MOSTEIROS E CONVENTOS DE GALICIA (PROVINCIA DE OURENSE)

O monacato en Europa foi parello á difusión do cristianismo. Os mosteiros xogaron un papel fundamental na organización social e no ámbito cultural acadando, ademais e sobre todo, un enorme poder material. Se ben xa existía en Galicia unha certa vida monacal, foi con Froitoso de Braga cando se regulamentan as comunidades familiares de tradición visigótica (Regula Monachorum). Mais, será a partires dos séculos IX e X cando xurdan as grandes fundacións que, co tempo, se acolleron baixo a regra de San Bieito de Nursia do século VI en que se difunde por toda a Europa carolinxia e que traen os monxes de Cluny a través do Camiño de Santiago, uniformando o monacato occidental a mediados do século XI coa reforma gregoriana. O monaquismo galego consolidouse coa chegada dos cistercienses, orde fundada por Roberto de Molesmes no ano 1098 para levar unha vida máis en consoancia coa regra de San Bieito, con orixe na abadía de Citeaux (Francia), que acadaou unha grande influencia grazas a Bernardo de Claraval. No século XIII instálanse no país as ordes mendicantes dos franciscáns e dominicos (en menor medida os Agostiños, entre outros), cuxa presenza adoita vincularse á peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago a principios do século XIII, que fundan os seus conventos en núcleos urbanos, fronte á localización rural dos mosteiros bieitos e cistercienses. Tamén tiveron certa presenza en Galicia as ordes militares que naceron en Terra Santa despois da conquista de Xerusalén no ano 1099 durante a Primeira Cruzada, sendo as máis coñecidas as do Temple, a dos Hospitalarios de San Xoán e de Santiago que pasaron a rexentar, en varios casos, mosteiros altomedievais que foran abandonados. As abadías segrares, organizadas pola sé diocesán, estaban ligadas ás catedrais, integradas por persoas que non forzosamente tiñan servizo no altar, pero si a obriga de participar nos demais oficios e actos marcados pola comunidade.

As desamortizacións dos bens e terras "non produtivos" remataron co seu poder. Entre o 1800 (reinado de Carlos IV) e o 1859, sendo ministro Pascual Madoz (no medio houbo as do ministro Mendizábal, no 1835, e uns anos despois a de Espartero), a Igrexa perdeu boa parte dos seus bens que, ademais de ao eido espiritual, tamén afectou ao material, entre eles os edificios mosteirais e conventuais. Segundo Vicente Risco, máis de 7.000 relixiosos foron exclaustrados. Malia o anterior, cómpre subliñar, en contra da crenza xeralizada, que antes do século XV a maioría dos pequenos mosteiros apenas posuían riqueza e poder. Como apunta F. J. Pérez Rodríguez (2008), "a historia do monacato galego pleno e baixomedieval está cheo de sombras e non sempre os mosteiros viviron na riqueza e opulencia nin se levou neles a vida estereotipada que se lles adoita atribuír como centros de espiritualidade e cultura", e "a meirande parte dos cenobios pouco teñen que ver coa idea de poder, riqueza e progreso que, polo xeral, se ten dos mosteiros galegos medievais", é dicir, que a realidade monástica galega, ata o século XV, a pesares do gran número de cenobios, foi moito máis modesta do que adoitamos crer.

Nesta recompilación achego, distribuídos polas catro provincias galegas, preto de 400 mosteiros, priorados e conventos, aínda lonxe do número real dos que alfrombraron Galicia. Sen ir máis lonxe, José Freire Camaniel, na súa obra El Monacato Gallego en la Alta Edad Media (1998), rexistra máis de 500 mosteiros que non sobreviron á Reforma Gregoriana, onde se estudan as distintas regras que seguiron os cenobios galegos así como as comunidades que vivían neles, habitualmente formadas por homes e mulleres (mosteiros dúplices) que desapareceron ou se integraron noutras comunidades a partires da reforma citada cuxa idea principal era acadar un poder independente dirixido polo papa. Outros pequenos cenobios transformáronse en granxas, ou mesmo foron suprimidos; nun capítulo xeral da orde do Císter, celebrado no ano 1184, estableceuse que en todas as abadías houbese, ademais do abade, doce monxes, e senón que se reducise a granxa ou que desaparecera totalmente.
  
   
MOSTEIROS E CONVENTOS DA PROVINCIA DE OURENSE
 
ALLARIZ
 
Basílica da Asunción ou Ascensión (Armea): Atópase non moi lonxe do castro da Cidade de Armea, sobre a cripta coñecida como Os Fornos, relacionados cos monumentos con forno e pedra formosa, onde a lenda sitúa o intento de queimar a Santa Mariña, salvada grazas á intercesión de San Pedro. O edifici soterrado é un Monumento con Forno ou sauna galaico-romana modificada polo paso dos séculos e polas continuas reformas no edificio. A igrexa comezou a construírse a mediados do século XIII con obra románica avanzada e abandonouse inconclusa, tal como podemos ver na actualidade, na primeira metade do século XIV, coincidindo coa decadencia dos templarios, disque promotores da súa construción, se ben o bispo Muñoz de la Cueva (1660-1728) di que foi mandada construír por unha dona da casa dos Figueroa que ao morrer interrompeuse a obra. No centro da nave atópase a cheminea do forno da cripta. Hai quen cre que podería ser a igrexa dun futuro mosteiro. Nas inmediación atópase o coñecido como o Asento de Santa Mariña, un conxunto de base en pedra e buratos na rocha, onde a santa pasaba as horas peiteándose ou tecendo; seguramente estea relacionado cuns usos anteriores á cristianización do lugar. Non moi lonxe atópase tamén un conxunto formado por pioucas, carballo e lagar. Nas Pioucas da Santa conta a lenda que Mariña se refrescara logo de fuxir do forno; trátase dun lugar importante de culto xa que eiquí remata a procesión dos Pendóns durante a celebración da Ascensión onde o párroco ascende xunto cos estandartes ata a parte alta do outeiro para bendicir os campos e os cultivos. O carballo orixinal de nove metros de circunferencia atopábase no Monte do Señoriño; a el acudía a xente en devoción ata que un raio o fixo desaparecer a mediados do século XX e o actual carballo das Pioucas tomou o seu relevo e a súa memoria. Debaixo do carballo hai un lagar rupestre ao estilo do Torcularium romano, unha estrutura con vigas de madeira e prensa con torno que ao baixar levaría por rebase o xugo extraído dun froito da pía grande cara a pequena ou lagareta.
 
Mosteiro de San Martiño de Pazó: O mosteiro Palatiolo documéntase pro primeira vez nunha escritura do monxe Odoíno no ano 982 pola que lle entregaba a igrexa de Bande ao mosteiro e Celanova. No documento fálase do litixio mantido con Guntroda, sobriña de Ilduara e abadesa de Palatiolo que posuía o dereito hereditario en tempos do rei Ramiro II e o bispo Hernexildo en Iria-Compostela. Polo tanto, o mosteiro xa existiría entre o ano 930 e 942 (Sánchez Pardo, et al., 2018). Da orixe mozárabe da igrexa consérvanse as dúas portas de acceso e os restos dunha ventá con arcos de ferradura enmarcados con alfiz. A porta sur comunicaba co desaparecido mosteiro dúplice.
 
Convento de Santa Clara de Allariz: Clarisas. Fundado no ano 1268, conserva distintos estilos, dende o gótico ao barroco. Por documento do 7 de decembro de 1334, Pedro Fernández de Castro, pertigueiro maior da terra de Santiago e mordomo maior do rei, doa ao convento seis mollos de viño e catro de centeo anuais procedentes das súas posesións en Vilanova dos Infantes (Celanova). Foi reconstruído no século XVIII. O pórtico é o único elemento que rompe coa sobriedade da enorme fachada. O claustro, obra do arquitecto frei Domingo Antonio de Puga, está composto por galerías formadas por setenta e dous arcos de medio punto entre piastras; dise que é o claustro barroco máis grande da Península. A igrexa, do século XIII, ten planta de cruz latina con nave de dous tramos, cruceiro e presbiterio rectangular. No lintel da portada destaca unha vieira e unha fornela coa imaxe de Santa Clara. Do convento procede a Virxe Abrideira, do século XIII; é de marfil (con restos de policromía) e ébano; a figura sedente, ao abrirse (a partir do pescozo), convértese nun retablo con tres esceas en relevo; no centro o Nacemento, a Ascensión e a Coroación; no dereito a Adoración dos Reis, Pentecostés e dous anxos que acompañan na coroación da Virxe; e na esquerda a Anunciación. Museo de Arte Sacra.
 
Mosteiro de Santa Mariña de Augas Santas (Augas Santas): Testemuñado en época altomedieval, en tempos de Fernando I por unha división de homes entre a xurisdición real e Celanova ("Auriolus monachus kathedran regens Sancte Marine"). Ao longo do século XII mantivo varios enfrontamentos coa sé de Ourense, pasando a poder da catedral ao redor de 1180 ou 1190. Foi entón cando se relanzou o culto da mártir Santa Mariña, edificándose a igrexa, ademais de encomendar a redacción dun libro de milagres para lle dar publicidade ás virtudes da santa que podía beneficiar a quen acudise á súa sepultura en peregrinaxe. Para elo instaláronse en Augas Santas varios cregos cun abade á fronte (en principio serían Coengos Regulares de San Agostiño). O templo aparece citado nunha bula de Inocencio III no ano 1215 como "ecclesiam sancte Marie de Aquis Sanctis et domun cum omnibus libertatibus et pertinentiis  suis et quecunque bona habetis in regno Portugalie". Os cregos documéntanse a partires do século XIII, comprobándose claramente no século XV a súa condición de abadía segrar cunha comunidade de varios raçioneiros dirixidos por un prelado. No lugar onde se ergue a casa reitoral é onde se conservan os únicos restos do antigo cenobio. A igrexa, de orixe románica, presenta planta basilical de tres naves, rematada nunha cabeceira tripartita, separadas por medio de piares cruciformes que soportan arcos apuntados e un falso triforio de tres arcos sobre columnas pareadas. Sobre as ábsidas semicirculares ábrese un gran rosetón central abeirado por outros dous de menor tamaño. A portada sur, románica, está organizada con arquivoltas de ferradura, ventás e un rosetón. A fachada, moi reformada, presenta unha espadana de transición ao gótico. Unha das lendas que bulen ao redor deste templo conta que se edificou no lugar onde foi decapitada Santa Mariña, natural de Piñeira de Arcos (Sandiás); onde rebotou a súa cabeza abrollaron tres mananciais, a fonte que hai no lugar foi mandada construír polo bispo de Ourense Iglesias Lago a mediados do século XIX xunto coa imaxe pétrea da santa; unha inscrición di: "Reedificola o bispo Dámaso Iglesias. Ano 1840".  Outra lenda fala de que a Santa Mariña quixeron queimala no coñecido como O Forno da Santa (sauna prerromana con pedra formosa), agochado na cripta da igrexa románica inacabada que se atopa nas inmediacións do castro da Cidade de Armeá, disque obra dos templarios. O descubrimento da tumba de Santa Mariña sitúase no reinado de Afonso II o Casto (759-842), cando se levantaría un pequeno templo predecesor do actual. O mausoleo ou camarín da Santa atópase sobre o que se considerou o seu sepulcro cunha lauda lisa sobre a terra. Xunto a igrexa atópase o Pazo do Bispo, utilizado como casa de verán polo bispo de Ourense Juan Muñoz de la Cueva (1660-1728); tamén foi refuxio de relixiosos enfermos durante a invasión francesa. O Pazo do Bispo acolle un manancial de auga coñecido como Pozo da Santa cuxa auga é utilizada polos devotos para curar doenzas, protexer ao gando, favorecer os cultivos, etc.

 
 
 
 



 
AMOEIRO
 
Mosteiro de San Paio de Bóveda (O Priorato): Moi modificado, na actualidade é propiedade particular nun deficiente estado de conservación. De orixe altomedieval, foi un dos primeiros mosteiros do Císter en Galicia, fundado como mosteiro feminino por Arias Fernández e Gudina Oduariz no ano 1168. No ano 1179 cítase unha "abbatissa de Boueda", no 1239 o "monasterio de Bouada", no 1267 "abadessa de Bobeda", e no 1279 "moesteyro de Boueda". A súa principal propiedade estaba na Reza Vella, preto da cidade de Ourense. Foi suprimido como mosteiro por Xoán de Grixoá, abade de San Clodio quen, coas armas na mán, botará ás monxas, acontecementos que comezaron á morte da abadesa dona Maior Vázquez de Ceboliño no 1446. Conserva a portada e o arco triunfal de tendencia á ferradura. Entre as pezas soltas que antes da desamortización sufriron unha reforma barroca, atópanse elementos prerrománicos. No Museo Arqueolóxico de Ourense consérvase a coñecida como lápida de Xoán, do século IX, cunha epígrafe gravada que di "OBIT F(a)M(u)Lus) D(e)I IOANNI.../(cruz patada) MIGRAVI(t) AB (h)OC SES(ulo) Ç.../AILI...", ("Morreu o servo de Deus Xoán, que no nome da cruz partiu ao outro mundo o día sexto...").
 
Mosteiros de Cornoces e San Damián: Cítanse nalgunhas partes que non achegan moita información. O primeiro figura catalogado por Patrimonio como "Convento de Cornoces". Nunha noticia aparecida en El Diario de Galicia do 7 de xullo de 1895, di que "es un hecho que el R. Padre Arnaez ha determinado que en su reciente visita a la capital (Ourense) establecer una escuela gratuíta de párvulos en la calle de Santo Domingo, y que actualmente poseen las hermanas del convento de Cornoces". La Región do 17 de xaneiro de 1954 recolle que o gobernador civil recibiu, entre outros, á "Hermana del Convento de Cornoces". En La Región do 31 de decembro de 1959, na recadación obtida na campaña de Nadal e Reis 1959-60, distribuiuse "para los niños acogidos en el convento de Cornoces" 1.000 pesetas. Está claro que o convento de Cornoces, rexentado por monxas, funcionou como escola-asilo baixo o nome de Santa Catalina.
Santa María de Amoeiro: Nun documento de principios do século X, a igrexa é cedida aos condes Gutierre e Ilduara e ao seu fillo o bispo Rosendo (San Rosendo). Consérvase unha inscrición da Era 1200 (que se corresponde co ano 1162) en que o presbítero Xoán fixo a dedicación do templo ("ERA M CC PRIDIE/K(a)L(endas) F(ebruarii) I(o)H(an)NES PRESBITER/FECIT DEDICACIONE"). Crese que a freguesía puido acoller un mosteiro xa que nun documento do 7 de abril de 1174 cítase a Ihoannes monachus de Amoeyro (Almudena Bouzón Custodio, 2022), se ben non existen probas da súa existencia. Si está documentado que na zona instalouse unha bailía da orde monástico-militar do Temple, citada no ano 1232, cuxo comendador era Fernandus Salvatoris. Entre o 1240 e o 1258 foi comendador Suaris; no 1241 rexentábao Garsia Ihoannis; e entre 1307 e 1310 Sancho Afonso. No ano 1310 (ano da citación xudicial de Tordesillas promulgado polo arcebispo de Toledo, por mandato do papa Clemente V, para que os cabaleiros templarios comparecesen en Medina del Campo á raíz da persecución do rei francés Felipe IV), as encomendas de Amoeiro e Coia (Vigo) tiñan o mesmo comendador e seis cabaleiros: "fratri Sancio Alfonsi comendatori baluiarum de Arnoeyro. et de Coya. fratri Antonio. fratri Johanni Arie. fratrí Didico. et fratri Didaco de Penna. fratri Petro. et fratri Johanni. qui consueverunt habitare in dictis baylivis..." (Adrián Arcaz Pozo, 2002).
 
 

 




ARNOIA
 
Mosteiro/Priorado de San Salvador de Arnoia (Outeiro Cruz-A Arnoia): Fundado posiblemente no ano 899. No século XI era dúplice ou feminino, xa que nun traslado documental feito no 1426 dun diploma datado no 1016 dise que era "do tempo das donas que foron eno moesteiro d´Arnoya". Aparece citado en privilexios pontifícios concedidos á sé auriense no 1185 e no 1203, nos que aparece como mosteiro. Nun documento do século XIII, a abadesa afora a Fernán Pérez a herdade e viña do Soberal, a terra de Agromallo e unha terra pertencente ao mosteiro de Aveiro. Despois, ata o ano 1835, e xa dependendo do Salvador de Celanova, foi rerexentado por monxes bieitos; nunha avinza que Celanova fai con Melón sobre unha pesqueira lese: "ut abbas et cnventus Cellenove, nomine monasterii de Arnogie, percipiant de singulis retibus". Parece que foi un dos máis rendibles do mosteiro de Celanova durante a Idade Media e a Idade Moderna, tal como testemuña frei Benito de la Cueva de que era "uno de los mexores prioratos, o el mexor, que tiene Zellanova". Conserva o edificio monacal e a igrexa do século XVII construída sobre outra do século X. Na pedra armeira que se conserva figuran o espello e o compás, símbolos asociados ao mosteiro de Celanova, e o báculo e a espada, referencia a San Rosendo. Nun muro hai reutilizado un alquerque de tres.

Priorado de Reza (A Reza-A Arnoia): En relación co mosteiro de Melón está o priorado de Reza, con orixe no século XIII. No século XVI documéntanse varias construcións relacionadas coa actividade agraria desenvolvida por unha comunidade de monxes.
 


 
 
BANDE
 
Mosteiro de San Pedro (Bande): No ano 1457, o mosteiro que había en Seoane pasou, por mandato do papa Calisto III, a San Pedro. Por documento do 12 de xaneiro de 1364, frei Martín, administrador do mosteiro de Celanova, dita sentenza pola que confirma unha anterior dada por Xoán Lorenzo, abade de dito mosteiro, no preito entre os moradores de San Pedro de Bande e Martiñán, pola que recoñece o dereito dos primeiros a utilizar os pastos e facer talas en varios lugares. A igrexa parroquial, dos séculos XVII e XVIII, é o resultado das reformas e ampliacións que se realizaron no antigo cenobio e de cuxos vestixios perduran na casa reitoral, un edificio de dúas plantas con corredor e patio central. Segundo conta Enrique Bande Rodríguez, no ano 1782 ordenouse ao cura que obrigara a gardar a compostura aos fregueses dentro do templo xa que se tiña o costume de falar, berrar e bailar durante a celebración da misa. Ou outra orde do ano 1835 en que pon en coñecemento do párroco de que as mulleres que portaban a imaxe da Virxe nas procesións "non deben ir entre os homes nin entre o clero, nin dando espectáculo. Nas procesións deben ir detrás con toda a decencia".
 
Mosteiro de Santa Comba de Bande: Bieitos. A igrexa visigótica (s. VII) formaba parte dun mosteiro que contaba con dous edificios que non se conservan. Segundo a tradición, foi fundado cando a xente que fuxía dos árabes ocultaron aquí o corpo de San Trocado, bispo de Guadix un dos primeiros discípulos do Apóstolo Santiago. No interior garda un sepulcro de mármore onde se di que estivo o corpo do santo antes do traslado ao mosteiro de Celanova. Por escritura de 1 de outubro do 982, un tal Odoino doa ao mosteiro de Celanova o de Santa Comba que xa aparece recollido no 872 como o de repoboación das terras bañadas polos ríos Limia e Támega. A planta do templo é de cruz grega, con capela na cabeceira rematada, ao igual que o cruceiro, por bóveda de aresta da que parten as catro estancias que forman os brazos da cruz. Na parte oriental ábrese unha ábsida de planta cadrada á que se accede a través dun arco de ferradura. Na parte dos pés hai unha porta de traza moderna, ampliación da primitiva, que se atopa debaixo dun pórtico, tamén posterior á construción visigótica. Ente os capiteis distínguese un reaproveitado e dous trapezoidais de fins dos séculos IX-X. Segundo o documento do ano 872 citado, do mosteiro de Celanova, Afonso III encarga a restauración da igrexa. Para Ángel del Castillo, despois da de San Pedro de Rocas, trátase da igrexa máis antiga de Galicia.
 



 
 
BAÑOS DE MOLGAS
 
Mosteiro-hospital de Xerusalén da Limia: No tomo IX dos anos 1971-72 do Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo, Marina Vázquez Dapena recolle unha transcrición de Marcelo Macías sobre un privilexio, escrito en latín, do rei Afonso IX a favor dun mosteiro-hospital de Xerusalén da Limia polo cal se fai unha doazón do couto de Foncuberta no ano 1260. A tradución, na súa primeria parte, é a seguinte: "No nome do Señor. Amen. As cousas que se fan ao presente pronto se perden de memoria polo que os escritos sempre fan desaparecer as incomodidades do esquecemento. Polo tanto eu, Afonso, pola graza de Deus Rei de León e Galicia: douvos, Xoán Sancis Prior do Mosteiro-Hospital de Xerusalén, e servos e irmáns do mesmo hospital, na Limia, xunto a Molgues (Molgas), Foncuberta, con todas os seus dereitos e pertenzas, como o teño ou debo telo por dereito hereditario, para poseela perpetuamente".
 
Santuario dos Milagres: No Monte Medo, nun chan ao pé da Serrra de San mamede, a 1.620 metros de altitude. Comezou a construíse no ano 1728 e rematouse no 1768. É de estilo barroco-neoclásico. Nas inmediacións está a Carballa dos Milagres, xunto a Fonte da Virxe, lugar onde se cre que houbo unha primeira ermida do século XI (restos a carón da igrexa adicada á Santa). Nos Milagres funcionou un colexio-seminario. Dende o século XIX está rexentado polos PP Paúles. Concorridísima romaría o 8 de setembro.
 

BARBADÁS
 
Chaira das Casas (Santa Euxea-San Lourenzo de Piñor): Posiblemente alto-medieval. Nesta terraza sobre o río Miño hai vestixios dun asentamento que se identifica cos restos dun eremitorio ou mosteiro de Santa Euxea ad Portum Abbatis (Santa Euxenia do Porto do Abade), fundado polo abade Senior no século X, citado no Tombo vello de Celanova que se conserva no Arquivo Histórico Nacional. Na actualidade, a paraxe coñécese como Chaira das Casas, pero no Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII cítase como Iglesia Vieja. No lugar obsérvanse varias construcións que rodean a capela en ruínas e próxima unha pía escavada nun bloque de granito. Tamén apareceron restos de ladrillo, fragmentos cerámicos e tella curva. Moi alterado polas actividades agrícolas e forestais e a autovía das Rías Baixas. (Información recollida da arqueóloga Nieves Amado Rolán, 2006). O nome de Porto do Abade débese porque alí había unha barca para cruzar o río Miño. As ruínas foron localizadas por Xesús Ferro Couselo, Luciano Fariña Couto e Xosé González Paz. No mes de maio de 1966, alumnos do colexio menor Calvo Sotelo, baixo a denominación de "Misión juvenil Renacer", despois de localizalo, a indicación de Ferro Couselo, limparon o sitio, deixando ao descuberto uns muros e unha edificación cuadrangular, alongada, con portas de acceso, cuxas paredes se elevaban uns dous metros. Tamén apareceron restos cerámicos lisos e unha pía. (Información recollida de La Región do 8 de maio de 1966). No ano 2021 contáronme que a ermida estaba posta baixo a advocación de San Xoán. Ao parecer nunha das paredes tiña unha ara que, dise, desapareceu cando as obras da autovía das Rías Baixas, uns que quedou baixo os cascallos, e outros que a levaron.


 

O BARCO DE VALDEORRAS
 
Mosteiro de San Miguel de Xagoaza: As primeiras referencias datan do ano 1092, no Tumbo do mosteiro de San Pedro de Montes, no Bierzo. No 1252 pasa a ser propiedade da Encomenda de Quiroga da orde dos Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén, máis tarde coñecidos como Orde de Malta (a súa divisa, a cruz de oito puntas, aparece na portada da igrexa e na escaleira do patio do priorado). No 1233 a igrexa de Xaogaza figura nun acordo feito entre o bispado de Astorga e a orde do Hospital. Restaurado, o edificio monacal conta no seu interior cun pequeno claustro, porticado no piso inferior e con galerías de madeira no superior que se acondicionou para actos culturais. As instalacións acollen tamén unha adega de viños e augardentes. A igrexa románica (s. XII-XIII) presenta nave con artesoado de madeira, ábsida semicircular cuberta con bóveda de cascarón e presbiterio de dous tramos, un recto con bóveda de medio canón, e un curvo na cabeceira cuberto cun cuarto de laranxa. No interior consérvanse restos de pinturas manieristas no presbiterio datadas no ano 1586 (obra do coñecido como "Mestre de Xagoaza"), un retábulo barroco do 1679 con columnas estriadas en ziguezague, e unha custodia do 1669. Tamén se conserva unha prancha rectangular de cancel con relevos vexetais e un pé de altar a xeito de piastra que pode levar a existencia da igrexa a época visigoda.
 
O Priorado: En Santurxo, na parroquia de Millaourso e Santurxo, consérvase a Casa do Priorato.
 



BEADE
 
Encomenda de Beade: Da Orde monástico-militar de San Xoán de Xerusalén ou de Malta. A Orde, fundada no século XI contou con encomendas no Incio, Portomarín, Quiroga, Beade, Pazos de Arenteiro e Osoño. Os freires finaciábanse principalmente coa produción de viño. Nun documento de foro de 1415 cítase o "espital de Biade". No século XVI foi cabeza da orde en Galicia. Xunto a igrexa está a casa coñecida como da Encomenda, en ruínas na actualidade, de principios do século XVI (ata este século pertencía á bailía de Ribadavia). O século XVIII foi o de maior esplendor, absorvendo a encomenda do Santo Sepulcro de Pazos de Arenteiro (Boborás), a primeira orde militar que se asentou en Galicia no século XII. No ano 1735 e 1739 cítase a encomenda en varios documentos. No Arquivo Histórico da Nobleza consérvase un documento de alegacións de parte de Antonio Félix Tavares na desputa co gobernador da encomenda, Felipe de Vargas, sobre os bens dun censo en Santa María de Castrelos (Vigo). O 19 de outubro do mesmo ano, Custodio de Lemos e Ozores dictamina nun preito entre Antonio Manuel de Montenegro e o citado gobernador sobre os bens e rendas dun foro.  Do 14 de agosto de 1744 é o traslado dun poder outorgado por Felipe Vargas Orozco, cabaleiro da orde de San Xoán, a favor de Ambrosio Varela e Ozores, da mesma orde, para que cobre certas rendas ao seu nome. No ano 1823 é párroco prior Pedro Balboa y Llamas. A igrexa é de orixe románica. No interior conserva o sepulcro de frei Ares López Fandiño, comendador da orde entre o 1494 e o 1548. Da igrexa parte un Via Crucis que remata nun Calvario situado nas inmediacións.

 
 
BEARIZ
 
Priorado de Beariz: No ano 1607, o cardenal Del Hoyo di que é anexo do mosteiro de Aciveiro. Pouco máis se sabe deste priorado, a maioría dos libros queimáronse nun incendio acontecido no ano 1748 que asolou a reitoral. O Concello rehabilitouna para convertela nun centro social. No Archivo Histórico Nacional consérvanse os libros de contas dos priorados de Banga e Beariz entre os anos 1731 e 1809. Nun tombo do mosteiro de Aciveiro do século XVIII, que se conserva na mesma institución, onde achega noticias da fundación, fai unha relación por orde xeográfica dos bens e rendas do cenobio en diferentes lugares, indicándose os apeos, foros e outros, onde aparecen os priorados granxa de Beariz e Banga.
 


 
BOBORÁS
 
San Mamede de Moldes: A igrexa, románica dos séculos XII-XII, foi construída sobre un primitivo castro. Pertenceu á orde do Temple. No tímpano da portada principial vese unha cruz desta orde monástico-militar, e tamén nunha porta lateral. No Ideal Gallego do 9 de outubro de 1945, aparece un anuncio do Ministerio de Educación Nacional que aproba unha partida de 4.500 pesetas para obras na "iglesia de Templarios de San Mamed de Moldes".
 
San Xulián de Astureses: Orixe templaria (igual que San Mamede de Moldes) que logo pasou á Orde de Malta baixo a encomenda de Pazos de Arenteiro. Só se conserva a igrexa románica do século XII. No tambor da ábsida figura a “ERA : MCCII” que se corresponde co ano 1164. Preto da porta norte hai un sepulcro, e sobre el unha inscrición funeraria: “OBIIT : FRA(ter) : IO(ann)ES : PET(ri) / DOUTEIRO : SUB : ERA / M : CCC : XX : IIII : IIIº NO / AS : AUGUSTEI”, traducido “O irmán Xoán Pedro Douteiro faleceu o día terceiro das nonas de agosto da era 1324” que se corresponde co ano 1286. Nas inmediacións está o xogo de alquerque de tres.
 
Encomenda de Pazos de Arenteiro: Eiquí intalouse a primeira orde militar que se asentou en Galicia durante o século XII: a do Santo Sepulcro, citada nunha confirmación papal no ano 1128, sobre os bens que posuían nas sés de Compostela e Tui.
 

 
 

A BOLA
 
Mosteiro de San Munio ou Santomé da Veiga (Veiga): Sanxoanistas (A. Arcaz Pazo, 2002, e F. J. Pérez Rodríguez, 2008, din que Santiaguistas). O desaparecido mosteiro foi fundado por San Munio no século IX, sepultado na capela maior da igrexa; segundo a lenda, aplicando as súas reliquias aos endiañados líbranse de Satanás. A primeira mención documental data do ano 1105 en que un matrimonio entregaba ao mosteiro de Celanova a porción que nel tiñan, unha terceira parte da sexta, o que demostra que desas está en poder de herdeiros laicos e que non era de recente fundación ao ter sido repartido entre eles. Nun documento de data incerta (entre o 1121 e o 1142) os herdeiros de Veiga (nobilis qui monasterii Sancti Thome de Veiga sumus heredes) entregábano á comunidade que vivía nel; á súa fronte aparece Martinus Thoncirri, venerablis presbiter, sen obstentar título de abade ou prior. A finais do século XII é cando sería entregado aos cabaleiros que foi cando mudou a advocación do mosteiro de Santomé a San Munio, baixo a que xa está no 1187. Pero nunha bula do papa Alexandre III de 1180, ampliada no 1187 por Urbano III aparece en poder da orde de Santiago (Sanctum Munius de Vega cum suis pertinentiis). No 1376 estaba habitado, ao menos, por un prior e un frade, e a finais do século XV só está documentado o prior. No ano 1558, Andrés de Luzón outorgou poder ao seu sobriño, o licenciado en leis, Hernando, para administrar as rendas do priorado. O templo é de orixe románica do s. X, erixido sobre outro do século anterior tal como o amosa unha torre lateral. Ten unha soa nave e ábsida rectangular. Unha porta presenta un arco apuntado e arquivoltas decoradas con motivos vexetais. O tímpano presenta cruz grega sobre mochetas que representan as cabezas dun lobo e dun carneiro. O edificio sufriu importantes reformas no século XVIII. Acolle unha cruz procesional, segundo Ángel del Castillo, do século XII. No interior tamén hai unha ara dedicada a Xúpiter.
 
Priorado de Santa Baia de Berredo: Por documentos do mosteiro de Celanova sábese que a vila de Santa Baia pertencía no ano 934 á Adosinda, irmá de San Rosendo, que a recibira en herencia dos seus pais Gutier e Ilduara. Na sancristía da igrexa consérvase unha loousa de granito cun relevo de catro arcos de ferradura. O retablo é obra do escultor Castro Canseco (1655-1724). Na primavera de 1969, o director de cine vasco Pedro Olea, xunto co guionista galego Juan Antonio Porto, filmou no cemiterio de Santa Baia varios planos da película "El bosque del lobo", baseada na novela El bosque de Ancines do galego Carlos Martínez Barbeito, recreando a vida do "Sacauntos" Manuel Blanco Romasanta (1809-1863), natural de Regueiro (Esgos), a quen se acusou de asasinar a trece persoas créndose un home-lobo. Foi protagonizada por José Luis López Vázquez, Amparo Soler Leal, Antonio Casas, Nuria Torray, John Steiner, Alfredo Mayo e María Fernanda Ladrón de Guevara, entre outros. O argumento xira arredor de Benito Freire, un vendedor ambulantes que sofre ataques de epilepsia. Pola comarca comeza a correr o rumor de que é un home-lobo, historias que aos poucos fanlle perder a cabeza.
 

 




CARBALLEDA DE AVIA
 
Priorado de Beiro: Composto por igrexa e casa prioral, dependía de San Martiño Pinario de Santiago. Data do século XVIII. A igrexa atópase en bo estado, pero a casa prioral, un pazo con cinco lagares e adega abovedada, que serviu de reitoral, está a caer; unha parte do tellado veuse abaixo (Información sobre a igrexa e do priorado achegada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán). O Tombo do mosteiro de Santa Clara de Santiago recolle unhas rendas no ano 1722 que procedían de Beiro, de herencias pertencentes a monxas do mosteiro.
 
 

O CARBALLIÑO
 
Mosteiro de San Pedro de Lobás (Mosteiro): O mosteiro de San Pedro de Lobás (conventu Lupanensi) estivo habitado por monxas bieitas dende o século XI. Na Idade Media caía dentro da demarcación eclesiástica coñecida como Maestrescolía do Orcellón (Duro Peña, 1968). O 2 de decembro de 1175 (Duro Peña, seguramente por erro, pon o ano 1185), a abadesa de San Pedro, Sancha Raimúndez, doa ao mosteiro de Rocas todos os bens herdados dos seus pais. No 1191 era abadesa Urraca Núñez. Por documento do 24 de xaneiro de 1241 (que omite Duro Peña), Fernando Pérez, presbítero e prelado de Santiago de Mudelos, con acordo de Teresa Iohanis, abadesa de San Pedro de Lobás, e doutros copatróns da igrexa, aforan aos irmáns Arias e Diego Fernández unhas leiras en dita parroquia. Por documento do 9 de maio de 1266, o mosteiro de Oseira permuta co de Lobás o casal de Sobrado e de Pol a cambio do casal de Saa; a abadesa é Sancha López. O 20 de marzo de 1393, a abadesa Thareyga Ares afora ao escudeiro Álvaro Nogueira os casais de Dornela e Valfrío. O 7 de maio de 1396, esta mesma abadesa, xunto coas monxas Leonor Afonso e Teresa Rodríguez, outorga en foro a frei Johan Yáñez, criado de frei Alonso da Orde do Santo Sepulcro, xa defunto, unha herdade e souto en Porto, na freguesía de San Salvador de Pazos de Arenteiro. No último ano do século XIV, o 11 de agosto de 1399, a abadesa Leonor Álvarez fai encomenda a Alonso López de Lemos do couto de San Pedro para que o defenda en nome do mosteiro. No ano 1402, a abadesa Urraca Pérez afora a Lorenzo Yáñez e á súa muller Mariña Duranza e aun fillo o casal da Carreira, en Zafra. O 2 de febreiro de 1407, a abadesa Teresa Yáñez e a priora Leonor Fernández outorgan en foro todas as casas e herdades en Espadanedo (esta abadesa aparece citada en varios foros ata o ano 1460). En 1483 era abadesa Sancha Rodríguez. A finais do século XV a súa abadesa era Inés de Sanabria que aparece citada por primeira vez nun foro do 29 de xuño de 1490. O enviado de Valladolid, o prior frei Rodrigo de Valencia, cando visitou o cenobio no ano 1499 observou en dona Inés falta de castidade e de obediencia, tachándoa de "destruydora e delapidadora de los bienes e rentas" e de ter cometido "otros crímenes y excesos dignos de gran pugnación y castigo". Os observantes de Valladolid prendéronna e encerráronna en San Paio de Antealtares para gardar estrita clausura. Mais a abadesa conseguiu fuxir antes do ano 1506, volvendo a Lobás. Ao final asinou a renuncia, a cambio de vivir tranquila no que fora o seu cenobio, percibindo unha pensión anual. Rematada a vida monacal, as dependenzas e as súas terras foron arrendadas a distintas persoas (en 1651 a Baltasar de Araújo e Somoza; en 1689 a Pedro García de Carrofeito; en 167a a Benito Vieitez; e así ata a Desamortización do ano 1835). As estragadas dependenzas monacais e a igrexa mosteiral levan anos pendentes de restauración. Fai décadas (ano 1988) que a Xunta de Galicia anunciou a recuperación do cenobio e da igrexa románica, restauración da que nada se volveu a saber. No ano 2009 a Corporación municipal do Carballiño, por iniciativa promovida pola asociación Orde dos Cabaleiros do Mosteiro, acordou por unanimidade xestionar unha serie de axudas económicas para o proxecto, ademais de negociar co Bispado de Ourense a cesión dos edificios e os terreos; todo quedou en augas de fregar. No ano 2018, o conselleiro de Cultura visitou o lugar, comprometéndose a estudar as accións a desenvolver, pero máis do mesmo: nada de nada. Non moi lonxe do cenobio atópase o castro do Coto do Mosteiro, tamén nun estado total de abandono.
 
Priorado de Santa Baia de Banga: Pertenceu ao mosteiro cisterciense de Sobrado. No Archivo Histórico Nacional consérvanse os libros de contas dos priorados de Banga e Beariz entre os anos 1731 e 1809. Da igrexa románica só conserva o muro norte. Ten modificacións e engadidos góticos, barrocos e modernos (século XIX). No interior, pinturas renacentistas na capela maior e retábulo barroco, anóminos pero atribuídos a dous mestres alcumados como O Pintor de Banga e o Mestre de Sobrado. 
 



 

CARTELLE
 
Priorado de Vilar de Vacas: Dependía do mosteiro do Salvador de Celanova. Era o lugar onde se pagaban os foros das terras sobre as que tiña xurisdición a fortaleza de Sande: Anfeoz, Vilar de Vacas, Macendo, Sande e Madarnás.
 
 
CASTRELO DE MIÑO
 
O Castrelo (Padreiro-Castrelo): Onde había un castro e logo unha torre medieval, sobre os que se construíu a igrexa parroquial de Santa María, houbo un mosteiro que foi desmantelado. Dise que no século X a viúva de Sancho Ordóñez, dona Goto, recolleuse neste mosteiro, que fundara (dise que foi abadesa. Durante o reinado de Afonso X, no ano 1281, Afonso X dooulle a igrexa á Orde dos Hospitalarios con todos os seus dereitos e pertenzas (igrexarios, muíños, coutos, herdades viñas, décimos, etc., ademais da exención de pagar impostos), ademais de incluírse nela a renda e máis de 500 maravedises. Malia o anterior, Pereira Martínez (2006) recolle que hai anos publicouse un traballo contendo os privilexios da Orde do Hospital en Castela e León que achega 432 documentos dende o século XII ao XV, onde non aparece por ningures esta igrexa que se denominaba Santa María de Castiel de Vega, daí a confusión en época medieval, porque na Idade Moderna, segundo Otero Pedrayo, si está probado. Nun número de Galicia Nueva de Vilagarcía do ano 1928, achégase a noticia de que o abade ecónomo de Santa María de Castrelo e "mayores contribuyentes...", dirixiron unha carta ao ministro de Gracia y Justicia para que protexera a igrexa, fundada nun castro coñecido como Castrum Minei, consérvandose "en su atrio un bajo relieve anterior al Cristianismo, empotrado en la muralla". 
 
Priorado de Prado (Prado de Miño): Consérvanse as ruínas dun edificio que segundo a tradición acolleu unha orde monástica.
 

 
CASTRELO DO VAL
 
Mosteiro de Servoi: Dise que puído estar no lugar coñecido como Os Friles que, visto o Catastro, non se atopa en Servoi, senón na parroquia limítrofe de Gondulfes. Pola advocación puido estar en mans dos sanxoanistas, mais hai quen sostén que pertencía aos bieitos. No ano 1132 ou 1134, o rei galego Afonso VII doállo ao Cabido de Ourense: "De monasterio Servo Dei, quod est in Valle Varoncelli discurrente rivulo Tamega". A doazón foi confirmada por Afonso IX (Vicente Risco en Geografía del Reino de Galicia: Provincia de Orense). Duro Peña (1975) tamén cita a Servoi, "... en la tierra de Lobarzana... radicaban los monasteiros de Villaza, Ozio y Servoy... dicha tierra la poseyó eclesiásticamente Orense longo tempore según los mismos testigos de Braga, durante los pontificados de Diego Martín y hasta los primeros años del obispo Pedro Seguín...".  Varios dos seus abades son membros do cabido de Ourense. No século XV xa estaba deshabitado. Esta é a información que tiña ata o día 24 de outubro de 2024, cando se me deu por preguntar no facebook por se alguén me podía confirmar a súa existencia. E así foi, a arqueóloga Nieves Amado Rolán comentoume que está catalogado nun lugar que se chama O Alberte, onde quedan uns muros e onde existe a tradición de que alí viviron uns frades. Foi altomedieval e primeiro pertenceu a Celanova. Nun artigo de Nieves, A abadía do "servo de deus"e o retablo de Servoi (Castrelo do Val), publicado no ano 2019 en A historia de Verín en 100 obxectos, escribe que os veciños de Servoi, á parte da súa localización na paraxe coñecida como O Alberte, non lembran moito deste mosteiro "onde vivían os frades". O mosteiro estaba próximo ao val e río de Servoi, a uns 700 metros do pobo cara o sur onde hai restos de edificacións con anchos muros de boa factura, ademais dun pozo feito con pedras de granito. Ao parecer, en tempos de Ordoño I (s. IX) era pública a santidade dun monxe bieito coñecido como Servo de Deus que se retirou a estes montes como ermitán nunha igrexa dedicada a Santa María; logo unironselle máis discípulos e fundou o mosteiro do que foi o seu primeiro abade. Coñecida a súa santidade polo rei Afonso III nomeouno abade de San Pedro de la Nave, en Zamora. Sería Alberte, o antropónimo da paraxe onde se contruíu a abadía, o apelido do monxe. No ano 1132, Afonso VII e a súa muller Berenguela, doan a Martín, bispo de Ourense, o mosteiro de Servo Dei a perpetuidade. Descoñécese en que data se abandonou o cenobio, cuxa influencia relixiosa pasaría á igrexa actual de San Xoán. A etimóloga Dolores González de la Peña tamén me dixo que Servodei dá perfectamente Servoi, pois o -d- entre vogais pérdese. A igrexa actual de Servoi data do século XVI, con reconstrucións no XVIII.
 


CASTRO CALDELAS

"Abade de Alais": No Arquivo Histórico Nacional consérvase unha testemuña dun poder do  que outorgou o "conde Talara" ao conde de Lemos para que fixera unha concordia con Xoán Arias Losada, "abad de San Pedro de Alais". Non teño constancia de que en Alais houbera un mosteiro ou convento, seguramente a cita a un abade se deba a que en Galicia moitos párrocos recibían ese tratamento.  

Mosteiro de San Paio de Abeleda (A Abeleda): A primeira noticia sobre este mosteiro (de dubidosa autenticidade segundo F. J. Pérez Rodríguez, 2008) dáse no acoutamento que Afonso VII fixo aos cabaleiros Sancho e García González de "vestrum monasterium Sancti Pelagii de Avellaneda" no 1127. No 1154 aparece o primeiro abade de Abeleda. De seren bieito, a comunidade abandonou a regra a finais do século XII ou principios do XIII xa que no ano 1223 está constituída en abadía segrar cun capelán e un crego. No ano 1250 outorgou testamento o cabaleiro Pedro Velázquez que dispuxo que se lle dese sepultura no mosteiro de Abeleda ao que deixou un lugar no Burgo de Caldelas. No 1321 a comunidade estaba composta polo abade, un capelán e cinco cregos. Segundo Duro Peña, o mosteiro desaparecerá a mediados do século XIV, e dende entón o único habitante será o abade. Na Baixa Idade Media os padroeiros laicos aínda conservaban o dereito de presentación do abade que no século XV só é unha dignidade semellante á dun párroco. Conta Arturo Vázquez Núñez (Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense, outubro 1901), que no século XVI foi párroco de San Paio o despois cardenal Rodrigo de Castro, da casa de Lemos. Por documento do 7 de agosto de 1544 o bacharel Alonso de Toro, en nome de Rodrigo Osorio de Castro, abade do mosteiro de San Paio, afora a Xoana de Santiago, Xoán de Valderrique e á súa muller Constanza Alonso os lugares de Soaigrexa e O Regueiro en Santiago da Medorra (Montederramo). Un documento do un de xaneiro de 1759 achéga o nome doutra abade, Xoán de Albán, que xunto con Catalina Martínez e outros reivindican bens do mosteiro. Os restos que se conservan do antigo mosteiro atópanse totalmente arruinados; en mans particulares, sofre constantes agresións: os pórticos románicos foron tapiados con blocos de cemento. Tal é o abandono e o desleixo das autoridades que no ano 2005 produciuse o roubo de seis retábulos e unha columna gótica. A igrexa, románica do século XII e reformada no XIV, non corre mellor sorte.
 
Mosteiro de San Xoán de Camba: Dúplice. Fundado no século X, sendo bispo de Ourense Diego I. Nun documento publicado polo P. Flórez, o mosteiro xa existía no ano 1085. Nun acordo asinado no 1150 coa Igrexa de Ourense para delimitar os límites entre as dióceses, Camba quedaba en territorio asturicense e o resto da Terra de Caldelas en Ourense. No 1162 este mosteiro xa figura entre as propiedades de Astorga. Sábese que no 1263 era abadía segrar. No século XIV a comunidade limitábase a un abade, conservando a categoría de abadía no século XV. No 1562, varias persoas piden ao mosteiro de Camba para que María Yáñez, Álvaro Oxea e outros lles devolvan as terras que lle usurparan. Acollía unha igrexa da que se conservan dous relevos dos séculos X e XI, e unha ventá mozárabe que na actualidade se atopa no Museo Arqueolóxico de Ourense. No Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense de maio de 1938 di que debaixo da reitoral apareceron sepulcros antropoides. A súa decadencia comezou no século XIII. No ano 2023, baixo a dirección do arqueólogo Martiño Xosé Vázquez, saíron á luz os primeiros vestixios do mosteiro: muro perimetral, dúas celas e dous sepulcros, ademais doutro material construtivo e cerámico, e tamén material romano reuitlizado. A igrexa actual é dos séculos XVI-XVII, acolle unha sancristía subterránea onde apareceron sepulcros antropoides e moedas romanas do século IV. No ano 1787 documéntase na sancristía unha ara galaico-romana adicada a Navia Elaesurraega que a principios do século XX foi levada para Astorga (na actualidade atópase no Museo de los Caminos de Astorga).
 
 
 







 
 
CELANOVA
 
Mosteiro do Salvador: Despois da refundación de Caaveiro, San Rosendo acometou a fundación do mosteiro de Celanova en terras cedidas polo seu irmán Froila Gutérres por documento suscrito o 12 de setembro do 936. O cenobio foi consagrado o 25 de setembro do 942. O primeiro abade foi Franquila que, xunto cun grupo de monxes provenientes de San Estevo de Ribas de Sil, instalouse en Celanova. Á súa morte (955) sucedeulle o propio San Rosendo ata o 1 de marzo do 977, data do seu falecemento. O mosteiro uniuse á Regra de San Bieito de Nursia no ano 1506. No 1548 reconstruíuse o conxunto monástico que conserva influencias de distintos estilos arquitectónicos. A fachada principal, edificada entre o 1642 e o 1653 e que substituíu á antiga románica, ocupa todo o lado leste da praza Maior da vila, nos seus extremos sitúase a portada da igrexa e a torre con balconada e cúpula semiesférica do século XVI reconstruída no XVIII. A portada, con zócolo almofadado, consta de catro pares de columnas, tres frontóns partidos, ventanais e escudo coroado por pináculos. Por riba da porta érguese a estatua de San Bieito, e aos lados as imaxes de San Rosendo e San Trocado. O mosteiro organízase arredor de dous claustros: o Claustro Vello ou das Procesións, de mediados do s. XVI reformado no XVIII, é de planta cadrada e con bóveda de crucería que comunica coa igrexa (dende aquí tamén se accede á capela mozárabe de San Miguel), con fonte central que foi trasladada á praza Maior. O Claustro Novo ou do "Poleiro", clasicista e rematado no 1772, é de planta cadrada do que sobresae un gran balcón corrido que daba acceso ás celas dos novicios; aquí atopábase a biblioteca, o arquivo e a enfermería. Consérvase a cociña de planta cadrada cuberta con bóveda de aresta entre arcos feixóns e forneiros; do centro, delimitada por columnas, arrinca a cheminea. O conxunto contaba cunha igrexa abacial románica, da que hoxe apenas quedan restos. A actual comezouse no 1648 e remodelouse no século XVIII. Ten planta de cruz latina, con tres naves de tres tramos cada unha, e unha transversal que conforma o cruceiro. No interior destaca o retábulo maior, adicado ao Salvador, do s. XVIII. Entre os moitos acontecementos históricos que arrodearon a vida do mosteiro, destacan a rebelión dos veciños de varias aldeas contra o seu poder absoluto durante a Revolución Irmandiña, e unha revolta a finais do século XVII. Consérvase a maquinaria do reloxo constuído polo famoso reloxeiro Andrés Antelo Lamas no ano 1830, autor dos reloxos das catedrais de Lugo e Santiago de Compostela. Durante a desamortización puxéronse á venda todos os seus bens. O mosteiro destinouse a distintos usos: administrativo, Concello, cuartel, escola, vivenda particular e durante o golpe de Estado que provocou a Guerra Civil de 1936-39 foi utilizado polos fascistas como cárcere e centro de tortura. Na actualidade acolle o Concello e un centro de ensino. No ano 2010, a pretensión do alcalde de Celanova de converter o mosteiro nun hotel e o traslado do Instituto de ensino recibiu un elevado rexeitamento social, o que se traduciu en varias mobilizacións. Xunto o cenobio atópase a capela mozárabe do século X de San Miguel da que se descoñece a data exacta de construción, se ben na Vida de San Rosendo, do século XII, informa que xunto a igrexa se edificaran vivendas para os monxes, capelas e outras dependenzas, entre as que salienta a de San Miguel posta baixo o padroado de San Froila.

Mosteiro de Vilanova dos Infantes: Fundado por Ilduara Eriz, nai de San Rosendo, arredor dos anos 930-940 (no 956 recibía rendas das salinas da Ría de Arousa). A xulgar polos restos e polas noticias de autores que viron partes do edificio antes da súa destrución (o templo aínda existía no ano 1880, pero en ruínas), presentaba grandes semellanzas co de Santiago de Peñalba, no Bierzo. As terras onde se construíu foron doadas polo rei Afonso III. Nos anos sesenta do século XX, Xaquín Lorenzo Fernández localizou varios sillares en muros de peche de fincas. Os poucos vestixios que quedan atópanse no Museo Arqueolóxico de Ourense e apoiados na igrexa románica. No interior conserva un Cristo de madeira do século XII que debeu pertencer ao antigo mosteiro. 
 

 




 
CENLLE
 
Priorado de Razamonde: A igrexa foi doada ao mosteiro de San Paio de Antealtares no ano 1137 polo rei Afonso VII: et villam similiter de Recemonde nuncttpatam quœ sita est prope ripam fiuminis Mirtei cum sua Ecclesia Sanctœ Mariœ Virginis”, que o mesmo rei confirma no ano 1142 a instancia do arcebispo de Santiago Pedro Elías. No ano 1380 o mosteiro de San Paio de Antaltares conseguiu que Pedro Ruiz lle restituíra o couto de Razamonde que lle usurpara. O templo é románico do século XII e foi restaurada no século XVIII. De época medieval conserva os muros laterais da nave e a portada do lado sur con arquivolta e columnas. No Museo Arqueolóxico de Ourense exponse un Cristo de cobre esmaltado do século XII-XIII. No interior conserva un retablo do século XVI.
 



CHANDREXA DE QUEIXA
 
Priorado de Vilar: Mencionado nunha bula do papa Alexandre III do ano 1163. Pertenceu ao mosteiro de Montederramo ata o ano 1580 en que o rei Filipe II llo quitou cando nomeou a dous alcaldes para controlar a zona, feito que non impediu que os veciños tiveran que seguir pagando a Montederramo 393 fanegas de pan xa que o centeo era o seu principal cultivo.

COLES
 
Priorado-encomenda de Santa María da Barra (A Barra): A Barra foi encomenda dos Sanxoanistas, couto doado a Fernando Oduariz por Afonso VII como recompensa pola súa axuda contra os sarracenos. Pero segundo unha bula de Alexandre III do 5 de xullo de 1175 "Barra cum cauto et suis pertinentiis..." aparecen en poder da orde de Santiago, máis adiante confirmadas en bulas dos anos 1184 e 1187. Do 20 de agosto de 1490 é unha executoria contra o comendador Fernando de Velasco co preito que tratou co comendador Francisco de Noceda, de toro, pola encomenda da Barra "que es de la Orden de Santiago, en el Reino de Galicia"; o preito iniciárase no ano 1483.  A igrexa é gótica con modificacións posteriores.
 
Mosteiro de Melias (Melias): O lugar onde se levanta a igrexa parroquial de San Miguel de Melias recibe o nome de O Priorato. Do 30 de xuño de 1668 é unha doazón de diversos bens e dereitos, outorgada por Xoán Rodríguez de Berea e Aguiar, abade de Santa María de Melias, a favor do seu irmán Gregorio, de Qeuirís, documento que se atopa no Archivo Histórico de la Nobleza. San Miguel de Melias atópase no concello de Coles, e Santa María de Melias no de Pereiro de Aguiar, antes da separación debía estar baixo o padroado de Santa María.
 
Mosteiro de Paradela: Citado nunha doazón do ano 986 das vilas de Vascones et Sancta Eulalia in Bubalo, en Carballedo (Andrade Cernadas, 1995).
 

 

CORTEGADA
 
Priorado de San Breixo (Refoxos): Dependente do Salvador de Celanova. A orixe remóntase ao século XI, cando dona Guldregoda o doa no 1075 ao mosteiro de Celanova. O cenobio forma un só corpo coa igrexa de orixe románica. No ano 1673 os veciños de Refoxos levantáronse contra os monxes pola abusiva renovación dos foros. Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. Durante as Guerras Carlistas foi utilizado como cuartel o que produciu moitos desperfectos. Debido a que foi fortificado goza da categoría de BIC o que non impide que se atope nun estado total de abandono.
 
 

CUALEDRO
 
Mosteiro de Atás: Dependeu de Celanova. Dona Urraca, viúva de Afonso III, quitou a Celanova a xurisdición de Atás que logo lle foi restituída por Afonso VII. Afonso IX, nun privilexio expedido a favor do mosteiro de Celanova, mandou que ninguén sacase pedido algún de Atás; privilexio confirmado por Fernando III estando en Ourense o 10 de abril de 1232, por Afonso X no 1255, e por Afonso XI no 1316. Por documento do 18 de setembro de 1255, Afonso X confirma ao mosteiro de Celanva o privilexio outorgado por Afonso IX, inserto nunha confirmación de Fernando III, relativo á prohibición de mercar herdades en Pazos e en Verín, así como esixir pedidos en Atás nin en ningún outro casal de Albarellos. O cenobio estaría onde se levanta a Casa Reitoral. Entre as obras adxudicadas aos monxes, estaría a construción de infraestruturas de regadío, como o coñecido como Caño de Chamusiños. Entre os canzorros da igrexa parroquial salienta un falo cos seus testículos.
 
 
 

ENTRIMO
 
O Mosteiro: Entre a aldea de A Illa e o campo de fútbol consérvase o topónimo O Mosteiro. As fincas próximas coñécense como "Mosteiros". Nas fotos do voo americano dos anos 1956-57 vese unha estrutura rectangular que ben podería corresponderse cos restos dunha edificación.
 
Santa María de Entrimo: Nun documento do 24 de xullo de 1492 que se conserva no Arquivo de Simancas, recóllese un seguro a favor de Gonzalo Rodríguez, "abad de Santa María de Entrimo", e a Fernán Rodríguez, coengo da mesma, que temen de Tristán de Araújo, veciño de Ourense, e dos seus.
 



ESGOS
 
Mosteiro de San Pedro de Rocas: Bieitos. Segundo denuncia unha lápida do ano 573, o cenobio, que xa existía, foi reocupado por sete homes que se refuxiaran no lugar para consagrar a súa vida a Deus. Abandonado no ano 716, non volveu a ter vida cenobítica, que se saiba, ata finais do s. IX en que, segundo a lenda, un cabaleiro de nome Xemondo, xunto con outros irmáns, se instalan aquí cando descobre a cova-igrexa. Favorecido con enormes doazóns por Afonso III, estas foron confirmadas polos sucesivos monarcas. O primeiro documento referido a Rocas é de tempos de Afonso V (1007) que aparece unido a Celanova. A Afonso VII atribúenselle varias doazós que son posiblemente falsas. No 1180 é prior Pedro Páez. Que o seu abade superior é o de Celanova non se confirma ata o 1199, cando este lles prohibira aos priores de San Pedro e Santa Comba de Naves asistir ao sínodo convocado polo bispo de Ourense. No 1251 Gonzalo Martínez aparece como subprior de Rocas, o que amosa, segundo Pérez Rodríguez (2008) unha indefinición no superior da casa, aínda non consagrado como prior dela o que evidencia de que nesa época algo pasaba no cenobio posto que á súa fronte non volve aparecer un prior ata o 1285. A finais do século XV frei Gonzalo de Penalba, o último prior, parece que fuxiu cando o seu mosteiro foi visitado polos priores de San Benito de Valladolid, frei Juan de San Juan e frei Rodrigo de Valencia. No ano 1511 deuse por rematado o priorado medieval de San Pedro, sendo anexionado a Celanova. Nun documento do ano 1445 despréndese que na comunidade había algún monxe que vivía illadamente dos do resto do convento, citándose un tal Xoán Lourenzo, hermitano de Santa Catalina. A igrexa mosteiral, da que só se conservan os muros, construíuse utilizando como paramento as tres capelas escavadas na rocha; a central, de planta rectangular é ábsida semicircular, vai cuberta con bóveda de medio canón que recibe a luz por medio dun lucernario escavado na rocha; aquí atópase o pé dun altar mozárabe con arquiños de ferradura do s. IX. Na capela da esquerda consérvase un mapamundi de finais do s. XII que, malia o seu deterioro, trátase dun exemplar excepcional que amosa a dispersión dos apóstolos. Tamén se poden ver os sepulcros antropoides labrados na pedra, destinados a cemiterio dos monxes. A espadana, do século XV, érguese sobre unha enorme peneda. A casa prioral é do s. XVIII. Logo da Desamortización convértese en parroquia ata que un incendio acaído no 1928 case o fai desaparecer.
 





 
 

GOMESENDE
 
Mosteiro de Santa María do Pao: Citado nun privilexio do ano 1185 no que se confirman os bens e dereitos da sé de Ourense onde aparecen como propios desta as "hereditas Sancte Marie de Palo" e o "monasterium Sancte Marie de Palo". Da súa comunidade sábese dun presbítero no 1225, un prelado no 1365 e un abade no 1424, escasos datos que fan supoñer un antigo mosteiro altomedieval que despois pasou á sé de Ourense, quedando reducido a parroquia. Por orde da Real Chancillería de Valladolid do 30 de xullo de 1492, mándase que se restitúa ao crego Vasco Alonso no desfrute da freguesía de Santa María do Pao do que fora despoxado por Martín Fernández. En documento do 1 de xuño de 1826 di que a capelanía, denominada de "Mendoza", fundada por Xerónimo Gago de Figueroa, pertencente a Antonio María Montenegro e Carantoña, estaba na igrexa do Pao.
 
 
 
LEIRO
 
Mosteiro de San Clodio: Parece ser que se construíu sobre un edificio que había no lugar no século VI, fundado por uns monxes fuxidos de San Clodio de León perseguidos polos arrianos. Mosteiro dúplice ao principio, pasou á Regra de San Bieito no s. X, incorporándose ao Císter no ano 1225. No 1211 figura como freire cantor de San Clodio Pedro Pérez. No 1224 era abade Xoán. O máximo esplendor acadouno nos séculos XII e XIII. No século XV, a comunidade foi vítima dos enfrontamentos entre os Sarmiento e os Soutomaior e Benavente que obrigou a intervir aos Reis Católicos. Abandonado trala Desamortización do ministro Mendizábal, foi habitado novamente a finais do s. XIX por monxes provenientes de Samos; polo mal estado das instalacións, foi abandonado definitivamente a finais do s. XX. Na actualidade foi restaurado e funciona como hotel. Os claustros teñen planta cadrada de dous corpos. O regular ou da Portería, do s. XVIII, ten en cada lado sete vans con arcos de medio punto. O claustro Procesional, do s. XVI, mostra no seu corpo inferior unha grande arcada con arcos de medio punto; o superior, pechado en época barroca, estaba aberto con columnas exentas. A igrexa, de finais do s. XII e comezos do XIII, ten planta basilical con tres naves de catro tramos separadas por piares cadrados con dúas columnas na fronte que sustentan arcos forneiros de trazo oxival. A cabeceira está formada por tres ábsidas semicirculares. Á fachada primitiva, unha das poucas fachadas cistercienses (xunto coas de Armenteira e Meira) que se conservan en Galicia, engadíuselle o campanario o que afectou ao gran rosetón que se alza sobre a porta.
 
Priorado de Gomariz: Císter, século IX, consérvase a igrexa. Por privilexio outorgado por Afonso VII pasou ao mosteiro de Toxosoutos no 1138. Clemente V, por bula de 1 de novembro de 1267, confirma ao abade e monxes de Toxosoutos as concesións de diferentes bens e territorios, entre outras a igrexa de Gomariz, cos seus décimos e viñas. No 1200 cítase como Sanctae Marinae de Gomariz, do que era capelán Xoán Peláez, e no 1211 érao Martín Yáñez, en 1224 Martín Moogo. No 1229 figura como testemuña nun documento de venta o converso Xoán Peláez. A paz do priorado viuse truncada polo señor de Ribadavia Pedro Ruiz Sarmiento quen, sendo Adiantado Maior de Galicia, apoderouse, a título de encomenda, da granxa e facenda no 1369. Estivo unido aos Sarmiento ata o 1492 en que pasa á Catedral de Ourense, pois os sucesores do Adiantado e de seu fillo, que pola morte destes estaban obrigados a devolver dito señorío ao mosteiro non o fixeron, sendo preciso que a Real Chancillería de Valladolid os despoxase del e o mandara restituír aos relixiosos, segundo sentencia ditada aquel ano, pasando a Sobrado no 1504, que aínda tería que recuperalo de novo para a orde, xa que en 1595 Felipe II conseguiu desmembrar o señorío do couto de Gomariz del para vendelo e tivo que pagar por cada vasalo. A igrexa é un claro exemplo do románico rural galego. Salientan a fachada con portada sobre a que se abre unha ventá con arcos apoiados sobre columnas de capiteis decorados con motivos florais e zoomórficos, e unha ábsida rectangular enmarcada por dúas pequenas columnas. No exterior hai un xogo de alquerque de IX gravado nun banco de pedra acaroado ao templo. Dise que a igrexa orixinal, moi antiga, puido ser feita polos templarios. 


 

LOBEIRA 
 
Mosteiro de San Martiño de Grou: Agostiños. De orixe altomedieval, está pobremente documentado. Consta como priorado no 1185. No Tombo de Beneficios da catedral de Ourense (1489) dise que é de presentación episcopal, engadíndose que "non ay canonigos nin memoria de os aver; resyde e syrve el dito prior e un capelan con el". Dende o 1461 o prior era frei Lopo Pérez Salgado, debedor e criado de Álvaro de Oca, abade de Celanova. Frei Lopo será perseguido polos observantes de San Benito de Valladolid a partir do 1494 en función de ter varios bens de Celanova. Morto ao ano seguinte, aparece á fronte de Grou Gonzalo Álvarez que se intutula abade e non prior. Nun documento do 21 de xullo de 1495, iniciativa aos alcaldes maiores do Reino de Galicia sobre que os veciños do lugar da Fraga (San Bartolomeu?), vasalos do mosteiro de Grou, ocuparan os montes e terras do "Rio dos Cotos e los Vaños de Gradomonte e de Paytaldo e otras tierra", pertencentes ao Couto de Lobeira. No 1514 aparece como prior Paio Salgado co bacharel Rodrigo de Contreras, xuíz, sobre a devolución duns bens que lle embargara. Como Real Priorato de San Martín de Grou cítase nun documento do ano 1786, nun preito de Arias Gonzalo de Mendoza y Francia, natural da vila de Baños de Río Tobía, xunto a cidade de Nájera (A Rioxa). San Martiño salvarase da Observancia e pasará como casa independente na que só queda o seu reitor, que no século XVI volve a titularse prior.
 
 

LOBIOS
 
A Casa da Escusalla: Ruínas. Hai quen asegura que pertenceu a un mosteiro bieito cuxa fundación se atribúe a San Rosendo que, segundo algunhas conxecturas, nacería na parroquia de A Cela. Na entrada consérvase unha pequena capela adicada a San Xosé en cuxo lintel da porta hai unha inscrición: "SACELLVM D. JOSEPH". Malia o anterior, segundo a documentación, a Casa da Escusalla foi construída a principios do século XVIII polo abade de Manín, un párroco adiñeirado que se di pertencía á Inquisición. Segundo a lenda, o último habitante foi un garda portugués coñecido como Tío Roque, que aseguraba que polo lugar vagaba a pantasma do Marrequiño, un monxe xorobado que viviu no século VIII que se dedicaba a asasinar aos xornaleiros portugueses que contrataba para despois non ter que pagarlle, e que logo enterraba no patio. As ánimas dos mortos dise que se poden ver cando non hai lúa chea, e cando a hai vense a varios freires paseando e rezando polas estancias da casa.
 
 

MACEDA
 
Mosteiro de Santa Mariña de Asadur: Feminino. Bieitas. Un documento conservado no Tombo do mosteiro de Celanova di que nel estivo dona Ximena (mosteiro Satur), filla de Ordoño II e dona Elvira, no ano 935. Dende eiquí confirma ao seu primo Froila a vila de Villare, onde máis adiante se construiría o mosteiro de Celanova (Sánchez Pardo, 2018). Sábese que no ano 1375 xa estaba sen comunidade e os seus bens anexionados ao cabido da catedral de Ourense. De medidados do século XVI é un xuro perpetuo a favor do mosteiro de 8.782 maravedises en recompensa das rendas xurisdicionais das freguesías de Santa Mariña e as súas aldeas de Baldrei, Somoza e outras (Documento no Arquivo de Simancas). Do cenobio consérvase un baixorrelevo prerrománico (século VII-IX) cun Cristo crucificado no centro que pertencía ao antigo edificio prerrománico e que á dereita ten unha inscrición en letra visigótica, moi esvaída, onde se le "IHS IN CRV/CE", interpretada por Rodríguez Colmenero: "Paixón e resurrección coa cruz" ou "Xesús, salvador dos homes na cruz", que representaría a escea do Calvario. Sábese que o mosteiro aínda estaba habitado a mediados do século XIV. Na igrexa hai algunhas pezas reutilizadas de época romana. No altar reutilizouse unha lápida romana dun duunviro cobrador de impostos entre os interannicos, e por riba gravouse en época altomedieval a palabra + AELTARE.
 
 

MANZANEDA
 
Santa María de Cesuris (Cesuris): Destaca, solitaria, sobre a contorna. Aínda que a meirande parte da igrexa é barroca, coa cabeceira e a capela oxival do século XVI, conserva na súa fachada a portada románica, de finais do século XI ou principios do XII, en tempos de Afonso VI que é de cando data o primeiro documento que cita a Sancta Maria de Cesuras que foi restituída polo rei á diócese de Astorga. No ano 1228 aparece de novo nunha relación que fai o leado apóstólico Xoán, bispo de Sabina, das prebendas que lle adxudica á sé episcopal de Astorga (Fernández Oxea, 1929). Por documento do 4 de abril de 1501, ordénase ao gobernador do Reino de Galicia, aos alcaldes e ao correxidor de Ponferrada que presten auxilio do "brazo real" a Gutierre Muñoz, cura de Cesuris, que fora prendido inxustamente e logo despoxado pola forza do seu beneficio curado por Xoán Pimentel, Gutierre Sarmiento e Gonzalo de Quirós, meiriño do Bolo e Manzaneda, e outros cirados do citado Pimentel. Era parada obrigada dos romeus que ían cara o santuario das Ermidas (O Bolo). Segundo a tradición pertenceu a un mosteiro templario. No Museo de los Caminos de Astorga custódianse un San Antonio de Padua do século XVII e un Calvario do século XVI. Nas inmediacións está o castro da Madroa.
 
Priorado de San Vicenzo (San Vicenzo-San Miguel de Bidueira): Pertenceu ao mosteiro de Carracedo do Bierzo. A construción distribúese ao redor du patio central, a modo de claustro, e nun ángulo do edificio está a capela. Propiedade particular, o seu estado de conservación é máis que deficiente; a parte dianteira foi utilizada como vivenda. Hai uns anos acometéronse obras para repoñer o tellado. En San Vicenzo hai un famoso aciñeiral coñecido como Monte do Reloxeiro.
 
  




 

MASIDE
 
Mosteiro de San Salvador de Armeses: Documentado a principios do século XII, aínda que pode ser herdeiro doutro altomedieval. No 1106 xa vivía nel unha pequena comunidade, co abade Munia á cabeza. No 1222 aparece citado nunha avinza entre o mestre Garcia Sanches, da orde de Alcántara, e o mestre Gonçalo Eanes de Nóvoa, da orde de Calatrava, no que acordan outorgarlo á condesa Sancha Fernandes coa condición de que o teña sempre poboado cun freire ou freira da orde "pro noso freyre e pro nosa freyra que í morar", e morta a dona pasara ao poder de Calatrava. Este texto, perdido, cítanno o Bullarium Ordinis Militiae de Alcantara (1759) e a Crónica de la Orden de Alcántara (1763). Trátase dunha escritura na que se amalgaman a expresión galego-portuguesa e a castelá. No 1250 estaba en poder dos cabaleiros de Alcántara que disputaba co párroco de San Miguel, Xoán Muñiz, polos décimos. No 1258, o tesoureiro de Ourense merca en Názara (Cenlle) unha leira "per hereditatem fratrum ordinis de Alcantara". A principios do século XIV Armeses é sé dunha encomenda vencellada á Batundeira (Velle-Ourense). A derradeira noticia medieval sobre a encomenda é do ano 1487 onde o comendador da Batundeira (Velle), Alonso de Noboa, levaba pola forza a metade dos décimos de "todo pan e primicias". Nas inmediacións da igrexa parroquial hai unha casa coñecida como Mosteiro de Alcántara. Gravado na pechadura da porta de acceso ao adro-cemiterio da igrexa lese: “Me hizo Andres Go / mez de Listanco sien / do cura parroco don / Camilo pa / stor Rodriguez de / Maside. / Año de / 1866”. No interior represéntase a talla de San Miguel vencendo ao famoso "Demo de Armeses", nome que reciben as persoas que actúan de xeito malévolo.
 

 
MELÓN
 
Mosteiro de Santa María de Melón: Císter. Ano 1158. Tanto o mosteiro como a igrexa pertencen ao románico de transición, de finais do XII e principios do XIII. O claustro é do XVI, e posteriores o resto das dependenzas monacais. No ano 1749 o abade contratou co mestre de obras Manuel Muñiz a modificación do claustro e da portería e aumentar a botica. No 1755 sufriu os efectos do terremoto de Lisboa, e no 1855 caeu un lóstrego sobre a torre da igrexa ocasionando graves desperfectos xa que a bóveda da nave central desplomouse sobre o coro. Ao parecer, coa pedra orixinaria da abadía construíuse a igrexa parroquial da Cañiza. O seu primeiro abade chamábase Xiraldo. O 25 de agosto de 1231, Pedro Salvadores, propietario galego, vende a súa herdade de Sequeiros de Borbén ao abade de Melón, Don Gomes, coa condición de que o acollesen no mosteiro e o tratasen coma un frade. Este documento tense, polo de agora, como o máis antigo escrito enteiramente en galego. Convén precisar que a maior parte da documentación máis antiga en galego desapareceu, entre outras causas porque os pergameos foron reutilizados. O 17 de decembro de 1285, o abade Pedro declara contra Fernán Pérez por coller pan das herdades, etren outras, de Benquerencia e Sárdoma. A igrexa presenta planta de cruz latina con tres naves, deambulatorio sobre columnas exentas e tres ábsidas abertas a ela e outras dúas análogas. En novembro de 2010, o alcade de Melón, Alberto Pardellas, foi inhabilitado pola Audiencia Provincial de Ourense por construír sen autorización un polideportivo a poucos metros do mosteiro. En fase de restauración, o proxecto iniciouse coa consolidación dos claustros e a recuperación de catro salas, ademais da estrutura da bóveda e a canalización das augas. A principios do 2011, a Deputación de Ourense cedeu ao Concello a propiedade do cenobio.
 
Mosteiro de Santa María de Barcia (Quins): Posible orixe altomedieval. Casa independente nos primeiros anos, no 1160 pasou a depender do mosteiro de Melón. Crese que mentres se construía o mosteiro de Melón, os cistercienses residiron eiquí. Segundo Freire Camaniel a existencia de Barcia como mosteiro baséase só nuns poucos documentos de Melón. Debeu desaparecer antes do século XV. Posuía, entre outros, o couto de Rubillón e a granxa de Monterrei (Senín).
 


 
 



MONTEDERRAMO
 
Mosteiro de Santa María de Montederramo: Císter. No momento da Desamortización, no ano 1836, o mosteiro era dono do 9% dos bens totais da provincia de Ourense, bens que foron vendidos en poxa pública. Mais foi un comerciante de Ourense, Manuel Palao, quen mercou o edificio monástico, a igrexa e demais dependencias por 510.000 reás. O abandono propiciou o seu saqueo, perdéndose retábulos, documentación, libros, imaxes e mesmo as pedras do propio edificio. As campás da igrexa tanxen dende aquelas na igrexa de San Domingos de Ourense. A orixe data do 21 de agosto de 1124, cando Tareixa de Portugal, filla de Afonso VI, fai unha doazón ao abade Arnaldo para a creación dun mosteiro na Roboyra Sacrata (...locum qui dicitur rouoyra sacrata qui est in monte de Ramo, territorio Caldelas...). No Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense (1931) transcríbese integramente o documento (depositado no Arquivo Histórico Nacional), non exento de controversias canto á súa autenticidade. O 12 de maio de 1228, Afonso IX confirma ao mosteiro a doazón do lugar da Roboyra Sacrata. Nun primeiro momento os monxes instálanse en Seoane Vello, pasando anos máis tarde á capital municipal. Nos primeiros anos dependen de Cluny e, a partir do 1163, ao Císter. No 1518 únese á Congregación do Císter de Castela o que conleva a reconstrución do edificio e da igrexa, obras que se prolongan ata comezos do século XVIII. De comezos do s. XVI consérvase o Claustro das Procesións, unido ao templo, de planta cadrada que mestura elementos góticos e renacentistas, con arcadas de medio punto decoradas con combinacións góticas na parte inferior, e xambas de dúas faixas no superior. O Claustro da Hospedaría, posterior, é renacentista. A igrexa é de planta de cruz latina, de tres naves en cinco tramos, cruceiro de dous tramos e presbiterio rectangular que respectaría a estrutura da vella igrexa medieval. A tipoloxía ten unha raíz postherreriana con supresión de ornamento na fachada, cun único corpo con piastras que soportan un frontón triangular de inspiración escurialense. No ano 2010 a familia "propietaria" dunha das ás dun claustro púxoo á venda.
 
Mosteiro de Seoane Vello (A Caseta-Seoane Vello): A orixe do mosteiro non está clara, a documentación que se cita considérase falsa. Malia isto, crese que a orixe do mosteiro de Montederramo estaría en Seoane Vello cuxa comunidade ocuparía un pequeno edificio ao menos ata o 1155. Do século XII consérvase algún documento que cita o cenobio de Montederramo como de Seoane de San Xoán Vello ou San Xoán Vello, pertencente á orde dos bieitos (Cluniacenses). Segundo consta nun documento asinado en Allariz no ano 1124, o mosteiro de Montederramo foi fundado por Tareixa, filla de Afonso VI, rexistrándose por primeira vez a denominación Rivoira Sacrata, cando lle concede ao abade Arnaldo e os seus monxes permiso para erixir un cenobio (podendo marchar a outro lugar) que cando o seu paso á orde do Císter mudou a advocación por Santa María. Hai autores que cren que aínda que o vocábulo Rovoyra se identificou con ribeira, pode que estivera relacionado con robur, carballo (sagrado); no escudo da reitoral de Seoane Vello vese un carballo e os símbolos do císter. Nas inmediacións da igrexa parroquial hai unha tampa sepulcral que adoita pasar desapercibida. No interior da igrexa hai un miliario adicado a Caracalla que actúa como soporte do altar maior.
 


 




 
 

 

 
MONTERREI
 
Convento de San Francisco: Do ano 1302 é un testamento que cita a "os frades menores de Monte Rey". A súa fundación estaría entre o 1290 e 1302.  A mediados do século XVIII contaba con 32 relixiosos, curas e presbíteros incluídos. Sábese que dende ao menos o 1823 o convento xa estaba arruinado polo que os seus moradores tiveron que trasladarse aos dos xesuítas. Consérvanse algúns restos xunto o antigo cemiterio do castelo, aínda utilizado polos veciños da Pousa. Nun plano militar da Praza de Monterrei do ano 1797, custodiado no Ministerio de Defensa, aparece o debuxo do convento.
  
Convento dos xesuítas: Atopábase onde se ergue o parador de turismo. Desapareceu na súa totalidade cando a Desamortización de Mendizábal de 1835. A mediados do século XIX o Concello de Verín levou as súas pedras para construír casas e rúas e pavimentar a igrexa parroquial de Verín. Acolleu a primeria imprenta de Galicia, onde se imprimiu o Missale Auriense ou de Monterrei que se conserva na Catedral de Ourense. Impartíanse artes, gramática e teoloxía.
  
Mosteiro de Santa María de Mixós: Nas súas orixes aparece como un cenobio feminino doado ao mosteiro de Celanova e confirmado por bula do papa Honorio. Nun preito do ano 1025 diante do conde Ordoñez, un "homes bos" (xuíces) era o "Magister Santius confessus  et iudes de monasterio Moixolos manu mea". No 1155, Afonso VII dóao ao mosteiro de Celanova. No século XVI pasou aos condes de Monterrei. A igrexa, de orixe románica, conserva elementos visigóticos e mozárabes. Foi reconstruída nos séculos XV e XVI. Presenta planta basilical, orixinariamente de tres naves, e con tres ábsidas, rectangulares as laterais e cadrada a central. Nos muros laterais obsérvanse modillóns que deberon soportar a tribuna. No interior conserva pinturas murais dos séculos XIII e XIV e dúas aras de época romana. En casas das inmediacións vense varias pezas reutilizadas.

Mosteiro de Vilaza: O documento fundacional, recollido no Tombo de Celanova, data do ano 985, grazas a doazón de dona Goda e a súa filla Eloina Goda. Posto baixo a advocación da Santa Cruz, estaba habitado por monxes e monxas (dúplice). A mediados do século XI desaparecen as referencias a Santa Cruz, pasando a denominarse de San Salvador e xa ocupado polos Coengos Regulares de San Agostiño, dependentes do bispado de Ourense. Duro Peña (1975) tamén cita a Vilaza, "... en la tierra de Lobarzana... radicaban los monasteiros de Villaza, Ozio y Servoy... dicha tierra la poseyó eclesiásticamente Orense longo tempore según los mismos testigos de Braga, durante los pontificados de Diego Martín y hasta los primeros años del obispo Pedro Seguín...". A portada sur presenta unha fornela onde se localiza un reloxo de sol. A igrexa actual é barroca, do primitivo edificio só se conserva a gran torre coñecida como Torre dos Templarios. Un miliario de época romana foi trasladado xunto a igrexa. Que o mosteiro estivera baixo a tutela dos Agostiños pode ser a peza que certifique que a estadía dos Pobres Soldados de Cristo en Vilaza é algo máis ca unha lenda xa que esta orde atopámola tamén, entre outros enclaves templarios en Galiza, na Illa da Coelleira (O Vicedo) e Breamo (Pontedeume). Teorías, no tocante a Vilaza que xa veñen dos séculos XVI e XVII e ás que non son alleos o Licenciado Plasencia, que asegura que era do Temple, nin o prior de Xunqueira de Espadanedo que fala dun mosteiro de Coengos Regulares ou templarios. O día 3 de maio de 2013, Bruno Rúa e José Ramón Feijoo deron a coñecer varios símbolos (cruces) esparexidos por casas de Vilaza que cren poden pertencer ao Temple e que a capela da Santa Cruz puído pertecenter a esta orde monástico-militar.
 
 
 





 
MUÍÑOS
 
Mosteiro-Santuario dos Milagres (Couso de Salas): No alto do monte, a súa construción data de principios do século XIX, pero a obra foi interrompida cando a morte do patrocinador.
 

NOGUEIRA DE RAMUÍN 
 
Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil: Bieitos. A orixe remóntase ao século VI. Malia que o primeiro documento data do ano 921, a fundación atribúese a Martiño de Dumio. Sen dúbida foi o cenobio principal na coñecida como Ribeira Sacra. O problema que supuxo para Santo Estevo que o seu abade lle enviara un salmón ao seu irmán, que estaba na corte de Allariz, nun momento indeterminado do reinado de Afonso VII (1126-1158) demostra, en palabras de Pérez Rodríguez (2008), que os mosteiros non só tiveron problemas coa nobreza laica durante a Baixa Idade Media (a historia recóllea Emilio Duro). No ano 1295 abade e convento preséntanse a Sancho IV. As dependencias actuais foron construídas entre os séculos XII e XVIII. Incorporouse á orde de Valladolid no ano 1499 o que lle supuxo un enorme relanzamento, uníndoselles os patrimonios de Santa Cristina e Pombeiro que producirán unhas rendas que permitirán sufragar as grandes obras feitas nos edificios. A congregación destinará ao mosteiro o colexio de Artes a partir do 1528, o que explica a amplitude do claustro maior destinado a albergar aos estudantes. Está organizado ao redor de tres claustros. O Claustro dos Bispos recibe o nome en honra dos nove bispos santos que, segundo a lenda, se retiraron a San Estevo para ser soterrados. O Claustro Grande ou da Portería ten tres corpos. O Claustro Pequeno ten dous corpos, ningún abovedado, formado por arcos de medio punto sobre columnas dóricas. A Escaleira de Honra comunica os tres pisos do Claustro da Portería, onde se pode admirar unha de crucería con nove rosetóns decorados, presentando o central as nove mitras dos bispos da lenda. A igrexa é do século XII, románica de transición, con planta basilical de tres naves de catro tramos que remata nunha cabeceira de tres ábsidas que presentan a particularidade de que as laterais son máis altas ca central. As trazas románicas mestúranse con elementos posteriores debido á remodelación do século XVIII. No interior destaca un retábulo pétreo románico de forma pentagonal con Cristo flanqueado polos doce Apóstolos. Na actualidade funciona como parador de turismo.  No ano 2020 publicouse El bosque de los cuatro vientos, unha novela escrita por María Oruña que desenvolve case toda a trama no mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil; narra a lenda de nove aneis pertencentes a nove bispos de distintas partes de Europa que foron enterrados na igrexa, que posuían certos poderes curativos. Nese mesmo ano, durante os traballos de restauración no templo, a restauradora Vania López atopou catro dos aneis gardados nunha bolsiña que ademais agochaba un pergameo e un papel datado no ano 1785 onde di, en efecto, que eran os aneis dos bispos: "Estos quatro anillos son de los que quedaron de los nueve Santos Obispos. Son los que han quedado. (sic) Los demás desaparecieron. Por ellos se pasa agua para los enfermos y sanan mu[chos]." A busca dos restantes é complicada xa que os bispos foron enterrados entre os séculos IX e X e os aneis entraban e saían da igrexa para levar, por exemplo, onde as mulleres que estaban de parto.
 
Mosteiro de San Miguel do Canal (Monteverde-Moura): Restos dun cenobio. Consérvase unha capela. No Museo Arqueolóxico de Ourense consérvase un fragmento de ménsula do século X.

Mosteiro de San Vicente (San Vicente-A Carballeira): Na aldea consérvase a tradición da existencia dun mosteiro, "do tempo de San Pedro de Rocas", refundado no ano 952, que estaría rexido polo abade Frankila (este monxe, procedente de Santo Estevo de Ribas de Sil, foi levado por San Rosendo para rexer o mosteiro de Celanova). Reutilizados polo pobo vense anacos de columnas, algún capitel, sillares, muíños de man, pode que unha sepultura antropoide, e tamén anacos claros de tégula. Contáronme que nos arredores apareceron tumbas de laxes con ósos humanos e onde se atopa a fonte sería o claustro do cenobio. A tradición tamén asegura que as pedras do mosteiro utilizáronse para construír o cercano pazo da Seara. Pois ben, nun muro que hai xunto a fonte, debaixo dun capitel reutilizado, decorado con follas de acanto, hai unha pedra cunha inscrición moi desgastada e incompleta na parte superior (a pedra está colocada do revés). Coa axuda de José Antonio Gavilanes (fotogrametrías) cremos que di: “AN- -- / 1-50 (1650 ou 1850) / S VIC /----”.
 

 
 







 
OÍMBRA 
 
Ermida de Santa Ana (parroquia de Oímbra, case no límite coa da Granxa): Crese que tivo a orixe nun eremitorio altomedieval. A mediados do mes de agosto do ano 2022, un incencio no concello de Oímbra, que asolou un montón de hectáreas, tamén afectou á capela de Santa Ana, de afamada romaría no mes de xullo. Unha chispa, a rama dun piñero ou por outra causa prendeu no tellado, esténdedose ao interior. Nas paredes vense varios símbolos gravados, coma a representación do sol e da lúa ou a dun castelo (tres torres). O sitio e as vistas son impresionantes.
 
"Abade de Oímbra": Nun documento do 30 de xuño de 1497 ordénase ao gobernador do Reino de Galicia que ampare a Esteban Pérez, abade de Oímbra e cura da igrexa de "San Juan de Tola", na posesión dunhas herdades en mandín, de Francisco de Zúñiga, e outras en Tamguelos, do conde de Monterrei.
 



OURENSE
 
Igrexa-Abadía da Trinidade (Ourense): A primeira mención da Trinidade en Ourense aparece no 1191, cando recibe un legado testamentario. A institución foi fundada pola catedral que a dotou e de quen dependían os cregos que atendían tanto o hospital como a igrexa. A finais do século XII, preto do camiño que se dirixía a Portugal e Castela, ergueuse un hospital de peregrinos que ían a Santiago de Compostela e que perdurou ata o século XVIII. Ao seu carón levantouse unha igrexa que se puxo baixo a advocación de Santísima Trinidade e que co tempo se converteu en Real Abadía da Santísima Trinidade. Tanto o hospital como a abadía sufriron diversas reformas, as máis importantes durante os séculos XV e XVI. Presenta fachada con tripla arquivolta de arcos apuntados. O templo está coroado por unha crestería gótico-flamíxena. Os contrafortes e torreóns cilíndricos reforzan o seu aspecto de fortaleza. O interior é de planta basilical e a capela maior cúbrese con bóveda de cruzaría con chave moi decorada. A porta da entrada ao adro pertencía ao primitivo hospital de San Roque.
 
Mosteiro de Santa Comba de Naves (Canedo): Bieitos. A súa fundación remóntase ao ano 888, ao parecer por Afonso III. Dise que pasou ao cenobio de Celanova no 1155, cando estaba rexido polo prior Martiño. Entre o 1182 e o 1194 figura á súa fronte un tal don Paio que se intitula abade, o que semella indicar, contradicindo o anterior, que ata o daquelas era independente. O primeiro documento que certifica a súa pertenza a Celanova data ao 1199, onde o abade de San Salvador prohibe aos priores de Rocas e Naves a asistir a un sínodo. Escribe Pérez Rodríguez (2008) que a súa situación na beira dereita do Miño fixo que o protagonista dos enfrontamentos co priorado non fora a veciña cidade de Ourense senón o castelo de Alba de Búbal, fortaleza que non debía estar lonxe do cenobio; os ataques dos cabaleiros de Alba ao patrimonio e aos monxes de Naves serán recorrentes durante a Baixa Idade Media. O 28 de marzo de 1255, o rei Afonso X confirma ao mosteiro de Santa Comba de Naves o privilexio outorgado polo seu pai Fernando III en Ciudad Rodrigo o 15 de febreiro de 1231, confirmatorio á súa vez doutro de Afonso IX referente á exención de pagar yantar e de prestar labores ao alcaide do castelo de Alba de Bubal. Segundo un documento do ano 1388, no mosteiro de Santa Comba "non avia frades con que fazese aforamentos". A reforma observante de Valladolid chegará a Santa Comba na figura de frei Juan de San Juan no 1494, se ben a visita non tivo consecuencias, seguindo gobernando frei Ares de Santa María, quen no 1499 pecharase no mosteiro impedindo entrar a frei Rodrigo de Valencia e a frei Diego de la Plaza, presidente de Celanova. Mentres os bieitos de Valladolid marchaban a Ourense a buscar xente armada para reducilo, frei Ares saíu correndo para evitar a cadea. O priorado foi extinguido polo papa León X no 1513, anexionándoo a Celanova. Polos apeos dos anos 1562 e 1564, sábese que tiña xurisdición civil e criminal sobre os coutos de Palmés, Untes e Vilar das Tres. Reconstruído no 1760, funcionou ata a Desamortización do ano 1836. O seu estado actual é, lamentablemente, de total ruína.  Sobre a porta vese o escudo do mosteiro con cruz trebolada, compás e un círculo que suxiren a súa dependenza de Celanova.
  
Convento de San Francisco (Ourense): Franciscáns. Aínda que os discípulos de San Francisco de Asís chegaron a Ourense no ano 1237, non quedan vestixios do convento onde se instalaran, destruído nos anos 1294 e 1295 polo bispo Pedro Yáñez. O novo convento edificouse na parte alta da Cidade das Burgas, no hoxe en día coñecido como barrio de San Francisco, xunto o cemiterio municipal. Consérvase o magnífico claustro rectangular, gótico de tradición románica, con 63 arcos apuntados e 76 columnas dobres, agás as catro primeiras e as catro últimas de fuste cuadrifolio; os capiteis presentan decoracións vexetais, antropomorfas e zoomorfas. Dende o 1843 ao 1984 foi cuartel de infantería. No ano 1929, a igrexa foi trasladada pedra a pedra ao Parque de San Lázaro, no centro da cidade. A fachada, con dous contrafortes e portada de tripla arquivolta, con capiteis fitomorfos, outro con harpías, e outro máis coa orixinal figura dun gaiteiro. 
 
Convento de San Domingos (Ourense): Dominicanos. Segundo o P. Flórez, foi fundado no ano 1607, en tempos do bispo de Ourense Miguel Ares, se ben é no 1609 cando se solicita autorización ao Cabido para tratala oficialmente por parte do indiano Domingo Ferraz de Araujo, natural de Vilanova dos Infantes. A fundación en si debeu ser no ano 1634; o citado Domingo Ferraz, que falecera, deixou unha renda para a construción do convento, aínda que por causas que se descoñecen non comezou a construírse ata o 1641. A comunidade inicial estaba composta por cinco monxes. No 1646 era prior Fr. Luis de Vivero. A finais do século XVIII os monxes impartían, ao menos, Teoloxía Moral. Despois da Dexamortización e Exclaustración, foi destinado como edificio da Deputación Provincial, logo Escola Normal, oficinas da Cruz Vermella e almacéns militares. Do antigo convento consérvase a igrexa renacentista situada na parte vella da cidade, inaugurada no 1666 (é a actual de Santa Eufemia do Norte). A planta é de cruz latina dunha nave cuberta con bóveda de crucería. A fachada, coroada por unha espadana, é sinxela, con portada enmarcada por piastras acanaladas con frontón con escudo real. O altar maior e o cruceiro son de factura barroca.
 
Convento das Siervas de María: José Antonio Gavilanes envioume unha acta do IX congreso nacional e VI internacional de historia de la enfermería, onde fala desta congregación fundada en Madrid no ano 1851. A súa primeira superiora Xeral foi Soledad Torres Acosta. Chegaron a Ourense o 15 de maio de 1897, pero a comunidade non se estableceu ata o 30 de setembro do mesmo ano, dedicándose á atención dos enfermos máis necesitados. O primeiro sitio onde se estableceron as monxas foi na rúa Cisneros, e nos anos seguintes mudaron varias veces de domicilio (rúa Luis Espada e San Domingos). O 20 de setembro de 1910, adquiriron en propiedade unha casa con horta no Xardín do Posío, onde permaneceron ata o último terzo do século XX en que se trasladron, obrigadas pola demolición do convento para facer unha urbanización, ao moderno edificio actual.
    
San Mamede (Palmés): Bieitos, consérvase a igrexa.
 
Mosteiro de San Silvestre de Oira (Oira-Ourense): Nuns artigos do xornal La Región do 22 de agosto de 1957 e do 14 de febreiro de 1958, asinados por F. Grande Seara, cita este mosteiro fundado, di, polo monxe Creconio coa autorización do abade do Salvador de Celanova. Tamén fala del Ferro Couselo, quen o sitúa no século X. Descoñécese onde estaba ubicado. Nun Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense, nunha venda, cítase como testemuña ao granxeiro de Oyra a Fr. Melendo de Alcántara.
  
Priorado de Arrabaldo ou da Granxa (Santa Cruz de Arrabaldo): Foi un dos máis importantes que posuía o mosteiro de Oseira. En Os camiños da vida (1928), Otero Pedrayo introduce a un monxe exclaustrado como personaxe, que se dirixe ao priorado da Granxa.
 
Priorado-granxa de Barxelas (Barxelas-Cudeiro).

Priorado-granxa de San Xoán de Requeixo (Requeixo-Canedo): Conta Xosé Antón Casares Lamas que pouco se sabe deste mosteiro situado na Costiña de Canedo, só Ferro Couselo ou Grande Seara apuntan que puído ter un importante papel. Pola documentación do mosteiro de Oseira, creo que podería tratarse, non dun mosteiro, senón dun priorado ou granxa deste, xa que cita varias posesións en Requeixo e, entre outros, Cudeiro.
 
Priorado do Viso (O Viso-Cudeiro): Ao parecer dependía de Oseira.

A Reza Vella: No século X, na zona de Ourense fúndanse pequenos establecementos monacais (nalgún caso simples oratorios), como sería o de Santa Catalina da Reza Vella, unha zona de intensa ocupación en época romana. No Museo Arqueolóxico de Ourense consérvase unha ventá xeminada.

Encomenda da Batundeira (Velle): Orde de Alcántara. Nunha bula de confirmación á Orde do papa Gregorio IX do ano 1235 cítase "Batondeira cum possessionibus, et pertinentis suis". No 1249, nun documento de doazón ao mosteiro e Oseira, cítase como testemuña a “Munione Martin comendator da Batundeyra. Do 21 de decembro de 1310 é un foro de varias terras pertencentes ás encomendas de Armeses (Amoeiro) e A Batundeira. Arredor do 1340 era comendador da Batundeira Garci Pérez. E no 1385 Nuño Pérez do Campo. No 1390, Martín Yáñez de Barbudo otorga ao comendador Xil Rodríguez “todo nuestro poder conplido por esta cata a vos Gil Rodriguez, nuestro caballero comendador de la Batondera, et de lo que la dicha orden ha en elllano de Castilla et en el Ribero de Avia et de todas las otras cosas que a la dicha comienda pertenesçen et pertenesçer deben en qualquier manera en el regno de Galicia. No ano 1402, o Comendador Pedro Godín afora por 60 maravedises o couto de Nogueira. No 1420 o Comendador Álvaro Fernandez afora os coutos de Couxil (Cartelle) e Astariz (Cenlle). Comendador da Batundeira foi no 1487 Alonso de Noboa que levaba pola forza a metade dos décimos "de todo o pan e primicias" de Armeses. O 8 de febreiro de 1498, o bispo de Oviedo, presidente da Chancillería de Valladolid, ordena que se determinen todos os preitos existentes nese tribunal sobre a restitución de bens pertencentes á Encomenda da Batundeira; o comendador era Alonso de Villasayas. Ese mesmo día noméase a varios comendadores doutras partes da Península para que visiten a Batundeira. O 7 de decembro do 1500, a Chancillería de Valladolid encarga a Francisco de Sotomayor para que se restitúan os bens á encomenda. En xaneiro de 1541 era comendador Pedro Verdugo. Na Batundeira consérvase a Casa da Enocmenda e o topónimo Monte do Frade. 

A Granxa (Velle): No xornal La Región do 28 de xullo de 1972, Manuel Blanco Guerra di que no lugar da Granxa houbo un antigo priorado dependente do mosteiro de Celanova. (Noticia achegada por Xosé Antón Casares Lamas). 

Serra Mosteirón (Velle): Dise que tomou o nome dun antigo mosteiro. (Información achegada por Elena Blanco Torres).

 















PADERNE DE ALLARIZ

Mosteiro de San Lourenzo de Siabal: Posible orixe altomedieval. Foi cedido á Igrexa de Ourense pola monarquía dúas veces, a primeira no 1160 por Fernando II, e a segunda no 1204 por Afonso IX. No século XII perdeu o título de mosteiro para converterse en igrexa parroquial.   

Os Conventos: José Antonio Gavilanes informoume da existencia, en tempos, dun posible convento non moi lonxe da igrexa de San Vicenzo de Coucieiro, na zona coñecida como A Costa. Un avó de Gavilanes tiña unha viña que é onde estaba un antigo cemiterio; a viña era coñecida co evocador nome de Os Conventos. Unha fonte que está ao seu carón recibe o nome de Fonte do Convento. Teñen aparecido varias pezas. 


PARADA DO SIL

Mosteiro de Santa Cristina: Situado preto do río Sil, no souto de Merilán. A orixe quizais estea nun primitivo eremitorio. A primeira noticia sobre o mosteiro é do século IX. O 3 de xuño do 963, Servando Sendino Rodríguez e Aragunti, sendo abade Andrés e prepósito Vicente Rodríguez, doan ao mosteiro a vila de Pinol (Sober) cuxos bens deberán dedicarse para alimento e vestido dos monxes, para adquirir libros liturxicos e dar limosna aos pobres. Sábese que no século XII estaba en mans dos beneditinos. Da primitiva construción, disposta en torno ao pequeno claustro do século XVI con arcos de medio punto sobre columnas de fustes prismáticos con esquinas achafranadas, só se conservan dúas ás. No claustro poden verse os armarium claustri, uns pequenos espazos onde se deixaban os libros utilizados polos monxes durante os seus paseos. Os problemas para Santa Cristina a partires do século XII virán do Burgo de Caldelas, fundado por Fernando II. No 1380 os monxes de Santa Cristina denuncian ao conde de Trastamara, Pedro Enriquez, e a principios do século XV enfrontarase a Pedro Díaz de Cadórniga quen estaba a construír unha fortaleza en terras propiedade do cenobio no veciño couto de Chandrexa. No 1457 o mosteiro foi visitado por un coengo ourensán quen o atopou nun estado lamentable: "Os sobrados da torre desollados, chove enos coros e dentro eno corpo eno dito mosteiro, e chove en un altar...". Pouco despois desta visita cae en mans dos comendatarios o que non axudaría na súa restauración. Por bula do 1517, Santa Cristina deixa de existir como casa independente ao ser unida canonicamente a Santo Estevo de Ribas de Sil, feito que foi determinante na súa decadencia, se ben no século XVI reconstrúese o claustro. A igrexa é románica do s. XII con elementos góticos do s. XIII. Ten planta de cruz latina, con nave de cinco tramos e cruceiro. A cabeceira ten unha ábsida, prolongación da nave, e dúas absidiolas. A torre tamén é románica, ameada con troneiras de arcos semicirculares. No interior consérvanse pinturas, un altar maior con motivos xeométricos, retábulos barrocos e unha imaxe de San Pedro, obra de Xoán de Anges, de finais do XVI. Despois da Desamortización, foi utilizado como vivenda, cuadras e palleiro. Ademais da igrexa, do conxunto monacal só se conserva parte do claustro e algunhas dependenzas que foron restauradas.

Mosteiro de San Adrao: Documentos do mosteiro de Celanova e da catedral de Lugo falan da súa importancia no século X, sinalando que xa existía no século VIII. No século XII pasou a dependender do mosteiro de Montederramo. Consérvanse algúns posibles restos no cruce que leva a Barxacoba reconvertidos en adega, e quizais no muro dunha casa restaurada que hai en fronte. 

Mosteiro de San Cibrao: Documentado no século X. O mosteiro de Montederramo logrou no 1171 que llo cedera Fernando II quen suprimiu a vida monacal segundo consta na protesta que o bispo de Ourense fixo a Roma.  

Mosteiro de San Lourenzo de Ribas de Sil ou de Caldelas (San Lourenzo de Barxacova): Posible orixe altomedieval. Por documento outorgado polo futuro rei de León e Galicia Fernando II no 1155, concede ao capelán Rodrigo Menéndez, fillo de don Mendo, o mosteiro de San Lourenzo de Caldelas, preto do río Sil, que se ubicaría, posiblemente, xunto a igrexa de San Lourenzo de Barxacova que no século XII pasou a ser bailía da encomenda de Quiroga, dependente da orde de San Xoán de Xerusalén. Nun dos muros da igrexa pode verse unha cruz de Malta e un escudo, e nun muro do cemiterio unha pedra cunha inscrición do revés que foron reaproveitadas dunha construción anterior e que ben puideron pertencer ao desaparecido cenobio. En San Lourezo atópanse as ruínas da capela e a necrópole medieval de san Vítor formada por tumbas escavadas na rocha dependentes, primeiro de San Lourenzo e despois de Santa Cristina de Ribas do Sil.

Mosteiro de San Miguel: En Sacardebois. Cenobio feminino. Existen referencias documentais do século XII, cando Fernando II o doa ao mosteiro de Montederramo. A imposición das normas gregorianas en Galicia supuxo o fin da vida monacal en San Miguel.

 











O PEREIRO DE AGUIAR

Granxa-Priorado de Tibiás: Fundado pola abade de Sobrado Exidio a mediados do século XII. Granxa de produción vitivinícola na zona do río Miño.

 

A PEROXA

Celaguantes: Dise que o topónimo vén do sintagma latino cella qua orantes (cela na que están os orantes), se ben hai estudosos que rexeitan a explicación. 

Granxa-priorado da Recheda (Carracedo): Estableceuse en virtude da doazón que Fernando II, estando en Vilafranca do Bierzo no mes de outubro do ano 1179 coa súa muller Urraca e o seu fillo Afonso, fixo ao abade Exidio de Sobrado. Comprendía as herdades de Os Chaos e o monte de Pasarín cos seus prados, pastos, montes, fontes, árbores, terras cultas e incultas, etc.


PETÍN

Santa María de Mones: A Igrexa, construída sobre un castro, cítase nun documento de Montederramo do ano 1285, en que Maior Sánchez doa ao mosteiro varias posesións en Petín. No ano 1800 documéntase un preito na Real Audiencia en que Cayetano Fernández Vizcaya, veciño de Larouco, contra José de Barros y Neira, "abad de Santa María de Mones", sobre desperfectos de varios bens, se ben en Galicia era bastante común chamar ao crego "señor abade". Unha cita a un probable mosteiro en Mones no Diccionario de Pascual Madoz (1845). Di que onde se levanta a igrexa "hay vestigios y ruinas de un grande y antiguo edificio que se presumía fue convento de templarios... habiéndose practicado recientemente escavaciones, se han encontrado sepulcros y entre los escombros monedas de cobre de los empreradores Claudio y Galieno".


A POBRA DE TRIVES

Mosteiro de San Breixo de Trives: Citado nun documento do ano 1085 en que Afonso VI o devolve á catedral de Astorga. Case nada se sabe sobre este pequeno cenobio, agás o nome dalgúns dos seus abades no século XIV. No ano 1254, Fernando Egido, prelado de San Veriximi, doa ao mosteiro do Salvador de Sobrado un casal situado en San Fiz. Sábese que a catedral aínda era dona do seu couto no século XVIII.

Mosteiro de San Salvador (Sobrado): Monxas bieitas. Orixe altomedieval. Entre o 1087 e o 1175, trala reforma gregoriana, estivo sen comunidade. Un documento do mosteiro de Sobrado dos Monxes do ano 1287, escrito enteiramente en galego e datado o 22 de xaneiro de 1255, recolle o foro feito por dona Marina Rodríguez, abadesa de Trives, a Xoán Cerdeira do casal que o mosteiro tiña xunto a igrexa de Cerdeira. A maior parte das súas abadesas pertencían a familias nobres da bisbarra. No mosteiro de San Paio de Antealtares consérvase un pergameo do 15 de decembro de 1287 dun compromiso de vasalaxe entre os homes e mulleres de Sobrado e a abadesa do cenobio; esta e as súas sucesoras comprométense a amparalos e defendelos. Por documento do 13 de decembro de 1380, Xoán I confirma ao mosteiro un privilexio de Sancho IV, confirmatorio doutro de Afonso IX, polo que establecía o seu couto en todas as posesións reais que se mencionan agás Vila de Rei. A finais da Idade Media estaba rexido por Inés de Quiroga que se encastelou no cenobio no ano 1499 para impedir a visita dos observantes de Valladolid a cuxa cabeza ía frei Rodrigo de Valencia que "non pudo acabar de hazer la visitacion por no le ser tuta ni segura la estada de su persona en el dicho monesterio ni de los que con el venían... a causa de mucha gente armada que en dicho monesterio estaba en favor de la abadesa". Foi absorvido por San Paio de Antealtares no 1500, mais a diferenza dooutras abadesas, dona Inés conseguiu manterse á súa fronte e nunca entrou en Antealtares. No 1526, dona Inés "en descargo de su conciencia e porque, so color de su derecho, el dicho monasterio de San Pelayo no rescibiese mas vaxaciones" asina a avinza na que renuncia ao seu abadengo e admite a anexión a Antealtares a cambio de quedar en Sobrado cunha renda vitalicia ata a súa morte. Consérvase unha torre militar exenta adaptada como campanario que se ergue xunto a igrexa. Na súa orixe tivo un claustro ao que se abrían o resto das dependencias monacais. O templo é do século XII, típico exemplar do románico galego, é de planta rectangular dunha nave que remata nunha ábsida semicircular cuberta con bóveda de canón. A fachada románica presenta unha portada enmarcada por un tornachoivas apoiado en columnas e un modillón, salientando o conxunto de capiteis e o lintel sostido por dúas figuras humanas.

 

PORQUEIRA

Mosteiro da Forxa ou de Santa María de Porqueira: A súa orixe remóntase ao século X, fundado como mosteiro familiar, pasando logo a mans dos Coengos Regulares de San Agostiño. Nos anos 1157, 1181 e 1228 os distintos reis doan parte das posesións ao bispado de Ourense que instala nel aos xerónimos que é cando acada o máximo esplendor. Os seus abades tiñan a facultade de nomear xuíz ordinario e escribán. A primeira proba de que se trata dun cenobio é do ano 1199 cando Urraca Fernández de Traba lle fai unha doazón no seu testamento. Non se confirma a súa pertenza aos agostiños ata o 1221 cando o seu prior asina as actas do sínodo en Ourense.

Mosteiro de Sabucedo: Posto baixo a advocación de San Salvador e Santa María. Hai investigadores que manteñen que se trataba de dous cenobios, o do Salvador e o de Santa María, fundados por dona Goda. Morta esta e a súa filla dona Lupa, pasa á súa parente dona Trudilla que vivía en terras de Monterrei. Cando se presenta en Sabucedo para facerse cargo da herencia, os monxes aconséllanlle que anexione Santa María ao Salvador. Dona Trudilla accede e traslada ás monxas ao mosteiro de Santa Cruz de Vilaza que no ano 985 era dúplice. No ano 1043 decide doalo ao mosteiro de Celanova.

 

PUNXÍN

Sepulcro do San Vintila: Nunha ermida xunto a igrexa de orixe románica (pouco se conserva) de Santa María de Punxín atopouse un sartego altomedieval que se atribúe a San Wintila, eremita que buscou nestas terras o seu retiro; dise que puido pertencer a un pequeno mosteiro que posteriormente pasou a depender do de Santa María da Barra, no concello de Coles. O sarcófago, posiblemente do século IX, está formado por unha caixa trapezoidal e cuberta en estola, decorado na súa fronte con arcos de tamaño irregular; o arco repítese ao pé da caixa. Na tampa aparece o motivo de estola, con triple baquetón central. Nunha das partes presenta unha inscrición inclompleta: "HIC REQVIESC(i) T FAMVLVS DE(i)...", ("Eiquí descansa o servo de Deus..."). As únicas noticias da inscrición completa son de Ambrosio de Morales (1513-1591) a quen o bispo de Ourense, Juan de San Clemente, lle remitiu copia do epitafio: "HIC REQUIIESCIT FAMVLUS DEI/VINTILA QVI OBIIT DIE X/CALENDAS IANVARIAS ERA/DCCCC XXVIII". De Morales copiáronna Flórez na súa España Sagrada, Masdeu e o epigrafista alemán Hübner, este con algunhas variantes, poñendo como corresponde a palabra Kalendas, iso si, poñendo Quintila por Vintila. Tal como apunta Ángel del Castillo no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense (nº 195, 1931), resulta chamativo que tratándose dun santo se borrara a parte máis interesante o que leva a conxecturar ao autor se realmente a inscrición citou algunha vez a San Vintila. No lugar está a Fonte de San Wintila, do ano 1872.



RAMIRÁS

Mosteiro de San Pedro (O Mosteiro): Monxas bieitas, séculos X-XII. Fundado por Onmega, abadesa do cenobio de Santa Comba de Bande, quizais como mosteiro familiar que posteriormente se uniría á Regra de San Bieito, absorvido no século XV por San Paio de Antealtares. Sen entrar se nalgún momento tivo carácter mixto, a documentación recolle nomes de homes que desenvolvían funcións administrativas, de vixiancia, mordomos e sacerdotais. Na Idade Media é un dos mosteiros femininos máis ricos. O primeiro documento onde se cita data do ano 1021. Constitúese en comunidade bieita no 1185. As súas abadesas non levarán este título senón que se designarán como ona. No século XIII o mosteiro contaba con preto de trinta monxas, reducíndose considerablemente nos séculos seguintes: no 1368 só albergaba a dúas monxas, estaba rexido por María de Limia. As monxas de San Pedro enfrontáronse en varias ocasións cos señores de Milmanda (Celanova) e tamén co mosteiro de Celanova; a principios do século XV a ona de Ramirás quéixase das exaccións que ao seu mosteiro fan tanto o duque de Arxona, señor de Milmanda, como o mosteiro de Celanova. No ano 1511 pasa a depender de San Paio de Antealtares, converténdose en priorado. Coa desamortización prodúcese o abondono e a ruína definitiva do xa decadente cenobio. Será entrado o século XX cando Xosefa da Resurreción Vázquez, monxa do convento de Santa Clara de Allariz, ten unha visión na que se lle encomenda a fundación dun convento. Enterado do prodixio, o bispo de Ourense, Francisco Blanco Nájera, arbitra os medios necesarios para que a finais de 1949 a visionaria Xosefa, a cabeza dun grupo de monxas, se instalen de novo en Ramirás. No ano 1959 as clarisas de Ramirás abren un colexio para nenas ata que deciden acollerse á clausura. No ano 1993 abandonan definitivamente as instalacións que na actualidade acollen unha residencia de anciáns. A igrexa, románica de transición ao gótico, ten planta basilical de tres naves separadas por piares compostos, con arcos forneiros e feixóns, e tres ábsidas semicirculares, a central máis alta ca as laterais. A fachada consta de tres portadas con arquivoltas, circular a central e apuntadas as outras dúas. A portada principal é románica, flanqueada por dous contrafortes cunha porta de acceso de catro arcos superpostos onde o superior destaca pola súa decoración axedrezada. No frontón ábrese un rosetón.

Priorado de San Salvador de Paizás: Coñecido tamén como de Eiras, nome que se lle daba tamén ao río Tuño. Dependía de Celanova. Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia do ano 1745. A igrexa parroquial de Paizás, de orixe románica, aparece citada nun documento do ano 889; nos muros vense varias pedras reutilizadas, unha ao menos con inscrición. Na fachada principal conserva un escudo cos símbolos do mosteiro de Celanova. No interior hai unha pequena imaxe de San Rosendo.






RAIRIZ DE VEIGA

Mosteiro en Congostro?

RIBADAVIA

Mosteiro de San Xes de Francelos: Un documento do mes de decembro do ano 993 recolle que Gondulfo era prepósito no mosteiro de Francelos. No ano 1156 a igrexa documéntase como Santa María de Francelis que, durante o século XV dedicouse a Santa María Madalena, e logo cambiouse a San Xes; este mesmo ano Afonso VII adxudícallo á Igrexa de Tui. No século XVII os terreos próximos á igrexa denominábanse como "do Mosteiro". Rexentado por monxes bieitos que logo pasaron a depender do mosteiro de Celanova. Pouco queda da primitiva igrexa prerrománica, só unha ventá con celosía, uns relevos na porta principal coas representacións de Cristo entrando en Xerusalén e dos Reis, e algunhas pezas distribuídas polo resto do edificio. Nas prospeccións arqueolóxicas non se atoparon restos dos primitivos cimentos polo que se cre que o mosteiro estivo nas inmediacións. Cando a restauración da igrexa, o Grupo Marcelo Macías, ao realizar unhas catas, localizaron nove tumbas de granito que corresponderían a nove nenos de curta idade; apareceron algúns restos óseos. A única peza situada in situ que pertenceu ao edificio orixinal é unha xanela seteira ornamentada cun sogueado. No Museo Arqueolóxico de Ourense consérvase unha soleira de porta decorada do século IX-XI.

Convento de San Francisco (Ribadavia): A presenza franciscán en Ribadavia remóntase ao século XIV. Do convento do século XVII apenas quedan restos; cando a construción do ferrocarril desapareceu a metade do edificio. Coa desamortización pasou ao Concello e logo a mans particulares, fraccionándose en cinco partes, incluídos os claustros. No 1915, os franciscáns mercaron unha parte e alí se estableceron. No interior da igrexa, rematada no ano 1610 e con bóveda de crucería, salienta o altar churrigueresco e o retábulo maior, barroco do s. XVIII.

Convento de San Domingos (Ribadavia): Dominicos. Fundado no ano 1254 por frei Pedro González. Segundo a lenda edificouse sobre o solar que ocupaba o pazo do rei García de Galicia. Dende o 1299 ata o século XIX (cun paréntese de case douscentos anos) impartíronse as cátedras de Teoloxía Moral e Gramática. Do antigo edificio consérvase unha portada arquivoltada sostida por capiteis adornados con motivos vexetais e dúas ás con arquería neoclásica. Sufriu un incendio no 1433, acometéndose a súa construción que rematou no s. XVII. A principios do s. XIX agregouse ao convento de San Domingos de Tui. Coa Desamortización pasou a mans particulares. Dende o ano 1849 pertence ao Concello. Na actualidade funciona como residencia de anciáns. A igrexa, dos séculos XIV e XV, ten planta basilical, con tres naves que rematan en tres ábsidas poligonais. A fachada divídese en tres tramos con portada oxival con arquivoltas sostidas sobre dous pares de columnas de capiteis decorados con motivos vexetais. Nos piares da epístola desenvólvense varias esceas relacionadas cos freires explicando as súas ensinanzas morais con exemplos, coma a dun freire que, tumbado no chan, forcexea cun lobo para que non lle quite unha bolsa con moedas que simboliza o pecado da avaricia; a continuación, nun capitel, celébranse os funerais por un asno que oficia unha cabra e uns gatos como asistentes (Carmen Manso Porto, 2016). No tímpano destaca a figura de San Domingos cun libro aberto nas mans.

Capela de Santa Marta (Coto do Castro-Ventosela): Segundo García Valdeiras (2014), no lado SE da antiga granxa monacal de Santa Marta hai unha pequena estrutua medieval reformada e integrada nunha construción moderna. Este sería o eremitorio, segundo a tradición, de San Pedro Telmo que daría orixe ao convento e granxa. Murguía (1888) e Samuel Eiján (1920) relacionan estes restos cunha malatería feminina.

Casa do Crego (San Paio-Ventosela): Segundo me achegou hai anos a arqueóloga Nieves Amado Rolán puído ser unha granxa ou priorado do mosteiro de Melón. A finais do mes de xullo de 2024, Xosé Antón Casares Lamas, no facebook de Javier Torres (autor da foto da Casa do Crego), achegou un texto extraído de As arquitecturas históricas do viño: polos ribeiros do Miño e o Avia, de Xosé Luis Sobrado Pérez et al., onde di que a edificación só mantén en pé a primitiva fachada onde salienta un arco de medio punto. Creo que a parte superior, con dúas ventás, foi engadida con posterioridade sobre o que puído ser un antigo templo. Ruínas.









SAN CRISTOVO DE CEA

Mosteiro de Santa María a Real de Oseira: Císter. Se ben non hai dúbida de que os bieitos xa ocupaban o mosteiro no ano 1137, non existe consenso canto á ocupación polos monxes do Císter; as datas máis baralladas sitúanna entre os anos 1140 e 1141. Logo da decadencia iniciada no s. XIV, cobra un novo pulo coa entrada na Congregación Cisterciense de Castela. No 1551 sufriu un incendio que case o reduciu a cinzas. Coa desamortización do ano 1835, os monxes abandonan o cenobio e as ruínas apodéranse dos edificios. No ano 1930 regresan os monxes que acometen a súa recuperación. O mosteiro ten tres claustros: o da Portería, o Procesional e o dos Pináculos. No Procesional, reformado no s. XVII, salientan as efixies situadas nas arquerías que representan rostros de personaxes históricos. A sala capitular é dos ss. XV e XVI, construída con elementos tardogóticos, con bóvedas estreladas con nervios que arrincan de columnas estriadas. A fachada, con cadeirado almofadado e frontispicio, data do ano 1708, e o Patio dos Cabaleiros é do século XVIII. A igrexa abacial, románica oxival, é un dos edificios máis salientables non só de Galicia, senón da Península. Ten planta de cruz latina, con tres naves de sete tramos e cruceiro separado por piares e columnas. A nave central é de canón apuntado con faxóns. Os ventanais de medio punto ábrense no arrinque da bóveda. No século XIII construíuse o ciborio, con cúpula sobre pechinas no cruceiro. Na cabeceira, composta de sala semicircular e deambulatorio, ábrense cinco capelas absidiais. O mosteiro acolle o Lapidarium, un museo que garda os obxectos de pedra que se recuperaron durante as obras de restauración e as excavacións arqueolóxicas. Tamén se recuperou a Botica, con botes de artesáns de Talavera que reproducen os orixinais do s. XVIII, 30 orixinais de Sargadelos do s. XIX, fórmulas, libros e restos de herbas medicinais de hai 200 anos. O escudo do mosteiro representa dous osos empleirados a un pino.

 








SARREAUS

Mosteiro de Santa María de Codosedo: Ao redor do 1200 foi cedido polos seus herdeiros á orde de Santiago, cuxa comunidade foi suprimida a finais da Idade Media ou na Moderna, pasando os seus bens á encomenda da Barra. O monasterium de Codosedo cum suis pertinentiis cítase nunha confirmación pontificia dos bens e privilexios no ano 1223. A igrexa é de orixe románica.

TRASMIRAS

Priorado de Lobaces: Pertenceu aos agostiños. Primeiro dependeu de San Martiño de Grou, pasando logo ambos os dous ao mosteiro do Salvador de Celanova. Nas inmediacións atopáronse sepulcros antropomorfos altomedievais.

 

VERÍN

Convento dos Mercedarios (Verín): Por iniciativa do conde Sancho Fernández de Ulloa, a orde instalouse en Monterrei no ano 1484. No 1557 trasladouse a Verín. Logo do abandono obrigado pola exclaustración e desamortización, os mercedarios mercaron parte da súa antiga propiedade no ano 1933, converténdoa en colexio de aspirantes a ingresar na orde. O edificio consta de dúas partes, unha destinada á comunidade e outra ao culto. A maior parte da construción actual é do século XVIII para o que se aproveitaron pedras traídas de Monterrei (pedras labradas, arcos, columnas...). No interior salienta o claustro, e no exterior a fachada e a barroca torre do campanario.

VIANA DO BOLO

Mosteiro de San Cibrán (Viana do Bolo): Ano 1119. A tradición asegura que a igrexa actuou como convento do Temple.

Mosteiro de San Pedro de Grixoá: Posible orixe altomedieval. Citado como Ecclesiola nun documento do ano 1075 en que Alfonso VI restitúe á diócese de Astorga varias posesións, entre outras “aliud monasterium quod vocitant Ecclesiola”. O 23 de decembro de 1630 documéntase un preito litigado por Jerónimo Salgado Gayoso, "abad de la abadía de San Pedro de Grijoá" con varios concellos. Volve citarse como abadía na executoria doutro preito litigado polos veciños de Grixoá en febreiro de 1689. Perdeu o título de mosteiro para converterse en igrexa parroquial. No interior da igrexa, de orixe románica (salienta a porta principal), hai dous escudos.




VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

Mosteiro de Correxais: Documentado no ano 922. A partir do século XVII acolleu aos Trinitarios. Impartíanse ensinanzas de Filosofía, Teoloxía moral e Gramática. Consérvase a igrexa e os muros dun convento totalmente arruinados e cubertos pola matogueira, algúns en grave risco de derrubamento. No Museo de los Caminos de Astorga hai unha talla da Inmaculada do século XVIII procedente de Correxais.



VILARDEVÓS

Encomenda de Osoño (Hospital-Osoño): Orde monástico-militar de Malta ou de San Xoán de Xerusalén. Na parroquia está o lugar de O Hospital, onde se atopa a parroquial de San Pedro, seguramente relacionado coa antiga encomenda que atendería aos peregrinos a Santiago que viñan de Portugal. Do 8 de febreiro de 1491 é un documento de amparo a favor de Fr. Rodrigo Quiroga, comendador das encomendas de Quiroga e Osoño. A igrexa, onde se conserva unha cruz de Malta, é de estilo barroco con espadana de dous corpos.


XINZO DE LIMIA

Mosteiro do Bon Xesús (Trandeiras): Franciscáns. Fundado no ano 1520 por Alonso de Piña, prior de Xunqueira de Ambía. No ano 2023, cando unhas obras de consolidación, apareceron retos do pavimento orixinal e algunha dependencia do mosteiro que estaba enterrada. Interesantes son os 500 metros dunha rede hidráulica por medio de canles que apareceron tanto no interior coma o exterior do mosteiro. O conxunto mosteiral ocupa unha exteensión aproximada de 2.000 metros cadrados. Os franciscáns establecéronse no 1523. No ano 1668 padeceu un incendio. En tempos da Revolución Francesa foi refuxio de curas e bispos galos. No 1809, durante a invasión napoleónica, as tropas francesas destruíron a igrexa e mataron a veciños de Trandeiras, freires e curas. Coa Desamortización do ministro Mendizábal vendeuse a particulares quen utilizaron as pedras para outras construcións. Consérvase a igrexa e parte dun claustro renacentista con elementos do gótico flamíxero. Segundo a lenda, as orixes remóntanse á aparición dunha imaxe do Neno Xesús a uns cabaleiros portugueses que construíron unha capela na súa honra. Outra, recollida por Antonio Couceiro Freijomil, publicada no ano 1938, di que a Virxe aparecéuselle na última década do século XVI a Xoán de Folgoso quen lle manda edificar unha ermida en Trandeiras. Tamén está a lenda dos mosquitos, uns soldados encantados da corte do rei Artur. Na actualidade pertence ao Concello de Xinzo de Limia.

Mosteiro de Santa María de Ribeira (Mosteiro de Ribeira): Ripario Limie. Bieitos. Fundado no século X por Afonso Romariz e dona Gutina, pasou supostamente a priorado do mosteiro de Celanova no 1043. No tombo de Celanova cóntase que no ano 1005 unha tal Zacaria, posuidora do convento, marchou de viaxe a outro seu mosteiro, no territorio de Lemos, que chamaban San Paio (debe referirse ao de San Paio de Mosteiro, parroquia de Bóveda), e alí morreu. Noutro documento do mesmo tombo conta que no 1043 o abade Aloito e seus irmáns doan a Celanova o mosteiro de Ribeira. No 1118 un tal Munio presentouse ante o rei Afonso VII para pedir xustiza por terlle arrebatado o seu mosteiro de Ribeira, que lle fora confiscado polo conde da Limia. No 1214 Afonso IX entrégalle ao seu mestre Lourenzo, futuro bispo de Ourense, illam eclesiam Sancte Marie de Ribeyra. No 1124 xa estaba en poder de Celanova. No século XIV a comuniade quedaría reducida ao prior. No ano 1499 o prior frei Afonso do Este xuraba obediencia ao reformador de Valladolid frei Rodrigo de Valencia. Hoxe en día descoñécese o seu emprazamento exacto, se ben se cre que puido estar onde se atopa a igrexa e a casa reitoral, onde se conservan algúns achádegos soltos: unha estatua exenta dun Agnus Dei sen cabeza, unha ventaíña de arco apuntado, un alfiz con medallón, unha lauda sepulcral, catro inscricións relixiosas e dúas inscricións funerarias. No lugar de A Manga de Abaixo, en Lamas, na casa de don José Salgado, atópase reutilizada nun dos muros unha inscrición funeraria de época romana que foi atopada por Frei Martín Sarmiento no século XVIII no mosteiro de Ribeira, estudada por Rodríguez Colmenero no ano 1987.






XUNQUEIRA DE AMBÍA
 
Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Ambía: Fundado, quizais, sobre un mosteiro altomedieval. Conta a lenda que no lugar onde se levanta o mosteiro hai unha lagoa chamada Xunqueira onde apareceu unha imaxe do século IV; na súa honra ergueuse unha ermida, orixe do cenobio. Foi fundado como mosteiro familiar no ano 955 por Gonzalo Froila e a súa muller Ilduara. No ano 1150, Afonso VII confirma a cesión aos Coengos Regulares de San Agostiño. Entre os priores salienta Alonso de Piña, considerado o fundador da vila de Xunqueira de Ambía no s. XV. Despois da desamortización de Mendizábal, converteuse en parroquia. Conta Pérez Rodríguez (2008) que o mosteiro estaba interdito e a súa comunidade excomulgada polo bispo de Ourense debido, ao parecer, de teren albergado ou encuberto un dos seus padroeiros, por corregemento das malfeytorias que Roy Mendez D´Anbia fez ao bispo et a Iglesia d´Ourens. Na segunda metade do século XV, Xunqueira denuncia ante os Reis Católicos, en Santiago, aos condes de Lemos e de Ribadavia e aos cabaleiros Álvaro Mosqueira e Gregorio Méndez de usurparlle coutos e bens. A reforma baixomedieval non afectou a este cenobio, que será renovado a principios do s. XVI por Alonso de Piña, chantre de Ourense, que recibiu o título de prior no 1513. No 1928 ocupáronno os mercedarios. Consérvase o clausto coas súas dependencias, o pazo prioral e a igrexa. O claustro, do s. XVI con restos románicos (entre outros, un sepulcro), consta dun corpo con arcos de medio punto. A casa monástica, ampliada no 1853, conserva uns canzorros de feitura sinxela no aleiro. A igrexa, románica de transición do s. XII, ten planta basilical con tres naves rematadas en tres ábsidas semicirculares. Na fachada destaca unha porta con arquivoltas funiculares sobre columnas estriadas, un tornachoivas de arcada sobre canzorros e un rosetón que se abre no centro. A ábsida central, dividida por columnas, mostra unha interesante colección de canzorros. A torre é románica no arranque, o resto barroca. No interior da igrexa pódese ver o retábulo maior, renacentista con influencias flamengas, e o coro de madeira de nogueira do s. XVI ornamentado cunha rica iconografía. Impresiona a orixinalidade do órgano, un dos mellores de Europa. Na súa porta occidental figura a data de 2 de xuño de 1164, tal vez a da súa consagración.
 

 



 
XUNQUEIRA DE ESPADANEDO
 
Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo: Construído sobre outro anterior, o mosteiro fundouse no ano 1150. Posto baixo a Regra de San Agostiño, pasou ao Císter no 1170. Nun documento do ano 1500, cumprindo a Lei dada nas Cortes de Guadalajara do ano 1390, inserta que se prohibe ter encomendas en mosteiros como o conde de Monterrei as ten no mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo. No 1546 uníuse á Congregación do Císter de Castela. Coa desamortización pasou a propiedade do Concello. O restaurado claustro, que conserva varios tramos do s. XVI, contruíuse cando a unión á Congregación de Castela. Na parte superior poden verse as ventás da nave románica e varios reloxos de sol, un do ano 1663. Na actualidade, as dependencias monacais acollen o Concello e a biblioteca. A igrexa, de planta basilical, ten tres naves de cinco tramos, a do medio de dobre ancho ca as laterais. A fachada principal é neoclásica, formada por tres corpos, o central coroado por un frontón clásico sobre o que se eleva o campanario. A cabeceira ten tres ábsidas semicirculares. No interior, entre o mobiliaro litúrxico, salienta o altar de pedra de estilo románico cun retábulo realizado polo ourensán Xoán de Ánges a finais do 1594, cun óculo polo que entra luz ao templo. Na entrada da igrexa hai dous retábulos que representan a Visitación e a Transfiguración, esta do s. XVII, con bustos de San Marcos e San Brais. Tamén é de destacar o sepulcro de Paio Yáñez de Abeleda, do s. XVI, situado na capela maior, tombado e cun puñal na man dereita; dise que foi soterrado coa súa espada de prata.
 


 
onosopatrimonio
Mosteiros e conventos de Galicia (Provincia de Ourense)
Xabier Moure