* Círculos prehistóricos no Corgo e Castroverde

O día 10 de xaneiro de 2023, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a existencia dunha estrutura circular situada no monte das Cabanas, na parroquia de Maceda, concello de O Corgo. Trátase dun círculo perfecto de 75 metros de diámetro que apenas sobresae 20 centímetros do chan e que, debido a estar moi colmatado pola acumulación de materia vexetal (atópase entre pinos e rebolas), apenas é perceptible a simple vista. Algúns investigadores comparan estes círculos cos "henge" das Illas Británicas.

O primeiro documentado en Galicia foi o famoso da Roda de Barreiros onde xa se efectuou algunha intervención onde, como resultado das análises radiocarbónicas, fixouse o momento da súa construción no Bronce Medio (séculos XVII e XVI a.C.). Nos últimos anos están a documentarse en Galicia varios destes enigmáticos círculos (ata o momento detectáronse pouco máis de medio cento). Polo de agora descoñecese cal sería a súa función pero pode que estean vencellados a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario, ou que se trate de lugares onde as sociedades prehistóricas se xuntaban para facer reunións de tipo político, social ou relixioso.  

O día 24 de xaneiro de 2023, dende Patrimonio da Xunta de Galicia comunicáronnos que, unha vez visitado o lugar polos seus arqueólogos, comprobaron, en efecto, que se trata dun elemento arqueolóxico circular polo que redactaron unha ficha do rexistro de xacementos, sendo catalogado co código GA27014070. Esta estrutura de O Corgo é unha das poucas catalogadas ata o momento en Galicia.

 

Por outra parte, tamén lle comunicamos a Patrimonio outro círculo de características semellantes no concello de Castroverde, que localizou a asociación de recreación histórica do Arde Lucus, Tir n´a Nog, e que os do Colectivo Patrimonio dos Ancares visitamos a petición súa. Atópase no monte da Zarra, en Pereira, parroquia de Furís. Trátase, coma o do Corgo, dun círculo perfecto duns 100 metros de diámetro que apenas se percibe a simple vista, pero si nas fotos do voo americano dos anos 1956-57. Apenas levanta do chan 10 centímetros. 

Estes xacementos, que ata non hai moito tempo tiñánse como castros, poden considerarse como excepcionais se temos en conta que fóra das Illas Británicas, que saibamos, non se tiñan localizadas este tipo de estruturas polo que consideramos a necesidade da realización de estudos e escavacións que permitan despexar os enigmas que plantexan estas sorprendentes estruturas que poden achegar novas informacións sobre a prehistoria de Galicia. Ademais, é moi posible que varios castros, catalogados como tal, non o sexan e se trate de círculos cunha cronoloxía anterior.