Integrantes do colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos unha nova mámoa no concello de Bóveda. Foi na parroquia de Remesar, a 525 metros de altitude, nun monte que aínda conserva o evocativo microtopónimo A Modorra. Localizámola por medio do sistema de teledetección LIDAR. Unha vez visitada comprobamos que está cuberta pola maleza, cunhas medidas aproximadas de 25 metros de diámetro e 1,10 de altura. Coordenadas de localización: x: 621410 – y: 4724907.
Segundo os datos que manexamos, no concello de Bóveda documéntanse 23 mámoas, en regular ou mal estado de conservación, algunhas practicamente destruídas. As súas medidas oscilan entre os 12 e 28 metros de diámetro. A única intervención arqueolóxica foi na necrópole da Áspera, na parroquia de Ribas Pequenas, cando as obras do corredor; apareceron, entre outros materiais, puntas de frecha, machados e raedeiras. A última documentada no concello produciuse hai pouco máis dun ano, descuberta pola asociación Horticelos en Portaivente, na parroquia de Tuimil, unha das mellor conservadas do municipio.
Das catorce parroquias do concello, polo de agora non temos constancia deste tipo de enterramentos en tres: Rubián, Ver e Vilarbuxán. Tamén temos coñecemento de tres que desapareceron totalmente nas parroquias de Martín, Mosteiro e San Fiz de Rubián.
Xa foi comunicada ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que procedan á súa catalogación.