* Agresión a unhas mámoas no Corgo

O día 11 de outubro de 2021 denunciamos ante o Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a recente destrución dunha mámoa e a agresión a outra situada na parroquia de Gomeán. Estes enterramentos foron documentados polo Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 15 de outubro de 2019, e comunicados ao día seguinte a Patrimonio para que procederan á súa catalogación. O día 18 de decembro de 2019, dende Patrimonio comunicáronnos que, despois da visita efectuada polos seus arqueólogos, que comprobaron que se trataba duns enterramentos prehistóricos, quedaban catalogados cos nomes de Túmulos 1 e 2 de Valverde-Coto de Matafaxín, incluíndose no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, pasando a gozar de protección legal. 

Unha das mámoas, duns 18 metros de diámetro, foi practicamente arrasada por maquinaria pesada, producíndolle enormes sucos que ocasionaron que perdera case toda a masa tumular. A outra, duns 17 metros de diámetro, tamén sufriu o paso da máquina, producíndolle profundas fendas coas rodas. 


Dende Patrimonio dos Ancares solicitamos á Xunta de Galicia que, en cumprimento da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, abrira inmediatamente o preceptivo expediente sancionador por falta moi grave no primeiro caso, e grave no segundo. Tamén lle pedimos que nos informaran se para a área de cautela se solicitou o obrigado permiso para efectuar traballos de remoción de terras. Urxíndo unha rápida inspección xa que a roturación do terreo realizouse, sen dúbida, para algún tipo de plantación o que podería agravar, máis se cabe, o lugar onde se atopan o que ocasionaría, para empeorar o xa irreemprazable, facerse con outro tipo de información arqueolóxica.