo do Castelo de San Antón.
Igrexa de Santiago: No templo consérvanse dous pedestais honoríficos de granito que servían para sosteñer o antigo altar da igrexa, descubertos por Andrés Martínez Salazar no ano 1897, un cunha inscrición ao emperador Marco Aurelio e a outra a Lucio Aurelio Vero. 1: "IMP(eratori) CAESARI/M (arco AVRELIO/ANTONINO/AVG(usto)/REGINVS VERNA/AVGVSTORVM/EXACTOR/EX VOTO", ("Reginus, servo imperial responsable da recadación fiscal, puxo este monumento ao emperador César Marco Aurelio Antonino Augusto en cumprimento dun voto"). 2: "IMP(eratori) CAESARI/L(ucio)AVRELIO VERO/AVGVSTO/REGINVS VERNA/AUGVSTORVM/EXACTOR/EX VOTO", ("Reginus, servo imperial responsable da recadación fiscal, puxo este monumento para o emperador César Lucio Aurelio Vero Augusto en cumprimento dun voto"). Tamén apareceron outras tres aras no interior do templo. 1: Nunha lese: "FOR/TVNAE/IVLIVS/PLATO/EX V(oto)", ("Iulius Plato fixo este altar para Fortuna, en cumprimento dunha promesa"); segundo Antonio de la Iglesia, no xornal El Fomento de Galicia do 20 de novembro de 1858, atopábase no altar de San Miguel. No Museo do Castelo de San Antón. 2: Unha segunda tamén está adicada á deusa Fortuna. 3: Na última, datada entre o 161-165 d. C., di: "NEPTVNO/SACRV[M]/PRO SALVTE/AVGVSTOR(um)/NOSTROR(um)/GLAVCVS/CAESAR(um) N(ostrorum)/S(ervus) TIT(ulum/EX VOTO", ("Consagrado a Neptuno. Pola saúde dos nosos emperadores, ofrece esta inscrición Glauco, servo dos nosos césares)". Foi atopada por Martínez Salazar no ano 1897 debaixo do altar da capela de San Miguel. No Museo do Castelo de San Antón.
Faro da Torre de Hércules: Citado primeiramente por Dión Casio no século III d. C. e logo por Orosio no século V d. C., ten 35 metros
de altura e foi o faro máis coñecido do occidente romano. Istrio Aethico escribiu que se levantaba na cidade de Brigantia. No 522, reinando Miro, coñecíase como "torre". Nunha doazón á Igrexa compostelá, Vermudo II cítaa como Farum Precantium. Foi tal a súa sona, que no mapa de Burgo de Osma do ano 1068 aparecen os faros de Alexandría e da Torre de Hércules. No ano 1533, o Concello prohibiu utilizar as súas pedras para outras construcións. A estrutura
orixinal da torre, hoxe revestida de granito por mor dunha remodelación
do ano 1791 a cargo de E. Giannini, disque se debe ao arquitecto Gaius Servius
Lupus, que figura na inscrición, natural de Aeminium (Coimbra),
datándose nos tempos de Traxano (98-117 d. C.).
Inscrición fundacional (?) da Torre de Hércules: Atópase nas inmediacións da Torre de Hércules, dentro dunha construción de pedra feita ao menos a finais do século XVIII durante a restauración da torre por E. Giannini para protexela. Da epígrafe xa fala Mauro Castellá Ferrer no ano 1610: "A media legua de la ciudad de La Coruña en Galizia al pie del Castillo viejo, a que llaman Torre de Hercules, está este letrero en una peña". Hai autores que manteñen que se trata da inscrición fundacional, hipótese que rexeitan outros que consideran que só se trata dun simple voto a Marte. A rocha foi preparada antes de gravar o texto: "MARTI/AVG(usto) SAC(rum)/G(aius)
SEVIVS/LVPVS/ARCHITECTVS/AEMINIENSIS/LVSITANVS EX V(oto)", ("Consagrado a Marte Augusto, Gaius Sevius Lupus arquitecto de Aeminium en Lusitania, de acordo co seu xuramento").
Inscrición: Ceán Bermúdez (1832) fala dun cipo cunha inscrición na capela do altar de San Miguel na igrexa de Santiago da Coruña que cita a Licinio e Galieno. Descoñécese de onde tomou o dato, quizais de anacos de miliarios.
Inscrición: Nunha rocha próxima á Torre de Hércules gravaron a inscrición "REUE" e dúas cruces latinas, que algúns identifican, creo que erradamente, coa deusa galaica Reve. A inscrición semella moderna.
Paseo da Dársena:
Praca funeraria de granito adicada aos deuses
Manes: "D(is) M(anibus) S(acrum)/MATERNAE/[P]ATRVINI (filiae)
AN(norum)/[L?]II MATERNVS/[ET VALEN] TINA M(atri)/(hic sita) E(st)",
("Consagrado aos Deuses Manes. Maternus e Valentina, á súa nai Materna,
filla de Patruinus, de 52(?) anos. Xace eiquí"). Feita para conter dúas
inscricións, pero só unha parte foi gravada. Descuberta polo enxeñeiro Vicente Mariño, foi dada a coñecer por Andrés
Martínez Salazar no BRAG (1911). No Museo do Castelo de San Antón.
Moedas:
No ano 1876, baixo os cimentos da Porta da Torre de Arriba, atopouse un
áureo de Vespasiano da ceca de Tarraco, do ano 69 d. C. que foi adquirido por Martínez Salazar a un xoieiro, o señor Rey, que llo mercara ao obreiro que o atopou. Martínez (1911) fala doutra moeda en poder do marqués de San Martín de Hombreiro. No castro de
Elviña un as de Augusto, dous ases de Tiberio e un bronce de
Diocleciano.
Grafitos: En varias partes da cidade apareceron fragmentos cerámicos con evidencias de escritura moi fragmentaria. Nas escavacións do ano 2004 apareceu na rúa Damas un importante conxunto de fragmentos de terra sigillata. Na parte inferior dunha cunca vese a inscrición "AP NIG" onde chama a atención a forma canónica do G, co trazo oblicuo inferior propio das maiúsculas cursivas de data avanzada; estaríase diante do nome do propietario abreviado; a forma das letras suxire unha datación entre os séculos II e III d. C. Noutro fragmento vese a inscrición "ARELIA" ou "AVRELIA" que pode referise ao nome dunha muller, ou un home ou muller cuxo cognome fose Aurelianus ou Aureliana.
Pezas cando as obras do aparcamento de María Pita.
Peirao: A epigrafía ofrece datos indirectos da existencia dun peirao onde os funcionarios recadaban os tributos.
Castro de Elviña: Romanizado, con foro, alxibe, cerámica...
Tumbas: No ano 1961, na Rúa Real saíron á luz tumbas de tégula con restos humanos, un corno de terneira e un morteiro pétreo decorado. Noutras partes da cidade tamén apareceron máis tumbas illadas e conxuntos de distintas épocas. A zona funeraria máis antiga coñecida data de mediados do século II d. C. (Rúa Real), onde nun espazo reducido descubríronse varios esqueletos e urnas de incineración. Ao seu carón apareceu tirada sobre a area da praia unha lápida funeraria máis o bloque ganítico que lle servía de soporte, dereito e enterrado a media altura. Ambas as dúas pedras presentan un burato para encaixarse cun espigo de ferro que se axustaría mediante chumbo fundido. As furnas que recollen as cinsas localizáronse a carón da lápida de Fortunatus, o recadador de impostos. Dende o século III aparece con forza ascendente a inhumación que será o tratamento que se dará aos mortos ata o momento presente, no que de novo irrompe a incineración. O esqueleto baixo o característico sartego de tellas, facendo tellado a dúas augas, apareceu entre a Rúa Real e o Rego da Auga nas escavacións de 1949 efectuadas por J. María Luengo. Todas as tumbas estaban orientadas de leste a oeste, coa cabeceira ao poñente.
Museo Histórico Arqueolóxico do castelo de San Antón (A Coruña).
CULLEREDO
Acea da Ama (O Burgo): Restos dunha ponte e vía militar xunto un muíño fariñeiro.
Agra de Santa Baia: Monteagudo (1957) cita sillares ben traballados e outros restos.
Castro de San Cosme (Sésamo): Murguía (1901) atribúe a Cornide a noticia dunha ara de época romana adicada á deusa Navia aparecida en Sésamo, se ben o segundo nunca citou esta localidade: "NAVIA/ANCETOLV/NRI EXS/SESA/VOTVM/POSSIT/...". O P. Fidel Fita (1903) lévaa para a Pobra de Trives. A ara xa figura recollida por Hübner na edición do CIL II (1869). Sobre o castro hai unha capela.
Sepulcro do século IV: Atopado no ano 1938 no lugar coñecido como Agro do Mourelo (A Ermida-Celas). Estaba formado por tégulas, agás na cabeceira, composta por un cipo de granito; consérvase un debuxo publicado por José María Luengo no ano 1942 no Boletín de la Real Academia Gallega.
CURTIS
Estela de Severiano: Erroneamente situada como procedente de Fisteus, en Curtis. O P. Fidel Fita (1910) sitúa en Fisteus, e en CIRG I en Cidadela (Sobrado dos Monxes). En efecto, foi atopada por un médico de Curtis (daí vén a situala, erradamente, neste concello) nuns seus terreos próximos á igrexa da Ciadella, en Sobrado. (Ver Sobrado).
Estela de Severa: Dedicada por Lucila Ebura aos deuses Manes. Como no caso anterior procede de Ciadella (Sobrado dos Monxes), aínda que hai autores que a sítuan en Fisteus (Curtis).
Inscricións de natureza incerta: De Epigrafía romana de Galicia I. Provincia de A Coruña,
de Juan Manuel Abascal Palazón e Alberto López Fernández, editado pola
Fundación Monteagudo no ano 2023, recollo: "Unha carta do sacerdote
Benigno Cortés García a Ricardo Blanco Cicerón, datada o 31 de xullo de
1909, daba conta da existencia dunha inscrición romana que se descubrira
nas ruínas de Cidadela e que se conservaba na aldea de A Penencia
(parroquia de Santaia de Curtis, concello de Curtis). Fernando Acuña
Castroviejo xa coñeceu esta carta e proporcionounos un extracto da
mesma; agora puidemos completar esa información co acceso ao documento
orixinal conservado no Museo do Pobo Galego. A elo hai que unir que, fai
dous anos, A. López Fernández tivo noticia da existencia dunha
inscrición romana nesa mesma aldea de A Penencia e que a comparación
entre ambos textos atopa moitos puntos de similitude aínda que tamén
importantes diferencias. Por iso, con todas as cautelas posibles,
mantivemos a duplicidade de entradas á espera de que -algún día- a peza
que hoxe permanece empotrada naquela localidade poida revelar o seu
texto completo".
Inscrición funeraria
(cont. do anterior): "Fragmento de pedra do que se descoñecen tanto a
forma como as dimensións, do que Benigno Cortés García, na citada carta a
Blanco Cicerón, di que envía copia da inscrición da estela funeraria
aparecida fai tempo nas ruínas da Cidadela. A pedra estaba ultimamente
na aldea da Penencia servindo de lintel á porta dun forno, como xa a viu
Amor Ruibal cando visitou Sobrado. Segundo o texto a inscrición semella
constar de dúas liñas pero non hai que esquecer que o autor non estaba
representando ringleiras senón que transcribiu a epígrafe como se se
trata de prosa, polo que non podemos coñecer a estrutura exacta das
liñas... Sen esquecer ditas prevencións, a epígrafe di o seguintes: D
CENI . R VFONIV BI/TALIS . POS . BITI. A prensa de 1901 xa se fixera
eco dunha noticcia proporcionada polo mesmo Benigno Cortés, daquelas
párroco de Présaras, sobre o achado en Cidadela dunha inscrición na que
podía lerse "Vitalis possuit post vitam". Ninguén volveu a citar
este achado. Volvendo á carta de Benigno Cortés, esas letras seguramente
deben desenvolverse deste xeito: [------] D[e]CENI(o) . RVFONV[s]
VI/TALIS . POS(---) BITI[---]".
Inscrición funeraria
(Cont. do anterior): "Estela de granito, recortada cuidadosamente en
época moderna por todos os lados agás polo costado esquerdo, coa fin de
adaptala a súa ubicación actual como apoio no forno dunha casa. Por iso,
a parte inferior ten hoxe aspecto semicircular... Descoñecemos o lugar e
a data do achado. Hoxe consérvase nunha vivenda privada da aldea da
Penencia (Curtis), a un quilómetro aproximadamente do campamento da
Cidadela, servindo de soporte para a campá dun forno. Alí a describiu
primieiro A. López Fernández en febreiro de 2021 y revisámola o 18 de
maio de 2023. O texto di o seguinte: [------/+ [---]uniu[s---]/Vitalis
[---]/posuit [---?], ([---]unius Vitalis púxoo [---]). Non hai que
desbotar que esta peza sexa a mesma que a descrita por Blanco Cicerón co
nome de Rufonius Vitalis. O conservado non permite saber si a inscrición é votiva ou funeraria. Pode estar datada no século I".
DODRO
Castelo de Monte Vilar (Monte de San Gregorio-Dodro): Asentamento romano-medieval. Parece ser que se trata dun castro refortificado durante a Idade Media. Apareceron fragmentos cerámicos.
Veiga de Abaixo (Laíño): Preto do río Ulla. Posible asentamento de época romana. Apareceron tégulas.
DUMBRÍA
Ara de Berdeogas: S. I-II d. C. Atopada no ano 2006 no muro dun grupo de casas preto da igrexa parroquial de Santiago de Berdeogas. Na cara superior presenta focus e dous pulvinos laterais, e tanto o zócolo como o coroamento son saíntes ás catro caras o que apunta a que a peza estivo acaroada a unha parede. As letras mostran un gravado coidado e profundo. As interrupcións visibles teñen forma de punto. A letra da primeira liña, a D, pode ser a abreviatura de "D(eo)", en cuxo caso a divindade sería o nome da divindade "AP(ollinis)". "D(eo) AP(olloni)/RVFV(s)/EX V(oto)/A(ram) P(osuit)", ("Rufus puxo este altar para o deus Apolo en cumprimento dunha promesa"). Trátase da primeira evidencia do culto a Apolo en Galicia. Ingresou no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón no ano 2019 grazas ás xestións da Fundación Luis Monteagudo. (Achegada polo profesor da Universidade de Alacante, Juan Manuel Abascal Palazón).
FENE
Factoría: Posibles vestixios dunha factoría de salgadura de peixe en Vilar do Colo (Limodre). Apareceron pezas cerámicas e tellas.
Xacemento do Tellado (Fene).
FERROL
Tesouro de Bedoya:
Leva o nome do seu descubridor, D. Francisco Bedoya Fojo. O achado
produciuse nos anos corenta do pasado século, ao limpar unhas pedras
dunha eira próxima á súa casa, no lugar coñecido como A Chousa, na Barca de
Arriba, parroquia de Doniños. Un recipiente de bronce agochaba unha
diadema de ouro, catro arracadas de ouro, dous aneis de ouro, dous
áureos datados entre os anos 54 e 85 d. C. e vinte e sete denarios de
prata datados entre os anos 63 d. C. e 91 d. C. Custodiado no Museo de
Pontevedra dende o ano 1953.
Disco de Santa Comba
(Covas): No ano 2001, André Pena Graña descubriu un ponderal circular de lousa duns 4 cm de diámetro e cun pequeno furado
no centro nun derrube fronte á illa onde está a ermida de Santa Comba. Di que data, posiblemente, do século I d. C., cunha epígrafe votiva dedicada á deusa Reva co xenitivo trasanci, que quizais derivaría do etnónimo Trasancos. Abascal Palazón e López Fernández (2023) len: "REBE TRASANGIVGE", sinalando, "aínda aceptando a súa autenticidade", só pode datarse entre os séculos I e III d. C. No Museo das Mariñas de Betanzos.
Grafito (Esmelle): No ano 1990 apareceu no castro de Tralocastro un grafito coa palabra "CAPITO".
Explotación de Covarredeiras (Covas): Explotación aurífera.
Xacemento de Cariño (Doniños).
Vila do Casal (Esmelle): Estruturas de muros, cerámica común, tégulas, terra sigillata.
Xacemento de Punta Fornelos (Esmelle).
Ara votiva á Nai dos Deuses (Cibeles): Do século II d. C., atopada no cemiterio da igrexa do Sardiñeiro no ano 1959. Presentaba coroamento, que conserva o focus, e zócolo, que se perdeu. Castillo e D´Ors leron "MARD-/UMVS/et VAL(eria?) E(x) voto", se ben a lectura correcta sería: "MATRI DE/VM S(acrum)/(et) VAL(---)/(e)X VOTO", ("Consagrado á nai dos deuses. (---) e Val(---) (construíron este altar para cumprir unha promesa"). En mans privadas. O culto a Cibeles só se atopa testemuñado 15 veces
na Península (sete en Portugal: Vila Real, Porto, Lisboa, Setúbal, Évora, Beja e Faro), dúas nas provincias de Cáceres e Badajoz, tres na de Ourense e unha na da Coruña.
Inscrición a Xúpiter:
Procedente de Herbogo. No ano 1957, Ángel del Castillo, que vira unha
foto, preguntoulle ao seu descubridor, Benito Sebe Lorenzo, onde fora
parar a ara. Este díxolle que a regalara ao médico de Fisterra,
Francisco Esmoriz Recamán, polo que
pode que fora levada para esta localidade. Desparecida: "IOVI/O(ptimo)
M(aximo)". No Arquivo do Museo Arqueolóxico de San Antón da Coruña
consérvase a correspondencia entre ambos onde se inclúe un debuxo
realizado polo seu descubridor.
Vilar Vello: Atopáronse varias moedas e restos cerámicos.
FRADES
Corta da Quenlla (O Barreiro-Abellá): Explotación mineira de época romana.
Moeda: En Moar apareceu un as de Antonino Pío (160 d. C.).
A LARACHA
Ara de Soandres: Atopada no mosteiro de Soandres. Arredor do 1600 xa formaba parte do altar, onde permaneceu ata o ano 1909 en que foi levada para a Exposición Arqueolóxica celebrada en Santiago ese ano. Focus cadrado. Posúe unha inscrición adicada a Xúpiter Óptimo Máximo, quizais a Hércules e a unha divindade ou dedicante indíxena. Conta Verea y Aguiar que foi repicada cando a visita do cardenal Jerónimo del Hoyo no ano 1608 porque, disque, incitaba ao culto pagán. No ano 1745 viuna Frei Martín Sarmiento, e logo perdéuselle a pista, sendo redescuberta por Balsa de La Vega no 1909. Lectura probable: "I(ovi) O(ptimo) M(aximo)/HERKV/LI/IONICO(?)/E V", ("Para Xúpiter Óptimo Máximo de Hércules Iónico?"). Distintos autores fixeron diversas lecturas, coincidindo só na primeira liña. En CIRG I dise que o texto é falso xa que toda a cara anterior foi repicada e que o texto orixinal era outro. En efecto, o proceso de borrado e regravado é de arredor do ano 1607 tal como testemuña Jerónimo del Hoyo. Estivo nos almacéns do Museo da Catedral de Santiago, na actualidade no Museo do Mar de Vigo.
A Armada Vella (Soandres): Na vía XIX (per loca maritima). O topónimo quizais faga alusión a un posto de vixiancia e control do exército romano.
Campamento de Santa Baia (Soandres): Descuberto por romanarmy. Segundo información recollida da súa páxina, trátase do recinto fortificado romano ubicado máis ao norte da actual Galicia, no territorio ocupado por un dos pobos galaicos máis mencionados polos clásicos: os ártabros. Unha das súas singularidades radica en que o campamento foi construído aproveitando un castro, e mesmo sobardando os seus límites, quedando a fortificación indíxena no interior. As súas dimensións, superiores ás cinco hectáreas e cunha estimación de ocupación entre 2.500 e 3.650 soldados, sitúao nun rango intermedio dentro das dimensións dos campamentos localizados no Noroeste. Apunta romanarmy como hipótese que o castro xa estivera abandonado no momento da chegada dos romanos. Segundo a tradición oral recollida polos investigadores, o castro estaba habitado polos mouros, e que nunha zona xusto debaixo do castro, ao noroeste, tamén habitaba outra xente, "os fenicios". No
mes de abril de 2023, a Deputación da Coruña e a Universidade de
Salamanca asinaron un acordo para poñer en marcha o proxecto “A
chegada de Roma ao Finis Terrae” para
promover o estudo arqueolóxico dos campamentos romanos do Cornado
(Negreira), Santa Baia (A Laracha), A Cova do Mexadoiro (Trazo) e O
Castrillón (Touro), campamentos temporais que o exército romano
construía no transcurso das súas marchas, ben por motivos
defensivos, ben por cuestións de disciplina interna. A idea é levar
a cabo un estudo arqueolóxico por medio de técnicas de
teledetección non destrutivas.
Miliario: De mediados do século IV, adicado a Decentio (350-353), atopado na igrexa de Santiago de Vilaño durante as obras de reparación no ano 1985, reutilizado na parte superior da porta de acceso á sacristía. Despois foi trasladado á casa reitoral, reconvertida hoxe en centro cultural da Asociación de Veciños, volvendo de novo á igrexa. Segundo alguúns historiadores podería pertencer á vía 20 (per loca maritima). Os primeiros que o publicaron foron Caamaño Gesto e Naveiro López no 1992, lendo: "[B(ono)]
R(ei) P(ublicae) N(ato) / [MAG]NO / [DECE]NTIO / [PIISS]IMO / [ET FLO
]RE /[NTISSIMO]...EI... / M(illia) [P(assuum)". A. López Fernández e J. M. Abascal Palazón, coa axuda de María Pilar González-Conde (2021), ofrecen a seguinte lectura: "[- - -]FḶÂV[- - -]
[- - -]NO[- - -]
[- - -]ṆTIO[- - -]
[- - -]IMO[- - -]
[- - -]RE[- - -]
[- - -]EI[- - -]
(vac.)
[- - -]M[- - -]", que debe desenvolverse: "[D(omino) n(ostro)] Fḷâv[io]
[Mag]no [De]-
[ce]ṇtio [no]-
[biliss]imo [Ca]-
5 [esa]re [bono]
[r]ei [p(ublicae) n(ato)]
(vac.)
m(ilia) (?) [p(assuum) - - -]", ("Este miliario púxose no tempo do noso señor Flavius Magnus Decentius, nobilísimo César, cuxo nacemento foi tan beneficioso para o Estado. (Dende ou ata---), [---] millas").
LAXE
Ara de Serantes: Adicada á divindade prerromana Coso. Castillo e D´Ors, que a publicaron como inédita, leron: "COSO/CALEOV/NIO PS EV", facendo o seguinte comentario: "Lectura moi dubidosa. PS poden ser as iniciais do dedicante ou menos probable p(ecunia) s(ua). Sen comprobar na mesma pedra", o que semella confirmar que non viron a peza. O profesor Juan Manuel Abascal Palazón envioume un pdf coas publicacións dun congreso celebrado no ano 2014 en Berlín onde se fai unha referencia a esta ara, propoñendo a seguinte lectura: "COSO/CALAEV(co)/VEL CALEV(go)/V(otum) [P(osuit) L(ibens)] A(nimo)". Outras propostas da lectura: Calaeus, Calaenco. Durante moito tempo deuse por perdida pero atópase reutilizada como material de construción no muro lateral sur da igrexa de Serantes.
LOUSAME
Ara de Lesende: No ano 2006, Iago Urgorri Serantes descubriu unha ara reaproveitada nunha parede na casa reitoral de Lesende que pertencería a un habitante indíxena romanizado. A inscrición di: "NAVIAE/OB MERI/TIS MARC/VS VALE(erius)/VO(tum) PO(suit)", ("Marcus Valerius ofrece este voto a Navia polos seus méritos"). Datada entre finais do século II ou principio do III d. C.
Minas de estaño de San Fins (As Minas de San Fins-Vilacoba).
MALPICA DE BERGANTIÑOS
Prancha de Mens: Situada na igrexa mosteiral de Mens. De mármore, está incrustada no altar da capela sur; a inscrición foi eliminada. Calificada por algúns autores como romana, non existen evidencias claras. No exterior da igrexa hai dúas inscricións medievais moi desgastadas. Pedra reutilizada: No interior da igrexa de Santiago de Mens hai unha pedra reutilizada no chan. Enmarcarda, puído acoller unha epígrafe.
Minas de estaño (Monte Neme).
MAÑÓN
Factoría pesqueira: No ano 1871, ao construír as fábricas de salgadura de sardiña de don Pascual Bermúdez, descubríronse restos das antigas factorías e outros restos de época romana. Moedas:
No mes de decembro de 1949 tivo entrada no Museo de Lugo un lote de
moedas romanas, composto por unhas 700 pezas, que foran descubertas o ano
anterior nas proximidades do porto de Bares onde apareceran máis dun
milleiro. Aínda que se descoñece o lugar exacto onde apareceron, parece
ser que foi xunto o Coído onde fixera escavacións F. Maciñeira; algunhas
persoas conseguiron facerse coas moedas que estaban mellor conservadas,
o resto foron adquiridas por un home chamado Jesús Rodríguez Villar,
alcumado como "Mandiá" que se adicaba a buscar metais vellos para
chatarra; das adquiridas polo Museo de Lugo, en bastante mal estado,
pertencen á época dos emperadores Gordiano Pío, Traxano Decio,
Treboniano, Volusiano, Valeriano (pai), Galieno, Salonino e ás
emperatrices Etruscila e Salonina, acuñadas todas durante o século III
d. C.; entre as revisadas por Vázquez Seijas só atopou un denario de
prata, acuñado polo emperador Octavio Augusto, emitida como moeda
póstuma. No ano 1942, xunto a factoría pesqueira de época romana, tapada
pola area, atopouse unha cunca de barro cuberta cunha lousa en cuxo
interior había unhas 60 moedas de cobre e bronce, trece delas estudadas
por Maciñeira. No castro de Vilela apareceu un bronce imperial tipo touro. No ano 1931
apareceu na Ribada un gran bronce de Didio Xuliano.
Peirao de Bares: Coñecido como o Coído. Refuxio artificial para embarcacións construído con grandes pedras. Maciñeira (1898) dálle unha orixe fenicia, Daporta (2007) dátao no s. VII a.C., Usero di que non é posterior ao Bronce Final, Felipe Senén inclínase por unha orixe romana ou altomedieval. J. Naveiro (1991) relaciona a construción coa pesca e descarga de baleas que se realizaba na Idade Media, di que os romanos nunca farían unha obra desta magnitude nun lugar tan afastado das vías de comunicación, engadindo que sorprende que os autores clásicos e algúns da Idade Media non se refiran a el, sexa cal sexa a súa cronoloxía. Nas prospeccións subacuáticas realizadas polo equipo da empresa Argos, pola parte exterior do Coído, revelaron que a 600 metros cara fóra, na ría, rodeando a configuración de bloques, continúa o coído, unha estrutura dun tamaño colosal cuxas pedras foron removidas polo temporal Becky que asolou a costa galega en novembro de 2010. Din que o coído non puído ser obra humana, polo tamaño e o peso dos bloques e esa configuración cara fóra polo que supoñen que non pode ser fenicio, senón anterior, unha obra que foi aproveitada dende tempos remotos por todas as culturas que pasaron por alí para ter un refuxio para continuar a navegación ou realizar a súa actividade, sendo probable que durante a ocupación romana ou medieval fora reforzado, reconfigurando os medios da época.
Villae do Peñón da Eirexa Vella (Bares): Situada
nunha penedía de cuarzo sobre a praia de Bares, no extremo oposto do
Coído. Escavada por Ramil no 1997, o mesmo ano en que o fareiro de Estaca de Bares atopa unha moeda de Claudio II o Gótico no peñón da Igrexa Vella, sitio que non era descoñecido xa que o cita Federico Maciñeira ao que xa lle chamara a atención a ubicación da primitiva igrexa, interpretando que baixo ela xubxacía un culto a Venus (o templo, consagrado á Virxe María, tíñaselle unha gran devoción mariñeira, sendo coñecido máis alá da zona). Os restos máis antigos son os dunha villae a mare tardorromana asociada á produción de salazón. Apareceu un mosaico con
decoración xeométrica feito con pedra caliza e pintado con cores branca e
gris azulada, depositado no Museo do Castelo de San Antón da Coruña, que correspondería a un pasillo porticado aberto ao mar.
Tamén saíron á luz restos de muros, materiais cerámicos (xerras, pratos, ánforas) e metálicos e restos óseos, o que
indica a existencia de dous períodos ocupacionais, un tardorromano e
outro medieval, reaproveitado como necrópole entre os séculos IV e VI. Canto á primitiva igrexa, tense teorizado de que puído existir unha primeira construción do século VII (sábese que foi reconstruída no século XIII e que no ano 1617 foi destruída por corsarios turcos e moriscos e que logo sería reedificada e estaría en funcionamento ata o século XVIII).
Xacemento romano de Bares: Constituído por un conxunto de estruturas relacionadas coa salga (piletas de salazón), e asociados a elas localizáronse moedas, ánforas e cerámica común. O xacemento localizouse no ano cando a construción da estrada ao núcleo do Porto de Bares. Na actualidade non resulta visible.
Xacemento do Chan da Condomiña: Preto do establecemento de Bares.
MAZARICOS
Estela funeraria (Antes): Descubriuse no ano 1980 reutilizada como material de construción, facendo de lintel dun alpendre da igrexa e a casa reitoral. O cura párroco e o mestre Lois Trigo Martínez, do colexio de Antes, comunicáronlla a Acuña Castroviejo e Casal García quen a publicaron en Brigantium no ano 1981 (La estela funeraria de Antes, A Coruña). Trátase dunha peza de granito, rota na parte baixa. Baquetóns sinxelos divídenna en tres rexistros, o central cunha inscrición funeraria. Na parte superior presenta un remate deteriorado. O
rexistro superior contén unha lúa crecente e tres arcadas nun friso. No
inferior a figura desproporcionada dunha figura humana de cabeza redonda esquemática sobre un longo pescozo, espida onde destaca o embigo e o que semellan uns xenitais ben marcados, se ben Castroviejo e Casal din que os órganos sexuais poden tratarse dun puñal cuxas antenas serían as dúas eferas que sobresaen por riba das mans da figura. Lese: "DI(s) M(anibus) S(acrum/P(osuit) M[---]/NA MA/XIMO A/NNORV/M LIII", ("Adicado aos deuses Manes. Púxoo M[---]na para Maximus, falecido aos 53 anos"). Na actualidade atópase, tumbada, no alpendre. Algunhas publicacións sitúan a estela en Brandomil (Zas), se ben é certo que a orixe pode estar en calquera dos abundantes xacementos romanos da zona.
Estela de Chacín (Pino do Val): Atopada no lugar de Penas do Outeiro no ano 1984, nun
terreo de labradío, xunto o antigo cemiterio e a pequena igrexa do século XVI de Santa Baia (en ruínas pero consolidada) onde, segundo a tradición, apareceron outros restos romanos. Data do século II d. C.: "D(is)
MA(anibus)/AVRE/LIANVS/AN(n)O(rum) XXXX", ("Aos deuses Manes.
Aurelianus, falecido á idade de 40 anos"). O nome do defunto vai en nominativo e carece fórmula funeraria. Atópase no Museo do Xallas, instalado na casa do Pazo de Santiso en Santa Comba.
Inscrición a Xúpiter: No Anuario Brigantino nº 19, Luis Monteagudo achega un debuxo coa inscrición "IOVI" gravada na mesa do altar da capela do Santo Anxo de Beba. No exterior, nunha rocha acaroada á ermida, hai outra posible inscrición á mesma deidade.
Miliario anepígrafe (Antes).
MELIDE
Moeda: Documentado un denario da época de Augusto, con reverso de Caio e Lucio Césares.
MESÍA
Moeda: Barros Sibelo fixo un debuxo dunha moeda romana atopada preto do castelo de Mesía.
MIÑO
Ara:
A mal chamada “Ara de Perbes” procede da parroquia de Tamaguelos
(Verín). Dise de Perbes porque ata o ano 2022, en que foi trasladada
para o Museo das Mariñas de Betanzos, grazas ás xestións da
Fundación Monteagudo e do Concello de Betanzos, estivo na casa que
Manuel Fraga Iribarne tivo en Perbes (Miño), finado no 2012. A casa vendeuse a finais de 2021 ou
principios de 2022, e meses despois ingresou no museo. A epígrafe é
case ilexible. Os primeiros en estudala foron Felipe Arias Vilas e
María Dolores Dopico Caínzos, publicada no ano 2021 no Anuario
Brigantino. Descrita por Juan Manuel Abascal Palazón coa axuda
de María P. González-Conde en 2022:
"[---]IO/[------]O/[---]ESO[---]/+++++/[------]/EX VO(to)
V(ovit)".
Tesouriño (Bermaño-Perbes): Atopado no ano 1916 nun recipiente de barro ao realizar labores agrícolas no lugar coñecido como Algar ou Algara. Nun recipiente de cobre apareceron 1.500 moedas de bronce e cobre datadas entre o 215 e 268, algunha de prata e outras con baño de prata; foron vendidas a coleccionistas. Restos de tégulas e ímbrices. Malia o anterior, a pesar de estar recollido nalgunha publicación (Martínez Salazar no Boletín da Academia Galega, 1916; M. Aulló Costilla, 1955; ou Isidro Rodríguez Mira, 1992), creo que este tesouriño é o que apareceu na Algara, que non é, que eu saiba, un lugar do concello de Miño, senón do de Carballo. Algar tamén é un lugar do concello de Outeiro de Rei, e Algara, ademais de Carballo, témolo en Cospeito e Vilalba. (Ver Carballo).
Porto de Miño: Restos romanos e paramentos que apareceron ao construír a estrada ao porto, quizais pertencentes a unha villa a mare.
MOECHE
Minas: En Covas, minas de mineral.
MONFERO
Ara galaico-romana (A Torre-Alto do Xestoso): Foi descuberta nos anos setenta do século XX cando a demolición da capela de Santa Baia; actuaba como pé do altar. Logo foi levada para o adro da nova ermida onde no ano 2000 foi redescuberta por Juan Sobrino Ceballo e Santiago Ramón González López quen comunicaron o achado ao Museo das Mariñas de Betanzos. Por diversas causas, a ara, en contra do criterio do Concello e do Museo das Mariñas foi trasladada polo párroco ao Museo Diocesán de Mondoñedo. Logo da interposición dun contecioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no ano 2005 deulle a razón ao Concello. Lese: "VALERI/VS CV/NTABIO (ou NTARIO)/NI (filius) CO[h]/VE(tene) PRO BO/NO NO(stro) L(ibens) V(otum) S(olvit)", ("Valerio, fillo de Cuntabión -ou Cuntarionus-, cumpriu libremente o seu voto, con ánimo complacido, a Cohve Probonono"). Di Rodríguez Colmenero que o uso do dedicante é latino e de uso frecuente, pero non é así co do seu pai, en calquera caso galaico. Estamos ante unha nova dedicación a Cohuetana que se suma ás outras testemuñas xa coñecidas procedentes da provincia de Lugo.
A Armada: No Alto do Xestoso. Quizais faga alusión a un posto de vixiancia e control do exército romano.
MUGARDOS
Inscrición (Franza):
Atopada na vila romana de Noville. Trátase dunha prancha de lousa cos
bordos biselados. Nunha das caras lese: "SECVNDVS CA/TVS IANARIVS". Na
outra "IKEOTO NEQVAM CCCLI KV(.)(ID NEQVAM L (...)". O primeiro é o
texto máis antigo. Podería ser unha caticula de médico, aínda que
non se pode saber si antes de gravarse foi utilizada con esa
finalidade; serviría como amuleto profiláctico ou terapéutico en que
Secundus sería o beneficiario da protección máxica. Por último
utilizouse como tabella lusoria. Tamén ten gravado un reticulado
con 48 coviñas, que podería ser un taboleiro de xogo. Polo contexto
estaría datada no século IV.
Inscrición (Franza): "(.) EM(...) E(.) Q/T(...) E(.)A(...) NC(...)( e NSCE(...)".
Vila de Noville (Praia do Seixo-Mugardos): Aínda
que a vila romana de Noville coñecíase a nivel
bibliográfico dende os anos vinte do pasado século, e pola
realización dalgunhas “escavacións” non moi afortunadas entre
os anos corenta e sesenta, non foi obxecto dunha intervención
científica ata os anos 1988 e 1989 a cargo de Fermín Pérez
Losada. Trataríase
dunha villa
a mare,
vila marítima de recreo aberta ao mar, con espléndidas vistas e
que gozaba de todas as comodidades,
seguramente
pertencente
a un rico
propietario, probablemente relacionado co comercio ou a industria
marítima. Cómpre diferenciar as vilas marítimas e as litorais xa
que estas non orientaban a súa arquitectura cara a paisaxe, pola
contra, as primeiras buscaban un lugar privilexiado con vistas sobre
a costa, situadas nunha posición dominante. De época
tardorromana, habitada entre os séculos III e IV d. C., situada na
liña de costa fronte a cidade de Ferrol, a vila de Noville foi
construída con pedras de xisto e algunhas partes con ladrillo e
granito. Presentaba unha área principal, con planta en U, con patio
aberto cara o mar, con dous espazos laterais unidos por unha galería
transversal. Na parte oeste apareceron os restos dun hypocaustum
(forno que caldeaba outras dependenzas), e na leste un espazo de
notables dimensións con restos de mosaicos. Saírón á luz
ladrillos, tégulas, ímbrices, fragmentos morteiros de construción
(opus signinum), materiais metálicos (cravos, grampas),
vidros, cerámica fina (sigillata) e común (algunha con
decoración), etc. O único elemento de xoiería foi un fragmento
cerámico dunha cadea de ouro atopada na escavación de 1989. Nas II
Xornadas sobre o Mugardos Romano, celebradas no ano 2018,
Pérez Losada dixo que só se escavara o 5 por cento do total.
Dende época romana, a
liña de costa sufriu unha considerable transformación, a acción do
mar provocou a súa deterioración. No mes
de setembro de 2020, o Concello de Mugardos informou dun acordo
adoptado pola Dirección Xeral do Patrimonio da Xunta de Galicia para
a elaboración dun plan para poñela en valor. A finais do mes de setembro de 2022, tras os traballos de roza e limpeza, comezaron, por fin, as prospeccións xeofísicas mediante xeo-radar para identificar novas zonas con potencialidade arqueolóxica do xacemento. Coticola de médico: Na vila de Noville apareceu unha praca de lousa cos cantos biselados, puída nas dúas caras e en bo estado de conservación. Na cara anterior aparece unha primeira inscrición: "Secundus Cn(aei)/filius lanarius". Na cara anterior hai un texto coa letra moito máis pequena: "quinquiaquaruxe queruqquerua quiqui/auinquequem...". Na cara posterior continúa o texto principal: "Rector equam CC CVRV/IOR equam L +++++++/(vacat) S F", ("Secundus, fillo de Craetus, comerciante de la"). No Museo do Castelo de San Antón. Tamén saíron á luz grafitos en tellas e recipientes romanos.
Xacemento de Caldoval (Mehá-Mugardos): Foi catalogado no ano 1997. Escavado entre os anos 2002 e 2006 cando a ampliación da gaseira de Reganosa, ocupa uns mil metros cadrados repartidos en dúas áreas. Crese que puido estar asociado á explotación de produtos mariños e ao comercio marítimo. No ano 2010 asinouse un acordo entre a Consellería de Cultura, o Concello de Mugardos e Reganosa para construír o centro de interpretación, rematando as obras no 2015. Os baños así como as bocas de calor dos hipocaustos e a estrutura cónica foron consolidados e extraídos sen desmontalos, nunha soa peza co obxecto de favorecer a súa posterior recolocación no centro, evitando así o seu deterioro. Cada unha das pezas atopadas xa foron sigladas e catalogadas, arredor de 12.500. O balneum termal doméstico está datado entre os séculos I e V d. C., formado por unha zona de baños e unha palestra ou patio exterior, un pórtico, vestíbulo (apodyterium), baño de auga fría (alveus) e as estancias de auga fría e quente (tepidarium e caldarium). Xunto os restos arquitectónicos da vila tamén se recuperaron numerosos fragmentos de cociña e de mesa, moedas, ánforas, etc. que se conservan no Museo do Castelo de San Antón da Coruña. Os baños de Caldoval formaban parte dunha villa a mare, é dicir, unha residencia aberta ao mar que estaba asentada na liña de costa e cunha relación directa co mar. Dentro da actividade comercial marítima, as villae a mare xogaron un papel importante xa que eran utilizadas para recibir e redistribuír as mercadorías. Tamén funcionaban como asentamentos portuarios onde se prestaban unha serie de servizos, como a preparación de embarcacións. O Centro de Interpretación foi aberto ao público no mes de setembro de 2017.
Xacemento de Santa Lucía (Meá): A principios dos anos noventa do século XX atopáronse unha serie de muros que afloran do cantil, ademais de restos de pavimento dunha edificación e abundante material cerámico en superficie. No ano 2012 as prospeccións magnéticas permitiron comprobar a extensión dun muro de máis de 60 metros de lonxitude, un chan romano e o derrube dun tellado. Atópase moi preto da igrexa parroquial que tería a súa orixe, ao menos, no século XI xa que aparece citada nun documentto do mosteiro de Caaveiro do ano 1065. Na praia vese algún material tegulario.
MUROS
Ara de Santiago de Tal:
Século II-III d. C. Atopada no ano 2010, empotrada nun muro que pecha a casa
reitoral de Tal. Foi descrita por Juan Manuel Abascal Palazón coa axuda de B. Pérez Outeiriño e María P. González-Conde. O mal estado da superficie dificulta ler a epígrafe. Conserva un focus circular: "DIB(us) DO(minis?)/MA+[.]+A+/+AV+[---]/VRNIAE L(ibertus)/FRON[T]O". No Museo das Peregrinacións de Santiago.
Vila romana da Braña de Ventín (Ventín-Abelleira).
Aras Sestianas: Fr. Martín Sarmiento, quizais debido ao nome da aldea de Sestaio, sitúa eiquí, cando a súa viaxe a Galicia no ano 1745, as famosas aras. Mentres non tomaban forma os emprazamentos de Asturica, Lucus e Bracara, ordenados polo emperador, Arae Augustae
puido actuar como un asentamento provisional onde se situaría un dos
primeiros monumentos simbólicos mandados construír por Augusto no Noroeste peninsular como símbolo de culto á súa persoa. Estoume a referir ás Torres de Augusto, as coñecidas como Aras Sestianas, citadas por Mela, Plinio e Ptolomeo que non se puxeron de acordo canto á súa ubicación. Pomponio Mela (s. I d. C.): "In Astyrum litore Noega est oppidum, et tres arae quas Sestianas vocant in paene insula sedente et sunt Augusti nomine sacrae inlustranque terras ante ignobiles", "Na costa dos Astures está a cidade de Noega e tres aras que chaman Sestianas, asentadas nunha península e están consgradas ao nome de Augusto e dan fama ás terras antes iñoradas". Mela ubica estas aras Sestianas nas costas da Callaecia,
no litoral asturiano, xunto a cidade de Noega que se situaría en
Avilés, en tempos de L. Sestio, cónsul no ano 23 a. C., e posiblemente legado de Augusto na guerra galaica ou un pouco máis tarde, sobre o ano 19 a. C. (Romero Masiá e Pose Mesura, 1987). Plinio (23-79 d. C.): "Celtici cognomine Neri et super Tamarci, quorum in paeninsula
tres arae Sestianae Augusto dicatae, Copori, oppidum Noeta, Celtici
cognomine Praestramarci, Cileni, ex insulis nominandae Corticata et
Aunios", "O Célticos de sobrenome Nerios e os Super Tamaricos na península
na que se adicaron a Augusto as tres aras Sestianas, os Coporos, a
cidade de Noeta, os Célticos de sobrenome Praestamarcos, os Cilenos, das
illas deben nomearse Corticata e Aunios". Como vimos máis arriba, Mela cita unha Noega, e Plinio Noeta, non sabemos se por confusión no nome ou porque se trataría de cidades distintas. No territorio dos Super Tamaricos estarían as aras Sestianas. Ptolomeo
(100-170 d. C.): "Lado septentrional sobre o que está o Océano que se
chama Cántabro e que se describe así. Despois do Promontorio Nerio hai
outro promontorio no que están as Aras Sestianas (do sol)". Plinio e Ptolomeo emprázannas no territorio da actaual
Galicia, o primeiro ao norte do río Tambre e o segundo entre o
promontorio Nerio, tamén chamado Céltico, e outro promontorio que está
ao norte do anterior, e antes de Brigantium. As Aras Sestianas tamén son citadas no Anónimo de Rávena ("Are Augusti"), e na Táboa de Peutinger, coñecida como Mapa Mundi de Castorius, obra do século XII-XIII, copia dun orixinal do século VIII, que á súa vez é unha copia do século IV. Malia o anterior, hai autores que as ubican na cidade da Coruña, máis concretamente sinalan
a Torre de Hércules, obra cuxo promotor sería o propio Augusto, como as
Aras Sestianas aínda que a súa construción se atribúe a Traxano (s. II d. C.). Para elo, Sánchez Montaña fala da firma do arquitecto das obras que deixou gravada na rocha xunto a Torre de Hércules non ten data, mais chama a atención a súa orixe: "Consagrado a Marte, Augusto. Gaio Sevio Lupo, arqueitecto de Aeminium, Lusitano, en cumprimento dunha promesa". A Lusitania dependía de Publio Carisio, legado de Augusto entre o 26 e o 22 a. C., romanizada antes que a Callaecia. Unha ara non sempre ten que ser un pequeno altar funerario ou votivo, tamén pode facer referencia a un gran altar (faro, torre...) que ademais de actuar como orientación e protección, faría máis grande a figura do emperador. E habería Aras Sestianas en varios lugares, non só nun.
MUXÍA
Ara en San Xoán de Bardullas: Apareceu no ano 2018 ao desmontar un antigo muíño preto da parroquia. Moldurada con tres foculi. Descrita por A. López Fernández no 2018, e revisada Abascal Palazón, da Universidade de Alacante, no 2019: "L(aribus) V(ialibus) C(aius)/M(---) AR/O EX/VIS/V", ("Caius M(---) Aro dedicou este altar aos Lares Viais despois dunha visión en soños"). Consérvase nun domicilio particular.
Xacemento romano-medieval de Moraime: Escavado por Chamoso Lamas no ano 1972. Atopouse parte dun hipocausto, sistemas de calefacción subterráneo, cerámica, tégulas, moedas de época imperial, pratos de vidro e obxectos de adorno (aneis, fibelas, alfinetes, contas de colar, etc.). Unha das fibelas ten decoración vexetal, xeométrica e animal. Xa de época altomedieval é unha necrópole de inhumación con tumbas construídas con bloques de granito irregulares con pequenos calzos de pedra. Moedas dos séculos III e IV.
Fonte de Moraime: Descuberta nas escavacións de 1972, ata o ano 2018 atopábase totalmente abandonada nunha finca que linda co adro da igrexa mosteiral, a pesares de tratarse dun dos tres exemplares, como di o arquiveiro Pablo Sanmartín, que se coñecen en todo o mundo. Pertence á tipoloxía denominada meta sudans, ou fonte de elevación, como a de Roma, xa desaparecida e que lle deu nome ás outras, ou á da cidade romana de Djemila, en Arxelia, que é Patrimonio da Humanidade. Este tipo de fonte tiña unha dobre concepción, tanto funcional como decorativa. Constaba dunha base pétrea circular, duns dous metros de diámetro, tiña estanque pechado e un elemento superior de carácter decorativo. Xunto os restos da fonte está parte da canalización. Nos sondeos levados a cabo por AXE Arqueoloxía no outono 2018 comprobouse que a fonte, a pesares das agresións sufridas, resulta impresionante. Parte atópase tal como a deixou Chamoso Lamas no 1972 e que parte do xacemento foi achandado por unha pa para acondicionar o terreo como pasto para as ovellas. Para o director da escavación, Emilio Ramil, o máis significativo son as canalizacións que están practicamente intactas, tanto as de subministro como as de evacuación de augas. O lugar serviu como cemiterio, non só na Idade Media, tamén en épocas anteriores tal como o achega unha tumba de laxes datada no século VII ou VIII, e mesmo pode haber restos doutra. O sitio arqueolóxico pode achegar moitas sorpresas.
Illote do Castelo
(Cabo Touriñán): Hai quen sitúa eiquí un castro que en época romana foi
utilizado para construír unha torre, ou quizais un faro. Adivíñanse
algúns alicerces que puideron acoller algún tipo de construcións.
Fragmentos cerámicos: No Museo do Castelo de San Antón consérvanse varios fragmentos cerámicos con algunhas letras de difícil interpretación.
NARÓN
Inscrición (Cornido-O Val): Hispania Epigraphica
dá noticia desta inscrición que sítúa, aínda con interrogante, en Narón: "(...)RNO MIRONI/D(is) MANIBV/S S(acrum) MIRO/(u)X(or)
S(sua) TI(tulum) POSVIT/ANN(orum) LI/SIT (tib) T(erra) L(evis)". Debe tratarse da estela de Vilar (Ames), custodiada no Museo de Pontevedra.
Cuncheiro de Lóngaras (Punta Caleira-A Gándara-Pedroso): Datado entre os século I a. C. e I d. C., recuperáronse restos de vasillas.
Castro de Eiravedra: Apareceron fusaiolas e moedas de época romana que pertencen a unha colección privada.
Aras a Xúpiter (Logrosa): Dúas aras. Nunha, atopada no ano 1876, no adro da igrexa, lese: "IOVI/OP(timo) MA(ximo)/MA(---)/[------]"), ("A Xúpiter o mellor e supremo, Ma[---] (dedicouno)"). A segunda foi atopada no ano 1876 no muro dunha finca preto da igrexa de Logrosa: "I(ovi) O(ptimo) M(aximo)/A(ram) P(osuit) S(ua) P(ecunia)/Solvit) M(erito)", ("A Xúpiter o mellor e o supremo pónselle esta ara co seu diñeiro"). No Museo do Pobo Galego.
Ara a Coso (Logrosa): Atopada no ano 1970 no medio dun campo durante a realización de traballos agrícolas. A parte superior está tallada en forma de columna poligonal, tivo zócolo e coroamento superior ás catro caras; conserva o focus: "COSO DO/MINO AE/B(ura)/ATI (filia) CIL(ena)/EX VO/TO P(osuit", ("Ao (noso) señor Coso, Aebura, filla de Atio, cilena, puxo (este altar) por un voto"). Salienta a alusión a este deus coa categoría de Dominus que non é usual na epigrafía con referencia a deidades autóctonas. No Museo do Pobo Galego.
Estela (Logrosa):
No adro da igrexa de Santa Baia de Logrosa apareceu, no ano 1876, unha
estela, partida en dous fragmentos. No ano 1918 actuaba como mesa de cenáculo nunha finca do médico Adolfo Camaño; segundo Chamoso Lamas, no ano 1953 continuaba no mesmo sitio. Como dato curioso, recollido por Bouza Brey, un antigo propietario da estela ordenou que se colocara o seu cadáver durante o velorio "sobre esta alargada piedra". "D(is) M(ani)B(us)/AVRELI(us)/AVREL/IANUS/ANN/ORVM/XXXVI",
("Consagrado aos deuses Manes, aquí xace Aurelius Aurelianus de 36
anos"). No Museo do Pobo Galego.
Estela desaparecida: Fragmento de estela citada por José Cornide que antes de 1789 viuna empotrada no corredor do Pazo de Cotón. Na Real Academia da Historia consérvase un debuxo feito por Cornide: "D(is) M(anibus) S(acrum)/VRSA/AN(n)O/[R]VM/------", ("Consagrado aos deuses Manes. (Eiquí xace) Ursa, de [---] anos de idade [---]").
Fragmento cunha inscrición en Vilachán: Desaparecido. No século XIX atopábase en Vilachán. "[---] AS [---] SA/[---] NO/[---] M [---]". Recollida en CIRG I.
Calzada: No ano 2010, na parroquia de Xallas apareceu un tramo de calzada duns 100 metros que podería formar parte da Vía XX, entre os lugares de Fornos e Carballoso, coñecidos dende tempos remotos como A Calzada ou a Costa da Brea.
Castelo de Vitres:
López Ferreiro cría que neste castro, logo reutilizado para erguer unha
fortaleza na Idade Media, había un destacamento da Legio VI Victrix.
Mansión Ad Duos Pontes: Segundo Carré Aldao, nesta beira do Tambre estaría ubicada a mansión.
Campamento do Cornado
(Bugallido): Segundo Antón
Fernández Malde, o campamento
está emprazado nunha zona de grande interese para comprender a
romanización do occidente de Galicia, con actividade mineira,
asentamentos e vías de comunicación da época. No inventario da Xunta de
Galicia figuraba como Os Castros do Cornado, e os informes municipais
adxudicánlle un tamaño moito menor.
Ao seu xuízo, trátase do maior campamento romano de Galicia (equivale a
dezasete campos de fútbol) e que replantearía a conquista do país xa que
serviría de avanzadilla en territorio inimigo para protexer os
xacementos de ouro de Brandomil. A localización deste campamento pode
achegar novas luces de como se produciu a conquista de Galicia, se ben
polo de agora a versión máis verosímil é que entraran dende O Bierzo
(véxase en Navia de Suarna o campamento da Recacha, e en Cervantes o da
Cortiña dos Mouros). No
mes de abril de 2023, a Deputación da Coruña e a Universidade de
Salamanca asinaron un acordo para poñer en marcha o proxecto “A
chegada de Roma ao Finis Terrae” para
promover o estudo arqueolóxico dos campamentos romanos do Cornado
(Negreira), Santa Baia (A Laracha), A Cova do Mexadoiro (Trazo) e O
Castrillón (Touro), campamentos temporais que o exército romano
construía no transcurso das súas marchas, ben por motivos
defensivos, ben por cuestións de disciplina interna. A idea é levar
a cabo un estudo arqueolóxico por medio de técnicas de
teledetección non destrutivas
NOIA
Luis Monteagudo identificou Noia co Novium, cidade entre os Ártabros, citado por Ptolomeo.
Castro de Punta Barquiña: Na zona da Barquiña hai
un illote coñecido como As Pedras de San Bartolomeu, onde se di que
estaba a capela perdida do santo. Conta a lenda que os veciños podían
ver as súas campás cando baixaba a marea. Tamén se di que no fondo do
mar atopáronse basas, columnas e restos dun templo de época romana.
Sobre isto non se coñecen restos pero si sobre o asentamento castrexo
onde apareceron varios útiles coma un muíño de man que garda un veciño
do lugar. Deste castro xa fala Murguía no século XIX.
Estela de Santa Cristina (Barro): Atopada polo sacerdote e historiador Eladio Oviedo y Arce e Anette M. B. Meakin no ano 1909 no Val de Sinais, parroquia de Santa Cristina de Barro. Ese ano é levada á Exposición Arqueolóxica de Compostela. Descrita polo P. Fita, na parte superior ten tres arcos e por riba unha media lúa cunha cabeza humana no interior: "DIS M(anibus)/MO(numentum) PO(suit)/FLORI/NA M(atri)", ("Aos deuses Manes, puxo este monumento Florina nai"). Abascal Palazón e López Fernández (2023), len: "DIS M(anibus)/MOSO/FLORI/NA M(ater)", ("Consagrado aos deuses Manes, Florina, súa nai, fíxoo para Moso"). No Museo da Catedral de Santiago.
Mansión Ad Duos Pontes:
Terceira mansión atribuída á vía XX do Itinerario de Antonino,
localizada tradicionalmente na parroquia de Barro. Malia o anterior, Fr.
Martín Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia do ano 1745, di que é crible
que esta mansión estivese na cidade de Pontevedra, identificándoa con
Ambas Pontes das doazóns a Santiago e da perteguería do conde de Lemos.
Mais, seguindo a J.J. Moralejo, a cidade de Pontevedra deixou de ser Ad
Duos Pontes da via per loca maritima, e pasou a ser Turoqua ou
Turaqua da vía XIX. Identificación que dá pé a lembrar o mito citado por
Estrabón e Xustino que pon nas costas galegas ao heleno Teucro, mito
que parece ser de tempo renacentista (Filgueira 1962, e Peña 1996). Segundo Carré Aldao estaría no concello de Negreira.
Moeda: Barros Sivelo fixo un debuxo dunha moeda romana atopada na igrexa vella de Noia.
Restos calzada (Valvargos-O Obre): Vía secundaria da Per Loca Maritima.
Xacemento de Taramancos (Boa): A construción da variante de Noia sacou á luz un xacemento no que se
constatou a superposición de diferentes grupos poboacionais do
Calcolítico á Idade do Bronce e a Idade do Ferrro, así como posteriores
asentamentos romanos. Documentáronse 450 estruturas e 21.500 pezas. No
mes de setembro de 2011, o Concello de Noia denunciou a destrución
polas máquinas que están a traballar no viaduto sobre a ría de vivendas
de época castrexa e dun muro romano.
OLEIROS
Ara de Dexo: Fragmento de ara a Xúpiter: "IOVI/+ +/OMC", traducida en principio: "A Xúpiter, o noso protector". Pero o profesor da Universidade de Alacante, Juan M. Abascal Palazón, despois de estudala, chegou á conclusión de que se trata da parte superior dun monumento romano, que foi serrado moito despois e no que se trazou o perímetro inciso e esculpíronse as dúas cruces para cristianizala. O texto sería: "IOVI/O(ptimo) M(aximo) C(onservatori)/[------?]", ("Consagrado a Xúpiter Óptimo Máximo Conservador"). Foi identificada no ano 1991 cando as obras de restauración da igrexa. Atópase no interior.
Castro de Edreira: Configurado por tres fosos e un parapeito de terra. O material localizado, a maioría de época romana, permitiu datar os restos no cambio de era.
Praia de Cirro (Lorbé): Muros e fragmentos cerámicos, tégulas e ímbrices (Monteagudo, 1992).
Ponte Pasaxe.
Portelo Canide (Maianca): Tégula e estruturas murais no corte do cantil anexo á praia, quizais pertencente a un xacemento a mare.
ORDES
Estela anepígrafa (A Eirexe-Pereira): Documentada no ano 1993 nos arredores do castro de Aldeanova polo arqueólogo Manuel Anxo López-Felpeto que fixo un informe para a Dirección Xeral do Patrimonio. Estaba a carón dunhas cortes preto da igrexa de Pereira. Na parte superior, de forma semicircular, gravaron unha media lúa; na parte inferior vense tres arcos. O pé é tosco, apreciándose claramente que foi feita para ser fincada no chan. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.
Mansión Atricondo: Estaría comprendida entre as poboacións de Mesón do Vento, Castromaior e Bruma (Mesía). É por onde discorrería transversalmente o camiño romano en dirección a Cidadela (Sobrado dos Monxes).
Mina das Grovias (Piñeirón-A Gándara): Mina aurífera practicamente desaparecida por unha urbanización.
Explotación mineira das Grobias (Porto Avieira-A Gándara): Aurífera. Foi descuberta no ano 2003. Afectada por unha urbanización. Realizouse algunha intervención arqueolóxica. No ano 2021 o Concello comezou a recuperacion do pouco que queda.
ORTIGUEIRA
Factoría de Espasante: Descuberta por Federico Maciñeira no ano 1896 na praia da Concha, despois dun temporal acontecido dez anos antes que retirou a area. Atopou os cimentos dunha fábrica de salgadura e dez pilos. Anos máis tarde parte do terreo foi mercado por un industrial para construír unha fábrica de salgadura moderna, aproveitando os restos arqueolóxicos. Se ben os restos se daban por perdidos, a raíz do control arqueolóxico cando a construción dunha vivenda na rúa Miramar, saíron á luz catro das dez piletas, así como parte do patio. Os traballos foron dirixidos por Francisco Hervés quen apunta que poden existir máis instalacións na zona. Maciñeira tamén atopou na desembocadura do río Dola unha estatuíña de bronce cuxa procedencia exacta e cronoloxía non están claras.
OUTES
Ara de Banzás (San
Ourente de Entíns): Apareceu no ano 1968. No ano 1971 foi entregada á Universidade de Santiago grazas ás xestións de Acuña Castroviejo. Lecturas iniciais: "X (=Christo) VI/CTOR(i)/ARAM/VICTO(rinus)/PR(o) VO(to)", ou "(E)X VI/CTOR(iae)/ ARAM/VICTO(rinus)/PR(o) VO(to)". Se a primeira letra da
primeira liña é un X (=Cristo), podería tratarse dun texto cristián.
Mais, se a primeira letra é unha mestura de EX trataríase dun voto que
Victorinus ofrece a un deus que non se cita. Abascal Palazón e María P. González-Conde interpretan: "V(alerius?) VI/CTOR/ARAM/VICTO(r?)/PR(o) VO(oto) (i. e. posuit)", ("Valerius Victor, vencedor?, puxo este altar en cumprimento dunha promesa"). No Museo do Pobo Galego.
Estela funeraria (Cando): Descuberta no ano 1906 durante a realización de labores agrícolas, reutilizada como tampa dunha sepultura. Eladio Oviedo y Arce envioulle unha foto ao P. Fidel Fita. A parte superior remata nun triángulo cun pequeno saínte semicircular no vértice onde se esculpiu unha lúa e un sol. Debaixo, unha figura humana (o retrato do defunto), espida, coas mans sobre o ventre. No terceiro corpo aparece unha inscrición. Descrita no CIRG I, foi exposta no ano 1909 na Exposición Arqueolóxica de Compostela. No Museo da Catedral de Santiago: "D(is) M(anibus) T(itulum) POS(uit)/VICTORI A/N(n)O(rum) LXV/FAVSTINA P(atri)/[------]", ("Aos deuses Manes. Faustina erixiu este monumento ao seu pai Victor, falecido aos 65 anos").
Estela de Cando: O arqueólogo turolense Juan Cabré Aguiló (1888-1947) fala dunha reprodución fotográfica dunhas láminas sacadas dun libro francés. Na parte dereita aparecen unhas representacións procedentes, ao parecer, de Bernedo (Ávila), e a da dereita de Cando onde se ve unha figura feminina espida que sobre o seu sexo se representan os órganos xenitais masculinos. A foto da folla foi tirada por Cabré entre os anos 1908 e 1947. Debe tratarse da mesma estela citada máis arriba.
Restos calzada en Carleo de Abaixo (Outes).
OZA DOS RÍOS (Forma parte do concello de nova creación Oza-Cesuras)
Estela funeraria de Mazarelas ou de Primiano (Rodeiro): Custodiada no Museo do Castelo de San Antón dende o 9 de xuño de 1973 (no Museo das Mariñas de Betanzos hai unha reproducción). Atopada casualmente nunha leira coñecida como A Redonda por José Sánchez Mirás quen lla vendeu en 1973, por 1.000 pesetas, a Jesús Iglesias, de Ordes, quen a levou para Basauri (Vizcaia) para decorar o seu bar "Cuatro Estrellas". Jesús vendeulla logo ao Museo. Adicada aos deuses Manes, está formada por tres corpos. Na parte superior hai unha figura asexuada, arrodeada por seis círculos con símbolos astrais, enmarcada por un arco semicircular no que remata a estela. A cabeza, redonda, únese ao corpo, cadrado, por un longo pescozo. O segundo corpo presenta signos astrais, e no terceiro a inscrición que di: "D(is) M(anibus) S(acrum)/PRIMIANO/VITALES (filio) AN(orum)/LXXV TETVLV(m) + + +/------?", ), ("Consagrado aos deuses Manes. A Primiano, fillo de Vitalis, falecido aos 75 anos (---)").
Explotación mineira (Cuíña): No ano 2018, a asociación cultural Nasa Arqueoloxía atopou un xacemento na parroquia de Cuíña. Localizaron unha pequena fortificación nun outeiro sobre o val do río Fontao, de planta oval pero cunhas características, ao parecer, que impide a súa datación e determinar se se trata dun castro ou dunha fortificación medieval. A uns 300 metros localizaron unha explotación mineira de ouro de época romana, din que unha das máis grandes documentadas no Noroeste, só superada pola do monte Lourido, entre Carral e Abegondo.
O Forno do Lopo (Callobre): Forno do século IV d. C. de planta rectangular construído con tégulas (Alfredo Erias, 1982), opinión non compartida por Naveiro López (1994) que non atopou pegadas.
Calzada: Por Porzomillos pasaba a vía romana que unía Betanzos con Lugo. Consérvase o topónimo A Calzada.
PADRÓN
Iria Flavia desenvolveu un importante papel como mansión viaria da vía XIX de Braga a Astorga. O asentamento romano de Iria Flavia constitúe, xunto con Brigantium, o principal núcleo agrupado da área costeira occidental galega. Citada en varias fontes antigas. Ptolomeo, na súa Xeografía (s. II d. C.), cita a Iria e Lugo como as dúas únicas polis existentens no territorio dos Coporos. Tamén aparece citada no Itinerario de Antonino, no Anónimo de Rávena e nas Táboas de Astorga, onde aparece como mansión da vía XIX. As primeiras noticias arqueolóxicas son dos séculos XVII e XVIII. Jerónimo del Hoyo recolle no 1607 que "Hállanse en las heredades, alrededor del lugar, muchos cimientos y ladrillos de la ciudad antigua", no que coincide Castellá y Ferrer (1610), estudos logo recompilados polo P. Flórez na súa España Sagrada (1792), e no Sumario de Antigüedades Romanas de Ceán Bermúdez (1832). Gran parte dos restos arqueolóxicos sitúanse no interior, adro e cemiterio de Santa María, estudados no 1882 por López Ferreiro, e logo por Chamoso Lamas. Este último creu ter descuberto na igrexa restos de pavimento e outras construcións da primitiva "romano-cristiana" e logo sueva que se levantaría sobre un edificio romano, hipótese rexeitada por Suárez Otero.
Ara a Neptuno de Santiago de Padrón:
Segundo a lenda, a pedra ("O Pedrón") foi utilizada polos discípulos
Atanasio e Teodoro para amarrar a barca que trouxo os restos do Apóstolo
Santiago a Galicia. Por Jerome Münzer sábese que no ano 1494 xa estaba
na igrexa, debaixo do altar maior, no mesmo sitio onde no 1572 a viu
Ambrosio de Morales. Foi alterada no século XVI engadíndolle unha cruz e
mudando o nome da divindade romana por "patrono"; tamén lle agrandaron o
focus, utilizado para depositar moedas. "NEPTV/NO/ORI/ESES/D(e) S(ua) P(ecunia)", ("Os [.]orieses dedicaron este altar a Neptuno cos seus propios recursos"). A referencia "[.]orieses" crese que pode estar o nome antigo de Padrón, propoñéndose Corienses, Catorieses, Caporieses, Foroirienses, etc.
Estela aos Deuses Manes (Iria Flavia): La Ilustración católica (1877) achega unha transcrición dunha ara aos deuses Manes, dedicada por unha muller de nome Xulia. Foi descuberta cara o ano 1860 por Manuel Garea Cobián que lla comunicou a Barros Sibelo; segundo este atopábase entre o lugar da Matanza e o pazo episcopal de Iria. No Arquivo da Catedral de Santiago consérvase un debuxo de López Ferreiro realizado antes de 1898. No ano 1950 foi adquirida polo Museo de Pontevedra: "D(is) M(anibus) S(acrum)/COR(nelio) CH/RESIMO/AN(norum) P(lus) M(inus)/L IVLIA/VALENTI/A C(oniugi) P(iissimo) P(osuit)", ("Consagrado aos deuses Manes, Iulia Valentia puxo este monumento para o seu virtuoso esposo Cornelius Chesimus, falecido aos 50 anos de idade aproximadamente").
Estela aos Deuses Manes (Iria): Na igrexa parroquial de Iria hai unha peza en bastante mal estado (rota por abaixo) que foi descuberta no ano 1979 reutilizada como tampa dun sartego antropoide medieval. Na parte superior vese un crecente luar e dentro deste un círculo. Ata principios de 2023 estivo no Museo de Arte Sacra. Foi trasladada para a igrexa a iniciativa da Fundación Luis Monteagudo: "D(is) M(anibus) S(acrum)/POSVIT/IVCV[n]/DA CA[l]/VO SV[o]/[coniugi? ---]/[------]", ("Consagrado aos deuses Manes. Iucunda puxo este monumento para o seu (esposo?) Calvus (---)").
Estela aos deuses Manes: Apareceu nos anos sesenta do século XIX nas cercanías de Padrón. No 1860 conservábase nunha vivenda particular a onde fora levada dende a estación do ferrocarril. Foi mostrada na Exposición rexional Galega de 1909. Ten unha lúa crecente na parte superior. "D(is) M(anibus) S(acrum)
SECVN/DIANVS/SECVNDI (filius)/AN(norum) LVIII/H(ic) S(situs) E(st)
FLA/CCNIVS/SECUND(us)/[------]", ("Consagrado aos deuses Manes. Eiquí xace Secundianus, fillo de Secundus, falecido aos 58 anos de idade. Flaccinius Secundus [ocupouse de que se fixera este monumento?]". Nos almacéns do Museo da Catedral de Santiago.
Estela funeraria de Iulia (Padrón): Aos Deuses Manes. Estela cunha lúa crecente na parte superior. Segundo Murguía foi copiada por M. Rodríguez Cobián antes de 1868 quen enviou unha copia a Barros Sivelo que foi o primeiro en publicala. Segundo Barros apareceu entre o sitio da Matanza e o Pazo episcopal de Iria. Estivo na horta da casa das oficinas do ferrocarril. No 1950 foi adquirida polo Museo de Pontevedra, onde se atopa na actualidade: "D(is) M(anibus) S(acrum)/IVLIA MA(ter)/FILIO PI(issimo)/NA(e)VIOLO/NON LIBE(ns)/AN(n)OR(um)/XIIII", ("Consagrado aos deuses Manes. Iulia, a nai, (puxo este monumento) con dor para o seu querido fillo Naeviolo, falecido aos 14 anos de idade").
Inscrición perdida: Consérvase un gravado de López Ferreiro. Arredondada por riba e cunha lúa crecente, foi atopada no 1868 no lugar de Padreda, no coñecido como Campo das Longras, nunca finca de Manuel Cano, lindeira con outra chamada Das Forcas, a 219 metros ao norte da Colexiata de Iria. Barros Sivelo, que a viu (xunto con Garea Cobián) antes de 1875, enviou unha copia á Academia da Historia de Madrid: "CAMBAVIVS/CORALI F(ilius)/SENATORIE S/ANNORUM L/H(ic) S(ITUS) E(ST)/S(it)) T(ibi) T(erra) L(evis)", ("Eiquí xace Cambabius Senatorie, fillo de Coralius, natural de (---), falecido aos 50 anos. Que a terra che sexa leve").
Inscrición perdida: Nos séculos XVI e XVII atopábase en Padrón; algúns manuscritos sitúanna "Ad XIII lapidem ab aede divi Iacobi in Gallecia" (Sanudo), "ibi intra Oppidum" (Ocampo) e "in oppido Padron" (Strada). Varias variantes de lectura. No manuscrito de Sanudo: "D(is) M(anibus) S(acrum) F Tertulia mes posuit ol marito et mihi et mes fecit", ("Consagrado aos deuses Manes F(---) Tertulia puxo este monumento para o seu esposo, para si mesma e para os seus"). Pereira Menaut (1991) achega: "FL TERTVLLA MES/AN FL F MARITO". Cítanna tamén Ceán Bermúdez, López Ferreiro e Murguía.
Inscrición perdida: Epígrafe da que se ten noticia dende principios do século XVII, que Castellá Ferrer, que a viu e describiu, situou xunto o castro da Rocha, "preto de Padrón". Muratori situouna en "Iria Flaviae in Gallaecia". Pero Amor Meilán, como antes Barros Sivelo, lévaa para Lugo, procedente da Porta de San Pedro: "NE TACI/VE ILFERI/CAE SVL/PICIVS SE/VERVS/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", ("Sulpicius Severus cumpriou o voto libremente para (---)". Quizais dedicada a unha divindade indíxena.
Inscrición: Marca de alfareiro: "OF ALBIN(us?)".
Inscrición: Marca de alfareiro: "IV(...)I", (Iulius ou Iucundus?).
Inscrición: Marca de alfareiro: "SCOTNI".
Lápida: O día 19 de xaneiro de 1869, Barros Sivelo envía unha carta á Academia da Historia informando da aparición dunha lápida sepulcral romana en Iria Flavia.
Miliario:
Fragmento superior dun miliario atopado a fins do século XIX nas cercanías de Iria Flavia se ben ignórase o sitio exacto do descubrimento; aínda que
adicado a dous emperadores, só se conserva o nome de Graciano. Falan
del Murguía, na súa Historia de Galicia, e Barros Sibelo que o comunicou á Real Academia da Historia no 1862. Fita e Fernández Guerra cítanno en Historia de un viaje a Santiago de Galicia. Pertenceu á Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago onde ingresou no seu museo no ano 1884. Estivo na Exposición Rexional Galega do ano 1909. "D(ominis) N(ostris)
M?/GRATIA/NO PERP(etuo)/[------]", ("Dedicado aos nosos
señores, Gratiano, perpetuo"). Gárdase nos almacéns da catedral de Santiago.
Moedas (Iria Flavia): Barros Sivelo dá noticia de que recolleu un total de 63 moedas, tanto do alto como do baixo imperio, nas proximidades de Iria Flavia. Non achega moitos detalles, só que unha é de César "con el arado al dorso o el atributo de Ceres" e outras posteriores ao século II de Galieno, Constancio, Maximiano, etc.
Figuriña dun touriño. Boi Apis?: S. IV d.C. En bronce, de culto oriental, que pode representar o Boi Apis. Atopada nas inmediación daigrexa de Iria xunto
con fusaiolas, terra sigillata, unha pesa de tear e moedas. No Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.
Tégula: Marca sobre tégula en Iria Flavia, estudada por Erik Calrsson-Brant e Verónica del Río. Trátase dun pequeno fragmento con selo de alfareiro. O texto, dunha única liña, atópase impreso en positivo o que lle proporciona certo relevo ás letras. Leron: [...] M AVR [...], cuxa proposa é: M(arci) AVR(elii).
Mansión Pria: Aparece na vía XIX do Itinerario de Antonino tras a mansión Aquis Celenis, tradicionalmente foi identificada coa poboación de Iria.
No Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela consérvanse varios fragmentos cerámicos e tellas con anacos de inscricións.
O PINO
Estela funeraria de Graphice, escrava imperial (Castrofeito): Procede de Castrofeito, pero sen unha localización precisa. Foi entregada por N. Ares Espada a principios dos setenta na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago. Aos Deuses Manes. Descrita por Juan Manuel Abascal Palazón e María Pilar González-Conde no ano 2016 "D(is) M(anibus)/GRAPHI/CI AUG(usti servae)/DIDIA/GRAPHI/CE F(iliae) DVL(cissimae)", ("Consagrado aos deuses Manes. Didia Graphice (fixo este monumento) para a súa dulcísima filla Graphice, escrava imperial").
Ara aos Lares Viais (Porto-Castrofeito): Atopada no ano 1974 nun labradío coñecido como A Agra xunto con restos cerámicos romanos. Descrita por Juan Manuel Abascal Palazón e María Pilar González-Conde no ano 2016. "L(aribus) V(ialibus)/VAL(erius) O/[---] + N/[------]", ("Valerius O[---] (puxo este altar para) os Lares Viais"). No mesmo ano foi trasladada para a Facultade de Xeografía e Historia de Santiago.
Ara aos Lares Viais (Santiso-Castrofeito): Foi descuberta no ano 1974 no lugar da Agra. Fáltalle a metade esquerda da pedra; por debaixo está sen traballar, quizais porque ía fincada no chan. Ten dous foculi. Descrita por Juan Manuel Abascal Palazón e María Pilar González-Conde no ano 2016, lese "[L(aribus)/VIALE(bus)/ARO(---)/V(otum) P(osuit)", ("Aro puxo este altar para os Lares Viais"). Na Facultuade de Xeografía e Historia de Santiago.
Modio da Ponte Puñide (Gonzar): No ano 1912 atopouse un modio de bronce ao facer uns traballos para aplanar un terreo propiedade de Joaquín Castro Gago. A noticia foi recollida por Martínez Salazar (1914) quen di que no sitio había outros materiais romanos, e por García Romero un ano antes (enviou unha foto ao P. Fidel Fita) quen di que tamén apareceu un caldeiro "con unas letras...". Segundo
o cura e historiador Eladio Oviedo y Arce (1864-1918) tamén saíron á
luz restos de tella e barros romanos, dando noticia dos achados no Diario de Galicia e no Boletín da Real Academia Galega no 1913. Un modio é unha medida oficial de líquidos (viño, aceite) ou semisólidos (cereais) empregada polo Estado para a percepción de tributos. Na parte superior leva unha inscrición que sinala a lei pola que se rexe (Lex Modii), os emperadores que a sancionaron (Valentiniano, Valente e Graciano) e os axentes que a fan cumprir, e o uso do modio como medida de capacidade (10 litros). Datado nos anos 367-375: "MODII L(ex) IUIXTA SACRA (vac.) M IVSSIO(n)EM D(ominorum) N(ostrorum) VALENTINIANI VALENTIS ET GRATIANI INVICTISSIMORVM/PRINCIPVM IVBENTE MARIO ARTEMIO (vac.) V(iro) C(larissimo) AG(ente) VIC(ariam) P(raefecturam) CVR(antibus) POTAMIO ET QVENTIANO PRINCIPALIBVS", ("Medida dun modio derivada dunha lei de nosos señores e príncipes invictísimos Valentiniano, Valente e Graciano, por unha orde de Marius Artemius, de rango senatorial, máxima autoridade política da dióceses das Hispanias, sendo responsables da aplicación da lei os altos funcionarios Potamius e Quentianus"). Atópase no Museo Aqueolóxico Nacional dende o ano 1930. Tamén apareceu un sextercio de Traxano. É probable que nas inmediacións da ponte houbera un asentamento romano dado a súa proximidade á vía romana XIX.
Togado da Ponte Puñide (Gonzar): Primeira metade do século I d. C. A imaxe do home togado (a toga era símbolo do cidadán romano libre) e cuberto con veo representa ao pater familias que ofrece sacrificios aos deuses diante do altar. É o dono absoluto da súa casa e responsable da familia, segundo lle recoñece a lei, e como tal coida das súas tradicións relixiosas. Toma como modelo a imaxe do emperador Augusto, cabeza do estado e Pontífice máximo. Tamén
saíu á luz unha moeda de
Traxano da ceca de Roma. No Museo Arqueolóxico Nacional dende o ano 1938.
Vila da Agra de Santiso
(Castrofeito): Moi alterada por pistas, novas construcións e labores
agrícolas. Apareceu abundante material de construción de época romana.
Ten unha cronoloxía entre o século I d. C. e mediados do século V, o que
amosa a índole viaria do asentamento, confirmado por tres epígrafes, unha
a do modio da Ponte Puñide.
Xacemento da Granxa (Cerceda): Achados illados en superficie.
A POBRA DO CARAMIÑAL
Ara do Xobre: Atopada na praia do Xobre no ano 2007 por Bieito Pérez Outeiriño, director do Museo das Peregrinacións de Santiago, que estaba a ser utilizada como amarradoiro para as dornas. Foi cortada polas partes superior e inferior, e a maior parte da epígrafe borrada. Foi descrita por Juan Manuel Abascal Palazón, coa axuda de Héitor Picallo e María P. González-Conde no ano 2018: "[------]/[------]/[---]RA/[ex ?] VO(to)". Depositada no Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.
Monte das Ánimas (Quintáns-Lesón): Trátase de dous enterramentos rectangulares formados por lousas graníticas. Foron exhumados no ano 1991.
PONTECESO
Ara aos Genio Castelli (Cores): En honra dun Genius Castelli, adicada por Bloena, filla de Sabino, que probablemente se correspondería co castellum Aviliobris. Salienta o celtismo do nome Bloena, cando o nome do pai é latino. Conserva o coroamento e o focus. Rota por abaixo. "GENIO/CASTE/LLI BL/OENA/SABIN/I (filia) V(otum) L(ibens) S(olvit)", ("Bloena, filla de Sabini, cumpriu este voto libremente para o Genius protector do castro"). Na igrexa de San Martiño de Cores, onde apareceu no ano 1984 reutilizada como material de construción.
Ara a Xúpiter (Cores): Apareceu no ano 1984 reutilizada como material de construción na igrexa, onde está exposta, pode que procedente do castellum citado na anterior. Posúe focus circular: I(ovi) O(ptimo) M(aximo)/(C invertido de castellum) AV/ILIOB/RIS PR(o) S(alute)", ("O castro chamado Aviliobris (fixo este altar) para Xúpiter Óptimo Máximo (pra rogar) pola saúde (dos seus habitantes)").
Nas escavacións arqueolóxicas realizadas no ano 2009 na finca da antiga casa reitoral da igrexa de Cores foi localizada unha tumba romana de tégula, que tipoloxicamente nos remite ao século IV d. C., varios muros, dous deles articulados formando unha esquina, un pavimetno de opus siginum, un numisma acuñado por Galieno no século III d. C., terra sigillata e cerámicas grises datadas en época altomedieval. Na igrexa consérvanse diversos achados localizados nas fincas da contorna e na propia igrexa de Cores, salientando unha deusa da fertilidade, quizais prerromana ou de época romana, procedente da capela de Santa Mariña de Muíño (Corcoesto-Cabana de Bergantiños), un sártego antropomorfo e un sártego rectangular que conserva parte da cuberta con relevos e muíños da época de procedencia indeterminada. Restos de tégulas foron localizadas no cemiterio.
A Vila romana de Centroña: Descuberta
de forma fortuíta no ano 1950 debido a uns fortes temporais que
asolaron a costa, atópase no borde dun cantil situado a menos de 20
metros de altura sobre a praia de Centroña, fronte a ría de Ares. As
escavacións parciais, a cargo de José María Luengo, sacaron á luz unha
estancia rectangular aberta ao mar realizada en mampostería aparexada
con laxas de distintos tamaños colocadas sen morteiro, con restos dun
pavimento de mosaico policromo xeométrico (con basalto, ladrillo e
mármore) e estucos con decoración sinxela para revestir as paredes,
mostras que se poden ver no Museo do Castelo de San Antón da Coruña.
Tamén apareceu unha peza de mármore con decoración en relevo e restos de
piastras de xeso que se acaroaban aos piares da galería.
Trataríase dunha villa a mare,
unha vila marítima de recreo aberta ao mar mediante un pórtico
columnado de planta alongada, con espléndidas vistas, pertencente a un
acomodado propietario, probablemente relacionado co comercio ou a
industria marítima. Quizais contaba cun espazo destinado a baños (balneum).
Cómpre diferenciar as vilas marítimas e as litorais xa que estas non
orientaban a súa arquitectura cara a paisaxe, pola contra as primeiras
buscaban un lugar privilexiado con vistas sobre a costa, situadas nunha
posición dominante.
Dende
época romana, a liña de costa sufriu unha considerable transformación, a
acción do mar provocou a desaparición de parte do cantil e polo tanto
doutras estruturas, feito que, ademais de provocar a súa deterioración, é
un atranco para futuras intervencións, sen esquecer os actos vandálicos
e a desaparición de numerosos restos (segundo nos contaron, a
principios dos anos oitenta aínda se podían ver algúns restos do mosaico
nun camiño que dende preto do xacemento baixaba cara a praia. Tamén
apareceron restos na cala do Cerrulo.). Nos esbarrexementos que se
deslizan polo cantil atopamos material tegulario e algún vidro
Aínda
que a información achegada nas escavacións de Luengo é moi limitada,
polos fragmentos de mosaicos estableceuse que se trata dunha vila tardía
do século IV d. C. Non moi lonxe, pero xa na ría de Ferrol, hai outras
dúas villa a mare: a de Caldoval e Noville, en Mugardos. A menos
de 1,5 quilómetros en liña recta da vila de Centroña está o xacemento de
Sopazos que foi estudado por Ángel del Castillo a principios do século
XX, que facía mención á existencia de vivendas, todas con escaleiras de
entrada, ánforas, anacos cerámicos, sillares, a clave dun arco, unha
pedra de fogar aínda con cinsa, a base dunha semicolumna, etc. cuxos
achados foron depositados na antiga Casa do Concello, hoxe en día
desaparecidos. Para
ampliar a información sobre a vila sería conveniente unha intervención
arqueolóxica (a única foi a realizada por Luengo a principios dos anos
sesenta) para determinar as dimensións, o uso concreto e o sistema de
explotación. Pero a intervención máis urxente sería a de consolidar os
restos, limpar a maleza e protexer o sitio arqueolóxico con medidas de
seguridade polo elevado risco que supón achegarse ata o mesmo.
Igrexa de Boebre: Nos arredores da antiga igrexa o párroco, Agustín Caamaño, atopou nos anos setenta varias tumbas con continuidade en período medieval.
A Insua/Illa Carboeira: Materiais latericios e sigillata. O asentamento xa estaba en activo a inicios da Idade do Ferro.
Xacemento de Sopazos: Estudado por Ángel del Castillo a principios do século XX que facía mención a existencia de sete vivendas, todas con escaleiras de entrada, ánforas e restos cerámicos. Apareceron sillares, a clave dun arco coa batente para a folla da porta, unha pedra de fogar aínda con cinsa, a base dunha semicolumna, restos de ánforas, etc. Os achados foron depositados na antiga casa do Concello de Pontedeume, hoxe en día desaparecidos.
Cuadrifaz:
Atopado na finca a Madalena no ano 1924. O propietario, Tenreiro
Rodríguez, doouno nos anos sesenta ao Museo de Belas Artes da Coruña; na
actualidade atópase no Museo do Castelo de San Antón. Trátase dunha
peza galaica de influencia romana, de granito gravada polos catro lados,
posible representación dunha divindade protectora dos camiños
identificada con Hermes, polo de agora única na nosa Arqueoloxía.
AS PONTES
Ara: Atópase xunto o Concello. Ara de granito que conserva a cornixa só na cara posterior. Atopada no ano 1963 polo cura don Enrique Rivera Rouco na ermida de Santa Olaia de Portorroibo (hoxe en día desaparecida polo avance da mina). Logo foi trasladada aos xardíns do Concello e no 2003 colocáronna xunto a entrada. A súa singularidade deriva da inscrición, xa que apareceron outras dez en distintos puntos do imperio romano (no muro de Adriano en Britania, Mauritania, Italia, na fronteira de Numidia, na costa balcánica de Dalmacia...) cun texto practicamente idéntico, neste caso cunha dedicación a todos os deuses e deusas. Esta ara relaciónase co emperador Caracalla. Posteriormente foi utilizada polos cristiáns como pedra consagrada, practicándoselle un loculus cuadrangular no que se introducian reliquias de mártires ou santos e que sería reaproveitada como altar: "DIS D(eabus)Q(ue)/EX INTERP/RETATIONE/ORACVLI/CLARI APO/ILINIS C[-]/AD SACR/VM/------", ("Aos deuses e ás deusas, segundo a interpretación do oráculo de Apolo de Claros"). Un grupo de historiadores anglosaxóns cren que se trata dunha mensaxe de socorro que invocou unha cohorte de lexionarios en Britania ou quizais do campamento de Sobrado dos Monxes. Tería relación coa peste antonina, o primeiro brote letal de viruela que devastoou o Imperio Romano a partir do ano 165 e que mesmo aterrorizou ao famoso médico da antigüidade Galeno que fuxiu de Roma por medo a seren contaxiado. Todas as inscricións están adicadas a Apolo xa que segundo a lenda a praga antonina orixinouse cando, durante unha guerra sen precisar, un lexionario romano entrou a saquear un templo de Asia Menor adicado a este deus e abriu un cofre do que saíu un gas velenoso que se esparexeu por todo o orbe. No ano 2003, Santiago Montero, da Universidade Complutense, relacionou a ara das Pontes e outra colección de mensaxes idénticos cunha advocación promovida no ano 212 polo emperador Caracalla que, moi preocupado pola súa saúde, visitou varios santuarios e suponse que tamén o de Apolo de Claros, en Asia Menor, na actual costa de Turquía. Outra teoría é que o propio oráculo de Claros difundise os seus bloques con receitas previo pago. Na desaparecida ermida de Santa Olaia tamén apareceu unha cámara funeraria.
Ara aos Lares Viais (Somede): Para facer a ara utilizouse pedra da zona, coñecida como ollo de sapo. Da inscrición, apoiada antes do seu traslado antes do ano 2005 para o interior da igrexa parroquial de Somede nun muro do cemiterio, dicíase que se trataba dunha "lápida antiga". De feitura sinxela, pertence ao grupo de aras galaico-romanas coa traseira sen traballar e carente de base xa que estaba concibida para fincar no chan. Na parte superior ten tres foculi aliñados. "LAR VIAL/IX VOIO/SIVLRIVS/ROSVIT", interpretado por Juan Manuel Abascal Palazón como "LAR(ibus) V(i)ALIBUS/EX VOTO/SE(xtus)ULPIVS/POSVIT", ("Sextus Ulpius puxo este altar para os Lares Viais en cumprimento dunha promesa"). Na inscrición obsérvase algunha anomalía á hora de gravar o nome da deidade e a fórmula. É probable que a persoa que gravou a inscrición non coñecera moi ben o latín, daí os erros.
O Chamoselo: Neste barrio da parroquia das Pontes atopouse unha basa de columna, un muíño de man, un busto granítico e outras estatuas de pedra, unha posible lucerna, materiais cerámicos e construtivos e diversas estruturas arquitectónicas.
PORTO DO SON
Ara de Enxa: Atopada no ano 1987 no Monte Dodro. Do século II d. C. Ten a parte superior decorada cuns círculos concéntricos e un focus sobreelevado. Dúas posibles lecturas: "AN/SVRVE/NA D(eo) AN/AVRESONI/A(ram) P(osuit)", ("Ansuruena dedicou esta ara ao deus Anauresoni"), e "AV/SV RVFI/NA D(eo) AV(---)/AVRESONI/A(ram) P(osuit)", ("Au... Sulpicia Rufina puxo esta ara ao deus Auresoni"). Outras lecturas da deidade: Anufeson, Anuresoni, Ureson. No Centro de Interpretación do castro de Baroña.
Ara votiva de Montemuíño (Baroña): Foi
atopada preto da igrexa parroquial no ano 1889, nunha gabia ao buscar
auga, empotrada nun muro. Durante un tempo, o dono usouna como asento diante da súa casa. O médico J. López de Soto regalouna á Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra antes de 1897. A peza estivo na Exposición Rexional Galega, celebrada en Santiago no ano 1909.
Foi fotografiada e descrita no CIRG I. Na parte superior ten un focus elevado; debaixo tres arcos invertidos.
"DIAN(a)E VENAT/RICI AR(am)/PO(suerunt) VR(sus)/ET FAVS/TINVS/EX
PR(aecepto)/VICTORI/S PRO S/A(lute) SVA", ("Ursus e Faustinus puxeron
este altar a Diana Cazadora cumprindo un voto de Victor para pedir pola
súa saúde"). Segundo noticias da época, no mesmo sitio atopouse un "tinteiro", carbón, ladrillos e un pilón de pedra de forma cóncava. No Museo de Pontevedra.
Lápida funeraria de Queiruga:
Adicada a Rufinus Seiliensis polos seus pais Rufus e Sabinula. Prancha de mármore do s. II d. C. localizada no ano 1750 na
praia de Seira e que actuou como taboleiro do altar da igrexa de Queiruga ata o ano 1822 en que, por
non estar consagrada, foi mandada retirar polo arcebispo Vélez. Foi exposta na Exposición Rexional Galega de 1909. Na actualidade
atópase nun lateral da igrexa parroquial: "C(aius) ATTIVS
ATTIANVS/RUFINVS SEILIENSIS/ANN(orum) XXII H(ic) S(itus) E(st)
ATTIVS/RUFVS PATER ET SA/BINVLA MATER FECE(runt)", ("Eiquí xace Caius Atius Atianus Rufinus, dos Seiliensis, falecido aos 22 anos de idade. Puxeron o monumento seu pai Rufus e a súa nai Sabinula").
Inscrición da Atalaia: No Centro de Interpretación do castro de Baroña. Foi atopada a finais da década deste século na capela da Atalaia. Formaba parte das escaleiras. Descoñécese a súa procedencia. Non se considera de época romana.
Villae de Portosín (Goiáns): Referencia de López Ferreiro, en Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela (1898), a unhas teselas dun mosaico: "Aún hemos podido recoger algunos cubitos de marmol rosa y blanco con
algunos trozos de argamasa, en la fábrica de salazón que en dicho puerto
posee D. Félix Roig y Poch". Do mosaico xa dera conta Manuel Murguía no 1888. No ano 1993, no pavimento da igrexa de San Sadurniño de Goiáns, Antonio González Millán atopou unha peza feita no norte de Italia e logo trasladada a Hispania,
decorada con baixorrelevos: dúas cráteras, un templo e elementos
naturais; no centro hai unha inscrición en letra capital romana que se
refire á consagración dunha primitiva basílica cristiá da segunda metade
do sévulo VI. Nunhas
xornadas de arqueoloxía celebradas no ano 2014 deuse a coñecer as
conclusións dun estudo sobre a peza (parte dun sartego) e outros elementos
funerarios achados en Portosín. A partir daí comezaron as
investigacións para tentar saber a súa orixe. Nunha vivenda próxima
apareceron abundantes restos arqueolóxicos onde, segundo diversos
documentos históricos, falaban da existencia dunha basílica
paleocristiá. Estes elementos, de gran proximidade cronolóxica,
consistiron nunha columna romana co fuste cristianizado, unha estela
funeraria de tipo discoide e varios elementos cerámicos. Antonio González Millán fixo unha análise dunha
listaxe de sartegos procedentes de Rávena e Concordia Saxitaria, na
rexión de Lombardía. Todos mantiñan semellanzas nos baixo relevos
e as imaxes, que amosaban a mesma alternancia de estruturas
arquitectónicas circulares cunha central triangular de tipo friso, co
achado en Portosín. As indagacións de carácter caligráfico sumadas á
presenza de trazos paleocristiás nos muros do sector noroeste e as
elevacións do terreo circundante apuntan á existencia dun conxunto
maior. Ademais, o investigador puido comprobar que a tumba de mármore
fora reutilizada, o que leva a pensar que se trata dunha importación por
parte dun mecenas ao cargo dun latifundio. Se ben nun principio se considerou que se trataba dunha
peza cristiá, investigacións posteriores demostraron que se trata dun
sartego romano reutilizado logo en época altomedieval. Segundo o arqueólogo Victor Barbeito Pose, na zona debeu erguerse un posible asentamento romano (quizais unha villa a mare) cuxo propietario tiña recursos dabondo para ter un mosaico e un sartego procedente da mesma Italia.
RIANXO
Estela de As Miráns (Araño): Localizada no ano 1907 nunha sepultura tardía nun labradío de As Miráns. Foi adquirida pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra no ano 1909. Rectangular, coa parte superior arredondada. Rota en tres partes, presenta un home, vestido con túnica curta, co brazo esquerdo levantado e un obxecto irrecoñecible na man dereita á altura do cinto. Debaixo figura unha inscrición, bastante mal executada (usa letras capitais cadradas e cursivas), dedicada aos Deuses Manes onde resulta complicado recoñecer os dedicantes: "DIB(u)s MAN(ibu)s S(acrum)/POSVIT MEM/ORIA S(uo) CONVG(i) DOIRAV/ANNOR(um)/XXX OVTE/FIVS SNE", ("Consagrado aos deuses Manes, (---) puxo este monumento para súa esposa Doirau, falecida aos 30 anos de idade"). Outras lecturas proplostas para o nome da defunta: Coirali, Vodoira, Doiraus. No Museo de Pontevedra.
Estela de Rianxo: Descuberta polo arqueólogo Víctor Barbeito Pose, empotrada na esquina dunha casa da Praza Rafael Dieste no ano 2019. Atópase bastante danada. Descrita por Abascal Palazón coa axuda de María Pilar González-Conde no ano 2021: "S+S++/+ANTE/A++/+++/------?". As cruces correspóndense a letras non identificadas.
Pedra de Rufino ou estela de Taragoña (A Igrexa-Taragoña): Estela atopada pola familia Fungairiño no ano 1977 na adega dunha súa casa en Taragoña. Despois de mercarlla, hoxe en día atópase no Centro Arqueolóxico do Barbanza. Descrita por Juan Manuel Abascal e Víctor Barbeito no ano 2016: "D(is) M(anibus) POS(uit)/VRSVS/INGENV/O SVO RV/FINO PINE/[.]ANI FI(filio?)/------?", ("Aos deuses Manes. Púxoo Ursus para Rufinus, fillo de Pine[.]anus").
RIBEIRA
Ara de Bretal (Olveira): Datadas nos séculos II-III d. C. Foi descuberta por Ciprián Fernández antes de 1754, ano que, segundo Frei Martín Sarmiento, atopábase na porta da casa do pai do descubridor, de nome Andrés, "haciendo de batidero a la derecha como se entra". Consérvase un debuxo realizado por Martín Sarmiento. No século XIX xa estaba desaparecida. No texto, recollido por Sarmiento, lese: D(is) MA(nibus) T(iberius) POS(tumius)/ MATERNVS/ RUSTICI FL/AVIE VXSORI PIE/NTISSIM/E ANNOR(um)/ XXXIV D(ic) RO(go) Q(ui)/ TRA(nsis) SIT T(ibi) T(erra) F/ LEVIS", ("Consagrado aos deuses Manes. Tiberius Postumius Maternus, fillo de Rusticus, puxo este monumento á súa esposa Flavia, falecida aos 34 anos. Que a terra che sexa leve").
Epígrafes de Oleiros:
Localizados no muro do adro da igrexa parroquial. Debido ao seu estado
de conservación só se pode constatar que se trata de partes dunhas inscricións
romanas, funerarias ou votivas. Abascal Palazón le na de maiores dimensións, colocada no muro horizontalmente: "[---]+++[---] / [---]+O[---] / [LV+[---] / [---I]VLI[---] / [---]OF+[---] / [---]ERA[---] / [---]+O[---] /[---]VV[---]/ [---]T[---]/------?".
Estela de Bretal (Olveira): Descuberta antes do ano 1959, foi levada cara o 1960 para o Pazo de Xelmírez, en Santiago, polo coengo da catedral Juan Martínez Bretal. "D(is) M(anibus) TIT/VLARE/M POS(uit)/---", ("Aos deuses Manes. ... puxo este monumento para..."). No Museo da Catedral de Santiago.
Factoría de Salgadura (Illa de Sálvora): No mes de maio de 2022 deuse a coñecer un importante xacemento romano localizado polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo. Foi no areal dos Bois onde saíu á luz unha factoría de salgadura de peixe e un vertedoiro con centos de fragmentos cerámicos, ósos de animais, cunchas, un coitelo de ferro e unha fíbula de bronce.
Castro romanizado de A Cidá.
Miliario (Palmeira): Na Horta do Cura.
ROIS
Ara na igrexa de Herbogo: Ara empotrada nun muro da igrexa parroquial. Descrita por Abascal Palazón coa axuda de María Pilar González-Conde en 2015. "[------]/ERBO/ ERBIE/GO L(ucio) S(---) E(---) EX VOT/O P(osuit) L(ibens) M(erito)", ("Lucius S(---) E(---) puxo este altar libremente para [---]erbus Erblegus, en cumprimento dunha promesa"). Outros autores varían o nome da divindade: Erbieco, Erbleco.
Inscrición: Nunha parede da igrexa de San Pedro de Herbogo. Rota por todos os lados, agás polo dereito, atópase en posición horizontal: "A/E T/COS". Dubidosa a súa adscrición a época romana.
Ara?: Nunha parede da igrexa de San Pedro de Herbogo, na parte alta, obsérvase unha peza reutilizada que ben puidera ser unha ara.
Inscrición a Xúpiter:
Desaparecida. Procedente de Herbogo. No ano 1957, Ángel del Castillo, que vira unha
foto, preguntoulle ao seu descubridor, Benito Sebe Lorenzo, onde fora
parar a ara. Este díxolle que a regalara ao médico de Fisterra, Francisco Esmoriz Recamán, polo que
pode que fora levada para esta localidade. "IOVI/O(ptimo)
M(aximo)". No Arquivo do Museo Arqueolóxico de San Antón da Coruña consérvase a correspondencia entre ambos onde se inclúe un debuxo realizado polo seu descubridor.
Castro romanizado de Francos (Ribasar): Apareceron moedas entre as que salientan unha de Tyche de Antioquía (Turquía) datada no ano 312 a. C. e de Maximiano e Constantino I.
Miliario (Os Dices-Rois).
Moedas: Segundo Cavada Nieto, no concello apareceron unha ducia de moedas e un medallón (dupondio de Crispina do ano 180, dous bronces de Maximiano do III-IV, bronce de Constantito I do 330-331). No Boletín de la sección Ateneísta de la reunión de Artesanos de La Coruña de maio-xullo de 1905 cita unha moeda romana atopada no castro de Urdilde.
SADA
Ara (Meirás): Dedicada a Cosus Udaviniago, foi atopada no ano 1909 no adro da igrexa de San Martiño; servía como base do altar, aínda que a súa procedencia orixinal puido ser o castro de Meirás, que Pereira ve improbable a pesares de que preto da igrexa apareceron restos de tégulas e ladrillos romanos. "COSO V/DAVINI/AGO/Q(uintus) V(---) C(---)/EX VOTO", ("Quintus V--- C---, a Coso en cumprimento dunha promesa"). No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.
Moedas: En Meirás, moeda de Tiberio e un as de Augusto.
Relevo togado de Soñeiro (Soñeiro): Peza de granito embutida na tapia do cemiterio parroquial de Soñeiro, á dereita da entrada principal. A peza é de forma rectangular cunha dimensión de 45 por 24 centímetros, se ben se desoñece si a pedra que serve de soporte ao relevo presenta superficie oculta baixo este. A representación consiste nunha estrutura arquitectónica escasamente definida, formada por dúas columnas que portan un arco. Baixo esta estrutura unha figura masculina, vestida con toga con numerosos pregues, cabeza de gran tamaño, escasamente naturalista. Nunha man sostén unha espada e o outro brazo, flexonado sobre o corpo, recolle os pregues da toga. Segundo Naveiro López trátase dunha efixie dun monumento funerario dos séculos I-II d. C. Aínda que se atopa reutilizdo, probablemente procede dun sitio de cronoloxía romana. O relevo está protexido por unha pequena varanda de ferro cunha cruz no cumio polo que é probable que a figura fora confundida coa imaxe dun santo; adoitan poñerlle flores frescas. Nesta zona tamén se ubicaba a igrexa de San Xián de Soñeiro ata o século XIX. De todos xeitos, segundo o meu criterio, cómpre tomar a peza con cautela.
Xacemento de Punta Armenteiro (Carnoedo): Coa realización dunhas obras no cemiterio parroquial foron localizados materiais romanos: opus signimum, tégula, cerámica romana e muíños circulares de man.
SANTA COMBA
Estela
(Santa Comba): Atopada no ano 1970 na rúa do Pozo, onde estivo a antiga igrexa de Santa comba. Na parte superior ten unha lúa crecente. "M(onumentum)/APPIVS G/EMELLVS/ANNO(rum) LX/H(ic) S(itus) EST FAC(iendum)/CVRAVIT S(ulpicia?) FE/STA M(arito) SVO/ET F(ilius)
AP(pius) FLACC/VS AP(pius) GEME(lus)", ("Eiquí xace Appius Gemellus, de 60 anos. Fixeron este monumento Sulpicia Festa, para o seu esposo, e Appius Flaccus, fillo"). No Museo de
Pontevedra.
Estela (Santa Comba): Dedicada aos deuses Manes: "D(is)
M(anibus) S(acrum)/SATVRN/INA AN(n)ORVM/XXXVI". No Museo do
Castelo de San Antón da Coruña.
Estela funeraria de Busto
(Santa Sabiña): Atopada no ano 1985, empotrada no pavimento dunha eira en Santa Sabiña, reutilizada como material de construción. Adicada aos deuses Manes: "D(is) M(anibus)
S(acrum)/MA[R]CIVS FAVS(tus?)/AN(norum) LXVII ET/CANT(ia)
KARIA/AN(norum) LV ANT(onius)/MODESTVS/PARENTIBVS/PIENTISSIMIS",
"(Aos deuses Manes. Marcius Faustus falecido aos 67 anos e a Cantia Karia falecida aos 55
anos, por Antonius Modestus"). No Museo do Xallas, no Pazo de Santiso, en Santa Comba.
Estela de Vilamaior: Atopada ao derrubar unha casa no ano 1980. Na parte inferior non está traballada para fincar no chan. Estivo nunha casa particular de Augapesada, concello de Ames, e na actualidade atópase nunha casa particular de Quintáns, tamén en Ames. Descrita por Alberto López Fernández no 2019. "D(is) M(anibus) S(acrum)/M(---) FIRM/ILL(a)E AN(norum)/LX P(osuit) M(---) CRETICVS", ("Aos deuses Manes. Ma(---) Creticus púxoo para M(---) Firmilla, de 60 anos").
Estela (Cícere): No 1909 figurou na Exposición Arqueolóxica de Santiago. Coa parte superior arredondada sen decoración. Ten dobre epitafio: "CAELEO CADRO/IOLONIS F (ilius) CILEN/VS (C invertido de castello) BERISAMO/AN (norum) LX ET CAESA/RVS CAELONIS/F(ilius) AN(norum) XV/H(ic) S(iti) S(unt)", ("Eiquí xacen Caeleus, fillo de Cadroiolo, da comunidade dos Cilenos e habitante do castro Berisamo, que faleceu aos 60 anos, e seu fillo Caesarus de 15 anos"). No Museo da catedral de Santiago.
Estela funeraria de Saturnina (Boimente-Xallas de Castriz): Descuberta no ano 1978 na paraxe das Leiras Grandes. A parte superior, arredondada, carece de decoración. Consagrada aos deuses Manes por Saturnina: "D(is) M(anibus) S(acrum)/SATVRN/INA AN/NORVM/XXXVI", ("Consagrado aos Deuses Manes. A Saturnina, de 36 anos"). No mesmo sitio apareceron evidencias dunha necrópole romana. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña.
Estela de Mallou (Cícere):
Atopada por Manuel Blanco Novo no ano 2005 durante uns traballos agrícolas. Di: "Q(uintus) IVLIVS [---]/AQVINV(s)/MIL(es) L(egionis)
X [G(eminae)]/AN(norum) XXX/ET TI(beria) CL/[AV]DIA VR/BANA/AN(norum)
XXXV/H(ic) S(iti) S(unt)/T(itus) IVLIVS FL/ORVS VETE/RANVS/E[T]/PAT[ER? ---]/---",
("Quintus Iulius Aquinus, soldado da Legio X (Gemina), de XXX anos, e
Tiberia Claudia Urbana, de XXXV anos, aquí están enterrados. Titus
Iulius Veterano e pai..."). En memoria dun soldado romano que serviu na Legio X Gemina no século I d. C. e da súa compañeira. No Museo do Pobo Galego.
Miliario a Galerio:
Atopado no ano 1984, formando parte do muro do peche do adro da
desaparecida igrexa parroquial de Santa Comba. Hoxe en día atópase no
xardín da Casa da Cultura. Do século III d. C. "IMP(eratori) C(aesari)/G(alerio) VA(lerio)/MAXI/MIA/NO/P(io) F(elici) A/VG(usto)", ("Dedicado
ao emperador César Galerio Valerio Maximiano, pío, feliz, augusto".
Miliario de San Salvador (Padreiro): Posilble miliario situado nun lateral da igrexa parroquial. Anepígrafe.
Miliario: No xardín da Casa da Cultura de Santa Comba. Atopado no ano 1984 na parede do adro da igrexa parroquial. Dedicado ao emperador Galerio e datado entre os anos 305 e 311. É un miliario de propaganda e non sinala as millas da vía: "IMP(eratori) C(aesari)/G(alerio) VAL(erio)/MAXI/MIA/NO/P(io) F(elici) A/VG(usto)", ("Dedicado ao emperador César Galerio Valerio Maximiano, pío, feliz, Augusto").
Necrópole de Boimente (Xallas de Castriz): Pezas no Museo do Castelo de San Antón da Coruña, entre outras unha estela funeraria adicada aos deuses Manes.
Explotación mineira de Varilongo (Santa Sabiña).
Tegula e cerámica no Alto do Muíño (Bazar).
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Ara a Mitra?: Citada no CIRG I e por Bouza Brey e A. D´Ors no IRG I: "DEO/INVICTO/ SOLI M[ithrae (?)...". ("Ao deus Sol Invicto M(itra?)"). Atopada en circunstancias descoñecidas, crese que nos arredores de Santiago ou na mesma cidade, identificada coa mansión Asseconia do Itinerario de Antonino, e no Anónimo de Rávena como Assegonion. No 1902 atopábase xa en Santiago, no desaparecido Museo de la Sociedad de Amigos del País. Figurou na Exposición Arqueolóxica de 1909. Le Roux e Tranoy desenvolven M(ithrae) ao ler un M ao final da terceira liña, que Bouza Brey e D´Ors non viron, pero que Pereira Menaut ve con certos reparos, ao que habería que engadir que sería o único caso de asociación do Sol e Mitra en Hispania, se ben se trata dunha observación errrada tras do achádego do mitreo de Lugo.
Inscrición do mosteiro de San Paio de Antealtares: Funeraria. A inscrición, a petición de Ambrosio de Morales, foi mandada borrar no 1601 polo bispo de Santiago xa que non a consideraba axeitada, gravándolle unha dedicatoria cristiá no outro lado da praca. Consérvanse tres lecturas do texto realizadas por Frei Juan de Azcona no 1520, Ambrosio de Morales no 1572 e de Gaspar Alvares de Lousada recollida por un monxe do convento e logo publicada por Castellá Ferrer; logo, outros autores reproducen as lecturas dos anteriores para procurar interpretalas. Frei Juan de Azcona: "DMS/ATIAMO ET AT/T ET LVM P S/VI R I AMO N/NEPTIS PI ANO/XVI ET S FC". Ambrosio de Morales: "D M S/ATIAMO ETAT/TE TLVPMSA/VIRIA EMO/NEPTIS PIANO XVI/ETS F C". Alvares de Lousada: "D M S/ATI AM OETAT/TETLVM PS A/VIRI AEMO//NEP TIS PIANO XVI/ETS F C", ("Consagrado aos deuses Manes. Attia Modesta e At(---) ocupáronse que se puxera esta inscrición funeraria para a súa queridísima neta Viria Modesa, falecida aos 16 anos de idade, e para si mesmos"). O único que está claro é que estaba adicada aos Deuses Manes, descoñecéndose con claridade quen era o dedicante ou dedicantes. Xunto con outra peza, tamén en mármore, que lle servía de soporte, que posúe unha inscrición latina realizada no ano 1601, dise que actuou como primitivo altar do Apóstolo Santiago; ambas as dúas foron entregadas aos monxes de San Paio no século XII como recoñecemento polo seu labor ao coidado das reliquias do Apóstolo.
Inscrición perdida: Perdéuselle a pista no século XVI. Aínda queK. Peutinger sitúaa na igrexa de Santiago na localidade de Moura, distrito de Beja, en Portugal, Florián de Ocampo di que procede de Santiago de Compostela. Bourdelot, na xúa viaxe de 1581, di claramente que a viu en Compostela. Existen copias antigas que non coinciden no cognome ou filiación do dedicante: "D(is) M(anibus) S(acrum)/NVMERIVS VITALIONIS/NVMERIAE VITALIAE VX(ori)/B(ene) M(erenti) F(ecit) H(ic) S(ita) E(st) S(it) T(ibi) T(erra) L(evis)", ("Consagrado aos deuses Manes. Numerius, de Vitalio, fixo (este monumento) para a súa amada esposa Numeria Vitalia, que eiquí xace. Que a terra che sexa leve").
Inscrición perdida: Só se ten noticia polo eclesiástico italiano Luigi Antonio Muratori (1672-1750), no seu Novus thesaurus veterum inscriptionum. "PROCVLA/CAMALI/F(ilia) CROVIA/AN(norum) XXX/H(ic) S(ita) E(st) SE/CVNDVS ET D/[------]", ("Eiquí xace Prcula, filla de Camalus, da etnia dos Grovios, morta aos 30 anos. Secundus e D[---]").
Inscrición a Xúpiter:
Atopada no subsolo da catedral de Santiago cando as
escavacións arqueolóxicas dirixidas por Chamoso Lamas nos anos 1955-56. Consérvase no emprazamento orixinal. Foi descrita por Abascal Palazón coa axuda de J. C. Olivares e R. Yzquierdo no ano 2015: "I(ovi) O(ptimo) M(aximo)/FLACCI/NIVS M[---]+I/ [------]", ("Flaccinius M[---] (puxo este altar) para Xúpiter Óptimo Máximo").
Inscrición funeraria: Perdida. Recollida a comezos do século XVI en F. de Ocampo, e del na edición de J. Strada de 1575. No último terzo do século XVI atopábase preto da catedral. Chegouse a conxecturar que a inscrición non procedera de Santiago de Compostela, senón dunha igrexa de Santiago da localidade portuguesa de Moura, no distrito de Beja. "D(is) M(anibus)/ACILIA MODESTA M(odesti)/F(ilia)/MODESTO PATRI PIEN (tissimo)/H(ic) S(itus) E(est) S(it) T(ibi) T(erra) L(evis)", ("Consagrado aos deuses Manes. Acilia Modesta, filla de Modestus puxo este monumento funerario para o seu queridísimo pai Modestus. Eiquí xace, que a terra te sexa leve"). Hai outra inscrición aparecida a comezos do século XVI, tamén, ao parecer, en Santiago de Compostela, pero que varios autores, Hübner entre eles, que din que se trata da anterior pero cuxa inscrición varía sensiblemente: "AQUILIA MODESTA/ANNORUM XX/SENECIO MODESTVS/MATRI PIENTISSIMAE/FECIT H(ic) S(ita) E(st) S(it) T(ibi) T(erra) L(evis").
Inscrición de procedencia descoñecida: Figurou na Exposición Arqueolóxica de 1909 en Compostela, descoñecéndose as circunstancias e o lugar do achado. Con focus circular: "SOE ME /OBRIGO / F PARVI". No Museo da Catedral.
Inscrición de procedencia descoñecida: No Museo da Catedral. Foi levada a Santiago, pode que para a Exposición Arqueolóxica de 1909: "IOVI/O(ptimo) MA(ximo)/A(ram) P(osuit) P(---)/ MA(---) P(ro) S(alute)/S(ua)".
Catedral: Conta cun importante xacemento no subsolo e nas súas inmediacións. Atopáronse restos dun asentamento romano correspondente a unha mansión viaria, pode que Asseconia, da vía XIX, que é abandonada e reocupada despois ata o século VII por unha necrópole, destruída en parte pola medieval. Nas escavacións de 1878 e 1879, que López Ferreiro deixa documentadas (traballos nos que tamén participou Labín Cabello), apareceron varios ladrillos en forma de cuña que formarían parte dun hipocausto, anacos de pasta vítrea azulada, un anaco de estuco e outros materiais. Non se realizaron novas escavacións ata o ano 1946 en que Chamoso Lamas exhuma a totalidade do subsolo da catedral coa aparición de estruturas e materiais (tamén se efectuaron traballos nos arredores, entre outros na Praza da Quintana). Dende os anos oitenta, os traballos continuaron ata hoxe en día que están a achegar importantísimos datos sobre a orixe de Compostela.
Mansión: Assegonia no Itinerario de Antonino, Assegoniom no Anómimo de Rávena e Aseconia na II Tábula de Astorga. Hai autores que a sitúan en Compostela, mentres outros a levan para Boqueixón ou Noia.
Moedas: Varias moedas romanas, entre elas unha imperial e outra de Constancio II, pequenos bronces de Constantino e Constante.
Explotación mineira do Monte Pedroso.
SOBRADO (SOBRADO DOS MONXES)
Campamento de Cidadela: Na Parroquia de A Ciadella. Eiquí estivo acantonada a Cohors
I Celtiberorum (ata o s. I d. C. estivo acontada na Mauretania, e a
partir do século seguinte xa se testemuña a súa presenza na Península. O
primeiro establecemento da cohorte estivo situado preto da mansión de
Aquae Querquenae, en Bande) formada por unha unidade de
infantería de 480 soldados que permaneceu no lugar dende comezos do
século II d. C. ata, ao menos, o século IV d. C. Esta unidade militar
pertencía á Legio VII Gemina.
Nos máis de corenta anos de escavacións na Cidadela (sen contar as
actividades realizadas entre finais do s. XIX e principios do XX feitas
por afeccionados) proporcionaron un abundante material arqueolóxico
(aras, estelas, moedas, tégulas, lateres, vidros, recipientes de terra sigillata, regatóns, pilum -arma arreboladiza-, restos de armaduras e coirazas, taboleiros de xogos, lucernas, un anel de prata coas iniciais dun personaxe que portaría os tria nomina, un colgante fálico, así coma unha necrópole de incineración con tumbas en cista con urna cineraria).
O primeiro achegamento especializado foi o do xesuíta Celestino García
Romero no ano 1909 que realizou unha primeira descrición do asentamento.
Logo da visita de Adolf Schulten a Sobrado dos Monxes no 1930, no 1934
comezaron as escavación dirixidas por Ángel del Castillo, e dende o 1981
prolongáronse varias décadas grazas a Caamaño Gesto e colaboradores. O
recinto do campamento, rectangular con esquinas arredondadas, ten unhas
dimensións de 172 por 140 metros, circundado por unha muralla, foxo e
torreón de vixiancia. Ao seu carón pasaba a Vía XX. Durante as escavacións da via principalis (a
rúa máis importante do campamento) realizadas no ano 2021, saíu á luz
unha estela adicada por un pai á súa filla, falecida aos nove anos, un
mes e nove días.
Estatuíña en bronce de Minerva en Insua (A Ciadella): Atopada en 1930 por uns labregos cando estaban a cavar a terra. Foi dada a coñecer por Ángel del Castillo no Boletín da Real Academia Galega nº 20 (1931).
Ara a Fortuna (A Cidadela): Atopada nas escavacións arqueolóxicas de Caamaño Gesto no ano 1983, nunha habitación acaroada ao lenzo do campamento; estaba na súa posición orixinal. Carece de focus: "FORTV/N(a)E VAL(erius)/LUPVS/OPT(io)/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", "Valerius Lupus, optio (un oficial da cohorte I dos Celtíberos) puxo libremente e de bo gado este altar a Fortuna". No Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña.
Ara ofrecida por un signífero (A Ciadella): Fragmento atopado no ano 1937 nunha finca chamada A Chousa, ao oeste do campamento da Cidadela. No 1945 foi estudada por Ángel del Castillo coa axuda do P. César Morán, dos Agostiños. Ara ofrecida por un signífero (soldado portaestandarte) da segunda metade do século II d. C.: "[------]/[---] RI [---]/RO SIG(nifer)/C (ohortis) I C(eltiberorum)/L(ibens) A(nimo)", ("... portaestandarte da I Cohoorte dos celtíberos, de libre vontade puxo este altar para ...".
Ara (A Ciadella): Descuberta por Caamaño Gesto no ano 1992 nas escavacións do campamento da Cidadela. A peza só se coñece polas memorias da escavación e as fotos de Caamaño que foron entregadas na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Descoñécese o seu paradoiro. "D(is) M(anibus)/SACRUM/+++[---]/[------]", ("Consagrado aos deuses Manes [---]").
Estela (A Ciadella): Fragmento atopado no ano 1981, segundo Caamaño ao suroeste do cammpamento da Cidadela. Descoñécese o seu paradoiro.
Estela aos Deuses Manes (A Cidadela): Foi descuberta no ano 2021 nas escavacións levadas a cabo por Terra Arqueos na via principalis do campamento. "D(is) M(anibus) S(acrum)/MEMORIA/IVL(i) AV[---]I NATION/E LUSITAN/UM (!) QVI VI/XIT ANNO/S VIIII ME(n)S(es) V/I DIES VIIII/IVL(ia) GAILLA M/EMORIA (!) FECIT/FILIO SVO", ("Consagrada aos deuses Manes. (Este é) o epitafio de Iulius Av[---]us, orixinario de Lusitania, que viviu 9 anos, 5 meses e 9 días. Iulia Gailla fixo este monumento para o seu fillo"). O nome Iulia é habitual, pero o cognome Gailla aparece por vez primeira en Hispania. Canto á orixe do defunto, defínese pola expresión natione Lusitanum. Atópase na Aula de Interpretación Arqueolóxica da Cidadela.
Estela de Severiano (A
Ciadella):
O P. Fidel Fita (1910) sitúa en Fisteus (Curtis), e en CIRG I en Cidadela
(Sobrado
dos Monxes). Situala en Curtis débese a que foi descuberta antes do ano
1909 polo médico de Curtis, D. José Martínez, nuns seus terreos
situados preto da igrexa parroquial da Ciadella (o erro sobre a
procedencia persiste en moitas publicacións). Formou parte da colección
de Blanco Cicerón quen a mostrou na Exposición Regional Gallega no 1909. Logo foi trasladada ao Museo de la Sociedad Económica de Amigos del País
de Santiago. A principios dos anos trinta do pasado século xa estaba no
Museo da Catedral de Santiago. Datada no século II-III d. C.: "D(is)
M(anibus) S(acrum)/IVLIO SEVE/RIANO ANN(orum)/XLVII MEMO/RIAM
POSVIT/CONIVGI
KA/RISSIMO PL/ACIDIA LVPA/DEFVNCTO IN/VALLE MINI(i)", ("Consagrado aos
deuses Manes. A Xulio Severiano de corenta e sete anos, puxo como
lembranza Placidia Lupa ao esposo moi querido, falecido no val do
Miño"). Canto ao tema decorativo, o P. Fita considerouno como unha
alusión á actividade do defunto, soldado de cabalería (vese ao defunto
sobre un cabalo). Leite de
Vasconcelos propón unha representación heróica, onde o defunto se
eleva aos ceos que comparte con outros. Bouza Brey e D´Ors consideránno
relacionado coa actividade do titular como arrieiro. Etc. Abascal e
López (2023) din que non semella que sinale un lugar de entrramento,
senón que debe tratarse dun cenotafio xa que se indican as
circunstancias o falecemento pero advírtese de que o monumento é unha
"memoria", polo que é probable que falecera in itinere, no decurso dunha viaxe ou nun lugar diferente da súa residencia, desbotándose que se tratara dun xinete militar.
Estela de Severa (A Ciadella): Parte superior dunha estela coroada por un tímpano triangular en cuxo centro aparece un crecente luar. Foi descuberta antes de 1909, ano en que foi presentada por Blanco Cicerón na Exposición Regional Gallega de Santiago. Logo gardouse no claustro do antigo Seminario de San Clemente. Na actualidade atópase no Museo da Catedral de Santiago: "D(is) M(anibus) S(acrum)/SEVERAE VALE/NTINI F(iliae) AN(norum) LX/POSVIT LUCILIA/AEBURA HERES/[------]", ("Consagrado aos deuses Manes. Lucilia Ebura, a súa herdeira, puxo (este epitafio) para Severa, filla de Valentinus, falecida aos 60 anos de idade [---])".
Estela de Valerius:
Atopada preto do campamento da Cidadela antes de 1909 polo médico de
Curtis, D. José Martínez, nuns terreos da súa propiedade. Foi levada para
Santiago por Blanco Cicerón cando a Exposición Arqueolóxica celebrada nese ano. Está rota por arriba e por abaixo. "D(is)
M(anibus) S(acrum)/VAL(erio) ANTE/ROTI AN(norum)/XXXV F(aciendum)
CV(ravit)/I(ulia) APRONIAN(a)/CONIVGI C/ARISSIMO", ("Consagrado aos
Deuses Manes. Valerio Anteros de 35 anos de idade. Ao seu esposo
amadísimo erixiu Xulia Aproniana este monumento"). No Museo da Catedral
de Santiago.
Inscrición funeraria: Fragmento de estela de granito rota por arriba e por abaixo, tamén pola parte esquerda. Foi descuberta por Caamaño no ano 1981, na prospección dunhas terras de labor ao suroeste do campamento da Cidadela. Consevábase na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago e logo foi trasladada para o Museo do Pobo Galego. Foi descrita por Juan Manuel Abascal coa axuda de Acuña Castroviejo no ano 2016. [------]/[---]IO SE/[---] Q(uint-) COE/[---]EQ(u---)CE([--- V]ICTOR/[------]". Non resulta doado coñecer o sentido exacto do texto.
Inscrición (A Ciadella): Foi localizada antes do ano 1909 nas proximidades do campamento da Cidadela, propiedade de Carmela do Ferreiro. Logo perdéuselle a pista, reaparecendo anos despois no patio do convento de Santo Domingo de Pontevedra. Só se conserva a esquina inferior dereita dunha praca: "[------]/[---]++++[--- (m)ARITO", ("[---] (puxo este monumento funerario) para o seu marido"). No Museo de Pontevedra.
Inscrición: Fragmento da parte superior dunha estela atopada no ano 2002 no lugar de Ponte Lagoa, preto do regato Pequeno, non moi lonxe do campamento da Cidadela. En mans particulares no lugar da Igrexa (A Ciadella). Vese unha cara esculpida, posiblemnte a do defunto a quen estaba dedicada a estela.
Inscricións de natureza incerta: De Epigrafía romana de Galicia I. Provincia de A Coruña, de Juan Manuel Abascal Palazón e Alberto López Fernández, editado pola Fundación Monteagudo no ano 2023, recollo: "Unha carta do sacerdote Benigno Cortés García a Ricardo Blanco Cicerón, datada o 31 de xullo de 1909, daba conta da existencia dunha inscrición romana que se descubrira nas ruínas de Cidadela e que se conservaba na aldea de A Penencia (parroquia de Santaia de Curtis, concello de Curtis). Fernando Acuña Castroviejo xa coñeceu esta carta e proporcionounos un extracto da mesma; agora puidemos completar esa información co acceso ao documento orixinal conservado no Museo do Pobo Galego. A elo hai que unir que, fai dous anos, A. López Fernández tivo noticia da existencia dunha inscrición romana nesa mesma aldea de A Penencia e que a comparación entre ambos textos atopa moitos puntos de similitude aínda que tamén importantes diferencias. Por iso, con todas as cautelas posibles, mantivemos a duplicidade de entradas á espera de que -algún día- a peza que hoxe permanece empotrada naquela localidade poida revelar o seu texto completo".
Inscrición funeraria (cont. do anterior): "Fragmento de pedra do que se descoñecen tanto a forma como as dimensións, do que Benigno Cortés García, na citada carta a Blanco Cicerón, di que envía copia da inscrición da estela funeraria aparecida fai tempo nas ruínas da Cidadela. A pedra estaba ultimamente na aldea da Penencia servindo de lintel á porta dun forno, como xa a viu Amor Ruibal cando visitou Sobrado. Segundo o texto a inscrición semella constar de dúas liñas pero non hai que esquecer que o autor non estaba representando ringleiras senón que transcribiu a epígrafe como se se trata de prosa, polo que non podemos coñecer a estrutura exacta das liñas... Sen esquecer ditas prevencións, a epígrafe di o seguintes: D CENI . R VFONIV BI/TALIS . POS . BITI. A prensa de 1901 xa se fixera eco dunha noticcia proporcionada polo mesmo Benigno Cortés, daquelas párroco de Présaras, sobre o achado en Cidadela dunha inscrición na que podía lerse: Vitalis possuit post vitam. Ninguén volveu a citar este achado. Volvendo á carta de Benigno Cortés, esas letras seguramente deben desenvolverse deste xeito: [------] D[e]CENI(o) . RVFONV[s] VI/TALIS . POS(---) BITI[---]".
Inscrición funeraria (cont. do anterior): "Estela de granito, recortada cuidadosamente en época moderna por todos os lados agás polo costado esquerdo, coa fin de adaptala a súa ubicación actual como apoio no forno dunha casa. Por iso, a parte inferior ten hoxe aspecto semicircular... Descoñecemos o lugar e a data do achado. Hoxe consérvase nunha vivenda privada da aldea da Penencia (Curtis), a un quilómetro aproximadamente do campamento da Cidadela, servindo de soporte para a campá dun forno. Alí a describiu primieiro A. López Fernández en febreiro de 2021 y revisámola o 18 de maio de 2023. O texto di o seguinte: [------/+ [---]uniu[s---]/Vitalis [---]/posuit [---?], ([---]unius Vitalis púxoo [---]). Non hai que desbotar que esta peza sexa a mesma que a descrita por Blanco Cicerón co nome de Rufonius Vitalis. O conservado non permite saber si a inscrición é votiva ou funeraria. Pode estar datada no século I".
Grafitos cerámicos: As escavacións no campamento da Cidadela proporcionaron gran número de fragmentos cerámicos con grafitos, máis ou menos completos, en superficie. En moitos pode establecerse a presenza dos nomes persoais dos propietarios dos recipientes. Noutros fragmentos só se recoñecen trazos illados que poden pertencer a distintas letras.
"Miliario" de Pereiro de Arriba (Cumbraos): As comiñas non son casuais. Ata o de 19 de maio de 2011 tiñamos catalogado como un miliario un monolito sobre o que pousa un cruceiro de granito. Mais, por información achegada por Antón Malde, o miliario non é tal, tan só unha peza poligonal que amarra o fuste do cruceiro ao pódio, técnica típica da zona. O camiño ao que está asociado vai á capela da Virxe da Vitoria.
Tesouriño de Gondrei (A Porta): Atopado nunha finca particular. Está composto por 650 numismas de bronce que foran depositados nunha ola de barro. Datados no século IV d. C. Tamén saíu á luz unha moeda do emperador Honorio.
Anacos cerámicos con retallos de inscricións na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago.
Punta de lanza: Da "Peza do mes", de xullo de 2023, publicada polo Museo da Terra de Melide, extraemos: Forma
parte dun deses “achados casuais” cunha curiosa historia ás súas
costas, que xa foi recollida por Antonio Río López, no seu libro La
Cultura Castreña en Sobrado de los Monjes, publicado pola Deputación
da Coruña no ano 1986, e que pasamos a transcribir a continuación:
“Encontrada por la sra. De Varela en el año 1976, a la que
acompañaba un hijo suyo que fue quien se hizo cargo y notificó el
hallazgo, en un muro de mampostería que sirve de cierre a una de las
fincas de su propiedad y que por cierto está próxima a las
posesiones del monasterio”. De factura romboidal, mide 14,5 cm de lonxitude e unha anchura máxima de 2,5 cm; o tubo de enmangue ten un diámetro de 1,6 cm. Pola tipoloxía pode tratarse dunha peza de adscrición romana. Exposta no Museo da Terra de Melide.
TEO
Mansión: Glandimiro no Itinerario de Antonino e Glandimirum no Anónimo de Rávena. Monteagudo sitúa preto do río Ulla, no concello de Teo. Pero tradicionalmente sitúana en Brandomil (Zas).
Moeda: Mediano de bronce de Graciano.
O Marco da Potra (Lamas-Baamonde): Grazas ao investigador Guillermo Raviña, a xente do Colectivo A Rula documentaron a existencia dun antigo marco situado na aldea de Lamas, na parroquia de Baamonde. Contan que levaban as vacas e as bestas ata o marco e rozaban os seus ubres e ventres nel pois crían que ese ritual aumentaba as posibilidades de xestación e cría do gando, e mesmo aumentaba a produción de leite. Tamén está asociado a antigos rituais para sacar o "mal de ollo" e o "aire" aos meniños. A pesares disto, o marco permaneceu oculto baixo unha silveira durante moitos anos. O marco xa aparece referido nos planos catastrais de 1940 como lindeiro entre os concellos de Teo e Vedra. Tras visita da Rula, puideron comprobar que coincide coa descrición e localización recollidas no expediente de deslinde. Na súa superficie ten gravadas as letras "T" e "V" (Teo e Vedra) que probablemente foron feitas polo Servizo Topográfico. É posible que este, xunto con outros marcos, foran reutilizados. O da Potra está tamén ao pé do antigo Camiño Real, chamado tamén Camiño Francés que, segundo algúns investigadores, seguía o trazado da Vía Romana XIX do Itinerario de Antonino. Non moi lonxe atopouse no ano 1867 o miliario da Gándara, na parroquia de San Fins de Sales, actualmente no Museo da Catedral de Santiago, así como as moedas (tesouriños) de Trobe e Sarandón. Polo tanto, cabe a posibilidade de que o marco puidera ser algún miliario anepígrafe. (Información abreviada recollida da páxina do Colectivo A Rula).
Restos de calzada: Ía dende Luou a Bastavales, en Brión.
TOQUES
Castro da Graña: Apareceu un calculi ou fichas de xogo galaico-romanas (están
vinculados a diversos tipos de xogos de taboleiro, como os coñecemos
na actualidade, pero que xa estaban presentes nestas etapas da
Protohistoria Recente. Aínda que aparecen neste tipo de contextos, a
súa cronoloxía pode situarse no que se coñece como cultura ou
etapa Galaico-Romana). No Museo da Terra de Melide.
Villae do Agro da Nogueira (Piñeiro-Mangoeiro): Granxa ou quinta con planta cun patio aberto delimitado por un corredor que daría acceso ás distintas dependencias. Datada entre os séculos III-IV d. C. A escavación estivo integrada por Acuña Castroviejo e Meijide Cameselle en colaboración co Instituto de Arqueoloxía da Universidade de Lodz (Polonia).
Ara a Mercurio do Agro da Nogueira:
Atopada no ano 1990 durante as escavacións levadas a cabo por Acuña Castroviejo e Meijide Cameselle na vila romana. Elaborada en serpentinita, nunha pedra local coñecida como piedra de tobelo ou piedra de Murcia ((Xosé Manuel Broz). Na parte superior ten dous pequenos foculi. Foi estudada por Fernando Acuña
Castroviejo e Purificación Rodríguez García que a publicaron no Boletín
12 do Centro de Estudos Melidenses-Museo da Terra de Melide. "MERCVRI(o)/SA(acrum) DO(---)/VA P(ecunia) P(robo?)
P(omponio?) V/ICTORI(ano?) CO(n)S(ulibus) F(ecit)", ("Consagrado a Mercurio. Do(---) Va(---) fixo este altar sendo cónsules o emperador Probo e Pomponius Vistorinus"). No Museo da Terra de Melide.
Xacemento de Irago (Vilamor): Apareceron anacos de tégulas, ímbrices e outros restos cerámicos.
TORDOIA
Inscricións de Santa María de Castenda da Torre: Dúas inscricións fragmentadas localizadas no ano 2017 na parte baixa da igrexa de Santa María durante a execución do proxecto de prospección arqueolóxica para o Documento Ambiental da parroquia de Castenda, dirixido por Pablo Vázquez Liz. Publicadas por Abascal Palazón no Ficheiro Epigráfico, suplemento de Conimbriga (2024). Na primeira peza, de 58 cm de altura, lese: "------/Aprulla/anno[rum]/XV"; o cognomen feminino Aprulla está testemuñado en Riba Roja de Turia (Valencia) e en máis dunha vintena de epígrafes fóra da Península. Datado no século I d. C. No segundo fragmento lese: "------/+Lupa/anno[r(um)]/XXXVII/h(ic) s(ita) [---]"; do cognomen Lupa coñécense máis dunha ducia de epígrafes na Península, outras dúas en Galicia (Cidadela, en Sobrado, e Rubín, na Estrada); posiblemente datada no século I d. C.
Soportes de Santaia de Gorgullos: Dous soportes utilizados como pés do pousadoiro dun cruceiro situado nun cruce de camiños nas inmediacións da igrexa parroquial de Santaia de Gorgullos. A aldea de Santaia edificouse sobre un castro que na actualidade se atopa practicamente destruído. Aínda que hai quen as considera como unhas aras romanas reutilizadas, é probable que sexan de factura moi posterior.
Hai quen sitúa en Tordoia a mansión Turodobriga, se ben non falta quen a leve para Troña.
Campamento romano do Castrillón: Localizado no ano 2019 polo investigador Elixio Vieites, quen logo llo comunicou ao grupo Romanarmy. Estacional de pequeno tamaño. A
principios de setembro de 2023, un
equipo de arqueólogos comezou
a traballar
no xacemento do Castrillón (San Xoán de Fontes Rosas-Santa María
de Loxo, Touro), unha singular fortificación
con características únicas no ámbito galego que
os investigadores consideran que pode estar vinculada ao exército
romano. A campaña pretende facer sondaxes avaliativas que permitan
aproximar a súa cronoloxía e a potencial vinculación con unidades
militares romanas, así como a súa posible relación co veciño
castro do Couto de San Sebastián. A
intervención arqueolóxica está coordinada polo profesor José
Manuel Costa García, da Universidade de Salamanca e membro do
colectivo de investigación Romanarmy,
e executada pola empresa Tempos Arqueólogos. O
primeiro que destaca en O Castrillón é a súa estrutura atípica,
notablemente distinta dentro do abundante conxunto de xacementos
fortificados de diferentes épocas que se conservan na provincia da
Coruña. Ocupa
a zona alta dun outeiro definido ao leste polo Rego das Pucheiras.
Conta con dous recintos ben definidos que ocupan en total pouco máis
dunha hectárea.
O cumio do outeiro está achairado artificialmente e cinguido por
unha estrutura que delimita un pequeno recinto de forma oval.
Adicionalmente, destaca outro recinto que, partindo da base desta
acrópole, se estende ao norte ao longo da zona máis alta do
outeiro. O xacemento de O Castrillón ten paralelos
no norte da Península, onde foron identificados pequenos postos
militares romanos
cunha estrutura similar, e vinculados ao control de amplas zonas do
territorio. Coñecidos na literatura científica como castella
(en
singular castellum),
este sería o primeiro recinto destas características investigado na
Galicia occidental. Diferéncianse dos máis coñecidos campamentos
temporais romanos polo seu pequeno
tamaño e por estaren concibidos para o establecemento dunha
guarnición reducida que busca controlar un territorio
e as súas comunicacións. Outro elemento singular de O Castrillón é
a súa proximidade ao prominente castro do Couto de San Sebastián,
probablemente ocupado durante a Idade do Ferro. Ambas as dúas
fortificacións están apenas separadas polo Rego das Pucheiras, se
ben o castro atópase a máis de cen metros de altitude por riba do
recinto estudado. A través da prospección e escavación de sondaxes
arqueolóxicas, a campaña tentará coñecer máis en profundidade a
fortificación, as estruturas que integraban as súas defensas e
achegarse na medida do posible á cronoloxía da súa construción.
Con independencia da súa orixe romana ou noutro período,
a investigación permitirá enriquecer o coñecemento arqueolóxico
das fortificacións da provincia da Coruña,
unha área especialmente abundante en recintos fortificados dos que O
Castrillón representa un novo modelo con características propias.
(Información
recollida de historiadegalicia.gal).
TRAZO
Estela (Vilouchada): Apareceu un labradío coñecido como A Eirexiña. Tiña dous campos epigráficos separados. Desaparecida, só se conserva un debuxo feito por Luis Monteagudo no ano 1947: "]/SEVERI/NVS C(---)D(is) M(anibus) S(acrum)/AN(n)O(rum)/LXXXXV", ("Consagrado aos deuses Manes. Eiquí xace Severinus C(---), de 95 anos").
Estela (Vilouchada): As circunstancias do achado deste fragmento de estela deben ser os mesmos que no caso anterior. Só se conserva un debuxo de Monteagudo do ano 1947. Estaba decorada cuns arcos: "D(is) M(anibus) S(acrum)", ("Consagrado aos deuses Manes").
Campamento A Cova do Mexadoiro: De pequenas dimensións. No
mes de abril de 2023, a Deputación da Coruña e a Universidade de
Salamanca asinaron un acordo para poñer en marcha o proxecto “A
chegada de Roma ao Finis Terrae” para
promover o estudo arqueolóxico dos campamentos romanos do Cornado
(Negreira), Santa Baia (A Laracha), A Cova do Mexadoiro (Trazo) e O
Castrillón (Touro), campamentos temporais que o exército romano
construía no transcurso das súas marchas, ben por motivos
defensivos, ben por cuestións de disciplina interna. A idea é levar
a cabo un estudo arqueolóxico por medio de técnicas de
teledetección non destrutivas.
Castro de Francada: No ano 1883, nunha galería romana próxima ao castro, apareceron 25 picas de bronce e algunhas armas.
Sepulcros (Tras do Igrexario-A Irexe-Restande): Apareceron no ano 1979. Realizados con grandes tégulas colocadas en forma de tellado a dúas augas con ímbrices nas xuntas. Segundo a prensa da época estaban orientados de leste a oeste. Unha das tumbas foi destruída polos propietarios e outra pola "escavación" dirixida polos señores Ares Espada e Sanmartín.
VAL DO DUBRA
Miliario moderno en Portomouro: Gravaron unha inscrición que di "Ad Duos Pontes, mansio viaria da vía XX per loca maritima", e a continuación enuméranse as diferentes mansións da vía coa distancia en millas.
Castro de Ferrerías: Presenta un único nivel de ocupación, cara o cambio de era, con grandes defensas e amplas terrazas que baixan ao mar. Achouse material de época romana.
Xacemento de Atios (Valdoviño): Coñecido dende principios do século XX (Saralegui, Maciñeira...), arredor da ermida de San Mamede. Apareceron ladrillos, tégulas, fragmentos cerámicos e moedas dos s. I-III d. C.
VEDRA
Calzada (A Gándara-Sales).
Entalle: De cornalina. Atopado no concello de Vedra. S. I-III d. C. No Museo de Pontevedra.
A Igrexiña
(Ribadulla): Nas proximidades do castro do Socastro apareceron
materiais cerámicos de época tardorromana asociados a unha necrópole. Os
materiais están de positados na Facultade de Xeografía e Historia de
Santiago de Compostela e no Museo Arqueolóxico da Coruña.
Maceiroso (Merín): Fragmentos cerámicos.
Miliario da Gándara (Boqueixón-Vedra):
Apareceu na Gándara, unha aldea dividida entre as parroquias de Sergude
(Boqueixón) e San Fins de Sales (Vedra). Dedicado a Calígula, datado no
ano 40 d. C. Foi descuberto no ano 1866 por Manuel Espino, na beira da
estrada que vai de Santiago a Ourense. A primeira noticia débese a
Barros Sivelo o 11 de xullo de 1866 nunha comunicación á Real Academia
da Historia de Madrid: "Habiendo llegado a mi noticia por conducto
del Sr. D. Manuel Calderón y por el Sr. Rector de la Universidade de
Santiago, que a una legua de aquella ciudad, en la parrquia de Sales, se
había descubierto un miliario cuya inscripción no estaba traducida...". Hübner sitúa neste lugar dous miliarios, mais trátase dun erro que foi aclarado por López Ferreiro. O citado López Ferreiro defende a situación de Asseconia (tamén Assegonia e Assegoniom) mansión mencionada
no Itinerario de Antonino, no Anónimo de Rávena e na II Tábula de
Astorga, na zona onde apareceu o miliario, argumentando a existencia de
vestixios de estruturas romanas no lugar coñecido como Aixón (A Cibdá de
Aixón está no concello de Boqueixón, non moi lonxe de onde apareceu o
miliario). Rodríguez Colmenero e outros autores consideran viable esta
teoría xa que a distancia entre Iria Flavia e Asseconia, que marca o
Itinerario de Antonino, 13 millas, axústase bastante ben á distancia
real que hai entre Padrón e o lugar da Gándara. Polo tanto, este
miliario podería marcar a milla 55 dende Lucus Augusti. "G(aius)
∙ CAESAR ∙ AVG(ustus) ∙ GERMANICVS ∙ GERMANICI ∙ CAES(aris) F(ilius) ∙
TI(beri) ∙ CAES(aris) ∙ AVG(usti) ∙ N(epos) ∙ DOVO ∙ AVG(usti) PRONEPOS ∙
PATER ∙ PATR(iae) ∙ PONT(ifex) MAX(imus) ∙ TRIB(unicia) ∙ POT(estate) ∙
IIII ∙ CO(nSs(ul) ∙ II M(ilia) ∙ P(assuum) [- - -]", ("Gaio César
Augusto Xermánanico, fillo do César Xermánico, neto de Tiberio Augusto
César, bisneto do divino Augusto, pai da patria, pontífice máximo, coa
cuarta potestade tribunicia e cónsul en dúas ocasións (mandou colocar
este miliario). [Ata --- faltan ---] millas"). No Museo da Catedral de Santiago.
Pedra do Anelo (Sales).
Tesouriño de Sarandón (Sarandón): Segundo Bouza Brey, o achado dunhas 2.000 moedas atopadas nun recipiente de barro descúbrense ao derrubar un muro. Ás súas mans chegaron unhas 600, todas de bronce e mal conservadas dos séculos III e IV. Cavada Nieto describe 58 pezas.
VILARMAIOR
Estela funeraria (San Pedro de Grandal): Atopada no ano 1938. Aos Deuses Manes. Na parte superior vese unha media lúa e unha roseta; debaixo tres arcos con dous piares centrais unidos por abaixo, e debaixo a epígrafe: "D(iis) M(anibus) S(acrum)/APRO/ANN/ORUM", ("Consagrado aos Deuses Manes. A Apro, falecido aos (---) anos"). Apareceu no ano 1938, nunha finca do médico Constantino Amado, médico de Pontedeume, quen a doou ao Museo de Belas Artes da Coruña. Citada por Ángel del Castillo no 1942. No Corpus de Inscricións Romanas de Galicia I (1991) di, erradamente, que apareceu en San Pedro de Vilar (Pontedeume). No Museo do Castelo de San Antón.
VILASANTAR
Ara votiva de San Vicente de Présaras: Descuberta a mediados do século XX. Descoñécese a procedencia exacta. Con focus circular entre dous semicírculos. Ás Ninfas, adicada por Reburrio Tertio: "REBVR/RIVS TER/TIVS NY/MFIS EX/VOTO", ("Ás Ninfas. Reburrio Tertio cumpriu o seu voto"). Foi doada por Ángel del Castillo ao Museo do Castelo de San Antón.
Medorra de Fanegas: A 520 metros de altitude. Túmulo megalítico reutilizado polos romanos, posiblemente como posto de vixiancia do campamento de Cidadela (Sobrado dos Monxes), situado a 1,25 quilómetros en liña recta. A abundante tégula que había sobre a mámoa foi que levou á súa escavación no ano 1983, permitindo documentar unha construción rectangular feita nun momento contemporáneo ao campamento, atopándose, ademais de tégula (sete con marcas, e dúas coas inscricións "CPC" e "COHIC": "Cohor I Celtiberorum"), ímbrices, cerámica común, cravos de ferro, terra sigillata e vidros de difícil clasificación. Tamén se localizou algúns restos do que fora a cámara megalítica do prehistórico enterramento (dúas lousas desprazadas). A mámoa ten unhas medidas aproximadas de 28 metros de diámetro e 2,5 metros de altura, e un cráter de violación duns 6 metros de diámetro; tamén se documentou o anel perimetral.
Necrópole romana da Areosa (Vilariño): Situada nunha ladeira, a media altura, sobre o río Pequeno. A zona está moi alterada pola utilización de maquinaria pesada. Apareceu unha urna formada por catro tégulas, con recipiente cinerario no seu interior. No entorno atopouse cerámica común, metal, vidro, tégula, sigillata, etc. depositados no Museo do Castelo de San Antón da Coruña.
Vía romana de Fanegas (Vilariño).
VIMIANZO
Necrópole de Tines: Épocas romano-suevo-visigoda no adro da igrexa parroquial. Descuberta casualmente cando a construción duns panteóns e o traslado da chamada Ermida Vella á igrexa parroquial. Foi escavada por Chamoso Lamas no ano 1951. Atopáronse enterramentos de tégulas datados entre os séculos I e VIII d. C., moedas de época imperial, aneis, fibelas, alfinetes, contas de colar, vidros e restos de columnas. Tamén se atopou unha estela, datada arredor do ano 400 d. C. en memoria de Victorinus, sobre a que posteriormente se gravou a inscrición "in pace" sobre o corpo dunha figura humana toscamente cicelada, considerada por algúns investigadores como a primeira mostra epigráfica cristiá de Galicia (é unha das poucas onde non se manifestan trazos ou simboloxía pagá). Segundo Chamoso, ademais da necrópole, o lugar acollía unha vila romana con catro estruturas habitacionais, pórtico e hipocausto.
Estela funeraria cristiá de Tines: Esta estela antropomorfa considérase como unha das primeiras evidencias cristiáns de Galicia. Apareceu nunha necrópole de sepulcros antropoides graníticos e cubertos con laudas de estola e outros máis sinxelos feitos con lousas pequenas e mesmo tégulas. Monteagudo, que lla mercou ao cura de Tines por 10.000 pta. no ano 1974, opina que se trata dunha peza da segunda metade do século IV d. C., como di Díaz y Díaz, que pola súa fórmula "IN PACE" a vincula cos movementos cristiáns da Gallaecia, dotados naquel momento dunha organización algo diferente da que se apreza noutros territorios. A inscrición "VICTORI/NUS/IN PACE/ANNORV/M CXX", ("Victorinus, de 120 anos, faleceu en paz"), contén datos básicos dunha inscrición funeraria, é dicir, o nome, a idade e a fórmula ritual que no presente caso afástase das tradicionais no mundo romano. No Museo do Castelo de San antón da Coruña. O día 5 de novembro de 2014, a edición de Lemos de La Voz de Galicia informou do achado dunha peza que amosa o rostro tosco dunha figura humana moi semellante á estela de Tines (Ver Chantada).
ZAS
Ara a Coso (Brandomil): Atopada no ano 1864 nunhas terras de labor, logo foi reutilizada como lintel dunha ventá da casa do seu descubridor. No ano 1909 aparece na Exposición Rexional Galega de Santiago. Pasou ao Museo da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Na segunda liña aparece un "M" que algúns autores interpretaron como Marti e outros como o praenomen abreviado dun dedicante de nome Marcus: "COSO M(aelobrigo?)/VEGETIA/NVS FVS/CVS V(otum) S(olvit)", ("Vegetianus Fuscus cumpriu o seu voto para Coso Maeolobrigo"). No Museo da Catedral de Santiago.
Ara (Brandomil): Reutilizada como pé dunha pía de auga bendita no adro da igrexa de Brandomil.
Ara a Coso Maelobrigo (Brandomil): Descuberta arredor do ano 1954, servía como asento, co texto cara abaixo, xunto a estrada que atravesa Brandomil, perdendo o zócolo pero, ademais, debeu ser serrada por detrás para alixeirar o peso e adaptala a un uso posterior. A peza tamén partiu pola parte interior, perdéndose parte do nome do dedicante coas fórmulas finais: "COSO MAEL/OBRIG/O VAL(eri) TE/[------]", ("Valerius T[---] puxo este altar para Cosus Maelobrigo"). O interese desta epígrafe radica na dedicación a Cosus Maelobrigus, unha divindade descoñecida na Península cun epíteto que, nesta forma, documéntase por primeira vez. Seguramente o epíteto Maelobrigus se vinculase a un castellum de nome Maelobriga, descoñecido en todo o ámbito peninsular. Pesie a todo, a voz Maelobrigus evoca un nome persoal indíxena Maelo, coñecido en 32 inscricións de Hispania. (Información achegada por Juan Manuel Abascal Palazón). Consérvase nun domicilio particular de Brandomil.
Ara a Fortuna (Brandomil): Atopada no ano 1955 reutilizada como material de construción na casa do señor Vidal Oreiro. Conserva a cabeceira e zócolo. Na parte superior presenta un focus circular: "FORTVN/AE M(arcus) SE(---)/AGATHON/EX V(oto)", ("Marcus Se[---] Agatón a Fortuna en cumprimento dunha promesa "). Consérvase na mesma casa.
Ara aos Lares Viales
(Brandomil): Publicada no Boletín da Real Academia da Historia, Tomo 6 do ano 1885. Estaba empotrada na cociña da casa reitoral. No ano 1909 figuraba entre as pezas mostradas na Exposición Rexional Galega en Santiago de Compostela: "LARIBVS/VIALIBVS/DENTON/IVS VERE/CVNDVS/V(otum)
S(olvit) L(ibens) A(nimo)", "Dentonius Vercundus cumpriu o seu voto aos
Lares Viais de boa vontade". No Museo da Catedral de
Santiago.
Ara anepígrafa (Brandomil): Descuberta no ano 2007 na paraxe de Traspeso durante as escavacións dirixidas por J. L Naveiro. Conserva o zócolo e o coroamento moldurado. Na parte superior vese un focus circular. Atópase nos almacéns do Centro Socio-Cultural de Zas.
Ara (Brandomil): Fragmento dunha posible ara reutilizada nun esquinal do muro do adro da igrexa de Brandomil.
Ara (Brandomil): Posible fragmento dunha ara descuberta no ano 2007 no adro da igrexa de Brandomil. Foi recortada por arriba e por abaixo. Conserva a decoración de dous arcos. Atópase nos almacéns do Centro Socio-Cultural de Zas.
Prancha votiva (Brandomil): Apareceu no ano 1939 preto da ponte vella de Brandomil. Adicada aos deuses Manes: "D(is) M(anibus)
S(acrum)/DOMITIA/PVSINCA AN(norum) XXX/VAL(erius) DADVC/HVS VX(ori) PI(enitissimae)", "Consagrado aos deuses Manes, Valerius Daduchus
(ponlle esta lápida) á súa esposa Domitia Pusinca que morreu aos 30
anos". No Museo do Pobo Galego.
Inscrición funeraria: No 1939 estaba reutilizada na casa reitoral de Brandomil que ao ser destruída trasladouse para a igrexa. Segundo Suárez Otero (1999), a peza exhibiuse no Pazo de Fonseca no marco das exposicións do Xacobeo. Logo desapareceu: "D(is) M(anibus) S(acrum)/FABRICIVS/SATURNINVS/AN(norum) XV H(ic) S(itus) ES(t)", ("Consagrado aos deuses Manes. Eiquí xace Fabricius Saturninus, de 15 anos"). Consérvase un debuxo e dúas fotos na Fundación Luis Monteagudo.
Explotación aurífera ao aire libre de Pozo Limideiro (Brandomil): Nun oficio do ano 1883 solícitase un informe sobre as escavacións nas antigas minas de Limideiro, preto do domen de Meanos, e os obxectos atopados. O informe foi realizado polo anticuario Aureliano Fernández Guerra.
Necrópole con sepulturas construídas con tégulas (Baio).
Xacemento de Brandomil:
As primeiras referencias datan do século XIX. No 1943 foi descuberta
unha vila con mosaicos. Segundo as escavacións levadas a cabo durante o
ano 2008, acolle un dos grandes asentamentos romanos de Galicia. Segundo
os arqueólogos, era un poboado dunhas 25 hectáreas cunha arquitectura
construtiva moi importante, doméstica (pavimentos, portas, columnas) e
pública (columnata monumental, balneario, un templete relixioso, pracas
ou un frontón dun mausoleo). Nos anos 2007 e 2008, Juan Naveiro realizou
unhas escavacións que sacaron á luz moedas, cerámicas africanas de
distintas épocas, xoias, vidros, aras, pracas, grafitos cerámicos con inscricións, tellas con marcas... Estaría habitado entre
os séculos I e IV despois de Cristo. Hai quen o identifica coa mansión
Ad Duos Pontes. Segundo achega o arqueólogo Lino Gorgoso, director das escavacións nos últimos anos, trataríase dunha domus romana con "tablinum porticado", unha casa con estancia señorial, os alicerces doutra vivenda e diversos materiais que indicarían a presenza dunha urbe romana. Di Gorgoso que unha boa parte dos materiais atopados hai que relacionalos co comercio Mediterráneo, entre outros unha moeda da época de Traxano. Nas últimas intervencións tramé saíu á luz unha tégula cun peixe gravado que se relaciona cos inicios do cristianismo, ademais de varios grafitos e vidros azulados. Nos últimos traballos localizáronse 1.500 pezas de tipo diverso que hai que sumar a outras 5.000 depositadas nomuseo do Castelo de San Antón que, segundo a idea da Fundación Brandomil, sería expoñelas nun futuro museo na zona.
Mansión Glandimiro: Ubicada tradicionalmente en Brandomil. Monteagudo sitúaa preto do río Ulla, no concello de Teo.
Miliario (Brandomil): Localizado cando as reformas dunha casa en Brandomil, onde se atopa na actualidade. Anepígrafe.
Miliario (Brandomil):
Descuberto cando a reconstrución da ponte de Brandomil tras a súa
destrución parcial durante unha enchenta acontecida nos anos noventa do
pasado século XX. Na actualidade atópase na parte superior da ponte.
Vía (Brandomil): As catas levadas a cabo en xullo de 2019, baixo a dirección do arqueólogo Lino Gorgoso, de Adro,
confirman a existencia dunha vía empedrada de gran tamaño que alcanza,
nalgúns puntos, os cinco metros de ancho. O camiño, realizado con lousas
incrustadas a modo de chapacuña e con superficie arqueada no centro,
mesmo ten verteaugas nos laterais. A localización de tégulas romanas
sobre as lousas parece indicar que o camiño é moi antigo, aínda que os
resultados cronolóxicos aínda non son concluíntes. Malia o anterior, a tipoloxía e o aspecto da vía é, para os arqueólogos, compatible cunha vía romana ou, polo menos, moi antiga.
Vila da Pedra do Altar (Brandomil): Documentada no mes de agosto de 2022 despois da prospección con xeorradar levada a cabo pola empresa SOT Pospección Arqueológica. A finca da Pedra do Altar é propiedade da Fundación Brandomil. Lino Gorgoso, director do proxecto, di que os veciños xa sabían da súa importancia. Polo de agora apareceu unha estrutura habitable, ademais de restos cerámicos da segunda metade do século I d. C.
Villae de Agra da Cruz (Gándara), s. III d. C., con restos cerámicos e un anel de pasta vítrea.
Moeda: Denario de Tiberio.
PROVINCIA DA CORUÑA (Pezas de procedencia descoñecida)
Anel: Anel de ouro cunhas letras. Segundo Carro García (1924), qaue o fotografiou, foi descuberto nalgunha parte da provincia da Coruña e conservábase na colección de Blanco Cicerón. Desccoñécese o seu paradoiro. "ON / CHI".
Ara a Cosus Maelobrigus: Nos almacéns do Museo da Catedral de Santiago atópase unha ara de procedencia descoñecida. Foi redescuberta por A. López Fernández e José M. Salgado no ano 2018. Só se sabe que foi exposta na Exposición Rexional Galega de 1909. "[Co]SOE MAE/[l]OBRIGO/[e] F(ecit) PARVVL/[us---]/------?", ("Parvulus fixo este altar para Cosus Maelobrigus"). (Fonte: Abascal Palazón e López Fernández, 2023).
Ara ao Sol: Conservábase no ano 1902 nos fondos da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago onde a viu Leite de Vasconcellos e a situou Balsa de la Vega no 1909. Nese ano figurou nos obxectos mostrados na Exposición Regional Gallega. "D(eo)/INVICTO/SOLI M(arcus)/[------]/------?", ("Marcus [---] para o deus Sol invicto"). (Fonte: Abascal Palazón e López Fernández, 2023).
Ara a Xúpiter: Nos almacéns do Museo da Catedral de Santiago atópase unha ara de procedencia descoñecida. Ata pouco antes de 1949 estivo exposta no museo da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, no edificio de San Clemente que ao ser convertido en centro de ensino foi trasladada ao Museo da Catedral de Santiago. "IOVI/O(ptimo) M(aximo)/A(ram) P(osuit) (---)/MA(---) P(ro) S(alute)/S(ua)", ("P(---) MA(---) puxo este altar para Xúpiter Óptimo Máximo pola súa saúde"). (Fonte: Abascal Palazón e López Fernández, 2023).
Phalera: Na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago conservábase unha falera de bronce pertencente a unha cabalería que foi descrita por Palol no 1953. Inscrición. Desaparecida. "Ex officina I[---]", ("Fabricado no taller de I[---]").
Phalera: Na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago consérvase unha posible falera de bronce decorada cunha cara. Pertence á colección José Viqueira (1934). Procedencia descoñecida.
Xabier Moure
Romanización de Galiza/Galicia (Provincia da Coruña)
o noso patrimonio