* A estela-menhir de Troitosende (A Baña)

Atopada na Eira de Vilacoba, parroquia de Troitosende (A Baña), a principios do século XX. Pablo Sanmartín, do Colectivo A Rula, achegoume que o seu descubridor foi don Óscar Lojo Batalla (1873-1963), afeccioado á arqueoloxía e alcalde de Ames durante a Segunda República, sobriño do investigador don Casto Sampedro Folgar (1848-1937). Descubridor tamén, entre outros, dos petroglifos da Peneda Negra (Ames) e Correxíns (Santiago).  Mide 142 cm de alto e 40 cm de ancho máximo. Está decorada por unha soa cara. No extremo superior presenta unha forma discoidea, onde se representan a cabeza, os ollos, o nariz e a boca. Na parte que se correspondería co corpo vese unha aspa entre dúas barras horizontais. Non posúe inscrición. Crese que puido estar fincada no chan, de aí que se considere unha estela-pedrafita.


Non existe consenso canto á súa adscrición cronolóxica. Cabré Aguiló, no 1915, e Breuil, no 1935, considérana como unha escultura humana de época neolítica. Octobón, no 1931, sitúaa no Calcolítico. López Cuevillas deulle unha cronoloxía posterior. Anati, no 1966, adscribiuna á Idade do Bronce. No ano 2001, J. L. Maya González e Ramón Álvarez, no seu traballo La estatua-pilar de Santa María de Tarañes (Ponga-Asturias) y su relación con la de Troitosende, dátana en época tardorromana ou alto-medieval.

Nas fotos dos primeiros anos do século XX obsérvase que lle faltaba un anaco da parte superior; en fotos posteriores (de Serrano Lozano ou Thomas Schattner) aparece reconstruída. Atópase no Museo de Pontevedra, se ben non está exposta.