* Requiem por Soutomerille (Castroverde)

Quen  transita polo tramo do Camiño Primitivo a Santiago que discorre por Soutomerille, no concello de Castroverde, axiña se decata da súa apracible fermosura. Aparcamos o coche xunto a moderna e insulsa igrexa parroquial e emprendemos a andaina. Despois de pasar xunto unhas casas adentrámonos no camiño que, seguramente, xa percorrían os habitantes do castro da Croa hai uns 2.000 anos, erixido a pouco máis de 500 metros de distancia. Na primeira bifurcación de camiños tomamos o da dereita, o que leva ao castro, para achegarnos ao antigo e solitario cemiterio, a derradeira morada dunhas ánimas que conviven cos míticos mouros que nas inmediacións, asegúrase, aínda conservan os seus "asentos" esculpidos nas rochas graníticas.

 

Desandamos uns poucos metros e retomamos o sombrizo e silencioso camiño dos peregrinos. Á nosa esquerda vemos unha casa arruinada que, din os papeis, goza da máxima protección legal (que cousas!). É a coñecida como Torre de Arriba. Pouco se sabe sobre ela. Foi reedificada no ano 1590. A encanastrada torre é a parte máis antiga que se conserva. Tiña cárcere, os seus señores, de soga e coitelo, levantáronna a carón do camiño para, sen dúbida, fornecer os seus petos cos abusivos trabucos que cobraban aos camiñantes, autóctonos e foráneos. 

 

Un pouco máis adiante, a man dereita, facéndose oco entre o pétreo muro que o abeira, atopámonos co colosal Castiñeiro da Corredoira que leva saudando aos camiñantes dende hai máis de 350 anos.

 

Continuamos baixando pola suave pendente da corredoira, despois dunha aberta curva, elevada sobre un pequeno altorelo a man esquerda, albiscamos a igrexa de San Salvador, a denominada como Igrexa Vella. No ano 1122, o templo aparece citado como monasterium de Sauto Maireli; Sauto Meyril no 1222; Souto Meyrile no 1286; Souto Merelle no 1293; e Souto Meirilli e Souto Meyrilli no 1309. Houbo eiquí un cenobio? Se foi así acollería un reducido número de relixiosos, quizais se tratara dun mosteiro familiar de tradición visigótica (o nome de Soutomerille pode derivar dun posesor visigótico que atendía por Mirellus), antes de que xurdiran as grandes fundacións cluniacenses e cistercienses. Como aclara o etimólogo don Nicandro Ares Vázquez, convén ter en conta que na Idade Media utilizábase ás veces monasterium como se fose eclesia.

 

Na igrexa, abandonada na actualidade e en precario estado de conservación, queda como testemuña da súa orixe prerrománica a fiestra do testeiro leste da ábsida, con aberturas alongadas rematadas en ferradura. Sobre ela vese a seguinte inscrición: "QVAN SIT ANTIQVA/ECLESIA LAPIS IN/FERIOR TESTATVR".

 

O templo foi reedificado no ano 1619, época á que corresponde a fachada principal, renacentista, con frontón recto e tímpado con escudo. Sobre a porta unha inscrición que di: "REEDIFICATVM + ANNO 1609/PER DOMINOS LICENCIATOS ALFONSVM/ET PETRVM LOPEZ PALLIN, FRATRES". 

 

Consta dunha nave rectangular abovedada en pedra, con arco triunfal de medio punto e retábulo policromado en pedra. No pavimento atopáronse tres inscricións en pedra de lousa de época visigoda. Consérvanse dúas lápidas sepulcrais do século XVII, brasonadas con escudos, unha pertencente a don Andrés López Pallín. No ano 2015 denunciaron o roubo da campá do século XVII. 

 

Ao seu carón está a arruinada Casa-torre de Abaixo que funcionou como reitoral.

 

A asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde leva denunciando hai anos o penoso estado de conservación en que se atopan estes monumentos que abeiran o Camiño Primitivo, reclamando a súa valorización que, sen dúbida, acrecentaría o atractivo deste fermoso tramo.

Para rematar, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de enviar un escrito ao Concello de Castroverde, por iso do rigor histórico, para que modifique o panel que informa sobre a Igrexa Vella. Di, textualmente, que a fiestra da parte traseira é "de tempos anteriores á chegada dos romanos". Un chisco esaxerados!