* A Pena da Muimenta (Bascuas, Lugo)

Nun documento do día oito de novembro de 1783 referido aos límites da parroquia de Basquas (Bascuas, Lugo) lemos:  "... deste al alto de la Sierra y peña nombrada da Muimenta, desta al marco del Cruzeiro de Gondar...".

 

Eiquí ímonos deter nesa Pena da Muimenta, situada a carón do Camiño Primitivo a Santiago de Compostela. 

A tradición oral aseguraba que no sitio había unha pena cunha cruz gravada pero, a pesares de que a buscaron durante anos, esta non aparecía. Por motivos que non veñen ao caso, recentemente procedeuse á limpeza da maleza que cubría un afloramento rochoso onde a tradición situaba a citada cruz. Foi entón cando ao pé da rocha apareceu unha pedra tumbada e medio tapada. A simple vista pouco chamaba a atención, pero ao poñela de pé a percepción inicial mudou de forma considerable. 

Unha vez ergueita, a pedra amosounos unha forma que nos resultaba máis que coñecida. Trátase, sen dúbida, dunha pedra que foi traballada por man humana e que nalgún momento estivo chantada nese sitio ou nas inmediacións. Apréciase claramente que o fito foi cortado, posteriormente, por unha das partes. Vese que quixeron partilo en máis anacos (na parte inferior hai unha marca para meter a cuña) pero, por motivos que descoñecemos, desistiron.

 

O que si está claro é que estamos ante a citada Pena da Muimenta. Se revisamos as fotos aéreas dende o voo americano dos anos 1956-57 observamos que, a pesar da alteración producida pola canteira (que continúa en funcionamento), o sitio onde está o fito permanece practicamente inalterado, quizais debido a que este afloramento se atopa xusto ao lado da estrada comarcal que, neste tramo, coincide co Camiño Primitivo.

  
 

O fito, na parte máis ancha, mide 0,54 cm, estreitándose lixeiramente cara a cima, e de alto, á vista, 1,43 cm. En dúas das caras hai gravadas senllas cruces realizadas de forma tosca, e noutra o que semella unha ferradura ou un óvalo que aparece danado, posiblemente debido a un golpe fortuíto.

Descrita a pena, que foi utilizada como marco, centrémonos no nome. O nome de Muimenta e Moimenta atopámolo en varios topónimos galegos, arredor dunha quincena referidos a núcleos de poboación. O termo vén do latín monumenta, plural de monumentum, que identifica, segundo Gonzalo Navaza, un lugar de interese arqueolóxico e/ou arquitectónico. O nome de Moimenta aparece citado nun documento do ano 934 (Historia de la S. A. M. Iglesia de Santiago, de Antonio López Ferreiro). O etimólogo lucense Nicandro Ares Vázquez di que pode facer referencia a antigos monumentos sepulcrais, asociados a unha mámoa ou un dolmen, opinión da que tamén participa Cabeza Quiles.

No radio dun quilómetro da Pena da Moimenta rexístranse varios elementos arqueolóxicos: necrópole megalítica do Monte das Agüeiras composta por varias mámoas; medorra da Brea; un enigmático círculo, tamén na Brea, de 50 metros de diámetro (cremos que catalogado erroneamente coma un castro); petroglifos da Estrada (documentados por nós no ano 2016); e un par de castros. Posiblemente, no lugar ocupado pola canteira, existiran outros monumentos dos mesmos períodos.

 

Deteñámonos, agora, nos símbolos. Para facer as dúas cruces utilizouse unha ferramenta metálica; unha, a máis profunda, atópase na parte do fito que non foi cortada posteriormente. En Galicia é bastante común ver marcos de término con cruces gravadas, pero tamén pode que foran realizadas para cristianizar un lugar considerado como pagano e logo reutilizado como marco.

 

Vaiamos ao outro símbolo, para nós o máis interesante, que identificamos como unha ferradura ou un óvalo. Nun texto do agrimensor Latinus Togatus, redactado no século III d. C., lese: "Terminus si ungulam equi esculptam habuerit, terminum cursorium significat, et usque in fontem mittit, et ipse fons trifinium facit", "Se unha pedra de término ten gravada unha ferradura, é unha pedra de término con símbolos, e sinala que hai unha fonte que forma un trifinium". O trifinium é o punto onde conflúen os términos de tres xurisdicións ou doutras divisións territoriais. En efecto, na Pena Muimenta, gravada cunha posible ferradura, converxen as parroquias de Bascuas, Gondar e Romeán. Non moi lonxe hai, ao menos, dúas fontes, se ben entra dentro do posible que houbera unha ou máis nas inmediacións do fito que foron destruídas pola canteira (ou as canteiras xa que hai unha a cada lado da estrada).

  

Pero, e se estiveramos diante da representación da pegada dun oso? Latinus Togatus di: "Terminus sive petra naturalis, si branca ursi habuerit, lucum significat", "Se nun fito divisorio ou nunha pedra natural se representara a pegada dun oso, significa (o comezo) dun bosque sagrado". A profesora de Arqueoloxía da Universidade Autónoma, Alicia Canto, estudou a coñecida como Piedra Escrita de Cenicientos, en Madrid, onde se ve, ademais dun relevo adicado á deusa Diana e unha parella que realiza un sacrificio na honra desta divindade, a pegada dun oso, moi semellante á de Bascuas. A nosa Pena da Muimenta, sinalaría a proximidade dun bosque sagrado, dun lucus?

 
 

     

BIBLIOGRAFÍA