* Un dolmen con gravados en Friol

Recentemente, foinos posible localizar uns gravados dos que só tiñamos confusas referencias nun dos esteos dun dolmen da parroquia de Miraz, en Friol.

 

A necrópole megalítica do monte Vilaldar, catalogada por Patrimonio, está formada por seis enterramentos, todos con cráter de violación. A medoña número 4 (código no catálogo GA27020231) é a máis grande do cemiterio megalítico, ten unhas medidas aproximadas de 30 metros de diámetro e unha altura duns 2 metros. Ten un cráter de violacións de 1 por 15 metros. Sobre o túmulo hai varias pedras que formaban parte da coiraza. Segundo nos contou Carlos Pena, hai uns cincuenta anos a cámara conservábase completa, incluída a tampa cobertoira, ata que as súas pedras foron levadas para ser reutilizadas noutras construcións.

 

Unha vez percorrida a mámoa, obsérvase que conserva algúns esteos do dolmen, a maioría partidos, e tres deles, aparentemente, na súa posición orixinal. Posuía un corredor bastante desenvolvido, manténdose en pé o chanto que pechaba o acceso.

No único esteo completo, pola parte exterior, vense dúas marcas de cuñas cando quixeron partilo. Polo interior, na parte baixa, distínguense varias gravuras formadas por ondulados e outras, menos marcadas, de difícil interpretación. Este tipo de motivos adoitan interpretarse como ondas de auga ou serpes, as últimas relacionadas coa fertilidade e tamén coa inmortalidade.

 
 

Cinco das mámoas atópanse a carón do Camiño do Norte a Santiago de Compostela. Por iso, o día 2 de maio enviámoslle unha carta ao alcalde para que o Concello proceda á súa limpeza e as sinalice xa que esta actuación tan sinxela e barata lle vai proporcionar ao camiño e á zona un valor engadido.

Por outra parte, tamén nos diriximos a Patrimonio da Xunta de Galicia para que inicie o expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) xa que ao ter gravados, tal como sinala a Lei do Patrimonio Cultural, debe gozar da máxima protección.

O día 23 de maio recibimos unha carta de Patrimonio en Lugo informándonos que os técnicos xa visitaron o sitio. Enviáronlle un informe á Subdirección Xeral de Conservción e Restauración de Bens Culturais en Santiago para que dispoñan de información actualizada sobre o estado do xacemento e, no seu caso, determine a posibilidade de realizar algunha intervención neste ben patrimonial.