* Os Vaos (Ribeira de Piquín): A igrexa das caliveras

A aldea dos Vaos (latín vadu), a uns 300 metros de altitude sobre o nivel do mar, é a cabeceira da parroquia de San Xoán dos Vaos, situada no sur-este do concello de Ribeira de Piquín, no límite co concello da Fonsagrada, a capital comarcal. A aldea levantouse sobre un pronunciadísimo meandro do río Rodil, tributario do Eo, que o arrodea por todas partes agás polo norte. A toponimia éche ben precisa.

Ademais das casas e outros edificios (entre eles un pombeiro), edificouse a igrexa, a reitoral e o cemiterio. Pero a orixe da poboación remóntase a un primitivo castro de forma tirando a ovalada que ocuparía unha extensión aproximada, en conxunto, duns 350 metros de longo por 265 metros na parte máis ancha. Na croa, duns 55 por 35 metros, é onde se edificou a igrexa, lugar elixido, quizais, para cristianizar un lugar considerado como pagano ou, porque non, porque era un sitio con prestixio.

O templo pertenceu á Orde de San Xoán de Malta, con centro en Portomarín, que administrou a parroquia ata o ano 1876. Nun dos libros de Fábrica, do ano 1652, menciónase a relación mediante a fórmula "jurisdicción hespiritual de la encomienda de Portomarín". No Diccionario de Pascual Madoz (Tomo III, 1847), ademais de sinalar que nos Vaos (Baos) vivían “tres vecinos y diecinueve almas” e tiña un clima temperado, “pero propenso a fiebres y pleuresías”, di que era padroado da Orde de San Xoán de Portomarín.

 

No muro sur da parroquial consérvase un reloxo de sol realizado en lousa en cuxa parte inferior lese: "SIENDO PRIOR DON FRANº BRº PASARIN Y QVINDOS Aº DE 1742", que pode se indicativo da condición de priorado da citada orde militar. Na parte superior lese: "LOMBARDERO", o mestre reloxeiro que o fixo. Malia iso, nos Interrogatorios do Castastro de Ensenada, referidos á freguesía de San Xoán dos Vaos, celebrados na Pobra do Burón o día un de maio de 1753, alúdese ao cura Francisco Bernardo Pasarín y Quindós como párroco, non como prior. Cómpre aclarar, entón, que o latín prior, -oris pode facer alusión, entre outras acepcións, a un superior dun convento ou o segundo despois do abade, pero tamén referido a un cura. Polo tanto, carécese (que eu saiba) de documentación para afirmar que no lugar houbo un priorado.


Pero o elemento máis chamativo e enigmático da igrexa atópase no interior do pórtico, no muro situado fronte a entrada, onde se abre unha ventá cunha cruz latina gravada en baixorrelevo na parte superior, e por riba, empotradas na parede, vense cinco caveiras humanas que conforman unha especie de triángulo isósceles. Ningún dos cranios conserva a maxila inferior. O primeiro que fixo un traballo sobre as caliveras de Os Vaos foi Francisco Abraira Pérez (Gallaecia, 2005: La muerte de cara y la cara de la muerte. Empotramiento y exposisión de cráneos humanos en tres recintos sagrados rurales de la provincia de Lugo. Análisis cultural). Di que as cinco caveiras miran cara a fachada da igrexa, coma se duns asistentes máis ás cerimonias relixiosas se tratase. En ningún momento reciben a luz directa, aumentando así a súa lúgubre apariencia. 


Pero, que representan? Nada se sabe, só conxecturas. Abraira, ademais das caliveras de San Xoán dos Vaos, fala doutras dúas, tamén sen a maxila inferior, situadas no interior das igrexas de Santa María de Conforto (A Pontenova) e Santa Comba de Órrea (Riotorto), esta última, segundo a tradición, pertencente a unha monxa que habitaría o cenobio bieito feminino, coñecido tamén como Mosteiro de Donas, citado no testamento de Urraca González no ano 1199 (segundo a documentación, no ano 1407 habitábanno “cinco biudas e tres leygas”. A derradeira noticia data do ano 1436).

Cando hai anos lin o traballo de Abraira chamoume a atención que non mencionara as caliveras da igrexa de San Salvador do Mao, no Incio, onde existe a tradición de que pertenceu a un mosteiro, pode que dúplice (habitado por monxes e monxas) ata a súa anexión a Samos por Vermudo II na última década da décima centuria. Nun muro que pecha o pouco común adro-cemiterio cuberto hai empotradas cinco caliveras, como as citadas anteriormente, sen a maxila inferior. Segundo me contaron uns veciños, pertenceron aos monxes ou monxas que habitaron o desaparecido cenobio. Nas inmediacións da igrexa aínda se conservan algúns restos de tumbas feitas con laxas.

 

A Rede está inzada de hipóteses e supostas verdades sobre o significado das caliveras. Eu non vou entrar en lucubracións indemostrables, pero serán ben recibidas as informacións (tamén entran tradicións e lendas) que poidan achegar algo de luz sobre os enigmáticos cranios empotrados nestas catro igrexas. O que si me vou permitir, por se é de interese para axudar a completar a historia da parroquial de San Xoán dos Vaos, é o de achegar algúns datos que fun recollendo cando buscaba documentación.

Ano 1753: Era párroco Francisco Bernardo Pasarín y Quindós (o que mandou facer o reloxo de sol).

Ano 1753: Nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada reflíctese que os fregueses pagaban tributo ao conde de Altamira. Tamén décimos ao párroco con “corderos, cabritos, cerdos, manteca...”. Na aldea había unha taberna rexentada por Pedro Gómez, e un estanco de tabaco ao pormenor a cargo de Pedro Conde. Non había conventos de relixiosos.

Ano 1850: No Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 16 de decembro anúncianse varias subastas de terreos correspondentes ao Igresario, destinados a labradío con varias árbores, dentro do cal se atopa a Casa Reitoral e “huerta adyacente” que se suprimen da subasta por deixarse reservadas ao cura prior (nótese que se cita de novo a dignidade de prior).

Ano 1878: O párroco era Antonio Fernández Fernández.

Ano 1879: Na noite do 24 ao 25 de outubro, roubaron na igrexa, levándose unha cruz, un copón antigo que debeu ter “algunas piedras preciosas”, unha patena e culleiriña, tres cálices sinxelos coas súas patenas e culleiriñas, un viril, a coroa dunha Virxe con pedras engastadas, un pendente e un rosario con contas de madeira. Todos de prata. Tamén levaron unha cadea de ouro, unha lámpada de metal, e en metálico 60 reás.

Ano 1887: O párroco recadou 7 pesetas e 50 céntimos para celebrar as “Bodas de oro de su Santidad”.

Ano 1891: O Bispado sube a dotación anual do párroco de 800 a 1.100 pesetas.

Ano 1898: O párroco recadou 6 pesetas e 50 céntimos para mercar unha lámpada votiva.

Anos 1898 e 1899: Celebrouse unha Santa Misión impartida por dous xesuítas que resultou “fructuosísima” xa que houbo “numerosas conversiones de pecadores que vivían alejados de los Santos Sacramentos y olvidados de su salvación, los matrimonios celebrados por otros no menos culpables, las reconciliaciones...”.

Ano 1914: O párroco era Serafín Arias López.

Ano 1923: Era párroco Baldomero Rodríguez Rodríguez, ao tempo activo integrante da Federación Católica Agraria.