ALLARIZ
Guerreiro de Armea (Augas Santas): S. I a.C. ou I d.C., consérvase no Museo Arqueolóxico de Ourense. No castro de Armea servía de tapadeira a unha pequena corrente de auga. Antes estivo no pretil da solaina dunha casa de Outeiro da Laxe. Trátase dun torso de guerreiro galaico cortado por debaixo da cintura. Sábese que perdeu a cabeza no século XX cando foi reaproveitado para tapar a canle de auga. Leva brazais, caetra, cinto e espada tipo parazolium empuñada sobre o peito. Este tipo de guerreiros galaicos suscitou abundante bibliografía. Uns cren que foron estatuas de término ou xenios tutelares das cidades, estatuas ctónicas e funerarias, heroes epónimos ou endeusados, espíritos protectores, pezas votivas honoríficas, representacións dun deus bélico, monumentos erixidos a soldados dos castros ao servizo de Roma, sacralización da función guerreira ou representacións de príncipes. Son bastantes as estatuas que aparecen por parellas nun mesmo xacemento, o que se explica pola súa colocación nas entradas do mesmo, e este torso tamén tiña compañía noutra peza, moito máis mutilada, da mesma procedencia e localización.
Forno de Armea ou Forno da Santa: Agochado nunha cripta baixo unha igrexa inacabada do século XIII posta baixo o padroado da Ascensión ou Asunción. A lenda sitúa aquí unha das esceas onde quixeron queimar a Santa Mariña, salvada grazas á inteccesión de San Pedro (a outra sitúaa xunto a igrexa baixo a advocación da santa). Xaquín Lorenzo Fernández publicou un detallado informe sobre o forno que asocia ao castro da Cidade de Armeá. Don Xaquín interpretouno como unha cámara ritual vencellada a ritos de incineración. Conde Balvís inclinouse por unhas termas de orixe castrexa, cunha entrada tipo "Pedra Formosa".
Castro Pena do Couto: Castro localizado nun outeiro de pouca altura. Non se atopan murallas aínda que si cachotes con caras alisadas nos muros de peche dos valados que separan as propiedades anexas. Hai unha pena de enormes proporcións.
Tríscele de Aira Vella: Labrado en pedra de granito, atópase no muro dunha casa.
Santuario de Armea ou xacemento do Monte do Señoriño: En marzo de 2011 deuse a coñecer un importantísimo achado no lugar coñecido como Monte do Señoriño, próximo ao castro da Cidade de Armeá. O descubridor foi o señor Manuel Losada, cando andaba na procura dun marco dunha súa propiedade. O profesor da Universidade de Vigo, Adolfo Fernández, que estaba a preparar un proxecto de investigación arredor do citado castro e o conxunto histórico, etnográfico e mitolóxico de Santa Mariña de Augas Santas, catalogou o descubrimento como de tremenda importancia. Aínda que a maior parte do xacemento aínda se atopa baixo terra, pódese apreciar un conxunto de escadas monumentais, distribuídas en socalcos, e un gran banco de pedra tallado na rocha, rodeado e delimitado por canles, tamén labradas na pedra. Losada, aínda que cauteloso, sinalou a semellanza co santuario portugués de Panoias (Vila Real), e o profesor Marco Garcia Quintela co tamén portugués da Pía dos Mouros, en Argeriz. Malia o anterior, José Ramón Seara e José Manuel González, da Asociación de Estudos de Santa Mariña de Augas Santas, din que podería tratarse dunha instalación anexa ao castro da Cidade de Armeá ou parte dunha vila de tipoloxía e datación romana. Esta última hipótese é a que cobra máis forza, interprétándose os restos como os dunha vivenda do século I d. C. con posibles funcións domésticas, administrativas e de control viario ao atoparse a carón dun camiño. A vivenda artéllase en varios bancais escavados na rocha aos que se accede mediante chanzos e onde se localizan as diferentes estancias. No bancal máis elevado sitúase unha cociña e nas proximidades localizouse unha forxa de ferreiro. Abandónase a comezos do século II d. C.
Castro de San Paio: Ovalado. Sobre el construíuse unha capela adicada a San Paio.
Castro do Formigueiro: Castro sobre un outeiro con boas defensas naturais sobre o río Formigueiro. Conserva restos de posibles murallas. Atopáronse algunhas esvásticas, un muíño de man, fragmentos de terra sigillata e o anaco dun molde para agulla. Sobre o primitivo asentamento ergueuse unha torre na Idade Media que se adoita identificar co castelo de Alba de Búbal, se ben, pola documentación, eran dúas realidades diferentes (ver a entrada neste blog adicada aos castelos de Ourense). Nunha pena vese gravada unha espada que pola tipoloxía semella do século XIV ou XV. No mes de xullo de 2016, con recursos do Concello de Amoeiro e un convenio coa Universidade de Vigo, baixo a dirección de Ladislao Castro e no que colabora o arqueólogo Celso Rodríguez Cao, iniciáronse os traballos de excavación do asentamento que deixaron ao descuberto os primeiros vestixios de cultura castrexa, romana e medieval. Nos primeiros días atopáronse anacos de vasillas castrexas e tellas de época medieval e romana. A tradición di que baixo o monte atópase unha trabe de ouro e outra de alcatrán; tamén que hai unha moura ao que adoitaban levarlle leite para conseguir o seu favor.
Castro Monte da Eirexa: Agás as pronunciadas pendentes que arrodeaban o recinto castrexo, só se conserva algún resto do que puideron ser as murallas. O castro atópase totalmente alterado pola constución dunha igrexa de orixe románica do século XII, o cemiterio e a reitoral, hoxe en día en ruínas.
Castro do Rodeiro (Abruciños): Apareceu unha lápida que na súa cara anterior, a xeito de cartela, presenta unha inscrición nunha liña sobre un campo escavado onde se le: Orius.
Castro de Zarra: Apareceron fragmentos cerámicos. Nunha as ladeiras do outeiro do castro localizáronse unhas rochas con petroglifos.
Relevo do Formigueiro (Trasalba): Utilizado primeiro como altar, un relevo da Idade do Ferro decora na actualidade a fachada da capela de Formigueiro. Presenta motivos xeométricos e un friso de cabalos, un deles con xinete. Outro relevo, con motivos xeométricos semellantes, foi colocado no lavadoiro da parroquia de Fontefría.
Fontefría: No lavadoiro podemos ver outra pedra decorada con motivos semellantes ao de Formigueiro. Nunha casona, hoxe en día abandonada, consérvanse as esculturas de dúas caras ciceladas nunha columnas, coñecidas como os Cabezóns das Casas das Tías Casildas, de posible adscrición castrexa. Na capela de San Xiao, unha ara adicada aos Lares Viais utílizase como pía de augan bendita.
Igrexa de San Pedro de Trasalba: Nun muro da igrexa consérvase a escultura, disque, dunha cabeza castrexa. Eu teño as miñas dúbidas canto á súa adscrición cultural. Se ben é evidente que foi reaproveitada, o burato que parte da boca continúa cara a parte superior posterior da cabeza (comprobeino cun arame) o que pode ser indicio de que se puido utilizar como un cano por onde pasaba a auga.
Castro de Lapela: Sobre a aldea de Lapela, no val do río Arnoia, a 300 metros de altitude. De 90 por 55 metros. Defendido por varios terrapléns. Na acrópole vense dúas pías megalíticas e unha cruz na pena máis alta. Conta F. Cuevillas que ata aquí subían a Virxe en procesión, depositándoa sobre unha das pías megalíticas.
Castro O Coto da Cidá ou da Cibdade: A 366 metros de altitude. De forma ovalada, de 100 por 80 metros. Na parte superior instalaron un repetidor de TV, tamén está afectado por camiños e terras de cultivo. Apareceron cantos e lascas de cuarcita.
Coto do Castro ou de San Vicenzo (San Xusto de Avión): Dende o seu emprazamento dominábase o val do río Avia. No ano 2023 comezaron as escavacións con metodoloxía arqueolóxica, abranguendo unha área de entre 80 e 100 metros cadrados. Contaba cun complexo sistema defensivo formado por tres murallas de pedra e unha cuarte a modo de parapeito de terra. No mes de setembro de 2024 saíron á luz dúas pedras decoradas, unha cun tríscele e outra cunha cruz embolada ou rosa camuna. As intervencións están dirixidas por Jorge Lamas, por iniciativa da comunidade de montes de San Xusto e a asociación cultural Viva Avión. Hai un conxunto rupestre formado por un grupo de afloramentos graníticos con varios rebaixes e entalles artificiais. Por medio de cinco banzos escavados na rocha accédese a varias cavidades rectangulares, cazoletas e algunha cavidade natural. A primeira mención débese a Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), onde fai alusión a un "altar natural que presenta todas sus características". O xacemento foi estudado por García Quintela e Seoane Veiga (2013). Os banzos semellan ter como única función acceder ao conxunto de ocos naturais e artificiais. O 29 de setembro de 2017, a etimóloga Dolores González de la Peña publicou no seu blog arqueotoponimia un interesantísimo mapa feito polo pintor de Ribadavia Rosendo Juan Amoedo Castro no ano 1789, onde ademais do castro de San Xusto achega, entre outros, un descoñecido castelo de Ripás.
Castro das Muradellas: Ovalado, defendido por terrpléns e muralla con parapeito e tres liñas de fosos. Apareceron restos cerámicos.
O Crastro (Seoane): Situado nun outeiro, está defendido por un profundo foxo que o arrodea no sector E e NE. Atopáronse materiais cerámicos.
Castro de Lobosandaus: De grandes proporcións, ten unhas medidas de 450 por 200 metros. Situado nunha dorsal paralela ao río Limia. Aprécianse dous foxos paralelos con parapeito entre ambos. Polo oeste a rocha está cortada a pico. A coroa está formada por un afloramento granítico. Na terraza vense construcións redondas e cadradas, e buratos de poste escavados na rocha. No Límite con Lobeira.
Castro de Penamaior: Posúe unha ampla visibilidade sobre o entorno, controlando os vales dos ríos Limia e Cadós. O cumito está rematado por un afloramento granítico sobre o que colocaron un vértice xeodésico.
BAÑOS DE MOLGAS
Outeiro do Castro (A Acea-Ambía); Outeiro das Touciñas (Alvite-Baños de Molgas); Formigoso (Baños de Molgas); Outeiro das Tapadas (Vilariño-Lama Má); Ciadella, entre Presqueira e Guamil; A Ciradella (Frebenza-Vide).
Castro da Acea ou do Outeiro do Castro: Situado nun esporón de caída cara o río Arnoia. Divisorio entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía. Protexido por un terraplén e varias zonas de muralla. Polo sur apréciase algún foxo. As pedras do castro foron reaproveitadas nos camiños próximos. Despois de décadas de abandono, a finais do ano 2017, no marco do proxecto Leader, encargado polos concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía, comezaron os traballos para poñelo en valor. As escavacións están dirixidas por David Pérez e César Barba. A súa cronoloxía podería ser do século II a.C. Apareceron dous "horrea", segundo os arqueólogos trátase, polo de agora, dos achados máis salientables das escavacións; estarían datados, posiblemente, no século II ou III a.C., tratándose do primeiros canastos castrexos que se documenta na provincia de Ourense. Moi preto apareceu outra edificación que ben podería tratarse dun almacén. Tamén saíron á luz pezas de orfebrería.
Castro da Ciradella: Castro de pequenas dimensións.
Castro da Ciadella: Castro de grandes diemensións que ocupa a totalidade dun esporón sobre o regato de Bouzas, cunha ampla panorámica sobre a contorna. A croa está definida por un socalco. As defensas están constituídas por fortes terrapléns naturais, sendo o S-O o de máis fácil acceso. Atopáronse restos cerámicos, escouras de fundición e un muíño naviforme.
Castro do Outeiro das Touciñas: Asentamento de pequenas dimensións cunha croa circular con afloramentos graníticos. Na parte norte contaría cun terraplén natural como defensa, e polo sur e oeste, de acceso máis doado, podería contar con algún sistema que complementaría as defensas.
Altar: Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958), di que na parroquia de Almoite había un altar druídico.
Castro da Escrita: A 580 metros de altitude. 103 metros de longo e pouco máis de 30 metros de ancho. Alterado pola estrada que vai a Santigoso.
Castro dos Lombos: Pequeno recinto de 70 por 30 metros. Nun esporón que se adentra no río Sil. Apareceron tégulas.
Castro do Pendón: No Alto de San Pedro, entre o río Sil e o regueiro do Real, no límite con Vilamartín de Valdeorras. Foso desfigurado polos labores agrícolas.
Castro do Santiño: Situado nun esporón, boas condicións defensivas e dominio visual da contorna. Croa ovalada arrodeada por terraplén e foxo. Apareceron tégulas e pezas de muíños.
Outeiro de Almeide: Situado nun outeiro con boas defensas naturais. Identificado no ano 1991 como resultado da prospección arqueolóxica levada a cabo por Nieves Amado, Isabel González e Cristina Varela. Boa visibilidade da contorna. Posúe dous recintos, o superior de forma elíptica protexido con terraplén e foxo. Apareceron restos de cerámica común romana e restos de tégula. Limita coa parroquia de Laroá, en Xinzo de Limia.
Escultura de Guerreiro galaico (Nocedo): Parte inferior das pernas dun guerreiro galaico do século I a.C. Custodiada no Museo Arqueolóxico de Ourense.
Castro de Meixón: Segundo a lenda hai dúas trabes, unha de ouro e outra de alcatrán custodiadas polos mouros.
Castro de Moldes: Catalogado por López Cuevillas no 1920. Na súa croa ergueuse a igrexa románica e o cemiterio. Disque aquí estiveron os templarios.
Anta ou Chao do Castro: Practicamente destruído, sobre o asentamento construíuse a igrexa parroquial. Nas inmediacións da igrexa apareceu unha epígrafe que Rodríguez Colmenero (1997), despois de traducido, di: "Marco Sigiro fixo esta dedicatoria a Anodio". Sobre a inscrición hai unha figura antropomorfa que pode ser a representación dalgunha divindade. Mais, segundo Silvia Alfayé (2013), cando se desprazou ao lugar no ano 2010, a peza desaparecera, descoñecéndose o seu paradoiro actual. Pero si tivo acceso a varias fotografías e un debuxo realizados por un veciño. Á vista das imaxes puido comprobar que non se trata dunha peza romana, senón moderna, onde o suposto teónimo indíxena Anodio débese ler en realidade como AN(n)O D(e), e a figura sería a representación esquemática dunha cruz cristiá.
O Castro (Orxais): A 1.050 metros de altitude. Practicamente destruído.
Castro dos Bois: Coñecido tamén como do Choutiso. A 986 metros de altitude. De forma ovalada, ten unhas medidas de 130 por 85 metros.
Castro de Rañalobos: No Alto de Rañalobos, a 992 metros de altitude. Teño dúbidas de que se trate dun castro, creo que podería tratarse dun castelo roqueiro baixo-medieval. Ten unhas medidas aproximadas de 135 por 120 metros.
O Castro ou A Torre: Situado nun outeiro rochoso, ocupando a posición central dentro do curso alto do río Salas, dominando visualmente as terras de cultivo deste val. Presenta un gran complexo defensivo constituído por un foxo así como un gran número de terrazas discontínuas executadas por medio de murallas construídas con grandes bloques graníticos.
Castro da Cidade do San Vitoiro ou da Cibdá (Castelaus): A maior parte da superficie do castro pertence a Castelaus (Calvos de Randín), só as ladeiras septentrionais atópanse en Porqueira. Situado nun outeiro rochoso dunha pequena dorsal entre dous cursos de auga. Presenta planta ovalada. A croa está delimitada en parte por pedras graníticas. Contaba con muralla pétrea reforzada cun foxo na parte máis accesible. Atopáronse fragmentos de cerámica castrexa. Preto do río Firbeda e da súa fervenza onde segundo a lenda aparecía unha moura antes de saír o sol para peitearse os cabelos dourados cun peite de ouro; entre o Pozo da Firbeda e a Cidade hai un túnel; no camiño que sube ata o castro hai unha cadea de ouro que os carros van desgastando cando as rodas pasan por riba.
Castro do Outeiro da Cerca ou As Presas: A 1.22 metros de altiude. Control visual sobre os vales do río Mestas, tributario do Limia no concello de Porqueira, así como do río Salas. Presenta un complexo sistema defensivo composto por un foxo que corta a comunicación deste recinto co resto do monte polas partes norte, leste e sur. As murallas serven de elemento diferenciador das distintas terrazas.
Tortas de fundición: Na "Peza do mes" do Museo Arqueolóxico de Ourense (outubro de 2017) di que as primeiras noticias da existencia dun tesouro arqueolóxico no concello de Calvos de Randín foron proporcionadas polo xornal La Región, que en xaneiro de 1962 facíase eco do descubrimento fortuíto de 17 tortas de prata achado por uns obreiros cando realizaban traballos nunha pista forestal do monte Facho, nas terras de Feás. Segundo relataron, as pezas atopábanse ocultas no interior dunha vasilla cerámica que se fracturou ao recollela, e que estaba protexida por un pequeno muro circular de pedra. Posteriormente a garda civil recuperou todas as pezas depositándoas no xulgado de Verín (Xinzo de Limia a dicir de Xaquín Lorenzo), e logo foron trasladadas ao Museo Arqueolóxico Provincial. O depósito deuse a coñecer á comunidade científica por parte de Xaquín Lorenzo na revista Archivo Español de Arqueología, "Tesorillo protohistórico de Calvos de Randín", dando conta das circunstancias do achado que sitúa entre Lomear e Pintás. As tortas de prata maciza do conxunto teñen formar xeral ovalada e sección plano-convexa. Na cultura castrexa son testemuña da forma máis habitual de almacenamento de metais nobres para a súa comercialización ou para a súa posterior transformación polo ourive, quen iría cortando "bocados" a medida que precisase material. Así pois, o tesouriño de Calvos de Randín é un conxunto de torgas-lingote de prata de moi alta calidade, de probable importación do sur da Península, ocultos no seu día, en plena cultura castrexa, entre o 213 e o 88 a. C., cul alto valor económico, cunha función primaria vinculada á ourivería e unha posible secundaria pre-monetaria.
O Castelo (Domiz): Segundo o catastro atópase no monte das Cuartas. Situado a uns 740 metros de altitude, é de forma elíptica, de 75 por 35 metros.
Castro de Casoio (Casoio): A 608 metros de altitude, no monte da Capela. Ten unhas medidas aproximadas de 100 por 55 metros.
Castro do Cerquillón (A Portela do Trigal): No monte Val do Peral, a 750 metros de altitude. Duns 80 metros de diámetro.
Castro de Currelos (Candeda): A 900 metros de altitude, no monte Poula dos Novaliños. A uns 300 metros do regueiro das Tercias. De 125 por 65 metros, arrodeado por un foxo en case todo o seu perímetro.
Castro do Remanso (Casoio): A 1.170 metros de altitude, sobre o río Riodolas, no monte coñecido como A Veiga. Ten unhas medidas de 60 por 55 metros. Asociado, posiblemente, a unha explotación mineira de época romana.
Castros da Teixeira (Casaio): Trátase de dous asentamentos situados a 1.170 e 1.425 metros de altitude, separados entre si uns 260 metros. Foron destruídos por canteiras. Segundo as imaxes do voo americano dos anos 1956-57, tiñan unhas medidas de 50 por 40 metros e 108 por 85, respectivamente; neste último observábase unha potente muralla.
Os Castrelos (Carballeda): A 450 metros de altitude, entre os regueiros de Valdeanes e do Lagar. De 75 por 95 metros.
O Castrillón (Bascois-Carballeda): A 575 metros de altitude. Destruído por unha canteira. Segundo as imaxes do voo americano dos anos 1956-57, tiña forma ovalada de 42 por 30 metros.
O Castrillón (Domiz): A uns 800 metros de altitude, sobre o regueiro do Val. De forma ovalada, cunhas medidas de 100 por 80 metros. Segundo a lenda viviron os mouros ata que foron expulsados polos cristiáns.
Castro de Outeiro de Vimieiros: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) recollen unha lenda relatada por un rapaz chamado Cabanelas, veciño de Sabucedo): "Na noitee de San Xoán sai no Outeiro de Vimieiros unha moura que se pon por riba de un penedo que hai na banda oeste do castro. En canto se pon n-iles, deita no sitio unha fonte e a moura lávase n-ela a cara e pentea os seus cabelos".
Tríscele calado de Castromao: O máis coñecido e mellor conservado, datado entre os séculos I a.C.-I d.C., foi descuberto no ano 1966. Ten unha superficie de 1,5 ha. Trátase dunha peza realizada en granito, con raios destroxiros, que ten a particularidade de ter ocos os espazos entre os raios. Deste tipo só se coñecen os dos castros portugueses de Briteiros e Santa Luzia, se ben existen fragmentos de pezas do mesmo tipo en Santa Tegra, Armeá, Santomé e no portugués de Monte Mozinho. Canto á súa función, barállanse, se desbotamos as fantasiosas, dúas hipóteses: que se colocaran no muro da vivenda para permitir o paso da luz e o aire (conxectura pouco probable debido ás reducidas dimensións, pouco máis de 40 cm de cada lado), ou unha función relixiosa marcada pola representación do tríscele, de xeito que a escasa luz que o traspasa sería abondo para provocar un efecto máxico, quizais vencellado a cultos heliolátricos ou, tamén, relacionado co sol en movemento, a xeito das esvásticas. Apareceron outros trísceles.
Torso de Guerreiro (Castromao): Século I d.C. Fragmento dunha estatua de guerreiro galaico, de tamaño menor que o natural, o que a emparenta coa do castro de Santa Ádega (Vilamarín). Formaba parte dun muro dunha finca que existe na parte baixa do castro. Tipoloxicamente é unha representación máis dos coñecidos como guerreiros. Está en mans particulares.
Castro Monte do Castro (Outeiro de Mandrás): A finais do ano 2010, nas obras da autoestrada entre a A-52 e Celanova, apareceu este castro. As primeiras prospeccións sacarón á luz os restos dunha vivenda e pezas cerámicas.
Castro de Monterredondo: Nun outeiro de forma amendoada. Aprécianse restos de parapeitos.
Castro do Outeiro de Rubiós: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) contan a seguinte lenda que lle relatou don Antón Peaguda, de San Lourenzo de Cañón: "Houbo niste outeiro unha cibdade moi grande que se chamaba San Salvador, ou Cachiquimbra, nome que leva hoxe unha parte do monte. Ista cibdade foi atacada polos romanos, ou polos franceses que estaban no castro do Furriolo. Escomenzou o ataque cun grande fuego, sostido dende o propio Furriolo, apesares da distanza de dúas légoas que os separa, pois é sabido que os antigos tiñan millores armas e de máis alcance que as nosas. Fóronse despois acercando os nemigos a Cachiquimbra, puxéronlle sitio, e remataron por destruíla, morrendo dos da vila 11.000 mártires, e dos que atacaban, moitos tamén. Cando os sitiadores estaban xa ó pé da vila, uns soldados foron pousar unha miga á beira de unha poza que aínda esiste, e sentáronse nunha que coidaron trabe, e que estaba deitada no chán. Pouco durou a pousa, pois a trabe diu en rebulir, e os soldados viron con espanto que era unha serpe grandísima que, despois de beber na poza, quedara adormiñada. Tiráronlle tiros cos seus fusiles, mais tiña tan duro o coiro, que as balas non lle entraban; e foi entón cando un dos soldados mandou que colleran un anaco de carne e que oprenderan no cabo de unha corda. Feito isto déronlle a carne á serpe i-en canto lle entrou nas gorxas, ataron a corda a un penedo e a serpe morreu no istante mesmo. De entón é que lle chaman á poza A Poza da Serpe".
Castro da Rodela: Entre Rabal (Celanova) e Faramontaos (A Merca). A 505 metros de altitude. Tn unhas medidas totais de 172 por 120 metros. Domínase unha ampla panorámica sobre os castros da zona e as vías romanas XVIII e secundarias. Defendido por un só recinto construído en lousa.
O Pedrón de Celanova: No patio do mosteiro de Celanova, xunto o oratorio de San Miguel hai unha instalación rupestre constituída por unha secuencia de dous banzos laterais e tres frontais que acceden á cima da rocha onde se observa unha cavidade ovalada que se une a unha pía de forma triangular. A primeira referencia ao sitio é de Benito de Oya, no seu Epítome (antes do 1620), que relata unha lenda asociada: "Tiénese por tradición que haciendo un día falta el ministro a responder celebrando el santo Obispo, un Ángel suplió la falta respondiendo por el. Dicen que desde una peña que está detrás del altar mayor, encuyo testimonio y para memoria de este milagro se puso unha cruz encima de la dicha peña. Refiero lo que oí a algunos padres ancianos, que atestiguaban haberlo oído siendo muy mozos, a los muy ancianos del Convento, e hijos de esta Santa Casa". Tamén por eses anos, no 1649, Benito de la Cueva en Celanova Ilustrada y anales de San Rosendo, describía a estrutura como unha "peña hasta dos estados de largo (...) con cuatro esquinales iguales y en medio se levanta a modo de cerrito que la hace parecer Calvario con unas desiguales y quiebras de la piedra tal graciosas que parecenhechas con arte (...), a las cuatro esquinas de la peña (...) nacen cuatro cipreses (...) Acábale de hacer admirable y devoto una cruz que se levanta en el cerrito de en medio sobre una columna de piedra muy alta y delgada y de galana hechura". A esta pena adícanlle un estudo pormenorizado García Quintela e Seoane Veiga (2011). Din que se trata da cristianización dun elemento pagano a través da súa apropiación e integración no noso culto, no presente caso reutilizado como base de calvario. Tamén din que esta estrutura estaría relacionada co castro de Castromao co que gardaría unha relación de visibilidade directa.
Cova da Moura e Castelo (Laias): Chamoso Lamas, en colaboración con Xaquín Lorenzo e López Cuevillas, escavou o xacemento no ano 1949. A aparición de restos cerámicos, muíños de man circulares, fíbulas, pendentes, utensilios de bronce, contas de colar e unha pedra decorada cunha esvástica amosaron que o lugar fora habitado antes da chegada dos romanos. De época romana son, entre outros, as construcións habitacionais, os lavadoiros de mineral, un túnel, as canles de auga, un pozo e a boca dunha mina. O xacemento, adicado á explotación de ouro, calcúlase que mantivo a actividade entre os séculos IV a.C. e III d.C. Antes de seren arrasado definitivamente pola autovía A-52, xa sufrira a extracción de pedra para a construción dunha pista forestal. A escavación de urxencia foi dirixida por Luis López, datándose entre os séculos IV a.C. e comezos do III d.C., confirmándose a superposición de ocupación prerromana e romana.
Os Castros (Razamonde): Nun pequeno promontorio á beira do río Miño. Presenta un recinto oval protexido con muros de pedra. As defensas complétanse con terrapléns artificiais e naturais que aproveitan o desnivel do terreo. Posible antecastro polo norte.
Monte do Castro (Sanín): Sobre un pequeno outeiro. Recinto fortificado de planta oval cunha muralla con terraplén e foxo nas partes máis accesibles. Adaptado á orografía do terreo. Apareceron fragmentos cerámicos en superficie.
Castelo da Pena ou Coto dos Mouros (A Pena-Cenlle): Medieval. Levantado sobre un primitivo castro, desapareceu no século XVIII. Pertenceu aos condes de Ribadavia. Aínda se poden ver os rebaixes na rocha para asentar as vigas e un alxibe escavado na pena. Apareceron fragmentos cerámicos castrexos e medievais.
Castro de Quintá (San Cristovo): No monte Teixugueiras, a 904 metros de altitude, próximo ao río Navea. Ten unhas medidas aproximadas de 125 por 80 metros.
Castro da Coroa (A Barra): Castro lindeiro entre os concellos de Coles e A Peroxa. De forma elíptica, ten unhas medidas aproximadas de 100 por 80 metros, cunha croa duns 25 metros. Defendido por unha muralla e terraplén. Boas defensas naturais. Apareceron frgamentos cerámicos.
Castro de Ferreiros: Sobre un alto no que se edificou a igrexa de orixe románica (século XIII) de Santo Eusebio da Peroxa. Destruído polo templo, cemiterio, camiños, casas, etc. Apareceu un sartego cunha inscrición tardorromana que na actualidade atópase no Museo Arqueolóxico de Ourense. (Ver a entrada do blog: "Romanización de Galicia. Ourense").
Castro da Madanela: Catalogado no ano 1925 por Florentino Cuevillas. Situado a 450 metros de altitude, presenta un único recinto tirando a circular, terraplén e foxo. Ten unhas medidas de 120 por 115 metros. No ano 1870 abriuse unha explotación mineira que apenas estivo en funcionamento pero que afectou ao xacemento. Atóparonse restos de fogares e cerámicos.
Castro de San Lourenzo: Situado por riba da aldea. Segundo Rivas Fernández presenta indicios de ocupación prerromana, romana, altomedieval e posterior ata os nosos días. No ano ano 1989 apareceu tégula e o fragmento dunha columna. No lugar destaca unha ermida de orixe altomedieval moi modificada que conserva algúns elementos prerrománicos.
Castro de Seoane: Sobre o río Gustei. Ten forma ovalada, de 170 por 105 metros. Abundan grandes pedras graníticas. Apareceron anacos de tégula e cerámica. Nas inmediacións está a necrópole con tumbas antropoides do Adro Vello.
Asentamento de Paradela (Paradela-Coles): Posible asentamento galaico-romano onde apareceron gran cantidade de tégula, ímbrice, un frgamento de cerámica e outro de terra sigillata, dous núcleos de cuarcita, cerámica común galaico-romana e medieval, e a metade dun muíño circular.
Lagar rupestre Muíño da Pedreira (Miego de Vila-Melias): Nun afloramento granítico dúas pías utilizadas, posiblemente, para pisado.
Necrópole do Adro Vello: Cimentos da primitiva igrexa de San Xoán de Coles. Tumbas antopoides. Apareceu un peso de lagar de posible orixe prerromana.
Castro dos Castelos: Entre Monterrei e Oímbra. Utilizado dende a Idade do Ferro ata a Idade Media. Apareceron tégulas, ladrillos, cerámica común romana e medieval. Na parte de Oímbra defínese claramente un recinto castrexo, na de Monterrei a base dunha torre-fortaleza. Tamén apareceron materiais do Neolítico.
Castro de San Millán ou San Millao: Coñecido tamén como a Cidá do Castro, foi estudado por Taboada Chivite e Bouza Brey no ano 1952, e no 1954 foi escavado parcialmente por López Cuevillas e Taboada Chivite. O recinto está arrodeado por impresionantes murallas ciclópeas reforzadas con pedras fincadas no chan. Atopouse un instrumento metálico de ferro interpretado coma un pico para traballar a pedra que, xunto cun aparecido en Portugal, son os únicos, polo de agora, que se coñecen. Tamén saíu á luz unha phalera do século IV d.C. Nos anos oitenta do século XX especulábase que un conxunto de olas soterradas xunto a muralla puideran corresponder á primeira necrópole localizada nun castro. No mes de xuño de 2021 comezaron os traballos arqueolóxicos dirixidos por Martiño Xosé Vázquez e Diego Iglesias Barrilero da Sociedade Cooperativa Xeitura para consolidar e restaurar as estruturas escavadas por Xesús Taboada, e explorar con novas tecnoloxías a zona escavada polo Museo Arqueolóxico de Ourense baixo a dirección de X. Rodríguez e Fariña busto en 1983 que localizaran cinco olas despositadas coidadosamente no chan, en buratos picados no xabre; non contiñan restos, pero sospeitaron a posible función funeraria. O novo equipo ampliou a sondaxe, localizando novas olas sen decorar, de perfil globular. Restos dun ritual de cremación? Unha das olas conserva unha mestura de terra, pero máis escura que a que a arrodea. Chama a atención a disposición das olas, que semellan seguir unha certa regularidade na colocación. As analíticas desvelaran que función cumprían. Ten unha superficie de 2,7 ha. Declarado BIC.
Castro de Santa Ana: Sobre o pequeno castro levantouse unha capela.
Castro de Saceda: As primeiras escavacións efectuáronse entre os anos 1983 e 1989, campañas dirixidas por Antonio Rodríguez Colmenero e Covadonga Carreño Gascón que dataron a ocupación dende o s. IV a.C. ata o I d.C. Situado a 780 metros de altitude, domina todo o val. O poboado configúrase arredor de tres recintos amurallados que, ademais de cumprir unha función protectora, actuaba como contención do terreo na parte máis accesible. A croa está circundada por unha muralla de forma ovalada construída con grandes blocos graníticos á que se accede por unha porta formada por dúas pedras fincadas. Predominan as vivendas circulares. Atopáronse útiles de ferro, agullas para o cabelo, fíbulas, broches, un torque, cerámica, un fragmento de torta de prata, unha perna en granito do que semella ser un guerreiro e tres moedas de prata, dúas do s. I a.C. e outra do s. I d.C. Entre os artefactos metálicos realizados en ferro que foron recuperados destacan os mazos de canteiro, machados, espadas curtas afalcatadas, intrumentos de construción e unhas tenaces de ferreiro fabricada con dous brazos rectos de sección cadrada e cabeza en curva con remates en forma de espátula axeitada para suxeitar obxectos, arrincar cravos, etc. No mes de febreiro de 2020, os veciños de A Saceda acordaron ceder o castro ao Concello por cincuenta anos para este xestione as investigacións. No ano 2018, arqueólogos da Sociedade Cooperativa Xeitura localizaron unha cabana con tégulas o que lles fai pensar que a ocupación do castro continuou en época romana. Declarado como Ben de Interese Cultural.
Monte dos Castelos (Entrimo): Situado nun outeiro, presenta un recinto fortificado con muralla pétrea nalgún tramo; tamén se aprecia un aterrazamento cun parapeito defensivo. Apareceron fragmentos de cerámica castrexa.
Castro do Gargalado: Coñecido tamén como do Convento. Sobre un afloramento granítico, coa croa arrodeada por un aterrazamento separado do monte por un foxo. No mes de maio de 2017, veciños denunciaron unha agresión ao castro debido á extracción de madeira pola empresa Finsa. Segundo denunciou o arqueólogo David Pérez, maquinaria pesada pasou polo medio do asentamento producíndolle gravísimos desperfectos.
Castro Pía da Moura: No ano 1922 Hixinio Rodríguez fixo algunhas prospeccións no xacemento. Conserva restos da muralla defensiva e un foxo, hoxe en día practicamente destruído. Apareceron restos cerámicos. Recibe o nome por unha pía natural que hai nas inmediacións, vencellada a lendas de mouros.
Castro Coto de Seoane: Presenta unha forma ovoidal. A simple vista non se aprecian defensas. Atopáronse tégulas de época romana. Preto das minas do Seixo.
Castro Monte Pigarzas ou O Pigarzo: Ten unhas dimensións aproximadas de 150 por 100 metros. Romanizado. Atopáronse tégulas.
Castro do Outeiro: Castro de forma elíptica, duns 140 por 65 metros, situado entre dous cursos de agua.
Castro do Outeiro da Moura: De forma ovalada, duns 90 por 60 metros. Non se aprecian restos. Hai unha pía natural coñecida como Pía da Moura ou "tumba celta", se ben non se trata dun sartego. Ocupado en época medieval.
Asentamento de Bouzas: Asentamento galaico-romano de chaira. Atopouse cerámica común galaico-romana, tégula e escoiras de ferro, tamén un sillar.
O Castro (Barxa): Con tres recintos de forma elipsoidal defendidos por tres foxos. Na croa hai unha construción circular. Apareceron fragmentos de cerámica castrexa e común romana, tégulas, unha peza de bronce e escouras de fundición de ferro.
Castro das Muradellas: Apareceu cerámica común romana, pedras procedentes de construción, un pondus e a pedra de entrada dun forno. Segundo a lenda, o castro foi destruído polos seus habitantes para fundar Pentes.
Castro de Pentes: Restos de construcións e un foxo. Apareceron frgamentos cerámicos castrexos e común romanos, parte dunha vasilla, un pondus e varios muíños de man.
Castro da Ribeira: Castro de ladeira de grandes dimensións organizado en dúas terrazas. Na inferior aprécianse restos de muralla e na croa restos de vivendas de xisto. O sector oeste está defendido por un foxo. Apareceron anacos de cerámica común, escouras de ferro e vidro e tres muíños de man.
Castro de Tralocastro: Nun esporón sobre o río Pentes. A croa está cultivada de videiras. Atopouse escoura de fundición de ferro, restos cerámicos e tégulas. Apareceu un sártego exento, posiblemente de época medieval o que pode sinalar a súa reocupación. Lenda dun cuco de ouro que refulxe ao dar o primeiro sol da mañá.
Castro do Val da Cal: De pequenas dimensións está situado sobre un outeiro. Ten un único recinto protexido por un terraplén de terra e pedras. Atopáronse fragmentos de cerámica común de época romana.
Castro de Val de Frades: Situado na confluenza dos regueiros de Val de Frades e Riveira. Aprécianse restos das defensas. Apareceron restos cerámicos e tégulas. Romanizado.
O Circo: Dubidoso castro dun único recinto de forma circular de reducidas dimensións sobre abundantes afloramentos rochosos.
Castro do Monte dos Ollos: A tradición sitúa aquí unha feira que tiveron os mouros nos anos que alí habitaron. (Recollida da páxina Arredor de Lámbrica).
Castro de Orros, da Cidá ou Coto do Castro: Situado a 587 metros de altitude. Arrodeado polo río Coedo, afluente do Viñao. A croa é de forma elíptica, duns 200 por 50 metros. Unha muralla de terra protexe todo o recinto. A principios dos anos sesenta do pasado século XX foron localizadas unhas tortas de ouro e aramios que se perderon.
Castro de Souteliño: Segundo a lenda, no castro sacan as mouras a asoellar o millo, mentres terman del peitéanse con peites de ouro. Unha vez pasou por alí un porco que foi meter o fuciño no soalleiro e entón unha moura, para tornalo, guindoulle un peite que se lle prendeu nas serdas. Fuxiu o porco para a corte, e cando chegou viron os donos que o peite que traía era de ouro.
O Castro (Alberguería); A Picota (Camba); A Cidadella (A Cabeza-Carraxo); A Coroa (Carraxo); Castro dos Mouros (Soutelo Verde-O Castro de Laza); A Coroa (O Castro-O Castro de Laza); Lombo do Castrillón (Laza); Matamá (Laza); Lombo da Cerca (Trez).
Castro Coto de Adrao: Unha terraza do castro foi cortada para transportar unha torreta de alta tensión. Alfredo Cid Rumbao, en La Región do 29 de xuño de 1960, di que un castelo foi construído sobre o castro. O castelo aparece como doado polo rei Ramiro II a Giraldo Feijóo. Nunha notica da prensa de finais de setembro de 2024, di que a asociación cultural Centro de Interpretación Val do Esquecemento, presidida por Susana Fernández, recibiu autorización de Patrimonio para realizar unhas intervencións arqueolóxicas, que serían as primeiras. O castelo de San Adrao foi estudado por Florentino López Cuevillas no ano 1934. A primeira referencia documental remóntase ao libro Celanova Ilustrada de Frei Benito de la Cueva, que fala da existencia deste castelo no século X, e posteriormente no século XV, cando foi derrubado polos Irmandiños. Santa Cruz, ao igual que os castelos de Sande (Cartelle) e Castro Leboreiro (Portugal), xogou un papel importante na rebelión dos nobles de Galicia contra o Rei Ramiro II en 979, contando cunhas impresionantes vistas do val do Limia.
Castro de Xulleira: No castro construíuse a igrexa parroquial no ano 1732.
Castro de Nosa Señora do Viso: Segundo Xaquín Lorenzo Fernández, a ermida de Nosa Señora do Viso, de afamada romaría, levantouse sobre un primitivo asentamento castrexo.
Castro do Coto da Circa: De 100 por 80 metros. Vense restos da muralla que nalgúns tramos acada os 3,5 metros de altura. Nos anos setenta do paasado século XX dise que se atoparon restos cerámicos. As pedras foron utilizadas polos veciños para construír os valados das fincas.
Castro de Piñeiro: No lugar coñecido como O Castro, sobre un promontorio a 440 metros de altitude. Divísanse os castros do San Trocado e do Coto da Circa. Aprécianse parte dos muros. Na croa hai unhas penas con coviñas.
Castro de Santa Mariña: Presenta dous recintos a distintas alturas, delimitados por terrapléns e unha muralla pétrea. O xacemento está delimitado polo val do río Barbantiño e polo regueiro de Listanco que conflúen no río Viñao. Hai un conxunto de varias penas labradas que se distribúen no cume do outeiro onde salienta unha estrutura de tres banzos que acceden a unha cavidade rectangular. A primeira referencia procede de Barandela e Lorenzo (2004) que identifican cinco petroglifos con cazoletas de distintos tamaños, advertindo a existencia de dúas estruturas que clasifican como altares rupestres. García Quintela e Güimil Fariña (2013) din que quizais sexan de tipo ritual; un grupo recibe o nome de "Pías de Santa Mariña" ou "Pías da Santa". En novembro de 2021 comezaron as escavacións dirixidas por A. Rodríguez Sobrino e o grupo formado polo Colectivo Arqueolladas e a empresa Breogán Arqueoloxía. Teñénse documentado materiais cerámicos da Idade do Ferro e medievais. Saíron a luz dous sartegos, un escavado en rocha viva e outro exento. Tamén un lagar con evacuación de augas e un complexo sistema de pías, canles e buratos de poste.
MELÓN
Castro do Outeiro de San Marcos: Presenta un único recinto de forma ovalada, de 115 por 80 metros, delimitado por un terraplén que agocha unha muralla. Apareceron fragmentos cerámicos, algúns decorados, tégula e muíños circulares de man. No lugar houbo unha capela, de cronoloxía descoñecida, posta baixo a advocación de San Marcos. Atopouse un amarradoiro para o gando e unha esvástica datada entre o s. II a.C. e I. d.C.
Castro do Penedo da Lebre: De forma ovalada, con dous recintos amurallados concéntricos. Sobre o castro existiu unha pequena ermida posta a advocación de San Amaro.
Castro da Rodela: Entre Rabal (Celanova) e Faramontaos (A Merca). A 505 metros de altitude. Tn unhas medidas totais de 172 por 120 metros. Domínase unha ampla panorámica sobre os castros da zona e as vías romanas XVIII e secundarias. Defendido por un só recinto construído en lousa.
Monte do Castro (Olás de Vilariño): Pequeno outeiro coroado por penas graníticas. Utilizouse como canteira o que dificulta apreciar os restos do sistema defensivo. Apareceron restos cerámicos castrexos.
Outeiro do Castro: De forma elíptica, presenta unha pequena croa achandada. Cara o oeste vanse sucedendo tres plataformas a modo de terrazas. Amosa toda unha secuencia arqueolóxica de ocupación dende época castrexa ata a Baixa Idade Media. Apareceron materiais romanos e ao seu pé un asentamento de época romana, tardorromana-altomedieval e con perduración ata o século X-XII, necrópoles de cronoloxía altomedieval (sepulcros antropomorfos e de laxes fincadas), posible fortificación Baixomedieval e unha ermida, quizais altomedieval con permanencia ata finais da Baixa Idade Media que sería o derradeiro vestixio desta secuencia de poboamento.
Segundo as investigacións da arqueóloga Nieves Amado Rolán, todos os castros da Mezquita atópanse a máis de 1.000 metros de altitude, cunhas dimensións que van das 3 ás 10 hectáreas. Todos os asentamentos están próximos uns dos outros.
Castro da Cabeciña: A 1.050 metros de altitude. 115 por 75 metros.
Castro da Cabeciña Redondeita: A 1.050 metros de altitude. De forma irregular.
Castro da Cabeciña do Souto: A 1.134 metros de altitude.
Castro da Cabeza: A 1.007 metros de altitude. Atravesado por unha liña de media tensión, cunhas das torretas no medio da croa.
Castro do Cabezo: A 1.045 metros de altitude Ten unhas medidas aproximadas de 200 por 180 metros. Muralla en todo o seu perímetro. Foxo polo norte.
Castro de Monte Castelo ou Castelo Pequeno de Santigoso: A 1.254 metros de altitude. Trátase dun dos máis grandes de Galicia. Ocupa unhas 10 hectáreas. Posúe un sistema defensivo formado por varios foxos, parapeitos e pedras fincadas. Contaba con torres perimetrais. Segundo Nieves Amado Rolán, este castro podería ter a orixe noutro anterior, quizais do Bronce Final. Apareceron fragmentos cerámicos esparexidos polo lugar. Nun outeiro hai varias pías, tirando a cuadrangulares, feitas pola man do home, destinadas, sen dúbida, a recoller a auga da choiva. Tamén hai unhas penas con petroglifos.
Castro da Torre da Pousa ou Caballarego: A 1.06 metros de altitude. Recinto principal de 150 por 105 metros. Pequeno antecastro polo noroeste.
Castro da Touza: A 1.108 metros de altitude. Estudado pola arqueóloga Nieves Amado Rolán.
Nesta etapa histórica a comarca estaría habitada polos Tamagani (de aí, entre outros, o río Támega), unha cividade que segundo Dasairas ocuparía as terras medievais de Capraria e Lobarzán.
O Castro (Guimarei-Infesta): Nun outeiro sobre o río Pontín. Forma ovalada. Conserva parte das murallas.
Castro de Baronceli: Aínda que non se atoparon restos, crese que ocupaba o lugar onde despois se levantou o castelo de Monterrei. Do século XIII son varios os documentos sobre a orde de destrución da poboación que na Idade Media se asentaba no lugar que ocupara o castro de Baronceli, onde logo se levantou o castelo de Monterrei. Por documento do 3 de maio de 1223, Afonso IX ordena a súa destrución por prexudicar os intereses do mosteiro do Salvador de Celanova, ademais de prohibir a súa reconstrución; orde que confirma no mes de marzo de 1226 e que volve confirmar Fernando III en abril de 1232. Por documento do 10 de abril de 1225 o papa Honorio III notifica ao mosteiro de Celanova a súa conformidade coa destrución da poboación do “castrum quod vocatur Berin” en terras de Baronceli.
Castro dos Castelos: Entre Monterrei e Oímbra. Utilizado dende a Idade do Ferro ata a Idade Media. Apareceron tégulas, ladrillos, cerámica común romana e medieval. Na parte de Oímbra defínese claramente un recinto castrexo, na de Monterrei a base dunha torre-fortaleza. Tamén apareceron materiais do Neolítico.
Castro Eidos do Castro: Situado nun outeiro próximo ao núcleo de Albarellos. Datado nos séculos IV-III antes de Cristo, obsérvase a simple vista restos dunha muralla pétrea e algunhas pedras que puideron pertencer a construcións habitacionais. Hai catro fontes coñecidas como As Fontes do Castro. Dise que un pombal que había no lugar, que funcionou entre os anos 1500 e 1650, foi construído coas pedras do primitivo asentamento castrexo.
Castro do Forte (A Madanela): Presenta un recinto de forma arredondada, protexido por unhamuralla en todo o seu perímetro.
Castelo de Lobarzán ou Castro das Laxes das Chás: A arqueóloga da Universidade de Vigo, Beatriz Comendador dirixirá a realización de diversas actividades de recuperación patrimonial, paisaxístico e etnográfico da área arqueolóxica e a súa contorna durante catro anos. Con este obxectivo, representantes da Universidade de Vigo e dos concellos de Monterrei e Oímbra asinaron o 5 de abril de 2019 un convenio de colaboración. Di Beatriz Comendador que se trata dun enclave único no Támega cunha unión de valores a protexer. Ocupado de maneira ininterrompida dende un lugar de asentamento calcolítico e da Idade do Bronce ata o castelo medieval (s. X-XV). A pesares do seu interese, o conxunto foi escasamente estudado e nunca escavado.
Castro do Outeiro da Ponte: Coñecido tamén como Val do Millo: Descuberto cando as obras da autostrada das Rías Baixas. Recinto de forma ovalada. Datado no século I a.C.
Castro do Outeiro de San Pedro: Coñecido tamén como A Eirexa Vella. No lugar apareceron pedras traballadas que foron reaproveitadas para facer os muros das fincas. Tamén unha escultura de granito bastante fragmentada, tosca e de feitura sinxela onde se aprecia o torso con parte da cabeza e brazos levantados. Nunha das leiras apareceu unha gran columna de granito. Os veciños falan dun antigo cemiterio situado no outeiro.
Outeiro do Castro: Coñecido tamén como O Tallo e A Malladoira. Ao pé apareceron fragmentos de tégulas e restos cerámicos.
Explotación mineira: En Medeiros existen vestixios dunha explotación mineira de estaño de época castrexa, logo reaproveitada polos romanos. Na súa obra Memoria sobre las minas de Galicia y otras producciones del reino mineral (1783), José Cornide Saavedra comeza o seu repaso pola historia da mineiría en Galicia co comercio dos fenicios para dar conta de que na Illas Atlánticas había estaño, só era necesario observar a costa para ver a terra arenisca "semellante á que hai onde se cría estaño no val de Monterrei". De feito, dende o século II antes de Cristo, os romanos teñen coñecemento dunha ruta que os fenicios de Gadir (Cádiz) coñecen e gardan en secreto; é a ruta das Cassitérides (Illas de Estaño), identificadas coas anteditas illas galegas, citadas polos escritores do século I a.C. Diodoro de Sicilia, Posidonio e Mela.
Penedos do Castro: Pequeno outeiro rochoso cuxas pedras das construcións, ao parecer, foron reaproveitadas nos peches de fincas que se atopan nas inmediacións. Trátase dun castro de finais da Idade do Bronce que permanece ocupado durante a Idade do Ferro pero non en época romana. Nas penas situadas sobre a croa vense varias pías, algunha de grandes dimensións, que semellan de factura natural. Rodríguez Colmenero descubriu aquí dúas inscricións rupestres, se ben a primeira xa é citada por Ángel del Castillo no traballo El castillo de Litoria, publicado no Boletín da Real Academia Galega 228 do ano 1930, se ben confunde Litoria, en Esgos, cos Penedos do Castro. Na cara interior dunha rocha, lese "+ LEOVIGIL/DUX" que segundo Freire Camaniel podería corresponder a un duque deste rei visigodo en torno ao 585 ou 586 que son as datas entre a conquista de Gallaecia por este rei e a súa morte. Na outra, a uns vinte metros da anterior, figura a inscrición (---) Viripoa (---), ao parecer de época romana.
Castro Torres da Cidá: De grandes dimensións, foi refortificado durante a Idade Media.
Castro de Búbal ou Muro da Cidade: Na parroquia de Medeiros. Identificado co Forum Bibalorum dos romanos, hipótese defendida por Florentino López Cuevillas e Taboada Chivite que tomou como referencia o Padrao dos Povos, a Columna Honorífica situada na portuguesa ponte de Chaves erixida baixo a dirección técnica da Legio VII Gemina e baixo o mandato do emperador Vespasiano como agradecemento ás civitas do Convento Bracarense (aeibisocios, aequaesios, aquaflavienses, aubrigenses, bibalos, coelernos, interanmicos, limicos, quaerquernos e tamaganos). A hipótese anterior semella verse confirmada polo achádego de Elixio Rivas e Marino González que atoparon o denominado Burato da Cidade, unha pala (gruta) duns sete metros de longo cuberta por unha pena; o seu interior está delimitado por unha pequena parede. Dise que durante a dominación romana, os Bibalos ou Bubalos opuxeron unha feroz resitencia polo que foron obrigados a traballar como escravos na construción da ponte de Chaves. O anterior quedou confirmado no outono de 2019, cando arqueólgos da Universidade de Vigo identificaron un enclave amurallado que podería ser o punto de encontro do pobo dos Bíbalos. Entre os concellos de Oímbra e Monterrei, ocupando máis de dúas hectáreas de terreo amuralladas nun enclave defensivo, atópase o xacemento de A Cerca ou Muro de Búbal. Unha primeira intervención permitiu recuperar parte do seu muro danado, descubrir a súa porta de entrada, datar o xacemento arredor do século I a. C., e lanzar a hipótese de que o lugar fora o Forum Bibalorum. O xacemento, din Adolfo Fernández, director científico, e Patricia Valle, directora da intervención de campo, atópase dividido entre os concellos de Monterrei e Oímbra, situándose nun promontorio entre os ríos Azureira e o Porto do Rei Búbal. Trátase dun recinto ovalado rodeado por unha muralla bastante ancha e ben feita que nalgúns tramos ten un ancho de dous metros e medio ou tres. Nun dos laterais hai outro outeiro que tamén está rodeado dunha muralla a xeito de acrópole. Os traballos consistiron na recuperación da parte dun muro danado no 208 por maquinaria forestal e desterrar o foxo anexo a el. Tamén se fixeron cinco sondaxes en distintos puntos do xacemento para datalo e valorar as súas posibles funcionalidades, pero só unha sondaxe deu resultados verdadeiramente positivos que permitiu localizar a porta de entrada ao recinto. Científicamente, din os investigadores, é un xacemento moi interesante. Sobre a súa funcionalidade, a hipótese que manexan é que "pode ser un recinto de reunión para os habitantes de todos os castros do redor". Tradicionalmente, indica Adolfo Fernández, o Forum Bibalorum foi interpretado polso investigadores como a capital dos bíbalos, localizándose nos xacementos habitacionais máis importanes da zona, como a Cibdá de Medeiros. A hipótese que manexan trala intervención "é a máis comprensible aínda que sexa cambiar por completo esta tendencia historiográfica dos últimos anos, na que se tendía a identificar o froum como a capital. Este lugar central podería ter diversos usos, como mercado, lugar de culto, lugar para impartir xustiza da comunidade e tamén de defensa en caso de verse ameazados.
López Cuevillas e Bouza Brey (1929) recollen que en Oímbra existe a crenza de que as serpes cando ven a unha persoa durmida tratan de mordela, mais sempre hai un lagarto que esperta aos homes baténdolles co rabo na cara. Ás mulleres non se lles fai este favor. Tamén se cre que denantes de beber nunha fonte, as serpes deixan fóra a pezoña e que non a volven recoller ata que rematan.
Castro de Oira: Forma oval, defendido por unha muralla en todo o seu perímetro, cinguida por un terraplén que chega a acadar uns dez metros de altura. A cima é aplanada, algo alombada. Ten unhas medidas aproximadas de 100 por 80 metros. Atopáronse fragmentos cerámicos.
Castro de Peliquín: Nas ourelas do río Miño. Está formado por un recinto principal que aproveita unha elevación natural, arrodeado por un parapeito ao que está asociado un pequeno foxo perimetral.
Castro de San Pedro de Outeiro: Atopáronse tégulas, ladrillos, restos cerámicos e un tríscele de pedra. Apegado á N-525, nunca foi escavado. Na actualidade, o lugar está ocupado por unha plantación de videiras e prados.
Castro de Santomé: As primeiras referencias achégaas Manuel Blanco Guerra, que entre os anos 1969 e 1974 realiza unha serie de catas no castro e a súa contorna. Será a partir do 1983 é cando dende o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense se comecen as escavacións sistemáticas do xacemento, datando a súa orixe no século I a.C. e mantendo a súa ocupación ata mediados do s. II d.C. Ao poboado castrexo, asentado nun outeiro, accédese a través dunha rúa empedrada. O río Loña actúa por unha parte como defensa natural e pola peor defendida con foxo, terraplén e murallas concéntricas que acolle as distintas estancias. Polas ladeiras do castro observánse restos doutro poboado do que apenas se conservan restos debido a que sobre el se levantou un asentamento tardorromano composto por dúas unidades construtivas. A maior está distribuída en tres estancias precedidas dunha galería, cunha escaleira que daba acceso ao piso superior, cunha solaina sustentada por piares de madeira apoiados no muro. Nunha das estancias consérvase o sistema de calefacción. En torno a este núcleo distribúense outras estancias destinadas a obradoiro, almacén, etc. A segunda unidade construtiva está formada por catro estancias artelladas por medio dunha galería na fachada á que se abre un patio rectangular. No lugar atópase o Centro de Interpretación do castro. Eiquí atópase o Túnel da Moura que, segundo a lenda, baixaba ata o río Loña.
Castro de Figueiroá: Situado a 657 metros de altitude sobre o nivel do mar. De forma irregular tendente a oval duns 100 x 50 metros. Non se aprecian estruturas. Dende aquí distínguese o castro de Trelle, en Toén.
PADRENDA
Santa Cristina ou Cividade do Castro (Caxide); Castro da Tapadas (A Senra-Forcas); Barxacoba (San Lourenzo de Barxacoba).
A Cidadella: A Cidadella é unha pequena aldea que ocupa un outeiro. O nome é evocador, se ben non teño coñecemento de que se atopara algún resto que nos poida indicar a existencia dun primitivo asentamento.
O Castrillón: Romanizado. Atópase situado a media ladeira da montaña con ampla visibilidade do val do río Sil, situado a unha altitude de 675 metros por riba da poboación de Mones. Presenta planta ovalada defendida por un gran foxo tallado na rocha de lousa e un parapeito-muralla de laxas de xisto. Posto en relación coas explotacións mineiras romanas.
Castro de Santa María: Levantábase a 410 metros de altitude, nun outeiro dominante sobre cuxa croa se edificou unha igrexa de orixe románica do século XII. A croa está arrodeada por plantacións de viñas. Tiña unhas medidas aproximadas de 160 por 105 metros. Un dos perpiaños da igrexa presenta unha inscultura do xogo dos "tres en raia", posiblemente de época romana. Apareceron moedas de época romana, emitidas en tempos de Grodiano, Decio, Galieno, Claudio e Magnencio, e tamén medievais. Menciónase nunha doazón de Maior Sánchez no ano 1285 ao mosteiro de Montederramo. Como recolle Madoz no seu Diccionario (1845-1850), o sitio foi obxecto de constantes espolios.
A POBRA DE TRIVES
Castro da Cigadoña (San Mamede de Trives): A 698 metros de altitude, case no límite con Pareisás. De forma ovalada, ten unhas medidas de 100 x 63 metros. Por riba da entrada ao adro-cemiterio da igrexa parroquial vense dous muíños circulares de man.
Castro da Cidade do San Vitoiro ou da Cibdá (Xocín-Porqueira): Tamén coñecido como Finca das Señoritas. A maior parte da superficie do castro pertence a Castelaus (Calvos de Randín), só as ladeiras septentrionais atópanse en Porqueira. Situado nun outeiro rochoso dunha pequena dorsal entre dous cursos de auga. Presenta planta ovalada. A croa está delimitada en parte por pedras graníticas. Contaba con muralla pétrea reforzada cun foxo na parte máis accesible. Atopáronse fragmentos de cerámica castrexa. Preto do río Firbeda e da súa fervenza onde segundo a lenda aparecía unha moura antes de saír o sol para peitearse os cabelos dourados cun peite de ouro; entre o Pozo da Firbeda e a Cidade hai un túnel; no camiño que sube ata o castro hai unha cadea de ouro que os carros van desgastando cando as rodas pasan por riba.
Castro do Outeiriño (Santo Estevo-Vilamoure): A 320 metros de altitude. Ovalado, de 65 por 50 metros, cunha pequena croa de 30 por 20 metros. Semicircundado polo regueiro de Vilamoure.
Castro de San Cibrán de Las: Aínda que toma o nome da parroquia de San Amaro, o xacemento colle parte do municipio de Punxín. (Ver San Amaro).
Castro de San Trocado: Situado a 550 metros de altitude no monte de San Trocado, parroquia de Barbantes, domina o castro de San Cibrán de Las. As primeiras ocupacións datan dos séculos VII-VI a.C. Atopáronse útiles mineiros e moedas. Tamén saíu á luz un puñal de bronce con lingüeta calada e nervadura central. Moi alterado, perdeu gran parte do sistema defensivo. Dende aquí partía unha calzada que o comunicaba con San Cibrán. Cada 15 de maio reúnense no castro, arredor da ermida, os veciños da parroquia e da contorna para asistir á beizón das terras por parte do párroco. Florentino López Cuevillas, en Prosas galegas, 1920-1958, no relato Mitoloxía e historia da paisaxe de Trasalba, escribiu que hai unha ermida adicada a este santo que "por un proceso de cristianización, posíbelmente Bandua, a xulgar por unha ara que se conservaba non hai moito a un carto de legua do monte...", onde hai un "oppidum celta" que pasados centos de anos tamén resistiu aos xermanos e aos mouros.
Castro de Vilamoure (Vilamoure): A 345 metros de altitude. Ovalado de 110 por 75 metros. Perdeu case todas as defensas, só se observan os terrapléns, algúns duns 10 metros de altura; polo este obsérvase un foxo. Apareceron fragmentos cerámicos.
RAIRIZ DE VEIGA
Castrelo: Sobre un esporón, ten forma ovalada. Arrodeado por unha muralla e terraplén. As defensas, na parte máis accesible, refórzanse cun profundo foxo. Apareceron fragmentos cerámicos de época castrexa. Segundo a lenda, no cumio había unha porta que levaba a uns pasadizos onde vivían os mouros, e baixo o castro había unha trabe de ouro.
Castro de Esposende: Nunn outeiro a 373 metros de altitude. Nun documento do ano 1096, nunha doazón ao mosteiro de San Clodio (Leiro) por María Monina fai alusión ao Castro da Penitencia.
Monte do Castro: Nun saínte sobre o río Miño (encoro de Castrelo).
Espirais de Regodeigón: Foron atopadas a finais do ano 1953 mentres se realizaban labores nunha viña denominada A Planada, propiedade de Francisco Retorta. Foron dadas a coñecer no ano 1956 por Xaquín Lorenzo e M. Rubén García Álvarez na Revista Guimaraes. Apareceron enteiras pero foron rotas polos obreiros en varios anacos para comprobar a calidade do metal. A técnica de fabricación é mediante o forrado con lámina de aliaxe de ouro, prata e cobre, con máis contido en ouro no exterior ca no interior. Datadas no s. III-I a.C.).
O coñecemento de boa parte dos castros da comarca do Ribeiro debémosllo ao médico e historiador Rubén García Álvarez quen realizou, entre outros, numerosos traballos sobre a Historia de Galiza. A súa obra, xunto con outros títulos, doouna ao Museo de Ribadavia.
Castro da Caneira: Sobre un outeiro ovalado, obsérvase un amplo horizonte, cunha boa comunicación visual co castro de Pedroso.
Castro de Fraga da Moura: Taboada Chivite cita os restos dunhas murallas. Ao pé do castro hai unha cova que puído funcionar como refuxio natural.
Cova das Choias: Localízase na Fraga das Choias, preto do lugar de Pedroso. Cova natural formada por arcos de oito metros de altura por catro de ancho. Atopáronse dous brazaletes de ouro.
Castro da Capela: Nos monte de Cereixido, a 586 metros de altitude. Recinto de planta ovalada con defensas artificiais de foxos tallados na rocha pizarrosa, tamén se ve un gran parapeito. Segundo a tradición albergaba unha ermida posta baixo o padroado do San Lourenzo. Romanizado, en relación coas explotacións auríferas da zona.
O Castrillón: Situado nun pequeno outeiro amesetado que se sitúa nunha terraza do río Sil, a 367 metros de altitude. Presenta un único recinto de planta ovalada, defendido por unha muralla. O xacemento está cortado pola metade pola estrada N-120.
Castro da Coroa: Próximo á Vía XVIII e á explotación aurífera da Pala. Apareceron restos cerámicos de época romana e vidros. Tamén saíu á luz unha estela de forma cónica con rostro humano.
Igrexa de Santo Estevo de A Rúa: Nun muro da igrexa pódese ver unha cabeza humana esculpida en granito, evidentemente reutilizada, da que se descoñece a procedencia. Mais non cabe desbotar que viñera, como outras pezas, do castro da Coroa.
Castro Martiño: Na ladeira suroeste do San Trocado, mirando ao val do río Miño. A espesa matogueira impide facerse unha idea do que foi o xácigo que posúe grandes defensaws naturais. Nalgúns tramos adivíñans o que puído ser unha muralla. Nalgunhas rochas vense petroglifos con coviñas. (Información recollida do blogue Arredor de Lámbrica).
Monte dos Castros: En San Fiz de Navío. Cando o visitei hai anos, apenas se apreciaban restos. Segundo información achegada por Santi López, o lugar atópase moi achandado polos traballos de instalación dunha liña de alta tensión, no mesmo castro ergueron unha torreta. Preto do castro hai un lugar coñecido como o Toco do Lobo dende onde, segundo os máis vellos, se botaba o folión das festas, tradición que pode vir dun antigo culto ao lume.
Castro de San Cibrán de Las ou A Cibdá: Cunha ocupación que iría dende o s. II a.C. ata o II d.C. Ocupaba unha superficie de 9 ha. Os primeiros en realizar escavacións foron López Cuevillas e Vicente Risco no ano 1922 que deron como resultado a aparición da muralla da croa e construcións de planta circular, ovalada, elíptica, cadrada e rectangular, ademais dun alxibe. No 1948 faise cargo das escavacións Xaquín Lorenzo Fernández. No 1953 Ferro Couselo denuncia a extracción de pedra do xacemento que se estaba a utilizar para empedrar as rúas do Carballiño. Dende o 1980 lévanse a cabo labores de consolidación e novas escavacións que destapan gran cantidade de estruturas habitacionais e outros materiais. Situado nun lugar de difícil defensa natural, os seus construtores necesitaron construír fortes e complexos sistemas de defensa. Ten dous recintos amurallados de forma elíptica case concéntrica, o exterior reforzado cunha muralla, foxo e parapeito. A croa está delimitada por unha muralla na que se abren dúas portas defendidas por cubos. O poboado, un dos máis grandes de Galicia, salienta polo seu urbanismo case octogonal, concibido para acoller entre dúas e tres mil persoas. Atopáronse adicacións a catro deuses diferentes: unha ao deus romano Xúpiter realizada sobre unha rocha pouco traballada e cunha grafía primitiva, e as outras tres a deuses de tradición local, entre elas unha ara a Bandua Lansbricae, ademais doutra a Navia. Interpretouse coma un espazo reitual un recinto situado no interior do castro. A finais do mes de outubro de 2016, apareceu unha escultura de granito que representa unha cara e que, pola técnica construtiva, os expertos datan no século II a.C. Pode ser dun guerreiro castrexo ou dunha deidade. É a terceira que se atopa neste sitio arqueolóxico. En Galicia existen unhas vinte cabezas castrexas documentadas, e no castro de San Cibrán de Las é a terceira. A primeira localizouse na década dos anos sesenta do pasado século XX, e a segunta, coñecida como "A Dama de Punxín", saíu á luz durante as escavacións do ano 2009 e que foi levada para o Museo Arqueolóxico de Ourense (no centro de interpretación de San Cibrán de Las hai unha reprodución). López Cuevillas e Bouza Brey (1929) recolle unha lenda citada por Ángel del Castillo en Castros Gallegos: "N-iste castro hai unha moura que sai en figura de unha cobra levando unha fror na boca. Pra desencantala hai que lle tirar cos beizos a fror que leva na boca".
Trisquel pintado: Se é bastante habitual atopar trisqueis esculpidos na pedra, ata o presente non se coñecía en Galicia ningún exemplar pintado na pedra. Sorpresa recibiu o equipo que está a escavar na antiga Lansbrica cando localizaron a primeira representación pictórica desta forma no noroeste. Aínda que a casa onde apareceu está datada no século I-II d.C., os investigadores cren que pertence a unha tradición anterior.
Castro do Castriño: A uns 50 metros do castro de San Fagundo. De forma ovalada, ten unhas medidas totalis aproximadas de 185 por 130 metros. Moi alterado.
Castro da Martiñá: A 1.025 metros de altitude. Situado nun outeiro rochoso, tiña unhas medidas aproximadas de 150 por 100 metros.
Castro de San Facundo: A 524 metros de altitude. En conxunto ten unhas medidas aproximadas de 190 por 140 metros, cunha croa central de 50 por 40 metros protexida por unha muralla. Nieves Amado Rolán localizou nunha casa particular unha peza decorativa de plástica da Idade do Ferro decorada con cordados. Apareceron tégulas, pedras con sinais de ter estado ao lume, tranqueiros de portas, laxas labradas, moedas romanas, etc. Nas inmediacións do castro apareceu unha estela que foi localizada cando unhas obras na estrada do Carballiño a Cea. No campo epigráfico lese: MEID/VENA. Podería tratarse dunha deidade.
Castro de Castrelo: Sobre o castro levantouse a igrexa, o cemiterio, a casa reitoral, e foi alterado tamén por unha pista asfaltada.
Castro da Medoña: O castro levántase nun outeiro dominante, non moi lonxe da igrexa parroquial. Presenta un pequeno recinto tirando a ovoidal con restos de murallas. Atopáronse restos cerámicos.
Os Castros (Celeirós): Ademais do monte e o topónimo, non se observa de forma clara restos estruturais nin se coñece a aparición de materiais. Ten unha medidas aproximadas, en conxunto, de 160 por 87 metros, cunha croa de forma ovalada de 80 por 40 metros. Polo leste, a uns 30 metros de distancia, hai un pequeno promontorio que puido ser anexo do hábitat principal.
Estatua sedente de Pedrafita: Atopada no cemiterio de Pedrafita no ano 1995. Século I a.C.-I d.C. Trátase dunha figura granítica sentada nun trono á que lle falta a cabeza e o pé esquerdo. Adornada con pulseiras, entre as mans sostén un recipiente. O trono está decorado con dentes de lobo nos traveseiros laterais e un tríscele no respaldo. Aínda que caben outras interpretacións, quizais estivera asociada ao culto aos mortos.
Outeiro do Castelo: Sobre un outeiro cun amplo dominio visual e defensas naturais. Apareceron tégulas, ímbrices e cerámica medieval. Hai unha ermida posta baixo o padroado da Virxe dos Remedios. Na ladeira oeste hai unha pía rectangular escavada na rocha onde din se lavaba a Santa. Moi preto, noutra rocha, hai unha fornela onde disque naceu a Santa. Na aba NO do outeiro hai uns penedos graníticos cunha gruta onde se ve un burato chamado O Forno dos Mouros. O asentamento foi ocupado dende a Idade do Ferro ata Idade Media, pasando por época romana.
Castro dos Cabeceiros: A 1.110 metros de altitude. Alterado, conserva parte da súa estrutura defensiva polo norte. Segundo información de María Jesús Carmen Calvo Otero, quen me informou da existencia deste xacemento, pode apreciarse parte dun foxo. Tiña unhas medidas aproximadas de 100 por 75 metros. Pode verse algunha construción non relacionada co castro que tamén semella que foi utilizado como canteira.
Castro da Cabeza: Apenas se observan restos.
Castro das Caborcas: Destruído, apenas se aprecian as súas estruturas.
Castro da Canda: Presenta dous recintos superiores e un antecastro de forma elíptica, defendidos por terrapléns e a orografía do terreo.
Castro de Castromao: Situado a 1.110 metros de altiutde, presenta unha pequena croa arrodeada por un antecastro. Conserva restos dunha muralla terreira, terraplén, foxo e parapeito. Tiña unhas medidas aproximadas de 85 por 65 metros.
Castro de Corbaceiras: Practicamente desaparecido.
Castro da Espenuca: A 990 metros de altitude. Moi alterado, conserva parte do parapeito polo nor-este. Tiñas unhas medidas aproximadas de 170 por 140 metros.
Castro de Lamarredonda: A 1.200 metros de altitude, sobre o regueiro de Lama Fría. Ten unhas medidas aproximadas de 90 por 70 metros, cunha croa central de 35 por 25 metros. Restos dun foxo polo nor-oeste.
Castro de Mourinallas: A 1.180 metros de altitude. Ten unhas medidas aproximadas de 135 por 95 metros. Defendido por terrapléns en todo o seu perímetro. Posibles restos dun foxo polo sur-oeste.
Castro da Baixada de San Xosé: Tiña moi boas defensas naturais, só se accedía por un paso moi estreito. Restos dalgunha vivenda e anacos cerámicos. Segundo conta Bruno Rúa, no ano 1936 os veciños de Cabreiroá, baseándose no Ciprianillo, escavaron no castro; dise que atoparon unhas xarras de cerámica pero dentro non había tesouro ningún.
Castro Grande: No límite con Vilardevós.
Castro de Moreiroá: Citado por Taboada Chivite que cando o visitou viu un par de construcións redondas. Apareceron restos de tégula e cerámica común en superficie. Tamén é coñecido como O Castro dos Mouros.
Castro da Muradella: No ano 1964 atoparon aquí o grupo escultórico en mármore de época romana representando a Dionisio e Ampelos. Durante a intervención arqueolóxico no ano 1966 efectuada por Taboada Chivite saíron á luz restos dunha vila de época tardía romana. Entre os obxectos metálicos recuperados está unha campaíña (tintinabulum) fabricada en chapa de bronce que se utilizaba como amuleto maxicoapotropaico coa finalidade de evitar o mal de ollo, e tamén como peza decorativa dos arneses dos cabalos, como complemento dos enxovais funerarios ou como simple adorno persoal cosido na vestimenta, sen esquecer outro usos no ámbito doméstico e relixioso.
Castro do Outeiro da Cruz: Limita con Oímbra. No lugar estaba o Penedo da Moura onde se agochaba un tesouro; foi destruída cando a autovía a Portugal.
O Castro (Grixoa): Na bacía do río Bibei, con croa ovalada protexida por uns aterramentos que caen cara o regato de Pradocín e con foxos escavados na rocha. Unha canteira afectou gravemente ao xacemento.
Castro da Fraga do Castrillón (Covelo): A media ladeira, sobre un esporón, na parte alta do regueiro do Porto Buxán. De planta ovalada, pódense ver varios foxos escavados na rocha. Posteriormente romanizado.
O Castelo (Pontón): Na marxe dereita do río Bibei, nun meandro moi pronunciado. Planta tirando a circular, está arrodeado pola auga agás polo norte onde presenta un foxo duns seis metros de ancho escavado sobre a rocha.
O Castelo (Punxeiro): Defendido por fortes desniveis sobre o encoro do Bao. Presenta unha croa con construción circulare protexida por unha muralla.
O Castelo (San Agostiño): Encaixado nun esporón sobre un meandro do río Bibei. Ten planta lixeiramente ovalada e defendido por terrapléns e un foxo natural.
Castrillón (Quintela do Pando): Xunto o encoro do Bao. Con croa ovoidal onde aínda se poden ver restos da muralla granítica. Alterado polos bancais de videiras.
O Castrillón (Quintela de Hedroso): Presenta unha coroa de planta ovalada defendida por un parapeito de pedra e terra e taludes. Ten un segundo recinto onde se poden ver varias estruturas pétreas. Apareceron fragmentos de tégula. Romanizado.
Castro de Santa Ádega: Situado no alto dun outeiro, entre os ríos Miño e Barbantiño, a unha altitude de 660 metros sobre o nivel do mar, e entre os concellos de Coles, A Peroxa e Vilamarín. Aínda se poden ver os restos da muralla que o arrodeaba, un terraplén e un enorme foxo. No interior conserva algúns restos dunha antiga ermida posta baixo a advocación de Santa Ádega. As primerias escavacións correron a cargo de Taboada Chivite e López Cuevillas. Este último deu a coñecer unha urna cerámica con cinsas e unha punta de lanza de bronce que se atoparon no ano 1950 ao acondicionar o terreo para os labores agrícolas. Tamén se localizaron amarradoiros para o gando, un machado puído e outras pezas. Quizais o achado máis famoso é o coñecido como Guerreiro de Santa Ádega. Segundo a lenda, os mouros agocharon no castro un tesouro. Di a tradición que a imaxe da Santa Ádega ocasionou o litixio entre dúas parroquias que querían posuíla.
Outeiro dos Infernos: Promontorio rochoso cunha pequena palataforma que se eleva sobre unha meseta sobre o río Formigueiro. Tras a caída dunha árbore provocada polo furacán Hortensio, un veciño da zona, don Miguel Carballo Álvarez, recolleu das raíces da árbore numerosos fragmentos cerámicos que foron depositados no Museo Arqueolóxico de Ourense. Existen dúbidas canto á súa adscrición cronolóxica, da Idade do Bronce ou da Idade do Ferro.
Guerreiro de Santa Ádega: Torso en granito do século I d.C. dun home que se conserva no Museo Arqueolóxico de Ourense. Foi atopado non moi lonxe do castro aínda que fóra xa do seu recinto, ao parecer ao pé dun muro moderno. Mutilado e moi erosionado, dificulta precisar os detalles; leva un cinto con baquetóns lisos e paralelos; un leve abultamento na parte central fai pensar que levara un escudo tipo caetra; si se apreza un ancha banda cruzando o peito dende o ombro esquerdo ata o cinto polo lado dereito que continúa polas costas. Podemos emparentalo con outro torso atopado en Castromao (Celanova).
Castro do Castelexón ou Outeiro do Castelo: Situado nun outeiro. Preto, unha empresa portuguesa construíu un parque eólico. O castro puido ser utilizado como castelo en época moderna, coincidinco coas guerras con Portugal.
Castro da Cidadella: Próximo á fronteira con Portugal. Situado nun promontorio rochoso a cuxo pé hai unha pequena fervenza. Restos de edificacións, cerámica común, fibelas de metal provenientes de monturas. Ao parecer, o propietario da vivenda que se atopa dentro da zona de respecto do xacemento atopou un lagar de pedra romano, escouras de fundición, dúas columnas graníticas e tégula. Alterado por dúas vivendas. Trátase dun castro romanizado habitado tamén en época medieval.
Castro de Florderrei Vello: Situado sobre un outeiro dominante, atopáronse estruturas habitacionais, fornos, lareiras, canles e fontes de uso colectivo, restos cerámicos, un falo de pedra, dúas lápidas e moedas de época romana. Tamén se atopou un verraco, hoxe en día desaparecido, que foi colocado nun cruce de camiños. Sobre o castro, logo cristianizado cunha ermida ermida posta baixo o padroado de Nosa Señora das Portas Abertas, celebrábanse ritos paganos. Na contorna descubríronse restos dunha fortificación romana, así como dúas aras, unha está na capela de San Roque e a outra desapareceu. Asociado a varias lendas, entre outras unha que fala dunha procesión de formigas que chegaron aquí para morrer.
Castro de Mouraciños: Lenda de dúas trabes, unha de ouro e outra de veleno.
Castro da Praza: Situado entre o río do Porto e a Cabanca dos Enxames. Conserva restos de muralla. Apareceron fragmentos cerámicos e un muíño circular de man. Deste lugar tamén procede un muíño xiratorio que Manuel Reigada Gallego vendeu na década de 1980. Dise que unha moura levou ata aquí sobre a cabeza unha lousa grande de pizarra para facer un pontillón. Nunha casa do castro disque apareceu unha casa con restos de comida polo que se cre estaba habitado polos mouros.
Castro do Teso: Identificado coma un castro. Apareceron tégulas, ladrillo e cerámica común romana, muíños de man e varios epígrafes. Os veciños din que antigamente a aldea de Osoño estaba aquí.
Epígrafe do Val de Castiñeiros (Enxames): Inscrición nunha rocha granítica cuxos caracteres foron lidos como: "S (tatuerunt) T (erminum) P (onere)/(gentes) In (ter) Como (cios) I (inter)... L"; "decidiron fixar a divisoria os dous grupos xentilicios dos Comocios e dos Lesocos (?)". Serían as dúas comunidades indíxenas veciñas as que se poñen de acordo para dirimir as desputas territoriais á marxe da autoridade romana, mais utilizadon o latín e as súas normas xurídicas.
Castelo da Cerveira: A 1.541 metros de altitude, nas estribacións orientais da Serra de Queixa, dominando a cabeceira do río Cerveira ou Conso. O asentamento foi escollido a propósito nun ensanchamento do val, producido pola confluenza de varios regueiros na que a orografía se abre un tanto e aplana sobreo monte. Sobre o topónimo existen varias explicacións, algunha fantasiosa, sobre a pertenza do lugar á Casa de Alba. Cinguido por unha muralla que aproveita os desniveis das penedías da cima no que asenta. Ten unha forma tirando a rectangular de 90 por 114 metros. A muralla ten un ancho aproximado de 1,80 metros na que se abren tres portas, dúas fronte a fronte. As construcións habitacionais conservan só a parte inferior das paredes, pero non todas semellan pertenver ao mesmo período, as acaroadas á muralla semellan máis antigas e de inferior perfección técnica. As restantes acadan maiores dimensións e maior perfección. Segundo a lenda, no Castelo de Cerveira vivían os mouros. A catro quilómetros existen os topónimos O Castelo Grande e O Castelo Bravo. (Información e imaxes extraídas de Francisco Javier Fenández Nogueira, en Excursión a Pradoalbar e ao Castelo da Cerveira. Instituto de Estudos Vigueses, 2010).
Castro da Chairiña do Castro: Entre os regueiros do Bidual e do Castro e o río Conso. A pesares do topónimo, non se aprecian restos. Ricardo Viñas Cue, autor da ficha do xacemento, menciona a existencia de abundantes restos cerámicos de posible adscrición medieval.
Castro da Croa: Castro de esporón situado a 925 metros de altitude sobre o río Conso cun alto dominio visual. Ten unhas medidas de 130 por 50 metros. Conserva parte do parapeito e foxo. Nas inmediacións hai unhas pedras fincadas coñecidas como o Cemiterio dos Mouros.
Castro da Mourela: Moi estragado.
Castro da Mourinalla: En ladeira. Recinto circular arrodeado por unha muralla duns 2 metros de alto e e de ancho.
Castro da Torre do Castelo: sobre un esporón orientado cara o río do Bao. Forma ovalada con muralla afectada polos camiños que o atravesan. Existen testemuñas de escavacións furtivas.
Castro da Torre das Hortas: Idade do Ferro/romano/medieval. Situado nun esporón. Segundo os veciños estaba relacionado co castelo de Cerveira. Lendas de mouros.
VILAR DE BARRIO
O Castro ou O Castelo (Mosteiro de Ribeira): Coñecido tamén como Os Netos e O Regueiral. Conta cun recinto de forma circular de pequenas dimensión. Restos cerámicos e tégula en superficie. Apareceu un machado de talón que se atopa no Museo de Ourense, e unha espada que desapareceu.
Castro da Cerquiña: Romanizado. Apareceron fragmentos cerámicos. Producíronse escavacións furtivas, ademais de estar alterado por unha canteira nunha das ladeiras que foi explotada durante anos.
Castro da Cidá: Sobre un enorme esporón, cunha ampla visibilidade. Presenta un dobre anel defensivo, un foxo e unha forte pendente a modo de terraplén. Na croa pódense ver restos de construcións habitacionais. No mes de maio de 2018, o Seprona denunciou que na zona de protección do xacemento se estaban a realizar traballos de desbroce con maquinaria pesada cunha subvención da Consellería do Medio Rural. A Dirección Xeral do Patrimonio abriu un expediente informativo ao comprobar que non se solicitara o permiso correspondente.
Castro do Couto: Protexido por terrapléns.
Castro de Novás: A 760 metros de altitude, na confluenza dos regueiros Pichos e Alboriz, tributarios do río Faramontaos. Escavado nos anos setenta do pasado século por Covadonga Carreño. Exhumouse abundante cerámica castrexa e tégulas romanas. Na mesma década tamén foi estudado por Rodríguez Colmenero. Na croa poden verse construcións circulares e un muro que une dúas rochas. Presenta dúas fases de ocupación, a principal durante o século I d.C., evidentes nos seus tres recintos habitacionais e nas murallas defensivas. O castro volveu quedar ao descuberto por un lume no verán de 2015.
Castro do Outeiro de Almeide: Foi identificado no ano 1991 por Nieves Amado Rolán, Isabel González e Cristina Varela. Croa de forma circular con dous recintos amurallados. Saíu á luz abundantes fragmentos de tégula e ceránica común romana. Cando se abriu a pista (hoxe estrada asfaltada) apareceu parte dunha figura exenta dun guerreiro galaico-romano, custodiado no Museo de Ourense.
Castro Outeiro da Cruz: Na croa atopouse cerámica común romana, tégulas e ímbrices.
Estatuas sedentes de Xinzo de Limia: Datadas no séculoI a.C.-I d.C. Atopadas na finca Corteliña á beira do río Limia e documentadas por Ferro Couselo no ano 1972. Representa unha figura á que lle falta a cabeza, con torque no pescozo e sentada nunha cadeira de travesas. O vestido e as viriae dos brazos son idénticos aos dos guerreiros galaicos, e nas mans leva dous vasos en actitude oferente. A carón desta peza atopouse outra moi semellante, aínda que peor conservada, que se diferencia da anterior porque no canto de vasos semella suxeitar unha pátera ou quizais unha cartela. Rodríguez Colmenero pensa que se trata dunha figura masculina e outra feminina, comparándoas coas deusas-nais, se ben non desbota que se trate de oferentes. Silva cre nunha relación do culto funerario co da terra-nai, e Tranoy que delimitarían un santuario. Miden 0,68 e 0,71 de alto respectivamente. No Museo Arqueolóxico de Ourense.
Castro da Acea ou do Outeiro do Castro: Situado nun esporón de caída cara o río Arnoia. Divisorio entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía. Protexido por un terraplén e varias zonas de muralla. Polo sur apréciase algún foxo. As pedras do castro foron reaproveitadas nos camiños próximos. Despois de décadas de abandono, a finais do ano 2017, no marco do proxecto Leader, encargado polos concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía, comezaron os traballos para poñelo en valor. As escavacións están dirixidas por David Pérez e César Barba. A súa cronoloxía podería ser do século II a.C. Apareceron dous "horrea", segundo os arqueólogos trátase, polo de agora, dos achados máis salientables das escavacións; estarían dataodos, posiblemente, no século II ou III a.C., tratándose do primeiros canastos castrexos que se documenta na provincia de Ourense. Moi preto apareceu outra edificación que ben podería tratarse dun almacén. Tamén saíron á luz pezas de orfebrería.
Castro de A Bariña: Forma elíptica, defendido por fortes pendentes e muralla pétrea en toda a súa contorna. Apareceron fragmentos cerámicos. Romanizado.
Castro de Cerdeira: Situado sobre un outeiro rochoso, a 724 metros de altitude sobre o nivel do mar, nunha contorna de monte baixo. Presenta unha forma ovalada de 100 por 70 metros. Polo oeste e sur vense dúas plataformas. Aprécianse restos do recinto amurallado e construcións habitacionais moi alteradas. Atopáronse muíños de man, couzóns, restos cerámicos, un trisquel, unha esvástica, cravos, unha moeda romana da época do emperador Marco Aurelio, etc. Totalmente abandonado, non son infrecuentes as escavacións furtivas. Segundo a lenda, preto do castro hai uns penedos que soan ao metal, coma se batera cun badalo nunha campá. Varias rochas con petroglifos bordean o castro. E no límite unha gran pía megalítica, A Fonte das Mouras, que cumpriría, segundo Elixio Rivas Quintas, unha función máxico-relixiosa de sauna.
Capela de San Lourenzo (Fondo de Vila-Cima de Vila): Nunha lumieira da ermida hai unha pedra con decoración castrexa en SSS. Citada por Rivas Quintas no seu artigo Influxos precristiáns na arte. (Información achegada por J. Antonio Gavilanes).
Castro de A Chaira: Nun outeiro pizarrozo. Mencionado nun documento no ano 1150 do mosteiro de Xunqueira de Ambía. Presenta forma ovalada con dous recintos amurallados.
Castro de A Medorra: Trátase dun castro, alterado parcialmente, de forma ovoidal, cunhas medidas aproximadas de 200 metros no eixo máis longo e 150 no menor. Consta de dous recintos defendidos por murallas de pedra e de terra e pedras, foxos e o desnivel do terreo. Apareceron anacanos cerámicos lisos e tégulas. Domínase unha ampla panorámica. Segundo a lenda hai unha cova cun becerro de ouro encantado, e para desencantalo ha que entrar co libro dos Evanxeos. Citado nun documento do ano 1150 do mosteiro de Xunqueira de Ambía: "...ad castrum de Medorra...".
Castro de Merí: Disque hai un penedo que soa a bandullo de ovella; preto, nun lameiro, hai dúas trabes, unha de lume e outra de óso que, se se xuntan, haberá unha gran catástrofe.
Outeiro do Castro (Covelo): Nun esporón sobre o río Arnoia. Divisorio entre Xunqueira de Ambía e Baños de Molgas. Apareceron anacos cerámicos.
XUNQUEIRA DE ESPADANEDO
Brazalete: De ouro. 1200-800 a.C. Atopado nun lugar indeterminado da provincia de Ourense. No Museo Provincial de Lugo.
Torques: Foron adquiridos polo British
Museum de Londres nunha subasta no ano 1960. O arqueólogo catalán, Luis
Pericot, dixo que poderían proceder da provincia de Ourense, na
fronteira con Portugal.
Torques: No Museo de Pontevedra atópase un torques de ouro procedente, ao parecer, da provincia de Ourense. Na cartela di que é coñecido como torques de “Arteaga” ou “de la Diputación”. Nada máis. O “de la Diputación” ignoro de onde vén, pero si está claro “Arteaga”. Manuel Sánchez Arteaga (Chaián-Trazo, 1827-Ourense, 1891) foi un cura e historiador. Chegou a Ourense no ano 1858, da man do recén elexido bispo Ávila y Lamas. Foi coengo da catedral, e no 1884 é nomeado académico da Real Academia da Historia e tamén membro da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense. Volvendo ao torques, descoñécese a súa procedencia exacta. A primeira referencia que atopo é na Revista da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (30-9-1885). Manuel Murguía cítao en “Galicia” (1888), Villaamil y Castro no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense (1906), Florentino Cuevillas en “A Edade do Ferro na Galiza” (1924) e nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos (1932); Bouza Brey dedícalle un artigo, “Dos torques áureos Arteaga y Pontevedra” (este último é outro torques, denominado “Castromil”, do que tamén se descoñece a procedencia, que se atopa no museo).
Castros de Galiza/Galicia (Provincia de Ourense)
o noso patrimonio