* Ara inédita en Ourense

O día 5 de marzo de 2025 documentamos unha ara galaico-romana, inédita, nun concello da comarca de Ourense. Ao día seguinte comunicamos o achado ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Ourense para que procedan á súa catalogación. Cando nos comuniquen que foi catalogada anunciaremos o lugar onde foi atopada.


A finais do pasado mes de febreiro, D. Xosé Lois López de Prado Arias informounos da existencia dunha ara anepígrafa (sen inscrición) reutilizada como asento ao aire libre nas inmediacións da praza dunha aldea. Peiteado o sitio non conseguimos localizala, seguramente porque foi trasladada a outro lugar ou desapareceu. Pero, como acostumamos, percorremos a aldea por se atopabamos algo. A nosa sorpresa foi grande cando, reutilizada horizontalmente no muro dunha casa, vimos unha pedra de granito cunha inscrición en latín, e máis sorpresa nos causou cando comprobamos que se trataba, sen dúbida, dunha ara galaico-romana. Aínda que a epígrafe, gravada en cinco liñas, atópase bastante erosionada na parte central, lese claramente nas dúas primeiras a palabra “ANABA / RAECO”, e na última a habitual fórmula, abreviada, “V(otum) S(olvit) L(ibens)”, onde a persoa que mandou facela indica que cumpriu con agrado a promesa feita a unha divindade.

Á falta de máis comprobacións, cremos que a ara, na súa parte superior, foi repicada, perdendo as letras que figuraban nese espazo. Aínda que cómpre ser cautelosos, é probable que figurara o nome de “REVE” que, xunto co epíteto “ANABARAECO”, faría alusión a unha deidade autóctona. Ata o presente, as aras dedicadas a REVE ANABARAECO concentran a súa presenza en media ducia de epígrafes aparecidas na cidade de Ourense. O que nunca saberemos, ao estar descontextualizada, é a procedencia exacta desta, se ben é probable que non estaría moi lonxe.


Coñecedores de que o día 12 de marzo, o profesor da Universidade de Alicante, Juan Manuel Abascal Palazón, experto en epigrafía latina de época romana, viña a Ourense a presentar a Peza do Mes no Museo Arqueolóxico, puxémonos en contacto con el para que vira a ara, o que fixo xunto co arqueólogo da Xunta de Galicia Manuel García Valdeiras. Abascal Palazón comentounos que, unha vez estudada, esta interesante ara vai ser incluída na publicación dedicada á epigrafía romana da provincia de Ourense, editada pola Fundación Luis Monteagudo, que sairá á luz nos próximos meses.

Queremos deixar claro que, aínda que non localizamos a ara sen inscrición da que nos falou D. Xosé Lois, senón fora por el non documentariamos esta con epígrafe.