* A pedra que dominaba o tempo

Hai cousas que sempre cres que estarán aí, que non van desaparecer. Visítalas un par de veces, e despois, ao longo dos anos, pasas moi preto delas pero non te achegas. Non é necesario, aí sigue, seguro. Dis para ti: "Esa si que ten sorte, eiquí nin plantacións forestais, nin traballos agrícolas... e ademais todo o monte pódese dicir que é BIC". Parece mentira, cos quilómetros que leva un sobre as costas e continúa a ser un inxenuo 

No Monte de Santa Mariña, no concello do Incio, atópase unha das necrópoles do Neolítico, declarada Ben de Interese Cultural (BIC), máis interesantes de Galicia, con arredor de medio cento de mámoas, moitas con cámara megalítica. No mesmo monte tamén podemos ver algunhas pedras con petroglifos.

 

Se os túmulos funerarios son os máis coñecidos, non o é tanto, ao menos para a xente foránea, a coñecida como A Pedra do Tempo.

 

Tratábase (si, en pasado) dunha gran lousa de pizarra, de máis de dous metros de alto, arredor da cal se practicaba un curioso ritual.

Segundo a tradición, adoitaba colocarse a enorme pedra en posición vertical cando se quería que deixara de chover e que saíra o sol (se chovía de máis podían perderse as colleitas). Ao pasar o verán ou en tempos de moita sequía, volvían a tumbala no chan para que a choiva caese de novo. Pero para que o ritual fora efectivo precisábase que para erguela participaran os veciños das cinco parroquias da contorna, isto é: Reboiro, Santa Cristina do Viso e Toldaos (O Incio), Teibilide (Samos) e Loureiro (Sarria).

A Pedra do Tempo situábase xunto a desaparecida ermida de Santa Mariña, documentada no século XVIII, e que actuaba como marco entre varias freguesías.

 

Lamentablemente, contáronme que hai uns sete ou oito anos o fito foi sacado do lugar orixinal por un desaprensivo de forma premeditada xa que non hai unha soa persoa nos arredores que descoñecera a tradición e o que a Pedra do Tempo representaba.

 

Na actualidade, parte do fito atópase, partido, na beira dun camiño, o resto, xunto coas pedras que o suxeitaban para mantelo en pé, debaixo das augas dunha pequena lagoa, no lugar onde se levantaba a capela.

 

Ao atoparse nun campo de mámoas, é posible que a Pedra do Tempo fora unha primitiva pedrafita, un menhir da mesma época que as mámoas. A propia ermida construiríase para cristianizar un sitio considerado como pagano. Non debemos esquecer que moitos monumentos megalíticos foron obxecto de culto moitos séculos despois, mesmo cando o cristianismo xa estaba instalado en Galicia, e a Igrexa, para acabar con esas prácticas, en vez de destruílos, erixiu ermidas, cruceiros e outros monumentos coa simboloxía cristiá. No presente caso, a pedrafita fixa da prehistoria pasaría logo a converterse nunha "pedrafita móbil". 

En Galicia coñezo outras dúas pedrafitas que cumprían unha función semellante: A Pedra da Touza e a Pedra do Touzo, na serra do Faro de Avión, que orixinariamente eran unha soa, e a Pedra do Chan do Marco, na Cañiza.

  
 

Imos tentar que a pedra que foi desprazada volva ao seu sitio. Aínda non sabemos como facer xa que dános que falar co Concello para que repare o dano vai ser como falarlle ao vento. Mais, por sorte, si sabemos que algúns veciños están polo labor.