* Paracostoira (Chantada), unha atalaia do Castro Candaz?

Paracostoira é unha aldea da parroquia de Santa Baia de Pedrafita, no concello de Chantada. Os monxes de Oseira tiveron eiquí unha Casa Priorado. Mercedes Vázquez Saavedra e Carmen Vázquez Pérez-Batallón, en Guía da Ribeira Sacra (2001), din que contaba con casa, tulla e capela.

 

Nun pergameo escrito en galego na "Era M CCC XIII et VIII dias andados doytubro" (ano 1275), Iohan Iohanes de Paracostoira e a sú amuller doan ao mosteiro de Santa María de Oseira a leira de Covelo, conservando os "frutus" (usufructos). A doazón foi outorgada ante Romeu Iohanes, notario xurado, por mandato de Ruy Pérez, notario.

Noutro documento en pergameo, tamén en galego, escrito na "Era M CCC X IIII et quot XII dias por andar de dezembro" (ano 1286), María Franca, xunto co seu marido Iohan Iohanis, venden ao mosteiro de Santa María de Oseira todo herdamento que posuía en Paracostoira.

Nunhas mandas testamentarias en galego do 3 de xuño de 1434, dadas en Paracostoira polo crego de San Xoán de Veiga, pide ser enterrado no cemiterio de Santa Baia de Pedrafita, legando ás igrexas de Veiga, Sabadelle e Arcos, e de seus criados, os irmáns Gómez e Fernando, entre outras, unhas herdades situadas en Barreiro e Casteda.

Nun documento en galego do 9 de agosto de 1439, "dom frey Johan, abade do mosteyro de Santa Maria d´Oseyra" afora a "Afonso Rodriges, et a vosa moller Tereija Rodriges, et a vos Gonçalvo, fillo de Roy Fernandes, da Pena Custoya... a que chaman das Castineyras, a montes e a fontes, con todas suas entradas et saydas et pertenças..." a tenencia da igrexa de Pedrafita polo pago do tercio e décimo de todo pan e gran, e outras prestacións.


Os Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de Pedrafita en marzo de 1753, na resposta á pregunta 39, confirman que aínda existía o priorado do Císter: "... en el referido termino no ay combentto alguno, si tan solamentte un Prioratto de la orden de nuestro Padre San Bernardo, anexo al Real Monastterio de Santta Maria de Osera".


A un quilómetro de Paracostoira, na aldea de Mosteiro, atópase a igrexa parroquial de Santa Baia, situada xunto o Pazo de Boán cuxos propietarios tiñan acceso directo ao templo a través dunha porta aberta nun muro, tapada na actualidade. Parece ser que eiquí non houbo ningún mosteiro, polo que é probable que reciba o nome pola existencia dunha granxa dependente de Oseira que rexentarían os monxes do priorado de Paracostoira.


A pouco máis de dous quilómetros en liña recta de Paracostoira, asulagado polo encoro de Belesar a principios dos anos sesenta do pasado séeculo XX, está o Castro Candaz que só se pode ver cando baixan as augas. Sitúase nunha pequena península delimitada polo río Miño e os seus afluentes os regueiros Enviande e Ponte da Lama.

Ao asentamento só se podía acceder polo oeste, apreciándose por esta parte varias zonas amesetadas cuxa disposición disque cumprirían unha función defensiva. No resto dos puntos, por estar arrodeado de auga, resultaba practicamente inaccesible. Aínda que nunca foi escavado, é probable que a súa orixe estea nun castro (que eu saiba, non apareceron restos deste período). E despois veu a lenda. Segundo as crónicas da Casa de Camba foi fundado por un cónsul romano, Lucio Cambero, que mesmo se enfrontu a dúas lexións romanas mandadas polo propio emperador Traxano. Pero sabido é que para lexitimar unha ascendencia de avoengo, na Idade Media os nobres inventan as súas árbores xenealóxicas, entroncándose con persoeiros de sona, fosen míticos ou reais. Ademais do citado Lucio Cambero, dise que outro propietario foi un descendente de aquel, un tal Lupo Cambero de Candaz, ao que o rei don Pelaio, pola axuda prestada na guerra contra os árabes, lle deu a torre de Arcos, tamén en Chantada. Ademais dos Camba, foi propiedade dos Taboada e dos Temes. Entre os séculos IX e XII, os normandos asolan as costas galegas. O mestre Manuel Formoso Lamas, autor de Apuntes para la historia de Chantada (1905), escribiu que durante a primeira vaga de invasións, os vikingos arrasan Chantada despois de traspasar a empalizada (plantata), e os nobres refúxianse no Castro Candaz, custodiados pola familia dos Eiriz ou Erice, ata que son liberados polo rei Ramiro I. 

Alancando no tempo chegamos á Gran Guerra Irmandiña, entre o 1467 e o 1469, en que o castelo foi derrubado (Preito Tabera-Fonseca: "... que sabe que la fortaleza de Castro de Candaz que fuera derrocada quel dicho rey la mandara derrocar por quexas y querellas que della le dieran..."), sendo logo reconstruído pola familia Taboada. Segundo me contou un veciño de Mosteiro no ano 2003, na cima había un túnel, tapado na actualidade, que ía dar ao río. O asentamento padeceu numerosas transformacións. Primeiro o posible castro, logo unha posible torre medieval da que aínda se conservaban (dícese) algúns restos a principios do século XX, máis adiante unha ermida testemuñada no ano 1474 (documento inédito dado a coñecer por Xosé Luis Díaz-Castroverde Lodeiro, gañador do premio de investigación do Condado de Pallares no ano 2010 con Morgados e xurisdicións na Terra e Condado de Taboada), despois viñeron as plantacións de viñedos e construcións relacionadas con estes, e por último o encoro que modificou e continúa a modificar a súa morfoloxía.

Verbo do vocábulo Plantata, de onde derivaría o nome de Chantada, xa figura en documentos do 1073 e 1185. Creo que eiquí nada ten que ver coa empalizada de Formoso Lamas, máis ben sería unha petra plantata que equivale a petra ficta, pedrafita ou menhir, ou a un miliario romano, se ben estes, si tiña inscrición, adoitaban denominarse como petra scripta.


Se non fora pola construción do encoro, o Candaz, como acontece coa maioría dos castros galegos, pasaría desapercibido; na provincia de Lugo, dos case 1.300 castros, os descoñecidos polo público seguro que supera o 99,9 por cento. Non hai moito, alguén o alcumou como a "Atlántida Galega" cando, xa postos a atopar algún paralelismo, en Galicia abondan as lendas referidas a cidades e vilas asulagadas, e non por un encoro artificial inaugurado hai catro días: Capara, nos Ancares; Valverde, en Cospeito; Alegrín, no Vicedo; Estebañón, en Viveiro; Boedo, en Guitiriz; Antioquía, na lagoa de Antela...

Vaiamos agora coa orixe do topónimo Paracostoira. Cítase como Petra Costoya no ano 1007, Petra Custodia no 1232, Pena Custoya no 1439, e máis adiante como Peracostoya e Peracustoya. Fr. Martín Sarmiento, na súa Viaxe (1745), ao falar do monte das Costoyas, "un alto monte sobre Combarro", relaciónao con custodias. Antonio López Ferreiro, na súa Historia... (1898-1911), cita un "montis de Custodis" no 1170. Elisa Ferreira Priegue, en Los caminos medievales de Galicia (1988), escribe que por veces Costoya coincide cun portádego, polo que tería a orixe nun porto de vixilancia do camiño; cita o topónimo Custodia nun documento do ano 1112. No culto católico, a Custodia é o templete ou trono, xeralmente de ouro ou prata, onde se coloca a hostia consagrada para adoración dos fieis. O etimólogo Nicandro Ares Vázquez, en Toponimia do concello de Chantada (2001), di que Paracostoira podería facer alusión a unha "Pedra de Garda" ou "Pedra Custodia". Fernando Cabeza Quiles, en Os nomes de lugar (1992), que faría alusión a unha pedra alta na cal se situaría un posto, garita ou fortificación de vixilancia ou custodia. En efecto, o latín custodia vén a significar custodia, garda, inspección, vixilancia, sentinela, gardián, porto de garda; tamén prisión, prisioeiro. Designaría, entón, un sitio elevado para custodiar, vixiar, observar (unha custodiaria) ou gardar algo dende onde, ademais, se divisa e controla un amplo territorio.

 

Polo dito, en Paracostoira ben puído existir unha construción de vixilancia ou garda relacionada coa fortificación medieval do Castro Candaz. Pero hai un pero que leva a preguntarme se o Castro Candaz é o mesmo que na actualidade ermerxe no encoro de Belesar. A uns 600 metros en liña recta do Candaz, tamén entre os ríos de Enviande, Ponte da Lama e o Miño, hai un outeiro, situado a unha altitude de 450 metros, que conserva o topónimo de O Castelo e cuxa cima presenta unha zona achairada de forma ovalada duns 50 por 35 metros. No ano 2003, a mesma persoa que me informou da cova do Candaz contoume que alá polos anos sesenta un avogado de Lugo atopou varias pezas metálicas, entre outras unha espada de ferro e un candil. Se temos en conta as dimensións das partes achairadas do Candaz e O Castelo, o primeiro só podería acoller unha pequena torre ou atalaia, "posiblemente vinculada a algún tipo de porto que atravesara o Miño no seu momento por esta banda", escribiu Manuel Gago Mariño no seu Capítulo Cero (2010), mentres que no segundo si puído existir un edificio defensivo de certa relevancia que chamara a atención dos Irmandiños.


Para rematar, aínda que nada ten que ver co tratado anteriormente, ademais dun priorado e unha posible torre de vixilancia, en Paracostoira viviu unha Espiritada. Nas V jornadas internacionais de História da psiquiatria e saúde mental, celebradas en Coimbra no 2014, Tatiana Busto et al., nunha súa ponencia, falan dunha Espiritada que houbo na aldea: "Hemos encontrado referencias a un caso en Paracostoira, Pedrafita (Chantada-Lugo). Según el novelista e investigador etnográfico Xosé Miranda, y citando con referencias orales de la zona, en esa localidad hubo una Espiritada, encamada durante 30 años sin comer, tenida por santa y adivinadora. No hemos logrado precisar más datos a día de hoy". Unha das Espiritadas máis famosas de Galicia foi a compostelá Josefa de la Torre que ao casarse foi vivir para Gonzar, no concello de O Pino. No ano 1806, ao cumprir trinta anos, tras un arrefriamento comezou a desconectar coa realidade o que a levou a encamar, rexeitando tanto alimentos como bebida. Avisado o arcebispo Rafael de Vélez polo cura da parroquia José Jacinto del Río, ordenou que a vixiaran durante varios días, comprobando que non probara bocado. Foi tal a sona do caso que mesmo interviu o reputado doutor José Varela de Montes, da Universidade de Santiago, confirmando o que era vox populi; no seu informe apuxo ese comportamento a que ao non consumir enerxía tampouco precisaba alimentarse. Tal foi o interese polo caso que ata o Exército enviou a Gonzar no ano 1838 a un capitán que confirmou que o corpo de Josefa non tiña nin unha engurra, e que só falaba co seu confesor e co arcebispo. A muller morreu aos 75 anos e foi enterrada baixo o altar da igrexa de Gonzar, pero sempre quedou a dúbida se era unha santa ou unha poseída. No ano 1925, outra Espiritada, Manuela Rodríguez Fraga, de Moeche, que levaba catro anos encamada sen comer, ao pouco de quedarse durmida comezaba a falar con acento cubano, dicindo cousas que amosaban grandes coñecementos en filosofía e en latín.