Un trilito é un monumento megalítico formado por unha laxe colocada horizontalmente que asenta sobre outras dúas verticais. Resulta curioso que en Galicia, o país con milleiros de megalitos preshistóricos (mámoas, dolmens e algunha pedrafita), non só non se conserven, senón que a súa mención se limite a cinco ou seis exemplares. Un monumento que chamou a atención de artistas como Castelao que debuxou un cunha estrela sobre un trilito para ilustrar a Revista Nós a partir de 1926 (xa fixera un debuxo para ilustrar a primeira páxina de O sentimento da Terra na raza galega, un artigo de Vicente Risco). Castelao tamén ilustrou cun trilito iluminado polo sol Na noite estrelecida (1926), de Ramón Cabanillas.
Ou Camilo Díaz Baliño que debuxou o monumento diante dunha lúa chea para a portada de Lar, e tamén a cuberta de Almas Mortas, de Antón Vilar Ponte, publicada por Céltiga no 1922.
Dos que ao parecer existiron só contamos co debuxo dun trilito no Monte Pindo, en Carnota, publicado en Vida Gallega no ano 1931, que denomina como dolmen.
Barros Sibelo debuxou no 1875 un nos montes de Obre, en Noia. Chama a atención unha muller axeonllada diante dunha cruz situada ao pé do trilito.
Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1950), fala dun en Funcasta, en Vilalba. Non hai debuxo a pesares de que, segundo o escritor Cuba Restrebada, “era o mellor dos monumentos da parroquia de San Simón da Costa”. Foi destruído con dinamita.
Cesáreo Rivera Abraldes, en Guía de Galicia (1883), e tamén no Diario de Pontevedra (1908), di que “uno de los más notables se encuentra entre Fecha y Bachado, cerca de Santiago” (“Bachado” debe ser Vachao).
Nun número de Vida Gallega (1924) dise que non lonxe do dolmen do Forno dos Mouros, en Toques, “existieron un trilito y varias mámoas”.
No desaparecido El Eco de Galicia (1917) recolle a reprodución dunha postal de Pedro Ferrer que di: "Cabreiroá. Orense. El trilito, piedras arrancadas donde la tradición druídica arrancaba de las entrañas de los prisioneros del oráculo". El Correo de Galicia, de dous anos antes, fala do “trilito druídico de Cabreiroá”, en Verín. Este último, pola imaxe que se coñece, aparenta ser unha formación natural.








