* Distribución por comarcas da ourivería en Galicia

Se dividimos Galicia en catro partes, norte-sur/este-oeste, chama a atención a diferenza espacial canto á aparición de xoias, documentadas (tamén inclúo varias desaparecidas), realizadas polos ourives, principalmente durante a Idade do Ferro. Tamén achego aquelas pezas que foron levadas fóra de Galicia. No mapa que vai a continuación sinalo a localización de arracadas, brazaletes, diademas, lúnulas, pulseiras e torques. Non inclúo, por exemplo, os escasos aneis, o casco/cunca de Leiro (Rianxo), doas de colar ou láminas. TORQUES: Achego 60, pero deixo fóra 14 por non estar clara a procedencia (3 na provincia da Coruña; 7 na de Lugo; 3 na de Ourense; e 1 na de Pontevedra). Catro comarcas (Betanzos, Ordes, A Mariña Central e a Terra Chá) suman máis da metade dos documentados en Galicia. ARRACADAS: Das preto de 40 documentadas, case a metade apareceron na comarca de Ordes (o tesouro de Recouso, en Oroso). LÚNULAS: Só hai coñecemento de 3 (Cerdido, Allariz e Boborás). DIADEMAS: A maioría das documentadas concéntranse no norte da provincia da Coruña. Existe controversia canto as pulseiras de Ribadeo, se son ou non orixinarias da zona. BRAZALETES: Das 53 comarcas galegas, só se documentan en 12. PULSEIRAS: Pezas máis ou menos completas documéntanse pouco máis dunha ducia. Chama a atención a ausencia de pezas de ouro e prata no oriente das provincias de Lugo e Ourense, onde se concentran o maior número de explotacións mineiras da Galicia da época.

Toda a información nas entradas correspondentes aos castros.