PETROGLIFOS DE GALICIA (PROVINCIA DE LUGO)

ACLARACIÓN: Ademais das gravuras prehistóricas, tamén fago mención a algunhas de época romana, medieval e moderna. Tamén achego outros gravados singulares insculpidos na pedra como, por exemplo, os xogos de alquerque.

Nas relacións por concellos indico o nome da estación que en ocasións pode estar formada por varios grupos de pedras con petroglifos (por exemplo, Campo da Uz, en Antas de Ulla, está composta por varias penas con gravuras).

PETROGLIFOS DA PROVINCIA DE LUGO

ABADÍN
Petroglifos do Chao da Fonce (O Barral-Labrada): Dúas rochas con gravuras de época indeterminada.
Castelo de Castromaior (Romariz): Promontorio rochoso onde se observan algúns restos dunha fortaleza. Gravado sobre unha rocha hai un taboleiro de xogos de "alquerque de tres".
Penas do Castro (Labrada): A mediados do mes de novembro de 2013, Manuel Rivas Cortiñas informoume da existencia de varias penas con coviñas e pías esparexidas polo lugar, realizadas sobre soportes verticais e horizontais. 
   
ALFOZ
Pena Abaladoira da Serra do Xistral (A Maladoira-Pereiro): Trátase dun penedo granítico de forma tirando a ovoidal que pousa sobre unha laxe, temén granítica. Cóntase que tivo gravada unha gran serpe da que non quedan restos. Sobre a pena hai dúas grandes pías que, segundo a lenda, eran utilizadas para botar o sangue dos animais que se sacrificaban para logo purificarse con ela. As parellas que non podían procrear deitábanse sobre a pena, mais tamén era eficaz para as mozas procurar noivo ou as que desexaban ter un bo parto. Dise tamén que aquí se practicaban os coñecidos como "Xuízos de Deus" (Iudicium Dei) para determinar a fidelidade das esposas, a virxinidade das doncelas e a culpa ou inocencia en distintos delictos, dependendo de se a pena abanease ou non.

 
ANTAS DE ULLA
Pena da Moura (Alvidrón); Campo da Gurgulla, Cruz do Seixo, Laxe Ferrada, Pena das Pías (A Somoza-Areas); Monte Queimado (Areas); Campo da Uz (entre Areas e San Fiz de Amarante); Lebesende (Queixeiro); A Ermida, Pena dos Chaos, Pena do Raposo, San Fiz de Amarante (San Fiz de Amarante); Pena da Moura, Penouzos (Bellós-San Fiz de Amarante); Monte Valiño, Pena Solteira (San Martiño de Amarante); San Martiño do Carrasco, O Depósito (San Martiño do Carrasco-San Martiño de Amarante); Lovade, O Trevo (Santa Mariña do Castro de Amarante); Pena da Liñaza.  
Petroglifos do Campo da Uz: Nesta estación, con 11 penas con gravuras, atopamos antropomorfos, zoomorfos, cruciformes, ferraduras e motivos xeométricos varios.
Petroglifos da Braña do Gurgullo: Dúas rochas graníticas con combinacións circulares, unha con seis círculos concéntricos, e unha espiral.
Petroglifos da Cruz do Seixo: Combinacións circulares e unha espiral.
Petroglifos da Ermida: Dúas penas con gravuras.
Petroglifos da Laxe Ferrada: Sobre soporte granítico temos 35 combinacións circulares onde destaca unha con sete círculos concéntricos con cazoleta central e apéndice, acadando un diámetro de dous metros. Tamén aparecen ferraduras, cruces, antropomorfos, zoomorfos e coviñas.
Petroglifos de Lovade: Dúas penas con gravuras. 
Petroglifos do Monte Valiño: Dúas penas con gravuras.
Petroglifos da Pena da Liñaza: Repartidos por varias penas podemos ver combinacións circulares e cazoletas.
Petroglifo da Pena dos Chaos: Dúas penas con gravuras. Presentan combinacións circulares con coviña central e sucos de entrada ou saída.
Petroglifos da Pena da Moura (Alvidrón): Pena con gravuras. Segundo a lenda, na parte de arriba da pena estaba a cama da moura. (Información achegada por Xermán Souto).
Altar dos Corgos: Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958), fala do Altar dos Corgos, altar das pozas ou dos charcos, chamado así polas cavidades que ten a rocha na parte superior.
 


 

BARALLA
Todo sobre os petroglifos do concello de Baralla no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares en:  https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/presentacion_23.html

BEGONTE
Petroglifos de Donalbai: Atopados a principios do ano 2011. Trátase dunha laxe duns 20 metros de longo por 10 de ancho, con círculos concéntricos.
 

BURELA
Petroglifo no castro de Burela (Cabo de Burela): Coviñas.
 

CARBALLEDO
Petroglifos do Cotillón (A Cova).
Petroglifos da Ermeda (Vilaquinte): Combinacións de círculos con coviña central. 
Petroglifos do Monte do Fabeiro: Atopados no mes de agosto de 2013. Trátase de dúas penas con petroglifos no monte do Fabeiro, entre Veascós e Vilaquinte, os primeiros atopados no concello, e que segundo Gonzalo Meijide, arqueólogo de Patrimonio en Lugo, puideron ser reutilizados como marcos divisorios entre as dúas parroquias. O seu descubridor foi Miguel Suárez que conta que había máis penas con petroglifos non moi lonxe, mais que foron destruídas hai tempo cando fixeron un cortalumes; e que preto do Fabeiro hai un gravado en forma de L invertido cun burato no medio. Ambas as dúas penas presentan unha serie de motivos circulares. 
Petroglifo do Monte da Serra: No mes de outubro de 2015, Roi Fernández, fotógrafo de La Voz de Galicia, localizou un penedo con coviñas nos lindes das parroquias de Pereira e Vilaúxe (Chantada) e Milleirós (Carballedo). A pena puído ser utilizada como marco. 
Petroglifos de Pasarín (Temes): Espiral rematada nunha cruz coroada por tres coviñas.
Petroglifos do Penedo do Mouro (Castro): Segundo asegura o propio Miguel Suárez, neste lugar hai unha pena con cazoletas.
 
 
    
CASTROVERDE 
Petroglifos do Alto de Paraños (A Meda): Inéditos. Localizámolos o día 1 de xuño de 2014 no Alto de Paraños, non moi lonxe do coñecido como Marco da Rodeira dos Soles, lindeiro entre os concellos de Castroverde e Lugo. Varias penas con coviñas de distintos tamaños realizadas en soporte granítico. 
Petroglifos do castro de Rebordaos: Localiceinos no mes de maio de 2020. Nunha pena granítica situada na parte máis alta da croa, tres cazoletas artificiais. O día 12 de xuño de 2020, comunicáronme dende Patrimonio que, despois da visita dos técnicos, xa foi catalogado co nome de petroglifos da Pena da Escrita.     
Petroglifos do Castro de Soutomerille: Hai unha rocha con cazoletas. 
Petroglifos da Pena Branca e Monte da Sarna (Santo André de Barredo): Localizados o día 10 de setembro de 2022 polo Colectivo Patrimonio dos Ancares. Trátase de dúas combinacións de círculos e coviñas bastante erosionadas.   
Petroglifos de Pena da Cruz: O día 11 de xaneiro de 2018, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos estes petroglifos entre os concellos de Castroverde e do Corgo. Foi no monte da Devesa, situado á esquerda da estrada provincial que vai dende Porcín, en Castroverde, ao Coto, no Corgo. Estes petroglifos non figuran nin no inventario da Xunta de Galicia nin nos PXOM do Concello do Corgo nin de Castroverde polo que son inéditos. Atopámolos, de forma casual, cando buscabamos a Pena do Zapato que, segundo a información que nos facilitaron dous homes da parroquia de Folgosa (Manolo e Alfonso), tiña un gravado con forma de zapato que quedou alí plasmado cando a pedra foi pisada por un mouro. Debido á mesta maleza que medra debaixo dunha plantación de piñeiros non conseguimos dar con ela. Os petroglifos que localizamos atópanse nunha gran pena, de xisto e cuarzo, que destaca na paisaxe, a 747 metros de altitude, a carón dun antigo camiño que comunicaba algúns lugares do Corgo, Castroverde e BarallaTrátase de dúas cazoletas gravadas na parte alta da rocha, nunha superficie lixeiramente inclinada. Ambas as dúas teñen un diámetro de cinco centímetros e un de profundidade. Presentan a particularidade de que da parte inferior parten uns sucos ou canles. Están orientadas cara o nacente. Chama a atención o soporte onde foron insculpidos, xisto e cuarzo (predominando este último), un material moi duro para traballar. Lembremos que para gravar os petroglifos o soporte máis común é o granito e, xa a moita distancia, a lousa. Na parte superior da pena tamén localizamos un tosco cruciforme, claramente de factura posterior realizado, en vez de por frotamento, cun obxecto metálico. É probable que a cruz se fixera para cristianizar un lugar pagano. Dixéronnos que a pena era máis grande e que había máis gravados. Seguro que si, nun dos anacos que se desprendeu vimos outra coviña. Non resulta doado coñecer cando se fixeron estes petroglifos, se ben, ao ser realizados por abrasión (frotamento), poden situarse nalgún momento da Prehistoria, probablemente na Idade do Bronce, hai máis de 4.000 anos. A descuberta xa lla comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural e ao Concello do Corgo. O día 24 de abril de 2018, dende o Servizo do Patrimonio Cultural comunicáronnos que, despois da visita dos técnicos, xa foron incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
 
 

 
 
CERVANTES   
Todo sobre os petroglifos do concello de Cervantes no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares en:  https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/presentacion_23.html

CERVO
A Langoira (O Carballo-Castelo); Pena da Arca (Cervo); A Atalaia (San Cibrán-Cervo); A Rueta (A Rueta-Cervo); O Coído (xunto o polígono industrial de San Cibrao-Lieiro); A Pena (A Pena-San Román de Vilaestrofe).
Petroglifos da Atalaia: Situados nas inmediacións do castro da Atalaia. Trátase de tres penedas graníticas gravadas con cazoletas. Un dos petroglifos atópase moi danado debido a que a pedra se utilizou para facer lume.
Petroglifo de A Langoira: Gravura dada a coñecer no mes de maio de 2012 pola Asociación Mariña Patrimonio co motivo dun reticulado. 
Petroglifos da Pena da Arca: Localizados a principios do mes de maio de 2017 por unha veciña de Cervo. A asociación Mariña Patrimonio solicitou a súa catalogación. Coviñas, sucos e círculos concéntricos. 
Pedra do Raio: No castro da Rueta. Trátase dunha pena fendida en dous en cuxa parte superior vense varias cazolestas. Dise que a ela ían parar todos os raios.
   

 

 
CHANTADA
Abeleda e Vila de A Grade (A Grade); Merlán (Merlán); Airoá e Pena Aveado (Pesqueiras); As Ferraduras (Requeixo); Pedra Escrita (A Sariña); Monte da Serra e Pedra das Mentiras (Vilaúxe). Serra do Faro. 
Petroglifos de Merlán: Descubertos no mes de marzo de 2019 pola arqueóloga Begoña González Aguiar. Vense combinacións de círculos, círculos, coviñas e liñas.    
Petroglifo do Monte da Serra: No mes de outubro de 2015, Roi Fernández, fotógrafo de La Voz de Galicia, localizou un penedo con coviñas nos lindes das parroquias de Pereira e Vilaúxe (Chantada) e Milleirós (Carballedo). A pena puído ser utilizada como marco. 
Petroglifos da Pena Aveado: Somerxido polo encoro de Belesar.   
Petroglifo da Pena das Mentiras: Foi o primeiro petroglifo que se catalogou na zona. Trátase dunha pena de granito con 11 coviñas na parte superior, algunhas unidas por sucos.
Petroglifos da Serra do Faro: Entre os concellos de Chantada e Rodeiro, e as provincias de Lugo e Pontevedra. Nas inmediacións da ermida de Nosa Señora do Faro, de afamada romaría, había varias penas con petroglifos que foron destruídas. Aínda se poden ver algunhas penas con gravuras.
As Ferraduras: Nos montes de Requeixo hai un penedo coa marca dunha ferradura. Contan que é o sinal que deixou alí a pata da mula en que os frades de Oseira levaban roubada á Virxe do Faro; a mula engarrou unha pata na pena e os ladróns fuxiron deixando o tesouro (Taboada Chivite, 1965). 
Segundo información da Voz de Galicia, na súa edición de Lemos (29-06-2011), os petroglifos de Chantada foron estudados por Begoña González que realizou unha investigación sobre as gravuras do sur da provincia de Lugo, uns gravados descoñecidos non só polo grande público, tamén polos estudosos da arte rupestre galega. 
  
 

O CORGO 
Petroglifos en Adai: O día 1 de marzo do ano 1602 iníciase un preito entre Joseph Neira e varios veciños da freguesía de Adai (O Corgo) en que o primeiro reclamaba a titularidade dunhas terras situadas entre os montes da Laxe Branca e de Arriba. Segundo os documentos, un dos límites atopábase nunhas "piedras marcadas" das Penas do Ladrón e o rego da Ponticela. Foi esa alusión o que nos levou aos do Colectivo Patimonio dos Ancares a tentar averiguar de que marcas se trataba, tarefa que non resultaba doada debido á cantidade de penas graníticas existentes na zona. Ademais, polas sucesivas plantacións de piñeiros e eucaliptos cabía a posibilidade de que foran destruídas. Despois de varios días peiteando o terreo localizamos as que cremos son as citadas marcas. Para a nosa sorpresa, identificamos unha combinación de tres círculos concéntricos, un círculo con coviña central e dúas cazoletas, motivos que pola súa tipoloxía encadramos na Idade do Bronce, hai máis de 4.000 anos. Debido ao forte desgaste das figuras, practicamente invisibles durante o día, achegámonos ao anoitecer para poder visualizalas de forma máis nidia con luz eléctrica indirecta. Ata non hai moitas décadas críase que as gravuas de combinacións de círculos concéntricos eran inexistentes na provincia de Lugo, hipótese que se demostrou errada pola aparición deste tipo de insculturas rupestres ao aire libre ao longo da súa xeografía:  Antas de Ulla, Friol, Láncara, Lugo, Outeiro de Rei, O Saviñao, Sober..., incluso na comarca dos Ancares. Está claro que a documentación antiga resulta fundamental, en moitos casos, para redescubrir elementos patrimoniais descoñecidos ou que se crían perdidos. Estes de Adai podemos consideralos como os primeiros petroglifos prehistóricos documentados no concello do Corgo. No mes de xaneiro de 2018 localizamos unha pena de cuarcita que actuaba como divisoria entres as parroquias de Agustín (Castroverde) e Folgosa (O Corgo) con dúas coviñas e unha cruz latina que cremos foron realizadas en época medieval; gravados que xa foron catalogados por Patrimonio da Xunta de Galicia como A Pena da Cruz.
 
 

FOLGOSO DO COUREL
Petroglifos do Miradoiro do Alto do Boi: Localízanse onde construíron un miradoiro. Coviñas.
Petroglifos da Pena da Escrita (Meiraos): Localizados por Carlos Rueda a principios do mes de xullo de 2016, a unha altitude de 1.445 metros. Trátase de 2 e 4 coviñas gravadas sobre soporte pizarroso. Son os primeiros documentados no concello.
 
 

A FONSAGRADA
Penas de Redollán (Crecencia-San Pedro de Río); Alto de Cerredo (Vieiro). 
Petroglifos do Alto de Cerredo: A 930 metros de altitude. Localiceinos o día 12 de novembro de 2016. Nun gran afloramento pizarroso hai catro penas con coviñas, tres con unha cada unha. A máis interesante é unha con tres coviñas unidas por sucos. Así pódese ver dúas cazoletas situadas na parte máis alta das que parten unhas canles que van desembocar na situaba na parte baixa. Nas proximidades hai gravada unha pequena cruz pouco marcada polo que creo que puído facerse para cristianizar un lugar considerado como pagano. Os achados foron comunicados ao Concello e ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo. Trátase dos primeiros petroglifos descubertos na comarca da Fonsagrada. 

 

FRIOL 
A Cabana (Carlín); Paseo Fluvial (Friol); O Cruceiro, Monte de Lamas, Monte das Tenzas (Guimarei); As Penelas (Os Pedrouzos-Guldriz); Campo da Feira e Costa de Mera (Guldriz); Pena da Uz (A Pontella-Miraz); Pedrouzos Ribón (Miraz); Pena Castrela (Montecelos-Narla); Quintá (Ousá); Pena da Auga (Cordal de Ousá-Ousá); Pena Cabaleira, Pena Porreira, Pena do Zapato (O Burgo do Negral-O Pacio); A Pena do Freire (As Pardellas-San Martiño de Condes); Pena Grande (Santalla de Devesa); Bouzaboa ou Pena Bicuda, Pedra do Couto (Trasmonte); Pena das Verrugas (Romá-Vilafiz). 
Petroglifos de Bouzaboa ou Pena Bicuda: Sobre unha grande pena vense varias coviñas, algunhas agrupadas ao carón dunha gran pía.  Dise que recibe este nome porque nun dos seus extremos a pedra prolóngase a xeito de fuciño ou bico, quizais dun descoñecido animal que en tempos deambulaba por este lugares. Na parte inferior da pena, nun pequeno acubillo, vese unha gran pía escavada na pedra (posiblemente natural) e varias coviñas artificiais destribuídas en dous grupos. O que si chama a atención é o equilibrio que mantén a enorme rocha pois, apoiada sobre outra gran pena horizontal, o seu contacto con esta é minúsculo . E máis, semella que mantén o equilibrio grazas a un carballo que medrou entre as fisuras da rocha inferior. 
Petroglifos de A Cabana: Localizámolos no mes de agosto de 2018. Trátase dunha gran pena con dúas coviñas na parte superior e varias coviñas nunha das cara verticais, formando dúas liñas paralelas. Nas inmediacións documentamos unha pequena mámoa.   
Petroglifos do Campo da Feira: O número 5, afloramento de xisto con coviñas, algunhas unidas por sucos curvos e rectilíneos.  O día 15 de xaneiro de 2020 comprobamos que a pedras coas gravuras desapareceu ou a taparon cando acondicionaron o terreo como pastizal. O feito foi comunicado ao día seguinte á Xunta de Galicia. 
Petroglifos da Costa de Mera: Cazoletas sobre granito. 
Petroglifos do Cruceiro: Entre o cruce de Gonce e Guimarei había unha cruz monolítica asentada nunha rocha que foi trasladada cando fixeron a estrada. Pouco despois roubáronna. Na pena onde apoiaba vimos varias coviñas.  
Petroglifos do Paseo Fluvial: No ano 2013, o veciño de Friol Diego Viñas observou o que semellaban unhas gravuras nunha pena situada no Paseo Fluvial. No mes de xullo de 2016 Brais Rodríguez Romero máis eu, acompañados por José Antonio Paz Ben, achegámonos ata o sitio, comprobando que había gravados tres combinacións de círculos concéntricos de catro, tres e dous círculos con coviña central. Preto hai outra pena granítica con coviñas. Poucos días despois púxenno en coñecemento de Patrimonio para que procederan á súa catalogación, solicitude que reiterei no ano 2021 ante a falta de resposta. O 15 de novembro de 2022, dende Patrimonio comunicáronme que, despois das comprobacións feitas polos seus arqueólogos, foi catalogado co código GA27GA27020347.   
Petroglifos da Pedra do Couto: Coviñas sobre un afloramento duns dous metros de altura. 
Petroglifos de Pedrouzos Ribón: Sobre unha gran pena, na parte superior, o día 26 de abril de 2018 localizamos varias coviñas. Na parte vertical da pedra documentamos unha cabeza de perfil de moi boa feitura onde se aprecia claramente un ollo, o nariz, unha orella, a boca, o queixo e os ombros. Aínda que creo que é posterior ás coviñas prehistóricas, a suavidade dos sucos fai pensar nunha antigüidade considerable. Os achados foron comunicados a Patrimonio.        
Petroglifos da Pena da Auga: Trátase de máis dun cento de pequenas coviñas realizadas sobre unha prancha de xisto situada nun pequeno acubillo. Na parte superior do afloramento vese unha cruz moderna e varias pías, algunhas unidas por canles. Dende o lugar domínase unha ampla panorámica. Cremos que podería tratarse dun lugar destinado para practicar algún tipo de ritual. Non moi lonxe, monte abaixo, está o petroglifo de Quintá. 
Petroglifos da Pena Cabaleira: Coviñas sobre xisto. 
Petroglifos da Pena Castrela: A Pena, cunha altura que pode rondar os 12 metros, impresiona. Ao pé ten un espacioso acubillo cunha altura máxima de 1,60 metros que pode dar cabida a unha ducia de persoas. Nunha pedra inclinada, que pola dereita pecha parcialmente a entrada, vense gravadas dúas profundas coviñas das que parten uns longos sucos, e xusto ao seu carón outras cinco pequenas coviñas. Estas gravuras foron feitas, sen dúbida, por man humana, ou, se lle facemos caso á lenda, por un ser sobrenatural. Hai non se lembra canto tempo, unha moura ía camiñando coa súa filla polo monte do Pedrido. A filla levaba unha ola de mazar o leite (tamén se fala de que a ola ía con auga), e a nai, ao tempo que fiaba, transportaba unha enorme pedra sobre a cabeza. Cando chegaron ao sitio onde se atopa a Pena Castrela, a moura esvarou e ao caerlle a pedra da cabeza matou á filla e rompeu a ola. A moura, chea de rabia, colleu unha gran pedra e lanzouna contra a Pena Castrela ao tempo que exclamaba: "Pena Castrela,/rompíchesme a ola/matáchesme a nena/heiche fender dende o rabo á orella" (outras versións rematan: "o demo te fenda/dende o rabo á orella", ou "malo raio te fenda/do rabo á orella"). A pena quedou partida tal como se pode ver na actualidade. Unha segunda versión da lenda, recollida do blog Friol: Algo máis que pan e queixo, di: Hai moitos anos unhha meiga e a súa filla vivían na Pedra Castrela. Un día, sen que se saiba o motivo, a filla cortoulle a cabeza á nai. Pero antes de morrer, a meiga conseguiu atraversarlle o corazón cunha unlla. Morreron as dúas. Entón, a pena abriu polo medio, quedando a filla entalada entre as dúas metades da rocha (entre as dúas metades hai unha gran pedra), e a meiga desapareceu, quedando enterrada debaixo da pena. As coviñas das que parten os sucos son as unllas da moura cando, rabiosa, arrabuñou a pedra, e as pequenas cazoletas que hai ao seu carón as marcas dos dedos. Bordeando a pena buscamos catro entalladuras (as pegadas dos pés da moura) documentadas hai máis de vinte anos por Juan Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela. Demos con elas na cara oeste da pena. Trátase de catro pías ovaladas, artificiais, gravadas na rocha, cunhas medidas cada unha de 30 por 20 cm. Nós localizamos outra máis das mesmas características, non citada polos investigadores, situada debaixo das anteriores, ademais dunha cazoleta duns sete centímetros de diámetro. Unhas pías colosais, a semellanza de bañeiras, inzan a cima, estas si produto da erosión. A tiro de pedra da Pena Castrela está a da Moura onde non atopamos nada que nos chamara a atención, e os veciños cos que falamos descoñecen o porqué de tal nome. No ano 2016 solicitamos á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a súa catalogación. O día 11 de outubro de 2022, dende Patrimonio comunicáronnos que, por fin, procederan á súa catalogación, asignándolle o código GA27020348.
Petroglifos da Pena Grande: Varias coviñas cunhas medidas de 3 a 11 centímetros de diámetro e unha profundidade entre 3 e 0,5 cm. Localizámolas o día 26 de abril de 2018. O achado foi comunicado a Patrimonio.           
Petroglifos da Pena Porreira: Coviñas con trazos que as unen. Salienta un motivo oval de grandes dimensións con abundantes coviñas ao redor. Están gravados sobre xisto. 
Petroglifos de Quintá: catro rochas de xisto con coviñas, algunhas unidas por canles; nunha das rochas hai un gravado que consiste nun trazo oval unido nun dos seus extremos a unha coviña por medio dunha canle. Estas penas atópanse próximos a dúas mámoas. 
Petroglifos do Monte de Lamas, As Tenzas: Oito rochas con coviñas, algunhas unidas por sucos. O día 15 de xaneiro de 2020 detectamos unha agresión a este grupo. Sobre a pena coas gravuras dos petroglifos do Monte de Lamas 1, catalogados, depositaron pedras ao acondicionar o terreo para pastizal. Ao día seguinte presentamos a denuncia ante Patrimonio. O día 15 de outubro de 2020, dende Patrimonio contestáronnos que os propietarios foron obrigados a retirar as pedras (baixo supervisión arqueolóxica), comprobando que as gravuras non sufriron danos.
Petroglifos no Monte da Medorra (Cotá): O Monte da Medorra, onde ao menos hai tres mámoas, situado no límite entre os concellos de Friol e de Outeiro de Rei, o día 14 de marzo de 2015, Brais Rodríguez Romero máis eu localizamos algunhas penas con pequenas coviñas. 
Petroglifos da Pena do Zapato: Catro rochas con gravuras de coviñas. 
Petroglifos das Penelas: varias rochas de granito con cazoletas. 
A Pena do Freire: O día 29 de outubro de 2016, Brais Rodríguez Romero máis eu achegámonos ata a Pena do Freire que se atopa no monte coñecido como A Zarra. Conta a lenda que había unha moura moi rica pero que non tiña onde agochar o ouro. Entón pensou para que ninguén llo roubase o mellor era enterralo na pena. Como era nugallá e non gostaba de traballar, secuestrou a dous homes para que cavasen na pena. Era moi esixente por iso lles ordenou que o burato fose redondo. Cando remataron o traballo, a moura meteu o ouro no burato, mandándolles que o tapasen ben. Mais a cousa non quedou aí. Desconfiando de que lle contaran aos demais onde estaba o tesouro, matounos, enterrándoos lonxe da pena. Pero do que non se decatara é que outras persoas viran onde agochara o ouro. Como non podía matar a tanta xente, pois co nugallá que era non lle ía quedar tempo para descansar, gravou dúas cabezas na rocha, como dicindo que alí tamén estaban enterrados os homes, e de achegarse alguén correría a mesma sorte. En efecto, ninguén ousou achegarse, pero como no inverno os buratos en forma de cabeza se enchían de auga e ela quería que estiveran ben á vista, fíxolles unha canle para que desaugaran e tamén unhas coviñas de adorno. Na parte alta vense varias pías naturais. O que me chama a atención é unha coviña e uns sucos que non me atrevo a dicir se son naturais ou artificiais, se ben inclínome polo último. A parte inferior da pena forma un abrigo que, ao parecer, foi utilizado despois da Guerra Civil. Descoñezo o porqué do nome de Pena do Freire, as persoas consultadas non souberon dicírnolo, mais podería tratarse dun antigo eremitorio. Unha parella contounos que non moi lonxe está a evocadora Pena Pedideira e a Pena da Revolta, disque con coviñas. 
Pena das Verrugas: Trátase dunha rocha situada xunto o rego de Guimarei á que se accede por medio de tres escalóns realizados artificialmente sobre a pena. Na parte alta, horizontal, ten dous buratos de forma circular. Un ten unhas medidas de 20 cm de diámetro e 39 de profundidade, e outro de 29 cm de diámetro e 38 de profundidade. Segundo a tradición, un permanece con auga e o ouro baleiro, mudando dun burato ao outro cada ano. Ao parecer a auga alí depositada posúe propiedades medicinais que curan as verrugas. A persoa debe meter a man na pía que naquel momento teña auga e lavar a verruga ao tempo que se recita o seguinte ensalmo: "Verruguiñas traio, verruguiñas vendo. Déixoas eiquí, e voume correndo". Para que produza o efecto desexado, acostúmase a deixar algunha moeda na pía. Para rematar o ritual, deberase marchar do lugar sen volver a cabeza cara atrás. No ano 2017 solicitamos á Xunta de Galicia a súa catalogación. 
Alquerque: Nunha laxa plana que hai na entrada do adro-cemiterio da igrexa parroquial de Anxeriz localizamos un alquerque. O día 27 de marzo de 2023 comunicáronnos de Patrimonio que procederan á súa catalogación.
 




 

 

 

 

 
 
 

 

GUITIRIZ
Chousa das Calzadas ou Agro das Calzadas (Buriz); Pena Bicuda (As Mezoiras-Buriz); Monte Pilreo (A Pedreira-Buriz); Gravuras de Fírveda (O Pazo-Lagostelle); Paraños (As Lobateiras-Vilar); e Penas das Cruces.
Petroglifos da Chousa ou do Agro das Calzadas: Pódese dicir que se trata dun exemplar único na área galaico-portuguesa. Din González Reboredo e Luaces G. Rosón que consta, en liñas xerais, dun cuadriculado central irregular, moi desdibuxado nalgunnhas das súas partes pola erosión e enmarcado a ambos os lados por dúas figuras formadas por tres ferraduras concéntricas cada unha. É de destacar que a figura de ferraduras concéntricas situada á dereita aparece seccionada pola prolongación dos ragos horizontais da cuadriculación en número de seis, constituíndo a sexta representación a base da gravura. Este conxunto inscultórico non ten claros paralelos e escapa polo momento a todas as tipoloxías dos petroglifos galegos. Somente o reticulado é relativamente de frecuente aparición. Os oicomorfos correntes representados na arte rupestre europea semellan unhas construcións totalmente distintas, xeralmente elevadas e de teito apuntado. Na parte superior o Agro das Calzadas vense dous círculos, un con cazoleta central, acompañados dalgunha cazoleta illada. Tal conxunto pode ser interpretado como a representación do disco solar, acompañado de estrelas ou soles menores. As gravuras foron realizadas por medio da técnica de abrasión, de moi coidada elaboración. Na cara norte da pena hai unha figura en forma de cruz, posible cristianización do lugar. Nalgúns aspectos ten semellanza co ídolo de Peña Tu. 
Petroglifos de Pena Bicuda: Dúas penedas, unha con coviñas e a outra con círculos concéntricos con cazoleta central e suco de entrada ou saída. Esta segunda pena foi partida para aproveitar como material da construción.
No Museo de Lugo custódiase un anaco dun petroglifo atopado na parroquia do Buriz.
  

  
 
 
GUNTÍN DE PALLARES
Pena Lousada (Xoaine-Entrambasaugas); Pena do Castelo, Pena da Ermida e Pena da Escrita (Monte de Meda); Monte Barreiros (Alto da Goia-Pradeda); Pena do Zapato (Santa Cruz da Retorta). 
Petroglifos da Pena do Castelo: A finais do mes de outubro de 2013 localicei unha pena con dúas coviñas feitas pola man do home e con pías naturais, situada na Pena do Castelo, un lugar elevado que divide dúas parroquias do mesmo nome: Monte de Meda, unha pertencente ao concello de Guntín de Pallares e a outra ao de Lugo. Unhas veciñas do Picato e outra de Monte de Meda contáronme que non moi lonxe hai outra pena coñecida como Pena da Escrita, con coviñas e pías que, segundo a lenda, foron feitas polos mouros. 
Petroglifos de Pena Lousada: Con coviñas e unha aspa ou cruz como únicos motivos. Rodeada por oito mámoas. 
Petroglifos da Pena do Zapato: Dúas rochas con coviñas. 
   


O INCIO 
A Penela (Fruxil-A Cervela); Monte das Seixas (Seixas-A Cervela); Pena Escrita (Goo); Novelín (O Incio); Monte de Rendar e Pena da Escrita (Rendar); Pena (Pena-San Pedro de Incio); Pena da Ferradura (Viloira-Santalla de Bardaos); Monte de Abaixo (Novelín-Sirgueiros); Pena Escrita (Treimonte-Sirgueiros); Pedra de San Mamede e Pena Escrita (Trascastro); Santa Cruz do Oural ou Monte Castelo (Vila de Mouros); Agro do Pepe, Monte do Serrón, Pena do Castrillón e Serra da Cereixiña (Vilasouto); Pena da Ferradura (Agro de Trasmonte-Vilasouto); Montes de Vilasouto (Vilasouto); Xunto a necrópole megalítica de Santa Mariña (O Viso). 
Petroglifos do Agro do Pepe: Os actos vandálicos (gravuras sobre a rocha) e a acción das augas do encoro de Vilasouto, que cubren a maior parte do soporte pizarroso cando chega ao nivel máis alto, están a danar gravemente o conxunto. As gravuras foron realizadas pola técnica da percusión con catorce cruciformes, coviñas, once ferraduras e un antropomorfo como figura central con indicación das extremidades, ollos, boca e probablemente os órganos xenitais de ambos os dous sexos que, para algúns autores, sería a representación dunha divindade feminina de carácter funerario; baixo os brazos extendidos obsérvanse dous cruciformes simples que semellan unha certa escea de proteccionismo semellante á que se observa na Pena do Polvorín (A Coruña). Da coviña superior parten varias canles que rematan en senllas cazoletas de pequeno tamaño, ofrecendo o conxunto a imaxe dun tocado. No remate das supostas extremidades superiores pódense ver o que semellan dedos. O día 4 de xullo de 2015 achegueime de novo ata o lugar, comprobando que o seu deterioro continúa en aumento, así como a profusión dos actos vandálicos. O día 16 de xullo de 2016, comprobei que a pedra do Agro do Pepe é utilizada como trampolín para os bañistas, ademais de seren usada tamén como embarcadoiro de piraguas, "posturas" de pescadores, etc. O día 11 de febreiro de 2020, dirixímonos de novo ao Concello do Incio para que acometa a súa protección e sinalización; uns días antes comprobamos que algunhas figuras foran repasadas cunha pedra para resaltalas. Tamén nos diriximos a Patrimonio da Xunta para que modifique a situación dos gravados xa que no PBA figura a 420 metros da situación real. Ao día seguinte, o alcalde do Incio puxo en contacto telefónico con nós para manifestarnos que si vai atender a nosa petición, feito que é de agradecer. Esperemos que destas sexa certo. 
Petroglifos da Medorriña: Preto dun campo de mámoas moi alteradas polos labores agrícolas, na parte máis elevada, hai unha rocha con coviñas moi erosionadas. 
Petroglifos do Monte de Abaixo: No Monte Dabaixo, a 474 metros de altitude. 
Petroglifos do Monte de Rendar: Descubertos no ano 2015 por Álvaro Pereiro Rodríguez. Coviñas e unha cruz. 
Petroglifos do Monte das Seixas: Nunha zona cuberta pola matogueira. Rochas con coviñas próximas a unha aonza con mámoas. 
Petroglifos no Monte de Vilasouto: Documentámolos a finais do mes de maio de 2020, grazas ao veciño David Mourelo. Trátase de sete penas con gravuras con coviñas e ferraduras. O primeiro grupo, con coviñas distribuídas arredor dunha pía e outras que que se comunican por sucos cunha gran canle, cremos que poden ser prehistóricas. Nas inmediacións deste afloramento localizamos seis laxes de lousa rente ao chan con coviñas e múltiples ferraduras.   
Petroglifos da Pena do Chao: Próximo ao monte de Santa Bárbara, dende onde se divisa o Val do Incio. Coviñas. 
Petroglifos da Pena Escrita de Trascastro: No Monte da Pena Escrita. 
Petroglifos da Pena Escrita de Treimonte: A 660 metros de altitude, preto do castro da Roda. Nun outeiro que domina o val do regueiro da Ribeira. Sobre unha laxa de xisto seis coviñas, tres enlazadas por unha canle pouco profunda.  
Petroglifos da Pedra de San Mamede: Sobre unha laxe de lousa, presenta dez cazoletas e dúas gravuras con forma de ferradura. A tradición di que as gravuras son as ferraduras do cabalo de San Mamede, que dun salto foi ata a pena do Coruxo, en Trascastro. 
Petroglifos da Pena das Ferraduras (Agro de Trasmonte): No Monte da Pena de San Mamede, a 818 metros de altitude. Nove pedras con gravuras. Unha presenta unha figura antropomórfica feita con coviñas unidas por canles. Nas outras podemos ver dúas ferraduras con cazoletas; oito ferraduras, cinco con coviñas e unha ferradura con remate de coviña; dúas ferraduras e catorce coviñas; ferraduras unidas; coviña con apéndice; ferradura e cinco coviñas; dúas ferraduras e un motivo de dificil interpretación; e a última con trece ferraduras. Estas gravuras están practicamente todo o ano baixo das augas do encoro. O PXOM do Concello do Incio, aínda que recolle estes petroglifos, non achega ningunha foto, só a descrición sacada da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que sitúan no "Agro de Treimonte", na parroquia de Bardaos, achegando só unha foto da situación que, para a nosa sorpresa, colocan no medio e medio do encoro de Vilasouto. O Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia tampouco os recolle. 
Petroglifos de A Penela: Nas inmediacións da capela de San Roque, erixida sobre un outeiro. A erosión apenas permite distinguir as gravuras. 
Petroglifos de Santa Cruz do Oural ou Monte Castelo: Documenteinos o día 16 de decembro de 2017 grázas á información facilitada pola historiadora Esther González, natural de Esuskadi. Trátase de tres penas con cruces, ferraduras e coviñas. No mes de xaneiro de 2018, dende Patrimonio comunicáronme que xa foron catalogados e foron propostos para BIC.      
Petroglifos de Santa Mariña: Dúas rochas con gravuras, a maioría con coviñas. 
Petroglifos da Serra da Cereixiña: Coviñas.
  
 

 
  


 



 

LÁNCARA 
Pena do Oso (Leirado-Armea); Armea de Abaixo (Lama); O Castalvello ou Castelo Vello (no entre Ronfe e A Puidiña, na parroquia de Muro); Monte Carballedo e A Pedra da Serpe (Prédez-Vilarello). 
O Castalvello: Monte situado a 515 metros de altitude. Dende hai anos temos referencias orais sobre a existencia de petroglifos, mais atopamos pías naturais nas rochas graníticas. 
Petroglifos de Armea de Abaixo: Localizado no ano 2000. Foi reutilizado como marco divisorio entre os concellos de Láncara e Samos. 
Petroglifos da Pedra da Serpe: Localizámolos os do Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 3 de decembro de 2019. Na parte horizontal dun afloramento de cuarcita e pizarra documentamos nove coviñas cunhas medidas que oscilan entre os 3 e 5 centímetros de diámetro, gravadas, en principio, sen unha orde aparente. Estas gravuras atópanse a uns 300 metros das documentadas a finais do mes de agosto do mesmo ano. A descuberta foi comunicada a Patrimonio para a súa catalogación. 
Petroglifos da Pena do Oso: Trátase dun afloramento rochoso lixeiramente inclinado cunhas dimensións aproximadas de 3x4 metros. Na pena insculpíronse unhas sesenta coviñas, algunha con suco, e as letras L e S de factura claramente posterior. O S, no PXOM do Concello de Baralla (incluíronno por estar no límite entre os dous municipios), interprétase, coido que erradamente, como un serpentiforme. Pode que as letras fagan alusión a dous lugares en que a pena actuaría como marco divisorio, mais ignoro a cales se poden referir. Pode que o L se refira á aldea de Leirado, canto ao S non atopei ningún sitio, nin na macrotoponimia nin na microtoponimia que achegue algo de luz. As persoas consultadas tampouco alumaron a resposta. 
A continuación das fotos dos petroglifos de Láncara, ver "Un altar ritual con petroglifos en Láncara".
 

 

 

Un altar ritual con petroglifos en Láncara 

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de comunicar ao Servizo de Xestión Cultural da Xunta de Galicia a existencia dunha pena cuns máis que interesantísimos petroglifos no concello de Láncara. A súa descuberta débese ao veciño da Veiga de Anzuelos, Xoán Carlos Laxe, quen os localizou na primavera do ano 1986. Si, hai trinta e tres anos! A pesares de que o achado o puxo daquelas en coñecemento de varios organismos públicos para que se interesaran por eles, estes, simplemente, e como se di de forma coloquial, pasaron olimpicamente.
 

Hai uns días, Xoán Carlos púxose en contacto con nós para visitar o lugar e para, ademais de estudar a pena coas gravuras, nos encargaramos de facer as xestións ante Patrimonio para que os catalogaran e incluíran no Inventario de Bens Culturais de Galicia. Na visita tivemos a fortuna de contar co investigador David Outeiro que leva anos estudando as relacións, na antigüidade, de Galicia con outras culturas europeas do arco atlántico. Guiados por Xoán Carlos e a súa irmá María Josefa, encamiñámonos ata o monte Carballedo, situado a 620 metros de altitude, por riba da aldea de Prédez, na parroquia de Vilarello, concello de Láncara.
A pesares das explicacións que previamente nos deu Xoán Carlos, a verdade é que non esperabamos atoparnos co que nos atopamos. Nunha parte chaira do monte emerxe unha pena de lousa, de forma irregular e coa parte superior totalmente horizontal, cunhas medidas aproximadas de 7 x 5 metros. Polas caras sur-oeste e leste, a pena está cortada verticalmente, cunha altura aproximada de 1,70 metros. Sobre a parte horizontal foi insculpida unha pía duns 20 cm de diámetro da que parte unha canle, tamén de factura artificial, que discorre ata o final da pedra. A un metro da anterior vense tres pequenas cazoletas semiesféricas aliñadas entre si. Se esta parte horizontal da pena xa se manifestaba interesante, a sorpresa levámola cando vimos a parte vertical. Na cara sur-oeste, insculpidas na pedra, saltan á vista tres gravados separados entre si e perfectamente aliñados. O primeiro, un círculo con coviña central do que parte un apéndice ou canle. O terceiro, unha combinación circular de dous círculos concéntricos con coviña central da que tamén parte unha canle. O segundo, que era o máis grande, foi repicado séculos despois, con toda probabilidade para eliminalo por considerarse como un símbolo pagano, feito que denuncia a tosca cruz gravada ao seu carón para cristianizar o lugar. Na parte vertical situada cara o leste localizamos, a maiores, tres coviñas aliñadas duns dous centímetros de diámetro e situadas por riba doutras tres cazoletas, aliñadas tamén e perfectamente definidas, duns sete centímetros de diámetro. Distribuídas por ambas partes verticais, obsérvanse, ao menos, unha ducía de pequenas coviñas dun centímetro de diámetro, aliñadas de tres en tres. Chama poderosamente a atención que todos os motivos ESTEAN ALIÑADOS DE TRES EN TRES. Casualidade? Evidentemente, non. 
 

Cal é o significado destes petroglifos? Ao tratarse dunha arte simbólica, son para nós, en principio, de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, mesmo cabe a posibilidade de que o seu significado só sería comprensible por determinados membros daquela sociedade. Malia o anterior, crese que as coviñas e cazoletas serían utilizadas como recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que se usaría nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, símbolos de carácter sexual feminino relacionados coa fertilidade, delimitadores de lugares sagrados ou máxicos, etc. Canto aos círculos, como no caso das coviñas, trátase duns motivos enigmáticos, sendo obxecto de varias interpretacións: representacións do sol, ofrendas votivas, etc.
Tamén nos sorprendeu que a maioría dos gravados foran feitos na cara vertical. E existe outra singularidade. Cando Xoán Carlos descubriu o sitio, varias laxes fincadas no chan (que na actualidade aínda se poden ver esparexidas polo lugar), e formando un semicírculo, pechaban a parte vertical da pena. En Galicia, as penas verticais con gravuras cóntanse cos dedos dunha man. Pola forma da pena e pola disposición dos motivos, cremos que podemos estar diante dun altar onde se practicaba algún tipo de ritual. 
 

Para ir finalizando, dicir que nas inmediacións deste enigmático lugar atópase a coñecida como a Pedra da Serpe. Cóntase que había unha gran serpe alada que atacaba ás vacas para devoralas, de feito, a xente da zona non pasaba por alí por medo a perder o gando. E a uns cen metros está o castro do Monte das Penas, o que amosa que a zona foi obxecto dunha longa ocupación, tendo en conta que os petroglifos teñen unha antigüidade duns 4.000 anos, e o castro duns 2.000.
 

Ata o momento, en Láncara, segundo o PXOM do Concello e a Xunta de Galicia, só había catalogado un petroglifo, o da Pena do Oso, na parroquia de Armea, lindeiro co municipio de Baralla, formado só por coviñas e dúas letras (S e L) modernas. Por outra parte, aínda que non están catalogados, no ano 2000 foron localizados uns posibles gravados en Armea de Abaixo sobre os que houbo unha certa polémica entre o cronista de Sarria e os arqueólogos da Xunta de Galicia. O primeiro dicía que se trataba dun marco medieval que noutrora actuou como divisorio entre Láncara e Samos; pola contra, dende Patrimonio aseguraron que se trataba duns petroglifos da Idade do Bronce. A día de hoxe, descoñecemos en que quedou a cousa, tampouco coñecemos a pena. 
Sobre os gravados do Monte Carballedo tamén lle solicitamos a Patrimonio que, pola súa singularidade, lle outorguen a máxima protección legal, é dicir, que os cataloguen como Ben de Interese Cultural (BIC). Tamén imos a poñernos en contacto co Concello de Láncara para que, pola súa importancia, os protexan e sinalicen.
O día 3 de outubro de 2019, dende o Servizo de Xestión Cultural en Lugo comunicáronnos que, despois da visita dos arqueólogos da Xunta de Galicia, xa foron catalogados. Ademais solicitaron ao Servizo de Patimonio en Santiago a súa declaración como BIC.  

LUGO
Pena Fita, Pena do Castrillón e Penas do Caldeiro (Adai); A Pena Escrita (Vigo-Bacurín); Daquelcabo ou da Estrada (Bascuas); Monte dos Penedos (Bascuas); Monte de Camoira (Camoira); Fompedriña e Monte da Medorra (Labio); Pena do Castelo (O Picato-Monte de Meda); Nas inmediacións do castro de Penarrubia (Orbazai); Monte Pena do Rei (Outeiro das Camoiras); Castro de Pedreda (Pedreda); Muíño Casa Cabreira (Santa Baia de Bóveda); Pena da Lebre e Pena da Pascua (Santa María de Alta). 
Castro de Pedreda: Primeiro Murguía na súa Historia de Galicia, e despois Luis Carré Alvarellos no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949), cita unha rocha calcaria con gravuras neste castro. 
Petroglifos Daquelcabo ou da Estrada: Localiceino a mediados do mes de xullo de 2016, nunha finca a carón da pista asfaltada que vai a Daquelcabo. Trátase dunha gran pena granítica con 21 coviñas insculpidas na parte superior e lisa da rocha, entre dúas grandes pías naturais. O achado foi comunicado ao Concello de Lugo e ao Servizo do Patrimonio Cultural. O día 13 de outubro de 2016, dende o Servizo do Patrimonio Cultural comunicáronme que, despois da visita dos técnicos de Patrimonio, o petroglifo xa foi catalogado. 
Petroglifos de Fompedriña: Localiceinos o día 4 de setembro de 2016. Foi no monte de Fompedriña, na parroquia de Labio. Trátase de dúas penas con coviñas e unha combinación de dous círculos concéntricos de cuxo centro parte un apéndice cara o exterior. O achado comuniqueino ao Concello de Lugo e ao Servizo do Patrimonio Cultural.     
Petroglifos do Monte de Camoira: Inventariados a finas do mes de outubro de 2014. Trátase de tres penas, unha con círculos concéntricos, coviñas pías e cruces de factura posterior, outra con círculos concéntricos, e unha terceira con coviñas, algunhas unidas por un suco.
Petroglifos do Monte da Medorra: A 700 metros de altitude, case no límite con Castroverde. Localizados polo Colectivo Patrimonio dos Ancares o 10 de setembro de 2022. Unha combinación de círculos concénticos con coviña central e varias coviñas. 
Petroglifos do Monte dos Penedos: O día 31 de marzo de 2019, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos uns novos petroglifos no concello de Lugo. Foi no Monte dos Penedos, na parroquia de Bascuas, situados a menos de 25 metros do Camiño Primitivo a Santiago de Compostela. Trátase dun afloramento granítico con varias coviñas illadas que oscilan entre os 4 e 5 centímetros de diámetro. O motivo que máis chama a atención é unha cazoleta de 10 centímetros de diámetro delimitada por profundos sucos moi ben realizados e situada na parte máis alta e plana do afloramento que semella presidir o grupo. O achado xa foi comunicado a Patrimonio.    
Petroglifos Muíño Casa Cabreira: O 26 de decembro de 2018, distribuídos en dúas penas graníticas, localizámolos na parroquia de Santa Baia de Bóveda (Lugo), a carón do muíño coñecido como Muíño da Casa Cabreira, situado xunto o río de Bacurín, afluente do Mera. Na primeira pena, lisa e horizontal situada nas inmediacións do muíño, vense tres pequenas coviñas duns 4 centímetros de diámetro e entre 1,5 e 3 centímetros de profundidade. O grupo máis interesante atópase xunto un dos muros do muíño que asenta sobre a propia pena cos motivos insculturados. Eiquí contabilizamos un total de 15 coviñas que oscilan entre os 4 e 8 centímetros de diámetro, algunhas unidas por unha canle. Sobre a mesma superficie vese un cadrado cunha cruz inscrita no interior, case seguro que de factura posterior ás coviñas e que quizais se gravaría para delimitar as parroquias de Santa Baia de Bóveda e Prógalo. Debido á profusión das gravuras, é moi probable que esta pena contara con máis gravados pero que se perderon ao cortala para facer á levada (canle) para desviar a auga ao muíño e ao construír o mesmo muíño. O día 22 de outubro de 2022 comunicáronnos de Patrimonio que, despois da visita dos seus arqueólogos, xa foron catalogados co código GA27028215.    
Petroglifos da Pena do Castelo: A finais do mes de outubro de 2013 localicei unha pena con dúas coviñas artificiais e varias pías naturais. Atópase na coñecida como Pena do Castelo, entre dúas parroquias que levan o mesmo nome, Monte de Meda, unha pertencente ao concello de Guntín de Pallares e a outra ao de Lugo. (Ver Guntín de Pallares). 
Petroglifos da Pena do Castrillón: Dous grupos de gravuras sobre rocha granítica. O primeiro con vinte e catro motivos circulares con cruz central, combinados con coviñas e un motivo de difícil interpretación. O segundo panel presenta varios círculos con cruz central. 
Petroglifos da Pena do Rei: Coviñas, cruces e "compases". 
Petroglifos da Pena Fita: Dados a coñecer por Vázquez Seijas no ano 1957. Vinte coviñas distribuídas por unha rocha granítica. 
Petroglifos das Penas do Caldeiro: O día 16 de setembro de 2019, Brais Rodríguez Romero máis eu, grazas a unha tala de piñeiros efectuada non hai moito, documentamos uns novos petroglifos no concello de Lugo. Foi no Monte das Penas do Caldeiro, na parroquia de Adai, situado a 541 metros de altitude. Na parte superior dun afloramento granítico coñecido como As Penas do Caldeiro localizamos máis dunha decena de coviñas, unha combinación circular de dous círculos concéntricos moi desgastados, unha incisión navicular, unha cruz inscrita dentro dun círculo e un cruciforme. En dous acubillos situados debaixo do afloramento documentamos dúas penas con cazoletas. O nome de Penas do Caldeiro quizais se deba a que na parte superior contén unha ampla e profunda pía. O lugar atópase nunha zona arqueolóxica de primeira orde xa que nas inmediacións, nun radio duns 400 metros, está o dolmen de Adai, varias mámoas, o asentamento do Castrillón, os petroglifos da Pena do Castrillón e da Pena Fita e un dubidoso, para nós, menhir. Pero o elemento máis enigmático deste conxunto é unha impresionante PEDRA DE FORMA ELÍPTICA, única en Galicia, duns 12 por 6 metros, circundada por 18 buratos comunicados todos eles por un suco; na parte central vese unha pía circular duns 25 cm de diámetro que  desauga noutra rectagular duns 80 por 30 cm; distribuídas pola pena vense tamén varias cazoletas. Aínda que se teñen realizado varias conxecturas canto ao seu uso e significado (algunhas raiando o paroxismo), hoxe por hoxe continúa a ser unha incógnita arqueolóxica, se ben algúns estudos apuntan a unha BASE DE CABANA de tipo ritual onde a maior parte das pezas recuperadas son da Idade do Bronce. Queremos destacar este ben patrimonial porque no ano 2019 cumpríronse 30 anos da súa descuberta polos investigadores F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela que documentaron varios centos de xacementos polos concellos de Friol, Lugo e Outeiro de Rei. A descuberta dos petroglifos xa foi comunicada ao Servizo de Xestión Cultural da Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación. 
Novos petroglifos en Lugo: O historiador Manuel Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo dos anos 1954-55, publicou un traballo baixo o título "Mansión céltica en tierras lucenses" onde achega un plano moi esquemático que lle fixera o veciño de Penarrubia don José da Riva Varela, autodidacta e afeccionado á arqueoloxía que donara unha vintena de pezas ao Museo Provincial de Lugo, entre outras unha ara galaica adicada á deusa Navia que atopou no castro de Penarrubia a principios dos anos setenta. Don José, coincidindo co centenario do seu nacemento, foi homenaxeado nun acto celebrado no MIHL (Museo Interactivo de Lugo) no ano 2016 como recoñecemento ao seu labor como defensor do patrimonio. O plano do señor Da Riva Varela entregado a Vázquez Seijas consistía na ubicación de 35 penas situadas entre as parroquias de Adai e Santa María de Alta. Todas as pedras, identificadas polo seu nome, contiñan gravuras: 31 con coviñas e cruciformes, tres con círculos dos que partía unha ou máis frechas, e só unha, a Pena do Castrillón, presentaba motivos circulares con cruz central, coviñas e un motivo de difícil interpretación. No ano 2017, ademais das indicadas no citado traballo, os do noso colectivo localizamos media ducia de círculos máis con frechas (que bautizamos como compases); e no ano 2019, na sinalada como Penas do Caldeiro, varias coviñas e cruciformes. Agora (agosto de 2020), os do Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de documentar dúas novas penas con gravados de círculos concéntricos que serían os primeiros atopados na zona; da coviña central dunha destas combinacións de dous círculos parte cara o exterior un apéndice ou suco; nas penas vense tamén algunhas cazoletas. A pesares do esquematismo do plano en cuestión, cremos que serían as nomeadas como Pena da Pascua ubicada en terreos de San María de Alta, e a Pena da Lebre que se atopa entre as dúas parroquias. Aínda que no plano publicado por Vázquez Seijas non figuran estes motivos, cremos que lle puideron pasar desapercibidos debido á erosión o que non permite velos claramente. Ata o presente, das 35 pedras con gravuras do plano de don José da Riva só están catalogadas por Patrimonio as denominadas como Pena do Castrillón e a Penafita. Ademais das dúas catalogadas e das que levamos documentado, descoñecemos en que estado de conservación se poden atopar o resto xa que, dende a confección do plano hai 65 anos, a zona sufriu diversas actuacións (cortalumes, camiños, repoboacións forestais, extracción de pedra, etc.) que puideron facer desaparecer ou alterar moitas destas penas. De todos os xeitos a busca debe continuar xa que estamos a falar dunha importante zona arqueolóxica onde ademais destes petroglifos da Idade do Bronce, cunha antigüidade de hai uns 4.000 anos, nun reducido espaazo de terreo hai mámoas, castros e restos de época romana que se deben divulgar e conservar. 


 



 

 






  


MONDOÑEDO
Os Castelos (Viloalle); Sasdónigas (Sasdónigas).
Petroglifos dos Castelos: Cazoletas. Hai que sitúa neste monte un asentamento neolítico, un castro e unha fortaleza medieval.
Sasdónigas: Curiosas gravuras nunha rocha que forman unha especie de escada.
Altar da Recadieira: Tamén coñecida como Pedra do Unto. Citado por Villa-Amil y Castro no ano 1873. Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958) di que este altar se atopa no coto da Recadieira e que é un dos máis caracterizados, pois non só está situado nun lugar notable polos restos prehistóricos que agocha, senón que a rocha que o constitúe ofrece o burato e a canle que deberon servir para cerimonias relixiosas e expiatorias, e a poucos pasos atópase un muro de pedras en fileiras regulares que sen dúbida foron sepulturas, atopándose ademais un torque de ouro.
 
 
MONFORTE
Petroglifos do Monte da Medorra (Susao-Sindrán): Son os primeiros petroglifos documentados no concello de Monforte. Localizámolos o días 19 de novembro de 2016 a 665 metros de altitude. Trátase de tres penas de xisto con cadansúa coviña duns cinco centímetros de diámetro. Nas inmediacións atopamos unha pedra exenta cunha gravura naviforme de 10 centímetros de longo por tres de ancho moi suave ao tacto. O mesmo día documentamos unha coviña nunha pedra granítica con pías naturais utilizada para facer a fonte que está no Parque dos Condes, descoñecendo a súa procedencia.
 

 
 
 
MONTERROSO
Fincas da Escrita (Fufín); Rocha Tumba (Lardeiros-Ligonde); Pena das Letras (Ligonde); Satrexas (Satrexas); Sirgal (Sirgal); Buxergos e Tarrío (Tarrío de Buxergos). 
Castro de Sirgal: O día 13 de febreiro de 2018 localicei unha pedra exenta con coviñas naturais no muro que pecha unha finca no castro de Sirgal. Nas inmediacións hai unha pena con pías naturais asociada a determinados rituais.
Pena das Letras: Entre Ligonde (Monterroso) e San Mamede do Río (Portomarín). 
 

MURAS
Petroglifo de Pedra Chantada.

NAVIA DE SUARNA
Todo sobre os petroglifos do concello de Navia de Suarna no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares en:  https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/presentacion_23.html

AS NOGAIS 
Todo sobre os petroglifos do concello das Nogais no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares en: https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/presentacion_23.html

OUROL 
Petroglifos do Chao de Sinás e Coto do Xesto (Besteburiz/O Xesto-Miñotos): Nas dúas estacións hai, ao menos, trece de penas con gravuras. No mes de abril de 2019, ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaron ante o SEPRONA posibles danos un dos petroglifos situado na Serra do Xistral. Os danos, ao parecer, foron ocasionados pola propia Xunta de Galicia a comezos de ano por unha queima controlada do mato que cubría a zona arqueolóxica. Este lume tería afectado principalmente ao catalogado co código GA27038036. Á queima hai que engadirlle o paso dun tractor con desbrozadora de cadeas que non contaban coa autorización previa da Consellería de Cultura. Nesta zona hai tamén dúas mámoas.  
Parque Eólico Álabe-Mareiro: Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun grupo de mámoas e trece rochas con petroglifos. Dous dos túmulos e catro petroglifos sufriron severos impactos.
 

OUTEIRO DE REI 
Gravado de Galba, Monte de Province e A Pena Serrada (Province-Aspai); Santa Comba (Santa Comba-Aspai); Pena Marela (entre as parroquias de Aspai e Vicinte); Reitoral de Martul (Martul); O Castro (San Fiz de Paz); Monte de Bravos (Bravos-Vicinte); Seivane (Seivane-Parada). Pena do Ouro (no Monte Peizás, entre os concellos de Lugo e de Outeiro de Rei). 
Gravura de Martul: A principios do mes de novembro de 2013 achegueime ata Martul xa que tiña coñecemento dunha gravura reaproveitada na reitoral. A primeira e única referencia a esta singular peza débese a Guerra Mosquera no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1976). Trátase da imaxe dunha figura humana insculpida nunha pedra do muro da casa con trazos ben definidos e profundos que debuxan o corpo, brazos, pernas e cabeza onde se aprecian a boca e os ollos. Quizais represente a unha divindade feminina espida, unha deusa da fecundidade, unha Matres Gallaiciae céltica. Segundo me contou un veciño a pedra foi reutilizada para tapar unha antiga ventá. A tradición oral di que foi atopada nunha mámoa, se ben é certo que se descoñece en que lugar se ubicaba o enterramento. Eu amoso as miñas dúbidas canto á súa adscrición ao Neolítico, situándoa, en todo caso, na Idade do Ferro. A principios de abril de 2017, para a nosa sorpresa, comprobamos que non estaba catalogada polo que me dirixín por escrito ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que procedan a inventariala e trasladala para un museo. O día 15 de novembro de 2022 (cinco anos despois), dende Patrimonio comunicáronme que, despois das comprobacións realizadas polos seus arqueólogos, foi catalogada co código AC27039007 como "Inscultura da Casa Reitoral". 
Petroglifos do Monte de Bravos: O día 14 de maio de 2014 localicei dúas penas graníticas con petroglifos, non moi lonxe da anta megalítica de Bravos. Nunha presenta coviñas artificiais e pías naturais, e outra un podomorfo. 
Petroglifos dos Montes de Peizás: No límite entre os concellos de Outeiro de Rei e Lugo. Varias penas con gravuras. Unha das rochas, coñecida como Pena do Ouro ten gravados círculos concéntricos, labirintos, coviñas, cruces, etc. No ano 2012 apareceu outra pena con cazoletas. 
Petroglifos da Pena Serrada: Nun gran afloramento granítico, o día 29 de outubro de 2016, Brais Rodríguez Romero máis eu localizamos un grupo de 15 coviñas cunhas medidas que oscilan entre os tres e dez centímetros de diámetro, unha combinación de tres círculos concéntricos e varias ferraduras. Estas últimas dise que son as pegadas do cabalo de Santiago. O afloramento sitúase nas proximidades dun campo de mámoas. Os achados xa llos comunicamos ao Concello e ao Servizo do Patrimonio Cultural. O día 17 de marzo de 2017, despois da visita dos técnicos de Patrimono, comunicáronme que estes petroglifos xa foron catalogados. No DOG do día 3 de agosto de 2017 saíu publicada unha resolución da Dirección Xeral do Patrimonio para incluír estes petroglifos no Rexistro de Bens de Interese Cultural. 
Petroglifos da Pena Marela: Pena próxima a un campo de mámoas que actuaba como divisoria entre as parroquias de Aspai e Vicinte. Ten gravadas unha pequena cruz e, ao menos, tres coviñas que Brais Rodríguez Romero máis eu documentamos o día 14 de marzo de 2015. 
Petroglifos de Seivane: Nunha carballeira do lugar de Seivane, na parroquia de Parada, na parte alta dunha pena granítica arredondada, documentamos o día 18 de novembro de 2021 nove cazoletas, catro de 10 centímetros de diámetro, e cinco de 5 centímetros de diámetro. Tres das coviñas máis grandes están aliñadas. As persoas que as gravaron semella que elixiron esta pedra porque destacaba sobre as restantes da contorna. A pé desta rocha hai outra onde se ve unha pía. Pode tratarse dun altar ritual. Foi comunicado a Patrimonio para súa catalogación. O día 4 de abril de 2022 comunicáronnos que despois da visita dos arqueólogos da Xunta foi catalogado co código GA27039020. 
Gravados do Monte de Province: O día 29 de xullo de 2019, Brais Rodríguez Romero máis eu localizamos unha pena con sete cazoletas que forman un semicírculo perfecto, en cuxo interior foi gravada outra cazoleta de maior tamaño cas anteriores. O achado xa foi comunicado a Patrimonio. 
AO FINAL das fotos de Outeiro de Rei, artigo: Enigma resolto. 

  
 


 


 


Enigma resolto 

O día 14 de marzo de 2015, Brais Rodríguez Romero máis eu documentamos sobre unha pena granítica de 2,75 x 0,70 metros a gravura dunha figura antropomorfa formada por un círculo superior de 17,5 cm de diámetro da que parte unha liña vertical de 0,18 cm cunhas liñas en forma de brazos de 10 e 9,5 cm respectivamente. Xunto o círculo, na parte esquerda, hai tres pequenas coviñas de 2,5 cm de diámetro e unha profundidade de 0,5 cm. A figura "mira" cara un campo de mámoas situado nas proximidades. No monte de San Xoán de Parada, Candai e Martul apareceron outras pedras con motivos semellantes. Nunha pedra próxima localizamos unha pena con tres coviñas. As conxecturas que formulaban outros autores e nós mesmos sobre estas gravuras mudaron radicalmente no mes de abril de 2019, cando chegou ás nosas mans uns documentos que nos aclaraban o seu significado e a data de realización. Dende o ano 2015, o investigador Brais Rodríguez Romero máis eu documentamos nas parroquias de Aspai, Martul e Parada, no concello de Outeiro de Rei (tamén coñecemos algunha na parroquia de Camoira, no concello de Lugo), varias penas gravadas cuns enigmáticos símbolos, todos de tipoloxía semellante. Trátase dunha figura formada por un círculo superior do que, pola parte inferior, parten unhas liñas verticais e, nalgúns casos, unha semicircunferencia que as cruzan.
O primeiro que nos chamou a atención é que estes gravados se atopen insculturados en penas moi ben traballadas fincadas no chan, tipo menhir, nas inmediacións de campos de mámoas; nalgúns esteos que forman a cámara megalítica dun dolmen; e en afloramentos rochosos formando conxunto con petroglifos prehistóricos. Postos a dar co significado das pedras en si, barallamos diversas hipóteses: que se tratara de pedras-fitas (menhires) prehistóricas, de marcos de término xurisdicionais, ou que delimitaran o couto dun desaparecido mosteiro erixido arredor do século X que algúns autores sitúan na parroquia de San Xoán de Parada. Calquera das conxecturas podería ser válida. Agora quedaba o significado dos insólitos gravados. Fóra dos límites do concello de Outeiro de Rei, que nós saibamos, este tipo de representacións non teñen paralelismo con outras da provincia de Lugo, e posiblemente de Galicia. Puxémonos a buscar algunha pista, por moi pequena que fose, que nos achegara algo de luz. Só atopamos dúas. A primeira nun artigo do sacerdote e director do museo diocesano don Jesús Guerra Mosquera, publicado no ano 1978 no Boletín da Comisión provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo, que fai referencia a un destes gravados situado nun dos esteos da cámara megalítica dun dolmen erixido nos montes de Parada. Escribe don Jesús que sinalizaría o enterramento dun xefe de tribo ou clan. O círculo representaría o sol nacente e a mámoa circular que acollía as cinsas dese xefe; a raia situada baixo o círculo, así como a semicircunferencia, poderían representar á divindade e aos danzantes asistentes ao acto e baile sagrado, e incluso á lúa. A segunda referencia atopámola na revista Croa do ano 1995, no artigo Arqueoloxía en Outeiro de Rei: mámoas e outros restos, dos investigadores Juan Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela, que non se pronuncian sobre o seu significado, indicando que podería tratarse do chanto dun dolmen reutilizado logo como marco. Nós, mesmo barallamos a posibilidade de que se tratara de representacións esquemáticas do corpo humano. Cómpre aclarar que este dolmen é o único do concello de Outeiro de Rei declarado Ben de Interese Cultural (por certo, en estado total de abandono), obtendo esta distinción, precisamente, por contar con este gravado; lémbrese que, segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, todas as insculturas rupestres son, xa de por si, BIC.
 

Sen máis madeixa que desenlear, deixamos o asunto, á espera de atopar no futuro algunha evidencia que nos permitira formular algunha outra hipótese, ou incluso aclarar o significado dos gravados. A sorte, e tamén a insistencia, todo hai que dicilo, sorriunos. Hai uns meses chegou ás nosas mans un documento sobre deslindes das parroquias de Aspai, Martul e Parada, do día 31 de xullo de 1856, feito ante o Comisario de Montes y Plantas de la Provincia de Lugo, don Félix de Carballo y Salgado. Á hora de facer o deslinde, grávanse uns símbolos sobre penas situadas en distintas partes. É eiquí onde salta a lebre. O documento é esplícito canto ao que representan as gravuras: "insignia del Santísimo Sacramento" (literal), é dicir, representan a custodia ou viril onde, na relixión católica, se coloca a hostia despois de ser consagrada para expoñer ante os fieis. Tempo despois demos con outro documento dun preito do ano 1865, entre Bartolomé Saavedra e Francisco Serra por unhas lindes entre Aspai e Parada que nos achega outro dato curioso. Ao nomear un marco aclara que a custodia gravouse para "proteguelo en lugar pagano". Lembramos que petroglifos, mámoas e castros foron considerados secularmente como sitios paganos; así nolo transmitiu no século VI San Martín de Dumio no seu De correctione rusticorum, contra os costumes ancestrais que aínda pervivían entre os galegos.
 

Non ía descamiñado o sacerdote don Jesús Guerra Mosquera xa que a custodia representa ao sol, agás que el o interpretaba coma un símbolo pagano, cando en realidade trátase dun símbolo cristián.  Enigma resolto.      

PALAS DE REI
Monte Cogorzo (Cabana); Pedra do "Reloj" (Monte Cabana-Cabana); O Marco (Merlán); Casa dos Mouros (Chorexe-Pidre).
Pedra do "Reloj": O día 18 de xaneiro de 2015, Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, do Museo da Terra de Melide, informáronme que sobre dúas penas graníticas, que forman parte do mesmo afloramento, vense tres círculos concéntricos, o máis nidio nunha pena e os outros dous, moi erosionados, na outra. Neste monte hai moitas mámoas e outras penas con petroglifos, bastante dispersos, con combinacións de coviñas, círculos simples e unha gran pena con coviñas e un cruciforme de gran tamaño. 
 
PANTÓN
San Romao (Acedre); Petroglifos exento de Pesqueiras (Atán); Monte San Paio (Eiré); Torre do Castro (A Cal-Espasantes); Cancelada, Pedra de Espasantes, Sitio das Saíñas (Espasantes); As Carizas e Vilaxilde (Espasantes); Augas Santas (As Augas Santas-Pantón); Xunto a igrexa de Pombeiro (Pombeiro); Pena da Virxe (Ribeiras de Miño); Monte de San Romao (Seragude); Pedra da Escrita (Toldaos); Cancelada (Vilamelle); Pena da Cima da Costa (A Lagariza-Vilar de Ortelle). No camiño que une as aldeas da Míllara e Valboa hai unha pena con cazoletas. 
Petroglifos de Augas Santas: Coviñas insculpidas en dúas penas que actúan como basamento dun cruceiro moderno, que substituíu a outro de madeira, situado nas inmediacións do santuario de Augas Santas, asociado, posiblemente, a algún tipo de ritual relacionado coas augas con propiedades salutíferas que manaban en varios puntos do lugar; tamén se ve unha especie de cruz ou "T" de factura moderna. Hoxe en día só se conserva a coñecida como A Fonte da Virxe. Segundo me comentaron uns veciños, en tempos había outro manancial e dous pozos, un situado detras do santuario de orixe románica, coñecido como Pozo de Santa Lucía. Nunha pedra, que actúa como muro dun galiñeiro, vese unha curiosa figura humana, a todas luces de época moderna, que podería representar a algunha divindade. Segundo o arqueólogo Iván Álvarez, en información recollida de La Voz de Galicia, as liñas que arrodean á figura poderían simular unha aura, nun intento de esculpir un motivo de carácter relixioso. 
Petroglifos de Cancelada: Brais González, de Vilaxilde, atopou catro rochas con gravuras de cazoletas. Con anterioridade xa descubrira os petroglifos da Torre do Castro. Nos terreos do pazo de Espasante hai outra peneda con insculturas. 
Petroglifo de As Carizas: Rocha con cazoletas descuberta no ano 2007. 
Petroglifo da Pedra de Espasantes: Luis Carré Alvarellos publica un artigo no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949) onde dá conta dunha pena con 32 coviñas descuberta polo seu irmán Leandro.   
Petroglifos do Monte San Paio: Un veciño descubriu varias rochas con cazoletas cando examinaba un terreo para facer o deslinde de varias parroquias. Nas inmediacións hai unha mámoa parcialmente danada hai anos pola construción dunha pista. 
Petroglifos da Pedra da Escrita: A pesares de aparecer citada nalgúns traballos, comprobamos que se atopa sen catalogar.
Petroglifos da Pena da Virxe: Aínda que adoitan situalos na parroquia de Vilar de Ortelle, atópanse na de Ribeiras de Miño. 
Petroglifo de San Romao: Seis grupos de petroglifos. Hai un, exento, que forma parte dunha casa.    
Petroglifos da Torre do Castro (Espasantes): Dados a coñecer por Luis Carré Alvarellos no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo no ano 1949. Foron descubertos polo seu irmán Leandro a carón do camiño enlousado que conduce ao castro próximo. Dous grupos con 32 coviñas. 
Na Oficina de Turismo de Ferreira de Pantón custódiase unha pedra granítica con gravuras de círculos concéntricos e coviña central de procedencia descoñecida. Decatáronse dos debuxos cando ía ser utilizada para un muro de contención en Pesqueiras, na parroquia de Atán. Ao seren trasladada por unha pa, perdeu un anaco.
Pombeiro: Xunto a igrexa mosteiral, nun muro, pedra reutilizada con cazoletas.
 




 

 

   
PARADELA
Petroglifo de Campo Maior (Delle-Ferreiros): O día 5 de setembro de 2023, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares e da Asociación Tir Na n´Og localizamos o que podemos considerar o primeiro petróglifo do concello de Paradela. Foi nas inmediacións da necrópole megalítica de Campo Maior, composta por dúas mámoas do período Neolítico. Aínda que moi erosionada, documentamos unha combinación formada por tres círculos concéntricos con coviña central realizada sobre un afloramento granítico. Ata esta descuberta, a única pedra decorada, exenta, do concello apareceu no castro da Croa de Barán, estudada por J. Carballo e publicada nun Boletín da Comisión de Monumento de Lugo no ano1943, onde di que as liñas que se ven pertencen ao grupo de representacións ultra-esquemáticas que representan unha danza funeraria pertencente á Idade do Bronce, pero cremos que non se debe incluír nos gravados rupestres clásicos, senón entre os motivos decorativos bastante correntes na época dos castros.
Lousa decorada de Barán (Barán): No castro da Croa de Barán apareceu unha lousa exenta con incisións que foi estudada por J. Carballo e publicada no Boletín da Comisión de Monumento de Lugo (1943). Di que as liñas que se ven pertencen ao grupo de representacións ultra-esquemáticas que representan unha danza funeraria pertencente á Idade do Bronce. Non se debe incluír nos gravados rupestres clásicos, senón entre os motivos decorativos por veces moi arcaizantes, bastante corrente na época dos castros.
 

 

O PÁRAMO
Petroglifos do Pico da Cruz (Vilafiz): A colaboración entre o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a asociación Tir na N´og permitiunos documentar o 18 de outubro de 2020 os primeiros petroglifos do concello do Páramo. Foi no Pico da Cruz, a 513 metros de altitude, a carón dunha gran cruz de granito de máis de dous metros de alto. Na parte horizontal dunha pena vense tres coviñas duns cinco centímetros de diámetro de clara factura artificial. Na mesma pena tamén figuran gravados uns toscos símbolos que en principio identificamos como unha letra "P", unha "U" invertida, unha "V", e separada destas unha "A".  O sitio non figura como delimitador de territorios. A uns 50 metros localizamos outra pedra con catro coviñas. Pola erosión, as cazoletas son máis antigas que as letras. Os achados foron comunicados a Patrimonio para a súa catalogación, o mesmo que a cruz que non aparecece catalogada.
Petroglifos no castelo da Pena Aguieira: O día 21 de maio de 2022, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos uns novos petroglifos no concello do Páramo, case no límite co de Sarria, entre as parroquias de Sa e San Miguel de Vilapedre. Foi no castelo da Pena Aguieira, a 650 metros de altitude. No lugar documéntase unha fortaleza medieval que foi derrubada durante a Revolta Irmandiña. Nun afloramento rochoso localizamos unhas gravuras formadas por, ao menos, tres coviñas das que parte un suco ou apéndice, un motivo con forma de cruz e, o máis interesante, un cadrado coas esquinas arredondadas con catro divisións formadas por dous trazos rectilíneos que se cruzan no medio onde unha das liñas se proxecta cara o exterior. Nun primeiro momento pensamos que a figura cadrada podía tratarse dun alquerque de tres (tres en raia), un xogo moi popular que aparece gravado en pedra nalgún xacememento romano e en varias fortalezas medievais, igrexas e mosteiros. Pero se tomamos como referente outras gravuras galegas similares, e estar próxima a cazoletas con suco, é moi probable que sexa de factura prehistórica, feito que semella confirmar o elevado grado de erosión de todos os motivos agás a cruz que presenta as arestas máis vivas, gravada con posterioridade para, posiblemente, cristianizar un lugar ritualizado considerado como pagano.
 





A PASTORIZA
Pedra do Encanto (As Amoras-Loboso): Pedra de cuarcita, de cor escura de aspecto moi puído. Nun dos laterais presenta un rebaixe circular en forma de aro de aspecto antrópico. O tipo de material é infrecuente no monte onde se atopa. Existen numerosas lendas asociadas á pedra pola súa forma de trono. 
 

PEDRAFITA DO CEBREIRO
No mesón de San Xiraldo de Aurillac, antigo hospital de peregrinos, pechado na actualidade, está o orixinal dun relevo orixinario de Salcedo, concello de A Pobra de Brollón, que ata hai pouco se tiña, sen base algunha, como un petroglifo da Idade do Bronce. Pódense observar dúas figuras humanas montadas en senllos cabalos con espadas sobre o ventre, un cabalo detrás e outras figuras. (Ver A Pobra do Brollón).

A POBRA DO BROLLÓN
Relevo de Salcedo: Considerado erroneamento coma un petroglifo prehistórico. Atópase en mans particulares. Foi mercado por Elías Valiña con cartos públicos, trasladándoo para O Cebreiro. Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares levamos anos reclamando a súa devolución, sen que as autoridades fagan nada para remedialo.
Petroglifos de Óutara: Nesta parroquia, lindeira co concello de O Incio, consérvase unha pena con coviñas e cruciformes. 
 

PORTOMARÍN 
Petroglifos da Pena (A Fonte Grande-O Castro de Soengas): Na Serra de Narón. 
Petroglifos da Pena da Ázpara (Vendas de Narón-San Mamede do Río): A 700 metros de altitude, a carón do Camiño Real. Nas Vendas de Narón houbo outro petroglifo que foi destruído cando a ampliación da estrada. Varias penas con coviñas sobre pizarra. 
Petroglifos de Pena Maior (Vilaxuste): Aínda que nos mapas figura como Monte Outeiro Grande, en realidade atópase no Monte Reborido, a 564 metros de altitude. Trátase dun gran afloramento rochoso onde localizamos dous grupos de gravuras. No primeiro dúas coviñas duns seis centímetros de diámetro, unha delas con canle, unha pía de forma tirando a ovalada de 0,25 x 0,13 metros e unha posible ferradura. No segundo grupo vese unha coviña de trece centímetros con canle, dúas coviñas duns sete centímetros de diámetro e dúas pías circulares duns dezaseis centímetros de diámetro. Segundo os veciños de Vilaxuste, actuaba como linde entre as parroquias de Recelle e Vilaxuste. 
Petroglifos de Pena Corveira: Entre as parroquias de Vilaxute e Recelle, non moi lonxe do anterior. Coviñas. Consérvase un burato cadrado que acolleu unha cruz, hoxe en día desaparecida. Asociada a unha lenda de bruxas. Segundo os veciños de Recelle é esta pena a que actuaba como linde con Vilaxuste. 
Petroglifos do Río Ferreira (León): Nunha pena lisa e horizontal situada xunto o río Ferreira, afluente do Miño, na parroquia de León (Portomarín), hai gravadas cinco coviñas que oscilan entre os 3 e 6 centímetros de diámetro. Antes da construción do encoro de Belesar no ano 1963, a zona estaba plantada de viñedos que se cubren ao subir as augas, incluída a pena coas gravuras. Documentámolos o día 26 de decembro de 2018 grazas a Ialo López Fuenteseca. 
Pena das Letras: Entre Ligonde (Monterroso) e San Mamede do Río (Portomarín).    



 

QUIROGA
Petroglifos de Feais (Feais-Cereixido): A 1.061 metros de altitude. Dúas penas de lousa con coviñas.
Petroglifos do Miradoiro do Alto do Boi: Localízanse onde construíron un miradoiro. Coviñas.  
Penadominga (Bendilló): Atopouse un "alquerque de IX" de datación tardorromana gravado nunha laxa de lousa. No Museo Provincial de Lugo.
 


 

RIBADEO
Petroglifos de As Fádegas ou As Pisadas do Encanto: No mes de xullo de 2011 Mariña Patrimonio localizou uns petroglifos nunha finca de As Anzas con forma de pegadas de pés humanos e dúas cazoletas. Avisada a Dirección Xeral do Patrimonio, as gravuras xa foron catalogadas. Son os primeiros petroglifos que se atopan no concello. En principio creuse que eran once pegadas humanas e catro coviñas, mais logo de ser estudadas as pegadas, din os investigadores, son de osos o que as vincularía a un rito ao sol e ao solsticio de verán, paralelismo que se dá nos países nórdicos.
 

RIBAS DE SIL
Castro de Abaixo (Castro de Abaixo-Nogueira): Dise que nas penas de Augasmestas, preto da igrexa de Covas, vense as pegadas do cabalo de Santiago. 

SAMOS
Os Chaos e Pena das Cazolas (Lóuzara); Os Negredos (entre Renche e San Cristovo do Real); Pena das Cuncas (Vilar de Robledo-Santalla); Pena dos Buracos (San Xil); Na Serra do Édramo, entre os castros de Formigueiros e Margarida. 
Petroglifos Pena dos Buracos: A 880 metros de altitude. Delimita a necrópole megalítica da Chan do Nandelo. Coviñas.
Petroglifos Pena das Cazolas: Laxe con coviñas. (A descriptiva foto enviouma Benxamín Balboa). 
Petroglifos Pena das Cuncas: No límite dos concellos do Incio e Samos. Laxe de pizarra con cazoletas, algunhas unidas por sucos. 
Castro de Formigueiros: Acháronse varias lousas insculpidas, pertencentes ao pavimentado dunha praciña arrodeada por bancos de pedra, con representacións de peixes, cabalos e un labirinto. Nun dos soportes aparecen uns caracteres que segundo o director da escavación, Gonzalo Meijide, lembran os alfabetos ibéricos. Estaremos diante da primeira escritura prerromana aparecida en Galicia? 
As insculturas do concello que puidemos comprobar presentan cazoletas de distinto diámetro.
 
  



 

 

SARRIA
Pena da Rebouza ou Pena da Moura (Rebouza-Barbadelo); Rente (Rente-Barbadelo); Igrexa e Penedo dos Ramos (Barbadelo); San Cibrán e Monte de Santa Cristina (Betote); Capela do San Marco e Serra do Páramo (Biville); Penas de Vigo (Vigo-Fafián); Pena de San Estevo (As Pedreiras-Ferreiros); Lousadela e Tosal (Lousadela); A Fonte (A Fonte-Maside); Pena de San Vicenzo (Maside); Outeiro (Outeiro-Maside); Pena dos Barrenos e Pedra da Moura (Vilerma-Maside); Santo Estevo (Maside); Zanfoga (Zanfoga-Maside); A Pena (A Pena); Santo Estevo (Requeixo); Monte de Santa Cristina (Treilán-Requeixo); Pena Escrita (Pacio-Vilamaior); Tremeado (Tremeado-San Fiz de Vilapedre); Pena do Corrial e Penelas (As Penelas-Santalla de Arxemil); Almeira (A Fonte-San Salvador de Pena); Campo da Feira e Santo Estevo (Sarria); Igrexa de Santiago da Veiga (A Veiga); Monte Porqueiro.
Petroglifos de Almeira: Presenta cazoletas, algunhas unidas entre si por uns sucos. 
Petroglifos da Igrexa: Preto da igrexa románica pódense ver coviñas, cruciformes e serpentiformes. 
Petroglifos da Capela do San Marco: Na Serra do Páramo está a capela do San Marco, de afamada romaría. No lugar houbo na Idade Media un pequeno mosteiro posto baixo o padroado do San Adrao. Acaroados á ermida hai tres sártegos escavados na rocha. Xunto un deles vese unha coviña de 10 cm de diámetro, e nas inmediación dúas coviñas illadas e unha pía de 24 cm de diámetro, todos de factura humana. Localiceinos o día 6 de xuño de 2015. Sen catalogar. 
Petroglifos da Fonte: Pena con catro cazoletas. 
Petroglifos da igrexa de Santiago da Veiga: Combinación de catro círculos concéntricos con coviña central reutilizado nun muro da igrexa parroquial; ten unhas medidas máximas de 25 cm de diámtro. Debaixo hai unha pedra decorada de factura posiblemente castrexa. A información débolla a Antela López Dominguez, de Fonteabuín. O día 20 de abril de 2023 enviámolo ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que procedan á súa catalogación.    
Petroglifos do Monte de Santa Cristina: Sobre unha pena granítica, 31 cazoletas, varias delas aliñadas, coviña con círculo e tres podomorfos. 
Petroglifos de Outeiro: Nunha gran pena granítica situada preto dunha granxa, vense, ao menos, dúas cazoletas na parte inclinada. 
Petroglifos da Serra do Páramo: Localizámolos os do Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 6 de xullo de 2020. Nunha pena granítica rente ao chan documentamos unha combinación de dous círculos concéntricos con coviña central. No límite co concello do Páramo, preto dunha mámoa, localizamos unha pena con tres coviñas e unha cruz de feitura posterior.       
Petroglifos de Tosal: Penedas con coviñas. 
Petroglifos de Tremeado: Nas proximidades do castro de Tremeado. Pena con coviñas. 
Petroglifos de Zanfoga: Algunhas penas insculturadas desapareceron cando a concentración parcelaria. Consérvanse algúns soportes graníticos con cazoletas, círculos, serpentiformes, motivos que semellan pegadas de animais e ferraduras.  
Luis J. Solla Fontán, no se traballo publicado no Boletín do Museo Provincial de Lugo, Petroglifos en Sarria (1984), achega os seguintes: Pena de Barbadelo, xunto a igrexa, con coviñas, cruciformes e serpentiformes; Pena das Granxas, entre o quilómetro 2 e 3 da estrada Sarria a Portomarín, circoformes, serpentiformes e zoomorfos; A Pena do Camiño, entre os quilómetros 1 e 2 da estrada Sarria a Portomarín, cova grande e circoforme, algúns dos circoformes achéganse un pouco a uns labirintos; A Pena do Dolmen, entre Zanfoga e San Vicenzo, cova, serpentiforme e un en forma de machadiña; A Pena da Flor, entre Zanfoga e San Vicenzo, cruciforme e forma de flor; Penas de Zanfoga e de San Vicenzo, en Zanfoga, coviñas; Pena do Pombal, entre Fonte e Maside, cazoletas e "cambeiriformes"; A Pena da Constelación, entre Fonte e Maside, cazoletas; Pena das Ferraduras, por riba da igrexa de San Pedro de Maside, "cambeiriformes", ferraduras e pegadas de animais; Pena de Vilerma, coviñas, canles e "cambeiriformes"; A Pena do Mencer, xunto o castro de Santo Estevo, cazoletas e algún "cambeiriforme"; Pena Citania, entre Fonte e Santo Estevo, coviñas, "cambeiriformes" e liñas; Pena de Santo Estevo, no antecastro de Santo Estevo, combinacións con coviñas; Pena da Canteira, entre os quilómetros 1 e 2 de Sarria a Goián, coviñas, radios e cruces; Pena da Vía Láctea, entre os quilómetros 1 e 2 da estrada de Sarria a Goián, coviñas e un cico con centro en coviña; Pena de Santa Cristina, en Betote, coviñas e dous círculos concéntricos; Pena dos Sacrificios, no Monte de San Cibrao, cazoletas e canles; Pena do Romeo, coviñas e "cambeiriformes".    
Pena dos Sacrificios: Como cito no apartado anterior, Solla Fontán fala no seu traballo desta pena ubica no Monte de San Cibrán, cando en realidade está no coñecido como Monte das Lamas. O día 13 de novembro de 2015, José Antonio Quiroga Sobrado acercoume ata o lugar para ver esta pedra que el visitara co seu pai hai uns cincoenta anos. Estaba formada por unha gran pía superior da que partían varios sucos ou canles que remataban noutras pías. Segundo a lenda, na pía superior botábase o caldo, e este discorría polas canles para encher as pías inferiores onde se comía. Cando chegamos ao sitio a rocha fora tapada con cascallos de pedra e terra procedente dunhas pozas que escavaran nas inmediacións, ademais de que o afloramento granítico fora usado para extraer pedra. Despois de limpar a zona demos coa rocha mais, lamentablemente, atopámola practicamente destruída, conservándose só parte de dúas pías inferiores duns 12 cm de diámetro e 10 cm de profundidade e outras dúas nas que apenas se adiviñaban. Cremos que podería tratarse dun espazo ritual. Nas rochas cortadas situadas nas inmediacións constatamos a presenza de varias coviñas.     
Bolo de Betote: Ver ao final das fotos de Sarria.

 
 
 
 
 
 
 

 

 

 

O Bolo de Betote 
No ano 2006, durante o control arqueolóxico das obras de construción da estrada de alta capacidade entre Nadela e Sarria, apareceu unha gran pedra granítica con varias cazoletas gravadas na súa superficie e arrodeada por un círculo de pedras fincadas delimitado por unhas foxas lonxitudinais que podería conformar un novo anel delimitador. Unha vez realizadas as escavacións, optouse por trasladala do lugar orixinal para o que foi necesario seccionala en catro fragmentos debido ao seu peso (112 toneladas). Unha vez na nova ubicación, procedeuse á súa colocación, recuperando a morfoloxía e orientándoa e nivelándoa de forma que mantivese a relación espacial co seu ámbito.
 

Segundo Juan A. Cano Pan, o arqueólogo encargado dos traballos, o xacemento pode encadrarse no período Calcolítico, cunha antigüidade que ronda os 4.000 anos. No seu conxunto configuraría un espazo simbólico relacionado con algún tipo de ritual.
Tal como recolle a memoria de Actuacións Arqueolóxicas do ano 2006, publicado pola Consellería de Cultura, o coñecido como Bolo de Betote foi trasladado para unha propiedade de titularidade pública, sinalándose que, ademais dos accesos, se colocarían dous paneis explicativos. Segundo me achegou a etimóloga Dolores González de la Peña, unha señora de Vilarmaior, natural de Sarria, contoulle que este bolo lanzouno unha vella dende moita distancia. O pai de Maribel Pérez, a nosa informante, natural de Betote, contoulle que os veciños coñecían o Bolo como A Pena do Lobo. 
 

Dende o pasado verán, no Colectivo Patrimonio dos Ancares recibimos varias queixas achegadas por persoas e asociacións para denunciar o estado de abandono en que se atopa este singular ben patrimonial, mesmo houbo xente que, simplemente, non foi quen de localizalo. O sábado, 9 de novembro de 2019, dirixímonos ata o lugar, comprobando, en efecto, que cómpre saber con exactitude onde se atopa para poder dar con el. Aínda así, debido á mestísima maleza que o cubre (arbustos, silvas, etc.) resulta imposible aprecialo.
 

O luns seguinte enviámoslle un correo electrónico á Concellalía de Cultura do Concello de Sarria para que fagan as xestións necesarias para valorizar este importantísimo, case único, ben patrimonial, procedendo á limpeza do entorno e sinalizándoo xa que a pesares do reflectido na mencionada memoria, que nós saibamos, nunca foi sinalizado.
 

No 2015 xa denunciaramos o seu abandono por parte das Administracións, situación que empeorou co paso dos anos. Sempre se pon a desculpa da dificultade para sinalizar un ben patrimonial, alegando que a maioría se atopan en propiedade privada. Pero non é este o caso porque a súa ubicacións está nunha propiedade pública e, ademais, goza da máxima protección xa que ao ter gravuras (cazoletas) é, de por si, BIC. Sería o primeiro xacemento prehistórico posto en valor no concello de Sarria.
 

Tamén lle enviamos un escrito á Xunta de Galicia para que corrixan a ubicación actual do Bolo de Betote na cartografía do Plan Básico Autonómico (PBA), xa que nela figura situado no lugar onde apareceu (que tamén se debe protexer), pero non na nova ubicación. 

O SAVIÑAO
Pena do Aveado (Pesqueiras-Santo Estevo de Ribas de Miño); Leira Rapada (Vilatán).
Castro de Abuíme: No antecastro do castro de Abuíme hai unha rocha cunha pía coñecida como A Pía dos Mouros. Nos laterais tamén se poden ver unhas coviñas. Dise que os mouros que habitaban no castro utilizaban a pía para dar de beber aos cabalos, e os buratos eran as marcas das ferraduras. 
Petroglifos de Leira Rapada: Preto do castro de Leira Rapada. Na parte superior da pedra cobertoira dun, para min, dubidoso dolmen (trátase máis ben dun trilito) localizado polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo no mes de febreiro de 2014, aparecen gravadas, ao menos, cinco combinacións de círculos concéntricos de cuxo centro parte unha liña ou suco.
Igrexa de San Paio de Diomondi: "Alquerque de IX" reutilizado na construción da igrexa, situado na parte alta da ábsida. Moi erosionado. A súa reutiliación no templo dinos que procede dun asentamento moito máis antigo. O "alquerque de IX" coñécese tamén como "o triple recinto", interpretado como un desexo de transmitir un determinado coñecemento.




 

SOBER
Nogueira, Regueiro ou Tapada do Monte (Nogueira-Anllo); Laxa da Carreira e A Paxota (Bolmente); Armenteiro (Bulso); Monte dos Cótaros (Figueiroá); Prados (Prados-Figueiroá); Camiño da Ribeira, Casardecima (Lobios); Monte do Cura (Millán); Pena do Lagarto, O Agro e O Barcal (Sampil-Pinol); Cadeiras, Campo da Chá, Castro das Medorras, Monte de Valderraña, Pedra da Virxe e O Toutileiro (Pinol); Agro dos Llanos, Coviñas de Foxaes, Os Lagos, Monte do Coto, O Pombar, Pedride, Pena do Galo, Pena do Cabalo, As Portelas, As Tapias, As Tercias e O Xestal (Proendos); Froxán (Froxán-Proendos); Agro de Arriba, Coviñas dos Toxos e Prados (Mer-Proendos); Amido, Campo da Chá, A Cerreda (Santiorxo); O Val (Barreiros-Santiorxo); Preguiceiro (A Lama-Santiorxo), Ferrada (Veliños-Santiorxo). Na parroquia de Proendos había outras moitas gravuras, hoxe en día desaparecidas: Centeás, Pena da Portela, As Tapias ou As Terzas. 
Petroglifos do Agro: Dous afloramentos graníticos con cazoletas, sucos e pías naturais. 
Petroglifos de Anllo: Presenta motivos circulares, sucos, coviñas, cruciformes inscritos nun cadrado e o que semella un ídolo e unha paleta. Sufriu unha agresión dando as obras dunha traída de auga. 
Petroglifos do Barcal: Coviñas, algunhas unidas por sucos. 
Petroglifos de Cadeiras: Nas proximidades do santuario de Cadeiras, rocha granítica cunha combinación circular. Sen catalogar, demos con el en maio de 2013. 
Petroglifos do Camiño da Ribeira: Pena con coviñas e sucos localizada por Óscar Alonso, da asociación O Colado do Vento. 
Petroglifos de Casardecima: Localizados por Óscar Alondo, da asociación O Colado do Vento. Pena con máis de cincoenta insculturas.    
Petroglifos do Castro das Medorras: Rocha na croa do castro cunha ducia de cazoletas. 
Petroglifos de Froxán: Círculos concéntricos que forman parte das pedras do muro dunha casa. 
Petroglifos de Os Lagos: Dúas rochas con coviñas e sucos. 
Petroglifos da Laxe do Campo da Chá: Coviñas e sucos. Segundo a lenda se se abre sae unha campá, e cando un carro pasa por riba estremece. 
Petroglifos do Monte dos Cótaros: Círculos concéntricos, sucos e coviñas. Enrique Fernández Llano recolle unha lenda no seu Descripción del término municipal de Sober (1977) que fala da Pedra dos Cótaros que posúe un petroglifo. A peneda foi levada alí por unha moura xa que lle estorbaba para coller auga na fonte de Rolindes. 
Petroglifos do Monte Valderraña: Unha rocha granítica con 11 cazoletas. 
Petroglifos do Monte do Cura: Coviñas, Citado por Vázquez Seijas. 
Petroglifos de Nogueira, do Regueiro ou da Tapada do Monte: Xunto o regueiro Baldeiros. Gravuras en xisto con orientación principal N-S. Vense sete combinacións circulares, varias coviñas e unha figura reticulada unida á maior parte das combinacións circulares mediante un suco que parte desta. Taménse aprecian motivos cruciformes. 
Petroglifos da Paxota: Descuberto no mes de novembro de 2017 polo integrante da asociación Colado do Vento. Unha ducia de círculos concéntricos e máis de cen coviñas. 
Petroglifos de Pedride: Coviñas e un motivo a xeito de phi. Cruciforme de época medieval. 
Petroglifos da Pena do Cabalo: Coviñas, sucos e un posible cabalo dun trazo. 
Petroglifos da Pena do Lagarto: Entre Vilariño e Paradela (Pinol). Dados a coñecer o día 18 de novembro de 2015. Foron descubertos pro Óscar Alondo, de O Colado do Vento. Trátase dunha pena duns dez metros de lonxitude ateigada de coviñas e sucos. Podemos estar diante do conxunto máis grande do sur da provincia de Lugo.
Petroglifos da Pena das Portelas: A 500 metros da casa reitoral de Proendos. Tres coviñas, unha con canle.    
Petroglifos do Pombal: Círculos concéntricos e coviñas. 
Petroglifos dos Prados ou Toxaes: Coviñas. 
Petroglifos de Preguiceiro: 33 coviñas, algunhas unidas por sucos. 
Petroglifos do Toutileiro: Dúas penas con gravuras.
Petroglifos do Xestal: Divididos en dous grupos. O primeiro consta dunha combinación de sete círculos concéntricos con coviñas asociadas. O segundo grupo atópase a uns 50 m do anterior, está formado por catro combinacións circulares asociadas a cazoletas e trazos rectos e en ziguezague. 
Pedra da Virxe: Nun afloramento granítico había gravadas varias cazoletas e pías. Segundo a tradición, nesas pías lavábase e peiteábase a Virxe. A parte gravada da pedra foi cortada e no seu lugar, aproveitando unha oquedade, colocouse unha imaxe da Virxe protexida por unha porta. Esta lenda é a orixe do santuario de Cadeiras. 
Tampa de sartego no Museo Provincial de Lugo: Tampa de lousa dos séxulos IX-X. Para min, a sú singularidade atópase nos círculos con coviña central que ten gravados. Resulta curioso, e máis se temos en conta que procede dunha necrópole de Santa María de Proendos onde abundan os petroglifos. Os autores, inspiraríanse nas gravuras prehistóricas?
 




 

 



 
TABOADA
Castro de Moreda (Moreda). 
Castro de Moreda: Penedo marcado cunha ferradura que disque é a pegada da burriña da Virxe. 

TRABADA 
Serra da Cadeira: Entre a Pontenova, Riotorto, Trabada e Lourenzá. No estudo de impacto arqueolóxico do parque eólico Cadeira-Cerrochao localizáronse oito xacementos calcolíticos. 

TRIACASTELA
Petroglifos da Pena das Ferraduras (A Balsa): No Monte Nandelo, a 880 metros de altitude. Pena de lousa con 16 coviñas de distinto tamaño. Atópase nas inmediacións da necrópole megalítica da Chá de Nandelo.

 

O VALADOURO
Pena nas abas do Penido: Non moi lonxe do círculo lítico do Prado das Chantas hai unha pena con coviñas e pías que, nun primeiro momento, semellan naturais. Mais como di Mónica Montero Borrazás, se as pequenas son artificiais, as grandes poderían ser o resultado da erosión por existir previamente coviñas ou traballos sobre a pedra.
 

VILALBA
Ladra (Castro de Ladra-Ladra); Vilagondriz, na actualidade no Museo Arqueolóxico de Vilalba (Lanzós); Chanta dos Millós, Pena do Sombreiro (Samarugo); O Castro (Os Castros-Samarugo); Penedos de Monseiván (San Simón da Costa); Altar de sacrificios de Bodán (San Simón da Costa).
Chanta dos Millós: Ao destruír unha mámoa no lugar de Rairo-Porto de Bois (Samarugo), apareceu unha pedra decorada con coviñas.  
Petroglifos de Ladra: Laxe no castro de Ladra coa gravura dun ofidio. 
Petroglifos da Pena de Samarugo: A primeira referencia deste petroglifo é de Manuel Murguía. Segundo a reprodución feita por Vázquez Seijas representaba o Sol e a Lúa. Cuevillas e Bouza Brey póñenno en relación coas barcas solares dos petroglifos escandinavos. García Martínez apunta unha posible relación dos deseños con cultos á fertilidade. Xosé M. González Reboredo como símbolo de conxunción luar-solar que representaría unha coincidencia dos opostos masculino/feminino. A pedra oscilante foi descuberta, segundo achega Federico Maciñeira en El Eco de Galicia do 10 de maio de 1895, polo escritor Manuel Mato. Segundo noticia recollida de La Voz de Galicia do 19 de outubro de 1902, en Samarugo había unha pedra abaladoira que estivo a punto de ser destruída, salvouse grazas ao labrego Anselmo Guás, veciño de Cardelle. Descoñezo se aínda se conserva.
Petroglifo da Pena das Rodas: Mato Vizoso deu a coñecer, por medio de Maciñeira, este petroglifo, desaparecido nos anos corenta do século pasado, composto por dúas representacións radiais, colocadas enriba duns arcos semellantes a crecentes luares. Pola descrición debe ser o mesmo que o da Pena de Samarugo.
Penedos de Monseiván: Penas con pías e coviñas asociadas, segundo algunhas fontes, a cultos ao sol, á lúa e a sacrificios de animais. 
Petroglifo de Vilagondriz: Petroglifo exento realizado nunha laxe de metarenisca con varios motivos circulares, posibles ferraduras e coviñas. Custodiado no Museo de Arqueoloxía e Prehistoria de Vilalba. 
Altar de sacrificios de Bodán ou Pedra do Altar (Bodán-San Simón da Costa): Situado preto do pazo e da capela de Bodán.Na finca denominada Cerca de Bodán existe unha curiosa pena de 4,35 metros de longo, 2 de ancho e 2,60 na parte superior, encabalgada sobre outra de 1,10 metros de alto. Na parte máis alta hai unha pía de 37 por 30 cm, cunha canle que comunica con outra máis baixa pero maior que ten na súa base 60 por 38 cm, ensanchándose na parte superior; por riba desta hai dúas coviñas. Un pouco máis abaixo hai outra pía de 37 por 32 cm con canle de saída, e á súa dereita unha pegada na que encaixa bastante ben a man dunha persoa. A continuación, despois dun espazo libre, ten un corte a xeito de escalón, que só ocupa os dous terzos do ancho da pedra, cun banzo de 17 cm de alto. Todas as circunstancia que amosa a pena, coñecida co nome de Pena de Bodán, fainos pensar que nos atopamos diante dun altar de sacrificios da época céltica”. (Recollido de Vázquez Seijas no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo do ano 1947, baixo o título Riquezas megalíticas en tierras de Villalba. Vai algo resumido e traducido ao galego).  
Outras penas: Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1950) cita varias penas no concello de Vilalba: A do Pico de Vilariño, con varias coviñas na parte superior; Pico do Bolo (no Monseivane), con coviñas e canles. Nos Pedrouzos de Corvelle, dúas penas con coviñas e pías. En Pedrouzos de Córneas (Samarugo), rocha con pías e coviñas. A Pena Acabalada, situado no monte das Pandas (San Simón da Costa), asociada a varias lendas. E a Pena Abaladoira de Samarugo (unha foto antiga desta pedra débolla a Francisco González Peteira).
 


 


 
XOVE
Petroglifos dos Illós de Pedras Altas (O San Salvador-Monte): Dúas penas con gravuras de época histórica.
Petroglifos da Casa do Cura (Penas Agudas-O Monte): Pena con dezaoito cazoletas e serpentiformes descuberto por MariñaPatrimonio. Trátase do primeiro petroglifo atopado no concello e que xa foi incluído polo Servizo de Patrimonio da Consellería de Cultura no inventario de xacementos arqueolóxicos coa denominación de "petroglifo do Monte".

 Xabier Moure
Petroglifos de Galiza/Galicia (Provincia de Lugo)
o noso patrimonio