En
Historia de Vivero y su concejo (1953), Juan Donapetry
Iribarnegaray, cronista oficial de Viveiro dende o 1946 ata a súa
morte no ano 1961, describe a Coelleira como unha illa “situada
diante da punta coñecida por Vixía do Vicedo, na parroquia de Santo
Estevo do Val e próxima ao límite das provincias de Lugo e da
Coruña; dista uns 500 metros de terra e o brazo de mar que a separa
recibe o nome de Carreiro, ten unha profundidade media de 20 brazas
(33,436 metros) e por el adoitan pasar as embarcacións costeiras...
É alongada de leste a oeste, medindo uns 600 metros de leste a oeste
e 400 de norte a sur, acadando unha altura de 70 metros sobre o nivel
do mar e a súa circunferencia non excede dunha milla. A parte norte
e norleste é escarpada e a do sur, baixa; ao leste hai a punta de
San Antonio, cuns pequenos illotes, logo unhas entradas do mar; ao
nor-norleste o illote do Cabaliño, que, na baixa mar, únese á
Coelleira; seguen os illotes de Percebosa ou Percebellosa; ao oeste,
os illotes de Carabelas e ao sur ten a punta da Cruz da Liñeira e
unhas baixadas sen nome. Pódese atracar na illa polo Portiño,
situado ao suroeste; e polo Liñeiro, situado ao leste”.
Á Coelleira (Cheziera), faise mención nun portulario veneciano, datado por Federigo Melis cara o
1400, que se conserva na Biblioteca Nazionale de Florencia e que dedica dous folios á costa galega, onde se
aconsella fondear no amplo golfo comprendido entre Bares e un que chama Mantrigo (quizais referido á punta Roncadoira) "onde hai bos sitios para naves" (Elisa Ferreira Priegue en Galicia en el comercio marítimo medieval, 1988).
Se
ben coincide con Donapetry na súa descrición, o que fora cronista
de Mondoñedo, Eduardo Lence-Santar (1876-1960), nun seu artigo, La
Isla Coelleira, publicado no Boletín da Comisión provincial
de Monumentos históricos e artísticos de Lugo no 1941, engade
que o punto máis próximo da parroquia de Santo Estevo do Val á
Coelleira coñécese co nome de Camero ou da Preñada, facendo
referencia, ademais, a un lugar da illa chamado das Fraguas onde uns monxes tiñan a forxa para traballar o ferro.
Enrique
Cal Pardo (1922-2016), arquiveiro da catedral de Mondoñedo, en El
Monasterio de San Miguel de La Isla de la Coelleira. Historia
y Leyenda (1983), completa a información xeográfica cuns datos
achegados polo que fora axente forestal do Estado, xefe da zona de
Viveiro, Enrique Fernández Llano (“Enrique da Proencia”, autor
de Descripción del término municipal de Sober,
1977). Di que a illa
ten 1.852 metros de perímetro (medición que concorda coa de
Donapetry, coa única diferenza de que este reflíctea en millas
mariñas) e unha superficie de 27 hectáreas; a cota máxima sobre o
nivel do mar, cara o norte, é de 82 metros, e a distancia entre a
punta do Canteiro e o monte Vixía é duns 600 metros.
Na
Coelleira abunda o feldespato (“ollo de sapo”), o mineral que
forma parte de moitas rochas. Ademais das toqueiras que dan acubillo
aos coellos, hai salamántigas (píntegas), percebes nas partes máis
agrestes e aves: corvos mariños, cormoráns, araos e vinte e cinco
clases de gaivotas. En tempos plantábase trigo, disque "dunha excepcional
brancura". Tamén se pode atopar a Herba da Fertilidade que segundo as
zonas de Galicia coñécese tamén como Herba Empreñadeira ou
Empreñadoira, Herba Namoradoira ou de Namorar, Caravel ou Cravo
Mariño...
A
ORIXE DO NOME
Canto
á orixe do nome Coelleira, a coincidencia entre os distintos autores
é case unámime. Cabeza Quiles, no seu Os nomes de lugar
(1992), di que provén de cunicularia, do latín cuniculus,
coello, en alusión a un lugar abondoso neste roedor. Só R. Bascoy
Pérez, en La Comarca de Ortigueira en el II milenio antes de
Cristo (1960), propón unha etimoloxía distinta, mantendo a tese
de que os nomes dos accidentes costeiros sempre están relacionados
coa navegación e o tráfico marítimo. E iso acontece, asegura, no
caso da Coelleira, nome que di non vén de coello, senón do latín
coelum, ceo; pero vai máis alá, facendo derivar o vocábulo
coelum do grego kaio, queimar, arder, cuxa raíz cai
deu en latín coe, adoptando a terminación um dos
neutros da segunda declinación, formándose coeum que, ao
engadirlle o sufixo abundancial -eira deu o actual Coelleira
polo que o seu significado sería o de “abundancia de fogueiras”
que actuarían como sinal aos antigos navegantes que buscaban o
abrigo do antigo porto de Bares. Os topónimos relativos a lugares
costeiros destinados a orientar os barcos inzan a xeografía galega;
no concello do Vicedo, sen ir máis lonxe, temos os montes Faro e
Facho. Pero no caso da Coelleira non existen evidencias arqueolóxicas de que no illote se acenderan fachos que sinalaran a entrada ao Porto de Bares, o famoso Coído,
para uns construído polos fenicios (Federico Maciñeira), para
outros polos romanos, se ben investigacións recentes, durante a
"recolocación" das enormes pedras removidas no ano 2010
polo temporal Becky, efectuada pola empresa Argos S. L., parece que se
trata dunha colosal estrutura natural que foi reutilizada ao longo da
historia.
O
MOSTEIRO DE SAN MIGUEL DA COELLEIRA
Sen
entrar polo de agora en sisudas disquisicións sobre un posible
asentamento prehistórico ou altomedieval, hai quen lucubra que vikingo (polo de agora, nada de nada), a primeira referencia sobre a presenza humana na illa da Coelleira achégaa
Manuel Amor Meilán na súa Historia de la provincia
de Lugo (1918) onde conxectura que a fundación dun primitivo
mosteiro puido ser obra, a principios do século V, do bispo
Consencio, cando Galicia se atopaba, en palabras de Donapetry,
“agitada y perturbada por las intrigas y pérfidos manejos de los Priscilianistas”. Amor Meilán refírese ao bispo
galego Consencio ou Consensio quen, arredor do ano 420, enviou a San
Agostiño, por medio dun monxe de nome Leonas, varios escritos de
Prisciliano (Victoria Armesto en Galicia Feudal, edición
revisada publicada no ano 1994), o gnóstico disque nacido en Iria
Flavia, Padrón (sábese que naceu nalgunha parte da Gallaecia,
pero non onde), e logo bispo de Ávila. Segundo os seus seguidores puxo en práctica as
ensinanzas de Cristo, predicou un tipo de vida baseado na igualdade,
na tolerancia e na pobreza coa creación de comunidades que vivían
do traballo agrícola, fuxindo do crecente poder da Igrexa oficial;
condenado por herexe, executárono en Tréveris (Alemaña) no ano
385. Trasladados os seus restos para Galicia por un grupo de
discípulos, axiña se converteu en mártir, creándose un movemento
(estoxado por Donapetry) ao que, ademais do pobo, sumouse o clero en
xeral e a maior parte do espiscopado, situación que case derivou nun
cisma que mesmo puido mudar o devir da Igrexa.
Na
Carta a Bastián da Pallarega, en Boston
(Estados-Unidos), publicada en La Ilustración Gallega
y Asturiana no mes de xuño de 1881, o director das escolas de
Instrución primaria de Viveiro, Justo Pico de Coaña, di que os
primeiros monxes da Coelleira trasladábanse a Viveiro en barcas de
coiro para dicir misa na capela sobre a que logo asentou a primeira
igrexa dos franciscáns.

Tampouco
deixa de ser unha hipótese o atribuír a fundación a uns monxes
provenientes do mosteiro de San Claudio de León que conseguiran
escapar á persecución do rei Leovixildo que invade Galicia no ano
585 e destrona ao derradeiro monarca, Andeca, anexionando o Reino
Suevo á monarquía visigoda. Os autores que supoñen a fundación
aos monxes de San Claudio baséanse na Historia de Galicia
(1891), de Manuel Murguía, que describe o periplo do abade Vicente e o
prior Ramiro quen, xunto con doce compañeiros, pereceron a mans das
tropas de Leovixildo (outros autores atribúen o martirio a Requila
que gobernou entre o 438 e 0 448); os superviventes buscan asilo en
Galicia, erixindo casas de relixiosos “nas illas do noso Océano”.
Donapetry,
citando ao coengo e historiador Antonio López Ferreiro (1837-1910),
descubridor dos supostos restos do Apóstolo Santiago que se veneran
na catedral compostelá, achega un documento do rei Ordoño II, do
ano 915, onde se recolle o acordo dun concilio celebrado en Zamora ou
talvez en Santiago de Compostela, en orde a restituír ás súas sés
episcopais aos bispos de Lamego (Portugal) e Tui que, perseguidos
polos árabes, fuxiron “á costa do mar e habitaron entre as súas
rochas”. Ao contrario do que aconteceu na meirande parte da
Península onde a dominación musulmá durou varios séculos, a
estadía en Galicia foi parcial e non pasou dunhas poucas décadas,
daí que o país fora considerado un lugar seguro, o que non
significou o remate das incursións musulmás, sendo a máis
devastadora a levada a cabo por Almanzor na que arrasou Ourense, a
península do Morrazo e Santiago onde só respetou, segundo a lenda,
o sepulcro do Apóstolo. Malia a hipótese que mantén que os restos
pertencen a Prisciliano, no ano 1988 o profesor Isidoro Millán
descubriu unha inscrición no sepulcro de Atanasio que foi dada a
coñecer no ano 2011 polo profesor da Universidade de Navarra Enrique
Alarcón. Segundo a súa investigación, a inscrición, escrita en
caracteres hebreos do século I entrenzado cunha palabra grega, Jacob
marty, aludiría a Santiago como cumpridor do mandato de Cristo
de ser testemuña no Finisterrae. O significado bíblico de
mártir é, precisamente, testemuña.
Afirma
o cronista de Viveiro que ao mosteiro de San Miguel da Coelleira
(Sancti Michaelis Cunicularia) faise mención no concilio
celebrado o 11 de marzo do 1088 en Husillos (Palencia) ao que asistiu
Gonzalo, bispo de San Martiño de Mondoñedo (Martiño de Dumio ou de
Braga, fundador do mosteiro de Dumio, en Braga, Portugal, arredor do
ano 530, foi quen trouxo a Galicia a devoción por San Martiño de
Tours). Respecto disto convén facer algunhas aclaracións: nos anos
860 a 870, por mor da persecución e incursión dos sarracenos, a
poboación cristiá busca refuxio no norte. Sabarico I, abade do
mosteiro de Dumio, xunto cos seus monxes, establécense no lugar que
hoxe ocupa a parroquia de San Martiño de Mondoñedo, concello de Foz,
outorgándose o título de bispo de Mondoñedo con sé no mosteiro de
San Martiño, diócese que permaneceu alí ata o ano 1112, en tempos
do prelado Nuno Afonso, que se traslada a Vilamaior de Brea que, co
tempo, perde o seu nome e pasa a chamarse Mondoñedo, a vila que
chegaría a ser capital da provincia do mesmo nome dende mediados do
século XVI ata o ano 1833 cando se elimina oficialmente o Reino de
Galicia, desintegrando o país e pasando de sete provincias
(Betanzos, Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui) ás
catro actuais. Canto á referencia a Gonzalo, nos últimos tempos
estase a cuestionar de que bispo se trata. Para Cal Pardo, no
Episcopologio Mindoniense (2003), nada ten que ver con San
Gonzalo (Gundisalvi), o Bispo Santo de afamada romaría, quen,
dende o castro de Marzán, conta a lenda, destruíu cos seus rezos
a poderosa frota normanda -ou árabe- que tentaba invadir a costa de
Galicia. Tese que rexeita J. Ramón Fernández Pacios no seu libro
San Gonzalo, bispo mindoniense (2008), que pon na mesma persoa
ao lendario San Gonzalo e a Gonzalo Froilaz, bispo de San Martiño
entre os anos 1070 e 1108, home, por certo, que para os parámetros
fixados pola Igrexa tiña moi pouco de santo: preitos contra o
poderoso bispo Xelmírez, o arcebispo de Toledo e o mosteiro de
Lourenzá, ou as negativas a acatar as ordes papais e reais. Para
rematar, Cal Pardo di que nas actas do concilio de Husillos
-publicadas- non figura por ningures o mosteiro da Illa da Coelleira.

O
primeiro documento que se conserva, que fala da Coelleira (“in
locum Quonicularia”, “no
lugar da Coelleira”),
data do 30 de xuño do ano 1095 en que Vimara Menendiz, agoniado polo
peso dos seus pecados, fai unha doazón ao cenobio, do que era abade
Veremundi, da terceira parte da igrexa de San Xulián de Loiba
(Ortigueira) e a quinta parte doutra terceira, cos seus homes, que
eran fillos de Sisnandi, a saber, Froyla, Gundisalvus e a súa irmá.
O doante fai constar que bens e persoas pertenceran ao seu pai
Menendo e ao seu avó Scemeno Lupiz. Acepta a doazón o entón bispo
Gundisalvi, irmán de Pedro Froilaz, conde de Traba.

O
segundo documento data do 18 de xullo do 1099, nunha doazón de propiedades efectuada por varias persoas: Vimara
Menendiz, Gonçalo Vermudes, Godo Vermudes, Nuno Vermudes, Miguel Preste, Fray
Regnes, Suar Totones, Diego Ovequiz e a súa irma, Onega Ovéquiz (este afirma que pon unha
cruz no documento “como denuesto contra os arrianos”), etc. As doazóns comprendían casas, pesqueiras, salinas, terras, fontes, chantados, etc., e tamén os
seus vasalos. Todos outorgan a doazón en mans do
bispo de Mondoñedo don Gonçalo, con destino ao Abade don Paio, e a
toda a comunidade de monxes da Coelleira. Non esquecen, como non o fixera o doante
de 1095, a restauración do edificio eclesial e monacal e a
iluminación dos diversos altares. Autoriza o documento, como notario, o abade don Antino. Agrégase que
reinaba Afonso VI. O documento do ano 1095, escrito en latín, custódiase no
Arquivo da Catedral de Mondoñedo, e o do 1099, escrito en galego, no Arquivo Histórico
Nacional.
Non
volvemos a ter noticia do mosteiro de San Miguel ata o 24 de xaneiro
do 1420, en que Pedro Fernández, coengo da Coelleira, figura como
testemuña no traslado do testamento de Giomar Yanes no que lega o
casal de Lousada ao crego Ares Pérez como pago pola celebración de
quince misas cada ano, documento datado o 8 de novembro do 1386, ano en que o cenobio da Coelleira estaba en poder dos coengos regulares de San Agostiño de Hipona (Cal Pardo di, admitindo que só é unha suposición e ante a falla de
fontes documentais, que estes cenobios pasaron a pertencer aos
coengos regulares no século XII, baseándose para elo en que entre
1155 e 1156 os agostiños chegaron a posuír San Martiño de
Mondoñedo). Agostiño (354-430), un dos “pais da Igrexa”, combateu as herexías
donatistas, pelaxianas e maniqueas entre as que inclúe aos
priscilianistas, influenciado, sen dúbida, por Paulo Orosio (s.
IV-V), o historiador e teólogo galego que lle dedicou a súa obra
Commonitorium de errore Priscillianistrarum et Origenistarum
na que amosa a súa preocupación polas doutrinas priscilianista e
orixenista. Cara mediados do século XV aparece como prior da Coelleira Afonso
Rodríguez quen estendeu un documento de foro -que non se conserva-
mencionado polo seu sucesor, Lopo Dorado, no ano 1479, prior que
renuncia a todos os seus dereitos sobre o mosteiro no 1485. Un ano antes (documento do 6 de xullo de 1478, custodiado no Arquivo de Simancas), a este Lopo Dorado, "de San Miguel de la Colleira", outorgóuselle un seguro para protexelo "de ciertos cavalleros de Galicia que le non fieran ni maten, ni tomen bienes algunos suyos ni de la dicha yglesia...".
Apunta
Cal Pardo que o administrador de San Martiño de Mondoñedo, Ares
Pérez de Villadonga, no informe que fixo ao bispo, pon de relevo “a
pobreza e pusilanimidade deste derradeiro prior da Coelleira... o que
lle impediu enfrontarse con aqueles laicos nobres e poderosos... que
contribuíu a acentuar máis a pobreza do convento e precipitar a
decadencia do mesmo”. Á morte de Pérez de Villadonga sucédeo
Gonzalo de Villaroel, derradeiro prior-administrador de San Miguel da Coelleira e do de San Salvador de Pedroso, en Narón, fundado por
Munia Froilaz no 1111 (substituíu a un anterior edificado nun lugar
coñecido como Vineola; no 1365 dise que estaba “danificado
e prove”).
A
pesares de que a vida cenobítica quedou reducida ao mínimo, as
doazóns seguían chegando a San Miguel. O 25 de novembro do 1494,
Fernando Pernas, veciño de Santo Estevo do Val, doa ao mosteiro da
Coelleira unha herdade; Fernando Basanta, cura de Magazos, deixa unha
“fiestra” da casa, sita en Viveiro, ademais de 250 maravedises.
Unha muller, cuxo nome se descoñece, deixa a Afonso González un
souto de castiñeiros, coa condición de que pagara cinco maravedises
de aceite cada ano para “alumado de San Miguel da Coelleira”.
Segundo o que fora sacerdote, profesor e cronista de Viveiro, Jesús
Noya González (1865-1943), nun artigo publicado no Eco de Vivero
baixo o título Efemérides vivarienses, María Fernández do
Casal, veciña de Santo Estevo do Val, mandou celebrar unha misa en
San Miguel en virtude do seu testamento, outorgado o 17 de marzo de
1554, moito despois da desaparición da vida monástica na illa. Dos
bens do mosteiro fixérase cargo a catedral de Mondoñedo no 1535,
cuxo Apeo (verificación e sinalamento dos lindes das terras)
encomezan o 16 de marzo de 1545, cando Pedro Fernández de Cabarcos,
Tenente-Correxedor da vila de Viveiro, promulgou un edicto -no que
incluía a Cédula Real expedida por Carlos V o 23 de decembro do
1535 no que autorizaba á catedral de Mondoñedo a realización do
Apeo- anunciando a posta en marcha do Apeo dos bens que
o mosteiro da Coelleira tiña na zona de Viveiro, na do Val e Bares.
O traballo iniciouse no mes de maio do mesmo ano no que se recolleron
as declaracións de quince testemuñas chamadas ao efecto, e seis
máis que se presentaron voluntariamente. O coengo Pedro Montero, con data 16 de maio de
1545, presentou a devandita Cédula ante Pedro Pardo de Cela (que non
debemos confundir co marechal Pardo de Cela, déspota reconvertido
-escápaseme o porqué- en defensor das liberdades dos galegos,
executado na Praza da Catedral de Mondoñedo no ano 1453, sendo bispo
Fadrique de Guzmán), Meiriño e Xustiza das terras do Vizconde de
Altamira, daquelas Alonso de Viveiro, coa intención de realizar o
Apeo das propiedades. Ás preguntas do xuíz nomeado ao
efecto, Ares Vizoso, Tenente-Meiriño da xurisdición, os veciños
informaron das posesións. Este documento, como
os restantes referenciados, foron recollidos por Cal Pardo en
Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de
Mondoñedo (1999).
Os cenobios de Pedroso e da Coelleira quedaron
definitivamente anexionados á catedral de Mondoñedo no ano 1535.
Á
vista das escasas referencias documentais -non se conserva o
documento fundacional- canto á orde ou ordes monásticas que
ocuparon o mosteiro de San Miguel da Coelleira ata o ano 1420 en que
si sabemos que eran coengos regulares de San Agostiño, non cabe
outra alternativa que traballar dentro do terreo da hipótese.
A
cristiniazación de Galicia foi tardía, mesmo, no século V, aínda
existían fortes resistencias fronte á cristianización, pervivindo
crenzas pagás o que explica que a aparición do monacato tardara
máis tempo en asentarse eiquí que noutras zonas da Península. J.
Miguel Andrade Cernadas, no seu Monxes e mosteiros na Galicia
Medieval (1995), di que é con Martiño de Dumio cando atopamos
unha vida monástica documentada. Deste período semella ser a sé de
Bretoña, situada, posiblemente, no concello da Pastoriza, rexida
polo abade-bispo Mailoc. Como sinala Cal Pardo, se o cenobio da
Coelleira se fundou no século VII, os seus monxes estarían suxeitos
á regra de San Froitoso, arcebispo de Braga (Portugal), partidario
dos mosteiros dúplices (de monxas e monxes), que rexeitaba, pola
contra, os familiares, controlados pola familia fundadora (en Galicia
temos, por citar algúns dos máis famosos, os primeiros de Sobrado,
Lourenzá e Celanova), non só no tocante á xestión patrimonial,
senón á espiritual e relixiosa. Dende mediados do século X a
comezos do século XII, o monacato galego -visigótico e familiar-
inicia o achegamento á orde de Cluny (Francia), fundada no ano 910,
que constituíu a primeira reforma da orde beneditina fundada no ano
529 por San Bieito de Nursia e cuxo primeiro priorado galego foi o de
Vilafrío, en Castroverde, e ao que logo seguiron ás abadías que
axiña acadaron un enorme poder, tanto no eido material coma no
espiritual, de Santo Estevo de Ribas de Sil, Samos, Lourenzá,
Celanova... Para apoiar a súa hipótese sobre a pertenza do mosteiro
da Coelleira á orde beneditina, Enrique Cal Pardo fai notar que os
poderosos cenobios de Celanova e Lourenzá estaban baixo a protección
de San Salvador, ao igual que o da Coelleira, tal como reflicte o
documento do ano 1095 que o pon baixo o padroado de San Salvador,
Santa María e San Miguel. Premisa, engado, que mesmo permite
atribuír a fundación aos mozárabes, os cristiáns fuxidos de
Al-Andalus que atoparon refuxio en Galicia: as capelas
mozárabes baixo a advocación de San Miguel, xunto o mosteiro de
Celanova, e San Salvador, xunto o de Samos, poden ser un indicio.

No
que respecta ao edificio monacal -seguramente habitado por un reducido número de monxes- e á igrexa, os
documentos non achegan ningún dato que nos permita adiviñar a súa
arquitectura, seguramente de estilo románico. Cal Pardo, citando a
Federico Maciñeira, supón que debía
carecer de toda suntuosidade -aínda que de sólidos muros-, e que no
1545 -ano da realización do Apeo- presentara indicios claros
de ruína (no 1489, Fadrique de Guzmán, bispo de Mondoñedo,
xa dicía que as rendas do mosteiro non chegaban para manter un só
monxe). A desaparición de vida monástica na illa aproveitárona os
cazadores de baleas, vascos principalmente, como lugar de observación
o que ocasionou, no ano 1628, que a catedral de Mondoñedo acudira ao
xuíz para rematar coa desfeita que esa actividade estaba a
ocasionar nos cultivos. O 11 de decembro dese ano, o xuíz, o
bacharel Francisco de Lanzós, decretou que non se podían “facer
atalaias nin a ocupar os mares de San Miguel da Coelleira nin a
meterse neles sen consentimento e licenza do Deán e Cabido de
Mondoñedo e con apercebimento que se procedería contra eles con
todo o rigor de dereito”. A primeira noticia dun porto baleeiro en
Galicia data do ano 1288, o de Prioiro, na costa ferrolá, acadando o
maior auxe no século XVII, cun total de doce portos centrados nesta
actividade.
No
ano 1629 o Cabido de Mondoñedo deu en foro a illa da Coelleira a
Tomé López e a súa muller María Sánchez, xunto con catro xornais
de viña situados no Casal, en Santo Estevo do Val, no que “o
foreiro non experimentaría o menor escrúpulo á hora de empregar
aquelas pedras para os usos máis ordinarios... Cando a Marina
Española tomou posesión da paraxe, acabaría cos últimos
vestixios”, sentencia Cal Pardo.
Nos
Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados nas freguesías
do concello do Vicedo no ano 1752, na pregunta 38, sobre se había algún
convento, responden que non.
A
illa seguía en situación de arrendamento nos sucesores de Tomé
López e María Sánchez cando no 1835 pasou, a raíz do Decreto de
Desamortización do ministro Mendizábal, ao Estado. Debido á
situación privilexiada, contruíuse un faro para balizar a ría;
primeiro foi de luz verde fixa, pero no 1926 instalouse nel un
aparato de luz Aga. Escribe Donapetry (ao que seguen o resto de
autores) que o alcance da luz do faro era de dezanove millas, pero,
segundo información máis actualizada, o seu alcance non superaba as
oito millas. O proxecto de faro da Coelleira realizouno o enxeñeiro
Marcelo Sánchez Novellán no ano 1864 quen o ubicou na parte máis
elevada do illote, no extremo leste da ría do Barqueiro-O Vicedo;
trátase dunha torre lixeiramente cónica, situada a unha
altura sobre o nivel do mar de 89 metros. Os fareiros e as familias
que o atendían pasaron, en casos, dificultades, sexa para fornecerse
de alimentos (no inverno, cando non podían achegarse ata a costa, tiñan que
alimentarse co que lles proporcionaba a illa) como polos problemas do
propio faro (a lanterna tivo que repararse, ao menos, nos anos 1868,
1890 e 1902). No Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 21 de agosto de
1873 publícanse de novo as bases para a contratación dunha lancha para
servizo do faro (o anterior, do mes de xullo, non quixo facerse cargo
ninguén), consistente en fornecer unha vez á semana de todo o necesario
requrido polos torreiros; faise especial fincapé que nas viaxes
extraordinarias, coma unha petición de auxilio, a lancha iría provista
de oito remeiros e o patrón. O derradeiro fareiro que viviu na illa coa
súa familia
foi Manuel Ballester García, cuxa filla, Sagrario Ballester Castaño,
nacida o 15 de agosto de 1926, foi a derradeira persoa nacida na
Coelleira, segundo os datos tomados do Rexistro de Nacementos
do Concello do Vicedo, folio 214, por Enrique Fernández Llano.
A
Coelleira tamén foi testemuña impasible de numerosos naufraxios,
ben documentados dende mediados do século XIX. Xoán Ramón Fernández Pacios, no seu interesante blog O Gabinete de Foz, baixo o título Naufraxios a carón da illa da Coelleira (9 de maio de 2017), documenta varios, moitos con vítimas. Antonio Lage-Seara,
no artigo Isla Coelleira, publicado en Mundiario o 9 de novembro de 2022, tamén fala destes sucesos.
INTERVENCIÓNS ARQUEOLÓXICAS
Entre
os anos 2015 e 2020,
a Xunta de Galicia autorizou unhas intervencións arqueolóxicas na
Coelleira, realizándose uns labores de limpeza e unhas sondaxes na
zona onde estaría encravado o mosteiro, documentándose a posible
traxectoria dun altar e a base dun forno que se correspondería a
unha etapa posterior en que o cenobio se utilizaría como vivenda.
Tras identificar varias fases de abandono e destrución, atopouse o
estrato máis antigo, aparecendo, segundo o director das escavacións, o navarrro Iñaki Sagredo, “moitos carbonos que indican un
gran incendio, e tamén restos humanos, o que pode facer pensar
nalgún tipo de acción violenta”. Na última campaña saíu á luz
unha estela funeraria esculpida en pedra e unha cruz papal.
Os
investigadores, que eu saiba, non fan mención a que a
cruz é citada por Jacobo Araújo no artigo La isla de la
Coelleira, aparecido no Album histórico, científico y
literario de Galicia,
editato por El Correo Gallego no ano 1883: “Esta isla,
que mirada de lejos presenta la mirada de un monstruo, horrible
cetáceo, surgiendo de las aguas… tiene… las ruínas de un
templo, y por circunferencia el vestíbulo de un extenso osario, y de
un antiquísimo e interminable sepulcro… y de una cruz de piedra
bien conservada, y tal cual era la forma de la que describen las
crónicas como uso y especial distintivo entre los Caballeros del
Temple”.
Tampouco á cruz de tres travesaños que se recolle nunha ficha de desaparecido Seminario de Estudos Galegos do ano 1914. Trátase dun debuxo feito polo mestre e escritor brionés Lois Tobío (1861-1943). O debuxo realizouno nunha visita que fixo á Coelleira cando estaba de mestre na Escola de San Francisco de Viveiro. Xunto o debuxo lese: "Signos de unas jambas de una cuadra de la Coelleira". O Seminario foi suprimido no ano 1936 a raíz do golpe de estado fascista.

As
intervencións tamén tiñan como obxectivo atopar pegadas normandas. Un grupo de arqueólogos, dirixidos tamén por Sagredo, buscaron pegadas vikingas na Coelleira
e nos Moutillós, baseándose en que este último tiña semellanza cos
motte and bailey ds Illas Británicas, fortificacións que
constaban dun montiño sobre o que se erixía unha especie de castelo
defendido por unha muralla e foxo na súa parte máis baixa. Segundo Sagredo, "existen indicios para dicir que
os vikingos estiveron no Vicedo no século X". Afirmación que carece de fundamento, xa que, tal como recollín, o sitio foi ocupado por un castro costeiro que foi practicamente
destruído polas obras que a principios dos anos cincuenta se realizaron para a construción
dun campo de fútbol, que nunca chegou a finalizarse, ademais de
acesos á praia de San Román ou de Area Grande e por unha estrada (e
máis adiante por un aparcadoiro). Polo de agora, as análises
practicadas aos restos atopados non indican que pertenceran ao
período en que os normandos asolaron as costas galegas; nas intervencións do ano 2015 apareceron restos de madeira queimada e
cerámicos de cor marrón clara por un lado e escura polo outro, con
anacos de desengrasante e de cuarzo, que despois de realizadas as
probas de C14 determinaron unha cronoloxía que vai dende o século
III a. C. ao I d. C. Moi próxima a este xacemento está a
coñecida como A Pena de Xan Vidal á que se pode acceder en marea
baixa; eiquí apareceron restos cerámicos prerromanos, ademais dunha
moeda moderna. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia deu a coñecer un informe no que indica que os seus arqueólogos non atoparon indicios que demostren que Os Moutillós acollera un asentamento tipo castro. A falta de indicios non impediu que o Concello montara
unha Romaxe Vikinga que é todo un éxito. No 2025 celebrouse a VIII edición. Mesmo, para
que non quede dúbida, preto dos Moutillós hai un sinal de dirección
que pon “Xacemento vikingo”. Todo vale.

Ao
carecer de fontes documentais, non vou entrar en como estaba
organizado o mosteiro de San Miguel (abade, prior, celeireiro, número
de monxes...), nin no traballo manual desenvolvido -opus magnum-
nin espiritual (a xornada estaría marcada polas horas canónicas:
laudes, prima, tercia, sexta, nona, vésperas e completas)
onde a segunda ocuparía a meirande parte do tempo; tampouco no labor
cultural (existencia de scripotorium, biblioteca...), se
había. Actividades que, se ben é certo non se poden documentar, non
impediría facer un paralelismo con outras comunidades onde o corpus
documentale é máis abondoso.
Se
o prefacio anterior pode valer como xustificación para adentrarmos
en lucubracións de difícil demostración, máis complicado
resultará que nos mergullemos nun período onde a escuridade non
permite albiscar, polo de agora, sexa no plano arqueolóxico ou escrito, a máis infíma muxica.
Como
anotei con anterioridade, o probable é que os legatarios do
documento de finais do século XI foran beneditinos, a alusión a un
abade desbota que estivera en mans dos coengos de San Agostiño xa
que os seus conventos estaban rexidos por priores. Como tamén
subliña Cal Pardo, podemos retrotraer a presenza dos agostiños a
finais do século XIV (cláusula do testamento de Giomar Yanes). E
antes? Un cenobio, por moi modesto que fose, xeraba unha cantidade
importante de documentación: doazóns, adquisicións, propiedades...
Temos que admitir, entón, que se perdeu toda a información xerada
durante máis de trescentos anos? Viviron os beneditinos no mosteiro
ata finais do século XIV ou principios do XV? Ou xa o habitaban os
coengos regulares de San Agostiño a finais do século XII? Ocupouno
outra orde distinta? Os templarios, por exemplo? Destes últimos fala
a tradición, afortalada, sen dúbida e precisamente, pola ausencia
de documentación nese período.

Pero,
quen eran eses monxes que se facían chamar Os Pobres Soldados de
Cristo? Repasemos, xa que logo, aínda que sexa brevemente, a súa
historia.
O
TEMPLE
Corría
o Ano do Señor do 1119 cando dous cabaleiros francos, Hugo de Payns
e Godofredo de Saint-Omer, fundan a orde dos Pobres Soldados de
Cristo, consagrados a amparar aos peregrinos que, despois da
conquista de Xerusalén durante a Primeira Cruzada (1096-1099),
acudían aos Santos Lugares. Ante o rei de Xerusalén, Balduino II (morreu no 1131), xuran os votos
monásticos de castidade, pobreza e obediencia. Instalan o cuartel no
terreo que ocupaba o Templo de Salomón polo que pasan a chamarse do
Temple, e os seus integrantes templarios. Ao principio, poucos
simpatizaban cuns freires que santificaban a Deus por medio das armas
e non da oración. Para explicar esa dualidade, Hugo, elixido
primeiro Gran Mestre, viaxa a Europa conseguindo que os bispos da
Champagne e da Bourgogne convoquen un concilio en
Troyes (1128) para aprobar a regra que regularía a vida dos Milites
Templi. No prace dos dignatarios eclesiásticos inflúe de forma
taxativa Bernardo de Clairvaux (1090-1153), o reformador do Císter
quen, no seu De laude novae militiae, ad milites templi, di
que o Soldado de Cristo ten un fundamento para cinxir a espada, lévaa
para castigo dos malfeitores e para gloria dos xustos. Mellor padriño, imposible. Toda a
cristiandade pon ao seu dispór castelos, vilas e outras propiedades.
Inocencio II, papa entre 1130 e 1143, dispénsaos da subordinación ás xurisdicións
episcopais e de pagar trabucos, exención que só posuían os
cistercienses. Inocencio III, papa entre 1198 e 1216, prohibe aos bispos excomungar
templarios. O seu valor nas Cruzadas arrodéaos dunha aureola de
magníficos guerreiros (endexamais se rendían). As posesións, ben
manexadas, prosperan o que anima a reis, nobres e eclesiásticos a
confiarlle a vixiancia das súas fortunas. O capital medra de tal
xeito que reis e nobres en apuros recorren á orde en solicitude de
empréstitos. A activa participación na loita contra os infieis
fai que todos os reinos da Península os beneficien con
propiedades. Fernando Pérez de Traba (1100-1155), o mesmo ano do concilio de Troyes (1129),
introdúceos en Galicia doándolles o Burgo de Faro (Santa María do Temple-Cambre),
encomenda ao principio e despois bailía (a organización territorial
do Temple dividíase en “provincias”; por debaixo destas estaban
os denominados “reinos” que non tiñan porque coincidir cos
territorios gobernados por un monarca; logo estaban as “bailías”
que abranguían unha ampla extensión, e, por último, as
“encomendas”), estendéndose logo por todo o país. Carlos
Pereira Martínez, no seu Os templarios, artigos e ensaios
(2000), di que a primeira noticia da presenza templaria en Galicia
proporciónaa un documento do 1142, un acordo entre o abade do
mosteiro de Celanova e os “seniores cavalharie de Iherusalem”,
instalados en San Paio de Veiga (A Bola) para construír un hospital,
aínda que a referencia máis clara, sinala o mesmo autor, achégaa
un documento do ano 1173, proveniente do mosteiro de Sobrado, onde se
cita como lindeiro unha casa do Temple, “domum templariourum
militum”, en Palas de Rei.
O
poder dos templarios chega a tal punto que só obedecen ao papa o
que ocasiona, co paso dos anos, enemistades e envexas. O rei francés,
Felipe IV (1268-1314), alcumado o Fermoso, xunto co seu valido Guillaume de Nogaret (1260-1313), desexoso por facerse cos bens do Temple, ao que lle debe moitos cartos (ata o
mesmo tesouro real estaba peñorado na casa do Temple en París),
inicia o acoso aos templarios acusándoos de homosexualidade, cuspir sobre a cruz, adoración dun demo
chamado Bafomet.... Mais as acusacións non prosperan, nin o
papa Bonifacio VIII (1235-1303) nin o seu sucesor Benedito XII (1280-1342) caen na arañeira tendida polos difamadores. Todo muda cando o francés Bertrán de
Got, Clemente V (1264-1314), é elixido pontífice no ano 1305 quen, a instancia
de Felipe IV, inicia unha investigación sobre o Temple. Jacques de
Molay, o derradeiro Gran Mestre da orde, confiado, cre ao papa cando
lle desminte que tal investigación fose certa. O 13 de outubro do
1307, cando ninguén o esperaba, as tropas do rei atacan por sorpresa
aos templarios de Francia, prendendo á maioría. O proceso,
encomezado no ano 1308, non avanza consonte os desexos dos
acusadores: nin a confiscación de bens nin os terribles suplicios
aos que son sometidos conseguen ripar confesións inculpatorias. Na
primavera do 1310, o día do comezo do xuízo, Felipe IV e Nogaret,
para presionar aos mandatarios do Temple encarcerados, ordenan
queimar a cincoenta e catro monxes, método que axiña
copian moitos bispos que, impávidos, asinan centos de condenas a
morte sen esperar a que se dite sentenza. O 15 de abril dese ano,
Gonzalo, bispo de Toledo, cita en Tordesillas a Rodrigo Yáñez,
Mestre de Galicia, Castela e León para comparecer, xunto con outros
templarios, entre eles trinta e tres galegos, en Medina del Campo para
prestar declaración previa ao concilio de Salamanca onde os bispos
de Astorga, Plasencia, Lugo, Tui e Mondoñedo absólvennos de todas
as acusacións. Pero a batalla estaba perdida. O papa Clemente V
convoca, no outono do 1311, un concilio en Vienne para decidir o
futuro dos Pobres Soldados de Cristo. Despois de suspendelos a
divinis, el mesmo xulga aos catro máximos mandatarios: Jacques de
Molay, Hugo de Pairaud, Geoffroy de Charnay e Geoffroy de
Gonneville. O 18 de marzo do 1314, mentres ardían na pira, disque
Jacques de Molay lanzou unha maldición sobre os acusadores: Clemente
V morre, en medio de insoportables padecementos, aos trinta e sete
días; oito meses lle sobrevive Felipe o Fermoso que morre a raíz
dunha estrana caída do cabalo no bosque de Fontaineblau; Nogaret
sequera osma o fugaz bálsamo de ver na fogueira aos templarios, a
Morte visítao un ano antes. Parello fin se cerneu sobre outros
verdugos. Os templarios que se salvan da queima agochan na Península, nas ordes de Montesa e de Cristo, beneficiarias, de rebote,
dos bens requisados ao Temple xa que, segundo unha bula promulgada
polo papa no 1312, a lexítima legataria era a orde do Hospital.
Segundo
algúns haxiógrafos da orde fundada por Hugo de Payns, as intencións
de Felipe IV de Francia bulían máis alá do móbil económico, a
súa pretensión pasaba por facerse cun “tesouro” que só os
templarios coñecían e que contiña as claves do poder absoluto e da
inmortalidade.
Lonxe
de quedar relegado ao esquecemento, o tráxico final arrodea de
misterio todo o relacionado cos Milites Templi: custodios do
Santo Sepulcro e da Arca da Alianza, e posuidores dun dos secretos
mellor gardados da cristiandade: a ubicación da Sagrada Copa coa que
Cristo celebrou a Derradeira Cea, o Graal, que supostamente os
cabaleiros do Temple conseguiron sacar de Xerusalén pouco antes da
súa reconquista, no 1187, por Saladino, sultán de Siria e Exipto, e
que logo agocharon, segundo algúns, en Galicia, no santuario do
Cebreiro (calcúlase que polo mundo hai uns 200 lugares que din
acoller o Graal; en España, nas catedrais de León e
Valencia). O Graal inspiriou, no século XII, O Parceval de
Chretien de Troyes, e Wolfran von Eschenbach, no seu Parzival,
escrito no século XIII, sitúa o cáliz no Monsalvat, mítico monte
que autores de sona identifican co Cebreiro. A lenda estaba servida.
A
LENDA
O
primeiro autor que fai alusión á presenza templaria na Coelleira é
o citado Justo Pico de Coaña, que conta que os templarios
trasladábanse en barcas de coiro a Viveiro para misar nunha capela
que ocupaba o lugar da actual igrexa de San Francisco.
Tamén
serían os templarios da Coelleira os que levaron á igrexa do Val un
cadro coa imaxe do Santo Estevo onde, dende entón, foi obxecto de gran
veneración. Foi Lence-Santar quen deu a coñecer esta tradición no
artigo citado La Isla Coelleira. O párroco de Santo Estevo
relatoulle ao cronista de Mondoñedo outra lenda segundo a cal o
cadro apareceu na praia de Xilloi, nun lugar denominado O Altariño
(outra versión que me contaron marca o punto exacto no lugar
coñecido como A Fonte do Santo); os bois que tiraban do carro que
transportaba o cadro detiveron a marcha no sitio onde se edificou a
igrexa (curiosa semellanza co carro de bois que trasladou o corpo do
Apóstolo Santiago dende o Illicino -o Pico Sacro- ao lugar
onde se construíu a catedral compostelá). No ano 2008, o veciño de
Xilloi, don Antonio de Marea, contoume que o carro que transportou a
imaxe pertencía a un veciño que atendía polo alcume de O
Cereixeiro.

O
mesmo Cal Pardo transcribe, tomando a obra de García Dóriga El
último templario (Tradición gallega), publicado en Galicia.
Revista regional (1888), a seguinte lenda: “Escoitouse unha
noite tocar a rebato a campá do Mosteiro, e varios verdugos sen
entrañas comezaron a degolar aos monxes, que sufriron o martirio con
valor e resignación. Trinta e cinco templarios dormían xa o sono da
morte. Encomezaba a albear e só faltaba por sacrificar unha vítima.
Era un xove de nobre continente, de cabelos roibos e ollos azuis e
morriñentos. Presentouse ás portas do convento onde o esperaban os
verdugos cos aceiros tinguidos en sangue: “Eiquí estou, son o
derradeiro templario da miña Orde”, dixo. E, poñendo un xeonllo
no chan, levantou a mirada ao Ceo... Logo o xove exhalou o derradeiro
suspiro. Poucos anos máis tarde, morreu nas ourelas do poético
Landro un nobre pertencente á familia de Bernaldo de Quirós, señor
da contorna, e baixo cuxa dominación se levara a cabo a matanza dos
monxes. E afirma a tradición que para descargar a súa conciencia,
agoniado polo crime, ordenou que se escribise esta cláusula no seu
testamento: “E también mando que se digan unhas cantas misas pola
alma dos templarios que matei e fice matar por orden do Noso Señor
Rei en San Miguel da Colleira”.
O
artigo de Jacobo Araújo do século XIX, citado máis arriba, tamén fala da
importancia do testamento, datado no século XIV. Araújo, que fixo
unha visita á illa, ademais das mencionadas cruz de pedra e do
mosteiro, disque atopou moedas e algúns restos humanos con sinais
recentes moi marcadas daquela hecatombe. Este autor xa fai referencia
en El Heraldo Gallego do 13 de decembro de 1876 ao acontecido
na Coelleira: “… la histórica isla de San Miguel de la
Coelleira, que alzada como un obelisco fúnebre en medio del Océano,
recuerda la horrible matanza hecha en el siglo XIII, en los
caballeros del Temple…”.
More
Santiago en Faros. Illa Coelleira, editado polo Correo
Gallego no suplemento Galicia Vacacións (1992), afirma
que o derradeiro templario, chamado Guillelme da Torre, namorara
dunha moza, Rosalía, a quen declarou o seu amor, pero dicíndolle
que sería un amor imposible xa que debía ingresar no Temple. Ela
respondeulle: “Ti Templario, ¡ai!, talvez deixe fóra do meu
cadaleito a man de desposada; se é así, estréitaa; pero pronuncia
tamén o meu nome antes de morrer". O mozo marchou a Palestina e
cando regresou viu que na igrexa estaban a celebrarse os funerais por
unha muller; do cadaleito pendía unha man. A de Rosalía.
Estreitouna e chorou de dor e retirouse ao mosteiro da Coelleira para
orar o resto da súa vida. Alí foi asasinado cos outros trinta e
cinco freires.
Unha
última lenda engade que da matanza da Coelleira salvouse só un
monxe que, vestido de paisano, refuxiouse nunha casa do barrio de
Baltar que aínda hoxe conserva o nome de Casa do Paisano, tradición
tamén referida polo crego de Santo Estevo a Lence-Santar.
Ademais
dos citados, outros autores mencionan a presenza templaria na illa da
Coelleira: Amor Meilán en Geografía General del Reino de
Galicia. Provincia de Lugo (1928); Carré Aldao en Geografía.
Provincia da Coruña (1926); Donapetry Iribarnegaray na obra
citada; A Gran Enciclopedia Gallega; Leandro Carré en
Tradiciones. El último templario, publicado no xornal La
Voz de Galicia no 1993, e Xosé Luis Laredo Verdejo en Galicia
Enteira.
CONCLUSIÓN
Houbo
templarios na Coelleira? Se nos cinguimos ás probas das que se
dispón ata o presente, a resposta é non. Ademais da ausencia
escrita e/ou arqueolóxica, existen outros factores que empuxan a
negar a presenza templaria na illa. A referencia a un antecesor da
familia de Bernaldo de Quirós, “señor da contorna”, adoece de
fundamento, na época en cuestión Viveiro non estaba en poder de
ningún nobre, a súa xurisdición repartíana entre o bispado de
Mondoñedo e o rei. Outro factor que xoga en contra é o relativo ao
número de freires templarios que habitaban no pequeno mosteiro do
illote. É practicamente imposible que nun cenobio tan reducido e
minguada renda puideran vivir trinta e seis monxes e que, no mellor
dos casos, nunca superaría o número de dez ou doce. Carlos Pereira
Martínez apunta que no 1310 residían na podente bailía de Faro, a máis poderosa da coroa, trinta e tres
templarios, número enorme se consideramos que na maioría residían
tres, catro ou cando moito dez freires aos que habería que sumar os
irmáns de oficio encargados das tarefas domésticas e os criados.
Presenza que non diferiría dos mosteiros convencionais, fosen
cluniacenses, cistercienses, etc. En Galicia, os mosteiros medievais
formábano comunidades máis ben pequenas; o continxente monacal que
restaura Samos no ano 922 compoñíano dezasete monxes; Celanova, o
Cluny galego, non pasou, durante os séculos X e XI, de vinte e oito
relixiosos; Lourenzá tiña trece; en Pombeiro, a finais
do século XIII, o número variaría entre catro e oito. Despois do
século XIII, época de máximo esplendor do monacato galego, os
monxes oscilan entre dez e trece, aos que había que engadir outros
moradores de distinta condición (traballadores, doentes, oblatos...)
que traballaban e vivían intra muros.

Visto
o anterior, que factores xogan a prol da estadía templaria na illa
da Coelleira? Pois, aínda que semelle chocante, a falla de
documentación, eiva sen a cal carecerían de senso as lucubracións
nas que embarcamos. Non é probable que o mosteiro permanecese
pechado durante 321 anos, nun período en que o poder destas
institucións estaba no seu punto culminante. Entón? Non se me
escapa que ao longo da súa traxectoria, a poderosa orde dos Pobres
Soldados de Cristo debeu xerar unha morea de documentos, o que me leva a
preguntar como é que se conserven tan poucos, non só en Galicia,
senón en toda Europa. Ao parecer, era costume dos templarios (o que
sen dúbida alimentou máis a lenda) soterrar a documentación para
que non caera en mans que puidesen facer dela un uso non permitido,
escurantismo que mesmo aplicaban aos enterramentos, efectuados en
criptas situadas debaixo das súas igrexas (disque os sepultaban co
rostro cara abaixo e coa vestimenta cravada en táboas).
Non
quero concluír sen facer un paralelismo entre os templarios de San
Miguel da Coelleira e outro suposto enclave da mesma congregación
(agostiños) e abandonado no século XVI. Estoume a referir ao
cenobio, posto tamén baixo o padroado do arcanxo San Miguel, de
Breamo, ubicado a 300 metros de altitude sobre a vila de Pontedeume,
vencellada, a partir do 1371, á liñaxe dos Andrade (unha lenda
sitúa no século XIV unha batalla entre estes e os templarios), do
que só se conserva a igrexa románica, rematada, segundo desprende
un documento do Tombo do mosteiro de Caaveiro (A Capela), no 1169,
onde tamén habitaron os coengos regulares de San Agostiño (orde que
tamén podemos ver noutros cenobios galegos vencellados ao Temple) e
cuxa única alusión á presenza templaria dánola, outra volta, unha
lenda da que tiven coñecemento hai anos e que, creo, non é
moi antiga (cun bo número de persoas coas que falei das parroquias
de Breamo, Castrelo e Centroña, situadas ao pé do Monte Breamo,
nunca a escoitaran): O rosetón que adorna a fachada principal do
templo ten once puntas porque once eran os cabaleiros do Temple que,
pola perda de fe dun Mestre, destináronos a custodiala. Unha noite
de Nadal do ano 1124, estando os once templarios vixiando a igrexa, o
rosetón pasou, de súpeto, de once a doce puntas. Nese intre, os
cabaleiros, desconcertados, viron un meniño que durmía dentro da
igrexa. E alí permaneceu toda a noite, ata o alborecer, instante en que
o rosetón volveu á forma orixinal de once puntas e o neno
desapareceu. Disque isto poden ver os que na Noite de Nadal se
achegan ata a igrexa de Breamo, de concorrida romaría os días 8 de
maio e 29 de setembro na que os romeus, para escorrentar as meigas,
dan tres ou máis voltas (sempre impar) arredor do templo. En
Ventosa, na parroquia de Centroña, consérvase no lintel da porta
dunha casa unha pedra con varios símbolos que dise son templarios e
que veu do Breamo. Noutra casa situada ao seu carón (antes da
división eran a mesma) había outra peza semellante que desapareceu
ou foi tapada cando a súa reconstrución.

En
Vilaza, concello de Monterrei, o único elemento que se conserva da
primitiva igrexa é a coñecida como Torre dos Templarios. O mosteiro
que alí había estaba baixo a tutela dos Agostiños. Hipóteses, no
tocante a Vilaza, que xa veñen dos séculos XVI e XVII e ás que non
son alleos o licenciado Plasencia, que asegura que era do Temple, nin
o prior de Xunqueira de Espadanedo que fala dun mosteiro de Coengos
Regulares ou templarios.
Igrexas, mosteiros, conventos e lugares asociados á orde do Temple en Galicia, ben sexa
pola documentación, a tradición ou a lenda témolos en Aranga, As
Cascas (Betanzos), Santa María do Temple (Cambre), Lendo (A Laracha), O Rosario (San Sadurniño), Lousada (Carballedo),
Penamaior (Becerreá), Dorna e San Xoán (Cervantes), San Fiz do
Hermo (Guntín de Pallares), Palas de Rei, Loio (Paradela), Diomondi (O Saviñao),
Taboada dos Freires (Taboada), Canabal (Sober), Amoeiro, igrexa románica (inacabada) de Armea
(Allariz), Xagoaza (O Barco), Vilaza (Monterrei), Cesuris
(Manzaneda), San Cibrán (Viana do Bolo), San Paio (Fornelos de
Montes), Nogueira (Meis), Coia (Vigo)...