* Un novo xacemento arqueolóxico en Arzúa

Durante as obras do trazado da autovía Santiago-Lugo, ao seu paso pola parroquia de Vilantime, no concello de Arzúa, saíron á luz, ata o momento, unhas estruturas habitacionais e dous fornos de grandes dimensións para a fabricación de ladrillo e tégula, ao parecer en moi boas condicións.

A principios do mes de maio de 2022, un integrante da Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa, Ignacio García Couso, atopouse de forma casual, ao pé das obras de construción da autovía, co que semellaba unha escavación arqueolóxica. O día 10 de maio, Ignacio e o presidente da asociación, Celso Alberte Magariños, comprobaron no lugar os traballos que están a realizar un grupo de arqueólogos contratados pola empresa dirixidos por Emilio Ramil.


Os arqueólogos confirmáronlle que estaban diante dun asentamento galaico-romano; ademais das estruturas citadas, apareceron restos cerámicos de distintas tipoloxías, muíños castrexos, tégula e moedas de Traxano e do século IV. Ante achado de tal importancia, dende a asociación solicitaron información á empresa construtora para poñelo en coñecemento da poboación. A día de hoxe (3 de xuño), a empresa non lles contestou. 

Non hai moito tempo, non moi lonxe, apareceron restos de cabanas circulares de época calcolítica. 

Dende a Asociación Ánxel Casal solicitan ás autoridades en materia de patrimonio a máxima protección dos restos arqueolóxicos atopados, información sobre a importancia dos mesmos, a súa divulgación e posta en valor.


(Información e fotos achegadas por Celso Alberte Magariños, da Asociación Cultural Ánxel Casal)