Debido aos problemas que estaba a ter para inserir textos e fotos, a principios do ano 2011 tiven que mudar de páxina. Aínda que o formato deste blogue é distinto a aquel primeiro que iniciara no ano 2004, a idea que me levou a crealo é, basicamente, o mesmo.
Nas entradas que seguen non pretendo facer ningún estudo arquitectónico, estilístico ou escultórico dos monumentos, non é o obxectivo, só desexo que as recompilacións de O NOSO PATRIMONIO nos axuden a comprender que Galicia non é o invento duns iluminados. Que as crónicas medievais quixeran emparentarnos cos príncipes troianos (Chronicon Iriense) ou cos exipcios (Fr. Prudencio de Sandoval); que o inxustamente deostado Benito Vicetto pretendera demostrar na súa Historia de Galicia que a colonia grega máis importante do Occidente se erguera preto de Fisterra, ou que o proceso de celtización procedería de Galicia; que para os moi documentados Murguía, Verea y Aguiar, Saralegui e Vicente Risco todos os galegos fósemos celtas... non debe impedirnos o recoñecer que as súas valiosísimas achegas puxeron os alicerces da Historia de Galicia (Vicetto, por exemplo, foi o primeiro en achegarnos ás fontes clásicas, ou López Ferreiro que tamén foi o primeiro en lle dar un carácter científico á súa obra) que logo continuaron os Sobrino Buhigas, Bouza Brey, López Cuevillas, Otero Pedrayo... Este blogue vai adicado a toda esta xente, en especial a don Xaquín Lorenzo Fernández, Xocas, o meu mestre no Cisneros de Ourense que me ensinou a ver en cada pedra un anaco da nosa Historia.
A ninguén se lle escapa o grande interese que nos últimos anos está a espertar o Patrimonio de Galicia. A ampla oferta de libros, revistas, páxinas web... semella indicar que o enorme legado dos nosos antepasados chegou, por fin, a todas e a todos. Mais, a realidade bule por vieiros ben distintos. Coido que non é unha esaxeración asegurar que, de entre os milleiros de sitios arqueolóxicos prehistóricos (mámoas, petroglifos, castros...) que inzan o país, non chegan ao cento non só os visitados, senón os coñecidos. Pódese argumentar, con razón, que a desinformación, o arrevesado acceso, a difícil visibilidade ou o grao de destrución desanima a calquera. Mais, non é menos certo, que o secular desleixo das administracións públicas, a historiografía oficial ou a patrimonialización que dos xacementos fan determinados persoeiros, teñen boa parte de culpa. Tampouco concordo con aqueles que argumentan que a súa divulgación xeraría máis desfeita. Difundir non ten porque ser sinónimo de sinalizar, de cravar, sen máis, unha estaca cun letreiro no chan. Cómpren outros medios e recursos para que o público interesado poida comprender o seu significado e, ante todo, o seu valor.
Se o anterior puidera ser válido (que non o é) para o noso Patrimonio Prehistórico, teriamos que supoñer que aqueloutros monumentos máis "grandiosos" deberían gozar de mellor fortuna. É así? En absoluto. Cantos mosteiros, castelos ou pontes están a arruinarse.
Mais debemos celebrar que dun tempo a esta parte estea a mudar a situación, conxuntura na que teñen moito que ver persoas a título individual, investigadores e asociacións e colectivos cada volta máis concienciados e belixerantes para que se protexa e divulgue o noso Patrimonio. Traballo desinteresado que os detractores da nosa cultura, cada volta máis organizados e "subvencionados", tentan empecer e falsificar para desposuírnos do noso Pasado, da nosa Memoria.
Quizais aínda esteamos a tempo de pular para que as Administracións públicas poñan en marcha políticas de concienciación encamiñadas a valorar o inxente Patrimonio que alfombra o país. De facerlles comprender que en Galicia, ademais das festas da empanada, do polbo e do lacón con grelos temos moitas outras cousas que ofrecer, de que non son máis importantes as pirámides de Exipto ca as nosas necrópoles megalíticas, ou de que os construtores das nosas pedrafitas e os gravadores dos nosos petroglifos tamén observaban o ceo coma os astrónomos de Babilonia.
Para que ninguén nos volva a dicir que non temos Historia. E para que nós mesmos, seguindo o exemplo do romano Décimo Xuño Bruto, atravesemos, sen medo, o Lethes -o Limia-, o río do Esquecemento.
Son consciente de que a presente recompilación (cuns 18.000 monumentos no último reconto, e máis de 3.000 imaxes), iniciada hai uns trinta anos (comecei sinalando os monumentos sobre mapas 1:25000 e 1:50000), non está completa e que, a pesares das constantes correccións, pode conter erros que, coa axuda de todas e de todos, tentarei subsanar.
Dende esta modesta xanela quero contribuír a que o coñecemento dos nosos monumentos, da nosa Historia, nos axude a devolver a este país cheo de contrastes –e de contradicións– ao lugar que verdadeiramente lle corresponde.
Sen complexos.
Xabier Moure Salgado
o noso patrimonio
Xaneiro de 2011