* Historia da ara de Sta. María do Condado (Padrenda)

Na igrexa parroquial de Santa María do Condado, no concello de Padrenda, hai unha ara romana de granito con tres molduras na parte superior coa epígrafe debaixo que foi reutilizada como pía de auga bendita agrandándolle o antigo focus. Se ben xa se sabía dela a principios do século XX, Bouza Brey, acompañado do seu irmán político (que sacou a foto), visitouna o 2 de outubro de 1942, publicándoa no número 25/26 do Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo no 1948, El ara de Santa María del Condado (Orense) y otra del Museo de Lugo. Leu: “SVLEN SAN(c)TV GAICIS FLAVSANVS FLAVSI V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)”, (“Ao sol santo Gaicis Flausano, fillo de Flauso, cumpriu de boa vontade este voto”). Mais, en estudos posteriores traduciu “Flavio Falus cumpriu libremente este voto a Suleae Nantugaicae” lectura de Bouza coido importante facer un par de achegas. A Raúl Villanueva fáiselle raro ese “FLAVSI” xa que o nexo “AV”, di, ou é V ou é S. José María Bello Diéguez propón, entón:FLAVIN / VS FLAV(i filivs?) / V.S.L.M”). Tranoy, a partires da súa comparación coa deusa britana Sulis que era adorada no santuario termal de Bath (Avon), coas Matres Suleuiae e, por outra banda, tendo en conta que o radical Nantu- vincúlase ás fontes, estableceu que estas deusas serían as protectoras dalgunhas fontes e mananciais.

 

Levaba anos querendo fotografar a ara pero sempre atopaba pechada a igrexa, por máis que buscaba unha foto actual todos os traballos inserían a imaxe da publicación citada máis arriba. A mediados de decembro de 2022, grazas a amabilidade do párroco e do sacristán, conseguín vela.


Pouco despois de colgala no facebook, Perfecto Ramos contoume a historia do traslado da ara para a igrexa de Santa María do Condado, unha historia descoñecida que lle agradezo me achegara e permitirme reproducila no meu blog. Eiquí a deixo: 

Alégrome que conseguiras contemplar esta ara, pero hai unha cousa importante que aclarar sobre a súa historia. Bouza Brei e o seu cuñado estiveron de conversa cun veciño que andaba a traballar nunha veigha a carón da igrexa e fixéronlle o comentario do importante que era aquela "pedra" pero posiblemente pensando que o tal home non tería moita idea de obras romanas, sacaron fotos, tomaron notas, pero non lle fixeron preguntas sobre ela. El como persoa educada non se quixo entrometer nos asuntos que persoas que parecían tan importantes traerían entre mans, e se non lle preguntaron nada lle dixo. Por ser o traballo de Bouza Brey o mais coñecido sobre esta ara, por esta circunstancia quedou instucionalizado un relato sobre a súa historia que non corresponde coa realidade.


Seguindo o meu comentario anterior aproveitando a túa publicación sobre esta ARA, vouvos relatar, e é a primeira vez que o fago público, o ocurrido na igrexa de Santa María do Condado o día 6 de outubro de 1942. Quen andaba a traballar onda a igrexa era un tio-avó meu chamado Eloi Vázquez (non sei se foi el o que lle abriu a porta da igrexa ou estaba aberta). Chegaron para vela Bouza Brey e o seu cuñado Waldo Leirós Freire. O meu tío-avó díxolle: "veñen ver a igrexa? é unha igrexa moi antiga". Respóndeulle Bouza Brei: "Pois sí, a igrexa é interesante pero o máis importante que teñen aquí é esta pedra". O meu tío-avó escoitou o que Bouza Brey lle díxo, deixounos traballar e el seguiu coa súa faena. Cando chegou á casa contou o que lle acontecera cos ilustres visitantes. Pregúntalle a súa muller: "E non lle dixeches de onde viñera a pedra?”, “Pois non, porque non me preguntaron”.

   

Resultado: Bouza Brey fixo o seu traballo e publicouno con unha historia errada. A ARA chegou ó Condado levada por outro tío-avó meu (Manuel Vázquez) e irmán do Eloi que foi abade de Xunqueira de Ambía, Escuadro, Maceda e Santa María de Melias. Dun destes lugares, onde as aras son tan abondosas que andan metidas polos balados, colleuna e levouna para a igrexa da súa parroquia de orixe para darlle uso como pía de auga bendita. É unha bonita e interesante historia que me foi relatada por unha das fillas do Eloi que estaba presente cando seu pai chegou á casa a contar o encontro que tivera con dous visitantes que el non sabía, nin nunca soubo que eran. Esta historia fun coñecedor dela sin saber que podían ser os personaxes visitantes, cousa que descubrín cando localicei o traballo de Bouza Brey e vin que os dous relatos eran totalmente coincidentes. Que importante é a transmisión oral da historia para descubrir enigmas que non teñen explicación nos documentos!”.